Diario Exterior / xuño de 2007

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/06/2007
Eixo Atlántico
Ampliación da eurorrexión
As cidades galegas de Carballo, Verín, O Barco de Valdeorras, Viveiro e Lalín e as cinco cidades portuguesas de Vila do Conde, Matosinhos, Famalicao, Barcelos e Mirandela, entrarán a formar parte no 2008 da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A incorporación será ratificada na asemblea xeral do próximo 10 de xullo en Vila Nova de Gaia, Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Prazas para alumnos chineses
A USC recibirá alumnos chineses nos cursos de estudos superiores e postgrados dentro do proxecto Erasmus Mundus External Cooperation Window. En principio, as prazas reservadas son para 15 alumnos de China, aínda que a idea é aumentar progresivamente esta oferta. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Modelo de exportación
A USC ofrecerá o seu modelo de creación de empresas aos campus universitarios de Chile, Brasil e Arxentina, a través da estrutura de respaldo de emprendedores Uniemprede. Un destes proxectos tamén permitirá realizar joint ventures con empresas de Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Premio para Compostela Móbil
A concesionaria Toyota Europa imporá o seu galardón Toyota Ichiban European Customer Satisfaction Award ao equipo da concesionaria Toyota en Santiago, e o premio Club de Oro Toyota 2007, distinción que elixe aos dez mellores concesionarios españois, polo seu mantemento de altos estándares de calidade da marca xaponesa. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
Piden seguridade xurídica a Noruega
O xerente das 30 cooperativas marítimas de Vigo, José Ramón Fuertes, advertiu de que se o goberno estatal non utiliza a vía diplomática para esixir a Noruega que cumpra o tratado de París de 1920, polo cal non se pode apreixar nin sancionar aos bacaladeiros españois, acudirán ao Tribunal da Haia para obter seguridade xurídica. (Fonte: El Correo Gallego).
29/06/2007
Galicia
Brilat enviará misión ao Líbano
A base “General Morillo” de Figueirido enviará 1.100 soldados para relevar á brigada Almogáraves VI, que sufriu seis baixas militares no ataque do sur do Líbano. Este relevo se incorporará á misión das Nacións Unidas, UNIFIL. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
Interese estadounidense
Catro compañías estadounidenses, Abercrombie&Kent, Holland America Line, Norwegian Cruise Line e The World Residen, visitaron a Autoridade Portuaria de Ferrol coa finalidade de explorar a futura concreción de acordos de construción de en 2008. Paralelo ao proceso de ampliación do porto exterior, a Autoridade Portuaria espera recibir diversos buques de recreo e transportes de luxo para o próximo ano. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Cátedra de estudos da eurorrexión
A Universidade de Vigo porá en marcha unha cátedra de estudos da eurorrexión Galicia e Norte de Portugal, un equipo de investigación dedicado a desenvolver e estudar esa identidade e os mecanismos para a potenciar. Caixanova promoverá este novo equipo de investigación. (Fonte: Faro de Vigo).

Portugal
Lisboa aproba financiamento de Mira
O Consello de Ministros de Portugal aprobou o financiamento do contrato de investimento entre a Axencia Portuguesa para o Investimento, API, e a empresa galega Pescanova, para a creación da maior planta de cultivo de rodaballo, construída no concello de Mira, dentro da área metropolitana de Coimbra. O proxecto conleva un investimento valorado en 153 millóns de euros e está considerado de interese nacional. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Autopista marítima de Vigo
Segundo datos aportados pola Asociación Nacional de Empresas Estibadoras e Consignatarias de Buques, ANESCO, a autopista marítima da UE con cabeceira en Vigo podería mover anualmente un total de cinco millóns de toneladas de mercancías cara diferentes portos de Alemaña, Gran Bretaña, Bélxica e Holanda. Estes datos foron anunciados durante o Foro Internacional para o Desenvolvemento dos portos no espazo atlántico, que reuniu en Vigo a ducias de organizacións empresariais e 200 expertos de doce países de América, África e Europa. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Presión pola protección aviar
O Tribunal Superior de Xustiza da UE anunciou á Xunta que Galicia que deberá ampliar as áreas destinadas á protección de aves, coñecidas como zoas especiais de protección de aves, ZEPA. En caso contrario, aplicará unha multa de sete millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/06/2007
Arxentina
Hospital universitario
O hospital do Centro Galego de Bos Aires contará cunha unidade cirúrxica e iniciará o camiño para converterse nun centro universitario, tralo convenio asinado entre a Fundación Galicia Saúde, o Centro Galego e a Universidade Maimónides. Neste centro realizaranse actividades de investigación, publicacións e intercambio de docentes. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Superar diferenzas polo voto emigrante
O conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, manifestou a súa confianza en que os principais partidos galegos solucionen as súas diferenzas sobre a aprobación na reforma do voto emigrante. O principal obstáculo está na posición do BNG de abandonar a comisión parlamentaria que analiza este problema. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Promoción exterior de Turisport
O presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, José Maril, estivo en Madrid para promover a presenza internacional de Turisport nas embaixadas de Indonesia, China, Ecuador e Colombia, entre outros. Este evento realizarase no mes de outubro. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Expediente pola ría de Vigo
A Comisión Europea abriu un novo expediente ao Estado español por non executar a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE na que obriga a abrir o monopolio do transporte marítimo na ría de Vigo, nas illas Cíes, Cangas e Moaña, en mans da Navieira Mar de Ons durante 20 anos, con opción a prorrogar outros dez. A Xunta, autoridade competente na materia, prometera a Bruxelas acabar con este monopolio antes de finalizar o 2006. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/06/2007
Galicia
Greenpeace alerta contra o urbanismo
A ONG ecoloxista publicou un informe no que alerta dos prexuízos ecolóxicos derivados dos plans de construción, nos próximos anos, de mais de 800.000 vivendas en 86 concellos da costa galega. Greenpeace considera que estes plans representan un espazo “similar ao construído nas costas galegas en toda a súa historia”. O informe titulado “Destrución a toda costa 2007”, identifica 43 “puntos negros” do litoral galego, sendo algúns deles Arteixo, Cambre, Fisterra, Mugardos, Oleiros, Pontedeume, Porto do Son, Baiona, Gondomar, Nigrán e Tui. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Apoio de Rochefort a Ferrol
Representantes da comarca francesa de Rochefort visitaron Ferrol para coñecer as súas instalacións militares navais e propoñer ao seu alcalde, Vicente Irisarri, unha candidatura conxunta para optar ao recoñecemento do Patrimonio da Humanidade da UNESCO. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Interese italiano polo Ribeiro
Unha misión comercial de catro empresas italianas, invitada pola Cámara de Comercio de Vigo, visitou a zoa ourensán do Ribeiro para coñecer as 21 marcas de denominacións vitivinícolas de orixe nas dez bodegas existentes nesta rexión. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Resposta galega ao Libro Verde
O Centro de Documentación Europea da USC elaborará un documento base que sirva de resposta ao Libro Verde da Comisión Europea sobre a Política de Información e Comunicación na UE. Esta iniciativa estará a cargo de Elena Pérez Carrillo. (Fonte: La Voz de Galicia).
26/06/2007
Economía
Traslado exterior de Ramsa
Os traballadores da empresa Ramsa e das factorías de Ferrolatlántica, pertencentes ao grupo empresarial Villar Mir, denunciaron que a empresa propietaria da mina de cuarzo de Serrabal comunicou a súa pretensión de trasladar os seus investimentos a Francia e África do Sur, probablemente polo paso do AVE Santiago-Ourense-Lubián. Tanto a CIG como a UXT demandaron a Villar Mir un compromiso claro co futuro dos traballadores. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
“Bos Aires galega”
Entre o 14 e o 16 de agosto, terá lugar na capital da Arxentina as xornadas “Buenos Aires gallega: Inmigración, pasado y presente”. nas que participarán destacados académicos galegos e arxentinos, persoeiros da cultura, funcionarios e protagonistas da diáspora de Galiza, tales como Xosé Manuel Núñez Seixas, Pilar Cagiao Vila, María Rosa Lojo e Antonio Pérez-Prado. As xornadas son organizadas pola Academia de Historia da Cidade de Bos Aires, o Instituto Historico da Cidade de Bos Aires, a Comisión para a Preservación do Patrimonio Histórico Cultural da Cidade de Bos Aires, o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a Fundación Xeito Novo e o Instituto de Investigacións Históricas do Museo Roca. (Fonte: www.vieiros.com).

Arxentina
Emprego para a diáspora
O rexistro do “Servizo Público de Emprego de Galegos Residentes en Arxentina e Uruguai con Vontade de Retorno” foi inaugurado pola consellería de Traballo, coa finalidade de facilitar o regreso a Galicia de emigrantes ou descendentes en idade laboral. Este proxecto responde a un dos compromisos acordados pola patronal, CCOO de Galicia, UGT-Galicia e Administración autonómica no documento “Novo marco de relacións laborais en Galicia. Acordo polo Emprego”, asinado en febreiro pasado. (Fonte: www.xornal.com).

Inmigración
O pulso demográfico inmigrante
Galicia rexistrou no 2006 un crecemento vexetativo negativo, cun falecemento de 7.964 persoas e a recepción de 6.343 emigrantes retornados. Suíza lidera o índice de emigrantes retornados, con 2.363, un 37%, mentres Venezuela ocupa o segundo lugar, con 726 persoas, o 11,24% dos rexistrados pola Xunta. (Fonte: La Voz de Galicia).

Panamá
Cooperación ambiental e marítima
O embaixador de Panamá en España, Humberto López Tirone, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ratificaron a súa vontade de afianzar as relacións entre Galicia e Panamá, reforzando programas de cooperación nos ámbitos de desenvolvemento ambiental, rural e marítimo. España é o principal inversor estranxeiro no país caribeño e centroamericano. (Fonte: www.xornal.com).

Portugal
AVE Vigo-Porto para o 2013
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que Galicia e o Norte de Portugal “non se poden permitir un retraso” na apertura do AVE entre Vigo e Porto. Touriño anunciou a súa aposta por crear unha “segunda xeración” de cooperación transfronteiriza co norte de Portugal, para que se cree un “espazo común” a fin de impulsar os proxectos conxuntos. (Fonte: El Correo Gallego).
25/06/2007
Pesca
Misión a Cabo Verde e Guinea Bissau
Técnicos do Servizo de Gardacostas de Galicia e o Centro Tecnolóxico do Mar, visitarán estes países africanos co obxectivo de realizar unha diagnose das necesidades humanas e materiais en materia de inspección pesqueira, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional, AECI. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marrocos
Acordo en telecomunicacións
O ministro de Comunicacións marroquí, Nabil Benabdallah, e o conselleiro real, André Azoulay, asinarán un convenio coa secretaría xeral de Comunicación para a cooperación audiovisual por medio da coprodución televisiva internacional “Linatakalam”, que en árabe significa “diálogo”. Este convenio incluirá á TVG, a USC, a universidade marroquí de Al Alkawain de Ifrane, á televisión pública marroquí SNRT, Castelao Producións, a TVE, Surf Film e IBISAtv, quen difundirán este programa televisivo. (Fonte: El Correo Gallego).

Marrocos
Encontro pola inmigración
O embaixador marroquí en España, Omar Azziman, e o secretario xeral de Emigración da Xunta, Manuel Luís Rodríguez, reuníronse con representantes marroquís de telecomunicacións para abordar os problemas da inmigración desde país en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
24/06/2007
Galicia
Once centros de vacinación internacional
A consellería de Sanidade asinou un convenio co goberno estatal para asegurar o funcionamento, a partir de xullo, de once centros de vacinación internacional en Galicia, especificamente nos complexos universitarios e hospitalarios de A Coruña, Compostela, Vigo, Lugo, Ourense e Pontevedra. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Esixen o peche de Guantánamo
Amnistía Internacional realizou unha concentración en Santiago para esixir o peche do cárcere de Guantánamo, como “símbolo da tortura e trato cruel” aos prisioneiros de guerra en Afganistán, Iraq e a loita contra o terrorismo internacional. O centro da protesta foi o caso particular do saudita Yousef al-Shehri, de 21 anos, quen fora apresado en Afganistán sendo menor de idade, con 16 anos, e trasladado a Guantánamo sen cargos nin xuízo. (Fonte: El Correo Gallego).
23/06/2007
Xapón
Visita do embaixador nipón
Motohide Yoshikawa, embaixador de Xapón en España, visitou Galicia coa finalidade de asentar vínculos empresariais, industriais e económicos. Galicia constitúe o 80% da economía española en Xapón e ansía ampliar as súas relacións culturais, razón pola que o representante diplomático foi recibido polo responsable de turismo, Rubén Lois; e Industria, Fernando Blanco. Na súa entrevista co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, este reiterou ante o embaixador Yoshikawa a pretensión de celebrar en Galicia o Encontro Hispano-Xaponés 2008. (Fonte: El Correo Gallego).

África
Acoso narcotraficante á flota galega
O Fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, alertou sobre o interese de narcotraficantes galegos pola flota pesqueira que fana nas augas africanas, coa finalidade de captar persoal para o transporte e distribución da droga dende América do Sur. O incremento da presenza policial na fronteira portuguesa con Galicia podería ser o motivo deste cambio de orientación dos narcotraficantes galegos. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Expansión europea da acuicultura galega
Juan Carlos Martín Fragueiro, secretario xeral de Pesca do Ministerio de Ambiente e Pesca, MAPA, anunciou na Coruña que Galicia obterá maiores fondos financeiros para competir nos mercados europeos, tendo en conta o seu liderado na produción acuícola nacional. Galicia produciu no 2006 máis de sete mil toneladas de troita. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Fiscalidade máis dura
Un estudo da Universidade de Barcelona para o Instituto de Empresa Familiar, sitúa a Galicia entre as áreas da Unión Europea cunha fiscalidade máis severa en relación aos tributos que gravan o patrimonio e as herdanzas, dentro das seis rexións principais europeas con maior fiscalidade nestas áreas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Incremento dos polisóns inmigrantes
Entre os anos 2000 e 2003, chegaron a Galicia un total de 140 inmigrantes polisóns nos buques mercantes arribados a portos galegos. Uns 110 chegaron a Pontevedra, 29 a A Coruña e un a Lugo. Dos 110 polisóns chegados a Pontevedra, 32 solicitaron asilo político, sendo seis deles admitidos a trámite. Trece foron repatriados ao seu país de orixe e 84 seguiron a súa viaxe nos barcos con que chegaron a porto. Tres deles eran menores de idade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Colaboración entre Francia e Galicia
O director de Relacións Exteriores da Escola Nacional de Administración de Francia, Phillippe Bastelica, ditou unha conferencia na Escola Galega de Administración Pública en Santiago, quen podería iniciar unha foitífera cooperación con Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
A riqueza cultural estranxeira
A consellería de Cultura presentará na Estación Marítima de Vigo, durante os meses de xuño e xullo, a exposición “Intergrarte”, como espazo de interacción multicultural dos doces países que posúen presenza inmigratoria en Galicia. A exposición reunirá música, danza, artesanía e gastronomía destes países. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/06/2007
Diáspora
Suspenden debate sobre o voto emigrante
O PPdG e o PSdG suspenderon o debate sobre a reforma do voto emigrante, á espera de “convencer” ao BNG para que se sume a esta discusión. Os nacionalistas abandonaron este debate, acusando a “populares” e socialistas de “traficar” coas papeletas do exterior. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Axuda especial para alumnos
O total de alumnos inmigrantes no sistema educativo galego ascende a 10.478 alumnos, dos que un 10% necesitan recibir atención educativa especial, segundo destacou María José Pérez Mariño, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Incluíndo aos alumnos inmigrantes de Brasil e Portugal, o 94% do alumnado inmigrante fala castelán. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Bolsas para médicos estranxeiros
A Asociación de Médicos Galegos, ASOMEGA, en colaboración con Caixa Galicia, celebraron na Casa de Galicia en Madrid o acto de entrega de bolsas de formación profesional en hospitais españois para médicos residentes no exterior, neste caso Mónica Liliana Lovera de Paraguai, Regino Piñeiro, de Cuba, e Silvia Margarita Güimil, de Uruguai. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Galicia perde con Cuba
A selección feminina galega de baloncesto perdeu 63-81 co combinado feminino cubano, no seu segundo encontro internacional disputado en Vilagarcía. Pola súa banda, o combinado masculino galego enfrontarase ao seu similar cubano en Ourense, no seu quinto partido internacional como selección galega de baloncesto. (Fonte: www.vieiros.com).

Unión Europea-Pesca
700 millóns ata o 2013
Carmen Gallego, conselleira de Pesca, asegurou que Galicia recibirá ata o 2013 por fondos europeos, do Estado español e da Xunta, un total de 700 millóns de euros para impulsar o sector pesqueiro e acuícola. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
Noruega compra filial de Transpesca
Tras a desfeita económica sufrida o ano pasado pola armadora viguesa Transpesca co apresamento por parte de patrulleiras noruegas de tres dos seus catro bacaladeiros "Arosa", a posterior multa de 1,9 millóns de euros e varios meses explorando varias saídas comerciais, a solución para a empresa viguesa chegou de Noruega, coa compra, por 19,5 millóns de euros, por parte do grupo Aker Seafood do 60% de Pesqueira Áncora, filial de Transpesca e propietaria dos seus catro buques e cotas de pesca. (Fonte: Faro de Vigo).

