|
 |
| 30/04/2007 |
 |
Diáspora
Opóñense ao voto para os
descendentes
Unha enquisa de Sondaxe revelou que o
64,4% dos entrevistados están en contra de que os descendentes na diáspora poidan votar nas distintas
citas electorais, aínda que un 46,6% dos entrevistados consideran como “lexítimo” o voto da diáspora
galega. A enquisa realizouse nas oito principais cidades galegas.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Postulan para Patrimonio da Humanidade
A Fundación Germán Estévez
para a Protección da Natureza e a Defensa do Medio Ambiente enviou un escrito ao presidente da Xunta, Emilio
Pérez Touriño, e ao conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, para postular ante a UNESCO
as candidaturas de Serra dos Ancares e da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 29/04/2007 |
 |
Inmigración
Un 10% dos inmigrantes votará
nas municipais
Dos 73.700 inmigrantes empadroados en
Galicia, só un 10% (7.300 persoas) poderán votar nas eleccións municipais do 27 de maio, a
tenor da actual lexislación que permite votar a cidadáns da UE e de Noruega. Colombia, Arxentina,
Uruguai, Brasil, Marrocos e Venezuela lideran o compoñente inmigrante en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Venezuela
Detencións polo secuestro de Cid
Souto
A Garda Nacional de Venezuela detivo a
oito colombianos, entre eles a un coñecido paramilitar de nome Gerson Álvarez, vinculados co secuestro
do empresario ourensán Nicolás Cid Souto. Pola súa banda, a Irmandade Galega de Valencia,
cidade de residencia de Cid Souto, amosou a súa solidariedade coa familia do empresario secuestrado. (Fonte: El Correo Gallego).
Cuba
Coronel de orixe galega na Cuba de Fidel
Castro
Manuel Díaz, de 76 anos, emigrante
galego a Cuba, coronel xubilado das Forzas Armadas Revolucionarias e, durante 21 anos, membro do comité
central do Partido Comunista de Cuba, estivo de visita en Vigo para dar varias conferencias sobre Cuba e a revolución
socialista. Díaz relatou cómo o comandante Fidel Castro o chama cariñosamente “galleguito”
e o seu irmán Raúl, “gallegón”.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 28/04/2007 |
 |
Venezuela
Intensa busca do galego secuestrado
Máis de 400 policías e militares
buscan ao empresario de orixe ourensá Nicolás Alberto Cid Souto, de 76 anos, secuestrado a semana
pasada na finca da súa propiedade, no estado de Cojedes. Ante o nivel de confusión sobre a autoría
do secuestro, as autoridades venezolanas e a embaixada española en Caracas manexan toda serie de hipóteses
e investigacións. (Fonte: El Correo
Gallego).
Cultura
Mostra galega en Noruega
A exposición “14+1 estaciones,
experiencias de (con)tacto”, organizada polo Museo das Peregrinacións, abriu a súa sesión
en Noruega para posteriormente dirixirse a Islandia, Illas Feröe e Dinamarca. A exposición galega foi
realizada pola artista norueguesa Borgny Svalastog.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Segue a polémica BNG-Israel
Alona Fisher-Kamm, ministra conselleira
da embaixada de Israel en España, enviou unha carta ao vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG,
Anxo Quintana, na que expón a súa molestia pola persecución contra Pedro Gómez Valadés,
membro do partido nacionalista e presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel. Fisher-Kamm considerou
que a súa carta “non é unha inxerencia” na decisión do BNG de sancionar a Gómez Valadés,
e considerou que o partido “ten todo o dereito a tomar as súas decisións”. (Fonte: La Voz de Galicia).
Pesca
Estabilidade nas illas Svalbard
O científico ruso Juri Kovalev,
presidente do grupo de traballo do Consello Internacional para a Exploración do Mar, ICES, afirmou en Vigo
que a poboación de bacalao nas illas noruegas de Svalbard se atopa “estabilizada” e que é probable
que a actual cota de capturas se manteña. Este caladoiro posúe unha considerable presenza pesqueira
de barcos galegos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Uruguai-Diáspora
Paralizadas obras da casa de Gondomar
en Montevideo
O voceiro do BNG en Gondomar, Antonio
Araúxo, criticou que o alcalde do PP neste concello, Carlos Silva, prometera na súa última
viaxe a Montevideo a finalización nas obras da casa dos emigrantes de Gondomar nese país, cando esas
obras “levan dous anos paralizadas”. Araúxo criticou que Silva sempre faga a mesma promesa cada vez que
hai período electoral. (Fonte: La
Voz de Galicia).
 |
| 27/04/2007 |
 |
Diáspora
Discrepancias polo voto emigrante
A raíz das palabras do secretario
de organización do PSdG, José Blanco, sobre a limitación do voto emigrante, o voceiro socialista
no Parlamento, Ismael Rego e o representante do BNG, Iago Tabarés, amosaron diferenzas sobre os contidos
destas declaracións. Rego considerou como “ilóxica” esta exclusión mentres Tabarés
as cualificou de “valentes para o debate”. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
tentou restar polémica ás palabras de Blanco ao cualificalas de “reflexión persoal” e non
unha declaración oficial do partido.
(Fonte: www.vieiros.com).
Inmigración
Unha alemá na lista do BNG
Catharina Müller, de 23 anos, monitora
de buceo e orixinaria da cidade alemá de Rostock, ocupará o posto número 26 na candidatura
do partido nacionalista en Oleiros para as próximas eleccións municipais do 27 de maio. Esta inclusión
foi considerada polo BNG como un “exemplo de integración” social dos inmigrantes. (Fonte: www.xornal.com).
Inmigración
Asociación en Sarria
Os inmigrantes da localidade lucense de
Sarria decidiron asociarse nun organismo civil para poder facilitar a súa integración no concello.
Os 900 inmigrantes en Sarria representan o 8% da súa poboación. (Fonte: La Voz de Galicia).
Venezuela
Secuestrado empresario ourensán
O empresario ourensán Nicolás
Alberto Cid Souto, de 76 anos, foi secuestrado na súa finca, situada no concello de Anzoátegui, no
estado de Cojedes. O empresario, emigrante a este país desde 1958, percorría a súa finca de
5.000 hectáreas con algúns traballadores cando foi secuestrado por cinco homes armados e vestidos
de axentes da Garda Nacional. As autoridades militares sospeitan da acción de grupos insurxentes ou criminais
colombianos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Impartirán o chinés e o
xaponés
A conselleira de Educación, Laura
Sánchez Piñón, anunciou que para o próximo curso 2007-2008, as escolas de idiomas de
Vigo e A Coruña impartirán clases en chinés e xaponés, como unha forma de aprender
as linguas orientais e facilitar as relacións comerciais de Galicia con Asia. Sánchez Piñón
realizou estas declaracións durante o V Congreso Estatal de Escolas de Idiomas realizado na Coruña. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Irmanamento santiagués
Santiago de Compostela asociarase coa
cidade portuguesa de Santiago de Cacém, na rexión do Alentejo, a 149 km. de Lisboa, e con 31.000
habitantes. Esta cidade portuguesa é a única do país veciño que leva por nome Santiago. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 26/04/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Fondos para o porto de Ferrol
O porto exterior de Ferrol contará
con 15 millóns de euros dos fondos europeos Feder para o seu proxecto de ampliación ata o 2010. O
resto do seu financiamento correrá a conta do Plan Industrial e a Autoridade Portuaria. Se espera que este
plan permita un aumento significativo na mobilización de mercancías para o 2009. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Avance na protección ao consumidor
O Parlamento europeo aprobou o informe
do eurodeputado socialista galego Antolín Sánchez Presedo sobre o exercicio de accións privadas
para obter indemnizacións derivadas de accións anticompetitivas. Presedo logrou o apoio dos liberais,
ecoloxistas e da Esquerda Unida europea na defensa dos dereitos do consumidor. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Critican o plan da Xunta
Os voceiros do Foro Galego de Inmigración,
que celebrará en Vigo a principios de maio a súa II Asemblea Galega de Inmigración e Emigración
Retorno, criticou o borrador do Plan Galego de Inmigración porque se realizou sen contar cos diversos colectivos.
Ante esta situación, demandaron á Xunta a súa participación na elaboración das
políticas oficiais en materia de inmigración e emigración. O Foro considera que en Galicia
existen entre 12 e 15.000 inmigrantes en situación irregular.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Simposio mundial da electrónica
industrial
Un total de 600 enxeñeiros de 62
países participarán en xuño en Vigo no Simposio Internacional de Electrónica Industrial
2007, considerado o maior evento neste ámbito e que contará co patrocinio do Concello vigués,
Caixanova, a Universidade de Vigo e o ministerio de Educación.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Os perigos da globalización
Bernard Cassen, director xeral de “Le
Monde Diplomatique” e fundador do movemento ATTAC (Asociación por unha Taxa sobre as Transaccións
Especulativas para a Axuda aos Cidadáns), impartirá en Santiago e Vigo sendas conferencias relativas
á globalización e os seus perigos para Europa. Cassen é tamén un dos impulsores do
Foro Social Mundial. (Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
O maior contrato de Rodman
A división profesional do estaleiro
vigués Rodman Polyships, pechou o maior paquete de contratos de toda a súa historia, esta vez con
catro países: Marrocos, Arabia Saudí, Bélxica e Nicaragua. Estes contratos están valorados
en 60 millóns de euros e garanten a actividade do estaleiro durante sete anos. (Fonte: Faro de Vigo).
Unión Europea-Pesca
Maioría galega na European Seafood
A excelente acollida das empresas galegas
na European Seafood Exposition de Bruxelas coloca a nosa Comunidade cunha masiva presenza, con 44 das 72 empresas
españolas alí presentes. Ademais,a inauguración, por parte do director xeral de Estruturas
e Mercados da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, José Manuel López Rodríguez,
dun encontro empresarial internacional con 170 empresas de América Latina e a UE, permitiu potenciar a posición
galega na pesca mundial. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 25/04/2007 |
 |
Diáspora
Instan a reforma electoral
O Congreso dos Deputados aprobou unha
moción presentada polo BNG na que se insta ao goberno de Zapatero a promover unha reforma da lei electoral
que outorgue maiores garantías de voto aos españois no exterior. A moción foi presentada tras
un pacto entre o BNG e o PSOE, previa reunión cos membros restantes de Galeuscat (Partido Nacionalista Vasco
e Converxencia i Unió). Espérase poda entrar en vigor para as eleccións xerais de 2008. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Voluntariado no exterior
A USC presentou en Lugo un programa de
voluntariado 2007-2008, creado en colaboración con Nacións Unidas, que contempla cinco prazas para
países como Burkina Faso, Cabo Verde, Vietnam, Brasil, Ecuador, Guatemala e Honduras. O programa conta cunha
duración de seis meses a partir de outubro, previo curso de formación a realizarse en setembro en
Madrid e Bonn. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Lingua checa na USC
O embaixador da República Checa,
Martin Kosatka, visitou o Centro de Linguas Modernas da USC para apoiar o ensino en Galicia da lingua e cultura
do seu país, que comezou en 1988 neste centro. Previa doazón de libros en checo e español,
Kosatka reuniuse cos responsables institucionais da USC e coa responsable universitaria desta lingua, a profesora
Katerina Vlasakova. (Fonte: El Correo Gallego).
Pesca
Galicia na European Seafood Exposition
2007
Tomando en conta a importancia de Galicia
como referente pesqueiro internacional, a consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participará
na principal exposición mundial da pesca a celebrarse a finais de abril en Bruxelas. Este certame contará
coa participación de 1.300 expositores, da que a representación galega aportará 53 entre as
principais empresas e firmas da extracción, cultivo, procesamento e distribución de peixes. (Fonte: www.xornal.com).
Cultura
O libro infantil galego en Boloña
Unha delegación da Consellaría
de Cultura participará na Feira do Libro de Boloña, a cita máis importante da literatura infantil
e xuvenil, co obxectivo promover as novidades da literatura galega infantil. Nesta feira participarán un
total de dezasete editoriais galegas. (Fonte:
www.xornal.com).
Inmigración
Déficit de profesores
Os pais dos nenos inmigrantes en Vigo
e os docentes dos institutos denunciaron a existencia de catro profesores para os 2.000 alumnos inmigrantes que
alí acoden a clases. Nas súas demandas, pais e profesores alertan de que se poidan formar guetos
de inmigrantes, debido a que existen aulas con nenos de ata seis nacionalidades que non coñecen nin o galego
nin o español. Un 75% destes 2.000 nenos inmigrantes van a institutos públicos. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 24/04/2007 |
 |
Perú
Irmanamento hemofílico
A Asociación Galega de Hemofilia
e a súa homóloga en Perú asinaron en Santiago un convenio de colaboración para o tratamento
dos afectados pola hemofilia e a prevención doutros virus, como a SIDA e a hepatites C. O convenio foi asinado
en presenza do presidente da Federación Mundial de Hemofilia, Mark Skinner. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Internacionalización co IGAPE
A traveso dos Centros de Promoción
de Negocios no Exterior, o Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, dependente da consellería
de Economía, as empresas galegas buscan a súa internacionalización en mercados como China,
Polonia, Alemaña, EEUU e Xapón. Na derradeira semana de abril, o IGAPE recibiu 300 solicitudes de
información, principalmente dos sectores téxtil, tecnolóxico, audiovisual ou vitivinícola. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Flexibilización legal
Ante o crecente aumento da inmigración
e a súa consolidación social en Galicia, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, aposta pola necesidade
de conciliar un marco legal flexible que permita garantir os seus dereitos. (Fonte: www.xornal.com).
