Diario Exterior / maio de 2007

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

31/05/2007
Venezuela
Liberado Francisco Muradás
Un día despois da liberación do empresario de orixe ourensá Nicolás Cid Souto, a policía venezolana liberou a outro emigrante galego secuestrado, Francisco Muradás Bugallo, tras unha operación nunha zona selvática no estado Bolívar. Tras ser trasladado a un hospital da cidade de Puerto Ordaz, Muradás puido falar co seu fillo, radicado en Santiago de Compostela. A súa familia negou o pago dun rescate, a pesares de que os secuestradores esixían máis de 800.000 euros. (Fonte: www.vieiros.com e El Correo Gallego).

Diáspora
Galicia liderou o voto emigrante
Segundo información de Correos, Galicia liderou o voto da diáspora entre todas as comunidades estatais: 22.792 votos procedentes do Centro de Residentes Ausentes no Estranxeiro, CERA. Arxentina, Francia e Venezuela comandan os países de orixe destes votos da diáspora. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
Voo directo Bos Aires-Compostela
A compañía aérea “Aerolineas Argentinas” anunciou a reanudación do voo directo entre o aeroporto bonaerense de Ezeiza e o compostelán de Lavacolla para o próximo 29 de xuño. (Fonte: El Correo Gallego).

Marrocos
Unha licenza para pesqueiro galego
Un só barco galego ten licenza das autoridades marroquís para fanar nas augas deste país, segundo anunciou a ministra de Pesca, Elena Espinosa. A ministra considerou que para xuño espera poder ampliar a dez estas licenzas. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Electrónica galega para Asia
A empresa de electrónica Blusens, líder en España en reprodutores MP3, abriu sendas sucursais en Malaisia e Dubai, que cubrirán as vendas comerciais en 50 países, principalmente en África Oriental, Oriente Medio e sureste asiático. Blusens xa abrira recentemente unha sociedade en Hong Kong, China. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Consulado turco en A Coruña
O embaixador da República de Turquía en España, Ender Arat, presidiu a apertura do primeiro consulado turco en Galicia, neste caso en A Coruña. O avogado coruñés Francisco Peleteiro Gallego, quen traballara durante anos en Turquía, exercerá de cónsul honorario. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Estudantes suecos en O Porriño
Por medio dun intercambio cultural, estudantes da escola Göinge Utbildningscenter Stenforsaskolan de Suecia, trasladáronse ás canteiras de pedra do Porriño para facer prácticas na empresa Blockgándara S.L. Anteriormente, estudantes de Francia, Romanía e Finlandia amosaran o seu interese en recibir preparación nestas canteiras. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
De A Pastoriza a Caldas da Rainha
Unha representación de profesores e alumnos do IES Fonmiñá da localidade lucense de A Pastoriza, viaxou a Caldas da Rainha, en Portugal, como parte do programa educativo europeo Comenius, do que forma parte xunto a representantes de Polonia, Romanía, Italia e Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).
30/05/2007
Venezuela
Unha detención liberou a Cid Souto
A detención dun presunto secuestrador do empresario ourensán Nicolás Cid Souto, tres horas antes da súa liberación, permitiu á Garda Nacional de Venezuela activar un rápido operativo de rescate no municipio de Anzoátegui, no estado Cojedes. Nesta operación foron detidos cinco cidadáns venezolanos e colombianos. Sobre o secuestro doutro empresario galego, Francisco Muradás Bugallo, o diario El Correo del Caroní, do estado Bolívar, informou da morte dun dos seus posibles secuestradores, durante un tiroteo coas autoridades policiais. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Interese italiano polo percebe
Unha empresa de peixe e marisco italiana amosou o seu interese no percebe da confraría de Lira, en Carnota, a fin de comercializalo en Milán e Turín. O diario italiano La Stampa publicou un artigo sobre estes crustáceos durante a presentación en Xénova do salón Slow Fish, onde a confraría de Lira presentou os seus produtos. (Fonte: El Correo Gallego).

Xapón
Promove o parque automotor galego
O IGAPE presentou na cidade nipona de Yokohama, xunto ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG, un programa das oportunidades de investimento e asociación tecnolóxica no sector do automóbil en Galicia, durante a celebración da feira Automotive Engineering Exposition, que reuniu a promotores de Francia, Gran Bretaña, Bélxica e Xapón. (Fonte: El Correo Gallego).
29/05/2007
Venezuela
Liberado Cid Souto
A Policía de Venezuela puxo fin a 36 días de secuestro do emigrante ourensán Alberto Cid Souto, de 76 anos de idade, co apresamento de cinco dos seus secuestradores, presuntamente vinculados a insurxentes colombianos e tras fortes tiroteos nunha zoa montañosa do estado Cojedes. Cid Souto é presidente do grupo cárnico máis importante do país e amigo persoal do presidente Hugo Chávez, segundo explicaron o tenente coronel Luis Yoyotte, xefe do Centro de Criminalística de estado Cojedes e coordinador da investigación, e o gobernador desa entidade estatal, Johnny Yanez. (Fonte: Faro de Vigo e El Correo Gallego).

Inmigración
Crece o número de obreiros estranxeiros
O Centro de Información de Traballadores Estranxeiros, CITE, de Comisións Obreiras en Compostela, informou dun aumento da presenza de 36.439 inmigrantes que traballan nos sectores da construción, hostalería e empregados do fogar, o cal constitúe un aumento do 35%. Os inmigrantes procedentes de Arxentina, Portugal e China dominan esta presenza estranxeira, seguida de Uruguai, Venezuela, Brasil, Bulgaria, Romanía e Polonia. A Xunta, a patronal e os sindicatos esperan aumentar esta cifra a 60.000 inmigrantes en dous anos. (Fonte: La Voz de Galicia e Faro de Vigo).
28/05/2007
Pesca
Abandona flota galega na Arxentina
Ante o esgotamento da demanda, carencia de novos mercados e falta de sitio para almacenar as capturas, así como da baixa na cotización dos cefalópodos, a flota galega que fana nas augas arxentinas, especialmente empresas viguesas que traballaban nas illas Malvinas, comezou a abandonar este caladoiro. (Fonte: La Voz de Galicia).

