Diario Exterior / setembro de 2005

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/09/2005
Solidariedade


Horas de biblioteca para escolas en África
Baixo o lema “Se estudas, cooperas”, as organizacións Coopera e Cooperación Internacional, xunto á USC, intentan incentivar nos temas de solidariedade aos estudantes universitarios, canxeando as súas horas de uso da biblioteca por un euro para crear escolas en Burundi e Côte d´Ivoire. (Fonte: El Correo Gallego).
29/09/2005
Pesca
A flota galega podería volver ao caladoiro da NAFO
O secretario xeral de Pesca Marítima, Juan Martín, informou que a flota galega podería retomar en decembro a pesquería do fletán nas augas reguladas pola NAFO, no caso de verificarse que aínda non se esgotara a cota de que dispoñía para este exercicio. Os armadores aseguran que aínda restan 600 toneladas por pescar. Do mesmo xeito, Galicia solicitou á NAFO revisar o acordo con Portugal para a pesca de baixura e arrastre. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/09/2005
Inmigración
Uruguaios connosco
Unha xornadas en Santiago sobre a historia, danza e cultura do Uruguai baixo o título “Uruguaios connosco”, foron inauguradas pola conselleira de Inmigración e Emigración, Teresa Regúlez, o cónsul do país suramericano, Gonzalo Koncke, e o presidente da Asociación de Uruguaios de Compostela, Alejandro Magano. (Fonte: El Correo Gallego).
27/09/2005
Sociedade
Castaña galega espera selo da UE
A castaña galega, especialmente a que se produce en A Coruña e Lugo, espera ser declarada como Indicación Xeográfica Protexida pola UE a principios do 2006, segundo declarou o voceiro da Asociación de Produtores de Castañas da comarca Conso-Frieiras en Ourense, Rafael Castro. (Fonte: El Correo Gallego).
26/09/2005
Unión Europea-Pesca
Convocado posto para a Axencia de Pesca
A Comisión Europea publicou a oferta do posto de director executivo da Axencia Comunitaria de Control da Pesca con sede en Vigo. As solicitudes teñen un prazo máximo de outubro de 2005. O director será nomeado por un consello de administración da axencia a partir dunha lista de candidatos seleccionados e propostos pola CE. A Axencia funcionará no 2006 cun persoal de 49 funcionarios e un orzamento de cinco millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
25/09/2005
Pesca
Intercambio de cotas na NAFO
A conselleira de Pesca, Carmen Gallego, informou que Groenlandia e Alemaña están dispostos a intercambiar con Galicia as cotas de pesca nas augas da NAFO, unha vez a flota galega asuma que está suxeita aos plans de recuperación dos recursos fixados ata o 2007, de manter as cotas existentes e non aprobar os recortes anunciados. (Fonte: El Correo Gallego).
24/09/2005
Turismo
Santiago promocionase en China
O concello santiagués enviou unha delegación á cidade chinesa de Qu Fu, na provincia de Shandong, coa que Santiago colabora na rehabilitación do seu patrimonio histórico e artístico, recoñecido pola Unesco, e espera acordar un irmanamento coa capital galega. Do mesmo xeito, Santiago estará representada nos actos do Día de Galicia en Frankfürt, Alemaña, como parte dun programa de promoción turística. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Plan do fletán negro con base no 2003
No Cumio da NAFO en Estonia decidiuse que a flota galega continuará a pesca do fletán negro nas augas do Atlántico Norte en base ao plan acordado no 2003. Os armadores galegos temían que Canadá intentase reducilas. (Fonte: El Correo Gallego).
23/09/2005
Portugal
Congreso aproba candidatura á Unesco
A Comisión de Cultura do Congreso aprobou a proposición non de lei presentada polo BNG, para o apoio institucional do ministerio da Cultura, da Xunta e do goberno portugués, á candidatura galaico-portuguesa de Patrimonio Oral da Humanidade na Unesco. O PSOE e PP aprobaron a iniciativa tralas emendas iniciais. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima


Galicia lidera iniciativa europea
Coa finalidade de prever catástrofes marítimas como o Prestige, Galicia leva adiante unha iniciativa de seguridade marítima dentro da UE, presentada na xuntanza do Comité das Rexións. Neste sentido, a Rede Transnacional Atlántica, conformada por Francia, Portugal, España, Reino Unido e Galicia, presentaron un estudo dirixido por Santiago Lago Peñas, da Universidade de Vigo, que consiste en impulsar unha “cultura da seguridade marítima” que non se limite á respostas illadas ás catástrofes. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Lingua


Madrid pacta o uso das linguas cooficiais
O goberno estatal negocia co Parlamento europeo e outras sete institucións comunitarias, o uso das linguas cooficiais, para acelerar o pedido de Madrid de utilizar o galego, euskera e catalán na Eurocámara e no Comité das Rexións en outubro próximo. (Fonte: El Correo Gallego).
22/09/2005
Sáhara
Marrocos retén delegación galega
As autoridades marroquís evitaron en Casablanca que a delegación galega visitara El Aaiún, capital do Sáhara Occidental. Tras 12 horas en baleiro legal, a delegación, que incluía deputados do PP e BNG, foi expulsada e tivo que regresar ao aeroporto de Barajas. Ambos partidos presentarán as súas queixas oficiais a Marrocos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cooperación


Cumio alimentario en Santiago
A capital galega celebrará a finais de setembro a VII Conferencia Iberoamericana de Agricultura, con representantes de 22 países de América Latina e Europa, incluíndo dez ministros. O obxectivo é analizar os novos cuestionamentos sobre a seguridade alimentaria. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Detidos catro mariñeiros galegos
As autoridades australianas detiveron a 660 millas da illa de Hobart, capital de Tasmania, a catro mariñeiros galegos acusados de pesca ilegal. Os galegos formaban parte dunha tripulación de 31 mariñeiros de Perú, Chile e Rusia, que traballaban a bordo do pesqueiro “Taruman”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Solidariedade


Retornan nenos senegaleses
Os dez nenos senegaleses de vacacións en Ourense regresaron ao seu país, tras pasar dous meses con familiares residentes nesta provincia. O Concello ourensán organizou unha festividade lúdica e asumiu os custes do transporte aéreo e demais servizos. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Interese por unidade antidroga de Ribeira
O funcionamento da Unidade Antidrogas de Ribeira é de interese en tres ministerios de Portugal, polo que o seu director, Jesús Cartelle, dirixiuse ao veciño país, tamén coa finalidade de colaborar na elaboración do plan estratéxico antidrogas 2005-2008. (Fonte: El Correo Gallego).
21/09/2005
Prestige
Piden en Nova York copia do sumario
A petición da empresa clasificadora do barco, a estadounidense American Bureau of Shipping, ABS, un xuíz de Nova York pediu a Corcubión unha copia do sumario do “caso Prestige”, aínda que o fiscal que leva o caso emitira un informe negativo dando a entender que este sumario non debe ser sometido á Xustiza nun país estranxeiro. A empresa ABS afronta en EEUU unha demanda formulada polo Estado español e o xuízo podería comezar en xaneiro de 2006. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Empresarios piden mais infraestrutura
O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, e o presidente da Asociación Empresarial de Portugal, Ludgero Marques, reclamaron ao goberno de Lisboa a construción do AVE Porto-Vigo para impulsar o eixe metropolitano. Tamén pediron a complementariedade dos catro portos e os dous aeroportos destas dúas cidades. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura


Jacques Delors, Honoris Causa da USC
O ex presidente da Comisión Europea (1985-1995) foi investido como Doutor Honoris Causa polo seu impulso á ampliación e a unión monetaria e económica de Europa. (Fonte: El Correo Gallego).

Cuba


Apoio galego para o pobo cubano
Raúl Díaz Llarux, vicepresidente da Asemblea do Poder Popular de La Habana, estivo en Pontevedra para unha xuntanza co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, para solicitar a presenza do mandatario local na xuntanza internacional en Cuba de responsables municipais en novembro próximo, con motivo do 436 cabodano da fundación da capital cubana. Días Llarux manifestou o seu interese en potenciar proxectos solidarios entre Cuba e Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo


Máis visitantes que no Xacobeo
A enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras, Frontur, informou que en xullo e agosto de 2005 chegaron a Galicia 53.182 turistas máis que no Ano Xacobeo de 2004, sendo a sexta autonomía con mellor crecemento turístico. (Fonte: El Correo Gallego).
20/09/2005
Diáspora
Homenaxe arxentino aos emigrantes galegos
A Cámara de Deputados da nación arxentina realizou unha homenaxe aos emigrantes galegos e os seus descendentes, acollidos nese país suramericano, nun acto emblemático no Salón dos Pasos Perdidos do palacio lexislativo. Fabián Fernando Pérez e a deputada Mirta Pérez, fillo e neta de emigrantes galegos, foron os promotores do acto, ao que se invitou ao novo presidente galego Emilio Pérez Touriño e ao seu antecesor, Manuel Fraga. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Bruxelas e o AVE entre Vigo e Coimbra
A Comisión Europea concedeu a Portugal uns 13 millóns de euros para estudar os proxectos do AVE entre ese país e Galicia. Desta partida, Lisboa só destinará 1,5 millóns para o AVE no tramo Vigo-Coimbra, sendo a liña Lisboa-Porto a de maior orzamento. (Fonte: La Voz de Galicia).

Téxtil


Verino á conquista do moda oriental
Seguindo outros exemplos de internacionalización da moda galega como Adolfo Domínguez, Caramelo ou Florentino, o deseñador ourensán Roberto Verino reforzará a expansión da súa firma de moda en Oriente Medio, coa apertura de 13 tendas en Dubai, Arabia Saudita, Bahrein, Xordania, Qatar, Kuwait, Líbano e Exipto. Outros lugares como México D.F completan un plan de expansión ata o 2010. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sáhara


Galicia envía misión solidaria
Unha delegación galega de 15 representantes sindicais, sociais e políticos, incluídos os grupos parlamentarios, e encabezada pola delegada do Fronte Polisario, Fatma Mohamed Salem, partiu a El Aaiún, capital do Sáhara Occidental, para comprobar a situación na que viven os seus habitantes. O Polisario pediu á delegación rexeitar a ambigüidade ante o problema saharauí. (Fonte: El Correo Gallego).
19/09/2005
Emigración
Oficina para o emigrante en Suíza
Con motivo da visita do secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, anunciouse en Berna a apertura dunha oficina de atención ao emigrante para tramitar as principais demandas en torno á atención sanitaria e opcións laborais na súa terra de orixe. Rodríguez mantivo xuntanzas con responsables dos centros culturais galegos no país helvético. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Tutela de 45 menores dende 2004
Dende 2004, Galicia aplicou a tutela a 45 inmigrantes menores de idade non acompañados, dos que seis foron repatriados e catro conseguiron residencia. Estes datos foron ofrecidos polo goberno estatal ante unha pregunta dun deputado do CiU no Parlamento. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Coches en Galicia máis baratos
Segundo José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Federación de Concesionarios de Automóbiles, Faconauto, a baixa fiscalizade atrae a Galicia aos compradores portugueses de coches nos concesionarios de Verín e Tui, tomando en conta o custo dos prezos da gasolina e o aumento dos impostos en Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Ambiente


Bruxelas financia dous proxectos
A Comisión Europea aprobou a concesión de 11.761.724 euros en dous proxectos ambientais destinados a Galicia, para o desenvolvemento de novos métodos e técnicas para solucionar problemas medioambientais na pesca e na reutilización de metais. (Fonte: El Correo Gallego).
18/09/2005
Emigración
Primeiro contacto con Suíza
No seu estreo como novo secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez realizou unha viaxe a Suíza, especialmente a Zürich, Xenebra e Berna, para coñecer as demandas dos 34.000 emigrantes galegos residentes nesas tres localidades e ampliar os contactos e a atención dese colectivo. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade


Premio Alecrín para ONG mexicana
Marisela Ortiz, fundadora da asociación mexicana “Nuestras Hijas de Regreso a Casa”, que denuncia e investiga os crimes cometidos contra mulleres na localidade azteca de Ciudad Juárez, recibiu en Vigo de mans da alcaldesa Corina Porro, o Premio Alecrín, concedido polo grupo de estudos sobre a condición da muller, Alecrín, no seu 17 cabodano. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Galicia asiste a cumio da NAFO
Manuel Cabirta, director xeral de Estruturas e Mercados da consellería de Pesca, representará a Galicia a finais de setembro, no cumio anual da NAFO en Tallin, Estonia. O sector galego demanda a súa participación na captura do fletán negro no Atlántico Norte, así como manifesta o seu interese noutras capturas como a raia e o camarón. (Fonte: El Correo Gallego).
17/09/2005
Cooperación
Hostaleiros asiáticos formaranse en Compostela
Funcionarios e profesores do sector hostaleiro de países como Indonesia, Tailandia, Malaisia e Sri Lanka, afectados pola catástrofe humanitaria e natural provocada polo paso do “tsunami”, ademais de persoal do sector turístico de China, Camboxa e Filipinas, recibirán formación no Centro Superior de Hostalería de Galicia, ubicado na capital galega. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Radio Portugal cara Galicia
A cadea lusa de electrodomésticos Radio Portugal proponse ingresar en 2006 no mercado español, a través da apertura do seu primeiro centro en Galicia. O plan espera cubrir investimentos valorados en 15 millóns de euros nos próximos tres anos. (Fonte: El Correo Gallego).
16/09/2005
Pesca
Proxectos con Noruega e Irlanda
Representantes do programa europeo Aquareg, de visita na feira de acuicultura de Vilagarcía de Arousa, trasladarán á Consellería de Pesca as conclusións dos convenios de colaboración de Galicia con Noruega e Irlanda, que abarcan aspectos como a pesca de baixura, envasado do mexillón fresco e transporte de marisco vivo. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Estratexia portuaria galego-portuguesa
A empresa galega Vasco Gallega de Consignaciones propuxo en Vigo unha estratexia loxística conxunta de modernización e desenvolvemento de infraestruturas destinadas á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O plan alerta sobre o elevado prezo do solo industrial, que coarta a instalación de mais empresas e a ampliación de liñas de comercio internacional. (Fonte: El Correo Gallego).
15/09/2005
Turismo
O Camiño chega a EEUU
Unha revista norteamericana, Surgical Infections, especializada en cirurxía, dedica unha reportaxe a un estudo do catedrático galego Miguel Caínzos sobre o esforzo que dedican os peregrinos a Santiago co esforzo médico que se dedica para evitar as infeccións no quirófano. O caso da peregrina estadounidense Sara Doherty, quen fixo o Camiño cunha soa perna, é colocado coma exemplo. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estruturais
Quintana pide competencias nos fondos europeos
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, pediu ao ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, o impulso definitivo para o traspaso das competencias referentes a Galicia, estipuladas nos fondos europeos: infraestrutura hidrolóxica, o Instituto Social da Mariña, policía autonómicas, o porto exterior de A Coruña e a Formación Ocupacional.
(Fonte: La Voz de Galicia).
14/09/2005
Turismo


Turisport 2005 promociona a Galicia
No marco da feira internacional de Turismo Turisport 2005 en Silleda, se expuxeron as potencialidades do sector turístico en Galicia, ante 34 operadores de Noruega, Italia, Reino Unido, Portugal e España. As propostas foron presentadas por empresas españolas e do norte de Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).
13/09/2005
Marítima
Puxan por representación galega na NAFO
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, prometeu “facer todos os esforzos” para que Galicia teña unha representación directa na xuntanza da NAFO en Estonia, a mediados de setembro. Quintana expresou o seu desexo de que Madrid teña receptividade á petición galega. (Fonte: La Voz de Galicia).

Acuicultura


Vilagarcía acolle feira internacional
A I Feira Internacional de Acuicultura de Galicia abriu as súas portas no recinto de Fexdega en Vilagarcía, coa participación de representantes de Portugal, Holanda, Italia, Dinamarca, EEUU, México, Israel, India, Brasil, Perú, Bélxica, Canadá, Reino Unido, Rusia e España. (Fonte: El Correo Gallego).
12/09/2005
Unión Europea-Pesca
Galicia amosará a súa diversidade pesqueira
Previo á elaboración do Libro Branco da Pesca, unha delegación galega foi elixida para expoñer en Madrid a súa diversidade pesqueira e xestión socioeconómica, ante autoridades de Dinamarca, Francia, Grecia, Italia, Portugal e o Reino Unido. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


Mais de seis mil estranxeiros asentados en Galicia
O proceso de regularización iniciado polo goberno estatal permitiu a 6.574 inmigrantes solicitar a súa legalización na nosa Comunidade. As solicitudes corresponde a cidadáns colombianos, uruguaios, arxentinos, brasileiros e romaneses. (Fonte: El Correo Gallego).
11/09/2005
Gandería
Carne galega para exportar
O plan do ministerio de Agricultura prevé unha expansión do comercio exterior da gandería galega. Deste xeito, novos socios comerciais como Alxeria e Xapón importarán o vacún galego, mentres Tunisia farao no caso da leite galega. Outros mercados en potencia son México, Cuba, Brasil e China. No 2004, este sector facturou 127 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Emprego


Galicia levará a súa posición a Europa
Coa finalidade de definir unha posición da nosa Comunidade no Consello de Emprego da Unión Europea, o director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ansías, participará en representación de Galicia na xuntanza do grupo técnico interconferencial do ministerio do Traballo en Madrid. (Fonte: El Correo Gallego).
10/09/2005
Solidariedade
“Festiclown” con Chiapas
A V Campaña de Solidariedade con Chiapas, promovida polo espectáculo de pallasos galego “Festiclown”, comezou a súa xira polo territorio chiapaneco e zapatista, coa finalidade de presentar o espectáculo “Os magos de Galicia” para entregar menciñas para as poboacións deste territorio. (Fonte: El Correo Gallego).
09/09/2005
Solidariedade
Aumento masivo das ONGs galegas
Nos derradeiros quince anos experimentouse un incremento multiplicado por dez, das ONGs para o desenvolvemento en Galicia, segundo un informe realizado por unha empresa a petición da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Dentro da diversidade ideolóxica, política e relixiosa, estas ONGs actuaron en situacións de catástrofe humanitaria ou guerras como o furacán Mitch na América Central, nos Balcáns ou Ruanda. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Galicia e os Estudos Irlandeses
Un doutorado do Instituto de Estudos Irlandeses da Universidade de A Coruña será o primeiro impartido on-line, baixo o título de Estudos Irlandeses contemporáneos. Os cursos estarán dirixidos por especialistas das tres universidades galegas, de centros de estudos españois e irlandeses. (Fonte: El Correo Gallego).
08/09/2005
Unión Europea-Porto Exterior
Incerteza polo financiamento europeo
Sen confirmación por parte da Unión Europea atopase aínda o financiamento do proxecto do porto exterior de Punta Langosteira en A Coruña. O ministerio de Economía e Facenda e a Autoridade Portuaria de A Coruña, están á espera dunha resposta dos 280 millóns de euros do préstamo tramitado a Bruxelas por fondos de cohesión. (Fonte: La Voz de Galicia).
07/09/2005
Pesca
Liberan pesqueiros galegos apresados en Mauritania
Os dous barcos galegos “Manuel Nores” e “Villa de Marín”, apresados polas autoridades mauritanas ante a acusación de pesca ilegal, foron liberados tralo abono de 85.000 euros, a cantidade esixida pola casa armadora en concepto de multa. (Fonte: La Voz de Galicia).

Conxemar oriéntase cara Asia
A sétima edición da feira internacional de produtos conxelados do mar, Conxemar, celebrado en Vigo, rexistrou o maior récord de participación con 552 empresas dos cinco continentes, coa especial presenza de Xapón, China, Tailandia, Bangladesh, Filipinas, Iraq, Iemen, Vietnam e Malaisia, países con gran potencialidade no sector pesqueiro e marítimo. Nesta oportunidade, non participaron países de Europa, América Latina e África. (Fonte: La Voz de Galicia).
06/09/2005
Cooperación


Vigo e Irlanda unidos pola Medicina
O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e o grupo irlandés de investigacións Protoebio asinaron un convenio de investigación conxunta na detección de enfermidades como o cancro e a mala alimentación, a través do estudo das proteínas. Tamén realizarán ensaios clínicos e intercambio de tecnoloxía e bases de datos. (Fonte: Faro de Vigo).
05/09/2005
Sucesos
Unha galega na traxedia de Nova Orleáns
A moza Ariane Martínez, de 16 anos, residente en San Sebastián pero filla de galegos, deu sinais do seu paradoiro unha vez superada, na localidade de Kiln, no Mississipi, a catástrofe natural provocada polo furacán Katrina nas costas de Nova Orleáns. Martínez acudira no verán a EEUU para un intercambio estudantil. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora


Autofinanciamento para o Centro Galego de Bos Aires
Recibido en Santiago polo secretario xeral de Emigración, Manuel Rodríguez, Rogelio Ucha, presidente deste centro, afirmou que cos novos investimentos previstos no organismo, esperase poder financiar as súas obras sen necesidade de pedir mais axudas á Xunta. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Fadesa comercializa en Budapest
A inmobiliaria galega comezou a comercialización da primeira promoción no centro da capital húngara, onde investirá uns 43 millóns de euros en 271 vivendas de altura, unha galería comercial e oficinas. Portugal, Marrocos, Polonia e Francia entran tamén nos plans de expansión internacional da empresa. (Fonte: El Correo Gallego).
04/09/2005
Unión Europea-Pesca
Confirman Axencia Pesqueira en Vigo
A ministra de Agricultura e Pesca, Elena Espinosa, informou da aceleración do proceso para que a mediados de 2006 comece a súa andadura a Axencia Europea de Pesca en Vigo. (Fonte: El Correo Gallego).

