|
 |
| 31/10/2007 |
 |
Portugal
Alza nas exportacións galegas
Durante o IV Encontro Empresarial Galicia-Portugal,
organizado en Santiago pola Xunta, se subliñaron as principais cifras do intercambio comercial entre Portugal
e Galicia. No 2006, foron 2.174 millóns de euros en exportacións dende Galicia a Portugal, mentres
a nosa Comunidade recibe o 20% do total das vendas que Portugal fai ao Estado español, por 15% de vendas
galegas a ese país. (Fonte: www.vieiros.com).
Arxentina
Kirchner eloxia o plan galego antidrogas
No seu primeiro programa na TV arxentina
trala súa vitoria electoral, a recén electa presidenta Cristina Fernández de Kirchner eloxiou
o plan da Xunta para a loita contra o consumo de drogas, que involucra globalmente á familia e a sociedade
e que foi exposto polo seu presidente Emilio Pérez Touriño na súa recente viaxe a Bos Aires. (Fonte: www.xornal.com).
Pesca
Cooperación con 30 países
No marco da comparecencia da conselleira
de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, ante o Parlamento galego, expúxose o plan de cooperación
da súa consellería con 30 países nos cinco continentes, os cales lle permiten a Galicia achegar
un 5% dos produtos do mar que se consumen dentro da Unión Europea. Este volume de negocios co exterior alcanza
os 1.000 millóns de euros e fan da pesca unha das actividades económicas mais internacionalizadas
de Galicia. (Fonte: www.xornal.com).
Cooperación
Potenciar o factor humano
A directora xeral de Cooperación
Exterior, Fabiola Sotelo, salientou na rolda de prensa ofrecida polo xurado do “Premio Santiago de Compostela de
Cooperación Urbana” que na nova etapa que está a vivir a cooperación galega, o seu departamento
“aposta polo factor humano e polos técnicos especializados para poder colaborar en proxectos nos países
máis empobrecidos”. (Fonte: www.xornal.com).
Galicia
Unha azafata galega detida no Chad
A coruñesa Carolina Jean López
atópase entre as persoas detidas no país africano xunto aos seus compañeiros de tripulación
do voo contratado para levar 103 nenos dese país a Francia e que, segundo as autoridades do Chad, presuntamente
forman parte dunha rede pedófila. O fiscal que leva este caso declarou que os 16 detidos poderían
cumprir penas de entre cinco e 20 anos de cárcere.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Cuba
Investigación residual
Un grupo de investigadores químicos
das universidades de Vigo e Matanzas (Cuba) adiantan un proxecto de investigación para reutilizar os residuos
de diferentes industrias agroalimentarias desde país caribeño. Os primeiros contactos entre ambas
universidades comezaron no 2006, propiciando constantes viaxes a Cuba de investigadores do departamento de Enxeñería
Química da universidade viguesa. Unha segunda parte deste proxecto permitirá a obtención de
biodiésel a partir de sementes oleaxinosas en Cuba.
(Fonte: Faro de Vigo).
Cuba
Barcala en Cuba
Medio cento de veciños de Negreira,
A Baña e Val do Dubra e os seus respectivos alcaldes, que forman parte da Unión Barcalesa, estiveron
no Centro Galego de Cuba para celebrar o aniversario desta asociación e da construción da sede do
centro galego na Habana, así como do centenario do himno galego composto na capital cubana. (Fonte: El Correo Gallego).
Palestina
Sánchez Presedo e Palestina
O eurodeputado galego do PSOE, Antolín
Sánchez Presedo, participou no Comité sobre Oriente Próximo da Internacional Socialista na
capital israelí Tel Aviv, defendendo unha negociación de paz para Palestina. Neste foro participou
o primeiro ministro laborista israelí, Ehud Barak.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 30/10/2007 |
 |
China
Presenza galega nas Olimpíadas
A empresa viguesa Aister foi seleccionada
polo goberno chinés para a construción dos pantaláns da cidade de Qingdao, ao noroeste do
país, que será a sede das probas de vela nos próximos Xogos Olímpicos de Pequín
2008. O investimento inicial é de 1,2 millóns de euros.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Lugo podería devolver fondos europeos
Segundo informaron fontes da Comisión
Europea ante unha pregunta do eurodeputado de Esquerda Unida, Willy Meyer, o concello lucense podería ter
que reintegrar os fondos da UE se existiran intervencións sobre o parque Marcos Cela que causen danos ambientais
nesta rexión. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Ulla e Umia coa Marca de calidade europea
Representantes da Asociación para
o Desenvolvemento Rural dos Vales do Ulla e UMI (ADR), asistiron en Bruxelas a un seminario sobre a marca de calidade
territorial europea, da que a ADR Ulla-Umia é confundadora xunto a outras once marcas territoriais de sete
comunidades autónomas. (Fonte: La
Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Voz galega das autonomías
O conselleiro de Medio Ambiente da Xunta,
Manuel Vázquez, acompañará en Luxemburgo á ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona,
como representante das comunidades autónomas estatais no cumio europeo sobre a escaseza de auga. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Fondos de integración
O concello santiagués recibirá
da Xunta un total de 9.000 euros para programas de integración da poboación inmigrante a seren coordinados
nos centros educativos e o seu entorno, así como para destinarse á integración da muller inmigrante. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 29/10/2007 |
 |
Diáspora
Iniciativa galega no voto emigrante
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, asegurou que debe ser o Parlamento galego quen “tome a iniciativa” dentro do Estado español
para a reforma do voto emigrante, sobre todo de cara a conseguir que as votacións se realicen en urna e
non por correo. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Homenaxe a México
Durante a celebración das xornadas
sobre Valle Inclán en A Pobra do Caramiñal, realizouse unha homenaxe a México, país
onde o escritor galego estivo en dúas ocasións (1892 e 1921), e que tanto influíu na súa
obra literaria. A este acto asistiu o cónsul honorario mexicano Gonzalo Quiroga. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Piden ensinar o portugués nos
institutos
O Movimento Defesa da Língua (MDL)
toma partido a favor da petición da Associaçom Galega da Língua (AGAL) de que o portugués
sexa a segunda lingua estranxeira nos centros de ensino secundario. O MDL lembra que leva dende 1998 promovendo
a introdución do portugués no currículo de secundaria como un xeito de frear a perda de galegofalantes
entre a mocidade. Esta iniciativa tamén é apoiada pola CIG e o BNG. (Fonte: www.vieiros.com).
Unión Europea-Galicia
O galego na web da UE
“A través de Europa” é o
espazo dentro da web da Comisión Europea, que permitirá a difusión das informacións
sobre Galicia tanto en lingua galega como en castelán. A información de apertura deste portal foi
sobre un proxecto europeo de cooperación en Tanzania, no que participa a Dirección Xeral de Cooperación
Exterior. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 28/10/2007 |
 |
Galicia
Arxentinos votan nas súas eleccións
A cónsul arxentina en Vigo, Georgina
Bortolotto, informou que existen 429 arxentinos inscritos no Rexistro de Electores Residentes no Exterior facultados
para votar nas eleccións presidenciais 2007, dos 10.280 cidadáns dese país rexistrados no
consulado, constituíndo polo tanto o 4% do total.
(Fonte: El Correo Gallego).
Bélxica
Castrosúa participa en feira mundial
No marco da maior feira mundial de vehículos
urbanos Busworld 2007, celebrada na localidade belga de Kortrijk, a empresa galega Castrosúa participou
con éxito, presentando os exemplares Versus e Magnus, que cumpren coa rigorosa normativa ambiental europea. (Fonte: El Correo Gallego).
Suíza
Galegos non temen á xenofobia
Representantes da comunidade galega neste
país centroeuropeo non amosaron preocupación pola vitoria do partido ultradereitista e xenófobo
Unión Democrática do Centro (UDC). O seu líder, Christoph Blöcher, defende a expulsión
dos inmigrantes que non se integren no país. Así o explicaron emigrantes galegos como Antonio Otero,
empregado no Departamento de Deportes no concello de Xenebra, e Pedro Hombre, presidente do centro galego de Zug,
no cantón alemá, quen consideran que a sociedade suíza ten unha excelente impresión
da comunidade emigrante galega. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 27/10/2007 |
 |
Galicia
Rehabilitación urbana en América
Latina
Na súa primeira edición
o Premio Compostela de Cooperación Urbana, dotado de 180.000 euros, abriu a súa convocatoria de proxectos
e iniciativas públicas para a creación e recuperación de ámbitos de cohesión
nas cidades históricas de América Latina. O premio está convocado polo Consorcio compostelán,
a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e a dirección xeral de Cooperación
Exterior da Xunta. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 26/10/2007 |
 |
Cuba
BNG pide solidariedade
O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados,
Francisco Rodríguez, reclamoulle ao goberno español que na vindeira Asemblea Xeral da ONU, que terá
lugar o martes 30, apoie unha resolución para que Estados Unidos levante o bloqueo económico que
mantén sobre Cuba, que leva máis de catro décadas.
(Fonte: www.vieiros.com).
Diáspora
Unha “vitoria” para a terceira xeración
Durante unha comparecencia parlamentaria,
o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, sinalou que unha vez sexa efectiva
a extensión da nacionalidade aos netos de emigrados e exiliados a través da Lei da Memoria Histórica,
ademais do cumprimento dun compromiso do Goberno, será “unha extraordinaria vitoria dos netos dos emigrantes
e exiliados de España, grazas a unha longa campaña emprendida por eles hai anos para que lles fora
recoñecido o seu dereito á nacionalidade española, pero sobre todo para que lles fora recoñecida
a súa identidade”. (Fonte: www.xornal.com).
Irlanda
Traducen obra do gaélico ao galego
A profesora galega radicada en Irlanda,
Carme Rodríguez Alonso, licenciada en Filoloxía Xermánica (USC) e Lingua Gaélica (University
College Dublin), diplomada en literatura anglo-irlandesa, tradutora e lexicógrafa, publicará na revista
A Trabe de Ouro unha tradución do idioma gaélico ao galego dos textos do poeta e dramaturgo irlandés
Cathal O"Searcaigh. (Fonte: Galicia
Hoxe).
 |
| 25/10/2007 |
 |
Portugal
Cooperación médica universitaria
A Facultade de Medicina da USC organizou
o I Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina (CIBEME), que reuniu a 170 estudantes das Universidades Complutense
e Autónoma de Madrid, Valladolid e as portuguesas de Porto, Beira Interior, Minho e Coimbra. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Congreso luso-galaico de drogodependencia
Ao amparo do Proxecto Interreg da UE no
ámbito da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, se celebrará en Santiago o III Congreso
Luso-Galaico sobre Avances en drogodependencias, coa participación de 300 expertos que debaterán
as novas perspectivas e avances na prevención e tratamento de drogodependentes. (Fonte: www.xornal.com).
Eixo Atlántico
Confirman o AVE para o 2013
A Secretaria de Estado para os Transportes
de Portugal, Ana Paula Vitorino, confirmou ao Eixo Atlántico que no 2013 estará operativo o AVE entre
Porto e a fronteira galega. Os 30 alcaldes dos concellos galegos e portugueses que integran este eixo recibiron
a información durante unha reunión en Vigo da xunta de goberno do Eixo Atlántico. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
James Petras en Vigo
O sociólogo estadounidense James
Petras estivo en Santiago e Vigo para impartir sendas conferencias sobre a política estadounidense en Oriente
Medio, nos encontros “Conversas con”, organizados pola Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia. (Fonte: www.vieiros.com).
Brasil
Promoción turística galega
A Consellería de Innovación
e Industria desenvolverá a finais de outubro un programa de promoción dos valores turísticos
e culturais de Galicia nas cidades brasileiras de Salvador de Baía e Río de Janeiro, xunto a representantes
da Dirección Xeral de Turismo, de Turgalicia e do Xacobeo, por parte da Consellaría de Innovación
e Industria, e da USC. (Fonte: www.xornal.com).
Marítima
Denuncian a explotación de bolivianos
CCOO denunciou a explotación de
25 obreiros traídos dende Bolivia para traballar na empresa auxiliar do naval Tablan Consulting nos estaleiros
de Vigo, previo pago dunha cantidade de 12.000 euros durante o seu primeiro ano de estancia en Galicia. A Inspección
de Traballo está a investigar estas denuncias sobre estes contratos ilegais. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 24/10/2007 |
 |
Galicia
Santiago como itinerario europeo
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, presidiu o acto de conmemoración do XX aniversario da declaración do Camiño
de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, celebrado no seu quilómetro cero, no centro da Praza
do Obradoiro. No decurso do acto, o máximo mandatario autonómico salientou o poder simbólico
deste itinerario que cualificou como a “imaxe da cooperación e a concordia entre as diferentes nacións
de Europa”. (Fonte: www.xornal.com).
Galicia
Foro empresarial Galicia-Israel
Baiona será a sede en xaneiro de
2008 do I Encontro Empresarial entre Galicia e Israel, tralo asinamento do convenio entre o ministro de Asuntos
Económicos e Comerciais de Israel, Amos Wohl, e o alcalde baionés, Jesús Vázquez Almuiña,
en presenza de membros da embaixada israelí e da Asociación Galega de Amigos de Israel (AGAI). O
ministro Wohl tamén estivo reunido en Santiago co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono
do Tambre, Jesús Chanel. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Galicia
A amizade co Curdistán
Ante o actual conflito entre Turquía
e o Curdistán iraquí, a Asociación de Solidariedade co Kurdistán (ASK), aproveitou
para amosar a súa solidariedade a favor do pobo curdo, mentres facía pública a súa
difícil situación financeira como asociación, trala multa de 8.000 euros sancionada o ano
pasado, trala exhibición dunha pancarta en favor da liberdade no Curdistán en Balaídos, durante
un partido entre o Celta de Vigo e o equipo turco do Fenerbahçe, e o esgotamento dos recursos na Subdelegación
do Goberno de Pontevedra, a raíz deste proceso.
(Fonte: Galiza Nación).
Portugal
O potencial da eurorrexión
Durante o acto de presentación
en Vigo do libro “Galicia y Norte de Portugal: Claves Económicas de una Eurorregión”, publicado por
Papeles de la Economía Española e editado pola Fundación de Caixas de Aforros (FUNCAS), o
conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, asegurou que esta
eurorrexión constitúe un dos espazos económicos da Unión Europea con maior potencial
de desenvolvemento económico e social derivado das dimensións do Plan Estratéxico de Cooperación
Transfronteiriza 2007-2013, aprobado o pasado 13 de abril no cumio de Guimarães (Portugal). Fernández
Antonio salientou que a eurorrexión –cunha superficie de 50.853 km2- ten unha poboación de 6,3 millóns
de habitantes, posúe un peso importante nesta estratexia cun orzamento de 97 millóns de euros. (Fonte: www.xornal.com).
Economía
Metal galego na feira de Bolonia
Un total de 14 empresas do metal agrupadas
na Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) estarán presentes na Feira Internacional
da Construción de Bolonia (Italia), da man da consellería de Innovación e Industria. Con exportacións
calculadas en 61,5 millóns de euros no 2006, Europa é o principal mercado do metal galego, co 65%
do seu comercio exterior, principalmente cara Portugal, Alemaña, Francia e Italia. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Emigración laboral dende Arxentina
e Uruguai
A consellería de Traballo destinará
en 2008 un orzamento de 14,5 millóns de euros para a formación laboral e profesional de descendentes
de emigrantes galegos na Arxentina e Uruguai, coa finalidade de frear a crise demográfica que vive Galicia.
Segundo datos da Xunta, no 2006 entraron 6.792 mozos menores de 30 anos mentres marcharon 11.785 mozos. A estrutura
produtiva de Galicia ofrece unha perspectiva favorable para acoller a traballadores foráneos en sectores
de baixo valor engadido, como a construción e os servizos, mentres presenta dificultades para manter ao
seu persoal máis cualificado. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 23/10/2007 |
 |
Alemaña
Asesoramento en cotizacións
O Deutsche Rentenvrsicherung, seguro público
de pensións de Alemaña, realizará unha serie de sesións no Centro de Atención
e Información da Seguridade Social de A Coruña, para o asesoramento dos 372 emigrantes galegos e
4 alemás que traballaron e cotizaron na seguridade social deste país. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Informe sobre política lingüística
A Asociación Galicia Bilingüe
remitiu ao Consello de Europa un contra-informe sobre a aplicación da Carta Europea para as Linguas Rexionais
e Minoritarias (CELROM) dado que, segundo esta asociación, a información que manexan é “ inexacta
e pretende xustificar a aplicación de políticas lingüísticas denominadas normalizadoras”,
tales como o decreto 124/2007. O informe considera ao galego como a lingua dos habitantes asentados en Galicia,
cando a Xunta “conclúe que os habitantes que falan galego son o 91,04%”. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Gratuidade da autovía Vigo-Porto
O secretario de Estado de Obras Públicas
do goberno portugués, Paulo Campos, anunciou en Valença do Minho que comezará a construción
do último tramo da autovía Litoral Norte, a A-28, que definirá o trazado de unión entre
a localidade portuguesa de Caminha e a ponte internacional de Tui. Cun orzamento de 65 millóns de euros,
está previsto que finalice a súa construción nun ano. Este proxecto permitirá a gratuidade
na peaxe ata Porto. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 22/10/2007 |
 |
Galicia
Contra a pobreza
As cidades de Santiago, Vigo, A Coruña
e Lugo, reuniron a centos de persoas nas distintas manifestacións conmemorativas do Día Internacional
da ONU para a Erradicación da Pobreza, sumándose ás distintas marchas e concentracións
a nivel mundial destinadas á loita contra a pobreza e a exclusión social. (Fonte: Europa Press).
Galicia
O galego na Lusofonía
Avalados polos académicos portugueses
Ângelo Cristóvão e Martinho Montero, presentouse na Facultade de Filoloxía da USC o
proxecto de crear unha Academia da Língua Portuguesa en Galicia, que poderá botar a andar “para moito
tempo", tal e como declarou o profesor Cristóvão.
(Fonte: www.vieiros.com).
Cooperación
Xornadas sobre Centroamérica
A Facultade de Ciencias Políticas
da Universidade de Santiago acollerá os días 23 e 24 de outubro unhas xornadas sobre a Cooperación
Galega en Centroamérica organizadas pola Asemblea de Cooperación pola Paz e financiadas pola Dirección
Xeral de Cooperación Exterior, destinadas a mellorar a coordinación de esforzos dos actores galegos
de cooperación e a definición de liñas estratéxicas de intervención para acadar
un impacto efectivo das intervencións de desenvolvemento en El Salvador, Guatemala, Honduras e Nicaragua.
Nestas xornadas, contarase coa asistencia de convidados procedentes destes catro países, con representantes
da DXCE, de diferentes ONGS e doutros axentes de cooperación.
(Fonte: Galiza Nación).
 |
| 21/10/2007 |
 |
Galicia
Convenio turístico entre Silleda
e Abruzzo
Os responsables da Feira de Silleda e
a Asociación de Portodemouros asinaron un convenio cunha representación da Unión de Municipios
da rexión italiana do Abruzzo e da Entidade Nacional de Turismo en Italia (ENIT) para un irmanamento turístico,
a fin de promover as súas respectivas feiras internacionais de Turismo e Natureza, dentro dun proxecto de
cooperación para o período 2007-2013. Esta rexión italiana inclúe ás provincias
de Chieti e Pescara. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Piden presentar a candidatura galego-portuguesa
O portavoz do BNG no Congreso, Francisco
Rodríguez, demandoulle ao Goberno central que presente a tradición oral galego-portuguesa á
candidatura de Patrimonio Inmaterial da Unesco, xa presentada conxuntamente co país veciño en 2005.
O deputado nacionalista recordou que a proposta está tamén avalada polo Congreso, que apoiou unha
iniciativa do BNG neste sentido en setembro de 2005.
(Fonte: Galiza Nación).
 |
| 20/10/2007 |
 |
Galicia
O maior parque natural de Europa
A aprobación da nova Lei de Patrimonio
Natural e da Biodiversidade, por parte do Ministerio de Medio Ambiente, permitirá a creación do parque
internacional Gerês-Xurés que, con 10.000 hectáreas de extensión, se converterá
no máis grande de Europa. Este parque estenderase dende a parte galega en Baixa Limia-Serra do Xurés,
ata a parte portuguesa en Peneda-Gerês, polo que a consellería de Medio Ambiente informou que os gobernos
de Galicia e Portugal asinaron un convenio de colaboración conxunta. (Fonte: El Correo Gallego).
Pesca
Detido barco galego en Irlanda
Patrullas de vixilancia marítima
irlandesas da localidade de Castletownbere, no condado de Cork, detiveron a embarcación coruñesa
“Pere Ivon”, acusada de irregularidades nas medidas do aparello autorizado para fanar. O barco galego está
á espera das sancións que imporán as autoridades irlandesas. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 19/10/2007 |
 |
Galicia
Renovados convenios para lectorados
A Universitat Autónoma de Barcelona
e a Euskal Herriko Unibersitatea, dentro do ámbito estatal, e as universidades Ollscoile na hÉireann,
Corcaigh-National University of Ireland, Cork (Irlanda), a Uniwersytet Warszawski (Polonia), a Freie Universität
Berlin (Alemaña) e a University of Birmingham (Reino Unido) renovaron os seus convenios coa Secretaría
Xeral de Política Lingüística para o ensino do galego aos seus alumnos. Estes convenios tamén
inclúen seminarios, conferencias, mesas redondas ou exposicións-, relacionadas coa investigación
e a promoción e difusión do galego no exterior. A rede de difusión exterior do galego conta
con 35 lectorados e 43 centros de estudos galegos espallados polo mundo.
(Fonte: www.vieiros.com).
Galicia
Ascenden afiliados estranxeiros
En setembro, o número de afiliados
estranxeiros á Seguridade Social en Galicia ascendeu a 40.398, o que supón un incremento anual do
20.44%. (Fonte: www.xornal.com).
Diáspora
Nacionalidade no 2009
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, transmitiu os seus parabéns aos netos dos emigrantes e exiliados galegos pola inminente
aprobación da reforma legal que lles dará acceso á nacionalidade española para finais
de 2008, medida introducida trala aprobación no parlamento estatal da Lei de Memoria Histórica. (Fonte: www.xornal.com).
Italia
TURISPORT promove o turismo rural
O XVI Salón de Turismo, Deportes
e Desenvolvemento Rural, TURISPORT 2007, acolleu na súa xornada de apertura a sinatura dun convenio de irmanamento
entre este Salón e a feira ECOTUR, que se celebra na rexión italiana de Abruzzo, en virtude do cal
estas dúas institucións colaborarán na mutua promoción dos produtos turísticos
asociados ao medio rural dos seus ámbitos de influencia respectivos. (Fonte: www.xornal.com).
Fondo Galego de Cooperación
Lugo acolle exposición do aniversario
O centro social Uxío Novoneyra
de Lugo foi inaugurado coa exposición “O Fondo Galego: dez anos con proxectos”, que amosou o desenvolvemento
de proxectos de diversos cooperantes galegos en países como Honduras, O Salvador, Guatemala, Cabo Verde,
Nicaragua, Perú e Cuba, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Esta exposición
de trece paneis que mesturan imaxes e fotos foi presentada pola edil de Servizos Sociais do Concello de Lugo, Carmen
Basadre. (Fonte: La Voz de Galicia).
Bélxica
Modelos galegos de transporte
A feira do autobús da localidade
belga de Kortrijkl, que reúne a 320 expositores de 108 países, presentou catro modelos galegos de
transporte turístico do Grupo Pérez Rumbao, empresa do polígono industrial de San Cibrao das
Viñas en Ourense. Estes autobuses tamén están presentes en capitais europeas como Roma, Lisboa
e en varias cidades alemás. (Fonte:
El Correo Gallego).
 |
| 18/10/2007 |
 |
Galicia
Visita do Premio Nobel de Física
2004
O estadounidense Frank Wilczek, premio
Nobel de Física 2004, compartido con David Gross e David Politzer, estivo en Santiago para dar a coñecer
a utilización do LHC, o maior acelerador de partículas da historia, no Centro Europeo para a Investigación
Nuclear (CEIN) de Xenebra, Suíza, dentro do Programa Conciencia.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
A ollada africana de Salgado
O prestixioso fotógrafo brasileiro
Sebastião Salgado inaugurou na Fundación Caixa Galicia de Santiago unha exposición de 58 fotos
sobre África produto de trinta anos de traballo neste continente. Esta exposición, dividida en tres
partes, amosa a África austral, a rexión dos Grandes Lagos e a África subsahariana. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Ratifican compromiso con Puerto Deseado
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio
Pérez Touriño, salientou no Parlamento, que o Goberno arxentino ratificou o seu compromiso de compensación
ás empresas galegas afectadas polos incidentes de Puerto Deseado en xuño pasado. Na súa comparecencia
parlamentaria, Touriño destacou que durante a súa entrevista co vicepresidente arxentino, Daniel
Scioli, e o ministro do Interior dese país, Aníbal Fernández, trasladou a preocupación
da Xunta pola situación dos intereses pesqueiros das empresas galegas despois dos incidentes nesta localidade
portuaria arxentina. (Fonte: www.xornal.com).
Arxentina
Elixida a Raíña de Xallas
A Asociación de Emigrantes Santa
Comba de Xallas de Bos Aires elixiu a María del Carmen Cancela como a Raíña de Santa Comba
entre a colectividade xalleira residente na capital arxentina. Cancela representará aos emigrantes xalleiros
no festival de elección da raíña da colectividade española de Arxentina. (Fonte: La Voz de Galicia).
Francia
Galicia na maior feira marítima
Cunha frota de vinte embarcacións,
unha exposición con material artesanal e gastronómico e a presentación de espectáculos
musicais e culturais, Galicia se promove na Festa Marítima Internacional de Brest, co patrocinio da consellería
de Cultura e Deporte, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), e a Dirección
Xeral de Turismo. (Fonte: www.vieiros.com).
Unión Europea-Galicia
Galicia presentará iniciativa
ambiental
A presidenta do Parlamento de Galicia,
Dolores Villarino Santiago, presentará na XI Conferencia das Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE)
que se celebrará en Berlín entre o 21 e o 23 de outubro, unha declaración sobre o “cambio
climático” conxunta cos parlamentos de Andalucía e Asturias. A iniciativa defende o compromiso de
que o 20% da enerxía xerada pola UE proveña de fontes renovables en 2020, de acordo co expresado
na comunicación da Comisión Europea de 10 de xaneiro de 2007. A CALRE é un organismo integrado
por 74 rexións europeas co obxectivo de crear un grupo de traballo para afondar no obxectivo da redución
dos gases de efecto invernadoiro sen comprometer o crecemento e o desenvolvemento económico. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 17/10/2007 |
 |
Galicia
Erasmus para escolares
A consellería de Educación,
co financiamento do Ministerio de Educación, contratará a alumnos estranxeiros que realicen os seus
estudos de Erasmus nas tres universidades galegas para colaborar como auxiliares de idiomas estranxeiros nos dous
derradeiros cursos de primaria, para rapaces de entre 10 e 11 anos. Este proxecto denominado “Logro do Éxito
Escolar” comezaría a funcionar a partir de xaneiro de 2008 e tería unha aplicación inicial
en 100 institutos galegos. (Fonte: El Correo
Gallego).
Galicia
Visita austríaca en Vivenda
A directora do Instituto de Arquitectura
da rexión austríaca de Vorarlberg, Marina Hämmerle, participou na conferencia “Provocación
Construtiva”, organizada pola Escola Superior de Arquitectura de A Coruña. Hämmerle, quen estivo acompañada
pola conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, sinalou que esta rexión austríaca posúe
unha importante industria madeireira e tres xeracións de arquitectos implicados na construción de
vivendas de madeira que faciliten a preservación do medio ambiente. Neste sentido, Hämmerle notou similitudes
entre Vorarlberg e Galicia. (Fonte: El Correo
Gallego).
Galicia
O galego e Cabo Verde
A Fundación Vía Galego,
que forma parte da Mesa pola Normalización Lingüística, organizou un encontro sobre a identificación
da lingua galega coa cultura de Cabo Verde. Neste encontro participaron, entre outros, a antropóloga Uxía
Oca, unha representante da comunidade caboverdiana en Burela, e Gualberto Rosário, presidente da União
Nacional de Operadores Turísticos, que abordou as potencialidades turísticas de Cabo Verde para a
internacionalización da empresa galega.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Forte debate polo voto emigrante
Durante a comparecencia parlamentaria
do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para explicar a súa viaxe por Arxentina e Uruguai,
o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, avogou por unha política exterior galega que outorgue “voz,
voto e veto”. O PPdG acusou a Touriño de realizar campaña electoral por América do Sur, para
o presidente do goberno José Luis Rodríguez Zapatero. Pola súa banda, Touriño, quen
asegurou que a súa visita sudamericana deu un “xiro copernicano” á política exterior galega,
defendeu a necesidade de abrir “un debate a fondo” sobre o voto emigrante, ante a posibilidade de ser estendido
aos galegos de terceira xeración, medida que conta coa oposición do BNG e o PPdG. (Fonte: La Voz de Galicia e www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Denuncian en Bruxelas a Illas Atlánticas
O Club Subacuático Bahía
de Vigo e a Federación Galega de Pesca Recreativa presentaron tres denuncias na Axencia Europea do Medio
Ambiente, na Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea e na Axencia Europea de Seguridade
Marítima, contra o Parque Nacional Illas Atlánticas por presunta situación de deterioro ambiental.
Estas asociacións galegas tamén pediron a presenza de inspectores da Comisión Europea para
verificar as súas denuncias. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 16/10/2007 |
 |
Uruguai
Defenden o voto para a terceira xeración
O presidente da Casa Galicia de Uruguai,
Manuel Ramos, defendeu o dereito de voto para os netos de emigrantes que permitan “agrandar” a dimensión
de Galicia e a súa diáspora a nivel internacional. Ramos realizou unha intervención ante a
comisión de Emigración do Parlamento galego, na que avogou por maiores garantías para a participación
electoral da diáspora. (Fonte: El
Correo Gallego).
Arxentina
Denuncian anomalías nos consulados
O BNG denunciou que en varios consulados
españois na Arxentina se está negando o trámite de visados de emprego a netos de emigrantes
galegos. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Yondelis en Reino Unido e Alemaña
O fármaco Yondelis, desenvolvido
pola compañía galega PharmaMar e que permite combater o cancro de tecidos brancos, comezou a ser
utilizado en Reino Unido e Alemaña, trala autorización outorgada recentemente pola Comisión
Europea. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Mobilización contra a pobreza
No marco da Alianza española contra
a Pobreza e da Plataforma Pobreza Cero, a Coordinadora Galega de ONGDs e as organizacións que a integran,
teñen preparada unha semana de actos mobilizadores en A Coruña, Lugo, Santiago e Vigo. Do 15 ao 21
de outubro terán lugar proxeccións de curtas da Campaña Pobreza Cero, exposicións fotográficas,
unha Mesa Redonda sobre a situación actual dos Obxectivos do Milenio e múltiples mesas informativas,
ao redor da xeografía galega. (Fonte:
www.xornal.com).
Inmigración
Información sobre dereitos laborais
O Centro de Información á
Muller (CIM) de Negreira acollerá un seminario sobre os dereitos básicos contemplados no Estatuto
dos Traballadores e o sistema de Seguridade Social dirixido a inmigrantes e emigrantes retornados. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 15/10/2007 |
 |
Portugal
Posible éxodo dos transportes
Ante a posibilidade de que a Dirección
Xeral de Tráfico non acceda a crear un carné específico para camioneiros ou taxistas, os responsables
da Federación Galega de Transportes de Mercancías (FEGATRAMER) aseguraron sentirse obrigados a que
as súas empresas se trasladen a Portugal, debido a que neste país non está implantado o carné
por puntos. A patronal do transporte mantivo conversas coa consellería de Política Territorial, Obras
Públicas e Transportes, a fin de atopar unha solución as súas demandas. (Fonte: El Correo Gallego).
Cooperación
Galicia na cola a nivel estatal
O presidente da Coordinadora Galega de
ONGs para o Desenvolvemento, Xosé María Torres, destacou que Galicia atópase nos derradeiros
lugares a nivel do Estado español en esforzo orzamentario para a cooperación internacional, cun 0,1%,
un total de 9,4 millóns de euros. Torres reclamoulle á Xunta o cumprimento do seu compromiso de acadar
o 0,4% dos orzamentos galegos para cooperación internacional antes de finalizar a actual lexislatura. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 14/10/2007 |
 |
Portugal
Éxodo das empresas galegas
Segundo fontes de consultoras empresariais,
os polígonos industriais das localidades portuguesas de Valença do Minho e Vilanova de Cerveira están
atraendo a ducias de empresas galegas e de firmas instaladas en Galicia, debido ao encarecemento e falta de solo
en Galicia e os incentivos ao investimento do goberno portugués. A proximidade de Vigo como gran centro
industrial favorece este proceso de deslocalización.
(Fonte: El Correo Gallego).
Xacobeo
20 anos como itinerario europeo
O martes 23 de outubro se celebrará
na praza de Obradoiro o XX Aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario
Cultural Europeo por parte do Parlamento europeo en Estrasburgo. No acto participarán representantes do
goberno galego, das institucións europeas, dos concellos e comunidades autónomas polos que transita
o Camiño, así como dos gobernos de España, Francia, Italia e Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).
Alemaña
Visita de institutos galegos
Os estudantes de lingua alemá dos
institutos Arcebispo Xelmírez I e Rosalía de Castro organizaron unha viaxe á rexión
de Baviera, coa finalidade de realizar un acercamento ao significado histórico, cultural e político
dos estados federados alemás e, en especial, da capital bávara, Múnich, o que tamén
permitirá un intercambio con alumnos dese país.
(Fonte: El Correo Gallego).
Alemaña
Promoción conserveira
A consellería de Pesca e dez firmas
conserveiras galegas participaron na Feira Internacional Anuga 2007, que se celebrou na cidade alemá de
Colonia. Estas empresas son Anfaco, Fesba, Fribal, Hijos de Carlos Albo, Industrias Cerdeimar, Lugar da Santiña,
Modesto Carrodeguas, Orbe, Porto de Celeiro e Portomuiños.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 13/10/2007 |
 |
Uruguai
Finaliza a xira da OSG
Cerca de 1.200 persoas acudiron ao teatro
Solís de Montevideo para apreciar o concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), antes da súa
última presentación na localidade de Punta del Este. No concerto da capital uruguaia estiveron presentes
os representantes da Asociación de Organizacións Galegas en Uruguai así como membros da embaixada
e do consulado español. (Fonte: El
Correo Gallego).
Galicia
Arrancará TURISPORT 2007
O XVI Salón de Turismo, Deportes
e Desenvolvemento Rural, TURISPORT 2007, que se celebrará do 18 ao 21 de outubro no recinto Feira Internacional
de Galicia de Santiago, consolidará a súa dimensión internacional ao contar nesta edición
cunha nutrida participación estranxeira que inclúe a países como Siria, Francia, Polonia,
EEUU, Portugal, Italia, Brasil, Exipto, Bangladesh, Suecia, Dinamarca, Lituania, Estonia, Noruega e Alemaña.
Nesta ocasión, terá lugar unha reunión dos coordinadores da Rede Europea de Patrimonio Gastronómico,
que promove os produtos locais e as identidades rexionais da UE.
(Fonte: www.xornal.com).
 |
| 12/10/2007 |
 |
EEUU
Mostra sobre a Ruta Xacobea
De visita institucional en EEUU, o concelleiro
de Cultura de Santiago, Néstor Rego, xunto ao director xeral de Turismo da Xunta, Rubén Lois, e o
director-xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez, promoven unha exposición fotográfica
sobre o Camiño de Santiago nas localidades de Williamsburg, Virxinia, California, Alabama e Carolina do
Norte. A mostra da Ruta Xacobea permanecerá neste país ata febreiro de 2008. A comitiva galega reuniuse
coa Asociación “Amigos do Camiño en Norteamérica” e coas autoridades da universidade de Virxinia
para establecer un marco de asociación coas universidades galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 11/10/2007 |
 |
Portugal
Buscan evitar fuga de médicos
O ministro de Saúde de Portugal,
António Correia de Campos, anunciou un aumento a 2.000 prazas para o curso de Medicina en todo o país,
das 1.400 actualmente existentes, a fin de evitar unha fuga de estudantes portugueses de Medicina á USC.
Para o actual curso 2007-2008 existen 50 estudantes portugueses para 300 prazas na facultade de Medicina, un aumento
do 43% co respecto ás prazas dispoñibles en Portugal. Tras Galicia, República Checa é
outro destino para os estudantes portugueses.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Ampla difusión da visita de Touriño
Os principais medios de comunicación
de Arxentina e Uruguai realizaron unha ampla cobertura da visita a eses países do presidente da Xunta, Emilio
Pérez Touriño. Os diarios arxentinos “La Nación” e “Clarín” publicaron sendas entrevistas
con Touriño, e as súas actividades tamén foron seguidas polos diarios bonaerenses “La Capital”
e “La Prensa”. En Uruguai, foron os diarios “El País” e as canles de TV “Todo Noticias”, Canal 7ATC e Canal
4 os encargados de darlle cobertura. (Fonte:
El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Programa Equal para Ribadavia
O concello ourensán de Ribadavia
se unirá á Rede Experta en Procesos de Emprendemento do programa europeo Equal, dirixido a fomentar
o emprego entre os mais desfavorecidos. Este programa estará financiado con 28.000 euros, dos que o concello
achegará uns 7.000 euros. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Galicia
A estudo o mercado italiano
O Centro de Estudos Turísticos
da USC (CETUR) organizará unha xornadas a mediados de outubro para estudar o caso do mercado turístico
italiano, aínda que tamén dirixirá a súa atención a Reino Unido e Irlanda. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Reciben delegación chinesa
O concelleiro de Promoción Económica
de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, recibiu á delegación da cidade chinesa de Qu Fu, composta
polo seu director de información turística, Chen Peng; o vicedirector de Patrimonio, Xu Huichen,
o director de Rehabilitación, Liu Wei, e o vicedirector de Planeamento Urbano, Wang Fuqu. Esta visita se
enmarca dentro do programa europeo Asia Urbs Heritage, na que colaboran conxuntamente Santiago e a localidade bretona
de Rennes. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Marítima
Galicia favorecida por política
europea
O presidente da Comisión, José
Manuel Durao Barroso, e o comisario de Pesca, Joe Borg, presentaron oficialmente a nova política marítima
da UE, xunto cun plan de acción detallado que establece un programa de traballo para os próximos
anos, no que se recollen a maioría das propostas que Galicia presentou para a norma. (Fonte: Galicia Hoxe).
Marítima
De Vigo a Francia
A Xunta e as asociacións portuarias
galegas designaron a Vigo como a cidade con maiores probabilidades de ofrecer os servizos de transporte marítimo
regular entre España e Francia. A Xunta está disposta a ofrecer 30 millóns de euros para este
proxecto. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 10/10/2007 |
 |
Uruguai
Reunión coa diáspora empresarial
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, reuniuse en Montevideo con empresarios galegos de Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela, Panamá
e República Dominicana, no marco da clausura da súa xira sudamericana, na que invitou a incrementar
as relacións empresariais e os investimentos entre Galicia e América Latina. Touriño advertiu
ao PPdG e ao BNG da “tentación de dividir a Galicia exterior” ante a súa proposta de estender a cidadanía
española aos netos de emigrantes galegos.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Sensibilización cara a pobreza
Ibrahim Niang, da Asociación para
a Integración e o Desenvolvemento Africano (AIDA), advertiu da “falta de sensibilización” da sociedade
occidental cara o problema da pobreza, durante a celebración do Simposio Internacional “Pobre Mundo Rico”,
celebrado en Pontevedra. Nesta xornada tamén participaron Laura Andrés, da Rede Acolle de axuda ao
inmigrante, e Eugenio Corral, da Confederación de Empresarios de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Alemaña
Galicia na Feira do Libro de Frankfurt
A literatura galega terá unha importante
presenza na Feira do libro de Frankfurt, unha das máis importantes do mundo, coa exposición de 13
editoriais galegas con apoio da Xunta. A Consellería de Cultura instalará en Frankfurt un stand no
que estarán representadas A Nosa Terra, Rinoceronte, Tórculo, Primera Persona, Faktoría K,
Hércules, Nova Galicia, Toxosoutos, Kalandraka, Galaxia, Rodeira-Edebé, Baía e OQO. (Fonte: Galicia Hoxe).
Galicia
Nacións sen Estado
A Fundación Galiza Sempre participará
a mediados de outubro na VII Conferencia de Nacións sen Estado de Europa (CONSEU) que se celebrará
no Val de Aosta baixo o lema "As nacións sen Estado e a reforma das institucións internacionais”.
Xosé Manuel Beiras, presidente da fundación, presentará unha conferencia con consideracións
e propostas en torno á reforma da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que pretende a democratización
da ONU e outras organizacións multilaterais globais.
(Fonte: Galiza Nación).
 |
| 09/10/2007 |
 |
Uruguai
Axuda sanitaria para Casa Galicia
Durante o seu encontro co presidente uruguaio
Tabaré Vázquez, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou a futura achega
de dous millóns de euros á mutua sanitaria da Casa Galicia de Montevideo. Paralelamente, Tabaré
e Touriño acordaron unha serie de convenios comerciais entre Galicia e Uruguai, destinados a potenciar a
capital uruguaia como referente económico para Galicia do MERCOSUR, así como a cooperación
en materia de biotecnoloxía e de ampliación do porto pesqueiro de Montevideo. Con tres millóns
de habitantes, Uruguai alberga unha poboación de 30.000 galegos.
(Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Polémica polo voto emigrante e
a delegación exterior
Co anuncio de ampliar a cidadanía
española aos galegos de terceira xeración como requisito para poder exercer o voto, o presidente
da Xunta, Emilio Pérez Touriño, veuse exposto en Montevideo a unha ardua polémica co PPdG
e o BNG sobre a funcionalidade da Delegación da Xunta no Exterior, que foi inaugurada en Bos Aires, criticando
a presunta “natureza electoralista e política” de ambas medidas. Os nacionalistas amosaron a súa
sorpresa pola “celeridade” de Touriño, asegurando que non tivo a mesma atención coas demandas de
voto en urna realizadas polos galegos residentes no exterior.
(Fonte: El Correo Gallego e www.xornal.com).
Inmigración
Baixa no padrón para 63 estranxeiros
O concello de Santiago deu de baixa a
63 inmigrantes non europeos por caducar a súa inscrición no padrón municipal. Segundo o último
censo de 2004, a capital galega alberga 2.292 estranxeiros, sendo mais da metade (1.175) procedentes de América
do Sur. Tamén existen inmigrantes de África, América Central, América do Norte, Asia,
Europa e Oceanía. (Fonte: El Correo
Gallego).
Galicia
Estrelas de Romanía
Segundo declarou a súa directora
Elena Hereta Petrescu, o programa cultural “Estrelas de Romanía en Compostela”, que acollerá a Fundación
Caixa Galicia, permitirá un coñecemento da cultura romanesa a través das exposicións,
o teatro e a música folclórica. Ion Stan, da Asociación Puente Cultural Rumano-Gallego, unha
das entidades que patrocinan este evento, considerou que o mesmo tenta superar os tópicos mediáticos
que existen cara a comunidade romanesa e o seu país.
(Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
Brasil
Éxito da Sinfónica galega
No marco da súa xira sudamericana,
a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) deleitou aos asistentes ao seu concerto ao aire libre no parque Ibirapuera
da cidade de Sao Paulo, de 18 millóns de habitantes. A OSG interpretou pezas do folclore galego e español. (Fonte: La Voz de Galicia).
Marítima
Asinado convenio con Australia
O presidente de Navantia, Juan Pedro Gómez
Jaén, asinou en Ferrol cun representante do Goberno e a Mariña de Australia o contrato para a construción
de dous buques estratéxicos que contará tamén coa participación dos estaleiros da firma
Tenix, socia australiana de Navantia. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Portugal
Colaboración entre Vigo e Albufeira
O concello de Vigo e a localidade portuguesa
de Albufeira, na rexión do Algarve, establecerán un protocolo de colaboración para a promoción
turística de ambas cidades, trala primeira reunión mantida en Vigo entre o tenente de alcalde, Santiago
Domínguez, e representantes municipais da cidade portuguesa.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 08/10/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
“Aeroporto urbano” para O Burgo
A Asociación de veciños
da localidade coruñesa de O Burgo pediulle á Comisión Europea a declaración de Alvedro
como “aeroporto urbano”, que permita a diminución na emisión de ruído e cambios no seu funcionamento.
En Europa só existen catro aeroportos con esa condición: Belfast, Londres, Estocolmo e Berlín. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Academia da lingua portuguesa
A Associação de Amizade
Galiza-Portugal espera formalizar no 2008 a creación da Academia Galega de Lingua Portuguesa, coa finalidade
de participar como ente institucional na subscrición dos convenios sobre lingua e cultura galaico-portuguesa.
En materia de educación escolar de idiomas, o portugués ocupa a quinta posición tralo inglés,
francés, alemán e italiano.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Pierre Schori en “Pobre Mundo Rico”
O director xeral da Fundación das
Relacións Internacionais e o Diálogo Exterior (FRIDE), Pierre Schori, analizou en Vigo as misións
de paz da ONU, especialmente en Coté d´Ivôire, durante o simposio internacional “Pobre Mundo
Rico” que organiza o Clube Internacional de Prensa de Santiago. Schori dirixiu unha misión de paz de 10.000
efectivos neste país africano. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Arxentina
Voz e voto para a emigración
Na súa visita a Arxentina, o presidente
da Xunta Emilio Pérez Touriño, prometeu que antes de finalizar 2007, se realizará a reforma
do Código Civil que permitirá a 150.000 netos de emigrantes conseguir a cidadanía antes das
eleccións xerais de marzo de 2008, co cal se elevaría a 465.000 persoas o número de electores
no exterior no censo de residentes ausentes.
(Fonte: La Voz de Galicia, www.vieiros. com e www.xornal.com).
Venezuela
Convenio pesqueiro
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos,
Carmen Gallego Calvar, e o presidente da Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Acuicultura
(FIDAES) do Estado de Sucre (Venezuela), César Graziani, asinaron en Santiago un protocolo de colaboración
para a transferencia de tecnoloxía no ámbito pesqueiro e acuícola, destinado ao intercambio,
capacitación, inversión e transferencia de tecnoloxía no ámbito pesqueiro e acuícola,
así como para o uso racional dos recursos mariños e o desenvolvemento das industrias auxiliares relacionadas
coa pesca. (Fonte: www.xornal.com).
Xapón
Unha galega no concurso “Worldskills”
A Consellería de Educación
e Ordenación Universitaria colaborará na formación da estudante galega de hostalaría
María Puga, alumna do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP), que competirá en Xapón
no concurso "Worldskills". A finalidade deste concurso é promover as competencias profesionais
no marco da Formación Profesional a escala mundial.
(Fonte: Galicia Hoxe).
Sáhara
Ana Miranda coa causa saharauí
Ana Miranda, membro do Consello Nacional
do BNG e vicepresidenta da Alianza Libre Europea, intervirá no Comité de Descolonización da
Organización das Nacións Unidas, convidada pola Federación Estatal de Institucións
Solidarias co Pobo Sahariano, para intervir na comisión referente a esta nación africana. (Fonte: Galiza Nación).
 |
| 07/10/2007 |
 |
Arxentina
Inaugurada a Delegación da Xunta
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, inaugurou en Bos Aires a primeira Delegación do Goberno Galego no Exterior, dependente da
secretaría xeral de Relacións Exteriores da Xunta, que estará a cargo de María Xosé
Porteiro. Na inauguración da súa sede, localizada nunha zoa de negocios da capital arxentina, estiveron
presentes a Primeira Dama arxentina e candidata presidencial Cristina Fernández de Kichner, o embaixador
español Rafael Estrella e un nutrido grupo de representantes da emigración galega. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Preparando o bicentenario americano
Poucas horas antes de inaugurar a delegación
exterior da Xunta, o presidente Touriño reuniuse co vicepresidente arxentino Oswaldo Scioli, con quen abordou
a posibilidade de que a celebración do bicentenario da independencia dos países latinoamericanos
tivese algunha proxección na Cidade da Cultura de Santiago.
(Fonte: El Correo Gallego).
EEUU
Eloxian a Ribeira Sacra
A denominación de orixe Ribeira
Sacra participou por vez primeira no Great Match Wines&Tapas de Nova York, presentada polo xornalista estadounidense
Gerry Dawes, recibindo diversos comentarios eloxiosos.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 06/10/2007 |
 |
Arxentina
Transparencia na Delegación
No marco do seu primeiro día de
visita a Bos Aires, e durante a súa reunión co ministro arxentino de Interior, Aníbal Fernández,
o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, defendeu a primeira oficina da Delegación do
Goberno galego no exterior ante as críticas vertidas polo PP, asegurando a transparencia da mesma. Aproveitando
esta visita, o PP esixiulle a Touriño que presentara unha desculpa á emigración por considerar
que se esqueceu dela no derradeiro Debate sobre o Estado da Autonomía. (Fonte: El Correo Gallego).
EEUU
Santiago promoverá o seu turismo
Representantes do concello santiagués
estiveron coa tenente de alcalde de Chicago, Lord Healey, para promover as cidades pertencentes ao Grupo de Cidades
Patrimonio da Humanidade, no que se atopa a capital galega.
(Fonte: El Correo Gallego).
Brasil
Ruta portuaria da diáspora
A diáspora galega na cidade brasileira
de Santos promove xunto a empresarios locais a creación dunha ruta marítima regular transoceánica
entre Galicia e Brasil, que permita dinamizar as relacións comerciais e de transportes. Esta iniciativa
presentouse durante o IV Simposio Internacional de Xestión de Negocios en Ambiente Portuario, celebrado
nesta localidade brasileira, na que participaron empresarios e figuras institucionais brasileiras e galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
Nicaragua
Convenio pesqueiro
O consello da Xunta aprobou o convenio
de colaboración subscrito entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e o Instituto Nicaragüense
da Pesca e Acuicultura (IMPESCA), co fin de levar a cabo un reforzo da estrutura produtiva pesqueira do país
e favorecendo o seu desenvolvemento non dependente. Con este fin, o Goberno galego destinará 36.000 euros
para potenciar os recursos humanos e materiais na illa de Ometepe, beneficiando a 150 pescadores. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 05/10/2007 |
 |
Marítima
Buques de guerra para Australia
A empresa pública Navantia e o
goberno de Australia asinaron un contrato para a fabricación de tres destrutores. O estaleiro ofrecerá
o deseño e a asistencia técnica en colaboración co estaleiro australiano ASC. O contrato reportaralle
285 millóns de euros a Navantia, ademais dunha carga de traballo estimada en 800.000 horas. Segundo un comunicado
da propia empresa, o goberno de Australia seleccionou o proxecto que considerou con mellor calidade-prezo, descartando
o da estadounidense Gibbs&Cox. (Fonte:
www.vieiros.com).
Galicia
Rapaces nas ondas
O colectivo galego “Ponte nas Ondas” participou
no terceiro encontro de comunicación escolar promovido polo colectivo colombiano Asociación Internacional
de Radios Educativas, xunto a Arxentina e Chile, como propulsor do papel activo dos rapaces fronte á resolución
de conflitos e a posta en común dos diferentes puntos de vista diante dos problemas sociais. (Fonte: www.vieiros.com).
Galicia
Prevención cardiovascular dende
Narón
Durante dez anos, o concello de Narón
estará sometido a un estudo epidemiológixo para previr enfermidades cardiovasculares, dentro dun
programa internacional que integrará xunto a cidades de Canadá e EEUU. Este estudo foi presentado
pola Consellería de Sanidade como “o proxecto máis ambicioso que se vai a levar a cabo en Galicia
en prevención cardiovascular”. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Arxentina
Touriño inaugurará a Delegación
Exterior
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, iniciou a súa viaxe a Arxentina e Uruguai, onde inaugurará en Bos Aires a primeira
Delegación Exterior da Xunta, que estará dirixida por María Xosé Porteiro. Touriño
tamén manterá contactos con personalidades do goberno arxentino por mor da conmemoración do
centenario do Centro Gallego bonaerense e nun encontro con empresarios galegos. En Montevideo, se entrevistará
co presidente uruguaio Tabaré Vázquez.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Asesoría xurídica en Ferrol
A concellería de Benestar Social
de Ferrol anunciou a contratación dun servizo de asesoría xurídica externa para inmigrantes
e retornados, co obxectivo de facilitar a tramitación de documentos e a súa legalización. (Fonte: La Voz de Galicia).
EEUU
Promoción cultura e turística
galega
O director xeral de Turismo da Xunta,
Rubén Lois González; o concelleiro de Cultura, Néstor Rego; e o presidente da Asociación
Actus, Francisco Luengo, presentaron os proxectos conxuntos coa Consellería de Innovación e Industria
e o Concello de Santiago, para desenvolver en EEUU un programa de promoción da cultura galega e a Galicia
como destino turístico. Esta delegación visitará Nova York, Washington e Virxinia, onde inaugurará
unha mostra fotográfica sobre a Ruta Xacobea e participará no simposio “Os estudos sobre Galiza e
a cultura galega en Norteamérica”. Tamén se ofrecerá un concerto do Orfeón Terra Nostra
e a Capela Compostelán na Basilica of the National of the Inmaculate Conception da capital estadounidense. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 04/10/2007 |
 |
EEUU
Cátedra de profesor da USC
O catedrático da USC e membro da
Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto, impartirá a Cátedra Miguel Delibes
na City University de Nova York, cun curso titulado “Imaxes da cidade. Poesía e cinema, de Whitman a Lorca”. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Seminario Internacional de Turismo Rural
Unhas catrocentas persoas de países
europeos e americanos participan en Santiago no I Seminario Internacional de Turismo Rural, baixo o epígrafe
“Realidade e Perspectivas nos espazos rurais”.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Pesca
Sede para axencia de Vigo
Segundo informou o secretario xeral de
Pesca Marítima, Juan Martín Fragueiro, o antigo edificio de Odriozola, na avenida García Barbón
de Vigo, será a sede provisional da Axencia Comunitaria para o Control da Pesca a partir de abril de 2008,
ata o seu posterior traslado á base da Comandancia da Mariña, na rúa Areal. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 03/10/2007 |
 |
Galicia
Matriculados portugueses na USC
Para o curso 2007-2008, na facultade de
Medicina da USC, dun total de 300 alumnos, 50 deles proveñen de Portugal, tras superar unha dobre selectividade
tanto no seu país como en Galicia. O seu ingreso forma parte do novo recoñecemento mutuo dos sistemas
de acceso á universidade nos países da UE.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Intercambio estudantil con Alemaña
O departamento de idioma alemán
do instituto santiagués Peleteiro realizou un intercambio estudantil co centro educativo Carl-Benz-Gymnasium,
de Ladenburg. A visita dos alumnos alemáns á capital galega é consecuencia da visita dos alumnos
galegos do Peleteiro en maio pasado a esta cidade alemá.
(Fonte: El Correo Gallego).
Cultura
Homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro
Nolla
A Asociación Galega de Profesionais
da Tradución e Interpretación (AGPTI), a conselleira de Cultura e Deporta, Ánxela Bugallo,
e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, realizaron en Santiago
unha homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro Nolla, membro do consello asesor do IGADI, quen foi a primeira persoa
en realizar traducións do chinés ao galego e viceversa. Barreiro-Nolla, nado en Ferrol en 1931 e
radicado en Londres desde 1963, é licenciado en Dereito pola USC e Bachelor Administration en Lingua e Literatura
Chinesas pola Polytechnic of Central London. Foi redactor, realizador e locutor dos Servizos Exteriores da BBC,
xefe dos Servizos de Tradución da Organización Internacional do Café e profesor de tradución
nas universidades de Westminster e Thames Valley.
(Fonte: www.vieiros.com).
Fondo Galego de Cooperación
Elixida nova directiva
A Asemblea Xer |