México
Investimento turístico
O grupo galego Fadesa construirá no estado mexicano de Baixa California Sur, o seu maior complexo turístico, cun investimento de 4.000 millóns de euros. Este complexo, denominado “Loreto Paraíso”, estará situado no Mar de Cortés, no océano Pacífico. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cooperación
Presentan o plan de cooperación exterior
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, expuso en Lugo o plan de desenvolvemento en América Latina e África en materia medioambiental, desenvolvemento rural, igualdade de xénero e programas sanitarios. Sotelo explicou que a Xunta colabora con 42 ONGs galegas e resaltou a importancia do plan director de cooperación de 2006, que permitiu a Galicia ampliar a súa base de cooperación con 21 países, 17 dos cales son prioritarios, tres referentes (Arxentina, Venezuela e Uruguai) e un de tratamento específico, como é o Sáhara Occidental. Outro obxectivo é alcanzar un orzamento de cooperación do 0,4%, superior ao 0,09% actual na Xunta. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/05/2007
Venezuela
Asasinan a fillo de emigrante ourensán
Jorge José Cachaldora Castillo, de 37 anos, fillo dun empresario de orixe ourensá, foi asasinado na cidade venezolana de Valencia, capital do estado Carabobo, onde residía coa súa familia. O seu pai atopábase en Ourense cando foi informado do falecemento do seu fillo. Ao asasinato de Cachaldora engádense a irresolución nos secuestros en Venezuela dos empresarios de orixe galega Francisco Muradás e Nicolás Cid Souto. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Beneficiados por Cáritas
No 2006, a ONG Cáritas Diocesanas en A Coruña ofreceu asesoramento xurídico a 1.200 inmigrantes, un 70% mulleres, procedentes de países como Bolivia, Perú, Romanía, ex Iugoslavia, Marrocos, Alxeria ou Bulgaria. Este asesoramento inclúe trámites de visados, certificados de residencia, empadroamentos, nacionalidade ou reagrupamento familiar. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Cen millóns de euros en remesas
Un estudo da Fundación Galicia Emigración e o IGAPE, denominado “Remesas, Aforros e investimento de colectivos migrantes en Galicia”, calcula que os máis de 70.000 inmigrantes asentados en Galicia transfiren anualmente un total de cen millóns de euros aos seus países de orixe, unha cuarta parte dos seus ingresos. Portugal, Colombia e Brasil son os principais países receptores, seguidos de República Dominicana, Uruguai, Venezuela, Arxentina, Ecuador, Perú e Marrocos. O colectivo dos mariñeiros e pescadores estranxeiros asentados na nosa Comunidade envían un 10% dos seus ingresos. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Consulado ambulante colombiano
A fin de evitar o seu desprazamento a Madrid, a cónsul xeral de Colombia en España, Candelaria Palacio de Chomali, abriu durante tres días en Vigo un consulado ambulante para recibir a medio milleiro de colombianos residentes en Galicia,a fin de facilitar a tramitación de documentos legais como a nacionalidade, carnés de identidade e permisos de residencia. En Galicia habitan máis de 3.000 colombianos en situación legal. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Os estranxeiros e as eleccións
Vigo é o concello galego con maior número de estranxeiros participantes no proceso electoral municipal. Un total de 1.087 empadroados proceden de Noruega e países da Unión Europea, así como 10.158 estranxeiros doutros países que poderán exercer o seu voto. A nivel de participación política, o partido “Vigo de Esquerda” é o partido que inclúe maior número de inmigrantes nas súas listas, principalmente de Arxentina, Cuba, Ghana, Colombia e Italia. Pola súa banda, Esquerda Unida tamén inclúe a estranxeiros nas súas listas electorais, como no caso do concello coruñés de Ames, con arxentinos e uruguaios. O PP inclúe un sirio como cabeza de cartel no concello de Muras e a un senegalés en Ourense. O PSOE conta con Teresa Regúlez, nada na Arxentina, para Compostela, mentres un revolucionario cubano, Pedro Trigo López, acude polo BNG en Ourense. A colonia caboverdiana é tamén significativa en Lugo, contando con candidatos nas filas do PSOE, PP e BNG. (Fonte: La Voz de Galicia).
26/05/2007
Galicia
Respaldo á candidatura ferrolán
A candidatura do Ferrol da Ilustración ao Patrimonio da Humanidade obtivo un forte apoio durante a celebración do Día da Bicicleta na cidade departamental. Mil persoas participaron no acto de respaldo á candidatura ferrolán para a UNESCO. (Fonte: La Voz de Galicia).

Bolivia
Educación na selva boliviana
O instituto “Carlos Casares” de Viana do Bolo iniciará un proxecto de cooperación educativa, o Plan Valora, en colaboración coa ONG galega “Axuda en Acción”, para a mellora da educación básica na localidade de Bermejo, en plena selva boliviana. (Fonte: El Correo Gallego).

Bolivia
Hospital para Potosí
O bispo da rexión boliviana de Potosí, Walter Pérez, visitou a localidade coruñesa de A Pobra para agradecer a súa solidariedade na construción dun hospital nesta rexión boliviana. (Fonte: La Voz de Galicia).
25/05/2007
Galicia
As claves de Cuba
Alejandro Fuentes Hernández, cónsul xeral da República de Cuba para Galicia, Asturias e Cantabria, pronunciou unha conferencia sobre a situación cubana no contexto internacional, na facultade de Económicas da USC, dentro da Cátedra Bolívar dirixida por Luis Caramés. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Contra a lapidación
Alumnos da Facultade de Ciencias da Educación na USC realizaron en Santiago unha manifestación para protestar pola lapidación practicada en diversos países islámicos. Baixo o título “Pola erradicación da lapidación”, os alumnos da cátedra de Socioloxía dos Roles de Xénero consideraron que esta práctica non está contida no Corán senón que forma parte dunha interpretación dalgúns textos relixiosos. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
Doazón sanitaria
Cun orzamento de 300.000 euros, o Consello da Xunta autorizou que a Secretaría Xeral de Emigración estableza un marco de colaboración coa Fundación Galicia Saúde, a fin de contribuír á atención das necesidades sanitarias e socioasistenciais básicas dos emigrantes galegos residentes en Bos Aires en situación de vulnerabilidade. (Fonte: www.xornal.com).

