Diario Exterior / setembro de 2007

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/09/2007
Galicia
400 alumnos estranxeiros na UDC
A Universidade de A Coruña recibirá no curso 2007-2008 a 400 alumnos estranxeiros, segundo cifras do seu departamento de Relacións Internacionais, por 335 do curso anterior. A gran maioría destes alumnos proceden do programa Erasmus. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
As claves do empresario galego
O profesor de Dirección Estratéxica no Instituto de Empresas, Pascual Montañés, destacou a “axilidade e flexibilidade” do empresariado galego como ferramentas para propiciar diferentes estratexias de internacionalización da empresa galega. (Fonte: El Correo Gallego).

Cabo Verde
Protagonista de Galeguia
Cabo Verde será no 2007 o protagonista das xornadas Galeguia, organizadas pola Fundación Via Galego para achegar cada ano ao público de Galicia un país de fala galego-portuguesa. O turismo, a pesca e a cultura serán os eixos temáticos sobre os que xirarán as actividades preparadas para esta primeira edición de Galeguia, que se celebrará en outubro, nas cidades de Santiago, A Coruña e Vigo. A información foi subministrada por Susana Romero, vicepresidenta da Fundación Via Galego, o escritor Xavier Alcalá, patrón da mesma, e Ângelo Gonçalves, director de actividades. (Fonte: Galiza Nación).
29/09/2007
Galicia
Alumnos de Asia Central
O novo curso universitario da USC contará por vez primeira con tres alumnos da república centroasiática ex soviética de Kirguizistán, Tadxiquistán e Uzbequistán, no marco do programa “Erasmus Mundus External Cooperation Window”, impulsado pola Comisión Europea. Un total de doce alumnos destes tres países estudarán no curso 2007-2008, que se engadirán aos 1.700 alumnos de Asia, Australia, Oriente Medio, África, América Latina e Europa, como parte dos intercambios universitarios con que conta a USC no exterior. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Adopcións caninas dende Holanda
A ONG holandesa “SOS Strays” adoptou cinco cans do refuxio santiagués de Bando, nun intento por ampliar as vías de colaboración con outras asociacións defensoras de animais na UE. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Pedirán aumento da cota láctea
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, anunciou que a Xunta pedirá a Bruxelas un aumento da cota láctea a partir do 2008, para corrixir o déficit de produción galega. A Xunta demanda que a UE revise o actual sistema e que prime a función social das explotacións. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Urbanización en Dubai
O estudo de arquitectura e urbanismo A-Cero de A Coruña resultou gañador dun concurso internacional de ideas para a construción dunha urbanización residencial de luxo en Madinat Al Araba, na costa de Dubai, incluíndo a construción de dúas torres de cincuenta plantas. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/09/2007
Venezuela
Farruco Sesto en Galicia
O ministro do Poder Popular para a Cultura da República Bolivariana de Venezuela, Francisco “Farruco” Sesto Novás, estivo de visita en Galicia, para participar nos V Encontros “América Latina e o futuro” da Fundación Carlos Casares en Mondariz-Balneario, así como para entrevistarse en Santiago coa conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo. (Fonte: www.vieiros.com).

Eixo Atlántico
Cátedra da Eurorrexión
O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, e o director de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, presentaron a cátedra da eurorrexión, un proxecto que espera contar co apoio do Parlamento galego para crear un programa oficial de posgrao de políticas comunitarias e cooperación territorial. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
Narf triúnfa en Inglaterra
O cantautor galego Narf presentou a súa música en Newcastle, Londres e Brighton, con interesantes actuacións que amosaron a súa nova produción musical. (Fonte: www.vieiros.com).

Emigración
Novo director en Galicia Emigración
A xerencia da Fundación Galicia Emigración terá novo responsable, a partir de outubro. Será Juan Carlos Pérez Santiago, de 42 anos, licenciado en Ciencias da Educación pola UNED. A súa carreira profesional tense desenvolvido no ámbito dos servizos sociais, acreditando unha dilatada experiencia en distintos postos de responsabilidade en Cruz Vermella Española. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Marín recibirá Fondos Feder
A Autoridade Portuaria de Marín contará para o período 2007-2001 co maior presuposto da súa historia, 48 millóns de euros, en gran medida grazas á achega dos Fondos Feder da UE, cun incremento do 50% das subvencións comunitarias, para acometer obras de ampliación do porto. (Fonte: La Voz de Galicia).

EEUU
Villares ditará conferencia en Nova York
O catedrático de Historia Contemporánea da USC e presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, pronunciará na universidade de Nova York unha conferencia sobre “A Galicia de Emilio González López (1903-1936)”, figura da Segunda República e exiliado en EEUU a partir de 1939, país onde desenvolveu unha importante labor docente e investigadora. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Filosofía tibetana en Milladoiro
O concello de Ames recibiu ao director espiritual Lama Gueshe Tenzing Tamding, quen impartirá conferencias sobre filosofía tibetana. Discípulo do Dalai Lama, Tamding foi director de centros budistas en Xapón, Singapur, Taiwán, EEUU e España. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/09/2007
Inmigrantes
Camariñas ofrece apoio escolar
O departamento de Servizos Sociais do concello de Camariñas creará un programa de apoio escolar para nenos inmigrantes e emigrantes retornados, así como outras actividades culturais, dirixidos a fortalecer a integración social destes colectivos. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
A necesidade de “aprender China”
O ex cónsul de España en Shanghai, o vigués Alejandro Alvargonzález, ofreceu a conferencia “Aprender China” na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago, na que avogou por crear un “lobby” empresarial e político español e galego neste país asiático, especialmente destinado á ensinanza da lingua e a cultura chinesas como factor de comprensión do mercado deste país. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Rede lusófona de mulleres
A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, reuniuse en Santiago con 15 mulleres con responsabilidades de goberno, investigadoras e activistas no eido medioambiental da área lusófona, especificamente de Brasil, Mozambique, Cabo Verde e Portugal, coas que debateu a posta en marcha dunha Rede de Mulleres na Lusofonía. A Rede tería por obxecto intercambiar experiencias sobre o empoderamento das mulleres, a súa contribución no eido medioambiental e avaliar o alcance do mainstreaming nas políticas públicas. (Fonte: Galiza Nación).

Unión Europea-Galicia
O galego aínda non é oficial
O BNG denunciou no Parlamento europeo que a lingua galega aínda non é oficial xa que nesta institución comunitaria se impide que as linguas galega, basca e catalá poidan ser usadas polos eurodeputados e eurodeputadas de Galicia, Euskadi e Cataluña, amparándose na cooficialidade das nosas linguas nos respectivos países. Esta reivindicación, defendida polo BNG dende 1999 coa súa entrada na Eurocámara, vese apoiada pola coalición Galeuscat. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Fondos FEDER para o porto ferrolán
A Unión Europea destinará nove millóns de euros máis do previsto inicialmente para financiar con fondos FEDER as obras de ampliación do porto exterior de Ferrol en Cabo Prioriño, tal e como explicou o seu presidente, Amable Dopico. (Fonte: La Voz de Galicia).

Uruguai
Galicia participa na Feira do Libro de Montevideo
A Consellería de Cultura da Xunta e o Padroado da Cultura Galega participarán en Montevideo por vez primeira en representación de Galicia na 30 edición da Feira Internacional do Libro de Uruguai a comezos de outubro. Galicia será o único país non americano con stand propio, onde se presentarán as últimas obras editoriais galegas, realizándose unha lectura pública das obras de Castelao. (Fonte: Galicia Hoxe).
26/09/2007
Galicia
América Latina e o futuro
A Fundación Carlos Casares celebrou en Mondariz os seus V Encontros no que se debateu o tema “América Latina e o futuro”. Nestes encontros participaron o ministro de Cultura de Venezuela, Francisco “Farruco” Sesto, a investigadora chiapaneca Araceli Burguete Cal y Mayor, os politólogos galegos Carlos Taibo e Ramón Maiz, o investigador Carlos Malamud, o analista do IGADI Roberto Mansilla Blanco e o politólogo arxentino Marcelo Cavarrozi Mouriño. (Fonte: www.igadi.org).

Venezuela
Técnico galego en Cooperación
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse con representantes das Comunidades Galegas en Venezuela, na sede da Irmandade Galega en Caracas, onde anunciou os proxectos de cooperación dende Galicia para países de renda media como Venezuela, Uruguai e Arxentina, previstos no I Plan Director de Cooperación Galega 2006-2009. Neste sentido, Sotelo anunciou a contratación dun técnico que traballará na Oficina da Axencia Española de Cooperación Internacional en Caracas, que estará ao servizo da Cooperación Galega. (Fonte: www.xornal.com).

Portugal
Cuestionan o AVE Vigo-Porto
A secretaria de Estado de Transportes de Portugal, Ana Paula Vitorino, realizou no parlamento portugués un chamamento ás forzas políticas e sociais do seu país para que acepten reducir o nivel de esixencia respecto ás prestacións do AVE que unirá a Porto con Vigo, para que finalmente se realice a 250 km/h e combinado coa utilización de pasaxeiros e mercancías, por considerar que sería mais beneficioso financeiramente, e non a 350 km/h como estaba contemplado. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura
Sinfónica galega a América do Sur
A xira sudamericana da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) incluirá Arxentina, Brasil, Uruguai e Chile, e realizará un concerto na maior favela da cidade brasileira de Heliópolis. (Fonte: El Correo Gallego).
25/09/2007
Galicia
O galego para os estudantes estranxeiros
Alumnos galegos axudarán aos estudantes estranxeiros dos distintos programas de intercambio nos que participa a USC (Erasmus, Séneca, intercambios bilaterais...) a integrarse na lingua e cultura galegas, grazas ao Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE), como parte dunha iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
Santiago, referencia chinesa
Once xornalistas da China International Radio visitaron a capita galega para reunirse co concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e coñecer a política turística santiaguesa. Os xornalistas confirmaron que Compostela é un dos destinos máis atractivos do mercado español para China. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Imposto afecta a profesionais galegos
O novo imposto de matriculación portugués que entrou en vigor en xullo pasado que obriga a todas as persoas que traballan nese país a circular cos seus automóbiles con placas portuguesas, con sancións entre 300 e 400 euros, afectou a uns trinta vehículos de profesionais galegos da medicina que cruzan a fronteira diariamente con placas españolas, multados pola Brigada Fiscal da Garda Nacional Republicana portuguesa. A denuncia foi realizada pola Asociación de Profesionais Españois da Saúde en Portugal (APSEP), presidida polo galego Xoán Xosé Gómez. (Fonte: La Voz de Galicia).
24/09/2007
Arxentina
Unha directora para a primeira delegación da Xunta
A deputada socialista viguesa María Xosé Porteiro será encargada de dirixir a nova delegación da Xunta na Arxentina, que comezará a funcionar o próximo 5 de outubro. Porteiro será designada delegada no próximo Consello da Xunta e terá un rango similar ao de subdirectora xeral, dependente da secretaría xeral de Relacións Exteriores que ocupará Julio Fernández Mato a partir do 1 de outubro. O seu nomeamento provocou protestas no PPdG, por parte do seu voceiro de Emigración, José Manuel Castelao Bragaña, por considerar que constitúe “un novo paso do Executivo galego para tratar de manipular á emigración galega en busca de réditos políticos”. (Fonte: La Voz de Galicia e www.xornal.com).

Siria
Equipo galego descobre civilización antiga
O Equipo do Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio (PAMES) impulsado pola Universidade de A Coruña, descubriu o xacemento Tall Humeida neste país árabe, cun asentamento que data de 4.500 anos antes de Cristo, pertencente á civilización de Obeid. Este descubrimento está preto do asentamento urbano da civilización mesopotámica Uruk, de 3.500 anos a.d.C, descuberto por este mesmo equipo galego no 2006. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
I Congreso lusófono de educación ambiental
Santiago acolleu a máis de 400 expertos de Angola, Guinea Bissau, Mozambique, Brasil, Timor Leste, Santo Tomé e Príncipe, Cabo Verde e Portugal que participaron no I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia, co obxectivo de sentar as bases dunha cooperación internacional en áreas como o turismo, o cambio climático, a xestión ambiental municipal ou a conservación da biodiversidade. (Fonte: Galiza Nación).
23/09/2007
Galicia
Irmanamento entre Monforte e Nápoles
O concello de Monforte de Lemos iniciou os trámites para levar a cabo o seu irmanamento coa localidade de Cabe, pertencente á cidade italiana de Nápoles.
O rexedor do BNG, Severino Rodríguez, considerou que entre Monforte e Nápoles existen vínculos culturais desde o século XVII. Monforte só tiña un irmanamento coa localidade de Mhabes, localizada no campo de refuxiados saharauís de Tinduf (Alxeria).
(Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Galicia, referente mundial na xenómica
Con dez anos de funcionamento, a Fundación Pública Galega de Xenómica, dependente da Consellería de Sanidade, converteuse nun centro mundial de referencia para a detección de enfermidades de base xenética, con 250 tipos de patoloxías. Os principais interesados en seguir os coñecementos deste centro son hospitais de países europeos, EEUU e Australia. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/09/2007
Galicia
Xaponés gaña premio compostelán
O escritor Kazuo Ishiguro visitará Compostela para recibir o premio Novela Europea “Casino de Santiago”, pola súa obra “Nunca me abandones”, que será traducida ao galego. Ishiguro recibirá o premio nun acto que contará coa participación do edil de Cultura do concello santiagués, Néstor Rego, o director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, e a directiva do Casino. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Visita escolar a Irlanda
Un total de 26 alumnos do instituto “Rosalía de Castro” de Santiago estarán en Irlanda durante tres semanas para propiciar un maior coñecemento da lingua inglesa, experiencia que espera repetirse con institutos de Francia e Alemaña. (Fonte: El Correo Gallego).

Fondo Galego de Cooperación
Noia coa paz mundial
O concello de Noia celebrou o Día Mundial da Paz cunha serie de actos que contou coa presentación da exposición “A Paz, cuestión de fondo”, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. (Fonte: El Correo Gallego).
21/09/2007
Diáspora
Estudo para o voto en urna
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que se presentará ante o Consello da Cidadanía Española no Exterior un estudo técnico e lexislativo para iniciar a reforma que permitirá implantar definitivamente o voto de urna no exterior. Touriño tamén anunciou a presentación dos proxectos de Lei de Galeguidade e da creación dun Consello da Galicia Exterior. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Emigrantes piden voto en urna
Ramiro Vieito, do Centro Galego de Nüremberg (Alemaña) e Luis Couto, da Hermandad Gallega de Venezuela, compareceron ante a Comisión parlamentaria de Emigración, para reivindicar a implantación do sistema de voto en urna nos consulados, tal e como prometera o goberno estatal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
“Europa é o camiño empresarial galego”
O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Santiago Gómez-Reino, rexeitou o hipotético cambio de estratexia de acción exterior cara América Latina, explicando que “os intereses empresariais galegos están en Europa, en Portugal, no resto de España e no marco económico da UE”, explicando que no 2006, apenas un 3% das exportacións galegas foron a América Latina. Gómez-Reino, quen deixará o seu cargo a finais de setembro, será substituído por Julio Fernández Mato, diplomático que exercía na embaixada española en Brasil. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
Navantia amplía mercados
Tras subscribir un convenio con Australia, considerado o pedido máis grande na historia dos estaleiros públicos militares en España, a empresa Navantia e a súa factoría en Ferrol orientan a súa expansión exterior con novos contratos cara países como África do Sur, Grecia, Malaisia e Turquía. (Fonte: La Voz de Galicia).

Palestina
Noia recibiu a delegado da OLP
O grupo comarcal do BNG en Noia organizou unha charla-coloquio na que participou un representante da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), Mohammed Safa, para explicar a situación actual do pobo palestino. (Fonte: El Correo Gallego).

China
Irmanamento entre murallas
O próximo 6 de outubro, Lugo celebrará o “Día de China”, dentro dun irmanamento simbólico entre a muralla romana lucense e a Muralla chinesa, a través da localidade de Qinhuangdao. O embaixador chinés en España, Qiu Xiaoqi, e o seu conselleiro cultural, Zhuang Lixiao, certificarán o irmanamento coa súa presenza. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
En chinés e xaponés
A Escola Oficial de Idiomas de Vigo ampliou a súa oferta de idiomas coa implantación do chinés e xaponés, que se engade ao alemán, árabe, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, galego e español como linguas estranxeiras. (Fonte: La Voz de Galicia).
20/09/2007
Unión Europea-Galicia
Autorizan comercialización de Yondelis
A Comisión Europea decidiu outorgar a autorización para que PharmaMar, biofarmacéutica do Grupo Zeltia, poida comercializar nos 27 países da UE, o fármaco Yondelis para o tratamento do sarcoma nos tecidos brandos. Esta autorización chega dous meses despois da súa aprobación polo comité da Axencia Europea do Medicamento (EMEA) e o comezo da súa comercialización en Reino Unido e Alemaña. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
A USC impulsa a cooperación internacional
O Grupo Compostela de Universidades celebrou unha asemblea xeral na que se aprobou a colaboración en cooperación, mobilidade e proxectos conxuntos entre as 24 universidades estranxeiras que pertencen a esta entidade. Nesta asemblea deuse o traspaso de poder do actual presidente Michael Cooper a favor de Maurits van Rooijen, da universidade de Westminster. (Fonte: El Correo Gallego).

Cooperación
Financiamento para proxectos no exterior
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior adxudicou 5.170.454 euros ao financiamento de 83 proxectos de cooperación no exterior e de sensibilización e fortalecemento, cun incremento do 20% con respecto ao 2006. O obxectivo destas axudas, que beneficiarán de forma directa e indirecta a máis dun millón de persoas, é contribuír ao desenvolvemento integral e a mellora das condicións de vida de distintos países de África, Centroamérica e América do Sur. Neste sentido, a Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse coa presidenta da organización Movimiento por la Paz, Francisca Sauquillo, para estudar a posibilidade de abrir novas vías de cooperación, principalmente en Cuba e Senegal. (Fonte: www.xornal.com).

Inmigración
Pontevedra lidera os alumnos estranxeiros
A provincia de Pontevedra encabeza a lista de escolares inmigrantes en Galicia, con 41% do seu alumnado, segundo o informe sobre o estado do sistema educativo en Galicia presentado en Santiago pola vicepresidente do Consello Escolar, Milagros Blanco Pardo. Vigo é a cidade galega con maiores inmigrantes nas súas escolas, con 1.206 rapaces, seguida de Pontevedra (410), Vilagarcia de Arousa (188), e Marín, Redondela, O Porriño e Tui, cun centenar. A maioría dos inmigrantes proceden de Colombia (1.230), Arxentina (1.118), Uruguai, Venezuela e Brasil, así como de países europeos como Portugal e Suíza, Marrocos e outros países africanos e China. (Fonte: La Voz de Galicia).

Uruguai
Galicia na feira internacional do Libro
Entre finais de setembro e comezos de outubro se celebrará en Montevideo a trixésima edición da Feira Internacional do Libro de Uruguai, na que Galicia será o único país non americano, xunto a Rusia, que disporá dun espazo propio para a súa produción editorial. (Fonte: Galiza Nación).
19/09/2007
Nicaragua
“Día Solidario” de Fenosa
A empresa eléctrica de capital galego Fenosa anunciou unha convocatoria de subvencións a asociacións, entidades e institucións educativas, denominada “Día Solidario”, para realizar proxectos sociais e educativos en Nicaragua en 2008. O límite do fondo destinado será de 300.000 dólares. (Fonte: www.xornal.com).

México
Expourense na feira de Guadalajara
A entidade turística ourensán presentou no marco da Feira Internacional Gastronómica de Guadalajara, no estado de Jalisco, México, a novena edición de “Xantar. Salón de Gastronomía e Turismo”, que se celebrará entre febreiro e marzo de 2008. O director de Xantar, Alejandro Rubín, e o xefe de prensa de Turgalicia, Xosé Manuel Merelles, realizaron o acto de presentación. (Fonte: La Voz de Galicia).

Alemaña
Galicia no festival Popkomm
Cinco grupos e sete empresas do sector musical galego se presentarán a finais de setembro no festival Popkomm de Berlín, baixo a marca “Galician Tunes”, promovida pola Consellería de Cultura e o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM). Os grupos que actuarán son Catpeople, Lamatumbá, Faltriqueira, Berrogüeto e Delux, mentres as sete empresas que buscarán contactos musicais son A Fábrica de Chocolate, Abada, Berrogüetto Producións, Falcatruada, Kamikaze, Nordesía, Promocións Sen Fronteiras e Zouma. (Fonte: Galiza Nación).

Uruguai
Touriño reunirase con Tabaré
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, foi invitado a unha recepción no Palacio Real de Madrid, en honor ao presidente uruguaio Tabaré Vázquez, de visita en España. Tabaré iniciou unha visita para tratar asuntos como as relacións bilaterais e as negociacións sobre o acordo de libre comercio entre a Unión Europea e o MERCOSUR. (Fonte: El Correo Gallego).

Suíza
Caixanova abre sede para a diáspora
O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, inaugurou unha nova sede da entidade financeira galega en Xenebra, no mesmo edificio onde funciona o Consello de Europa e a chancelería do Estado de Xenebra. Esta sede estará orientada a ofrecer os seus servizos á diáspora galega no país helvético. Caixanova xa conta cunha oficina en Zürich, e os seus clientes neste país ascenden a máis de 4.000 persoas, un 40% do total dos clientes que posúe en Europa. (Fonte: El Correo Gallego).
18/09/2007
Economía
Impulso económico galego
O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), José Ramón Fernández Antonio, salientou o importante nivel de internacionalización da economía galega, a quinta máis exportadora a nivel estatal, cun peso do 9,3% do comercio exterior español. No primeiro semestre de 2007, as exportacións galegas creceron un 20%, ao tempo que anunciou a participación galega nas feiras de Sial China (Shanghai), BioBoston (Estados Unidos) e Enerxías Renovables (Alemaña), como parte do proceso de internacionalización da empresa galega. (Fonte: www.xornal.com).

Marítima
Listos contratos con Australia
O goberno australiano anunciou a súa disposición de asinar dous contratos coa empresa Navantia para o deseño e construción nos estaleiros de Ferrol de dous Buques de Proxección Estratéxica e tres fragatas F-100. Ambos pedidos supoñen investimentos por valor de 1.200 millóns de euros, o maior encargo realizado nos estaleiros militares españois. (Fonte: La Voz de Galicia).
17/09/2007
República Dominicana
Un galego impulsa a zona franca dominicana
O empresario galego Mario Pérez, presidente do Australia Investment Group e embaixador honorífico do goberno dominicano, impulsa un proxecto industrial na bahía de Ocoa, provincia de Azua de Compostela, a cen km. da capital Santo Domingo. Nesta zona de 20 millóns de m2 se construirá para o 2008 un novo porto comercial e unha zoa franca, que permitirá a creación de 30.000 empregos e fará de Azua de Compostela un importante centro comercial cara os mercados de EEUU, América Central, o Caribe, Taiwán e Europa. Pérez declarou a súa intención de facer de Galicia unha porta de entrada comercial para Europa, República Dominicana e EEUU, mentres activa unha serie de convenios coa USC e outras universidades para a capacitación profesional da poboación local. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Galicia no cumio da mocidade
O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, participou en Lisboa no SPOT, Feira da Xuventude, ao abeiro do Cumio da Xuventude organizado en Portugal, en calidade de presidente da Comisión Europea. Arroupados por máis dun milleiro de mozos e mozas de varios países europeos, os 27 directores de Xuventude de varios países trataron da importancia de potenciar o voluntariado por parte da mocidade europea. (Fonte: www.xornal.com).

Deporte-China
Gómez Noia asegura o campionato
O vixente campión da Copa do Mundo de tríatlon, o galego Javier Gómez Noia, revalidou o seu título ao vencer na proba celebrada no circuíto olímpico de Beijing, proba na que outro talento galego do tríatlon, Iván Raña, chegou en sexto lugar. (Fonte: Galiza Nación).
16/09/2007
Portugal
Irmanamento con Negreira
Unha delegación oficial da localidade portuguesa de Serzedo visitou esta vila coruñesa, coa finalidade de concretar un proceso de irmanamento conxunto e visitar a rúa que se dedicará a Serzedo na vila galega. (Fonte: El Correo Gallego).
15/09/2007
Inmigración
Aumenta o alumnado estranxeiro
Segundo a consellería de Educación, o inicio do ano escolar 2007-2008 en Galicia rexistrou un 11% de alumnado inmigrante, en total 11.685 alumnos, dos cales 6.500 mozos se incorporan á educación infantil e primaria. Pola orde de procedencia, América Latina ocupa o primeiro lugar, con pouco máis de cinco mil alumnos, seguido da Unión Europea e África. (Fonte: La Voz de Galicia).
14/09/2007
Xapón
Galicia na feira turística de Toquio
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, acompañado do director xeral de Turismo, Rubén Lois, e do xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, visitaron a Feira Internacional do Turismo de JATA, a principal feira turística do Xapón, organizada pola Japan Association of Travel Agents. Galicia presentouse cunha oferta individualizada, dentro do recinto reservado de Turespaña, con dous stands que informaron integramente sobre o Camiño de Santiago e a súa oferta turística asociada. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Comisión para vixiar os fondos
O Consello da Xunta aprobou a creación dunha Comisión de Coordinación de Fondos Comunitarios como instrumento para que a Xunta coordine os fondos estruturais e sectoriais da UE, atendendo ao esixido polo Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia 2007-2013. Esta comisión, que velará pola coherencia dos fondos coas actividades e políticas da UE e os instrumentos financeiros da Xunta, terá carácter consultivo e dependerá da consellería de Economía e Facenda, contando con membros das consellerías de Medio Rural, Traballo e Pesca. (Fonte: www.vieiros.com).

Pesca
Estonia se interesa pola pesca galega
Unha delegación gobernamental deste país báltico visitou a cofradía de Lira (Carnota), acompañados polo secretario xeral de Pesca, para coñecer os seus proxectos e os investimentos de fondos europeos en infraestruturas pesqueiras e de acuicultura. (Fonte: El Correo Gallego).

Francia
As “puntillas” de Camariñas
Unha delegación da Mostra do Encaixe de Camariñas levou a súa exposición de “puntillas” da vila de Vilán, a unha feira de cultura galega, artesanía e encaixes na cidade francesa de Toulouse. (Fonte: El Correo Gallego).
13/09/2007
Xapón
Colaboración turística con Galicia
A colaboración en materia de promoción turística centrou o encontro de traballo que o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, celebrou en Kyoto con autoridades institucionais desta cidade declarada Patrimonio da Humanidade. O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Eguíbar, foi recibido polo director da Casa da Comunidade Internacional de Kyoto e secretario xeral da Liga de Cidades Históricas do Mundo, Hisakazu Takagi. (Fonte: www.xornal.com).

Xapón
De Lugo a Xapón
No marco da visita institucional galega polo país asiático, acordouse a celebración dun congreso extraordinario en Lugo en outubro de 2008, co propósito de abordar o desenvolvemento turístico das cidades patrimoniais e monumentais recoñecidas pola ONU. Neste sentido, Galicia ofrecería aos cidadáns nipóns unha oferta turística que inclúe a Santiago e os seus camiños, así como algunhas zonas de importante patrimonio histórico. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Rexistrada a marca “Mexillón de Galicia”
A Comisión Europea anunciou a inclusión de “Mexillón de Galicia” como marca de garantía no rexistro das denominacións de orixe, tomando en conta que a transformación e elaboración dese produto se realiza na área xeográfica desa denominación. Este sector en Galicia factura 400 millóns de euros e ofrece emprego a 11.000 persoas en 3.300 bateas onde se cultiva o molusco. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Fondo para crises socioeconómicas
A secretaría xeral de Emigración abriu un fondo de 400.000 euros de axudas extraordinarias para facilitar o retorno de emigrantes de países con grandes crises socioeconómicas, cunha cantidade máxima a percibir de 2.650 euros por persoa. En principio, este fondo estaría dirixido a países iberoamericanos aínda que suxeito a unha posible ampliación. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Asesoramento xurídico e social
A mancomunidade de Ordes, en colaboración coa secretaría xeral de Emigración, iniciará un programa de asesoramento xurídico e social para inmigrantes e emigrantes retornados nos sete concellos que forman parte deste organismo: Cerceda, Ordes, Oroso, Trazo, Tordoia, Mesía e Frades. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Agrupación europea de cooperación territorial
A Deputación Provincial de Pontevedra e os concellos portugueses de Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença do Minho e Vila Nova de Cerveira constituirán a primeira Agrupación Europea de Cooperación Territorial que se forma en Galicia. Este novo organismo, que complementa ao xa formado entre estas institucións na asociación Uniminho, será posible trala reunión en Bruxelas entre o presidente da Deputación, Rafael Louzán, os representantes dos cinco concellos portugueses e o director xeral de Desenvolvemento Rexional da Comisaría de Política Rexional da UE, Dirk Ahner. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/09/2007
Xapón
A atracción turística galega
A consellería de Innovación e Industria, os responsables do Plan Xacobeo e das direccións xerais de Turismo e Industria, celebraron en Toquio unha reunión con autoridades turísticas e comerciais niponas, para promover a oferta turística, cultural, histórica, natural e gastronómica do Camiño de Santiago e de Galicia en xeral. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no 2005 Galicia rexistrou 12.312 visitantes nipóns. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
En defensa das linguas minoritarias
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística, mantivo un encontro co Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, aprobado polo Congreso dos Deputados no 2001. O Comité de Expertos proporá unha serie de medidas para conseguir que este tratado internacional se cumpra en Galicia. (Fonte: www.xornal.com).

Polonia
AFAES irá a congreso das familias
A Asociación de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais (AFAES), con sede en Narón, participará na localidade polaca de Torún, a mediados de setembro, no cuarto congreso da Federación Europea de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais, onde se debaterán as políticas sociais en Europa. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Axuda a Nicaragua
A Unidade de Emerxencia e Catástrofes (UEPAS) de Vigo, enviou entre 150 e 200 kilos de material sanitario, auga e comida de emerxencia como axuda ás vítimas do furacán de Nicaragua. Anteriormente, esta unidade enviou axuda ao Amazonas (Brasil), para un proxecto en Paquistán e para o terremoto de Perú. Nesta axuda participan as ONGs “Mano a Mano” e “Bomberos Unidos Sin Fronteras”. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/09/2007
EEUU
Premio a Lingu@net
A rede educativa estadounidense MERLOT, que inclúe tamén a Canadá, dedicada ao desenvolvemento de materiais educativos en Internet, concedeu o seu premio 2007 ao proxecto europeo Lingu@net, impulsado polo Instituto Cervantes e outras institucións europeas, para a promoción das linguas cooficiais como o galego, o euskera e o catalán. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
Fomento das linguas cooficiais
O Congreso dos Deputados aprobou, co apoio de todos os grupos parlamentarios menos o PP, unha moción na que se insta ao goberno estatal a fomentar o uso das linguas cooficiais na Unión Europea, así como promover partidas nos orzamentos xerais do Estado para a promoción do ensino en galego, catalán e euskera. Esta moción foi promovida por Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e o PSOE. (Fonte: Galiza Nación).

Europa do Leste
Vivendas para Polonia e Romanía
A construtora lucense Cinur construirá 400 vivendas en Bucarest e outras 400 en Varsovia, con investimentos superiores aos 40 millóns de euros. Só seis empresas lucenses (Cinur, Onte, Allpas, Ingapan, Las Candelas e Laboratorios Nupel) dispoñen de algunha representación comercial no exterior, principalmente en Romanía, Bulgaria, Eslovaquia, Hungría, Polonia, Portugal, Francia, Arabia Saudita, Marrocos e Cabo Verde. (Fonte: El Progreso).
10/09/2007
Unión Europea-Galicia
A necesidade de educar á cidadanía
A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, defendeu en Madrid a aplicación en Galicia, a partir do 2008, da materia “Educación para a Cidadanía”, que forma parte da estratexia educativa da UE. Sánchez Piñón, que participará nunha reunión coa presidenta do Grupo Asesor de Educación para a Cidadanía e Dereitos Humanos do Consello de Europa, a alemá Otte Reinhild, destacou que esta materia posúe un importante espazo de atención en EEUU, Canadá e Suecia. (Fonte: El Correo Gallego).
09/09/2007
Portugal
Confían no AVE para o 2013
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, e os presidente e vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, ratificaron o seu compromiso para alcanzar o tren de alta velocidade Vigo-Porto para o 2013. A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal considera que o AVE absorberá o 30% do tráfico de viaxeiros e o 15% do transporte de mercancías. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Acción social para os emigrados
A Xunta de Galicia e o Principado de Asturias subscribiron un documento de colaboración para impulsar o desenvolvemento de iniciativas que permitan optimizar recursos e mellorar as prestacións de servizos en materia de acción social para os emigrantes galegos e asturianos. Este convenio, estipulado no marco do Estatuto para a Cidadanía Española no Exterior, prevé tamén a posible colaboración da Fundación Galicia-Emigración e da Axencia Asturiana de Emigración. (Fonte: El Correo Gallego).
08/09/2007
Portugal
Un AVE para vertebrar a eurorrexión
Dende a localidade portuguesa de Vila Nova de Gaia, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño apostou por converter o tren de alta velocidade (AVE) “no instrumento mais prezado para impulsar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal” e instou a realizar unha ordenación territorial en ambos espazos fronteirizos. Touriño participou na II Universidade de Verán organizada polo Partido Socialista portugués, onde trazou determinados eixes para a eurorrexión, como o respecto medioambiental, unha redución da dependencia enerxética a través da utilización de enerxías alternativas e a cooperación aérea e portuaria. (Fonte: El Correo Gallego).

Canadá
A acuicultura para combater a sobrepesca
O ministro de Pesca e Océanos de Canadá, Loyola Hearn, destacou durante a súa visita a Santiago que a “acuicultura é unha das mellores alternativas para combater a sobrepesca” e para completar a extracción directa dos recursos mariños. Acompañado pola conselleira de Pesca, Carmen Gallego, Hearn invitou á Xunta e aos empresarios pesqueiros galegos, especialmente aqueles asentados en Vigo, a visitar a localidade canadense de Terranova, para aproveitar as súas oportunidades de negocios. (Fonte: El Correo Gallego).

Canadá
Piden a Canadá que participe en INTERREG
A conselleira de Pesca da Xunta, Carmen Gallego propuxo ao ministro canadense de Pesca e Océanos, Loyola Hearn, a participación do seu país no marco do Programa Operativo Plurianual de Cooperación Interrexional Europeo (INTERREG), así como o compromiso canadense para manter no 2008 as cotas de fletán negro nas augas da Organización de Pesca do Atlántico Noroccidental (NAFO polas súas siglas en inglés). Gallego e Hearn coincidiron no compromiso de cooperar nos ámbitos de comercialización e investigación pesqueira. (Fonte: El Correo Gallego).
07/09/2007
Economía
Fenosa entra no mercado libio
Unión Fenosa, xunto a Repsol YPF, logrou clasificarse na cuarta rolda de negociacións de bloques de depósitos para exportar gas natural en Libia. Nesta lista, a empresa española con capital galego comparte posición de investidor no mercado libio xunto ás compañías asiáticas Japan Petroleum, Mitsubishi, Korean Gas, Mitsui, Oil India Corporation, Nippon Oil Corporation, a italiana Edison, a británica Centrica e a alemá E.ON. Paralelamente, Fenosa ingresou no índice europeo do Dow Jones de sostibilidade. (Fonte: www.galiciahoxe.com e El Correo Gallego).

Galicia
Líder europeo en coches intelixentes
O conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e o director da fábrica de PSA Peugeot Citröen de Vigo, Pierre Ianni, acordaron destinar 14 millóns de euros á construción de “coches intelixentes” con caixa de cambio automática, para facer de Galicia o líder europeo neste ramo do automóbil para finais do 2009. (Fonte: El Correo Gallego).
06/09/2007
Galicia
“Pobre Mundo Rico” en Galicia
Organizado polo Clube Internacional de Prensa, o simposio internacional “Pobre Mundo Rico” arrancará o 2 de outubro en Vigo ata o 29 de novembro, facendo énfase nos problemas de pobreza e desigualdade no mundo actual. O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, declarou que espera converter a Galicia nun referente mundial na divulgación destes temas, coa presenza de mais de 80 expertos nacionais e internacionais con charlas en sete cidades galegas. O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) participará neste simposio con dous poñentes. (Fonte: El Correo Gallego e www.vieiros.com).

Pesca
Ministro canadense visita Galicia
Loyola Hearn, ministro de Pesca e Océanos de Canadá, iniciará unha visita a Galicia cunha reunión co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e a conselleira de Pesca, Carmen Gallego. Na súa posterior visita a Madrid, o representante canadense asinará coa ministra de Pesca, Elena Espinosa, un Memorando de entendemento sobre cooperación pesqueira. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Retornados prefiren Galicia
A Oficina de Retorno da dirección xeral de Emigración informou que mais da metade dos emigrantes españois interesados na posibilidade de regresar a España prefiren facelo a Galicia. Os países de orixe destes emigrantes españois que desexan regresa á nosa Comunidade son de Suíza, Holanda, Brasil, Cuba, Arxentina, México, Alemaña, Inglaterra e Francia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Escolaridade para nenos inmigrantes
Segundo un estudo sobre os colexios concertados, se sinala a “A Grande Obra de Atocha” en A Coruña, o “Zorelle” en Ourense, “Nuestra Señora del Remedio” en Santiago e “La Milagrosa” en Lugo, como os de maior nivel de escolaridade de nenos inmigrantes, cunha porcentaxe de catro e cinco nenos inmigrantes nas súas respectivas aulas. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/09/2007
Cooperación
Impulso académico cara América Latina
O vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, viaxará a Arxentina e Brasil para participar nas reunións e conferencias informativas sobre as ofertas das tres universidades galegas en materia académica cara universidades, centros galegos e outras institucións educativas e culturais. Este proxecto, apoiado pola consellería de Educación, integrará a Arxentina, Brasil, Uruguai e Venezuela na finalidade de fomentar os convenios de intercambio e cooperación en materia docente, administrativa e de investigación. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Pintura e audiovisual árabe
A Fundación Araguanei acollerá a mediados de outubro a exposición do pintor de orixe iraquí Jaber Awal, con obras que forman parte do proceso artístico da película “Colorist in wartime”, de Kadhim Saleh Faraj, seleccionada para a próxima edición do Festival de Cine Euro-Árabe AMAL 2007. A exposición de Awal tenta fomentar unha reflexión da arte en tempos de guerra. (Fonte: AGN).

Brasil
O eixe empresarial con Bahía
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, reuniuse cunha delegación de empresarios brasileiros de orixe galega provenientes de Salvador de Bahía, pertencentes á Asociación Comercial de Bahía, para crear vínculos de colaboración que sirvan de impulso aos investimentos galegos neste país suramericano. (Fonte: El Correo Gallego).
04/09/2007
Portugal
Audiovisual galaico-portugués
O programa de proxecións “Curtas Minhotas” comezou a presentar as novas creacións audiovisuais que se fan en Galicia e no norte de Portugal, con actividades en Vilanova da Cerveira e Tomiño. Son oito curtametraxes, 4 galegas e 4 portuguesas, que se presentaron nesta iniciativa da consellería de Cultura, a través da Axencia Audiovisual Galega, o Proxecto Eixo Norte/Galiza, a asociación portuguesa Audiência Zero e a produtora Mr.Misto. (Fonte: www.xornal.com).

Portugal
Masiva afluencia de estudantes portugueses
Os xornais portugueses “Diário de Notícias”, “Correio da Manhã” e “Jornal Digital” informaron sobre a masiva afluencia de estudantes portugueses na carreira de Medicina na USC, cun total de 51 alumnos. Algúns diarios denunciaron posibles represalias idiomáticas cara estes estudantes en Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Vigo, centro mundial das conservas
A mediados de setembro se celebrará nas instalacións da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado y Mariscos (ANFACO) a II Conferencia Mundial de Conservas de Pescas y Mariscos Vigo 2007, que pretende reunir a máis de 300 directivos das grandes empresas e expertos neste sector, principalmente de España, Portugal, Francia, Italia, Marrocos, Tailandia, China, Xapón, Taiwán, Ecuador, Chile, Perú e EEUU, os cales supoñen o 90% da produción mundial de conservas. (Fonte: El Correo Gallego).
03/09/2007
Emigración
20.000 galegos emigran ao ano
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, no 2006 máis de 20.000 galegos, na súa maioría mozos, deixaron a nosa Comunidade en busca dunha situación laboral máis beneficiosa, e, pese á liberalización dos fluxos migratorios en Europa, o 90% segue a escoller outros territorios do Estado español, principalmente Canarias, Madrid, Cataluña, Baleares, Valencia e Andalucía. (Fonte: Galiza Nación).

Diáspora
Sistema universitario galego no exterior
A partir de setembro, a Xunta desenvolverá en Brasil, Arxentina, Venezuela e Uruguai un programa de información e difusión do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e as súa bolsas de estudo, dirixido a galegos e os seus descendentes no exterior, ao amparo dun convenio entre a secretaría xeral de Emigración, a consellería de Educación e as universidades de A Coruña, Vigo e Santiago. Caracas, Bos Aires, Río de Xaneiro, Sao Paulo, Salvador de Bahía e Montevideo foron as cidades elixidas para as charlas. (Fonte: AGN).

Inmigración
Se triplican os contratos laborais
O número de contratos de traballo para inmigrantes en Galicia se triplicou nos derradeiros catro anos, segundo estatísticas da secretaría xeral de Emigración e o Observatorio Ocupacional da Consellería de Traballo. No 2006 se contrataron 63.464 persoas procedentes de países extracomunitarios, especialmente en oficios da construción, hostalería e industrias de manufaturas, sendo maioría as mulleres (50,3%). (Fonte: El Correo Gallego).
02/09/2007
Galicia
Un cubano que canta en galego
O cantautor de orixe cubana Yhosvany Palma, foi o gañador do segundo certame “Utopía Son”, celebrado no café vigués Uf, na categoría de canción en galego. Palma presentou o tema “Irse”, demostrando que hai algo de utopía no feito de que un cubano que vive en Galiza cante no idioma en que milleiros de emigrantes falaron en Cuba. O certame permitiu celebrar diversos concertos durante catro meses ata elixir o gañador. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
Pesca e acuicultura internacional
A illa da Toxa en Pontevedra celebrará a mediados de outubro un congreso de expertos internacionais en acuicultura e pesca, organizado polo Foro de Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Baixas. Pola súa banda, Santiago organizará a comezos de outubro o I Congreso Internacional de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura, organizado polas consellerías de Pesca e Traballo da Xunta e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo
Case catro millóns chegaron a Galicia
Un total de 3.993.184, visitaron Galiza no que levamos de ano 2007, segundo informou en Santiago o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, durante a presentación do balance turístico deste ano 2007. Esta cifra de visitantes supón un crecemento do 8,6% con respecto ao mesmo período de 2006. (Fonte: www.xornal.com).

Economía
Telemo envía cabinas a Sudán
A empresa galega de cabinas telefónicas “Telemo” enviará os seus produtos a Sudán, país africano que sofre as secuelas dunha guerra e a carencia de infraestruturas de comunicación. Telemo xa lograra introducirse con éxito noutro país africano, Cabo Verde, así como en Francia e Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).
01/09/2007
Acción Exterior
Touriño prepara xira latinoamericana
O presidente Emilio Pérez Touriño visitará Arxentina, México e Cuba antes de finalizar o 2007, coa posibilidade de ampliar a acción exterior galega cara EEUU e China para o 2008, seguindo os pasos estipulados na Estratexia de Acción Exterior de Galicia. A comezos de outubro na capital arxentina, Touriño inaugurará a primeira delegación exterior do goberno galego na diáspora e participará nos actos de conmemoración do centenario do Centro Gallego de Bos Aires. A viaxe a Cuba está prevista para comezos de decembro e México para o final de 2007. (Fonte: El Correo Gallego).

Acción Exterior
Cortizo na embaixada de Paraguai
O Consello de Ministros aprobou a designación do diplomático galego Miguel Cortizo como novo embaixador español en Paraguai. Desde novembro de 2004, Cortizo actuaba como embaixador en Misión Especial para a Coordinación das Relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica, cargo que provocou fortes polémicas entre o goberno de Zapatero e a oposición do Partido Popular. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Bello Janeiro presenta libro en Colombia
O catedrático de Dereito Civil da Universidade de A Coruña, Domingo Bello Janeiro, foi o único representante español nos congresos internacionais de arbitraxe celebrados en Lima (Perú) e Cartagena de Indias (Colombia). Nesta cidade, Bello Janeiro presentou o seu libro “Tratado de Responsabilidade Médica”, elaborado conxuntamente co catedrático francés Le Tourneau e os latinoamericanos Santos Ballesteros, Carrillo Fabela, Daniel Cesano e López Mesa. (Fonte: El Correo Gallego).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Exportador, El País, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, Galiza Nación, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, vieiros.com, xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2007: agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2006: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2005: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño |
01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2007
Fernando Pol


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta