|
 |
| 30/12/2007 |
 |
Pesca
Confirman Axencia Pesqueira en Vigo
A ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación,
Elena Espinosa, confirmou que a Axencia Comunitaria de Control da Pesca de Vigo comezará funcionar de forma
provisional en abril de 2008, a falta do remate das obras no edificio que ocupaba a Armada, con sesenta funcionarios
e un orzamento de 9 millóns de euros.
(Fonte: El Correo Gallego).
Nicaragua
Cooperación en alfabetización
A xornalista compostelán Julia
García Tábora deixou o seu traballo nunha axencia de comunicación en Madrid para levar adiante
un proxecto de alfabetización como voluntaria da ONG nicaragüense “Casas de la Esperanza”. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 29/12/2007 |
 |
Galicia
Atracción para científicos
estranxeiros
A través dunha convocatoria da
Consellería de Innovación e dun programa do ministerio de Educación, ducias de científicos
galegos poderán continuar coa súa formación no exterior en tanto que científicos estranxeiros
serán acollidos en Galicia para incorporalos ao seu sistema académico e profesional. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Certificados do galego no estranxeiro
Segundo a secretaria xeral de Política
Lingüística, Marisol López, a partir do 2008 poderán realizarse as probas para obter
no exterior os certificados de lingua galega (CELGA), o novo documento oficial que acredita o coñecemento
da lingua do país.
Na actualidade hai 45 centros de estudos galegos en activo e 36 lectorados, após se teren incorporado este
ano á rede as universidades de Kiel (Alemaña), Zadar (Croacia) e São Paulo (Brasil). (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 28/12/2007 |
 |
Galicia
Empate con Camerún
A selección galega de fútbol
xogou no estado de Balaídos en Vigo o seu terceiro partido internacional, nesta ocasión contra a
selección de Camerún, que rematou con empate a un gol. Xulio Álvarez adiantou aos galegos
cunha pena máxima para, posteriormente, igualar tamén de penalti o capitán camerunés
Rigobert Song. Previamente, o fútbol galego presenciou o debut da súa selección feminina,
cunha derrota de seis goles a un contra a selección catalana.
Galicia
Vivir baixo as bombas
O Seminario Galego de Educación
para a Paz, en colaboración con Greenpeace, reuniu na sala de exposicións da Fundación Araguaney
a mostra audiovisual “La Vida bajo las bombas”, sobre os efectos na poboación civil dos conflictos armados
e das bombas de racimo e as minas antipersoas.
(Fonte: AGN).
Galicia
Sonrisas de Bombay
A Fundación La Rosaleda, dirixida
polo ex presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor, así como Caixanova, outorgaron o Primeiro Premio
de Acción Social “Axuda 07” á organización humanitaria “Sonrisas de Bombay”, co seu proxecto
de axudar aos nenos indios sen fogar. No acto estivo presente a directora xeral de Cooperación Exterior,
Fabiola Sotelo. (Fonte: El Correo Gallego).
Fondo Galego de Cooperación
Exposición en Ferrol
A biblioteca municipal de O Alto en Ferrol
amosará ata o 5 de xaneiro de 2008 unha exposición do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
con motivo dos seus dez anos de andadura financiando proxectos de desenvolvemento e cooperación cos países
do Terceiro Mundo. Os paneis da exposición amosaron os traballos do Fondo en Nicaragua, Cabo Verde, Guatemala,
O Salvador, Sáhara, Alxeria e Cuba.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Confirman os fondos FEDER
O goberno central informou de que o Programa
Operativo FEDER de Galicia 2007-2013 terá un volume de axuda comunitaria de máis de 2.191 millóns
de euros, para alcanzar un total de 3.172 millóns de euros de gasto público, “contabilizando a achega
nacional”. (Fonte: Galiza Nación).
Cultura
Liñas de actuación para
os lectorados
A secretaria xeral de Política
Lingüística, Marisol López, reuniuse cos profesores lectores de lingua, literatura e cultura
galegas que desenvolven o seu traballo en universidades do exterior para dar a coñecer ao profesorado as
liñas de actuación de cara ao 2008.
(Fonte:www.xornal.com).
 |
| 27/12/2007 |
 |
Galicia
Produtos de nenos do Brasil
A ONG Lena acolleu na praza de Galicia
de Ferrol a exposición de produtos fabricados por nenos da localidade brasileira de Lençois, apadriñados
por esta asociación. Esta iniciativa conta tamén co apoio do concello de Narón. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Os veráns galegos de Rómulo
Gallegos
A Casa da Xuventude de Cangas acolleu
unha exposición que rescata a memoria de dúas figuras do exilio galego en Venezuela: o ex presidente
Rómulo Gallegos e o poeta e ministro de Relacións Exteriores, Andrés Eloy Blanco. Gallegos
veraneaba con frecuencia na localidade de Beluso. Os paneis fotográficos foron compostos por Xurxo Martínez
e Crespo, e editados pola FESGA. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 26/12/2007 |
 |
Pesca
Aumentar a presenza exterior
O sector das conservas de peixes e mariscos
en Galicia quere aumentar a súa presenza nos mercados exteriores, ante a saturación do mercado en
España. As empresas deste sector, das que un 80% son galegas, pretenden exportar o 60% da produción
actual. Neste sentido, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes (ANFACO) creou grupos
de traballo para presentar á Xunta un plan estratéxico ata o 2013, informando ademais que o 2007
non foi un bo ano. (Fonte: Faro de Vigo).
Cuba
Unindo lazos con Ferrol
Trala súa estancia en Cuba, a asociación
ferrolán Real Coro Toxos e Froles regresou coa satisfacción de poder consolidar os lazos históricos
que unen á comunidade galega de Ferrol coa illa caribeña. Neste sentido, a Deputación anunciou
a súa colaboración na mellora das instalacións do Centro Gallego de La Habana. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 25/12/2007 |
 |
Inmigración
Feira gastronómica intercultural
O concello de Monforte de Lemos organizou
a Feira Gastronómica Intercultural como vehículo de integración das distintas comunidades
inmigrantes neste concello lucense. Nesta feira puido apreciarse a variada gastronomía de países
como Arxentina, Brasil, Bulgaria, Colombia, Cuba, Ecuador, España, Marrocos, Nicaragua, Perú, Portugal,
República Dominicana, Romanía e Venezuela.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 24/12/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Ordenan pagos dos fondos agrarios
A Consellaría do Medio Rural, a
través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), ordenou a transferencia de 78.821 pagos, que
benefician a máis 40.000 explotacións agrarias, correspondentes a varias axudas directas da Política
Agraria Común, por un importe global de 97.394.365 euros.
(Fonte:www.xornal.com).
Galicia
Formación xornalística
no estranxeiro
Paula Regueira e Jacinta Riveira, licenciadas
en Xornalismo na USC no 2007, traballarán nas delegacións da axencia EFE en Brasil e Filipinas, tras
recibir un Programa de Bolsas de Especialización en Xornalismo subscrito entre a Fundación La Caixa
e a Fundación EFE, coa colaboración da USC.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 23/12/2007 |
 |
China
Compostela na feira de Shanghai
O concello compostelán prepara
a candidatura de Santiago para participar na Exposición Universal a celebrarse no 2010 en Shanghai, tras
recibir sendas invitacións, unha delas da UNESCO. Santiago recibiu o Premio de Boas Prácticas da
UNESCO pola rehabilitación do seu casco antigo.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Critican a perda de fondos europeos
O PPdG acusou á Xunta de “falta
de capacidade” para negociar maiores fondos europeos, considerando que Galicia perderá no período
2007-2013 un total de 1.800 millóns de euros. Segundo o PP, para este período, Galicia recibiu moitos
menos fondos europeos en comparación co período precedente, de 2000 a 2006. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 22/12/2007 |
 |
Galicia
Captación de fondos europeos
Un equipo de 22 persoas da Deputación
de Pontevedra traballará na captación de fondos europeos nos concellos e demais organismos públicos
da Deputación, especialmente na promoción de fondos que substitúan ao suprimido Programa Operativo
Local. (Fonte: La Voz de Galicia).
México
A pegada da presenza galega
A secretaría de Comunicación
publicou unha edición facsimilar de “Presencia de Galicia en México”, inscrito trala recente viaxe
do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a este país. O obxectivo desta publicación
é render homenaxe aos exiliados galegos neste país e á hospitalidade do goberno de Lázaro
Cárdenas (1934-1940) co exilio español.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 21/12/2007 |
 |
Inmigración
Inserción laboral
A empresa galega Gadisa e a Fundación
Galicia Emigración entregaron os diplomas a 15 inmigrantes pola participación nun curso comercial
para a inserción laboral. (Fonte:
El Correo Gallego).
Economía
Fadesa vende en Bulgaria
A empresa inmobiliaria coruñesa
comezou a súa promoción comercial no distrito urbano de Vitosha en Sofia, capital búlgara,
cun complexo residencial de 335 vivendas en 13.50 km2.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Pesca
Investigarán a Pescanova
A asociación ecoloxista portuguesa
Quercus e o comisario europeo de Medio Ambiente, Stavros Dimas, anunciaron que Bruxelas iniciou a revisión
do proxecto acuícola de Pescanova na localidade lusa de Mira, co que pretende converterse no maior produtor
de peixe plano do mundo. A actuación de Bruxelas obedece á denuncia interposta polos ecoloxistas
lusos ante a Comisión Europea, tras considerar que o proxecto da multinacional galega “ameaza a biodiversidade”. (Fonte: Galicia Hoxe).
Unión Europea-Pesca
Galicia se beneficia dos fondos FEDER
Galicia recibirá fondos comunitarios
por valor de 5.674 millóns de euros con cargo ao marco orzamentario 2007-2013, o que a sitúa como
a comunidade autónoma con máis recursos comunitarios tras Andalucía. Esta cantidade aumenta
coas achegas da cofinanciación procedentes da Administración central e da propia Galicia, que elevan
os recursos a 8.226 millóns de euros. Así o revelou o conselleiro de Economía e Facenda, José
Ramón Fernández Antonio, antes de acudir a Madrid para asinar coa comisaria de Política Rexional
da Unión Europea, Danuta Hübner, o Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
(Feder). (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 20/12/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Aprobado o plan rural
A Comisión Europea aprobou o Plan
de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, que recibirá 1.500 millóns de
euros de fondos europeos, sendo o primeiro programa aprobado por Bruxelas para as rexións obxectivo de converxencia. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Galicia acepta o plan da pesca
Trala aprobación por parte dos
ministros de Agricultura e Pesca da UE do incremento da cota de pesca para o 2008, especialmente da merluza do
norte, o xurelo, o galo, a cigala e o rape, a Xunta e os armadores galegos recibiron con satisfacción este
novo reparto nun momento no que se anunciaba a crise deste sector pesqueiro. (Fonte: Faro de Vigo).
Unión Europea-Galicia
Cara un rural sostible
A Comisión Europea aprobou o plano
de desenvolvemento rural de Galiza, que estará dotado con 856,4 millóns de euros de fondos comunitarios
ata 2013, e que terá como prioridades crear unha contorna rural sostíbel, forte e viábel.
A achega da UE representa o 57,5 por cento do orzamento total deste plano, que ascende a 1.487 millóns de
euros. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 19/12/2007 |
 |
Portugal
Estudarán o turismo compostelán
A finais de decembro se celebrará
na poboación portuguesa de Póvoa do Varzim o Congreso de Turismo Cultural e Relixioso, no que participará
o director xeral de Turismo, Rubén Lois, para explicar a proxección turística de Compostela
e a súa potencialidade cultural e relixiosa.
(Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
10.000 estranxeiros ilegais
Os derradeiros datos da secretaría
xeral de Emigración confirman que, dos 81.023 inmigrantes que habitan en Galicia, un total de 10.000 atópanse
en situación irregular. Pontevedra segue a ser a provincia con maior número de inmigrantes, con mais
de 27.000, seguida de A Coruña, Ourense e Lugo.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Cuba
Homenaxe aos ferroláns
O Real Coro Toxos e Froles de Ferrol rendeu
homenaxe na Habana á memoria dos ferroláns falecidos na illa caribeña, nun acto celebrado
no cemiterio Colon, en presenza dos máximos representantes da comunidade galega en Cuba. (Fonte: La Voz de Galicia).
Pesca
Subornos en Mauritania
Un total de 16 armadores galegos con base
en Vigo e que faenan nas augas de Mauritania aseguraron ante o ex alcalde de Cangas do Morrazo e deputado provincial
do PPdG, José Enrique Sotelo, de constantes “subornos, chantaxes e extorsión” por parte das autoridades
policiais dese país africano. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Diáspora
Touriño defende a xira latinoamericana
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, defendeu na súa comparecencia ante o Parlamento que as súas recentes viaxes a Cuba
e México serviron para afianzar e impulsar as relacións institucionais con ambos países, abrir
novas vías de colaboración empresarial e reforzar os lazos coa colectividade no exterior. (Fonte: www.xornal.com).
Arxentina
As mentiras de Feijoo
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, garantiu na súa comparecencia parlamentaria a ampliación da nacionalidade a todos
os netos de emigrantes en aplicación da Lei da Memoria Histórica, aproveitando para acusar ao líder
do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de "mentir" aos emigrantes na súa recente
estancia en Arxentina e Uruguai, por asegurar que o dereito só afectará aos relacionados co exilio
pola Guerra Civil ou a ditadura. (Fonte:
Galiza Nación).
 |
| 18/12/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Un IES para Milladoiro
O coordinador de Esquerda Unida no concello
de Ames, Iago Patiño, pediu ao eurodeputado deste partido Willy Meyer a creación de infraestruturas
educativas e un Instituto de Educación Secundaria en Milladoiro, localidade deste concello na que habitan
15.000 habitantes. (Fonte: El Correo Gallego).
Libia
As caixas galegas buscan negocios
Caixa Galicia e Caixanova, accionistas
da construtora Sacyr Vallehermoso, participarán na construción de infraestruturas no Magreb, a través
do convenio acordado coa empresa estatal Lybian Company for Development and Investment. A apertura de negocios
propiciada polo presidente libio Muammar al Gadafi durante a súa visita a España permitirá
a outras empresas como Unión Fenosa a participación neste marco de investimentos valorados en 50.000
millóns de euros. (Fonte: El Correo
Gallego).
Cuba
Oleiros explica a súa cooperación
Ángel García Seoane, do
concello coruñés de Oleiros, presentou en Bilbao a experiencia de cooperación e solidariedade
do seu municipio con Cuba, como exemplo de colaboración viable entre unha entidade de administración
local e o goberno dun Estado. Seoane participou no segundo encontro estatal de cooperación co país
caribeño. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Eurocidade entre Chaves e Verín
No marco da fórmula interrexional
europea do Proxecto Eurocidade, a localidade portuguesa de Chaves apostou pola súa integración coa
ourensá Verín, nun acto que contou coa participación de autoridades da Xunta, cos respectivos
concellos e coa presenza do Secretario de Estado portugués do Desenvolvimento Regional, Rui Baleiras. (Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Contra o racismo
O Foro Galego de Inmigración realizou
un acto público en Santiago con motivo da celebración do Día Mundial das Migracións,
baixo o lema “ Por unha convivencia intercultural, non máis actos nin agresións racistas” e “Integración,
Cidadanía Universal e Dereitos Humanos”.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 17/12/2007 |
 |
Inmigración
“Sumamos todos”
A Secretaría Xeral de Emigración
porá en marcha en Santiago unha campaña de sensibilización coa inmigración coa que
baixo o lema “Sumamos todos”, pretende incrementar o coñecemento da sociedade sobre a inmigración
e mellorar así a súa integración social e laboral. Nesta campaña participarán
como invitadas as principais asociacións de inmigrantes en Galicia. (Fonte: www.xornal.com).
Galicia
Física nuclear con acento galego
Científicos da USC e a Universidade
de Vigo participan no deseño dun laboratorio de física nuclear en Alemaña, dentro dun programa
no que participan trece países cun investimento de 1.200 millóns de euros. Os científicos
galegos colaboran no deseño dun acelerador de partículas FAIR. (Fonte: Faro de Vigo).
Francia
Conferencia de Cidades atlánticas
O alcalde compostelán Xosé
Sánchez Bugallo participou na cidade bretona de Rennes na conferencia de Cidades do Arco Atlántico,
que reúne a diversas cidades atlánticas e do espazo europeo. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 16/12/2007 |
 |
Inmigración
Aumenta o peso laboral inmigrante
Segundo datos de afiliación á
Seguridade Social recollidos no “Anuario da Inmigración en España en 2006”, un 11,1% de estranxeiros
ocuparon os novos postos de traballo creados en Galicia durante 2006. Este estudo asegura que o mercado laboral
español "necesitará a inmigración en proporcións moi elevadas en todo o proceso
de transformación que precisa o aparello produtivo do país”. (Fonte: Galicia Hoxe).
Diáspora
Acusan a Feijoo de “enganar”
A secretaría xeral de Emigración
acusou ao líder do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, de “enganar” á diáspora galega,
ao afirmar na Arxentina que só os netos dos exiliados terán dereito á nacionalidade española. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 15/12/2007 |
 |
Diáspora
Feijoo defende o voto en urna
O presidente do PPdG, Alberto Núñez
Feijoo, cualificou como “inxusta” a Lei de Memoria Histórica que inclúe a posibilidade de conceder
o pasaporte español aos netos dos exiliados pois, na súa opinión, fai unha “discriminación”
dos emigrantes “en función da súa ideoloxía”. O líder popular estivo acompañado
polo presidente do seu partido e candidato Mariano Rajoy.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
150 millóns para o rural
A través do Plan Leader da UE,
a consellería de Medio Rural inxectará case 150 millóns de euros para financiar proxectos
agrícolas, gandeiros, forestais e de conservación no entorno rural, impulsados por 30 grupos galegos.
O obxectivo é construír un medio rural mais sólido no período 2007-2013. (Fonte: El Correo Gallego).
China
Conservas galegas para Beijing 2008
O grupo galego de conservas “Mar de Couso”
asinou un convenio co comité olímpico español para prover de conservas de peixe aos atletas
españois que participarán nos Xogos Olímpicos de 2008 a celebrarse na capital chinesa, Beijing. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 14/12/2007 |
 |
México
Promoción galega para o 2008
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, destacou que durante a súa recente viaxe a este país se sentaron as bases para celebrar
o vindeiro outono unha quincena de Galicia en México na que se promoverán produtos galegos e de contratación
de proxectos. Touriño tamén salientou que un dos obxectivos da política exterior do seu Goberno
é “crear vínculos e lazos que faciliten un maior grado de conexión entre Iberoamérica
e Galicia a través das bolsas para os mozos dun e doutro lado”.
(Fonte: www.xornal.com).
México
Festiclown con Chiapas
Os recursos recadados no pasado mes de
agosto durante a celebración do festival Festiclown serán utilizados nunha caravana solidaria dende
Santiago ata Chiapas, para tentar dotar aos seus habitantes de espazos de diversión para sobrevivir á
dura realidade desta rexión mexicana.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Cuba
Ortigueira conducirá o himno galego
Carlos Diéguez Beltrán,
actual director da banda de música de Ortigueira, conducirá o concerto oficial do centenario do himno
galego que se celebrará o próximo 20 de decembro na sala Federico García Lorca do Gran Teatro
de La Habana. Diéguez dirixirá á Banda Nacional de Concertos de Cuba, antiga Banda da Policía
de La Habana, encargada de estrear o himno fai cen anos.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
A solidariedade de Viveiro
O alcalde desta localidade Melchor Roel
sinalou que a súa oficina de Inmigración constatou as malas condicións na que viven os inmigrantes
e emigrantes retornados neste concello, polo que presentará campañas de sensibilización para
reclamar respecto e aloxamentos dignos para os estranxeiros.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Levantarán prohibición
para faenar
A Comisión Europea anunciou a súa
disposición de levantar a prohibición de faenar con nasas na zona sur de Galiza, a condición
de que só se utilicen para capturar faneca e polbo e non para coller cigala. Esta era unha das demandas
específicas da pesca galega. (Fonte:
Galiza Nación).
 |
| 13/12/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Aprobados fondos de cohesión
O ministerio de Economía informou
á Comisión Euroepa da aprobación do seu plan operativo para o Fondo de Cohesión en
infraestrutura e transportes, así como acción medioambiental, para o período 2007-2013. Neste
plan operativo, Galicia recibirá 400 millóns de euros nos próximos sete anos, dos 3.543 millóns
que recibirá o Estado español.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Acción Exterior
Galicia reforza a súa diplomacia
exterior
Trala súa xira por Cuba e México,
o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou como estas viaxes serviron para fortalecer
as relacións institucionais e para mellorar a posición económica de Galicia nestes dous países.
Touriño comentou que esta xira culminou “a axenda exterior que tiña prevista en América Latina,
fundamentalmente aos tres grandes países, Brasil, Arxentina e México”. No caso mexicano, o titular
da Xunta asegurou que é un país “grandes posibilidades de presenza galega, máis alá
da que xa existe”. (Fonte: www.xornal.com).
Alxeria
Un galego vive de preto o terrorismo
O bolseiro compostelán Ismael Castelo,
radicado temporalmente na capital alxerina Alxer grazas a unha bolsa da Cámara de Comercio santiaguesa,
retornou a Santiago tras vivir de cerca o atentado terrorista contra a sede das Nacións Unidas nesa cidade,
con saldo de mais de 70 mortos. Castelo traballaba na Oficina de Comercio da embaixada española.
(Fonte: El Correo Gallego)
 |
| 12/12/2007 |
 |
Emigración
Atracción empresarial
Un informe de La Caixa realizado polo
economista Emilio Ontiveros, presidente de Analistas Financeiros Internacionais (AFI) considera que Galicia posúe
unha gran capacidade de emprego e investimentos grazas a súa poboación empresarial emigrante, razón
pola cal a Xunta celebrará en xaneiro de 2009 en Santiago un cumio de empresarios galegos do exterior. (Fonte: El Correo Gallego).
México
Touriño reunise co presidente
Calderón
A xuntanza entre Touriño e o presidente
mexicano Felipe Calderón Hinojosa permitiu o estreitamento da colaboración económica ao amparo
do tratado de libre comercio e a posibilidade de que Galicia constitúa unha ponte de entrada aos produtos
mexicanos na Unión Europea. O presidente mexicano interesouse pola enerxía eólica, o téxtil,
o I+D e a medicina que se realiza en Galicia. No marco desta visita, Touriño agradeceu a solidariedade mexicana
cos exiliados galegos da Guerra Civil. (Fonte:
El Correo Gallego e www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Non haberá multa pola ría
de Vigo
A Comisión Europea decidiu pechar
o expediente de multa de 20 millóns de euros pola denuncia de contaminación na ría de Vigo
imposta no 2001, polo que a denuncia non chegará ao Tribunal de Xustiza da UE. Con esta decisión,
Bruxelas aceptou o plan da Xunta para o saneamento da ría viguesa. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).
Unión Europea-Galicia
Cotas de pesca
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos
trasladou á Ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación a proposta galega para o vindeiro Consello
de Ministros de Pesca da Unión Europea, onde se fixarán as cotas para o ano 2008. As peticións
galegas foron presentadas no transcurso do Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios
celebrado en Madrid. (Fonte: www.xornal.com).
Portugal
Galicia pide ver a TV portuguesa
O presidente José Luis Rodríguez
Zapatero, trasladoulle ao voceiro do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, a predisposición do Goberno
a estudar a posibilidade de planificar un novo multiplex autonómico adicional para poder difundir a televisión
portuguesa na Galiza. O deputado do BNG fixo esta solicitude ao Presidente do Goberno no Pleno do Congreso presentando
a Carta Europea de Linguas Minoritarias.
(Fonte: Galiza Nación).
 |
| 11/12/2007 |
 |
Portugal
Boom do emprego no AVE Ferrol-Porto
Un informe do Eixo Atlántico confirma
que a construción do AVE Ferrol-Porto xeraría uns 100.000 empregos, especialmente no tramo Vigo-Porto,
considerado como esencial para a Unión Europea. Dende Bruxelas estarían dispostos a financiar con
244 millóns de euros o tramo Vigo-Ponte da Lima, una das 30 infraestruturas seleccionadas pola Comisión
Europea. Pola súa banda, Bruxelas calcula en mais de 1.500 millóns de euros o financiamento do AVE
Vigo-Porto. (Fonte: El Correo Gallego).
México
Touriño busca investimentos
A visita do presidente da Xunta a México
permitiu unha primeira toma de contacto con empresarios dese país, a fin de explorar as posibilidades de
alcanzar investimentos dos grandes grupos empresariais mexicanos en Galicia. Para isto, Touriño, que tamén
visitou as instalacións do Centro Gallego, impulsou a creación da Unión de Empresarios Galegos
(UMEGA), que forma parte da Rede Mundial de Empresarios e Profesionais de Orixe Galega que impulsa o IGAPE en Arxentina,
Brasil, Portugal, República Dominicana, Uruguai, Venezuela, Cataluña e Madrid. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Rexeitan liberalización do viño
O Parlamento Europeo pronunciouse en contra
da reforma da Organización Común do Mercado (OCM) do viño, rexeitando a liberalización
total en 2014 dos dereitos de plantación para os viños con denominación de orixe. Os produtores
galegos tamén amosaron o rexeite a esta proposta por considerar que ía en contra dos seus intereses. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 10/12/2007 |
 |
Galicia
Presenza inglesa na Ribeira Sacra
Fascinados polos seus recursos naturais,
máis de sesenta familias británicas están comprando vivendas para asentarse na Ribeira Sacra,
especialmente nos concellos de O Saviñao, Sober, Monforte e Pantón. A presenza británica permite
a rehabilitación e o rescate de diversas aldeas case deshabitadas. (Fonte: El Correo Gallego).
Cooperación Exterior
Aumento de fondos
A directora xeral de Cooperación
Exterior, Fabiola Sotelo, recoñece a escaseza dos orzamentos que a Xunta destina a axuda ao desenvolvemento,
valorados nuns 11 millóns de euros, cun incremento do 13,7% dos fondos para cooperación para o 2008.
Non obstante, o orzamento en cooperación exterior se calcula nun 0,09% do total dos orzamentos da Xunta. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 09/12/2007 |
 |
Inmigración
Crecemento de dez mil por ano
Segundo datos do Instituto Nacional de
Estatística (INE), en Galicia están empadroados 81.023 estranxeiros, cun crecemento de dez mil persoas
anuais, un 3% do total da poboación en Galicia. Na Seguridade Social galega cotizan 41.058 estranxeiros
e nas súas escolas estudan uns 12.000 nenos inmigrantes.
(Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Estudo sobre a inmigración
Segundo un estudo da Xunta sobre inmigración,
un 50% dos estranxeiros que habitan na nosa Comunidade son retornados nados no exterior. As nacionalidades da poboación
inmigrante en Galicia son portugueses, brasileiros, colombianos, arxentinos, marroquís, uruguaios, venezolanos,
rómanos, italianos (que proveñen de Arxentina e Uruguai) e peruanos. Entre eles, o colectivo colombiano
considerase o mais rexeitado polos prexuízos sociais. Os microcréditos outorgados polo proxecto Convive
+ da Xunta permitiu a creación de 22 empresas grazas a iniciativas dos inmigrantes. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
A Brilat non irá ao exterior
O xeneral José María Prieto
anunciou que a Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable (Brilat) con base en Pontevedra, non participará
en misións no estranxeiro durante o 2008, tras participar no 2007 en dúas misións en Afganistán
(onde morreu a soldado Idoia Rodríguez Buján) e o Líbano. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 08/12/2007 |
 |
Cuba
Apoio á transición
No marco do seu primeiro día de
visita á illa caribeña, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, entrevistouse
co vicepresidente do Consello de Estado Carlos Lage, considerado o político cubano con maiores probabilidades
de liderar un proceso de transición política. Touriño manifestou o seu “respecto á
autonomía plena” nesta etapa “de transición” durante a súa reunión con Lage, na que
a Xunta asinou un protocolo de declaracións de intencións para intensificar a colaboración
entre Galicia e Cuba. Posteriormente, Touriño reuniuse coa Asociación de Empresarios Españois
en Cuba, presidida polo galego Víctor Moro e coa ministra de Investimentos Estranxeiros, a quen declarou
a intención de incrementar a millón e medio de euros o intercambio económico para o 2009. (Fonte: El Correo Gallego).
Cuba
Centenario do himno galego
Antes de emprender a súa viaxe
a México, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidiu os actos de conmemoración
do centenario do Himno Galego nas instalacións do antigo Centro Galego de La Habana, acto que contou coa
presenza institucional galega e cubana así como a transmisión simultánea dos actos conmemorativos
por parte da RTVG en Bos Aires, Montevideo, Caracas, Cidade de México e A Habana, como un “homenaxe á
emigración”. Os ministros cubanos de Investimentos Estranxeiros e Comercio anunciaron que visitarán
Galicia no 2008. (Fonte: El Correo Gallego).
China
A pegada compostelán en Qu Fu
Como parte do proxecto arquitectónico
de rehabilitación Asia Urbs Heritage, promovido pola UNESCO, unha misión oficial do concello de Compostela
estivo na cidade chinesa de Qu Fu, localidade natal do filósofo Confucio, para fortalecer os vínculos
entre ambas cidades, así como a francesa de Rennes, que tamén colabora no proxecto. Compostela e
Qu Fu tamén están irmanadas por ser cidades de peregrinación. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 07/12/2007 |
 |
Inmigración
Tolerancia intercultural
O departamento de Servizos Sociais do concello coruñés
de Vimianzo celebrará o Día da Interculturalidade, unha xornada con múltiples actividades
culturais e gastronómicas co obxectivo de fomentar a tolerancia e o respecto ao colectivo inmigrante. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Bruxelas decidirá sobre a ría
viguesa
A UE decidirá o martes 11 de decembro se confía
no plan da Xunta para sanear a ría de Vigo, a fin de que o goberno galego poida evitar unha multa multimillonaria.
A Xunta expuxo en Bruxelas un proxecto que prevé até 2011 o gasto de 209 millóns de euros
para limpar a ría viguesa e outros 150 millóns para o resto do litoral. A Comisión de Augas
da Unión Europea avalou o proxecto galego, pero aínda resta o ditame dos comisarios. (Fonte: Faro de Vigo e www.vieiros.com).
Turismo
Galicia en Terra Santa
O concelleiro de Promoción Económica santiagués
Xosé Manuel Iglesias e o director xeral de Turismo Rubén Lois visitarán Terra Santa co obxectivo
de promover Compostela e o seu camiño como destino turístico. (Fonte: Galicia Hoxe).
Acción Exterior
Touriño a Cuba e México
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
iniciou a súa primeira visita oficial a Cuba e México, lugares nos que presidirá os actos
conmemorativos do centenario do Himno galego. Neste sentido, Touriño aproveitará para afondar nas
relacións económicas, políticas, culturais e sociais con ambos países. En Cuba estará
presente nas festividades do centenario do Himno Galego e con empresarios galegos. En México se entrevistará
co presidente Felipe Calderón e acudirá ao acto de constitución da asociación de empresarios
galegos en México. (Fonte: Galiza
Nación).
Economía
Medra a economía galega
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
remarcou que a economía galega mantén unha posición “razoable, solvente e de confianza” pese
ás incertezas do escenario internacional, informando sobre datos do terceiro trimestre de 2007, recollidos
polo Instituto Galego de Estatística e valorados polo Consello da Xunta, segundo os cales a economía
galega medrou nese período a un ritmo do 4,2 por cento, especialmente grazas ás súas exportacións. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 06/12/2007 |
 |
Galicia
Apoio ao protocolo de Bali
O director xeral de Desenvolvemento Sostible da consellería
de Medio Ambiente, Emilio Fernández, representará á Xunta no cumio sobre o Cambio Climático
que se celebrará en Bali (Indonesia) a mediados de decembro. Por vez primeira, Galicia se integrará
na rede de rexións polo desenvolvemento sostible, ocasión na que presentará o Plan Galego
de Acción contra o Cambio Climático, así como o establecemento de relacións bilaterais
con outros países en canto a cooperación ambiental.
(Fonte: El Correo Gallego).
China
Ferrol busca promoción
A Autoridade Portuaria de Ferrol enviou unha misión
comercial a Xangai, coa finalidade de participar na feira Asian International Transport and Logistics Exhibiton,
á que tamén acodirá unha misión do Instituto Galego de Promoción Económica
(IGAPE). O obxectivo é promover a ampliación do porto exterior de Ferrol. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 05/12/2007 |
 |
Uruguai
A Xunta financiará vivendas
A consellería de Vivenda e Solo investirá
400.000 euros na construción de 64 vivendas nos asentamentos de La Vereda e Pasos de las Duranas, na capital
uruguaia deMontevideo, como parte dun convenio de colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
autorizado polo Consello da Xunta. O importe total ascende a 723.000 euros dos que a consellería achegará
un 55%. Este proxecto pretende mellorar as condicións de vida de 148 familias destes municipios, onde un
50% da súa poboación vive na pobreza extrema.
(Fonte: Faro de Vigo).
Unión Europea-Galicia
Bruxelas aproba os fondos estruturais
A Comisión Europea aprobou os plans da Xunta
para investir os máis de 2.920 millóns de euros dos fondos estruturais que corresponden a Galicia
para o período 2007-2013, un dos maiores investimentos que recibirá a nosa Comunidade. Neste sentido,
o programa operativo dos Fondos FEDER destinará a Galicia uns 2.307 millóns de euros mentres o programa
operativo do Fondo Tecnolóxico contempla 405 millóns de euros. Só resta o asinamento deste
documento por parte da comisaria de Política Rexional, Danuta Hübner. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Ferrol espera fondos europeos
O concello de Ferrol espera revitalizar o proxecto comunitario
Urban para acomodar as zonas máis degradadas dos barrios de A Magdalena, Ferrol Vello e a parte baixa de
Canido. O goberno socialista volverá a presentar esta proposta en Bruxelas. Ferrol aspira a ser unha das
tres cidades galegas que recibirá 9,2 millóns de euros para o proxecto Urban. (Fonte: La Voz de Galicia).
China
Cooperación empresarial conxunta
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro
de Innovación e Industria, Fernando Blanco, entrevistáronse co presidente do grupo empresarial chinés
Chint Group, Cunhui Nan, para abordar proxectos do grupo en Galicia e amosar a disposición da Xunta e do
empresariado galego para intensificar as relacións comerciais e empresariais entre ambos os países
e fortalecer o marco de colaboración entre o empresariado galego e o chinés. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 04/12/2007 |
 |
China
Galegos nos Xogos Olímpicos 2008
Os atletas galegos que participarán nos Xogos
Olímpicos e Paraolímpicos 2008 a celebrarse en Beijing, terán axudas da Xunta valoradas en
300.000 euros, segundo informou a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo. (Fonte: AGN).
Venezuela
Esperanzados co “non”
Segundo informaron fontes empresariais de galegos en
Venezuela, a vitoria do “non” no referendo para a reforma constitucional devolve as esperanzas aos emigrantes galegos
nese país e os retornados en Galicia, sobre a posibilidade dunha maior pacificación e conciliación
entre o goberno de Hugo Chávez e a oposición política. Pola súa banda, a cónsul
de Venezuela en Vigo, Belkis Ocaña, informou que a opción do “non” gañou con 246 votos dos
258 rexistrados, aínda que só acudiu a votar un 20,6% dos convocados dende Galicia e Asturias. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 03/12/2007 |
 |
China
Boom de empresas galegas
Informacións do ministerio de Industria confirman
que, desde o 2003, un total de 30 empresas galegas iniciaron proxectos para deslocalizar a súa produción,
especialmente promovidas polas oficinas comerciais da Xunta e do IGAPE en Beijing, Xangai, Hong Kong e Taiwán.
A principal empresa galega en China segue a ser Eurolatón, radicada en Caldas de Reis, con nove anos de
traxectoria no país asiático e 2.000 empregados.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Escasa votación de venezolanos
Menos dun cento de venezolanos se acercaron ao consulado
de Vigo para votar no referendo pola reforma constitucional impulsada polo presidente Hugo Chávez. Un total
de 1.276 venezolanos censados en Galicia e Asturias tiñan facultade para votar no consulado vigués. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Optimismo na conexión Vigo-Ponte
da Lima
A conselleira de Política Territorial, Obras
Públicas e Transportes, María José Caride, amosouse convencida de que o Parlamento Europeo
aprobará a proposta realizada pola Comisión Europea para financiar proxectos transfronteirizos, entre
os que se atopa a conexión ferroviaria entre Vigo e Ponte da Lima. Este proxecto posúe unha dotación
de 244,14 millóns de euros e forma parte da conexión do AVE Vigo-Porto, considerado o piar da mobilidade
e integración entre Galicia e o Norte de Portugal.
(Fonte: www.xornal.com).
 |
| 02/12/2007 |
 |
Galicia
Interese enerxético chinés
O empresario chinés Cunhui Nan, propietario do
grupo Chint-Solar, que factura máis de 2.000 millóns de dólares anuais e posúe 18.000
empregados, visitou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para adiantar pasos na construción
en Galicia dun parque fotovoltaico de enerxía solar con 30.000 metros cadrados, o máis grande de
Europa. Nan reuniuse co presidente de Eurolatón, Carlos Pérez Padrón, e os representantes
da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). O investimento calculado para o parque solar en Galicia
é de 120 millóns de euros.
(Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).
Galicia
Outro impulso á cultura galaico-portuguesa
A cultura galaicoportuguesa terá unha nova oportunidade
no ano 2009 para que a UNESCO a proclame como Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial da Humanidade. As asociacións
promotoras da iniciativa, tales como o grupo “Ponte nas Ondas”, volveron a iniciar os contactos cos Gobernos de
España e Portugal para que presenten a candidatura ao organismo internacional. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 01/12/2007 |
 |
Galicia
Votos venezolanos en Galicia
Un total de 1.276 venezolanos emigrantes en Galicia
poderán votar no consulado de Vigo para o referendo da reforma constitucional de Venezuela, a celebrarse
o domingo 2 de decembro. A nivel estatal son 9.091 os cidadáns venezolanos facultados para votar nos consulados
de Madrid, Barcelona, Santa Cruz de Tenerife e Bilbao.
(Fonte: El Correo Gallego).
|