|
 |
| 31/12/2006 |
 |
Solidariedade
Comercio xusto en Vigo
A ONG Intermón Oxfam abriu unha
tenda de comercio xusto en Vigo, na que se poderán adquirir artigos de alimentación, téxtil,
decoración, bixutería e cosmética fabricados en 29 países de África, Asia e
América Latina. (Fonte: La Voz de
Galicia).
 |
| 30/12/2006 |
 |
Portugal
Temor na sanidade lusa
As autoridades do norte de Portugal advertiron
de consecuencias “catastróficas” para o sistema sanitario portugués se os médicos galegos
abandonan os seus centros de saúde. A consellería de Sanidade da Xunta convocou a 687 prazas para
facultativos, matronas e inspectores farmacéuticos, das que 585 corresponden a médicos especializados. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Pesca
Selo de calidade para o mexillón
galego
O Diario Oficial da UE elixiu como Denominación
de Orixe Protexida ao “Mexillón de Galicia”, sendo o primeiro produto pesqueiro europeo en alcanzar o selo
de calidade. Este premio para Galicia tivo o total apoio do comisario de Pesca, Joe Börg. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Pesca
Plan de saneamento para a ría
viguesa
A Xunta de Galicia e o Ministerio de Medio
Ambiente remitirán en febreiro a Bruxelas un plan de saneamento integral para a ría de Vigo, coa
finalidade de evitar a sanción económica da UE.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 29/12/2006 |
 |
Galicia-Deporte
Empate con Ecuador
No seu segundo partido na historia, a
selección galega de fútbol empatou a un gol coa súa similar de Ecuador, participante nos mundiais
de 2002 e 2006, ante 20.000 persoas no estadio Riazor de A Coruña. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 28/12/2006 |
 |
Galicia
Portal para os docentes no estranxeiro
A secretaría xeral de Política
Lingüística dotará dun espazo en Internet para os profesores bolseiros da lingua, literatura
e cultura galega que impartan clases nas 32 universidades de fóra da nosa Comunidade coas que a Xunta ten
convenios. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Equal Compostela Social
Vintetrés empresas, 18 delas formadas
por mulleres, comezaron a funcionar desde que en novembro de 2005 se inaugurara o proxecto Equal Compostela, unha
iniciativa da UE na que participa o concello compostelán e que busca a inserción laboral de mulleres,
inmigrantes, emigrantes retornados, desempregados e xóvenes, a traveso da creación de novas empresas. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 27/12/2006 |
 |
Cuba
A familia galega de Fidel
Marité López López,
prima segunda de Fidel Castro, estivo un mes en Cuba xunto a súa familia, e asegurou que a saúde
do líder cubano é estable. Outra das súas primas lucenses, Victoria López Castro, que
estivo en outubro na illa caribeña cunha delegación do Concello de Láncara, do que era orixinario
Ángel Castro, pai dos irmáns Castro, anunciou que a súa casa natal neste concello vai ser
remodelada. (Fonte: La Voz de Galicia).
China
Pezas galegas para o mercado chinés
A empresa galega Carral Marine Technology
comezou a venda de pezas a estaleiros chineses, para a construción de buques en Tianjin, Shanghai, Guangzhou,
Dalian e Hong Kong. Esta empresa ten clientes en 35 países, tales como Alxeria, Finlandia, Noruega, Chipre,
Italia, Gran Bretaña e Exipto. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 26/12/2006 |
 |
Galicia
Solidariedade europea cos incendios
Un total de dez países ofreceron
a súa colaboración nas labores de extinción e control dos incendios forestais rexistrados
en Galicia no mes de agosto de 2006. A Xunta só alcanzara reclamar a axuda a cinco países: Portugal,
Andorra, Francia, Marrocos e Italia, pola súa proximidade xeográfica. Pero, a nivel estatal, a axuda
ampliouse a Bélxica, Alemaña, Holanda, Suecia e a República Checa. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 25/12/2006 |
 |
Polonia
Apertura de empresa viguesa
Ingafor, especializada en formación
profesional, abriu unha sucursal en Varsovia, asesorada polo Instituto Galego de Promoción Económica,
IGAPE, dentro dun programa que inclúe a mellora da competitividade das empresas e administracións
públicas en materia de recursos humanos. A empresa elixiu este país do Leste por considerar que posúe
características similares á sociedade española.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 24/12/2006 |
 |
Unión Europea-Galicia
Plan de vixilancia para a ría
viguesa
A fin de evitar as sancións económicas
de Bruxelas, a Consellería de Medio Ambiente elaborou unha serie de plans de vixilancia para controlar os
vertidos contaminantes, tanto en orixe como no medio receptor, principalmente en actividades agroalimentarias,
acuícolas e de augas residuais urbanas.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 23/12/2006 |
 |
Inmigración
Convenio Xunta e medios de comunicación
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, e os directores dos diversos medios de comunicación existentes en Galicia asinaron un convenio
que os compromete nunha difusión positiva do fenómeno da inmigración e o seu impacto na sociedade
galega, desbancando os tópicos e resaltando os aspectos de “convivencia e respecto mutuo”. (Fonte: El Correo Gallego).
EEUU
Compra de multinacional do caviar
A empresa galega Stolt Sea Farm, líder
mundial na produción de rodaballo, pechou a compra dun 75% da multinacional estadounidense Sterling Caviar,
especializada na produción do esturión e caviar. Esta empresa, localizada en Sacramento, California,
é a maior produtora estadounidense e unha das principais do mundo. A compra obedece a un plan de ampliación
e diversificación produtiva por parte da multinacional galega.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 22/12/2006 |
 |
Unión Europea-Galicia
Luz verde para as axudas rexionais
A Comisión Europea aprobou o mapa
de axudas para as rexións autonómicas españolas máis desfavorecidas, previstas no período
2007-2013. Este mapa establece que un 59,6% da poboación vive nestas rexións menos desenvolvidas
socioeconomicamente, tal é o caso de Galicia.
(Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Inmigrantes emprendedores
Nos derradeiros tres anos, medio cento
de inmigrantes lograron consolidar os seus negocios en Vigo, grazas ao programa de formación creado pola
Fundación Galicia Emigración e impartido na Cámara de Comercio viguesa. Non obstante, a falta
de formación e de información sobre financiamento, constitúen os principais obstáculos. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 21/12/2006 |
 |
Arxentina
Construirán 20.000 vivendas
A construtora galega San José comezará
a construción de 20.000 vivendas, áreas de servizo, saúde e educación, nun terreo na
localidade de La Tablada, nas proximidades de Bos Aires, por medio dun investimento de 580 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 20/12/2006 |
 |
Economía
Crise asiática afecta valores
galegos
A caída dun 15% na bolsa de valores
de Tailandia, debido á restrición de movementos de capitais neste país, afectou as cotizacións
de cinco valores galegos, tales como Banco Pastor, Pescanova, Inditex, Unión-Fenosa e Zeltia, con investimentos
neste país asiático. (Fonte:
El Correo Gallego).
 |
| 19/12/2006 |
 |
Emigración
Medala de ouro da Emigración
O presidente da Deputación de A
Coruña, Salvador Fernández Moreda, recibiu de mans do ministro do Traballo e Asuntos Sociais, Jesús
Caldera, a medalla de ouro da Emigración, pola súa labor a favor dos cidadáns españois
e galegos residentes no exterior. O acto celebrouse na secretaría de Estado de Inmigración e Emigración. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 18/12/2006 |
 |
Cuba
Centenario da Unión Barcalesa
Os concellos de A Baña e Negreira
editaron unha colección de calendarios como anticipo do centenario da Unión Barcalesa da Habana,
que se conmemorará o 3 de novembro de 2007. Esta entidade conta con 300 socios na illa caribeña e
conta con sede no Centro Gallego e un panteón no cemiterio Colón. O seu papel foi importante sufragando
a construción de escolas parroquiais na comarca barcalesa.
(Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
 |
| 17/12/2006 |
 |
Inmigración
Marcha solidaria pola integración
Os escolares de trece colexios composteláns
e varios nenos inmigrantes celebraron o Día das Migracións cunha marcha baixo o lema “Os inmigrantes
veñen de moi lonxe, berra acólleos. Solidariedade”, destinada á promoción da integración
deste colectivo. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Danza por Etiopía
Coa colaboración do concello de
Cangas, a Escola de Danza Maite Quiñones ofreceu un espectáculo musical cuxos beneficios se enviarán
a proxectos en Etiopía por parte ONG “Save the Children”.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 16/12/2006 |
 |
Acción Exterior
Rede internacional de incubadoras
A USC e a Universidade de Barcelona impulsaron
unha rede internacional de incubadoras de empresas universitarias, na que se incluíron as universidades
de Sao Paulo (Brasil), Católica de Chile e o Instituto Tecnolóxico de Monterrey (México) Este
proxecto conta co patrocinio do Grupo Santander.
(Fonte: El Correo Gallego).
EEUU
Inditex inicia máis expansión
A multinacional de Amancio Ortega anunciou
a súa intención de abrir entre 8 e 10 tendas por ano no país norteamericano, dentro dun plan
de expansión comercial explicado polo director de Finanzas da compañía, Antonio Rubio, á
axencia informativa estadounidense Bloomberg.
(Fonte: El Correo Gallego).
Marrocos
Centros recreativos
A empresa coruñesa Fadesa e a marroquí
Grupo Vid alcanzaron un acordo de apertura de tres centros recreativos e oito integrados en varios complexos inmobiliarios
dese país. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 15/12/2006 |
 |
Economía
Plan para atraer investimentos
O conselleiro de Economía e Facenda,
José Ramón Fernández Antonio, realizou unha xuntanza con representantes dos sectores académico,
empresarial e tecnolóxico para analizar a iniciativa de apostar pola competitividade da empresa galega no
proxecto de expansión nos mercados exterior e de atracción dos investimentos estranxeiros a Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Promoción turística en
Xapón
A traveso da marca “España Verde”,
que integra a Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco, a promoción turística da nosa Comunidade
achégase a países como Xapón e Holanda, cun investimento valorado en máis de 800.000
euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Culpan ao concello vigués
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, responsabilizou ao Concello de Vigo da posible sanción de Bruxelas por mor da contaminación
da ría viguesa. Touriño culpou á alcaldesa Corina Porro de negarse a facilitar terreos no
lugar da depuradora. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 14/12/2006 |
 |
Unión Europea-Galicia
Denunciarán vertidos en Corcubión
O colectivo das mariscadoras de Corcubión
denunciarán ante a UE a contaminación “continua e crónica” da ría desde 2003, debido
aos vertidos de hidrocarburos e metais da empresa Ferrolatlántica. Esta denuncia provocaría outra
fronte xudicial en Bruxelas similar ao que ocorre coa ría de Vigo. (Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Pesca
Críticas a Noruega
O comisario europeo de Pesca, Joe Börg,
considerou inaceptable que Noruega impida o paso dos barcos galegos ao caladoiro ártico das illas Svalbard,
así como que aprese e impoña multas e fianzas, como sucedera cos barcos galegos “Arosa”. A declaración
de Bruxelas foi unha resposta á demanda presentada polo eurodeputado galego Daniel Varela. (Fonte: La Voz de Galicia).
China
Interese comercial con Vigo
O encargado económico e comercial
da embaixada de China en España, Yan Hui, visitou Vigo coa intención de rastrexar oportunidades de
negocio entre Galicia e o país asiático. O representante chinés amosou o seu interese no sector
da automoción, o granito e a pesca. Hui e unha delegación da rexión de Shaanxi entrevistáronse
coa cúpula directiva de ANFACO, o presidente do porto vigués, Francisco López e o máximo
directivo da Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP, José Manuel Fernández. En materia
pesqueira, Vigo intercambia anualmente un total de 70.000 toneladas con China. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Educación
Un millón de euros para Erasmus
A consellería de Educación
publicou a convocatoria de bolsas para estudantes galegos de Erasmus en diversas universidades de países
pertencentes á UE mais Suíza, cun orzamento de 1.096.846 euros. (Fonte: El Correo Gallego).
Cultura
Alianza de Cidades Santas
Os tres centros de peregrinación
da Cristiandade, Xerusalén, Santiago e Roma presentaron en Madrid a alianza “Cidades Santas Patrimonio da
Humanidade”, creada para colaborar en materia de conservación do patrimonio e promoción do turismo
relixioso. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 13/12/2006 |
 |
Galicia
A USC e o modelo “cuatrilingüe”
Xunto ao galego e o castelán, a
máxima universidade galega espera incentivar o ensino en inglés e portugués coa finalidade
de mellorar o coñecemento de linguas estranxeiras e atraer a estudantes do exterior que permitan a mobilidade
académica. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, espera que
esta iniciativa permita tamén o impulso de nexos coa Lusofonía e os países latinoamericanos. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Contra a fame no Níxer
A campaña “Restaurantes contra
a fame”, impulsada por doce establecementos hosteleiros en Santiago e a ONG “Acción contra el Hambre”, intenta
crear conciencia sobre a crise alimenticia no Níxer. A iniciativa busca recoller fondos para sufragar centros
alimenticios neste país africano.
(Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Tratamento informativo equitativo
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, propuxo no marco das xornadas “E-Inmigración”, sentar as bases para un maior tratamento
dos temas relativos á inmigración nos medios de comunicación galegos “sen caer nos tópicos”
e sen tratalo como un “problema”. (Fonte:
El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Emprazamento pola ría de Vigo
A Comisión Europea enviou a Madrid
unha carta de emprazamento por incumprir unha sentenza de condena por parte do Tribunal de Xustiza da UE, por manter
os niveis de polución superiores aos permitidos na ría de Vigo. Este paso antecede a un posible expediente
sancionador, debido a que Bruxelas considerou insuficiente o proxecto de saneamento presentado pola Xunta en xuño
pasado. (Fonte: La Voz de Galicia).
Cuba
Buscan dous emigrantes centenarios
Os xulgados de primeira instrución
de Negreira e Ordes manteñen abertos sendos expedientes de declaración de falecementos de dous galegos
que emigraron a Cuba na primeira metade do século XX. Son Maximino Guerra Martínez, nado en Brión
en 1900, e José Canedo Iglesias, nado en 1904 en Erviñou, no Val do Dubra. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 12/12/2006 |
 |
Turismo
Positivo Plan de Excelencia Turística
No marco da presentación dos primeiros
resultados do Plan de Excelencia Turística iniciado no 2001 polo ministerio de Industria, Turismo e Comercio,
a Xunta, o concello santiagués, a Asociación Hostaleira de Santiago e a Cámara de Comercio,
púidose coñecer o incremento dun 32% das prazas hoteleiras en Santiago así como a promoción
da capital galega como destino turístico en mercados tan diversos como Brasil, Xapón, China, Polonia
e África do Sur. (Fonte: El Correo
Gallego).
Unión Europea-Pesca
Galicia irá polos fondos pesqueiros
A conselleira de Pesca, Carmen Gallego,
e o responsable de Pesca Marítima, Juan Carlos Martín Fragueiro, aseguraron que a partida de 380,7
millóns de euros do Fondo Europeo de Pesca, permitirá a Galicia un incremento “no emprego e na riqueza”.
Entre 2007 e 2013, Galicia recibirá o 63% dos fondos pesqueiros europeos destinados ao Estado Español,
calculados nun total de mil millóns de euros para España.
(Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
 |
| 11/12/2006 |
 |
Brasil
Touriño viaxará en xaneiro
O presidente da Xunta realizará
en xaneiro de 2007 a súa primeira viaxe a Brasil, dentro da ampla axenda exterior impulsada pola presidencia
galega no 2006 e que levou a Touriño a Arxentina, Uruguai, Portugal, Suíza e Alemaña. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Medios e inmigración
As xornadas de E-in-migración realizadas
en Santiago reuniron a máis de 300 persoas nun debate sobre o tratamento dos medios informativos ao problema
inmigrante. Estas xornadas, organizadas polo Club Internacional de Prensa, a secretaría xeral de Emigración,
CaixaGalicia e a USC, permitiron a celebración de conferencias por parte de personalidades como o economista
Joaquín Estefanía e o correspondente británico John Lee Anderson. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Guantánamo en Vigo
Ruhal Ahmed e Shafiq Rasul estiveron detidos
na base militar de Guantánamo durante dous anos, tras ser liberados sen cargos no 2004. Ambos estiveron
en Vigo para contar a súa tráxica experiencia, no marco da celebración do Día Internacional
de Dereitos Humanos. Ahmed e Rasul estiveron invitados pola sección viguesa de Amnistía Internacional,
a cargo de Alberto Estévez. (Fonte:
La Voz de Galicia).
 |
| 10/12/2006 |
 |
Unión Europea-Galicia
De vagón a locomotora europea
Representantes do mundo empresarial, universitario
e institucional galego analizaron en Santiago as perspectivas económicas galegas dentro da UE para o período
2007-2013, coincidindo en apostar pola competitividade económica para converter a Galicia nunha rexión
achegadora de fondos europeos. Ata o 2013, Galicia percibirá 3.619 millóns de euros en fondos comunitarios. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Docentes e alumnos estranxeiros
Grazas aos programas da consellería
de Educación para a integración do alumnado estranxeiro, un total de 80 profesores galegos traballan
en centros docentes con alumnos inmigrantes e de minorías étnicas. Un total de 2,8% de alumnos en
centros galegos son de procedencia non española.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Festival da Lusofonía
Pontevedra inaugurou a Semana da Lusofonía,
con presentación de traballos, documentais, gastronomía e a música de países como Cabo
Verde, Brasil, Portugal, Mozambique e Guinea Bissau.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 09/12/2006 |
 |
Diáspora
Incremento de axudas ao exterior
A secretaría xeral de Emigración
aumentou de 300 a 700 euros as axudas individuais aos galegos no exterior, cun orzamento total de 1.640.000 euros,
un 10% máis que o ano anterior. Arxentina, Cuba, Uruguai, Venezuela, Brasil, Chile e México son os
principais beneficiados, nos que se inclúen, por vez primeira, os galegos vítimas das ditaduras militares
arxentina e chilena. (Fonte: El Correo Gallego).
Arxentina
Inauguran congreso da mocidade emigrante
O Primeiro Congreso de Xóvenes
descendentes de Españois foi inaugurado en Bos Aires, coa presenza de Miguel Cortizo, embaixador en misión
especial para as relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica, e Obdulia Taboadela,
subdelegada do goberno en A Coruña.
(Fonte: El Correo Gallego).
Palestina
A Coruña inviste en solidariedade
internacional
O concello coruñés destinará
un total de 170.000 euros en cooperación internacional, na que destaca a creación dunha oficina de
emprego en Cisxordania, valorada en 10.000 euros. Esta cantidade se achegará a traveso do comité
español da Axencia da ONU para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo, UNRWA polas súas
siglas en inglés. (Fonte: La Voz
de Galicia).
 |
| 08/12/2006 |
 |
Inmigración
Bolsas para nenos inmigrantes
Un total de sesenta nenos inmigrantes
solicitaron ao concello de Santiago o programa de bolsas escolares, en base á gratuidade ou non dos libros
de texto. A concelleira de Emigración, Teresa Regúlez, explicou que Arxentina, Venezuela e Colombia
son os principais países de orixe destes nenos.
(Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Nenos estranxeiros en Santiago
Nos trece colexios privados da capital
galega están matriculados un total de 155 nenos inmigrantes, mentres nos institutos públicos se atopan
un total de 116. Nos 12 institutos de secundaria, están 200 nenos estranxeiros, sumando un total de 471
estudantes inmigrantes. Os países de orixe son Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Ecuador, Irán,
Marrocos, Paraguai, República Dominicana, Venezuela, Chile, Uruguai, Xordania, Tailandia, Honduras, Filipinas,
Perú e Andorra. (Fonte: La Voz de
Galicia).
Emigración
CaixaGalicia cos emigrantes
Trala inauguración da súa
sucursal en Panamá, o director xeral da entidade financeira galega, José Luis Méndez, informou
da futura apertura dunha plataforma con sede en Miami para prestar servizos aos mais de 600.000 emigrantes galegos
en América Latina, iniciativa intengrada no plan de expansión previsto para os próximos anos. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Carbón surafricano para Galicia
Segundo un plan elaborado por Unión-Fenosa,
a central coruñesa de Meirama recibirá carbón deste país africano, trala subscrición
dun acordo a traveso da súa filial Limesa coas empresas Kankra Group e Shanduka por valor de 136 millóns
de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 07/12/2006 |
 |
Polonia
A Pastoriza achégase a Lublin
O instituto da poboación lucense
de A Pastoriza participou xunto a outros dous institutos italiano, polaco, checo e portugués nun programa
europeo denominado “European Popular Culture for the Future”, na que visitaron a localidade polaca de Lublin, preto
do mar Báltico. Nesta visita aproveitouse a xuntanza entre directores e coordinadores do proxecto educativo
europeo “Sócrates-Comenius”. Anteriormente, alumnos e profesores deste instituto lucense visitaron Nova
York. (Fonte: La Voz de Galicia).
Palestina
Amizade galega con Israel
A asemblea constituínte da Asociación
Galega de Amizade con Israel (AGAI) elixiu ao vigués Pedro Gómez-Valadés González,
do BNG, como primeiro presidente desta asociación plural que integra dirixentes, militantes e simpatizantes
de diferentes formacións políticas que defenden o dereito do pobo de Israel a un Estado seguro e
recoñecido internacionalmente ao lado doutro Estado palestino.
(Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 06/12/2006 |
 |
Inmigración
Senegaleses con sede propia
A Asociación de Senegaleses de
A Coruña (ASESER), inaugurou o seu local para incluír servizos como clases en castelán, campañas
de sensibilización e orientación sobre o mercado de traballo e aluguer de vivendas. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Galicia
Estudarán danos dos incendios
e das riadas
A petición do eurodeputado Daniel
Varela, a comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner, afirmou que a Comisión Europea
estaría disposta a analizar se os danos causados polos incendios no pasado verán e polas riadas nas
derradeiras semanas en Galicia, poderán ser incluídas conxuntamente na obtención das axudas
do Fondo Europeo de Solidariedade. (Fonte:
AGN).
 |
| 05/12/2006 |
 |
Inmigración
Lugo aposta pola integración
O Instituto Lucense de Expresión
e Arte, ILEA, comezou a ofrecer cursos en galego aos inmigrantes que habitan nesta provincia, grazas á axuda
de profesores de Filoloxía da USC, a Deputación e o goberno provincial, destinados a favorecer a
integración social e laboral do colectivo estranxeiro.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Diáspora
Analizan o voto en urna
O secretario xeral de Emigración,
Manuel Luis Rodríguez, asegurou que a Xunta está realizando un estudo sobre demarcacións consulares
e a súa poboación para contar cos datos que permitan que os emigrantes galegos no exterior poidan
votar en urna. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Santiago como capital comercial
Turgalicia e a concellería de Promoción
Económica santiaguesa iniciaron os preparativos para a promoción de Santiago como cidade de compras
no ámbito galego e do norte de Portugal. O convenio está establecido en mais de 100.000 euros. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 04/12/2006 |
 |
Galicia
Mesmo horario con Portugal
Durante a asemblea xeral do BNG en Santiago,
o pleno aprobou unha emenda na que pide á Xunta que traballe para adaptar o horario galego a súa
hora natural, a mesma que en Portugal, Gran Bretaña e Canarias, así como tamén para destinar
un 0,7% do orzamento á cooperación exterior ao desenvolvemento. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 03/12/2006 |
 |
Portugal
Advirten retrasos no AVE
O presidente do PPdG, Alberto Núñez
Feijoo, asegurou que os continuos retrasos na construción do AVE Vigo-Porto non se deben á crise
financeira portuguesa senón a “un pacto entre os gobernos socialistas de Zapatero e José Sócrates”
para darlle maior prioridade ao AVE Madrid-Lisboa. Núñez Feijoo realizou estas declaracións
durante unha xuntanza co vicepresidente do partido portugués PSD, Agostinho Branquinho, no marco da reunión
das áreas metropolitanas da eurorrexión.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 02/12/2006 |
 |
México
Galegos co Príncipe Filipe
Os presidentes dos centros galegos de
México D.F e Guadalaxara, Luis Piñeiro Gil e Fernando Vaqueiro Cabo, encabezaron a delegación
da comunidade galega que recibiu ao príncipe Filipe de Borbón na residencia da embaixada española
na capital mexicana. O Centro Gallego de México ten un total de 5.000 asociados. (Fonte: www.xornal.com).
Economía
Caixa Galicia abre oficina en Miami
A entidade financeira galega abriu unha
oficina nesta cidade estadounidense como parte dun proceso de expansión por Centroamérica que inclúe
visitas a Panamá e México. No continente americano, Caixa Galicia posúe representacións
en México, Arxentina e Venezuela.
(Fonte: www.xornal.com).
 |
| 01/12/2006 |
 |
Acción Exterior
Confirman a primeira delegación
da Xunta
O presidente da Xunta, Emilio Pérez
Touriño, confirmou a Bos Aires como a sede da primeira delegación do goberno galego no exterior,
durante a formalización do proceso de apertura e regulación de sedes da Xunta no estranxeiro. Estas
sedes estarán adscritas a Presidencia e terán como representante a unha persoa elixida polo Executivo
galego. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Pesca
Acordo con Cabo Verde
Un total de 43 buques galegos veranse
beneficiados polo acordo pesqueiro co país africano, aprobado no Parlamento europeo, que permitirá
a pesca de atún nos caladoiros do arquipélago caboverdiano. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Pesca
Pasaporte verde para os buques
O director xeral da Consellería
de Pesca, Miguel Ángel López, valorou a intención de Bruxelas de promover un pasaporte verde
para os buques, que podería garantir a súa reciclaxe en estaleiros con garantías medioambientais.
López tamén asegurou que, nos derradeiros anos, e con axuda dos fondos europeos, Galicia desmantelou
mais de 300 buques pesqueiros. (Fonte: La
Voz de Galicia).
Unión Europea-Política
Defenden o ingreso rómano
O eurodeputado galego polo PP, Francisco
Millán Mon, defendeu no Parlamento europeo o ingreso de Romanía na UE, previsto para o próximo
mes de xaneiro de 2007, considerando os “progresos” que efectuara este país do Leste para a súa integración
nas institucións europeas. (Fonte:
El Correo Gallego).
Unión Europea-Galicia
Nova política laboral
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela,
levou ante o comisario europeo de Emprego, Vladimir Spidla, o seu novo plan de política laboral onde enfoca
a necesidade de defender un novo modelo social en Europa e os retos que significan a mundialización económica
e o envellecemento da poboación.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galicia
Investigan contaminación do Polonio
210
Cristina López, de 31 anos, oriúnda
de Porriño, foi sometida a probas médicas para coñecer se foi contaminada polo axente radioactivo
Polonio 210, que propiciou a morte do ex espía ruso Alexander Litvinenko. López traballou durante
cinco días nas oficinas londinienses do magnate ruso Boris Berezovski, quen fora ameazado de asasinato polos
servizos secretos rusos, polo que as autoridades británicas atoparon restos do Polonio nestas oficinas. (Fonte: Faro de Vigo).
Galicia
Apoio ao Curdistán
No marco do encontro de fútbol
da Copa UEFA entre o Celta de Vigo e o Fenerbahçe turco celebrado no estadio de Balaídos, os seguidores
mais radicais do Celta mostraron unha ampla pancarta que rezaba: “Liberdade para o Curdistán”. A masiva
protesta dos seguidores turcos nas gradas e dos directivos dese club ante os representantes galegos estivo a piques
de provocar un conflito diplomático.
(Fonte: Faro de Vigo).
Inmigración
Pouco emprego inmigrante
Segundo un estudo da Universidade Autónoma
de Barcelona, na nosa Comunidade un 7%,4% os novos empregos están ocupados por inmigrantes, unha porcentaxe
das mais baixas a nivel estatal. (Fonte:
www.vieiros.com).
|