Diario Exterior / febreiro de 2007

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

28/02/2007
Diáspora
Axudas para emigrantes retornados
A Secretaría Xeral de Emigración activou unha resolución de subvencións a concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de acollida do colectivo de emigrantes retornados durante o ano 2007, a fin de facilitar a súa completa integración na sociedade galega. Esta asignación orzamentaria achégase aos 500.000 euros. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Piden incrementar produción atuneira
A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Dávila, instou ao goberno estatal a premer en Bruxelas para incrementar o continxente de baixo arancel en lomo de atún, debido ás dificultades de abastecemento que padece o sector conserveiro galego, a causa do descenso na produción atuneira no ámbito comunitario. (Fonte: AGN).

Pesca
Galicia perde terreo en Marrocos
Os armadores galegos, a traveso do director da Cooperativa de Armadores, José Ramón Fuertes, protestan pola evidente diminución de buques galegos que poderán faenar, que pasarán de 130 a só 18 con este novo acordo. O rei marroquí Mohammed VI ratificou o acordo pesqueiro entre o seu país e a UE, aínda que o comisario europeo de Pesca, Jöe Borg, informou que aínda non recibira os documentos marroquís coa aprobación oficial. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Formación empresarial
Grazas ao programa Europracticum, máis de 200 titulados da USC lograron facer prácticas en empresas de diversos países europeos, tales como Alemaña, Francia, Austria, Bélxica, Grecia, Holanda, Reino Unido, Polonia, Irlanda, Italia e Portugal, con estancias de seis meses e bolsas de axuda de 2.600 euros. Nos próximos meses se activará unha segunda fase de expansión con 50 titulados. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Polo enerxético europeo
Cun investimento de 80 millóns de euros, a empresa galega Acciona porá en marcha unha planta de produción de biodiésel en Arteixo (A Coruña) que, en palabras do conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, espera consolidar a Galicia como líder europeo en enerxía renovables. Esta planta espera comezar a operar no 2009 e supón unha avanzada dun proxecto enerxético que inclúe outras plantas en Salvaterra de Miño e Ferrol. (Fonte: El Correo Gallego).

América Latina
Foro Iberoamericano en Baiona
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, celebrou en Baiona a VIII edición do Foro Iberoamericano, co debate “Enfoques de América Latina”. Neste oportunidade, se presentaron tres visións dende a perspectiva académica, a cargo da profesora da USC, Pilar Cagiao, titular da cátedra de Historia de América; a visión financeira, a cargo de Dolores Montero, subdirectora de Caixanova; e a perspectiva da cooperación, a cargo de María Paz Gutiérrez, directora da ONG “Solidariedade Internacional de Galicia”.
27/02/2007
Cósova
Referente para Galicia
En declaracións do ministro serbio de Asuntos Exteriores, Vuk Draskovic, a posible autorización da ONU para a independencia da provincia serbia de Cósova crearía un “precedente” para outros procesos de secesión na UE, “cando menos tres”, mencionando os casos de Euskadi, Galicia e Cataluña. Draskovic realizou estas declaracións durante unha conferencia de prensa en Belgrado co seu homólogo español, Miguel Ángel Moratinos. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
A polémica por Israel
Diversos militantes da Unión do Pobo Galego, UPG, pedirán na próxima asemblea comarcal do BNG en marzo a suspensión da militancia a Pedro Gómez-Valadés, líder comarcal en Vigo de Esquerda Nacionalista e presidente da Asociación Galega da Amizade con Israel, AGAI, pola súa defensa do Estado israelí. Gómez-Valadés inaugurou unha exposición sobre o Holocausto xudeu no Círculo Mercantil vigués, e amosou en artigos e actividades a súa posición pro-israelí, en clara oposición á preferencia pro-palestina da UPG. A AGAI conta con 200 socios. (Fonte: La Voz de Galicia).

Emigración
Controversia por tarxetas de felicitación
O PP anunciou que levará unha iniciativa relacionada cos emigrantes ao Parlamento galego, no caso das cartas de felicitación de Nadal emitidas polo delegado do PSOE de Medio Ambiente en Ourense, Celso Fernández, aos emigrantes galegos inscritos no Censo Español de Residentes Ausentes, CERA, na que incluía a denominación “Xunta de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Galicia na investigación europea
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou o VII Programa Cadro de Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico da UE, (7PC) e as expectativas galegas de participación na área de I+D para o período 2007-2013. O obxectivo é alcanzar os 31 millóns de euros, duplicando a cifra anterior do Programa Cadro. (Fonte: AGN).

Unión Europea-Galicia
Denuncian a Augas de Galicia
O grupo español Tres Mares, líder na produción de troita, denunciou á empresa galega ante a Comisión Europea por incumprimento da lexislación na concesión da central hidroeléctrica Costa da Morte no río Castro, unha área excluída no Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas de Galicia-Costa. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Pescanova e a Rede Natura
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, criticou a decisión do goberno portugués de excluír do réxime forestal os terreos onde Pescanova pretende instalar a planta de acuicultura proxectada inicialmente en Cabo Touriñán, no concello de Mira. Fontes de ADEGA consideraron que será a UE quen deba pronunciarse. (Fonte: El Correo Gallego).
26/02/2007
Arxentina
Querela contra o Exército arxentino
A desaparición de vintetrés cidadáns galegos durante a ditadura que Arxentina sufriu entre 1976 e 1983 será obxecto dunha querela contra o exército dese país, segundo anunciou a directiva da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina. Nesa liña, solicitaran tamén que o Parlamento galego fixese presión para que a xustiza arxentina afondase neses delitos e pedíranlle á Xunta a presentación dunha querela institucional por ese motivo. Co mesmo fin, propuxeron que o goberno galego lle dea asistencia xurídica aos parentes das vítimas da ditadura. (Fonte: www.vieiros.com).

Venezuela
Contra os “atropelos” aos emigrantes galegos
O voceiro de Emigración do PPdeG, José Manuel Castelao Bragaña, informou que o seu partido presentou unha interpelación no Parlamento galego para pedir á Xunta que active un plan de continxencia para “dar cobertura asistencial e protección xurídica” aos 30.000 emigrantes galegos asentados en Venezuela, e facer fronte aos “atropelos” aos seus dereitos fundamentais, especialmente en materia de propiedade individual, asistencia sanitaria e a seguridade persoal e xurídica. (Fonte: AGN).

Portugal
Cooperación luso-galega en sanidade
Unha comisión da Xunta e representantes do Centro de Rehabilitaçao Profissional de Gaia, así como técnicos dos socios do programa Interreg III, visitarán o centro de discapacidade da cidade sueca de Götenborg, para estudar os avances na atención ás persoas discapacitadas coa finalidade de poder aplicalos no Centro Galego de Desenvolvemento Integral, CEGADI, a construír en Santiago. (Fonte: AGN).

Galicia
O prestixio dos médicos ferroláns
Ante o déficit de profesionais sanitarios en varios países europeos, a Escola de Enfermería de Ferrol informa de que recibe diversas ofertas laborais dende hospitais do Reino Unido, Francia, Italia e EEUU. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Lenta converxencia económica
A Oficina de Estatística Europa, Eurostat, informou que o PIB por habitante de Galicia correspondente ao 2004, alcanzou o 81% da media europea, aínda que a nosa Comunidade está no antepenúltimo lugar a nivel estatal en canto a desenvolvemento económico. A renda per cápita galega alcanza os 15.824 euros e o seu PIB rexistrou 42.869 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
25/02/2007
Inmigración
Africanos denuncian discriminación
Ana García Louzán, responsable do departamento de Inmigración da ONG “Equus Zebra”, denunciou que o colectivo inmigrante africano radicado en Galicia amosa o seu sentimento de discriminación dentro da sociedade, especialmente en materia de vivenda, salarios e asistencia sanitaria. Segundo datos da Secretaría Xeral de Emigración, os inmigrantes africanos en Galicia ascenden a 7.000 persoas, o 10% da súa poboación estranxeira. (Fonte: La Voz de Galicia).

México
O sabor da súa gastronomía
A VIII edición de “Xantar”, o Salón Galego de Gastronomía e Turismo, a celebrarse o 4 de marzo, contará coa participación especial de México e a súa comida típica, así como unha ampla mostra do seu turismo e folclore. (Fonte: El Correo Gallego).
24/02/2007
Afganistán
A desgraza dos soldados galegos
A morte da soldado Idoia Rodríguez Buján reabre a polémica política sobre a necesidade de manter os soldados españois en misións de paz no país centroasiático. As estatísticas sinalan que dos 18 soldados caídos en Afganistán, once eran galegos. Outros dous nados fora da nosa Comunidade servían na base militar pontevedresa da Brilat. A isto debe engadirse a morte doutros catro galegos no accidente de aviación do Yak-42 en Turquía no 2003, provenientes de Afganistán. (Fonte: La Voz de Galicia).

Eixo Atlántico
Financiamento ambiental
Representantes de Medio Ambiente dos 18 concellos galegos e do norte de Portugal reunidos en Ourense coincidiron na necesidade de atopar vías de financiamento en materia ambiental, especialmente de cara a conseguir fondos europeos que permitan desenvolver iniciativas como a Axenda 21 de desenvolvemento sostible. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Emprego para estranxeiros
A sección compostelá da Cruz Vermella axudou a conseguir emprego a 91 inmigrantes no 2006, principalmente de países como Brasil, Arxentina, Uruguai, Venezuela, Colombia, Marrocos e Alxeria. (Fonte: El Correo Gallego).
23/02/2007
Galicia
Reciben os restos da soldado falecida en Afganistán

O presidente de goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, recibiu no aeródromo militar do aeroporto santiagués de Lavacolla, os restos da soldado lucense Idoia Rodríguez Buján, falecida en misión en Afganistán, xunto a súa familia.
(Fonte: AGN).

Téxtil
Inditex amplía o mercado francés
A multinacional galega conta con 147 tendas no país galo, ampliando este mercado coa apertura da primeira tenda de lencería Oysho para finais de 2007, segundo asegurou o presidente da filial francesa, Jean Jacques Salaün. Tamén está en proxecto a reforma de diversas tendas de Zara e Stradivarius en cidades como París, Burdeos, Toulouse, Nantes, Lille ou Cannes. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Touriño defende decisión de Bruxelas
O presidente da Xunta considerou que Galicia non cumpría “nin de lonxe ningún dos requisitos solicitados pola UE” para acceder ás subvencións polos incendios do pasado verán. Touriño explicou que a avaliación dos danos foi de 90,9 millóns de euros, o 2,8% do límite mínimo requirido polo Fondo Social Europeo para catástrofes, que representa máis de 3.000 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/02/2007
Afganistán
Falece soldado galega
Idoia Rodríguez Buján, de 23 anos e natural de Friol (Lugo), faleceu a consecuencia dun ataque insurxente á ambulancia que conducía na localidade de Shindand, a 40 km da base española en Herat, tras realizar un labor de protección a efectivos italianos. No suceso tamén quedou ferido o cabo Jorge Laíño, de Noia, e o soldado César Muñoz Pantoja. Rodríguez Buján é a primeira muller soldado española que falece nunha misión internacional. Un portavoz dos insurxentes talibáns, Qari Yusuf Ahmadi, confirmou a autoría do atentado. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).

Reino Unido
Crean Galicia 21
O xornal dixital “Galicia 21” foi creado por Craig Patterson, da Universidade de Stirling, e Helena Miguélez-Carballeira, da universidade de Bangor, coa finalidade de centrarse nos estudos galegos dentro do país anglosaxón. O seu Comité Editorial está conformado por estudantes de dez universidades europeas e dous de EEUU. “Galicia 21” ven a ocupar o lugar deixado pola publicación “Galicia Review” de Birmingham, e espera publicar o seu primeiro número no 2008. (Fonte: www.vieiros.com).

Portugal
Plan contra a gripe das aves
A delegada rexional de Sanidade do Norte de Portugal, Delfina Antunes, e o subdirector xeral para Epidemioloxía e Sistemas de Información de Galicia, Xurxo Vidal, anunciaron que autoridades sanitarias do norte de Portugal e Galicia realizarán nos próximos meses simulacros para poñer a proba un programa conxunto coa finalidade de enfrontar unha eventual pandemia de gripe das aves. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Premen por fondos de solidariedade
O PPdG presentará en Bruxelas un informe sobre os incendios forestais do pasado verán e as riadas ocorridas no outono en Galicia, para intentar desbloquear a negativa das autoridades comunitarias a compensar a Galicia polos danos desta catástrofe ecolóxica. O PPdG cualificou de “indignante” a actuación da Xunta e o goberno central, ao considerar que minimizaron os danos e propiciaron a non aplicación do Fondo de Solidariedade da UE. (Fonte: El Correo Gallego).

Siria
Descobren cidade sumeria
O proxecto “Medio Éufrates Sirio”, levado a cabo polo profesor da universidade de A Coruña Juan Luis Montero, e que constitúe a primeira expedición galega e española en Oriente Medio, acaba de descubrir en Siria unha antiga cidade sumeria con 5.500 anos de antigüidade. Pola súa banda, algúns medios académicos criticaron a falta de apoio institucional e financeiro por parte da Xunta. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Exportacións dos viños ourensáns
O mercado europeo, especialmente países como Alemaña, Portugal, Suecia, Suíza e Reino Unido, constitúen os principais destinos de exportación dos viños ourensáns. Outros socios importantes son EEUU, Australia, Xapón e Venezuela, especialmente no concernente ao viño Ribeiro. No 2006, a facturación por exportacións foi de seis millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Alemaña
Galicia, invitada de honor
A nosa Comunidade é a invitada de honor da feira de camping Reise, na localidade de Essen, inaugurada polo director xeral de Turismo, Rubén Lois. Neste feira, Galicia promoverá os seus campamentos turísticos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima
Buques para Malaisia
A empresa Navantia presentou unha oferta na que aspira a vender tres buques anfibios ás Forzas Armadas de Malaisia. Estes buques se construirán no estaleiro ferrolán e serán similares aos “Galicia” e “Castilla”, construídos para a Mariña Española. (Fonte: La Voz de Galicia).
21/02/2007
Unión Europea-Galicia
Sen axudas polos incendios
A voceira de Política Rexional Ana-Paula Laissy informou que a Comisión Europea decidiu non conceder a Galicia as axudas do Fondo de Solidariedade da UE para paliar os efectos dos incendios forestais do pasado verán, por considerar que non cumpren os requisitos necesarios sobre danos. A cifra ofrecida por España foi de 91 millóns de euros, por debaixo dos 3.000 millóns (0,6% do PIB comunitario) esixidos no regulamento do Fondo. Laissy tamén informou que a especulación sobre a autoría dos incendios, sendo estes provocados e non naturais, determinou a negativa europea. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Galicia máis pobre
Segundo os cálculos da oficina estatística europea Eurostat, no 2004 Galicia acadou o 81% da media do resto das rexións europeas, cunha renda per cápita de 15.280 euros, lonxe da media europea de 24.400 euros. (Fonte: www.vieiros.com).

Unión Europea-Galicia
Interese por I+D
O alcalde de A Coruña, Javier Losada, entrevistouse co presidente do Parlamento europeo, Hans-Gert Poettering, amosando o seu interese na participación en programas da UE dedicados ao I+D, especificamente nas áreas da Terceira Idade e Edificación. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
Irmanamento con Cali
O alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo recibiu ao alcalde da cidade colombiana de Santiago de Cali, Apolinar Salcedo Caicedo, coa finalidade de reafirmar os lazos de irmanamento entre estas cidades. Cali, fundada en 1536, é a terceira cidade colombiana e posúe un importante desenvolvemento económico e cultural. (Fonte: El Correo Gallego).

Acción Exterior
Unha galega no Foro Mundial da Alimentación
A lucense Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, SLG, participará en Mali no Foro Mundial da Soberanía Alimentaria Nyéleni 2007, entre o 23 e o 27 de febreiro, dedicado á soberanía alimentaria. Vilalba é responsable da secretaría de mulleres do SLG e foi elixida como representante da Marcha Mundial das Mulleres de Europa neste foro mundial que agrupa a 98 países e a 500 homes e mulleres. (Fonte: La Voz de Galicia e www.xornal.com).
20/02/2007
Economía
Vivendas en Europa do Leste
O empresario galego Amancio Ortega e Caixa Galicia, financiadores da sociedade Azora, investirán mil millóns de euros nos próximos cinco anos na construción de vivendas en Polonia, Romanía, Bulgaria e a República Checa. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Evacúan tripulación do “Ostedijk”
Ante a polémica política polo tratamento oficial da crise provocada por este cargueiro holandés provisto de material tóxico, a Xunta decidiu evacuar por precaución a toda a súa tripulación, a maioría de nacionalidade filipina. Mentres, o cargueiro podería quedar durante 15-20 días a seis millas da costa lucense de Viveiro. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
Cumio de expertos en fortíns militares
Coa finalidade de reforzar a candidatura da muralla militar de Ferrol na lista de protección patrimonial da UNESCO, o seu comité de apoio convocará na próxima primavera a un cumio europeo sobre fortificacións militares, que contará coa participación de expertos procedentes de Italia, Francia, Inglaterra e Polonia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Escola para Afganistán
As achegas económicas da Asociación Cultural San Andrés de Xeve e a Deputación Provincial pontevedresa permitiron a reconstrución da escola taller de Qala-i-Naw no país centroasiático, destinado ao aprendizaxe de corte e confección para mulleres. O edificio atópase na base militar da Brilat nesa localidade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Recoñecida a “Pataca de Galicia”
Bruxelas acaba de incluír á “Pataca de Galicia” no rexistro comunitario de denominacións de orixe e identificacións xeográficas protexidas, converténdose no cuarto produto galego que alcanza esta distinción, xunto á Ternera Galega, o Lacón Galego e o Pan de Cea. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela
Asasinan a xenro de senador ourensán
O xenro do senador polo PSOE na emigración, o ourensán Cándido Rodríguez, foi asasinado en Caracas, tras sufrir un intento de roubo do seu vehículo. Alejandro Reyes Ronsó, de 34 anos, ía casarse coa filla de Cándido Rodríguez en xullo próximo. Rodríguez tamén é o presidente da Asociación de Empresarios Galegos de Venezuela, director executivo do Banco Occidental de Desconto, BOD, e presidente do Grupo Corpogal S.A, que edita a revista “El Mundo Gallego”. (Fonte: Faro de Vigo e La Región).
19/02/2007
Diáspora
Tradución gratis de documentos
O presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, pediu en Zürich, Suíza, que a administración española tramite gratuitamente a tradución de documentos dos galegos residentes no exterior. Feijoo estivo reunido coas asociacións de galegos, quen fixeron esta demanda ante os obstáculos de tradución en España dos seus documentos presentados en francés e alemán. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Aumento de mesas electorais
A extensión do voto en urna na poboación galega emigrante esixirá un aumento de 357 a 451 mesas electorais, segundo os datos desprendidos do estudo do voto dos emigrantes galegos presentado pola Xunta. Deste xeito, dos 316.027 electores no estranxeiro inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes, CERA, un total de 220.570 (69,8%) poderían dispoñer dunha mesa no seu entorno máis próximo. Francia, Alemaña e Suíza serían os que concentrarían un maior número de núcleos con menos de dous centos de votantes. Bos Aires encabeza o ranking das cinco cidades con maior número de electores. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Nova sede en Londres
Os galegos residentes na capital británica contan cunha nova sede social e cultural, inaugurada polo secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, en compaña do ex conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal. (Fonte: Galicia en el Mundo).

Galicia
Reforestación mundial
A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre sumouse á campaña do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, PNUMA, a traveso do programa ecolóxico Voz Natura, dedicado á plantación de mil millóns de árbores no planeta. Este programa é pioneiro en Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Brasil
Detectan falta de cooperación
Ana Miranda, voceira do BNG nas institucións europeas e coordinadora para América Latina, mantivo unha xuntanza coa colectividade galega de Salvador de Bahía, así como con dirixentes do Partido dos Traballadores, PT, incluído o presidente brasileiro Lula da Silva. Miranda detectou escasos vínculos entre Galicia e Brasil en materia cultural, empresarial e turística. Na súa visita ao país suramericano, Miranda aproveitou para alentar a creación dun grupo local do BNG. (Fonte: Galicia en el Mundo).
18/02/2007
Acción Exterior
Irmanamento con Cabo Verde
A traveso das xestións do empresario galego Francisco Canabal López, o primeiro ministro deste país africano, José María Neves, acordou concertar un irmanamento entre Galicia e Cabo Verde, durante unha xira que realizará por España e Galicia en marzo próximo. O empresario Canabal López posúe unha considerable presenza no sector urbanístico caboverdiano. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
A mellor praia do mundo
Segundo o suplemento de viaxes do diario británico “The Guardian”, a praia de Rodas, nas illas Cíes viguesas, supera a calquera praia dos mares Mediterráneo e Caribe, nunha selección das dez mellores costas do mundo. (Fonte: www.xornal.com).

Suíza
Incluír aos emigrantes no orzamento
No marco da súa visita ao país centroeuropeo, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do presidente provincial do PP de Ourense, José Luis Baltar, demandaron que os emigrantes do CERA sexan incluídos “como veciños a efectos dos orzamentos do Estado e da Xunta Xunta". Defenden que esta medida permitirá fixar orzamentos e recibir subvencións maiores do Goberno central. En Suíza habitan un total de 34.000 emigrantes galegos. (Fonte: www.xornal.com).

Venezuela
Alertan sobre escasez de insumos
A consecuencia das medidas radicais en materia económica do goberno de Hugo Chávez, os empresarios galegos en Venezuela alertan sobre as dificultades para facerse con divisas para importar materias primas para medicamentos como a diabetes, a hipertensión e a artritis, así como da escaseza de produtos básicos da cesta familiar, como carne de vacún, polo, ovos, habas e compoñentes de vehículos. (Fonte: La Voz de Galicia).
17/02/2007
Inmigración
A vitalidade inmigrante
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, explicou que a chegada de inmigrantes a Galicia nos próximos anos, será “unha oportunidade” e unha “sinal da vitalidade de Galicia”. Touriño presentou o borrador do Plan Galego da Inmigración 2007-2010, no que se establecen once áreas de actuación: inserción social, servizos sociais, saúde, vivenda, educación, inserción laboral, participación cidadá, codesenvolvemento, coordinación entre administracións, muller emigrante e sensibilización social. Segundo o Instituto Galego de Estatística, IGE, na nosa Comunidade habitan 71.796 inmigrantes, cunha media de idade de 35 anos, principalmente de Portugal, Colombia, Arxentina, Marrocos, Uruguai, Brasil e Venezuela. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Citroën confía en Vigo
A marca automotriz francesa usará a partires de marzo o porto vigués como base loxística para exportar dende as súas plantas europeas ao norte de África, dende Bélxica ata Alxeria. Este acordo foi asinado coa empresa naviera Termicar Vigo S. L, a cal opera o tráfico marítimo de PSA Peugeot-Citröen. Paralelamente, a multinacional nipona Toyota interesouse polo uso do porto vigués como centro de almacenamento da área mediterránea. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Modelo para a República Checa
O Centro Tecnolóxico de Ourense servirá como modelo para a creación dunha tecnópolis na rexión checa de Vysocina, cunhas características xeográficas similares a Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Uruguai
Centro pesqueiro atlántico
As compañías armadoras estatais, cunha maioría de capital e tripulación viguesas, estudan a posibilidade de participar nun proxecto de construción co goberno uruguaio dun dique de 1.000 metros no porto de Montevideo, no que se centralizarían as actividades de carga e descarga da frota pesqueira que faena no Atlántico Sur. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/02/2007
Galicia
Educación para a paz
O presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios Diz, informou que a XXII edición dos Encontros de Educación para a Paz a celebrarse en Santiago en marzo contará coa presenza do ex director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, e con 300 participantes de ONGs e activistas da sociedade civil en dereitos humanos, tanto galegos como estranxeiros. (Fonte: El Correo Gallego).

Cooperación
Incremento na cooperación galega
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, presentou o Plan Anual da Cooperación Galega para 2007, que contempla un incremento do 40% respecto ao investimento realizado no 2006. O obxectivo radica en avanzar cara a “profesionalización” do sector da cooperación exterior en Galicia. (Fonte: www.vieiros.com).

Inmigración
Avalan o Plan Galego da Inmigración
Apoiado na creación do Consello Galego da Emigración, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presentou o Plan Galego da Inmigración 2007-2010, como iniciativa para “unha incorporación real e plena dos cidadáns inmigrantes”. Touriño presentou un informe da Secretaría Xeral de Análise e Proxección sobre percepción e actitudes da inmigración en Galicia, na que un 79,3% dos galegos enquisados consideran como “positiva” a diversidade nun país. (Fonte: www.xornal.com).

Inmigración
Unidade de atención para inmigrantes
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, asinaron o pasado 31 de xaneiro o convenio de colaboración para crear unha unidade de atención a emigrantes retornados e inmigrantes, destinado á información xurídica e dos trámites administrativos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Denuncian explotación laboral
O voceiro do sindicato CIG-Mar, Xabier Aboi, denunciou a actuación de empresas intermediarias que facilitan a incorporación de inmigrantes ao sector pesqueiro galego en condicións “practicamente de escravitude”. Aboi sinalou que mentres o salario mínimo é de 537 euros, existen contratos a traballadores peruanos por 470 euros e de indonesios “que aínda lles pagan menos”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Alemaña
A estrela do turismo galego
O director xeral de Turismo, Rubén Lois, foi o encargado de representar a Galicia na conferencia de prensa que se organizou na cidade alemá de Essen para presentar a Feira Reise Camping 2007, que se celebrará entre os días 21 e 25 de febreiro, na que a nosa é a comunidade convidada de honra da edición. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Críticas polo acordo de Navantia
Xoán Xosé Pita, candidato do BNG á alcaldía de Ferrol, acusou ao presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri –tamén aspirante polo PSOE- de “supeditar aos intereses da SEPI e da UE” o proxecto da Xunta para negociar o plan para Navantia-Fene. Irisarri instara á Xunta a negociar este plan con Bruxelas. (Fonte: La Voz de Galicia).
15/02/2007
Galicia
Néganse a ir a Mauritania
Un total de 50 efectivos policiais da Unidade de Intervención do Corpo Nacional de Policía de Vigo negáronse ante os seus mandos en Sevilla a ir a Mauritania para atender a repatriación dos 372 inmigrantes a bordo do Marine 1. A negativa debeuse a que a metade dos efectivos policiais estaba sen vacinar e no resto, as súas vacinas caducaron. Os policías estaban en Sevilla con motivo do cumio da OTAN. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
¿Un Depor ao estranxeiro?
Ante a crise financeira que vive o Real Club Deportivo de A Coruña e a falta de apoio institucional por parte do concello coruñés, diversas fontes informativas consideran a posibilidade de que un inversor estranxeiro poida mercar o clube e, incluso, trasladalo fora da cidade. A atracción exterior do “Depor” está consolidada polo seu posto Nº 23 na historia dos equipos de fútbol, segundo a Federación de Historia e Estatística do Fútbol, IFFHS polas súas siglas en inglés. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Favorecen iniciativa galega
O Parlamento europeo aprobou un informe da eurodeputada galega do PSOE, Rosa Miguélez, destinado a adoptar unha definición única para as redes de enmalle á deriva, erradicadas das augas da UE no 2002. Esta medida afecta a países como Irlanda, Italia e Francia, os cales anteriormente prexudicaron á frota galega coa utilización destas artes de pesca. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
As mulleres de Guatemala
Dentro da campaña que Solidariedade Internacional levou a cabo sobre a situación de desigualdade que sofren as mulleres no mundo, proxectouse en Pontevedra a reportaxe “Mujeres en América Latina: Guatemala silenciada”, coa participación da indíxena maia Ana María Rodríguez. (Fonte: La Voz de Galicia).
14/02/2007
Brasil
Negocian portos base
Unha reunión entre o xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo, ARVI, José Ramón Fuertes, e o gobernador do estado brasileiro de Pernambuco, Eduardo Campos, permitiu retomar a demanda da flota pesqueira galega de dispoñer de dous portos base nas localidades de Recife e Suape. Os armadores galegos esperan que un total de 110 buques palangreiros que fanan nas costas de Brasil, Venezuela e Uruguai, poidan realizar descargas nos portos brasileiros e enviar a súas mercancías a Vigo. O gobernador Campos tamén se reuniu co presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Abel Caballero. (Fonte: La Voz de Galicia e www.xornal.com).

Cuba
O selo literario galego
Un total de 28 empresas editoriais galegas participaron na Feira Internacional do Libro en La Habana, cunha exposición de obras literarias de poetas, escritores e autores galegos así como de música, a traveso de grupos como Narf e cantantes como Ugía Pedreira. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Apoio para o proxecto de Navantia-Fene
O Parlamento galego aprobou o plan presentado polo estaleiro vigués Barreras para facerse cos activos ociosos de Navantia-Fene destinados á construción civil. Este proxecto, que non posúe axuda pública, xa fora rexeitado dende Bruxelas pola súa limitación a Navantia para construír buques civís. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Senegaleses en Ourense
A asociación Cáritas iniciará un programa de alfabetización e intercambio cultural destinado á integración social do colectivo senegalés en Ourense. O representante deste colectivo, Bassirou Sené, asegurou que entidades como a Cruz Vermella, CC.OO., a policía local e o concello ourensán axudaron anteriormente en diversos programas de integración para os inmigrantes senegaleses. (Fonte: La Voz de Galicia).
13/02/2007
Emigración
Bolsas para retornados
Un total de 35 mozos emigrantes ou fillos de emigrantes, procedentes de doce países, foron acreditados para estudos superiores nas tres universidades galegas, grazas ás bolsas de estudos que outorga anualmente a Xunta, durante un acto celebrado no Consello da Cultura Galega e que contou coa participación do secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Regresan soldados de Afganistán
Un total de 395 efectivos militares da base da Brilat en Figueirido, Pontevedra, regresarán do país centroasiático entre febreiro e marzo. Simultaneamente, foi nomeado o ferrolán Andrés Pérez Barro como comandante dunha unidade militar de 40 efectivos a despregarse na localidade afgana de Herat nos próximos catro meses. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
5.330 millóns en fondos FEDER
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, presentou ante o Parlamento galego os fondos europeos que a nosa Comunidade recibirá para o período 2007-2013, onde expuso os contidos do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER. En total, Galicia recibirá 5.330 millóns de euros destinado para as áreas rural, pesqueira e de cooperación transfronteiriza con Portugal, un 15% menos co respecto ao período anterior 2000-2006. (Fonte: El Correo Gallego e www.vieiros.com).

Unión Europea-Galicia
Consello educativo en Santiago
Os responsables educativos autonómicos reuníronse na capital galega para preparar un documento común a presentar en Bruxelas ante o Consello de Educación da UE. Nesta xuntanza afondouse na concreción dos obxectivos do programa Educación e Formación 2010. A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, será a representante educativa estatal na capital europea. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela
Piden comunicar posibles expropiacións
Durante un acto en Arteixo, o director xeral de Emigración do goberno español, Agustín Torres, instou aos españois e galegos afectados polas invasións de terreos e inmobles en Venezuela a comunicalo inmediatamente á Embaixada de España en Caracas, para que os seus propietarios poidan recibir as correspondentes indemnizacións das autoridades venezolanas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Unha gota para Colombia
Baixo o lema “Aporta a túa gota”, a ONG Solidariedade Internacional de Galicia comezou en Nigrán unha campaña para levar a cabo proxectos de canalización de auga para consumo e regadío nas poboacións colombianas de San José Anchicayá e San Francisco Javier Raposo. O obxectivo é sumar os 15.000 euros de financiamento. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/02/2007
Galicia
Premian estudo sobre a emigración
Dous médicos galegos, Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, mereceron o galardón “Ramón Piñeiro” na súa sexta edición, que outorga a Editorial Galaxia, co patrocinio de Unión Fenosa, polo seu estudo relacionado co perfil psiquiátrico do emigrante retornado. O xurado estivo composto por Benxamín Casal, Susana Reboreda, Ramón Villares, Víctor F. Freixanes e Carlos Lema como secretario. (Fonte: www.vieiros.com).

República Dominicana
Tecnoloxía vitivinícola galega
Trala visita a Galicia do vicepresidente dominicano Rafael Alburquerque, acordouse que a firma galega Adegas Valmiñor realizara un estudo para abordar un plan vitivinícola na zoa do vale de Neyba, unha das máis deprimidas do país caribeño. O goberno dominicano espera importar o fenómeno das Rías Baixas e a tecnoloxía vitivinícola galega. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/02/2007
Polonia
Ingapan entre no mercado polaco
A empresa panadeira lucense ampliou a súa rede comercial exterior co seu ingreso en Polonia, grazas ao apoio prestado polo Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE. Ingapan, especialista en produtos típicos galegos, conta con socios comerciais en 17 países de Europa, América Latina e EEUU. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Plan europeo da igualdade de xénero
Técnicos do Servizo Sociocomunitario de Narón presentaron xunto ao seu similar de A Coruña, un plan da Unión Europea para fomentar a igualdade de sexos, que conta cun orzamento compartido de 30.000 euros. Xunto aos dous concellos galegos compartiron experiencias outras delegacións de Grecia, Estonia e Italia. (Fonte: La Voz de Galicia).
10/02/2007
Eixo Atlántico
Acordan AVE para o 2013
No marco da XXIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrada na localidade portuguesa de Vilanova de Gaia, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, e a secretaria de Estado para Transportes do goberno portugués, Ana Paula Vitorino, comprometéronse a finalizar o AVE Vigo-Porto no 2013, contando co respaldo unánime dos 18 representantes dos concellos galegos e do Norte de Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Nacionalidade para os netos de emigrantes
O Consello de Ministros aprobou a modificación de varios artigos do Código Civil para facilitar o acceso á nacionalidade española aos netos de emigrantes galegos de pais que non naceran en España. Este cambio contén as condicións recollidas no Estatuto polos Dereitos dos Españois no Estranxeiro, aprobado en decembro de 2006. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Bolsas para médicos suramericanos
A Asociación de Médicos Gallegos, ASOMEGA, co patrocinio de CaixaGalicia, concedeu a Mónica Lovera Rivas (Paraguai), Silvia Güimil da Costa (Uruguai), e Regino Piñeiro Lamas (Cuba) as tres bolsas de estudos para ampliar a súa formación médica en España. Os tres suramericanos son descendentes de galegos residentes no exterior. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Touriño defende renegociación de Navantia
Presente en Madrid con motivo da xuntanza coa Asociación de Empresarios Galegos de Madrid, AEGAMA, o presidente da Xunta defendeu o “dereito lexítimo” de Galicia para renegociar coa UE o acordo sobre o futuro de Navantia-Fene. Neste sentido, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, se reunirá coa comisaria europea para analizar este novo enfoque. (Fonte: www.xornal.com).

Venezuela
Moción contra as expropiacións a galegos
O presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, presentará ante o parlamento galego unha moción na que insta ao goberno estatal a presentar unha petición oficial ao executivo venezolano, a fin de “restituír as propiedades tomadas aos galegos”, con motivo das recentes invasións e presións contra a propiedade privada dos galegos en Venezuela desde 2003, dentro da política de reforma agraria do goberno de Hugo Chávez. (Fonte: La Voz de Galicia).
09/02/2007
Inmigración
Escasa acollida a inmigrantes
Galicia segue a estar na cola a nivel estatal en canto a acollida de inmigrantes, cun 1,8% do total, segundo datos facilitados polo Instituto Nacional de Estatística, INE. En España, dos 44.709.000 habitantes, un total de 4.415.000 son estranxeiros, un 9,3% da poboación total. (Fonte: El Correo Gallego).

Eixo Atlántico
Plan estratéxico 2007-2013
Os alcaldes dos 18 concellos de Galicia e Norte de Portugal reuníronse na localidade portuguesa de Vila Nova de Gaia para celebrar a súa XXIII asemblea xeral, na que se discutiu o plan estratéxico para o período 2007-2013, principalmente en materia de infraestruturas, a fin de discutir a viabilidade da creación do Consorcio Transfronteirizo de Transportes. O seu presidente actual, o alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo, informou de que o Eixo Atlántico cambiará de forma xurídica converténdose en Agrupación Europea de Cooperación Territorial, AECT, a fórmula aconsellada por Bruxelas. (Fonte: El Correo Gallego).
08/02/2007
Pesca
Calvo aposta por América Latina
A empresa galega de conservas Grupo Calvo buscará afianzar a súa presenza no mercado latinoamericano, dentro dun plan estratéxico de expansión neste mercado. Os centros neurálxicos desta expansión serán as súas plantas en Brasil, como centro para a expansión sudamericana, e El Salvador cara América do Norte e o Caribe. (Fonte: El Correo Gallego).

Venezuela
Aumentan os galegos retornados
Segundo estatísticas do Consulado Xeral de España en Caracas, entre 800 e 1.000 cidadáns españois, a maioría emigrantes galegos e os seus descendentes, están tramitando aceleradamente os seus documentos e pasaportes para saír do país ante as recentes medidas tomadas polo presidente Hugo Chávez e o temor ás posibles expropiacións e nacionalizacións. Desde 2003, Venezuela supera a Arxentina no fluxo de emigrantes retornados a Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia e Faro de Vigo).

Emigración
Preocupación por retornados
Dende Arxentina, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, anunciou un orzamento de 500.000 euros da Fundación Galicia-Emigración, para cursos de integración laboral destinados á formación dos emigrantes retornados. Do mesmo xeito, Rodríguez amosou a “moderada preocupación” da Xunta polos recentes datos estatísticos de emigrantes retornados a Galicia dende Venezuela. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Vigo imprescindible para Citröen
O novo equipo directivo de PSA Peugeot Citröen, encabezado polo seu presidente Christian Streiff, salientou a importancia da súa sucursal en Vigo dentro do novo plan de expansión mercantil e abaratamento de custes. Mercosur e China entran agora dentro deste plan estratéxico. (Fonte: La Voz de Galicia).
07/02/2007
Cuba
Letras galegas na feira do libro
Tras varios anos de ausencia, Galicia participará entre o 8 e o 17 de febreiro na Feira do Libro de La Habana, unha das mais importantes de Hispanoamérica, cunha presentación da súa literatura, música, danza e arte. Para 2008, a nosa Comunidade será a invitada especial desta feira. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Renegociar o veto de Navantia-Fene
Os deputados socialistas Rosa Miguélez e Antolín Sánchez Presedo instaron á Comisión Europea a aclarar se a SEPI pode renegociar o veto sobre a construción civil antes do 2015 para o estaleiro de Navantia-Fene. A petición se formulou a consecuencia do plan presentado polo estaleiro vigués Barreras, aprobado pola Xunta, para reanudar a construción civil. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Intervención en Touriñán
O director xeral de Mercados e Relacións Externas de Pesca da UE, César Debén, advertiu que a UE podería intervir se o goberno galego non houbese evitado a construción dunha planta acuícola de Pescanova no cabo de Touriñán, por ser esta unha localidade protexida ecoloxicamente pola Rede Natura. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Desmantelan rede laboral ilegal
As autoridades policiais desmantelaron unha rede ilegal de explotación de traballadores portugueses que funcionaba nas localidades compostelás de Sigüeiro e Milladoiro, con ramificacións na provincia de Pontevedra. Esta rede falsificaba pasaportes portugueses coa intención de vendelos a inmigrantes brasileiros, ucraínos e angolanos ilegais, coa finalidade de obter o permiso de residencia en España. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Explotación laboral
Os sindicatos UGT e CCOO en Galicia denunciaron que cada día entre 15.000 e 20.000 traballadores estranxeiros, principalmente de Portugal, son explotados con salarios inferiores aos que marcan os convenios no sector da construción. Ambos sindicatos consideran que estas redes de explotación laboral inmigrante xa funcionan en todos os puntos de Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/02/2007
Diáspora
Novo marco laboral
A Xunta, os sindicatos UGT e CCOO e a patronal empresarial, presentaron en Santiago o Acordo sobre un Novo Marco de Relacións Laborais, tamén denominado “Un Acordo polo Emprego en Galicia”. Este marco pretende atraer a Galicia a unha parte dos 793.000 galegos e os seus descendentes que conforman a diáspora, a fin de incrementar a poboación economicamente activa na nosa Comunidade. Segundos estimacións estatísticas, Galicia necesita unhas 82.000 persoas entre 20 e 29 anos para o período 2009-2019. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Portugués en 25 segundos
O concelleiro de Cultura do Concello de Santiago, Néstor Rego, e a asociación Vía Galego informaron da campaña "Aprende em 25 segundos a ler em português", como unha medida para concienciar á poboación galega na aprendizaxe dunha lingua “cunha estrutura similar á nosa” coa finalidade de acceder rapidamente “á súa enorme produción cultural”. (Fonte: El Correo Gallego e www.vieiros.com).

Galicia
Apoio para o PuntoGal
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, reuniuse cunha representación da Asociación PuntoGal, para transmitir o seu apoio á creación dun dominio propio na rede para a lingua e cultura de Galiza, a traveso da dirección .gal, como obxectivo estratéxico para Galicia. (Fonte: www.xornal.com).

Cooperación
Cursos para ONGs
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior financiará actividades formativas para dar a coñecer os procedementos na formulación dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento e sensibilización. Os cursos se realizarán en A Coruña, Vigo e Santiago coa participación de 40 ONGs galegas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marrocos
Rabat comprará patrullas
O goberno marroquí pechará en febreiro un contrato co estaleiro vigués Rodman-Polyships para a construción de dez lanchas patrulleiras que serán utilizadas para a vixilancia costeira e a loita contra a inmigración clandestina. O investimento está estimado en 35 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Xuntanza coas prostitutas inmigrantes
A Federación Galega de Inmigrantes invitou a Helena Reynaga, presidenta da Asociación de Meretrices de Arxentina, AMAR, e tamén secretaria xeral da Rede de Traballadoras Sexuais de América Latina, para unha xuntanza en Vigo coas inmigrantes latinoamericanas que exercen a prostitución. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/02/2007
Galicia
Buscan médicos estranxeiros
A Consellería de Sanidade e o Consello Galego de Colexios Médicos enviaron solicitudes a Arxentina, Venezuela, Chile, Uruguai, Paraguai e Portugal para cubrir as prazas vacantes de médicos galegos. Segundo Luis Campo, presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, só recibiron doce solicitudes, a maioría dende Uruguai. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Expectativas aínda sen cumprir
Diversas asociacións de inmigrantes en Galicia, principalmente rómanos, latinoamericanos e africanos, eloxian o carácter acolledor da sociedade galega pero consideran que aínda non ven cumpridas as súas expectativas laborais, así como tampouco algúns trámites burocráticos como as homologacións de títulos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Éxito europeo da troita galega
O grupo pesqueiro galego “Tres Mares” logrou posicionarse no 2006 entre os tres principais vendedores de troita conxelada en Europa, cun incremento na súa facturación dun 12,5%, un total de nove millóns de euros. Alemaña, Gran Bretaña, Rusia e Polonia son os principais socios do grupo galego, neste derradeiro país grazas a un acordo do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, coa distribuidora Scandinavian Food Group. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Denuncian explotación de Pescanova
As ONGs “Observatorio pola Débeda na Globalización”, “Veterinarios Sen Fronteiras” e a “Rede de Consumo Solidario” acusaron á multinacional pesqueira galega Pescanova de “sobreexplotación de bancos pesqueiros locais, alteración de ecosistemas mariños, condicións laborais "pésimas, contaminación e estratexias agresivas” nas súas actividades en Chile. (Fonte: www.vieiros.com).
04/02/2007
Pesca
“Peixe máxico” para o mercado norteamericano
A empresa viguesa Pereira comercializa no mercado estadounidense o pescado “mahi-mahi”, coloquialmente denominado “pescado máxico”, un peixe de 40 quilos que carece de espiñas e pel e que contén un elevado índice de aceite Omega-3. Esta especie tamén está introducíndose no mercado europeo. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Piden explicacións por Astano-Fene
A portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, demandou á Comisión Europea sobre os impedimentos que, segundo o presidente da SEPI, existen para que unha parte dos activos ociosos de Astano-Fene se vendan e empreguen na construción naval civil. A portavoz nacionalista explicou nunha iniciativa que nas misivas da Comisión “non se di que as condicións prohiban a desafectación parcial dos activos de Fene”. (Fonte: www.xornal.com).

China
Zara abre a súa primeira tenda
O grupo Inditex abriu a súa primeira tenda Zara en Beijing, capital chinesa, situada na galería comercial The Place. Este establecemento conta con máis de 1.500 m2 de superficie comercial e unha importante localización no centro da cidade. (Fonte: www.xornal.com).
03/02/2007
Turismo
¿Unha vía para a paz en Palestina?
De visita en Santiago, Edwin Yabo, conselleiro de Asuntos Culturais da embaixada de Israel en Madrid, considerou que a Rede de Cidades Santas conformada por Xerusalén, Santiago e Roma, pode contribuír á construción “dun consenso entre israelís e palestinos”. A Rede foi promovida en Madrid dentro da Feira Internacional de Turismo, Fitur. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Aumenta a produción de conservas
A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Anfaco, con sede en Vigo, informou que a produción do sector conserveiro estatal aumentou nun 7% no 2006, un volume de negocios que alcanzou o 1.181 millóns de euros. Deste incremento, un 80% corresponde ás 67 empresas conserveiras establecidas en Galicia. Todo isto, segundo o seu director xeral Juan Manuel Vieites, a pesares do aumento da competencia asiática. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Freo á competencia asiática
Anfaco adianta un lobby en Bruxelas para impedir a invasión do atún asiático no mercado europeo, unha vez a Organización Mundial do Comercio, OMC, decida no próximo mes de xuño a liberalización total ou parcial das exportacións de Tailandia, Malaisia, Filipinas e Indonesia. Estes países asiáticos introduciron no 2006 máis de 110.000 toneladas de atún a prezos menores dos elaborados en España, Francia, Italia ou Portugal, os principais produtores europeos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
En defensa de Navantia-Fene
Os eurodeputados socialistas Rosa Miguélez e Antolín Sánchez Presedo presentarán na Comisión Europea unha iniciativa para que a comisaria europea da Competencia, Neelie Kroes, explique que condicións e compromisos terían que cumprir os proxectos encamiñados a reanudar a plena actividade nas instalacións de Navantia-Fene. Así o decidiron a petición dos candidatos do PsdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, e de Fene, Iván Puentes Rivera. (Fonte: www.xornal.com).

Arxentina
Atención a domicilio
A delegación da Xunta en Bos Aires puxo en marcha un plan piloto de atención domiciliaria para asistir a todo aquel emigrante galego que o necesite. Este plan foi presentado polo delegado da Xunta na capital arxentina, Evaristo Oroña. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Escola na India
A delegación de Manos Unidas en Santiago desenvolverá unha campaña educativa que vislumbra a construción dunha escola na aldea de Tripura, neste país asiático. O lema da campaña é “Sabes leer, ellos no. Podemos cambiarlo”. (Fonte: La Voz de Galicia).
02/02/2007
Unión Europea-Galicia
Freo civil a Navantia
A Comisión Europea certificou que a empresa naval Navantia, localizada en Fene, non pode construír buques para uso civil senón militar, ao menos ata o ano 2015. En Bruxelas argumentaron que ese era o compromiso adquirido co goberno español para lograr que a UE autorizara a reestruturación de Izar. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Ameazan con deslocalización
Os conserveiros galegos ameazaron a Bruxelas con deslocalizar as súas plantas e trasladalas a países asiáticos se a UE non detén a entrada masiva de atún tailandés, filipino e indonesio. Os grandes prexudicados da posible liberalización do mercado do atún serán os conserveiros galegos, que exportan a metade do que producen e localizan na UE un 87% das súas vendas ao exterior. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
A Xunta contra o quecemento global
Seguindo a petición global dunha ONG francesa, a Xunta realizou o apagón pautado durante cinco minutos a partires das 19:05 da tarde do xoves 1 de febreiro, como unha resposta solidaria contra o quecemento climático. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
Misión en Kazajstán
Con dous meses en Almaty, a capital deste país centroasiático, a compostelá María José Seoane constitúe a única presenza galega dentro dun grupo de 14 colaboradores internacionais que contribúen á ensinanza de linguas estranxeiras, dentro dun proxecto financiado pola Unión Europea para o desenvolvemento deste país. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Cooperación con universidades estranxeiras
A Universidade de Vigo destinará 178.836 euros para proxectos conxuntos de investigación científica con centros universitarios de Arxentina, Cuba, Chile, Bolivia, Colombia, Guatemala, Marrocos e Tunisia, situándose como líder na cooperación exterior galega en materia académica. En total son 16 proxectos de investigación, superando os dez lanzados pola USC e os catro da universidade de A Coruña. (Fonte: La Voz de Galicia).

Francia
Apresan pesqueiros galegos
As autoridades marítimas francesas apresaron dous buques pesqueiros de Cedeira e Cariño, ambos con bandeira gala e con porto base en La Rochelle, por considerar que estaban fanando ilegalmente. A fianza foi imposta en 22.500 euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
01/02/2007
Solidariedade
Os galegos e as ONGs
Segundo un estudo realizado pola empresa Triple-In para a Fundación Intervida, un 4% dos galegos con idades comprendidas entre os 20 e os 74 anos, colabora monetariamente con algunha ONG, mentres un 8% expresou a súa vontade de facelo en breve. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Participación na política marítima
A Xunta pretende participar activamente na redacción do “Libro Verde da Política Marítima da UE”, tal e como explicou a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, no Centro Tecnolóxico do Mar, CETMAR, en Vigo. Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Abel Caballero, expresou a disposición de Vigo para “exportar” a Europa o seu porto interior de Salvaterra. (Fonte: La Voz de Galicia e El Correo Gallego).

Galicia
Dan a coñecer as Cidades Santas
No marco da Feira Internacional do Turismo, FITUR, celebrada en Madrid, o pavillón de Galicia presentou o proxecto “Cidades Santas Patrimonio da Humanidade: Xerusalén, Roma e Santiago”. Neste acto participaron o concelleiro compostelá de Turismo, Francisco Candela, o director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o director xeral do Ministerio de Turismo de Israel, Nahum Itzkovic. Pola súa banda, a sección dedicada a Ribadavia presentou o seu proxecto de “Rede de Xuderías de España: Camiños de Sefarad”. (Fonte: El Correo Gallego).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Exportador, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo