|
 |
| 31/05/2008 |
 |
Galicia
Espazos patrimoniais en América
Latina
O Consorcio santiagués presentou
a segunda edición do certame Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, que premiará con
180.000 euros a recuperación dos espazos patrimoniais en cidades históricas latinoamericanas. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Vigo sen Universiada 2013
O presidente da Federación Internacional
de Deportes Universitarios, George Killian, anunciou en Bruxelas que será a cidade rusa de Kazán
a organizadora dos Xogos Universitarios 2013.
(Fonte: Faro de Vigo e El Correo Gallego).
 |
| 30/05/2008 |
 |
Galicia
Portugueses sen contrato laboral
Segundo datos de CCOO, un 70% dos traballadores
portugueses en Galicia non posúen contrato laboral en regra, soportando xornadas de ata 12 horas diarias
e retribucións arredor dos 500 euros. Dos 11.000 portugueses que atravesan diariamente a fronteira, só
3.000 posúen contrato asinado baixo o convenio galego.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
A rexión con máis festas
Galicia é a rexión europea
que rexistra o maior volume de festas populares de Europa, xa que en 122 días dos meses de verán
concentra máis de 3.000 festas, 24 eventos por xornada. A fin de facilitar a difusión dos seus concertos,
romarías e verbenas, principalmente de cara aos turistas estranxeiros e españois, a dirección
xeral de Turismo da Xunta prepara unha guía que recolla as festas populares dos 315 concellos galegos. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 29/05/2008 |
 |
Galicia
Suspenso en Dereitos Humanos
Durante a presentación en Vigo
do seu “Informe 2008: o estado dos dereitos humanos no mundo”, a ONG Amnistía Internacional, da man dos
seus representantes en Galicia Alberto Estevez e Yolanda Roman, denunciaron a existencia de violacións de
dereitos humanos por parte de organismos policiais en Galicia, como ocorrera co caso do inmigrante Mamaodou Kane.
Así, Estevez e Roman emprazaron á Xunta e aos concellos galegos a elaborar “un plan de protección
e promoción dos dereitos humanos”.
(Fonte: La Voz de Galicia e Galicia Hoxe).
Galicia
Plataforma dixital europea
As firmas viguesas Construdata 21 e Contactnova
presentaron o seu servizo informático que permitirá ás empresas españolas acceder á
plataforma dixital europea que centraliza a información do 90% das licitacións en obras públicas
tanto en Europa como fora do continente e que sexan publicadas no Diario Oficial da UE. Esta plataforma leva por
nome European Tender Information System (ETIS).
(Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Regular os novos membros na EURES
En resposta a unha petición do
BNG, a Xunta remitiu á Confederación Intersindical Galega (CIG) un procedemento que regula a incorporación
de novos membros ao EURES transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, a fin de poder solicitar a súa inclusión.
O EURES permite establecer unha cooperación entre os servizos públicos de emprego galegos e portugueses. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 28/05/2008 |
 |
Solidariedade
Cooperación en Guatemala
Máis de 20.000 persoas de 18 comunidades
indíxenas da costa Sur de Guatemala contarán coa Cooperación Galega para se desenvolveren
nos vindeiros catro anos, grazas ao primeiro dos programas que lidera a Xunta de Galicia cun caracter integral
e un orzamento de 5,7 millóns de euros. A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo,
asinou o convenio coas seis ONGD galegas que executarán o programa Oxlajuj tz´ikin (“Día de
Fortuna”, no calendario maia) nos concellos guatemaltecos de Retalhuleu e Champerico. (Fonte: xornal.com).
Palestina
Mustafá Barghouti en Santiago
Mustafá Barghouti, ex ministro
de Información da Autoridade Nacional Palestina (ANP), ofreceu unha conferencia en Santiago, convidado pola
vicepresidencia da Xunta e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, sinalando que o pobo palestino “sofre
un apartheid peor ca o sudafricano” e que en Gaza vívese unha situación practicamente “de campo de
concentración”. (Fonte: Galicia Hoxe).
Diáspora
Masivo rexistro de centros galegos
Segundo a secretaría xeral de Emigración,
un total de 179 centros galegos no exterior inscribíronse no Censo de Asociacións e Centros da dirección
xeral de Emigración do Ministerio de Traballo e Inmigración do goberno español. Cuba, Arxentina
e Suíza lideran os países con maiores centros galegos rexistrados. En total, son 241 centros galegos
no exterior, polo que foron rexistrados neste censo un 70%.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 27/05/2008 |
 |
Galicia
Control laboral a portugueses
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela,
anunciou unha reunión co delegado do Goberno estatal en Galicia, Manuel Ameijeiras, para tratar do control
viario e laboral dos 12.000 portugueses que diariamente entran en Galicia, trala recente morte de catro traballadores
portugueses en Lugo e outros feridos en desprazamentos diarios.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Interese mundial por Curtocircuíto
Máis de 2.000 cibernautas procedentes
de 65 países dos cinco continentes visitaron a páxina web do Festival Internacional de Curtametraxes
de Santiago (www.curtocircuito.org), que celebrará este ano a súa quinta edición.
Arxentina, EEUU, Reino Unido e Alemaña son algúns dos países con maior número de visitas
nesta páxina web. (Fonte: La Voz
de Galicia).
Marítima
Visita australiana
Mike Rann, premier de Australia do Sur,
cargo equivalente a un presidente autonómico español, visitou as instalacións de Navantia
Ferrol, para concretar os pasos da construción de tres embarcacións da empresa ASC de Adelaida,cidade
ao sur deste país, cuxo deseño foi encargado a Navantia por parte da Mariña australiana. (Fonte: La Voz de Galicia).
Economía
Foro para internacionalizar a empresa
galega
A Fundación Caixa Galicia e a Cámara
de Comercio de A Coruña organizarán nesta cidade o I Foro de Internacionalización da Empresa
Galega, na que participarán diversos actores do comercio exterior galego para dar a coñecer as estratexias
destinadas á promoción do comercio exterior de Galicia.
(Fonte: xornal.com).
Solidariedade
Auga para Etiopía
A ONG “Implicadas no Desenvolvemento”
organizará entre finais de maio e comezos de xuño as actividades do proxecto “Auga para Etiopía”,
no que se tratarán diversas temáticas multidisciplinares sobre o problema da auga no mundo e, especificamente,
como afecta á poboación etíope. Esta ONG traballa desde 2003 en proxectos de cooperación
neste país africano. (Fonte: xornal.com).
 |
| 26/05/2008 |
 |
Unión Europea-Galicia
Chequeo para a PAC
A Comisaria Europea de Agricultura, Marianne
Fischer Boel, presentou en Estrasburgo (Francia) a súa proposta lexislativa sobre o "chequeo médico"
da Política Agraria Común (PAC), na que ratificou a súa intención de eliminar o sistema
de cotas lácteas en abril de 2015 e de reducir ata un 13% as axudas directas aos agricultores. (Fonte: AGN).
Galicia
Arxentinos celebran a súa festa
nacional
Mais dun milleiro de arxentinos residentes
en Vigo e a súa área metropolitana celebraron a Festa Nacional da Arxentina, que conmemora a Revolución
independentista de maio de 1810 e a formación da súa primeira Xunta de Goberno. A Cónsul da
República Arxentina en Vigo, Georgina Bortolotto, organizou unha festa que contou coa actuación de
grupos folclóricos arxentinos e de tango.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 25/05/2008 |
 |
Xacobeo
XX encontro sobre o Camiño de
Santiago
A Confraternita di San Jacopo e o Centro
Itialiano de Estudos Compostelans celebraron en Perugia a XX edición do seu encontro anual sobre o Camiño
de Santiago, no que participaron representantes da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellaría
de Innovación e Industria, que colabora coa Confraternita na itinerancia da exposición “Roma-Santiago,
Santiago-Roma”. Numerosos estudiosos, investigadores, cofrades, membros das asociacións de amigos do Camiño,
representantes institucionais e peregrinos de países como España, Alemaña e Italia reuníronse
en Perugia para abordar a situación da ruta xacobea e das iniciativas que desenvolven conxuntamente para
a súa promoción e difusión.
(Fonte: xornal.com e La Voz de Galicia).
Diáspora
Aumenta o CERA
Entre xaneiro e abril de 2008 inscribíronse
no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) unha media diaria de case 50 galegos, unha cifra que duplica os
datos recollidos durante 2007. Na última cita coas urnas en Galicia, durante as eleccións xerais
do pasado mes de marzo, tiveron dereito a voto un total de 324.388 emigrantes galegos. A cifra indicaba daquela
unha porcentaxe superior nun 5,57% aos anteriores comicios xerais, en 2004, momento no que tiñan dereito
a voto 306.335 electores. (Fonte: Vieiros).
 |
| 24/05/2008 |
 |
Unión Europea-Galicia
Esperan protección para a castaña
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo
Suárez Canal, informou que o seu organismo espera desde maio de 2007 unha resposta da UE sobre a declaración
de Indicación Xeográfica Protexida para a castaña en Galicia. Suárez Canal participou
en Ourense no I Congreso Internacional sobre o Castaño.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
A Coruña busca o I+D
O alcalde coruñés Javier
Losada e o director xeral de investigación da UE, José Manuel Silva, analizaron diversos proxectos
de I+D+i coa finalidade de abordar o seu desenvolvemento en A Coruña e situar a esta cidade como referencia
tecnolóxica. (Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
África celebrou o seu día
A ONG coruñesa Equus Zebra celebrou
en A Coruña o Día Internacional de África dentro dun acto de integración solidaria
cos colectivos inmigrantes africanos e doutras latitudes. Esta ONG tamén celebrou a Marcha Solidaria “A
Luz d@s Inmigrantes”, na que pediu unha maior solidariedade cos galegos que emigraron a América. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 23/05/2008 |
 |
Inmigración
Un terzo na construción
O 33,5% dos contratos realizados en Galicia
a inmigrantes corresponde ao sector da construción, segundo datos do Observatorio Ocupacional da Consellería
de Traballo, principalmente portugueses, calculados en 15.562 dos 81.442 inmigrantes existentes na nosa Comunidade.
Aproximadamente un terzo dos inmigrantes que habitan en Galicia procede de países da UE. O sindicato UGT-Galicia
advirte que os inmigrantes poderían ser os primeiros en notar os efectos da desaceleración inmobiliaria
en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Cultura
Arte magrebí en Pontevedra
A XXX Bienal de Arte de Pontevedra, evento
organizado pola Deputación Provincial, contará a mediados de xuño coa participación
de artistas de Tunicia, Alxeria e Marrocos, con obras dedicadas a temas multiculturais, multiétnicos e de
integración. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Promoverán a Universíada
para Vigo
O secretario de Estado para o Deporte,
Jaime Lissavetzky, formará parte da delegación viguesa, liderada polo alcalde Abel Caballero e o
tenente de alcalde Santiago Domínguez, que defenderá en Bruxelas a candidatura de Vigo para os Xogos
Universitarios de 2013. Esta iniciativa conta co total respaldo da Xunta, que tamén enviará unha
delegación. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 22/05/2008 |
 |
Cultura
Un filme entre Arxentina e Galicia
A película “Abrígate”, do
director Ramón Costafreda, aborda unha historia que vincula os lazos afectivos entre Galicia e Arxentina,
reflectida en diversas secuencias temporais, desde a emigración, a ditadura no país sudamericano
e a crise económica do “corralito”. O filme conta coa interpretación da actriz galega María
Bouzas. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Presentado “Ponte... nas Ondas”
A XIV edición da Xornada de Comunicación
Ponte nas Ondas e mais a VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, foron presentadas no Museo do Verbum-Casa das
Palabras, en Vigo. A xornada servirá ademais para seguir pulando pola inclusión das Tradicións
Orais Galego-Portuguesas na futura lista indicativa da Unesco.
(Fonte: Vieiros).
Diáspora
En defensa da xira exterior
A petición do PPdG, o presidente
da Xunta, Emilio Pérez Touriño compareceu ante o Parlamento galego para defender a utilidade das
súas recentes viaxes a Arxentina e Brasil. Touriño considerou que esta xira forma parte da acción
exterior galega cara a diáspora en América Latina, renovando os vínculos e contactos cos descendentes
de galegos en Arxentina, Brasil e México.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 21/05/2008 |
 |
Galicia
Xornadas sobre Venezuela
A Cátedra Bolívar da Facultade
de Economía da USC, dirixida por Luís Caramés Viéitez, celebrou en Santiago unhas “Xornadas
sobre Venezuela” que contaron coa participación dos profesores venezolanos Thaïs Maingon e Aníbal
Romero, así como do profesor da Universidade de Valencia, Rubén Martínez Dalmau, e do analista
do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Roberto Mansilla Blanco. Nestas
xornadas tratáronse os temas da situación militar e a política exterior baixo o goberno de
Hugo Chávez, os movementos sociais na Venezuela bolivariana, o alcance do seu proceso constituínte
e a relación de Chávez cos medios de comunicación.
(Fonte: igadi.org).
Unión Europea-Marítima
Medidas contra a piratería
O Parlamento europeo aprobou o deseño
dun protocolo de actuación fronte á piratería, que permita a adopción dun sistema de
auxilio entre os 27 membros da UE para garantir a seguridade dos seus buques no caso de ser atacado. Este protocolo
de actuación aprobouse a consecuencia do secuestro do atuneiro basco Praia de Bakío, que contaba
con tripulación galega. (Fonte: El
Correo Gallego).
Unión Europea-Marítima
O peso da flota galega
Cunha suma de contratos valorados en 4.600
millóns de euros, Galicia lidera o sector naval español no conxunto da UE, cunha marcada orientación
cara o Leste de Europa que está provocando unha progresiva mutación do centro de gravidade do sector
naval europeo. A fortaleza naval galega supera á maioría das rexións europeas. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 20/05/2008 |
 |
Brasil
Touriño afinca o lobby galego
Durante a súa visita a Río
de Janeiro, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou un “panorama económico estable”
para Galicia, como elemento para atraer os investimentos brasileiros a nosa Comunidade, situando a Brasil como
“referente estratéxico” nas relacións exteriores galegas. Así, Touriño defendeu a idea
de afincar as bases dun lobby galego en Brasil, principalmente de perfil empresarial. Paralelamente, a Xunta deu
os primeiros pasos para a apertura do centro iberoamericano impulsado en colaboración coa prefetura de Río
de Janeiro, a fin de atender ás persoas en situación de dependencia ou exclusión social. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Alumnos galegos no exterior
A USC enviará a 766 alumnos galegos
a centros universitarios de Europa, América, Asia y Oceanía, como é o caso de Australia. Paralelamente,
a principal universidade galega recibe a 1.200 alumnos estranxeiros, especialmente integrados dentro do programa
europeo Erasmus. (Fonte: El Correo Gallego).
