Diario Exterior / novembro de 2005

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/11/2005
Pesca


Irlanda apresa pesqueiro de Marín
O buque “María Lourdes”, pertencente á Cooperativa de Armadores de Vigo, foi apresado a principios de novembro nas augas irlandesas, por suposta faena ilegal na zoa 7, pechada á pesca española. As autoridades levaron a embarcación ata o porto de Galway, onde atoparon no seu interior aproximadamente 1.500 toneladas de pescada. (Fonte: El Correo Gallego e www.vieiros.com).

Unión Europea-Marítima


Bruxelas confirma fondos para o Porto Exterior
A comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner, confirmou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que o porto exterior da Coruña, situado na zona de Punta Langosteira (Arteixo) terá unha asignación por parte da Unión Europea de 257 millóns de euros. Asemade, Hübner confirmou que Galicia vai continuar percibindo fondos comunitarios ate o ano 2013. (Fonte: www.xornal.com).

Economía


Recomendan unha imaxe única de Galicia
No marco da conferencia “Rexións europeas que aprenden” celebrada na Zoa Franca de Vigo, catro expertos en crecemento económico, Christer Asplund, ex director da Axencia de Desenvolvemento Económico; José María Viedma, barcelonés experto en economía social; Sascha Haselmayer, arquitecto británico especializado en xestión de empresas innovadoras; e Jan Annerstedt, presidente da Unesco para comunicacións na Escola de Negocios de Copenhague, recomendaron unha estratexia destinada a fomentar a marca “made in Galicia”, naqueles sectores económicos xeitosos da nosa Comunidade, como a pesca, o automobilístico, o téxtil e o turismo xacobeo. (Fonte: La Voz de Galicia).
29/11/2005
Unión Europea-Educación
Rede europea de mulleres científicas
Durante a clausura dun master de igualdade de xénero na Universidade de Vigo, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, alagou a iniciativa europea de crear unha plataforma que reúna as redes de mulleres dedicadas ás actividades científicas. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo


Santiago, na elite turística mundial
O concelleiro de Turismo de Santiago, Francisco Candela, asistiu á asemblea da Organización Mundial de Turismo en Dakar, na que se incluíu á capital galega como membro afiliado deste organismo pertencente ás Nacións Unidas. O ingreso coincide co vinte aniversario da proclamación de Santiago coma Patrimonio da Humanidade. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima


Chávez negocia con Rodman
Venezuela negocia co estaleiro vigués Rodman a construción de 48 patrulleiras para o Servizo de Gardacostas de Venezuela, aínda que non se acordaron as condicións que impón Caracas en canto á transferencia de tecnoloxía e que as embarcacións se constrúan no país. Fontes próximas á empresa confirman que as conversacións van por bo camiño. (Fonte: Faro de Vigo).

Portugal


Galicia copa as conexións Portugal-España
Segundo o Observatorio Transfronteirizo España-Portugal, a nosa Comunidade ocupa o 43% dos movementos por estrada que se producen nos pasos fronteirizos, especialmente na vía Tui-Valença do Minho, con 20.000 vehículos por día. Nunca antes a circulación fora tan intensa na eurorrexión. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura


Galicia na Feira de Guadalajara
As editoriais galegas Kalandraka e Nova Galicia Edicións participan con presenza propia na Feira do Libro de Guadalajara, a mais importante en Hispanoamérica. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia


O embaixador vietnamita en A Coruña
O embaixador do país asiático, Nguyen Xuan Phong, foi recibido polo voceiro do goberno municipal, Javier Losada, con motivo da visita do diplomático a un acto benéfico das vítimas do gas “axente laranxa”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Palestina


Documental por Palestina
A organización “Galiza por Palestina” (GXP) presentou en Pontevedra o documental “Internacionais por Palestina”, premiado polo público no Ciclo Amal 2005. O documental é un traballo hispano-palestino dirixido por Alberto Arce e María Moreno, no que se amosan os activistas internacionais do Movemento de Solidariedade Internacional, ISM. O acto foi presentado polo coordinador do ISM en Cataluña e refuxiado palestino, Saif Abukeshek. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/11/2005
Unión Europea-Fondos Estruturais
Touriño defenderá os fondos europeos
O presidente da Xunta iniciou en Bruxelas unha serie de xuntanzas coas autoridades da UE, para defender a continuación dos fondos de cohesión para Galicia ata o 2013. Touriño se entrevistará co presidente da Comisión Europea, Joao Manuel Durao Barroso, a comisaria de Política Rexional, Danuta Hübner, o presidente do Parlamento europeo, Josep Borrell, e o comisario de Asuntos Económicos e Monetarios, Joaquín Almunia. Touriño explicará que estes fondos poden axudar a Galicia na aplicación de políticas de investigación e desenvolvemento tecnolóxico (I+D). (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Lingua


Axudas ao galego, recortes ao castelán
A representación española nas institucións europeas foi informada do recorte de tradutores do idioma castelán, a favor do galego, éuscaro e catalá, debido aos esforzos do goberno de Zapatero por ingresar as tres linguas autonómicas no espazo europeo. (Fonte: www.xornal.com).

Solidariedade


O Fondo Galego busca novos socios
A derradeira xuntanza da executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, insistiu na necesidade de impulsar unha campaña de captación de novos socios nos concellos do norte de Pontevedra, principalmente Marín, Sanxenxo, Vilaboa, A Illa, Catoira, Vilanova e O Grove. Na actualidade, o Fondo consta de 80 concellos galegos e desenvolve proxectos en Nicaragua, O Salvador, Bolivia, Perú, Brasil, Cabo Verde, Cotê d´Ivoire e Etiopía. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/11/2005
Comercio
Políticos arxentinos visitan feira do Atlántico
Unha delegación de altos cargos políticos arxentinos visitou a Feira Industrial do Atlántico en Pontevedra, entre os que se atopaban o ministro de Produción, Recursos Naturais, Forestal e Terras da provincia de Santiago del Estero, Luis Gelid; o xerente comercial da Cámara Arxentina de Comercio, Roberto Ameijeiras; e o Defensor do Pobo de Santiago del Estero, Darío Alarcón. (Fonte: Faro de Vigo).

Cooperación


Científicos galegos identificarán vítimas do tsunami
Esta investigación, financiada pola UE cun millón de euros en na que participarán científicos do Instituto de Medicina Legal da USC, buscará ensaiar un método que permita traballar co ADN degradado, que permita identificar ás 2.000 vítimas europeas do tsunami asiático de decembro de 2004. (Fonte: La Voz de Galicia).

Eixo Atlántico


Defenderán a importancia da cooperación transfronteiriza
Os alcaldes e dirixentes das 18 cidades galegas e do Norte de Portugal que forman parte do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular defenderán en Bruxelas, ante os representantes do Parlamento e a Comisión Europea, a importancia dos fondos de cooperación transfronteiriza, dentro do Marco Comunitario de Apoio, para o período 2007-2013. A defensa será realizada polo alcalde santiagués, Xosé Sánchez Bugallo, que ademais inaugurará a exposición “Galicia, Norte de Portugal: dúas rexións, unha eurorrexión, construíndo a Europa dos cidadáns”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Festexo a pesar da derrota
A pesar de que a Unesco rexeitou a candidatura do Patrimonio Oral galaico-portugués, os organizadores desta candidatura celebraron unha homenaxe no Colexio García Lorca, coa participación dun grupo de gaitas da Casa de Galicia en París, “Paiños” e outra agrupación folclórica lusa. (Fonte: La Voz de Galicia).

Irmanamento


A Estatua da Liberdade e a Torre de Hércules
O Servizo de Parques Nacionais de EEUU, pediu o respaldo político español para o asinamento dun irmanamento entre a Estatua da Liberdade e a Torre de Hércules, segundo explicou o embaixador en Nova York do Instituto de Estudos Torre de Hércules, encargada de facer as xestións ante o Servizo de Parques e o Estado federal. (Fonte: La Voz de Galicia).
26/11/2005
Pesca
Millonaria multa ao “Monte Meixueiro”
A policía noruega impuxo unha multa de 1,6 millóns de euros ao armador da empresa Ulia A, propietaria do buque vigués, cálculo equivalente do valor do pescado ilegal capturado. O goberno español anunciou a súa intención de recorrer á multa. (Fonte: El Correo Gallego).

Comercio Exterior


Angola, maior importador dos caldos galegos
Segundo o secretario xeral da Federación Española de Vino, Rafael Rey Salgado, o país africano é o principal comprador dos vinos galegos, “e non precisamente vinos de denominación de orixe”. Rey Salgado participou nun simposio agroalimentario en Lugo. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais


Confían na consecución do Obxectivo 1
O secretario de Estado de Facenda e Presupostos, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, declarou nunhas xornadas sobre Política Económica na Universidade de Vigo, a súa confianza en que Galicia seguirá recibindo os fondos estruturais europeos aínda que se atopa nos límites da renda media europea. (Fonte: La Voz de Galicia).

Irmanamento


Santiago fai as Américas
O Concello de Santiago ten previsto a subscrición de varios irmanamentos con diversas cidades latinoamericanas que leven o nome do Apóstolo Santiago. Tralo asinamento da unión con Santiago de los Caballeros (República Dominicana), seguirá a de Santiago del Estero (Arxentina), ademais das xa asinadas con seis cidades en Arxentina, Cuba, México, Panamá e República Dominicana. (Fonte: La Voz de Galicia).
25/11/2005
Cultura
O Patrimonio oral non consegue o aval da UNESCO
A candidatura galaico-portuguesa para o Patrimonio Oral Inmaterial da Humanidade, outorgado pola UNESCO, non superou o recoñecemento oficial en París, sendo a elixida a candidatura brasileira do Samba-de-Roda no Recônçavo Baiano. Os responsables da candidatura común luso-galego prometeron que a mesma terá a súa continuidade. (Fonte: www.vieiros.com).

Modelo bretón para a educación
O presidente da Asociación Galega de Editores, Miguel Anxo Fernán Vello, propuxo ante a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, a adopción do modelo bretón para que as familias adquiran subvencionados os libros escolares, dependendo da renda familiar. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Noruega recoñece a súa culpabilidade
O director noruego do Directorio de Pesca, Peter Gullestad, admitiu que o seu país practicou no 2004 a sobreexplotación do fletán no mar de Barents. A pesar disto, as autoridades dese país elevaron a un millón de euros a multa contra o buque “Monte Meixueiro”. Pola súa banda, o secretario de Estado de Defensa de Noruega, Espen Bart Eide, declarou en Ferrol, durante a súa visita aos estaleiros de Navantia, que o conflito pesqueiro entre Madrid e Oslo debe resolverse “cun acordo diplomático ou legal”. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).

Economía


Caixa Galicia e Willis asinan acordo comercial
A corporación financeira galega e o terceiro maior broker mundial de aseguradoras asinaron un acordo para o lanzamento ao mercado dunha nova liña de seguros dirixidas ás administracións públicas e grandes empresas galegas. Aínda resta por coñecer a aprobación da Xunta de Galicia. (Fonte: www.xornal.com).

Solidariedade


A pobreza e o xénero
Unhas xornadas sobre Pobreza, Xénero e Cooperación Municipalista, se levaron a cabo en Caldas de Reis, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e varias ONGs. Victoria Iglesias, da Marcha Mundial das Mulleres, explicou que segundo cifras da ONU, 7 de cada 10 pobres no mundo son mulleres. O Fondo Galego coordina a cooperación ao desenvolvemento en América Latina e África. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora


Documental dos galegos en Cuba
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, colaborará con 6.000 euros no financiamento dun filme documental sobre o éxodo galego a Cuba, coa colaboración da produción cubana As Video e a cónsul cubana en Galicia, María Sánchez. A directora do filme é Natasha Vázquez. (Fonte: La Voz de Galicia).
24/11/2005
Pesca
Conflito con Noruega podería chegar aos tribunais
A irresolución por vías diplomáticas do conflito pesqueiro con Noruega obrigaría ao goberno español a levar o caso ante o Tribunal Internacional de Xustiza de A Haia, segundo fontes ministeriais. A policía xudicial da localidade norueguesa de Trömso asegurou que o fletán ilegal capturado polo “Monte Meixueiro” e o “Garoya Segundo” supera as 400 toneladas. Dende a Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros, AETINAPE, se indicou que o apresamento dos pesqueiros galegos podería obedecer á pretensión norueguesa de ampliar as súas augas de xurisdición. (Fonte: Faro de Vigo e La Voz de Galicia).

Prestige


O xuízo será en España
A falta de confirmación por parte do goberno francés, o organismo europeo de cooperación xudicial “Eurojust”, recomendou a realización dun único xuízo para determinar as responsabilidades, aconsellando facelo en España. Todo semella indicar que tanto Madrid como París respectarán as recomendacións realizadas por Eurojust. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Novo padrón en Compostela
A concelleira Teresa Regúlez anunciou unha campaña informativa cara aos inmigrantes, coa finalidade de renovar a súa inscrición no padrón municipal antes do 21 de decembro. Esta situación podería afectar a 700 inmigrantes na capital galega. Trala súa visita a Venezuela, Regúlez destacou que os emigrantes retornados que ese país envía a Galicia xa superan aos de Arxentina e Uruguai. (Fonte: El Correo Gallego).

Programa municipal de integración
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense puxo en marcha dúas iniciativas dentro do Programa de Atención Integral a Inmigrantes e Emigrantes Retornados, coa finalidade de facilitar a súa integración social e laboral. Nestes programas participan, principalmente, mulleres inmigrantes de Colombia, República Dominicana, Arxentina e o Sáhara. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Ambiente


Galicia superará compromiso europeo de enerxía renovable
O director do Instituto Enerxético de Galicia, INEGA, Xoán Ramón Doldán, afirmou que, grazas á produción eólica, a nosa Comunidade prevé superar no 2010 o compromiso coa UE de alcanzar o 12% do dispoñible de enerxía interior bruta a traveso de fontes renovables. (Fonte: Faro de Vigo).

Irmanamentos


Compostela e Santiago de los Caballeros
A capital galega alcanzou o irmanamento coa cidade dominicana de Santiago de los Caballeros, de 600.000 habitantes, tamén coñecida como “cidade corazón”. O alcalde Xosé Sánchez Bugallo viaxará a República Dominicana xunto a unha comitiva compostelá, para asinar o documento de cooperación con localidades que leven o nome do Apóstolo Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Axuda conxunta para emerxencias
A Xunta de Galicia e as autoridades do norte de Portugal asinaron un acordo de colaboración en casos de emerxencia e salvamento. O acordo impulsará un programa informático común para os parques de bombeiros en ambas fronteiras, e que permitirá a identificación vía satélite dos recursos humanos e materiales. (Fonte: El Progreso).
23/11/2005
Unión Europea-Pesca
Bruxelas esixe liberación dos barcos vigueses
O comisario europeo de Pesca, Joe Börg, ofreceu a súa mediación no conflito pesqueiro entre España e Noruega e esixiu ás autoridades do país nórdico a liberación dos dous barcos vigueses apresados por suposta pesca ilegal. En Oslo multaron ao buque “Monte Meixueiro” con 570.000 euros. Pola súa banda, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, criticou a actitude dos dous barcos galegos por “pescar fletan dun xeito antirreglamentario”. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).

Unión Europea-Rexións


Preocupación pola crise da UE
A Declaración final de Múnich da Conferencia de Rexións con Poder Lexislativo, REGLEG, nas que se atopa Galicia, amosou a súa pola paralización do proxecto de Tratado da UE e defendeu a aplicación efectiva da subsidiariedade como instrumento integrador da cidadanía coas institucións comunitarias. Este organismo representa o 45% da poboación tal europea. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais


Aseguran Obxectivo 1 para Galicia
Previo á presentación dos datos do Instituto Nacional de Estatística e do Eurostat, o goberno estatal informou que a economía galega non superará o 75% da renda media comunitaria, polo que continuará recibindo as axudas orzamentais estipulada para as rexións Obxectivo 1 para o período 2007-2013. Desde xeito, dende Madrid non amosaron preocupación polo retraso no orzamento comunitario. (Fonte: Faro de Vigo).

Portugal


Critican o Cumio Ibérico
O alcalde de Porto, Rui Rio, cualificou o cumio de Évora como “peor do esperado” no relativo ás conexións ferroviarias de alta velocidade. O concello de Porto aprobou por unanimidade unha moción que permita ao primeiro ministro socialista José Sócrates “reconsiderar o proxecto prioritario de conexión entre Portugal e Galicia”. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia presente en Interreg IIIA
A directora xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, participará en Porto en dúas reunións de dous proxectos encadrados no programa europeo Interreg IIIA Galicia-Norte de Portugal nos que participan diversas entidades galegas e portuguesas. (Fonte: www.xornal.com).

Cooperación


Misión naval marroquí en Marín
O comandante da Escola Naval marroquí, capitán de Navío Azelarab Touzani, visitou a Escola Naval Militar de Marín, devolvendo a visita realizada polo seu director a Casablanca. Estes encontros forman parte dos programas de intercambio con Marrocos. (Fonte: Faro de Vigo).

Sociedade


Visita de representante etíope de adopcións
A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, mantivo un encontro co responsable da Oficina de Adopcións do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do Goberno de Etiopía, Haddush Halefom, dentro dunha serie de reunións con entidades colaboradoras de adopcións internacionais con Etiopía, ADDIS. (Fonte: www.xornal.com).

Inmigración


Iniciativa de integración escolar e axuda integral
O concello pontevedrés de Cotobade anunciou a posta en marcha dun programa de sensibilización no ámbito escolar e de axudas destinadas á acollida integral de inmigrantes, que conta coa participación da secretaría xeral de Emigración. (Fonte: La Voz de Galicia).

Destacan alto nivel educativo das inmigrantes
A xornada “Mulleres inmigrantes, as outras galegas: facendo xuntas o camiño”, celebrado en Lugo, destacou a situación de vulnerabilidade da muller inmigrante en Galicia, avivada polas redes ilegais e os empresarios. A socióloga Montserrat Golías explicou que moitas delas posúen licenciaturas e doutorados e que a súa condición de inmigrante e a falta de homologación dos seus titulados, as converte en non cualificadas, coa pertinente perda de prestixio social. (Fonte: El Progreso).
22/11/2005
Pesca


Acusan a Noruega de “piratería”
Tanto responsables do goberno estatal como da Xunta cualificaron a decisión do goberno do país nórdico de apresar nas illas de Svalbard, aos dous pesqueiros galegos “Monte Meixoeiro” e “Garoyo Segundo”, como un acto de “piratería”, instando a Oslo a liberar ambos buques procedentes da empresa viguesa “Vigo Molares”. O secretario de Pesca Marítima, Juan Martín Fragueiro, explicou a posibilidade de recorrer ao Tribunal Europeo de A Haia, tomando en conta que un tratado de 1920 considera que Noruega non ten xurisdición marítima na área onde se apresaron os buques. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).

Acción Exterior


A axenda internacional de Touriño
O mes de novembro consolidou a visión exterior do presidente da Xunta, con miras a colocar a Galicia no escenario internacional. Cumios e xuntanzas en Bruxelas, Évora e Múnich foron os lugares onde Touriño levou adiante a proxección exterior galega, o cal espera continuar no 2006 cara Iberoamérica e China. No ámbito europeo, Touriño defendeu en Múnich a necesidade de crear unha cámara de subsidiariedade no seo do Comité de Rexións, para darlle maior peso específico ás distintas rexións europeas. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).

Galicia


O PP rexeita orzamento autonómico
O voceiro Xosé Manuel Barreiro anunciou que o seu partido rexeitaba o presuposto autonómico presentado polo goberno de Touriño, argumentando que o mesmo non permite aumentar a converxencia cara Europa, ademais de que “non responde ás necesidades reais de Galicia”. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo


Máis de 700.000 estranxeiros visitaron Galicia
Segundo datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteira, FRONTUR, difundido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, un total de 727.881 turistas estranxeiros visitaron a nosa Comunidade nos dez primeiros meses de 2005, superando nun 13,9% co respecto ao 2004. Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia seguen a ser os principais países de orixe dos turistas que veñen a Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Escasos inmigrantes na Seguridade Social
Galicia observa cómo tan só 28.441 traballadores estranxeiros están afiliados á Seguridade Social, o cal corresponde tan só ao 1,65% do total a nivel estatal. Ecuador, Marrocos, Romanía, Portugal, Arxentina, Colombia, Reino Unido, Francia e Italia, son os principais países na lista dos afiliados estranxeiros. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Agricultura


“Pataca de Galicia” para toda Europa
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, explicou en Madrid que a indicación xeográfica protexida “Pataca de Galicia” aspira a converterse nun referente na UE, polo que está en marcha un plan de aumento do número de produtores adscritos. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Comezan deliberacións na UNESCO sobre Patrimonio Oral galego-portugués
Os 16 membros do xurado encargado pola Unesco de decidir que candidaturas de patrimonio inmaterial serán proclamadas como Obra Mestra da Humanidade comezaron as súas deliberacións en París. Non será ata o 25 de novembro cando o director xeral da UNESCO, Koïchiro Matsuura, dará a coñecer se a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués é unha das elixidas. (Fonte: www.vieiros.com).

Marítima


Detegasa amplía o seu mercado exterior
A empresa ferrolá especializada en fabricación de equipos de tratamento para buques, concentra a súa actividade en 40 países de Europa, América, Australia e Asia, principalmente Alemaña, Holanda, Turquía e China. Neste derradeiro país subscribiu un acordo para implantar unha liña de fabricación para poder expandirse polo entorno asiático. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela


Concelleira compostelá visita a emigrantes
A concelleira de Emigración e Inmigración do Concello de Santiago, Teresa Regúlez (PSOE) efectuou unha visita institucional a Venezuela, mantendo contacto coas autoridades bolivarianas e recabando información da situación dos emigrantes galegos nese país. (Fonte: La Voz de Galicia e El Correo Gallego).
21/11/2005
Pesca
Conflito diplomático con Noruega
O apresamento dos pesqueiros vigueses “Monte Meixueiro” e “Garoya Segundo”, acusado este de pescar fletán azul por riba da cota permitida nas augas do Círculo Polar Ártico que Noruega considera do seu control exclusivo, provocou a protesta dos gobernos galego e español, sumido agora nun conflito diplomático internacional co país nórdico. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Incremento de empresas galegas en Dubai
Un amplo e ambicioso programa de investimentos levarán a cabo os Emiratos Árabes Unidos no sector da construción, especialmente en hoteis e apartamentos, polo que varias empresas galegas amosaron o seu interese en participar. Estes proxectos son os complexos inmobiliarios The Palm e The World, nos que as empresas galegas deberán competir con firmas chinesas e indias. En Dubai tan só funcionan dúas oficinas de empresas galegas, Televés (antenas parabólicas e Finsa (madeira) mentres a empresa de granito abicada en O Porriño, Graninter, exporta a Dubai o 80% do granito español. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima


Regata internacional de A Coruña
O congreso Sail Training International rematou a súa celebración en A Coruña, co anuncio de que a cidade galega formará parte da Regata de Grandes Veleiros en agosto de 2006. O presidente do organismo, Nigel Rowe, destacou a potencialidade da cidade herculina en materia de competicións marítimas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura


Festival de Ourense podería internacionalizarse
Segundo César Silva, director participante no X Festival Internacional de Cinema Independente de Ourense, a organización recibiu a invitación para colaborar con dous festivais en Francia e Italia, coma parte dun proxecto concibido pola Coordinadora Europea de Festivais. (Fonte: La Voz de Galicia).
20/11/2005
Unión Europea-Galicia
Touriño pedirá maior poder rexional
O presidente da Xunta participará en Múnich na VI Conferencia de Presidentes de Rexións Europeas con Poder Lexislativo (REGLEG) na que pedirá un papel mais relevante para Galicia no proceso de construción da UE. É a primeira vez que un presidente galego participa nesta xuntanza europea. (Fonte: El Correo Gallego).

Xuntanza europea sobre cascos históricos
Santiago foi a sede dunha xuntanza de expertos europeos do programa Pagus, destinado á rehabilitación e conservación dos cascos históricos. O proxecto se financia cun 75% de fondos comunitarios e fomenta tamén a mobilidade cidadán aos servizos, a traveso das novas tecnoloxías. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Sen acordo para o AVE Vigo-Porto
O Cumio hispano-luso de Évora rematou sen acordarse as datas para a finalización da liña de alta velocidade, aínda que o goberno portugués de José Sócrates anunciou o seu compromiso para o seu impulso. O cumio estipulou a creación dun grupo específico de traballo para o AVE. Do mesmo xeito, se anunciou que o catedrático da USC, José Rivas, dirixirá un centro hispano-luso de nanotecnoloxía en Braga. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


A evitar o “efecto francés”
A Xunta aposta por reforzar as medidas de acollida e integración social dos inmigrantes e refuxiados, coa finalidade de evitar os disturbios sucedidos en Francia ao longo do mes de novembro. O goberno bipartito anunciou a creación dun Consello Galego da Inmigración, o cal comezará a funcionar no 2006. Segundo datos oficiais, en Galicia residen 45.224 inmigrantes cos papeis en regra. (Fonte: La Voz de Galicia).

Exterior


Galegos especulan co dinar iraquí
Un grupo de empresarios de Sarria actúan como axentes dunha multinacional estadounidense, Freedinar, para a compra da actual moeda iraquí, o dinar, que entrara en vigor trala caída do réxime de Saddam Hussein. Os billetes se imprimen en Inglaterra. A páxina web da multinacional explica que esta operación pode ser catalogada de “investimento de alto risco”. (Fonte: La Voz de Galicia).
19/11/2005
Portugal
A Xunta preme polo AVE Vigo-Porto
No marco do Cumio hispano-luso de Évora, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, expuxo o punto de vista do executivo galego ao propoñer considerar a liña ferroviaria como un “proxecto estratéxico” entre ambos países, pedindo polo tanto que reciba o mesmo trato que os restantes enlaces. Outros participantes no cumio instaron a Madrid e Lisboa a impulsar as infraestruturas dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a fin de “deixar de ser a periferia de Europa para converterse na súa porta”. (Fonte: El Correo Gallego).

Encontro empresarial luso-galaico
Lisboa acolleu o II Encontro Empresarial Luso-Galaico, no que participaron 500 entidades organizadas polas Cámaras de Comercio de A Coruña e Vigo. As empresas participantes foron dos sectores da construción, confección e agroalimentaria. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sociedade


Científica galega, na Fundación Bill Gates
A catedrática da USC, María José Alonso, será a única representante española que participará nunha xuntanza con científicos e investigadores da Fundación Bill e Melinda Gates, onde se desenvolverá unha nova versión da vacina contra a hepatites B. A xuntanza é a partida do programa de Grandes Desafíos na Saúde Mundial, desenvolvida pola fundación. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Empresarios estudan o mercado alxerino
Os responsables de 21 empresas galegas se reuniron na Cámara de Comercio de Santiago para estudar os atractivos do mercado de Alxeria, xa que este país anunciou un plan de investimentos, valorado en 55.000 millóns de dólares, destinados á modernización. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais


Madrid asegura o Obxectivo 1 para Galicia
O secretario de Estado para Asuntos Europeos, Alberto Navarro, asegurou que Galicia seguirá contando cos fondos europeos para o período 2007-2013 “aínda que non se alcance acordo ao fin deste ano e se teña que ir a negociacións con Bruxelas no 2006”. Navarro observa que, para o 2019, Galicia podería estar no Obxectivo 2, correspondente ás rexións mais prósperas da UE. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia


A lingua galega copa a Bretaña
O Salón Multilingüe Xuvenil de Pluguffan, na Bretaña francesa, especializado en literatura xuvenil e comprometido coa promoción da diversidade lingüística, contou na súa XIII edición coa presentación central de Galicia, a traveso da Consellería de Cultura e Deporte, e a exposición de 200 obras de novos autores e unha selección en galego de obras clásicas para a infancia e a mocidade. (Fonte: El Correo Gallego).
18/11/2005
Portugal
Confusión co AVE Vigo-Porto
Trala xuntanza en Lisboa entre o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a secretaria de Estado de Transportes de Portugal, Ana Paula Victorino, quedaron sen concretar certos aspectos do tren de alta velocidade. Dende Portugal se estima que as datas aínda non están pechadas, nin definidas as características técnicas e as velocidades da liña. Sen embargo, Bugallo declarou saír “moderadamente optimista” da xuntanza. (Fonte: Faro de Vigo).

París coñece o patrimonio inmaterial
A comisión promotora da candidatura do Patrimonio Inmaterial galaico-portugués estivo na capital francesa para promover esta iniciativa. Anteriormente, esta candidatura fora presentada noutras cidades como Bruxelas, Madrid, Santiago e Ourense. París é a última cidade antes de coñecerse a resolución da UNESCO, o próximo 25 de novembro. (Fonte: www.vieiros.com).

Acción Exterior


Iberoamérica e China, prioridade para a Xunta
Trala xuntanza co Consello da Xunta, o presidente Emilio Pérez Touriño anunciou que no 2006 dará prioridade ao papel internacional de Galicia na acción do seu goberno. Touriño explicou que despregará “iniciativas en todas as esferas da presenza de Galicia na UE” e, de “maneira determinante” con Iberoamérica”. Do mesmo xeito, afirmou que buscará “novos eixes de relación e presenza” en mercados emerxentes na sociedade global actual, citando principalmente a China. (Fonte: www.xornal.com).

Galicia


Arsenio e Vázquez, seleccionadores galegos
A selección galega de fútbol que xogará o seu primeiro partido internacional con Uruguai o 29 de decembro, xa ten dupla seleccionadora. O ex adestrador do Deportivo de A Coruña, Arsenio Iglesias, e o actual técnico do Celta de Vigo, Fernando Vázquez, dirixirán a bancada galega no estadio de San Lázaro. Ámbolos dous comezaron a perfilar a primeira convocatoria de xogadores.

Inmigración


Denuncian prexuízos en Ourense
No marco da celebración do Día Mundial da Tolerancia, organizada polo colectivo ecoloxista “Amigos da Terra”, os grupos de inmigrantes na provincia de Ourense explicaron que a súa situación empeora debido aos prexuízos locais cara a colectividade inmigrante, principalmente tralo 11-M. Neste sentido, e segundo Montse Pérez, encargada do Centro de Información a Traballadores Estranxeiros, CITE, de CCOO, a comunidade marroquí é a que sufre as principais consecuencias. Outros casos se presentan cos colectivos colombiano e senegalés, aos que se asocian con delincuencia, prostitución e incultura. (Fonte: La Voz de Galicia).
17/11/2005
Unión Europea-Galicia
O galego fálase en Bruxelas
Por vez primeira nunha institución europea, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, realizou o seu discurso en galego ante o pleno do Comité das Rexións da Unión Europea. No seu discurso, Touriño resaltou este momento histórico e reafirmou a “irrenunciable vocación europeísta” de Galicia. Sen embargo, non se volverá a falar galego no comité europeo salvo que a súa utilización sexa anunciada con 7 semanas de anticipación. (Fonte: El Correo Gallego e www.vieiros.com).

Unión Europea-Fondos Estruturais


A cohesión dos fondos europeos
O conselleiro da Presidencia José Luis Méndez Romeu, explicou que Galicia podería asentarse no grupo das autonomías “con capacidade de incidir en Europa en termos económicos e sociais”, no caso de que os fondos estruturais europeos sexan recibidos ata o 2013. Méndez sinalou que a sociedade galega é “fortemente dependente e menos competitiva do que sería desexable”. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Prioridade á liñas que se autofinancien
O ministro portugués de Obras Públicas, Mario Lino, afirmou que o Parlamento do seu país dará prioridade ás liñas do AVE que alcance o seu autofinanciamento, en clara alusión ao tren Lisboa-Madrid. Con respecto ao AVE Vigo-Porto, garantiu a súa construción, aínda que o tema sexa discutido no cumio hispano-portugués de Évora. (Fonte: El Correo Gallego).

China


O sector madeireiro apunta ao mercado chinés
O medio centenar de empresas forestais e fabricantes do moble galego, incluídos no Clúster da Madeira de Galicia, comezaron a xestionar a súa expansión cara o mercado chinés, co envío dunha misión comercial á provincia de Guangdong, onde se fabrica un terzo da produción dese país e se exporta a metade do total. Ángel Hermida, presidente do clúster, coñece a dificultade dun mercado que emprega 5 millóns de traballadores e conta con 50.000 empresas no sector mobiliario. (Fonte: El Correo Gallego).

Santiago entre os destinos turísticos chineses
O organismo China Business Network, dependente do ministerio de Turismo do país asiático, incluíu á capital galega entre os destinos “autorizados”, tralo asinamento dun acordo en Londres con Concello santiagués en ocasión da feira internacional de turismo. Santiago ocupará este lugar xunto a Roma e Xerusalén dentro da promoción dunha rede de Cidades Santas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


A colonia estranxeira en Santiago
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, tomando en consideración datos de 2004, os inmigrantes de América do Sur ocupan a maior colectividade entre os residentes estranxeiros na capital galega. Arxentina lidera esta lista con 152 persoas, na que lle seguen os inmigrantes de Colombia (147), Venezuela (86), Cuba (65) e Brasil (56). Tamén se inclúen nesta lista os estranxeiros orixinarios de Portugal (113), Marrocos (67) e China (35). Nestas estatísticas non se inclúen os inmigrantes beneficiados do proceso de regularización iniciado polo goberno de Zapatero. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/11/2005
Portugal
Intelectuais europeos apoian patrimonio oral
O ex director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza; o Premio Príncipe de Asturias das Letras de 2005, Nélida Piñón, José Saramago, os escritores galegos Suso de Toro e Manuel Rivas, os portugueses Vasco Graça Moura e Mario Claudio e personalidades do xornalismo e a música como Ramon Chao, Manu Chao, Uxía Senlle, Jose García e Manuel Dios Diz, asinaron en Tui un manifesto a prol da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, que opta a ser recoñecido coma Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO o próximo 25 de novembro en París. O acordo tamén favorece o intercambio e a cooperación sociocultural entre Galicia e Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia e Faro de Vigo).

Proxecto para a ensinanza do portugués
A conselleira Laura Sánchez Piñón está traballando na implantación da lingua, a literatura e a cultura portuguesas nos centros educativos galego,s como iniciativa para afondar nas relacións na eurorrexión Galicia-norte de Portugal. Na actualidade, o portugués se imparte en sete das once escolas oficiais de idiomas operativas en Galicia, con posibilidades de ampliación desta oferta. (Fonte: La Voz de Galicia).

Médicos galegos en Portugal
Tomando en conta o déficit médico en España e Portugal, dos 3.000 médicos españois que traballan no veciño país, entre un 30 e 40% proceden da comunidade galega, segundo estimacións de CESM-Galicia, presente nun cumio en Lisboa sobre colexios e sindicatos médicos. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Educación


A USC convoca as bolsas Erasmus
Grazas ás bolsas Erasmus convocadas pola USC, un total de 1.400 mozos galegos e españois poderán estudar no próximo curso en universidades de países como Portugal, Holanda, Italia, Alemaña, Francia, Hungría, Noruega, Austria, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca, Bélxica, Grecia, República Checa, Islandia, Malta, Suecia, Lituania, Estonia, Eslovenia, Finlandia, Polonia, Turquía, Bulgaria e Romanía. (Fonte: La Voz de Galicia).
15/11/2005
Diáspora
Buscan crear o “lobby” empresarial galego
Tomando coma exemplo os casos das diásporas irlandesa, xudeu e xaponesa, os empresarios galegos en Cataluña lideran a creación dun “lobby” empresarial, adaptado ás necesidades do empresariado galego e a súa expansión exterior. Esta noticia foi confirmada en Vigo polo presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña, Julio Fernández Rodríguez. (Fonte: Faro de Vigo).

Pesca


Pesqueiros vigueses parten a Marrocos
As embarcacións “Novo Farruco”, da empresa Freiremar, e o “Myrdona” da empresa Pesca Miñor, partiron dende Vigo ata o país magrebí, para iniciar unha acción piloto de pesca experimental nas augas comprendidas entre Casablanca e Agadir. Os pesqueiros galegos están aínda pendentes das negociacións entre Bruxelas e Rabat para abrir os caladoiros dese país. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Fondos Estruturais


Touriño ve positivo o Obxectivo 1
Ante unha xuntanza de empresarios en A Coruña, o presidente da Xunta amosou a súa confianza de que Bruxelas confirme neste mesmo mes a continuidade galega como rexión Obxectivo 1 da UE, mantendo os fondos estruturais ata o 2013. Touriño confirmou que a conxuntura económica e a captación de investimentos permiten anticipar un período de crecemento. (Fonte: La Voz de Galicia).

Turismo


Turgalicia en Londres
A Consellería de Innovación e Industria, a traveso de Turgalicia, presentou na capital británica a oferta turística galega, no marco da World Travel Market, unha feira reservada ao sector profesional do turismo e unha das mais importantes do mundo. O acto estivo representado polo director xeral de Turismo, Rubén Lois González. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Expansión das construtoras galegas
Durante unhas xornadas celebradas en Valença do Minho, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Pontevedra, APEC, Ángel Fernández Presas, defendeu a internacionalización do sector cara o norte de Portugal, coa finalidade de potenciar as empresas construtoras galegas. (Fonte: La Voz de Galicia).
14/11/2005
Inmigración
Os “guetos” aumentan en Galicia
As principais cidades galegas comezan a observar o crecemento de zonas de residencia de inmigrantes, afastados do centro das urbes, onde son percibidos como colectivos marxinais, debido á presenza da precariedade, os baixos salarios, o desemprego e as actividades ilegais. Os colectivos sociais consideran que existe un receo social en torno á chegada de inmigrantes, debido a que constitúe un fenómeno recente. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura


Tosar, o primeiro galego galardoado en Cineuropa
O acto galego Luís Tosar recibirá en Santiago o Premio Cineuropa 2005, pola súa participación no filme “Galatasaray-Depor (One day in Europe)”, do director alemán Hannes Stöhs, ademais da súa carreira profesional a favor do cinema galego. Tosar é o primeiro actor galego en recibir este galardón. (Fonte: La Voz de Galicia).
13/11/2005
Volvo Ocean Race
Vigo inaugura a competición
A familia real española e as principais autoridades galegas, así como unhas 2.000 embarcacións, asistiron á partida dos sete veleiros que realizarán a Volta ao Mondo en Vela, mellor coñecida como Ocean Volvo Race, a maior competición náutica mundial. A saída foi realizada en Vigo e se achegará rumbo a Cidade do Cabo, en África do Sur. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora


A presenza galega en Panamá
O embaixador panameño Humberto López Tirone, fillo dun emigrante de O Carballiño, explicou que o 80% da emigración existente no país centroamericano é galega e un 50% desa emigración provén da provincia de Ourense. O diplomático anunciou a visita do presidente panameño Omar Torrijos a Galicia para o 2006. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Linguas


Touriño falará en galego en Bruxelas
O pleno do Comité das Rexións da UE a mediados de novembro será a primeira institución europea onde se escoitará a lingua galega, debido á intervención que terá o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Os presidentes da Generalitat catalana, Pascual Maragall, e a Comunidade Valenciana, Francisco Camps, tamén utilizarán as linguas cooficiais. (Fonte: El Correo Gallego).

Acción Exterior


Estratexia de internacionalización das pemes
O Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, anunciou unha serie de presentacións nas principais cidades galegas, sobre as estratexias de internacionalización das pemes galegas e as ferramentas de apoio con que conta este organismo. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Campaña de integración cos estranxeiros
A Consellería da Presidencia e o Concello de Santiago promoven o programa “Ola, son o teu veciño”, coa finalidade de integrar socialmente ao colectivo inmigrante, principalmente de orixe latinoamericano, magrebí ou ruso. Esta campaña conta con charlas, obradoiros e exhibición de filmes, nos que colabora a organización Médicos sen Fronteiras. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/11/2005
Unión Europea-Educación
Elevado índice de fracaso escolar
Segundo datos da consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en Galicia os índices de deserción escolar no nivel de Ensinanza Secundaria Obrigatoria, ESO, dobran a media europea, abicándose no 31%, só superado por Malta e Portugal. A Comisión Europea advertiu da necesidade de ampliar o índice de alumnos que finalicen a ESO. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Agricultura


Simposio internacional en Lugo
Expertos europeos participarán a finais de novembro, nun simposio sobre Centros Tecnolóxicos e de Agroalimentación, nun acto que estará presidido polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade


Cumio indíxena en Santiago
Representantes das mulleres indíxenas de Venezuela, Colombia, Perú, Ecuador, México, Chile e Bolivia, participarán nunha serie de conferencias sobre a realidade indíxena, organizada por Cosal-Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Touriño garante o AVE Vigo-Porto
O presidente da Xunta ignorou as declaracións do primeiro ministro portugués José Sócrates de construír un tren de baixo custe, e expresou a súa vontade de levalo a cabo, de cara ao cumio hispano-luso de Évora, a mediados de novembro. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, tamén amosou o seu optimismo. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Linguas


Confusión europea en torno ao galego
A vicepresidenta da Comisión e comisaria de comunicación e relacións institucionais, Margot Wallström, explicou que a Comisión Europea vén de recoñecer que tivo “un descoido” cando ignorou ao galego no seu informe “Os europeos e as súas linguas”, un estudo sobre a situación dos idiomas nacionais e rexionais na UE no que si aparecían o éuscaro e o catalán. Wallström sostivo que o informe recoñecía que o galego só se falaba en Galicia mentres o éuscaro e o catalán o facían no sur de Francia. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/11/2005
Portugal
Lisboa sentencia o AVE Vigo-Porto
A pesar das promesas realizadas polo primeiro ministro portugués José Sócrates ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a secretaria de Estado de Transportes de Portugal, Ana Paula Vitorino, asegurou que só se construirá o tren de alta velocidade baixo criterios de vantaxes económicas. A ministra anunciou en Porto que as condicións actuais non son favorables e amosouse partidaria dunha alternativa “de baixo custe”. (Fonte: Faro de Vigo).

Estaleiro en Valença do Minho
A empresa galega Rodman construirá un estaleiro neste localidade portuguesa, operativo a partir de setembro de 2006, e que contará con medio millar de operarios, ademais de absorber parte da actividade que se desenvolve nos obradoiros de Meira-Moaña (Pontevedra). (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Os riscos de investimento en China
Expertos en estratexias de marketing explicaron en Vigo, nunha charla sobre “Compras e Relación cos Provedores en China”, que existen determinados riscos nos investimentos en China, sen o debido asesoramento económico e xurídico. Á charla asistiron uns 80 empresarios galegos interesados en concretar negocios co país asiático. (Fonte: Faro de Vigo).

México


Detido galego en México acusado de crime
Un xuíz mexicano ordenou a detención do galego José Alonso Murada, pola súa presunta participación no asasinato do empresario ourensán Camilo Guerra Rodríguez, ocorrido en agosto, tras 30 días de secuestro. Murada, de 46 anos, permanecía no Centro Nacional de Arraigo, onde as autoridades detectaron diversas contradicións nas súas declaracións sobre o paradoiro do empresario. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Marítima


Decisión europea afectará transporte de pasaxeiros
O servizo regular de transporte de pasaxeiros entre Cangas, Moaña e Vigo corre perigo no caso de que o Tribunal de Xustiza da Comisión Europea obrigue ao goberno estatal a liberalizalo. Neste sentido, o avogado xeral Antonio Tizzano insta aos xuíces europeos a condenar a España por vulnerar a normativa comunitaria e pretende adxudicar este transporte a unha empresa privada por un período de 20 anos. (Fonte: La Voz de Galicia).
10/11/2005
Diáspora
Galegos observan os disturbios de París
Os violentos disturbios que durante dúas semanas asolan os suburbios de inmigrantes en torno á capital francesa e outras cidades dese país, son observados con preocupación polos emigrantes galegos alí residentes. A maior parte deles, emigrados a Francia na década dos sesenta, consideran que a inxustiza social está na orixe da violencia desatada. (Fonte: La Voz de Galicia).

Eixo Atlántico


O AVE Vigo-Porto é “irrenunciable”
A comisión executiva do Eixo Atlántico, na que participaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e os de Ourense, Vilagarcía, Chaves, Guimarâes e Vila Real, defenderon a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto e demandaron un tren mixto que alcance os 200 km/h entre ambas cidades, co obxectivo de comunicar A Coruña e Porto en dúas horas. Pola súa banda, o alcalde de Porto, Rui Rio, asistirá a unha xuntanza co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e tamén co presidente luso José Sócrates, para apoiar a vía de alta velocidade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura


Avances dos estudos galegos en EEUU
A Universidade de Milwaukee acollerá acollerá a 47 edición do congreso da Midwest Modern Language Association, unha das divisións da asociación de linguas máis importantes do país norteamericano, na que por primeira vez, aceptouse incluír un panel sobre o galego, baixo o título de “Estudos galegos no século XXI: dimensións nacionais e transnacionais”, no que se inclúen intervencións sobre a inmigración galega, a súa lingua e a historia e memoria do exilio galego trala Guerra Civil. (Fonte: La Voz de Galicia).

Venezuela


Unha ollada ao mercado venezolano
A Cámara de Comercio de Ferrol acolleu a xuntanza dunha ducia de empresas galegas, organizada polo Instituto Español de Comercio Exterior, para dar a coñecer as posibilidades de negocio que ofrece o mercado venezolano para Galicia. A exposición estivo a cargo de Javier Pareja, conselleiro da Oficina Económica e Comercial da Embaixada española en Caracas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cooperación


A USC impartirá curso en Angola
O programa de doutorado “Educación e Desenvolvemento humano. Perspectivas teóricas, históricas e sociais”, será presentado pola USC para o curso 2006-2007 na Universidade Jean Piaget de Angola, tralo convenio asinado polo reitor da USC, Senén Barro, o presidente do Instituto portugués Piaget, Antonio Oliveira Cruz, e o reitor da universidade Jean Piaget-Angola, Pedro Domingo Petersonn. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


Vigo podería perder 3.000 habitantes
A aplicación da nova Lei de Estranxeiría podería provocar unha perda de 3.000 habitantes para Vigo, debido á lentitude dos inmigrantes na inscrición no patrón municipal. En total, uns 5.671 residentes estranxeiros deberían pasar polas oficinas municipais antes do 22 de decembro pero, ata estes momentos, só o fixeran unhas 800 persoas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca


Promoción galega en China
O secretario xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas do Peixe e Mariscos, ANFACO, Juan Manuel Vieites, se desprazou ao país asiático, xunto a unha delegación española, para dar a coñecer os produtos galegos do mar dentro da feira internacional “Fisheries & Seafood”. Vieites subscribirá dous convenios coa Universidade dos Océanos de China e a empresa Qingdao Fusheng Co. en materia acuícola e pesqueira. (Fonte: La Voz de Galicia).

Brasil


Contactos empresariais entre Vigo e Bahía
A visita do gobernador de Bahía, Paulo Souto, e o empresario galego nesa cidade, José Faro Rúa, á cidade olívica, permitirá fomentar contactos e acordos con empresarios galegos, especialmente no sector graniteiro, trala xuntanza co presidente da Asociación Galega de Graniteiros, AGG, Gumersindo Alonso. Tras África do Sur, Brasil é o segundo exportador de granito ás empresas transformadoras galegas. (Fonte: Faro de Vigo).
09/11/2005
Cooperación
Políticos galegos se reúnen con Frei Betto
O ex asesor de Lula da Silva e dirixente do Partido dos Traballadores, se reuniu con Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta, así como con representantes responsables políticos do PP, PSdG e BNG. Betto pediu que a axuda para os pobres non pase soamente polas decisións dos gobernos senón que é necesario “revalorizar o protagonismo social e económicos dos mais pobres”. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima


O exemplo de Baltimore para A Coruña
Os estadounidenses Andrew Frank, vicepresidente de Baltimore Development Corporation, BDC e coordinador do porto interior desa cidade, e Gay Legg, director de márketing do BDC, estiveron na cidade herculina para explicar a experiencia do porto de Baltimore como exemplo para as obras do porto exterior coruñés. Expertos locais apostaron pola apertura de rutas marítimas directas entre Galicia e EEUU, sen pasar por Amberes ou Rotterdam. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Alcaldes lusos piden asistencia sanitaria en Vigo
Os alcaldes de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho, Paredes de Coura, Monçao e Melgaço, solicitaron ao primeiro ministro portugués José Sócrates que negocie un acordo co goberno español para que os 80.000 habitantes destes concellos podan ser atendidos no novo hospital que se proxecta en Vigo. Tamén pediron que a seguridade social portuguesa asuma os custes da atención sanitaria na cidade olívica. (Fonte: La Voz de Galicia).

Palestina


Solidariedade sanitaria galega
Os médicos palestinos Jamal El Hawajri e Youssef Moussa, os cales traballan na franxa de Gaza, explicaron en Pontevedra os proxectos sanitarios que levan a cabo Solidariedade Internacional e Caixa Galicia nos campamentos e as cidades palestinas. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora


Crearán o Valedor do Emigrante
O goberno bipartito da Xunta anunciou a creación da figura do Valedor do Emigrante, como Comisionado do Parlamento de Galicia para a “defensa dos dereitos e liberdades” dos residentes da diáspora. O presidente Emilio Pérez Touriño, que fixo este anuncio durante unha reunión con 140 emigrantes galegos que participan no programa “Reencontros”, expresou o seu desexo de viaxar con frecuencia aos países da emigración galega para “tender pontes máis estreitos de colaboración” e “levar o cambio á emigración”. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Formación frigorífica para estranxeiros
A Fundación Galicia Emigración e o Grupo Eulen, especializado na instalación de equipos de aire acondicionado, colaborarán na formación de frigoristas entre a poboación inmigrante, coa finalidade de contribuír a súa integración social. (Fonte: www.xornal.com).
08/11/2005
Portugal
Os nenos exaltan o patrimonio común
O Teatro Fraga Caixa Galicia de Vigo foi abarrotado onte por 50 nenos das escolas de Salvaterra e Caminha, ademais de mozos, mestres, músicos e artistas galegos e portugueses para exaltar o Patrimonio Inmaterial galaico-portugués. coa presentación do traballo "Meniños cantores", o cal se presenta en libro, CD e DVD. (Fonte: Faro de Vigo).

Sócrates asegura autovía sen peaxe
Coma un intento por paliar os retrasos no AVE Vigo-Porto pola crise económica portuguesa, o primeiro ministro do país veciño, José Sócrates, confirmou, durante a inauguración do tramo que une Viana do Castelo con Vilar de Mouros, que a autovía IC-1 que percorre a costa norte ata a fronteira con Galicia estará libre de peaxe. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima


Cooperación entre Vigo e Uruguai
Tras reunirse con representantes do sector financeiro do país suramericano, o presidente da Autoridade Portuaria, Abel Caballero, afirmou a súa proposta de converter ao Porto de Vigo como a principal entrada ao tráfico marítimo de produtos procedentes de Uruguai, así como tamén dende Brasil e Arxentina. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea-Lingua


O galego poderá falarse en Bruxelas
O ministro de Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, e o presidente do Consello da UE, Jack Straw, asinaron en Bruxelas un acordo administrativo que permitirá, nun prazo de dúas semanas, o uso das linguas cooficiais do Estado español, nesta institución europea. O goberno de Zapatero se comprometerá á instalación do mecanismo de tradución correspondente. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade


Frei Betto e o combate á pobreza
Invitado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o ex asesor do goberno brasileiro de Lula da Silva estivo en Vigo para conceder unha conferencia sobre a loita contra a pobreza e os Obxectivos do Milenio e atender aos medios de comunicación locais. Convertido nun icona da loita social en Brasil, Betto explicou que “coa metade do que gasta nun ano os EEUU en armamento, erradicaríamos a fame no mundo”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Terras Gauda e o mercado venezolano
Augusto Álvarez, xerente das bodegas Terras Gauda, expuxo ante a Cámara de Comercio de Ferrol a súa experiencia como exportador a Venezuela, país que rexistrou exportacións galegas cun valor de 25,72 millóns de euros, mentres as importacións se achegaron aos 21,22 millóns de euros. Un 60% dos produtos galegos vendidos en Venezuela pertencen ao sector téxtil, ademais de grafito, granito e conservas. (Fonte: La Voz de Galicia).
07/11/2005
Unión Europea-Fondos Estructurais
Bruxelas decide orzamento comunitario
Unha xuntanza clave sobre o orzamento comunitario para os próximos sete anos, mantén a súa atención en Galicia, xa que se decide a súa condición de perceptora de fondos estruturais. Os ministros de Economía e Finanzas europeos estudan a posibilidade de seguir outorgando á nosa Comunidade a súa condición de Obxectivo 1. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade


Frei Betto en Galicia
O ex asesor do presidente brasileiro Lula da Silva e coordinador do programa Mobilización Social “Fame Cero”, estivo en Vigo e Santiago, invitado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, para realizar sendas conferencias sobre a “Loita contra a Pobreza e os Obxectivos do Milenio”. (Fonte: www.xornal.com).

Cultura


“Luar na Lubre” coa diáspora
A nova produción musical do grupo galego, titulada “Saudade”, rescata un repertorio de poemas de autores galegos da emigración, nos que contan coa axuda do compositor cubano Pablo Milanés, a mexicana Lila Downs, Cida Airam (Brasil), Adriana Varela (Arxentina) e o ministro de Cultura venezolano Farruco Sesto. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/11/2005
Eixo Atlántico
Piden AVE para o 2015
Os alcaldes das 18 cidades galegas e do norte de Portugal, que conforman o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, realizarán unha xuntanza en Santiago para expoñer ante a presidencia da Xunta, a súa defensa do AVE Vigo-Porto para o 2015. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade


“Ericsson” arranca vitorioso na Ocean Volvo Race
O equipo sueco realizou en Sanxenxo a mellor saída na primeira toma de contacto da Volta ao Mundo en Vela 2005-2006, competición coñecida como a Ocean Volvo Race. Na competición participou tamén a Familia Real Española, e foi inaugurada por autoridades da Xunta de Galicia e o goberno estatal ante milleiros de persoas. O 13 de novembro comezará oficialmente a Ocean Volvo Race, coa súa saída inaugural dende Vigo. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Saramago sobre galegos e portugueses
De visita en Vigo no marco do Congreso de Literatura Comparada, o Premio Nobel de Literatura José Saramago se amosou sumamente crítico coa realidade nas relacións entre galegos e portugueses, ao declarar que “vivimos nunha ilusión de que nos comunicamos moito e, en realidade, non o facemos nada. Hai empresas, negocios comúns no norte pero ao sur do río Duero empeza outro país. Non hai vontade política e todo aquelo dos pobos irmáns é pura retórica”. (Fonte: Faro de Vigo).

Inmigración


Estranxeiros compensan a taxa demográfica
Segundo o Instituto Galego de Estatística, no 2004 foronse 20.200 galegos a outras partes do Estado e do estranxeiro, pero a chegada de 15.000 inmigrantes, principalmente de Arxentina, Uruguai e Brasil, posibilitou un saldo poboacional positivo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Marítima


Cumio do polbo en Vigo
O Instituto Oceanográfico da cidade olívica convocou a dez expertos internacionais en investigación dos polbo, procedentes de Xapón, Brasil, Italia, Bélxica e Noruega, así como especialistas en nutrición, fisioloxía e bioquímica, para relatar as súas experiencias no cultivo do polbo. (Fonte: La Voz de Galicia).
05/11/2005
Portugal
Prioridade ao AVE Lisboa-Madrid
No marco do Cumio Ibérico en Valença do Minho, o primeiro ministro portugués José Sócrates declarou ao presidente galego Emilio Pérez Touriño, que o seu goberno espera cumprir os seus compromisos no AVE Vigo-Porto, pero que os prazos acordados cara o 2009 son “irrealizables”. Sócrates explicou que a prioridade do seu gabinete é o AVE Lisboa-Madrid. Sócrates e Touriño asinaron a constitución da Comunidade de Intermunicipios do Minho e de Galicia, desenvolvido pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Val do Minho. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración


Tres mil retornados en Compostela
Segundo Manuel Domínguez, presidente da asociación Marusía, desde o ano 2000, Galicia experimenta un éxodo laboral anual de 20.000 mozos, mentres a cifra de emigrantes retornados ascende a tres mil persoas. Domínguez explica que a súa asociación espera frear esta tendencia emigratoria. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Galicia reclama traspaso das competencias
A Xunta espera deseñar e planificar as súas propias políticas de inmigración, polo que pediu ao goberno central o traspaso das competencias. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, trasladará esta petición ao Ministerio de Administracións Públicas. (Fonte: Faro de Vigo).

Diáspora


Videoconferencia con Arxentina
Os veciños de San Xurxo de Vea estrearon o sis