Diario Exterior / decembro de 2005

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/12/2005
Unión Europea-Rexións


Fondos do FEDER para Pontevedra
O concello pontevedrés obtivo unha subvención europea de fondos FEDER por valor de 630.407 euros, para a dinamización do casco histórico dentro do programa europeo Interreg III, titulado “Cidade, futuro da historia”. Este programa conta tamén coa colaboración da cidade portuguesa de Braga, que aporta mais de 200.000 euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade


Un ano despois do tsunami asiático
A ONG viguesa “Implicad@s no Desenvolvemento” mantén a súa presenza na localidade de Karaikal, no sureste da India, sacudida polo tsunami en decembro de 2004. A ONG galega prestou axuda psicolóxica e sanitaria, así como de distribución de alimentos e refuxios para 200 habitantes da localidade de Venttekarantheru. Neste sentido, a Xunta tamén contribuíu con 30.000 euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
29/12/2005
Galicia
Debut con vitoria da selección galega de fútbol
Por vez primeira desde 1936, unha selección galega de fútbol realizou a súa aparición internacional ante o combinado de Uruguai. O debut da selección galega se saldou cunha vitoria de tres goles por dous, ante unha multitude de 20.000 persoas no estadio de San Lázaro en Santiago. (Fonte: La Voz de Galicia, Faro de Vigo e El Correo Gallego).

Os campus galegos falan en 25 idiomas
As tres universidades galegas, Santiago, Vigo e A Coruña, contan coa presenza de 1.500 alumnos estranxeiros orixinarios de países da Unión Europea, a Europa do Leste, América Latina, así como de Xapón, EEUU, Australia, China, Kirguizistán, Tunisia, Marrocos, Guinea ou Senegal. En total suman 25 linguas distintas. O Erasmus é o programa educativo mais elixido polos estudantes estranxeiros. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Seguro de mar para estranxeiros
A consellería de Pesca e Asuntos Marítimos asinou un convenio para que 1.500 estranxeiros e inmigrantes que traballan en embarcacións galegas podan contar, a partir de xaneiro de 2006, cunha póliza de seguro colectivo para accidentes marítimos. O investimento se calcula en 580.000 euros. (Fonte: El Correo Gallego).
28/12/2005
Acción Exterior
Misión en Paquistán
Desde outubro, unha misión de militares galegos e españois da Brigada Lixeira Aerotransportable de Figueirido realizan labores humanitarias nas aldeas paquistanís de Aria e Bajh, na rexión do Himalaya, asoladas polo terremoto o pasado setembro. O continxente forma parte das labores que realiza a OTAN nese país asiático. (Fonte: Faro de Vigo).

Galicia


A ampliación da presenza exterior do galego
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, anuncio a apertura de novos lectorados de galego nas universidade de Bangor (Gales, Stirling (Escocia), Tolosa (Occitania, Francia), e Harvard (EEUU). En total, 42 universidades no mundo imparten clases en galego. (Fonte: www.vieiros.com).

Inmigración


Espectacular crecemento en Pontevedra
Segundo datos publicados pola concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón, entre o 2002 e o 2005 o número de estranxeiros nesta provincia aumentou un 50%, pasando de 1.954 a 2.945 estranxeiros. O censo municipal na cidade de Lérez permitiu observar a presenza de inmigrantes de 78 nacionalidades distintas, principalmente colombianos, brasileiros, arxentinos, marroquís e ecuatorianos. O secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, explicou que as facilidades que outorga Pontevedra, onde funciona unha oficina de inmigración, permite aos iberoamericanos preferir esta provincia como lugar de residencia. Neste sentido, se dotará dun convenio de 90.000 euros para afrontar os respectivos gastos. (Fonte: La Voz de Galicia e El Correo Gallego).

Sáhara


Rehabilitación dun barrio saharauí
A Consellería de Vivenda aprobou un orzamento para a rehabilitación do barrio de Tifariti, dentro dun programa de cooperación exterior para o 2006. Neste sentido, a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, recibiu á delegada do Fronte Polisario en Galicia, Fatma Mohamed Salem, para acordar o que será a primeira actuación directa de Galicia en territorio saharauí. A localidade de Tifarati é considerada un símbolo da resistencia do pobo saharauí contra Marrocos. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade


Axudas aos nenos colombianos
A Fundación Blams, radicada en Vigo, realizará no 2006 un proxecto de cooperación internacional de apoio sanitario, cultural e alimenticio, a 70 nenos dos barrios pobres de Bogotá. O proxecto se denomina Casa de Infancia e está dirixido a rapaces entre 2 e 9 anos. (Fonte: El Correo Gallego).
27/12/2005
Inmigración
Estranxeiros de baixa municipal
Nas sete principais cidades galegas, un total de 7.400 inmigrantes desaparecerán do rexistro municipal, por non renovar a súa inscrición bianual no Instituto Nacional de Estatística. Vigo é a cidade con maior número de baixas, un total de 2.700 estranxeiros. En total, e segundo datos oficiais ata setembro 2005, o número de inmigrantes regularizados en Galicia se eleva a los 52.392 persoas. (Fonte: El Progreso e Faro de Vigo).

Solidariedade


Café xusto no Parlamento
A cámara lexislativa converteuse na primeira institución galega en apoiar o comercio xusto, a traveso da iniciativa da ONG “Solidariedade Internacional”. Dende agora, no Parlamento se servirá café de comercio xusto orixinal de Colombia e Tanzania, así como té e infusións de Sri Lanka. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia


Galicia, pioneira no control da EEB
Grazas ao Centro Integral de Eliminación de Riscos de Encefalopatías Espongiformes Transmisibles, Cicre, radicado en Lugo, a nosa Comunidade camiña na vangarda no estudo e control desta enfermidade, mellor coñecida como “vacas locas”. Isto lle valeu o recoñecemento ao centro a nivel estatal e europeo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Acción Exterior


O galego ensinarase en Armenia e Israel
A Universidade de Vigo ten previsto a apertura de dous núcleos de estudos galegos en Armenia e Israel, dentro da Cátedra Ramiro Illa Couto. O centro na universidade de Ereván, Armenia, terá unha dotación de 2.100 euros, igual cantidade a recibir pola Universidade de Letras de Xerusalén. Dentro do mesmo proxecto, se pretende fomentar as relacións de Galicia con Cuba e Exipto, coa posible próxima apertura dun centro de estudos do galego en Salvador de Bahía. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Educación


Intercambio estudantil con Sicilia
Uns 17 alumnos do IES Politécnico de Lugo participan nun intercambio lingüístico con estudantes de Sicilia, Italia, dentro do programa comunitario “Sócrates”. A finalidade é coñecer a lingua e cultura local de Sicilia, así como a visita a lugares típicos como o volcán Etna, a Taormina ou Val de Anapo. (Fonte: El Progreso).
26/12/2005
Acción Exterior
Proxectos de desenvolvemento con Perú
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, estivo nas rexións de Lima, Cutervo e Cusco, no país andino, para estender a labor solidaria da Xunta con 17 proxectos de cooperación pesqueira e agrícola que, no 2005, rexistraron unha achega de 946.000 euros. Sotelo tamén se entrevistou co vicepresidente de Pesca peruano e o presidente do Instituto do Mar. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).

Sociedade


Tres galegos na revista Forbes
A publicación anual das principais fortunas mundiais, realizada pola publicación estadounidense, incorporou no 2005 aos empresarios galegos Manuel Jove e Rosalía Mera como novos multimillonarios, xunto ao fundador do grupo Inditex, Amancio Ortega, valorado como o empresario mais rico de España. Ortega está no posto 23 da lista, Jove no 413 e Mera, ex esposa de Ortega, no posto 321. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Galicia


Axudas para a restauración cultural
A Escola Superior de Galicia recibe achegas para proxectos cofinanciados polo Fondo Social Europeo, coa finalidade de completar a formación de 90 alumnos galegos en estudos de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Os diplomados terán a posibilidade de completar a súa formación en Portugal, Francia e Italia. (Fonte: El Correo Gallego).
24/12/2005
Unión Europea-Pesca
Drástico recorte no acordo con Marrocos
O convenio pesqueiro 2006-2010 asinado entre a Comisión Europea e o goberno marroquí provocará unha forte redución da presenza pesqueira galega nos caladoiros do país magrebí. No anterior convenio de 1999, uns 400 buques españois, entre eles 130 barcos galegos, podían fanar en augas marroquís, pero tralo novo convenio serán menos de 100 barcos españois, incluíndo os galegos, os que poderán actuar nos caladoiros marroquís. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Economía


Campaña de promoción das empresas galegas
A Consellería de Economía realizará unha campaña especial para a promoción das empresas galegas en Bruxelas, coa finalidade de beneficiarse do Fondo Tecnolóxico que a UE creará para o período orzamental 2007-2013. A Xunta anunciou que este fondo corresponde ás estratexias deseñadas polo goberno bipartito para que Galicia alcance maiores espazos dentro da Sociedade de Información. (Fonte: Faro de Vigo).
23/12/2005
Unión Europea-Pesca
Satisfacción polo acordo pesqueiro
O xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo, José Antonio Suárez Llanos, amosou o seu optimismo respecto ao acordo alcanzado en Bruxelas e que permite a Galicia un aumento nas cotas da pescada, rape e lagostino. Suárez Llanos resaltou que a UE evitou un “recorte drástico” que puidera ter fortes consecuencias económicas e sociais para Galicia. (Fonte: Faro de Vigo).

Diáspora


Os galegos de Cuba defenden ao seu representante
Ante as acusacións de suposta arbitrariedade no reparto das axudas da Xunta, directivos das 49 sociedades galegas na illa caribeña realizaron unha xuntanza urxente no Centro Gallego de La Habana para defender o labor realizado polo presidente da Federación de Sociedades Gallegas, Antonio Cougil, nos seus esforzos por unificar a comunidade galega e garantir a transparencia na entrega dos aguinaldos ou “jabas”. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/12/2005
Solidariedade
Asistencia médica para nenos africanos
Un convenio de colaboración entre o Sergas e a Fundación Internacional “Terra de Homes”, permitirá ao coruñés Complexo Hospitalario Juan Canalejo a asistencia cardiolóxica infantil a nenos de Benín, Guinea Ecuatorial, Guinea Conakry Madagascar, Marrocos, Mauritania, Senegal e Togo. A Fundación “Terra de Homes” ven colaborando coa ONU, o Consello de Europa e Unicef, no desenvolvemento de proxectos sanitarios e asistenciais. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais


A Xunta eloxia a consecución do Obxectivo 1
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, presentou ante o Consello da Xunta un informe sobre a repercusión en Galicia do acordo alcanzado a pasada fin de semana no Consello Europeo sobre as perspectivas financeiras da UE para o período 2007-2013. O informe considera que o acordo alcanzado foi altamente positivo para os intereses de Galicia xa que eliminou as incertezas sobre a recepción dos fondos estruturais no devandito período. (Fonte: www.xornal.com).

Emigración


Oficina para emigrantes e inmigrantes
A visita a O Carballiño do secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez González, permitiu o respaldo da Xunta á creación dunha oficina municipal con persoal específico para temas de emigración e inmigración. Neste sentido, Rodríguez González louvou o labor realizado polo Centro Arxentino Asociación Latinoamericana. (Fonte: La Voz de Galicia).
21/12/2005
Diáspora
Critican a actual política da Xunta
O ex conselleiro de Emigración e deputado polo PP, Aurelio Miras Portugal, acusou á Xunta de “falta de vontade” e “incapacidade administrativa” para axudar á diáspora, tomando como exemplo o retraso ata xaneiro da axuda humanitaria en Cuba, valorada en 50.000 euros. Miras Portugal tamén defendeu ao responsable da Federación de Sociedades Gallegas en Cuba, Antonio Cougil, ante as acusacións do actual goberno bipartito da súa suposta vinculación ao PP. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais


A Xunta recoñece o recorte dos fondos europeos
A pesar de lograr manterse no Obxectivo 1 ata o 2013, o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio recoñeceu que Galicia perderá un 15% dos fondos estruturais, uns 500 millóns de euros menos do percibido no período 2000-2006. Pola súa banda, o voceiro do PPdG, Alberto Núñez Feijoo, calculou en 350 millóns de euros a perda dos fondos europeos. (Fonte: El Correo Gallego).

Política


Evo Morales estivo en Pontevedra
No mes de abril de 2004, o hoxe presidente de Bolivia e entón principal líder indixenista dese país estivo nunha visita institucional con motivo da Semana Galega de Filosofía, onde agradeceu o apoio de Galicia á democracia boliviana. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


Libros e material escolar para nenos estranxeiros
A Concellería de Emigración do Concello de Santiago concedeu por primeira vez axudas escolares para fillos de inmigrantes, cun importe de 2.350 euros. A estas axudas se engaden os 4.200 euros que concede a concellería de Educación na compra de libros e material escolar. (Fonte: La Voz de Galicia).
20/12/2005
Diáspora
Artigos de primeira necesidade para Cuba
A pesar de que neste Nadal a emigración galega en Cuba non recibiu o tradicional aguinaldo, a secretaría xeral de Emigración anunciou o envío para xaneiro de 2006, de artigos de primeira necesidade e alimentos, tomando en conta as necesidades sociais e sanitarias dos beneficiados. Neste sentido, se creará unha comisión técnica dirixida polo propio secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Economía


Galicia reduce a súa converxencia económica
Os datos do Balance Económico Rexional da Fundación Cajas de Ahorros, Funcas, considera que a nosa Comunidade reduciu a súa converxencia coa UE nos derradeiros catro anos, tras pasar do nivel 74,10 no 2000 ao 81,87 no 2004, uns 7,7 puntos por riba da media estatal. (Fonte: Faro de Vigo).

Turismo


Ingleses e noruegueses apostan por Ferrol
O turismo de transatlánticos británicos e noruegueses están a facer de Ferrol un dos seus puntos mais atractivos para o 2006. A Autoridade Portuaria e a Cámara de Comercio ferrolá consideran que esta actividade aumentará nos próximos meses. (Fonte: El Correo Gallego).
19/12/2005
Diáspora
Investigarán “favoritismo” das axudas en Cuba
Debido ás denuncias ante a Xunta sobre a “arbitrariedade” na distribución das subvencións especiais para Nadal, a Secretaría Xeral de Emigración investigará os criterios con que se realizaron estas subvencións dentro da Federación de Sociedades Gallegas en Cuba. O seu responsable, Antonio Cougil Fernández, coordina os programas sociais da Xunta “coa delegación do Partido Popular en La Habana”, segundo un comunicado oficial do goberno galego. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade


Detido sindicalista galego no cumio da OMC
Xosé Ramón Cendán, representante do Sindicato Labrego Galego e da Coordinadora Labrega Europea, foi detido en Hong Kong tras un enfrontamento coa policía antidisturbios, durante unha protesta antiglobalización con motivo do cumio mundial do Comercio. Cendán estivo baixo custodia policial. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Fondos Estruturais


Reaccións ante a negociación europea
Tralas duras negociacións no cumio europeo en Luxemburgo, a aprobación dos orzamentos comunitarios para o período 2007-2013, aseguran para a nosa Comunidade o mantemento do Obxectivo 1. Neste sentido, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, considerou coma un “alivio” o acordo ante a “perspectiva tremendamente negativa e perigosa”. Pola súa banda, o grupo parlamentario do PP criticou a “mala negociación” pola suposta perda duns 3.000 euros para cada fogar galego. (Fonte: Faro de Vigo).

Portugal


Encontro empresarial transfronteirizo
A Confederación de Empresarios de Ourense abriu a IV edición do Encontro Empresarial Transfronteirizo Ourense-Norte de Portugal, dedicado ao sector téxtil, que contou cunha ampla representación empresarial lusa. Nesta edición presentouse a Rede Eures, patrocinadora do evento e eixe fundamental para a mobilidade transfronteiriza. (Fonte: La Voz de Galicia).
18/12/2005
Diáspora
Touriño pide maior acceso ás mulleres
No marco da xuntanza en Santiago cos representantes dos centros galegos no exterior, o presidente da Xunta pediu a aplicación de políticas de igualdade de xénero no acceso ás direccións destes centros. Neste sentido, Touriño explicou que este punto será un dos mais importantes dentro da reforma da Lei da Galeguidade, castigando sen subvencións os casos de discriminación. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais


Galicia mantén o Obxectivo 1
Tralo acordo alcanzado na madrugada do sábado 17 en Luxemburgo, a nosa Comunidade seguirá a recibir os fondos europeos ata o 2013, estimados nunha cantidade próxima aos 17.300 millóns de euros. Do mesmo xeito, estableceuse que, alén do 2014, Galicia podería seguir recibindo subvencións durante un período transitorio. (Fonte: Faro de Vigo).

Diáspora


Galegos de Cuba quedan sen aguinaldo
Unha comunicación da Secretaría Xeral de Emigración ao presidente da Federación de Sociedades Gallegas en Cuba, Antonio Cougil, considerou que as tradicionais “jabas”, ou aguinaldo de Nadal que durante dez anos recibían cerca de mil familias galegas na illa caribeña, deixarán de enviarse no 2005, debido ao “esgotamento do orzamento”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Acción Exterior


Ecuador aprenderá do modelo rural galego
A traveso do proxecto Expider, promovido polo Banco Interamericano de Desenvolvemento, e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader, Galicia exportará a Ecuador o seu modelo rural, deseñado dentro dos plans Leader da UE. A rexión ecuatoriana de Chanchán, na provincia do Chimborazo, será a beneficiada deste proxecto, valorado en 50.594 millóns de euros, nese país suramericano. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Educación


As urxencias das universidades galegas
Segundo Javier Sardina, responsable da Oficina de Investigación e Tecnoloxía da USC, as universidades galegas necesitan un incremento dun 20-25% de recursos financeiros e estruturais para poder converxer co nivel medio do sistema universitario europeo. Do mesmo xeito, o equipo de investigadores atopase “moi por debaixo” da media europea. (Fonte: Faro de Vigo).
17/12/2005
Diáspora
Xustificación dos gastos no exterior
Coa finalidade de favorecer a transparencia e a igualdade, a Xunta prepara unha reforma da Lei da Galeguidade mentres a secretaría xeral de Emigración anunciou a publicación, no Diario Oficial de Galicia, de todas as axudas que se concedan ao exterior. Pretendese que, por vez primeira, os centros galegos no exterior xustifiquen as facturas e documentos acreditativos de gastos de determinadas subvencións recibidas. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Premio para o traxe luso-galaico
A investigación “Algúns exemplos de artesanía tecelá e de indumentaria de Entroido na fronteira galego-portuguesa”, foi galardoado co XI Premio de Investigación Antón Fraguas, promovido pola Asociación do Traxe Galego. O autor deste estudo é Xosé Rodríguez Cruz, de A Gudiña. (Fonte: El Correo Gallego).

Premio por renovar as bodegas Cálem
A Asemblea Xeral da Rede de Capitais de Grandes Viñedos, reunida en San Francisco, EEUU, premiou o traballo realizado por Caixanova na renovación das bodegas Cálem de Porto, co galardón Best of Wine Tourism Awards 2006, como a mellor actuación arquitectónica mundial no ámbito no turismo de enoloxía. (Fonte: El Correo Gallego).

Outro golpe para o AVE Vigo-Porto
Durante o encontro na Cámara de Comercio e Industria Luso-Española, CCILE, a secretaria de Estado portuguesa de Transportes, Ana Paula Vitorino, insistiu en que o tren de alta velocidade “non é sustentable económica nin financeiramente, cunha pouca demanda”. Vitorino afirmou que a data de comezo da liña non se coñecerá ata o 2007. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/12/2005
Solidariedade


Palestina contada aos nenos galegos
Dentro do programa multicultural da ONG Solidariedade Internacional, a visita da moza palestina María Rashamawi ás escolas de Camariñas e Laxe iniciou unha serie de exposicións sobre a vida da mocidade palestina e a situación en Oriente Medio. Outro dos programas, denominado “Dialogando co Sur”, permitiu a celebración de sesións fotográficas sobre os indíxenas andinos e relatos de contos de América Central. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora


Luar na Lubre coa emigración
A agrupación galega realizou un concerto en Vigo no que presentou o seu derradeiro disco, “Saudade”, o cal recupera o legado histórico da emigración galega en América Latina. Neste concerto participaron Emilio Cao, a cantante brasileira Cida Airam e a agrupación portuguesa Tucanas. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Marítima


Bruxelas condena á ría de Vigo
O Tribunal de Xustiza da UE condenou a España por non adoptar un programa específico de redución da contaminación nas augas para a cría de moluscos na ría de Vigo, tomando en conta que constitúe unha infración da lexislación comunitaria. (Fonte: Faro de Vigo).

Marítima


Vigo, na elite científica mundial
Carmen Porteiro, investigadora do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, foi elixida como vicepresidenta do órgano executivo do Consello Internacional para a Exploración do Mar, o mais prestixioso a nivel mundial, conformado por 2.000 científicos de 19 países asociados. Porteiro xa desempeñaba o cargo de delegada española neste organismo, que funciona como asesor de asociacións pesqueiras. (Fonte: La Voz de Galicia).
15/12/2005
Galicia
Zhu Lun visita o Parlamento galego
O investigador chinés Zhu Lun, do departamento de Etnoloxía da Academia Chinesa de Ciencias Sociais, foi invitado ás instalacións do Parlamento galego pola súa presidenta, Dolores Villarino, onde tamén se entrevistou co voceiro do PSdG, Ismael Rego. Zhu Lun chegou a Galicia en setembro pasado para un período de investigacións no Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, como parte da apertura do Observatorio de Políticas Chinesas desta institución. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Industriais preocupados polo AVE Vigo-Porto
A Federación Luso-Galaica de Industriais Metalúrxicos, Feluga, amosou a súa preocupación polas “aparentes dúbidas” do goberno portugués sobre a construción do tren de alta velocidade. Nun comunicado defendeu a súa “importancia fundamental para o desenvolvemento na rexión do Norte de Portugal e Galicia”, especialmente no transporte comercial. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Santiago acolle o Premio da Novela Europea
O Casino de Santiago inaugurou a IV edición deste premio literario, onde participan novelas de escritores europeos, como Michael Houllebecq, Helga Schneider, o xaponés nado en Gran Bretaña, Kazuo Ishiguro e Teresa Moure. Nesta ocasión, os presentadores do premio instaron aos composteláns a implicarse na votación como xurado. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima


Noruega investigará a seguridade en Navantia
A ministra de Defensa norueguesa, Anne-Grete Strom-Erichsen, anunciou en Oslo que o seu goberno investigará se Navantia cumpre cos requisitos de seguridade nos seus estaleiros localizados en Ferrol, tralo informe presentado polo Ministerio do Traballo español sobre a morte de catro traballadores dunha fragata norueguesa, ocorrido en maio pasado. Dende Madrid multaron a Navantia con 60.000 euros por infracción de normas da Lei de Prevención de Riscos Laborais. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais


A Xunta ve “insuficiente” a oferta británica
O novo borrador presentado polo goberno británico sobre o orzamento comunitario para o período 2007-2013, non foi ben acollido na Xunta, segundo declaracións do conselleiro de Economía, José Ramón Fernández, quen explicou que a proposta está por debaixo das expectativas para Galicia. A oferta inglesa incrementa só en 2.600 millóns os fondos de cohesión. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Política Rexional


Bruxelas garante fondos para o Porto Exterior coruñés
Dende a comisión de Política Rexional da UE se asinou a concesión de 257,5 millóns de euros ás obras do porto exterior en A Coruña, cumprindo co compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a comisaria Danuta Hübner en novembro pasado, e rematando con dous anos de incertezas do proxecto. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela


Chávez e Quintana impulsan a cooperación
A xuntanza entre o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o presidente venezolano Hugo Chávez, centraron a cooperación en 15 áreas, principalmente turismo, agricultura, pesca, gandería e recursos renovables. Do mesmo xeito, Quintana reuniuse co ministro de Cultura, Farruco Sesto Novás, e acordaron liñas de colaboración en materia audiovisual, editorial, bibliográfica e patrimonial a partir do primeiro trimestre do 2006. (Fonte: Faro de Vigo e www.vieiros.com).
14/12/2005
Portugal
Retraso ata o 2015 no Ave Vigo-Porto
A visita a Galicia do ministro portugués de Transporte, Mario Lino, confirmou as expectativas mais pesimistas sobre o remate da liña ferroviaria de alta velocidade, desprazando o horizonte alén do 2015. Pola súa banda, o AVE Lisboa-Madrid foi confirmado para o 2013. (Fonte: Faro de Vigo).

Parques naturais transfronteirizos
A Xunta e autoridades portuguesas planean crear unha gran área transfronteiriza de 100.000 hectáreas nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés en Ourense e Peneda-Geres en Portugal, un proxecto que quedara paralizado no anterior goberno galego. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela


Quintana subscribe acordos económicos
No marco da súa visita a Caracas, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, acordou co ministro venezolano de Economía Popular, Elías Jaua, a constitución dun grupo de traballo para impulsar a cooperación nos ámbitos rural, agricultura, benestar social e industria. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


O salto exterior do IGAPE
María Dolores García, subdirectora de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica, presentou un proxecto de 150 oportunidades de negocio en países como Alemaña, Brasil, Reino Unido, Xapón, EEUU e Polonia, así como o plan de expansión e internacionalización da empresa galega, proxecto no que tamén se inclúen os 20 bolseiros galegos da área de comercio exterior, enviados a cidades como México D.F, Shanghai, Miami, Estocolmo, Dubai ou Londres. (Fonte: El Correo Gallego).

O labrego galego, no cumio da OMC
O Sindicato Labrego Galego (SLG) participou no Cumio Interministerial da Organización Mundial do Comercio (OMC) en Hong Kong. Xosé Ramón Cendán, membro das executivas da CPE e do SLG, tomou parte das mobilizacións contra a liberalización dos mercados agrarios. (Fonte: www.xornal.com).

Cuestionan contrato de Fadesa en Budapest
O alcalde da capital húngara, Gábor Demszky, anunciou a nulidade dos contratos asinados pola inmobiliaria coruñesa Fadesa nun terreo de 82 hectáreas na illa Csepel do río Danubio, xa que forma parte do Plan de Fomento da Capital en parques de interese local. (Fonte: El Correo Gallego).
13/12/2005
Portugal


Mecanismos para afianzar a Eurorrexión
O presidente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Carlos Cardoso Lage, reuniuse co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, coa finalidade de reactivar os proxectos comúns, especialmente en materia de infraestrutura, cooperación e defensa na negociación do novo marco financeiro comunitario para o período 2007-2013. Cardoso asegurou que Lisboa segue a ter a Galicia como eixe estratéxico e comentou que a paralización do AVE Vigo-Porto non será definitiva. En febreiro de 2006, Touriño asumirá a presidencia deste organismo. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca


Galicia asumirá representación das autonomías
O próximo Consello Europeo da Pesca, a celebrarse a finais de decembro, terá en Galicia, na figura da conselleira de Pesca, Carmen Gallego, a representación común das demais autonomías pesqueiras estatais, constituídas por Euskadi, Andalucía, Baleares e Cantabria. Gallego viaxará a Bruxelas xunto coa ministra de Pesca, Elena Espinosa, para discutir as cotas comunitarias para o 2006. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais
A Xunta pide a Madrid mais contundencia
Ante a posible aprobación do “plan británico” de recorte orzamental nos fondos europeos, o cal faría perder a Galicia 1.200 millóns de euros para o período 2007-2013, a Xunta e as forzas políticas, económicas e sindicais galegas piden ao goberno estatal maior contundencia nas negociacións con Bruxelas.
(Fonte: Faro de Vigo).

Diáspora


Quintana promete “reorientar” a asistencia social
No marco da súa visita de tres días a Venezuela, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, expuxo ante 200 membros da Irmandade Galega de Caracas a necesidade de “reorientar” a asistencia social cara a diáspora galega con mais medios e atención preferente á terceira idade, a traveso da creación dunha rede pública e centros de día. (Fonte: www.xornal.com e La Voz de Galicia).

Cuba


Estreo en La Habana dun filme cubano-galego
O cinema Acapulco da capital cubana foi o escenario do estreo da produción cubano-galega “Siempre Habana”, baixo a dirección de Ángel Peláez e coproducida por Directo de Información y Divulgación, Casen Producciones, TVG, e o Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/12/2005
Cooperación
Intercambio ourensán con Asia e Oriente Medio
A Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense afianza a súa política de intercambio estudantil, ampliando o seu radio de cooperación con países de Xordania e India. A Escola xa tiña convenios deste tipo con institutos de EEUU, Malta, Polonia, Francia, Italia e Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Europa afectada pola ausencia do mexillón galego
Debido á presenza da chamada “marea vermella”, o mexillón galego queda ausente do mercado europeo, o cal contribúe á potencialidade comercial do sector chileno e asiático. A súa ausencia coincide nunha conxuntura de ampliación do produto cara outros mercados como Italia, Grecia e Asia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora


Inaugurado o Museo Galego da Emigración Galega
A iniciativa persoal de Francisco Lores Mascoto, co apoio da Deputación de A Coruña, permitiu a apertura na sede da Federacións das Asociacións Galegas na República Arxentina, do Museo da Emigración Galega de Arxentina, MEGA, cunha exposición de obxectos da colectividade galega residente neste país desde o século XIX. O acto de apertura contou coa presenza do escritor arxentino e Premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, o presidente da Deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, e unha representante das Abuelas de Plaza de Mayo, Dionisia López, nada en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
11/12/2005
Irmanamentos
Boqueixón se irmana con cidade búlgara
O alcalde en funcións da localidade coruñesa de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o seu homólogo da localidade búlgara de Tutrakán, Georgi Georgiev, asinaron o convenio de irmanamento dos seus concellos, dentro dun proxecto financiado pola UE. A localidade búlgara conta con 10.000 habitantes e se espera activar un intercambio de mozos para o próximo verán. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Empresa galega avanza en Europa
Segundo estatísticas realizadas pola organización paneuropea GrowthPlus, na que colaboran Microsoft e KPMG, a consultora en tecnoloxías de información compostelá Coremain, conservou a súa praza por cuarto ano consecutivo, como unha das 500 firmas europeas con maior avance no panorama económico. Coremain, creada en 1991, facturou 14,3 millóns de euros no 2004. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


A pegada galega de Cortázar
A dotación dun legado de 2.000 fotografías e material fílmico do escritor arxentino Julio Cortázar foi outorgado pola viúva deste, Aurora Bernárdez, ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Este material expuña a relación de Cortázar coa emigración galega. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Pontevedra recibirá fondos da eurorrexión
Un impulso económico valorado en 26,9 millóns de euros a traveso de dez proxectos nos que participa a Deputación de Pontevedra, serán outorgados pola eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, entre os que se atopan sectores como as augas residuais do río Miño, a integración de inmigrantes e emigrantes retornados, as vías atlánticas, problemas forestais, infraestrutura pública e a náutica recreativa. (Fonte: La Voz de Galicia).
10/12/2005
Unión Europea-Educación
Bruxelas financia proxectos educativos
A UE seleccionou 188 proxectos educativos, enmarcados nos programas Leonardo da Vinci e Sócrates, nos que participarán centros educativos galegos. A achega europea supera o millón de euros e, por parte da Xunta, ascende a 31.000 euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca


Aseguran Axencia Europea de Vigo para o 2006
O secretario xeral de Pesca Marítima, Juan Carlos Martín Fragueiro, asegurou en Vigo que a Axencia Europea de Pesca comezará as súas funcións en xuño de 2006, unha vez os técnicos da Comisión Europea revisaran o edificio destinado á sede, dentro das instalacións da Comandancia Mariña. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela


Anxo Quintana asinará convenios con Hugo Chávez
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, entrevistarase co presidente venezolano Hugo Chávez coa finalidade de avanzar en proxectos conxuntos en turismo, agricultura e acción social. Quintana é o primeiro membro do goberno galego en visitar a colonia galega en Iberoamérica, coa excepción do secretario xeral de Emigración. O líder do BNG tamén se entrevistará cos ministros de Economía Popular, Elías Jahua, e Cultura, Farruco Sesto Novás. (Fonte: Faro de Vigo).

Pesca


Acusarán a Noruega ante Tribunal de La Haya
O secretario xeral de Pesca Marítima, Juan Carlos Martín Fragueiro, anunciou en Vigo a decisión dos ministerio de Agricultura e Pesca e de Exteriores de levar a Noruega ante o Tribunal Internacional de Xustiza de La Haya por considerar un exceso nas súas funcións o apresamento dos barcos galegos Monte Meixueiro e Garoya II. Esta demanda podería contar cos apoios de Rusia e Islandia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Anulan recortes no tren Vigo-Porto
Debido á presión social en Galicia e Portugal, a empresa estatal lusa Comboios de Portugal anunciou a reconsideración da súa decisión de recortar definitivamente a liña férrea Vigo-Porto, por unha nova modificación que reduciría nun 50% o servizo e prolongaría nunha hora a viaxe. (Fonte: La Voz de Galicia).
09/12/2005
Irmanamento
Ourense e a vila francesa de Ouimper
O pleno municipal ourensán aprobou o protocolo de irmanamento coa vila francesa de Ouimper, seguindo os pasos de procesos anteriores co concello cubano de Praza da Revolución e a cidade mexicana de Tlalnepantla de Baz. O obxectivo do novo convenio ten que ver co “desenvolvemento da cohabitación cultural, económica e turística nos terreos da saúde, educación, deporte, xuventude e rural”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora


Apertura do Museo da Emigración Galega
O MEGA abriu as súas portas na sede da Federación das Asociacións Galegas de Bos Aires, coa participación do Premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel e do presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Mudanzas no tren Vigo-Porto
A empresa estatal portuguesa Comboios de Portugal ten previsto realizar modificacións no tramo ferroviario entre Vigo e Porto, debido a que figura entre as 16 liñas mais deficitarias no veciño país. Isto contemplaría rebaixar a súa liña de internacional a rexional, o que formula protestas e problemas dende a perspectiva galega. (Fonte: La Voz de Galicia).
08/12/2005
Diáspora
Promoven a cultura galega na Arxentina
A Deputación de A Coruña, a Fundación Xeito Novo e o Centro Galego de La Plata asinaron un documento de compromiso na difusión e investigación da cultura galega no país suramericano, cunha achega de 18.000 euros. Do mesmo xeito, o Centro Gallego recibiu outra achega de 24.000 euros para a mellora das súas infraestruturas. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo


Santiago na rede das cidades santas
A capital galega acollerá a mediados de decembro unha xuntanza cos responsables turísticos de Roma e Xerusalén, coas que forma parte da rede das tres cidades santas da Cristiandade, para formalizar un proxecto de promoción turística e relixiosa conxunta, denominado “Alianza das Cidades Santas”. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Os polacos crean asociación propia
Os aproximadamente 20 residentes polacos en Santiago decidiron crear a súa propia asociación, dentro das actividades do proxecto Capital Futuro, pertencente ao Servizo Voluntario Europeo. A súa voceira é Ewa Pawlowska, doutorada en Económicas e residente en Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Coca Cola Black dende Galicia
A multinacional de bebidas embotellará na fábrica Bebidas Gaseosas del Noroeste en A Coruña o seu novo produto, a Coca Cola Black, de sabor café que será lanzado en xaneiro de 2006 dende Francia a outros países, como EEUU. (Fonte: La Voz de Galicia).
07/12/2005
Unión Europea-Fondos Estruturais
Solbes asegura Obxectivo 1 para Galicia
O ministro de Economía, Pedro Solbes, asegurou en Bruxelas que Madrid votará en contra da oferta británica de recortes, con perdas de 1.000 millóns de euros, nos gastos agrícola e pesqueiro. Solbes expresou a súa confianza en que Galicia manteña os fondos europeos ata o 2013. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Baixa conexión no tren Vigo-Porto
Renfe e a concesionaria lusa Comboios Portugueses acordaron realizar unha análise conxunta dos equipos técnicos na conexión ferroviaria Vigo-Porto, unha vez se constatara a baixa intensidade na súa utilización e o consecuente déficit económico. Deste xeito, o BNG impulsa a concreción do AVE para o 2009, pero en Madrid consideran que a súa finalización debe acordarse conxuntamente con Lisboa. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Exportacións galegas creceron no 2004
Segundo datos do Instituto Español de Comercio Exterior, ICEX, as exportacións galegas creceron un 5,05% no 2004, un total de 10.460 millóns de euros, con respecto ao índice do ano anterior, ubicado nun 2,25%. Pola súa banda, as importacións se achegaron aos 10.950 millóns de euros, un incremento do 6,89%, por debaixo do 11,75% do 2003. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/12/2005
Diáspora
Galicia e Arxentina cooperarán na capacitación migratoria
Unha xuntanza en Bos Aires entre o secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, o director nacional de Migracións na República Arxentina, Ricardo Eusebio Rodríguez, e o secretario de Provincias, Rafael Enrique Follonier, permitiu a sinatura dun convenio de cooperación na capacitación cultural e profesional das segundas e terceiras xeracións de galegos, coa finalidade de aproveitar profesionalmente este capital humano. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia


París coñece as excelencias do mar galego
No marco do Salón Náutico de París, a feira máis importante do mundo neste sector, a Dirección xeral de Turismo e Turgalicia deron a coñecer a oferta turística galega a traveso da súa potencialidade marítima. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


O impacto da crise económica lusa
As asociacións de comerciantes galegos notaron os efectos da crise económica portuguesa ante o notable descenso de clientes lusos no 2005 e a forte baixa do consumo, o cal afecta a 414.000 compradores, especialmente nos sectores téxtil, ocio e hostalería, segundo un estudo de Caixanova. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/12/2005
Diáspora
Fallas no acceso ás axudas para a emigración
De visita na Arxentina, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, explicou que un 75% dos galegos residentes no exterior non ten acceso ás axudas outorgadas pola Xunta debido a súa escasa integración nos centros galegos, o que dificulta a labor informativa desas axudas. (Fonte: El Correo Gallego).

Ensinanza galega na Arxentina
De visita en Galicia, os representantes do colexio Santiago Apóstolo, do Centro Gallego de Bos Aires, manifestaron a particularidade deste centro, o único colexio no exterior no que se imparte unha ensinanza plena da lingua, historia e cultura galega. Dependente da Fundación Galicia-América, o colexio asumiu no 2004 un financiamento de 30.000 euros para os seus 137 alumnos, outorgado polas deputacións de A Coruña e Pontevedra, en concepto de bolsas e causas diversas. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Aetinape pide a Bruxelas protección marítima
A Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueiro, Aetinape, reclamou oficialmente ante a UE o establecemento de medidas para protexer a flota comunitaria nos actos de piratería que se comenten nas augas de Somalia, e que afectan a diversos pesqueiros galegos que fanan neses caladoiros. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/12/2005
Diáspora
Delegación coruñesa parte a Arxentina
Unha comitiva da Deputación de A Coruña, encabezada polo seu presidente Salvador Fernández Moreda, partiu cara o país suramericano para asinar convenios coas seis asociacións vinculadas a Galicia, coa entrega de 151.000 euros para o melloramento dos centros sociais, a construción de xeriátricos, desenvolvemento de actividades de formación e difusión da cultura galega e a inauguración do Museo da Emigración Galega no Hogar Gallego de Bos Aires. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Australia venera a Frei Rosendo Salvado
Os diarios do bispo Salvado serán un gran complemento para a historia de Australia occidental, segundo explicou Roberto Esposto, profesor da Universidade australiana de Queensland e encargado da tradución dos 11 diarios do beneditino galego. Os textos foron escritos en 1844 e están custodiados pola orde beneditina de Tui, cidade fundada polo relixioso galego. Se espera a súa finalización no 2009. (Fonte: La Voz de Galicia).
03/12/2005
Unión Europea-Gandería
Pechan o matadoiro de Cee
Debido ás esixencias normativas da UE e aos elevados custes de mantemento, previstas para o 2006, o matadoiro municipal de Cee pechará as súas portas tras dez anos de actividade nos concellos de Cee, Corcubión e Fisterra. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Multas e acusacións contra pesqueiros galegos
A policía da localidade noruega de Trömso aplicou unha multa de 1,5 millón de euros ao Grupo Oya, propietario do pesqueiro galego “Garoya Segundo” por pesca ilegal nas súas augas de Svalbard, no océano Ártico. Do mesmo xeito, as autoridades irlandesas presentaron acusación contra o pesqueiro “Nueva María Lourdes” por fanar ilegalmente no caladoiro do Gran Sol, cerca das costas de Galway. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia se apunta á pesca sostible
No marco dun cumio de mariñeiros artesanais de cinco países celebrado en Ushuaia, Arxentina, a Confraría de Pescadores de Lira, en Carnota, se integrou na rede internacional de comunidade de pescadores artesanais para o desenvolvemento sostible, RECOPADES, coa finalidade de promover o recoñecemento e defensa dos dereitos sociais, culturais, económicos e ambientais das zoas onde se practica a pesca artesanal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Investigación


Un galego dirixirá o I+D europeo
José Manuel Silva Rodríguez, natural de Chantada, será o próximo director xeral de Investigación e Desenvolvemento da Comisión Europea, segundo foi anunciado por fontes deste organismo en Londres. (Fonte: La Voz de Galicia).
02/12/2005
Unión Europea-Fondos Estruturais
Dúbidas en torno aos fondos europeos
A pesar de que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, amosou o seu convencemento de que Galicia manterá os fondos comunitarios ata o 2013, nunha alocución no Parlamento, admitiu que si Bruxelas retrasa ata marzo de 2006 a negociación do orzamento, non podería confirmar que a nosa Comunidade conserve os fondos. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Lingua


Retrasan facultade do uso do galego
O emprego do galego no Parlamento europeo poderá ser unha realidade cando menos ata o 2006, posto que a Mesa da Cámara non abordou este asunto durante a súa xuntanza de novembro. Con sorte, o acordo co goberno español para permitir a tradución e a interpretación no Europarlamento non se admitirá a trámite ata o 12 de decembro. (Fonte: www.vieiros.com).

Marítima


Vigo vende deseños para estaleiros chineses
A compañía viguesa de J. Barreras comezou unha estratexia de venda de deseños de construción naval no sudeste asiático, especialmente China. Do mesmo xeito, o presidente da armadora Armas, Antonio Armas e accionista de Transmediterránea, asegurou a cobertura dunha liña de ferry entre Vigo e a localidade británica de Bristol nun futuro inmediato. (Fonte: Faro de Vigo).

Prestige


Galicia queda sen naves de recollida de vertidos
A Axencia Europea de Seguridade Marítima, EMSA polas súas siglas en inglés, contratou sete buques para realizar labores de recollida de hidrocarburos no mar no caso dun vertido similar ao do Prestige, aínda que ningunha destas naves terá a súa base nun porto de Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Irmanamento


Interesa programa de rehabilitación de Santiago
A cidade de Santiago de los Caballeros, en República Dominicana, recen irmandada con Santiago de Compostela, amosou o seu interese en coñecer o programa de rehabilitación do casco vello da capital galega, segundo informou o seu alcalde tras asistir a un acto do Eixo Atlántico. En xullo de 2006 se realizará unha reunión en Galicia cunha comisión desta localidade caribeña. (Fonte: La Voz de Galicia).
01/12/2005
Unión Europea-Infraestruturas
Vigo tamén pide axudas a Bruxelas
Coincidindo co presuposto comunitario para o porto exterior de A Coruña, o presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Abel Caballero, pretende obter de Bruxelas un financiamento de 60% dos proxectos previstos por este organismo, un total de 100 millóns de euros. Pola súa banda, o BNG criticou como “erróneo” e “arriscado” o anuncio do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de que o porto exterior coruñés recibirá 275 millóns de euros en fondos europeos. (Fonte: Faro de Vigo).

Pesca


Pesqueiro vigués se declara culpable
O “Novo María Lourdes” capturado en Irlanda por presunta pesca ilegal, se declarou culpable da pesca de tres especies marítimas. Do mesmo xeito, as autoridades noruegas rebaixaron de 1,6 millóns de euros a 1,2 millóns, a multa imposta ao pesqueiro “Monte Meixueiro”. Fontes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, MAPA, declararon que a casa armadora deste pesqueiro ten dificultades para pagar a fianza. (Fonte: Faro de Vigo).

A flota galega retornará á NAFO
A conselleira de Pesca, Carmen Gallego, anunciou ante o Parlamento das altas posibilidades de que a flota galega retorne en decembro aos caladoiros da NAFO para a pesca do fletán, grazas aos contactos e acordos pesqueiros pechados con Alemaña, Lituania, Italia e Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima


Conflito polas patrulleiras a Venezuela
Empresarios e sindicatos de Ferrolterra protestaron ante a decisión do goberno estatal de construír as 8 patrulleiras para a Armada venezolana en Cádiz e non en Ferrol, tal e como se prometera nos acordos asinados en decembro pasado para a reconversión dos estaleiros públicos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Pontevedra, embaixadora do empresariado galego
O pleno da Cámara de Comercio de Pontevedra aprobou un orzamento de 1,5 millóns de euros para o 2006, no que se inclúen apoiar proxectos empresariais galegos, cunha forte presenza na área de MERCOSUR (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), e a súa posible ampliación a Bolivia, Chile e Venezuela. Outras misións comerciais aprobadas prevén visitas a República Dominicana, Italia, Polonia e a República Checa. (Fonte: La Voz de Galicia).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, Galicia Información, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, Xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2005: novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/12/2005
Fernando Pol


Subir