China
Rumbo a Xangai
O alcalde compostelán Xosé
Sánchez Bugallo reuniuse en Madrid con Javier Conde, presidente da Sociedade Estatal de Exposicións
Internacionais, a fin de preparar a participación de Santiago na Exposición Universal de Xangai,
prevista para 2010. (Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
Modernizar a armada colombiana
A empresa Navantia ofreceu á armada
do país sudamericano a colaboración na súa modernización, coa construción de
catro fragatas nos seus estaleiros en Ferrol. As negociacións con Bogotá se realizaron a finais de
abril. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Acusacións polas viaxes ao exterior
O Parlamento galego foi testemuña
dunha dura batalla dialéctica entre o PSdG, o BNG e o PPdG, unha vez saíran á luz algunhas
das sospeitosas actuacións destes partidos para captar votos en emigrantes, incluíndo dubidosos financiamentos
con fondos públicos. Os casos que provocaron polémica foron a discusión sobre a actuación
dunha presunta axente electoral socialista e diversos viaxes de alcaldes do PPdG a países sudamericanos. (Fonte: xornal.com).
 |
| 19/05/2008 |
 |
Arxentina
Nacionalidade para os netos de emigrantes
Ante 5.000 emigrantes presentes nun acto
no Centro Gallego de Bos Aires, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, volveu a defender o
dereito dos galegos emigrantes de terceira xeración á nacionalidade española. Neste sentido,
a representación da Xunta en Bos Aires ofrecerá asesoramento a finais de 2008 para a legalización
dos trámites de nacionalidade. Touriño tamén informou de que a Xunta está traballando
para presentar en Madrid a reforma da lei electoral que permita o voto en urna para os residentes galegos no exterior. (Fonte: El Correo Gallego, AGN e xornal.com).
Brasil
Histórica visita a Río
Por primeira vez desde 1995, un presidente
da Xunta, neste caso Emilio Pérez Touriño, visitou brevemente Río de Janeiro, onde existe
unha gran colonia de emigrantes galegos, a segunda tras São Paulo, cun 80% dos 30.000 españois alí
residentes. Touriño prometeu aos galegos emigrantes nesta cidade brasileira o compromiso da Xunta coa súa
atención social e sanitaria en función de idade ou enfermidade. (Fonte: AGN).
 |
| 18/05/2008 |
 |
EEUU
Éxito do Albariño
De éxito foi calificado nos medios
locais a presentación do viño Albariño das Rías Baixas no The Watefront Restaurant
de San Francisco, a través dunha campaña de promoción do consorcio regulador de Rías
Baixas e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). EEUU é o principal mercado dos
viños das Rías Baixas, coa exportación de máis de dous millóns e medio de botellas
anuais. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Alianza da Semana Verde
A Feira Internacional Semana Verde de
Galicia aliouse co certame agropecuario máis importante do norte de Portugal –a Feira Anual de Trofa, con
61 edicións e máis de 100.000 visitantes nas últimas convocatorias- co obxectivo de afianzar
as relación comerciais entre Galicia e Portugal e, sobre todo, para estimular o intercambio de expositores
e visitantes profesionais correspondentes ás áreas de influencia dos eventos. (Fonte: xornal.com).
Brasil
Visita de empresarios navais
Empresarios das firmas navais Sky Fiberglass,
Arth Engenharía, Astarl Shipping e Detroit Brasil, de São Paulo, Río de Janeiro, Porto Alegre
e Florianópolis así como unha representación do goberno brasileiro, foron invitados pola Cámara
de Comercio de Pontevedra para realizar unha xira por Galicia, visitando os portos de Vigo e Pontevedra-Marín,
así como para participar na feira Navalia.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 17/05/2008 |
 |
Arxentina
Celebración das Letras Galegas
Coa presenza do presidente da Xunta, Emilio
Pérez Touriño, a representación exterior do goberno galego en Bos Aires celebrou por vez primeira
o Día das Letras Galegas, na que rendeuse tributo ao escritor Xosé María Álvarez Blázquez.
Na capital arxentina, Touriño invitou á presidenta Cristina Fernández de Kirchner a participar
nos actos de conmemoración do Bicentenario da independencia iberoamericana na Cidade da Cultura de Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
Australia aposta por Ferrol
A visita a Ferrol do capitán Stephen
Woodall, alto representante da Armada australiana, permitiu afondar nos proxectos de deseño e construción
da armada dese país coa empresa Navantia afincada nos estaleiros de Ferrol. En total, son dúas novas
clases de buques, barcos anfibios e destrutores, a través dun convenio subscrito en 2007. (Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Medra o alumnado inmigrante
Nos institutos de ensinanza de Galicia
estudan un total de 11.685 alumnos doutras nacionalidades, cun aumento do 74% con respecto a 2004, cando existían
6.074 alumnos estranxeiros na nosa Comunidade.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 16/05/2008 |
 |
República Dominicana
O IGADI participa como observador electoral
Xulio Ríos, director do Instituto
Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), participou como observador electoral nos
comicios presidenciais de República Dominicana, celebrados o 16 de maio. Nestas eleccións participaron
un total de 50 observadores internacionais.
(Fonte: xornal.com).
Galicia
Comercio Xusto de India e Nepal
A ONG pontevedresa Amarante recibiu nas
súas tendas de Pontevedra, Santiago, Vigo e Ourense diversos produtos téxtiles de India e Nepal,
así como outros produtos alimenticios provenientes de países do Sur. (Fonte: El Correo Gallego).
Turismo
Santiago busca promoción internacional
A nova guía oficial de turismo
do concello santiagués, titulada “Santiago de Compostela Your Way 2008”, buscará prover información
turística no exterior, a fin de ofrecer información cultural, de ocio, itinerarios, restaurantes
e outros servizos. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 15/05/2008 |
 |
Galicia
Apertura do consulado de Cabo Verde
O embaixador caboverdiano en España,
Arnaldo Andrade e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reuníronse en Santiago para
afondar nas relacións entre Galicia e Cabo Verde. Posteriormente, o embaixador Andrade asistiu en A Coruña
á apertura do Consulado Honorario de Cabo Verde en Galicia, cuxa representación estará a cargo
de Francisco Canabal, coñecido empresario galego moi ligado a Cabo Verde. Touriño anunciou ao embaixador
Andrade a súa visita a Cabo Verde, prevista para o próximo mes de novembro. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Foro de linguas minoritarias
Santiago de Compostela inaugurou unha
Conferencia Internacional de Diarios en Linguas Minoritarias e Multilingüismo (MIDAS), que tratará
sobre a utilización de linguas como o galego nos medios de comunicación. O MIDAS é unha organización
fundada en 2001 que reúne a 4 millóns de persoas que falan unha lingua distinta ás oficiais
en catorce países con trece idiomas diferentes. O seu presidente, Toni Ebner, estivo na capital galega durante
o acto de inauguración. (Fonte: Colexio
Profesional de Xornalistas de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Proxectos para a integración laboral
Un total de 20,7 millóns de euros
do Fondo Social Europeo serán asignados a Galicia para cofinanciar once proxectos de xeración de
emprego, que beneficiarán a cerca de 5.000 desempregados, así como para crear redes de integración
laboral de persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Acordo de mínimos sobre o voto
emigrante
Os grupos parlamentarios do PPdG, o PSdG
e o BNG alcanzaron un acordo de mínimos para impulsar a reforma do dereito ao voto para uns 328.000 galegos
residentes no estranxeiro. Esta proposta conxunta será tramitada polo Parlamento galego e deixa aparcada
a posibilidade de limitar o exercicio do voto para determinadas convocatorias electorais, como os comicios municipais,
e reclamará á administración pública española o sufraxio en urna nos consulados. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 14/05/2008 |
 |
Diáspora
Promoción universitaria galega
A conselleira de Educación, Laura
Sánchez Piñón; o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez,
e os tres rectores das universidades galegas, asinaron un convenio de colaboración nun proxecto de información
e difusión académica destinado á colectividade de galegos no exterior, para promover o Sistema
Universitario Galego nas cidades de São Paulo, Santos e Salvador de Baía (Brasil), Nova York, Caracas
e Valencia (Venezuela), e México D.F e Puebla (México). No 2007, este programa iniciouse cunha promoción
nos centros galegos e universidades de Arxentina, Uruguai, Brasil e Venezuela. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Lista proposición para voto en
urna
Os tres grupos parlamentarios da Cámara
galega, PPdG, PSdG e BNG, pecharon a redacción definitiva dunha proposición de lei na que piden que
os residentes no exterior voten en urna en todas as convocatorias electorais a partir das autonómicas de
2009, de forma que se "eliminen as sospeitas" sobre estes procesos. Esta proposición será
remitida ás Cortes Xerais, que deberá discutir a posible modificación do Réxime Electoral
Xeral. (Fonte: Galicia Hoxe).
Galicia
Dominicanos con Miguel Vargas
A Asociación de Inmigrantes Dominicanos
de Galicia, inscrita na federación galega “Fillos do Mundo”, amosou publicamente en Vigo o seu apoio ao
candidato Miguel Vargas, do Partido Revolucionario Dominicano (PRD), nas próximas eleccións presidenciais
nese país caribeño, previstas para o 16 de maio. Vargas é o principal rival para a reelección
do actual presidente, Leonel Fernández Reyna. En Vigo e na súa área metropolitana habitan
uns 177 dominicanos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Rusia
O potencial dos estaleiros galegos
Durante a súa reunión co
embaixador ruso en España, Alexandre I. Kuznetsov, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
propuxo a utilización dos estaleiros galegos a fin de renovar a flota naval rusa. As exportacións
galegas a Rusia creceron un 21,5% no 2007, unha cifra similar ás importacións de produtos dende Rusia,
calculado en 26%. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Múltiplex para canais portugueses
O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados,
Francisco Jorquera, presentou na Cámara Baixa unha proposición non de lei na que insta ao Goberno
español a conceder a Galicia un novo múltiplex que permita a visión das televisións
portuguesas en formato dixital. Jorquera realizou esta solicitude de conformidade co disposto na Carta Europea
de Linguas Minoritarias, asinada polo Estado español no ano 2001.
(Fonte: Galiza Nación).
 |
| 13/05/2008 |
 |
Economía
Rusia busca socios comerciais
O embaixador ruso en España, Alexandre
I. Kuznetsov, realizou unha visita empresarial a Galicia na que se reuniu co presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, e os axentes económicos galegos. Kuznetsov invitou a formalizar “relacións económicas
directas” co seu país e crear un foro de colaboración empresarial entre Galicia e Rusia para a cooperación
en materia naval, agropecuaria e turística.
(Fonte: El Correo Gallego e xornal.com).
Inmigración
Contra a nova directiva comunitaria
O Foro Galego da Inmigración, plataforma
formada por asociacións de inmigrantes, ONGs, partidos políticos e sindicatos, amosaron a súa
preocupación pola posible aprobación dunha nova directiva comunitaria que suporá un incremento
de 40 a 60 días de estancia nos centros de internamento para os estranxeiros en situación irregular.
O Foro protesta pola eliminación deses centros, denunciando as súas malas condicións e os
malos tratos que alí se realizan.
(Fonte: La Voz de Galicia).
China
Desembarca Hijos de Rivera
A empresa galega participará na
IX edición da Feira Internacional SIAL de bebidas e alimentación en Xangai, na que dará a
coñecer produtos como a auga Cabreiroá, a súa cervexa Estrella Galicia, os viños Ponte
da Bodega, a augardente Quenza e a sidra Manzanova.
(Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Protestan contra libro de chistes galegos
Máis de medio cento de emigrantes
galegos neste país protestaron fronte á Editorial Sudamericana de Bos Aires, ante a publicación
do libro “Súper chistes galegos”, escrito por Ricardo Parrota baixo o pseudónimo de Pepe Muleiro.
Os manifestantes galegos amosaron o seu “repudio pola actitude ofensiva e discriminatoria” mentres presentaban
unha denuncia no ministerio de Xustiza arxentino. En Galicia, diversas personalidades do BNG como Ana Miranda,
Olaia Fernández Dávila e Iago Tabares, apoiaron esta demanda. (Fonte: La Voz de Galicia, Galiza Nación e Vieiros).
 |
| 12/05/2008 |
 |
Diáspora
Posible consenso no voto emigrante
O voceiro socialista no Parlamento galego,
Ismael Rego, amosou a súa convicción de que as tres forzas políticas galegas lograrán
concretar unha posición común para a reforma do voto emigrante, proposta que será levada ao
Congreso dos Deputados en Madrid a mediados de maio.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Aumenta a rede iberoamericana empresarial
Creada en 2006, a Rede Iberoamericana
de Incubación de Empresas (EMPRENDIA), liderada pola USC e a Universidade de Barcelona, incorporou a entes
universitarios de São Paulo, Bos Aires, a Católica de Chile, o Instituto Tecnolóxico de Monterrey
(México), así como outros centros universitarios españois. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Interese polo chinés e xaponés
Trala apertura nas Escolas Oficiais de
Idiomas de A Coruña e Vigo de cursos de chinés e xaponés, aumenta o interese dos galegos por
aprender ambas linguas asiáticas. Un total de 400 alumnos en ambos centros están actualmente matriculados
en cursos de lingua e cultura chinesa e xaponesa.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
O BNG critica normativa comunitaria
O deputado do BNG, Iago Tabarés,
amosou a crítica do seu partido a propósito da nova directiva comunitaria dos inmigrantes en situación
irregular, que foi cualificada como “limitadora de dereitos”. Tabarés insta á Xunta a explicar cantos
centros de internamento de inmigrantes irregulares existen en Galicia.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 11/05/2008 |
 |
Arxentina
Os estragos da inflación
O xubilados galegos emigrantes na Arxentina
están a sufrir as secuelas da inflación nas súas pensións, tomando en conta que a maioría
perciben pensións mínimas (600 pesos: 130 euros). Os datos oficiais estiman a inflación no
8%, pero empresas consultoras privadas estiman este índice entre o 20 e 25%. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
O éxodo laboral a Galicia
Segundo o sindicato portugués SCN,
aproximadamente 20.000 portugueses cruzan diaria ou semanalmente a fronteira con Galicia para traballar principalmente
no sector da construción na nosa Comunidade, co cal contribúen ao mantemento dos seus respectivos
pobos do Norte de Portugal. En Galicia existen empadroados un total de 14.300 portugueses. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 10/05/2008 |
 |
Galicia
Congreso internacional sobre o inglés
Estudantes de posgrao dos departamentos
de Inglés da USC e da Universidade de Vigo organizaron en Santiago o I Congreso Internacional de Posgraos
en Lingüística Inglesa, coa participación de estudantes de Finlandia, Ucraína, Alemaña,
Francia, Bélxica, África do Sur e España.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 09/05/2008 |
 |
Galicia
Convenio UDC-Fundación Galicia
Europa
O rector da Universidade da Coruña, José
María Barja, asinou un convenio de colaboración co director da Fundación Galicia Europa, Julio
César Fernández Mato, para levar a cabo un posgrao en “Dereito. Especialidade de Estudo da Unión
Europea”. Este posgrao recibirá estudantes de EEUU, Europa e América Latina. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Irmanamento con Asís
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo,
e da cidade italiana de Asía, Claudio Ricci, formalizaron un protocolo de irmanamento para a promoción
de iniciativas conxuntas de peregrinación e comunicación aérea. Esta iniciativa xorde da peregrinación
realizada por San Francisco de Asís á tumba do Apóstolo Santiago en 1214, así como
da vinculación de Santiago coa orde franciscana.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Pesca
A punto a Oficina de Vigo
Os 35 eurofuncionarios e altos cargos que traballan
en Bruxelas na sede provisional da Axencia Comunitaria para o Control da Pesca, chegarán a Vigo a comezos
de xuño, a falta de incorporarse o resto da nómina de sesenta funcionarios, ademais doutros servizos
e persoal subcontratado. (Fonte: La Voz
de Galicia).
Economía
Cara a internacionalización empresarial
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
anunciou que a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), porá
en marcha dúas liñas de axudas para a internacionalización das empresas galegas e para facilitar
o acceso a créditos aos titulares de explotacións agrícolas e gandeiras. Estas liñas
terán unha achega de case 6,5 millóns de euros, mentres que a subvención dos xuros dos créditos
dos agricultores e gandeiros conlevará un investimento de 2,1 millóns. (Fonte: xornal.com).
Inmigración
Ferrol pola integración
O concello de Ferrol promoveu unha serie de encontros
interculturais baixo o programa Mundo Mistura. Colectivos inmigrantes de Cuba, Ecuador, Uruguai e Brasil participaron
nestes eventos culturais e gastronómicos. En Ferrol están empadroados uns 1.414 inmigrantes e emigrantes
retornados. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 08/05/2008 |
 |
Galicia
O enlace con América Latina
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo,
considerou que o proxecto da Cidade da Cultura servirá como “enlace perfecto” de Europa con América,
tomando como referencia de apertura o 2009.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Cara a protección das aves
A Xunta asegurou que cumprirá coa orde emanada
en xullo pasado polo Tribunal Superior de Xustiza da UE que lle obrigaba a ampliar as zonas de protección
da diversidade das aves en Galicia. O comunicado realizado polo conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez,
saía ao paso da advertencia emanada da Comisión Europea sobre o incumprimento dalgunhas destas sentencias. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 07/05/2008 |
 |
Unión Europea-Pesca
Piden medidas contra a piratería
Tralo caso do secuestro do pesqueiro “Praia de Bakío”,
a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, reuniuse co comisario europeo de Pesca, Joe
Börg, para pedir un “compromiso político” á UE a fin de crear unha “forza multilateral” no seo
da ONU que protexa aos pescadores da piratería. Gallego tamén avogou por unha política comunitaria
punitiva cara os responsables da contaminación marítima.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Ilegal imposto de carburante
A Comisión Europea declarou como “ilegal” o denominado
“céntimo sanitario” que, desde 2004, a Xunta cobra sobre os carburantes para financiar a sanidade. Bruxelas
considerou que este cobro vulnera a lexislación comunitaria, polo que preme ao goberno español a
eliminalo nun prazo de dous meses. (Fonte:
Faro de Vigo).
Cooperación
Catro millóns de euros para cooperación
A directora xeral de Cooperación Exterior da
Xunta, Fabiola Sotelo, anunciou que 28 ONGs e axentes da cooperación da Xunta, recibirán un total
de 4,1 millóns de euros para 31 proxectos en quince países de África e América Latina.
Segundo Sotelo, este monto beneficiará a 260.000 persoas de forma directa e uns dous millóns de persoas
de forma indirecta. Para 2008, as iniciativas de cooperación exterior galega estarán centradas en
Nicaragua, Honduras, El Salvador, Guatemala, República Dominicana, Cuba, Haití, Bolivia, Ecuador,
Perú, Senegal, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique e Etiopía. (Fonte: El Correo Gallego).
EEUU
Ascenso de Terras Gauda
A bodega galega Terras Gauda aumentou nun 18% as súas
exportacións no 2007, especialmente en EEUU, país onde reforzou a súa posición grazas
ao acordo de distribución asinado coa empresa A.V. Brands.
(Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Inventario do patrimonio artístico
A Deputación de Pontevedra e a Fundación
Mundo Nuevo de Arxentina farán un inventario e clasificarán o patrimonio plástico de artistas
galegos como Laxeiro, Colmeiro, Castelao, Cao Luces, Arturo Cuadrado, Seoane e Virxilio Blanco, que se conservan
nos centros de emigrantes galegos en Arxentina e Uruguai.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Festival de Dereitos Humanos
A Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires
acolleu a presentación da décima edición do Festival Internacional de DerHumALC, Cine de Dereitos
Humanos, que incluíu a proxección do documental “Liste, pronunciado Lister”, dirixido por Margarita
Ledo Andión. (Fonte: xornal.com).
México
Reunión empresarial
A consellería de Economía e Facenda, a
través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a secretaría xeral de Relacións
Exteriores da Xunta, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia e as distintas cámaras
de comercio, organizará en outubro próximo unha “Semana de Galicia en México”, cunha convocatoria
multisectorial destinada a introducir as empresas galegas neste país latinomericano. Os principais sectores
económicos galegos que participarán son o téxtil, a consultoría e formación,
a alimentación e bebidas, as artes gráficas para o sector editorial, a construción, a confección
e as enerxías renovables. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Cuba
O galego en Cuba
O libro “De raíz profunda: Galicia y lo gallego
en Cuba” foi presentado en Santiago, trala súa gran acollida editorial na recente Feira do Libro da Habana
en febreiro pasado. O libro foi editado pola Xunta e a USC e consta de catorce estudos de investigadores cubanos
e galegos. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 06/05/2008 |
 |
Diáspora
Voto en urna para o 2009
Os tres partidos con representación no Parlamento
galego, o PSdG, o PPdG e o BNG, presentarán ante o goberno central en Madrid unha proposta unánime
para garantir a limpeza do voto exterior, defendendo o voto en urna de cara ás eleccións autonómicas
galegas en 2009. Segundo un estudo realizado pola secretaría xeral de Emigración, un total de 220.000
galegos dos 324.000 inscritos no exterior poderán votar en urna.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Instituto Confucio en Santiago
De visita na capital galega, o alcalde da localidade
chinesa de Qu Fu, propuxo a apertura en Santiago dun Instituto Confucio para a ensinanza do idioma e a cultura
chinesa. A delegación oriental tamén amosou a súa satisfacción pola presenza de Santiago
na Exposición Universal Xangai 2010.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 05/05/2008 |
 |
Unión Europea-Galicia
Na cola das FP
Só un 35,7% dos galegos acoden aos ciclos formativos
de Formación Profesional (FP), estando así á cola europea. Holanda, Bélxica, República
Checa e Gran Bretaña lideran esta clasificación, cun 65% do alumnado en FP. A consellería
de Educación espera fomentar o FP no seu Plan Galego de Formación Profesional ata o 2011. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Premio para o augardente de Vedra
A empresa de oruxos Augardentes de Galicia, a través
da súa marca Vedra do Ulla, recibiu unha medala de ouro na décimo cuarta edición do Concurso
Mundial en Bruxelas, na que participaron 299 empresas do mundo.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 04/05/2008 |
 |
Galicia
Visita de familiares de Fidel Castro
Familiares do ex presidente cubano Fidel Castro preparan
unha viaxe a Galicia, especificamente á localidade lucense de Láncara, terra dos seus antepasados,
especialmente Ángel Castro Ruz, pai de Fidel.
(Fonte: El Correo Gallego e xornal.com).
Téxtil
Critican a unha firma chinesa
A Asociación de Empresas de Punto e Confección
das provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense (AIPC), que representan a unha centena de empresas téxtiles,
amosou o seu malestar ante o Comité Olímpico Español (COE) polo encargo de deseño e
elaboración dos uniformes do equipo olímpico español á firma chinesa LI-Ning. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 03/05/2008 |
 |
Portugal
Eixo Atlántico para o 2015
O Eixe Atlántico de alta velocidade entre Ferrol
e Portugal estaría operativo para o 2015, trala aceptación destas infraestruturas por parte do Ministerio
de Fomento. (Fonte: El Correo Gallego).
Irlanda
Promoción turística galega
A consellería de Innovación e Industria,
a través de Turgalicia e o Centro Superior de Hostalería de Galiza, presentou o Camiño de
Santiago e a gastronomía do noso país nunha serie de encontros gastronómicos celebrados na
localidade irlandesa de Dingle. (Fonte:
Galiza Nación).
 |
| 02/05/2008 |
 |
Galicia
Estranxeiros como empregados do fogar
Segundo datos da Seguridade Social, un 50% dos 417 homes
que traballan no servizo doméstico son estranxeiros, principalmente de países sudamericanos. No caso
das 3.400 mulleres estranxeiras que traballan como empregadas do fogar, a maioría proveñen de Colombia
e Brasil. (Fonte: El Correo Gallego).
Uruguai
Vivendas en Montevideo
A través da súa colaboración coa
Intendencia Municipal de Montevideo, a consellería de Vivenda e Solo financiará con 400.000 euros
a construción de 64 vivendas nos asentamentos de La Vereda e Pasos de las Duranas, nas aforas da capital
uruguaia, onde habitan familias de baixos recursos económicos.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 01/05/2008 |
 |
Galicia
Polo desenvolvemento sostible
A conferencia das Cidades do Arco Atlántico celebrada
en Santiago reiterou a súa vontade de constituírse nun lobby influínte dentro das políticas
rexionais da Unión Europea, especialmente en materia de desenvolvemento urbano sostible. Este organismo
reúne a 40 cidades de Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).
|