Diario Exterior / novembro de 2007

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/11/2007
Unión Europea-Galicia
Desprotección cara as “mareas negras”
A derradeira adxudicación da Axencia Europea de Seguridade Marítima (AESM), na súa sede en Lisboa, decidiu deixar a Galicia fóra das bases das embarcacións anticontaminación contra os vertidos mariños. Deste xeito, Galicia é a única zona europea xunto aos países do Mar Negro, que quedan desasistidos neste sentido por parte de Bruxelas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Finaliza Pobre Mundo Rico
O Simposio Internacional “Pobre Mundo Rico” celebrado en Galicia baixo a organización de Carmen Carballo, do Clube Internacional de Prensa de Santiago, rematou os seus dous meses de exposicións, foros e conferencias, que permitiron a asistencia en Galicia de personalidades internacionais como Samir Amin, Frei Betto, François Houtart, Marcos Arruda, Mbuyi Kabunda así como de Galicia e España, para falar sobre a pobreza, a globalización e as desigualdades socioeconómicas. (Fonte: El Correo Gallego).
29/11/2007
Galicia
Concentración contra Chávez
Os venezolanos residentes en Galicia realizaron en A Coruña unha concentración contra a reforma da actual Constitución Bolivariana de Venezuela, impulsada polo presidente Hugo Chávez. Diversos portavoces destas asociacións de emigrantes venezolanos amosaron o seu descontento polo que consideran “o réxime personalista e ditatorial” de Chávez. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Estreitar os lazos empresariais
O conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, subscribiron un acordo que aspira a estreitar lazos entre os empresarios instalados en Galicia e os emigrantes galegos que son empresarios, co fin de establecer unha "axuda mutua" que favoreza e incentive a internacionalización da empresa galega. Esta acordo conta co impulso do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). (Fonte: Galicia Hoxe).
28/11/2007
Uruguai
Anuario 2007 da cultura galega
O profesor Carlos Zubillaga, director do Centro de Estudios Gallegos de Montevideo, presentou no Consello da Cultura Galega o Anuario 2007 da institución, que recolle os relatorios do Coloquio de Cultura Gallega celebrado o pasado mes de agosto en Montevideo. Entre eles figuran traballos de Pilar Cagiao (Mujeres en la inmigración gallega en Uruguay) e Ramón Villares (Transición democrática e autonomía en Galicia: uns anos decisivos). O Centro de Estudios Gallegos foi creado en 1996 como resultado do convenio de cooperación entre a Universidade da República e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. (Fonte: www.vieiros.com).

Diáspora
O voto emigrante ao Senado
O senador do BNG, Francisco Jorquera, defendeu na Comisión Constitucional do Senado unha emenda á Lei da Memoria Histórica para que os netos dos emigrantes só poidan exercer o dereito a voto no Estado Español unha vez que se modifique a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral. (Fonte: Galiza Nación).

Inmigración
Integración afro-latina
A Asociación Afrolatina de Ourense foi presentada publicamente polos seus dirixentes Henrique García e Hasan Mohamed-Salem Abdelhadi, para traballar e apoiar a integración dos diversos colectivos inmigrantes na provincia ourensá e atender as súas demandas profesionais, sanitarias e administrativas. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/11/2007
Unión Europea-Galicia
Protesta sindical galega
Unha delegación do Sindicato Labrego, encabezada por Xosé Ramón Cendán, Isabel Vilalba e Marcos Louzao, participou en Bruxelas nunha manifestación na defensa da agricultura labrega europea e dunha Política Agraria Común (PAC) feita "á medida das persoas”. A protesta coincidiu coa primeira sesión dos debates sobre a revisión da PAC, onde países como Francia e España criticaron a proposta oficial de recortar as axudas directas ós agricultores para reforzar con eses recursos as políticas de desenvolvemento rural. (Fonte: Galicia Hoxe).

Galicia
Contra as mafias criminais
A profesora da universidade de Leeds, Jennifer Sands, presentou na USC unha tese doutoral sobre os grupos de criminalidade organizada en España e a rexión mediterránea, considerando que a súa é “unha ameaza infravalorada” e que “é tan grande para a seguridade como o terrorismo islamita”. (Fonte: www.xornal.com).

Cuba
A difusión cultural galega
Durante a súa estadía en México para tentar asegurar a presenza cultural galega na Feira do Libro de Guadalajara, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, deu a coñecer os referentes da actividade de Galicia a partir da súa participación da Feira do Libro de La Habana, prevista para febreiro de 2008. A difusión da cultura, música e literatura galega será a prioridade do seu departamento, especialmente coa presenza das editoriais, autores, autoras e grupos musicais e folclóricos nos actos a realizar. (Fonte: www.xornal.com).

China
Fabricación metal en Tianjin
A Asociación Galega de Industriais Metalúrxicos (ASIME) e varias empresas galegas asinaron acordos de colaboración con empresas da localidade chinesa de Tianjin para a fabricación conxunta de pezas de metal. Os acordos permitirán ás empresas galegas a expansión da súa produción, sen valor engadido e con aforro de custes. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela
Preocupación polo referendo
As noventa grandes empresas galegas con investimentos en Venezuela amosaron a preocupación da comunidade emigrante galega nese país pola situación que podería propiciar a aprobación do referendo para a reforma constitucional previsto para o 2 de decembro, no referente ás propiedades privadas. O presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Venezuela (AEGV), Cándido Rodríguez, pediu “calma e tranquilidade”. Desde o ano 2000, un total de 10.000 emigrantes regresaron a Galicia procedentes de Venezuela, atemorizados pola confrontación sociopolítica, a evolución das reformas de Hugo Chávez e a inseguridade cidadán. (Fonte: El Correo Gallego).
26/11/2007
México
Cara a Feira do Libro de 2011
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, anunciou que presentará a candidatura de Galicia como país convidado na Feira Internacional do Libro de Guadalajara en 2011. A titular de Cultura fixo este anuncio despois de reunirse coa directora da Feira Internacional do Libro, Nubia Macías, con quen negociou unha maior presenza da literatura galega neste escaparate. (Fonte: www.xornal.com).
25/11/2007
Cabo Verde
Investimento en pesca
De visita en Galicia, o ministro de Economía de Cabo Verde, José Brito, transmitiu ás autoridades e empresarios pesqueiros galegos a vontade do seu goberno de construír un centro de pesca na illa de San Vicente que permita servir de apoio loxístico para as flotas galega e caboverdiana, así como a construción dunha planta desalinizadora na capital, Praia. Pola súa banda, o ministro de Relacións Exteriores caboverdiano, Vítor Borges, transmitiu ás autoridades galegas o seu agradecemento polo apoio ao partenariado Especial UE-Cabo Verde. (Fonte: El Correo Gallego).

Venezuela
Mil galegos emigran por ano
Desde a chegada de Hugo Chávez ao poder en 1999, unha media de mil emigrantes galegos e os seus descendentes deixan Venezuela, en total 10.000 dende entón, principalmente por motivos de inseguridade cidadán e polo clima de confrontación e incerteza política. Non obstante, esta cifra ven decrecendo desde o 2004, ano en que Chávez gañou o referendo revogatorio. En Galicia, dos 75.000 estranxeiros censados, mais de 2.500 proveñen de Venezuela. (Fonte: La Voz de Galicia).
24/11/2007
Galicia
Reos estranxeiros
Segundo datos da Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-CSIF), nas cinco cárceres galegas están recluídos 1.075 presos estranxeiros, un 25,4% do total, sendo maioría os provenientes do Magreb (37% do total dos reclusos). Outros proveñen da África subsahariana, Colombia, Venezuela e Brasil. (Fonte: El Correo Gallego).

Brasil
Asociación de Médicos Galegos
O presidente da Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA), Francisco Ruza, anunciou a próxima apertura en Brasil dunha sección desta organización de médicos galegos en América, que permitirá o “camiño de integración de ASOMEGA cos médicos descendentes de galegos con desexos de vinculación con Galicia”. (Fonte: El Correo Gallego).
23/11/2007
Cuba
Primeira viaxe de Touriño
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, realizará a súa primeira viaxe á illa caribeña para conmemorar, o próximo 7 de decembro, o centenario do Himno Galego composto na Habana en 1907. O presidente convidou a representantes das diversas forzas políticas. A invitación contou coa aprobación de Carlos Aymerich (BNG) e Ismael Rego (PSdG) pero aínda non conta coa aprobación do PPdG. A axenda exterior incluirá tamén a visita de Touriño a México. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Calidade de transplante para Iberoamérica
O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) recibiu o encargo de elaborar unha guía de calidade e seguridade das células e tecidos de transplante para países membros do Consello Iberoamericano de Doazón e Transplante, un organismo de 22 países de fala castelán e portuguesa. (Fonte: El Correo Gallego).

Paraguai
As similitudes do galego e o guaraní
Dende Paraguai tratan de coñecer a realidade do idioma galego para buscar solucións e propostas no seu país para a lingua guaraní. Neste sentido, Perla Álvarez, do Movemento Campesiño paraguaio, e Eva Mansfield, directora da licenciatura de guaraní da Universidade Nacional de Asunción, estiveron en Compostela convidadas pola Fundación Galiza Sempre e dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística, a fin de atopar semellanzas entre o uso do galego e do guaraní, unha lingua amerindia falada tamén no Brasil, Arxentina e Bolivia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Piden recepción das TV portuguesas
Os medios de comunicación portugueses están a amosar un grande interese polo feito de que as súas televisións se poidan recibir en Galicia. A proposta da Fundación Vía Galego, que traduciu en iniciativa no Congreso dos Deputados o parlamentario do BNG Francisco Rodríguez, achou eco na práctica totalidade da prensa portuguesa. Estas informacións reflicten o interese da poboación galega en poder acceder ás emisións en portugués. A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias pide que se garanta a recepción dos medios de comunicación de países veciños nunha lingua idéntica ou próxima. (Fonte: www.vieiros.com).
22/11/2007
Galicia
Irmanamento con L´Herbegement
Unha representación da Corporación e veciños do concello de Tordoia visitaron a localidade francesa de L´Herbegement, coa que formalizarán un irmanamento na próxima primavera. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Cooperación con Cabo Verde
Durante a visita a A Coruña do primeiro ministro caboverdiano José María Pereira Neves e o cónsul en Galicia, Francisco Canabal López, explorouse a necesidade de activar un convenio para a cooperación pesqueira e para as próximas reformas portuarias en Mindelo e Boavista. O convenio de cooperación inclúe tamén a formación de mozos caboverdianos a través da Xunta e as tres universidades galegas. (Fonte: El Correo Gallego).

EEUU
Nena galega no ballet de Nova York
Verónica Siaba, de 8 anos, filla de emigrantes galegos que padece unha parálise cerebral, debutou no Ballet de Nova York, recibindo un titular de primeira páxina no diario “The New York Times”, así como a felicitación persoal da primeira dama Laura Bush. Os pais de Verónica son emigrantes de Muros e Ribeira. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cooperación
Piden incrementar as achegas orzamentais
O Presidente da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, Xosé María Torres, criticou ao goberno actual na Xunta por incumprir o compromiso de incrementar a porcentaxe que, segundo asegurara, estaba previsto no 0,4% do orzamento no 2009, argumentando que sentirá “vergoña” durante a próxima asemblea da entidade. Torres explicou que para o 2008 o incremento fixouse no 0,09%, un aumento do 13%. (Fonte: La Voz de Galicia).

Panamá
Incautada droga cara Vigo
A policía panameña incautou no porto atlántico de Coco Solo, a 70 km de Cidade de Panamá, un alixo de 209 quilos de cocaína dentro dun contedor que ía con destino ao porto de Vigo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Fondos europeos para o AVE Vigo-Porto
A Comisión Europea ofrece un investimento de 244 millóns de euros para os próximos sete anos, a fin de finalizar o AVE Vigo-Porto, un eixe ferroviario que cualificou como “prioritario” para a rede transeuropea de vías de comunicación. O comisario de Transportes, o francés Jacques Barrot, anunciou que o Parlamento europeo ten plans de investir 5.100 millóns de euros para as redes transeuropeas, confirmando que o AVE Vigo-Porto é o segundo proxecto español en importancia. (Fonte: La Voz de Galicia).
21/11/2007
Portugal
A supremacía do Sá Carneiro
O aeroporto da cidade portuguesa de Porto superou os tres millóns de usuarios no que vai de 2007, cifra similar á que suman os tres aeroportos galegos de Lavacolla, Peinador e Alvedro. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Cadea escolar polo patrimonio inmaterial

Máis de 2.000 alumnos de escolas de ambas marxes do río Miño formarán cordóns humanos nas pontes que unen as localidades lusas de Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço coas galegas de Goian, Tui, Salvaterra e Arbo, respectivamente, para así solicitar aos gobernos español e portugués que presenten a candidatura da cultura galaico-portuguesa como Patrimonio Inmaterial da UNESCO.
(Fonte: Galiza Nación).

Brasil
O MST en Santiago
No marco do Simposio Internacional “Pobre Mundo Rico”, estivo na capital galega Idalice Rodríguez Nunes, a integrante do Movemento dos Sen Terra (MST) e presidenta da súa Cooperativa en Mato Grosso. Rodríguez Nunes falou sobre a soberanía alimentaria, o coidado do medio ambiente e o papel da muller no MST, aproveitando para denunciar o asasinato dun compañeiro deste organismo e criticar as políticas macroeconómicas do goberno de Lula da Silva. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
Solidariedade con Oriente Medio
A Fundación Araguaney colaborou coa Plataforma de Mulleres Artistas contra a Violencia de Xénero e o Movemento pola Paz para realizar unha viaxe a Oriente Medio a finais de decembro de 2007, baixo o lema “Sinfonía de Mulleres pola Paz de Oriente Medio”. A delegación contará con 100 persoas entre escritores, cantantes e actrices. (Fonte: El Correo Gallego).

Europa do Leste
O Banco de Terras en Hungría
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, deu a coñecer na localidade húngara de Farland o proxecto do Banco de Terras, que pretende poñer en cultivo unhas 10.000 hectáreas abandonadas en réxime de aluguer, e tamén as Unidades de Xestión Forestal, que entrarán en vigor no 2008. (Fonte: El Correo Gallego).

Europa do Leste
Debate sobre os mercados emerxentes
Expertos en materia xurídica e económica e directivos empresariais galegos debateron en Santiago sobre experiencia e oportunidades de negocios en países emerxentes de Europa do Leste. O foro foi organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o IGAPE. (Fonte: El Correo Gallego).
20/11/2007
Inmigración
Aumentan afiliados á Seguridade Social
O número medio de afiliados estranxeiros á Seguridade Social en Galicia ascendeu en outubro ás 41.058 persoas, cun crecemento interanual do 20,9%. Estas estatísticas inclúen aos afiliados estranxeiros autónomos por sectores de produción. (Fonte: www.xornal.com).

Inmigración
Plan de integración escolar
As concellerías de Educación e Benestar Social do concello de Santiago, xunto ao Foro de Inmigración, comezaron un programa de convivencia intercultural nos centros escolares de primaria e secundaria coa finalidade de familiarizar aos estudantes galegos co fenómeno da inmigración, a realidade dos colectivos inmigrantes e o afastamento dos prexuízos e estereotipos contra eles. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Polémica polo apoio a Chávez
Con motivo da polémica carta do presidente da Federación de Asociacións Galegas na Arxentina (FAGA) e portavoz local do BNG, Francisco Lores, de apoiar ao presidente venezolano Hugo Chávez mentres acusaba ao Rei Juan Carlos I de “fascista” e “golpista”, o ex voceiro nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, amosou o seu apoio á FAGA e a Lores sen que comparta publicamente as súas palabras contra o monarca español. Esta carta provocou unha forte polémica política entre os tres principais partidos galegos. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Os retos do galego e o guaraní
A Mesa pola Normalización Lingüística estableceu os “retos comúns” entre as linguas galega e guaraní, esta última lingua cooficial no Paraguai, onde un 87% da súa poboación coñécea e fálana. No acto en Santiago participaron a profesora do Ateneo da Lingua Guaraní e membro do Movemento Campesiño Paraguai, Perla Álvarez, e a directora da Licenciatura en Lingua Guaraní da Universidade Nacional de Asunción, Eva Mansfield. (Fonte: www.vieiros.com).

Portugal
Volve a candidatura á UNESCO
O colectivo “Ponte nas Ondas” volve a impulsar a candidatura do patrimonio inmaterial galaico-portugués como Obra Mestra da Humanidade, tal e como ocorrera na edición do 2005. Neste sentido, e coa entrada en vigor da Convención do Patrimonio Inmaterial por parte da UNESCO, o colectivo galego preme aos gobernos español e portugués a apoiar esta candidatura para a edición do 2009. (Fonte: www.vieiros.com).
19/11/2007
Diáspora
Piden non restrinxir o voto emigrante
Durante unha entrevista radial, o conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, referiuse á reforma do voto emigrante, considerando que "as restricións dos dereitos dos votantes nunca foron obxecto de debate", outorgándolle prioridade a resolver o voto en urna para os votantes emigrantes, para evitar a "desconfianza" dos cidadáns sobre a limpeza das eleccións. (Fonte: Galicia Hoxe).
18/11/2007
Alemaña
Defenden o galego en Berlín
Representantes de Política Lingüística de Galicia, País Vasco e Catalunya avogaron pola diversidade lingüística en Europa durante a clausura da 'Expolingua Berlín 2007', feira na que estiveron presentes 32 países e 60 linguas. A presenza galega estivo da man da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, quen alentou o fomento de estratexias destinadas á difusión internacional dos produtos culturais e dos seus creadores para incrementar a presenza do galego, o euskera e o catalán máis aló das súas fronteiras. (Fonte: Galiza Nación).

Inmigración
Foro intercultural en Lalín
Un total de cincuenta inmigrantes provenientes de Brasil, Arxentina, Alxeria, Venezuela e Marrocos, así como emigrantes retornados, participaron en Lalín na realización dun foro intercultural organizado polo concello e a asociación Cirla, a fin de compartir experiencias relacionadas coa acollida, integración e aspiracións deste colectivo. (Fonte: La Voz de Galicia).
17/11/2007
Unión Europea-Galicia
Detectan anomalías nos fondos europeos
Ante as irregularidades detectadas dende Bruxelas na utilización de 1.2 millóns de euros de subvencións europeas, o grupo de “Independentes por Ferrol”, que gobernara no anterior mandato en coalición co PPdG, aclarou publicamente que a adquisición dos terreos en A Malata para construír un parque e unha urbanización na Praza da Ilustración foron decisións do anterior goberno conformado pola coalición BNG-PSdG. (Fonte: La Voz de Galicia).

Arxentina
Polémico apoio a Chávez
Francisco Lores Mascato, presidente da Federación de Asociacións Galegas na Arxentina e representante do BNG nese país, remitiu unha carta de apoio ao presidente venezolano Hugo Chávez tralo polémico altercado co Rei Juan Carlos I no pasado Cumio Iberoamericano. O comunicado acusa ao monarca español de “golpista e fascista” e ao ex presidente José María Aznar de estar “ao servizo do Imperio do Norte”. Esta misiva causou un gran malestar nalgunhas forzas políticas galegas. (Fonte: El Correo Gallego).

China
Vigo promove o seu naval
Dez empresas do naval vigués acudirán á feira Marintec, o maior evento marítimo e naval de Asia, a celebrar en Shanghai a finais de novembro. A presenza viguesa está organizada pola Cámara de Comercio de Vigo, a través do seu presidente José García Costas, e polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). China é o maior construtor de barcos no mundo, cun notable avance na capacidade de construción dos seus estaleiros. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/11/2007
Diáspora
Quintana toma posición no voto emigrante
Durante unha entrevista radial, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, considerou que o tema do voto emigrante “é máis grave” do que se pensa xa que “primeiro hai que decidir quen pode votar". Para xustificar a súa postura, o vicepresidente da Xunta informou que “cando estiven en Arxentina e Uruguai escoitei aos netos de emigrantes pedir a nacionalidade pero ningún falou do dereito a votar no Parlamento galego ou nas eleccións municipais. Esa non é a súa reclamación”. O vicepresidente da Xunta considerou que “están máis interesados algunhas forzas políticas no voto dos emigrantes que moitos deles. (Fonte: www.xornal.com e Galiza Nación).

Suíza
Unha galega preside o parlamento de Xenebra
A emigrante galega Dolores Cruz Cousillas, que en Suíza chámase Loly Bolay tras adoptar o apelido do seu marido, foi elixida como a primeira inmigrante en acceder á presidencia do parlamento cantonal de Xenebra polo partido Socialista. Bolay obtivo 68 votos a favor da súa candidatura, con 15 abstencións e cinco votos en branco. (Fonte: La Voz de Galicia).

Eixo Atlántico
Retos do comercio e o turismo
Máis de trinta expertos de España e Portugal reuníronse en Santiago no III Congreso Supranacional de Pemes de Comercio e Turismo do Eixe Atlántico, para analizaren as estratexias e oportunidades para o desenvolvemento competitivo e sostible do comercio e o turismo no noroeste peninsular. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Un 2% de afiliados sindicais
Os sindicatos CIG, UGT e CCOO posúen en Galicia un 2% de afiliados entre a comunidade inmigrantes, especialmente latinoamericanos, considerando como “alta” esta cifra de afiliación, tomando en conta que a nosa Comunidade é unha das zonas do Estado que posúen menos traballadores estranxeiros legalizados. A información foi subministrada por Messaoud El-Omari, responsable do Centro de Información de Traballadores Estranxeiros (CITE) de CCOO. (Fonte: Diario Nova +).
15/11/2007
Marítima
Salvan a inmigrantes tunesinos
Os tripulantes do pesqueiro “Nuestra Madre de Loreto” de Santa Pola (Alicante), a maioría orixinarios de Muxía, Camariñas e Fisterra, salvaron a catro inmigrantes de Tunicia a 85 km. das costas da illa de Malta, tal e como sucedera anteriormente fronte ás costas de Libia con 26 inmigrantes. (Fonte: El Correo Gallego).

Irlanda
Décimo aniversario dos estudos galegos
Con 39 alumnos, o Centro Irlandés de Estudos Galegos, creado e dirixido por David Mackenzie, e incluído no Departamento de Estudos Hispánicos da Universidade de Cork (UCC), celebrou o seu décimo aniversario. Mckenzie, escocés de orixe e galego de adopción, xa creara tamén o centro de estudos galegos de Birmingham (Reino Unido) a finais dos oitenta. (Fonte: www.vieiros.com).

Diáspora
Recepción para “Volver á Terra”
O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, ofreceu unha recepción aos 131 emigrantes de orixe galega procedentes de Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil e Cuba, que participaron no programa “Volver á Terra”, a través do cal poderán permanecer en Galicia durante un período de tres meses. (Fonte: www.xornal.com).

Arxentina
En coma político de orixe galega
Jorge Rivas, vicexefe de gabinete de ministros do goberno de Néstor Kirchner e fillo de emigrantes galegos, permanece inconsciente cun derrame cerebral tralos golpes recibidos por un atraco sufrido na localidade de Lomas de Zamora, ás aforas de Bos Aires. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela
Tensión máxima entre empresarios galegos
O voceiro dos empresarios galegos neste país e senador polo PSOE na emigración, Cándido Rodríguez, confesou a existencia dunha “tensión máxima” e “preocupación” entre o sector empresarial galego, a raíz das declaracións do presidente Hugo Chávez de “revisar a fondo” os investimentos das empresas españolas en Venezuela. O peso da emigración galega na economía venezolana é considerable, xa que existen máis de 10.000 empresas que dan emprego a 200.000 persoas. A Asociación de Empresarios Galegos en Venezuela (AEGV) agrupa a 300 desas empresas.
(Fonte: Faro de Vigo).
14/11/2007
Portugal
Literatura galaico-portuguesa
O escritor e director do Instituto Cervantes de Lisboa, Ramiro Fonte, e o conselleiro cultural da Embaixada de Portugal, Joao de Melo, participaron en Santiago nun encontro sobre literatura lusa e galega que se desenvolve dentro da V Mostra Portuguesa, baixo o título “Portugal na literatura galega. España e Galicia na literatura portuguesa”. (Fonte: Galiza Nación).

Suíza
Unha galega no parlamento de Xenebra
A emigrante galega Dolores Bolay Cruz, natural de Corme, no municipio bergantiñán de Ponteceso, e residente en Suíza dende 1968, converteuse na primeira estranxeira que opta á presidencia do parlamento do cantón de Xenebra. Bolay Cruz foi xefa de persoal nunha multinacional francesa especializada en produtos químicos ata dedicarse á política, cando saíu elixida como deputada polo Partido Socialista no cantón suízo onde reside. Tras tres lexislaturas como deputada, poderíase converterse en presidenta da Cámara de Xenebra, malia que os grupos de esquerda só contan cos 17 escanos dos socialistas e os 15 dos ecoloxistas dun total de 100 deputados, negociándose o apoio co resto dos grupos. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
Centro europeo para rehabilitar edificios
Santiago será a sede dun centro europeo de restauración e rehabilitación de edificios, que contará coa colaboración do Consorcio de Santiago, a Scuola Proffesssionale Edile de Florencia, a Féderation Compagnonnique de Métiers du Batiment, o Instituto Gaudí da Construción e a Fundación Laboral da Construción. (Fonte: El Correo Gallego).
13/11/2007
Venezuela
Preocupación empresarial
A inestabilidade política e xurídica en Venezuela e o “medo ás nacionalizacións” persuaden ás asociacións de empresarios galegos a investir neste país suramericano. Trala polémica verbal entre presidente do goberno español Zapatero, o rei Juan Carlos I e o mandatario venezolano Hugo Chávez, a preocupación pola situación nese país vai en aumento. O maior investimento galego en Venezuela nos derradeiros anos se realizou no 2003, con 13,9 millóns de euros, reducíndose a só 28.860 en 2004. Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Venezuela (AEGV) e senador polo PSOE, Cándido Rodríguez, asegurou que “a crise actual vaise superar”. (Fonte: Faro de Vigo e El Correo Gallego).

Diáspora
O BNG aproba unha reforma do voto emigrante
A Executiva Nacional do BNG aprobou por unanimidade unha proposta de reforma da lexislación electoral relativa aos residentes ausentes, que estipula o voto en urna e só para eleccións xerais en España e as europeas. Esta proposta será agora trasladada aos grupos parlamentares do PP e do PSdeG-PSOE, coa intención de elaborar conxuntamente unha proposición de lei de reforma da Lei Orgánica do Réxime Eleitoral Xeral, que sería enviada para o seu debate ás Cortes Xerais do Estado. (Fonte: www.xornal.com).

Solidariedade
Colaboración con escola boliviana
O Instituto “Carlos Casares” de Viana (Ourense) colaborará na formación de profesores de secundaria nunha escola rural na aldea de Bermejo, na provincia boliviana de Florida, en plena selva do Alboró. Neste proxecto tamén se contempla a construción doutra escola de secundaria. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Interconexión eléctrica
O director xeral de Industria, Carlos Calvo, os directivos da Rede Eléctrica de España e da Rede Eléctrica Nacional de Portugal, espuxeron en Santiago a necesidade de concretar proxectos de interconexión eléctrica entre Galicia e Portugal para o 2016, ao abeiro da construción do AVE entre Vigo e Porto. (Fonte: El Correo Gallego).
12/11/2007
Venezuela
Os galegos de Venezuela apoian ao rei
Trala confrontación verbal entre o presidente venezolano Hugo Chávez e o rei Juan Carlos I no Cumio Iberoamericano de Santiago de Chile, a comunidade galega residente en Venezuela amosou o seu total apoio ás palabras do monarca español. Non obstante, os emigrantes galegos, así como a patronal que agrupa a varios dos empresarios galegos residentes neste país, temen posibles represalias por parte do goberno venezolano tras esta forte polémica. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).

Portugal
Cooperación en Servizos Sociais
A secretaria xeral de Benestar, María Xesús Lago, presentou en Santiago o congreso “Galiza, Portugal e Europa polos vieiros do estado do benestar”, que se celebrará os vindeiros días 14 e 15 de novembro en Vigo. Este encontro de profesionais pretende ser un foro de análise da situación actual e das perspectivas de futuro na xestión dos servizos sociais. (Fonte: www.xornal.com).

Arxentina
Diáspora galega con Zapatero
Trala súa participación no Foro Iberoamericano de Santiago de Chile, a visita do presidente do goberno español José Luis Rodriguez Zapatero á Casa de Galicia de Bos Aires permitiu unha toma de contacto coa emigración galega neste país, onde Zapatero espuxo a súa intención de que os netos de emigrantes poidan acceder á nacionalidade española. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
Rajoy a Arxentina e Uruguai
O líder do PP, Mariano Rajoy, tamén realizará unha xira por América do Sur a fin de buscar os votos da emigración galega e española para os próximos comicios xerais de marzo de 2008. (Fonte: El Correo Gallego).
11/11/2007
México
Atopan cadáver de filla de emigrante
O cadáver de Ana Belén Fortes Rodríguez, de 31 anos, foi atopado na localidade de San Andrés, na serra de Petatlán, estado de Guerrero, trala súa desaparición o pasado 12 de agosto por mor dun accidente de avioneta, propiedade do empresario hostaleiro ourensán Teolindo Fortes López, radicado en México. (Fonte: El Correo Gallego).
10/11/2007
Arxentina
Eloxios á delegación da Xunta
O ministro de Cultura, César Antonio Molina, asegurou na súa visita á Delegación Exterior da Xunta en Bos Aires, que esta oficina “axudará moito á presenza de Galicia na Arxentina”. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
Asasinada empresaria de orixe galega
Mónica Beatriz Vázquez, de 49 anos, empresaria filla de emigrantes ourensáns, foi presuntamente asasinada polo reposteiro arxentino Eduardo Becerra, de 66 anos, debido a diferenzas no aluguer dunha finca. Becerra tentou ocultar o asasinato mediante unha chamada á familia de Vázquez para asegurar que foi un secuestro, polo que pedía un millón de dólares. (Fonte: El Correo Gallego).
09/11/2007
Venezuela
Filme galego no Festival dos Pobos do Sur
O filme De profundis, do galego Miguelanxo Prado, foi seleccionado para competir no I Festival de Cine dos Pobos do Sur, que terá lugar do 15 ao 22 de novembro na illa de Margarita, en Venezuela. O evento está organizado polo Ministerio do Poder Popular para a Cultura, a través da Fundación Distribuidora Nacional de Cine Amazonia Films e co apoio da Fundación Cinemateca Nacional de Venezuela. Neste evento, participarán longametraxes de Alxeria, Arxentina, Bolivia, Brasil, Burkina Faso, Chad, China, Colombia, España, Etiopía, Filipinas, Gabón, Ghana, Israel, Xapón, Marrocos, México, Mozambique, Palestina, Paraguai, Senegal, Sudáfrica e Venezuela. A película gañadora recibirá 20.000 dólares. (Fonte: Galiza Nación).

Francia
Irmanamento municipal
O concello coruñés de Tordoia propiciará en abril de 2008 un irmanamento co seu similar francés de L´Herbergement, localizado ao oeste dese país. Este concello francés posúe aproximadamente 3.000 habitantes e a súa economía baséase na agricultura e gandería. Para propiciar este irmanamento, Tordoia achegará un total de 18.000 euros, dos que 12.000 forman parte dunha subvención da consellería de Traballo. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
A visión rómana do Medio Ambiente
A profesora da Universidade de Timisoara, Adina Dumitru, abriu na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña, a segunda xornada sobre “Sostibilidade, Valores e Medio Ambiente”. (Fonte: La Voz de Galicia).
08/11/2007
China
Troita galega en Dalian
O grupo galego “Tres Mares”, que lidera en Europa a produción de troita, participou na Feira Fisheries and Seafoo Expo na cidade chinesa de Dalian, o encontro mais importante do sector pesqueiro en Asia. O grupo galego posúe unha notable presenza en Alemaña, Gran Bretaña e Rusia. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
MSF busca maior impacto social
En palabras da directora en Galicia da ONG francesa “Médicos Sen Fronteiras” (MSF), Marie Castro Leal, a súa labor afondará na necesidade de implicar a máis galegos nas labores humanitarias desta ONG, presente en máis de 70 países. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Presenza galega na física nuclear
A USC participa no centro de física nuclear europea FAIR na cidade alemán de Darmstadt, na que traballan 2.500 físicos de 14 países como Alemaña, Austria, China, Rusia, Francia e Reino Unido. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Os mais baixos en morosidade
O conselleiro de Economía e Facenda, José Fernández Antonio, declarou que o sistema financeiro galego posúe o nivel máis baixo de morosidade no entorno europeo, cun índice de 0,6%, fronte ao 5,6% de Italia, o 4% de Alemaña e o 3,2% de Francia. (Fonte: El Correo Gallego).
07/11/2007
Pesca
Os riscos do libre comercio
Segundo explicou Juan Manuel Vieites, director xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (ANFACO), a liberalización comercial que están levando a cabo a UE e a Organización Mundial do Comercio (OMC) para os próximos anos, permitirá a entrada de produtos asiáticos a baixo custe que afectará ao sector conserveiro galego. Vieites afirmou que dentro da UE existen posicións encontradas sobre as vantaxes da liberalización. As empresas conserveiras galegas investiron 300 millóns de euros en África e América Latina. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Na busca das raíces galegas
Marcelo Amor, un galego emigrante na Arxentina, está realizando unha investigación sobre a historia da súa familia, que se remonta á emigración de finais do século XIX, contando coa colaboración do concello de Lalín. Paralelamente, o concello da Estrada adiante desde 1999 un Servizo de Atención ao Emigrante que permite a identificación dos antepasados de emigrantes galegos, como no caso de Marcelo Amor. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Camerún, rival da selección galega
Finalmente, será a representación africana de Camerún o rival da selección galega de fútbol, en encontro a celebrarse o 27 de decembro no estadio de Balaídos en Vigo, asegurándose a participación de xogadores cameruneses da Liga Española como Samuel Eto´o, Kameni e Wobe. Será o terceiro partido internacional da selección galega, tras Uruguai no 2005 e Ecuador no 2006. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Entrada do narcotráfico
A Fundación Galega contra o Narcotráfico informou que Galicia e Portugal seguen a ser a porta de entrada da droga a Europa, incluíndo un novo tipo de estupefaciente, a “droga negra”, proveniente de América do Sur. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Integración feminina
A ONG coruñesa “Ecos do Sur” presentou o seu Plan Afrodita destinado a desenvolver ata o próximo 31 de decembro un programa de integración laboral e social das mulleres inmigrantes, tales como acollida, acompañamento social, asesoramento xurídico, atención socio-sanitaria e formación laboral. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Piden axuda regular aos barcaleses
Trala súa estadía na illa caribeña, o alcalde de Negreira, Juan García Fuentes (PSOE) destacou a importancia de manter unha estreita colaboración cos descendentes de emigrantes barcaleses mediante o envío regular de axuda humanitaria, fundamentalmente medicamentos, que escasean en Cuba. Do mesmo xeito, asegurou comprometer unha partida anual de 1.500 euros para a centenaria Unión Barcalesa de La Habana. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/11/2007
Galicia
Alianza europea dos pobos
A rede “Alianza Europea pola autodeterminación dos Pobos”, conformada por representantes de Alemaña, Flandres, Irlanda, Escocia, Italia, Andalucía, Dinamarca, Córsega, os Països Catalans, Euskadi e Galiza, reuníronse en Euskadi para organizar a primeira asemblea desta rede. (Fonte: www.vieiros.com).

México
Liberado galego secuestrado
O empresario de orixe ourensá Edelmiro Manuel Pérez Merelles foi liberado en Cidade de México. Segundo o embaixador español en México, Carmelo Angulo, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o empresario galego atópase en bo estado de saúde. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Desenvolvemento en Nicaragua
A ONG “Amigos da Terra” presentou en Ourense os resultados do seu proxecto de desenvolvemento económico sostible no concello nicaragüense de Villa El Carmen no 2006. Esta ONG buscou alternativas á produción de carbón vexetal da que vive a maior parte desa poboación, impulsando a creación dunha microempresa que ofrece servizos ambientais. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/11/2007
Galicia
Aula iberoamericana de dereito
A Aula Iberoamericana do Poder Xudicial 2007 foi inaugurada en A Coruña , dedicada á Especialización Xudicial, Xurisdición Social e Novo Dereito do Traballo, nunha iniciativa na que colabora a Xunta, a Fundación Caixa Galicia e a Deputación de A Coruña. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora Galicia
Núñez Feijóo en Londres
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, desprazouse a Londres, para reunirse con empresarios galegos; visitar o Centro galego nesta cidade e entregar arredor de 150 carnets do PP a galegos residentes no Reino Unido. Nesta visita, Núñez Feijóo denunciou que "non se lle permitiu a visita ao Club de xubilados español, centro cofinanciado polo goberno central e no que estivo, non hai moito tempo, o ministro Caldera". En Inglaterra viven arredor de 15.000 galegos, o que supón máis do 20% da poboación española residentes neste país. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Pesca
Vigo reuniu a comité europeo
Unha conferencia de pesca do Comité Social e Económico da UE reuniuse en Vigo, con medio cento de funcionarios que abordaron asuntos de Política Pesqueira Común e desenvolvemento dos orzamentos 2007-2013. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/11/2007
Galicia
Visita de técnicos de Cabo Verde
O director rexional de Sotavento do Instituto de Desenvolvemento de Pescas, Alcides Sánchez, e o técnico Manuel Andrade, foron recibidos en Burela para coñecer experiencias e proxectos ligados ao sector pesqueiro. (Fonte: La Voz de Galicia).
03/11/2007
Inmigración
Tolerancia dende a escola
No marco do II Simposio sobre “Escolarización do Alumno Inmigrante, Emigrante e Retornado”, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, defendeu á escola como vehículo para fomentar os valores de tolerancia necesarios para propiciar a diversidade e a riqueza cultural. Rodríguez explicou como estes preceptos están contidos no Plan Galego de Inmigración, a ser aprobado polo Consello da Xunta. (Fonte: El Correo Gallego).

México
Abrirán voos de baixo custe
Os aeroportos galegos de Peinador e Lavacolla se disputarán a preferencia para ser a referencia dos voos de baixo custe da firma mexicana Avolar, trala presentación do seu proxecto ás autoridades galegas na busca de apoio oficial. (Fonte: La Voz de Galicia).
02/11/2007
México
Secuestran a empresario ourensán
Edelmiro Manuel Pérez Merelles, de 46 anos, natural do concello ourensán de Avión, empresario de estacións de gasolina en México, foi secuestrado na localidade de México D. F o pasado 22 de outubro. No rapto foi asasinado o seu chofer, ao amosar resistencia. (Fonte: El Correo Gallego).

Educación
Prácticas en 19 países
Co apoio da consellería de Educación, un total de 1.900 alumnos e profesores de Formación Profesional (FP) poderán realizar estancias e intercambios de aprendizaxe de idiomas en Portugal, Suíza, Francia, Irlanda, Italia, Romanía, Alemaña, India, Xordania, Turquía, Xapón, Canadá, EEUU, Finlandia, Estonia, Malta, Reino Unido, China e Dinamarca. O orzamento destinado é de 270.000 euros e tamén espérase a inclusión do programa europeo Erasmus para estudantes de FP. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
Primeira misión da Delegación da Xunta
A delegada da Xunta en Bos Aires, María Xosé Porteiro, recibiu ao alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, no marco dunha misión comercial pola capital arxentina e a cidade de Rosario, que supón o evento de apertura da Delegación Exterior da Xunta. Porteiro reafirmou a vontade da Xunta de intensificar as relacións institucionais, comerciais e culturais entre Galicia, Arxentina e Uruguai. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba
Vicepresidente visita a delegación barcalesa
O vicepresidente da República de Cuba, José Ramón Fernández, de 83 anos, acudiu ao Hotel Plaza de La Habana, para visitar á delegación de Negreira, A Baña e Val do Dubra, de visita na illa caribeña con motivo do aniversario da Unión Barcalesa. Fernández agradeceu a axuda galega cara o pobo cubano mentres asegurou que o “comandante Fidel Castro está recuperándose”, aínda que “será sometido a outra operación cirúrxica”. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
“Olympus” entra no Guinness
A orquestra de Negreira “Olympus” estableceu un récord que lle permitirá acceder ao Libro Guinness tras tocar consecutivamente durante 24 horas nas festas de Negreira, con 560 cancións do seu repertorio. (Fonte: El Correo Gallego).
01/11/2007
Galicia
Residencia de xubilación
Son cada vez máis os estranxeiros, principalmente do norte de Europa, que elixen a Galicia como residencia de descanso e xubilación, especialmente nas Rías Baixas. Un clima benévolo, a gastronomía, a súa xente e a calidade das construcións son os factores mais apetecidos, o cal propicia a creación de inmobiliarias dedicadas exclusivamente a este tipo de clientes. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Voto emigrante para o 2009
O PSOE, BNG e PPdG expresaron no Parlamento galego a súa disposición para formular conxuntamente unha reforma legal que posibilite que os emigrantes poidan votar en urna nas próximas eleccións autonómicas, previstas para o 2009. Esta reunión foi convocada polo conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez, comisionado polo presidente Touriño para buscar o consenso sobre este asunto. (Fonte: El Correo Gallego).

Xacobeo
Interese xaponés
Unha delegación do Camiño xaponés de Kumano, ruta de peregrinación irmanada coa de Santiago, visitará Galicia a comezos de novembro para intercambiar experiencias sobre turismo, estudar accións de cooperación e para coñecer cómo se solucionaron os problemas idiomáticos nas zonas rurais. (Fonte: El Correo Gallego).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, Diario Nova +, El Correo Gallego, El Exportador, El País, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, Galiza Nación, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, vieiros.com, xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2007: outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2006: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2005: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño |
01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/12/2007
Fernando Pol


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta