|
 |
| 31/03/2007 |
 |
Portugal
AVE Vigo-Porto para o 2009
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, e o presidente da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de
Portugal, Carlos Lage, acordaron dirixirse aos Gobernos español e luso para solicitar a definición
do treito transfronteirizo para o AVE Vigo-Porto e o seu inicio para o 2009. (Fonte: www.xornal.com).
Galicia
Atenderán a mozos de Ghana
Ante a entrada de mozos deste país
africano polo porto de Marín, a Xunta conveniará a atención cunha ONG. Nos seus certificados,
rexístranse aos mozos ghaneses como menores de idade, aínda que o seu aspecto revela ser maiores
de 20 anos. A alarma das autoridades está xustificada pola entrada de mozos ghaneses que nos dous derradeiros
meses equivale á totalidade dos que ingresaron no 2006.
(Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Critican postura do PSOE
O secretario xeral do PPdG, Alfonso Rueda
Valenzuela, acusou ao PSOE de “non interesarlle” que exista “limpeza” co voto emigrante. Esta declaración
ven a consecuencia da denuncia do BNG ante o alcalde socialista de Lugo, José Clemente López Orozco,
de captación epistolar do voto da diáspora.
(Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Zara abrirá en Colombia
A cadea do grupo Inditex de Amancio Ortega
abrirá un establecemento nun céntrico local de Bogotá, de 1.200 metros cadrados, cuxa apertura
podería estar prevista para o próximo mes de maio. Tamén abrirá unha tenda na localidade
de El Tesoro en Medellín, segunda gran cidade colombiana.
(Fonte: www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Anxela Bugallo representará ás
autonomías
Tras unha xuntanza en Santiago entre os
representantes das áreas culturais das comunidades autónomas estatais, acordouse que a conselleira
de Cultura, Ánxela Bugallo, representará ás autonomías españolas no Consello
de Ministros de Cultura da UE, a celebrarse a finais de maio.
(Fonte: La Voz de Galicia).
EEUU
Denigran ao galego
Diversos medios radiofónicos e
programas televisivos da comunidade hispana en EEUU utilizan epítetos despectivos cara os galegos, especialmente
en materia de humor en programas de gran audiencia como o show “Don Francisco”. Emigrantes galegos neste país
están a realizar protestas formais para pedir aos medios electrónicos a supresión destes epítetos. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 30/03/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Rede enerxética sen Galicia
O PPdG denunciou que Galicia non recibirá
ningún fondo dos 20.000 millóns de euros destinados pola UE para a enerxía no período
2007-2013, excluíndo a nosa Comunidade da rede enerxética prioritaria europea. As razóns que
aduce Bruxelas radican na falta de infraestruturas e o feito de que proxectos como a conexión gasífera
galega non cumpre os criterios europeos.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Desenvolvemento rural
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo
Suárez Canal, anunciou que a UE aportará 856,5 millóns de euros para o plan de desenvolvemento
rural de Galicia para o período 2007-2013, a traveso do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Greenpeace denunciaría a Xunta
A ONG ecoloxista levaría ante a
UE unha denuncia contra a Xunta no caso de que se aproben as piscifactorías de O Son e Quilmas, polo impacto
ambiental que ambas terían, especialmente no caso de que empresas como Stolt Sea Farm sexan finalmente as
acreditadas, e polos “trámites fraudulentos” que poderían estar levándose a cabo. (Fonte: www.vieiros.com).
Portugal
O mal significado do galego
A polémica suscitada pola definición
no diccionario da Real Academia Española, RAE, de galego como “tonto” e “tartamudo” tamén semella
ampliarse a Portugal. No dicionario portugués “Houaiss” cualifícase ao galego como un substantivo
masculino e pexorativo, como un individuo nado en Portugal, especialmente de baixo nivel social e educativo, rudo
e groseiro. O deputado do BNG, Francisco Rodríguez presentou no Congreso dos Deputados unha protesta contra
a RAE, apoiada polo PSOE. (Fonte: www.xornal.com).
EEUU
Presentan o viño Valdesil
A bodega ourensá Valdesil presentou
os seus caldos Montenovo, ValdeSil, Pezas de Portela e Pedrouzos en Boston, Nova York e Chicago, en actos organizados
por Eric Solomon, un dos mais importantes comerciantes e importadores estadounidenses. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 29/03/2007 |
 |
Diáspora
Pulso político polas viaxes
Durante unha intervención no Parlamento
galego, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, criticou as acusacións do PPdG de presunta
utilización electoral da súa viaxe a Brasil, cualificando como “oportunismo electoral” as visitas
do anterior presidente Manuel Fraga a América do Sur. Touriño asegurou non haber utilizado o tema
electoral na súa visita a Brasil e que tivo “sentido de país”. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Melloras sociais e sanitarias
O conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, asegurou que a Xunta de Galicia, a través
da súa Secretaría Xeral de Emigración, presentou no VII Pleno da Cidadanía Española
no Exterior -celebrado en Madrid o pasado mes de xaneiro- unha serie de propostas co fin de mellorar as condicións
sociais e sanitarias dos emigrantes galegos, así como para facilitar o seu retorno. Ademais, buscan axilizar
os trámites necesarios para a implantación do voto en urna e a homologación dos títulos
universitarios dos retornados. (Fonte: www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Reformar o Fondo Europeo de Solidariedade
Ante o rexeite da Comisión Europea
para a utilización de fondos comunitarios no caso dos incendios en Galicia o pasado verán, a delegación
do PSOE no Parlamento europeo pediu a modificación do Fondo Europeo de Solidariedade para converterse nun
ente capaz de afrontar catástrofes de menores dimensións e que non superen os 3.000 millóns
de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Encontro empresarial transfronteirizo
A Confederación de Empresarios
de Ourense organizou o primeiro Encontro para a Promoción da Zoa Única Empresarial Transfronteiriza
de Galicia e o Norte de Portugal. Neste sentido, e para afirmar a potencialidade desta rexión, asegurouse
que o 23% dos ingresos por exportacións portuguesas de 2006 procedían dos mercados de Galicia, especialmente
das provincias de Ourense e Pontevedra.
(Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Os novos mercados de Fadesa
O presidente da empresa inmobiliaria coruñesa,
Fernando Martín, anunciou que Brasil e EEUU constitúen os novos mercados prioritarios no proceso
de expansión exterior da empresa, xunto a Europa do Leste, México e o norte de África. Martín
engadiu que a actividade exterior proporcionará o 35% dos negocios de Fadesa no 2007 e o 50% nos próximos
cinco anos. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 28/03/2007 |
 |
Portugal
Rede universitaria galego-portuguesa
A USC presentou un programa de interrelación
universitaria a traveso dunha rede dentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se concentrará
na revalorización do patrimonio común e na realización de foros de debate sobre cuestións
de actualidade. O primeiro programa piloto se realizará coa Universidade do Minho. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Denuncian acoso a médicos galegos
O presidente da Asociación de Profesionais
Españois da Saúde en Portugal, Xoán Xosé Gómez Vázquez, denunciou o acoso
que a Garda Nacional Republicana portuguesa realiza contra os médicos galegos e españois que traballan
nese país, tales como retencións para pedir documentación. A asociación xa enviou unha
queixa á embaixada portuguesa en Madrid.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Emigración
A “obriga” de prestar axuda
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez
Bugallo, rexeitou as críticas do PP e o BNG pola súa viaxe a Arxentina e Uruguai, considerando que
“é unha obriga e un deber” a atención cara os emigrantes. Bugallo recalcou que estas viaxes sempre
se realizan por estas datas e que non posúen ningún tipo de interese electoral. (Fonte: El Correo Gallego).
Cuba
Touriño viaxará a Cuba
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, confirmou ante o cónsul xeral de Cuba en Galicia, Alejandro Fuentes Hernández, a
súa intención de visitar o país caribeño, oficialmente, en decembro de 2007. Touriño
participará na conmemoración do centenario do Himno Galego, estreado no Centro Gallego da Habana
en 1907, e na presentación da Feira do Libro da Habana, que en 2008 estará dedicada a Galicia. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 27/03/2007 |
 |
Galicia
Revista australiana de estudos galegos
A publicación “Critical Perspectives
on Galician Literature in the Twentieth and Twenty First Centuries” foi presentada pola Universidade de A Coruña
e a revista “Antípodas” (Journal os Hispanic and Galician Studies) da Universidade de La Trobe, en Melbourne,
Australia. Os seus editores son José Miguel Alonso Giráldez e Roy C. Boland Osegueda, que buscan
crear unha publicación sobre estudos galegos e hispánicos en diversas disciplinas en enfoques. (Fonte: www.vieiros.com).
Portugal
Plan estratéxico sanitario
O conselleiro de Economía e Facenda,
José Ramón Fernández Antonio, anunciou na localidade portuguesa de Bragança un plan
estratéxico en sanidade que será presentado pola Xunta en Porto en abril e que permitirá o
uso compartido de hospitais entre Galicia e o norte de Portugal. O proxecto foi anunciado durante a presentación
da proposta do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Portugal-España 2007-2013, en presenza
da comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner, o ministro portugués de Ordenación
do Territorio, Nunes Correia, e a ministra española de Medio Ambiente, Cristina Narbona. Un total de 73
millóns de euros en fondos Interreg serán destinados para a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
coa finalidade de levar a cabo estes programas.
(Fonte: La Voz de Galicia, El Correo Gallego e AGN).
Cooperación
Aumento dun 40%
A directora xeral de Cooperación
Exterior, Fabiola Sotelo, explicou que o aumento en dez millóns de euros da cooperación exterior
galega, un 40% máis que no 2006, permitirá incluír a Arxentina, Uruguai e Venezuela nos eixes
prioritarios no sector de cooperación exterior por constituír os países onde existe maior
emigración galega. Neste sentido, en Uruguai e Venezuela se nomearán unha persoa para detectar as
necesidade sociais. Sotelo explicou que a cooperación exterior da Xunta realízase con 17 países
mentres espera realizar un censo de galegos que traballan neste sector.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Renovan programas asistenciais
O presidente da Deputación Provincial
de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, visitou o Centro Gallego de Jubilados e Pensionados, un organismo
que agrupa a 3.000 galegos do barrio bonaerense de Avellaneda, coa que existen diversos convenios de asistencia
social que buscarán ser renovados pola Deputación.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Sáhara
Ortigueira cos nenos saharauís
O concello coruñés de Ortigueira
participará por quinto ano consecutivo no programa “Vacacións con Paz”, organizado pola entidade
Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para acoller aos nenos do campamento de refuxiados de Tinduf, en
Alxeria, durante os meses de xullo e agosto.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Gasto comunitario
Segundo comunicou a Comisión Europea
ao eurodeputado polo PP Daniel Varela, Galicia deberá gastar un total de mil millóns de euros ata
o 2008, como monto final dos 4.302 millóns de euros recibidos pola nosa Comunidade dende Bruxelas no período
2000-2006. Segundo informou a comisaria de Política Rexional Danuta Hübner, Galicia gastou ata o momento
o 76,7% da súa asignación do Fondo de Cohesión.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 26/03/2007 |
 |
Inmigración
Baixa escolaridade inmigrante
A presenza de alumnado inmigrante na educación
pública galega é unha das mais baixas a nivel estatal, cun 3,7% en ensinanza primaria e 3,1% na ESO. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Caixanova co viño do Porto
A entidade financeira galega adquiriu
o grupo vitivinícola Barros, produtor do tradicional viño do Porto. Esta operación permite
a Caixanova posicionarse como o cuarto produtor deste caldo, representando un 11% das cen millóns de botellas
que produce este empresa. Caixanova tamén é a propietaria das Bodegas de Porto Cálem, as máis
visitadas do mundo. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
O decisivo voto exterior
Tomando como referencia as estatísticas
da Oficina do Censo Electoral entre o 1 de maio de 2003 e o 1 de febreiro de 2007, os votos procedentes da emigración
terán unha influencia máis decisiva nos próximos comicios municipais do 27 de maio que nos
procesos electorais anteriores. Só 22 dos 315 concellos galegos perden electores na diáspora, mentres
que 293 concellos, o 93% do total, incrementan os seus votantes co censo dende Arxentina, Venezuela ou Suíza,
principalmente Ames, Oleiros, Nigrán, Ponteareas, Viveiro, Ribeira e Barbadás. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 25/03/2007 |
 |
Uruguai
Difusión da cultura galega
A Deputación de A Coruña
formalizou en Montevideo un acordo de colaboración que permitirá aportar 15.000 euros para a adquisición
de mobiliario e equipamento destinado ao Patronato da Cultura Galega, fundado fai 42 anos por emigrantes galegos
na capital uruguaia e que permite a difusión da lingua e cultura galega mediante a edición de libros
e a emisión do programa radial “Sempre en Galicia”. A Deputación asignou un total de 84.000 euros
a este convenio nos derradeiros tres anos.
(Fonte: El Correo Gallego).
Uruguai
Finaliza I Congreso Técnico Empresarial
O secretario xeral de Emigración,
Manuel Luís Rodríguez, clausurou o I Congreso Técnico Empresarial “O futuro dos emprendedores
galegos do exterior”, celebrado en Montevideo, expresando a súa confianza en que o tecido empresarial galego
no exterior “posúa a tenacidade e os espírito de loita necesarios para situar Galicia no escenario
internacional”. (Fonte: www.xornal.com).
Arxentina
As noticias de Galicia
A emisora arxentina Radio General San
Martín retransmitirá dende Galicia diariamente e durante unha hora, as principais noticias da nosa
Comunidade para a colectividade emigrante neste país suramericano. A emisión corre a cargo do xornalista
arxentino descendente de galegos, Fabián Pérez Battaglini e poderá sintonizarse a traveso
da frecuencia local AM 610 e por Internet no site www.radioam610.com.ar.
(Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Pescanova mira a Xapón e EEUU
Consolidado dentro do mercado europeo,
o grupo empresarial galego Pescanova anunciou a súa intención de incrementar o seu volume de exportacións
cara novos mercados como Xapón e EEUU, variando un tanto a súa tradicional orientación estratéxica
europea. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 24/03/2007 |
 |
Galicia
Polacos celebrarán a súa
Pascua
A Asociación Cultural Polonia en
Galicia, presidida por Ewa Pawlowska, realizou en Santiago unha serie de actividades culturais e recreativas para
dar a coñecer as tradicións da Pascua polaca. En Galicia conviven un total de 200 polacos dos que
medio centenar están na capital galega, principalmente por medio das bolsas europeas Erasmus. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Proxectos empresariais con Galicia
No marco do I Congreso Técnico
Empresarial a celebrarse en Montevideo, empresarios de México, Venezuela, Brasil, Uruguai e Arxentina lideraron
a posta en marcha de 48 proxectos empresariais con Galicia, que suman un investimento de 160 millóns de
euros. Neste sentido, o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, anunciou
que estes contactos son o obxectivo da aposta da Xunta pola internacionalización dos plans estratéxicos
do IGAPE. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Arxentina lidera o voto exterior
Nos 62 concellos da provincia de Pontevedra,
un total de 93.610 papeletas corresponden ao voto exterior, especialmente dende a Arxentina (32.633) Tralo país
austral veñen Brasil, Uruguai e Venezuela. Nun número inferior, tamén existen votantes dende
EEUU, México, Cuba, República Dominicana, Chile, Panamá, Alemaña, Suíza, Francia,
Reino Unido, Portugal, Andorra, Bélxica, Países Baixos, Namibia e catro votantes dende China. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 23/03/2007 |
 |
Galicia
Pugna política polas viaxes ao
exterior
A xira do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
a Brasil; a do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a Arxentina e Uruguai; e o
escándalo da presunta compra de votos no exterior por parte dun candidato do PSOE de Vila de Cruces, provocaron
as primeiras reaccións políticas sobre a finalidade das viaxes ao exterior en etapa electoral. Touriño
defendeu a “transparencia” da súa xira mentres o líder do PPdG, Alberto Núñez Feijoo,
pediu a cancelación de viaxes ao exterior “cen días antes” de calquera comicio electoral. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Alianza empresarial exterior
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, realizou
en Montevideo un chamamento ao empresariado galego no exterior para a consecución de alianzas e a creación
de asociacións destinadas a acadar o progreso dos seus proxectos a través de estratexias conxuntas. (Fonte: www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Piden investigación para Alcoa
e Ferroatlántica
O eurodeputado socialista Antolín Sánchez
Presedo pediu á Comisión Europea unha investigación aberta sobre as tarifas eléctricas
reguladas en España para os grandes consumidores de enerxía, entre as que se atopan as empresas galegas
Alcoa e Ferroatlántica. Bruxelas considera que estas empresas beneficiáronse das axudas estatais
por valor de 3.800 billóns de euros.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Galicia e a soberanía nas Malvinas
O goberno arxentino está apurando unha lei que
obriga a 80 buques a elixir as súas augas para fanar nas illas Malvinas. Esta lei afectará ás
armadoras galegas, principalmente viguesas, que contan con 62 buques no país suramericano e 18 nas illas
baixo soberanía británica.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 22/03/2007 |
 |
Cabo Verde
Base loxística pesqueira
A visita a Burela do primeiro ministro caboverdiano,
José María Pereira Neves, permitiu afondar na relación marítima e pesqueira entre Cabo
Verde e Galicia, coa finalidade de colocar ás illas africanas como “zona de paso” para os pesqueiros galegos
e constituírse nunha “base loxística”. Pereira Neves compartiu en Burela con máis de 200 caboverdianos
residentes nesa localidade. (Fonte: www.vieiros.com).
Uruguai
Impulso ao comercio exterior
O conselleiro de Economía e Facenda, José
Ramón Fernández Antonio, iniciou unha xira polo país suramericanos, onde se entrevistará
co ministro de Economía e Finanzas uruguaio, Danilo Astori. Fernández Antonio tenta impulsar as relacións
comerciais e empresariais entre Galicia e Uruguai.
(Fonte: www.xornal.com).
Uruguai
O lobby empresarial galego
Montevideo acolleu a primeira edición do Congreso
Técnico Empresarial dos Emprendedores Galegos no Exterior, unha iniciativa promovida pola Secretaria Xeral
de Emigración da Presidencia da Xunta, o Instituto Galego de Promoción Económica IGAPE, a
Deputación da Coruña, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e máis a Fundación
Caixa Galicia. Paralelamente, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou en Bos Aires a súa intención
de promover neste congreso “a formación dun lobby empresarial galego no exterior”. (Fonte: www.xornal.com).
Galicia
Critican viaxes de Bugallo
O candidato do PP á alcaldía santiaguesa,
Xerardo Conde Roa, e o voceiro do BNG, Néstor Rego, criticaron a viaxe do alcalde Xosé Sánchez
Bugallo por Arxentina e Uruguai, a dous meses escasos das eleccións municipais, por considerar que pode
tratarse dun acto electoral e político e non institucional.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Centro cooperativo transfronteirizo
A Consellería de Traballo anunciou a súa
aposta polo Centro de Desenvolvemento Cooperativo Transfronteirizo de Verín como unha ferramenta de impulso
da cultura e das iniciativas de base cooperativa con Portugal, dentro do proxecto europeo DESQOOP. Neste sentido,
destacouse a creación en Portugal dun centro de características similares para a xestión coparticipada. (Fonte: www.xornal.com).
Portugal
Critican a sede de Badaxoz
A Fundación Via Galego, promovida pola Mesa pola
Normalización Lingüística, como organización empeñada no fomento dos contactos
entre a Galiza e o resto de territorios do sistema lingüístico galego-portugués, valorou “moi
negativamente” que o Secretariado Técnico Conxunto para o Programa de Cooperación Transfronteiriza
entre Portugal e a España para os anos 2007-2013 teña sido finalmente situado en Badaxoz e non en
Vigo, que era a candidata galega. (Fonte:
www.xornal.com).
Diáspora
Aumenta o padrón electoral
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística,
INE, actualizados para o mes de febreiro, os emigrantes galegos e os seus descendentes posúen cada vez máis
poder para remover ou colocar alcaldes en Galicia, tomando en conta o aumento no padrón electoral da emigración.
Para as próximas eleccións municipais de maio, terán dereito a voto un total de 34.876 emigrantes
máis que nas eleccións de 2003, un incremento do 12,3%. O Censo Electoral de Residentes Ausentes,
CERA, aumenta catro veces mais que os electores empadroados en Galicia.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Piden regular a colaboración
O grupo municipal do BNG en Vedra presentou unha proposta
para que se regulen os mecanismos de colaboración entre a administración local e a comunidade emigrante
na Arxentina, limitando e racionalizando as viaxes dos membros da corporación e os recursos públicos
para políticas concretas. Tamén presentaron unha proposición para elaborar un censo socioeconómico
dos residentes de Vedra no país suramericano.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Oitavo lugar a nivel estatal
Segundo datos do INE, para xaneiro de 2006, Galicia
ocupa a oitava praza a nivel estatal en canto á recepción de poboación inmigrante, un total
de 73.756 persoas, das que un 71,5% son extracomunitarias. Os principais colectivos inmigrantes seguen a ser os
portugueses, os colombianos, os brasileiros e os arxentinos.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Pesca
Peixe fresco para Vigo
O presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Abel Caballero,
e representantes da liña aérea Iberia Cargo, acordaron a utilización do aeroporto de Peinador
como ruta de peixe fresco cara Mauritania, Brasil, Canadá e África do Sur. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 21/03/2007 |
 |
Brasil
Touriño responde ás críticas
Dende Salvador de Bahía, o presidente da Xunta
respondeu ás críticas do líder do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, sobre a súa
petición de regular as viaxes ao exterior dos altos cargos gobernamentais, argumentando que as súas
viaxes corresponden á estratexia da “política das relacións internacionais de Galicia”. Na
súa reunión co gobernador baiano Jacques Wagner, Touriño expresou a iniciativa de incentivar
o “intercambio de mozos para a aprendizaxe do galego e do portugués”. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
82.500 retornados en tres anos
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, afirmou en
Bos Aires que a Xunta aspira a incorporar nun prazo de tres anos a un total de 82.500 emigrantes retornados que
permitan garantir a substitución dos traballadores que se xubilen en Galicia. Varela reuniuse cos presidentes
das entidades galegas na Arxentina e proseguirá a súa viaxe a Uruguai. (Fonte: El Correo Gallego).
Cabo Verde
Visita do primeiro ministro
José María Pereira Neves, primeiro ministro
do país africano, chegou a Galicia para unha visita institucional e reunirse coa comunidade de caboverdianos
de Burela, a mais importante do país. Pereira reunirase con responsables da industria pesqueira, a conselleira
de Pesca, Carme Gallego e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. (Fonte: www.vieiros.com).
Cooperación
Implicadas na India
A ONG “Implicadas no Desenvolvemento” inaugurou un programa
de cooperación ao desenvolvemento urbano na localidade india de Tiruchy, na rexión de Tamil Nadu,
ao sur do país. O programa ten por nome “Vanakkam” ou “benvida” en idioma tamil. (Fonte: www.vieiros.com).
Portugal
O escaso peso político vigués
A Cámara de Comercio de Vigo e o Club Financeiro
lamentaron a designación de Badaxoz como sede da Oficina Transfronteiriza da UE entre España e Portugal,
que en principio esperábase ser nomeada para Vigo, precisamente polo “pouco peso político de Vigo”
e “a escasa campaña de promoción da Xunta”. Os empresarios vigueses esperan que esta decisión
non sexa un obstáculo para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. (Fonte: www.vieiros.com).
Unión Europea-Galicia
Dura postura enerxética
A comisaria de Competencia da UE, Neelie Kroes, endureceu
a política europea contra as principais 150 empresas consumidoras de enerxía, ás que acusa
de beneficiarse irregularmente das tarifas eléctricas reguladas á baixa polo goberno español.
Entre estas empresas están Ferrolatlántica e Alcoa, con factorías en A Coruña e Lugo. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 20/03/2007 |
 |
Brasil
Touriño e Lula impulsan cooperación
Na súa xuntanza no palacio presidencial de Brasilia,
os presidentes Emilio Pérez Touriño e Lula da Silva acordaron impulsar un amplo marco de cooperación
entre Galicia e Brasil, principalmente nas áreas de nanotecnoloxía, pesca, investigación,
cultura e enerxías renovábeis como o bioetanol. Consecuentemente, Touriño ofreceu ao mandatario
brasileiro a posibilidade de visitar Galicia.
(Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
Feijoo investiga posibles irregularidades
O presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo,
expresou a necesidade de regular as viaxes institucionais en tempo electoral, así como explicou que o seu
partido está investigando as posibles “irregularidades” cometidas por representantes da Xunta nas súas
xiras no exterior. Pola súa banda, o voceiro socialista Ismael Rego acusou ao presidente da Deputación
de Pontevedra, Rafael Louzán, de “secuestrar” os pasaportes dos emigrantes galegos con fins electorais,
durante a súa viaxe a Arxentina.
(Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
O BNG tamén denuncia
O voceiro do partido nacionalista, Carlos Aymerich,
denunciou da existencia de “irregularidades” no Censo Español de Residentes Ausentes, CERA, e a “vulneración
sistemática” dos dereitos electorais dos 327.000 emigrantes galegos e os seus descendentes. Aymerich tamén
amosou as súas “reservas” pola viaxe do presidente Touriño a Brasil. (Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Formación laboral para desempregados
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o ministro
arxentino Carlos Tomada asinaron en Bos Aires un convenio no cal os desempregados galegos afincados neste país
e que desexen retornar a Galicia, poderán recibir a formación laboral necesaria a partir da demanda
existente no mercado laboral español. Este acordo inclúe a apertura de puntos de información
dixital na Arxentina para ver as ofertas laborais en Galicia.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Encontro empresarial transnacional
Un total de 30 empresas de Galicia e o Norte de Portugal
participaron na USC no Encontro Transnacional de Empresas TIC (tecnoloxías da información e da comunicación),
un proxecto enmarcado na iniciativa europea Transtic-I.C e Interreg IIIA. Esta iniciativa está destinada
á dinamización das relacións económicas e comerciais das empresas deste sector. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Posibles sancións de Bruxelas
O comisario europeo de Medio Ambiente, Stavros Dimas,
asegurou ao europarlamentario de Esquerda Unida, Willy Meyer, que a UE podería acordar sancións contra
Galicia pola contaminación na ría de Corcubión por incumprir
as normativas comunitarias sobre polución nas zoas de marisqueo.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Pactan desbloqueo para fondos lácteos
Os ministros de Agricultura da UE pecharon un acordo
para que o Parlamento europeo desbloquee parte dos fondos europeos para desenvolvemento rural mentres avanzaron
no proxecto de unificación das organizacións comúns de mercado. Pola súa banda, os
gandeiros galegos presentaron un total de 111 peticións de cesión temporal de cota láctea. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Amarante mira ao Sur
Na súa oitava edición do programa “Xanela
Aberta ao Sur”, a ONG Amarante levará este verán os seus grupos de voluntarios a Brasil, Ecuador
e Marrocos, para traballar en proxectos co Movemento dos Sen Terra, MST, a asociación de mulleres marroquí
Altawashol e o grupo Manquita. Nas sete edicións anteriores, Amarante preparou a 500 voluntarios en proxectos
internacionais. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 19/03/2007 |
 |
Educación
Bolsas para o estranxeiro
A consellería de Educación e Ordenación
Universitaria investirá 2,4 millóns de euros na realización no verán de cursos de idiomas
no Reino Unido, Irlanda e Francia, para 1.500 estudantes de centros escolares galegos de educación secundaria. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Cabo Fisterra, patrimonio europeo
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, recollerá
no mosteiro de Yuste (Estremadura) o galardón de Patrimonio Europeo para a vila de Fisterra, concedida pola
UE ás zoas xeográficas que contribúan coa identidade cultural europea. O Cabo Fisterra recibiu
este galardón xunto a outros 30 premiados, entre eles a Acrópole de Atenas e a Abadía de Cluny. (Fonte: El Correo Gallego e www.vieiros.com).
Diáspora
Polémica polo voto emigrante
O voceiro socialista Ismael Regro negou que existan
anomalías na captación do voto emigrante por parte do PSdG, acusando ao presidente da Deputación
de Pontevedra, Rafael Louzán, de utilizar recursos públicos para “secuestrar” o voto exterior. Pola
súa banda, Louzán e o secretario do PPdG, Alfonso Rueda, amosaron a existencia dun correo electrónico
do militante socialista Javier Castelo na que suxería aos responsables socialistas en Bos Aires da contratación
dun axente electoral para “visitar aos votantes incluídos no CERA” na capital arxentina, con retribución
monetaria incluída. (Fonte: La Voz
de Galicia).
 |
| 18/03/2007 |
 |
Brasil
Erasmus para Iberoamérica
Durante a súa visita á sede da Sociedade
Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos en Sao Paulo, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
anunciou o incremento nas axudas institucionais para as persoas co risco de exclusión social e un proxecto
para crear bolsas de estudos similares ás Erasmus que permitan aos universitarios iberoamericanos realizar
estancias de intercambio en Galicia. (Fonte:
El Correo Gallego).
Diáspora
Ofertas laborais en Galicia
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou
a instalación de puntos de información dixitais en Bos Aires e Montevideo, co obxectivo de anunciar
as ofertas de emprego que xestione a administración autonómica en Galicia, así como facilitar
a inscrición no Servizo Público de Emprego a emigrantes e descendentes galegos que decidan volver
a Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
O futuro dos empresarios galegos
Montevideo será a sede do I Congreso Técnico
Empresarial “O Futuro dos Emprendedores Galegos no Exterior”, organizado pola Fundación Galicia Emigración,
na que participarán o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, o conselleiro
de Economía, José Ramón Fernández Antonio, e o conselleiro de Innovación e Industria,
Fernando Blanco. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Cáritas no Perú
Sete colaboradores da ONG “Cáritas de Soneira”
realizaron unha visita solidaria ás comunidades peruanas de Villamaría del Triunfo e Chimbote, para
levar adiante unha serie de proxectos en infraestruturas, roupa e material escolar, apadriñamento de nenos
e o fomentos das vivendas. (Fonte: El Correo
Gallego).
Solidariedade
Inclusión laboral en El Salvador
A conserveira galega Calvo iniciou na súa factoría
salvadoreña de La Unión un proxecto de rehabilitación e inclusión social e laboral
para os mozos que pertencían a diversas bandas delictivas, outorgándolles traballo como descargadores,
operarios e mariñeiros. (Fonte: El
Correo Gallego).
China
Un socio comercial para Lugo
As exportacións chinesas a Lugo alcanzaron os
5,8 millóns de euros no 2006, mentres as empresas lucenses colocaron no mercado do país asiático
mercancías por valor de 198.000 euros, segundo estatísticas da Base de Datos do Comercio Exterior
e a Axencia Tributaria. (Fonte: La Voz de
Galicia).
 |
| 17/03/2007 |
 |
Brasil
Protocolo de cooperación cinematográfica
Durante a visita do presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, a Sao Paulo, asinouse un protocolo de colaboración cinematográfica coa comunidade
galega deste país, dentro do I Encontro Audiovisual Brasil-Galicia. Este convenio permitirá a apertura
de dez centros dixitais da Xunta destinados a reforzar a súa relación coa diáspora. (Fonte: El Correo Gallego).
Brasil
Brasil como prioridade
Durante a xuntanza cun cento de empresarios radicados
en Brasil, organizado por Caixanova, Touriño cualificou este país como un mercado prioritario para
a internacionalización da empresa galega, incluso dentro do que pode aportar este mercado para a eurorrexión
Galicia-Norte de Portugal. Nos derradeiros dez anos, as empresas galegas investiron en Brasil un total de 1.400
millóns de euros. (Fonte: www.xornal.com).
Arxentina
Bugallo inicia xira institucional
O alcalde de Compostela, Xosé Luis Sánchez
Bugallo, e a concelleira de Emigración, Teresa Regúlez, reuníronse en Bos Aires co conselleiro
laboral de España, Rafael Herrera, na que trataron a situación dos 400 compostelás residentes
nese país. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
O potencial da eurorrexión
Con 6,5 millóns de habitantes e un intercambio
comercial de 2.000 millóns de euros anuais, a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal constitúe
a terceira área metropolitana mais grande e poboada de Europa, despois de Londres e París. Cun PIB
de 90.000 millóns de euros, esta eurorrexión ocupa o quinto lugar a nivel estatal despois de Lisboa,
Madrid, Cataluña e Andalucía.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 16/03/2007 |
 |
Cooperación
Galicia destinará un 0,1%
O Consello da Xunta aprobou un incremento do 40% nos
orzamentos do 2007 para a Dirección Xeral de Cooperación, co cal as achegas galegas en materia de
cooperación internacional alcanzarán o 0,1% do orzamento.
(Fonte: El Correo Gallego).
Brasil
Touriño nega interese electoral
O presidente da Xunta considerou que a súa viaxe
ao país suramericano non posúe “ningún contido electoral” porque “non fai clientelismo político
coa emigración”. Tamén fixo referencia á viaxe do presidente da Deputación de Pontevedra,
Rafael Louzán, a Arxentina e Uruguai.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Vigo acollerá sede galego-portuguesa
A pesares de perder a sede da secretaría técnica
da UE para proxectos de cooperación transfronteiriza en favor de Badaxoz, Vigo acollerá un órgano
de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, segundo anunciou o conselleiro de Economía, José
Ramón Fernández Antonio, durante un seminario do Eixo Atlántico. Nesta xuntanza se atopaba
o secretario de Estado portugués para Desenvolvemento Rexional Europeo, Rui Baleiras. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Caixanova abre oficina
O director xeral de Caixanova, José Luis Pego,
inaugurou en Bos Aires xunto a unha nutrida delegación de empresarios galegos emigrantes, a primeira oficina
da entidade financeira galega no país suramericano. As notables expectativas económicas arxentinas
e a sólida presenza migratoria galega permitiron a Caixanova centrar o seu interese neste país. Con
Arxentina, Caixanova continúa expandindo a súa xestión financeira que xa permitira a súa
presenza en Portugal, Suíza, Alemaña, Francia, México, Venezuela, Brasil e EEUU. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Polémica electoral
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra,
Teresa Pedrosa, do PP, asegurou posuír constancias de que o PSOE prepara un pucheirazo co voto emigrante
en Arxentina. Pola súa banda, a deputada socialista Marisol Soneira, esixiulle que aporte probas ou ben
pida desculpas. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Selección de fútbol-sala
O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez,
anunciou que nos próximos meses Galicia contará coa súa propia selección de fútbol-sala,
tomando en conta a potencialidade galega nesta especialidade deportiva e os éxitos dos equipos Lobelle e
Azkar Lugo. (Fonte: www.vieiros.com).
Arxentina
Caixanova abre oficina
A Secretaría Xeral de Emigración, organiza
os próximos días 24 e 25 de marzo o festival “Música galega no Río da Prata”, que se
desenvolverá en Montevideo e Bos Aires respectivamente. Entre os artistas invitados estarán a galega
Susana Seivane e unha destacada representación de grupos de música folk formados por galegos e galegas
residentes no Uruguai e Arxentina, entre os que se atopan “Os Trapalleiros” e “Montegal”, de Montevideo, e “Conxunto
Folk-Celta do Centro Galicia”, “Os Furafoles” e “Sete Netos” de Bos Aires. (Fonte: www.xornal.com).
 |
| 15/03/2007 |
 |
Uruguai
O PP deféndese das acusacións
A deputada Nidia Arévalo considerou que non houbo
ningún síntoma de ilegalidade no acto do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán,
en Montevideo coa emigración galega, na que se pediron os carnés de identidade e os pasaportes dos
asistentes para facilitar a súa participación electoral en Galicia: “Todos os partidos tentamos de
facilitar estes trámites”, asegurou Arévalo, para quen o BNG e o PSOE son “os menos indicados” para
acusar a Louzán de utilizar “tácticas mafiosas”.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
A misión da Axencia de Pesca
Na súa apertura prevista para o 2008, a Axencia
Europea para o Control da Pesca, AECP, que funcionará en Vigo, fixou como principal obxectivo a vixilancia
nas augas da Organización de Pesquerías do Atlántico Noroccidental, NAFO, fronte ás
costas canadenses. Nesta misión se investirán dous millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Oficina da eurorrexión para Badaxoz
A Confederación de Empresarios e o Club Financeiro
de Vigo criticaron ao ministro de Economía, Pedro Solbes, pola súa decisión de outorgar a
Badaxoz e non a Vigo o Secretariado Conxunto da UE para a xestión dos proxectos transfronteirizos. Os empresarios
da provincia de Pontevedra consideraron que isto é unha evidencia da falta de peso político da Xunta,
que xa anunciara con anterioridade a candidatura viguesa para acoller esta oficina da eurorrexión. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Conmemoran misión de aristócrata
checo
O alcalde de Fisterra, José Manuel Traba, e a
conselleira de Cultura da embaixada da República Checa, Adriana Krasova, mantiveron unha reunión
para concretar os aspectos conmemorativos do 540 aniversario da visita a Fisterra do aristócrata checo Leo
de Rozmital, destinada a concertar un acordo de paz e unión entre os reinos europeos. Tanto Traba como Krasova
anunciaron que o goberno checo proporá á UE a celebración cultural desta viaxe e unha expedición
a Fisterra para o 2009. (Fonte: El Correo
Gallego).
Eixo Atlántico
Seminario de fondos comunitarios
O Eixo Atlántico celebrou en Santiago un seminario
sobre o novo período de programación dos fondos comunitarios para o período 2007-2013, destinado
a informar a responsables políticos e técnicos da eurorrexión sobre a programación
destes fondos estruturais. Neste encontro participaron a consellería de Economía e o secretario de
Estado de Desenvolvemento Rexional de Portugal.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Xira sudamericana de Bugallo
O alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo
iniciou unha xira por Arxentina e Uruguai para reunirse cos colectivos emigrantes composteláns e realizar
as respectivas visitas institucionais. Bugallo estará acompañado da concelleira de Emigración
e Inmigración, Teresa Regúlez, que ven de realizar unha xira por Venezuela. Precisamente, o partido
Esquerda Unida criticou a “tendencia ás viaxes latinoamericanos” de Regúlez que “agochan o desexo
de captar votos”. (Fonte: La Voz de Galicia).
Palestina
Charla da Embaixadora palestina en Chile
O Club Internacional de Prensa acolleu a conferencia
“Palestina: onte, hoxe, mañá...”, realizada pola embaixadora palestina en Chile, Mai Al Kaila. A
conferencia deu un breve percorrido pola historia de Palestina, a análise do presente e as perspectivas
de futuro. Antes de asumir o seu actual cargo no 2005, Kaila foi prisioneira política nos cárceres
israelís, traballou na área médica en EEUU e no Programa da ONU para os Refuxiados Palestinos,
UNRWA. (Fonte: www.xornal.com).
Solidariedade
Amarante creará campos de solidariedade
A ONG pontevedresa prepara a apertura entre xullo e
agosto de campos de cooperación solidaria en centros comunitarios de Brasil, Ecuador e Marrocos, dentro
do seu programa “Xanela Aberta ao Sur”.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 14/03/2007 |
 |
Brasil
Touriño visitará a Lula
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
reunirase a finais de marzo co mandatario brasileiro Lula da Silva, na súa primeira viaxe oficial ao país
suramericano. Touriño estará en Sao Paulo, Salvador de Bahía e a capital Brasilia, onde se
reunirá con empresarios galegos e brasileiros, participará en actos de intercambio cultural e recibirá
a Medalla do Fundador da Cidade de Salvador de Bahía, en recoñecemento ao labor da comunidade galega
nesta cidade. (Fonte: www.xornal.com).
Portugal
Galicia, mellor cliente comercial
O Instituto Portugués de Comercio Exterior, ICEP,
confirmou que Galicia converteuse no 2006 no mellor cliente rexional portugués en todo o mundo, cun volume
de compras dende Galicia de 1.911 millóns de euros, un 144% mais que no 2000, situándose na metade
do que compran Alemaña e Francia neste país. A nosa comunidade tamén representa o 23% do 25%
do comercio que Portugal fai con España. O diario luso “Expresso” cualificou a Galicia como “a galinha dos
ovos de ouro”. (Fonte: La Voz de Galicia).
México
Pontevedra remodela cidade maia
Desde o 2003, a Escola de Restauración de Pontevedra
mantén un acordo de cooperación co estado mexicano de Campeche, dentro do proxecto arqueolóxico
Calakmul, para a recuperación dunha cidade maia declarada no 2002 como Patrimonio da Humanidade. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Idioma árabe para a integración
A próxima apertura en Negreira dunha sede social
da asociación cultural árabe “El Amán” (Amizade) permitirá concretar unha iniciativa
de ensinanza do idioma árabe para os nenos galegos, como parte dun proxecto de integración coa importante
comunidade magrebí existente en Negreira e a súa comarca. Nesta sede social acoden a clase un total
de 28 nenos magrebís. (Fonte: La
Voz de Galicia).
China
Qu Fu e Compostela
Membros da delegación chinesa que se encarga
do desenvolvemento do programa europeo “Asia Urbs Heritage”, foron recibidos polo alcalde compostelán Xosé
Sánchez Bugallo, como parte dos proxectos de irmanamento entre as cidades de Santiago e Qu Fu. Esta delegación
de arquitectos, historiadores e enxeñeiros chineses visitarán tamén outras localidades das
Rías Baixas. O programa europeo busca a rehabilitación e preservación do casco histórico
de Qu Fu, cidade nomeada Patrimonio da Humanidade.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 13/03/2007 |
 |
Diáspora
Nace a rede de empresarios
A Fundación Galicia-Emigración inaugurou
“Galicia en Rede”, GAER, como organismo de intercambio e defensa dos intereses dos empresarios galegos da diáspora,
especialmente en Uruguai e Venezuela, onde o nivel empresarial da emigración galega é elevado. Esta
iniciativa conta co apoio da Xunta, que celebrará a finais de marzo en Montevideo un congreso dos emprendedores
galegos no exterior, onde tamén participarán o IGAPE, as consellerías de Innovación
e Economía, a secretaría xeral de Emigración, Caixa Galicia, a Confederación de Empresarios
de Galicia e a Deputación de A Coruña.
(Fonte: El Correo Gallego).
Uruguai
Critican a visita de Louzán
A secretaria de Políticas Migratorias do PSdG,
Marisol Soneira, definiu como “perversión democrática” a visita de Rafael Louzán, presidente
da Deputación de Pontevedra, ao país suramericano, debido ao acto realizado en Montevideo no que
Louzán lles esixía que levasen o DNI ou pasaporte para que o PPdG lles realizase os trámites
necesarios para votar nas vindeiras eleccións municipais de maio.
(Fonte: www.vieiros.com).
Unión Europea-Pesca
Galicia coordinará o Libro Verde
A consellería de Pesca da Xunta será a
encargada de recoller as demandas de todas as autonomías e de aglutinalas nun único documento que
será discutido novamente en abril, para presentar ante Bruxelas unha posición común sobre
o Libro Verde da Pesca dentro da UE. (Fonte:
www.xornal.com).
Unión Europea-Galicia
Critican perda de subvencións
no rural
Xosé Crespo, presidente da Federación
Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP, subliñou ante o Parlamento galego que os sucesivos cambios introducidos
na Lei do Solo, así como as explotacións agrarias e gandeiras “están perdendo subvencións
da UE” porque os concellos “non lles poden dar licencias para realizar ampliacións” ou outro tipo de obras. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Portugués nos institutos
A Vicepresidencia da Xunta, a traveso da Dirección
Xeral de Xuventude e Solidariedade, organizará en Santiago e Ourense dous cursos de nivel avanzado en lingua
portuguesa, dentro dunha iniciativa enmarcada no proxecto Mobilitas, incluído no programa comunitario Interreg
III-/A Galicia-Norte de Portugal. (Fonte:
www.xornal.com).
Galicia
Apoio ao dirixente pro-israelí
do BNG
Mais de medio centenar de militantes do BNG asinaron
unha carta aberta ao seu presidente Anxo Quintana solidarizándose co dirixente de Esquerda Nacionalista
Pedro Gómez Valadés, cuestionado pola súa postura pro-israelí. Membros da UPG da comarca
de Vigo pediron que Valadés fora expulsado do partido, asunto que foi tratado na última executiva
nacional do BNG. Os asinantes criticaron o que consideran unha “purga” dentro do partido nacionalista. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
A Festa das Linguas
O Festival das Linguas organizado en Compostela pola
Escola Oficial de Idiomas permitirá a realización de varias actividades culturais e gastronómicas
en sete idiomas europeos: galego, portugués, francés, italiano, inglés, alemán e checo-eslovaco. (Fonte: El Correo Gallego).
Venezuela
Encontro cos emigrantes santiagueses
A concelleira compostelá de Emigración
e Inmigración, Teresa Regúlez, visitou Caracas para coñecer as necesidades dos 450 emigrantes
santiagueses residentes na capital venezolana e explicar os programas de emigración que leva adiante o concello
compostelá. Regúlez inaugurou o espazo radial “Españoles en el mundo”, mantivo un encontro
coa Fundación España-Salud e reuniuse co alcalde do municipio de Chacao, Leopoldo López. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Inditex asegura fábricas
A multinacional téxtil galega garantiu o mantemento
da produción que se ven realizando nas fábricas do norte de Portugal, concretamente na zoa de Val
do Ave, ante as informacións publicadas no xornal “Correio da Manha” sobre a posible deslocalización
da compañía galega a Romanía e China, afectando a continuidade de 10.000 empregos nos concellos
portugueses de Guimarães, Famalicão, Felgueiras, Fafe, Barcelos, Trofa e Santo Tirso. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 12/03/2007 |
 |
EEUU
Cooperación xacobea
A “American Pilgrims”, a asociación que agrupa
aos amigos do Camiño de Santiago en EEUU, acordou co director xeral de Turismo, Rubén Lois, crear
unha rede entre EEUU e Canadá para compartir os albergues cos peregrinos enviados por esta asociación;
organizar actos e exposicións en varias cidades e editar guías da ruta xacobea. Estes proxectos esperan
arrancar no 2008 mediante unha promoción activa do Camiño por América do Norte. Rubén
Lois participou na localidade de Williamsburg, Virxinia, na xuntanza anual desta asociación. (Fonte: La Voz de Galicia).
EEUU
“O Dezaseis” no New York Times
O xornalista estadounidense Mark Bittman publicou no
suplemento dominical do prestixioso diario estadounidense The New York Times un amplo reportaxe sobre o restaurante
santiagués “O Dezaseis”, localizado na rúa de San Pedro, pola súa variedade gastronómica
tipicamente galega: “lacón with chorizo and grelos –a galician obsession”, destacando ao seu propietario,
Suso Coba. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia
Idiomas na UE
A Consellería de Educación destinará
140.000 euros para que os alumnos universitarios galegos poidan realizar cursos de idiomas nun país da UE.
Estes cursos terán unha duración mínima de dúas semanas e non superarán os 2.200
euros por persoa. (Fonte: La Voz de Galicia).
China
IGAPE apoia consultora galega
O labor que ven realizando a consultora galega Landsea
Asia obtivo un decidido apoio do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, pola súa
labor comercial e a prol das enerxías renovables no mercado chinés, especificamente na rexión
de Shanghai, onde o IGAPE posúe unha oficina comercial.
(Fonte: www.xornal.com).
 |
| 11/03/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Lugo como modelo de integración
O programa de integración social “Lugo: Abrindo
Camiños”, foi seleccionado para desenvolver un documental encargado pola Oficina de Política Rexional
da UE, que reflicte os cambios demográficos en Europa e cómo o modelo lucense resulta exemplar na
integración social e laboral dos colectivos mais desfavorecidos. O proxecto lucense beneficiou a mais de
600 persoas, grazas a un investimento de cinco millóns de euros, un 70% financiado polo Fondo Social Europeo. (Fonte: El Correo Gallego).
Palestina
Charla da embaixadora palestina en Chile
Mai Al Kaila, nada en 1955 en Xerusalén e actual
embaixadora de Palestina en Chile, pronunciará unha conferencia no Club Internacional de Prensa de Santiago
sobre a historia e o presente de Palestina, baixo o título: “Palestina: onte, hoxe, mañá...”. (Fonte: www.xornal.com).
Portugal
Expolingua co galego
A edición de Expolingua en Lisboa permitiu á
Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta realizar un achegamento da lingua e
a cultura galega a profesores e estudantes europeos e portugueses, a traveso de actividades lúdicas que
permitan atopar as equivalencias e promover o galego en Portugal.
(Fonte: www.xornal.com).
Galicia
Día Europeo das Vítimas
do Terrorismo
Coincidindo co terceiro aniversario dos atentados terroristas
de Madrid, un centenar de persoas reuníronse en Santiago na homenaxe que a Asociación de Vítimas
do Terrorismo en Galicia organizou co motivo do Día Europeo das Vítimas do Terrorismo. (Fonte: AGN).
Emigración
A diáspora e a súa voz
O escritor Olegario Sotelo Blanco presentou no Círculo
Español de Queens, en Nova York, o seu libro “A voz do emigrante”, onde se reúnen as testemuñas
de aproximadamente 1.000 emigrantes galegos, realizados tras un percorrido de dez anos por diversos países.
O libro xa fora presentado en Bos Aires e Cuba.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 10/03/2007 |
 |
Emigración
Urnas para os centros galegos
O secretario xeral de Emigración da Xunta, Manuel
Luís Rodríguez, propuxo ante o Parlamento galego unha iniciativa para que os centros galegos no exterior
poidan contar con mesas electorais de votación, unha vez se proceda a regular o voto na urna para os residentes
no exterior. Un estudo presentado ante o Parlamento calcula en 220.570 os galegos no exterior habilitados para
votar, un 69,8% dos cidadáns inscritos no Censo de Residentes Ausentes, CERA. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Polémica pola decisión
transfronteiriza
O secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago
Gómez-Reino Lecoq, cualificou de “lamentable” a decisión adoptada polo ministerio de Economía
e Facenda de colocar en Badaxoz a sede do secretariado técnico da Unión Europea para a cooperación
transfronteiriza entre España e Portugal que, en principio, ía ser adxudicada a Vigo. Pola súa
banda, a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, acusou de “falta de peso político” ao presidente da Xunta, Emilio
Pérez Touriño e de “ausencia de compromiso” da Xunta con Vigo. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Asilo para inmigrante cubano
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, TSXG, concedeu
ao inmigrante cubano Héctor C.A. unha autorización de “residencia temporal en España” para
evitar o perigo que supoñería para el e a súa familia o seu regreso a Cuba. O TSXG considerou
este outorgamento por “razóns humanitarias”, revocando unha sentenza anterior do xulgado de Pontevedra que
denegaba este permiso ao cidadán cubano.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Perfís de exiliadas en Cuba
A historiadora e xornalista Nydia Sarabia, de 85 anos,
presentou o seu libro “Perfiles. Mujeres de la Guerra Civil Española en Cuba”, na que recupera as vivencias
de nove mulleres, tres delas galegas, exiliadas na illa caribeña. No acto de presentación interviñeron
o catedrático da Universidade de La Habana, Sergio Guerra Vilaboy, e a catedrática da USC, Pilar
Cagiao. (Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
O turismo mariñeiro
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos
e o Centro Tecnolóxico do Mar, CETMAR, organizaron en Santiago a II Mesa de Traballo de Turismo Mariñeiro
coa finalidade de impulsar a realización en Vigo do Congreso Internacional de Turismo Mariñeiro para
o vindeiro mes de xuño. Esta iniciativa conta co apoio do proxecto SEAWOMEN, e dos programas europeos Regex,
AquaRed e Interreg IIIB. (Fonte: www.xornal.com).
Marrocos
Comezan a faenar os buques galegos
Sete buques galegos da modalidade de palangre chegaron
ás augas de Marrocos para poder comezar a feanar no mes de abril, dentro dun continxente de 70 barcos, como
parte do acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos. Outros dez barcos de arrastre galegos esperan comezar a faenar
entre maio e xuño, cando conclúan os paros biolóxicos instaurados por Rabat. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 09/03/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Saneamento para o 2010
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño,
reiterou a súa confianza en que o saneamento da ría de Vigo finalice entre o 2010 e o 2011, para
que a nova depuradora poida ser licitada nese período. A Xunta enviará a Bruxelas o seu plan de saneamento
da ría viguesa antes do 31 de marzo, a fin de evitar a posible multa de 20 millóns de euros cada
seis meses. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Insuficientes danos polas riadas e incendios
Durante unha comparecencia a petición da Comisión
de Economía no parlamento galego, o director xeral de Planificación Económica de Fondos Comunitarios,
Aureliano García González-Llanos, asegurou que Galicia non cumpría os requisitos mínimos
de danos para recibir as axudas do Fondo de Solidariedade da UE polos incendios e as riadas do pasado ano. González-Llanos
calculou en 155 millóns de euros os danos, inferior aos 3.000 millóns de euros esixidos por Bruxelas. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Vigo perde a sede transfronteiriza
A sede do secretariado técnico da Unión
Europea que xestiona os programas de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal entre o
2007 e o 2013, dentro do marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, será para Badaxoz e non
para Vigo. A Xunta ofrecera a sede viguesa do Centro Tecnolóxico do Mar. (Fonte: El País).
Galicia
Amancio Ortega no “top ten”
A revista norteamericana “Forbes” coloca ao empresario
galego Amancio Ortega, propietario do grupo Inditex, na oitava posición entre as principais fortunas do
mundo, sendo o primeiro español na lista.
(Fonte: www.xornal.com e www.vieiros.com).
Galicia
A expansión global de Nupel
A empresa farmacéutica lucense Laboratorios Asociados
Nupel anuncia a súa internacionalización en Oriente Medio, África e América Latina,
dentro dun plan de expansión que espera comercializar toda unha serie de produtos hospitalarios. Nos próximos
meses está por abrir unha sucursal en Abu Dhabi, capital dos Emiratos Árabes Unidos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Arxentina
Querela contra a ditadura militar
A Federación de Sociedades Gallegas presentou
unha ampliación da querela contra o Primeiro Corpo do Exército arxentino e a Escola de Mecánica
da Armada pola desaparición e asasinato de dez galegos e descendentes de galegos durante a ditadura militar
entre 1976 e 1983. Esta denuncia foi interposta nun xulgado de Bos Aires ante o xuíz federal Daniel Rafecas,
e se engade ás presentadas en xullo de 2006 pola desaparición doutros 13 galegos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Marrocos
Barcos galegos copan as peticións
de pesca
Ante o acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos, os pesqueiros
con base ou capital galego copan a maior parte das peticións de pesca de merluza e outras especies demersais,
na lista de 10 buques españois aprobados para a pesca nos caladoiros africanos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Aumenta o padrón electoral
Segundo as derradeiras cifras do Instituto Nacional
de Estatística, INE, actualizada ao 1 de febreiro de 2007, nas próximas eleccións municipais
do 27 de maio poderán votar 7.095 santiagueses residentes no exterior, constituíndo un aumento do
20,4% no padrón electoral da comarca con respecto ás eleccións de 2003. A emigración
santiaguesa corresponde ao 10% do padrón electoral.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 08/03/2007 |
 |
Unión Europea-Galicia
Galicia na loita contra o alzhéimer
A clínica galega Centro Médico EuroEspes
asinou un contrato en Austria coa UE para levar a cabo unha investigación sobre a vacina contra a enfermidade
do Alzhémier, contando coa colaboración de seis clínicas alemás e unha austríaca.
Esta clínica galega é a única participante española neste proxecto europeo denominado
“Mimo Vax”, que conta cun investimento de 2,4 millóns de euros.
(Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
Pacto entre Navantia e Noruega
A empresa Navantia solucionou o seu conflito coa Armada
norueguesa sobre a construción das fragatas F-300, tras acordar coa empresa dese país Aker Yards
para elaborar os bloques dese buques. O goberno noruegués acusou a Aker Yards de falta de colaboración
coa industria nacional e a Navantia de retraso nas entregas.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Slavoj Zizek en Santiago
O teórico político e crítico cultural
esloveno Slavoj Zizek, interveu no seminario “Os sentidos das culturas”, organizado polo Consello da Cultura Galega,
cunha conferencia sobre a “Tolerancia multicultural como ideoloxía”. Zize |