Diario Exterior / xaneiro de 2006

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

31/01/2006
Unión Europea-Galicia


Golpe ao galego por parte do Parlamento europeo
Un informe da secretaría xeral do Parlamento europeo considera que a utilización do galego, euskera e catalán como linguas de traballo “ocasionaría problemas administrativos e sentaría un perigoso precedente”. A pesar de que un anterior informe do Consello Europeo e do Comité das Rexións lle outorgaron certo status ás tres linguas, o informe do Parlamento concorda que elas están vetadas no Congreso e o Senado español. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Integración educativa luso-galaica
A USC tomará en xuño de 2006 o relevo na presidencia do Centro de Estudos Eurorrexionais, CEER, que conforman as tres universidades galegas e as tres do norte de Portugal, Minho, Tras os Montes e Porto. En total, as seis universidades suman 150.000 alumnos e dez mil profesores que realizan un gran labor investigador no desenvolvemento rural, turismo e sociedade da información. Este organismo conta con fondos europeos a través do Interreg. (Fonte: El Correo Gallego).
30/01/2006
Eixo Atlántico
Asinan a Carta de Aalborg
As 18 cidades do noroeste peninsular, pertencentes ao Eixo Atlántico, asinaron en Santiago este documento clave para a constitución dun desenvolvemento urbano sostible co respecto ao Medio Ambiente. Neste ano, o Eixo Atlántico espera poñer en marcha tres novos programas europeos con financiamento dos fondos Feder. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade


Amarante domina o comercio xusto
A ONG pontevedresa consolidou a súa primacía en Galicia en canto as vendas de comercio xusto e sensibilización, o cal coloca á nosa Comunidade como a terceira a nivel estatal en apertura de tendas e de espazos comerciais estables para esta actividade. Amarante colabora co Fondo Galego de Cooperación e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Igadi, nas tarefas de sensibilización da cooperación internacional galega. (Fonte: La Voz de Galicia).
29/01/2006
Sociedade
Exposición do Holocausto en A Coruña
A cidade galega será sede en novembro de 2006 dunha gran exposición internacional sobre o Holocausto, a primeira desta magnitude en España. Esta exposición será posible grazas ao acordo entre o Museo de Historia Alemana de Berlín, o Museo Imperial da Guerra de Londres e o Museo Memorial do Holocausto de Washington. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Aumentan importacións de madeira
Uruguai e Brasil son os principais socios comerciais da madeira de Galicia, cun aumento das importacións dun 23%, especialmente co respecto ás descargas na factoría de Lourizán. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/01/2006
Sáhara
Parlamento galego apoia referendo saharauí
A presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e os representantes dos grupos parlamentarios recibiron á delegación saharauí, encabezada polo presidente da República Árabe Saharauí, Mohamed Abdelaziz, á que lle amosaron o seu apoio a favor dun referendo de autodeterminación do Sáhara occidental. Tamén se formularon posibles programas de colaboración en materia de vivenda, rural e educación. (Fonte: La Voz de Galicia).

Prestige


Piden proceso xudicial aberto
Xuíces e fiscais franceses e españois se reuniron na Coruña para atopar unha fórmula xurídica que permita que as dúas causas penais abertas nos dous países polo caso Prestige poidan rematar nun proceso xudicial aberto no Xulgado de Instrución Nº 1 de Corcubión, tal e como recomendara o órgano europeo de coordinación xudicial, Eurojust. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/01/2006
Sáhara
Presidente saharauí en Vigo
Mohamed Abdelaziz, presidente da República Árabe Saharauí, iniciou en Vigo unha visita de tres días a Galicia, invitado polas institucións oficiais galegas, coa finalidade de dar a coñecer a situación no Sáhara occidental. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Identificarán as fortalezas galaico-portuguesas
O delegado da entidade cultural Icomos, Juan Antonio Rodríguez-Villasante, procederá á catalogación e dixitalización das fortalezas froteirizas entre Galicia e o norte de Portugal, grazas a unha achega de 300.000 euros por parte do programa europeo Interreg III. Se revalorizarán os catro conxuntos do sistema de fortificacións do río Miño, principalmente Monçao, Salvaterra do Minho, Valença, Tui, Vila Nova de Cerveira, Goián, Insua de Caminha e A Guarda. (Fonte: El Correo Gallego).
26/01/2006
Diáspora
Ampliarán prestacións aos emigrantes na Arxentina
A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, asegurou en Bos Aires, que se nomeará un novo director para o hospital do Centro Gallego e que se “estenderán paulatinamente as prestacións asistenciais aos emigrantes galegos para garantir a cobertura sociosanitaria”. (Fonte: El Correo Gallego).
25/01/2006
Prestige
Presentarán demanda xudicial contra directiva da UE
Un grupo de empresarios internacionais do sector marítimo decidiu presentar unha batalla xudicial contra a nova directiva aprobada pola UE a raíz do accidente do Prestige, que castiga con duras sanciones aos vertidos deliberados e involuntarios onde se demostre dolo e neglixencia. Este grupo iniciou o pleito no Tribunal Superior de Londres contra a denominada “directiva Prestige”. (Fonte: La Voz de Galicia).
24/01/2006
Cuba
Ampliarán asistencia alimentaria
O secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, se despediu do colectivo galego de Cuba revisando o programa “Solidaridad”, que levará alimentos de primeira necesidade e outros produtos considerados caros e inaccesibles para os galegos residentes na illa caribeña. (Fonte: La Voz de Galicia).
23/01/2006
Venezuela
Cultura de Paz en Caracas
O presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios Diz, representou á Fundación Cultura de Paz, presidida por Federico Mayor Zaragoza, no Foro Mundial de Educación de Caracas, no marco da celebración do Foro Social Mundial na capital venezolana. Pola súa banda, a responsable de Emigración e Asuntos Europeos do BNG, Ana Miranda, tamén acudiu ao evento internacional. (Fonte: El Correo Gallego).

Marrocos


Fadesa aspira a un novo proxecto inmobiliario
O complexo turístico e residencial de Thazagazout, nas proximidades da costa atlántica de Agadir, aspira a converterse no terceiro proxecto inmobiliario da empresa coruñesa Fadesa. Outras sete empresas compiten pola operación no país magrebí. (Fonte: El Correo Gallego).

China


Galicia debe dirixir a súa vista a Asia
Mónica Li, experta en mercados asiáticos e xerente da consultora Monli Asia International S.L, advertiu aos empresarios galegos a necesidade de enfocar as súas estratexias económicas na zona de Asia Oriental e, especialmente, China, pola súa capacidade para condicionar a economía global. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/01/2006
Galicia
Científica coruñesa dirixe centro en EEUU
Susana Martínez dirixe o Instituto Neurolóxico Barrow en Phoenix (EEUU), centro de investigación no que se descubriu, tras medio século de polémica, o movemento ocular responsable do 80% da experiencia visual e a importancia das microsacadas, pequenos tics nerviosos necesarios para que as imaxes non se desvanezan. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Buscan evitar o traslado de Poligal
O voceiro do BNG, Francisco Rodríguez, alertou sobre a posibilidade de que a empresa Polipropileno de Galicia, Poligal, sexa trasladada da súa factoría en Narón (A Coruña), a Portugal, baixo o pretexto de “falta de infraestruturas na comarca e o seu afastamento dos mercados”. (Fonte: El Correo Gallego).

Candidatos lusos evitan o AVE Vigo-Porto
Nin o conservador Aníbal Cavaco Sil, nin o independente Manuel Alegre ou o socialista Mario Soares, realizaron algunha referencia ao tren de alta velocidade entre Vigo e Porto nas súas campañas electorais. (Fonte: La Voz de Galicia).
21/01/2006
Turismo


Santiago busca promoción exterior
O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, presentou un programa de promoción turística municipal, coa finalidade de expandir o atractivo de Santiago en EEUU, China e Europa central, así como na próxima Feira Internacional de Turismo. Candela tamén anunciou da futura creación dun Grupo de Cidades do Camiño de Santiago, xunto a Pamplona, Logroño, Burgos e León. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Os fondos do AVE Vigo-Porto
O comisario de Transportes, Joe Börg, confirmou diante do eurodeputado do PP, Daniel Varela, que o goberno español aínda non solicitou á Comisión Europea os fondos necesarios para o AVE Vigo-Porto, a pesar de estar incluído no programa transfronteirizo e de constituír unha “importante aportación á cohesión e interoperatividade ferroviaria”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Arxentina


Aumenta o conflito con Ence e Botnia
O gobernador da provincia de Entre Ríos, Jorge Busti, presentou unha demanda penal contra Ence e Botnia, polo “delito de contaminación en grao tentativa da auga, solo e aire, con riscos para a saúde”. Esta provincia arxentina é fronteiriza coa marxe do río Uruguai onde se atopan as plantas de celulosa. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Fondos Estruturais
Piden compensacións para Galicia
O BNG pediu diante o Parlamento galego que Bruxelas outorgue compensacións financeiras a Galicia diante do forte recorte dos fondos europeos.
(Fonte: La Voz de Galicia).

Cooperación


Bolsas da USC para Porto Rico e EEUU
O próximo curso permitirá a USC ofrecer oito bolsas de estudos para alumnos das universidades de Porto Rico e EEUU, exceptuando na carreira de Ciencias da Saúde. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Portugueses votan en Galicia
Con motivo das eleccións presidenciais portuguesas, os 750 residentes lusitanos na nosa Comunidade puideron exercer o seu voto no Consulado dese país en Vigo, así como nunha oficina dependente en Ourense. (Fonte: La Voz de Galicia).
20/01/2006
Inmigración
Vigo domina a presenza estranxeira
Utilizando os recentes datos do INE, o responsable de CIG-Migración, Lois Pérez Leira, explicou que na cidade olívica e a súa área de influencia residen 18.350 inmigrantes e que, pese a esta circunstancia, non se presentan guettos de inmigrantes. Isto facilita a integración social, principalmente dos inmigrantes suramericanos. Vigo posúe o 26,5% do total de inmigrantes en Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cursos de inserción para inmigrantes
Santiago, Vigo e Ourense acollerán seis dos 53 seminarios organizados pola Oficina de Correos e a Cruz Vermella, con participación financeira do Fondo Social Europeo, concibidos para axudar á inserción laboral do colectivo inmigrante. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba


Idega organizou conferencia enerxética
O Instituto de Desenvolvemento de Galicia, Idega, da USC, realizou na Habana unha conferencia sobre enerxía e innovación tecnolóxica, coa presenza de membros do Ministerio de Educación Superior de Cuba. (Fonte: El Correo Gallego).

Uruguai


Interese polo modelo pesqueiro galego
O primeiro senador da República Oriental do Uruguai, Eleuterio Fernández Huidobro, anunciou na súa visita á Cooperativa de Armadores de Vigo que o seu país pretende importar de Galicia a súa experiencia pesqueira e de alternativas enerxéticas, como a eólica. Huidobro destacou a forte presenza galega na industria pesqueira do seu país. Anteriormente, en Allariz, Huidobro amosou o seu interese polo modelo de xestión municipal aplicado polo BNG. (Fonte: La Voz de Galicia).
19/01/2006
Cultura
Promoción do galego en París e Bruxelas
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, estivo no salón Expolangue da capital francesa, para promover a lingua e cultura galega, así como nas institucións da UE en Bruxelas, para “facilitar as intervencións en galego dos membros do Goberno e dos deputados galegos e a proxección exterior da lingua galega. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


O turismo galego na feira de Lisboa
A Feira Internacional de Turismo de Lisboa presentou a diversidade turística da Ribeira Sacra, as súas cidades, os balnearios e os seus centros turísticos dedicados á saúde, que ofrece Galicia. Portugal constitúe o principal mercado turístico galego e, no 2005, un 16,7% de portugueses visitaron a nosa Comunidade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora


Núñez Feijoo visitará América do Sur
Arxentina, Uruguai e Venezuela serán os países destinatarios da xira que realizará no primeiro trimestre do 2006 o novo líder do PPdG, Alberto Núñez Feijoo. Esta xira se enfocará no contacto directo cos emigrantes galegos, principalmente para acometer os temas da nacionalidade, cobertura sanitaria e o apoio aos retornados. (Fonte: El Correo Gallego).

Téxtil


Desembarco galego en Hong Kong
Cinco firmas do téxtil galego participaron na feira Fashion Week de Hong Kong, cunha promoción especial realizada pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense con financiamento da Consellería de Innovación. (Fonte: El Correo Gallego).
18/01/2006
Unión Europea-Fondos de Cohesión
Bruxelas excluirá a Galicia
O futuro reparto do Fondo de Cohesión da UE para o período 2007-2013 será prexudicial para a nosa Comunidade. O Estado español recibirá 3.250 millóns de euros principalmente para axudas estruturais destinadas a Andalucía, Castela e León, Extremadura, Murcia, Asturias e Valencia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cuba


As “jabas” finalmente chegarán a A Habana
Segundo o secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, xa foi superada a polémica pola entrega das tradicionais bolsas de Nadal á comunidade galega en Cuba, durante un encontro con 50 representantes das sociedades galegas e o ministro de Xustiza cubano, José Ramón Fernández. En decembro de 2005, as “jabas” non foran enviadas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


Estranxeiros aumentan a poboación galega
O Instituto Nacional de Estatística informou que, dos 11.213 novos habitantes de Galicia, uns 10.976 son de orixe estranxeiro, principalmente brasileiros, portugueses, uruguaios, colombianos, venezolanos e arxentinos. Sen embargo, os 69.363 estranxeiros que viven na nosa Comunidade só representan o 2,5% do censo de poboación. Tamén é patente o escaso peso demográfico galego a respeito de España. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Santiago acolle a cooperativas europeas
Un encontro europeo de cooperativas galegas, italianas e polacas, se reuniu na capital galega para explorar a promoción e fomento do cooperativismo e a súa adaptabilidade na nosa Comunidade. A Asociación Galega de Cooperativas, AGACA, se reuniu con membros de Equalitá (Italia) e Mozemy (Polonia) para presentar a Iniciativa Comunitaria Equal e a Nexus Rede. (Fonte: El Correo Gallego).
17/01/2006
Política
O BNG critica ataque da CIA en Paquistán
O coordinador da executiva do bloque nacionalista, Francisco Jorquera, amosou o seu “total rexeite” e “condena rotunda” ao bombardeo realizado por forzas estadounidenses en coordinación coa CIA, nas aldeas da rexión paquistaní de Waziristán, na que morreron 18 civís, no marco dunha suposta operación antiterrorista. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Crearán oficinas para estranxeiros
A Xunta prevé crear, a partir do 2007, unha Oficina Única de Estranxeiros en Vigo e outra en Pontevedra, coa finalidade de tramitar os permisos de traballo e de residencia. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/01/2006
México
Confirman asasinato de empresario galego
Unha vez atoparan o seu cadáver, as autoridades mexicanas confirmaron o asasinato do empresario Manuel Vázquez Ruiz, natural de O Carballiño, secuestrado desde abril de 2005 na rexión de Culiacán. A policía mexicana analiza a posibilidade de que Vázquez Ruiz fora asasinado en xullo pasado, tralas investigacións realizadas cando capturaran unha banda de delincuentes en Tijuana. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca


Barcos galegos piden faenar en Marrocos
O ministerio de Pesca recibiu doce solicitudes para que embarcacións galegas podan fanar no caladoiro marroquí, tras do acordo subscrito entre este país magrebí e a UE. Unha deputada do BNG indicou que Bruxelas non asignou o número final de licencias para os diferentes Estados membros. (Fonte: El Correo Gallego).
15/01/2006
Uruguai
En ascenso a crise das celulosas de ENCE
Os grupos arxentinos opositores á construción das dúas fábricas papeleiras de Ence e a finlandesa Botnia en Uruguai pecharon as tres pontes que unen por terra a ambos os dous países, tomando varias cidades das provincias de Entre Ríos e Fray Bentos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Villarino visitou Parlamento luso
A presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino, foi recibida en Lisboa polo presidente da Assembleia da República portuguesa, Jaime José Matos da Gama, para establecer contactos institucionais “do máis alto nivel”. (Fonte: El Correo Gallego).
14/01/2006
Portugal
Insisten na construción do AVE
A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal acordou encargar un estudio para determinar as características técnicas e de demanda do proxecto de comunicación ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto. Este anuncio se realizou tras da xuntanza na cidade lusa do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, co presidente da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte, Carlos Lage. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora


Galegos beneficiados polo novo estatuto
Uns 927.000 galegos residentes no exterior se beneficiarán do novo Estatuto dos Cidadáns Españois no Exterior, aprobado no Consello de Ministros, no que se equipararán os seus dereitos aos dos residentes no Estado español, principalmente no acceso á sanidade e educación e a poder exercer o sufraxio nas urnas. (Fonte: La Voz de Galicia).
13/01/2006
Portugal
Propoñen incluír a Asturias e Castela
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, propuxo en Porto a ampliación a Asturias e Castela á Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, especialmente no relativo á ampliación do AVE e a rede viaria “como ferramenta fundamental do desenvolvemento socio-económico”. (Fonte: El Correo Gallego).

Uruguai


Senador do Fronte Amplo visita Galicia
Eleuterio Fernández Huidobro, senador e membro do partido gobernamental Fronte Amplo, que levara a Tabaré Vázquez á presidencia, realizou unha conferencia en Santiago, convidado pola Fundación Galiza Sempre e o BNG. Na conferencia estivo presente Daniel Larrosa, coordinador de Enerxía do Centro Artiguista polos dereitos económicos, sociais e culturais. (Fonte: El Correo Gallego).
12/01/2006
Portugal
Piden referendo para o AVE Vigo-Porto
Un grupo de empresarios, xuristas, economistas, profesores universitarios e representantes das asociacións de Porto reclamaron diante do Parlamento portugués a celebración dun referendo sobre a construción do AVE Vigo-Porto, manifestando a súa posición contraria a estes proxectos e alertando aos deputados lusos por non ter feito consultas coa sociedade civil. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/01/2006
China
Tecnoloxía galega para Beijing
A empresa santiaguesa Intelsis entregou ás autoridades chinesas unha estación móbil de TV valorada en 2,4 millóns de euros, para a cobertura dos Xogos Olímpicos de Beijing do 2008. Esta iniciativa contou co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, que lle concedeu á empresa avais por 1,2 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Promoverán o Camiño Portugués
Tras da súa inclusión no proxecto Traslatio II dentro do programa Interreg III, pertencente aos Fondos Europeos do Desenvolvemento Rexional, Feder; o Camiño Portugués será promovido como itinerario cultural europeo dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O orzamento destinado supera o millón e medio de euros e os seus socios serán a Sociedade para o Desenvolvemento da Comarca do Baixo Miño e de Santiago, a Consellería de Cultura e Deporte e, por parte portuguesa, a Cámara Municipal de Barcelos, Cámara Municipal de Valença e a Cámara Municipal de Paredes de Coura. (Fonte: La Voz de Galicia).
10/01/2006
Galicia
Suprimen o Foro Iberoamericano da Saúde
A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, iniciou os trámites de extinción da Fundación Foro Permanente Galego Iberoamericano, por “solapamento de funcións”, xa que as mesmas son atribución do Servizo Galego de Saúde e da propia Consellería. O foro viña funcionando desde 1997. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración


Rodríguez de xira por Arxentina, Brasil e Cuba
O secretario xeral de Emigración e Inmigración, Manuel Luis Rodríguez, iniciou unha xira latinoamericana, na que informará ás colectividades emigrantes galegas os novos programas do seu departamento. Rodríguez tamén anunciou “transparencia” na entrega dos presentes de Nadal aos galegos en Cuba. (Fonte: El Correo Gallego).
09/01/2006
Unión Europea-Galicia
Críticas por eventual modelo urbano galego
Tras recibir unhas 15.000 queixas no Parlamento europeo sobre un modelo de urbanización onde as promotoras inmobiliarias presentan os seus proxectos sobre terreos non adquiridos, a Xunta asegurou manter a vixilancia para evitar que se produzan abusos diante da posible aplicación deste tipo de proxectos inmobiliarios. (Fonte: El Correo Gallego).

Cooperación


Sotelo defende a cooperación galega co exterior
Durante unha xuntanza na sede da Axencia Española de Cooperación Internacional AEICI, en Madrid, Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, defendeu a “calidade e eficacia nas axudas ao desenvolvemento” que está a realizar a cooperación galega coas demais autonomías do Estado español. Sotelo informou que a Xunta espera conseguir un 0.4% do seu orzamento para asuntos de cooperación. (Fonte: El Correo Gallego).
08/01/2006
Emigración
Una Bienal dedicada á emigración
A Deputación Provincial organizará no verán a 29 Bienal de Pontevedra, dedicada á perspectiva histórica de Galicia coa súa emigración ao Cono Sur. Nesta ocasión participarán creadores galegos, de Arxentina, Chile, Uruguai e outros radicados en Nova York. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


Plan Galego para a Inmigración
A Xunta creará no primeiro trimestre do 2006, un Consello Galego da Inmigración, na que se dotará dunha serie de axudas en materia sanitaria, laboral, educativa e de vivenda aos cerca de 53.000 inmigrantes censados que habitan na nosa Comunidade. Este plan se realizará conxuntamente coas 40 asociacións de estranxeiros existentes en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
06/01/2006
Portugal
O son da Lusofonía
En colaboración con concello de Pontevedra e a Fundación Caixa Galicia, o selo Nordesía editou un CD especial no que se recollen as voces de Brasil, Guinné-Bissau, Cabo Verde, Mozambique e Portugal, principalmente Chico César, Uxía Filipa Pais, Manecas Cosa, Xavier Díaz, Astra Harris, Jon Luz e a agrupación galaico-caboverdiana Batuko Tabanka. Os beneficios se destinarán ao desenvolvemento humano do Instituto Cultural Casa de Beradêro, estado brasileiro de Paraíba. (Fonte: El Correo Gallego).
05/01/2006
Portugal
Libro, CD e DVD do patrimonio galaico-portugués
A candidatura conxunta galaico-portuguesa para o patrimonio inmaterial presentada ante a Unesco, presentou en Santiago un libro de 98 páxinas, así como un CD con 28 temas musicais e un DVD documental denominado “Un patrimonio para o futuro”, impulsada pola asociación patrocinadora “Ponte nas Ondas”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Tomiño defende o AVE Vigo-Porto
A corporación local reivindicou a necesidade de impulsar a construción da liña de alta velocidade Vigo-Porto, trala aprobación por unanimidade dunha moción sobre os “camiños do ferro”. Este decisión se realizou tomando en conta as preocupacións das Cámaras Municipais do Norte de Portugal e das necesidades de crecemento da rexión do Baixo Miño para a súa adaptación cos principais núcleos de formación laboral da Eurorrexión. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/01/2006
Unión Europea-Galicia


Un galego ao fronte da investigación europea
José Manuel Silva, natural de Chantada, foi nomeado como director xeral de Investigación e Desenvolvemento, substituíndo ao grego Achilleas Mitsos. Silva, anteriormente director xeral de Agricultura da Comisión Europea, terá na súa responsabilidade o desenvolvemento de novas tecnoloxías que permitan a Europa concorrer con EEUU e Xapón. (Fonte: El Correo Gallego).
03/01/2006
Afganistán
A Brilat podería retornar en misión de paz
José María Prieto Martínez, novo xeneral da Brigada Lixeira Aerotransportable de Figueirido (Pontevedra), anunciou a posibilidade de que unha misión de tres unidades lixeiras do Exército regresen ao país centroasiático a principios do 2007 para labores de pacificación. (Fonte: El Correo Gallego).
02/01/2006
Portugal
Empresa galega compra firma lusa
A firma Unvi, pertencente ao grupo Pérez Rumbao, comprou a empresa Camo, fabricante de carrozaría con sede en Vilanova de Gaia (Porto), por un valor de dez millóns de euros na que participa a empresa de capital risco da Xunta, Xesgalicia. A firma portuguesa ten presenza nas principais cidades lusas e tamén no ámbito europeo. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia


Bruxelas celebra iniciativa galega
O Fondo Social Europeo felicito á Cámara de Comercio de A Coruña pola activación do programa “Antenas, servizos de proximidade para a pequena empresa”, pola súa oferta en asesorías a emprendedores e empresarios a través dunha rede de observatorios económicos locais. (Fonte: La Voz de Galicia).
01/01/2006
Marítima
Piden liña de axudas externa para a frota galega
Segundo o Ministerio de Pesca español, os gobernos de Francia, Alemaña e Inglaterra poderían abrir unha liña de axudas a favor dos 72 pesqueiros galegos afectados pola veda das volantas e os rascos, pautada para o 1 de xaneiro de 2006. O cargo desta liña de axudas se realizará aos IFOP, os fondos comunitarios para a pesca. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


Alumnos estranxeiros aumentan en centros privados
Na área de Santiago, os centros privados que acollen a nenos inmigrantes aumentaron nunha proporción de 171 fronte a 158, o cal contrasta co resto da nosa Comunidade, onde se manifesta unha relación desigual. Sen embargo, en termos globais, Galicia experimentou un aumento do 33% no alumnado inmigrante. Arxentina, Colombia e Venezuela son os tres principais países de procedencia destes nenos inmigrantes. (Fonte: La Voz de Galicia).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, Galicia Información, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, Xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2005: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/03/2006
Fernando Pol


Subir