Diáspora
Galegos que votan en 122 países
O peso do voto da diáspora destácase
polo feito de que en 122 países votarán galegos emigrantes dun censo de 319.042 persoas inscritas.
Un 72,8% destes votos se concentra en Arxentina, Venezuela, Suíza, Uruguai e Brasil, mentres que a diáspora
galega lidera o total da diáspora española en trece países dos catro continentes. (Fonte: La Voz de Galicia).
Sáhara
Ferrol cos nenos saharauís
O concello ferrolán abriu o prazo
para a presentación das solicitudes de acollida para os nenos saharauís do campamento de refuxiados
de Tinduf (Alxeria), que pasarán vacacións en Galicia entre xullo e agosto. Esta iniciativa está
impulsada pola administración galega e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
No 2006, 72 nenos saharauís pasaron as súas vacacións na comarca de Ferrol. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 23/04/2007 |
 |
Economía
Eurolatón en Alemaña e
México
A empresa galega de manellas Eurolatón
abriu sendas sucursais nas cidades de Colonia (Alemaña) e Querétaro (México), reforzando o
proceso de expansión exterior que xa comezara en China e Arxentina. Para 2008 ten previsto abrir unha sucursal
en Polonia, destinada a satisfacer a demanda rusa e das repúblicas ex soviéticas. (Fonte: El Correo Gallego).
Cuba
Aumenta o arquivo audiovisual
O I Encontro Audiovisual de Galicia-Cuba
celebrado en La Habana concluíu co acordo de que o Centro Galego de Artes da Imaxe, CGAI, incrementará
o seu arquivo con 20 documentais de realizadores galegos. Paralelamente, este encontro permitiu a apertura da Semana
de Cine Galego na Habana ata o 30 de abril, onde se exporán produtos audiovisuais galegos en 40 localidades
da illa caribeña. (Fonte: El Correo
Gallego).
Romanía
Asesoramento ambiental
A consellería de Medio Ambiente
e Desenvolvemento Sostible asesorará ao goberno romanés en materia de xestión ambiental, dentro
do proxecto europeo de Irmanamento (Twinning). A iniciativa se realizará na área de Bacau e terá
un investimento de un millón de euros.
(Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 22/04/2007 |
 |
Galicia
Colecta solidaria para Mozambique
Diversos propietarios de bares de copas
de Compostela realizaron unha colecta solidaria a favor do músico mozambiqueño Elías Cassamo
Amade, para que puidera retornar ao seu país tras 26 anos de ausencia. Amade tocaba nos locais cuxos propietarios
tomaron a iniciativa de comprarlle o boleto de avión e espera retornar ao seu país para renovar o
seu estilo musical. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Intercambio con nenos ingleses
Un total de 28 nenos ingleses do colexio
St John´s Primary Schooll de Manchester, e 32 adultos, realizaron un programa de intercambio do CEIP “Humberto
Juanes” de Nigrán, para pasar varios días na comarca de O Val Miñor. (Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Cooperación médica coa
emigración
O catedrático en Medicina pola
USC, José Luis Marí Solera, estivo en Arxentina e Uruguai para a creación dun grupo galego-arxentino
de Anatomía que permita afianzar lazos de cooperación humanitaria, técnica e científica
coa emigración galega nestes países.
(Fonte: El Correo Gallego).
EEUU
Posibilidades no sector construción
O Instituto Galego de Promoción
Económica, IGAPE, organizará en Vigo unha xornada técnica para abordar as posibilidades dos
empresarios galegos no sector da construción estadounidense, a traveso do seu Centro de Promoción
de Negocios en Nova York. O evento será inaugurado polo conselleiro de Economía, José Ramón
Fernández Antonio, e contará coa participación do vicepresidente de Parsons Brinckerhoff,
Hamilton McDonald, a segunda empresa en enxeñería norteamericana. (Fonte: El Correo Gallego).
Alemaña
“Galicia en cartel”
A exposición “Galicia en cartel”
será inaugurada no pazo de Salzau, no estado de Schleswig-Holstein, no norte alemán, como unha mostra
da creación cartelística galega no ámbito do turismo. Esta exposición organizada pola
USC xa estivo en Bos Aires e Montevideo.
(Fonte: www.xornal.com).
 |
| 21/04/2007 |
 |
Diáspora
Polémica política polo
voto emigrante
Tralas declaracións do secretario
de organización do PSOE, José Blanco, na que argumentaba que os emigrantes só deberían
votar nas eleccións xerais e non nos comicios municipais e autonómicos, os principais representantes
do PPdG, PSdG e o BNG rexeitaron esta posición, defendendo o dereito do voto emigrante a todo tipo de proceso
electoral que se realice no Estado español.
(Fonte: El Correo Gallego).
Cuba
Intercambios audiovisuais
O secretario xeral de Comunicación
da Xunta e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, viaxará á illa caribeña
para promover o intercambio audiovisual entre Galicia e Cuba. Salgado se reunirá co vicepresidente do Instituto
Cubano de Arte e Industria Cinematográfica, Benigno Sánchez, e inaugurará o I Encontro Audiovisual
Galicia-Cuba, destinado á recuperación do patrimonio audiovisual e a promoción do cine galego
e cubano. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Os problemas demográficos de futuro
Ante o estudo da UE sobre a perda de poboación
en Galicia para o 2030, outras 33 rexións europeas corren similar risco demográfico no mesmo período.
O informe de Eurostat considera que Galicia pasará de 2,7 millóns a 2,4 millóns de habitantes
en case 30 anos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Cultura
Poesía galega en Damasco
O centro cultural Khan Asad Pachá
da capital siria albergará a exposición de tres poetas galegos, José Ángel Valente,
Álvaro Cunqueiro e Alfonso Pexegueiro, dentro dunha exposición cultural que completan outros dous
poetas occidentais, así como outros sirio, marroquí, iraquí e palestino. (Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Mitin electoral de Louzán
O presidente da Deputación de Pontevedra,
Rafael Louzán, viaxou a Arxentina para ofrecer un mitin electoral do PP en Bos Aires. Louzán realiza
esta viaxe por segunda vez no 2007, e continuará co seu periplo electoral en Montevideo. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 20/04/2007 |
 |
Galicia
Xornadas da Francofonía
Santiago organizará a finais de
abril as II Xornadas da Francofonía, coa participación da Facultade de Filoloxía da USC, o
Centro de Linguas Modernas da USC, a Alianza Francesa, a Asociación de Profesores de Francés de Galicia
e a Escola Oficial de Idiomas. (Fonte: El
Correo Gallego).
Solidariedade
Unha promesa para Indonesia
O bombeiro vigués José Torres
partiu para o país asiático con 1.000 quilos de axuda humanitaria dentro do proxecto Galicia da ONG
“Médicos Sen Fronteiras”, da que forma parte como cooperante. Torres asegurou que a súa iniciativa
forma parte dunha promesa persoal que lle fixera aos bombeiros indonesios trala súa participación
nas labores de rescate das vítimas do “tsunami” de 2005 na rexión de Banda Aceh. A acción
conta co apoio do Fondo Galego. (Fonte:
El Correo Gallego).
EEUU
IGAPE abre portas á construción
en EEUU
O Instituto Galego de Promoción
Económica, IGAPE, iniciará unha xornada técnica especializada sobre oportunidades de negocios
en EEUU, dirixido ás empresas relacionadas co sector da construción que estean interesadas en iniciar
ou expandir o seu negocio en EEUU e, especificamente, na cidade de Nova York. (Fonte: www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Piden caducidade do plan de usos portuarios
Diversos grupos ecoloxistas radicados
en distintos concellos da ría de Vigo, enviaron un escrito á Comisión de Peticións
do Parlamento Europeo, no que reclaman se inste á Autoridade Portuaria a declarar a caducidade “inmediata”
do plan de usos portuarios da ría presentado en xullo de 2006, e iniciar outro plan conforme á sostenibilidade
ambiental. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 19/04/2007 |
 |
Arxentina
Citan a Fraga pola Triple A
Os grupos de dereitos humanos Asociación
de ex Detidos Desaparecidos e o Centro de Profesionais polos Dereitos Humanos pediron que o ex presidente da Xunta,
Manuel Fraga, sexa citado a declarar pola actuación do grupo represor Triple A (Alianza Anticomunista Arxentina)
pola posible participación do seu ex gardaespaldas Rodrigo Almerón en accións represivas durante
a presidencia de Isabel Perón e a ditadura militar arxentina dos anos setenta. (Fonte: www.vieiros.com).
Diáspora
Propaganda partidaria con fondos públicos
O PP denunciou que o alcalde socialista
de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, enviou a Arxentina e Uruguai “propaganda electoral utilizando fondos públicos
coa intención de “captar votos”. O alcalde ofreceu desculpas e a reposición do diñeiro. Pola
súa banda, o ministro do Interior, Javier Pérez Rubalcaba, anunciou a supresión por falecemento
no censo electoral de 12.000 galegos residentes no exterior, que aínda estaban rexistrados. (Fonte: Faro de Vigo).
Inmigracion
Caixa Galicia cos inmigrantes
A entidade financeira galega anunciou
o lanzamento da tarxeta prepago “You&Me” dirixida ao colectivo inmigrante, que lle permita o envío de
diñeiro ao seu país de orixe a un custe reducido. O tope anual está calculado en 10.000 euros. (Fonte: www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Referencia para autopistas do mar
A Confederación de Empresarios
de Pontevedra solicitará á Comisión Europea a designación dos portos da fachada atlántica,
Portugal e Galicia, como referencias para optar á futura autopista do mar de Europa occidental, que enlaza
co mar do Norte e o mar de Irlanda. Esta petición foi realizada en Lisboa durante a conferencia “Autopistas
do Mar e Desenvolvemento portuario”, xunto a empresarios portugueses e galegos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Cuba
Encontro médico cubano-galego
O Instituto de Medicina Tropical de La
Habana organizará en maio un encontro galego-cubano de profesionais médicos, en colaboración
co centro de saúde “Rosalía de Castro” de Vigo.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Ensinarán chinés e xaponés
As escolas oficiais de idiomas de Vigo
e A Coruña ofrecerán a ensinanza do chinés e o xaponés no próximo curso 2007-2008.
Estas son algunhas das novidades estipuladas no programa de Ensinanzas Especiais que deu a coñecer a conselleira
de Educación, Laura Sánchez Piñon.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 18/04/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Bruxelas advirte de crise demográfica
A Oficina de Estatística da UE
advertiu que no ano 2030, Galicia terá que afrontar unha crise demográfica debido ao peso do envellecemento
da súa poboación, con serias repercusións nos sistema sanitario e de seguridade social. O
Eurostat considerou que para o 2031, Galicia perderá un 10% da súa poboación mentres que o
número de persoas maiores de 65 anos se incrementará nun 30%. (Fonte: Faro de Vigo).
Galicia
Aniversario da Semana Verde
José Maril, presidente da organización
“Semana Verde de Galicia” reuniuse en Madrid cos embaixadores de Croacia, Exipto, Alxeria, Perú, Tunicia
e Letonia para asegurar a súa participación nos actos organizativos do 30 aniversario desta fundación,
dentro da celebración da Feira Internacional de Galicia.
(Fonte: www.xornal.com).
Diáspora
BNG pide dereito ao voto en urna
O voceiro parlamentario nacionalista Carlos
Aymerich pediu que o Parlamento galego exerza presión ante o Congreso dos Deputados para que se aceleren
os mecanismos de implantación do voto en urna para os residentes no estranxeiro nas eleccións xerais
de 2008, acabando así co sistema de voto por correo. As demais forzas políticas galegas, PSdG e PPdG,
apoiarán esta iniciativa do BNG da reforma da lei electoral, nun documento a presentar ante o Congreso en
setembro próximo. (Fonte: La Voz
de Galicia).
EEUU
Éxito das Rías Baixas
O Consello Regulador da Denominación
de Orixe “Rías Baixas” presentouse con éxito no Park Avenue de Nova York, ante o sector profesional
estadounidense dos viños. O típico Albariño das Rías Baixas foi presentado polo prestixioso
experto norteamericano Doug Frost. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Eixo Atlántico
O legado cultural luso-galego
O Eixo Atlántico presentou unha
colección de doce volumes baixo o título xenérico “Arte e Cultura no Eixo Atlántico”,
que reúne a historia, arte e cultura común de Galicia e o Norte de Portugal. Esta obra pioneira de
2.500 páxinas na que participaron 70 expertos tras catro anos de investigación presenta o legado
etnográfico, arqueolóxico, arquitectónico, pictórico e escultural que une a esta eurorrexión. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 17/04/2007 |
 |
Emigración
Se estabiliza o número de retornados
O volume de emigrantes retornados que
regresan a Galicia sitúase en 6.679 persoas, unha cifra que normaliza o fluxo de retornados á nosa
Comunidade nos derradeiros anos. Estas estatísticas foron presentadas pola secretaria de Estado para Emigración
e Inmigración, Consuelo Rumí, trala presentación en Madrid da Oficina Española de Retorno.
Segundo o Censo de Residentes Ausentes, CERA, son 316.998 os galegos residentes no exterior. (Fonte: El Correo Gallego).
Emigración
Axudas para retornados necesitados
A secretaría xeral de Emigración
concederá axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e os seus familiares que estean en situación
de precariedade económica, por un importe de 400.000 euros para o 2007, segundo publica o Diario Oficial
de Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Garantías para o voto emigrante
O PSOE, PPdG e BNG desexan activar unha
iniciativa parlamentaria para regular o escrutinio dos residentes ausentes, a fin de que se potencie a reforma
electoral e o sufraxio en urna. Non obstante, o PPdG pediu o control das viaxes institucionais mentres o BNG instou
a fiscalización no exterior. (Fonte:
El Correo Gallego).
Galicia
Cooperativismo agrario
Expertos polacos, italianos e galegos
participarán a finais de abril en Santiago nunha reunión de intercambio en cooperativismo agrario
e empresarial organizada pola consellería de Traballo e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.
Estas actividades están enmarcadas no proxecto europeo Nexus Rede. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Potenciar a eurorrexión
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, apelou en Ourense á necesidade de crear un lobby empresarial galego que permita colaborar
cos seus similares portugueses e así consolidar a potencialidade económica da eurorrexión
Galicia-Norte de Portugal. (Fonte: El Correo
Gallego).
Portugal
Plataforma marítima con Galicia
Os portos de Lisboa e Leixões esperan
abrir liñas de colaboración coas plataformas galegas para integrarse no proxecto europeo de autopistas
do mar. Neste sentido, esta iniciativa portuguesa podería potenciar as candidaturas de Vigo e A Coruña
dentro do proxecto europeo de construción de plataformas marítimas. Esta proposta podería
abordarse na reunión anual entre empresarios galegos e portugueses que se levará a cabo en Lisboa
a finais de abril. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Autopista europea do mar
Unha comisión creada por España
e Francia para definir futuras liñas marítimas que se integrarán nas autopistas europeas do
mar antes do 2010 concluíu coa celebración dun concurso para portos aspirantes, nos cales están
incluídos Vigo e A Coruña. Cada porto español aspirante deberá presentarse en coalición
con outros portos franceses, sendo para Galicia os mais estratéxicos os de Saint Nazaire e Le Havre. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 16/04/2007 |
 |
Arxentina
Fraga en campaña
O ex presidente da Xunta e actual senador,
Manuel Fraga Iribarne, estivo no Teatro Avenida de Bos Aires para realizar un mitin de apoio ao PP para as próximas
eleccións municipais, en sintonía coa emigración galega e española nese país
suramericano. Fraga estivo acompañado polo deputado popular José Manuel Castelao Bragaña e
o secretario de política migratoria do PP, Rafael Rodríguez Ponga. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Voto uruguaio para consello consultivo
Mais de 10.000 membros da comunidade inmigrante
realizaron unha xornada electoral para elixir á xunta directiva do seu consello consultivo en Galicia, con
mesas electorais en A Coruña, Carballo, Ourense, Santiago e Vigo. Estes consellos foron creados polo goberno
uruguaio para canalizar as demandas dos seus residentes no exterior.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Galicia lidera a pesca de baixura
A Federación Galega de Confrarías
alcanzou a presidencia do grupo de traballo sobre pesca tradicional no seo do Consello Consultivo Rexional das
Augas Occidentais do Sur, entidade constituída en Burdeos e que ten como obxectivo asesorar á Comisión
Europea na xestión pesqueira dos caladoiros desta zona marítima. Deste xeito, esta organización
galega liderará as demandas sobre a pesca de baixura no sur de Europa. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 15/04/2007 |
 |
Galicia
Apertura de consulados árabes
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio
Pérez Touriño, asegurou ante os representantes diplomáticos de países árabes
reunidos en Santiago, o compromiso de apoiar a apertura de consulados destes países en Galicia, así
como potenciar os intercambios económicos e comerciais entre Galicia e o mundo árabe. Posteriormente,
os embaixadores árabes reuníronse con presidente do PPdG e líder da oposición, Alberto
Núñez Feijoo. (Fonte: El Correo
Gallego).
Galicia
Estudios de hostalería para palestinos
Dentro do cumio Galicia-Países
árabes celebrado en Santiago, asinouse un acordo entre o director xeral de Turismo da Xunta, Rubén
Lois, e o embaixador da Autoridade Nacional Palestina, Musa Amer Odeh, para a formación de estudantes palestinos
e xordanos no Centro Superior de Hostalería de Galicia.
(Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
Noruega apunta a Vigo
O país nórdico aumentou
a mil millóns ata o 2011 os contratos navais con diversos estaleiros vigueses, converténdose no principal
cliente marítimo de Vigo. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Arxentina
Prometen apertura de concellería
de Migracións
Javier Moreda e Lois Pérez Leira
propuxeron no seu programa electoral ás municipais viguesas a apertura dunha concellería de migracións
do concello de Vigo na capital arxentina, así como a creación dunha delegación do seu partido
“Vigo de Esquerda”. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 14/04/2007 |
 |
Portugal
Xestión conxunta de recursos naturais
Trala aprobación en Guimaraes do
Plan Estratéxico de Cooperación Galicia-Norte de Portugal, acordouse a colaboración conxunta
na recuperación dos hábitats e o intercambio de información científica na xestión
do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e a súa extensión no Parque Nacional Peneda-Gerés
en Portugal. Nesta xuntanza de Guimaraes, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reafirmou
o compromiso de rematar o AVE Vigo-Porto para o 2013.
(Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
Galicia
Un achegamento do mundo árabe
O príncipe Saud Bin Naif Bin Abdulaziz
Al-Saud, embaixador de Arabia Saudita e decano dos embaixadores árabes ante o Estado español, confirmou
en Santiago o compromiso de fortalecer as relacións entre España e o mundo árabe e musulmán,
dentro da nova política diplomática que supón achegarse a Galicia e os distintos pobos do
Estado español. Tamén se realizou unha declaración de apoio ao proceso de paz en Oriente Medio
e de rexeitamento do terrorismo. Esta xuntanza, que incluíu ao presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, foi realizada pola Fundación Araguanei-Ponte de Culturas, presidida polo empresario palestino
radicado en Galicia, Ghaleb Jaber. (Fonte:
El Correo Gallego).
Diáspora
Tour electoral galego
Os candidatos dos partidos PSOE, PPdG
e BNG ás eleccións municipais do 27 de maio activaron unha ampla campaña electoral dirixida
á diáspora galega, que contou coa participación de políticos como Manuel Fraga, Marisol
Soneira, Ana Pastor, Fernández Moreda, Rafael Louzán ou Corina Porro. Venezuela, Arxentina, Suíza
e Uruguai son os destinos mais solicitados.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 13/04/2007 |
 |
Eixo Atlántico
Un paso á eurorrexión
O secretario xeral do Eixo Atlántico,
Xoán Vázquez Mao, e o director xeral de Caixanova, Xosé Luís Pego, presentaron en Madrid
a serie audiovisual “Eurorrexión século XXI” onde se analiza o presente e futuro da zoa transfronteiriza
Galicia-Norte de Portugal. No acto participaron o conselleiro da embaixada portuguesa, Federico Nascimento, e o
senador e ex presidente da Xunta, Manuel Fraga.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Denuncian a presenza de independentistas
galegos
José Luis Manso, perito en relacións
policiais entre Galiza e Portugal, declarou no diario portugués “Diário de Notícias” sobre
a presenza na localidade portuguesa de Soajo, en Arcos de Valdevez, de membros do Exército Guerrilheiro
do Povo Galego, dentro dun colectivo denominado “GZ Resistência Galega”. A policía confirmou a detección
de propaganda independentista. (Fonte: www.vieiros.com).
Diáspora
Programación cultural na emigración
Co fin de consolidar a política
de dereitos na emigración e tender a normalizar a súa vida social e cultural en relación a
Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración habilitou liñas de axuda que reforzarán a
programación cultural nas entidades e centros galegos no exterior. Esta iniciativa contará cun orzamento
de 730.000 euros e levarase a cabo a través de diferentes seminarios, exposicións e mostras representativas
das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia. (Fonte: www.xornal.com).
Diáspora
O aumento electoral da emigración
Galicia conta no estranxeiro con mais
electores que votantes nas provincias de Ourense e Lugo. En total, quince concellos galegos aumentaron a súa
poboación electoral grazas ao censo da diáspora galega, que creceu en 35.379 persoas. Pontevedra
está na cabeza das provincias con mais votantes no estranxeiro. A nivel estatal, Galicia xerou o 34% (103.868
persoas) dos españois censados no estranxeiro con dereito a voto.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Uruguai
Visita electoral do BNG
O candidato á alcaldía de
Gondomar polo BNG, Antonio Araúxo, estará en Montevideo para reunirse cos 2.000 emigrantes de Gondomar
residentes neste país suramericano. Neste sentido, Araúxo contactará coa sociedade “Hijos
de Morgadanes” e do Centro Social Valle Miñor.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Cultura
O libro galego en Bolonia
A Asociación Galega de Editores,
AGE, participará na difusión das novidades literarias galegas na Feira Internacional do Libro Infantil
e Xuvenil de Bolonia (Italia), así como na Semana do Libro Galego en Barcelona. (Fonte: El Correo Gallego).
Palestina
Financiarán a refuxiados palestinos
A consellería de Vivenda e Solo
financiará con 99.000 euros un proxecto de rehabilitación de 16 vivendas nos campamentos de refuxiados
palestinos de Jalazone e Amari en Gaza e Cisxordania. O convenio foi asinado en Santiago pola conselleira Teresa
Táboas e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
(Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
Sáhara
Manifestación polo pobo saharauí
A Asociación Solidariedade co Pobo
Saharauí convocou a unha manifestación en Compostela con motivo da “situación de terror que
se está a vivir” ante a perspectiva dun hipotético conflito armado no Sáhara Occidental. O
colectivo denunciou o empeoramento da situación saharauí tralo derradeiro armisticio con Marrocos,
o endurecemento da súa represión e o recorte de axudas da comunidade internacional. (Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 12/04/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
“Sós contra o Lume” en Bruxelas
A asociación galega de afectados
polos incendios forestais “Sós contra o Lume” estivo en Bruxelas para intentar convencer ao Parlamento europeo
da apertura do Fondo de Solidariedade polos 2.552 fogos que calcinaron 82.000 hectáreas galegas en agosto
de 2006 e o efecto das posteriores riadas de outubro-novembro.
(Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Medio millón de electores
Coa ampliación do dereito de cidadanía
española para os netos de emigrantes, Galicia terá nos próximos anos aproximadamente 500.000
electores da diáspora dentro dunha poboación de 2,5 millóns de persoas. Polo tanto, un de
cada cinco electores galegos estaría no exterior. Así o afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, durante a súa comparecencia ante o Parlamento galego, no que pediu ao PPdG e o BNG un pacto
político para consensuar a reforma da Lei Electoral.
(Fonte: www.vieiros.com e La Voz de Galicia).
Portugal
Banco Privado Portugués en Vigo
Durante unha reunión coa alcaldesa
Corina Porro, o presidente da entidade financeira portuguesa, Joao Rendeiro, comunicou a elección de Vigo
como sede da súa cuarta sucursal en España, onde se xestionará toda a actividade bancaria
para Galicia. Fundado en 1996, o BBP posúe un capital de 150 millóns de euros e xestiona activos
por 1.300 millóns de euros. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 11/04/2007 |
 |
Galicia
Encontro con embaixadores árabes
A Cámara de Comercio de Santiago
organizará o 13 de abril un encontro entre embaixadores dos países árabes e empresarios galegos
con contactos con estes países, previo á reunión institucional co presidente da Xunta, Emilio
Pérez Touriño, prevista para o día 14.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Festival Internacional de Teatro
Ourense celebrará a finais de abril
a Mostra Internacional de Teatro Universitario, MITEU, coa participación de 23 compañías dos
catro continentes, destacando grupos provenientes de Portugal, Israel, Palestina, Cuba e o Sáhara. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Aumentan fondos para a pesca
A conselleira de Pesca, Carmen Gallego,
informou dun incremento do 14% no cofinanciamento do novo Fondo Europeo da Pesca, que se achegará ata os
137 millóns de euros ata o 2013. Gallego recalcou que este aumento se debe ás xestións realizadas
ante Bruxelas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, MAPA. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Touriño ofrece pacto político
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, ofreceu un pacto político ao PP e o BNG para conseguir unanimidade á hora de negociar
a reforma da Lei Electoral que posibilite que os emigrantes cheguen a votar en urna. En total, uns 316.000 emigrantes
galegos están facultados para votar.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 10/04/2007 |
 |
Galicia
Os consellos dunha feminista india
N. Manimekalai, feminista india e directora
do Centro de Estudos das Mulleres na Universidade de Bharathidasan en Tiruchy, presentará ata finais de
abril en Galicia as conclusións dun proxecto de investigación que analiza o impacto das mulleres
en diferentes tipos de microfinanzas. (Fonte:
www.vieiros.com).
Galicia
Dieterich e o novo socialismo
O prestixioso sociólogo mexicano
de orixe alemá, Heinz Dieterich, propulsor da idea do “socialismo do século XXI” que impulsa o presidente
venezolano Hugo Chávez, estivo en Vigo para falar sobre a revolución bolivariana e o seu impacto
en Europa. Dieterich, autor de mais de 30 libros, considerou que o modelo bolivariano impulsado por Chávez
“non é un fenómeno local senón xa mundial”. A súa presenza en Galicia débese
a súa participación na Semana Galega de Filosofía, que se celebra en Pontevedra. (Fonte: Faro de Vigo).