Inmigración
Máis xustiza coa inmigración
O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, participou nas xornadas sobre “Xustiza e inmigración”, organizadas pola Agrupación de Avogados e Avogadas de Ourense, nas que apostou por superar o “utilitarismo e o paternalismo” no tratamento da inmigración en Galicia, evitando conformar “sociedades fragmentadas” e dispersas. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Apoio cultural europeo
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, pediu en Bruxelas “un maior apoio ás culturas das nacións sen Estado”, dentro dunha estratexia dirixida a abrir o mercado europeo aos produtos culturais galegos e facilitar ás pemes o acceso ás redes de distribución cultural europeas. (Fonte: La Voz de Galicia).
24/05/2007
Galicia
A difusión científica dende Harvard
O profesor David Edwards, da universidade de Harvard, participou nun ciclo de conferencias na USC sobre a difusión científica e o seu papel nos países en desenvolvemento. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Interese noruego na formación empresarial
Organizada polo Servizo Europeo de Emprego, EURES, a visita dunha delegación de Noruega ao Centro de Formación Empresarial de Coia, Vigo, permitirá contactar cos alumnos de especialidades en maquinaria e ferramentas, así como en sistemas hidráulicos e electro-pneumáticos, destinados a traballar nas industrias de gas e petróleo nese país. (Fonte: www.xornal.com).

Portugal
A maior planta de rodaballo do mundo
O presidente de Pescanova, Manuel Fernández Sousa, e o ministro portugués de Economía e Innovación, Manuel Pinho, asinaron en Lisboa o acordo que permitirá á empresa galega a construción da maior planta de rodaballo no mundo na localidade portuguesa de Mira. O investimento achégase aos 140 millóns de euros e Pescanova espera que en 2009, a produción logre incrementarse ata as dez mil toneladas, converténdose no maior produtor da Unión Europea. (Fonte: Faro de Vigo e www.vieiros.com).
23/05/2007
Venezuela
Posible pago por Cid Souto
Segundo as autoridades policiais venezolanas, un negociador da familia do empresario de orixe ourensán Nicolás Cid Souto, de 76 anos, estaría tentando o pago do seu rescate dende o estado occidental de Táchira, fronteirizo con Colombia. As autoridades policiais especularon que o pago do rescate roldaría os 2 millóns de euros. Por outra banda, foi capturado no estado de Cojedes un dos autores materiais do secuestro. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
“Consulado móbil” de Colombia
Sen constituír un consulado permanente, a embaixada de Colombia abriu durante cinco días unha oficina diplomática en Vigo, para que os 1.176 colombianos empadroados nesta cidade, así como os 3.000 dos concellos limítrofes, poidan realizar os seus trámites de maior demanda. En Galicia habitan legalmente un total de 7.577 colombianos, e a representación consular mais próxima está en Bilbao ou Madrid. (Fonte: Faro de Vigo).

Portugal
Interese na madeira galega
A empresa portuguesa Portucel Soporcel iniciou unha estratexia mercantil para posicionarse como potencial comprador do eucalipto en Galicia, ante o posible peche de Ence en Pontevedra. O interese da empresa portuguesa na madeira galega débese ao baixo volume de madeira existente nos bosques portugueses, cun descenso de 5,4 millóns de metros cúbicos que xa fora denunciado pola empresa Portucel Soporcel ante o ministerio de Agricultura do seu país. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/05/2007
Diáspora
Emitidos votos emigrantes
Un total de 34.392 galegos emigrantes inscritos no Censo de Residentes Ausentes, CERA, xa emitiron o seu voto para os comicios municipais do 27-M, un 10,77% do censo total de 319.042 votantes. Nas eleccións de 2003, foron 29.643 os emigrantes galegos que emitiron o seu voto. (Fonte: www.vieiros.com).

Diáspora
Suso de Toro en Uruguai e Arxentina
O escritor galego ofreceu charlas na Biblioteca Nacional de Uruguai e o Teatro Castelao e na Universidade de Belgrano en Bos Aires, así como na Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina. As visitas de Suso de Toro foron organizadas pola secretaría xeral de Emigración. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
Aumentan afiliados estranxeiros
Segundo datos do Ministerio do Traballo e Asuntos Sociais, a Seguridade Social en Galicia aumentou o número medio de afiliados estranxeiros, cun crecemento interanual do 18,67%, contabilizando un total de 36.342 persoas. (Fonte: www.xornal.com).

Cultura
Presenza galega en Venecia
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou en Madrid o proxecto “Paraíso fragmentado/Paradiso Spezzato”, unha exposición galega que representará a España na 52º Bienal de Arte de Venecia, baixo a mirada do comisario Alberto Ruíz de Samaniego e dos dous artistas participantes, Manuel Vilariño e Rubén Ramos Balsa. (Fonte: www.xornal.com).

Portugal
Conexión viaria polo Río Miño
A comisión urbana Valimar, integrada polos concellos portugueses de Caminha, Esposende, Viana do Castelo, Ponte de Lima, Ponte da Barca e Arcos de Valdevez, sacou a concurso público o estudo de viabilidade para un novo paso elevado que uniría as localidade de A Guarda e Caminha. Este proxecto está financiado con fondos europeos de Interreg III. Os representantes de Valimar entrevistáronse co director xeral de Obras Públicas da Xunta. A conselleira de Política Territorial confirmou a designación dun técnico para colaborar neste estudo. (Fonte: La Voz de Galicia).

República Dominicana
Modelo de xestión de residuos
A Xunta exportará á rexión turística dominicana de Puerto Plata o seu modelo de xestión de residuos de Sogama, tal e como explicou o presidente desta compañía, José Álvarez Díaz ao secretario de Estado de Medio Ambiente e Recursos Naturais do país caribeño, Maximiliano Puig. A Xunta enviará un técnico de medio ambiente e un experto en cooperación á provincia dominicana na que residen 300.000 persoas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Atención social en Ordes
O concello de Ordes e a ONG “Ecos do Sur” organizaron un seminario dirixido a persoal técnico con experiencia en atención social de inmigrantes, para sentar as bases da axuda social a este colectivo. Este seminario tratou dos aspectos xurídicos relacionados coa obtención dos permisos de residencia e pasaporte dos inmigrantes. (Fonte: El Correo Gallego).
21/05/2007
Venezuela
Manifestación por Muradás
Ante o secretismo das autoridades policiais venezolanas, familiares e amigos do empresario Francisco Muradás Bugallos, secuestrado o pasado 29 de abril na súa finca de El Palmar, realizaron unha protesta simbólica en Ciudad Guayana, para reclamar a liberdade do emigrante galego. Un total de 300 axentes policiais participan no rastrexo de Muradás nas zonas selváticas de La Sirena e Perico. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima
Seminario sobre África
Trece funcionarios e técnicos de África do Sur, Namibia, Quenia, Tanzania e Ghana particparon en Vigo nun seminario sobre produtos pesqueiros, organizado pola Axencia Nacional de Fabricantes de Conservar de Peixes e Mariscos, ANFACO-CECOPESCA. Este seminario está enmarcado no Programa Nauta da Axencia Española de Cooperación Internacional, AECI, e contou co apoio da consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a secretaría xeral de Pesca Marítima. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura
Poesía galega en Lituania
A poetisa galega Iolanda Castaño será a única representante española na 43º edición do Festival Internacional “Primaveira Poética”, a celebrarse na capital lituana, Vilnius. Por vez primeira, este festival conta cunha autora galega como Castaño, Premio Nacional da Crítica 1999. (Fonte: La Voz de Galicia).
20/05/2007
Suíza
Un 40% dos retornados
Segundo datos da secretaría xeral de Emigración, no 2006, un total de 2.363 emigrantes galegos volveron de Suíza, constituíndo o 40% do total dos retornados, superando incluso a Venezuela, Arxentina, Alemaña, Reino Unido e Francia. A razón se debe a que a partir do próximo 1 de xuño, entra en vigor un acordo entre Suíza e España que permite a retirada das pensións cotizadas polo emigrante galego no país helvético. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Día da Arxentina
O candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Telmo Martín, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, participaron xunto a outros candidatos electorais na celebración do Día da Arxentina, un homenaxe aos emigrantes galegos nese país. O evento contou coa organización da asociación “Rincón Criollo” e participaron uns 500 emigrantes retornados e os seus familiares. (Fonte: La Voz de Galicia).
19/05/2007
Venezuela
Amplíase a busca dos galegos secuestrados
As autoridades policiais venezolanas ampliaron a outros estados do territorio nacional a busca dos empresarios galegos Alberto Nicolás Cid Souto e Francisco Muradás Bugallo, que permanecen secuestrados desde o pasado mes de abril. Estes estados son Carabobo e Barinas, que se suman a Bolívar e Cojedes, lugares onde foron raptados. Os familiares e amigos das vítimas aseguran que os raptores non estableceron contacto con eles. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Medidas contra a falta de titulados
Un total de 15 organizacións de armadores acordaron en Burela esixir a equiparación dos cadros mínimos de tripulacións e homologacións das titulacións da UE, ante a evidente escaseza de titulados pesqueiros e marítimos en Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).
18/05/2007
Marítima
Entregan fragata norueguesa
O estaleiro ferrolán de Navantia entregará á Armada norueguesa a fragata F-311 Roald Amundsen, a segunda das cinco que se están a construír para as autoridades militares do país nórdico. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Detectan redes de explotación laboral
As autoridades policiais abriron unha investigación “sobre contratación de man de obra estranxeira en situación irregular, en canteiras da localidade do Porriño”, na que desarticularon unha rede de explotación de magrebís. En Pontevedra foi detido un brasileiro que podería formar parte dunha mafia internacional de falsificación de documentos con ramificacións en Inglaterra, Francia, Italia e Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).
17/05/2007
Venezuela
Cren que Muradás está con vida
Sen ofrecer datos sobre as investigacións, Julio César Fuentes Mazulli, comandante de policía do estado venezolano de Bolívar, afirmou que existen indicios suficientes para considerar que o empresario galego Francisco Muradás, secuestrado o pasado 28 de abril, está con vida. (Fonte: El Correo Gallego).
16/05/2007
Diáspora
O polémico voto emigrante
O xornalista Anxo Lugilde presentou en Santiago a súa obra “O voto emigrante”, na que avoga pola reforma do sistema electoral en Galicia e critica o “insoportable” peso do voto emigrante nas eleccións autonómicas galegas, a tal punto que propuxo a súa eliminación para a segunda xeración de emigrantes ou a aplicación do “modelo sueco” que obriga ao votante a ter residido no territorio galego. Lugilde considerou que só en Cabo Verde, o voto da diáspora supera en influencia e peso ao escrutinio da diáspora galega. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo
Promoción en Dublín
A empresa municipal de Turismo, Incolsa, en colaboración coa oficina de turismo española na capital irlandesa e a compañía aérea de baixo custe Aer Lingus, realizaron unha campaña de promoción de Santiago de Compostela en Dublín, á que asistiron dez medios de comunicación irlandeses e vinte turoperadores. (Fonte: El Correo Gallego).

EEUU
Negocios en Nova York
O Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, organizou no Centro de Promoción de Negocios en Nova York unha misión empresarial coas compañías galegas do sector da construción que desexen asistir á feira Building NY, a finais de xuño. Nesta misión empresarial se incluirán entrevistas profesionais en Nova Jersey e Chicago. (Fonte: El Correo Gallego).

EEUU
O Martin Códax no New York Times
O “Martín Códax 2006” aparece como viño destacado no comentario do especialista Howard G. Goldberg , en The New York Times. Goldberg considera o “Martín Códax” do 2006 como “marabilloso e perfecto viño para maridar” e descríbeo como “floral e cítrico” o que o fai ideal para tomar con lagosta, ostras, ameixas, mexillóns, camaróns e vieiras, e tamén é axeitado coa sopa de peixes e mariscos coñecida como “bullabesa”. (Fonte: www.xornal.com).

Portugal
Sospeitan da actividade independentista
Ante a escalada de atentados en Nigrán, Cangas e Lugo, as autoridades policiais galegas sospeitan da responsabilidade do grupo independentista “Resistencia Galega” cunha mobilidade cara Galicia dende a fronteira con Portugal. (Fonte: Faro de Vigo).

Brasil
Éxito de Luar na Lubre
A agrupación de música folk galega con maior repercusión internacional obtivo unha gran receptividade e acollida nas cidades de Niteroi, Río de Janeiro e Sao Paulo, nas que promoveron o seu traballo “Saudade”, dedicado á emigración galega en América Latina. Este proxecto musical comezou no 2001, tras unha xira por Arxentina, Uruguai e Venezuela. (Fonte: La Voz de Galicia).
15/05/2007
Galicia
Acordo de adopción con Etiopía
O goberno de Etiopía e a Secretaría Xeral de Benestar mantiveron un encontro en Santiago sobre a necesidade de mellorar os procesos de adopción de nenos etíopes. O país africano é o segundo escollido polas familias galegas para facer unha adopción internacional, só por detrás de China. No 2006 foron 86 nenos etíopes os adoptados en Galicia e, no que vai de 2007, se lle asignaron a familias galegas un total de 30 menores. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
Foro sobre telecomunicacións
Santiago organizou un foro internacional sobre telecomunicacións na que participaron, entre outros, o profesor irlandés Patrick O´Flanagan, colaborador do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, IDEGA, e o profesor en Xeografía Humana, Carlos Ferrás. O´Flanagan apostou polos investimentos en I+D, mentres Ferrás avogou polo aproveitamento da diáspora galega para deseñar estratexias políticas destinadas a atraer proxectos industriais, seguindo o exemplo da diáspora irlandesa en EEUU. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Luz verde para Pescanova
As autoridades da cámara municipal de Mira (Portugal) afirmaron que a multinacional pesqueira galega Pescanova, poderá comezar en outubro a construción da maior planta europea de produción de rodaballo. Pescanova está á espera da autorización do goberno luso e dos permisos urbanísticos locais. (Fonte: La Voz de Galicia).

China
Investir “canto antes”
O conselleiro de Asuntos Económicos da Embaixada da República Popular de China en España, Yan Hui, invitou aos empresarios galegos a “investir canto antes” no seu país, debido ao potencial económico chinés, os baixos custes da súa produción, a estabilidade política e as garantías xudiciais. Yan Hui estivo convidado ás xornadas “Oportunidades Empresariais en China”, organizadas en Santiago pola Confederación de Empresarios Galegos, CEG. (Fonte: El Correo Gallego).
14/05/2007
Unión Europea-Galicia
Bo criterio para os fondos
O secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, advertiu que Galicia deberá “optimizar” o uso de cada euro dos máis de 5.000 millóns que recibirá de fondos comunitarios para o período 2007-2013, debido a que vislumbra “un futuro sen demasiadas axudas” por mor que a nosa Comunidade está por superar o 86% da renda comunitaria. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Aposta en I+D
O presidente Emilio Pérez Touriño afirmou xunto á ministra de Educación e Ciencia, Mercedes Cabrera, e o ministro portugués de Ciência, Tecnologia e Ensino Superior, José Mariano Gago, que a celebración en Santiago de Compostela da I Conferencia IBERGRID, organizada conxuntamente por España e Portugal, afianza a aposta de Galicia pola investigación e o desenvolvemento. (Fonte: www.xornal.com).

Economía
Crecemento positivo das exportacións
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, informou da tendencia positiva dos datos de comercio exterior galego para o primeiro bimestre de 2007, cun ritmo de crecemento de 15,6%, que “beneficia o proceso de internacionalización da economía galega”. Fernández Antonio realizou estas declaracións no transcurso da clausura da xornada sobre China organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago, na que informou que Galicia aporta o 8,4% das exportacións estatais fronte a un peso no PIB español do 5,3%. (Fonte: www.xornal.com).
13/05/2007
Inmigración
Xornada solidaria de Cáritas
Cáritas Interparroquial de Santiago celebrou unha concentración solidaria co colectivo inmigrante, para crear sensibilidade social ante o problema dos inmigrantes e emigrantes retornados en situación de desemprego e con carencias socioeconómicas. Cáritas atende a unha media de dez persoas por día, a gran maioría estranxeiros residentes na nosa Comunidade. (Fonte: El Correo Gallego).
12/05/2007
Unión Europea-Galicia
Destacan o papel da Xeración Nós
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou en Ourense a aposta galega pola Unión Europea, durante a presentación dun acto cultural e político sobre Europa e a Xeración Nós. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade
Día do Comercio Xusto
África tivo o papel preponderante na celebración realizada pola ONG galega “Solidariedade Internacional” sobre o Día do Comercio Xusto en Santiago, coa presentación de ritmos musicais africanos. Esta celebración realizouse noutros puntos de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Poñentes para a reforma electoral
Poucas horas despois de iniciada a campaña electoral, o PPdG, o PSdG e o BNG designaron aos seus poñentes para impulsar a reforma da lei electoral, a fin de introducir os elementos para a depuración do censo ou voto en urna. O BNG anunciou que xogará as súas bazas para impedir que os galegos de Arxentina, Venezuela ou Suíza poidan elixir aos alcaldes. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela
Cerco aos secuestradores
Marcos Chávez, director xeral do Corpo de Investigacións Científicas e Penais de Venezuela, informou que os organismos policiais están preto de conseguir “resultados positivos” sobre os casos dos empresarios galegos Francisco Muradás e Nicolás Cid Souto, secuestrados en abril nos estados de Cojedes e Bolívar. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Coren no mercado británico
A empresa agroalimenticia ourensán anunciou a súa expansión para o 2007 ao mercado británico, coa finalidade de completar os seus negocios exteriores que tamén abarcan a Alemaña, Holanda, Bélxica e Francia e que permitiron facturar uns 866 millóns de euros no 2006. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/05/2007
Eixo Atlántico
Apoio ao Puntogal
Os 18 concellos de Galicia e o Norte de Portugal que forman parte do Eixo Atlántico amosaron o seu apoio á iniciativa a prol dun dominio de Internet para a cultura galega, coñecido como punto.gal. (Fonte: www.vieiros.com).

Portugal
Cultura galega en Lisboa
A consellería de Cultura e Deporte, en colaboración coa Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa, o Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa e o Instituto de Estudos da Literatura Tradicional desta universidade, inauguraron o evento “Portugalizando. A Semana da Cultura galega en Lisboa”, que impulsará a celebración do Día das Letras Galegas na capital portuguesa. (Fonte: www.xornal.com).

Portugal
Expansión bancaria portuguesa
O Banco Privado Portugués, BPP, abriu en Vigo a súa primeira oficina en Galicia, grazas á xestión do presidente de Rodman, Manuel Rodríguez, quen tamén é accionista do BPP. As estimacións de investimento están en 400 millóns de euros para os próximos anos. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Apoian o plan de Touriñán
A instalación da piscifactoría de Pescanova nesta localidade coruñesa, planificada polo anterior goberno de Manuel Fraga na Xunta, foi avalado no Parlamento europeo polo comisario de Pesca, Joe Börg, quen considerou que o plan cumpre coas esixencias da normativa europea. A declaración de Börg responde a unha pregunta do eurodeputado do PPdG, Daniel Varela. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Rexeitan recurso de pesca no Gran Sol
O Tribunal de Primeira Instancia da UE rexeitou o recurso presentado hai catro anos polo goberno español contra o plan comunitario para a recuperación da merluza do norte e que afectaba á flota galega no caladoiro do Gran Sol. Este plan impoñía unha serie de medidas técnicas para os buques pesqueiros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Persisten os tópicos contra os inmigrantes
Tomando como base un estudo realizado pola secretaría xeral de Análise e Proxección da Xunta, un 45% dos galegos considera que existen moitos estranxeiros en Galicia, mentres un 33% opina que os inmigrantes traen máis problemas ca beneficios. Un 55% dos galegos recoñecen non coñecer directamente a ningún inmigrante. Ante esta preocupante situación, Cáritas Interparroquial pide medidas e campañas para mellorar a percepción dos galegos cara o fenómeno da inmigración. Tamén pide un plan de acollida para o alumnado estranxeiro. En Galicia existen un total de 51 asociacións de inmigrantes, con 9.500 socios. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Zapatos para América Latina
O presidente do Club de Leones de A Coruña-Decano, José Luis Modroño, entregou ao concello de Oleiros un cargamento de 600 pares de zapatos para a súa distribución en diversos países latinoamericanos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Arxentina
Líder dos votantes no estranxeiro
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, Arxentina é o país líder en votantes galegos residentes no estranxeiro para os comicios municipais do 27 de maio, cun total de 113.423 das 319.042 persoas que fan de Galicia a comunidade estatal española con maior número de votantes na emigración. Venezuela, Suíza, Uruguai, Brasil, Francia, Alemaña e Reino Unido seguen na lista por esa orde. (Fonte: El Correo Gallego).
10/05/2007
Galicia
Unha nova ollada sobre a emigración
Xurxo Martínez Crespo, xornalista e presidente da Federación de Asociacións de Emigrantes Retornados, presentou en Santiago, nas instalacións da Fundación para o Estudo da Cuestión Social e Sindical en Galiza, FESGA, o libro “Galiza en Dominicana, Nicaragua, Panamá e Venezuela”, así como o DVD “Galiza en Venezuela”. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
A UNESCO en Ferrol
O castelo de San Felipe, referente do proxecto artístico do Ferrol da Ilustración, acollerá a finais de maio o encontro anual do Comité Científico Internacional de Fortificacións e Patrimonio Militar, ICOFORT polas súas siglas en inglés, grupo técnico da UNESCO para valorar as candidaturas do 2007 destinadas a obter a declaración de Patrimonio da Humanidade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela
Denuncian politización dos secuestros
Tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados en Madrid, o PP e o PSOE se realizaron reproches mutuos sobre a situación dos empresarios galegos recentemente secuestrados en Venezuela. O PP denunciou a falta de iniciativa do goberno de Zapatero mentres o ministro de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, pediu “discreción” ao PP para non utilizar politicamente este problema. Precisamente, en Venezuela desmentiron as informacións sobre a suposta liberación do empresario Francisco Muradás Bugallo. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Máis escanos pola emigración
O deputado do PSdG, Xaquín Fernández Leiceaga, indicou que Galicia podería obter tres escanos máis no Congreso dos Deputados e un senador mediante o cómputo dos emigrantes e a aplicación do Estatuto da Cidadanía Española no Exterior. Fernández Leiceaga fíxose partícipe da proposición de lei impulsada polo deputado do BNG, Iago Tabares, que demanda o cómputo dos cidadáns no exterior e a distribución de escanos por circunscrición. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
A contaminación de As Pontes
Segundo un estudo da organización ecoloxista World Wide Fund, WWF, a central eléctrica de Endesa en As Pontes é a novena na Unión Europea que máis contaminación xerou en 2006. Este estudo realizouse nas 30 instalacións con maiores emisións de dióxido de carbono. (Fonte: La Voz de Galicia).

Ecuador
Interese no desenvolvemento rural
Un grupo de técnicos en desenvolvemento rural da localidade ecuatoriana de Chanchán visitaron a comarca coruñesa para trasladar ao seu país e outros latinoamericanos parte das accións que se están levando a cabo en Galicia no medio rural. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
A expansión de Caixanova
A entidade financeira viguesa pretende abrir oficinas en Londres e Bos Aires, tras anunciarse o incremento do 20,2%, un total de 35.554 millóns de euros, no seu volume de negocios durante 2006. (Fonte: AGN).
09/05/2007
Diáspora
Coordinación cos retornados
Durante unha comparecencia no Parlamento galego, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, avogou por “afondar nunha política de retorno” en materia de emigración así como por actuar “con menos debate e máis coordinación” nas axudas. (Fonte: www.xornal.com).

Venezuela
Actuación para a comunidade galega
Ante unha interpelación do PPdG no Parlamento galego sobre os secuestros de emigrantes galegos neste país e a seguridade da comunidade emigrante, o conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, asegurou que a Xunta, ten contemplado un protocolo de actuación para os galegos residentes e o seu patrimonio, especialmente en materia sanitaria, ante calquera agravamento da situación socioeconómica e política. Este marco de actuación se realiza en colaboración co Centro Galego de Maracaibo, a Asociación Fillos de Galicia en Maracaibo e a Irmandade Galega de Venezuela en Caracas. (Fonte: www.xornal.com).

Venezuela
Aumenta a busca policial de Muradás
O gobernador do estado Bolívar, Francisco Rangel Gómez, informou do incremento de efectivos policiais e militares na busca do empresario de orixe galega Francisco Muradás, secuestrado a finais de abril en Ciudad Bolívar. A orde de aumentar a súa busca foi dictada polo ministro de Interior e Xustiza, Pedro Carreño. Sobre o caso do outro empresario galego secuestrado, Nicolás Cid Souto, capturado unha semana antes que Muradás no estado Cojedes, tampouco se coñecen noticias. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Os primeiros fondos estruturais
Trala aprobación por parte da Comisión Europea, Galicia recibirá este ano os primeiros 350 millóns de euros en axudas estruturais europeas FEDER para o período 2007-2013. Nos próximos sete anos, a nosa Comunidade recibirá un total de 2.191 millóns de euros, unha cantidade que se complementará cos investimentos estatais e autonómicos. A Xunta espera recibir 1.300 millóns en axudas agrarias e pesqueiras e 400 millóns do Fondo de Cohesión. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia-Palestina
Un Estado binacional en Palestina
O presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, destacou a necesidade de construír unha entidade binacional en Palestina, a fin de propiciar a convivencia entre palestinos e israelís. Jaber ofreceu esta disertación durante a charla “Israel: proxecto sionista, colonialismo e aparheid” celebrado no Instituto de Estudos Políticos e Sociais de A Coruña, no marco dun ciclo de conferencias sobre Oriente Medio. (Fonte: El Correo Gallego).
08/05/2007
Uruguai
Acusan retraso nas axudas
A Agrupación do PSOE en Uruguai responsabilizou ao secretario xeral de Relacións Institucionais, Antonio Losada, polo retraso no reparto das axudas aos emigrantes galegos, acusándoo de “obstaculizar” este proceso. Esta agrupación tamén amosou o seu apoio ao secretario xeral do PSOE en Uruguai, José Antonio Fernández, quen dimitira como delegado da Fundación Galicia Emigración polo escándalo da entrega de 344 cheques asistenciais. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
A creación da rede interatlántica
O Foro Internacional para o Desenvolvemento dos Portos do Espazo Atlántico reunirá en Vigo a finais de maio a expertos de Europa, América e Asia para impulsar o desenvolvemento da primeira Rede Interatlántica, integrada por entidades e organizacións empresariais destinadas a aforrar custes, abrir mercados e facilitar o acceso a recursos tecnolóxicos. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
A UNESCO en Ferrol
Unha ducia de técnicos dun comité asesor da UNESCO visitarán, a finais de maio, as instalacións do Ferrol da Ilustración, que compite como candidata a patrimonio da humanidade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cooperación
Esixen compromiso solidario aos concellos
Con motivo das eleccións municipais, a Coordinadora Galega de ONGD, que agrupa a 44 organizacións de cooperación ao desenvolvemento, presentou en Lugo unha proposta para introducir nos orzamentos dos concellos galegos unha partida específica para a cooperación internacional e a acción humanitaria. (Fonte: La Voz de Galicia).
07/05/2007
Inmigración
Máis de dous mil legalizados en Pontevedra
Na provincia de Pontevedra, un total de 2.155 estranxeiros conseguiron legalizar a súa situación grazas aos contratos laborais. Paralelamente, un total de 470 estranxeiros foron expulsados, principalmente de orixe brasileira, marroquí, rómanos e paraguaios. (Fonte: La Voz de Galicia).

Eixo Atlántico
Debate para a ampliación
A Comisión Executiva do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular reuniuse en Santiago coa finalidade de debater a súa ampliación, ante a recepción de sete solicitudes formais de admisión, tanto en Galicia como no Norte de Portugal: Viveiro/Mariña Lucense, O Barco de Valdeorras e Lalín pola parte galega, e as cidades de Famalição, Penafiel, Matosinhos e Vila do Conde na parte portuguesa. (Fonte: www.xornal.com).
06/05/2007
Galicia-Inmigración
Redución da cifra de retornados
Segundo datos do ministerio de Traballo, apreciase unha redución do 6,43% nos emigrantes retornados. Suíza liderou esta estatística no 2006, con 2.363 dos 6.343 que regresaron á nosa Comunidade o ano pasado. Seguen na lista Venezuela con 726, Alemaña con 536, Reino Unido con 407 e Francia con 366. Importante é a significativa redución dos retornados da Arxentina, con 311 no 2006, cando na crise económica e política de 2001-2002 foron 2.825, o cal confirma a recuperación económica do país austral. (Fonte: El Correo Gallego e www.xornal.com).

Inmigración
II Asemblea da Inmigración
Un total de 300 representantes de 68 asociacións de inmigrantes reuníronse en Vigo para celebrar a II Asemblea Galega de Inmigración e Emigración Retorno, onde se debateron as propostas do Plan Galego de Inmigración dentro dun ambiente de actividades culturais e musicais. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela
Marcha contra os secuestros
Veciños da cidade de Puerto Ordaz, ao sur do país, se manifestaron publicamente para pedir a liberación do empresario de orixe galega Francisco Muradás, secuestrado a finais de abril. As cámaras gandeiras e de comercio anunciaron a súa intención de manter estas manifestacións ante a vaga de secuestros contra empresarios dese sector. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/05/2007
Galicia-Diáspora
Segue a “guerra dos cheques”
O forte enfrontamento político entre o PPdG e o PSdG pola dimisión de Pilar Pin na Fundación Galicia Emigración, ante o escándalo da entrega dos 344 cheques asistenciais en Uruguai, provocou a petición de dimisión por parte do deputado popular José Manuel Castelao Bragaña do actual secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez. Pola súa banda, a Xunta exhibiu fotografías do ex presidente Manuel Fraga entregando cheques durante un acto en Bos Aires en novembro de 2003. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia-Diáspora
Galicia no Día de Europa
Nos actos de conmemoración da Semana de Europa en Galicia, a Xunta e a Fundación Otero Pedrayo recoñecerán a contribución do galeguismo e o discurso europeo da Xeración Nós na celebración do Día de Europa, o próximo 9 de maio. Estas actividades serán presentadas polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino e o director da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Freixanes. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia-Diáspora
Rememoran peregrinación irlandesa
Un grupo de 29 peregrinos irlandeses da península de Dingle, no condado de Kerry, chegaron a Coruña para rememorar unha peregrinación que data entre os séculos XII e XVII. Estes peregrinos realizarán a súa viaxe a Santiago a traveso do Camiño Inglés. A península de Dingle mantén históricos vínculos culturais con Galicia, incluso cunha igrexa local en honor ao Apóstolo Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
Centenario do Centro Galego
O Centro Galego de Bos Aires cumpriu cen anos, motivo dunha serie de celebracións na capital arxentina, destacando a importante labor social, sanitaria e cultural deste centro tanto para Galicia como para a súa emigración. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Depuración do censo electoral
Un total de 50.000 galegos residentes no exterior serán depurados do censo total de 319.042, debido a datos erróneos ou simplemente polo seu falecemento. Esta cifra foi dada a coñecer polo secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, quen informou que de realizarse unha depuración a fondo do CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes), causarían baixa un total de 100.000 galegos da diáspora. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/05/2007
Unión Europea-Galicia
Plan estratéxico para A Coruña
O presidente da Deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, presentou o Plan Estratéxico da provincia de A Coruña 2007-2013, enmarcado dentro do aproveitamento dos últimos fondos estruturais da UE que recibirá Galicia para os próximos seis anos, ante a posibilidade de que a nosa Comunidade eleve a súa posición a Obxectivo 1 europeo. (Fonte: El Correo Gallego).

Uruguai
Dimite o secretario do PSOE
Trala dimisión da directora xerente da Fundación Galicia Emigración, Pilar Pin, foi agora o secretario xeral do PSOE en Montevideo, José Antonio Fernández, tamén representante nese país da fundación. Fernández foi quen se encargara de outorgarlle as axudas aos beneficiarios, motivo da polémica política en Galicia e das dimisións anteriores. Ante esta situación, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, dubidou da utilidade desta fundación como depositaria das políticas de emigración. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Escándalo político polos cheques á emigración
As reaccións polas dimisións na Fundación Galicia Emigración deron paso a fortes críticas pola utilización política dos fondos para a emigración. O presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, considerou o reparto dos cheques como “a punta do iceberg” dun “labor entrelazado e perfectamente organizado entre o PSOE e a Xunta”. Pola súa banda, o BNG amosou o seu malestar por este escándalo e considerou que forma parte dun “sistema herdado” de anteriores administracións na Xunta. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
Contratos externos para Ferrol
O estaleiro ferrolán podería concretar acordos comerciais para a construción de fragatas con países como Grecia, Arabia Saudita, Emiratos Árabes, Malaisia e Romanía. As fragatas formarían parte da clase de Barcos de Proxección Estratéxica, BPE. (Fonte: La Voz de Galicia).

África do Sur
Piden copar a produción pesqueira
Voceiros da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, ANFACO, e da patronal conserveira ofreceron ao conselleiro comercial da embaixada de África do Sur en España a posibilidade de que Galicia adquira toda a produción pesqueira de especies válidas do país africano. A maioría das importacións galegas da pesca surafricana corresponden á empresa viguesa Pescanova. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima
Vigo, referencia na investigación
A presentación do proxecto científico tecnolóxico da Cidade do Mar, nas instalacións da Escola Técnica e Electrónica da Armada, ETEA, en Vigo, realizado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a alcaldesa viguesa Corina Porro, permitiu afondar no obxectivo de converter a este centro na referencia mundial de investigación científica marítima. (Fonte: El Correo Gallego).

Venezuela
O pago polo rescate de Negreira
O rescate do empresario de orixe galega Manuel Negreira, secuestrado a comezos de abril no estado venezolano do Zulia, ascendeu a un monto de 68.000 euros, aínda que os raptores pedían 340.000 euros. Pola súa banda, no caso doutro empresario galego secuestrado, Nicolás Alberto Cid Souto, informouse da posibilidade de que os secuestradores puxéranse en contacto cos seus familiares para negociar o rescate. (Fonte: El Correo Gallego).

México
Cooperación con Caixanova
O director xeral do Instituto Fonacot de México, Arsenio Díaz, asinou co presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, un convenio para a participación deste centro nos programas da Escola de Negocios da entidade financeira galega. (Fonte: El Correo Gallego).
03/05/2007
Galicia
Dimisión na Fundación Galicia-Emigración
A dimisión de Pilar Pin, directora da Fundación Galicia Emigración, foi aceptada polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, como a principal responsable do escándalo do reparto de cheques de 300 euros a 344 emigrantes galegos en Uruguai. Touriño cualificou este suceso como un “erro grave” na xestión das axudas á emigración. (Fonte: El Correo Gallego e El Progreso).

Diáspora
Disputa polo voto emigrante
O Parlamento galego foi escenario dun duro debate entre os principais partidos polo voto exterior. O BNG defendeu a limitación dos dereitos de voto dos emigrantes nas eleccións municipais. Pola súa banda, o PSdeG cualificou de "ocorrencias" estas propostas, a pesar de ser avaladas anteriormente polo seu secretario xeral, José Blanco. Finalmente, o PPdeG pediu "coherencia" ao PSOE neste tema. (Fonte: www.xornal.com).

Venezuela
Liberan a galego secuestrado
A embaixada española en Caracas informou da liberación dun dos tres empresarios de orixe galega secuestrados no último mes. O seu nome é Manuel Negreira Trigo, natural de Carballo, afincado no estado Zulia desde fai 50 anos. Aínda resta por coñecerse o paradoiro dos outros dous secuestrados, Nicolás Alberto Cid Souto e Francisco Muradás Bugallo. (Fonte: www.xornal.com).

Perú
Apadriñamento para a infancia
A Asociación de Antigos Alumnos e a Asociación de Pais e Nais do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo, e a Fundación Balms para a Infancia, presentaron o proxecto de apadriñamento do Colexio Sagrado Corazón de Xesús en Jicamarca, Perú. Este colexio foi fundado polo sacerdote xesuíta José María Garín, antigo alumno do colexio vigués. (Fonte: La Voz de Galicia).

China
Anduriña leva o folk galego
O concello de Porto do Son sufragou os gastos de viaxe dos integrantes do grupo de folk galego “Anduriña”, que participará nun festival internacional de danza en Beijing. (Fonte: El Correo Gallego).
02/05/2007
Venezuela
Outro galego secuestrado
O empresario gandeiro Francisco Muradás foi secuestrado na súa finca no estado sureño de Bolívar. Esta acción únese ao secuestro do empresario ourensán Nicolás Cid Souto nas similitudes en canto ao método de acción. Muradás era presidente da Asociación de Gandeiros do Estado Bolívar. A secretaría Xeral de Emigración da Xunta púxose en contacto coa familia de Muradás. (Fonte: www.xornal.com).

China
Aumentan adopcións de nenos
No 2006, Galicia converteuse na quinta comunidade española en adoptar menores nados en China, con 154 adopcións. A nivel global, España, EEUU e Canadá lideran as adopcións mundiais de nenos chineses. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Ría de Vigo “saneada para o 2010”
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurou que a ría viguesa estará saneada “para finais de 2010 ou comezos de 2011, con ou sen sanción da UE”. Vázquez tamén informou que o proxecto da depuradora en Vigo, Redondela e Baiona está en marcha. Bruxelas impuxo unha multa á Xunta de 20 millóns de euros no caso de que a ría de Vigo non estivera saneada para esta data. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
O “escándalo” do voto emigrante
O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, declarou que a utilización do voto emigrante por parte dos partidos políticos estatais constitúe “un auténtico escándalo”. Quintana realizou esta declaración en Lugo, ao ser interpelado pola información sobre o reparto de cheques asistenciais en Uruguai, a traveso do secretario xeral do PSOE neste país suramericano, José Antonio Fernández. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Premio vitivinícola
A Cooperativa Vitivinícola de O Ribeiro logrou o premio Tostado de Costeira 2005 na prestixiosa exposición Challenge International du Vin de Burdeos, Francia. Precisamente, o Tostado de O Ribeiro está a celebrar o centenario da obtención da medalla de ouro na exposición universal de Bruxelas. (Fonte: La Voz de Galicia).
01/05/2007
Sociedade
Explicar a lei sobre o fomento da cultura da Paz
Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e director da Fundación Cultura e Paz en Galicia, presentou na localidade italiana de Padua o contido da Lei de Fomento da Educación e a Cultura de Paz en España. Dios participou nunha xornada de dereitos humanos organizadas polo concello de Padua. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Vigo e os estranxeiros
A enquisa da empresa Sondaxe revela que a maioría dos vigueses amosasen como os menos inquietos e preocupados polo aumento da inmigración. A maior cidade galega é a que maior número de inmigrantes e estranxeiros ten entre a súa poboación. (Fonte: La Voz de Galicia).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Exportador, El País,