|
 |
| 31/07/2007 |
 |
Inmigración
Os eixes para a integración
O secretario xeral de Emigración,
Manuel Luís Rodríguez, asinou un convenio con Cáritas e a Asociación Pro Desenvolvemento
de África destinada a proporcionar unhas “condicións de vida dignas á poboación inmigrante”
facilitando o aluguer de pisos á poboación inmigrante con vocación de quedarse a vivir en
Galicia. Este convenio forma parte da presentación dun amplo proxecto social destinado á acollida
e integración da poboación inmigrante, con valor aproximado de millón e medio de euros, e
que incluirá a concellos e mancomunidades galegas.
(Fonte: El Correo Gallego e www.xornal.com).
Inmigración
Dezaseis mil inmigrantes empadroados
en 2006
Segundo datos do Instituto Nacional de
Estatística, un total de 16.141 inmigrantes se empadroaron no 2006 en Galicia, un 2,57% do total a nivel
estatal. Estes datos confirman un incremento da recepción en Galicia da poboación inmigrante nos
últimos catro anos. (Fonte: El Correo
Gallego).
Colombia
Interese en formación laboral
O goberno colombiano amosou o seu interese
en colaborar coa Xunta nas políticas de orientación e formación laboral dos seus inmigrantes
en Galicia. O ministro de Protección Social colombiano, Diego Palacio Betancourt, comentou esta disposición
do seu goberno á delegada de Traballo do concello de A Coruña, María Debén, quen asistiu
a finais de xullo a un congreso de migracións en Bogotá. Segundo datos de 2006, en Galicia habitan
un total de 8.063 colombianos. (Fonte: El
Correo Gallego).
Arxentina
Nace o Centro Ramón Suárez
Picallo
O Centro de Investigación Ramón
Suárez Picallo en Bos Aires foi inaugurado na Federación de Sociedades Galegas da República
Arxentina, quen creou este organismo o pasado 6 de xullo. O obxectivo é impulsar, coordinar e vincular investigacións
relacionadas coa emigración. Este centro está irmandado co Museo da Emigración Galega na Arxentina
(MEGA). (Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 30/07/2007 |
 |
Venezuela
Muradás conta o seu secuestro
O empresario galego afincado en Venezuela,
Francisco Muradás, de 72 anos, secuestrado o pasado 28 de abril e liberado un mes despois, contou que durante
o seu cativerio sufriu un infarto, e relatou as condicións precarias da súa situación. Muradás
asegurou que a pesar da situación, seguirá a vivir e traballar en Venezuela. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Presentado Plan Foexga 2007
O conselleiro de Innovación e Industria,
Fernando Blanco asinou un convenio de colaboración coas Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e
Navegación co fin de fomentar as exportacións galegas a través do Plan de Fomento das Exportacións
Galegas 2007 (FOEXGA). O departamento autonómico achegará un total de 1.633.100 euros para desenvolver
o Plan, que contará cun orzamento global de 3.915.871,77 euros. En canto aos socios comerciais, apreciouse
un incremento das exportacións galegas cara Estados Unidos, Noruega, Reino Unido e Italia, Francia e Portugal. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 29/07/2007 |
 |
Portugal
Unha unidade económica
A Unión Europea considerou a Galicia
e o norte de Portugal como unha unidade económica propia, tomando en conta os datos do tráfico transfronteirizo.
Cada día atravesan os 60 pasos transfronteirizos máis de 43.000 vehículos e case 80.000 persoas.
Anualmente, esta proporción aumenta a 26,8 millóns de persoas. O sector comercial tamén axiliza
un intercambio bilateral de gran magnitude.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 28/07/2007 |
 |
Arxentina
Polémica polas empresas atacadas
O portavoz parlamentario de acción
exterior do PPdG, Enrique López Veiga, puxo en dúbida ante o Parlamento galego a existencia dun compromiso
entre a Xunta e o goberno arxentino encamiñado a compensar aos empresarios galegos afectados polas folgas
da localidade arxentina de Puerto Deseado. López Veiga considerou que “o único que existe é
unha declaración do presidente Touriño, que me parece que é falsa”. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 27/07/2007 |
 |
Arxentina
Aprobada a primeira delegación
exterior de Galicia
O goberno galego aprobou o decreto de
creación da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, a primeira da súa rede de representacións
administrativas exteriores. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou a necesidade desta
apertura pola presenza de “100.000 emigrantes galegos” na capital arxentina. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Bolsas para estudos no exterior
A Xunta destinará 390.000 euros
para a convocatoria anual dos programas de bolsas de estudos para estudantes de orixe galega no exterior, durante
o curso 2007-2008. O programa prevé que estudantes de orixe galega no exterior poidan obter unha titulación
de estudos superiores en calquera das tres universidades galegas.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 26/07/2007 |
 |
México
Feijóo avoga polo voto en urna
O presidente do PPdG, Alberto Núñez
Feijóo, defendeu na capital mexicana a necesidade de que o voto emigrante sexa depositado en urna nos consulados
e embaixadas. Feijóo celebrou en México o Día de Galicia nunha xuntanza organizada polo gobernante
Partido de Acción Nacional (PAN) do presidente azteca Felipe Calderón. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Promoven a feira Termatalia
Expourense devolveu a invitación
ofrecida pola Secretaría da Nación arxentina para promover neste país suramericano a Feira
Internacional de Turismo Termal, Termatalia. Unha delegación arxentina participara no 2006 nesta feira ourensán
e confirmara a súa participación na feira do 2007, tras acordar a petición para que Expourense
iniciara un proceso de promoción de Termatalia no territorio arxentino. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 25/07/2007 |
 |
Arxentina
Condenan ataques a empresas galegas
A Confederación de Empresarios
de Pontevedra (CEP), pediu aos gobernos español e arxentino que aporten axudas económicas para superar
as “millonarias perdas” das empresas galegas no país suramericano, tralas folgas polo conflito laboral en
Puerto Deseado na Patagonia. Nesta folga tiveron lugar algúns actos vandálicos contra as firmas galegas
alí asentadas. (Fonte: El Correo
Gallego).
 |
| 24/07/2007 |
 |
Turismo
Oficina viguesa en París
O tenente de alcalde de Vigo, o nacionalista
Santiago Domínguez, anunciou un plan de internacionalización do turismo vigués, coa apertura
dunha oficina de promoción turística no aeroporto Charles De Gaulle da capital francesa. Tamén
anunciouse a apertura dunha nova web da cidade galega, www.turismodevigo.org, con 300 imaxes da cidade para a súa
promoción turística. (Fonte:
Faro de Vigo).
Galicia
Campamentos para a emigración
Os campamentos de Emigración e
Xuventude permitiron a presenza en Galicia de 350 mozos entre 14 e 20 anos, descendentes de emigrantes a Europa
e América, para coñecer o lugar de nacemento das súas familias de orixe. O programa contou
co apoio da secretaría xeral de Emigración e da dirección xeral de Xuventude. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 23/07/2007 |
 |
Inmigración
O aumento da natalidade galega
A presenza en Galicia de inmigrantes e
emigrantes retornados permitiu, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que a nosa Comunidade
aumentara en 8.403 habitantes, ata achegarse ás 2.728.772 persoas. A entrada de estranxeiros aumentou en
7.267 persoas, segundo o censo de 2006, compensando o saldo vexetativo negativo que rexistraba Galicia, onde o
número de defuncións supera en 7.906 persoas aos nacementos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Colaboración académica
O IGADI coorganiza unha conferencia internacional
en China
A Academia de Ciencias Sociais de China
e o Igadi acordaron coorganizar a celebración dunha Conferencia Internacional sobre “Nacionalidades minoritarias
e autonomías: Problemas prácticos e tendencias”. Segundo o acordado recentemente en Beijing por ambas
partes, o evento celebrarase entre o 15 e 23 de xullo de 2008 en Kunming, capital da provincia de Yunnan.
 |
| 22/07/2007 |
 |
Portugal
Cooperación xudicial
Reunidos en Ourense, os ministros de Xustiza
e os fiscais xerais de España e Portugal asinaron un convenio de cooperación en materia xudicial
para “a loita contra a corrupción, o crime organizado e os delitos medioambientais”. Tomando en conta a
actual presidencia rotativa portuguesa na UE, o seu ministro de Xustiza, Alberto Costa, asegurou que este convenio
“coloca á península ibérica á cabeza de Europa” nestas materias. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Atacan a pesqueiras galegas
No marco da folga do sector pesqueiro
arxentino iniciada a mediados de xullo para reclamar un aumento salarial, uns 400 traballadores deste sector tomaron
o concello de Puerto Deseado, ao sur do país, atacando a varias empresas pesqueiras galegas e españolas.
As empresas galegas son Argenova, Pescanova, Santa Cruz e Vieira. A Xunta comunicouse co goberno arxentino de Néstor
Kirchner para buscar solucións ao conflito.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 21/07/2007 |
 |
Galicia
Reciben delegación de Vietnam
A Cámara de Comercio de Santiago
reuniuse cos conselleiros político, Le Huu Toan, e económico, Nguyen Van Phu, así como o embaixador
da República Socialista de Vietnam en España, Nguyen Xuan Phong, coa finalidade de atopar mecanismos
de intercambio económico a fin de equilibrar a balanza comercial co país asiático, deficitaria
para Galicia, e proporcionar información sobre Vietnam ás cámaras de comercio galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Importan reses europeas
Ante o déficit de vacas nas granxas
galegas e as restricións europeas para evitar o contaxio de enfermidades, diversos gandeiros galegos importarán
reses de Austria, Dinamarca, Suíza e Reino Unido, para poder cubrir a cota láctea establecida. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 20/07/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Autorizada a venda de YondeliS
A Axencia Europea do Medicamento (EMEA)
anunciou a súa autorización para a venda no mercado europeo do composto farmacéutico Yondelis,
desenvolvido por PharmaMar, filial do grupo biotecnolóxico galego Zeltia. O fármaco Yondelis é
un medicamento para o tratamento do sarcoma de tecidos brancos (STB).
(Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
Preparación galega para México
O goberno mexicano proporá aos
traballadores dos seus estaleiros a súa formación profesional en Galicia, no marco dun convenio de
colaboración firmado en Vigo polo delegado do goberno mexicano Juan Camilo Mouriño, quen asegurou
o interese en encargar a construción de barcos pesqueiros, mercantes e militares en Galicia. Mouriño
estivo acompañado polo director xeral da Mariña Mercante mexicana, José Tomás Lozano. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Irmandade bretona
Unha delegación de cincuenta persoas
da localidade bretona de Guerledan chegaron a Sarria para tomar parte nos actos de irmanamento anual entre ambas
cidades. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Financiamento do AVE Vigo-Ponte de Lima
A conselleira de Política Territorial
da Xunta, María José Caride, anunciou que os gobernos de España e Portugal presentarán
unha candidatura conxunta aos fondos europeos para financiar a construción do AVE entre Vigo e a localidade
portuguesa de Ponte da Lima, na liña do AVE entre esta cidade galega e a súa homóloga portuguesa
de Porto. Segundo Caride, o compromiso é alcanzar a liña operativa Vigo-Porto para o 2013. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 19/07/2007 |
 |
Portugal
Amizade dixital
O director xeral de Xuventude e Solidariedade
da Xunta, Rubén Cela, presentou unha guía editada polo seu departamento na que se ofrecen alternativas
dixitais para motivar a mobilidade e integración dos mozos de Galicia e o Norte de Portugal, a fin de desenvolver
un espazo xuvenil dentro da eurorrexión. A guía dixital en formato CD-ROM forma parte do programa
Mobilitas, enmarcada na programación da UE Interreg III A Galicia-Norte de Portugal. Neste programa tamén
colaboran o Instituto Portugués da Juventude, o Eixo Atlántico e a Fundación Galicia-Europa. (Fonte: El Correo Gallego).
Francia
Xogos Náuticos Intercélticos
O 13 de xullo comezaron na localidade
de Morlaix, na Bretaña francesa, os Xogos Náuticos Intercélticos e do Espazo Atlántico,
nos que Galicia participou con deportistas das federacións de surf, piragüismo, remo, vela e actividades
subacuáticas. Galicia participa xunto a delegacións de Irlanda, Escocia, Gales, illa de Man, illas
de Cornwall, Bretaña, Inglaterra, Euskadi, Canarias e Portugal.
(Fonte: www.vieiros.com).
Unión Europea-Galicia
Libre prestación de servizos marítimos
A directora xeral de Transportes, Mar
Chao, encabezou a delegación da Xunta que mantivo en Bruxelas unha reunión de traballo con representantes
da Unión Europea para informar do anteproxecto de lei elaborado polo Goberno galego polo que se desenvolverá
a libre prestación de servizos de transporte marítimo de viaxeiros en augas interiores de Galicia. (Fonte: www.xornal.com).
Galicia
Aumentan afiliados estranxeiros
En xuño, o número medio
de afiliados estranxeiros á Seguridade Social en Galicia ascendeu a 38.264 persoas, cun crecemento interanual
do 18,41%. A nivel estatal, a media de afiliados estranxeiros situouse en 2.030.559 persoas. (Fonte: www.xornal.com).
Diáspora
Asociacionismo galego na emigración
Coincidindo co centenario da creación
do Centro Galego de Bos Aires, Montevideo, La Habana, Lisboa, Barcelona e dun bo número de sociedades, o
Consello da Cultura Galega, a través do Arquivo da Emigración, inaugurará en novembro na capital
arxentina a exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”. Esta exposición,
que presentará biografías dos emigrantes galegos, fotos, documentación oral e visual, forma
parte dun convenio entre o Consello da Cultura e a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta e terá
como comisarios a Pilar Cagiao e Vicente Peña.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 18/07/2007 |
 |
Inmigración
Aprobado o Plan de Inmigración
2007-2010
O Consello Galego da Inmigración
aprobou por unanimidade o informe sobre o Plan Galego de Inmigración 2007-2010 e a creación dunha
Comisión contra o Racismo e a Xenofobia, que deberán ser ratificados a curto prazo pola Xunta. A
esencia do plan consiste na plena integración dos inmigrantes na sociedade galega, a través de políticas
integrais e transversais contidas na Carta de Dereitos da Cidadanía incluída neste plan. (Fonte: El Correo Gallego).
Brasil
Medala da Cidade de Río de Janeiro
Ghaleb Jaber, presidente da Fundación
Araguaney-Ponte de Culturas; Manuel Martín Gómez, avogado e profesor da USC; o escritor Manuel Rivas,
o músico e compositor Manuel Amigos Ramos; e González Tosar, escritor e presidente do Pen Club de
Galicia, foron premiados oa Medalla de Recoñecemento da Cidade de Río de Janeiro, concedida pola
Cámara Municipal desta cidade brasileira.
(Fonte: El Correo Gallego).
China
Convenio IGADI-Mercosur
O Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional, IGADI, asinou un convenio co MERCOSUR para favorecer as políticas de
aproximación cara China e Asia, en materia de intercambio e apoio á investigación e co obxectivo
de acadar unha integración nos campos económico, político, social, tecnolóxico e cultural. (Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 17/07/2007 |
 |
Eixo Atlántico
Sete ideas estratéxicas
A presentación en Vigo do informe
do Eixo Atlántico “Sete ideas para sete anos decisivos: Axenda Estratéxica do Eixo Atlántico”,
sintetiza en sete propostas as claves para desenvolver as 18 cidades que conforman a eurorrexión de Galicia
e o Norte de Portugal, en áreas como o transporte, o tecido empresarial, a sociedade de coñecemento,
innovación e desenvolvemento urbano. O informe foi presentado polo alcalde vigués, Abel Caballero,
e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Asistencia sanitaria a estranxeiros
Galicia recibirá 20 millóns
de euros da Seguridade Social estatal pola asistencia sanitaria que se brinda a estranxeiros procedentes de países
da Unión Europea, así como doutros países cos que España teña subscrito convenios
de asistencia sanitaria e que residan en Galicia. Os principais países beneficiarios desta asistencia sanitaria
en Galicia son Gran Bretaña, Francia e Alemaña.
(Fonte: El Correo Gallego).
Panamá
Discreción ante secuestro
O cónsul de España en Panamá,
Ricardo Santos, informou que a Policía Técnica Xudicial dese país mantén varias liñas
de investigación abertas no caso do empresario coruñés Humberto Avella, de 50 anos, secuestrado
hai tres semanas na zona de Caledonia. O cónsul informou que as investigacións están realizándose
coa máxima discreción para evitar dar pistas aos secuestradores. (Fonte: La Voz de Galicia).
Marítima
O potencial naval galego
Segundo estatísticas da consultora
británica Lloyds Register of Shipping, e grazas ao impulso dado pola industria naval galega, este sector
ocupa o 7% da produción naval europea e o 1% a nivel mundial, superando en volume a países como Francia,
Finlandia ou Dinamarca. A potencialidade naval galega permite a España ser o terceiro produtor a nivel europeo,
tras Holanda e Alemaña. (Fonte: La
Voz de Galicia).
 |
| 16/07/2007 |
 |
Galicia
Seminarios internacionais
No marco dos cursos de verán que
organizará a Fundación Alfredo Brañas no mosteiro de Poio (Pontevedra), participarán
expertos de Portugal, Gran Bretaña e EEUU nas temáticas de inmigración, tecnoloxías
da información e enxeñería civil.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Aumentan relacións con Israel
A ministra conselleira da embaixada israelí
en España, Alona Fischer Kamm, anunciou en Santiago o asinamento nos futuros meses de proxectos conxuntos
de colaboración comerciais, culturais e turísticos coa Xunta e entidades galegas. Tras reunirse co
alcalde santiagués, Xosé Sánchez Bugallo, e con responsables da Xunta, Fischer Kamm destacou
o interese israelí nos proxectos agrícolas e de I+D.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 15/07/2007 |
 |
Panamá
Investimento inmobiliario de Caixanova
A entidade financeira pontevedresa participará
na construción do complexo residencial e comercial coñecido como “Los Faros de Panamá”, na
localidade de Punta Pacífica neste país centroamericano. Neste complexo esperase construír
o edificio máis elevado da rexión centroamericana.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 14/07/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Confirman a AECP para Vigo
O director da Axencia Europea para o Control
da Pesca (AECP), Hans Koster, confirmou que Vigo será a sede definitiva desta organización en abril
de 2008, trasladando a súa sede actual dende Bruxelas. Koster fixo este anuncio na presentación do
plan estratéxico para a pesca do bacalao no mar Báltico e o atún no mar Mediterráneo
e o océano Atlántico. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 13/07/2007 |
 |
Emigración
Gaitas para a diáspora
A secretaría xeral de Emigración
tramita a compra de 55 gaitas tradicionais para a súa distribución gratuíta nos centros galegos
da diáspora. Nesta compra se investirán 60.000 euros, máis de 1.000 euros por unidade. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Prácticas de idiomas
Un convenio de colaboración entre
a consellería de Educación e a Fundación Paideia permitirá aos alumnos de entre 20
e 30 anos das escolas oficiais galegas de idiomas, ampliar a súa formación en países da Unión
Europea, toda vez que superaran o segundo curso das linguas respectivas.
(Fonte: El Correo Gallego).
República Dominicana
Expansión na construción
Dentro do seu proceso de expansión
internacional, o grupo pontevedrés San José, propiedade de Jacinto Rey, e considerada a terceira
empresa galega no sector inmobiliario, mercou o 75% das accións da empresa dominicana Deconalva, con máis
de 20 anos de traxectoria nese país, especialmente na construción civil, instalacións industriais
e proxectos turísticos e de ocio.
(Fonte: www.xornal.com).
Portugal
Estrela na FIMO
No marco da feira comercial do Consorcio
Pro-Feiras e Exposicións, FIMO, celebrado en Ferrol, o administrador do Parque de Exposiçoes de Braga,
Jorge Cruz, presidiu unha xornada dedicada exclusivamente a Portugal.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 12/07/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Propoñen AECT con Portugal
Os eurodeputados socialistas Antolín
Sánchez Presedo e Rosa Miguélez presentaron ante o Parlamento europeo unha proposta para constituír
unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial, AECT, entre Galicia e a Rexión Norte de
Portugal, acordada en novembro de 2006. Ambos eurodeputados defenderon esta postura ante a necesidade de incrementar
os lazos de cooperación entre as rexións e demandaron se a AECT será unha prioridade para
o actual goberno portugués na presidencia rotativa da UE ata decembro de 2007. (Fonte: El Correo Gallego).
Venezuela
Iniciativas empresariais
Con motivo da visita a Caracas do secretario
xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, nunha xuntanza coa Asociación de Empresarios
Galegos de Venezuela, acordouse a necesidade de abrir vías de cooperación para facilitar os investimentos
galegos nese país e na América Latina, así como vías de cooperación empresarial
conxunta. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Aposta polo liderado na UE
O presidente de Portugal, Aníbal
Cavaco Silva, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, acordaron durante unha reunión celebrada
en Santiago de Cácem apostar por un esforzo conxunto entre Galicia e Portugal para liderar os proxectos
de cohesión social e económica dentro da UE. Cavaco e Quintana asistiron a un acto de irmanamento
entre a capital galega e a cidade portuguesa de Santiago de Cácem, que contou coa presenza dos seus respectivos
alcaldes, Xosé Sánchez Bugallo e Vítor Manuel Chaves de Caro. (Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
Interese estadounidense en Ferrol
A consignataria galega “Rubine e Hijos”
mantivo conversas con representantes da compañía navieira estadounidense Abercombrie&Kent para
presentarse como posible destino na parada dos seus buques. Esta navieira, con medio cento de oficinas en todo
o mundo, traballa fundamentalmente cara o mercado alemán. Nesta reunión tamén participaron
representantes doutras compañías dese país como Holland America Line, Norwegian Cruise Lines
y The World Resident Sea. (Fonte: La Voz
de Galicia).
EEUU
Lazos económicos con Galicia
O embaixador estadounidense en España,
Eduardo Aguirre, visitou Vigo para anunciar a intención do seu país de avanzar nos acordos económicos
con Galicia, especialmente en materia de tecnoloxía naval, madeira e peixes. Aguirre participou nun coloquio
organizado polo Club Financero de Vigo, onde anunciou que a balanza comercial entre Galicia e EEUU alcanzou no
2006 un total de 1.200 millóns de euros, dos que uns 283 millóns corresponden á provincia
de Pontevedra. Preguntado pola posible utilización do aeroporto vigués de Peinador para os voos ilegais
da CIA, o embaixador Aguirre asegurou que o seu goberno “non contraviu ningunha lei da lexislación española”. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Vigo para o Mundial de Hockey
A cidade galega presentou a súa
candidatura para ser sede do campionato do mundo de Hockey sobre patins a disputarse no 2009. A candidatura foi
presentada polo tenente de alcalde Santiago Domínguez, o concelleiro de Deportes, Xavier Alonso, e o presidente
de Vigo Stick, Enrique Urdiales. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 11/07/2007 |
 |
Eixo Atlántico
Apoio total ao AVE
Durante a clausura da Asemblea Xeral do
Eixo Atlántico en Lisboa, o alcalde de Vilanova de Gaia e presidente actual do organismo, Luis Filipe Menezes,
animou aos 28 concellos integrantes desta entidade a defender o AVE Vigo-Porto que pretende finalizarse no 2013,
instando tamén aos gobernos español e portugués a finalizar os trazados ferroviarios de alta
velocidade entre ambos países. Menezes considerou que o Eixo Atlántico pode constituírse nun
“poderoso lobby político”. (Fonte:
El Correo Gallego).
Eixo Atlántico
Inaugurados os VII Xogos do Eixo Atlántico
A directora xeral para o Deporte, Marta
Souto, inaugurou a VII edición dos Xogos do Eixo Atlántico, en Vilanova de Gaia, Portugal, cos desfiles
das 18 delegacións, nove galegas e nove portuguesas, e que celebrarán as súas competicións
deportivas ata o 14 de xullo de 2007. (Fonte:
El Correo Gallego).
Portugal
Portugués como segunda lingua
O presidente da Associaçom Galega
de Língua, Alexandre Banhos, enviou unha carta ao persoal docente de Galicia, especialmente ao profesorado
de lingua, para avogar pola utilización do portugués como segunda lingua estranxeira nos centros
educativos de ensino medio de Galicia. (Fonte:
www.vieiros.com).
 |
| 10/07/2007 |
 |
Acción Exterior
Galicia abrirá delegacións
no exterior
A presentación do documento “Estratexia
de Acción Exterior de Galicia”, permitiu ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, informar
que a primeira delegación no exterior da Xunta se abrirá en Bos Aires en outubro de 2007 e a segunda
en Montevideo. Esta estratexia de acción exterior de Galicia permitirá no 2008, afondar as súas
relacións cara Portugal e abrir contactos con Cuba, México, EEUU (visitas a Nova York e Washington),
China e Xapón. Touriño xustificou estas medidas dicindo que “Galicia ten dereito a unha política
exterior propia” e asomou a posibilidade de que a nosa Comunidade asine convenios internacionais, aínda
que deberá contar coa previa autorización do Estado español. (Fonte: La Voz de Galicia e www.vieiros.com).
Xacobeo
Aumentan peregrinos estranxeiros
Un 47,1% dos peregrinos ao Camiño
de Santiago proveñen de 50 países diferentes, especialmente franceses, británicos, alemáns
e italianos. Como dato exótico se ilustra a chegada de 175 coreanos no primeiro semestre de 2007. (Fonte: El Correo Gallego).
Cuba
Actos conmemorativos do himno galego
De viaxe oficial en Cuba, o secretario
xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, mantivo un encontro co viceministro de Cultura
e Relacións Internacionais, Fernando Rojas, para acordar os actos de conmemoración do centenario
do himno galego, historicamente vinculado á emigración e á illa. Esta colaboración,
no eido da cultura, entre Galicia e Cuba terá continuidade na vindeira edición da Feira do Libro
da Habana, que estará consagrada a Galicia. Rodríguez tamén amosou o compromiso da Xunta coas
axudas asistenciais aos emigrantes galegos na illa caribeña.
(Fonte: www.xornal.com).
Cuba
O Valedor do Emigrante
O secretario xeral de Emigración,
Manuel Luís Rodríguez, sinalou dende Cuba que a segunda parte da lexislatura permitirá consolidar
dun xeito efectivo os dereitos dos cidadáns galegos residentes no exterior a través das distintas
reformas lexislativas contempladas no Plan Estratéxico de Emigración, e que incluirán a revisión
da Lei da Galeguidade, para adaptala, máis de vinte anos despois da súa aprobación, aos novos
contextos sociais, e a creación da figura do Valedor do Emigrante. Rodríguez mantivo diversas reunións
cos directivos dos centros de emigrantes galegos, como os de Monterroso e Antas de Ulla, Ortigueira, ou Rosalía
de Castro. (Fonte: www.xornal.com).
Economía
Concursos para proxectos internacionais
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela,
anunciou o obxectivo de que as empresas galegas poidan presentar as súas ofertas a concursos públicos
das principais institucións xestoras de proxectos de desenvolvemento internacional. Por iso, en colaboración
coa Confederación de Empresarios de Galicia habilitará un programa de acceso das empresas da Comunidade
Autónoma ao mercado das licitacións internacionais.
(Fonte: www.xornal.com).
Inmigración
Alumnos de 30 nacionalidades
Nas aulas de Ferrolterra, Eume e Ortegal,
no municipio ferrolán, atópanse rapaces de 30 nacionalidades diferentes, principalmente de Arxentina,
Ecuador e Colombia. Segundo datos do 2005, seis de cada dez destes alumnos estranxeiros estaban matriculados en
centros públicos. (Fonte: La Voz
de Galicia).
 |
| 09/07/2007 |
 |
Marrocos
Presentación de serie galega
Unha delegación institucional galega
encabezada polo director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias,
desprazouse a Marrocos para participar na presentación neste país da serie "Linatakalam",
promovida pola produtora galega Ibisa TV e na que participan, entre outros, a CRTVG. A serie desenvólvese
en varios países mediterráneos e presenta este espazo xeopolítico como crisol dun novo modelo
de relación entre os pobos baseado no diálogo.
(Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 08/07/2007 |
 |
Líbano
Desprazan continxente da Brilat
Un total de 171 militares da Brigada de
Infantería Lixeira Aerotransportable, Brilat, con base en Pontevedra, saíron de Santiago rumbo a
Beirut, para substituír ao continxente que sufriu un ataque terrorista con seis mortos a mediados de xuño.
Este envío se realiza en cumprimento da resolución 1.701 do Consello de Seguridade da ONU. (Fonte: El Correo Gallego).
Maritima
Estudarán experiencia noruega
Unha delegación galega, encabezada
polo presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, viaxou ao país nórdico para estudar a experiencia
de combinar a actividade náutica deportiva coa actividade pesqueira. Esta delegación participou nuns
encontros no Porto de Larvik, ao sur de Noruega.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Cooperación médica con
Berlín
No marco do congreso médico que
reuniu en Santiago a numerosos profesionais españois e alemás, adiantouse unha vía de comunicación
entre a USC e a universidade de Berlín para levar a cabo investigacións sobre as enfermidades do
riñón e cardiovasculares.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 07/07/2007 |
 |
Eixo Atlántico
Vigo, capital da eurorrexión
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, o presidente da comisión de cohesión de política territorial do Comité
de Rexións da UE, Albert Bore, anunciaron en Baiona, durante a celebración do seminario sobre as
Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, AECT, a designación de Vigo como capital
da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
(Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
Críticas por restar a construción
civil
O deputado do BNG, Francisco Rodríguez,
criticou ao goberno central pola prohibición á antiga empresa Astano, da fabricación de barcos
para a construción civil, cando a UE foi o segundo construtor mundial de buques, por detrás de Corea
do Sur, pero diante de Xapón e China. Rodríguez explicou que a empresa galega tiña grandes
pedidos de Alemaña, Noruega, Dinamarca e Italia.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Marítima
Salto internacional de Ronáutica
Grazas á proxección exterior
do Banco Pastor e a súa oficina en Qatar, a compañía viguesa Ronáutica acordou proxectos
pesqueiros en Brasil e Turquía. Estes proxectos se concretan trala apertura do primeiro porto flotante para
bateeiros en Rianxo. (Fonte: Faro de Vigo).
Venezuela
Celebración da independencia venezolana
Nun acto oficial celebrado no Hotel Araguaney
en Santiago, coa presenza de numerosos emigrantes galegos e venezolanos, da cónsul venezolana Janeth Miño
e o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, celebrouse o 196 aniversario da declaración de independencia
de Venezuela, coa participación do cantante Margarito Aristiguieta, de 82 anos, e o grupo folclórico
venezolano “José Valera y sus Estrellas”.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Solidariedade
Contra a explotación infantil
en Senegal
A Xunta enviará 220.000 euros a
Senegal, dentro dun marco de cooperación con UNICEF, para sensibilizar e formar á poboación
senegalesa sobre os dereitos humanos e contra a violencia e a explotación infantil. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 06/07/2007 |
 |
Eixo Atlántico
Unha eurorrexión de gran potencialidade
O conselleiro de Economía, Xosé
Ramón Fernández Antonio, subliñou o potencial económico da Eurorrexión Galiza-Norte
de Portugal, salientando que a mesma integra máis poboación (6,3 millóns de habitantes) que
sete estados membros da Unión Europea: Chipre, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Luxemburgo e Malta.
Fernández Antonio fixo estas declaracións na clausura do seminario europeo sobre o novo ente de Agrupación
de Cooperación Territorial (AECT), organizado polo Comité das Rexións en Baiona (Vigo), onde
tamén avogou por unha estratexia conxunta entre Galiza e o Norte de Portugal. A Eurorrexión xa iniciou
o desenvolvemento do Plan Estratéxico de Cooperación Transfronteiriza 2007-2013, aprobado o pasado
13 de abril e dotado con 97 millóns de euros.
(Fonte: www.vieiros.com).
China
Decoración galega para o mercado
chinés
O grupo galego Jaerod, que engloba empresas
como Bricoking, abriu no 2006 unha oficina en Shanghai dedicada a comercializar os produtos de bricolaxe e decoración
do fogar. Este grupo aumentou no 2007 os seus pedidos a empresas de Italia, Bélxica, Portugal e Venezuela. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Fondos para o casco histórico
ourensán
Ourense é unha das capitais que
recibe fondos da UE, a través do plan Urban, destinados á recuperación do casco histórico.
Son doce millóns de euros concedidos desde hai seis anos, aínda que o concello declarou que no 2007
apenas un 17% dos fondos europeos foron orientados a esta finalidade.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Marítima
Na defensa dos mariñeiros
Tres ONGs viguesas, Apostolado do Mar,
Rosa dos Ventos e a Federación Nacional de Familias do Mar, relacionadas coa defensa dos valores das familias
dos mariñeiros e en contra dos horarios excesivos a bordo das naves de pesca, realizaron unha intervención
no congreso mundial celebrado en Gdynia, Polonia, á que asistiron representantes de 50 países. (Fonte: La Voz de Galicia).
Solidariedade
Operado da vista un neno hondureño
Walter Perdomo, de 9 anos, foi operado
en Galicia dunha glaucoma. No seu país, Honduras, non existen os medios para curar esta doenza. Neste sentido,
a embaixada hondureña en España e a Xunta de Galicia buscan os mecanismos para asinar un convenio
de cooperación. (Fonte: La Voz de
Galicia).
 |
| 05/07/2007 |
 |
Sáhara
Critican venda de armas a Marrocos
Khadad Mhamed, ministro da República
Árabe Saharauí Democrática e representante da Fronte Polisario nas negociacións con
Marrocos auspiciadas pola ONU, criticou que as empresas galegas Urovesa e Rodman venderan vehículos militares
e patrulleiras a Marrocos. Mhamed considerou que esta realidade evidencia a aposta que o Goberno español
ten a favor de Rabat no conflito saharauí.
(Fonte: www.vieiros.com).
Galicia
As pemes da UE
A Asociación de Xóvenes
Empresarios celebrou en Ferrol unha conferencia sobre os principais incentivos que concede Bruxelas para as pequenas
e medianas empresas. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Intercambio cultural con Eslovenia
Os alumnos da aula municipal de teatro
Ánxel Casal de Arzúa viaxaron a Eslovenia nun programa europeo de intercambio cultural que tamén
inclúe viaxes ao Reino Unido, Italia, Lituania e Finlandia.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Xacobeo
Portugal expón o Camiño
António José Falcao, comisario
xeral da exposición “No Caminho sob as Estrelas-Santiago e a Peregrinaçao a Compostela”, realizou
unha visita á mostra organizada pola Cámara Municipal de Santiago do Cácem, en colaboración
coa diócese de Beja e a Xunta de Galicia. Esta exposición será inaugurada a mediados de xullo
polo presidente da República de Portugal, Aníbal Cavaco Silva, nun acto no que tamén asistirán
o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a ministra de Cultura, Carmen Calvo, o arcebispo de
Santiago, Julián Barro, o bispo de Beja, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o director
xeral de Turismo e representantes da Casa Real Española.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 04/07/2007 |
 |
Galicia
O futuro das agrupacións europeas
Baiona acollerá un seminario do
Comité das Rexións sobre Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT), que
analizará esta figura xurídica creada pola Comisión Europea en xullo de 2006. Este seminario
está organizado pola secretaría xeral de Relacións Exteriores da Xunta e contará coa
apertura do presidente Emilio Peréz Touriño e o seu homólogo da Comisión de Política
de Cohesión Territorial, Albert Bore, así como con representantes do Parlamento europeo, da Comisión
Europea e de diferentes entes públicos e rexionais europeos.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Galego para estranxeiros
A USC organizou a 20º edición
dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros e españois residentes en Galicia. Os 133 alumnos
estranxeiros que participaron nos cursos deste verán proveñen de 33 países, tales como Alemaña,
Bélxica, Armenia, Serbia, República Checa, Xapón, India, EEUU, Ucraína, México,
Colombia e Chile. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Discuten sobre o voto exterior
O BNG anunciou que volverá á
discusión sobre a posible depuración do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) e o voto exterior
no caso de que os demais partidos non apliquen vetos a esta discusión. O voceiro parlamentario nacionalista
Carlos Aymerich ratificou a postura de debater sobre os emigrantes que teñen dereito a votar. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Bolsas de estudos para emigrantes
A secretaría xeral de Emigración
anunciou a convocatoria de bolsas de estudos para estudantes de orixe galega e descendentes de segundo grao que
residan no estranxeiro, que desexen completar a súa formación nas tres universidades galegas. En
total, o orzamento para estes programas achégase aos 390.000 euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Mel de Galicia con denominación
de orixe
A Unión Europea comunicou a aprobación
de denominación de orixe para “Mel de Galicia”, ata agora só protexida polas institucións
galegas. A UE considera que reúne todos os requisitos para dispor dunha Indicación Xeográfica
Protexida en todo o mercado común.
(Fonte: www.vieiros.com).
Cultura
Rumbo á sociedade da información
A USC presentará en Lisboa, Estonia
e Helsinqui, os proxectos Infobrión e Fundación CEER, coincidindo coa celebración de dous
congresos internacionais sobre a Sociedade da Información e as novas tecnoloxías. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 03/07/2007 |
 |
Diáspora
Posible depuración do CERA
O goberno de Zapatero non descarta realizar
unha depuración no Censo Electoral de Residentes Ausentes, CERA, antes das eleccións xerais, en principio
previstas para marzo de 2008 e, especialmente, de cara ás eleccións autonómicas galegas de
xuño de 2009. Neste sentido, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez,
entrevistouse en Madrid co director xeral de Emigración do Ministerio de Traballo, Agustín Torres. (Fonte: El Correo Gallego).
Emigración
Bolsas de estudos para emigrantes
A Secretaría Xeral de Emigración
convocará en xullo dous programas de bolsas, un dirixido a universitarios de primeiro e segundo ciclo, e
outro a universitarios de terceiro ciclo e de posgrao, aos que poderán concorrer aqueles estudantes de orixe
galega residentes no exterior que desexen completar a súa formación nalgunha das tres universidades
galegas. (Fonte: www.xornal.com).
Galicia
Cooperación profesional italiana
O secretario xeral de Emigración,
Manuel Luís Rodríguez, presentou en Santiago o Encontro Transnacional Edem, co obxectivo de afrontar
a profesionalización da mediación cultural en España. Neste encontro colaboraron o programa
galego Convive + con outro italiano, dirixidos a fomentar a creación de empresas sociais e o acceso dos
sectores menos favorecidos ao mercado de traballo.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 02/07/2007 |
 |
Galicia
O galego nas universidades estranxeiras
Os centros universitarios de Kiel (Alemaña),
Zadar (Croacia) e São Paulo (Brasil), asinaron acordos coa Secretaría Xeral de Política Lingüística
da Xunta para impartir cursos en lingua e cultura galega nos seus plans de estudos universitarios. Esta oferta
xa se ampliara ás universidades de Bangor (EEUU), Libre de Berlín (Alemaña), Rennes (Francia),
Varsovia (Polonia) e Nova de Lisboa (Portugal).
(Fonte: El Correo Gallego).
Sáhara
“Vacacións en Paz”
Os concellos de Ferrol, Compostela e Caldas
de Reis recibirán a tres delegacións de nenos saharauís do campamento de refuxiados de Tinduf,
en Alxeria, dentro do programa “Vacacións en Paz” organizado polo Comité de Solidariedade Galega
co Pobo Saharauí. O grupo total inclúe a 550 nenos saharauís. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 01/07/2007 |
 |
Galicia
Interese turístico internacional
O director xeral de Turismo, Rubén
Lois, anunciou que as festas da Rapa das Bestas de Sabucedo, a romaría viquinga de Catoira, o Apóstolo
e o festival de rock de Ortigueira serán declaradas como festividades de intereses turístico internacional. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Produtos galegos en Italia
Co apoio do Instituto Galego de Promoción
Económica, IGAPE, un total de oito empresas galegas e vintecatro referencias comerciais autóctonas
participaron en Milán na I Feira de Produtos Españois, coa finalidade de ofertas os produtos galegos
no mercado italiano, especialmente augardente, polbo, produtos cárnicos, conservas e viños. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Expansión exterior de Caixa Galicia
A entidade financeira galega anunciou
a súa intención de abrir sucursais en Portugal, Europa e América para o 2008, dentro dun plan
de ampliación de negocios orientado cara unha estratexia de internacionalización e asesoramento nos
investimentos das empresas galegas no estranxeiro.
(Fonte: La Voz de Galicia).
|