Galicia
Cen anos do Himno galego
A Secretaría Xeral de Emigración
conmemorou o cen aniversario do Himno Galego cun acto musical no que se vindicou o carácter identitario
da música na Galicia exterior. A xénese do Himno está historicamente ligado á cidadanía
galega do exterior, pois foi en terras cubanas onde a súa interpretación en 1907, consolidou este
símbolo como futura sinal de identidade de Galicia.
(Fonte: www.xornal.com).
Turismo
Aumentou turismo en Compostela
Entre finais de marzo e a Semana Santa
pasaron pola capital galega un total de 10.000 turistas, principalmente españois. Non obstante, un 35% foi
turismo estranxeiro, especialmente de Portugal e Irlanda, neste último caso grazas á apertura dun
enlace aéreo entre Compostela e Dublín.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Cooperación
Modelo galego para Colombia
O conselleiro de Economía e Facenda,
José Ramón Fernández Antonio, recibiu a unha delegación institucional procedente da
rexión colombiana de Antioquia, co obxectivo de reunirse co IGAPE e BIC Galicia para a transferencia de
coñecemento tecnolóxico e a promoción económica e empresarial. Este encontro realizouse
dentro do programa ERICA (España e as súas rexións intercambia coñecementos con Antioquia)
promovido pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI). (Fonte: www.xornal.com).
Inmigración
Menos estudantes no ensino privado
O informe do Consello Escolar de Galicia
fixo referencia á atención do alumnado inmigrante na nosa Comunidade, que pasou de 1.340 estudantes
no curso 1994-95 a 7.408 un decenio despois. Neste informe considérase que un 84,6% deste alumnado, principalmente
de orixe africana, está en colexios públicos mentres un 15%, especialmente provenientes de América
do Norte, estudan en centros privados. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Cuba
Encontro audiovisual
Cuba e Galicia celebrarán a finais
de abril o I Encontro Audiovisual coa presentación de 18 filmes producidos en Galicia nos derradeiros anos.
A mostra estará acompañada por unha delegación de realizadores galegos en longametraxes de
ficción e documentais. (Fonte: La
Voz de Galicia).
Sáhara
Gafas solidarias
O departamento de Servizos Sociais do
concello coruñés de Ames e a súa oficina de voluntariado comezou unha campaña de recollida
de gafas usadas para envialas ao Sáhara, debido á necesidade de remediar as enfermidades provocadas
polo vento, a area e a luz do deserto na vista dos saharauís.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Pesca
Piden aumentar importación atuneira
A industria conserveira galega, representada
por Anfaco, pediu á UE que aumente o continxente de importación de atún para o período
2007-2009, co obxectivo de manter a súa actividade en Galicia. Este petición tamén inclúe
a de non baixar os aranceis ás conserveiras procedentes de Asia, África, o Caribe e o Pacífico,
que compiten cunha man de obra mais barata.
(Fonte: Faro de Vigo).
Marítima
Buque para Dinamarca
O estaleiro vigués Mcíes
adxudicouse un contrato co goberno de Dinamarca para a construción dun buque de vixilancia pesqueira, rescate
e loita contra a polución. O prazo de entrega estímase en 24 meses. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 09/04/2007 |
 |
Diáspora
Critican sistema do voto emigrante
O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional
do BNG, Anxo Quintana, cualificou durante unha entrevista á axencia EFE que o sistema electoral da emigración
como “espurio, oculto e sen garantías democráticas” e acusou ás forzas políticas estatais
de “mirar para outro lado” en vez de reformar o sistema.
(Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Crise pesqueira pola merluza
As firmas de capital galego que fanan
nos caladoiros arxentinos poderían verse afectadas pola escaseza de merluza, cuxa diminución en capturas
obrigou a reducir o persoal en terra. Consecuentemente, o goberno arxentino está a rematar unha lei que
endurecerá as sancións contra os buques que fanen de forma ilegal. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 08/04/2007 |
 |
Portugal
Asinarán plan de cooperación
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, asinará o próximo 13 de abril na localidade portuguesa de Guimaraes, o Plan Estratéxico
de Cooperación Transfronteiriza 2003-2013, dentro da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Este
plan conta cun orzamento comunitario de 97 millóns de euros e busca o incremento da produtividade do tecido
empresarial en ambos espazos territoriais.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Baixa no turismo
A crise económica no norte de Portugal
certifica a baixa turística de portugueses aos hoteis galegos das Rías Baixas na derradeira Semana
Santa. Os datos económicos rexistran unha alta inflación e desemprego e baixo poder adquisitivo nesta
rexión portugesa. (Fonte: La Voz
de Galicia).
Galicia
Baixo índice de apadriñamentos
Galicia é a última comunidade
estatal en apadriñamentos de nenos do Terceiro Mundo, sendo un de cada cen galegos os que colaboran con
algunha das ONGs que se dedican a esta actividade. O número de apadriñamentos en Galicia está
en 24.039 segundo as ONGs “Intervida”, “Fundación Vicente Ferrer” e “Axuda en Acción”, cun incremento
do 4% nos derradeiros dous anos. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 07/04/2007 |
 |
Polonia
De bolseira a delegada empresarial
A galega Inmaculada Villasuso, beneficiada
por unha bolsa do IGAPE para Polonia, foi nomeada delegada da empresa galega Ingafor neste país, grazas
a súa alta cualificación. Villasuso considerou que estes programas do IGAPE permiten fomentar a internacionalización
das Pemes galegas, tomando en conta que diversos bolseiros galegos están na actualidade ampliando a súa
preparación en Xapón, EEUU, Suecia, Bélxica, Australia, México e China. (Fonte: www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Investimentos rexionais
O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
permitirá investir en Galicia máis de 3.550 millóns de euros nos próximos sete anos,
entre financiamento da UE (2.300 millóns), estatal (841 millóns), autonómica (392 millóns)
e local (12 millóns). Bruxelas desexa primar o investimento en I+D, competitividade e sociedade do coñecemento,
que levará o 40% do gasto. Outros apartados de importancia son a mellora das conexións transeuropeas
en autoestradas e ferrocarrís, medio ambiente, enerxías renovables e reutilización da auga. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 06/04/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Apertura dos campus galegos
Para o próximo curso universitario,
os estudantes poderán ingresar en calquera universidade europea sen necesidade de realizar o exame de selectividade
no país elixido. Este proceso de apertura de campus universitarios pode beneficiar tamén a numerosos
estudantes portugueses desexosos de cursar en Galicia as carreiras de Medicina e Farmacia. (Fonte: El Correo Gallego).
Xacobeo
O Camiño en Letonia
A exposición itinerante sobre fotografías
do Camiño de Santiago foi inaugurada no Museo de Artes Decorativas da capital letona, Riga. Esta exposición
realizou outras paradas en Copenhague, capital danesa, e Bergen, a segunda cidade mais importante de Noruega. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 05/04/2007 |
 |
Diáspora
Fraga irá a Arxentina e Uruguai
O ex presidente da Xunta e actual senador,
Manuel Fraga, realizará antes das eleccións municipais do 27 de maio unha viaxe por estes dous países
suramericanos, para visitar aos emigrantes galegos e demandar o voto para o PP. Fraga estará acompañado
por outros altos cargos do PP como Ana Pastor e os responsables parlamentarios de Emigración, Aurelio Miras
Portugal e José Manuel Castelao Bragaña.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Os castros conxuntos
O proxecto europeo Castrenor, co apoio
da Consellería de Cultura e Deporte e financiado por Interreg III, pretende compilar todos os castros existentes
en Galicia e o Norte de Portugal a traveso dunha páxina web (www.castrenor.com) coa finalidade de promover
o coñecemento do patrimonio cultural conxunto.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 04/04/2007 |
 |
Galicia
Primeira planta de bioetanol
A planta da empresa Abengoa, cuxo proxecto
está previsto construírse en Curtis, e Sogama, permitirá a Galicia posuír a primeira
planta de produción combinada de enerxía eléctrica e biocarburante do mundo. A Xunta apoia
este proxecto que ten un investimento de 100 millóns de euros.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Plan estratéxico da eurorrexión
A Xunta e a Rexión Norte de Portugal
decidiron concentrar o orzamento comunitario de 97 millóns de euros no fomento da competitividade empresarial,
a valorización do medio ambiente e os recursos naturais, e a vertebración territorial, dentro dun
plan estratéxico elaborado polos mandatarios da eurorrexión cuxo horizonte é o 2013. Este
plan estipula a apertura en Vigo dunha axencia europea para a xestión destes fondos comunitarios. (Fonte: La Voz de Galicia).
Venezuela
Pontevedra lidera o número de
retornados
Segundo datos da Deputación, un
de cada tres venezolanos retornados a Galicia se localizan na provincia de Pontevedra, un total de 1.149 emigrantes
durante os anos 2003, 2004 e 2005. Dos 3.746 venezolanos que retornaron á nosa Comunidade, 1.481 están
en A Coruña, 222 en Lugo e 894 en Ourense.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Cultura
Crisol de culturas
Galicia inaugurou no Instituto Cervantes
da localidade holandesa de Utrecht, o ciclo “España, crisol de culturas”, na que se fomentará a diversidade
cultural do Estado español e poderá exhibirse a exposición fotográfica e dos documentais
sobre o Camiño de Santiago e a Ruta Xacobea.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 03/04/2007 |
 |
Diáspora
Rede de Formadores no exterior
A secretaría xeral de Emigración
anunciou a creación dunha Rede de Formadores da Galicia Exterior, en conxunto cos centros da emigración
galega, coa finalidade de fomentar os lazos xeracionais con Galicia a traveso da lingua e as actividades culturais.
Neste sentido, se inauguraron obradoiros en Santiago nos que participaron 130 mozos de orixe galega procedentes
de 16 países, como Arxentina, Costa Rica, Chile, EEUU, Holanda e Francia. (Fonte: El Correo Gallego e www.xornal.com).
Diáspora
Formación profesional
A Consellería de Traballo e o grupo
Vegalsa-Eroski desenvolverán actividades en Arxentina e Uruguai para formar profesionalmente aos emigrantes
galegos que teñan vontade de retornar a Galicia, así como para fomentar a inserción laboral
de mulleres e as persoas en risco de exclusión social, en sectores nos que se atopan subrepresentadas. (Fonte: www.xornal.com).
Portugal
Aumentan universitarios portugueses
O director xeral de Ordenación
e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, SUG, Xosé María Leis Fidalgo, considerou que a plena
aplicación do Espazo Europeo de Educación Superior, EEES, permitirá un aumento considerable
no fluxo de estudantes portugueses aos campus universitarios galegos. Do mesmo xeito, Fidalgo informou dun aumento
dos estudantes procedentes do Magreb. (Fonte:
El Correo Gallego).
Galicia
Tres candidatas para Patrimonio da Humanidade
A torre de Hércules, a Ribeira
Sacra e o Ferrol da Ilustración son as candidatas galegas para ser recoñecidas como Patrimonio da
Humanidade da Unesco por parte do Consello Histórico do Ministerio de Cultura. En setembro se decidirá
que candidatas se promoverán. Galicia xa ten tres bens considerados Patrimonio da Humanidade: a cidade vella
de Compostela (1985), o Camiño de Santiago (1993) e a Muralla de Lugo (2000). (Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 02/04/2007 |
 |
Pesca
Galicia e Irlanda promoven a pesca
O goberno irlandés espera ampliar
o seu mercado pesqueiro coa revalorización da súa empresa Seafood Island, nun proceso paralelo ao
que intenta realizar Galicia coa súa firma “PescadeRías” nas augas irlandesas, ricas na pesca da
baixura. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Dirimirán conflitos ambientais
A falta de acordo entre a Federación
Ecoloxista Galega, FEG, e a Xunta, permitirá que conflitos como o lago artificial no río Eume en
As Pontes sexa levado ante as instancias xudiciais da UE, tal e como sucedera coas rías de Vigo e Corcubión. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Aumenta o voto emigrante
Segundo datos do Censo de Electoral de
Residentes Ausentes, CERA, os electores emigrantes representan o 12% do censo electoral en Ourente e Pontevedra,
un índice netamente superior a outras cidades como Ferrol, Lugo e Vigo, onde non supera o 6%. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 01/04/2007 |
 |
Galicia
Israel toma cartas no “caso Valadés”
O portavoz da Embaixada de Israel en España,
Eswin Yabo, enviou unha carta ao vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, para pedir a
non expulsión dese partido do militante Pedro Gómez-Valadés, presidente da Asociación
Galega de Amizade con Israel (AGAI). O BNG declarou que, se ben non comparte as opinións de Valadés,
manterá ao militante nas súas filas, a pesares das presións contrarias de diversos militantes
que esixen a súa expulsión.
(Fonte: www.xornal.com).
Economía
A necesaria aposta por Asia
Diversos expertos comerciais do IGAPE
e Casa Asia coincidiron na necesidade de que as firmas comerciais galegas aposten polo mercado asiático.
Consideran que se ben Galicia “chegou tarde” a China, existen outras alternativas de ampliación económica,
principalmente no sector téxtil, cara India, Tailandia, Singapur, Vietnam e Corea do Sur. (Fonte: La Voz de Galicia).
|