Diario Exterior / febreiro de 2008

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

29/02/2008
Galicia
IX edición do Foro Iberoamericano
O IGADI e o Concello de Baiona organizan nesta localidade a IX edición do Foro Iberoamericano co tema “Arxentina: Kirchner en dous tempos”, conferencia impartida polo politólogo arxentino Joaquín Mirkin, director executivo da Fundación Safe Democracy de Madrid. A conferencia analizará a situación política, económica e social arxentina durante o período de goberno de Néstor Kirchner e os retos que confrontará a súa esposa e actual presidenta, Cristina Fernández de Kirchner. (Fonte: La Voz de Galicia).

Francia
Referencia galega para Bretaña
A Union Démocratique Bretonne (UDB) realizou un chamamento á mobilización para conseguir as competencias sobre o ensino bilingüe francés-bretón e francés-galó nos colexios de Bretaña, ante os novos programas escolares que quere lanzar o goberno francés. A UDB pide así a aplicación dun sistema educativo “similar ao existente actualmente en Galiza”. (Fonte: Vieiros).
28/02/2008
Cuba
O custe da Feira da Habana
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, informou que a asistencia institucional galega á Feira Internacional do Libro na capital cubana custou un total de 1,3 millóns de euros, os cales forman parte dos 3,5 millóns de euros previstos no orzamento para a proxección exterior da cultura galega en 2008. Bugallo amosou a súa esperanza de que o éxito da cultura galega en Cuba poida repetirse na feira do libro de Guadalajara (México). (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Solidariedade de Vilagarcía con Matosinhos
O Núcleo de Amigos dos Pescadores de Matosinhos celebrou en Vilagarcía de Arousa o 117 aniversario da traxedia de 105 mariñeiros da localidade portuguesa de Póvoa de Varzim. Os seus superviventes lograron ser rescatados en Vilagarcía. Ambas localidades están irmanadas pola súa tradición mariñeira. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Vigo con máis estudantes estranxeiros
A Universidade de Vigo está impulsando a internacionalización dos seus estudantes. Na actualidade existen 528 estudantes estranxeiros neste recinto universitario, dos que 174 están permanentemente durante todo o ano na cidade galega. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/02/2008
Galicia
Construdata21 salta a Europa
Tras consolidarse en España e Portugal, a empresa galega Construdata21, que publica en Internet información sobre valor comercial para constructores, afronta a súa expansión cara o mercado europeo a través do Plan de Iniciación á Promoción Exterior. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Chinés na Escola de Idiomas
Os cursos de ensino de chinés e español para estranxeiros serán incorporados en 2009 na Escola de Idiomas de Santiago. A oferta de idiomas complétase co inglés, alemán, francés, portugués e galego. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Oleiros terá unha estatua do Che
Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, confirmou o proxecto en estudo para realizar unha estatua de tres metros de Ernesto “Che” Guevara neste concello coruñés, tal e como confirmara o diario oficial cubano “Granma”. Este xornal informou que os artistas cubanos seleccionados son Juan Quintanilla Álvarez e Karol William Pérez, gañadores do primeiro premio do Concurso do Monumento ao Che. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Éxito galego na Feira da Habana
Galicia despediuse da Feira do Libro da Habana coa asistencia de 500.000 persoas, nas que se venderon máis de 1.200.000 exemplares. O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, participou no acto de clausura da feira xunto ao director do Instituto do Libro cubano, Iroel Sánchez, subliñando a "presenza orgullosa de Galiza na Habana" como unha gran oportunidade para "abrir a nosa cultura ao mundo". (Fonte: xornal.com).
26/02/2008
Marítima
Barcos australianos ata o 2013
A construción de dous barcos anfibios para a Armada australiana permitirá aos estaleiros de Navantia en Ferrol a ocupación de 1.100 traballadores de compañías auxiliares ata o 2013. Isto permite un incremento do persoal subcontratado do 20%, segundo anunciaron a propia Navantia e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol. (Fonte: La Voz de Galicia).
25/02/2008
Economía
Cortizo expande o aluminio galego
A compañía de aluminio Cortizo, afincada en Padrón, expande a súa rede de exportación a países como Francia, Alemaña, Gran Bretaña, Portugal, Luxemburgo, República Checa, Austria, Irlanda, Holanda, Polonia, Eslovaquia, Hungría, Romanía e China. Ademais de Padrón, a compañía galega posúe outros tres centros de produción en España, un en Portugal e outro en Eslovaquia. (Fonte: El Correo Gallego).
24/02/2008
Diáspora
Atención aos emigrantes en Holanda
A secretaría xeral de Emigración da Xunta de Galicia e os centros galegos dos Países Baixos atenderon as demandas dos emigrantes galegos residentes en Amsterdam, Helmond e Rotterdam, especialmente en materia sanitaria, educativa, de seguridade social, emprego e vivenda. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Tensa campaña en América do Sur
O duro pulso electoral entre o Partido Popular e o PSOE outorgará á emigración galega en América Latina un papel decisivo, a pesar da disparidade de criterio entre ambos partidos sobre o peso e a reforma do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). O PP e o PSOE desenvolven unha forte campaña electoral nos países sudamericanos, especialmente na Arxentina, que concentra a 116.229 electores dos 324.388 con que conta a diáspora galega. (Fonte: La Voz de Galicia).
23/02/2008
Portugal
Os galegos en Lisboa
A exposición “Historias dunha Emigración difusa. Os galegos de Lisboa”, do director e produtor arxentino Xan Leira, foi inaugurada no Centro Gallego da capital portuguesa e será exhibida ata mediados de marzo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Mulleres magrebís pola integración
Sete mulleres magrebís, principalmente de Marrocos, iniciaron en Negreira un curso de aprendizaxe de lingua dentro do proxecto “Fala para inmigrantes”, promovido polo Servizo Municipal de Apoio deste concello coruñés. En Negreira existen 168 estranxeiros segundo o censo de 2007, dos que 58 son marroquís. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/02/2008
Cuba
Éxito editorial galego
A consellería de Cultura informou que as editoriais galegas celebran o éxito de vendas e asistencia de público á Feira Internacional do Libro da Habana. Con varios títulos esgotados e máis do 50% dos exemplares vendidos, dos case 6.000 que se puxeron á venda, as editoriais prevén que cara aos días finais da feira se incremente aínda máis o número de vendas. Entre os temas máis demandados estiveron os libros sobre historia e cultura de Galicia. (Fonte: xornal.com).
21/02/2008
Cuba
Calma trala renuncia de Fidel
Sergio Toledo, presidente da Federación Galega de Cuba (FGC), considera que a sociedade cubana afrontou “con tranquilidade e calma” a renuncia de Fidel Castro. A FGC agrupa a 45 sociedades galegas da illa caribeña e, segundo Toledo, existen en Cuba “uns 620 ou 640 galegos orixinarios emigrantes”, aínda que “os seus descendentes sumarán actualmente 14.000 persoas”. O presidente da FGC tamén informou da posta en marcha dun plan de axudas da Xunta, a través da Fundación Galicia Emigración, para residentes permanentes en Cuba, con 65 anos cumpridos, que teñan a nacionalidade española e estean empadroados nun concello galego. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba
O galego en publicacións estatais
O escritor galego Xosé Neira Vilas analizou na Habana, no marco da Feira Internacional do Libro, o labor do Instituto de Literatura y Lingüística, no apartado da preservación da documentación galega. Neira Vilas dixo que Cuba aportou maiores xornais e revistas en galego “que países como México, Arxentina e Venezuela” e que Cuba “é o único país no que os organismos estatais publican libros en galego”. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Barrié convoca bolsas internacionais
A Fundación Pedro Barrié de la Maza convocou a 32 bolsas para máster, doutorado e estancias posdoutorais, en países da Unión Europea (excepto España), EEUU e, por vez primeira, Asia. (Fonte: La Voz de Galicia).
20/02/2008
Inmigración
Alto rendemento escolar
A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, informou que os centros educativos galegos rexistraron en 2007 un aumento do 24,5% do seu alumnado estranxeiro, con respecto a anos anteriores. En total son 11.282 alumnos inmigrantes, cun rendemento escolar que é o mais alto a nivel estatal, practicamente ao mesmo nivel dos escolares galegos. O alumnado inmigrante en Galicia procede nun 70% de países iberoamericanos, principalmente Arxentina, Colombia, Brasil e Uruguai, así como Europa do Leste, Marrocos e China. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba
O custe da misión cultural
Á súa chegada a Santiago, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, cifrou nun millón de euros o custe da viaxe da delegación galega que participou na Feira Internacional do Libro da Habana. Bugallo quixo así saír ao paso das posibles críticas do PPdG sobre o oneroso da viaxe, reivindicando que este evento resultou “un éxito para Galicia” e que o mesmo estaba estipulado no orzamento da Xunta para o 2008. Bugallo defendeu a necesidade de crear a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), como instrumento de fomento da industria cultural galega. (Fonte: El Correo Gallego e Galiza Nación).

Fondo Galego
Dez anos en exposición
Con motivo da celebración dos dez anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Verbum-Casa das Palabras de Vigo acollerá ata o próximo 3 de marzo a exposición “O Fondo Galego, dez anos con proxectos”, que reflectirá as diversas actividades desenvolvidas en varios países do mundo durante unha década. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Colaboración holandesa
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou un protocolo de colaboración co director xeral da Cámara de Comercio da Haia (Holanda), Gert Zandsteeg, establecendo un marco de colaboración para desenvolver traballos de interese conxunto nos campos da promoción industrial, comercial e turística e facer máis competitivas internacionalmente as empresas integradas nos sectores anteriormente sinalados, tanto para Galicia como para A Haia. (Fonte: xornal.com).

Galicia
Celebran a independencia de Cosova
Mediante un comunicado, o BNG celebrou que a comunidade internacional apoie a emerxencia de novos Estados –logo da proclamación da independencia de Cosova- e ao tempo considera sintomática e preocupante a posición do Estado español ante a aparición do Estado cosovar. Así, o BNG ve “lamentable” que a emerxencia de Cosova como Estado independente teña sido máis doada por obedecer ás estratexias dos Estados Unidos por incrementar a súa área de influencia en Europa. (Fonte: Galiza Nación).
19/02/2008
Portugal
Eurorrexión con Vigo de capital
Durante un foro económico, o alcalde vigués Abel Caballero reivindicou a “capitalidade económica, xeográfica e administrativa” para Vigo dentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, tomando en conta o “valor tanxible e real” da súa economía, os factores demográficos e a concentración dun 60% dos investimentos privados en I+D de toda Galicia. (Fonte: Faro de Vigo).

EEUU
Éxito do viño das Rías Baixas
O conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, asegurou en Santiago que a exportación de viños das Rías Baixas a EEUU duplicouse no 2007 con respecto a anos anteriores. Fernández Antonio asinou un novo convenio entre o Instituto de Comercio Exterior (ICEX), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Consello Regulador de Denominación de Orixe Rías Baixas, para a exportación dos seus viños a EEUU para o período 2008-2010. (Fonte: AGN).

Pesca
Axencia Pesqueira para Vigo
O director da Axencia Europea de Control da Pesca, o holandés Harm Koster, afirmou en Bruxelas durante unha xuntanza cos ministros de Pesca da UE, que espera que o edificio administrativo deste organismo estea listo en abril próximo, a fin de comezar as súas funcións en xullo de 2008. (Fonte: AGN).
18/02/2008
Pesca
Bruxelas acelera a axencia pesqueira
A Axencia Europea para o Control da Pesca comezará a funcionar oficialmente na antiga Comandancia de Mariña de Vigo, aproximadamente en xuño de 2008, segundo confirmou a Comisión Europea. Para Bruxelas, o obxectivo clave desta axencia é poñer coto ás prácticas pesqueiras ilegais de maneira firme e definitiva. (Fonte: La Voz de Galicia).

Uruguai
Feijóo garante o voto en urna
O Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou nun acto celebrado en
Montevideo que “é necesario que o voto dos españois no exterior sexa en urna e afirmou que co PP no goberno, nas vindeiras eleccións autonómicas galegas, os residentes no exterior votarán en urna “pero dunha forma clara, limpa e transparente”.
(Fonte: xornal.com).

Cuba
Homenaxe ás letras galegas
A delegación galega na Feira do Libro da Habana protagonizou un emotivo acto no que interveu un representante das asociacións galegas en Cuba, ademais do escritor Xosé Neira Vilas e o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares. O evento contou tamén coa actuación da cantante Uxía e o seu pianista Paulo Borges, ademais dun grupo de baile da Asociación Rosalía de Castro de Cuba e dos diversos escritores e editores galegos que visitaron á illa caribeña. (Fonte: Galicia Hoxe).
17/02/2008
Suíza
Reunión en Xenebra
A presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino, reuniuse en Xenebra coa presidenta do Gran Consello do Cantón de Xenebra, a emigrante galega Dolores Bolay Cruz, quen preside o órgano lexislativo desta localidade suíza. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
A lingua galega en Gales
Unha vintena de universitarios da universidade galesa de Bangor matriculáronse na cátedra de Lingua Galega a fin de coñecer unha cultura considerada próxima e facilitar o intercambio universitario con Galicia. A responsable desta cátedra, a filóloga Helena Miguélez, ideou a posibilidade de que artistas e escritores galegos contemplen unha estancia en Bangor, co apoio da Asociación de Escritores da Lingua Galega (AELG) e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade
Xanela aberta ao Sur
A ONG pontevedresa Amarante iniciou o seu programa de cooperación “Xanela aberta ao Sur” para o verán de 2008, con voluntarios galegos que viaxarán a Brasil, Ecuador e Marrocos para participar en diversos proxectos desenvolvidos nestes países. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/02/2008
Diáspora
Dura disputa polo voto emigrante
Mentres o PPdG e o PSdG aumentan as súas diverxencias e acusacións sobre a reforma do voto emigrante e presuntas prácticas irregulares na súa utilización, os seus representantes adiantan unha nova xira latinoamericana previa ás eleccións xerais do 9 de marzo. Neste sentido, o presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijóo, viaxará a Arxentina e Uruguai, na súa terceira viaxe internacional en 2008. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba
Recuperación do Arquivo Galego
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron na Habana o protocolo de colaboración co director do Instituto de Literatura e Lingüística (ILL), José Antonio Portuondo, para limpar, restaurar e dixitalizar os fondos do Arquivo Galego existentes na Biblioteca Fernando Ortiz do ILL. Estes fondos inclúen documentos dos séculos XIX e XX, e representan a vida activa do Centro Gallego da Habana. (Fonte: El Correo Gallego).
15/02/2008
Cuba
Galicia, embaixada cultural
Durante a apertura oficial da XVII Feira Internacional do Libro na Habana, onde Galicia é país convidado, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, foi recibida polo presidente provisional Raúl Castro e varios altos cargos do goberno cubano. Durante o seu discurso na inauguración, Bugallo rememorou a débeda que Galicia ten con Cuba, país que recibiu entre 1870 e 1960 a máis de medio millón de emigrantes galegos. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Pescanova no top ten
No ranking da pesca mundial, a empresa galega Pescanova ascende ao sétimo lugar, grazas aos seus excelentes resultados financeiros nos anos 2005 e 2006, con 1.000 millóns de euros en facturación. A falta de contabilizarse os datos de 2007, Pescanova compite con forza coas principais multinacionais pesqueiras, dominadas polas firmas xaponesas, con Kyoukuyo como líder. (Fonte: Diario Nova +).

Cultura
Ourense en Exipto
O presidente da Deputación ourensán, José Luis Baltar, outorgará na capital exipcia El Cairo, unha condecoración ao secretario xeral do Consello Supremo de Antigüidades, Zahi Hawas, pola súa colaboración no proxecto de protección do patrimonio cultural e arqueolóxico do país. No acto participará a Real Banda de Gaitas de Ourense. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Contradicións por Cosova
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso na recentemente terminada lexislatura, Francisco Rodríguez, considerou que o apoio da maior parte da Unión Europea á independencia de Cosova pon de manifesto as "contradicións" da política comunitaria en canto á secesión, xa que, mentres a apoia para provincia serbia, négaa para outros territorios intracomunitarios. Así, Rodríguez compartía, no fondo, o reproche lanzado á UE polo presidente ruso, Vladimir Putin, quen acusou á UE de alentar a independencia de Cosova e frear procesos similares noutros lugares, como no caso do Estado español. (Fonte: Galiza Nación).

Unión Europea-Galicia
Converxencia social e laboral
Segundo informou o conselleiro de Traballo Ricardo Varela, Galicia recibirá ata o 2013 un total de 385,5 millóns de euros procedentes do Fondo Social Europeo, para alcanzar a converxencia en materia sociolaboral co resto dos países da UE. (Fonte: AGN).
14/02/2008
Unión Europea-Galicia
Fondos para o coñecemento
O conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, reclamou a Bruxelas unha maior xestión e reorientación dos fondos europeos cara a Sociedade do Coñecemento, especialmente en materia de infraestruturas, cumprindo cos compromisos recollidos na Axenda de Lisboa. Fernández Antonio lembrou que os Fondos Feder contidos no Programa Operativo Feder Galicia ascenden aos 3.172 millóns de euros, dos cales 2.192 son diñeiro comunitario. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Alianza para competir
A xuntanza en Vigo entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o ministro portugués de Educación e Ciencia, José Mariano Gago, acordouse promover unha maior conexión en investigación e desenvolvemento das universidades de Galicia e o Norte de Portugal. Nesta xuntanza, Touriño afirmou a necesidade de que Galicia e Portugal afinen unha alianza para competir no mundo globalizado, facendo fincapé na viabilidade da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT). (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).
13/02/2008
Téxtil
Inditex amplíase no exterior
A empresa téxtil galega expande o seu mercado internacional coa apertura de tendas en Ucraína, Corea do Sur, Exipto e Montenegro. Así, Inditex achégase ás 3.700 tendas repartidas en 68 países do mundo, incrementando no 2007 nun 32% o seu mercado asiático, especialmente en China e Xapón. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Aumenta o PIB galego
Segundo a Oficina de Estatística Europea (Eurostat), o PIB de Galicia aumentou un 3,2% entre 2004 e 2005, aínda que segue a estar lonxe da media das rexións comunitarias europeas, situándose no 84,2%. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Sen cotas lácteas para o 2015
O comisario europeo de Agricultura, Mariann Fischer Boel, aseguroulle ao secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, que resulta “indiscutible” a desaparición de cotas lácteas europeas o 31 de marzo de 2015. Boel confirmou que esta decisión foi tomada por Bruxelas e os Estados membros da UE antes de 2003 e que “non existe intención de reabrir ese debate”. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba
Catálogo cultural galego
Con motivo da Feira Internacional do Libro da Habana, que comezou oficialmente o mércores 13 de febreiro con Galicia como invitada especial, a conselleira de Cultura Ánxela Bugallo, asinou un convenio coa directora do Museo Nacional de Bellas Artes de Cuba, Moraima Clavijo, para catalogar os fondos galegos depositados neste centro. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Cos represaliados arxentinos
A represaliada arxentina Nilda Eloy visitou O Porriño co obxectivo de conseguir apoio económico para axudar no seu país á loita legal contra os represores da ditadura militar (1976-1983). Eloy afirmou que a asociación de ex detidos na Arxentina na que traballa ten 1.100 casos abertos. Durante a súa visita aproveitouse para lembrar a situación de Jorge Julio López, testemuña dun xuízo contra un represor e secuestrado desde 2007. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Galicia en Le Monde
O diario francés Le Monde dedica unha reportaxe á situación política que se vive en Galicia de cara ás eleccións xerais españolas do 9 de marzo. A xornalista Marion Van Renterghem fai fincapé en diversas cuestións políticas e sociais na súa análise “Galicia, entre a tentación independentista e a fidelidade a Madrid”. (Fonte: vieiros.com).
12/02/2008
Galicia
A Brilat mira a Afganistán e Líbano
Segundo os plans do Ministerio de Defensa, a Brigada Aerotransportable Lixeira, Brilat, estacionada en Pontevedra, retomaría as súas misións militares en Afganistán e Líbano. No primeiro país centroasiático, a Brilat participou en dúas misións, perdendo a trece soldados. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Rede xurídica internacional
Avogados de catorce países de Europa e América crearon en Santiago a primeira rede xurídica internacional, con sede na capital galega, co obxectivo de prestar asistencia xurídica integral, especialmente ás pequenas e medianas empresas na súa proxección internacional. Os países participantes son Arxentina, Brasil, Chile, México, Panamá, República Dominicana, Uruguai, Venezuela, EEUU, Bélxica, España, Francia, Portugal e Suíza. A rede espera a súa expansión cara Alemaña, Marrocos, China, Polonia e Inglaterra. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Patrimonio oral inmaterial
O colectivo Ponte nas Ondas, que avoga pola candidatura das tradicións orais galaico-portuguesas como Patrimonio Inmaterial por parte da UNESCO, celebrou en Vilanova de Famalicão o Encontro Associativo do Norte de Portugal e Galiza, na que se realizou a petición de apoio aos ministerios de Cultura de Portugal e España. (Fonte: vieiros.com).
11/02/2008
Portugal
Plataforma loxística galega
Segundo José Luis Serra, alcalde do concello portugués Valença do Minho, a Plataforma Loxística de Valença permitiu que un 95% das empresas alí asentadas sexan galegas, tales como Rodman Polyships ou Antolín. Unha razón deste asentamento en Portugal débese ao encarecemento dos terreos na provincia de Pontevedra. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba
400.000 libros en galego
Durante a Feira Internacional do Libro da Habana, participarán unha vintena de artistas galegos como Ave Rábade Quartet, Carlos Núñez, Real Filharmónica de Galicia, Marful, Mercedes Peón, Nordestin@s, Uxía, Paulina Ceremuzynska, Narf, Díos ke te crew e Sasha. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, inaugurará esta feira o próximo 13 de febreiro e durará ata o 24 de febreiro, poñéndose á venda uns 6.000 exemplares e repartiranse de forma masiva 400.000 títulos entre o millín de visitantes que se agardan. (Fonte: xornal.com e Galiza Nación).

Unión Europea-Galicia
Demanda ao Defensor do Pobo
A Asociación Pola Defensa da Ría presentou unha reclamación diante do Defensor do Pobo Europeo motivada polas deficiencias apreciadas na tramitación da queixa presentada en 1999 e que aínda non deu lugar a unha decisión definitiva. Esta queixa orixinou a apertura dun expediente de infracción por incumprimento de lexislación comunitaria 91/271/CEE sobre augas residuais urbanas, debido ao aumento da contaminación na ría de Pontevedra. (Fonte: Galiza Nación).

Inmigración
Utilización electoralista
O Foro Galego de Inmigración amosou o seu rexeite á utilización “electoralista” da realidade emigrante por parte da clase política a poucas semanas das eleccións xerais. Este colectivo considerou esta actitude “unha absoluta falta de respecto” cos miles de inmigrantes que viven en Galicia e o Estado español. (Fonte: AGN).
10/02/2008
Diáspora
Solución ao voto emigrante
O PSdG e o PPdG saudaron con satisfacción a proposta do portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, de instar a reforma do voto emigrante nos seis primeiros meses de lexislatura, a fin de lograr unha solución definitiva antes da celebración das eleccións autonómicas de 2009. (Fonte: El Correo Gallego).

México
A polémica orixe do ministro Mouriño
Gerardo Fernández Noroña, deputado e voceiro do Partido da Revolución Democrática (PRD), liderado polo líder de esquerda Andrés Manuel López Obrador, acusou ao ministro da Secretaría da Gobernación Juan Camilo Mouriño Terrazo, fillo do presidente do Celta, de mentir sobre a orixe dos seus avós. Mouriño, de 35 anos e nado en Madrid, declarou ás leis mexicanas que os seus avós naceron en México D.F. cando as investigacións do deputado do PRD demostran que son orixinarios da localidade ourensán de Avión. Segundo varios sectores, Mouriño Terrazo avanza na preferencia do presidente Felipe Calderón para concorrer como candidato presidencial do gobernante Partido de Acción Nacional (PAN) ás eleccións presidenciais de 2012. Pero o artido 91 da Constitución mexicana prohibe o acceso ao goberno a ninguén que non sexa mexicano. (Fonte: La Voz de Galicia).
09/02/2008
Portugal
Cara a ordenación territorial
A partir de abril de 2008, os 34 concellos da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal contarán con directrices conxuntas de ordenación territorial. Así o informou en Vigo o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a asemblea do Eixe Atlántico, evento que permitiu a integración neste organismo dos concellos portugueses de Macedo de Cavaleiros, Lamego e Peñafiel e os galegos de Sarria, O Carballiño e Ribeira. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Caldas pola convivencia
Aínda que non existen problemas de convivencia coa poboación emigrante de Caldas, que corresponde a un 4% da súa poboación, a concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Asociacionismo está traballando nun programa de prevención de conflitos dirixido aos docentes e axentes sociais. (Fonte: La Voz de Galicia).
08/02/2008
Portugal
Alianza política para a eurorrexión
O presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente do Partido Social Demócrata (PSD) en Porto, Marco Antonio Costa, denunciaron en Vigo a falta de xestión do desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, por parte dos gobernos socialistas de Lisboa e Madrid. Ambos líderes instaron a crear un grupo de traballo e unha Axencia Social da Eurorrexión para propiciar o diálogo permanente transfronteirizo, a fin de recuperar o seu peso político. Núñez Feijoo e Costa consideraron que, desde 2004, a eurorrexión perdeu 100 millóns de euros en fondos comunitarios Interreg, así como outros reveses tales como a perda da Oficina de Cooperación a favor de Badaxoz e o retraso do AVE Vigo-Porto ata o 2012, e non no 2009, como estaba previsto nun principio. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Máis altas na Seguridade Social
Segundo estatísticas ultimadas a 31 de decembro de 2007, dos 81.400 estranxeiros que habitan en Galicia, case a metade, un total de 39.300 persoas, están afiliadas á Seguridade Social. Por sectores, están divididos en construción, autónomos, traballadoras do fogar, marítima e agrario. A poboación inmigrante escolar, principalmente en primaria, está no 14%. Por países, a lista a encabeza Portugal, seguida de Brasil, Colombia, Arxentina, Marrocos, Uruguai, Venezuela, Romanía, Italia e Perú. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Sarria preto dos mil inmigrantes
O concello de Sarria está a piques de alcanzar o millar de inmigrantes inscritos no padrón municipal, con 976 persoas, sendo Brasil o país con maior número de inmigrantes. Seguen: Portugal (37), República Dominicana (72), Colombia (66), e Romanía (27). (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
O BNG responde ao embaixador israelí
O coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, acusou ao embaixador israelí en España, Raphael Schutz, de utilizar o Holocausto nazi como “coartada para xustificar evidentes atentados contra os dereitos humanos”, en alusión ao bloqueo da Franxa de Gaza, propiciado polo Estado israelí. Jorquera considerou que as informacións recibidas polo diplomático israelí están baseadas na “mentira e na manipulación” e pediulle “respecto ás normas básicas da diplomacia”. O BNG respondeu así á polémica suscitada co embaixador israelí trala baixa do edil de Neda, Abel García López. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).

Galicia
Estudantes italianos en Betanzos
O concello de Betanzos recibiu a un grupo de estudantes italianos do Liceo clásico Mazzattinti, da cidade de Gubbi na provincia de Perugia, que participan nun programa de intercambio co instituto Francisco Aguiar. (Fonte: La Voz de Galicia).

EEUU
A promoción das Rías Baixas
O Instituto de Comercio Exterior (ICEX), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), e o consello regulador das Rías Baixas, asinaron un convenio de colaboración por 750.000 dólares, para promover os viños albariños das Rías Baixas, entre os consumidores de EEUU. O convenio terá unha duración de tres anos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura
Promoción da lingua en Brasil e Uruguai
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de São Paulo, en Brasil, van colaborar por primeira vez na docencia, na investigación e na promoción da lingua galega. O Consello da Xunta aprobou o convenio de colaboración entre o departamento autonómico e a entidade académica. Ademais, tamén acordou renovar a colaboración coa Universidade de La Republica, en Uruguai, para que a lingua e a cultura galegas sigan a formar parte do plan de estudos desta universidade. (Fonte: xornal.com).

Galicia
O fútbol sala se medirá a Uruguai
O primeiro partido internacional da selección galega de fútbol sala se realizará contra o combinado uruguaio, en Ferrol o próximo 29 de febreiro de 2008. Uruguai é o país inventor do fútbol sala, na década dos 30 do século pasado. Así o afirmou Marta Souto, a directora xeral para o Deporte quen presentou a selección galega acompañada dos dous seleccionadores nacionais, Xabier Pardeiro e Bruno García, dos presidentes das Federacións de Fútbol e Fútbol Sala, Carlos Meana e Luís Pena e do concelleiro de Deportes de Ferrol, Manuel Santiago. (Fonte: vieiros.com).
07/02/2008
Galicia
Posible protesta israelí
Mediante un comunicado, o embaixador israelí en Madrid, Raphael Schutz, lamentou “a actitude de rexeite do BNG” ao negarse a apoiar a declaración institucional do Parlamento galego sobre as vítimas do Holocausto. Schutz considerou que o goberno israelí está estudando protestar ante o seu homólogo español, debido a que o executivo de Zapatero non se pronunciou publicamente pola posición adoptada polo BNG sendo este partido “socio do PSOE en Galicia”. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).

México
Acusan a Feijoo de entregar 30.000 euros
O secretario do PSOE, Ricardo Varela, acusou ao presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, de entregar un cheque por valor de 30.000 euros ao presidente do Centro Gallego de México, Luís Piñeiro Gil que, segundo Varela, se correspondía con fondos da Deputación de Pontevedra, presidida por Rafael Louzán, do PPdG. Piñeiro Gil negou estas declaracións de Varela mediante o envío dunha carta ao representante socialista. (Fonte: La Voz de Galicia e xornal.com).

Palestina
A desesperación de Gaza
O eurodeputado polo BNG, Camilo Nogueira, visitou o territorio palestino de Gaza, como parte dunha delegación do Parlamento Europeo en Oriente Próximo. Nogueira considerou que a poboación palestina de Gaza está nunha “situación desesperada”. (Fonte: vieiros.com).
06/02/2008
Inmigración
Busca de emprego en Negreira
A Oficina do Inmigrante de Negreira formará a partir de febreiro de 2008 unha serie de grupos de busca de emprego, calibrando a demanda laboral coas capacidades da comunidade estranxeira nesta comarca. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Xestión galega dos fondos europeos
A cabeza de lista do BNG por Lugo ao Congreso, Paz Abraira, reclamou que Galicia xestione directamente os fondos europeos, a fin de “aumentar o seu rendemento e eficacia” no proceso de converxencia territorial coa Unión Europea. Abraira adiantou que o BNG demandará na próxima lexislatura un cambio na política distributiva deses fondos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Romanía se arma en Galicia
O ministerio de Defensa de Romanía, a través do seu consorcio nacional Romtehnica, acudiu á compañía compostelá Uro Vehículos Especiales para equipar as súas tropas con 60 autos tácticos de alta mobilidade Vamtac S3, por valor de un cuarto de millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/02/2008
México
Impulso aos investimentos
O presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, e do mexicano Partido Acción Nacional (PAN), Germán Martínez Casares, actualmente no goberno, comprometéronse a promover as asociacións de empresarios galegos e mexicanos que favorezan os investimentos nos sectores estratéxicos. De visita neste país, Núñez Feijoo lembrou a constitución en novembro de 2007 da Asociación de Empresarios Gallegos de México, da que forman parte mais de 60 empresarios galegos residentes neste país, así como prometeu instar á Xunta á homologación dos títulos profesionais universitarios. (Fonte: El Correo Gallego e xornal.com).

Galicia
Polémica política por Israel
O concelleiro do BNG en Neda (A Coruña), Abel García López, membro da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI), renunciou a seguir formando parte da militancia nacionalista por considerar que “o BNG non lembra o Holocausto e ataca a Israel”. (Fonte: El Correo Gallego).

Alemaña
Levarán o Entroido ourensán
Os impulsores dos entroidos de Cabeza de Manzaneda, Xinzo da Limia, Verín, Vilariño de Conso, Laza e Viana do Bolo, estudarán a posibilidade de participar no Festival Europeo das Máscaras, que se celebrará na cidade alemá de Stuttgart en xaneiro de 2009. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Aumenta o CERA
Para as eleccións xerais do 9 de marzo, o Censo de Residentes Ausentes (CERA) aumentou case en 20.000 persoas con respecto aos comicios de 2004, ascendendo a cifra a 324.388 persoas, cun incremento do 5,57%. Arxentina, Venezuela, Brasil, Suíza e Uruguai seguen a ser os países con maior presencia de votantes no CERA. (Fonte: vieiros.com).
04/02/2008
Diáspora
Correos responde a Núñez Feijoo
A empresa pública Correos desmentiu ao presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, polas súas declaracións en Venezuela sobre os retrasos na entrega dos votos da diáspora desde este país nas eleccións autonómicas de 2005, acusándoo de “falsidade”. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo
Galicia inicia a súa promoción europea
Turgalicia e Turespaña asinaron, no marco de FITUR 2008, un convenio de colaboración polo que os dous organismos financiarán ao 50% as actividades necesarias para a promoción turística de Galiza en mercados internacionais, e que contarán cun orzamento final de 1.200.000 de euros. Os mercados internacionais obxecto desta promoción serán os de Alemaña, Francia, Italia, Países Baixos, Portugal e Reino Unido. (Fonte: xornal.com).

Unión Europea-Galicia
En defensa da política agraria
No pleno do Comité das Rexións da UE, Galicia defenderá as oito emendas sobre a revisión da Política Agraria Común (PAC), a fin de que Bruxelas estude os ditames necesarios para a reforma que defende a representación galega. O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Julio César Fernández, será o encargado de manifestar a posición galega. (Fonte: AGN e Galiza Nación).
03/02/2008
Cooperación
Ferrol se solidariza coa India
A ONG “Implicadas no Desenvolvemento” axudará a unhas 32.000 persoas nos estados indios de Tiruchy, Thanjavur e Karaikal, dentro dun proxecto de solidariedade que conta co apoio do concello de Ferrol. (Fonte: El Correo Gallego).

Marrocos
Éxito da pesca viguesa
A empresa viguesa Europacífico asinou un convenio de representación exclusiva coa marroquí Omniun Marocain de Péche (OMP), para ampliar a súa oferta de produtos no país magrebí, especialmente sepia, calamar, linguado e o polbo. Este convenio permitirá incrementar as súas vendas ata 100 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Alianza téxtil
As Asociacións de Industrias do Punto e Confección de Lugo, Pontevedra e Ourense anunciaron a intención de ampliar os seus negocios en toda a eurorrexión de Galicia e Norte de Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).
02/02/2008
Venezuela
Feijoo denuncia a votación de 2005
De visita en Caracas, o presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, recordou as peripecias do voto da diáspora nas eleccións galegas de 2005, co retraso das sacas de votos que chegaron a última hora á provincia de Pontevedra. Feijoo instou a non repetir este suceso para as eleccións de 2009, apelando ao presidente Zapatero “a garantir que todos os votos cheguen aos respectivos colexios electorais nos prazos establecidos”. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Fondos para AVE Vigo-Porto
O comisario de Transportes da UE, Jacques Barrot, anunciou que está á espera da decisión da Comisión Europea sobre as subvencións da rede transeuropea de transporte para o período 2007-2013, que prevé destinar 244,14 millóns de euros para o AVE entre Vigo e a localidade portuguesa de Ponte da Lima, traxecto dirixido ata Porto. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Na cola española
Con menos do 3% da poboación total galega, os inmigrantes en Galicia seguen a estar na cola a nivel estatal, a pesar do aumento experimentado nos derradeiros anos. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), na nosa Comunidade habitan 81.400 estranxeiros, sen contar con outros 97.000 nados no estranxeiro. (Fonte: La Voz de Galicia).
01/02/2008
Turismo
Ambiciosa promoción turística
Durante a feira turística FITUR, celebrada en Madrid, o director xeral de Turismo, Rubén Lois, asinou tres convenios coa secretaria xeral de Turismo, Amparo Fernández, a fin de investir 1,2 millóns de euros na promoción turística galega nos medios de comunicación europeos, especialmente en Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido e Portugal. Nesta edición de FITUR, o embaixador xaponés Motohide Yoshikawa, visitou o stand das Rías Baixas, asegurando que Galicia é un dos principais destinos turísticos dos xaponeses. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Aumenta a poboación galega
Segundo o Instituto Galego de Estatística, o crecemento do 1,27% da poboación en Galicia no período 2001-2006 debese á chegada de inmigrantes, cunha porcentaxe situada no 2,7% da poboación. Por países, Portugal lidera con 13.224 persoas, seguido de Colombia (8.063); e Brasil e Arxentina, con máis de 6.000 cada unha. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Rescate en Escocia
O pesqueiro galego “Spinnig Dale”, con catorce tripulantes, once deles galegos, foi rescatado satisfactoriamente nas Illas Hébridas, ao noroeste de Escocia, segundo informou a Asociación PescaGalicia e o seu propio armador, orixinario de Ribeira. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela
Voo directo Santiago-Caracas
A aeroliña venezolana Santa Bárbara espera realizar de forma permanente e sen escalas, un voo directo entre a capital galega e a venezolana, en principio previsto para outono de 2008, cunha media de oito movementos mensuais. O presidente desta aeroliña participou en Madrid na Feira Internacional de Turismo (FITUR). (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Ministro de Pesca en Vigo
A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañou en Vigo ao ministro de Pesca de Cuba, Alfredo López, na súa visita ás instalacións do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, dependente do departamento de Pesca da Xunta, durante unha visita privada dun día de duración. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Letras galegas para Cuba
A Compañía de Radio e Televisión de Galicia organizará, co apoio da Consellería de Cultura e Deporte, un concurso de microrrelatos co nome "Letras de Galicia a Cuba" para celebrar a presenza de Galiza como país convidado na Feira Internacional do Libro que terá lugar na Habana do 13 ao 24 de febreiro de 2008. A CRTVG sorteará entre os participantes unha viaxe para dúas persoas á feira cubana, que se trasladarán xunto coa delegación galega. (Fonte: xornal.com).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, Diario Nova +, El Correo Gallego, El Exportador, El País, El Progreso, Empresa y Finanzas, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, Galiza Nación, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2008: xaneiro |
2007: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2006: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2005: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2004: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2003: dec | nov | out | set | ago | xul | xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2002: dec | nov | out | set | ago | xul | 30xuñ | 14xuñ | mai | abr | mar | feb | xan |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/03/2008
Fernando Pol


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta