Diario Exterior / xaneiro de 2008

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

31/01/2008
Unión Europea-Galicia
Retraso na creación das AECT
A comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner, respondeu ao eurodeputado polo PPdG, Daniel Varela, que o Estado español retrasa o desenvolvemento da lei comunitaria que prevé a aprobación do marco xurídico das Asociacións Europeas de Cooperación Transfronteiriza (AECT), que unirá a Galicia co Norte de Portugal, a pesar da recente aprobación por parte do Consello de Ministros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura
O musical galego en Cannes
A consellería de Cultura levará un amplo abano musical galego ao certame Midem de Cannes (Francia), unha das feiras musicais máis importantes do mundo, que conta coa presenza de 10.000 profesionais procedentes de 90 países. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Alta velocidade para o 2012
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que Galicia está a dar un “salto histórico” para contar no 2012 cunha rede de autovías de alta velocidade, que unirá o interior galego con Portugal. Esta rede partirá dende Vilalba ata Verín e a fronteira portuguesa, con especial énfase en Porto. (Fonte: xornal.com).

Economía
Peletería galega na India
A Cámara de Comercio santiaguesa organizou a asistencia de once empresas de peletería á feira empresarial da localidade india de Chennai, sendo este país despois de China o principal receptor de productos de peletería fabricados en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
30/01/2008
Turismo
Mais turistas estranxeiros para Compostela
Por primeira vez, o número de turistas estranxeiros superou aos españois en visitas á capital galega, cun total de 58.700 estranxeiros por 55.326 nacionais no 2007, que corresponde a un crecemento do 21,9% fronte a un 5,9% respectivamente. Como dato de importancia considerase a presencia en Compostela de visitantes de países tan afastados xeograficamente como San Marino, Dominica, Botswana, Iraq, Illas Fidji, Kirguizistán, Laos, Serra Leona, Omán, Vietnam, Illa Reunión, Granada, Malawi e Australia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Irmanamento en Romanía
O alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo reuniuse co presidente da Asociación Puente Cultural Rumano-Gallego, Ion Stan, e o alcalde da localidade rómana de Sighisoara, Ioan Dorin Danesa, a fin de propiciar un irmanamento entre ambas cidades. O alcalde romanés invitou a Bugallo a asistir en maio a unha xuntanza de cidades irmanadas con Sighisoara. En Santiago habitan un total de 200 rómanos, dos 2.200 existentes en Galicia, segundo datos da Asociación fundada no 2005. (Fonte: El Correo Gallego).

China
Investimento solar en Galicia
Yang Liyou, xerente xeral da empresa Chint Solar, filial da estatal eléctrica chinesa Chint, considerada a maior de China e a terceira do mundo, amosou o seu interese en promover parques solares en Galicia, trala visita realizada polo propietario de Chint, Cunhui Nam, ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Máis competencias para a Axencia Pesqueira
Durante a Asemblea Xeral de Europeche, organismo que reúne a todas as empresas pesqueiras da UE, o comisario europeo de Pesca, Joe Börg, insistiu na intención de Bruxelas de aumentar as competencias da Axencia Europea de Control da Pesca, que se trasladará a Vigo a mediados de 2008. Estas competencias estarían dirixidas a coordinar todas as actividades de inspección e control nos países da UE. (Fonte: AGN).

Diáspora
O pulso polo voto emigrante
O PPdG e o BNG insisten na aprobación do voto en urna para acabar coas sospeitas xeradas nas derradeiras eleccións autonómicas de 2005. Mentres, o PSdG ofrece a creación dunha circunscrición electoral para os emigrantes. En todo caso, o goberno estatal considera que a reforma non estaría lista ata o 2012. Arxentina lidera o voto da diáspora cun 36%, seguido de Venezuela, Suíza e Brasil. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Medra o censo de residentes
O censo de composteláns residentes no exterior aumentou un 20%, un total de 7.000 cidadáns, durante o 2007, segundo explicou o alcalde santiagués Xosé Sánchez Bugallo, quen reuniuse coa concelleira en Benestar Social, Mar Martín, e o presidente da Fundación Galicia Emigración, Juan Carlos Pérez Santiago, para avaliar os proxectos de centros de día en Arxentina e Uruguai. (Fonte: El Correo Gallego).
29/01/2008
Unión Europea-Pesca
Reunión en Vigo
O Museo do Mar da cidade olívica foi a sede dunha reunión internacional sobre pesca entre representantes da Unión Europea e o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES, polas súas siglas en inglés), na que científicos e representantes do sector pesqueiro europeo colaboraron na xestión de numerosas especies de interese comercial. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
O Magreb, protagonista en Pontevedra
A Bienal de Arte de Pontevedra 2008 que celebrará no verán de 2008 a súa trixésima edición, contará coa participación de Marrocos, Tunicia e Alxeria como expresión da multiculturalidade e as relacións con norte de África. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Emancipación para a eurorrexión
Carlos Cardoso Lage, presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N) de Portugal, afirmou que a rexión "precisa dunha ben temperada emancipación política, á que a rexionalización dará acceso, a pesar de considerar que, "infelizmente", o Norte de Portugal "non está en condicións de estabelecer metas tan ambiciosas como as da veciña Galiza". Para Lage, as vantaxes de Galiza se limitan a "unha economía española dinámica que puxa pola economía das súas rexións e un goberno rexional electo e competente que coida da vida da rexión galega". (Fonte: vieiros.com).

Diáspora
Quintana ataca ao PSOE
O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou que o PSOE pretende "lavar a súa mala conciencia" coa proposta de crear unha circunscrición electoral específica para os emigrantes, unha iniciativa que figurará no programa socialista para as eleccións do 9 de marzo. Quintana defendeu que hai que decidir "con urxencia" sobre o método de votación, para implantar o voto en urna, e "definir para que eleccións poden votar e para cales non" os emigrantes. (Fonte: Galiza Nación).

Turismo
Europa coñece a Compostela
O traballo da consultora belga Ramboll, “Estudo sobre a realidade actual das peregrinacións a Santiago e as súas relacións co turismo” considera que un 60% dos europeos coñece Compostela e que un 10% deles algunha vez visitou a capital galega. Nesta orde, os países con maior coñecemento e visitantes a Compostela son Francia (77%), Italia (52%), Alemaña (52%), e Gran Bretaña (39%). (Fonte: El Correo Gallego).
28/01/2008
Galicia
Etiopía e China para adoptar
Segundo datos da vicepresidencia da Xunta, un total de 509 solicitudes de adopción foron presentadas en Galicia no 2007, sendo China (120) e Etiopía (190) os países preferidos polos galegos para adoptar. Colombia, Filipinas, Nepal, Ucraína, Rusia e Kazakistán foron outros países seleccionados. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade
Implicadas en India e Etiopía
A ONG galega “Implicadas no Desenvolvemento” presentou en Lugo a súa planificación de proxectos que desenvolverán ata o 2012 en países como Etiopía e India, así como descentralizar o voluntariado cara outras zoas de Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/01/2008
Galicia
Mesas sobre o altermundo
O Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) e a Fundación Caixa Galicia, iniciaron un ciclo de sete mesas agrupadas en torno aos Diálogos Altermondialistas, nas súas sede en Vigo e Santiago, coa participación de Ricardo Díaz Hochleitner, presidente do Club de Roma; Carlos Rodrigues Brandao, activista do Foro Social Mundial; Rafael Badía, da Oficina de Promoción para a Paz e os Dereitos Humanos da Generalitat de Catalunya; e Rafael Grasa, do Instituto Catalán Internacional pola Paz. (Fonte: El Correo Gallego).

México
Galegos demandan maior atención
Durante a súa participación en Santiago no I Encontro de Empresarios Galegos en Rede, o presidente da Unión Mexicana de Empresarios Galegos (UMEG), Antonio Cortés Ogando, demandou á Xunta “unha maior cercanía” cos entre 15.000 e 18.000 galegos dese país, paralela á que leva a cabo o goberno galego cos emigrados na Arxentina e Uruguai. A UMEG conta con sesenta socios, especialmente empresarios galegos nos sectores turístico, construcción, moblería e estacións de servicio. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Formación galega en América Central
A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta, Fabiola Sotelo, presentou en El Salvador o programa de formación para pesca artesanal en América Central, financiado para o 2008 con 316.500 euros. Sotelo presentou este programa ante os ministros de Agricultura e Pesca dos países centroamericanos. (Fonte: La Voz de Galicia).
26/01/2008
Marítima
Vigo como autopista do mar
Tomando como referencia os datos de actividade portuaria de 2007, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, José Paz, informou da firmeza da candidatura de Vigo para liderar a primeira autopista europea do mar, en conexión cos portos franceses de Saint Nazaire e Le Havre. O ano pasado, o porto vigués bateu o seu récord histórico con cinco millóns de toneladas de mercancías. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
“Alerta vermella” para o viño galego
O sindicato Xóvenes Agricultores (XXAA) advertiu de que a nova medida europea para crear plantacións sen dereito ao viñedo, prevista para o 2018, provocará unha caída dos prezos da uva, afectando considerablemente ás Denominacións de Orixe das Rías Baixas, en especial na zona do Salnés. Segundo XXAA, o patrimonio histórico dos viticultores desta zona alcanza os 24 millóns de euros e 2.300 hectáreas. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Culleredo busca fondos europeos
O concello de Culleredo formalizará a presentación do seu proxecto Dínamo, destinado á súa mellora social e urbana, no que pretende obter 3,1 millóns de euros en Fondos FEDER da Unión Europea, aos que poderá acceder por vez primeira por ser un concello con poboación superior aos 20.000 habitantes. (Fonte: La Voz de Galicia).
25/01/2008
Galicia
Os irmandiños no Libro Guinness
O xogo de rol en vivo “Os irmandiños: A revolta”, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia, entrou no Libro Guinness dos récords como a actividade de xogo de rol en vivo con maior número de participantes en todo o mundo, establecendo así unha nova categoría. O seu correspondente certificado foi recibido pola Dirección Xeral de Xuventude. (Fonte: Galicia Hoxe).

Portugal
AECT para marzo
O Consello de Ministros do Goberno español aprobou o decreto que senta as bases reguladoras para a creación de novos entes das denominadas Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT), entre rexións transfronteirizas, sendo o caso da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este decreto foi aprobado simultaneamente á celebración do XXIII Cumio Hispano-Portugués de Braga e será presentado en Badaxoz a principios de febreiro, con motivo da celebración do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Portugal-España 2007-2013, comezando a súa andadura en marzo. (Fonte: Empresa y Finanzas).
24/01/2008
Unión Europea-Galicia
Queixo con denominación de orixe
O Diario Oficial da Unión Europea anunciou que dentro de seis meses a Denominación de Orixe Protexida do queixo do Cebreiro, pasará a formar parte das Denominacións de Orixe da UE. Deste xeito, se recoñece ao queixo en forma de seta que se produce nos concellos lucenses de Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Cervanets, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Láncara, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita de Cebreiro, Samos e Triacastela. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cooperación
De Ourense a Polonia e Hungría
O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) acordou co Centro de Investigación en Xenética da Pataca en Polonia, o Centro Georgikon en Hungría e ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo en Portugal, un convenio de colaboración en proxectos de investigación e desenvolvemento do sector da pataca para o estudo de novas variedades melloradas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Arxentina
Apoian ampliar o Museo da Emigración
O presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, asinou un convenio para ampliar o Museo da Emigración Galega en Arxentina (MEGA), proxecto que conta co apoio da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina. A achega da deputación coruñesa será de 12.000 euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Sanxenxo promóvese en Lisboa
O concello de Sanxenxo participou na Bolsa de Turismo de Lisboa, onde 4.600 persoas se interesaron pola súa promoción, sendo Portugal a principal praza de interese para o turismo desta vila galega. As visitas ao stand de Sanxenxo experimentaron un aumento do 22% con respecto a 2007. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Santa Comba homenaxea a Brasil
O concello de Santa Comba lembrará aos xalleiros emigrados a este país sudamericano, cunha homenaxe titulada “Lembranza do emigrante: música e poesía”, con presenza de figuras da emigración a Río de Xaneiro. (Fonte: La Voz de Galicia).

Francia
Vigo e Brest únense polo mar
Vigo e Galicia estarán presentes nas próximas festas marítimas da localidade de Brest, na Bretaña francesa. A mediados de xullo de 2008 se celebrará a Festa do Mar e dos Mariñeiros de Brest, que se reúne cada catro anos desde 1992. (Fonte: La Voz de Galicia).

Irlanda
Rescatados mariñeiros galegos
Un total de 18 mariñeiros pertencentes á tripulación do pesqueiro “Royalist”, con bandeira británica pero base en A Coruña, foron rescatados nas augas xurisdiccionais irlandesas, a 370 km do condado de Clare, ao oeste da illa, por parte da embarcación francés “Damafram”. (Fonte: El Correo Gallego).
23/01/2008
Alemaña
Vigo promove o seu turismo
O concelleiro de Turismo e tenente de alcalde vigués, Santiago Domínguez (BNG) participou na Feira Boot e Düsseldorf, a fin de promover o turismo feiral de Vigo no sector da náutica recreativa e deportiva, especialmente con eventos como Desafío Atlántico de Grandes Veleiros que organizará Vigo nos próximos meses, ou citas como o Brest 2008, que se realiza na Bretaña francesa e que nesta edición conta con Galicia como invitado especial. (Fonte: Faro de Vigo).

Portugal
“Portugués para nós”
A dirección xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta organizou o curso de portugués on line “Portugués para Nós”, coa pretensión de fomentar o coñecemento deste idioma entre a mocidade galega. (Fonte: xornal.com).

Inmigración
Aumentan os afiliados á Seguridade Social
En decembro de 2007, o número medio de afiliados estranxeiros á Seguridade Social en Galicia ascendeu a 41.091 persoas, un crecemento interanual do 21,3%. (Fonte: xornal.com).
22/01/2008
Arxentina
Compromiso coa emigración
O presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, comezou a súa visita por Arxentina, orientada a subscribir acordos por valor de 108.000 euros en asistencia aos colectivos galegos neste país sudamericano. Neste sentido, Fernández Moreda entrevistouse co presidente do Centro de Pensionados e Xubilados da República Arxentina, Perfecto Marcote. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Lugo e o mutismo da UNESCO
A Xunta e o concello lucense manteñen o silencio sobre os plans de construcción do novo auditorio de Lugo, tomando en conta que a UNESCO segue sen dar a coñecer a súa decisión sobre a construcción dun novo centro cultural no antigo cuartel de San Fernando. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Trece proxectos empresariais
No marco do I Encontro de Empresarios Galegos en Rede en Santiago, inaugurado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acordouse o financiamento de trece proxectos empresariais en Uruguai e Arxentina, relativos ás novas tecnoloxías en vivendas, material automobilístico, editoriais, inmobiliarias e agricultura. O encontro reuniu a 332 empresas de países como Arxentina, Uruguai, Venezuela, México, Costa Rica, Brasil, República Dominicana, Portugal, Alemaña, Reino Unido, China e Xapón, polo que o presidente Touriño instou aos participantes a aumentar os investimentos e o comercio e a constituír definitivamente un lobby empresarial galego no mundo. (Fonte: Faro de Vigo e El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Exposición da lingua galega
Con motivo da celebración do Ano Internacional das Linguas, declarado pola UNESCO para este 2008, e da celebración do Ano do Diálogo Intercultural promovido pola Comisión Europea, a Xunta de Galicia levará a Bruxelas, no último trimestre deste ano, unha exposición interactiva para presentar a lingua galega. A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentoulle o proxecto ao comisario europeo de Multilingüismo, o romanés Leonard Orban, no encontro que mantiveron na sede da Comisión Europea. (Fonte: xornal.com e AGN).

EEUU
A miscelánea de A Estrada
A obra “A Estrada, Miscelánea Histórica e Cultural”, editada polo concello estradense, poderá exhibirse na biblioteca do Congreso dos EEUU en Washington e no centro estradense de La Habana, así como na Escola Española de Historia e Arquitectura de Roma e medio cento de institucións e entidades. (Fonte: El Correo Gallego).
21/01/2008
Galicia
Creado o “lobby” empresarial
Santiago inaugurou o I Encontro de Empresarios Galegos en Rede, organismo creado pola consellería de Innovación e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), o Consello Galego de Cámaras de Comercio, a Confederación de Empresarios de Galicia, a Fundación Galicia Emigración e as Asociacións de Empresarios de Orixe Galega no Exterior, coa finalidade de concretar un lobby empresarial galego no exterior. Neste sentido, a capital galega reuniu a 300 empresarios galegos dende países como Arxentina, Brasil, México, Uruguai, Venezuela, República Dominicana e Suíza, así como de comunidades autonómas como Madrid e Cataluña. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Galicia
Espazo para o galego
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, reuniuse en Bruxelas co comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, a fin de abrir unha vía de colaboración directa da Xunta co comisario europeo para achegarlle suxestións e participar activamente na nova estratexia de multilingüismo que se vai poñer en marcha na Unión Europea na segunda metade deste ano, destinada a fomentar a aprendizaxe de idiomas para favorecer o diálogo intercultural. (Fonte: xornal.com).

Marítima
Galicia na feira de Brest
A nosa Comunidade foi invitada a participar na feira marítima de Brest, que reúne cada catro anos nesta localidade francesa a milleiros de barcos e mariñeiros de diversos países. (Fonte: El Correo Gallego).
20/01/2008
Portugal
Infraestruturas transfronteirizas
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, representou ás comunidades autónomas fronteirizas entre Galicia e Portugal no XXIII Cumio entre España e Portugal celebrado en Braga. Touriño incidiu na necesidade de cumprir cos compromisos adquiridos noutros cumios sobre o AVE Vigo-Porto para o 2013. (Fonte: La Voz de Galicia).

Turismo
Promoción nos países bálticos
Unha delegación da consellería de Innovación e Industria, dirixida polo director xeral de Turismo Rubén Lois, e o xerente de Turgalicia, Xesús Pereira, visitou Letonia, Lituania e Estonia para promover a gastronomía galega e o Camiño de Santiago. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Galicia na Feira da Habana
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reivindicou a importancia da presencia de Galiza como país convidado na Feira Internacional do Libro da Habana por significar “a presenza dunha nación con cultura propia nun foro internacional”. Neste acto, que tamén contou coa participación da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, confirmouse a presencia de 40 escritores, entre eles Suso de Toro, Manuel Rivas ou Teresa Moure, historiadores, editores e creadores de toda índole, como Nélida Piñón, Ramón Villares, Ignacio Ramonet, Marful, a Real Filharmonía de Galicia, Carlos Núñez, Miguelanxo Prado, Mercedes Peón, Abe Rábade e o propio cantante cubano Pablo Milanés acompañado de cantantes galegos. (Fonte: Galiza Nación).
19/01/2008
Galicia
A importancia exterior do Instituto de Medicina Legal
O Instituto de Medicina Legal da USC dirixido polo doutor Ángel Carracedo, está considerado como o terceiro instituto mundial en publicacións científicas e investigacións criminais, por detrás do FBI estadounidense e o británico Forense Science Service. Neste sentido, o instituto recibe solicitudes de cooperación e asesoramento de mais de 30 países, como Grecia, Gran Bretaña ou EEUU. Recentemente, este instituto logrou identificar o ADN do neno colombiano Emmanuel, fillo da política colombiana Clara Rojas, secuestrada pola guerrilla das FARC e liberada a principios de xaneiro. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
A referencia do Erasmus
Nos derradeiros dez anos, o número de universitarios galegos que optaron pola bolsa de estudios europea Sócrates-Erasmus triplicouse dos 366 estudiantes no curso 1997-98 a 1.448 na actualidade. Neste sentido, este programa convertese no referente para os estudiantes galegos para acceder ao coñecemento doutros países europeos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Estranxeiros frean a caída demográfica
Segundo o derradeiro padrón de poboación do 1 de xaneiro de 2007, realizado polo Instituto Nacional de Estatística, en Galicia están empadroados un total de 7.686 inmigrantes, permitindo un crecemento de 0,18% na poboación galega. Seguindo con estes datos, se calcula en 9.500 o número de estranxeiros indocumentados e ilegais en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Critican a tardanza do AVE Vigo-Porto
O PPdG criticou o retraso na construcción do AVE entre Vigo e Porto, por privar á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal dun volume de negocio estimado en 17.000 millóns de euros anuais. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Programa de vivendas europeo
Santiago liderará un programa europeo de proxectos de vivendas, xunto a un grupo de cidades europeas, tras ser aprobado por un colexio de arquitectos do noroeste peninsular e ser promovido pola alcaldía de Nantes. (Fonte: El Correo Gallego).
18/01/2008
Economía
“Colapso” dos investimentos externos
O presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, arremeteu en Ourense contra a política económica do goberno socialista, ao cualificar de “colapso” e “descenso brutal” a situación dos investimentos estranxeiros en Galicia e España. Feijoo asegurou que no 2004, os investimentos exteriores en Galicia correspondían ao 4,4% do total a nivel estatal e que, no 2007, este índice está no 0,27%. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Un 10% de aumento
Os concellos galegos incrementaron nun 10% a súa poboación inmigrante no 2007, principalmente ante a chegada de cidadáns procedentes de países como Perú, Paraguai, Bolivia, Brasil, Portugal e Romanía. Todos eles suman case 60.000 dos 81.442 cidadáns estranxeiros que, a 1 de xaneiro de 2007, estaban contabilizados no Instituto Nacional de Estatística. (Fonte: La Voz de Galicia).

Arxentina
Marisol Soneira en campaña
A deputada galega polo PSOE e secretaria de Movementos Migratorios chegou a Arxentina para iniciar a precampaña das Eleccións Xerais do próximo 9 de marzo. Soneira estivo tamén en Venezuela e Brasil e, posteriormente, finalizará a súa xira en Uruguai. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Pesca
O experto López Veiga
O ex eurodeputado e ex conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, formará parte dun grupo de expertos en materia pesqueira en Bruxelas, destinado a redefinir o futuro da política pesqueira comunitaria. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Feira atlántica en Vigo
A feira FranquiAtlántico que terá lugar a principios de marzo en Vigo presentouse como o auténtico “motor” da economía galega e do norte de Portugal, a fin tamén de converter a Vigo no seu referente no norte peninsular. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Decreto para a Agrupación de Cooperación Territorial
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Consello de Ministros aprobará o decreto que posibilitará a creación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial entre Galicia e o Norte de Portugal, tras ser aprobado recentemente por parte do goberno portugués. A Agrupación de Cooperación Territorial entre Galicia e o Norte de Portugal dotará de “personalidade xurídica a eurorrexión". (Fonte: xornal.com e Vieiros).

Cuba
Unidos pola narración
Segundo anunciou a concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, no 2008 Galicia e Cuba estarán unidos "por contos e narracións", tras inaugurar a novena edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, na que o país caribeño é o convidado como anticipo do que será a presenza de Galicia na vindeira Feira do Libro de La Habana a celebrarse en febreiro. (Fonte: Faro de Vigo).

Cooperación
Programas cara América Latina
O Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia, BIC Galicia, está a transferir as súas metodoloxías e ferramentas en materia de emprendemento a entidades de México, Venezuela e Colombia, no marco de iniciativas de cooperación internacional impulsadas pola Comisión Europea e pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI). (Fonte: xornal.com).
17/01/2008
Diáspora
O modelo emigrante do PPdG
O voceiro parlamentario de Emigración polo BNG, Iago Tabarés, invitou ao presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, a presentar a súa proposta do voto emigrante “en lugar de viaxar a Brasil e realizar promesas electorais”. Dende a localidade brasileira de Salvador de Baía, Núñez Feijoo defendeu o voto en urna para os emigrantes e instou a que Baía sexa o lugar onde “Galicia pase da emigración dos anos sesenta e setenta ao investimento do 2010”. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).

Diáspora
Máis de 1.400 emigrantes atendidos
A Secretaría Xeral de Emigración destinará no 2008 máis de 200.000 euros á aplicación experimental da Lei de Dependencia no exterior para custear actuacións de axuda domiciliaria. No 2007, atendeuse a 1.408 persoas en situación de dependencia. Por países, Cuba foi receptora de 938 axudas, Arxentina de 284, Uruguai de 119, Venezuela de 39 e Brasil de 28. Paralelamente, ao longo de 2008 consolidarase a rede de centros de día, segundo as previsións feitas en coordinación coas agregadurías laborais, a Delegación da Xunta en Bos Aires e as institucións que desenvolven os programas. (Fonte: xornal.com).

Cooperación
Impulso turístico en Sri Lanka
Como parte dun programa da ONU, o Centro Superior de Hostalería de Galicia porá en marcha unha escola na localidade de Koggala, ao sur de Sri Lanka, para a mellora do turismo neste país asiático. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba
Proxectos de Cooperación
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta destinará 472.735 euros a dous proxectos que se desenvolven en aplicación do convenio marco de cooperación entre Cuba e Galicia asinado en decembro de 2007. No primeiro programa, se destinarán 200.000 euros para o melloramento de infraestruturas públicas e vivendas e un programa de educación e sensibilización medioambiental na comunidade Antonio Maceo, en Santiago de Cuba, en colaboración coa Sociedade Cubana para a Promoción das Fontes Renovables de Enerxía e Respecto Ambiental (Cubasolar) e co Ministerio para la Inversión Extranjera y la Colaboración Económica de Cuba (MINVEC). No segundo proxecto se destinarán 272.735 euros para a mellora das condicións de habitabilidade de vivendas no centro histórico de Santiago de Cuba, nun proxecto no que colabora o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. (Fonte: xornal.com).

México
Mouriño, ministro de Interior
Juan Camilo Mouriño, fillo do presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño, foi nomeado polo presidente mexicano Felipe Calderón como novo Secretario da Gobernación, cargo equivalente ao de ministro de Interior. Nado en Madrid en 1971, licenciado en Económicas e nacionalizado mexicano aos 18 anos, Juan Camilo Mouriño é considerado como a “man dereita” do actual presidente mexicano, desde o seu cargo de xefe da Oficina da Presidencia. (Fonte: Faro de Vigo).
16/01/2008
Economía
Demanda de Zara en Turquía
A empresa do grupo Inditex levou aos tribunais en Turquía a diversos establecementos que utilizan o seu nome. A empresa de Amancio Ortega está demandando a establecementos con nomes como Zara Lens, Zara ZarAccom, Zaranism, Zarakol, que existen tanto na rexión de Anatolia central como en Istambul. (Fonte: xornal.com).

Cultura
Literatura galega no País de Gales
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou o novo programa de estadías de escritoras e escritores galegos en Gales promovido polo Centro de Estudos Galegos de Gales. A iniciativa consiste na residencia dun autor galego na cidade galesa de Bangor co obxectivo de facer achegas académicas e creativas ao programa de estudos de galego daquela universidade, que mantén un convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Con este proxecto tamén se pretende aumentar a visibilidade e a presenza das voces literarias galegas no contexto galés, británico e internacional. (Fonte: xornal.com).

Portugal
Posgrao transfronteirizo
A Universidade de Vigo asinou en Porto un proxecto de desenvolvemento dun posgrao universitario transfronteirizo ao que se sumarán as universidades de Santiago, A Coruña, Aveiro, Porto e Miño. O proxecto foi asinado pola conselleira de Educación da Xunta, Laura Sánchez Piñón, e o ministro portugués de Ciencia e Tecnoloxía, José Mariano Gago. (Fonte: La Voz de Galicia).
15/01/2008
Brasil
Feijoo critica a Touriño
O presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, acusou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de “substituír a promesa incumprida por outra que non vai a cumprir”, en referencia á promesa de “falsa nacionalidade” para a emigración e o voto en urna. Feijoo comparou a Touriño co mandatario brasileiro Lula da Silva ao considerar que o presidente da Xunta posúe un número de asesores similar ao mandatario brasileiro, “coa diferencia entre Brasil e Galicia de 187 millóns de habitantes”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Piden expansión hostaleira
Reunidos en Baiona, os novos clientes dos hoteis, restaurantes e apartamentos da provincia de Pontevedra, así como os empresarios locais, pediron unha maior promoción en Portugal das vantaxes turísticas e deste sector na provincia pontevedresa. No 2007, Portugal aportou 1,8 millóns de visitantes á provincia de Pontevedra, dun total dos 2,8 millóns recibidos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Fondos para o AVE Vigo-Porto
O comisario de Transportes e vicepresidente da Comisión Europea, Jacques Barrot, e o presidente do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Philippe Maystadt, acordaron crear un fondo de mil millóns de euros para garantir os préstamos privados necesarios para sufragar os proxectos previstos para a Rede Transeuropea de Transporte (RTT), no que se inclúe o AVE entre Vigo e Porto. A Comisión Europea valora a necesidade desta infraestrutura de transporte para un mercado rexional de 300.000 millóns de euros entre Galicia e o Norte de Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura
Galicia, como Escocia
O reporteiro da BBC David Miller, comparou no artigo Europe gets smaller as EU grows (Europe vólvese pequena namentres que a UE medra) a situación política de Escocia coa de Galicia, durante unha viaxe pola nosa Comunidade. "Os galegos considéranse unha raza aparte. Son primeiro galegos e españois despois. Sóalles familiar?", escribe Miller nun artigo no que considera que "Escocia non é o único país europeo que está a debater o seu futuro constitucional". (Fonte: Vieiros).

Cuba
Patrimonio con Compostela
O Colexio de Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o responsable da Oficina de Conservación de Santiago de Cuba, Omar López, estreitaron en Santiago os seus respectivos lazos para promover a revitalización urbana das súas cidades históricas. Esta iniciativa ten como título “Santiago de Cuba, unha alternativa de futuro”. (Fonte: El Correo Gallego).
14/01/2008
Cuba
Ollada á arquitectura cubana
Omar López, conservador oficial de Santiago de Cuba, pronunciou en Compostela unha charla sobre a situación da arquitectura cubana e os resultados do convenio de cooperación entre os colexios de arquitectos de Compostela e Cuba asinado en outubro de 2007. López é o artífice do nomeamento dos cafetais de Sierra Maestra como Patrimonio da Humanidade. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Denuncia baixa de investimentos exteriores
O PPdG denunciou unha substantiva baixa nos investimentos estranxeiros en Galicia, de 391 millóns de euros durante os anos de goberno do PPdG na Xunta ata os 18 millóns de euros do actual goberno bipartito, entre xaneiro e setembro de 2007. Tamén denunciou a fuga de empresas galegas a Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
O impacto da crise enerxética
Diversos membros da comunidade galega radicada en Bos Aires declararon o seu malestar pola dramática situación dos cortes de luz e a escaseza de carburante que sufre o país sudamericano, co seus efectos na vida cotiá. (Fonte: La Voz de Galicia).
13/01/2008
Diáspora
En marcha o lobby empresarial
O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Fundación Galicia Emigración, ás Asociacións de Empresarios de Orixe Galega no Exterior, a Confederación de Empresarios de Galicia e o Consello Galego de Cámaras de Comercio, organizarán entre o 21 e 25 de xaneiro en Santiago o I Encontro de Empresarios Galegos en Rede, no que participarán 200 empresarios galegos e os seus responsables por país, sendo Jesús Caneda (Brasil), Rafael Osvaldo Méndez (Arxentina), Antonio Cortés (México), César Antelo (Uruguai), Cándido Rodríguez Losada (Venezuela), Eduardo Pahíño (República Dominicana) e José Aser Castillo (Portugal). Tamén participarán Julio Fernández polos empresarios galegos de Cataluña e Francisco Pal Pardo por Madrid. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Incremento lácteo no exterior
Durante os primeiros nove meses de 2007, Galicia aumentou as súas vendas do sector lácteo ao exterior nun 130,7%, cunha facturación de 93,2 millóns de euros. Francia, Portugal, Bélxica, Países Baixos, Reino Unido, Gabón, Guinea Ecuatorial, Camerún, Congo, Líbano, Chipre, Andorra, Polonia e a Polinesia francesa foron os principais socios comerciais. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Reinserción laboral
Unhas 250 persoas lograrán a súa reinserción laboral mediante un programa que a Deputación de Pontevedra presentará ante o Fondo Social Europeo e que prevé a formación profesional de máis de 400 traballadores. Os proxectos son denominados Aquelando 2 e Arelar. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/01/2008
Portugal
Conexión enerxética
De visita en Ferrol, o ministro de Industria Joan Clos asegurou que Galicia servirá de mediadora entre España e Portugal para levar a cabo os proxectos de integración enerxética previstos para os próximos anos, con especial énfase na electricidade, o gas e a enerxía eólica. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Medra o censo electoral exterior
Un total de 30.166 galegos no exterior inscribíronse no censo electoral de residentes ausentes (CERA) entre o 1 de decembro de 2003 e o 1 de decembro de 2007, o último censo validado polo Instituto Nacional de Estatística. Isto permite a Galicia constituírse na comunidade autónoma onde máis medrou a súa lista de votantes no estranxeiro para as próximas eleccións xerais do 9 de marzo de 2008. Se engadimos os emigrantes inscritos no mesmo censo nos derradeiros catro anos, Galicia suma 324.388 residentes no exterior con dereito ao voto, un 14,1% do censo total a nivel estatal. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/01/2008
Inmigración
Aumentan inmigrantes no Barbanza
Case o 40% dos 1.600 inmigrantes empadroados nos once concellos da comarca de Arousa Norte proceden de Marrocos, Portugal, Chile e Perú. Esta porcentaxe aumenta tomando en consideración os catro concellos do Barbanza, onde a poboación procedente destas nacionalidades é de 538 dos 1.237 estranxeiros residentes. Arxentina, Colombia, República Dominicana, Filipinas, Romanía, EEUU, Bangladesh, Bostwana, Xordania, Kazajstán, Malí e Illas Mauricio completan as nacionalidades de orixe dos inmigrantes nesta zona. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima
Parálise no Centro Naval vigués
Os obstáculos de Bruxelas para colaborar con axudas económicas na construcción e reparación naval ameazan o futuro do Centro de Reparación Naval de Vigo, tal e como recoñeceu o seu xerente e presidente da Cámara de Comercio viguesa, José García Costas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Téxtil
Cara a internacionalización
A consellería de Innovación e Industria destinará no 2008 un total de dous millóns de euros para promover e fomentar a internacionalización das industrias galegas do téxtil, especialmente de cara a concretar a súa presenza nos mercados mais competitivos a nivel internacional. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
A contaminación do río Umia
Bruxelas recibiu o informe elaborado polo goberno estatal sobre a contaminación do río Umia tralos vertidos ocasionados polo incendio da planta química de Brenntag. Dende a Xunta sinalouse que o goberno galego non ten responsabilidade no dano ambiental ocasionado pola contaminación do río. (Fonte: El Correo Gallego).
10/01/2008
Defensa
Tercio Norte a Bosnia
O coronel Luís Feal informou que unha trintena de soldados do Tercio Norte asentados en Ferrol formarán parte dunha misión da Unión Europea en Bosnia, para cooperar en tarefas de control de seguridade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pensamento
Galeano en galego
O escritor uruaguaio Eduardo Galeano publicará en galego o seu próximo libro, unha colección de artigos periodísticos que editará Laiovento o próximo mes de febreiro. Cartas ao señor futuro, título do libro, é unha crítica contra as políticas neoliberais e os retrocesos nas conquistas da clase traballadora. (Fonte: Galicia Hoxe).

Sáhara
Afogados no Sáhara
O concello de Ordes mostrou unha exposición do fotógrafo e xornalista galego Gabriel Tizón relativa ao campo de refuxiados saharauís de Tinduf (Alxeria), traballo realizado en febreiro de 2006. A mostra leva por título “Afogados no Deserto”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Colombia
Identifican o ADN de “Emmanuel”
O Instituto de Medicina Legal, dependente da USC, confirmou que a identidade de Juan David Gómez Tapiero correspóndese coa de “Emmanuel”, o fillo de Clara Rojas, secuestrada polas Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC). A Fiscalía colombiana foi notificada do resultado positivo da proba de ADN que realizou este laboratorio galego. (Fonte: Galiza Nación).
09/01/2008
Galicia
Bolsas Sócrates-Erasmus
A USC convocou a tramitación das bolsas de estudos Sócrates-Erasmus, que beneficiarán a 1.600 alumnos para o próximo curso universitario 2008-2009. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Investigación galega na NASA
O concello de Ferrol outorgou o premio “Ingeniero Comerma” á investigadora galega Sofía Martínez Vilariño, quen traballa en Houston nun proxecto de investigación coa NASA para o melloramento da impermeabilidade dos tanques de combustible dos transbordadores espaciais. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Denuncian acoso policial
A Asociación de Profesionais Españois da Saúde en Portugal e centos de médicos e enfermeiros galegos que traballan en Portugal enviaron unha carta ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, para que defenda os seus dereitos e interceda ante o goberno portugués a fin de acabar cos “abusos” motivados polas multas da Brigada Fiscal da Garda Nacional Republicana dos vehículos con matrícula española que transitan por Portugal. (Fonte: Faro de Vigo).
08/01/2008
Unión Europea-Galicia
Acción xudicial contra España
O comisario de Medio Ambiente, Stavros Dimas, anunciou que a Comisión Europea "emprenderá inmediatamente as accións legais oportunas" contra o Estado Español para "asegurar o cumprimento da lexislación comunitaria de medio ambiente" logo de constatar que, máis dun ano despois do incendio na empresa química Brenntag, que provocou a contaminación do río Umia, no seu paso por Caldas de Reis, o Executivo comunitario "aínda non recibiu o informe do accidente que debían enviar as autoridades españolas". (Fonte: Galiza Nación).

Sáhara
Guerra contra Marrocos?
Ante a apertura da terceira rolda de negociacións en Nova York entre Marrocos e a República Árabe Saharauí Democrática, o subdelegado saharauí en Galicia, Mohamedu Haiba, declarou que “se non hai un cambio de actitude, habemos de ir á guerra con Marrocos”. (Fonte: Vieiros).

Galicia
Música con Iberoamérica
A concellería de Cultura de Ortigueira convocou o primeiro “Concurso Iberoamericano de Composición para Banda de Música Vila de Ortigueira”, unha iniciativa dirixida por compositores de España e Portugal e países como Arxentina, Brasil, Canadá, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, Eslovenia, Uruguai e Venezuela. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Críticas contra a Xunta
O Foro de Inmigración reclamou a “inmediata apertura” da oficina municipal en Santiago de atención á poboación inmigrante e emigrante retornada, debido aos retrasos na renovación do convenio co Concello e a secretaría xeral de Emigración. Esta oficina se ocupa da situación dos 4.000 inmigrantes de Compostela. Pola súa banda, a concellería de Benestar Social santiaguesa negou que esta oficina vaia a ser clausurada. (Fonte: La Voz de Galicia e El Correo Gallego).
07/01/2008
Inmigración
Aumenta o emprego inmigrante
No 2007, máis de 7.000 inmigrantes se incorporaron ao mercado laboral galego, sendo 40.000 os estranxeiros que traballan na nosa Comunidade. Segundo a consellería de Traballo, o número de afiliados estranxeiros á Seguridade Social galega supera o 50%, mentres son 16.000 o número de emigrantes retornados neste mesmo período. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
A atracción comercial de Vigo
Un total de 414.000 clientes de localidades do norte de Portugal como Arcos de Valdevez, Braga, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Ponte de Lima, Valença do Minho, Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira utilizan Vigo como principal referente comercial. Este efecto expansivo e comercial de Vigo permite idear unha área de expansión para o comercio galego que se achega ata Porto. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/01/2008
Inmigración
Paliar a industria hostaleira
Ante o alarmante déficit en persoal de hostalería, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo anunciou a apertura dun proceso de selección de persoal no estranxeiro, a fin de propiciar a chegada de inmigrantes para traballar neste sector. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/01/2008
Inmigración
Sumamos Todos
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou en Vigo que destinará dous millóns de euros a través do programa “Sumamos Todos” para labores de integración dos colectivos inmigrantes, que representan o 3% da poboación en Galicia e o 4% en cidades como Vigo. Segundo datos da secretaría xeral de Emigración, en Galicia existen máis de 81.000 empadroados estranxeiros, cun crecemento do 10% con respecto ao 2006. Así mesmo, uns dez mil inmigrantes están escolarizados, con mil estranxeiros estudando nas tres universidades galegas. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
04/01/2008
Prestige
Recorrerán decisión en Nova York
O goberno español recorrerá a decisión dun tribunal federal estadounidense de desestimar a demanda interposta en 2003 polo Goberno español contra a American Bureau of Shiping (ABS) por garantir o bo estado do petroleiro Prestige, só seis meses antes de verter o seu contido a escasa distancia das costas de Galicia en novembro do 2002. Un comunicado do ministerio de Xustiza considera que a resolución da xuíz Laura Swain, do distrito sur de Nova York, non é firme e que contra ela caben recursos de "reconsideración" como de apelación. (Fonte: Galicia Hoxe).

Arxentina
Crean un Club de Economía
A delegada da Xunta en Arxentina, María Xosé Porteiro, anunciou en Vigo a creación dun Club de Economía co obxectivo de establecer un foro que fomente as relacións empresariais entre Galicia e Arxentina. (Fonte: Galicia Hoxe).

Inmigración
Esixen reapertura da oficina de atención
O Foro Galego de Inmigración entregará mais de 200 sinaturas para esixir a reapertura da Oficina Municipal de Atención á Poboación Inmigrante e Emigrante Retornada, a fin de atender as demandas destes colectivos. (Fonte: AGN).
03/01/2008
Turismo
Medra o turismo a Galicia
Segundo datos da Xunta, máis de 5,7 millóns de viaxeiros pasaron por Galicia no 2007, cun incremento do 8% con respecto ao 2006 e un 11% comparado con 2005. En tanto turistas estranxeiros, os máis numerosos foron os portugueses, alemáns, británicos, italianos e franceses. (Fonte: La Voz de Galicia).
02/01/2008
Galicia
IGADI Annual Report 2007/2008
Como un esforzo por comprender os cambios na política mundial dende unha perspectiva galega, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) publicou o “IGADI Annual Report 2007/2008”, onde se trazan as claves da política internacional no 2007 e os eidos que deseñarán o mundo a partir do 2008. (Fonte: Galiza Nación).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, Diario Nova +, El Correo Gallego, El Exportador, El País, El Progreso, Empresa y Finanzas, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, Galiza Nación, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2007: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2006: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2005: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño |
01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2008
Fernando Pol


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións,