Diario Exterior / xaneiro de 2007

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

31/01/2007
Unión Europea-Galicia
Triplican os fondos europeos
No marco dunha xuntanza informal en Bruxelas, con motivo da presentación do programa de gastos dos fondos estruturais por parte das rexións autonómicas para o período 2007-2013, informouse de que Galicia recibirá nos próximos sete anos cerca de 400 millóns de euros do Fondo de Cohesión da UE, unha cantidade que triplica as expectativas iniciais da Xunta á hora de discutir o reparto dos 3.500 millóns de euros dos fondos europeos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Carga legal no buque ruso
A consellería de Pesca e a Autoridade Portuaria de Marín realizaron unha inspección ao buque ruso “Petrogradskij”, na que constataron a legalidade da súa carga, a pesares das acusacións na súa contra realizadas polo goberno de Noruega e a ONG ecoloxista Greenpeace. Representantes da Autoridade Portuaria da localidade pontevedresa consideraron que o problema resulta dun “conflito diplomático entre Noruega e Rusia” pola pesca no mar de Barents. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Alianza con Ecuador
A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos, ANFACO, con sede en Vigo, asinará un convenio de colaboración coa Cámara Nacional de Pesquería de Ecuador, para defender os intereses comúns no mercado do atún, especialmente á hora de afrontar a competencia asiática. Por iso, pedirán á Organización Mundial de Comercio, OMC, que manteña o status quo arancelario cos países asiáticos. (Fonte: El Correo Gallego).

Brasil
Expoñen as obras de pintor galego
O Museo Nacional de Belas Artes de Río de Janeiro acollerá ata marzo unha exposición de cincuenta pinturas, deseños, gravados e documentos do artista galego nacionalizado brasileiro, Modesto Brocos e Gómez. Baixo o título “Un estranxeiro nos trópicos”, a exposición resaltará a traxectoria profesional do artista nado en Santiago de Compostela en 1852 e falecido en Río de Janeiro aos 84 anos. (Fonte: La Voz de Galicia).

República Dominicana
Apoio ambiental galego
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o vicepresidente dominicano, Rafael Alburquerque, analizaron os proxectos de colaboración en xestión de residuos e enerxías limpas, tales como a eólica. Ambos representantes analizaron o convenio da consellería de Medio Ambiente co concello de Santo Domingo e outros convenios coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a consellería de Educación. (Fonte: El Correo Gallego).
30/01/2007
Eixo Atlántico
Plan estratéxico 2013
As autoridades das 18 cidades de Galicia e o norte de Portugal que conforman o Eixo Atlántico asinarán o próximo 9 de febreiro en Gaia (Portugal) o plan estratéxico 2013, destinado ao desenvolvemento económico, a ordenación territorial, a eliminación das grandes diferenzas entre o desenvolvemento urbano e rural e o desenvolvemento urbanístico respectando o medio ambiente. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Noruega preme por inspección
As autoridades do país nórdico enviaron a Madrid unha petición de inspección da carga que transporta o barco de bandeira rusa “Petrogradskij”, que atracou no porto de Marín, por considerar que transporta pesca ilegal. O buque procedeu do mar de Barents. En Noruega consideran ao porto de Marín como “libre para piratas”. (Fonte: La Voz de Galicia e El Correo Gallego).

Pesca
Apoio portugués para Pescanova
Mediante un decreto gobernamental, a empresa pesqueira galega Pescanova obtivo do Executivo portugués un financiamento de 45 millóns de euros, arredor da terceira parte do investimento total previsto para a piscifactoría de Mira. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
Aprender linguas estranxeiras
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, afirmou que a Administración educativa traballa en consonancia cos obxectivos da Unión Europea en materia de multilingüismo, para que “o alumnado que remate ESO domine o galego e o castelán, e teña unha elevada competencia na primeira lingua estranxeira e coñecementos nunha segunda lingua”. Neste sentido, aumenta a demanda do francés, inglés, portugués e alemá como lingua estranxeira. (Fonte: www.xornal.com).
29/01/2007
Galicia
Á cabeza na emisión de CO2
Galicia posúe o maior índice europeo en emisión de gases causantes do efecto invernadoiro, cunha media de 13,4 toneladas por habitante e ano, sendo a media europea de 10,9. O colectivo ecoloxista “Verdegaia” culpa ás centrais térmicas deste 42% de contribución galega ao cambio climático e critica que o Plan Galego contra o Cambio Climático elaborado pola Xunta, non contemple activar medidas punitivas contra estas centrais. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Piden homologar con maior rapidez
A secretaría xeral de Emigración solicitou no Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior que “axilice a homologación de títulos” para facilitar o retorno e que se elabore un estudo-diagnóstico sobre a cobertura sociosanitaria dos emigrantes galegos e españois. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
O galego e o goberno español
Segundo o comisario europeo de Multilingüismo, o rómano Leonard Orban, o mecanismo para que o galego poda ser lingua oficial na UE corresponde ao goberno español, tal e como o fixera o goberno irlandés no 2005 con respecto á aprobación do gaélico como lingua oficial, recoñecida en xaneiro de 2007. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
A Coruña coas ONGs
O concello coruñés aprobou unha partida de 175.000 euros para financiar quince proxectos de colaboración internacional, presentados por diversas ONGs. Nestes proxectos se participará na construción de sistemas de auga potable en Bolivia, unha oferta educativa para os nenos da provincia arxentina de Salta e a asistencia sanitaria a un hospital de Managua, Nicaragua. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/01/2007
Galicia
Proclaman afinidade co Foro Social Mundial
A fundación “Galiza Sempre” analizou a súa participación no recente Foro Social Mundial realizado en Nairobi (Quenia), na que estivo presente o seu presidente Xosé Manuel Beiras. Tanto Beiras como o director xerente deste movemento, Xabier Macías, afirmaron a súa “afinidade” cos principios do FSM, especialmente en materia ambiental e económica. Beiras pediu tamén a “democratización” do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional e presentou ao nacionalismo como “a alternativa contra o colonialismo neoliberal”. (Fonte: El Correo Gallego e www.xornal.com).

Arxentina
Investigarán accidente de buque vigués
Elena Espinosa, ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación, MAPA, informou sobre a apertura dunha investigación do incendio rexistrado no barco “Puente América”, da empresa armadora viguesa Pereira, cando fanaba nas augas arxentinas. O accidente non amosou dano físico, xa que a tripulación de 46 persoas foi posteriormente rescatada. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Versos galegos en Bruxelas
A capital belga e europea elixiu ao escritor santiagués Xavier Queipo para formar un grupo de nove poetas cuxas obras se exhibirán en toda a cidade para celebrar o seu carácter multicultural. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima
A necesidade da man de obra estranxeira
Debido a falta de man de obra na flota galega, países como Indonesia e outros latinoamericanos como Perú están a converterse en provedores de mariñeiros para os buques galegos, principalmente en Vigo, onde tres de cada dez empregos xerados son desempeñados por estranxeiros. Os armadores galegos consideran que estes mariñeiros posúen un perfil similar aos galegos emigrantes. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/01/2007
México
Colaboración con Querétaro
A Cámara de Comercio compostelá reuniuse cos representantes do concello mexicano de Santiago de Querétaro para intercambiar proxectos e oportunidades de colaboración. Nesta viaxe á capital galega, a delegación mexicana tamén se reunirá con funcionarios da Xunta e os empresarios locais. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Debaten a contaminación en Corcubión
O eurodeputado por Esquerda Unida, Willy Meyer, formulou dúas preguntas ao Parlamento europeo sobre o cumprimento da lexislación comunitaria ante a falta de depuración das augas residuais na ría de Corcubión e sobre a contaminación por hidrocarburos e metais pesados nunha zoa de cultivo de alimentos. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Centro de documentación marítima en Vigo
O BNG proporá á Comisión Europea a creación en Vigo dun centro europeo de documentación marítima e pesqueira, aproveitando a posta en marcha da Axencia Europea para o Control da Pesca. Este plan xa fora presentado anteriormente, xa que estaba contemplado no Plan Estratéxico de Vigo, encargado pola Fundación Provigo e a recomendación de profesores universitarios. (Fonte: La Voz de Galicia).

EEUU
Abren as portas a Caixanova
A entidade financeira galega recibiu a autorización da Reserva Federal estadounidense e do Estado de Florida para operar como Branch International, a principal licenza para entidades bancarias e financeiras neste país e que permite unha ampliación das súas operacións bancarias. Presente en Miami desde 2002, Caixanova convértese na primeira caixa en obter este certificado, debido ao seu crecente nivel de negocios tanto en EEUU como en América Latina. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Rexeitan a negación do Holocausto
O Parlamento galego aprobou unha resolución de condena contra toda negación do Holocausto xudeu durante a II Guerra Mundial, así de como calquera manifestación de odio e intolerancia relixiosa e incitación á violencia. (Fonte: La Voz de Galicia).
26/01/2007
Unión Europea-Galicia
Piden aclarar a construción de buques civís
A Comisión Europea decidirá se a empresa de estaleiros “Hijos de J. Barreras” poderá construír buques civís na factoría de Navantia en Fene, a pesares da prohibición de Bruxelas para este tipo de construcións neste estaleiro ata o 2015. O eurodeuptado do PP, Daniel Varela, pediu a Bruxelas aclarar esta situación. Esta iniciativa da empresa viguesa contou co respaldo da Xunta e do BNG mentres a Sociedade Estatal de Participacións Industriais, SEPI, considerou incompatible este plan. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Promoción turística galega
Turespaña e Turgalicia iniciaron un convenio de colaboración na promoción turística da nosa Comunidade nos mercados europeo e internacional, á que destinarán unha partida de 1,2 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Alertan sobre caída demográfica
A Comisión Europea, a traveso da comisaria Danuta Hüber, advertiu ás rexións europeas, incluída Galicia, que destinen parte dos fondos comunitarios a políticas relacionadas coa atracción e mantemento da poboación nos seus territorios, ante a previsible caída dos índices demográficos para os próximos anos. Precisamente, no 2005, Galicia presentou un crecemento vexetativo negativo, estatística comentada por Hübner para pedir un maior investimento en I+D. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
Informe sobre cobertura socio-sanitaria
A Xunta pedirá ao Consello da Emigración un diagnóstico sobre a cobertura exterior en materia social e sanitaria para os emigrantes galegos e españois. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Abren prazo para Erasmus
As solicitudes para acceder ao programa europeo de bolsas de estudo no exterior Erasmus por parte da Universidade de A Coruña abriron ata o 22 de febreiro, para ingresar en universidades de América Latina e EEUU. Nesta oportunidade están no programa a Universidade Federal de Santa Catarina (Brasil), a Universidade Central Mastra Abreu de las Villas (Cuba) e a Universidade de San Diego (EEUU). (Fonte: La Voz de Galicia).
25/01/2007
Unión Europea-Galicia
Sen fondos o AVE Vigo-Porto
O eurodeputado polo PP, Daniel Varela, denunciou en Bruxelas que o goberno español e a Xunta aínda non solicitaron ante a UE os fondos para a construción do AVE entre Vigo e Porto, en detrimento da obra do AVE Madrid-Lisboa-Porto. As palabras de Varela foron confirmadas polo comisario europeo de Transporte, Jacques Barrot. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Ofrecen instalacións viguesas
O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Abel Caballero, ofreceu algunhas das instalacións desta entidade para a Axencia Europea da Pesca, co obxecto de que este organismo dispoña da infraestrutura adecuada para a celebración das súas xuntanzas. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia
O galego en París
Co motivo do Salón Expolingua na capital francesa, a secretaría xeral de Política Lingüística organizou un escaparate para a exposición de material sobre a lingua e cultura galega e as súas posibilidades de estudo en Francia e noutros países de Europa e do mundo. (Fonte: www.vieiros.com).

Inmigración
Guía de saúde para os inmigrantes
A concellería de Sanidade de Marín levou adiante unha campaña informativa entre a poboación inmigrante residente neste concello sobre as enfermidades de transmisión sexual e as drogodependencias. Esta campaña conta co financiamento da Dirección Xeral de Saúde Pública, dependente da Consellería de Sanidade, e a súa guía, elaborada polo Centro de Información para a Muller, está traducida ao galego, inglés, francés e árabe. (Fonte: La Voz de Galicia).
24/01/2007
Unión Europea-Galicia
Denunciarán contaminación en Corcubión
O grupo de Esquerda Unida no Parlamento europeo elevará unha demanda á Comisión de Peticións da Cámara sobre o estado da contaminación na ría de Corcubión, que afecta aos mariscadores que non puideron traballar con regularidade nos derradeiros 25 anos. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Axencia Pesqueira para o 2008
O director executivo da Axencia Europea da Pesca, Harm Koster, explicou en Vigo que a Axencia estará lista nesta cidade para mediados de 2008, aumentando o seu persoal administrativo de 38 a 60 funcionarios e aplicando un orzamento de cinco millóns de euros para remodelar o edificio principal da Comandancia da Mariña. (Fonte: El Correo Gallego).

China
Delicias galegas para o mercado asiático
O Instituto de Comercio Exterior, ICEX, e a Federación de Industrias de Alimentación e Bebidas, FIAB, confirmaron durante a xuntanza do Consello Interterritorial de Internacionalización, a potenciación no mercado chinés das denominacións de orixe galegas en alimentos e viños. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Aumento das exportacións galegas
O conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, informou do crecemento nun 25,4% das exportacións galegas entre xaneiro e outubro de 2006, co cal a nosa Comunidade sitúase na cabeza a nivel estatal en volume de exportacións, cun 11,6%. O aumento do peso das exportacións galegas a nivel estatal (8,8%) foi cualificado por Fernández Antonio como un logro da internacionalización da empresa galega. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Promoven empresas ao exterior
A Cámara de Comercio de Ferrol destinará 300.000 euros ao longo do 2007 para a promoción de empresas ferrolás ao exterior. Entre as novidades, estará a súa participación na feira Norshipping en Oslo e a feira Expo Cihac en México. (Fonte: La Voz de Galicia).
23/01/2007
Acción Exterior
Beiras no Foro Social Mundial
Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre, asistiu ao Foro Social Mundial celebrado na cidade de Nairobi, Quenia. O ex portavoz nacional do BNG entrevistouse coa premio Nobel da Paz Wangari Maathai dentro do debate sobre a "cuestión nacional no movemento antiglobalización", e participou no Foro Parlamentario Mundial, paralelo ao FSM. (Fonte: www.vieiros.com).

Diáspora
Voto emigrante para o 2009
Os secretarios xerais de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera, presentaron un estudo de concentración de galegos no exterior, co que a Xunta pretende que o sufraxio se exerza nas mesmas condicións ca en Galiza nas vindeira eleccións ao Parlamento, que previsibelmente se convocarán en 2009. Un total de 220.570 galegos en 122 países poderían votar en urna nas eleccións autonómicas de celebrárense no momento actual, correspondendo a un 69,8% do numero total de inscritos no Censo de Residentes Ausentes, CERA, mentres un 30,2% (95.457), censados en núcleos de poboación con menos de douscentos galegos, terán que seguir a facelo por correo. (Fonte: www.vieiros.com e www.xornal.com).

Arxentina
Polémica co PSOE local
A delegación socialista en Bos Aires respondeu ás críticas do Partido Popular na que se acusou ao goberno bipartito da Xunta de haber “politizado a Fundación Galicia Emigración ao trasladar as súas actividades ás sedes do PSOE”. Os responsables socialistas negaron estas acusacións, argumentando saber de “irregularidades” cometidas durante o anterior goberno do PPdG na Xunta e por parte do seu responsable na entón consellería de Emigración, Aurelio Miras Portugal. (Fonte: www.xornal.com).

Suíza
Retorno de emigrantes galegos
A tenor da entrada en vigor o próximo 1 de xuño do acordo entre Suíza e dez países da UE (incluída España) sobre a libre circulación de persoas, miles de emigrantes galegos a este país centroeuropeo retornarán a Galicia, de forma pausada. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Negativo saldo do comercio exterior
Os dez primeiros meses de 2006 rexistraron un déficit exterior para Galicia de 1.061 millóns de euros, un dos peores saldos da balanza comercial na derradeira década. Os malos resultados no sector naval e os altos prezos do petróleo contribuíron a este rexistro histórico negativo. Non obstante, este rexistro non foi tan negativo comparado co ano 2005, calculado en 1.288 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Bruxelas debateu os voos ilegais da CIA
A escala no aeroporto de Peinador en Vigo dun voo ilegal da CIA o pasado 31 de agosto de 2005 foi obxecto de debate na Eurocámara, grazas ao informe do parlamentario italiano Claudio Fava. En total, calcúlanse en 125 os voos ilegais da CIA en Europa. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/01/2007
Emigración
Nacionalidade para os descendentes de galegos
A aprobación en novembro de 2006 do novo Estatuto da Cidadanía Española no Exterior permitirá a 150.000 descendentes de galegos que viven no exterior acceder á nacionalidade española a partires de 2007. Esta reforma, que entrou en vigor o 15 de decembro de 2006, permite axilizar o acceso á nacionalidade obviando o trámite do ano de residencia legal en España. (Fonte: La Voz de Galicia).

Emigración
Critican a nova lei de nacionalidade
A agrupación Fillos de Galicia, con 4.000 membros, criticou que o novo estatuto de cidadanía española excluirá a miles de netos de emigrantes galegos, debido a que só contempla legalizar aos fillos de emigrantes galegos, tanto por pai como por nai. O responsable de acción política deste colectivo, Daniel Tomé, criticou esta “inxustiza histórica” porque esta lei non toma en conta a netos de galegos que emigraron a finais do século XIX e comezos do XX. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Linguas
O gaélico por riba do galego
Os menos de 200.000 irlandeses que falan o gaélico gozan desde o pasado 1 de xaneiro de maiores dereitos lingüísticos que o millón e medio de persoas que falan o galego como lingua materna. O gaélico é lingua oficial dentro da UE, con rango similar ao español ou portugués, e superior ao catalán, éuscaro, galego e outras linguas europeas como o occitano, o frisón, o bretón ou o maltés. (Fonte: La Voz de Galicia).
21/01/2007
Solidariedade
Obradoiro sobre o Terceiro Mundo
A ONG “Jóvenes del Tercer Mundo” realizou en Santiago unha xornada sobre os “Obxectivos 2015: Campaña de sensibilización sobre os obxectivos de desenvolvemento do milenio”, defendidos pola ONU en materia de dereitos humanos, saúde, educación e pobreza. Paralelamente, coñeceuse que a capital galega será sede a finais de xaneiro, e por segundo ano consecutivo, do VIII Foro de ONGs, coa participación de 20 asociacións. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Aumento dos autónomos estranxeiros
Un estudo da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (FNATA), rexistrou un aumento de 14,41% dos traballadores inmigrantes por conta propia en Galicia, afiliados a esta organización entre decembro de 2005 e decembro de 2006. A orixe destes inmigrantes está repartido en partes iguais entre membros da UE e de países extracomunitarios. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Control para a man de obra estranxeira
A Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueira (AETINAPE) afirmou que as autoridades españolas deben “extremar ao máximo” os sistemas de inspección de traballadores do Terceiro Mundo, contratados por armadores galegos e estatais. Un total de 5.000 estranxeiros, dos que 4.000 procedes de países subdesenvolvidos, traballan na frota mercante e pesqueira española. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Expansión exterior de CaixaGalicia
Durante a Convención Comercial deste ente financeiro galego, o seu director xeral José Luis Méndez, anunciou a apertura de oficinas en China e Brasil, como parte da política de expansión exterior. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Sancións por contaminación das rías
A Comisión Europea abriu un expediente a España polos niveis de contaminación microbiolóxica detectados en diversas rías, principalmente nas rías baixas galegas entre Vigo, Soutomaior, Redondela, Cangas e Baiona. Bruxelas considera que estes problemas contaminantes están relacionados cos coliformes fecais existentes nestas rías. (Fonte: La Voz de Galicia).
20/01/2007
Diáspora
A notoria presenza empresarial galega
Segundo cálculos da Unión Xeral de Traballadores en Galicia, os emigrantes galegos rexentan na actualidade un total de 50.000 empresas por todo o mundo. O representante sindical José Antonio Gómez comparou a actual inmigración en España coa experiencia galega no século XX, principalmente entre 1946 e 1956, onde mais de 150.000 galegos emigraron a América Latina. A actual cifra de estranxeiros residentes en Galicia ocupa un total de 71.800 persoas, un 2,8% a nivel estatal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade
Material escolar para Afganistán
A unidade militar da Brilat enviou un total de 1.000 textos escolares, 175 taboleiros individuais e diversos lotes de material escolar, a un colexio na localidade de Chakarán no país centroasiático, dotados polo Pontevedra C.F. (Fonte: La Voz de Galicia).
19/01/2007
Diáspora
Voto en urna para o 2009
O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, expresou a disposición da Xunta de levar as urnas electorais aos centros de votación no exterior para as eleccións autonómicas do 2009, relevando con isto ao voto por correo ou “voto rogado”. Rodríguez explicou que este mecanismo é incompatible co novo Estatuto da Cidadanía Española no Exterior. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Indonesios na frota galega
Debido á falta de man de obra cualificada, os armadores galegos atoparon en Indonesia e outros países extracomunitarios a tripulación necesaria. Un total de 34 indonesios chegarán aos portos de Vigo, Celeiro e Burela, contratados pola empresa galega Fishing Work Corporation. (Fonte: La Voz de Galicia).
18/01/2007
Inmigración
Vigo atende inmigrantes
O Programa de Atención a Inmigrantes da asemblea comarcal de Vigo da Cruz Vermella atendeu no 2006 a un total de 392 persoas, 229 delas mulleres principalmente colombianas e bolivianas. Este programa facilita información e orientación aos inmigrantes sobre a súa situación legal, a tramitación de documentos e os recursos necesarios para solucionar as súas necesidades socioeconómicas. (Fonte: La Voz de Galicia).
17/01/2007
Solidariedade
Proxectos en Zambia
A fundación viguesa “Lusekelo”, en colaboración coa ONG “Mutende”, puxo en marcha unha serie de proxectos de diversificación agrícola e gandeira nas tribos nómades da zoa de Kassempa, ao norte de Zambia, preto da fronteira co Congo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Integración Plural
O colectivo inmigrante “Plural.es” creouse en Caldas de Reis, como un mecanismo de integración social para inmigrantes e emigrantes retornados. Na súa xunta directiva están integradas persoas de Ecuador, Arxentina, Venezuela, Brasil e Cuba. Esta asociación conta co apoio da concellería de Servizos Sociais, a cargo de Begoña Castro. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/01/2007
Unión Europea-Galicia
Denuncian perda de fondos europeos
O deputado do PPdG, Roberto Castro, denunciou que a Xunta non presentou un “balance real” ante Bruxelas dos danos causados polos incendios de agosto e as riadas de outono, co cal Galicia perdeu unha oportunidade de mobilizar maiores axudas do Fondo Europeo de Solidariedade. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Ecos para a integración
A ONG coruñesa “Ecos do Sur” comezou a impartir os cursos de español para inmigrantes coa finalidade de contribuír a súa integración social e laboral. (Fonte: La Voz de Galicia).
15/01/2007
Galicia
Perda de votos comunitarios
De cara aos comicios municipais de maio próximo, Galicia perdeu case un 8% dos votos de estranxeiros empadroados na nosa Comunidade con respecto aos comicios de 2003. Un total de 4.373 persoas de países pertencentes á UE mais Noruega poderán exercer o sufraxio nos próximos comicios. (Fonte: El Correo Gallego).
14/01/2007
Galicia
Rías Baixas internacional
Os viños con denominación de orixe Rías Baixas seguen a incrementar a súa presenza nos mercados internacionais, calculada nun 28% no 2006, cun amplo mercado exterior que inclúe a EEUU, Alemaña, Porto Rico e México, así como a participación en distintas feiras comerciais mundiais, como a do ICEX en China. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo
Prácticas no estranxeiro
A consellería de Innovación convocou seis bolsas de formación de expertos en turismo para centros en Londres, Frankfürt, Roma, Copenhague, Lisboa e o Centro Galego de Bos Aires. As bolsas se achegan aos 23.400 euros para un período de nove meses e medio. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Investimentos en plantas ornamentais
A empresa radicada en Tui, ONUSA , mercou unha zona de medio millón de metros cadrados no concello de Palmela, preto de Lisboa, para desenvolver os seus cultivos de plantas ornamentais. O investimento se achega aos 12 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
13/01/2007
Unión Europea-Galicia
Piden buque antiverquidos
O eurodeputado do PP, Daniel Varela, pediu á Comisión Europea en Bruxelas que promova unha nova licitación da Axencia Europea de Seguridade Marítima, para que outorgue a Galicia un buque antiverquidos, prometido tralo afundimento do Prestige. (Fonte: El Correo Gallego).

Sáhara
Auga para os saharauís
Un grupo da USC e a ONG “Enxeñeiros sen Fronteiras”, traballaron desde 2003 nun proxecto de mellora da rede hidráulica do campamento de refuxiados saharauís de Tindouf, en Alxeria. Este proxecto conta tamén coa colaboración da Xunta. (Fonte: El Correo Gallego).
12/01/2007
Turismo
Récord de visitantes a Compostela
No 2006, turistas de 138 países visitaron a capital galega, un total de 100.377 peregrinos de países tan distantes como Aruba e Turkmenistán, constituíndo un récord de afluencia de turistas, segundo a Oficina de Peregrinos de Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Galicia sen buque anticontaminante
A Axencia Europea de Seguridade Marítima, AESM, decidiu deixar fora á nosa Comunidade na segunda fase de contratación, iniciada en xuño pasado, para a construción de buques anticontaminación para a loita contra catástrofes marítimas. Portugal e Malta coparán os novos contratos. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/01/2007
Unión Europea-Galicia
A marxe de rede de distribución eléctrica
A pesar de xerar o 10% da electricidade que se produce en España, a Comisión Europea decidiu deixar fóra a Galicia no deseño da rede de distribución do mercado único da enerxía, na que se pretende basear a súa estratexia enerxética para o futuro. No novo plan presentado polo presidente da Comisión Europea, o portugués José Manuel Durão Barroso, se integrará o eixe eléctrico España-Portugal dende Porto ata Zamora, sen pisar o solo galego. (Fonte: La Voz de Galicia).
10/01/2007
Solidariedade
Libros para nenos latinoamericanos
A biblioteca municipal Varela Jácome de Lalín fixo un donativo de mil libros para nenos e nenas de América central e do sur, a traveso da campaña “+Cultura” organizada pola ONG Interlibros. Estas obras chegarán a países como Chile, Nicaragua, Ecuador e Honduras. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Modernización en infraestruturas
A Xunta acordou co Banco Europeo de Investimento, BEI, varias operacións crediticias por valor de 312 millóns de euros, para financiar a modernización de infraestruturas hospitalarias, autovías e apoio ás Pemes para o fomento da cultura emprendedora e a súa adaptación á globalización e a sociedade do coñecemento. Estes créditos se engadirán aos fondos europeos para Galicia no período 2007-2013. (Fonte: La Voz de Galicia).

Arxentina
Crearán instituto educativo
A consellería de Educación, en colaboración coa Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, OEI, creará un instituto para o desenvolvemento e a innovación educativa na Arxentina, coa finalidade de formar ao profesorado, promover a alfabetización, a formación profesional e a educación nos valores democráticos. Neste proxecto participan a dirección xeral de Cooperación Exterior da Xunta e o ministerio de Educación arxentino. (Fonte: La Voz de Galicia).
09/01/2007
Diáspora
Un 2007 para a emigración
O concello de A Estrada sinala 2007 como ano cultural da emigración, tomando como referencia o centenario da construción da escola de Rubín, financiada por sociedades estradenses da emigración. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia
Fondos FEDER para o tecido produtivo galego
Dende Bruxelas, o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, informou de que a Xunta investirá máis de mil millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, para promover e potenciar a sociedade do coñecemento, a mellora da competividade das empresas e o desenvolvemento do tecido produtivo en Galicia. Esta cantidade corresponde ao 40% dos fondos FEDER que recibirá Galicia ata o 2013. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sáhara
Denuncian diminución das achegas alimenticias
A Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí denunciou en Pontevedra que o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, ACNUR, baixou nun 40% as súas achegas alimentarias, prexudicando directamente á poboación civil saharauí. Pola súa banda, o goberno saharauí do Fronte Polisario informou da súa decisión de aumentar a 10.000 o número de estancias en Europa para os nenos en campamentos de solidariedade, co fin de facer fronte ás penurias que viven no deserto. (Fonte: La Voz de Galicia).
08/01/2007
Irlanda
Intercambio escolar
Os alumnos de 4º de ESO do Instituto santiagués “Rosalía de Castro” cursarán durante o mes de marzo nun centro de ensino en Irlanda, que permita tamén o aloxamento con familias irlandesas, coa finalidade de incentivar o coñecemento do idioma inglés. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Protocolo con Pescanova
O goberno portugués e a multinacional galega asinaron en Lisboa o protocolo para instalar en Portugal a maior planta acuícola de rodaballo do mundo, nun complexo de procesamento que dará traballo a 350 persoas. (Fonte: La Voz de Galicia).
07/01/2007
Marrocos
Abren planta de aluminio
O grupo Exlabesa, localizado en Padrón, abriu a súa planta de aluminio na localidade marroquí de Asilah, a 40 km. de Tánger, completando un proxecto de expansión exterior que anteriormente lles levara a Gran Bretaña e EEUU. No acto de apertura estivo presente o ministro marroquí de Exteriores e Cooperación, Mohammed Benaïssa. (Fonte: El Correo Gallego).

Marrocos
Abren planta de aluminio
A empresa galega Exlabesa abriu unha fábrica de aluminio na cidade de Asilah, entre Tanger e Rabat, ao norte de Marrocos, destinada á construción de maquinaria de transporte para infraestruturas. Esta planta constitúe a primeira fábrica de industria pesada promovida por unha empresa galega no país magrebí e conta cun investimento de oito millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/01/2007
Portugal
Ecoloxistas contra planta de Pescanova
O grupo ecoloxista portugués Quercus amosou a súa preocupación pola construción da factoría de rodaballo de Pescanova na localidade de Mira, no grupo rexional de Coimbra, por considerar que invade espazos da Rede Natura, sector ambiental defendido pola UE. O grupo non descarta accións legais ante as xustiza lusa e europea para frear a construción desta factoría. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Desmantelan rede internacional de droga
A policía nacional desmantelou unha rede internacional que introducía cocaína dende Colombia. Na operación foron detidos 16 galegos, entre eles un membro do clan dos Oubiña, así como un empresario de Bueu e un membro dun cartel colombiano. Paralelamente, a operación policial logrou frustrar o desembarco dun cargamento en Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Protesta por depuradora de Lagares
A Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo Cíes, integrada por cofradías de pescadores e mariscadores, os sindicatos CCOO e CIG e a Federación Veciñal, enviaron un informe medioambiental á Unión Europea denunciando o proxecto da Xunta e o concello vigués para saneamento integral do litoral a traveso da depuradora de Lagares. A Plataforma pide a Bruxelas que manteña as sancións económicas, que poderían alcanzar os 95 millóns de euros. Polo momento, obtivo a promesa de iniciar unha “investigación preliminar”. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/01/2007
Galicia
Cooperación en tecnoloxía nanométrica
Un grupo de investigación da USC desenvolverá un proxecto europeo en tecnoloxía nanométrica financiado pola UE, e coa colaboración das universidades de Creta, Tel Aviv, Nottingham, Técnica de Dinamarca, o Instituto francés Max von Laue-Paul Langevin, e duás empresas, unha suíza e outra sueca. O proxecto será por tres anos e terá un orzamento de dous millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Arxentina
Preocupa recorte de licencias nas Malvinas
As empresas pesqueiras galegas con intereses na Arxentina amosaron a súa preocupación pola decisión do goberno de Néstor Kirchner de recortar as licencias de pesca nas illas Malvinas e endurecer os controis sobre as compañías estranxeiras que operan no país. Estas compañías galegas son Freiremar, Pesmar, Pereira, Pescanova, Hio Pesca, Pescapuerta, Manuel Nores e Chymar. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/01/2007
Inmigración
Consello Galego de Inmigración
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou en Ourense que no primeiro trimestre de 2007 se realizará a primeira reunión deste organismo, coa finalidade de afondar no Plan Galego de Inmigración 2007-2010. Pola súa banda, o Instituto Galego de Estatística, IGE, anunciou que o número de inmigrantes na nosa Comunidade ascendeu a 71.796 persoas, principalmente procedentes de Portugal, Colombia, Arxentina, Marrocos, Uruguai, Brasil, Venezuela, Italia, Perú, República Dominicana, Cuba e Romanía. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Pescanova levará factoría
Segundo publicou o xornal portugués “Jornal de Notícias”, a maior factoría mundial de rodaballo se construirá na localidade lusa de Mira, cun investimento de 140 millóns de euros por parte de Pescanova, nun convenio asinado co Ministerio de Economía portugués que proporcionará un total de 200 postos de traballo na súa primeira fase. (Fonte: El Correo Gallego).

Afganistán
San Silvestre solidaria
Coincidindo coa Festa do Cordeiro do Islam, os soldados pontevedreses da Brilat repartiron douscentos quilos de carne entre familias da rexión de Herat (Afganistán) mentres organizaron unha carreira solidaria de San Silvestre no interior do acuartelamento. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Vigo perde poboación
Trala aprobación da nova Lei de Estranxería, a perda de poboación en Vigo calcúlase en 3.383 persoas provenientes de países extracomunitarios, os cales non renovaron o empadronamento na cidade nos dous derradeiros anos. Os concellos están obrigados a actualizar desde o 2005 o seu censo de estranxeiros. (Fonte: La Voz de Galicia).
03/01/2007
Portugal
Rescatados pescadores galegos
Dous pescadores galegos pertencentes a unha tripulación de seis persoas dun barco senegalés que se atopaba á deriva, foron rescatados a 270 millas ao oeste das illas das Flores, no arquipélago atlántico das Azores. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración
Lalín multicultural
Segundo datos do concello de Lalín, o número de habitantes estranxeiros nesta localidade ascendeu un 21,18% ata achegarse ás 944 persoas procedentes de 40 países, tales como Arxentina, Brasil, Colombia, Portugal e Alxeria. O concello iniciou unha campaña de promoción do empadronamento nesta localidade. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Fraga e as execucións na Arxentina
A CIG solicitará ao xuíz Baltasar Garzón para que impute ao suposto represor arxentino Rodolfo Almirón, detido en Valencia, e chame a declarar ao ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, pola implicación do primeiro nas execucións da banda Triple A, acusada de asasinar a 1.500 persoas na década dos setenta. Almirón instalouse en España, onde foi xefe de seguridade de Fraga cando este era presidente de Alianza Popular. (Fonte: La Voz de Galicia).
02/01/2007
Portugal
Éxodo médico galego
Segundo datos facilitados pola portuguesa Ordem dos Médicos, un total de 870 médicos españois, a maioría galegos, traballan en cinco distritos médicos do norte de Portugal. Pola súa banda, a Associaçao de Profissionais da Saúde Espanhóis en Portugal estima esta cifra en tres mil. No 2006, un total de 40 médicos galegos déronse de baixa profesionais para trasladarse a traballar en Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Un 2007 ambiguo
A pesa galega confróntase cun 2007 tan optimista como nefasto. O presumible regreso da frota galega ao caladoiro saharauí e a súa consolidación no Gran Sol están entre as noticias esperanzadoras. No apartado das malas noticias, estas diríxense ao futuro da frota nas augas da Organización de Pesquerías do Atlántico Norte, NAFO, e á posible confrontación con Canadá neste apartado. (Fonte: La Voz de Galicia).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Exportador, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia en el Mundo, Galicia Hoxe, Galicia Información, igadi.org, La Región, La Voz de Galicia, vieiros.com, xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2006: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2005: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/03/2007
Fernando Pol


Subir

   

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta