Diario Exterior / abril de 2008

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/04/2008
Téxtil
Inditex en Seúl
A empresa téxtil Inditex, propiedade de Amancio Ortega, abriu dúas tendas en centros financeiros e comerciais da capital surcoreana Seúl, sumando 93 establecementos na rexión Asia-Pacífico, así como ampliando a súa presenza a 69 países. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Polémica política pola viaxe a Cuba
O secretario xeral da consellería de Cultura, Carlos Amoedo, acusou ao PPdG de “facer unha especie de yihad” polo custe da viaxe e da organización da participación galega na Feira Internacional do libro de La Habana, celebrada en febreiro pasado. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Santiago no Arco Atlántico
A exposición itinerante “Cidades atlánticas, portas da mundialización”, sobre as relacións de intercambio das urbes atlánticas desde o século XV, foi presentada en Santiago polos representantes deste organismo, das cidades de Avilés, Vigo, Limoges, Nantes, Burdeos, Xixón, Rennes, Lorient e Porto. Esta exposición percorrerá Europa durante tres anos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Ordes con oficina de emigrantes
O concello coruñés de Ordes proporcionará atención especializada a emigrantes retornados e inmigrantes a través dunha oficina de información e asesoramento permanente xestionada pola ONG “Ecos do Sur”. (Fonte: La Voz de Galicia).
29/04/2008
Unión Europea-Marítima
Analizan o combate á piratería
A petición española, os ministros de Asuntos Exteriores da UE manterán un debate sobre o combate contra a piratería no Océano Índico e o Golfo de Guinea, trala crise causada polo secuestro do atuneiro “Praia de Bakío”. Pola súa banda, o deputado do BNG, Bieito Lobeira, lembrou no Parlamento galego que o seu movemento pedira en outubro de 2007 maiores medidas oficiais para afrontar a seguridade dos caladoiros no Océano Índico. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Voluntarios para a ONU
O programa do Voluntariado Universitario de Nacións Unidas ante os Obxectivos do Milenio presentou as solicitudes para 45 prazas aos estudantes da USC, para participar en proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Burkina Faso, Sri Lanka, Tailandia, Ruanda, Kyrguztan, Indonesia, India, Nepal, Vietnam, Bolivia, Brasil, República Dominicana, Ecuador, Exipto, Guatemala, Honduras e Perú. O prazo está limitado ata o 13 de maio. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/04/2008
Galicia
Expulsado militante pro-israelí
Pedro Gómez-Valadés foi finalmente expulsado da militancia do BNG por dirixir a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI), tras unha decisión adoptada pola maioría dos membros do consello comarcal do BNG de Vigo. Gómez-Valadés, quen asistiu á asemblea sen coñecer que ía a votarse a súa expulsión, declarou que esta decisión probablemente viña precedida pola negativa nacionalista a votar unha resolución de condena do holocausto xudeu. Pola súa banda, a AGAI cualificou de “fascista” a expulsión de Gómez Valadés. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Satisfacción por apoio ao patrimonio inmaterial
O colectivo galego “Ponte nas Ondas” valorou moi positivamente o interese mostrado polo director xeral da UNESCO, o xaponés Koichiro Matsuura, polo patrimonio inmaterial galego-portugués, durante a súa reunión co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. O colectivo subliñou que este apoio garante a receptividade para que Galicia presente propostas e “abre as posibilidades de inscribir en 2009 o patrimonio común galego-portugués na primeira Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial Mundial”. (Fonte: vieiros.com).

China
Compostela Monumental en Xangai
A Asociación de comerciantes e empresarios da zoa histórica de Santiago, agrupados en “Compostela Monumental” anunciou a súa participación na Feira Internacional Expo 2010 de Xangai. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
Protección contra a piratería
A conselleira de Pesca, Carmen Gallego, informou que a Xunta pediu a protección por parte dun organismo “multilateral e multinacional” baixo o amparo da ONU, para protexer da piratería aos pesqueiros que fanan nas augas das costas africanas e do Océano Índico, tralo suceso ocorrido contra o atuneiro basco con tripulación galega “Praia de Bakío”. (Fonte: El Correo Gallego).
27/04/2008
Marítima
Liberados os secuestrados do “Praia de Bakío”
Finalmente, mediante pago de rescate por parte do goberno español, os trece tripulantes do atuneiro basco “Praia de Bakío” foron liberados polos seus secuestradores somalís, e enviados ás illas Seychelles escoltados pola fragata “Méndez Núñez”. Os oitos galegos de Baiona, Marín, Cangas e Vigo lograron comunicarse cos seus familiares trala liberación. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Abrirán oficinas en Europa
A Xunta ampliará ás seis principais cidades europeas a rede de oficinas de información laboral no exterior que xa existe en América Latina, a fin de favorecer o retorno de mozos descendentes de emigrantes galegos. Este anunciou foi realizado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no marco dun encontro en París coa mocidade galega residente en Europa, principalmente de Alemaña, Bélxica, Holanda, Portugal, Suíza, Andorra e Liechtenstein, que participaron nunha reunión preparatoria do primeiro congreso da mocidade galega residente en países europeos, a celebrarse en outubro próximo na cidade alemán de Frankfürt. Entre 2002 e 2006 retornaron a Galicia un total de 38.757 galegos procedentes de países europeos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Estranxeiros reclusos en Galicia
Marrocos, Alxeria e Portugal son os países con maior poboación estranxeira reclusa nas cárceres galegas, con 165 naturais destes países. Romanía, Venezuela, Francia, Gana, Gran Bretaña, Mauritania, República Dominicana, Liberia, Guinea Ecuatorial, Guinea Bissau, Serbia, Montenegro e México son outros países con reclusos en Galicia, tanto en poboación masculina como feminina. (Fonte: La Voz de Galicia).
26/04/2008
Cultura
Torre de Hércules como patrimonio humano
A xuntanza en París entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o director xeral da UNESCO, o xaponés Koichiro Matsuura, deu un paso adiante na defensa da candidatura da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. A proposta galega será examinada no cumio de Patrimonio da Humanidade da UNESCO a celebrarse en Sevilla en 2009. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Enxeñeiros transfronteirizos
Un grupo de enxeñeiros de Galicia e Portugal presentaron en Valença do Minho un proxecto de integración transfronteiriza denominada “Plataforma para a Mobilidade e Cooperación das Enxeñerías de Galicia e Norte de Portugal”. O obxectivo é lograr unha maior efectividade neste tipo de cooperación, recoñecida por leis europeas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Intercambio audiovisual
Tralos acordos alcanzados entre o Consorcio Audiovisual de Galicia e a secretaría Xeral de Comunicación da Xunta co Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) en abril de 2007, entre o 12 e 16 de maio celebrarase na Habana unha mostra das producións audiovisuais galegas e, posteriormente, presentarase en Galicia unha mostra da produción audiovisual cubana. (Fonte: La Voz de Galicia).
25/04/2008
Marítima
Desánimo no “Praia de Bakío”
As breves e escasas conversas telefónicas cos seus familiares por parte dos oito galegos secuestrados nesta embarcación por piratas en Somalia amosan o seu nivel de desánimo e preocupación. O goberno español enviou á fragata “Méndez Núñez”, un avión de combate, tres de destacamento e envío de persoal diplomático e de negociación, seis axentes do CNI e cinco GEOS para afrontar calquera eventualidade que obrigue ao asalto pola forza para liberar aos 13 tripulantes. (Fonte: El Correo Gallego).

Cooperación
A Coruña afronta catro proxectos
A Deputación de A Coruña aprobou catro proxectos de cooperación internacional, valorados en 259.000 euros, nos que destacan a ampliación dun orfanato en Addis Abeba, capital etíope, unha campaña institucional de sensibilización solidaria e a nova sede do patronato da Cultura Galega de Montevideo, capital uruguaia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Xacobeo
París apoiará o Camiño de Santiago
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, iniciou a súa visita institucional á capital francesa cun encontro coa primeira tenente de alcalde e conselleira rexional, Anne Hidalgo, con quen acordou estreitar os lazos de cooperación cultural entre a capital francesa e a galega, aproveitando as sinerxías e potencialidades que ofrece o Camiño de Santiago. Nesta liña ambos coincidiron en destacar a necesidade de “construír o patrimonio cultural do futuro” aproveitando tamén as futuras potencialidades da Cidade da Cultura. (Fonte: xornal.com).

Galicia
Rede Europea de Transxénicos
Representantes das Consellarías do Medio Rural e Medio Ambiente asistiron en Bilbao á VI Conferencia da Rede de Rexións Europeas Libres de Transxénicos, alimentos modificados xenéticamente. Esta rede está formada por 43 territorios europeos, entre os que se atopan 15 rexións de Francia, 11 de Italia, 9 de Austria e 2 do Estado español (Asturias e o País Vasco). (Fonte: xornal.com).
24/04/2008
Arxentina
Galicia na Feira do Libro
Por segundo ano consecutivo, unha vintena de editoriais galegas participaron na Feira do Libro de Bos Aires, dentro dun programa coordinado pola Consellería de Cultura da Xunta que incluíu mesas redondas, obradoiros e recitais poéticos. Na Feira de Bos Aires participaron un total de 47 países. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
Temen uso da forza no “Praia de Bakío”
Os tripulantes do atuneiro basco “Praia de Bakío” retido por piratas nas costas somalís, entre eles oito galegos de Baiona e Cangas, amosaron a súa preocupación ante a posibilidade de que as autoridades españolas utilicen a forza para un asalto á embarcación, tomando en conta a súa presenza militar naval e aérea. As negociacións entre o goberno español, as autoridades somalís e o embaixador español en Quenia, non avanzaron satisfactoriamente. (Fonte: La Voz de Galicia e Faro de Vigo).

EEUU
Edificio histórico para Casa de Galicia
A comisión encargada de preservar os edificios históricos de Nova York incluíu na súa lista ao Webster Hall, adquirido en 1969 pola Unidade Galega, formada por emigrados da Fronte Popular Antifascista Galega. O Webster Hall foi coñecido polos seus espectáculos musicais e de teatro. (Fonte: La Voz de Galicia).
23/04/2008
Marítima
Posible intervención militar somalí
Fontes militares deste país e da súa rexión de Puntlandia afirmaron a posibilidade de asaltar militarmente o barco atuneiro basco “Praia de Bakío”, a fin de liberar a súa tripulación, na que se atopan cidadáns galegos, secuestrados dende fai días por piratas. (Fonte: vieiros.com).

Uruguai
Esperan concretar proxecto de Ence
De visita na Deputación de Pontevedra, o ministro uruguaio de Transportes e Obras Públicas, Víctor Rossi, afirmou esperar que “o importante investimento” que supón o proxecto de Ence en Conchillas, xunto ao río da Plata na fronteira uruguaia con Arxentina, logre concretarse sen problemas, tras decidirse “por ampla maioría” a posta en marcha deste proxecto. (Fonte: La Voz de Galicia).

China
Empresarios apoian a Expo Xangai
O empresariado santiagués anunciou o seu apoio á presenza de Santiago na Feira Internacional de Xangai 2010, na que se ofrecerá unha ampla exposición da gastronomía e cultura de Galicia, con especial énfase na súa oferta hostaleira e a difusión do seu patrimonio histórico. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Touriño na UNESCO
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, partirá en viaxe oficial a París a fin de reunirse co director xeral da UNESCO, M. Koichiro Matsuura, así como para manter un encontro coa colectividade galega residente na capital gala. (Fonte: xornal.com).
22/04/2008
Galicia
Aumentan afiliados estranxeiros
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, o número de afiliados estranxeiros en Galicia aumentou a 42.776 en marzo, un incremento interanual de 19,7%. (Fonte: xornal.com).

Uruguai
Novas vías de investimento
O ministro uruguaio de Obras Públicas e Transporte, Víctor Rossi, encabezou unha delegación de empresarios deste país sudamericano para visitar Galicia e entrevistarse coas autoridades políticas e diversos empresarios. Rossi instou a investir no sector da construción no seu país, especialmente ante a auxe do sector inmobiliario, así como na posibilidade de alcanzar novas vías de colaboración en materia portuaria e marítima. (Fonte: Galicia Hoxe e xornal.com).
21/04/2008
Pesca
Secuestrado atuneiro en Somalia
O atuneiro basco “Praia de Bakío”, con oito tripulantes galegos, foi secuestrado por piratas nas augas internacionais de Somalia, na costa nororiental africana. O BNG solicitoulle ao goberno estatal maiores medidas de prevención para evitar estes actos de piratería. (Fonte: Galiza Nación e Vieiros).
20/04/2008
Venezuela
Nova fase na busca de Reinoso
O comisario Luis Monroy, da Brigada Antiextorsión e Secuestros do Corpo de Investigacións Científicas, Penais e Criminalísticas (CICPC) anunciou o inicio dunha nova fase de redadas na busca do emigrante galego Raimundo Reinoso, secuestrado o pasado 26 de febreiro na capital, Caracas. Reinoso, de 67 anos, atopase nunha situación delicada de saúde. As operacións están desenvolvéndose na capital e no estado occidental de Zulia. Os secuestradores pediran 150.000 pola súa liberación. (Fonte: El Correo Gallego).
19/04/2008
Unión Europea-Galicia
Santiago e o URBACT II
O departamento de Urbanismo do concello de Santiago será o encargado de liderar o programa europeo Urbact II, que ten como finalidade analizar as políticas de vivenda na UE, a fin de deseñar os proxectos destinados á integración e cohesión social. Xunto a Santiago foron elixidas as cidades de Hamburgo (Alemaña), Medway (Reino Unido), Nantes (Francia) e Siemianowice Slaskie (Polonia). (Fonte: El Correo Gallego).
18/04/2008
Galicia
Ourense promove bolsas internacionais
Un total de 40 alumnos ourensáns recen titulados serán beneficiados por unha bolsa internacional financiada pola Deputación para realizar prácticas en empresas e aprendizaxe de idiomas durante tres e catro meses en Portugal, Italia, Francia, Alemaña e Irlanda. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
A Bos Aires galega
O Consello da Cultura Galega presentou o libro de Rui Farías “Buenos Aires gallega”, que reúne unha serie de conferencias ditadas en agosto de 2007 na capital arxentina, sobre a pegada da inmigración galega no país sudamericano. (Fonte: La Voz de Galicia).

Turismo
Santiago promóvese en China e Xapón
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o alcalde santiagués Xosé Sánchez Bugallo, acordaron o apoio oficial á participación de Santiago na Exposición Universal Xangai 2010. Ademais de a China, a concellería de Promoción Económica de Santiago dirixe a súa atención cara Xapón, trala participación en foros turísticos nas cidades de Tanabe e Tokio. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Instan a investir en América Latina
Durante unha xuntanza celebrada en Vigo, o representante do Banco Mundial e especialista en auga e saneamento para América Latina, Manuel Mariño, animou ao empresariado galego a formular vías de investimento en América Latina e países en desenvolvemento,a fin de propiciar mellores mecanismos de desenvolvemento económico. Outro eido de importancia é o factor enerxético, instando a exportar a experiencia nesta materia. (Fonte: La Voz de Galicia e El Correo Gallego).

