|
 |
| 30/06/2008 |
 |
Acción Exterior
Oficina da Xunta en Bruxelas
O secretario xeral de Relacións
Exteriores da Xunta, Julio C. Fernández Mato, explicou no Parlamento galego a proposta de abrir unha nova
delegación exterior da Xunta en Bruxelas, tralas aperturas xa realizadas en Bos Aires e Montevideo. A delegación
da capital europea dedicaríase a tarefas administrativas e políticas vinculadas coas institucións
europeas, así como a actividades de complementariedade coa Fundación Galicia Europa. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Referencia mundial para a arbitraxe
Domingo Bello Janeiro, catedrático
de Dereito Civil da Universidade de A Coruña, informou que Galicia podería converterse nun referente
mundial na área da mediación e da arbitraxe de litixios internacionais, especialmente na área
latinoamericana. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 29/06/2008 |
 |
Galicia
O IGADI impulsa ORBALIA
O Colexio Profesional de Xornalistas de
Galicia (CPXG) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) están
a promover unha Rede Galega de Xornalistas para a Información Internacional (ORBALIA), que se dirixirá
a aquelas persoas que, dende o xornalismo, estean interesadas na actualidade e na análise internacional. (Fonte: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia).
 |
| 28/06/2008 |
 |
Venezuela
Temor pola inseguridade
Son cada vez maiores as testemuñas
de galegos emigrantes e os seus descendentes pola vaga de inseguridade cidadá existente no país caribeño
e sudamericano. Diversos emigrantes galegos que posúen propiedades inmobiliarias e comerciais aducen tamén
o temor á posibilidade de expropiacións por parte das autoridades oficiais, ou ben a compra desas
propiedades a baixo prezo que non se corresponden coa dinámica do mercado actual. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Retorna misión lucense de China
A Cámara de Comercio de Lugo amosou
a súa satisfacción pola misión cultural e comercial realizada a China, impulsada polo irmanamento
das murallas de Lugo coa chinesa. Pola súa banda, o BNG solicitou ao alcalde lucense unha aclaratoria sobre
o gasto realizado nesta viaxe institucional.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 27/06/2008 |
 |
Galicia
Congreso sobre o Xacobeo
Lugo acolleu un congreso de estudosos
sobre as peregrinacións a Santiago de Compostela na Idade Media, na que participaron expertos de Portugal,
Alemaña e Inglaterra. O evento foi organizado pola Organización Supranacional de Pemes do Eixo Atlántico. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 26/06/2008 |
 |
Unión Europea-Galicia
A Xunta na AECT
O Consello de Ministros autorizou a participación
da Xunta de Galicia na Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal.
Esta AECT, unha das primeiras en formarse no seo na UE, terá a súa sede en Vigo. (Fonte: La Voz de Galicia).
Venezuela
Axudas para os galegos expropiados
O ministro de Asuntos Exteriores, Miguel
Angel Moratinos, anunciou a apertura dunha serie de axudas en asistencia xurídica para os emigrantes galegos
e españois presuntamente afectados polas expropiacións de terras en varios estados venezolanos. Moratinos
realizou este anunciou durante unha comparecencia parlamentaria, na que o PP exhortou ao goberno español
a amosar oficialmente a súa preocupación polo que consideran unha “invasión de propiedades
por parte do presidente Hugo Chavez”. Pola súa banda, un grupo de emigrantes galegos e españois en
Venezuela solicitaron unha audiencia con Moratinos para premer ante o agravamento dos problemas coas súas
propiedades, terras invadidas, intervidas e confiscadas, así como polo auxe da inseguridade cidadá
e dos secuestros contra emigrantes españois, como é actualmente o caso do galego Raimundo Reinoso,
en paradoiro descoñecido desde febreiro pasado. Este grupo de emigrantes valoraron as perdas das súas
propiedades en dous millóns de euros.
(Fonte: La Voz de Galicia e Faro de Vigo).
Portugal
O trazo definitivo do AVE Vigo-Porto
O Presidente do Eixo Atlántico,
Luís Filipe Menezes, enviou unha carta ao Primeiro Ministro portugués, José Sócrates,
solicitando unha entrevista urxente para verificar o trazado definitivo e o prazo de execución da liña
de alta velocidade Ferrol-Lisboa, especialmente no marco do AVE Vigo-Porto. (Fonte: xornal.com).
 |
| 25/06/2008 |
 |
Diáspora
“Volver a casa” dende Brasil
Vintedous emigrantes galegos residentes
en Brasil chegaron a Santiago como parte do programa “Volver a casa”, levado a cabo pola secretaria xeral de Emigración
da Xunta, e que permitirá visitar Galicia a 230 emigrantes galegos en América Latina. A Xunta sufraga
o 60% do custe da pasaxe dende os países de residencia dos emigrantes galegos, salvo no caso de Cuba, onde
a Xunta asume o 80% do custe. (Fonte: La
Voz de Galicia).
Galicia
Oleiros co Che Guevara
O concello coruñés de Oleiros
inaugurará unha estatua de oito metros en honor ao guerrilleiro arxentino Ernesto “Che” Guevara, coa presenza
do seu fillo Camilo Guevara. A inauguración da estatua coincidirá coa presenza de diversos colectivos
sociais simpatizantes co seu ideario, así como de diversos movementos civís contrarios á colocación
da estatua. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Pesca
Falta de axudas europeas
A pesar da falta de concreción
de axudas por parte do Consello de Ministros de Pesca da UE, reunido en Luxemburgo, a flota galega que permanece
amarrada desde o 30 de maio polo aumento dos prezos do petróleo, finalmente decidiu recomezar as súas
actividades marítimas, trala decisión tomada en Madrid pola patronal pesqueira Cepesca. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 24/06/2008 |
 |
Polonia
Caixanova deseña programa financeiro
A Escola de Negocios de Caixanova, en
colaboración coa Universidade Económica de Poznan, deseñou e organizou un programa nesta cidade
polaca sobre estratexias de acceso ao mercado do Leste de Europa. O programa incluíu a visita a multinacionais
como Nickel Technology, WIX-Filtron e Kompania Piwowarska.
(Fonte: xornal.com).
Uruguai
Blusens centra a súa expansión
A multinacional tecnolóxica galega
Blusens Corporation anunciou a apertura da súa filial en Uruguai como ponte de avanzada da súa expansión
por América do Sur, especialmente Arxentina, Brasil, Chile, Uruguai e Paraguai. Outros países como
México e Costa Rica tamén están no centro do seu interese. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 23/06/2008 |
 |
Unión Europea-Pesca
Semana decisiva para a pesca galega
Mentres diversos colectivos galegos, reunidos
na Plataforma en Defensa do Sector Pesqueiro, manifestanse ante a Xunta para pedir solucións urxentes para
o sector ante o alza de combustibles, en Bruxelas celebrase un Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da
UE, onde o comisario Joe Borg, presentará un plan destinado a minimizar o impacto dos altos prezos dos combustibles,
especialmente ante as demandas de España, Francia, Portugal e Italia. (Fonte: Galicia Hoxe).
 |
| 22/06/2008 |
 |
Brasil
Éxito do encontro audiovisual
Como de positivo foi cualificado o II
Encontro Audiovisual Galicia-Brasil realizado en A Coruña a mediados de xuño, organizado pola secretaria
xeral de Comunicación, o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Agência Nacional do Cinema do Brasil
(ANCINE) e o Programa Cinema de Brasil. En total participaron 9 produtoras brasileiras e 18 galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Case 100.000 inmigrantes
Os últimos datos do Instituto Nacional
de Estatística (INE) consideran que, nas catro provincias galegas, habitan un total de 95.122 estranxeiros,
engadindo 13.680 estranxeiros ao seu padrón, un aumento do 16,8% con respecto ao 2007. As análises
estatísticas desvelan que, grazas a este aumento, logrouse equilibrar a balanza demográfica na nosa
Comunidade. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 21/06/2008 |
 |
Venezuela
Farruco Sesto a Vivenda
O arquitecto Francisco “Farruco” Sesto,
nado en Vigo en 1943 e emigrante a Venezuela a partir de 1962, ministro de Cultura do goberno de Hugo Chávez
desde 2004, foi substituído nesta carteira ministerial para pasar a ocupar o ministerio de Vivenda. Farruco
amplía así a súa importante traxectoria política e social dentro do ámbito do
goberno bolivariano. (Fonte: Vieiros).
Galicia
Verán para 9.000 nenos saharauís
Enmarcado dentro do programa “Vacacións
en Paz” que desde hai 22 anos lévase a cabo en Galicia a través de ONGs e entidades solidarias coa
causa saharauí, un total de 9.000 nenos dos campos de refuxiados de Tinduf (Alxeria) pasarán as súas
vacacións convivindo con familias galegas durante os meses de xullo e agosto. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 20/06/2008 |
 |
Venezuela
Aprobada cooperación sanitaria
A secretaría xeral de Emigración
cooperará coa Fundación España Salud para mellorar a atención dos emigrantes galegos
residentes en Venezuela. A Xunta outorgará 1,25 millóns de euros para 2008 e 2009, que beneficiarán
en materias como pensións, protección social e axudas por incapacidade. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Portadeza amplía os seus mercados
A empresa de materiais industriais Portadeza,
radicada en Lalín, aspira a incrementar as súas exportacións para o período 2008-2011
nun 45%, orientando os seus obxectivos cara EEUU, Rusia, Gran Bretaña, Europa do Leste, Oriente Próximo
e América Latina. (Fonte: El Correo
Gallego).
Diáspora
PPdG e BNG impulsan a reforma do voto
Ante a perspectiva de convocar eleccións
autonómicas no 2009 sen que entre en vigor o voto en urna para os 326.000 galegos residentes no estranxeiro
con potestade legal para votar, o BNG e o PPdG coinciden na necesidade de premer ao PSOE e ao goberno de Zapatero
para que tome dunha vez a iniciativa e promova unha “reforma puntual” da lei electoral, co fin de preservar unha
depuración e limpeza no sufraxio exterior, que representa un 12% do censo electoral galego. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 19/06/2008 |
 |
Inmigración
Rexeite ao plan de retorno
O Foro Galego de Inmigración, integrado
por varias asociacións e entidades que traballan con estranxeiros residentes en Galicia, manifestou a súa
frontal oposición ao plan de retorno voluntario dos inmigrantes, anunciado polo goberno central. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Integración idiomática
Un grupo de inmigrantes marroquís
e chineses participaron nun curso de castelán en Cuntis propiciado polo concello e outras asociacións
para fomentar a integración laboral e social entre as persoas con dificultades de comunicación oral
e escrita. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Aumento das exportacións galegas
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, asegurou que Galicia aumentou nun 45% o número total de exportacións nos últimos
tres anos, constituíndo “un incremento de 14.000 millóns de euros” fronte aos 10.000 millóns
de euros de 2005. Touriño salientou cómo este crecemento económico galego produciuse “en plena
dificultade e desaceleración económica”.
(Fonte: El Correo Gallego).
EEUU
Misión comercial ferrolán
A Cámara de Comercio de Ferrol
organizará para finais de xuño e mediados de xullo unha viaxe a Oregón (EEUU), a fin de propiciar
encontros de cooperación empresarial, especialmente no sector dos viveiros e as súas técnicas
de cultivo. (Fonte: La Voz de Galicia).
Venezuela
O PPdG pide seguridade
Os deputados do PPdG, Celso Delgado e
Jesús Vázquez, anunciaron en Ourense que presentaron unha iniciativa no Congreso dos Deputados para
denunciar a inseguridade cidadá que se vive en Venezuela e que afecta aos emigrantes galegos e españois
alí residentes. O caso dos dous emigrantes ourensáns, Francisco Caldas e Francisco Pereiro, recentemente
asasinados Venezuela, motivou esta acción.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Recoñecemento ao galego
O Comité das Rexións da
UE aprobou en Bruxelas un ditame para o fomento da aprendizaxe, uso e coñecemento de linguas no ámbito
europeo que recolle a “sensibilidade” de Galicia neste ámbito, tras aceptar as emendas propostas pola Xunta,
a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O secretario xeral de Relacións
Exteriores, Julio Fernández Mato, foi o encargado de defender as propostas galegas durante o pleno do Comité,
onde se puxo en valor a relevancia que teñen para Galicia as políticas deseñadas desde Bruxelas
para “promover o multilingüismo”, ao posuír a nosa Comunidade dúas linguas oficiais. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 18/06/2008 |
 |
Galicia
Licitación enerxética europea
Grupos xaponeses, italianos, chineses,
estadounidenses, franceses e británicos puxarán no maior concurso eólico aberto de toda Europa,
onde estarán en xogo os 2.235 megavatios existentes actualmente en Galicia, equivalente a un 50% dos parques
eólicos adxudicados na nosa Comunidade desde 1995. A consellería de Industria da Xunta será
a encargada de recibir as peticións.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Unha ollada ao Magreb
Diversos artistas magrebís participarán
entre xullo e setembro na Bienal de Pontevedra dedicada ao Magreb. Nas charlas participarán asesores da
Bienal como Rachida Triki (de Tunicia), Mojamed Djehiche (asesor para Alxer), Albdelkrim Ouazzani, comisario da
mostra, e Mohamed Metalsi, do Instituto do Mundo Árabe de París, que disertará sobre a proxección
do arte do Magreb. (Fonte: La Voz de Galicia).
Venezuela
Moratinos e a inseguridade cidadá
A visita a Caracas do ministro de Asuntos
Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, colocou sobre a mesa a alarmante situación da
inseguridade pública no país andino e os temores da colectividade galega por mor dos recentes asasinatos
de Francisco Caldas e Francisco Pereiro Liz.
(Fonte: La Voz de Galicia).
China
Visita institucional lucense
O consello económico e social do
concello de Lugo afinou os detalles para a visita institucional a China, liderada polo alcalde López Orozco,
á fronte dunha delegación de 23 persoas que se achegarán ás cidades de Xangai, Beijing
e Quinhuangdao. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Pesca
Lista a Axencia Comunitaria de Pesca
de Vigo
Un total de 39 funcionarios de quince
nacionalidades traballarán na Axencia Comunitaria para o Control da Pesca, que comezará a funcionar
en Vigo a partir do próximo 1 de xullo. A eles incorporaranse 16 persoas máis a finais de 2008. Por
nacionalidades, os funcionarios proveñen de Bélxica, Alemaña, Italia, Francia, Portugal, España,
Italia, Irlanda, Estonia, Suecia, Dinamarca, Lituania, Grecia, Gran Bretaña, Holanda e Bulgaria. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 17/06/2008 |
 |
Portugal
As vantaxes do AVE Vigo-Porto
O responsable da Comisión para
o Desenvolvemento do Norte de Portugal (CCDRN), Carlos Lage, confiou na prioridade política do goberno do
primeiro ministro portugués José Sócrates, no remate do AVE Vigo-Porto para o 2013. Un estudo
de universidades portuguesas considerou que este tramo viario xerará beneficios por valor de 613 millóns
de euros e 20.000 postos de traballo nos concellos do norte de Portugal, así como un incremento de 5.000
millóns de euros na economía portuguesa en xeral.
(Fonte: El Correo Gallego).
México
Interese enerxético galego
No marco da Semana de Galicia en México,
evento a celebrarse entre o 20 e 25 de outubro de 2008, diversas empresas enerxéticas galegas amosaron o
seu interese en participar no Programa Sectorial de Enerxía de México 2007-2013, tras reunirse en
A Coruña co director de Argos Consulting Network Mexico, Agustín Domínguez. A participación
galega no evento neste país latinoamericano estará organizada polas respectivas Cámaras de
Comercio, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a consellería de Economía da Xunta
e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
(Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Piden revisar a lexislación electoral
O PSdG e o BNG acordaron, co voto en contra
do PPdG, instar á Xunta a fomentar a reforma da lexislación electoral galega antes das próximas
eleccións autonómicas, previstas para marzo de 2009, a fin de garantir que o escrutinio do voto exterior
se reduza aos tres días posteriores á data de celebración dos comicios, fronte aos sete que
recolle a actual normativa aprobada por populares e socialistas no ano 2004. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 16/06/2008 |
 |
Venezuela
Outro galego asasinado
Francisco Pereiro Liz, ourensán
de 65 anos afincado no estado noroccidental de Lara, foi asasinado o pasado 5 de marzo. Industrial cafeteiro e
gran mestre da Gran Loxia Masónica de Venezuela, as circunstancias do seu asasinato aínda non están
esclarecidas. A vaga de criminalidade en Venezuela está provocando unha gran preocupación entre a
comunidade emigrante galega, que sufriu catro secuestros e un asasinato (Francisco Caldas Fernández) no
que vai de 2008. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Congreso irlandés
A Universidade de A Coruña celebrou
o Congreso “The Rocky Road to Ireland. Irish Studies in the wake of the Tiger”, organizado pola Asociación
Española de Estudios Irlandeses e o Instituto Amergin. Neste congreso colaboraron dende Irlanda os profesores
Douglas Dunn, Medbh McGuckian, Ciaran Carson e Bernard O´Donoghue.
(Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Podería non haber voto en urna
nos próximos comicios autonómicos
Diversos representantes políticos
galegos amosaron que será difícil concretar a reforma legal do voto emigrante impulsada polo Parlamento
galego, para que os 326.000 galegos residentes no estranxeiro (un 12% do censo electoral) poidan votar en urna
nas eleccións autonómicas de marzo de 2009. Así, para estes comicios, o cuestionado voto por
correo seguirá sendo o principal mecanismo de votación.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Inmigrantes para oficios con menor demanda
Entre 2002 e 2006, Galicia ocupou a un
número considerable de traballadores inmigrantes en oficios de escasa demanda no mercado laboral, especialmente
nos sectores pesqueiro e marítimo. A hostalería e o servizo doméstico tamén ocupan
espazos relevantes. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 15/06/2008 |
 |
Unión Europea-Galicia
56 millóns de euros a repartir
Segundo o delegado da Xunta, Manuel Ameijeiras,
casi 56 millóns de euros serán outorgados a 190 concellos galegos a través dos Fondos Europeos
para o Desenvolvemento Rexional (FEDER), mediante 15 proxectos que serán financiados nun 70% pola UE e o
resto polas entidades públicas. Estes proxectos están dirixidos ao desenvolvemento económico,
o fomento da sociedade de información e as novas tecnoloxías, a protección medioambiental
e do patrimonio cultural e a cohesión familiar e social, entre outros. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Repotenciar Galeusca
A formación creada no 2004 entre
o BNG, CiU, e EAJ-PNV para formalizar unha candidatura unida no Parlamento europeo, podería volver a concretarse
de cara aos vindeiros comicios europeos, previstos para o 2009, segundo manifestou o voceiro nacional do BNG, Anxo
Quintana. (Fonte: Vieiros).
Solidariedade
Cara unha maior implicación local
Xosé María Torres, presidente
da Coordinadora Galega de ONGDs, asegurou que este organismo apostará pola implicación dos técnicos
e gobernos dos concellos galegos para impulsar a súa cooperación internacional. Torres argumentou
da necesidade dunha maior implicación da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e
de outorgar maior capacidade financeira ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Colaboración galega cos desaparecidos
Un Equipo Arxentino de Antropoloxía
Forense (EAAF) estará en Galicia, concretamente en Vigo e Santiago, para realizar diversas análises
de sangue dos familiares das persoas desaparecidas por razóns políticas durante a ditadura militar
entre 1976 e 1983. O presidente deste equipo, Luis Fondebrider, explicará aos galegos e inmigrantes arxentinos
na nosa Comunidade os procedementos forenses para identificar a 600 cadáveres exhumados na Arxentina. Neste
sentido, Fondebrider considerou que dos 76 españois desaparecidos durante a ditadura militar, un total de
18 eran galegos orixinarios. A EAAF, con Fondebrider á cabeza, foi a encargada de identificar os restos
do Che Guevara en Bolivia. (Fonte: El Correo
Gallego e xornal.com).
 |
| 14/06/2008 |
 |
Galicia
Temor polo asasinato en Venezuela
O alcalde da localidade ourensán
de Muíños, Plácido Álvarez, expresou a consternación dos veciños deste
pobo polo asasinato en Caracas do emigrante Francisco Caldas, de 59 anos. O alcalde Álvarez comentou que
existe unha “psicose de medo” entre os emigrantes galegos neste país, pola vaga de inseguridade pública
e o aumento da criminalidade. (Fonte: El
Correo Gallego).
Galicia
Inspección laboral galaico-portuguesa
Inspectores de traballo galegos e portugueses
colaboraron en Vigo no control e aplicación da lexislación laboral. Co aval da consellería
de Traballo da Xunta e autoridades do Norte de Portugal, as inspeccións realizáronse no polígono
industrial vigués de Navia, que acolle un gran volume de traballadores portugueses. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Solucións para o sector pesqueiro
O secretario xeral de Relacións
Exteriores, Julio Fernández Mato, participou en representación do presidente da Xunta na asemblea
xeral da Comisión do Arco Atlántico, que integra un total de 30 rexións de Europa con fachada
atlántica, promovendo unha moción dirixida ás autoridades europeas co fin de que Bruxelas
tome medidas para paliar a situación que sofre o sector pesqueiro atlántico ante o prezo á
alza do combustible. Este texto foi promovido dende a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, posto
que Galicia lidera o Grupo Pesca da Comisión do Arco Atlántico, un dos seis grupos de traballo nos
que se subdivide este organismo. (Fonte:
xornal.com).
Cuba
BNG pide fin das sancións
O voceiro do Grupo Parlamentar do BNG,
Carlos Aymerich, ven de rexistrar una iniciativa na que pide o levantamento das sancións económicas
e políticas impostas pola Unión Europea á República de Cuba. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 13/06/2008 |
 |
Venezuela
Asasinado emigrante galego
Francisco Caldas Fernández, de
59 anos e natural da localidade ourensá de Muíños, foi asasinado tras resistirse a un asalto
contra o seu local comercial, rexentado xunto a outros dous socios. Dende a Presidencia da Xunta enviouse unha
mensaxe de alento aos familiares da vítima, e de preocupación ás autoridades venezolanas pola
vaga de inseguridade cidadá que leva afectando á colectividade galega nese país. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Nicaragua abre consulado en Vigo
Augusto Zamora Rodríguez, embaixador
de Nicaragua en España, estivo en Vigo para a apertura dun consulado honorífico para Galicia e Asturias.
A apertura, así como a recente designación dun consulado honorífico para Namibia, tomando
en conta os acordos pesqueiros con Galicia, permite ampliar a presenza de representacións estranxeiras en
Vigo, ante a perda nos últimos meses dos consulados de Portugal, Cuba e Brasil. (Fonte: Atlántico Diario).
 |
| 12/06/2008 |
 |
Galicia
Política e peregrinación
O Instituto de Estudos Galegos “Padre
Sarmiento” acolleu un coloquio internacional sobre a vinculación entre política e peregrinación
a Santiago na Idade Media. O coloquio foi organizado pola Comisión Internacional de Historia y de Estudios
del Cristianismo, contando con profesores das universidades de Birmingham, Porto, Londres, Dublín, Zagreb,
Viena e Tartu (Estonia), ademais da USC.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Rehabilitación urbana
Bruxelas habilitou 32 millóns de
euros para a rehabilitación de catro centros urbanos en Ferrol, A Coruña, Lugo e Santiago, para os
próximos catro anos. Estes fondos están incluídos no Programa Iniciativa Urbana. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
A auga deportiva e turística
O alcalde do concello ourensán
de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, presentou o programa “A Auga como recurso deportivo e turístico”,
xunto aos representantes dos concellos galegos de Ourense e Ribadavia e os portugueses de Ponte da Lima e Montealegre. (Fonte: La Voz de Galicia).
Cultura
Galicia na República Checa
A Fundación Caixa Galicia inaugurou
no Museo de Ostrava, na República Checa, a exposición “Galicia, camiño celeste”, que permanecerá
aberta ata o vindeiro 30 de agosto. A mostra consta de 80 fotografías aéreas de grande formato nas
que se contemplan diversos aspectos da xeografía, historia e actividade socioeconómica de Galicia. (Fonte: AGN).
 |
| 11/06/2008 |
 |
Galicia
Audiovisual galaico-brasileiro
A Coruña celebrará a finais
de xuño o II Encontro Audiovisual Galicia-Brasil, organizado baixo tres liñas de actuación:
un fondo de co-produción, un encontro entre produtores galegos e brasileiros e unha mostra de cine do país
sudamericano. (Fonte: La Voz de Galicia).
México
Semana de Galicia
Empresarios galegos e mexicanos asinaron
en Madrid un convenio de colaboración para organizar a Semana de Galicia en México. No acto estiveron
presentes Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o director xeral
do IGAPE, Álvaro Álvarez Blázquez, e representantes da Unión Mexicana de Empresarios
Gallegos (UMEGAL) e do Consejo Empresarial Mexicano de Comercio Exterior, Inversión y Tecnología
(COMCE). (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Rede Municipalista Solidaria
Caldas de Reis celebrará unha xuntanza
da Rede Municipalista Solidaria, fomentado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a fin de presentar
o seu programa de actividades do Plan de Sensibilización 2008-2009. Os concellos participantes serán
A Estrada, Caldas, Cambados, Cuntis, Lalín, Moraña, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Rodeiro, Vilagarcía
e Valga, ademais da Deputación de Pontevedra.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Viaxes de Touriño baixo lupa
O líder do PPdG, Alberto Núñez
Feijoo, acusou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de utilizar as súas viaxes institucionais
a Brasil e Arxentina como eventos electorais de cara aos comicios de 2009, sacando a colación o caso da
presunta axente electoral socialista. Touriño compareceu no Parlamento galego para explicar a súa
viaxe a estes países sudamericanos.
(Fonte: xornal.com).
 |
| 10/06/2008 |
 |
Marítima
Navantia aumenta os seus clientes
O estaleiro de Navantia en Ferrol poderá
contar con diversos proxectos de construción de buques para as armadas de Malaisia, Turquía, África
do Sur, diversos países árabes e a posibilidade de obter unha concesión da Real Mariña
británica, para buques de aprovisionamento de combate.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Marítima
OTAN en Ferrol
A mediados de xuño, unha flota
da OTAN realizará exercicios de adestramento multinacional do Arsenal de Ferrol, dentro do proxecto Loyal
Mariner organizado pola Alianza Atlántica e que se ampliará cara as costas portuguesas. (Fonte: La Voz de Galicia).
Brasil
Promoción santiaguesa en Baía
Unha delegación do concello compostelán,
a Oficina de Turismo de Santiago, a USC e seis empresarios estiveron na cidade brasileira de Baía no marco
dunha delegación de promoción de Santiago, a través da súa cultura, empresas e nivel
académico. Para os representantes santiagueses, Brasil constitúe un socio imprescindible na promoción
exterior da capital galega, xunto a EEUU, Arxentina e Europa.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 09/06/2008 |
 |
Portugal
Ponte... nas ondas en Lisboa
A asociación cultural e pedagóxica
“Ponte... nas ondas” foi convocada para unha reunión na sede do Ministerio de Cultura en Lisboa, a fin de
abordar os traballos de presentación da candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas á
lista indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade, que a UNESCO realizará en setembro de 2009. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 08/06/2008 |
 |
Téxtil
Inditex lidera as vendas mundiais
A empresa téxtil galega propiedade
de Amancio Ortega superou no primeiro trimestre de 2008 á estadounidense GAP como líder mundial en
vendas entre as grandes empresas de moda. Neste exercicio fiscal, Inditex obtivo ganancias por valor de 2.200 millóns
de euros. (Fonte: xornal.com).
Galicia
Cursos no estranxeiro
A consellería de Educación
rematará os preparativos para que un total de 2.500 estudantes de ESO e bacheralato asistan a cursos de
verán en idiomas no Reino Unido, Irlanda, Francia e Canadá. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 07/06/2008 |
 |
Galicia
Situación laboral dos portugueses
A Fiscalía Superior de Galicia
investigará as condicións de emprego nas empresas que utilizan a cerca de dez mil traballadores portugueses
que cruzan a fronteira cada fin de semana. O obxectivo desta investigación é analizar non só
a posibilidade de existir explotación laboral cara os portugueses senón as causas da siniestralidade
viaria na que, en determinadas ocasións, tamén afecta aos traballadores portugueses.
Brasil
Encontro audiovisual
O Consorcio Audiovisual de Galicia, en
colaboración coa Agência Nacional do Cinema do Brasil (ANCINE) e o Programa de Cinema de Brasil, promove
o II Encontro Audiovisual entre Galicia e Brasil, a celebrarse en A Coruña a mediados de xuño. O
ano pasado, este encontro celebrouse na cidade brasileira de São Paulo. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Auga para Etiopía
Mulleres galegas representativas do mundo
da política e da cultura uníronse na actividade 'O Camiño da Auga' organizado pola ONG galega
“Implicadas no Desenvolvemento”, que consiste nunha peregrinación simbólica cargando cos baldes de
auga cheos como os que levan as mulleres en Etiopía, “nun xesto de solidariedade e nunha forma de visualizar
esta situación de precariedade na que viven mulleres e nenas en Etiopía”. Precisamente neste país,
Implicadas no Desenvolvemento traballa en proxectos de cooperación dende o ano 2003. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 06/06/2008 |
 |
Unión Europea-Pesca
Presión polo alza dos combustibles
A Xunta anunciou o seu apoio á
presión que o goberno español realizará en Bruxelas para que a Comisión Europea destine
parte do Fondo Europeo de Pesca a subvencionar a compra de combustible, axudando así aos pescadores afectados
polo incremento no prezo do petróleo. A Xunta anunciou tamén o seu interese en estender a baixura
os créditos mínimos de ata 30.000 euros.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
En marcha o satélite galego
A Axencia Espacial Europea lanzará
ao espazo o próximo inverno un pequeno satélite galego dentro da lanzadeira espacial Vega. O desenvolvemento
deste dispositivo correrá a cargo da Universidade de Vigo, e nel participa a empresa pública RETEGAL
(Redes de Telecomunicación Galegas) que investirá uns 300.000 euros. (Fonte: Galiza Nación).
Galicia
Consulado arxentino itinerante
A Cónsul de Arxentina en Vigo,
Georgina Bortolotto, desprazará a mediados de xuño unha delegación que constituirá
un consulado itinerante en A Coruña, que atenderá a cidadáns arxentinos e españois
que necesiten realizar algúns trámites. Este consulado estará instalado na sede da Asociación
“Casa de Argentina”. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Vigo implicase en programas europeos
Un total de trece institutos de educación
secundarias vigueses realizaron programas de cooperación con outros institutos de países como Eslovaquia,
Polonia, Italia, Grecia, Alemaña, Finlandia, Dinamarca e Romanía. Estes programas amplían
a presenza de estudantes estranxeiros en Vigo, especialmente consolidada cos programas Erasmus, que permitiron
a estadía nesta cidade de 528 estudantes europeos nos últimos anos. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 05/06/2008 |
 |
Diáspora
Quintana acusa de fraudes
Con motivo do pacto entre o BNG e o PSOE
sobre o ditame dun caso de fraude electoral no exterior, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, considerou que
existen diversos casos de fraude, sinalando os recentes da axente electoral do PPdG sobre a posible compra de votos
no exterior e o cheque elaborado polo presidente da Deputación de Pontevedra para o Centro Gallego de México. (Fonte: Faro de Vigo).
Inmigración
Un milleiro de expulsados
Segundo cifras do Ministerio de Interior,
desde a entrada en vigor do proceso de normalización de inmigrantes no 2005, un milleiro deles foron expulsados
en Galicia, principalmente brasileiros. Na provincia de Pontevedra, os países de orixe destes inmigrantes
ilegais son Brasil, Senegal, Bolivia, Marrocos, Paraguai e Ghana.
(Fonte: Atlántico Diario).
China
O maior mercado de Eurolatón
A empresa galega de aluminio prevé
facturar no país asiático un total de 20 millóns de euros, a metade do total dos seus negocios
exteriores. O Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) acaba de incluír a Eurolatón nun
grupo exclusivo de 27 pemes exportadoras.
(Fonte: Faro de Vigo).
Pesca
Maior control da pesca ilegal
O director executivo da Axencia Europea
para o Control da Pesca, Harm Koster, asegurou que este organismo, que comezará a funcionar en Vigo a partir
do 1 de xullo de 2008, “é o marco apropiado” para o control das importacións de pesca ilegal. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 04/06/2008 |
 |
Galicia
Exposición sobre os refuxiados
palestinos
O Comité Español da Axencia
das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA), o Concello de Vigo e o IGADI, inauguraron no
museo Verbum a exposición “A UNRWA e os Refuxiados de Palestina: 60 anos”, unha mostra fotográfica
sobre o labor da UNRWA nos campos de refuxiados palestinos en Gaza, Cisxordania, Líbano, Siria e Xordania.
A mostra fotográfica foi inaugurada por Raquel Martí, directora executiva da UNRWA; María
Méndez, concelleira de Benestar Social do concello de Vigo, e Roberto Mansilla Blanco, do IGADI. (Fonte: Faro de Vigo).
Galicia
Santiago no Arco Atlántico
O alcalde da capital galega, Xosé
Sánchez Bugallo, participou en San Sebastián na XI Asemblea da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico,
que reúne a 40 urbes de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España. Nesta ocasión, o
tema central foi o impulso ao desenvolvemento sostible, a cohesión e heteroxeneidade social e a identidade
compartida. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Premio ecolóxico para Sanxenxo
O concello pontevedrés de Sanxenxo
converteuse no primeiro en obter o distintivo Emas, da Unión Europea, certificado que recoñece a
xestión ambiental na área municipal de Parques e Xardíns sobre cumprimento da normativa comunitaria
en ecoxestión. (Fonte: La Voz de
Galicia).
Diáspora
Xira universitaria por América
Latina
A secretaría xeral de Emigración,
en colaboración coa consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta e
as tres universidades galegas, levarán a cabo un programa de divulgación sobre o Sistema Universitario
Galego en diversos centros da emigración galega en EEUU, Venezuela e México. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 03/06/2008 |
 |
Sáhara
Alerta polos refuxiados saharauís
A ONG “Solidariedade Galega co Pobo Saharauí”
pediu ás familias galegas que reciben aos nenos saharauís dentro do programa “Vacacións en
Paz”, que incrementen o número de nenos acollidos dos campamentos de Tinduf (Alxeria), debido á crise
existente nestes campamentos, por mor da redución da axuda alimentaria internacional. O número de
nenos que pretenden traer a Galicia é de 840 para este verán. (Fonte: La Voz de Galicia).
Acción Exterior
Presentan plan galego na ONU
A Xunta presentou na sede da ONU en Nova
York o Programa das Nacións Unidas para o Medioambiente (UNEP), o seu proxecto educativo sobre o cambio
climático. A conselleira de Educación, Nélida Sánchez Piñón, expuso este
programa ante o directivo da UNEP, Munyaradzi Chenje. A visita institucional da Xunta tamén aproveitou para
promover os centros de estudo e investigación galegos entre a comunidade galega emigrante nesta cidade estadounidense. (Fonte: Atlántico Diario).
Unión Europea-Galicia
Imaxe europea sen financiamento
A comisaria de Relacións Exteriores
da UE, Benita Ferrero-Waldner, anunciou ao eurodeputado galego Daniel Varela (PPdG) que non financiará o
proxecto da Xunta para utilizar os centros galegos no exterior, especialmente en América Latina, para difundir
a imaxe da UE fóra de Europa. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Eixo Atlántico
Dubidan do AVE Vigo-Porto
O presidente do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Luís Filipe Menezes, amosou na localidade
portuguesa de Vila Nova de Gaia a súa preocupación ante os posibles retardos que poida sufrir o AVE
Vigo-Porto. Menezes incluso dubidou que se cumpran os prazos temporais ata o 2013 para rematar a liña de
alta velocidade. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Mozos rómanos en A Coruña
Trinta mozos do instituto Liceul Teoretic
CA Rosetti de Bucarest visitaron aos seus compañeiros do instituto coruñés IES Urbano Lugrís,
no marco dun intercambio que levará aos coruñeses á capital rómana no 2009. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Vigo irá pola Universiada 2015
Tralo triunfo da cidade rusa de Kazán
para o 2013, o tenente de alcalde vigués, Santiago Domínguez, anunciou que Vigo pretende organizar
o mundial de Taekwondo, o europeo de judo e os xogos universitarios de 2015. (Fonte: Atlántico Diario).
Uruguai
Alcaldes lucenses en Montevideo
Os catro alcaldes das localidades de Viveiro,
Ribadeo, Mondoñedo e Lourenzá foron recibidos pola ministra uruguaia de Educación e Cultura,
dentro dunha visita cultural e institucional.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Xacobeo
Record de vendas en Alemaña
O libro “Ich bin dann mal weg”, traducido
en galego “Marcho!”, do humorista alemán Hape Kerkeling, fala do seu percorrido do Camiño de Santiago,
converténdose nun dos libros máis vendidos nese país. Aparecido en librerías a partir
de maio de 2006, cunha tirada de 50.000 exemplares, chegou a ter un éxito de 20.000 vendas ao día. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 02/06/2008 |
 |
Acción Exterior
Promoción do sistema universitario
galego
A consellería de Educación
e a secretaría xeral de Emigración comezaron na Casa de Galicia en Nova York o seu ciclo de charlas
de promoción do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que levará igualmente a outras cidades de
EEUU, México, Venezuela e Brasil. O programa está centrado na promoción das bolsas das universidades
galegas para fillos e netos de emigrantes galegos.
(Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Xornadas sobre o cambio climático
Os responsables dos departamentos de Desenvolvemento
Sostible de Arxentina e a Xunta de Galicia coincidiron na súa aposta por implementar cada vez máis
políticas que “cambien a sociedade para salvar o planeta”. Así o manifestaron nas súas intervencións
na Xornada sobre Cambio Climático celebradas en Bos Aires, organizadas pola Delegación da Xunta e
o grupo de Mozos Galegos. (Fonte: xornal.com).
Marítima
Na Feira Marítima de Brest
A cidade da Coruña acolleu unha
mostra da cultura do mar de Galicia que, tras visitar Ferrol, Pontevedra, Vigo e Santiago, viaxará á
localidade francesa de Brest á Festa Marítima Internacional que se celebrará no mes de xullo
e onde Galicia participa como país invitado de honor. A participación galega está promovida
pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o presidente da Federación Galega pola Cultura
Marítima e Fluvial (FGCMF), Fernando Piñeiro. Galicia levará 25 embarcacións que mostrarán
a súa riqueza en cultura mariña.
(Fonte: Galiza Nación e La Voz de Galicia).
 |
| 01/06/2008 |
 |
Galicia
Contra o cambio climático
As consellerías de Educación
e Medio Ambiente presentaron o programa “Climántica”, destinado a concienciar aos mozos de 150 institutos
galegos sobre o cambio climático e a preservación do medio ambiente. Este programa atraeu a atención
da ONU, que recibirá na súa sede en Nova York a unha delegación da Xunta presidida pola conselleira
de Educación, Laura Sánchez Piñón.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Interese pola biomedicina galega
Investigadores da universidade de Columbia
(EEUU) e da Escola de Medicina do Hospital Monte Sinaí de Nova York, recibiron a científicos galegos
do santiagués Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida (CYTEV), para coñecer os seus avances
en materia de biomedicina e novas estratexias farmacolóxicas e terapéuticas. (Fonte: El Correo Gallego).
|