Denuncian ante a UE a retención dun pesqueiro en Mauritania
Seis embarcacións españolas, das que catro teñen a súa base no porto galego de Marín, foron apresadas polas autoridades mauritanas trala acusación de pesca ilegal nas augas do caladoiro africano. O ministerio de Pesca anunciou a súa decisión de denunciar o suceso ante a Comisión Europea. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración


O BNG pide convalidación de títulos educativos
O voceiro do partido nacionalista, Francisco Rodríguez, instou ao goberno da Xunta a negociar a convalidación dos títulos de ensinanza secundaria e Bacharelato ou ESO, cos países de América Latina, onde habita unha gran diáspora galega. Rodríguez pediu a apertura de negociacións con Arxentina, Uruguai, México, Venezuela e Cuba, para favorecer as equivalencias. (Fonte: El Correo Gallego).
03/09/2005
Unión Europea-Educación
Erasmus para 1.400 mozos e mozas galegos
O curso 2005-2006 rexistrou un aumento do 22% nos estudantes galegos que saen a completar os seus estudos grazas ao programa Erasmus. Uns 1.400 mozos e mozas das tres universidades galegas partirán aos 31 países que forman parte do programa. Italia é o país que recibirá mais estudantes galegos e tamén a nación de procedencia da maioría dos mozos estranxeiros que estudarán en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Vigo, eixe da xuntanza mundial do mexillón
A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Vigo celebrará a mediados de setembro, a II Conferencia Mundial do Mexillón, coa participación de expertos empresariais de España, China, Chile, Nova Zelandia, Holanda, África do Sur, Irlanda, Canadá e Italia. Unhas 67 empresas galegas deste sector facturan anualmente 400 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Schweppes non pechará factoría galega
A intención de venda do negocio da multinacional estadounidense non afectará ao peche da factoría de A Coruña, nin tampouco aos seus 1.100 empregados. Schweppes ten tamén outras seis fábricas en España. (Fonte: El Correo Gallego).
02/09/2005
Solidariedade
Axuda sanitaria a Nicaragua
O vicepresidente de Igualdade e Benestar da Xunta, Anxo Quintana, anunciou o apoio institucional á promoción dunha unidade clínico docente no país centroamericano, para a formación médica do persoal nativo. Quintana fixo esta declaración no marco dun encontro con representantes da Sociedade Española de Medicina Xeral. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Acusan a Canadá de retirada galego da NAFO
A decisión da secretaría xeral de Pesca Marítima, MAPA de ordenar o peche preventivo da pesquería de fletán negro á flota galega que faena nas augas do Atlántico Norte, pertencente á NAFO, provocou preocupación entre os armadores vigueses, xa que pon en perigo 6.000 postos de traballo e 300 millóns de euros do PIB galego. José Antonio Suárez-Llanos, xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo, acusou a Canadá de estar detrás da decisión de MAPA.
(Fonte: El Correo Gallego).
01/09/2005
Cultura
O patrimonio da Ribeira Sacra
Javier Solana declarou o seu apoio á campaña realizada pola Irmandade da Ribeira Sacra, coa finalidade de lograr ser declarada como Patrimonio da Humanidade. A Irmandade da Ribeira Sacra organizou, xunto á Universidade Internacional Menéndez Pelayo, un curso en Monforte sobre desenvolvemento sostible. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Quince anos dun irmanamento
A localidade galega de Negreira, capital de Barcala, celebrou o décimoquinto aniversario do irmanamento coa localidade portuguesa de Serzeda (Vilanova de Gaia). Esta relación foi pioneira en Galicia no relativo aos irmanamentos entre localidades galaicas e portuguesas. (Fonte: El Correo Gallego).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, Galicia Información, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, Xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2005: agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/10/2005
Fernando Pol


Subir