|
 |
| 31/08/2007 |
 |
Galicia
Estudan unir Emigración e Relacións
Exteriores
Unha vez anunciada a saída de Santiago
Gómez-Reino Lecoq da secretaría xeral de Relacións Exteriores da Xunta, o seu presidente Emilio
Pérez Touriño analiza a posibilidade de unir este departamento co de Emigración, dentro dun
proceso de remodelación do gabinete.
(Fonte: El Correo Gallego).
Uruguai
Ourense promove o seu turismo
O tenente de alcalde, Alexandre Sánchez
Vidal, do BNG, iniciou unha xira por Uruguai e Arxentina para promover Ourense como destino turístico e
potenciar o Plan Estratéxico de Termalismo e o Plan de Dinamización Turística. No seu primeiro
día, Sánchez Vidal visitou o Centro Galego de Montevideo e o Padroado da Cultura Galega na capital
uruguaia. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 30/08/2007 |
 |
Galicia
Relevo en Relacións Exteriores
A dimisión de Santiago Gómez-Reino
Lecoq como secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta abre paso ao probable nomeamento de Julio Fernández
Mato, ata agora conselleiro da embaixada española en Brasil, para substituilo. Esta substitución
podería tamén bascular máis as relacións exteriores da Xunta cara América Latina. (Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Arteixo e a atención sanitaria
O sindicato Unión Xeral de Traballadores
(UGT) pediu un aumento do persoal administrativo no sector sanitario do concello de Arteixo, ante o incremento
de poboación inmigrante e as peticións e necesidades de inmigrantes con escasos recursos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Brasil
A xenética gandeira galega
José Antonio Carril, secretario
executivo de ACRUGA, visitou os estados brasileiros de São Paulo, Goias e Mato Grosso, que utilizan a xenética
da raza rubia galega para utilizala no cruce coa raza autóctona brasileira Nelore. Carril estivo acompañado
por Eduardo Gómez Grandal, empresario galego afincado en Brasil e director da empresa GMG. (Fonte: La Voz de Galicia).
Sáhara
“Estrela Polisaria” en O Porriño
O concello do Porriño celebrou
o Día do Sáhara con actividades que incluíron a representación musical “Estrela Polisaria”,
así como actividades teatrais da cultura saharauí.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 29/08/2007 |
 |
Inmigración
Beneficiados con axudas escolares
A concellería de Benestar Social
do concello de Vigo informou que un 20% dos beneficiados coas axudas escolares para o período 2007-2008
serán nenos de familias inmigrantes e de emigrantes retornados, especialmente latinoamericanas. Para a concelleira
María Méndez, é unha “cifra significativa de cara a diminuír a exclusión social
en Vigo”. (Fonte: La Voz de Galicia).
Economía
Acordo de Fenosa con Irán
Desoíndo o veto do goberno de George
W. Bush de non negociar con Irán, a empresa Unión-Fenosa asinou un contrato de 32,5 millóns
de euros coa Compañía Nacional de Gas Licuado de Irán, para explorar proxectos conxuntos en
gas natural. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
O Camiño no Miami Herald
O diario estadounidense “El Nuevo Herald”,
versión en español del “The Miami Herald”, publicou unha reportaxe sobre a Ruta Xacobea e os restos
do Apóstolo Santiago, con información sobre a peregrinación literaria a Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 28/08/2007 |
 |
Pesca
Pesqueiro galego detido en Escocia
Un pesqueiro de capital galego e base
en A Coruña, o “Enxebre”, foi retido en Escocia, e liberado pouco despois tras pagar unha fianza de 100.000
euros. Por outra banda, a Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF) denunciou que existen
mafias para traer indonesios aos pesqueiros galegos con soldos de 150 dólares. (Fonte: www.vieiros.com).
Palestina
Exposición do Muro israelí
A asociación Fuco Buxán
e a ONG Acsur-Las Segovias, en colaboración coa Fundación Araguaney, presentaron en Santiago a exposición
“Os dereitos palestinos á sombra do Muro”. O acto contou coa presenza de Isaac Díaz Pardo, o presidente
da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, e o presidente da Fundación Fuco Buxán, Manuel
A. Rodríguez Carballeira. (Fonte:
La Voz de Galicia).
China
De Vigo a Shanghai
O instituto vigués “Ribeira do
Louro” comezou unha serie de sesións para aprender comercio internacional e introducirse no mercado chinés,
con leccións de idioma e cultura do país asiático. O obxectivo é realizar unha viaxe
escolar a Shanghai para coñecer a realidade do xigante asiático. (Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Tui abre oficina de axuda
O concello de Tui abriu unha Oficina de
Atención ao Inmigrante e Emigrante Retornado, para solucionar a súa situación xurídica
e facilitar os trámites administrativos, asesorar na tramitación de permisos de residencia, traballo,
visados, nacionalidade, reagrupamento familiar, prestacións sociais e atención sanitaria e educativa. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 27/08/2007 |
 |
Inmigración
A fórmula do reagrupamento familiar
Segundo Marta Albadalejo, responsable
do Centro de Información a Traballadores Estranxeiros de Vigo, a fórmula do reagrupamento familiar
permitiu variar o perfil dos inmigrantes que se achegan tanto a Vigo como a Galicia nos derradeiros dez anos. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Bolivianos contra o racismo
A asemblea da Asociación de Inmigrantes
Bolivianos en Vigo acordou a celebración de comicios internos para elixir nova directiva, así como
avogou pola necesidade de evitar os conflitos raciais internos entre mestizos e indíxenas bolivianos. Do
mesmo xeito, esta asociación reclamou que o seu consulado sexa trasladado de Ourense a Vigo, onde habitan
uns 800 bolivianos, dos cales un 40% están en situación irregular. (Fonte: La Voz de Galicia).
Turismo
Aumento do 18,6%
Segundo a enquisa de Movementos Turísticos
de Fronteira (FRONTUR), Galicia recibiu ata xullo de 2007 un total de 586.354 turistas estranxeiros, representando
un aumento do 18,6% con respecto ao 2006. Alemaña, Francia e Reino Unido foron os principais países
de orixe dos turistas. (Fonte: www.xornal.com).
Portugal
Xornadas do ensino galego
A XII edición das “Xornadas do
Ensino de Galiza en Portugal” comezaron en Ourense, cunha renovación pedagóxica dirixida a docentes
e alumnos galegos e portugueses. (Fonte:
AGN).
 |
| 26/08/2007 |
 |
Brasil
Hospital no Amazonas
Modesto Nóvoa, natural da localidade
ourensán de Maceda, e cónsul honorario español no estado brasileiro de Amazonas, impulsa a
creación dun hospital materno-infantil na localidade de Iranduba, xunto á ONG española “Niños
de la Amazonia”, cunha achega de 200.000 euros.
(Fonte: El Correo Gallego).
Francia
Promoción da Costa da Morte
O xornal francés “Le Figaro” publicou
un especial dedicado a Fisterra e a Costa da Morte, baixo o título “Costa da Morte: a tráxica beleza
do océano”, na que a súa xornalista, Katia Clarens, realiza unha crónica das súas experiencias
de viaxe cos mariñeiros de Camariñas.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 25/08/2007 |
 |
Galicia
Refutan informe de Greenpeace
A organización sindical Unións
Agrarias (UUAA) refutou o informe de Greenpeace que responsabiliza a gandeiros e agricultores de tres de cada catro
incendios intencionados en Galicia. As UUAA considera que a organización ecoloxista global manexa datos
“atrasados” do Ministerio do Ambiente. (Fonte:
El Correo Gallego).
Galicia
Acto da independencia uruguaia
Con motivo do 138ª aniversario da
Declaración de Independencia da República Oriental do Uruguai, o seu Cónsul xeral en Santiago,
Gonzalo Koncke Pizzorno, realizou un acto de conmemoración na Fundación Caixa Galicia, na que participou
un dúo folclórico dese país.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Aniversario como Itinerario Cultural
Unha delegación de Luxemburgo e
outra da vila francesa de Le Puy de Vélay, visitaron Santiago para celebrar o 20º aniversario do nomeamento
do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Ambas delegacións reuníronse
co director xeral de Turismo, Rubén Lois González.
(Fonte: El Correo Gallego).
México
Desaparecida moza de Chantada
Ana Belén Fortes, moza da localidade
lucense de Chantada e residente en México coa súa familia, atópase en paradoiro descoñecido
dende hai doce días nese país latinoamericano. A emigrante galega saíu en avioneta dende a
localidade de Zihuatanejo, na costa do Pacífico, cara Atizapán, en compañía de dúas
persoas. A avioneta perdeu a comunicación.
(Fonte: El Correo Gallego).
Xacobeo
Visita do embaixador lituano
Mecys Lurinkus, embaixador da República
de Lituania en España, realizou o Camiño de Santiago xunto a dous membros da Asociación do
Camiño de Santiago de Lituania. Lurinkus entrevistouse na capital galega co alcalde Xosé Sánchez
Bugallo, conversando sobre diversos temas da Ruta Xacobea.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 24/08/2007 |
 |
Fondo Galego de Cooperación
“Vacacións con Traballo” para
Perú
Mar Barreiro, traballadora social do Concello
de Oleiros, viaxará ao departamento de Ica, principal afectado polo terremoto de Perú, como parte
da iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade denominada “Vacacións con Traballo”.
Barreiro partirá a Perú para canalizar a axuda do Fondo e outras ONGs na construción de escolas,
hospitais e vivendas. (Fonte: La Voz de
Galicia).
Galicia
Irmanamento de camiños
A Asociación Galega de Amigos do
Camiño visitou a localidade italiana de Trento, na rexión do Trentino, na fronteira italiana con
Austria, onde se celebra unha festividade medieval do século XV. Este intercambio de experiencias, que posibilitará
un futuro irmanamento entre Santiago e o Trentino, afondouse coa visita de 50 peregrinos da rexión italiana
de Vall di Non para facer o camiño de Cebreiro a Santiago.
(Fonte: El Correo Gallego).
Uruguai
Constitúen delegación da
Fronte Ampla
Santiago foi a sede da constitución
do Comité da Fronte Ampla en Galicia, como representación deste partido político, actualmente
no goberno en Uruguai, e que ten por líder ao actual presidente desa nación, Tabaré Vázquez.
Por vez primeira en 198 anos de democracia uruguaia, os 7.000 uruguaios residentes no exterior poderán exercer
o voto con vistas ás eleccións presidenciais de finais de 2008. A diáspora uruguaia contará
con 3 representantes parlamentarios. (Fonte:
www.vieiros.com).
Portugal
Festival de curtametraxes
O festival “Curtas Minhotas” se celebrará
paralelamente en setembro en Vila Nova de Cerveira, en Portugal, e Tomiño en Galicia, como iniciativa transfronteiriza
organizada por Audiência Zero, a produtora Mr. Misto Films e a Axencia Audiovisual Galega. (Fonte: www.vieiros.com).
Unión Europea-Galicia
Pedirán axudas termais
O alcalde en funcións de Ourense,
o nacionalista Alexandre Sánchez Vidal, informou que o seu concello ten en mente o Plan Estratéxico
de Termalismo para o que se solicitarán axudas á Unión Europea, especialmente dos fondos FEDER
“que atende a cidades singulares con proxectos singulares”.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Sáhara
Independencia e condena a Marrocos
O salón de plenos do Concello de
Redondela, dirixido polo alcalde accidental, o nacionalista Carlos Pazos, foi escenario dunha condena á
“ditadura marroquí” realizada por un representante do pobo saharauí, na que se defendeu a independencia
do Sáhara. A representante da Asociación Galega de Amizada co Pobo Saharauí, Fatma Mohamed
Salem, agradeceu a súa “valentía”. O acto plenario realizouse na despedida dos 35 nenos saharauís
do campamento de Tinduf, en Alxeria, e que estiveron en Galicia como parte do programa “Vacacións en Paz”. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 23/08/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Asesoramento agrario en Albania
O catedrático de Dereito Civil
da USC, Domingo Bello Janeiro, foi elixido como director principal dun proxecto da Unión Europea para asesorar
ao Ministerio de Agricultura de Albania no deseño e desenvolvemento dun marco legal para as cooperativas
agrarias. O asesoramento se realizará durante un prazo de seis meses. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Esixen zona de protección aviaria
Xosé Benito Reza, director xeral
de Conservación da Natureza da consellería de Medio Ambiente, defendeu a declaración de Zona
Especial de Protección de Aves (ZEPA) para a comarca da Limia (Ourense) en cumprimento dun mandato da Unión
Europea. O Sindicato Labrego realizou unha manifestación en protesta por esta declaración. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Financiarán investigacións
médicas
O Centro de Investigacións Médicas
da USC (CIMUS) que funcionará a partir do 2008, será financiado pola Unión Europea e a Xunta,
cun monto valorado en 2,5 millóns de euros dos fondos europeos FEDER e 5,1 millóns de euros da consellería
de Innovación e Industria. (Fonte:
El Correo Gallego).
Galicia
Preferencia vaticana
Santiago de Compostela será un
voo preferente para a Obra Romana de Peregrinacións (ORP), a axencia de viaxes do Estado do Vaticano, para
unir a capital galega con Roma por medio da aeroliña italiana Mistral Air. Outras localidades de peregrinación
como Lourdes (Francia), Fátima (Portugal), Guadalupe (México) e Czestochowa (Polonia) tamén
se beneficiarán desta modalidade de “voos sacros” dende o Vaticano. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Coas vítimas do terremoto en Perú
A Asociación Latinoamericana de
Pontevedra e a Asociación de Peruanos en Vigo puxeron en marcha unha serie de iniciativas solidarias para
axudar aos damnificados polo terremoto que sacudiu as localidades peruanas de Pisco, Chincha, Ica e Cañete.
A recollida de roupa e alimentos e un maratón solidario en Vigo son as principais iniciativas impulsadas
por estes colectivos. (Fonte: La Voz de
Galicia).
Portugal
Titulacións compartidas
Caixanova e a consellería de Educación
fomentarán a creación de titulacións compartidas adaptadas ao Espazo Europeo de Ensino Superior
(EEES), nas universidades de Galicia e Portugal, co obxectivo de impulsar másteres conxuntos orientados
cara I+D+I. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 22/08/2007 |
 |
Galicia
Ingleses dominan en A Coruña
A ampliación dun voo directo entre
os aeroportos de Heathrow en Londres e o coruñés de Alvedro permitiu ao turismo británico
liderar as estatísticas en canto a turismo estranxeiro na Coruña. Esta conexión aérea
permitiu o liderado dos turistas ingleses, por riba de portugueses, alemáns e franceses, e o aumento do
turismo estranxeiro na cidade por riba do 10%.
(Fonte: La Voz de Galicia).
México
Ponteareas busca súa promoción
Raquel Bautista, concelleira de turismo
de Ponteareas, visitou a cidade mexicana de Humantla, para participar no Encontro Internacional de Localidades
que elaboran alfombras de flores. Nesta visita, Bautista aproveitou para incrementar a proxección internacional
da festividade do Corpus Christi que se realiza en Ponteareas.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Asociacións dos desaparecidos
galegos
A Asociación para a Investigación
dos Desaparecidos/as Galegos/as na Arxentina (AIDGA) foi constituída en Galicia se ben terá a súa
sede central en Bos Aires. AIDGA está constituída por familiares e amigos de desaparecidos galegos
durante a última ditadura militar arxentina (1976-1983), superviventes, represaliados e simpatizantes coa
súa causa. Esta asociación conta co apoio da Asociación “Argentinos en el Exterior-Movimiento
Argentinos en el Exterior”, do “Comité Galego Bolivariano de Solidariedade”, do “Centro Galego Arxentino
de Estudos Sindicais Antonio Soto”, e do colectivo “Justicia Ya”.
(Fonte: www.vieiros.com).
EEUU
A gaita galega triunfa en Nova York
A prestixiosa gaiteira galega Cristina
Pato ofreceu un recital no festival Mostly Mozart no teatro do Centro Lincoln da cidade estadounidense, durante
os meses de xullo e agosto, a base de pezas tradicionais galegas. O diario “The New York Times” eloxiou a actuación
da gaiteira galega. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 21/08/2007 |
 |
Galicia
Aumentan afiliados estranxeiros
En xullo pasado, o número de afiliados
estranxeiros á Seguridade Social en Galicia aumentou a 39.448 persoas, cun incremento interanual do 19,38%,
segundo cifras do Ministerio do Traballo e Asuntos Sociais.
(Fonte: www.xornal.com).
Francia
Pontevedra coa arte celta
Cinco artistas pontevedreses foron invitados
a un intercambio cultural celta coa localidade de Lanester, na Bretaña francesa. Este encontro foi posible
grazas aos esforzos da Universidade de Rennes, a Asociación Bretagne-Galice e a asociación cultural
bretona Spered Kelt. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 20/08/2007 |
 |
Galicia
Títeres do exterior
A duodécima edición do Festival
Internacional de Títeres, “Galicreques” a celebrarse en outubro en Santiago, contará coa participación
de compañías de Suíza, Turquía, Finlandia e Rusia. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Advirten dunha nova vaga migratoria
Un curso realizado na USC entre historiadores,
xeógrafos e sociólogos, coordinado polo profesor Isidro Ubert, advertiu que Galicia está ante
unha "nova onda" de emigración que afecta á xente máis nova, que é a máis
cualificada e que está desprazándose aos grandes centros urbanos como Madrid, Barcelona ou Valencia
e mesmo ao estranxeiro, o que agravará o envellecemento poboacional da comunidade. (Fonte: www.gznación.com).
 |
| 19/08/2007 |
 |
Perú
Pendentes das vítimas do terremoto
A comunidade de inmigrantes peruanos situada
en Burela (Lugo), entrevistouse coa concelleira de Asuntos Sociais, Neves Cando, para coñecer a situación
dalgúns familiares e coñecidos da localidade Pisco, que padeceu os embates do terremoto do pasado
16 de xullo. En Burela existe unha importante comunidade de inmigrantes peruanos que traballan no sector pesqueiro
e marítimo. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 18/08/2007 |
 |
Solidariedade
“Comercio Con-Sentido”
O centro comercial Área Central
de Santiago acolleu a exposición itinerante “Comercio Con-Sentido”, unha campaña de solidariedade
internacional impulsada pola dirección xeral de Cooperación Exterior da Xunta. Esta exposición
pretendeu sensibilizar sobre a pobreza, o consumo responsable e o comercio xusto internacional. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 17/08/2007 |
 |
Perú
Axuda galega ás vítimas
do terremoto
O Fondo Galego de Cooperación e
Solidariedade, así como diversos concellos e ONGs galegas, activaron unha conta bancaria de emerxencia para
atender ás vítimas do terremoto ocorrido nas localidades de Pisco, Ica e Chincha, na costa do Pacífico
peruano. (Fonte: www.xornal.com).
Arxentina
Homenaxe aos galeguistas
As organizacións galegas de Montevideo
e Bos Aires participaron nos actos organizados para conmemorar o Día da Galicia Mártir, especialmente
dirixido a “homenaxear o sacrificio dos galeguistas nacionalistas e de esquerdas”. En Montevideo, a delegación
do BNG lembrou o asasinato en 1936 de Alexandre Bóveda e de Arturo Cuadrado. En Bos Aires, a Federación
de Sociedades Galegas promoveu tamén actos conmemorativos da figura de Bóveda. (Fonte: www.vieiros.com).
República Dominicana
Cooperación medioambiental
A xeógrafa galega Irene Torrado,
de 27 anos, foi seleccionada polo Ministerio de Medio Ambiente para colaborar co país caribeño nun
proxecto de desenvolvemento sostible. Este proxecto comezará en setembro de 2007 e estará incluído
no programa Araucaria deste ministerio.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 16/08/2007 |
 |
Galicia
Auxe comercial inmigrante
O presidente da Asociación Compostela
Monumental, José Manuel Bello, explicou que a gran maioría dos novos locais comerciais que se abren
no casco vello de Santiago pertencen a emigrantes galegos retornados ou a inmigrantes, principalmente de países
tan diversos como Alemaña, Suíza, Francia, Arxentina, Uruguai, Cuba e Venezuela. (Fonte: El Correo Gallego).
Pesca
Colaboración con Noruega e Irlanda
A visita de Carmen Gallego, conselleira
de Pesca e Asuntos Marítimos, á rexión norueguesa de Trondelag e ás irlandesas de Border,
Midland and Western, permitiu a activación de proxectos pesqueiros en I+D entre Galicia e estes países,
así como para limar asperezas por controversias marítimas, en especial no caso noruegués,
debido ao apresamento de barcos acusados de pesca ilegal.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 15/08/2007 |
 |
Venezuela
Novo caso de secuestros
Dende Caracas, Bárbara Vales de
Barreto, esposa de David Barreto, informou sobre o secuestro na cidade occidental venezolana de San Cristóbal,
do seu esposo e dous sobriños, José David de 10 anos e Alberto Luis Parra Barreto, de 12 anos. Barreto
é de orixe portuguesa e os seus dous sobriños teñen nacionalidade española e familia
en Galicia. Diversas pistas policiais apuntan á autoría do Exército de Liberación Nacional
(ELN) de Colombia. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Inmigrantes co Apóstolo
A ONG coruñesa “Equus Zebra” trouxo
a Santiago a sesenta inmigrantes de países como Brasil, Senegal e Alxeria, para realizar unha visita ao
Apóstolo na catedral. A maioría dos inmigrantes eran de relixión musulmana. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Unha ollada aos cambios en Oriente Medio
A quinta edición do festival audiovisual
árabe Amal, a inaugurarse en outubro de 2007, permitirá realizar unha selección de cintas
e vídeos sobre os cambios sociais e políticos en Oriente Medio. Baixo o título “Dende Oriente
Medio con amor”, o seu comisario, Khaled Ramadán, asegurou que nesta edición contarán cos
traballos de xóvenes produtores cinematográficos árabes. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 14/08/2007 |
 |
Galicia
Visita médica peruana
A coordinadora do Centro de Referencia
de Hemofilia do Ministerio de Saúde de Perú, Nancy Loayza, estivo en Santiago para reunirse coa consellería
de Sanidade da Xunta e a Asociación Galega de Hemofilia (AGADHEMO) a fin de concretar canais de cooperación
para a prevención desta enfermidade. Loayza asegurou que en Perú existen preto de 2.500 enfermos
por hemofilia, dos cales só 600 están diagnosticados.
(Fonte: El Correo Gallego).
Uruguai
Cooperación cultural galega
O goberno uruguaio e o Consello da Cultura
Galega (CCG) celebrarán no 2008 unha serie de actividades culturais, con motivo do 25 aniversario desta
institución. Para formalizar este evento, o presidente do CCG, Ramón Villares, reuniuse en Montevideo
co ministro de Educación dese país, Jorge Brovetto.
(Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 13/08/2007 |
 |
Xacobeo
Nove millóns de turistas para
2010
O director xeral de Turismo da Xunta,
Rubén Lois, asegurou que Galicia podería recibir nove millóns de turistas con motivo do Ano
Santo de 2010, un aumento do 50% con respecto ao último xacobeo de 2004. En 2007, a nosa Comunidade leva
recibidos seis millóns de turistas.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 12/08/2007 |
 |
Turismo
Sanxenxo se promove en Suíza
O concello de Sanxenxo participará
nunha feira turística na cidade de Lugano, en novembro próximo. Este plan de promoción inclúe
a outras vilas como Baiona, Sada, Ortigueira, Viveiro e Ribadeo.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Santiago, sede do foro España-Xapón
O embaixador de Xapón en España,
Motohide Yoshikawa, comunicou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que Santiago de Compostela
será a sede do Foro España-Xapón 2008, un encontro anual centrado principalmente en aspectos
económicos e culturais. Con esta designación, Galicia espera consolidar a súa firme posición
como exportador téxtil cara o país asiático.
(Fonte: www.xornal.com).
 |
| 11/08/2007 |
 |
Arxentina
Xornadas sobre emigración
A consellería de Cultura participará
en Bos Aires a finais de agosto nas xornadas “Inmigración, pasado e presente”, na que se analizarán
os aspectos da inmigración galega nese país suramericano.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 10/08/2007 |
 |
Inmigración
Axudas para vivendas
O concello de Vigo abriu unha serie de
programas dirixidos á poboación inmigrante e de emigrantes retornados, para conceder facilidades
na adquisición de vivendas, a través dun aval con axudas económicas concretas. A concelleira
de Benestar Social do concello vigués, María Méndez, informou que o concello facilitará
persoal que acompañará aos inmigrantes nesta tarefa de buscar vivenda. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Xira musical galega
A Orquestra de Cámara de Galicia
iniciará a mediados de agosto unha xira por Arxentina, co obxectivo de difundir a música galega.
Baixo o patrocinio da Vicepresidencia da Xunta, a Orquestra realizará a súa primeira xira por América
do Sur. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Récord das exportacións
galegas
Galicia confirma no 2007 o seu mellor
ano de exportacións, liderando a nivel estatal as súas vendas ao exterior. Entre xaneiro e maio de
2007, a nosa Comunidade exportou aos mercados internacionais por valor de 5.530 millóns de euros, un 15%
máis que no período similar do ano 2006.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
A preparar a Universiada de 2013
Unha delegación oficial do Concello
de Vigo, liderada polo seu tenente de alcalde, o nacionalista Santiago Domínguez, estivo en Bangkok, capital
de Tailandia, para preparar un proxecto destinado a promover a Vigo como sede dos Xogos da Universiada de 2013.
A capital tailandesa organiza os xogos correspondentes ao 2007.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 09/08/2007 |
 |
Unión Europea-Economía
Descartan aumentar a cota láctea
A Comisión Europea anunciou que
non aumentará, dun xeito extraordinario, as cotas lácteas, pese ao incremento dos prezos detectados
en Francia e Alemaña. O portavoz da Comisión, Philip Tod, declarou que os límites nacionais
están sendo aumentados nun 0,5% anual durante o período 2006-2008, pero resulta posible o abandono
do actual sistema de cotas cando expire no 2015.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Caixanova abrirá oficinas no estranxeiro
Gran Bretaña e Arxentina serán
os dous novos países onde a entidade bancaria galega Caixanova abrirá oficinas de representación
no transcurso do verán, sumándose ás xa existentes en Portugal, Francia, Suíza, Alemaña,
México, Venezuela, Brasil e EEUU. Segundo as súas estatísticas, o volume de clientes no exterior
aumentou nun 32% durante o 2006. (Fonte:
El Correo Gallego).
Diáspora
Villares a Uruguai e Arxentina
A mediados de agosto, o Presidente do
Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, entrevistarase en Montevideo co Ministro de Educación
e Cultura do Uruguai, Jorge Brovetto, para coordinar un posible intercambio e cooperación cultural entre
Galicia e Uruguai. Posteriormente, Villares trasladarase a Bos Aires, para intervir nas xornadas "Inmigración,
pasado e presente", organizadas pola Academia da Historia bonaerense e nas que colaboran o Consello da Cultura
Galega, a través do seu Arquivo da Emigración, a Consellería de Cultura e Deporte e a Fundación
"Xeito Novo", da capital arxentina.
(Fonte: www.xornal.com).
Cuba
Liga Santaballesa en Lugo
Juana Pérez Pérez, de 74
anos e filla dun emigrante galego a Cuba, visitou a Terra Chá como presidenta da Liga Santaballesa de La
Habana fundada a comezos do século XX por emigrantes desta localidade lucense. Pérez Pérez
leva 50 anos como socia desta liga e 30 como directiva.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 08/08/2007 |
 |
Galicia
Música en Compostela
Fundado en 1958, o proxecto “Música
en Compostela”, liderado polo director Antonio Iglesias, sumou un novo aniversario no que se destacou a súa
capacidade para instruír musicalmente a futuros profesionais de máis de 50 países, especialmente
de Europa, Asia e América Latina. Na súa edición de 2007, a capital galega recibiu a músicos
de 22 nacionalidades. (Fonte: El Correo
Gallego).
Galicia
Cambados coa gastronomía europea
O concello de Cambados podería
celebrar o Consello Europeo de Confradías Gastronómicas (CEUCO), unha decisión que podería
confirmarse no congreso que se realizará en novembro na illa de Corfú (Grecia). O anuncio foi realizado
polo presidente deste organismo, Carlos Martín Cosme, tras ser invitado á LV Festa do Albariño
en Cambados. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Os pobos e a globalización
A vicepresidenta da Alianza Libre Europea
(ALE) e militante do BNG, Ana Miranda Paz, impartiu en Cuntis unha conferencia sobre "A globalización
e os dereitos dos pobos". A ALE é unha federación de partidos a nivel europeo que defende a
construción dunha Europa baseada nos pobos, por enriba das divisións políticas estatais. Con
cinco deputados no Parlamento europeo, este organismo representa á meirande parte das nacións europeas
sen Estado: Occitania, Córsega, Bretaña, Països Cataláns, Gales, Euskal Herria, Escocia
e Galiza entre outras. (Fonte: Galiza Nación).
México
Encontro coa música mexicana
Cuntis organizará un encontro coa
cultura mexicana, co apoio da concellería de Turismo e Cultura e aproveitando a xira que realiza por Galicia
o Ballet Folclórico de Monterrey, México.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 07/08/2007 |
 |
Solidariedade
Colaboración con Paquistán
O secretario xeral de Relacións
Institucionais, Antonio Losada, asinou co presidente da Asociación Sociocultural Bombeiros de Galicia, Miguel
Chao, un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Proxecto Hushé de axuda humanitaria en
Paquistán. O departamento autonómico investirá un total de 6.000 euros na iniciativa. (Fonte: www.xornal.com).
Galicia
A Casa Galicia de Nova York
A Asociación de Empresarias de
A Coruña recibiu á presidenta da Casa de Galicia en Nova York, Rita Mariño Cadio, co obxecto
de establecer relacións e prestar axuda para o seu mantemento. Esta Casa conta con máis de 800 socios. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 06/08/2007 |
 |
Galicia
Obstáculos para a adopción
internacional
Os excesivos trámites burocráticos
nos países de orixe dos nenos adoptados por familias galegas, está dificultando as peticións
de maiores adopcións. No 2006, segundo datos da Xunta, en Galicia se realizaron un total de 614 peticións
de adopción para nenos estranxeiros, 44 menos que no 2005 e 70 menos que no 2004. China segue a ser o país
preferido para tramitar a adopción internacional.
(Fonte: El Correo Gallego).
Economía
A importancia da enerxía renovable
Se ben os sectores da construción,
téxtil, automoción e a pesca xeran o 50% do PIB galego, as estimacións económicas auguran
que para o 2012, as enerxías renovables, como a eólica, solar e biocombustibles, se converterán
no terceiro gran sector da economía galega, cun 15% do PIB e un aumento da súa proxección
internacional. Non obstante, só un 13% das empresas que operarán estas industrias serán galegas. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 05/08/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Desmenten informe sobre subsidios
A Comisión Europea asegurou haber
abonado a Galicia todas as axudas concedidas nos anos noventa a cargo dos fondos estruturais da UE, desmentindo
o informe do Consello de Contas do ano 2004, no que se advertía que aínda non foran liquidadas as
subvencións dese período, por valor de 39 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 04/08/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Axudas para cambio climático
Galicia é un dos cinco socios do
programa europeo ERA-net Circle, co cal podería recibir unha axuda de 200.000 euros por proxecto para financiar
investigacións sobre os efectos do cambio climático.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
A importancia do granito
A industria galega do granito é
a segunda máis importante de Europa, tras Italia, segundo indicou a Asociación Galega de Graniteiros.
Esta industria facturou no 2006 un total de 360 millóns de euros, un 15% máis con respecto ao ano
anterior, cun aumento de exportacións do 52% nos oito derradeiros anos. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 03/08/2007 |
 |
Solidariedade
Menciñas para Paquistán
A Asociación Sociocultural “Bombeiros
de Galicia” presentou en Ferrol o Proxecto de Cooperación Internacional en Hushé (Paquistán),
co obxectivo de levar medicamentos aos 800 habitantes desta localidade, enclavada ao pe da cordilleira do Karakorum,
ou K-2, unha das máis elevadas do mundo con 1.250 km. de altura. O concello ferrolán apoiará
esta iniciativa, cun orzamento calculado en 12.000 euros.
(Fonte: La Voz de Galicia e El Correo Gallego).
Cooperación Exterior
América Central lidera a cooperación
galega
A dirección xeral de Cooperación,
Fabiola Sotelo, achegará 4,5 millóns de euros para a convocatoria de 146 proxectos de cooperación
no exterior, que serán xestionados por 29 organizacións galegas, entre ONGs, sindicatos e universidades.
Media ducia de países de América Central e o Caribe lideran case a metade destas axudas, especialmente
Nicaragua, Cuba e El Salvador. Nesta convocatoria foron incluídos países africanos como Sudán,
Etiopía e Mauritania, e quedaron excluídos Cabo Verde, Angola, Guatemala e Namibia. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Debate sobre a UE
O director xeral de Xuventude, Rubén
Cela, recibiu en Santiago a un grupo de 30 mozos de distintos países europeos, invitados para debater o
significado da Unión Europea. Os mozos, participantes do Programa Xuventude da Unión Europea, son
orixinarios de países como Italia, Romanía, Bulgaria e Eslovaquia. (Fonte: El Correo Gallego).
República Dominicana
Un galego abre o mercado estadounidense
O empresario galego Mario Pérez,
natural de Sarria, residente en Santo Domingo desde 1969, é responsable do proxecto de zona franca “Azua
de Compostela”, situada a 100 km. da capital dominicana, que permitirá unha ambiciosa apertura comercial
marítima entre Europa e cidades de importancia comercial como Miami e Caracas. Pérez é tamén
presidente do Australia Investment Group e fundador da Mapet International Foundation, así como embaixador
do actual goberno dominicano de Leonel Fernández. O seu proxecto tenta constituír a Galicia como
ponte comercial entre América e Europa, a través desta zona franca dominicana. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 02/08/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Bruxelas debe case 39 millóns
de euros
Segundo un informe de fiscalización
de axudas europeas do Consello de Contas da Consellería de Economía, a Unión Europea ten unha
débeda con Galicia de 38.979.905,43 euros por concepto de fondos estruturais asignados no período
1994-1999. A cantidade representa pouco máis do 3% das axudas da UE a Galicia neste período. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Erasmus para Asia Central
A USC recibirá no próximo
curso universitario a doce estudantes de Kirguizistán, Uzbekistán e Tadxikistán, beneficiados
polo programa europeo Erasmus Mundus External Cooperation Window, destinado a estudantes de países que non
formen parte da UE, e que podería ampliarse a intercambio con estudantes galegos. Neste programa, a USC
colabora coas universidades de Vrije Universiteit de Bruxelas (Bélxica), París III (Francia), Andolu
University (Turquía), Vilnius University (Lituania), Rovaniemi University of Applied Sciences (Finlandia),
Adam Mickiewicz (Polonia) e Masaryk University de Brno (República Checa). (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Folclore ucraíno e irlandés
As Xornadas de Folclore organizadas pola
Deputación de Ourense presentarán unha selección do folclore cultural de Ucraína e
Irlanda, coa participación do grupo ucraíno Zhaivir e a Royal Tara Irish Dancer de Irlanda do Norte. (Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Pedirán indemnizacións
Os propietarios das empresas pesqueiras
galegas afectadas polos disturbios trala folga rexistrada na localidade arxentina de Puerto Deseado, pedirán
ao goberno dese país indemnizacións por valor de 100 millóns de euros. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 01/08/2007 |
 |
Galicia
Internacionalizar a Cidade da Cultura
Un comité integrado por altos representantes
da Xunta e o goberno estatal tentan outorgarlle unha dimensión internacional ao proxecto da Cidade da Cultura
de Santiago, para convertela nunha porta de entrada da cultura de Iberoamérica. O presidente da Xunta, Emilio
Pérez Touriño, informou que a Cidade da Cultura xa constitúe un “proxecto de Estado” e que
espera se converta na “icona de Galicia no século XXI”.
(Fonte: El Correo Gallego e www.vieiros.com).
Arxentina
A réplica do Camiño
Mais de 500 emigrantes galegos e os seus
descendentes inauguraron na praza de Lezama de Bos Aires, un traxecto similar ao Camiño de Santiago. O evento
de carácter cultural, contou co apoio do Centro Galego de Bos Aires. (Fonte: La Voz de Galicia).
China
Cumio sobre autonomías
O Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional (IGADI) organizará en colaboración coa Academia de Ciencias Sociais
de China, unha Conferencia Internacional sobre as Nacionalidades Minoritarias e as Autonomías, a celebrarse
en xullo de 2008 en Kunming, capital da provincia de Yunnan. Esta conferencia estará presidida polo profesor
Zhu Lun e o director do IGADI, Xulio Ríos, e reunirá a diversos investigadores internacionais. (Fonte: AGN).
|