Diario Exterior / xullo de 2006

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

31/07/2006
Turismo
Acordo de colaboración
O Instituto de Desenvolvemento Ourensán, INORDE e a Axencia de Desenvolvemento Turístico de Polonia acordaron desenvolver proxectos conxuntos en materia transfronteiriza, en colaboración con outras entidades de Portugal e Irlanda, coa finalidade de acceder aos fondos europeos para o período 2007-2013. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
O IGAPE axuda aos armadores vigueses
Unha resolución do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, permitirá aos armadores vigueses con flota no caladoiro do Gran Sol, contar coas axudas oficiais para a compra de mais dereitos de pesca e incluso embarcacións nesta zona comunitaria, a fin de evitar a súa marcha a outras rexións como América Latina e África. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Crecen inmigrantes en Vigo
As derradeiras estatísticas do INE amosan cómo a comunidade inmigrante en Vigo ascendeu de 4.485 no 2001 ata os 11.571 no último padrón do 2006. Os inmigrantes arxentinos constitúen a maioría, seguidos de colombianos, peruanos, ecuatorianos e bolivianos. Tamén se atopan cidadáns europeos de Italia, Reino Unido, Alemania e Francia. (Fonte: Faro de Vigo).
30/07/2006
Portugal
Memoria urbana lusa
O Colexio de Arquitectos de Santiago acolleu unha exposición de 6.000 obras de arquitectos portugueses do século XX, concibido pola Ordem de Arquitectos de Portugal co apoio da UE dentro do proxecto “IAP XX Inquérito à Arquitectura do Século XX em Portugal”. (Fonte: Faro de Vigo).

Inmigración
Integración para nenos inmigrantes
Un Programa de Integración organizado polo concello de Santiago permitirá a 20 nenos de Arxentina, Romanía, Uruguai e Venezuela participar nunha serie de actividades culturais que lles permitan afondar na súa integración coa sociedade galega. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Critican a Cidade da Cultura
O diario alemán “Süddeutsche Zeitung” publicou na súa edición do 7 de xullo un amplo reportaxe sobre a utilidade da Cidade da Cultura, complexo iniciado no período de Manuel Fraga e baixo a dirección do arquitecto Peter Eisenman, a quen o diario bávaro xa dirixira as súas críticas pola súa obra do Museo do Holocausto. O artigo escrito polo xornalista Merten Worthmann se titula “A ambición é unha obra” e sinalada que a Cidade da Cultura “é demasiado grande, demasiado cara e demasiado falta de contido”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración
Portugal domina en Ourense
Portugal segue a ser o país con maior continxente de inmigrantes na provincia de Ourense, ocupando a terceira parte dos 12.018 estranxeiros. Colombia, Brasil, Venezuela, Arxentina, Romanía, Italia e Francia seguen na lista, na que se engaden China e Australia como os de menor cantidade. (Fonte: La Voz de Galicia).
29/07/2006
Fondo Galego de Cooperación
Solidariedade co Sur
Catro empregados dos concellos de Noia, Culleredo, Neda e o Consorcio das Mariñas viaxarán en agosto a Nicaragua e Cabo Verde para promover actividades de colaboración en sensibilización, dentro do programa “Vacacións con Traballo”, presentado en Santiago polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio do IGADI e a Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Pescanova compra grupo francés
A empresa galega comprou a totalidade das accións do grupo galo Ceabel SAS, líder no seu mercado de lagostino e marisco. Esta operación podería supoñer ao grupo galego superar a barreira dos mil millóns de euros de facturación, así como aumentar a súa cota de mercado en Francia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Estranxeiros con cursos de galego
A Facultade de Filosofía da USC foi o escenario da entrega de diplomas correspondentes aos Cursos de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros, onde 1.800 persoas de 23 países tanto en Europa e América Latina como en lugares tan distantes como India, Corea do Sur e Xapón. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/07/2006
Inmigración
Creado o Consello da Inmigración
A Xunta aprobou a constitución do Consello Galego de Inmigración, órgano colexiado e consultivo que dará voz aos inmigrantes e promoverá políticas de convivencia para facilitar a integración das comunidades inmigrantes en Galicia. Este organismo estará constituído por unha presidencia, vicepresidencia, secretario e 34 vocais, 16 por parte da administración e 18 das asociacións de inmigrantes. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Aprender novos idiomas
Un total de 294 alumnos do cuarto curso de ESO viaxarán a Francia, Gran Bretaña e Irlanda para o perfeccionamento das linguas estranxeiras, grazas ás axudas convocadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os lugares de destino serán Chambéry e Burdeos (Francia), Dublín e Pace (Irlanda) e Worthing (Reino Unido). (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Noruega reduce multa
O xuíz da localidade noruega de Trömso decidiu reducir a multa de 9 a 3,6 millóns de euros aplicada á empresa galega Transpesca, pola presunta pesca ilegal dos tres barcos galegos nas augas do caladoiro de Svälbard. (Fonte: El Correo Gallego).
27/07/2006
República Dominicana
Ratifican irmanamento
O alcalde da cidade dominicana de Santiago de los Caballeros, José Henríquez Sued, se reuniu no pazo de Raxoi co seu homólogo compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, para ratificar o acordo de irmanamento entre ambas cidades subscrito en novembro de 2005. O convenio contén aspectos culturais, económicos, turísticos e patrimoniais. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Técnica italiana para restaurar
Os expertos do Opificio de le Pietre Duce de Florencia, un dos máis prestixiosos institutos mundiais en materia de restauración, estarán en Compostela para traballar nos nove retablos da capela das Ánimas, supervisado pola Dirección Xeral de Patrimonio e cun orzamento de 15.000 euros. (Fonte: El Correo Gallego).
26/07/2006
Pesca
Noruega multa a barcos galegos
Un tribunal do país nórdico aplicou unha multa de 9 millóns de euros á empresa galega Transpesca, propietaria dos buques detidos Arosa Nueve, Arosa Doce e Arosa Quince. Representantes da empresa consideran esaxerada a multa e aseguran que a policía noruega non demostrou a sobrepesca e que existe un desfase de corenta toneladas. (Fonte: El Correo Gallego).

Uruguai
Cooperación enerxética
Galicia e Uruguai asinaron un protocolo de cooperación en materia enerxética e comercial, na que o goberno do país suramericano recibirá a experiencia do Instituto Enerxético de Galicia, INEGA, en canto ao fomento de recursos enerxéticos renovables. O acordo foi asinado polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o ministro de Industria, Enerxía e Minas de Uruguai, Jorge Lepra. No mesmo sentido, se espera que este convenio permita unha maior sincronización entre os empresarios galegos e uruguaios. (Fonte: El Correo Gallego).
25/07/2006
Inmigración
Inmigrantes nivelan o índice de poboación
Un 2,6% dos cidadáns de Galicia son inmigrantes, moi por debaixo da media estatal localizada en 8,7%, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, INE. A maioría desta inmigración ven de Portugal, compensando o baixo índice de natalidade en Galicia, cuxa cifra está en 0,07%. Pontevedra lidera o incremento da poboación mentes Lugo e Ourense seguen a despoboarse. (Fonte: www.vieiros.com).

Galicia
Conmemoran o I Congreso da Emigración
No marco do Día Nacional de Galicia, a secretaría Xeral de Emigración e a de Comunicación conmemoraron no Museo do Pobo Galego en Santiago o cincuenta aniversario do I Congreso Galego da Emigración, celebrado en Bos Aires, onde brotaron os ideais galeguistas, progresistas e democráticos. No acto estivo presente Xosé Neira Vilas, un dos principais organizadores do congreso en 1956. (Fonte: El Correo Gallego).
24/07/2006
Galicia
Festival de Danza multicultural
Unha media ducia de agrupacións de Filipinas, Serbia, Galicia, Asturias e Cataluña participarán en agosto na vixésima edición do Festival Internacional de Danza a celebrarse en Monterroso, por parte da Asociación Cultural Falcatrueiros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Unha web para unir familias
A asociación cultural Fillos de Galicia ofrece na súa páxina web (www.fillos.org) permitiu desde 1997 o reencontro dunhas 40 familias da emigración galega, grazas aos esforzos do seu fundador, Manuel Casal Lodeiro. A iniciativa permite á web constituírse como o maior centro galego virtual. (Fonte: El Correo Gallego).
23/07/2006
Pesca
Recorte para a frota en Mauritania
Os 39 buques galegos que fanan nas augas do país africano verán recortados nun 30% as posibilidades de capturas de cefalópodos, segundo o acordo asinado polo goberno mauritano e a UE. Este acordo terá unha duración de seis anos e entrará en vigor o 1 de agosto. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Denuncian estratexia contra a pesca galega
O presidente da Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros, Aetinape, José Manuel Muñiz Ríos, denunciou en Vigo que Noruega e Rusia formulan unha estratexia para expulsar aos buques galegos do caladoiro de Svälbard e “repartirse o botín do bacalao”. (Fonte: El Correo Gallego).

Venezuela
Canle para títulos de conducir
O senador socialista Cándido Rodríguez anunciou en Ourense a entrada en vigor do convenio subscrito entre Venezuela e España para o canle dos permisos de conducir, unha das principais demandas realizadas polos emigrantes venezolanos en Galicia e outras partes do Estado español. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Pereiro, segundo no Tour de Francia
O ciclista galego Óscar Pereiro, alcanzou o segundo lugar no prestixioso Tour de Francia, por detrás do estadounidense Floyd Landis. A localidade pontevedresa de Mos, onde é natural Pereiro, recibiu ao ciclista coa presenza das principais autoridades galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
22/07/2006
Galicia
A necesidade de médicos estranxeiros
A pesares de contar con 10.000 médicos no sistema de sanidade, a emigración de varios deles de Galicia propicia a chegada de profesionais de países como República, Checa, Polonia, Arxentina, México ou Portugal. A razón da fuga de médicos galegos débese á falta de emprego estable e as precarias condicións de traballo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Pesca
Galicia e o acordo con Marrocos
Só 22 embarcacións galegas das 70 que solicitaron acollerse ao novo pacto se beneficiarán do novo acordo de pesca entre Bruxelas e Marrocos. O BNG denunciou que este acordo é insuficiente para a pesca galega. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
“A Voz do Emigrante”
O autor e editor galego Olegario Sotelo Blanco presentou en Ourense o seu libro “A Voz do Emigrante”, no que se resume unha serie de entrevistas con emigrantes galegos, principalmente de América. O autor explicou que este esforzo intenta converter o libro nunha especie de “voceiro dos emigrantes galegos espallados polo mundo”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Palestina
Solidariedade con Palestina e o Líbano
A Confederación Intersindical Galega, CIG, realizou unha concentración na praza de Galicia en Santiago para apoiar aos pobos palestino e libanés “da agresión armada que están a sufrir” por parte do Estado israelí e “esixir o cese inmediato das hostilidades”. (Fonte: La Voz de Galicia).
21/07/2006
Galicia
Rexeitan apertura de As Cancelas
Os propietarios comerciais do casco histórico de Santiago e a organización Compostela Monumental enviaron unha carta ao Parlamento europeo, solicitando a súa axuda para evitar a apertura da gran superficie de As Cancelas, por considerar que provocará un grave dano medioambiental e socioeconómico. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Bandas criminais se citan en Galicia
Segundo fontes do recen creado Grupo de Localización de Fuxitivos, diversos capos das mafias estranxeiras realizan numerosos contactos en cidades galegas como Vigo, Pontevedra, Lugo e A Coruña, especialmente de orixe portugués, albanokosovar italiano, latinoamericano e de Europa do Leste. O caso máis emblemático foi a captura en Sitges do capo da camorra napolitana, Rispoli, quen vivía luxosamente en Vigo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima
Regresan mariñeiros galegos dende Noruega
Nove dos oitenta tripulantes dos tres barcos galegos apresados no país nórdico por presunta pesca ilegal regresaron a Galicia, a traveso do aeroporto de Peinador en Vigo. Os mariñeiros consideraron sentirse abandonados por parte do goberno español. Pola súa banda, o PpdG acusou ao BNG de “falta de sensibilidade” de cara aos barcos galegos apresados en Noruega. (Fonte: Faro de Vigo e www.xornal.com).

Unión Europea-Galicia
Piden que se aclaren os Fondos Europeos
O deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, pediu ao goberno estatal que aclare e explique o volume de Fondos de Cohesión Europeos que percibirá Galicia durante o período 2007-2013. (Fonte: Axencia Galega de Noticias).

Uruguai
Promoción da Galicia turística
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, estivo de visita oficial no Uruguai na presentación da exposición 'Galiza en cartel. A imaxe de Galiza na cartelería turísica', dentro da campaña de promoción turística de 'Galiza 2006'. O ministro tamén realizou encontros coas autoridades e representantes dos operadores turísticos, comerciais e industriais do país suramericano. (Fonte: www.vieiros.com).
20/07/2006
Unión Europea-Galicia
A xuventude española, en mas galegas
A nosa Comunidade asumiu ante o Consello Europeo a representación das autonomías estatais en materia de Xuventude, trala xuntanza do director xeral de Xuventude, Rubén Cela, co seu homólogo catalán e antecesor neste cargo comunitario, Olivié Bayón. Despois de Cataluña e Madrid, Galicia é a terceira comunidade en asumir esta función. (Fonte: El Correo Gallego).

Uruguai
Campaña para censar
O consulado en Santiago deste país suramericano anunciou unha campaña para que os seus cidadáns residentes en Galicia se inscriban no censo coa finalidade de crear un consello consultivo. Pola súa banda, a concellería de Inmigración santiaguesa recordou aos estranxeiros que deben renovar a súa inscrición no padrón cada dous anos. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima
Protesta ante embaixada noruega
Medio centenar de familiares dos tripulantes dos tres barcos galegos “Arosa 9”, “Arosa 12” e “Arosa 15”, apresados pola Mariña do país nórdico por presunta pesca ilegal, protestaron fronte á empresa propiedade do seu cónsul honorario en Vigo. (Fonte: La Voz de Galicia).

EEUU
Estrearán filme galego
A finais de xullo, o filme de produción galega “La casa de mi abuela”, se converterá no primeiro documental en comercializarse nos EEUU, a exhibirse no Music Hall de Os Ánxeles e unha serie de proxeccións en varias cidades deste país durante os próximos catro meses. (Fonte: La Voz de Galicia).

Brasil
Interese polo modelo urbano santiagués
Os responsables de urbanismo das cidades brasileiras de Olinda e Juiz de Fora, amosaron o seu interese polo modelo de rehabilitación do centro histórico de Santiago, tralo encontro mantido pola concelleira de Casco Histórico, Mercedes Rosón, e o arquitecto municipal compostelá, Javier Fernández. (Fonte: La Voz de Galicia).
19/07/2006
Diáspora
Descubre a túa orixe
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recibiu a un primeiro grupo de fillos e netos de emigrantes galegos no Parque Natural de Corrubedo (Ribeira), como parte do programa “Descubre a túa orixe”. Este plan organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral de Emigración, permitirá a 320 mozos de países de Europa e América Latina, principalmente Arxentina, Uruguai e Brasil, realizar unha estadía temporal en Galicia e, incluso, animarlles a participar no programa de bolsas universitarias’. (Fonte: El Correo Gallego).

Téxtil
Inditex enfoca ao exterior
A Xunta de accionistas da multinacional coruñesa presentou o seu balance 2005, coa finalidade de orientar a súa superficie comercial cara o exterior, especialmente Asia, Europa e América. O sector exportador rexistra o 43% da dos beneficios de Inditex e se espera incrementar nun 70% a súa presenza na rexión de Asia-Pacífico, así como consolidar a súa posición en países como Italia. (Fonte: El Correo Gallego).

Noruega
Inician descarga de barcos galegos
As autoridades do país nórdico procederon a realizar no porto de Trömso a descarga do pescado almacenado nos barcos galegos “Arosa Quince” e “Arosa Doce”, apresados por presunta pesca ilegal nas súas augas. A armadora viguesa Transpesca, propietaria dos barcos, pediu apoio urxente a Madrid. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Medidas contra Libia e Grecia
O deputado do BNG, Manuel Parga, presentou unha iniciativa ao Parlamento galego para aplicar medidas do bonito importado de países como Libia e Grecia, ante la caída dos prezos por parte das produtoras galegas deste peixe. (Fonte: El Correo Gallego).
18/07/2006
Diáspora
Superioridade dos retornados europeos
Por vez primeira, no 2005 os emigrantes galegos retornados de países europeos como Suíza, Alemania, Francia e o Reino Unido superan aos seus similares suramericanos, principalmente porque a recuperación económica de países como Uruguai e Arxentina logrou frear este éxodo emigrante. Segundo estatísticas presentadas polo secretario xeral de Emigración Manuel Luís Rodríguez, este retorno de emigrantes dende países europeos se localizou en 56,32% co respecto ao 36,58% dos países latinoamericanos. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Google e o “Ferrol del Caudillo”
O deputado do BNG, Francisco Rodríguez, denunciou que a multinacional informática Google aínda emprega o toponímico “El Ferrol del Caudillo” no seu programa Google Earth, consultado por millóns de persoas no mundo e que se utiliza para localizar núcleos de poboación. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
China domina as adopcións
O país asiático puntea o número de adopcións realizadas en Galicia no 2005. Das 291 adopcións, 137 chegaron dende China e cara este país se dirixen a maior parte das solicitudes de adopción, segundo Marisa Vázquez, da axencia de intermediación coruñesa ACI. (Fonte: La Voz de Galicia).
17/07/2006
Arxentina
Mes de Galicia
Durante todo o mes de xullo, e por vez primeira, todas as institucións das que forma parte a colectividade galega en Bos Aires celebrarán unha homenaxe á súa terra de orixe. Neste evento participan o Centro Gallego, a Federación de Sociedades Gallegas, a Unión Federación de Sociedades Gallegas, o Centro Galicia, e outras entidades culturais e sociais. (Fonte: El Correo Gallego).
16/07/2006
Marítima
Apresan barco galego con inmigrantes ilegais
As autoridades de Malta arrestaron ao pesqueiro Francisca Catalina, con base en Alacante e tripulantes galegos, o cal rescatou a 51 inmigrantes e sen deixalos acercarse á terra. (Fonte: El Correo Gallego).
15/07/2006
Pesca
Noruega apresa dous barcos galegos
Os pesqueiros Arosa Doce e Arosa Nove foron apresados pola garda costeira do país nórdico, dentro da zoa de protección de Svälbard, por suposta pesca ilegal. Este suceso se engade á detención do Arosa Quince a principios de xullo. (Fonte: El Correo Gallego).

Mercosur
A pesca no tratado comercial
Dentro do futuro tratado comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, os deputados socialistas galegos Antolín Sánchez Presedo e Javier Moreno Sánchez, membros da Comisión de Comercio Internacional, defenderon a posibilidade de incluír unhas 17 emendas dentro do novo acordo comercial, tales como a pesca galega. (Fonte: El Correo Gallego).

Brasil
Un libro sobre a emigración galega
A editorial 3C3 publicará o libro de Erica Sarmiento “O outro Río. A emigración galega a Río de Xaneiro”, gañador do premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, onde se realiza un percorrido pola emigración galega, principalmente da Terra de Xallas, a esta cidade brasileira. (Fonte: El Correo Gallego).
14/07/2006
Sáhara
Ames e Cee reciben aos nenos saharauís
A Corporación Municipal de Ames recibiu a dous nenos saharauís e unha nena rusa da zoa de Chernobil, como parte do programa Vacacións en Paz. Os rapaces foron recibidos polos seus familiares de acollida. Mentres, o concello de Cee recibiu a nove nenos saharauís. (Fonte: El Correo Gallego).
13/07/2006
Venezuela
As patrulleiras se farán en Vigo
O grupo vigués Rodman-Polyships pechou a venda á República Bolivariana de Venezuela de 31 patrulleiras para seguridade marítima, vixilancia e salvamento por un importe de 157 millóns de euros ata o 2010. Este contrato forma parte das negociacións entre os gobernos de Madrid e Caracas realizadas en novembro de 2005 e estivo salpicada de polémica polo veto dunha compañía estadounidense. (Fonte: Faro de Vigo).

Italia
ADR Ulla-Amia estará en foro europeo
A firma pontevedresa enviará representantes políticos e técnicos á localidade de Foligno, para a primeira reunión transnacional, na que participarán 19 grupos de Grecia, España, Italia e Francia, dentro dos proxectos comunitarios Leader Plus. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
A USC chega ao Himalaia
Un equipo de investigadores da USC partirá en agosto para o Tíbet, como parte dunha fase inicial do proxecto “Nas Portas do Ceo”, destinada a afondar no coñecemento das formas de vida e cultura dos sherpas, os habitantes dos Himalaias. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Vigo acolle Festival Folclórico internacional
A localidade viguesa de Beade acollerá a doceava edición dun festival que contará coa participación dos grupos Sbandieratori Ducato Caetani de Italia, Kassuomaye de Senegal, e o ruso Khasavyurt, así como outras agrupación autonómicas estatais. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/07/2006
Unión Europea-Galicia
Galicia será a voz das autonomías
O próximo Consello de Ministros da UE sobre Emprego, Política Social, Saúde e Consumidores a finais de novembro, permitirá a Galicia estrearse como a comunidade responsable de coordinar ás autonomías estatais. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, será o responsable dunha delegación que utilizará o galego nas súas intervencións en Bruxelas. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora
50 anos do Congreso da Emigración
O Consello da Cultura Galega iniciou unhas xornadas de análise do fenómeno da diáspora galega, cunha lembranza do I Congreso da Emigración Galega realizado en Bos Aires en 1956. Nestas xornadas participaron o escritor Xosé Neira Vilas, o historiador Ramón Villares, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e varios representantes do exilio e a diáspora. (Fonte: El Correo Gallego).

Palestina
Esixen a Israel fin da ofensiva en Gaza
Amnistía Internacional organizou en A Coruña unha concentración para denunciar o “castigo” que está a sufrir a poboación civil palestina ante a invasión militar israelí a Gaza. Pola súa banda, o voceiro do grupo Unión da Esquerda Galega, Lois Pérez Leira, anunciou en Vigo a creación dun comité de apoio ao pobo palestino, ante a situación de “xenocidio” que está a vivir a mans do exército israelí. (Fontes: La Voz de Galicia e Axencia Galega de Noticias).

Inmigración
Baixa no empadroamento
A concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, anunciou que o Concello santiagués fixo todo o posible por avisar aos inmigrantes da necesidade de renovar os seus empadroamentos. Regúlez explicou que desde decembro de 2005 se realizou unha activa campaña publicitaria pero que só renovaron uns 600 dos 1.500 facultados para facelo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Piden explicacións por restricións na NAFO
A deputada do BNG, Olaia Fernández Dávila, pediu á ministra de Pesca, Elena Espinosa, a súa comparecencia no Congreso para que explique a política estatal de aceptar manter as actuais restricións nas augas da NAFO para a pesca do fletán negro. (Fonte: Axencia Galega de Noticias).
11/07/2006
México
Fadesa construirá resort
A inmobiliaria coruñesa construirá na localidade mexicana de Nayarit, próximo a Puerto Vallarta, un complexo turístico residencial de 170 hectárea enfocado cara a costa do océano Pacífico. O complexo terá o nome de Cip Nayarit e un custe estimado en 27 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Téxtil
Apertura de Inditex en Grecia
O grupo téxtil galego abriu unha tenda para nenos na cidade de Karditsa, baixo o nome de Skhuaban, e coa finalidade de poñer un práctica un formato comercial que se reproducirá posteriormente en Francia e Italia. (Fonte: El Correo Gallego).

Brasil
O maior parque eólico de América do Sur
O grupo galego Enerfin-Enervento, coa participación de Caixanova e o Banco Gallego, remataron a construción cerca da localidade brasileira de Porto Alegre do maior parque eólico rexional, constituídos por 25 aeroxeradores en 80 km. O investimento se calcula en 240 millóns de euros e as previsións consideran na posibilidade de xerar enerxía para o consumo de 650.000 persoas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Expourense afianza a súa posición
O organismo empresarial participou nunha feira en Lamego, localizado na rexión de Douro, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense e o presidente da Cámara de Comercio. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima
Primeira factoría en Galicia
A Xunta e a empresa norueguesa Stolt Sea Farm achegaron a un acordo que prevé arredor de cen millóns de euros de investimento en cinco anos, nun conxunto de proxectos que inclúen a primeira factoría que en Galiza se adicará ao cultivo do linguado e que se pretendía instalar no contorno de Corrubedo. (Fonte: www.vieiros.com).
10/07/2006
Arxentina
Investigan violacións de dereitos humanos
O xuíz federal de Bos Aires, que investiga as violacións de dereitos humanos contra doce galegos cometidos durante a ditadura de Augusto Pinochet en Chile (1973-1989), recibiu a unha delegación de ex altos cargos do goberno e personaxes do Exército arxentino en tempos da ditadura (1976-1983), e que colaboraron con esas desaparicións. Neste sentido, se estima que o ex ministro de Economía José Alfredo Martínez de Hoz, podería ser investigado pola desaparición do galego Juan Carlos Casariego de Bel, suceso recentemente destapado polo diario austral “Clarín”. (Fonte: La Voz de Galicia).
09/07/2006
Asia
Relacións entre Vietnam e Galicia
O vicepresidente da Asociación de Amizade Galicia-Vietnam, Pham Trung Tin, estivo en Santiago para intercambiar experiencias turísticas, deportivas e culturais con funcionarios do goberno galego, e pedir axuda para a reestruturación económica e social do país asiático. (Fonte: La Voz de Galicia).
08/07/2006
Brasil
Santiago explica o seu desenvolvemento urbano
A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, e o arquitecto responsable da Oficina Municipal de Conservación e Rehabilitación da Cidade Histórica, Javier Fernández, estarán na localidade brasileira de Olinda, para levar a cabo o proxecto de cooperación Pagus-12, destinado á rehabilitación do casco histórico das súas cidades pertencentes: Nani (Italia), Amave-Guimaraes (Portugal), Juiz de Fora (Brasil), San Rafael e Cidade de Santa Fe (Arxentina), Colonia (Uruguai), Valparaíso (Chile), Compostela e Olinda. Nesta ocasión, se discutirá a transformación urbana de Compostela. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
A Xunta protesta detención do buque galego
A conselleira de Pesca, Carmen Gallego, cualificou ao goberno noruego de “exceso de competencias e incumprimento do tratado de 1920”, polo apresamento do buque galego “Arousa 15”. Gallego confirmou o envío ao país nórdico dun inspector para a comprobación da veracidade dos cargos de pesca ilegal contra o buque. (Fonte: La Voz de Galicia).
07/07/2006
Galicia
Estranxeiros aprenden o galego
O XIX curso sobre Lingua e Cultura Galegas impartido pola USC para os estudos de verán comezou cunha matrícula de 120 estudantes estranxeiros, principalmente europeos e asiáticos. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Apresado buque en Noruega
A Garda Costeira do país nórdico confirmou ao ministerio de Pesca español a detención do barco galego “Arousa 15” por suposta pesca ilegal na zona de Svälbard. O barco, con base en A Coruña pero normalmente operativo dende Vigo, tiña 27 tripulantes, todos de orixe galego, e se dirixían ao porto de Trömso. (Fonte: El Correo Gallego).
06/07/2006
Unión Europea-Galicia
Financiamento para I+D
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reuniuse en Santiago co Director Xeral de Investigación da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, para analizar a posibilidade de financiamento comunitario para proxectos galegos de I+D+i. O Goberno galego marcouse o obxectivo de duplicar os investimentos no horizonte desta lexislatura e que ten previsto destinar para esta finalidade 800 millóns de euros no período 2006-2010. (Fonte: www.xornal.com).

Portugal
Piden orzamento para o AVE Vigo-Porto
O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, presentou unha iniciativa parlamentaria na que pide ao goberno estatal a inclusión de partidas económicas nos próximos orzamentos xerais do Estado para o AVE Vigo-Porto. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
O Eixo Atlántico, na TV
Unha serie televisiva promovida polo Eixo Atlántico e Caixanova e financiada polos Fondos Interreg III da UE permitirá emitir un documental que promoverá entre a poboación de Galicia e do Norte de Portugal o coñecemento dos respectivos territorios e as relacións de cooperación que manteñen como eurorrexión atlántica. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Portugal como opción laboral
Titulados farmacéuticos en paro buscan traballo en farmacias do norte de Portugal, ante a apertura de licencias por parte de Lisboa a 350 oficinas, a partir de xaneiro de 2007. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/07/2006
Portugal
Cavaco visitará Galicia
Trala xuntanza entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o mandatario portugués Aníbal Cavaco Silva, se informou que este último visitará a nosa Comunidade no mes de setembro de 2006. Touriño e Cavaco acordaron informar publicamente en novembro, durante o cumio hispano-luso de Badaxoz, que o AVE Vigo-Porto será mixto, terá unha velocidade de 200-250 km/h e que permitirá a conexión nunha hora. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Cooperación empresarial
A Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP, e a Axencia de Inversión Portuguesa, AIP, pecharon un acordo de colaboración no que se pretende abrir unha fachada atlántica entre Porto, Lisboa e Vigo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Aproban fondos para Galicia
O Parlamento Europeo aprobou novas axudas, rebautizadas de "obxectivo 1" a comunidades " de converxencia", valoradas en 3.400 millóns de euros para Galicia co respecto ao período 2007-2013. Os fondos estruturais e de cohesión terán un valor total de 308 mil millóns, máis do 35% do orzamento total da UE, sendo Polonia o país máis beneficiado con 59 mil millóns. (Fonte: www.vieiros.com).

Venezuela
Aniversario da independencia
O Consulado da República Bolivariana de Venezuela celebrou en Vigo o 195 aniversario da independencia do país suramericano, coa presenza das autoridades autonómicas e locais, o persoal consular e a comunidade venezolana residente en Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia
Greenpeace denuncia agresión ao litoral
No seu informe “Destrución a toda costa 2006”, a ONG ecoloxista denunciou que a nosa Comunidade acumulou máis agresións ao seu litoral, coa construción a futuro de 283.000 novas vivendas, 17 campos de golf e 15 proxectos de construción ou ampliación de portos deportivos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura
Filme galego rodará en Chile
A produtora galega “Aldea Films” rodará unha película titulada “Santos” na capital chilena, dentro dun proxecto valorado en cinco millóns de euros. As gravacións xa comezaran en cidades como Tokio e A Coruña. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/07/2006
Portugal
O AVE para o 2013
Trala súa xuntanza co primeiro ministro portugués José Sócrates, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, declarou que o AVE Vigo-Porto constitúe unha prioridade para o goberno lusitano, polo que amosou a súa confianza de que se rematará no período estipulado cara o 2013. Touriño tamén afirmou que a principal fonte de financiamento será pública. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Mobilidade estudantil
Un proxecto entre as tres universidades galegas e as súas homólogas do norte de Portugal permitirá a creación dun distrito compartido que fomente a mobilidade estudantil, así como o Centro Internacional de Nanotecnoloxía en Braga, previsto para os próximos anos. Estes anuncios foron realizados por Touriño como resultados da súa xuntanza cos líderes portugueses. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Alianza Caixa Galicia-EDP
A entidade financeira galega subscribiu en Vigo unha alianza coa principal empresa enerxética lusitana para participar na segunda emisión de bonos eólicos, a realizarse no próximo outono, cun valor inicial de 7 millóns de euros. A empresa portuguesa desenvolve en Galicia cinco parque eólicos e catro en proxecto, cun plan de investimento valorado en 300 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).

Unión Europea-Galicia
Comunicacións escritas en galego
Grazas ao voto de calidade do presidente do Parlamento europeo Josep Borrell, esta institución comunitaria permitirá o uso do galego, euskera e catalán/valenciano nas comunicacións escritas dos cidadáns. (Fonte: El Correo Gallego).

Rusia
Premiado científico galego
O profesor de Física de Partículas na USC, Gonzalo Parente Bermúdez, obtivo o premio anual de investigación do Laboratorio Joint Institute of Nuclear Research, JINR, de Dubno, Rusia, correspondente ao ano 2005, polo seu traballo na categoría de Física Teórica, produto da colaboración da USC con varias universidades e centros de investigación rusos. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Tres candidaturas para a UNESCO
A Consellería de Cultura e Deportes logrou incluír o Camiño Primitivo do norte de Galicia, o Ferrol da Ilustración e a Torre de Hércules en A Coruña como parte da Lista Indicativa A para ser declarados Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO. A elección se realizará a finais de xuño. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia
Voos da CIA “non son ilegais”
O xefe do Centro Nacional de Intelixencia, Alberto Saiz, informou ao Congreso que non atopa indicios de delito nos voos utilizados pola CIA en aeroportos españois, incluído o de Peinador en Vigo. Saiz informou tamén que o CNI non pediu á central norteamericana as informacións necesarias para elaborar o seu informe ao Congreso. (Fonte: Faro de Vigo).
03/07/2006
Galicia
Piden explicacións por presunto voo da CIA
O deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, esixiu explicacións ao director do Centro Nacional de Intelixencia, Alberto Sainz, sobre o presunto voo da CIA no aeroporto de Peinador en Vigo o pasado mes de agosto de 2005. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Galicia
Galicia beneficiada de fondos europeos
Segundo Juan Martín Fragueiro, responsable de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura e Pesca, MAPA, a nosa Comunidade será a “gran beneficiada” entre as rexións de converxencia pola súa percepción de máis do 40% do Fondo Europeo de Pesca asignado a España. (Fonte: La Voz de Galicia).

México
Ourense participa en feira vitícola
Máis de 30 empresas vitícolas de Ourense participan na Misión Inversa de importacións de México, apoiados pola Cámara de Comercio ourensá. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Touriño visita Lisboa
O presidente da Xunta iniciou a súa visita á capital portuguesa cunha reunión con presidente Aníbal Cavaco Silva e o primeiro ministro José Sócrates, coa finalidade de avanzar na cooperación de infraestruturas, o desenvolvemento tecnolóxico, os intercambios comerciais e o fluxo migratorio. (Fonte: Axencia Galega de Noticias).

Marítima
Máis de cen mariñeiros abandonados
Desde o ano 2000, o sindicato internacional ITF contabilizou máis de cen mariñeiros de países como Togo, Polonia, Ucraína e Panamá, que foron abandonados nos portos galegos, principalmente Vigo, polos seus respectivos armadores. Segundo esta organización, os mariñeiros sobreviven grazas á caridade local ou acción de ONGs como Cruz Vermella ou Cáritas. (Fonte: El Correo Gallego).
02/07/2006
Unión Europea-Galicia
Piden reconsiderar o uso do galego
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, enviou unha carta ao presidente do Parlamento europeo, Josep Borrel, para pedir a reconsideración do seu voto na utilización do galego e outras linguas cooficiais nas institucións europeas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Acción Exterior
Urbanismo galego en Islandia
O vicerreitor de Infraestruturas e Xestión Ambiental da UDC, Xosé Lois Martínez, foi invitado á XXI edición da European Conference on Operational Research no país nórdico, para expoñer a planificación urbana en campus universitarios como A Coruña e Ferrol. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora
Diálogos itinerantes coa emigración
No encontro cos inmigrantes e emigrantes galegos celebrado en Ourense, no marco do ciclo Diálogos itinerantes promovido polo Parlamento nos actos do seu 25 aniversario, a presidenta desta institución Dolores Vilarino expresou “a sensibilidade da sociedade galega co drama da emigración”, tomando en conta que hoxe existen descendentes de segunda e terceira xeración dos emigrantes orixinais así como diversos colectivos inmigrantes se achegan a Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).
01/07/2006
Portugal
Madrid aclara a solicitude para o AVE
A eurodeputada socialista Rosa Miguélez advertiu que o goberno español solicitou a Bruxelas todos os fondos necesarios, valorados en 2,1 millóns de euros, para ter acceso no período 2001-2006 para financiar o proxecto do AVE Vigo-Porto, contestando así á interpelación realizada polo eurodeputado do PP Daniel Varela. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Pesca
Desacordo con Senegal
O fracaso nas negociacións entre a UE e o país africano para permitir que os barcos comunitarios poidan fanar nas augas senegalesas constitúe un duro golpe para a frota galega, tal e como sinalou Senén Touza, presidente da Organización Nacional de Asociacións Pesqueiras, ONAPE. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sáhara
Os nenos saharauís visitan Raxoi
Dentro do programa de Vacacións en Paz, as decenas de nenos do Sáhara occidental que pasan o seu asueto en Santiago visitaron o palacio de Raxoi, coa presenza de varios concelleiros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Emigración
50 aniversario do Congreso da Emigración
A Consellería de Emigración e a secretaría xeral de Comunicación anunciaron para o próximo 24 de xullo en Bos Aires a celebración do 50 aniversario do I Congreso da Emigración Galega, realizado na capital arxentina. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Galicia, pouco atractiva
Durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Aureliano García, director xeral de Planificación Económica e dos Fondos Comunitarios, recoñeceu a perda de atractivo da nosa Comunidade para os investimentos estranxeiros nos derradeiros 12 anos, en comparación con países como Irlanda. (Fonte: El Correo Gallego).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, Galicia Información, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, Xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2006: xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2005: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/08/2006
Fernando Pol


Subir