Portugal
Acoso policial a médicos galegos
O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, elevou unha petición ao goberno central para pedir a solución das denuncias presentadas pola Asociación de Profesionais Españois da Saúde en Portugal, sobre o acoso da Garda Nacional Republicana cara os coches de médicos galegos que traballan neste país, por considerar que non pagan o imposto nacional de automóbiles, que tamén afecta ás persoas con contrato laboral en Portugal, con independencia da súa nacionalidade. (Fonte: La Voz de Galicia).
21/06/2007
Marítima
Momento estelar para a naval galega
O acordo asinado con Australia para a construción de buques en Ferrol ata o 2014 potenciará o sector naval galego, segundo vaticinan expertos deste sector. O volume de pedidos para os estaleiros de Vigo e Ferrol superan o medio centenar, por valor de 5.945 millóns de euros. As armadoras de Noruega, Gran Bretaña, Holanda e Rusia son os mellores clientes para Galicia, que posúe mellor capacidade competitiva en custes e tecnoloxía que países emerxentes como China, India e Vietnam. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima
Vigo perde conexión suramericana
A empresa naval danesa Maersk confirmou a cancelación da súa liña en Vigo cara América do Sur, para o tráfico dos seus 3.700 contedores e máis de 28.000 cargas frigoríficas, seguindo criterios comerciais. Maersk elixiu o porto belga de Amberes como substituto do porto vigués, para unha liña que parte de Le Havre e pasa por Alxeciras antes de chegar a continente americano. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Vicepresidenta da Alianza Libre Europea
Ana Miranda, voceira do BNG ante as institucións da UE e membro do seu consello nacional, foi nomeada vicepresidenta da Alianza Libre Europea, ALE, organización que conforman 32 partidos políticos europeos e con 42 deputados no Parlamento europeo. Segundo Miranda, o obxectivo é “visualizar esta alternativa” cara as eleccións parlamentarias de 2009, de cara “a fortalecer a idea dunha Europa plural”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Polonia
Promover a rubia galega
A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, ACRUGA, partirá para este país de Europa do Leste coa finalidade de promover a raza gandeira coñecida como “rubia galega”. O seu secretario executivo, José Antonio Carril, reunirase con representantes do ministerio polaco de gandería, empresas importadoras e cooperativas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
A percepción da inmigración
Unha enquisa realizada pola Mancomunidade de Ordes nos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso e Trazo sobre a percepción da inmigración, considerou que un 58% observa este fenómeno como “positivo”, mentres un 25% considera que existen “bastantes inmigrantes” nesta rexión. A comarca ordense posúe inmigrantes de Arxentina, Colombia, Venezuela, Europa do Leste, Magreb e Perú. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba
Centenario da Unión Barcalesa
A asociación “Alén Mar”, que inclúe ás parroquias de Negreira e A Baña, organizará unha viaxe a Cuba para o 28 de outubro, coa finalidade de conmemorar o centenario da Unión Barcalesa, entidade da diáspora galega na illa caribeña, que celebrará o 3 de novembro esta conmemoración. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
O maior parque eólico da UE
O consorcio portugués Ventominho e a empresa española Fenosa, asinaron o financiamento de 325 millóns de euros para a construción do maior parque eólico de Europa, o Alto Miño I, nos concellos de Melgaço, Monçao, Paredes de Coura e Valença do Minho, na fronteira entre Galicia e Portugal. Ventominho asinou contratos con entidades como Barclays, Caixa Banco de Investimento, Millenium Investment, Banco Europeo de Investimentos e Millenium BCP. Se espera que entre en funcionamento no 2008. (Fonte: El Correo Gallego).
20/06/2007
Diáspora
“Dobre discurso” no voto emigrante
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, anunciou que non se sumará á iniciativa de reforma do voto emigrante, se non se cumpre a reforma da lei electoral antes das próximas eleccións xerais. Aymerich acusou ao PSdG e o PPdG, de aplicar un “dobre discurso” no tratamento do voto emigrante, que permite perpetuar o actual sistema “para manipular o seu voto”. Do mesmo xeito, o voceiro nacionalista considerou “irresponsable” a pretensión de outorgar o pasaporte aos netos dos emigrantes sen antes modificar a lei electoral. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).

Marítima
Galicia moderniza a Armada australiana
Australia encargou á empresa galega Navantia a construción de dous buques de proxección estratéxica e o deseño de tres fragatas enmarcadas dentro do proceso de modernización da armada dese país. A construción permitirá ao estaleiro de Ferrol unha maior capacidade laboral ata o 2014. Navantia superou á francesa Armaris e a estadounidense Gibbs and Cox na preferencia australiana. Non obstante, os gobernos de Indonesia e Tailandia amosaron a súa preocupación pola estratexia australiana, acusando dunha posible “carreira armamentista” na zoa de Asia-Pacífico. (Fonte: El Correo Gallego, La Voz de Galicia e www.vieiros.com).

Galicia
Baloncesto feminino contra Cuba
A selección galega de Baloncesto feminino enfrontouse a Cuba en Vilagarcía, dentro dun partido internacional contra unha das seleccións máis potentes do mundo. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Unha “identidade” para Vigo
O Club Financeiro de Vigo realizou unha xuntanza de empresarios, investigadores e expertos en imaxe corporativa, destinados a atopar unha “marca de identidade” para Vigo, a fin de propiciar un proxecto de internacionalización que permita reforzar os elementos de atracción de investimentos e interese mundial cara a cidade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Asia
Moda asiática para Galicia
Segundo datos do Instituto de Comercio Exterior, ICEX, a nosa Comunidade aumentou nun 14% no 2006 as súas importacións de moda de países asiáticos, principalmente India, China, Paquistán e Tailandia. Mentres, as exportacións de moda galega cara Asia incrementouse nun 46% neste mesmo período. O sector téxtil supera ao material industrial e o peixe como principal segmento de intercambio comercial entre Galicia e Asia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Europa do Leste
Romanía e Bulgaria aumentan comercio
Coa entrada de ambos países na UE, no primeiro trimestre de 2007, Galicia incrementou as súas exportacións cara Romanía e Bulgaria, cun 34% e un 270% de aumento respectivamente. O téxtil e os produtos marítimos lideran estas exportacións galegas, xunto coas novas tecnoloxías. (Fonte: Faro de Vigo).
19/06/2007
Brasil
Porto pesqueiro en Bahía
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o gobernador do estado brasileiro de Bahía, Jacques Wagner, amosaron a súa disposición de crear un porto pesqueiro neste estado, e colaborar en proxectos de acuicultura e investigación marítima. Tamén se realizarán axendas paralelas cos responsables de Industria e Sanidade deste estado brasileiro. (Fonte: El Correo Gallego).

Brasil
Wal Mart e Estrella Galicia
A compañía galega Hijos de J. Rivera acordou coa cadea de supermercados Wal Mart de Brasil a venda nos seus establecementos da cervexa “Estrella Galicia”, repetindo a experiencia realizada no 2003 con Wal Mart de México. (Fonte: El Correo Gallego).

China
Alianza metalúrxica
Unha delegación empresarial da rexión chinesa de Tianjin realizou unha visita ao sector metalúrxico galego para establecer acordos de cooperación en varios sectores, principalmente a automoción. A visita foi organizada pola Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, ASIME, e a Asociación de Moldistas Matriceros e Afíns, AGMMA. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Peso tecnolóxico internacional
A Plataforma Tecnolóxica de Galicia espera incrementar a súa dimensión internacional para o 2007 coa apertura de medio cento de empresas e a concreción de tres proxectos valorados en cinco millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Palestina
UNRWA en Galicia
Eduardo Reneses de la Fuente, director do Comité Español da Axencia da ONU para os Refuxiados en Palestina, UNRWA polas súas siglas en inglés, visitou o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, co obxectivo de concretar os pasos necesarios para que o IGADI asuma a representación galega das actividades da UNRWA. (Fonte: www.igadi.org, La Voz de Galicia e Faro de Vigo).

Palestina
Unha loita fratricida
O presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, o empresario de orixe palestina radicado en Galicia, Ghaleb Jaber Ibrahim, amosou a súa “tristura” polos enfrontamentos entre as milicias de Hamas e Al Fatah, pedindo “perdón” polo “espectáculo” e “aos amigos da causa que por riba de todo sigan a crer nesta loita”. Jaber Ibrahim sospeita dun “plan” deseñado por EEUU e Israel para “deixar Gaza en mans de Hamas”. (Fonte: El Correo Gallego).
18/06/2007
Diáspora
Piden garantir o voto exterior
Dende Euskadi, durante a celebración do Día de Galicia, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, reclamou á clase política galega unha reflexión para que a reforma do voto emigrante sexa acompañada “con mecanismos imprescindibles para exercer o voto exterior con total garantía”. (Fonte: El Correo Gallego).

Mozambique
Denuncian ameazas contra empresaria galega
Ana Alonso, empresaria galega do sector forestal, denunciou ter recibido ameazas de morte por parte dun “sindicato criminal” protexido polas autoridades locais, pola presenza da súa empresa, Euromoz, nunha exploración forestal de 600 km2 no centro do país. Alonso, antiga xornalista, chegou a Mozambique a traveso dun programa de cooperación da ONU. (Fonte: El Correo Gallego).
17/06/2007
Galicia
Guantánamo como protesta
Amnistía Internacional de Galicia realizou unha manifestación en Santiago pola liberación do cidadán saudita Yousef Al-Shehri, quen fora detido no 2001 en Afganistán sendo menor de idade (16 anos) e trasladado á cárcere de Guantánamo, sen formulación de cargos nin sometemento a xuízo. (Fonte: El Correo Gallego).
16/06/2007
Galicia
Condecoración para Coren
A presidenta da Royal Society for Cruelty to Animals, Jackie Ballard, premiou á empresa alimenticia galega Coren co Freedom Food, que avala nos seus procesos produtivos o respecto polos estándares de benestar animal. Neste sentido, Coren convértese na primeira produtora avícola de Europa en ser distinguida con este galardón. Ballard alabou o modelo de cooperativa desenvolvido por Coren. (Fonte: El Correo Gallego).
15/06/2007
Marítima
Rescatan inmigrantes en Libia
O pesqueiro “Nuestra Madre de Loreto”, de Alacante pero con tripulación galega, rescatou unha embarcación con 25 inmigrantes ilegais nas augas libias, preto do porto de Trípoli, sen obter axuda oficial dese país. Esta mesma embarcación salvou no 2006 a 51 inmigrantes na mesma zoa marítima. O goberno español cualificou a actitude das autoridades libias de “grave”. (Fonte: El Correo Gallego).
14/06/2007
Diáspora
BNG abandona a reforma do voto emigrante
Os deputados nacionalistas Iago Tabarés e Carlos Aymerich decidiron abandonar a comisión do Parlamento galego para a reforma do voto emigrante ao entender que o calendario de traballo impedirá que esta lei entre en vigor antes dos próximos comicios xerais de marzo de 2008. Aymerich considerou que esta decisión é a consecuencia da imposición por parte do PPdG e o PSdG-PSOE dun calendario de traballo que limita esta reforma. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Cooperación con Haití
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse coa intelectual haitiana Suzy Castor, coa finalidade de explorar vías de cooperación entre Galicia e Haití. Castor realizou unha serie de conferencias en Galicia sobre a condición da muller no país antillano. (Fonte: www.xornal.com).
13/06/2007
Galicia
Cumio mundial de arquitectura
Santiago acollerá en novembro próximo o V Encontro Internacional de Arquitectura, que reunirá aproximadamente a 1.200 persoas e a expertos de países como Alemaña, Portugal, Chile, Iraq, Suíza, China, Xapón, Arxentina e Francia. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Simposio internacional sobre a pobreza
Caixanova, a USC e a dirección xeral de Cooperación Exterior colaborarán co Club Internacional de Prensa na celebración, entre outubro e novembro próximo, do simposio “Pobre Mundo Rico”, coa participación de 110 relatores, entre eles Ignacio Ramonet, director de Le Monde Diplomatique; Bernard Cassen, fundador do movemento ATTAC, Frei Betto, teólogo da liberación, e o profesor Mbuyi Kabunda, entre outros. Os poñentes realizarán as súas conferencias en Santiago, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Amarante e Adolfo Domínguez
A ONG pontevedresa Amarante abordou na xunta de accionistas da empresa ourensá Adolfo Domínguez a situación dos dereitos laborais e a responsabilidade dos grupos téxtiles galegos en China, India e outros países asiáticos. Xoán Hermida, representante desta ONG, esixiu ante o vicesecretario do consello de administración desta empresa, Fernando Trebolle, que se reflectira nas auditorías da empresa a vulneración dos dereitos laborais dos traballadores das fábricas que Adolfo Domínguez posúe en China. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Pesca
Loita contra a pesca ilegal
Bruxelas espera que a Axencia Comunitaria de Control da Pesca, que abrirá a súa sede en Vigo para o 2008, teña un “papel crucial na loita contra a pesca ilegal”, segundo considerou o comisario europeo de Pesca, Joe Börg, que asegurou que os actuais sistemas de control posúen “puntos fracos” como a falta de medios para prever a importación de produtos de procedencia ilícita e a facilidade con que os buques de conveniencia seguen a traballar na alta mar. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Predominio dos prexuízos informativos
Segundo un estudo da Universidade de Vigo e a Cruz Vermella, nun 31,4% das noticias recollidas na prensa galega sobre a inmigración predomina o enfoque de conflito, mentres nun 35,4% aborda a chegada de inmigrantes e un 19,2% centra a atención na delincuencia e as mafias. Este estudo, que insta a modificar os estereotipos na sociedade galega cara a inmigración, considera tamén que a muller inmigrante apenas ten visibilidade nos medios informativos galegos. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/06/2007
Galicia
Na cola demográfica
No derradeiro padrón que publica datos de xaneiro de 2007, España superou os 45 millóns de habitantes, dos cales cinco millóns son estranxeiros. Galicia segue á cola en número de inmigrantes, cun 2,9%, localizándose no antepenúltimo lugar a nivel estatal. Os 7.267 inmigrantes chegados a Galicia no 2006 contribuíron a frear a súa caída demográfica. (Fonte: www.xornal.com e La Voz de Galicia).

Galicia
Mariñas de luxo
O Banco Pastor e o grupo armador vigués Ronáutica presentarán unha alianza para promover as mariñas de luxo en todo o mundo, especialmente cara a explotación comercial dos portos deportivos. A primeira incursión será en Qatar, coa utilización dun socio local para promover complexos turísticos e de ocio. Outros países do Golfo Pérsico están no punto de mira desta alianza galega. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Hospital en Quenia
A dirección xeral de Cooperación Exterior da Xunta, a Deputación de A Coruña e a Asociación Vihda, colaborarán na construción dun hospital para enfermos de VIH no distrito de Maragua, provincia central deste país africano. Neste sentido, reuníronse en Santiago a directora xeral de Cooperación, Fabiola Sotelo, o presidente en funcións da deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, e o director do Programa de Saúde do Ministerio de Sanidade de Quenia, Rumunyu Mwangi, para acordar estratexias na construción deste hospital para 250 enfermos de VIH. (Fonte: El Correo Gallego).

China
O mercado da Ribeira Sacra
Tras iniciar a súa expansión comercial por América e Europa, a colección de viños con denominación de orixe de Ribeira Sacra iniciou a súa entrada no mercado chinés, principalmente ante o ascenso dunha poderosa clase media empresarial. (Fonte: El Correo Gallego).
11/06/2007
Inmigración
Promoción da integración
A secretaría xeral de Emigración e o ministerio de Traballo destinarán mais de cinco millóns de euros en programas de acollida e integración para os colectivos inmigrantes radicados en Galicia, especialmente no sector educativo, emprego, vivenda, saúde e igualdade. Este acordo está recollido no Marco de Cooperación para a Xestión e a Integración de Inmigrantes 2007. (Fonte: El Correo Gallego).

China
Galicia necesita maior promoción
Conchi Martínez, natural de Lugo, é a única bolseira galega do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, que traballa no Instituto Español de Comercio Exterior, ICEX, en Beijing. Martínez observa a falta de promoción comercial de Galicia no país asiático, principalmente no sector téxtil. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Curtametraxes para Guinness
O director galego Alber Ponte pode formar parte da lista do libro Guinness dos récords polos seus 38 curtametraxes exhibidos en Europa, África e Asia. Só un director finlandés e outro islandés superan a Ponte na súa posible designación para o Guinness. (Fonte: La Voz de Galicia).
10/06/2007
Arxentina
Unha réplica do Camiño
O goberno de Bos Aires asinou un convenio con varias entidades galegas para inaugurar no mes de xullo un paseo dedicado aos emigrantes galegos e unha réplica do Camiño de Santiago. O convenio foi asinado na sede do Club Deportivo Español polo alcalde da capital arxentina, Jorge Telerman, e varios directivos de centros e asociacións galegas. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
A ruta africana da cocaína
As autoridades policiais españolas están rexistrando que o norte de África estase a constituír na nova base de operacións dos narcotraficantes galegos, para controlar os transportes de cocaína dende América do Sur con destino a Europa. A detención en Melilla dun narcotraficante de Vilanova confirmou esta información. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Os dereitos das mulleres en América
Suzy Castor, intelectual haitiana e unha das mais coñecidas defensoras dos dereitos humanos en América Latina, impartiu unha conferencia en Santiago dentro da serie de conferencias “América, cada vez máis latina”, presentada pola Fundación Caixa Galicia. Castor dirixiu un programa de educación da UNESCO. (Fonte: El Correo Gallego).
09/06/2007
Arxentina
Obra social bilateral
O ministro arxentino de Saúde, Ginés González García, e o conselleiro de Traballo e Asuntos Sociais da embaixada española nese país, Rafael Herrera Gil, inauguraron no Centro Gallego de Bos Aires a nova obra social asociada ao seu hospital, denominada España. Esta obra foi posible grazas á aprobación do goberno arxentino e os apoios da Xunta e o goberno español. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Maior crecemento que Europa
Cun crecemento do PIB calculado no 4,2% para o primeiro trimestre do 2007, a economía galega rexistrou un punto superior de crecemento económico con respecto á UE (3,2%) e no conxunto do Estado español. Estes datos foron presentado polo conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, quen cualificou este crecemento de “sólido e vigoroso”. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Acordo en Camboxa
O grupo galego Inditex avalou un acordo entre a empresa téxtil autóctona, o seu provedor River Rich, e o sindicato C. Cawdu para aplicar os códigos de Conduta e Responsabilidade Social Corporativa Empresarial, que abrirá unha nova etapa nas relacións laborais deste país asiático. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Converxencia laboral europea
O comisario europeo de Emprego, Asuntos Sociais e Igualdade de Oportunidades, Vladímir Spidla, considerou “estupenda” a xestión por parte da Xunta dos fondos europeos de cohesión, durante unha visita a Santiago. Spidla vaticinou que Galicia alcanzará no 2013 a converxencia media con Europa en nivel de renda, en parte grazas á utilización dos mil millóns de euros que recibirá a Xunta do Fondo Social Europeo para o período 2007-2013. (Fonte: El Correo Gallego).
08/06/2007
Galicia
Líder mundial en enerxías renovables
A inauguración en Vigo da I Feira Internacional de Enerxías Renovables e Medio Ambiente, que contou coa participación do conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, presentou as novidades en canto a enerxía solar, eólica, hidráulica, de biomasa e biogás. Segundo Blanco, o obxectivo é converter a Galicia no líder mundial en enerxías renovables para o 2012. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Viaxe ao exótico Exipto
A fotógrafa exipcia May El Hossamy presentou en Santiago a súa exposición “Desertos e Oasis de Exipto”, con motivo dunha invitación da Fundación Araguaney. El Hossamy foi premiada no 2006 co World Aids Day, patrocinado polo British Council de El Cairo. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Acusan a Madrid e Lisboa
Dende Bruxelas, o secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Santiago Gómez-Reino, advertiu aos gobernos español e portugués de que, no caso de non aprobar antes do 31 de xullo o marco xurídico para a conformación das Asociacións Europeas de Cooperación Transfronteiriza, AECT, estarán en perigo os intereses da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Gómez Reino cualificou esta situación de “aberrante” e considerou difícil que tanto Madrid como Lisboa logren aprobar a tempo este marco xurídico. A principios de xullo, Galicia acollerá un seminario sobre cooperación territorial europea, que será inaugurado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. (Fonte: www.xornal.com e La Voz de Galicia).

Cultura
Cultura galega e mestizaxe
O presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea, Ramón Villares, realizou unha conferencia sobre a tradición europea da cultura galega e a mestizaxe propiciada polo Camiño de Santiago, na universidade escocesa de Stirling, baixo o título “Galicia, unha cultura europea”. (Fonte: La Voz de Galicia).
07/06/2007
Pesca
Desaparecido en Mauritania
O mariñeiro José María Castro Pampín, de 36 anos, natural de Marín, desapareceu nas augas de Nouadhibou, neste país africano, onde realizaba labores para a armadora Pesqueira Albor L.D.A, radicada en Cambados. Castro Pampín fanaba co barco portugués “Favaios” desde decembro de 2006 e estaba a finalizar o seu labor pesqueiro. (Fonte: El Correo Gallego).

Suíza
Colaboración coas entidades galegas
A Secretaría Xeral de Emigración subscribiu un protocolo no que se establecen as condicións polas que se rexerá a colaboración coas entidades galegas en Suíza asinantes de cara á posta en funcionamento, por parte da Xunta, de accións de información e asesoramento periódicas tanto nos centros suízos como nos radicados en Liechtenstein que así o demanden. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
A pegada australiana de Frei Rosendo
A entidade Australia-Spain Business Association, ASBA, fundada en A Coruña, organizará os actos de homenaxe do peregrino Frei Rosendo Salvado, ao cumprirse o CLX aniversario da fundación da abadía de Nova Nursia, en Australia. O seu vicepresidente Barry-Francis McGinley estivo en Tui xunto ao embaixador australiano, para participar nesta homenaxe. A ASBA é unha entidade promovida por homes de negocios galegos e portugueses para fortalecer as relacións históricas e culturais con Australia. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/06/2007
Galicia
A reforma das institucións internacionais
Representantes de entidades promotoras da reforma das institucións internacionais (FMI, Banco Mundial, ONU, etc) informaron en Santiago sobre os obxectivos dunha campaña a realizar en Galicia, que esperan sumar aos concellos, entidades e representantes gobernamentais. Os promotores da idea son Manuel Dios, do SGEP, Xabier Macías, da Fundación Galiza Sempre; Uxío Breogán, da FESGA, Roberto Mansilla, do IGADI; Manolo Barbeitos, da Fundación Luís Tilve; e Miguel Anxo Fernández, de Xustiza e Igualdade. Apoian tamén o proxecto Esculca, IGESIP e a Coordinadora Galega de ONGs. A información sobre esta campaña está na web oficial Reformcampaign.org. (Fonte: www.vieiros.com e La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Participación en Intersolar
A Cámara de Comercio de Vigo organizou a visita de once empresas galegas á feira Intersolar, a mais importante sobre enerxía solar en Europa, que se inaugurará na cidade alemá de Freibürg a finais de xuño. As empresas galegas invitadas están vinculadas á fabricación de instalación de paneis solares. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura
Bélxica e a riqueza cultural galega
A asociación Muziekpublique, fundada por membros da diáspora galega en Bruxelas, acordou coa Xunta a celebración dunha serie de actos musicais e culturais no teatro El Molière, co espectáculo “Ida e Volta” e as actuacións de Verónica Codesal, Uxía Senlle e Guadi Galego. O Muziekpublique conta actualmente con 7.000 socios e mestura o seu nome con palabras francesas e flamencas, produto da fusión cultural en lingüística. (Fonte: La Voz de Galicia).

Alemaña
Ingresar no mercado alimentario
A Cámara de Comercio de Lugo organizou unha xornada para dar a coñecer os mecanismos de ingreso das pemes galegas no mercado alimentario alemá, especialmente en materia vitivinícola, peixes, pastelería e produtos ecolóxicos. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/06/2007
Galicia
A Brilat para o Líbano
A Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (Brilat) ultima os preparativos para partir ao Líbano a mediados de xullo. Así o confirmou o xeral xefe da Brilat, José María Prieto, que estará á fronte do continxente. Prieto ten experiencia noutras misións internacionais como a que encabezou en Cosova a finais de 2005. (Fonte: Faro de Vigo).

Galicia
Novo director de UNICEF
O oftalmólogo lucense Manuel Sandez, foi elixido novo director do Comité Galicia de UNICEF, co compromiso de sumar socios e afrontar os problemas desde unha perspectiva global, considerando como prioritarios a loita contra a SIDA, os proxectos educativos e a situación da infancia en Iraq. Sandez leva quince anos vinculado a UNICEF. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Presentación do Instituto Camões
Por vez primeira, e en colaboración coa USC, o Instituto Camões organizará en xullo en Santiago dous cursos de verán, un sobre “Cultura e Arte do Portugal contemporáneo” e outro sobre “Portugal en Debate”. Impartirán as súas clases a presidenta do instituto, especialistas da Comisión Europea, representantes da Universidade de Lisboa e o director do diario Jornal de Notícias. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Participación viguesa en Rusia e EEUU
A Cámara de Comercio de Vigo organizará a visita de once empresas galegas na feira pesqueira “Seafood” en Moscova, así como a participación de empresas de alimentación, construción, consultaría, peixe, transporte e pedra en Los Angeles e San Francisco, en California, na que terán especial participación as firmas vitivinícolas de denominacións de orixe Valdeorras, Ribeiro e Rías Baixas. Tamén participará na feira de enerxía solar “Intersolar” en Freibürg, Alemaña. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/06/2007
Galicia
Desmantelada rede narcotraficante
Unha banda de narcotraficantes colombianos radicada en Vigo foi desarticulada en Amsterdam, tras unha operación conxunta das autoridades españolas e holandesas. A operación policial comezou na provincia de Pontevedra, onde a banda colombiana operaba no tráfico de cocaína proveniente da cidade de Cali, Colombia. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Iniciativa asiática
O departamento de Relacións Internacionais da universidade de A Coruña anunciou a súa proposta de dar un salto adiante cara Asia, destinado a atraer e concretar accións de cooperación con estudantes e universidades deste continente. O interese por Asia ven traducido na consolidación da universidade coruñesa dos programas Erasmus coa Unión Europea e o asinamento de convenios con universidades latinoamericanas e de EEUU. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
O “período máis próspero” de Galicia
Un dos diarios con maior circulación en Portugal, o Jornal de Notícias, realizou unha reportaxe sobre a situación económica galega, asegurando que “os indicadores económicos máis recentes non deixan marxe para dúbidas. Galicia atravesa o período máis próspero da súa historia e promete superar todos os índices de crecemento de España”. Maiores salarios, menor desemprego e o dinamismo dos sectores de servizos e industria, permiten certificar este diagnóstico, que contrasta “coa crise que se vive na rexión Norte de Portugal”. Esta información foi corroborada por Carlos Lage, presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal. (Fonte: www.vieiros.com).

Diáspora
Tres programas de axudas
Cun orzamento total de 350.000 euros, os emigrantes galegos residentes en Iberoamérica e Europa poderán verse beneficiados por tres novos programas da Xunta, segundo publicou o Diario Oficial de Galicia, DOG. Estes programas son: “Volver á Terra”, un programa de reencontro que beneficiará a 131 galegos maiores de 60 anos; “Volver a Casa”, destinado a 366 galegos maiores de 55 anos; e “Viaxes de Ocio”, que xestionará a viaxe á nosa Comunidade de 136 galegos residentes en Europa. (Fonte: La Voz de Galicia).
03/06/2007
Xacobeo
Ruta fotográfica italiana
Tras percorrer diversas cidades italianas, a exposición fotográfica “Il Cammino e i Camminatori di Santiago di Compostela” realizou a súa mostra en Santiago, da man da súa responsable, María Luisa Magistrati, duquesa Dell´Aquila d´Aragona. O alcalde santiagués, Xosé Sánchez Bugallo, e diversos visitantes da realeza europea, estiveron na apertura da exposición. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Operadores turísticos europeos
Coa finalidade de coñecer a oferta turística denominada España Verde, que inclúe a Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, un total de 20 operadores turísticos de Alemaña e Austria visitaron as instalacións de Turgalicia, con motivo dunhas xornadas de información celebradas en Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
A Semana Verde de Galicia
A tradicional feira agropecuaria que se celebra anualmente en Silleda reunirá, a mediados de xuño, aos conselleiros económicos das embaixadas de Holanda, Hungría, Rusia, Marrocos, Bulgaria e Irlanda, aos que poderían sumarse representantes doutros países como Brasil, Reino Unido, Uruguai, Arxentina e Portugal. Esta reunión foi xestionada pola embaixada de Alemaña como país que ocupa a presidencia rotativa da UE. (Fonte: La Voz de Galicia).
02/06/2007
Inmigración
Aumento dos alumnos estranxeiros
A consellería de Educación presentou os datos do curso 2006-2007, segundo os cales, nas ensinanzas infantil, secundaria e de formación profesional, existen 10.502 estudantes estranxeiros en Galicia, un 2,8% dos matriculados, seis veces máis ca os 1.736 existentes no 2000. Colombia, Arxentina, Brasil, Marrocos e Portugal están á cabeza, pero existen alumnos de países tan distantes e diferentes como Exipto, Gana, Cabo Verde, Acerbaixán, Eslovenia, Italia, Ucraína, Francia, Polonia, Holanda, EEUU, Rusia ou Cuba. En Santiago, o aumento do alumnado inmigrante foi do 50%, con 600 menores estudando nos centros da capital. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Dicionario en nove linguas
Ante o aumento do alumnado inmigrante e a correspondente variedade lingüística destes alumnos, a consellería de Educación veuse na necesidade de elaborar un dicionario en nove linguas (chinés mandarín, rómano, árabe, francés, inglés, portugués e italiano), xunto ás súas traducións en galego e español, para o próximo curso escolar 2007-2008. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Europa e as rexións
O foro “Europa e as rexións” celebrado en Porto permitiu a presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, destinada a buscar estratexias de descentralización rexional que afonden o proceso de construción da UE. Touriño asegurou que a finais de ano funcionará en Vigo a Agrupación de Cooperación Transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, que xestionará 100 millóns de euros para o plan estratéxico 2007-2013. (Fonte: La Voz de Galicia).
01/06/2007
Diáspora
Modificarán o voto emigrante
O PPdG, o PSdG e o BNG iniciarán as conversar para modificar o sistema do voto emigrante. Tanto populares como socialistas piden unha erradicación das “malas prácticas” dos comicios no exterior, suxeito a diversas manipulacións. Pola súa banda, o BNG reclama a limitación na participación dos residentes ausentes. (Fonte: www.vieiros.com).

Diáspora
Aumenta directorio dos galegos no exterior
Un total de 400 persoas rexistráronse no Directorio da Cidadanía Galega no Exterior, segundo informou o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez. Esta ferramenta de comunicación coa Xunta, cunha páxina web que superou as 3.000 entradas desde a súa inauguración en novembro de 2006, presenta unha maioría de cidadáns descendentes de galegos emigrados a América Latina. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Líder mundial en bandeira azul
Con 119 praias e oito portos, Galicia convértese no verán de 2007 no líder mundial con maior número de praias distinguidas coa cualificación de “bandeira azul”, que certifica a limpeza e calidade das súas augas. Estes datos foron ofrecidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, ADEAC, organización que leva 20 anos outorgando estes galardóns. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Australia e Frei Rosendo Salvado
O embaixador australiano en España, Noel Campbell, presidirá en Tui unha homenaxe á figura de Frei Rosendo Salvado, misioneiro galego do século XIX que viviu neste país de Oceanía, no marco da celebración do 160º aniversario da abadía-misión de Nova Nursia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Congreso mundial electrónico
A principios de xuño, Vigo será a sede do primeiro Congreso Internacional de Electrónica Industrial, que reunirá a 600 especialistas de 62 países. Este congreso de carácter anual abordará as novas tendencias electrónicas industriais, especialmente en automoción e téxtil. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Cooperación téxtil
A Associaçao Textil e do Vestuario de Portugal, xunto á Asociación de Industrias de Punto e Confección de Lugo, Ourense e Pontevedra, asinaron en Vigo un convenio de cooperación para a formación dun clúster que permita dinamizar o sector téxtil no ámbito da eurorrexión. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Piden explicacións por expulsións laborais
O goberno portugués esixiu ao seu similar español que explicara os motivos da expulsión de entre cinco e seis empresas portuguesas que traballaban como subcontratistas para o sector naval na ría de Vigo. Diversos diarios portugueses viñan publicando artigos sobre a detección destas subcontratas que realizaban as súas actividades a prezos máis baixos, pagando por debaixo do mínimo admisible aos seus operarios, co cal quedaban completamente excluídas do convenio do sector naval. (Fonte: La Voz de Galicia).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Exportador, El País, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, vieiros.com, xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2007: maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2006: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2005: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/07/2007
Fernando Pol


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta