Diario Exterior / agosto de 2005

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

31/08/2005
Pesca


Armadores coruñeses con proxección europea
Dúas das principais asociacións de armadores do porto de A Coruña, PescaGalicia-Arpesco e Obarco, decidiron fusionarse para crear unha nova entidade con maior peso para defender os intereses da pesca galega. Na nova asociación estarán incluídos pesqueiros de España, Irlanda, Escocia e Francia. (Fonte: La Voz de Galicia).
30/08/2005
Cooperación
Galicia e Polonia pola innovación
Materias como innovación, investigación, desenvolvemento e turismo serán as principais liñas de cooperación entre Galicia e Polonia, segundo resultou da xuntanza entre o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e a embaixadora polaca Grazyna Bernatowicz. Asemade, Polonia amosou o seu interese en coñecer a experiencia galega na xestión dos fondos europeos. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade


Europa do Leste coñece o viño ourensán
Un grupo de xornalistas de Hungría, República Checa e Polonia, especialistas no sector vinícola, visitaron os centros vitivinícolas de Ourense, no marco dunha misión comercial organizada pola Cámara de Comercio de Lugo. (Fonte: El Correo Gallego).
29/08/2005
Pesca
Licencias por 25 anos para Galicia
As autoridades das Malvinas presentaron unha oferta inédita á flota galega que fana nesas augas, de conceder licencias por 25 anos aos pesqueiros estranxeiros, entre eles unha vintena de buques conxeladores galegos. A medida pretende modificar toda a política pesqueira da colonia británica. (Fonte: La Voz de Galicia).
28/08/2005
Economía
Galicia oriéntase a Portugal e América Latina
Entre o 2000 e o 2004, un 61% dos investimentos galegos no exterior van para Portugal e países de América Latina como Arxentina, México, O Salvador e Brasil. Outros países como Xapón, Holanda, Turquía e EEUU tamén ingresan nesa lista como destinos principais. O capital galego total investido nese período se achega aos 1.326 millóns de euros, unha cuarta parte do acumulado en toda a historia para Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca


A pesca galega e os competidores externos
Segundo responsables das principais lonxas, a chegada de produtos pesqueiros de Reino Unido, Francia, Irlanda e Italia está provocando unha merma nas finanzas dos mariscadores e pescadores galegos. Os baixos prezos de especies locais como a ameixa, centolo ou a nécora ten a súa explicación pola chegada de mariscos estranxeiros, inferior en calidade e mais competitivos en prezo. (Fonte: La Voz de Galicia).
27/08/2005
Unión Europea-Gandería
Bruxelas apraza cobro de multa láctea
O sector lácteo galego recibiu unha boa noticia co aprazamento por un ano, por parte da Unión Europea, no cobro do pago por sanción por supertaxa láctea. Este era un dos requerimentos das agrupacións Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego. (Fonte: El Correo Gallego).

Téxtil


Bloque ao téxtil chino favorece a Galicia
Os obradoiros galegos recibiron un aumento nos seus pedidos por parte das grandes compañías de moda, debido ao conflito entre a Unión Europea e China. Os principais beneficiadas serán os obradoiros ourensáns. (Fonte: El Correo Gallego).
26/08/2005
Deporte
A selección galega contra un rival internacional
O director xeral de Deportes da Xunta, Santiago Domínguez, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Julio Meana, mantiveron a súa primeira xuntanza na que dialogaron sobre a creación da selección galega de fútbol. Domínguez e Meana manifestaron que o primeiro partido será no estado santiagués de San Lázaro, na capital de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
25/08/2005
Téxtil
Inditex tranquiliza ante o conflito UE-China
A empresa coruñesa asegurou que o bloqueo por parte de Bruxelas ás categorías de produtos téxtiles procedentes de China non está afectando a produción e mercantilización das súas marcas, xa que a multinacional galega importa un 70% de Europa e as compras a China apenas superan o 15%. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Nova pedagoxía entre galegos e lusos
As XXIX Xornadas do Ensino en Galicia e Portugal reuniu a un centenar de docentes galegos e portugueses para aprender novos métodos pedagóxicos así como outros temas como a inmigración e a violencias nas aulas. (Fonte: El Correo Gallego).
24/08/2005
México
Exculpan a bandas organizadas no asasinato de Guerra
O Procurador do Distrito Federal de Cidade de México, Bernardo Bátiz, asegurou que non existen ningún indicio de que bandas organizadas torturaran e asasinaran ao empresario galego Camilo Guerra Rodríguez. Bátíz negou a entrada nese país das bandas delitivas centroamericanas “Zetas” e “Mara Salvatrucha”, e informou da detención de José Jurado, unha persoa próxima ao empresario galego, por informar con retraso do secuestro do empresario. (Fonte: El Correo Gallego).
23/08/2005
Pesca
Armadores europeos contrarios a pechar a NAFO
As asociacións pesqueiras galegas Anamer e Anavar criticaron que Bruxelas impoña os seus criterios sen procurar o consenso co sector. No relativo ao peche dos caladoiros da NAFO a finais de agosto, os armadores europeos amosaron o seu descontento ante a Comisión Europea. (Fonte: El Correo Gallego).
22/08/2005
Portugal
Os incendios afectan a fronteira común
O fogo activo en diversas localidades fronteirizas de Portugal continuou coa súa expansión a Galicia, especialmente nas localidades ourensás. Alemaña, Francia, Italia e España anunciaron o envío de avións antiincendios a Portugal, para extinguir 35 fogos activos. (Fonte: El Correo Gallego).
21/08/2005
Téxtil
Aumentan cadeas de Zara en EEUU
A inauguración dun establecemento de Zara en San Francisco amplía a 17 as tendas da marca principal da empresa galega Inditex en EEUU. Nova York, Houston, Miami e Las Vegas son as principais cidades con presenza de Zara. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Máis apoios para a candidatura oral luso-galaica
O conselleiro de Innovación e Turismo, Fernando Blanco, informou en Lugo do apoio institucional á candidatura do patrimonio oral e inmaterial galaico-portugués na Unesco, e expresou o seu desexo de que esta candidatura obteña un recoñecemento similar á Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. (Fonte: El Correo Gallego).
20/08/2005
Inmigración
Elevada poboación estranxeira nos cárceres
Un informe da Asociación dos Corpos da Administración e Institucións Penitenciarias, Acaip, revelou que un 34,7% da poboación penitenciaria galega é de orixe estranxeira. A nivel estatal, Galicia ocupa o cuarto lugar en canto á poboación penitenciaria estranxeira. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade


Alí Lmrabet en Galicia
O coñecido escritor e disidente marroquí estivo na localidade de Camariñas, como parte dunha visita a Galicia, onde recibirá o premio José Couso do Colexio de Xornalistas de Galicia. Lmrabet afirmou que realizará o Camiño de Santiago en novembro. (Fonte: El Correo Gallego).
19/08/2005
Diáspora
Atopan cadáver de empresario galego
O empresario Camilo Guerra Rodríguez, de 75 anos e natural do concello ourensán de Avión, foi atopado morto pola policía mexicana nunha alcantarilla, atado e con tres disparos na cabeza e co claros síntomas de tortura. Rodríguez levaba 42 días de secuestro e a súa familia pagara uns 754.000 euros dos 905.000 pedidos polos secuestradores. (Fonte: El Correo Gallego).
18/08/2005
Téxtil
Inditex ingresa no mercado asiático
A empresa téxtil coruñesa abrirá 100 novas tendas da marca Zara, enfocada á mocidade, en Indonesia, Filipinas, Taiwán, Corea do Sur e China, segundo unha información aparecida no diario Business Times de Singapur. Inditex xa posúe 21 tendas en Xapón, Hong Kong, Singapur, Tailandia e Malaisia. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Golpe á flota galega da NAFO
O acordo entre o goberno estatal e a Comisión Europea sobre o final dos permisos para fanar nos caladoiros da NAFO no Atlántico Norte, pautados para o 31 de agosto, afectará o emprego de trinta barcos e mil tripulantes galegos, os cales demandaron medidas ante a Aetinape e o goberno de Zapatero. A Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo, ARVI, declarou que o acordo entre Bruxelas e Madrid foi realizado sen ter e conta os intereses e demandas dos pesqueiros galegos e españois. (Fonte: El Correo Gallego).
17/08/2005
Afganistán
Dez galegos mortos en accidente aéreo
Os dez militares galegos mortos no accidente de helicóptero na localidade afgana de Shindand, pertencían á división da Brilat “Galicia VII”, que apenas levaba catro días no país centroasiático. No accidente faleceron 7 militares mais, dos cales dous eran residentes na nosa Comunidade. (Fonte: El Correo Gallego).
16/08/2005
Economía
Galicia aposta pola calidade e valor engadido
O conselleiro de Traballo Fernando Varela cualificou como un “suicidio” unha política económica baseada na captación de investimentos estranxeiros pola vía dos salarios baixos. Varela destacou que a súa xestión apostará pola “calidade en investigación en valor engadido” para competir nos mercados internacionais e atraer os investimentos estranxeiros. (Fonte: El Correo Gallego).
15/08/2005
Cooperación
Baixa aportación galega para o Terceiro Mundo
Un informe revela que Galicia continúa nos niveis máis baixos de solidariedade co Terceiro Mundo en España. A achega do 2004 alcanzou o 0,07% do PIB galego, mentres a media estatal estaba no 0,25%, a súa vez unha das máis baixas de Europa. Co cambio de goberno na Xunta, o PSdG e o BNG salientaron o seu obxectivo de incrementar estas achegas aos países subdesenvolvidos ata cuadriplicar o nivel actual. (Fonte: La Voz de Galicia).
14/08/2005
Pesca
Acusan a Canadá de influír no peche do caladoiro da NAFO
A Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros, Aetinape, considerou que Canadá estaría detrás da decisión de Bruxelas de pechar en setembro o caladoiro da NAFO, o cal afectaría a 34 buques galegos, 1.000 tripulantes e 7.000 empregados indirectos. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Aumentan nun 55% as exportacións galegas
Segundo a consultora viguesa Torres e Carrera, as exportacións galegas a Portugal aumentaron un 55% nos derradeiros dez anos, achegándose a 1.676 millóns no 2003. (Fonte: El Correo Gallego).
13/08/2005
Unión Europea-Pesca
CIG denuncia acordo Bruxelas-Rabat
O secretario xeral de CIG-Mar, Xabier Aboi, denunciou que o acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos é “nefasto” porque “só beneficia á flota andaluza xa que a galega non poderá entrar neses caladoiros”, coa excepción de oito barcos que fanan en Mauritania. Noutras informacións, a Comisión Europea e o goberno español resolveron pechar en setembro o caladoiro da NAFO. (Fonte: El Correo Gallego).
12/08/2005
Portugal
Intercambio cultural luso-galaico
A mostra “VI Bienal de Pintura 2004-2005 Eixo Atlántico”, presentou no Museo do Pobo Galego unha exposición conxunta de 29 artistas portugueses e galegos, na que o Eixo Atlántico contribúe á difusión e o acercamento do acervo cultural dos pobos galegos e do norte de Portugal e á divulgación de novos talentos artísticos. (Fonte: El Correo Gallego).
11/08/2005
Sucesos
Cárcere en Brasil para empresario galego
O empresario santiagués Francisco Chico Recarey, de 63 anos, coñecido polos seus negocios de entretemento, foi arrestado trala súa condena de catro anos de prisión por delitos fiscais, acusado de apropiación indebida de recursos destinados á Seguridade Social. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Festival Folclórico Internacional en Baiona
Os grupos galegos Meiramar e Axóuxeres, o Collegium Folklorum de Serbia, e a agrupación Aidyn Dogan Andolu Lisesi, de Turquía, participaron nun festival organizado polo Concello de Baiona. (Fonte: Faro de Vigo).
10/08/2005
Ecoloxía
Greenpeace preme na flota galega
Desde o 26 de xullo, cando abordara ao barco galego “Playa de Tambo” no Atlántico Norte, a ONG Greenpeace comezou unha campaña de acoso contra os barcos que fanan no caladoiro da NAFO. Aetinape pediu ao goberno de Zapatero e da UE que interceda para evitar o acoso da organización ecoloxista contra a flota galega. (Fonte: El Correo Gallego).
09/08/2005
Diáspora
Homenaxe arxentina á diáspora galega
A Cámara de Deputados da Nación arxentina acollerá en setembro, no emblemático salón dos Pasos Perdidos do palacio lexislativo, un acto de homenaxe á contribución realizada a ese país por parte da emigración galega e os seus descendentes. Fabián Fernández Pérez, promotor deste acto, asegurou que a clase política e os deputados arxentinos, aprobaron por unanimidade esta iniciativa. (Fonte: El Correo Gallego).
08/08/2005
Agricultura
Unións Agrarias defende política común coa UE
O secretario xeral do sindicato Unións Agrarias, Roberto García, expresou a súa confianza en que o novo conselleiro de Agricultura, Alfredo Suárez Canal, canalice as políticas agrarias galegas acorde coas esixencias da estratexia comunitaria europea, alterando así os pronunciamentos “ideoloxizados” da anterior administración. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


A presenza galega na independencia americana
Segundo a Sociedade Nacional dos Fillos da Revolución Americana (National Society of the Sons of American Revolution), integrada por descendentes directos e indirectos, unha media ducia de galegos participaron na guerra de independencia dos EEUU, entre 1775 e 1783. Son: o capitán José Martínez, natural de Padrón; o capitán Yldefonso de Larrauri, de A Coruña; os tenentes Vicente Matos e José Fonte y Bermúdez, tamén coruñeses; o cabo Miguel Augusto, de Mugardos; e o soldado Pedro López, de Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).
07/08/2005
Turismo
Asia coñece a oferta viguesa
A través dos portais de Internet, especialmente a do Padroado das Rías Baixas, turistas de Taiwán, Xapón, China e Hong Kong achéganse ata a cidade olívica, completando o interese turístico que xa era tradicional en países como Francia, Portugal, Italia e Bélxica.
(Fonte: Atlántico Diario).

Portugal


O Asociacionismo como estratexia común
A Federación Luso-Galaica de Industriais Metalúrxicos, Feluga, constituíuse grazas á participación da Asociación de Empresarios Metalúrxicos de Galicia e a portuguesa Aimmap. Segundo os seus creadores, a Feluga é a primeira iniciativa neste sentido dentro da Unión Europea. (Fonte: Atlántico Diario).
06/08/2005
Inmigración
Folclore multirracial en Ferrol
A Quinta Edición do Festival das Comunidades celebrouse na ferrolá Praza das Armas, coa participación de grupos autóctonos de América Latina, coa especial actuación da agrupación Koeti de Paraguai, e o Cáucaso, coa participación do grupo das Xuventudes do Daguestán. Tamén participaron grupos folclóricos españois. (Fonte: El Correo Gallego).

Sáhara


Nenos saharauís en Galicia
Como parte do programa Vacacións en Paz organizado pola Asociación de Amigos do Pobo Saharauí e dos Amigos da República Árabe Saharauí Democrática, un total de seiscentos nenos serán acollidos por familias galegas este verán. (Fonte: El Correo Gallego).
05/08/2005
Emigración
Portas organizará II Encontro coa Emigración
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, inaugurará a mediados de agosto en Portas (Caldas de Reis), o II Encontro da Emigración, no que se reunirá con presidentes dos centros galegos de todo o mundo. (Fonte: El Correo Gallego).
04/08/2005
Unión Europea-Agropecuaria
Multa europea afecta ao campo galego
A organización Unións Agrarias, UA, recorrerá a decisión da UE de multar a España con 22 millóns de euros por sobreprodución láctea, mentres Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego critican a insuficiente defensa de Madrid ante unha decisión comunitaria que prexudica a Galicia. Segundo UA, un 65% dos produtores galegos deberán pagar a multa. (Fonte: El Correo Gallego).
03/08/2005
Emigración
Preocupan secuestros de galegos en México
O secuestro do empresario galego Camilo Guerra Rodríguez, de 70 anos, amosa sinais de preocupación para os industriais e empresarios galegos, a maioría de orixe ourensán, que habitan no país latinoamericano. Dende 1998, foron secuestrados un total de 12 empresarios galegos residentes en México. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Santiago acolle festival internacional de curtametraxes
En outubro, a capital galega será a sede do II Festival Internacional CurtoCircuito 2005, coa participación de producións de Italia, Alemaña, India, Perú, Arxentina e Inglaterra. En total se estrearán preto de cen curtametraxes. (Fonte: El Correo Gallego).
02/08/2005
Emigración
Aumenta partida sanitaria para emigrantes americanos
Cun monto superior aos 4 millón de euros, o goberno de Zapatero anunciou un aumento do 33% do orzamento en sanidade destinado aos emigrantes en Iberoamérica. Entre outros aspectos, subscribiuse un convenio coa empresa Polimed Ltda. para prestar asistencia farmacéutica en Brasil. (Fonte: El Correo Gallego).
01/08/2005
Acción Exterior
Segundo contixente da Brilat para Afganistán
A zona de Herat, ao oeste do país centroasiático, será o destino do segundo continxente de 200 soldados da Brigada Lixeira Aerotransportable, Brilat, que parte desde Galicia a primeiros de agosto. Xunto aos máis de 200 enviados un mes antes, esta brigada terá a responsabilidade de velar pola seguridade ante as eleccións lexislativas de setembro nese país. (Fonte: El Correo Gallego).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, Galicia Información, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, Xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2005: xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/10/2005
Fernando Pol


Subir