|
 |
| 31/03/2008 |
 |
Unión Europea-Galicia
Touriño reunirase con Javier Solana
Con motivo da inauguración en Bruxelas
da nova sede da Fundación Galicia Europa, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, viaxará
á capital europea para entrevistarse co alto representante da UE en política exterior e seguridade,
Javier Solana, e o comisario europeo de Ciencia e Investigación, Janez Potocnik. (Fonte: El Correo Gallego).
Cooperación
124 proxectos no Sur
En 2007, Galicia destinou un total de
8,4 millóns de euros en proxectos de cooperación en países en desenvolvemento, acompañando
actualmente un total de 124 proxectos en 24 países: Guatemala, O Salvador, Honduras, Nicaragua, Cuba, Ecuador,
Perú, Uruguai, Bolivia, República Dominicana, Colombia, Venezuela, Haití, Arxentina, Cabo
Verde, Sáhara, Senegal, Marrocos, Mauritania, Mozambique, Guinea Bissau, Tanzania, Etiopía e a India.
A través de diversas ONGs, así como da Xunta e outros organismos, existen 70 galegos destacados no
exterior, aos que se engaden uns 550 relixiosos de diversas dióceses galegas. En 2008, o orzamento da Xunta
para cooperación exterior está cifrado en doce millóns de euros, aínda que está
lonxe de acadarse o obxectivo do 0,4% do orzamento galego en cooperación exterior para o 2009. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 30/03/2008 |
 |
Marítima
Interese sudafricano
O segundo almirante xefe do Estado Maior
da Armada de África do Sur visitará as instalacións de Navantia en Ferrol, para coñecer
o estaleiro, co obxectivo de explorar potenciais niveis de colaboración en materia de axuda humanitaria
en operacións bélicas. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Palestina
Leila Khaled en Galicia
A refuxiada membro da Fronte Popular para
a Liberación de Palestina (FPLP), Leila Khaled, visitará o Parlamento galego, a Deputación
de A Coruña e diversos concellos, e impartirá charlas e conferencias en Ferrol, Santiago e A Coruña,
a fin de recadar apoios cara a causa palestina, o retorno dos refuxiados e a creación dun Estado palestino
laico, progresista e democrático.
(Fonte: El Correo Gallego).
Italia
Galicia na feira de Boloña
A 45º feira internacional da Literatura
Infantil e Xuvenil de Boloña contará coa participación das 19 editoriais galegas, así
como cun expositor propio da consellería de Cultura e da Asociación Galega de Editores. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 29/03/2008 |
 |
Cooperación
Formación profesional
O secretario xeral de Relacións
Exteriores da Xunta, Julio César Fernández, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis
Méndez, asinaron un convenio de colaboración para acometer o Plan de Formación dos Axentes
da Cooperación Galega, consistente en potenciar actividades, foros e debates entre diversos actores e aspectos
da cooperación tanto en Galicia como a nivel internacional.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Cumio Mundial da Educación para
a Paz
O ex director xeral da UNESCO, Federico
Mayor Zaragoza, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o presidente do Seminario Galego de Educación
para a Paz, Manuel Dios, concretaron en Santiago os mecanismos para que Galicia organice o Cumio Mundial da Educación
para a Paz no 2010, contando cunha nutrida representación da Alianza de Civilizacións da ONU. Neste
sentido, se prevé realizar este encontro mundial nas instalacións da Cidade da Cultura entre o 9
e 12 de decembro de 2010. (Fonte: El Correo
Gallego).
Diáspora
Investigarán as viaxes do PSdG
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, anunciou que remitiu ao Parlamento galego a investigación interna aberta respecto da suposta
axente electoral do PSdG que viaxou a Iberoamérica presuntamente con fondos públicos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
O Salnés busca internacionalizarse
Unha enquisa entre 266 empresas da comarca
do Salnés amosou o interese destas empresas en incrementar as súas exportacións, principalmente
en materia vitivinícola. Actualmente, exportan a países como Portugal, Reino Unido, India e Singapur,
mentres aumenta o interese por abrir novos mercados, especialmente en China e Xapón. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Pesca
Dificultades multilingües
Diversos funcionarios da Axencia Europea
do Control da Pesca que abrirá en Vigo a partir de xuño de 2008, amosaron a súa inquietude
pola dificultade para atopar centros de ensinanza en idiomas estranxeiros, principalmente inglés e francés,
na cidade galega. Neste sentido, Vigo poderá contar a partir de setembro próximo cun instituto de
ensinanza primaria inglesa, O Castro International School.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 28/03/2008 |
 |
Cooperación
Doce millóns para o Sur
O Plan Director da Cooperación
Galega para o Desenvolvemento 2006-2009 iniciou o seu terceiro período co obxectivo, segundo palabras da
directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, de “consolidar o incremento e a calidade da cooperación
galega”. Este incremento orzamental, de 28,7% con respecto ao 2007, supón doce millóns de euros que
esta dirección xestionará no exercicio de 2008, para proxectos de cooperación en África,
América do Sur, o Caribe e América Central.
(Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Pisos para retornados
A secretaría xeral de Emigración
achegará 240.000 euros a Cáritas Diocesana de Santiago, para o mantemento de programas de apoio na
consecución de pisos e apartamentos para inmigrantes e emigrantes retornados en A Coruña, Santiago,
Milladoiro, Negreira, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada e Caldas de Reis. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Uruguaios en A Coruña
A Asociación de uruguaios “25 de
agosto” colaborará co Consulado do seu país radicado en Santiago, para que os 2.000 uruguaios residente
en A Coruña poidan tramitar os seus documentos e papeis oficiais sen necesidade de trasladarse á
capital galega. (Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Querela por desaparición dun galego
O xuíz arxentino Daniel Rafecas
recibiu unha querela presentada contra o ex ministro de Economía, José Alfredo Martínez de
Hoc, actualmente de 82 anos, quen foi acusado de promover o secuestro dun alto funcionario do seu ministerio, o
emigrante galego Juan Carlos Casariego de Bel, durante os anos da ditadura militar arxentina (1976-1983).
Galicia
A FEGAMP en Bruxelas
A Federación Galega de Municipios
e Provincias (FEGAMP) organizou unha viaxe a Bruxelas, Bruxas, Gantés e Anveres, dos alcaldes de Pedrafita
do Cebreiro, Viveiro e Pantón, para coñecer as institucións europeas. (Fonte: La Voz de Galicia).
Palestina
Mulleres palestinas en Pontevedra
As activistas Ivonne Mansbach e Jumana
Odeh, do colectivo Mulleres de Negro, nado durante a Intifada de 1987, estiveron en Pontevedra para dar a coñecer
o seu proxecto de unión das mulleres israelís e palestinas en pro da paz e a xustiza. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 27/03/2008 |
 |
Galicia
Irmanamento con vila húngara
O concello coruñés de Boqueixón
recibiron a unha ducia de representantes políticos e educativos da vila húngara de Hollóko,
considerada como Patrimonio da Humanidade. Este irmanamento e os seus actos respectivos forman parte do programa
Europa. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Guía laboral para a UE
A Fundación Galicia Europea presentou
en Santiago unha “Guía de Prácticas e Saídas Laborais na Unión Europea e nas Organizacións
Internacionais”, destinada a orientar aos mozos galegos sobre as oportunidades de formación e inserción
laboral no campo comunitario e internacional.
(Fonte: AGN).
Xapón
Ourense amplía a súa promoción
A Cámara de Comercio e Industria
de Ourense instou aos seus sectores alimenticio, pedra e viño, a establecer negocios en Xapón, aproveitando
a visita do director xeral da empresa Japan External Trade Organization, Takamoto Tozuka. (Fonte: El Correo Gallego).
Sáhara
Financiarán viaxe de nenos saharauís
O concello lucense de Monterroso financiará
a viaxe de catro nenos saharauís no próximo verán, como parte do programa de solidariedade
co pobo saharauí. (Fonte: La Voz
de Galicia).
 |
| 26/03/2008 |
 |
Venezuela
Outro galego secuestrado
Raimundo Reinoso, de 57 anos, orixinario
de Ourense e de profesión comerciante, foi secuestrado o pasado 26 de febreiro no sector de La Guairita,
no leste da capital Caracas. Segundo fontes familiares, estes puideron comunicarse ata cinco veces con Reinoso
desde o seu cativerio. A Venezuela foron enviados diversos axentes españois que colaborarán coas
autoridades policiais venezolanas. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Portugal
Charla de Agostinho da Silva
O departamento de portugués da
Escola Oficial de Idiomas de Lugo recibirá en abril ao pensador portugués Agostinho da Silva, a cargo
da representación galega do Instituto Camões, e ao director de cine Luís Filipe Rocha. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Asociación téxtil
Sendo o téxtil un dos sectores
clave na relación de exportacións existentes entre Galicia e o Norte de Portugal, o goberno luso
anunciou como prioridade para o plano estratéxico do sector téxtil no período 2007/2013, a
creación dun mega-clúster entre Portugal e Galicia, a través da eurorrexión Galicia-Norte
de Portugal. (Fonte: Vieiros).
Pesca
Barcos galegos para Guinea Bissau
Con motivo da folga extraordinaria no
caladoiro de Mauritania, varios armadores do Morrazo e Vigo están valorando a posibilidade de enviar os
seus barcos a Guinea Bissau, país que conta cun acordo pesqueiro coa Unión Europea. O problema presentado
por este país estriba na limitación de licencias dispoñibles e as dificultades económicas
deste caladoiro en comparación co de Mauritania.
(Fonte: La Voz de Galicia).
EEUU
Rías Baixas aumenta a súa
promoción
O Consello Regulador de Denominación
de Orixe Rías Baixas patrocinará o programa Educadores do Viño Español, organizada
pola Academia do Viño de España, en cidades como Chicago, Boston, Filadelfia, Victoria, Vancouver
(Canadá) e Nova York. As Rías Baixas xa participaron en varios eventos de promoción en Las
Vegas, Dallas, Nova Orleáns, Washington e Chicago entre febreiro e comezos de marzo de 2008. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Prevén crear o Valedor do Emigrante
O Parlamento galego está a debater
a posibilidade de creación da figura do Valedor do Emigrante, promovida polo presidente da Xunta, Emilio
Pérez Touriño, como facilitador das demandas da poboación emigrante galega. Non obstante,
o Valedor do Pobo, Benigno López, amosou o seu rexeite por considerar que “xeraría confusión”
entre a cidadanía á hora de presentar as queixas.
(Fonte: Vieiros).
Economía
Participar nas licitacións internacionais
Durante un evento organizado pola Confederación
de Empresarios de Galicia (CEG), o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández
Antonio, salientou a gran oportunidade que supón o mercado internacional de licitacións para o crecemento
das empresas galegas ás que animou a impulsar a súa participación nel. (Fonte: xornal.com).
Arxentina
Contra a visita de Aznar
A Federación de Asociacións
Galegas da República Arxentina manifestou publicamente a súa repulsa pola visita ao país do
ex presidente do Goberno de España, José María Aznar, quen participará entre o 26 e
o 28 de marzo nun seminario internacional na cidade de Rosario.
(Fonte: Vieiros).
 |
| 25/03/2008 |
 |
Inmigración
Asistentes en aumento
Segundo datos das seccións sindicais
e as asociacións galegas especializadas en inmigración, un 90% dos asistentes e coidadores en réxime
de internado son estranxeiros, incluíndo aos case 4.000 rexistrados en réxime de fogar na Seguridade
Social. (Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Subvención para acollida de inmigrantes
A Secretaría Xeral de Emigración
transferirá, en forma de subvención, un total de 1.060.000 euros a concellos, mancomunidades de concellos
e consorcios locais para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de acollida e integración
da poboación inmigrante en Galicia, con especial énfase no eixe da educación. (Fonte: xornal.com).
China
Irmanamento con Lugo
O ex embaixador español en China,
o lucense Pablo Bravo Lozano, anunciou que o ministerio de Asuntos Exteriores autorizou a promoción da participación
dos axentes sociais lucenses no marco do irmanamento das murallas de Lugo e China, prevista para o mes de xullo. (Fonte: La Voz de Galicia).
Cooperación
Seminario internacional da muller
O Ribeiro converteuse na sede dun seminario
internacional de sensibilización para a diversificación profesional e a promoción da muller,
que contou coa participación de 30 técnicos de Ecuador, Perú, Portugal e España. (Fonte: La Voz de Galicia).
Sáhara
Recollida de gafas e medicamentos
O departamento de Servizos Sociais do
Concello de Ames organizou unha campaña de recollida de gafas e medicamentos para ser enviados ao Sáhara,
tomando en conta as dificultades dos seus habitantes para adquirir estes produtos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Brasil premia a Santiago
A revista Brazil Travel News e a Associaçao
Brasileira de Agências de Viagens elixiron Santiago como o mellor destino turístico internacional
de 2007, razón pola cal o concelleiro compostelán de Promoción Económica e Turismo,
Xosé Manuel Iglesias, trasladouse a São Paulo para recibir este premio. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 24/03/2008 |
 |
Pesca
Creación de redes en Namibia
Un técnico da Consellería
de Pesca e Asuntos Marítimos impartiu nas últimas semanas un curso de reparación e construción
de redes a traballadores das empresas pesqueiras instaladas en Namibia. Esta actividade formativa desenvolveuse
a través do Instituto Náutico-Pesqueiro da localidade de Walbis Bay (Namfi). A iniciativa forma parte
dun proxecto que se vén desenvolvendo en Namfi dende comezos de 2007, con especial énfase en fortalecer
a cooperación entre as empresas pesqueiras galegas en Namibia e Namfi para favorecer a incorporación
das necesidades da industria na calidade formativa da escola.
(Fonte: xornal.com e Galiza Nación).
 |
| 23/03/2008 |
 |
Pesca
Cooperación en Perú
A consellería de Pesca e Asuntos
Marítimos da Xunta organizou en Perú o “Taller avanzado para a definición do plan de acción
para o programa de extensión pesqueira para as comunidades pesqueiras artesanais do norte e centro de Perú”,
que se desenvolveu coa participación de setenta representantes das comunidades pesqueiras, do Ministerio
de Producción (Produce), do equipo de extensión pesqueira peruano, así como doutras institucións
relacionadas da rexión. (Fonte: xornal.com).
 |
| 22/03/2008 |
 |
Arxentina
Identificarán aos galegos vítimas
da represión
Expertos do Equipo Arxentino de Antropoloxía
Forense (EAAF) viaxarán a Galicia en abril para identificar, a través do banco xenético, os
cadáveres de 300 galegos vítimas da represión do golpe militar de 1976 na Arxentina. Nas instalacións
da EAAF están os cadáveres destes 600 persoas anónimas, entre galegos e españois. Durante
o anterior goberno de Néstor Kirchner, as denuncias de familias galegas permitiron identificar a 23 galegos. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 21/03/2008 |
 |
Solidariedade
Carballo vive a Panxea
A capital de Bergantiños celebrou
unha nova edición da feira solidaria e multicultural Panxea, que reuniu a diversas comunidades indíxenas
latinoamericanas na exposición da súa riqueza cultural. A este evento asistiron o presidente do Fondo
Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa Gil e o cónsul de Uruguai en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 20/03/2008 |
 |
Galicia
Visita de delegación chinesa
Unha delegación institucional da
rexión chinesa de Henan, a segunda con maior poboación dese país, visitou Silleda invitada
pola Fundación Semana Verde que organiza a Feira Internacional de Galicia. Tomando en conta as estreitas
relacións entre Henan e Silleda, Yang Weibin, vicedirector da Oficina de Asuntos Exteriores de Henan, informou
a José Maril, presidente da entidade silledense, da súa proposición como candidato a obter
un premio internacional que Henan concede a xefes de Estado e personalidades estranxeiras. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Ferrol solidarízase con Chiapas
O concello ferrolán adquirirá
as fotografías da exposición “Camiñando en rebeldía”, de Lorena Gael, referente ás
visitas realizadas ás comunidades indíxenas simpatizantes co zapatismo en Chiapas. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 19/03/2008 |
 |
Galicia
Peregrinación latinoamericana
Vinte mozos de países como República
Dominicana, Perú, Colombia, Bolivia e Nicaragua, así como de Madrid e outras comunidades estatais,
descendentes de galegos, realizaron a Ruta Xacobea dende Arzúa ata Fisterra, da man da Asociación
Iberoamericana para a Cooperación, o Desenvolvemento e os Dereitos Humanos (AICODE). (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Camariñas recibe a visitantes
estranxeiros
Con motivo da XVIII Mostra do Encaixe
de Camariñas, a vila coruñesa recibiu a delegados de Malta, Bulgaria, Bélxica, Italia, Portugal,
Francia e Canadá, así como palilleiras de Cataluña e A Rioxa. (Fonte: El Correo Gallego).
Venezuela
Liberado o emigrante de Muxía
Jesús Ovidio Domínguez,
emigrante galego de Muxía, foi finalmente liberado polos seus secuestradores nunha rúa de Caracas,
a capital venezolana, tras dúas semanas de cativerio. Especúlase que a súa familia finalmente
pagou os 214.000 euros (700 millóns de bolívares), pedidos polos secuestradores. (Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Vigo lembra o golpe militar
O Movemento Arxentinos no Exterior realizou
en Vigo unha concentración en repudio do golpe militar de 1976 realizado neste país sudamericano,
que provocou a desaparición e asasinato de mais de 30.000 persoas. O acto foi organizado por Nilda Eloy,
da Asociación de ex detidos e desaparecidos, e Lois Pérez Leira, do Movemento Arxentinos no Exterior. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 18/03/2008 |
 |
Galicia
Bolsas internacionais de Caixa Galicia
Un total de 200 proxectos de oito países
optan polas bolsas de Primeira Obra da Fundación Caixa Galicia, unha iniciativa destinada á promoción
da creación artística entre os mozos. Os países participantes son Alemaña, Arxentina,
Brasil, Cuba, EEUU, Panamá e o Reino Unido.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Eloxios dende Alemaña
A revista alemá Sommelier Magazin,
da man do seu xornalista David Schwartzwälder, recolle no seu número de febreiro e marzo unha reportaxe
titulada o “Campus Español da Gastronomía”, centrado na actividade do Centro Superior de Hostalería
de Galicia, localizado en A Barcia. A reportaxe destaca a este centro como “un bo exemplo desta nova xeración
de escolas de hostalería de España” e un dos poucos que “unen con éxito a xestión hostaleira
e a formación gastronómica”.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
O PPdG pide a reforma do voto emigrante
Trala súa caída á
segunda posición en canto a votos emigrantes, por detrás do PSdG, o presidente do PPdG, Alberto Núñez
Feijoo, solicita aos grupos parlamentarios reunirse para crear unha comisión de estudo da reforma do voto
emigrante e garantir o “voto en urna” de cara ás eleccións autonómicas galegas de 2009. (Fonte: Vieiros).
 |
| 17/03/2008 |
 |
Diáspora
Pedirán a reforma do voto emigrante
O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional
do BNG, Anxo Quintana, anunciou que pedirá ante o presidente de goberno José Luis Rodríguez
Zapatero, a reforma do voto emigrante antes das eleccións autonómicas galegas de 2009, anunciando
que esta será unha das súas prioridades nas demandas que formularán a Zapatero durante a súa
próxima investidura. (Fonte: El Correo
Gallego).
Galicia
Máis de seis mil musulmáns
Un total de 1.130.000 persoas que residen
no Estado español practican a relixión islámica, un 2,5%, segundo o 'Estudo demográfico
sobre concidadáns musulmáns', realizado pola Unión de Comunidades Islámicas de España
(UCIDE). Destas, 6.709 viven en Galiza.
(Fonte: Galiza Nación).
 |
| 16/03/2008 |
 |
Unión Europea-Pesca
Prevén recorte da flota
Hans Koster, director da Axencia Europea
para o Control da Pesca que funcionará en Vigo a mediados de ano, considerou que unha prioridade para Bruxelas
será reducir o exceso de barcos que fanan para contribuír a equilibrar a explotación dos recursos. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Voluntarios para Guatemala
Tras un acordo asinado coa dirección
xeral de Cooperación Exterior, os concellos guatemaltecos de Retalhuleu e Champerico, na costa do sur, onde
conviven mais de 20.000 persoas de 18 etnias indíxenas diferentes, recibirán a varios voluntarios
galegos de seis ONGs, para traballar na mellora de servizos básicos, educación, sanidade, infraestruturas,
vivenda, saneamento e alimentación. O proxecto conta cun orzamento de seis millóns de euros. Están
representadas as ONGs, Arquitectos sen Fronteiras, Solidariedade Internacional, Médicos do Mundo, Farmacéticos
Mundi, Educación sen Fronteiras e ASCSUR Las Segovias.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 15/03/2008 |
 |
Unión Europea-Pesca
Axencia pesqueira para xullo
O holandés Harm Koster confirmou
que a Axencia Europea para o Control da Pesca que el mesmo presidirá comezará a funcionar en Vigo
a partir do 1 de xullo de 2008. Koster asegurou que o 40% do seu persoal serán mulleres. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
A ameaza do biodiésel estadounidense
A importación masiva de biodiésel
estadounidense subvencionado ameaza o desenvolvemento deste sector en Galicia, a pesar de que a Xunta auguraba
un futuro prometedor para esta industria. O conselleiro de Economía, Fernando Blanco, instou ao goberno
central un maior investimento neste sector.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 14/03/2008 |
 |
Sáhara
Melide cos nenos saharauís
O concello coruñés de Melide
acollerá un grupo de nenos saharauís o próximo verán, no marco do programa Vacacións
en Paz 2008, promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Neste sentido, a alcaldesa
de Melide, Socorro Cea, reuniuse con Mohamed Elhiba, representante saharauí en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Voto emigrante socialista
O reconto final dos votos da emigración
galega nas pasadas eleccións xerais outorgoulle un contundente triunfo ao PSdG, cun 61% dos votos, mentres
o PPdG conseguiu un 35,6%. En total, uns 128.684 galegos inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA),
exerceron o seu voto, representando un 39,66%.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 13/03/2008 |
 |
Diáspora
O BNG e a reforma do voto exterior
Paz Abraira, quen fora candidata do BNG
para o Congreso, explicou que esta formación levará á investidura de Zapatero en Madrid a
discusión sobre a modificación da Lei Electoral que sirva para reformar o voto emigrante, para que
logre alcanzarse no primeiro semestre da próxima lexislatura e antes das eleccións autonómicas
galegas previstas para o 2009. Precisamente, o reconto do voto do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA),
na provincia de Ourense, reforzou a vitoria electoral do PSOE.
(Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
Galicia
Unha Torre para patrimonio mundial
A UNESCO seleccionou en París á
Torre de Hércules de A Coruña como un dos 45 monumentos mundiais a optar para o recoñecemento
de Patrimonio Cultural da Humanidade. A fin de continuar co proceso de selección, o bimilenario faro romano
deberá ser inspeccionado por técnicos desta organización a mediados de 2008. (Fonte: La Voz de Galicia).
Marítima
Vigo na elite portuaria
O porto de Vigo foi seleccionado pola
revista especializada Europe News entre as 15 principais terminais da fachada atlántica europea con máis
tráfico de transatlánticos, cun total de 151.700 pasaxeiros en 2007. A cidade galega está
incluída nun grupo onde destacan Oslo, Copenhague, Southampton (Gran Bretaña), Helsinki, Kiel (Alemaña),
Lisboa, Estocolmo e Szczecin (Polonia).
(Fonte: La Voz de Galicia).
Cuba
Premio da lingua galega
A escritora cubana Nancy Morejón
recibiu o Premio Internacional 2008 da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), como “Escritora
Galega Universal”. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 12/03/2008 |
 |
Galicia
Vigo para a Universiada 2013
Un total de 15 dos 24 membros do xurado
reunidos no Consello Superior de Deportes elixiron a candidatura española de Vigo para celebrar os xogos
deportivos Universiada 2013, que reunirá a máis de 10.000 atletas de 270 países. Á
espera da decisión do xurado internacional de Bruxelas, a cidade galega deberá competir con Quebec
e Edmonton (Canadá), a rusa Kazán, a polaca Poznán e a surcoreana Kwagju. (Fonte: El Correo Gallego).
Cooperación
Cursos lácteos en América
Latina
A lucense Aula de Produtos Lácteos
impartirá nove cursos de produción láctea en Uruguai, Costa Rica e Colombia, a través
de RedLeche, unha iniciativa conxunta coa Federación Panamericana de Lechería-Fepale, con financiamento
da dirección xeral de Cooperación Exterior por valor superior a 167.000 euros. Os cursos serán
impartidos na Universidade de Costa Rica, no Instituto de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade Nacional
de Colombia, e no Laboratorio Tecnolóxico de Uruguai.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Nova normativa contra verquidos
A Comisión Europea presentou unha
nova proposta de directiva que obrigará a todos os países da UE a aplicar sancións de carácter
penal, incluíndo o cárcere, contra os autores e responsables de verquidos graves de substancias tóxicas
ao mar, similares ao ocorrido co Prestige no 2002. Esta directiva substitúe unha decisión marco do
Consello de Ministros da UE, que negara á Comisión competencia algunha para lexislar en materia de
dereito penal. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Iniciativa eólica
O Alto Minho portugués está
diseminando parques industriais na zoa de Valença do Minho, para crear o maior parque eólico de Europa,
proxecto que está recortando as potencialidades dos concellos do sur de Galicia en materia de enerxía
eólica. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 11/03/2008 |
 |
Galicia
Pontevedra á espera do voto emigrante
A tenente de alcalde do PSOE, Teresa Casal,
amosou a súa convicción de que o voto emigrante “vai darlle a vitoria tamén na cidade de Pontevedra
ao PSOE”. A diferencia entre o partido socialista e o PPdG é de 108 votos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Venezuela
Sen rastro do emigrante secuestrado
A familia de Jesús Ovidio Domínguez
Ventín, emigrante orixinario de Muxía secuestrado en Caracas, segue a esperar a chamada dos seus
captores, o cal aumenta as especulacións sobre o paradoiro real do emigrante secuestrado. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
As vendas exteriores do granito galego
As exportacións do granito galego
creceron un 2% no 2007, xerando un negocio por valor de 107 millóns de euros. Un 78% dos compradores do
granito galego son países da Unión Europea.
(Fonte: El Correo Gallego).
China
Chint Solar aposta por Galicia
O grupo chinés Chint Solar, presidido
por Cunhui Nan, anunciou a apertura antes de outubro de 2008 dun parque fotovoltaico en Galicia, tal e como adiantara
na súa recente visita a Santiago. Chint Solar espera superar os 120 millóns de euros en investimentos
en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 10/03/2008 |
 |
Arxentina
O voto galego nas eleccións xerais
Un total de 70.000 emigrantes de orixe
galega exerceron o seu voto nas eleccións xerais españolas. Unha gran campaña electoral dos
principais partidos políticos españois engalanaron as principais rúas da capital arxentina,
Bos Aires. (Fonte: El Correo Gallego).
Emigración
1,6 millóns de euros en axudas
A secretaría xeral de Emigración
dedicará no 2008 un total de 1,6 millóns de euros para reforzar as axudas económicas aos galegos
residentes no exterior en situación de precariedade económica. A cantidade das axudas oscila entre
430 e 900 euros, cun carácter persoal e intransferible.
(Fonte: AGN).
 |
| 09/03/2008 |
 |
Inmigración
Pascua polaca en Santiago
Por terceiro ano consecutivo, a Asociación
Cultural de Polonia en Galicia celebrou na Alameda de Santiago a festividade da Pascua, seguindo as tradicións
nacionais polacas. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Da emigración ao Congreso dos
Deputados
Unha ducia de fillos de emigrantes galegos
postuláronse como candidatos dos seus respectivos partidos para o Congreso dos Deputados e do Senado. Algúns
deses casos son os de Tereixa Paz (BNG-Suíza), Esther Couto (PSOE-Uruguai), Richard Barreiro y Olmedo (PSOE-Venezuela),
Jesús Vázquez Abad (PP-Alemaña) e Marta Estrada (PSOE-Guinea Ecuatorial). (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 08/03/2008 |
 |
Economía
Galicia na feira da pedra
O Consello da Xunta autorizou, a instancias
da Consellaría de Innovación e Industria, a sinatura dun convenio de colaboración entre a
Consellaría e todas as asociacións relacionadas cos sectores de minerais non metálicos, tales
como a Asociación Galega de Fabricantes de Maquinaria para a pedra (GALIMAC); a Asociación de Canteiras
de Galicia (ACG); a Asociación Galega de Graniteiros (AGG); e a Asociación Galega de Pizarristas
(AGP) mediante o cal a Consellaría achegará 500.000 euros para financiar a presenza das empresas
adscritas a estas distintas organizacións na Feira Internacional da Pedra Natural 2008. (Fonte: xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Programa europeo para discapacitados
A Confederación Galega de Persoas
con Discapacidade (COGAMI) comparte con entidades de Turquía, Bulgaria, Reino Unido, República Checa,
Romanía e Italia os métodos de traballo previstos na iniciativa da UE, o Programa Grundtvig, para
integrar a persoas de difícil inserción laboral.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Galicia lidera o voto exterior
A nosa Comunidade achega un total de 325.266
electores dos 1.201.433 votantes españois que residen no estranxeiro, para exercer o voto nas eleccións
xerais, o que significa que o Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) galego é o máis voluminoso
do Estado español, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 07/03/2008 |
 |
Cuba
Critican gastos da Feira do Libro
O prtavoz de Cultura do PPdG, Ignacio
López-Chavez, cualificou de desproporcionado o custe real da viaxe organizada pola consellería de
Cultura á Feira do Libro da Habana, argumentando que estes gastos puideron ser de dous millóns de
euros ao incluír a 55 músicos da Real Filharmonía e outras tantas partidas. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
O voto da emigración nas eleccións
xerais
Segundo datos do Instituto Nacional de
Estatística (INE), ata o 28 de febreiro, data límite para solicitar o sufraxio por correo, un total
de 47.822 galegos poderían emitir o seu voto. A Coruña lidera esta lista, con 17.513 electores, mentres
en Pontevedra o farán 14.138, en Ourense uns 8.563 e en Lugo un total de 7.098. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Recompilación xornalística
da diáspora
O Centro Ramón Piñeiro recuperou
cinco publicacións da diáspora galega en América, tales como “Mundo Gallego”, editada en Bos
Aires, o mesmo que “El Gallego”, a mexicana “Saudade”, e as cubanas “Galicia” e “Bohemia”. As cinco novas recompilacións
xornalísticas aspiran a outorgar á cidadanía unha "valiosa contribución"
para "comprender" aos galegos na diáspora e "recoñecer" o que "o que somos
como país", en palabras da secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, Marisol
López. As publicacións estarán dispoñíbeis en papel e en formato DVD. (Fonte: Vieiros).
Galicia
Harvard premia unha investigadora galega
A investigadora coruñesa Olaia
Naveiras Torres-Quiroga, que realiza un doutorado de Medicina na Universidade de Harvard, foi distinguida co Premio
Hauser, concedido pola súa tese doutoral sobre a formación de células nai sanguíneas. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 06/03/2008 |
 |
Venezuela
Incerteza polo secuestro de Domínguez
A familia de Jesús Ovidio Domínguez,
emigrante de Muxía secuestrado en Caracas, asegurou ter reunido os 214.000 euros pedidos polos secuestradores.
As autoridades policiais venezolanas e fontes do Consulado de España informaron sobre a localización
do vehículo de Domínguez, aínda que non existen pistas sobre o seu paradoiro. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Pesca
Comisarios para a Axencia Pesqueira
Funcionarios da UE se desprazarán
a Vigo e Madrid para iniciar os primeiros contactos coas institucións e autoridades locais de pesca, a fin
de tramitar as xestións necesarias para a apertura da Axencia Europea para o Control da Pesca (AECP), prevista
para xullo de 2008. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 05/03/2008 |
 |
Venezuela
Secuestrado emigrante de Muxía
Jesús Ovidio Domínguez,
empresario de 69 anos natural de Muxía, foi secuestrado no seu negocio pasteleiro no centro de Caracas.
Os secuestradores pediron á súa familia a cantidade de 214.000 euros pola liberación. O secuestro
de Domínguez e o recente asasinato de Manuel Basteiro aumentan a preocupación da emigración
galega en Venezuela polo aumento incontrolable da inseguridade cidadá neste país sudamericano. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
O Carballiño e a súa emigración
A emisora municipal de O Carballiño,
con espazo propio en Internet (www.myspace.com/arenteirodixital), permite manter os vasos comunicantes cos emigrantes
desta localidade ourensán en diversos países, aproximándose ás 4.000 visitas na web
durante a primeira semana de activación deste servizo.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
A problemática do voto
O Foro Galego de Inmigración, a
través de dous dos seus membros, a colombiana Mónica Alzate e o rómano Ion Stan, formularon
aos partidos políticos galegos a esixencia de “igualdade de dereitos básicos” para exercer o seu
voto por parte dos inmigrantes irregulares e “igualdade completa” para os inmigrantes legalizados. Tanto Alzate
como Stan coincidiron en sinalar o carácter restritivo da Lei de Estranxería e determinados problemas
da comunidade inmigrante en Galicia, poboación que alcanza as 81.442 persoas. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 04/03/2008 |
 |
Venezuela
Asasinado emigrante de A Estrada
Manuel Basteiro, de 68 anos, natural da
parroquia estradense de Codeseda, emigrante en Venezuela e propietario dunha empresa de materiais de construción,
foi asasinado durante un intento de roubo ao seu negocio, localizado no sector de Macaracuay, na capital venezolana
Caracas. O asasinato de Basteiro ocorre un mes despois da morte en Brasil dun mozo do concello pontevedrés
de Valga, durante un tiroteo. (Fonte: Faro
de Vigo).
Sáhara
Visita saharauí de alto nivel
Jadiya Hamdi, responsable de Cultura e
esposa do presidente da autoproclamada República Árabe Saharauí Democrática, Mohamed
Abdelaziz, visitou Galicia para concretar acordos de cooperación coa USC e a consellería de Cultura,
no relativo a un plan de formación de técnicos en cooperación internacional. Hamdi denunciou
a “marroquinización” do territorio saharauí e as dificultades do seu pobo para manter a súa
identidade nacional. (Fonte: La Voz de Galicia
e Vieiros).
 |
| 03/03/2008 |
 |
Inmigración
A forza laboral inmigrante en Vigo
Segundo datos da Tesourería Xeral
da Seguridade Social e da subdelegación do goberno de Pontevedra, cerca de 12.000 estranxeiros traballan
a diario na economía de Vigo, constituíndo unha relación de un traballador inmigrante por
cada tres existentes. A esta cifra deben engadirse os 8.000 traballadores estranxeiros portugueses que atravesan
a diario a fronteira. Así, en Vigo están regularizados mais de 3.000 traballadores inmigrantes que
cotizan no sistema español, dos 17.500 existentes.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Cuba
Libro e CD de música galaico-cubana
Un disco e un libro recollerán
un repertorio de temas enraizados na tradición musical galego-cubana e a historia da súa orixe e
evolución desde o século XIX, como froito do traballo que dirixiu Ramón Pinheiro Almuinha,
profesor de historia da música do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, con artistas dos
dous países. O proxecto, Descarga ao vivo , plasmouse tamén nun espectáculo de música
e danza que contou na dirección musical e arranxos con Pedro Pascual, Marcos Teira e Alejandro Vargas, e
cunha coreografía dirixida por Abdiel Vargas e Xabier Díaz. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 02/03/2008 |
 |
Sáhara
Apoio sanitario en Tinduf
O presidente da Fundación Axencia
Humanitaria de Galicia e Secretario Xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Julio César Fernández
Mato, asinou un convenio de colaboración por valor de 80.000 euros co presidente da Asociación de
Solidariedade galega co pobo Saharauí, Bernardo Porto Sánchez, en virtude do cal se materializarán
unha serie de actuacións de apoio ao sistema sanitario saharauí no ámbito pediátrico
e na atención infantil nos campamentos de refuxiados de Tinduf en Alxeria. (Fonte: xornal.com).
Galicia
Lingua árabe en Santiago
A Fundación Araguaney iniciará
un curso de lingua árabe tomando en conta a alta demanda existente en Santiago e a carencia de centros de
ensino tanto privados como oficiais. (Fonte:
El Correo Gallego).
 |
| 01/03/2008 |
 |
Cooperación
Galicia, o máis baixo orzamento
A dirección xeral de Cooperación
Exterior da Xunta, incrementou nun 13,8% o seu orzamento en cooperación exterior para o 2008, segundo se
recolle no Plan Anual de Cooperación 2008, presentado en Santiago ante a Comisión Interterritorial
de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE). O presidente do Fondo Galego de Cooperación e
Solidariedade (FOGACOSO), Alfredo Novoa Gil. considerou que o orzamento de Galicia para a cooperación exterior
é o máis baixo a nivel estatal, cifrándose nun 0,1%, lonxe do 0,4% prometido polo presidente
da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Debut da selección de fútbol
sala
A selección galega de fútbol
sala realizou o seu estreo internacional ao derrotar ao seu similar de Uruguai por seis goles a un en partido celebrado
en Ferrol, ante 4.000 espectadores. (Fonte:
La Voz de Galicia).
|