Inmigración
Colaboración para a integración
O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Ames, Carlos Fernández, fixaron os termos da colaboración que os seus departamentos manterán en materia de inmigración para prestar información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral aos concellos de Galicia en unidades especializadas para o desenvolvemento de actuacións como: información xurídica e trámites administrativos a realizar; difusión de información sobre a tramitación de permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar, programas formativos e de inserción laboral, entre outras cuestións. (Fonte: xornal.com).
17/04/2008
Marítima
Visita da armada norueguesa
O alcalde de Ferrol, Vicente Irrarri, recibiu a Svein Erik Kvalvaag, comandante da terceira fragata que Navantia constrúe para a Armada de Noruega, a ser entregada a finais de abril. Irrarri e Kvalvaag coincidiron en reforzar os lazos entre Ferrol e Noruega, principalmente no eido marítimo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Regresa tripulación de Gabón
A tripulación galega e andaluza dos nove barcos que levaban desde hai máis dun mes inmobilizados en Santo Tomé, en Gabón, regresou a Huelva, porto base dos buques e a armadora. (Fonte: Galiza Nación).
16/04/2008
Diáspora
Acordo político para a lei electoral
Nunha inédita comparecencia ante os medios de comunicación, os representantes dos tres partidos políticos con presenza no Parlamento galego, o PPdG, o PSdG e o BNG, anunciaron o seu acordo de enviar ao goberno estatal a proposta de reforma da lei electoral para que os emigrantes poidan exercer o seu voto en urna, de cara ás próximas eleccións, a celebrarse no 2009. (Fonte: Vieiros e Galiza Nación).

Galicia
Apertura da Casa do Brasil
A Asociación Cultural de Brasil en Galicia abriu en Santiago a Casa do Brasil como espazo de encontro entre a comunidade emigrante brasileira e os demais colectivos sociais en Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Uruguai
Abrirán representación da Xunta
Trala apertura en Bos Aires en outubro de 2007 da Oficina de Representación da Xunta no Exterior, o secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio César Fernández Mato, anunciou que será en Montevideo, a finais de 2008, cando se abra a segunda oficina de representación exterior da Xunta. (Fonte: La Voz de Galicia).
15/04/2008
Portugal
Reforzan a cooperación cultural
A consellería de Cultura e varios responsables do goberno portugués asinaron en Santiago a presentación de catro proxectos transfronteirizos Galicia-Portugal para as axudas europeas Interreg IV-A, coa pretensión de alcanzar o financiamento Feder dun 75% dos 6,28 millóns de euros de investimento para proxectos comúns en cultura, deporte tradicional e patrimonio. (Fonte: El Correo Gallego).

EEUU
Xira do Viño de Valdeorras
A bodega ValdeSil, de Vilamartín de Valdeorras, iniciará unha xira de promoción dos seus viños por EEUU, concretamente nas cidades de Nova York, Dallas e San Francisco, participando en diversas feiras gastronómicas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Marítima
Problemas polo encarecemento do gasóleo
O xerente adxunto da Cooperativa de Armadores de Vigo, José Antonio Suárez-Llanos, quen tamén é secretario da European Association of Fish Producers Organization, reuniuse co eurocomisario de Pesca, Joe Börg, a fin de recramar medidas para evitar que o encarecemento do prezo do gasóleo afecte á actividade pesqueira dos armadores vigueses. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Conversas pola reforma do voto emigrante
Tras cinco meses de paralización, os tres grupos políticos con representación no Parlamento galego, o PSdG, o PPdG e o BNG, reuníronse para retomar as conversas sobre a reforma da normativa que regulamenta o voto dos galegos que residen no exterior. Nas anteriores reunións celebradas en outono de 2007, evidenciáronse discrepancias de fondo entre as tres forzas políticas. (Fonte: Galiza Nación).
14/04/2008
Diáspora
A cultura no exterior
A secretaría xeral de Emigración abriu unha liña de axudas para fomentar a realización de actividades culturais nas comunidades galegas do exterior que compartan vida social e cultural con Galicia. O orzamento está cifrado en 120.000 euros, principalmente destinados a difundir o patrimonio galego no exterior. (Fonte: La Voz de Galicia).
13/04/2008
Sáhara
Na busca co seu recoñecemento
O Parlamento galego acolleu a duodécima edición da Conferencia de Intergrupos Parlamentarios baixo o lema “Paz e Liberdade”, na que se aprobou unha resolución sobre a situación actual do Sáhara Occidental. Neste acto participaron o delegado en España da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Bucharai Hamudi, representantes do Fronte Polisario en España e doutras institucións solidarias co pobo saharauí. Neste sentido, o deputado do BNG, Xosé Ramón Paz Antón, rexistrou unha proposición non de lei que insta ao goberno español a recoñecer de forma oficial á RASD. (Fonte: La Voz de Galicia e Galiza Nación).

Perú
Galegos abren nova ruta
Os montañeiros Rubén Suárez e Pablo Fadeville, naturais do concello coruñés de Negreira, foron invitados a unha expedición para achegarse á mítica cidade perdida de Vilcabamba la Grande, na selva peruana, na que tentarán abrir outra vía cara a cima do Nevado Choquezafra, de 5.164 metros, así como unha segunda vía con maior dificultade orográfica. (Fonte: El Correo Gallego).
12/04/2008
Galicia
Polémica viaxe a China
Representantes do PPdG, o PSdG, o BNG e a Deputación de Lugo reuníronse para tratar aspectos relativos a unha viaxe oficial a China, cun marcado carácter comercial. As empresas Ingapán, Azkar e Puerto de Celeiro confirmaron a súa asistencia. Un tema a discusión foi a situación dos dereitos humanos no Tíbet e a conveniencia de realizar esta viaxe institucional. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Referencia veterinaria para Europa
Unha comisión de expertos da Asociación Europea de Establecementos de Ensinanza Veterinaria (AEEEV) supervisou satisfactoriamente a facultade de Veterinaria da USC en Lugo, considerando no seu ditame que este centro non posúe ningunha deficiencia significativa, constatándoa como un “modelo de traballo a seguir” noutros centros europeos. (Fonte: El Progreso).
11/04/2008
Galicia
Proxecto Home para Europa
Unha delegación da Federación Europea de Comunidades Terapéuticas (EFTC) visitou Santiago para coñecer o labor que desenvolven os centros do Proxecto Home a través de programas de rehabilitación e reinserción social de persoas drogodependentes en Galicia. A EFTC reúne a 25 países europeos e amosou o seu interese en coñecer o modelo formativo de inserción que se desenvolve en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Aumentan os bolseiros do Erasmus
A consellería de Educación ampliará a 190 o número de bolseiros estranxeiros que participarán no Plan de Ensinanza de Linguas Estranxeiras nas tres universidades galegas, especialmente centrados na ensinanza do inglés e do francés. (Fonte: El Correo Gallego).
10/04/2008
Galicia
Irmanamento con Australia
O alcalde ferrolán Vicente Irisarri, activou os contactos diplomáticos para o irmanamento entre Ferrol e a cidade australiana de Adelaide, principalmente pola notable relación naval existente coa empresa Navantia na construción de barcos para a Armada australiana. A posibilidade do irmanamento tamén contempla o intercambio estudantil con mozos australianos. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Recepción da TV e radio en portugués
O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo BNG para posibilitar a recepción das televisións e radios portuguesas en Galicia. A iniciativa foi defendida polo portavoz en materia lingüística do Bloque, Bieito Lobeira, quen indicou que con este paso se trata de “corrixir unha constante histórica de ruptura entre pobos irmáns por motivos estritamente políticos”. (Fonte: Vieiros).

Cuba
Os gastos da Feira do Libro
Durante a súa comparecencia ante o Parlamento galego, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, asegurou que o custe final da expedición galega á Feira do Libro da Habana foi de 1,3 millóns de euros. Bugallo saíu así ás críticas do PPdG sobre o custe real dos gastos desta viaxe institucional. (Fonte: La Voz de Galicia).

Brasil
Ferrol promoverá feira loxística
A Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao promoverá a Intermodal South America, a maior feira loxística naval e marítima de América Latina, a celebrarse en São Paulo (Brasil), a mediados de abril. (Fonte: La Voz de Galicia).
09/04/2008
Galicia
Acollerán a nenos de Chernobil
Dez rapaces rusos afectados pola catástrofe da central nuclear de Chernobil en 1986 serán acollidos na nosa Comunidade o próximo verán, dentro dun programa levado a cabo pola ONG ourensá “Ledicia Cativa”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Sen base contra vertidos
A Axencia Europea de Seguridade Marítima (AESM) asegurou non ter nos seus plans inmediatos colocar en Galicia ningún dos 16 barcos anticontaminación subcontratados por este organismo dependente da Comisión Europea. O mar Negro e o mar do Norte serán os beneficiados a mediano prazo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Coordinarán inspeccións laborais
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou no Parlamento galego que a Consellería de Traballo promoverá a celebración dun encontro, o vindeiro 25 de abril na cidade de Ourense, co fin de coordinar as inspeccións de traballo de Galicia e do norte de Portugal. (Fonte: xornal.com).

Portugal
Voz galega na Asemblea portuguesa
Alexandre Banhos, presidente da AGAL, e Ângelo Cristóvão, presidente da Associação Pró-Academia Galega da Língua Portuguesa, falaron en nome das entidades lusófonas de Galicia na Asemblea portuguesa, con motivo da Conferencia Internacional Parlamentar sobre o Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa, organizada pola Comissão de Ética, Sociedade e Cultura da Assembleia da República. (Fonte: Vieiros).
08/04/2008
Galicia
Denuncian o custe da feira de Xangai
O portavoz do PPdG en Santiago, Gerardo Conde Roa, denunciou que a presenza da capital galega na Feira de Xangai 2010 custará cinco millóns de euros, o que estima un “xesto excesivo” porque supera as posibilidades económicas do concello santiagués. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Intercambio estudantil en Bertamiráns
Unha delegación de tres profesores e nove mozos provenientes de institutos de Grecia, Italia e Francia foi recibida no IES de Ames en Bertamiráns, como parte do programa europeo Comenius. En Ames coordínase este proxecto desde 2006. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Bolsas en empresas europeas
A Universidade da Coruña acaba de convocar 30 bolsas Leonardo para que titulados recentes realicen prácticas en empresas de Alemaña, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido e República Checa. Estas bolsas totalizan un valor de 81.754 euros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Lira interesa en Xapón
A cadea xaponesa Televisión Nishinihon (TNC) realizará en Lira (Carnota) un documental denominado “Conservamos a nosa terra”, onde tratará a loita dos pescadores galegos e xaponeses por manter limpas e vivas as súas rías. Paralelamente, o documental ofrecerá unha perspectiva de como os habitantes da Costa da Morte afrontaron a traxedia do Prestige e os incendios forestais. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Promoción exterior do viño galego
Un total de oitenta bodegas das cinco Denominacións de Orixe de viño galegas Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, e unha de licores, participarán no encontro internacional Vinis Terrae en Ourense, onde tentarán aumentar a súa promoción exterior nun encontro con representantes de 16 países, especialmente EEUU, Suíza e Xapón. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Nova edición de Ponte nas...ondas!
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou en Santiago a XIV edición da xornada de radio interescolar “Ponte nas... Ondas!” , na que participarán 40.000 alumnos de 90 centros de Galicia e do norte de Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Visita de técnicos indios
A ONG ‘Implicadas/os no desenvolvemento’ organizou unha viaxe a Galicia dos técnicos indios I. Ambalavanan e P. Bobby, para dar a coñecer á sociedade galega a situación da comunidade local de Tamil Nadu, Karaikal e Salem, onde a ONG ten proxectos en marcha, mostrando os beneficios e os cambios que supuxeron para a vida da comunidade os proxectos de cooperación ao desenvolvemento que a organización apoia e financia nesta rexión, e que leva a cabo xunto coa organización local People Development Iniatives (PDI). (Fonte: Vieiros).
07/04/2008
Unión Europea-Galicia
Recoñecer o queixo San Simón
O Diario Oficial das Comunidades Europeas publicou a solicitude de inclusión da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa no Rexistro das Indicacións Xeográficas e das Denominacións de Orixe, fase final para ser oficialmente recoñecida. Estes queixos da Terra Chá producen 300.000 quilos anuais. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade
Vigo cos nenos de Zambia
A ONG Proyecto Humi pretende atender as necesidades de 220 nenos orfos da localidade de Mishikishi en Zambia, razón pola que realizou unha parada en Vigo co programa “Un vaso de leite para cada neno”. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/04/2008
Cuba
A pegada ourensán
A publicación “Ourensáns en Cuba”, promovida pola Unión Ourensán da Habana e a Fundación Fernández Ortiz, editada por Tórculo Edicións, permitiu a recompilación de testemuñas de diversos ourensáns anónimos que tiveron unha profunda presenza na illa caribeña, así como outras figuras ilustres como Curros Enríquez e Basilio Álvarez. A recompilación foi realizada por Aurelio Francos Lauredo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Un colexio multicultural
O colexio público de Barcelos en Pontevedra permite a convivencia de alumnos de trece países distintos, así como de tres relixións diferentes, correspondendo a un 15% do seu alumnado. Algúns dos países de orixe dos rapaces matriculados son Romanía, Gana, China, Brasil, México, Arxentina, Colombia, Venezuela, Ecuador e Perú. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Noite solidaria con Bolivia
Unha trintena de pubs e locais de ocio da Coruña realizaron unha iniciativa denominada “Noite Solidaria”, para colaborar coa ONG Solidariedade Internacional para recadar 0,20 euros de cada consumición para un proxecto no pobo boliviano de Sorata. O programa desenvolverase posteriormente ata xullo en Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Portonovo e Cangas. A ONG realizou anteriormente esa mesma iniciativa cara proxectos en Angola, Nicaragua, o Sáhara e Palestina. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/04/2008
Diáspora
Herdanzas sen cobrar
En diversas reportaxes publicadas no diario arxentino La Nación relátase que cada ano morren 5.000 galegos emigrantes, deixando sen cobrar as súas herdanzas en Galicia. Este baleiro patrimonial ven precedido pola ausencia dun banco de datos da diáspora que permita á Xunta e aos bancos galegos atopar aos herdeiros, tal e como sucede nos países anglosaxóns. As propiedades abandonadas nas zoas rurais provocan incendios e aproveitamentos indebidos. (Fonte: Nova +).

Galicia
Carencias do sistema xudicial
A falta de investimentos oficiais no sistema xudicial en Galicia provoca un marcado déficit en materia de xuíces en comparación con outros países europeos. En Galicia existen 9 xuíces por cada 100.000 habitantes, mentres en países como Alemaña, Francia, Italia ou Grecia existen entre 20 e 24 xuíces para o mesmo número de habitantes. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Desenvolvemento rural en Ferrol
Un total de 33 entidades aspirarán a xestionar os fondos europeos para o desenvolvemento rural dentro da convocatoria 2007-2013, nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Case cinco mil en Vigo
Un total de 4.726 estranxeiros dos 16.342 que habitan en Vigo foron empadroados nos derradeiros meses, principalmente de Portugal, Brasil, Arxentina, Uruguai, Bolivia, Perú, Ecuador e Venezuela. A poboación inmigrante en Vigo xa representa o 5,5% dos habitantes desta cidade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cabo Verde
Un novo porto pesqueiro
A conselleira de Pesca, Carmen Gallego, avogou pola cooperación exterior durante o II Seminario Internacional do Clúster de Empresas Pesqueiras en Países Terceiros celebrado en Huelva. Gallego informou que a Xunta construirá un novo porto pesqueiro en Cabo Verde, que beneficiará á flota palangreira galega, a maior da Unión Europea, que fana nese caladoiro. Do mesmo xeito, Gallego comprometeuse cos ministros de Pesca de Mozambique e Guine Bissau na posta en marcha de iniciativas conxuntas para construír infraestruturas portuarias, en acuicultura e vixilancia pesqueira, entre outras. (Fonte: Empresa y Finanzas).
04/04/2008
China
Dúbidas sobre Xangai 2010
O portavoz do PPdG, Conde Roa, considerou que se ben a presenza de Compostela na Feira Internacional Xangai 2010 é “positiva”, explicou que sería mais adecuado realizar unha promoción da capital galega en Europa. (Fonte: El Correo Gallego).

Venezuela
Sen noticias de Raimundo Reinoso
O comisario Sergio González, da División Antiextorsión e Secuestro do Corpo de Investigacións Científicas Penais e Criminalísticas de Venezuela, informou que non se teñen noticias sobre o paradoiro do emigrante galego Raimundo Reinoso, de 67 anos, secuestrado o pasado 26 de febreiro. A policía venezolana comeza a perder as esperanzas de atopar a Reinoso con vida. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
IGAPE promoverá a Caneliñas
O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do IGAPE, José Ramón Fernández Antonio, e o presidente do Porto de Ferrol, Amable Dopico, asinaron un convenio de colaboración por importe de 140.000 euros, para promover internacionalmente a rada exterior de Caneliñas, unha das comarcas ferrolás que forma parte do Plan de Desenvolvemento Integral das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, coordinadas polo IGAPE. Este organismo informou que participará nas feiras internacionais de París, São Paulo, Xangai, Bombay, Abu Dhabi, Xapón e Corea do Sur. (Fonte: La Voz de Galicia).
03/04/2008
China
Compostela en Xangai 2010
Santiago de Compostela terá representación propia na Exposición Universal que se realizará na cidade chinesa de Xangai en 2010, trala selección realizada polo Comité Internacional entre 30 cidades que disporán do seu propio pavillón. O concello santiagués contará co apoio do Consorcio de Santiago e espera ampliar a cooperación coa Xunta durante os seis meses que durará a Exposición en Xangai. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba
Polémica pola viaxe oficial
Os deputados do PPdG, Ignacio López Chaves e César Pérez consultaron a documentación que a consellería de Cultura aínda non remitiu ao Parlamento galego sobre a viaxe da conselleira Ánxela Bugallo á Feira Internacional do Libro da Habana, denunciando a ausencia da xustificación dos custes desta viaxe oficial. No PPdG falouse de “ocultación” e “risco de maquillaxe” mentres na consellería prometeron a presentación parlamentaria dos datos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Vigo na autopista do mar
A comisión intergobernamental de Francia e España amosou a súa intención de sinalar os portos de Vigo e Xixón como eixes fundamentais do tráfico marítimo, dentro da proxección do proxecto atlántico de autopistas do mar. (Fonte: Faro de Vigo).

Galicia
Os desaparecidos da Arxentina
A testemuña protexida e membro da Asociación de Exdetidos-desaparecidos (AEDD) de Arxentina, Nilda Eloy, falou en Santiago sobre os xuízos contra os xenocidas no país sudamericano e da loita contra a impunidade. A charla, organizada polo Club Internacional de Prensa dentro do ciclo “América Latina: presente indicativo”, tratou sobre a anulación das Leis de Obediencia Debida e Punto e Final en Arxentina, o que posibilitou a apertura nos últimos anos de xuízos contra os responsables de asasinatos na ditadura militar. (Fonte: Galiza Nación).

Unión Europea-Galicia
Unha aposta pola diáspora
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, indicou que a UE impulsará un proxecto dirixido á colectividade galega en Iberoamérica para contribuír á difusión das políticas europeas, proceso no que tamén participará a Fundación Galicia Europea a través dos programas europeos Erasmus Mundus. En principio, estase formulando a posibilidade de iniciar estes programas en Arxentina e Uruguai para así expandir este proxecto cara outros países latinoamericanos. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Galicia
Propostas galegas no sector lácteo
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, entrevistouse en Bruxelas coa comisaria europea de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Mariann Fischer, para informala da situación do sector lácteo galego e para trasladarlle propostas sobre a incidencia do acordo adoptado para o incremento lineal do 2% da cota en todos os estados membros e a posición de Galiza con respecto á reforma da PAC. (Fonte: xornal.com).
02/04/2008
Unión Europea-Galicia
Mercados en Europa do Leste
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou a súa intención de intensificar as actividades da Fundación Galicia Europa para promover Galicia nos países de Europa do Leste que se incorporaron á UE. Estas afirmacións realizáronse durante a apertura en Bruxelas da nova sede deste fundación, con motivo do seu vixésimo aniversario. Nesta ocasión, Touriño entrevistouse cos comisarios europeos para Política Exterior e de Seguridade, Javier Sólana, e de Asuntos Económicos, Joaquín Almunia. Pola súa banda, a comisaria de Política Rexional, Danuta Hübner, confirmou o apoio financeiro de Bruxelas ao desenvolvemento de Galicia no período 2007-2013. (Fonte: El Correo Gallego e AGN).

Unión Europea-Pesca
Prórroga para o porto exterior coruñés
Segundo afirmou a Autoridade Portuaria de A Coruña, ao ritmo actual, as obras de ampliación do seu porto exterior rematarían no 2011, cumprindo os seis anos e medio previstos inicialmente. Non obstante, a previsión para ese ano é de avanzar 800 metros na construción do dique, razón pola que o ente público deberá pedir unha prórroga para alcanzar os 257 millóns de euros aprobados pola UE nos Fondos de Cohesión. (Fonte: La Voz de Galicia).

Xacobeo
Delimitarán os camiños inglés e portugués
A consellería de Cultura anunciou que sacará a concurso o estudo do territorio histórico dos camiños inglés e portugués, cun orzamento calculado en 520.000 euros para 2008 e 2009. O investimento do camiño portugués resultará o de maior orzamento, debido a que inclúe os traxectos dende as provincias de A Coruña e Pontevedra. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Compra empresarial galega
A firma galega Cupa Group, asentada en Valdeorras (Ourense), mercou o grupo británico Burton Roofing Merchant, o principal distribuidor de produtos para cubertas neste país, coa maioría accionarial do 84%, calculado en 26 millóns de euros. Burton conta con cinco almacéns en Newcastle, Hull, Sockton, York e Leeds. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Acordo para piscifactoría de Mira
Os representantes do goberno portugués e Pescanova asinaron un acordo para a construción dunha macropiscifactoría de rodaballos no concello luso de Mira. Segundo este convenio, o goberno portugués achegará un mínimo de 43 millóns de euros, a pesar de que moitos grupos ecoloxistas reclamen a paralización das obras debido á proximidade do parque acuícola a terreos protexidos. (Fonte: Vieiros).

Cuba
Cambios políticos positivos
Un grupo de empresarios galegos e españois cualificaron en Vigo como “positivo” o cambio político ocorrido no país caribeño, coa elección de Raúl Castro como presidente, especialmente no referente á apertura económica e no sector hostaleiro cara a poboación cubana. Un total de 15 firmas galegas están presentes na illa caribeña, sendo de especial interese os sectores de acuicultura, naval e alimentación. (Fonte: AGN).
01/04/2008
Galicia
Reunión de cúpula xudicial
O Comité Directivo da Organización Europea das Institución Rexionais de Control Externo do Sector Público (EURORAI) reuniuse coa presidenta do Parlamento galego, Dolores Vilarino, a fin de compartir experiencias e intercambiar os seus coñecementos sobre as súas funcións. Este organismo reúne a 62 representantes de tribunais de contas de 18 países europeos. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Artes escénicas con Iberoamérica
O coordinador do programa Iberescena, Guillermo Heras, presentou en Santiago a súa iniciativa para crear un espazo de integración entre profesionais galegos das artes escénicas e os seus homólogos de Colombia, Arxentina, Chile, España, México, República Dominicana e Venezuela. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Ponteareas busca o recoñecemento internacional
O concello de Ponteareas traballa nun expediente para promover a súa festa do Corpus Christi como Festa de Interese Turístico Internacional. Para tal fin, a concellería de Turismo dese concello pontevedrés promove o seu turismo en Lisboa e noutras oficinas de turismo galegas en Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Proxectos culturais e turísticos
Os representantes dos concellos portugueses de Montalegre, Terras de Bouro, Arcos de Valdevez e Ponta da Barca reuníronse cos seus homólogos ourensáns en Lobios, para concretar os proxectos comúns en materia cultural e turística, dentro do marco de cooperación europeo transfronteirizo. (Fonte: La Voz de Galicia).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, Diario Nova +, El Correo Gallego, El Exportador, El País, El Progreso, Empresa y Finanzas, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, Galiza Nación, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2008: marzo | febreiro | xaneiro |
2007: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2006: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2005: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2004: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2003: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2002: dec | nov | out | set | ago | xul | 30xuñ | 14xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/05/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta