Diario Exterior / xullo de 2005

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

31/07/2005
Portugal


Pontevedra e Braga buscan apoio europeo
Coa finalidade de recuperar os seus cascos históricos como espazo público de encontro dos cidadáns, e baixo o título “Cidade: Futuro da Historia”, os concellos de Pontevedra e Braga buscan o apoio económico da UE a través do programa Interreg III.
(Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade


Manos Unidas pide axuda para o Níxer
Segundo Ángela Jaureguizar, delegada da ONG “Manos Unidas” en Santiago, esta organización abriu unha conta bancaria de Emerxencia para axudar a paliar a crise humanitaria que se está a vivir no Níxer, produto da fame.
(Fonte: El Correo Gallego).
30/07/2005
Pesca
Vigo aposta polo convenio con Indonesia
A través das contratacións da empresa Fishing Work Corporation, os armadores vigueses amosan a súa satisfacción pola contratación de persoal procedente do país asiático. Desde marzo de 2004, a empresa de contratación ven facendo os contactos entre Vigo e as autoridades e empresas pesqueiras indonesias, un país con gran potencial mariño debido ao seu arquipélago con 13.000 illotes e unha poboación de 12 millóns de mariñeiros. (Fonte: El Correo Gallego).
29/07/2005
Unión Europea-Pesca
Palangreiros galegos volven ás augas marroquís
O acordo alcanzado por Bruxelas e Rabat, e que comezará a aplicarse en marzo de 2006, permitirá a cen barcos españois, aproximadamente trinta deles galegos, fanar nas augas marroquís. O acordo permite o retorno dos palangreiros galegos, mais non inclúe a captura de cefalópodos (polbos, calamares), crustáceos (cigalas, gambas) e camarón, por estar o caladoiro sobreexplotado. (Fonte: El Correo Gallego).

Sáhara


Polisario condena acordo UE-Marrocos
A inclusión das augas do Sáhara Occidental no acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos, provocou a protesta do representante da Fronte Polisario en Galicia, Brahim Gali, quen cualificou o acordo de “ilegal”, porque “concede a Marrocos a explotación dos recuros. (Fonte: El Correo Gallego).
27/07/2005
Unión Europea-Interreg
Pontevedra aspira recibir fondos europeos
A Deputación de Pontevedra aspira recibir uns doce millóns e medio de euros en fondos FEDER da UE, para acometer seis proxectos de infraestrutura do programa Interreg, cos concellos e os seus homólogos portugueses. Estes proxectos, nos que participan tamén universidades galegas, son o Eco-Miño-Minho (recuperación do río Miño); o Eco-Logistic (polígono industrial de Meis-Barro); o programa Ademais (utilización eficiente da enerxía); e o programa Redesana (saneamento municipal).

Unión Europea-Pesca


Critican posición galega ante pacto UE-Marrocos
Ante as críticas feitas polos armadores galegos de quedar marxinados do acordo pesqueiro entre Bruxelas e Rabat, o director de Relacións Internacionais da Dirección de Pesca da UE, César Debén, reprochoulles non coñecer os contidos da negociación e de non intentar poñerse en contacto coas autoridades europeas. Non obstante, Bruxelas considerou que a negociación con Marrocos será longa. (Fonte: El Correo Gallego).
26/07/2005
Emigración
Preocupación na Arxentina polo novo rango de Emigración
Arturo González Gil, presidente do PP no país suramericano, amosou a súa preocupación polo futuro da consellería de Emigración ante o cambio de goberno na Xunta. González Gil, quen se reuniu en Santiago co presidente en funcións, Manuel Fraga, explicou que non ve xustificación na eliminación dese departamento como consellería porque “é importantísimo ser solidario coa xente necesitada”. (Fonte: El Correo Gallego).

Educación


Embaixador de EEUU na USC
Eduardo Aguirre, máximo representante diplomático estadounidense en España, visitou a Facultade de Xornalismo, onde compartiu cos estudantes e participou na mostra dun documental multimedia desenvolvido por un grupo de alumnos norteamericanos, chilenos e galegos sobre a vida en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
25/07/2005
Cultura
O mes da cultura galega en Nova York
Dúas exposicións e un ciclo de cinema galego compoñen as I Xornadas sobre Literatura Galega no Instituto Cervantes de Nova York, sendo este o primeiro evento no que se dedica un mes a Galicia nesta cidade norteamericana, onde as estatísticas sinalan a presenza de 30.000 galegos. Do mesmo xeito, o escritor e promotor cultural Francisco Álvarez, Koki, presentará unha mostra cultural galega para o 2006. (Fonte: El Correo Gallego).
24/07/2005
Inmigración
Inmigrantes e traballadores autónomos
Segundo un informe da Federación Nacional de Traballadores Autónomos, uns 3.250 inmigrantes laboran como autónomos en Galicia, o cal representa un 2,34% do nivel estatal, situando a nosa Comunidade no décimo lugar. (Fonte: El Correo Gallego).
22/07/2005
Unión Europea-Marítima
Cuestionan subvencións da Xunta á construcción naval galega
O Tribunal de Xustiza da UE ditaminou que a Xunta debería ter notificado á Comisión Europea o novo réxime de axudas á construción naval desde 1994 e pediu aos tribunais nacionais a determinación da validez desas axudas e a súa posible devolución. (Fonte: El Correo Gallego).
21/07/2005
Turismo
Mais de 300 mil estranxeiros visitaron Galicia
A enquisa elaborada por Frontur para o Ministerio de Fomento resalta a chegada á nosa Comunidade de 306.520 turistas no primeiro semestre do ano, o que supón un aumento do 3,5%. Ademais das outras comunidades estatais, os principais países de orixe dos turistas estranxeiros son o Reino Unido como principal emisor, Francia, Alemaña, Italia e Holanda. (Fonte: El Correo Gallego).
20/07/2005
Pesca
Armadores vigueses piden menos presión á NAFO
O xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo, José Ramón Fuertes, pediu a Bruxelas e Canadá unha diminución na presión que manteñen coa flota española, galega e portuguesa que fanan nas augas da NAFO. Fuertes lembrou que desde o 2003 a actividade nos caladoiros da NAFO se reduciu un 40%.Tamén informou que, a consecuencia da subida nos prezos do gasóleo na UE, as lonxas e a flota galega poderían parar en sinal de protesta. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal-Ambiente


Planta de Ence podería ir a Viana do Castelo
O grupo papeleiro Ence estuda a posibilidade de trasladar a súa factoría de Lourizán (Pontevedra) á localidade portuguesa de Viana do Castelo, como consecuencia dos pactos políticos no novo goberno galego, que se inclinan polo cambio de localización. A concesión de Ence en Lourizán non remata ata o 2008. (Fonte: El Correo Gallego).
19/07/2005
Cooperación
Caixanova forma empresarios en América Latina
A Escola de Negocios de Caixanova, con iniciativa da Fundación Galicia Emigración, formará a quince directivos latinoamericanos de orixe galega na xestión internacional a favor das empresas galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
18/07/2005
Portugal
Vigo lidera proxecto enerxético europeo
O concello vigués, en sociedade cos municipios portugueses de Chaves, Braga e Monçao, presentou un proxecto líder en Europa para crear a primeira área recreativa enerxética de Galicia e o Norte de Portugal e un centro de divulgación das tecnoloxías ambientais non contaminantes, enerxías renovables e aforro enerxético. Cun orzamento de un millóns 300 mil euros, o proxecto opta para os fondos da Interreg III. (Fonte: El Correo Gallego).
17/07/2005
Eixo Atlántico
Santiago, sede dos VI Xogos atlánticos
A capital galega reuniu a 1.300 mozos de Galicia e o Norte de Portugal, que comezaron na praza de Obradorio os VI Xogos do Eixo Atlántico, nun acto que contou coa presenza dos secretarios de Estado para o Deporte de España e Portugal, Jorge Lissavetzky e Laurentino Dias, ademais das autoridades galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
16/07/2005
Unión Europea- Fondos Estructurais
Incertezas ante o Obxectivo 1
A petición do deputado do BNG Francisco Rodríguez, o goberno galego en funcións respondeu que Bruxelas “está aínda por determinar” os requisitos polos que se saberá si Galicia continúa sendo parte da rexión Obxectivo 1. Rodríguez demandou “vixilancia” á Xunta dos indicadores do Eurostat para saber qué período se conta para facer a medición do PIB galego. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración


Amplían cursos de formación para emigrantes
A Fundación Galicia Emigración desenvolverá en Bos Aires, un terceiro curso de Formación e Desenvolvemento Empresarial, ante a ampla demanda rexistrada nas convocatorias de abril e maio na capital arxentina. Os programas do 2005 contaron coa matriculación de 630 persoas. (Fonte: El Correo Gallego).
15/07/2005
Ambiente
Arxentina pretende demandar a Ence
A planta de celulosa que Ence espera construír en Uruguai foi motivo dunha polémica co goberno arxentino, quen anunciou que existen roces co goberno uruguaio e que demandará por danos ambientais á empresa española Ence pola localización da papeleira. A polémica con Uruguai é tamén parte do conflito que mantén Ence pola planta en Lourizán (Pontevedra). (Fonte: El Correo Gallego).
14/07/2005
Unión Europea-Fondos Estructuráis
Bruxelas insiste no risco de perda do Obxectivo 1
No marco da súa visita a Santiago, o presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, Eduardo Galeote, advertiu da posibilidade de que Galicia perda a súa condición de Obxectivo 1 para o período 2007-2013. Na súa xuntanza, o presidente Manuel Fraga demandou un período transitorio para non perder inicialmente os fondos estruturais. (Fonte: El Correo Gallego).

Marítima


Galicia como centro europeo do transporte marítimo
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, propuxo ante o Comité de Rexións da UE que os portos galegos sexan un “enclave central” no transporte marítimo e un protagonista principal da política marítima comunitaria. Ante a ministra española de Pesca, Elena Espinosa, López Veiga amosou o seu pesimismo polo futuro da flota galega ante a negociación europea con Marrocos dun novo acordo pesqueiro. (Fonte: El Correo Gallego).
13/07/2005
Portugal
Proxecto conxunto para a Mocidade
A conselleira en funcións de Xuventude, Pilar Rojo, e o secretario de Estado portugués para a Xuventude, Laurentino Dias, asinaron un acordo no que Galicia e o norte de Portugal realizarán actividades conxuntas en materia de asociacionismo, emprego e voluntariado, dirixido á mocidade. Noutra orde de ideas, a Fundación da Xuventude de Porto acolleu a exposición fotográfica “Camiño de Santiago. Luz e vida”, que xa estivera presente desde o 2003 en Bruxelas, Toulouse, Munich e Nápoles. (Fonte: El Correo Gallego).
12/07/2005
Cooperación
Convenio entre Caixanova e a Universidade de Gales
Unha promoción de 40 mozos na diplomatura de Bachelor in Business Administration recibiron o seu diploma nas instalacións do Centro Cultural Caixanova en Vigo, coa presenza do presidente da Xunta, Manuel Fraga, o secretario da Universidade de Gales, Lynn Williams, e a alcaldesa local Corina Porro. A Universidade de Gales e a Escola de Negocios de Caixanova contan con once promocións conxuntas deste convenio de colaboración, destinado a formación universitaria e con validez na Unión Europea. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Marítima


Reivindicada a “comisión Prestige”
Pese ao veto de Chipre, Malta e Grecia, a Comisión Europea aprobou unha lexislación común válida a partir do 2007, onde se castiga con multas de 1,5 millón de euros aos vertidos mariños intencionados e os “sentinazos”. Dous anos despois das presións por parte da “comisión Prestige”, a lexislación europea logra penalizar estas prácticas. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/07/2005
Téxtil
Polonia no ámbito das empresas galegas
As firmas do téxtil e corsetería galega, Araújo Piel, Charoa, Toypes, Mafecco, María Mariño e Selmark, comezaron a súa andadura polo mercado polaco, cunha mostra das súas coleccións 2005-2006. Galicia constitúe o principal exportador téxtil ao país do Leste e un 60% das exportacións téxtiles españolas a Polonia son de confección galega. (Fonte: El Correo Gallego).
10/07/2005
Turismo
Galicia pasea polas rúas de Milán
As rúas e prazas da cidade italiana acollerán, ata a metade do mes de xullo, información turística sobre Galicia nos aspectos náutico, saúde, cultura, natureza e de cidade, nunha presentación organizada por Turgalicia con espectáculos e montaxes. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Orzamento


Delegación europea comprobará uso dos fondos a Galicia
Cunha visita oficial e ás diferentes obras e proxectos europeos en Galicia, unha comitiva da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, encabezada polo español Gerardo Galeote, visitará Santiago para comprobar a canalización dos investimentos comunitarios. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Asilos galegos contan coa axuda inmigrante
Segundo datos de Cáritas Interparroquial de Santiago, unha vez concluído o proceso de regularización, entre un 60-70% das mulleres estranxeiras que chegan á nosa Comunidade atopan traballo nas casas particulares e nos asilos. Os países de orixe deste inmigrantes son, principalmente, latinoamericanos de Colombia, Ecuador, Arxentina, Venezuela, Uruguai e Bolivia, aínda que tamén se atopan persoas de Romanía, Marrocos e África do Sur. (Fonte: El Correo Gallego).
09/07/2005
Unión Europea-Pesca
López Veiga critica negociación comunitaria
O conselleiro en funcións de Pesca, Enrique López Veiga, amosou o seu descontento coas negociacións que leva a cabo o goberno de Zapatero con Bruxelas con respecto á negociación do orzamento comunitario, considerando “complicado” que Galicia continúe dentro do “Obxectivo 1”. Do mesmo xeito, sobre as declaracións da ONG Greenpeace, sobre a agresión ambiental no litoral galego, López Veiga considerou que esta postura “carece de estudos científicos”. (Fonte: El Correo Gallego).

Terrorismo


Galicia solidaria con Londres
Unhas 500 persoas, entre políticos e cidadáns, fixeron unha concentración na praza de Obradoiro en Santiago para manifestar en silencio a súa solidariedade coas vítimas do atentado terrorista do 7 de xullo en Londres. No concello de Vigo e na Praza Maior de Ourense se fixeron actos similares. (Fonte: El Correo Gallego).
08/07/2005
Inmigración
Venezuelanos de A Estrada
Trala inauguración, a finais do ano pasado, da Irmandade Venezolana de A Estrada, os grupo de venezolanos retornados inauguraron na escola de Guimarei, a sede social. Enrique Nogueira preside esta asociación que agrupa a 25 familias e conta con máis de 50 socios. Imparten asesoramento en temas como as axudas e a convalidación do carné de conducir.
(Fonte: El Correo Gallego).

Sáhara


Nenos saharauis chegan a Santiago
Uns 15 rapaces do Sáhara Occidental foron recibidos na capital galega pola Asociación de Solidariedade co Pobo Saharauí, realizando unha manifestación na praza de Obradoiro como protesta pola opresión de Marrocos e a súa negativa de acceder á independencia ao pobo saharauí.
(Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Tecnoloxía


Galicia impulsa a investigación nuclear europea
O Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, participará no proceso de expansión de procesadores informáticos cara América Latina, impulsado polo Centro Europeo de Investigación Nuclear. O obxectivo consiste en lograr para o 2007 o funcionamento da fusión nuclear como enerxía alternativa.
(Fonte: El Correo Gallego).
07/07/2005
Unión Europea-Orzamento
Galicia fóra do Obxectivo 1
A comisaria europea para a Política Rexional, a polaca Danuta Hübner, advertiu das dificultades para España e Galicia no retraso das aprobacións financieras 2007-2013. Hübner explicou que, tomando como referencia o período 2001-2003, Galicia quedaría fora das axudas europeas dos fondos estruturais contempladas no Obxectivo 1. Para o período 2000-2006, Galicia recibiu 5.091 millón de euros.
(Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora


Madrid depurará censo electoral da emigración
O Goberno Central asegurou que realizará melloras no Censo Electoral de Residentes Ausentes, CERA, cunha actualización mensual.
(Fonte: El Correo Gallego).
06/07/2005
Foros Bilaterais
Medio millón de euros na Arxentina
No marco do Foro Bilateral Galicia-Arxentina, realizado pola Consellería de Emigración e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, asinouse un convenio en Bos Aires polo que a Fundación Galicia Emigración outorgará axudas cercanas aos 400.000 euros aos responsables das entidades galegas no país suramericano: Asociación Centro Partido de Carballiño, Centro Galego, Centro Galicia de Bos Aires e Hogar Gallego para Ancianos Domsellar.
(Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Lisboa retrasa o AVE Porto-Vigo
Segundo o ministro de Obras Públicas Mario Lino, a crise económica portuguesa provocou un recorte orzamental de 12.500 millóns de euros nas obras ferroviarias, o cal retrasa en dous anos a finalización do enlace norte de alta velocidade entre Porto e Vigo. A prioridade en Lisboa é o eixe ferroviario con Madrid, polo que o AVE Porto- Vigo será inaugurado no 2011, e non no 2009 como estaba pautado tralo recente cumio de Santiago.
(Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


140 polisóns entre o 2000 e 2003
Segundo datos de Amnistía Internacional, entre os anos 2000 e 2003 ingresaron nos portos de Vilagarcía de Arousa, Marín e Vigo uns 140 polisóns, dos cales só 10 puideron ser atendidos nas súas demandas de asilo. O organismo considerou que o dereito de asilo corre perigo de extinción en España xa que só se atenderon 166 solicitudes no 2004.
(Fonte: La Voz de Galicia).

Ambiente


Greenpeace denuncia deterioro da costa galega
O informe “Destrucción a toda costa 2005” alerta sobre un crecemento do 12% da superficie urbanizada nas costas galegas, cunha perda de 6.000 hectáreas en espazos naturais.
(Fonte: El Correo Gallego).

Galeguidade


A difusión do galego no mundo
A Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega e a Consellería de Educación inauguraron cursos de Lingua e Cultura Galega na que participan alumnos de 30 países, e tamén estudantes dos máis de 40 centros galegos en 18 países.
(Fonte: El Correo Gallego).
05/07/2005
Eleccións-Voto Exterior
Revelan axuda de Kirchner a Touriño
O xornal arxentino “Clarín” informou da suposta “Axuda segreda da Casa Rosada ao triunfo dos socialista en Galicia”. A informacion, asinada polo xornalista Julio Blanck, revela unha chamada do presidente Zapatero ao seu homólogo arxentino Néstor Kirchner para que lle dera audiencia a Emilio Pérez Touriño durante a súa última viaxe ao país suramericano. O xornal tamén revela a suposta axuda oficial na loxística e desprazamento dos votantes no Gran Bos Aires.
(Fonte: El Correo Gallego).

Moratinos defende a Cortizo
Ante as acusacións realizadas polo deputado do PP, Gustavo De Arístegui, contra o galego Miguel Cortizo, embaixador en misión especial para as Relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica, dunha suposta influencia de Cortizo en diversos países suramericanos a favor do PSOE ante as eleccións autonómicas galegas, o ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, saíu na súa defensa, alegando que Cortizo ocúpase de atender as demandas dos emigrantes españois en América Latina.
(Fonte: El Correo Gallego).
04/07/2005
Afganistán


A Brilat vixiará as eleccións afganas
A Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable, Brilat, con base en Pontevedra, irá a Afganistán para reforzar a seguridade nas eleccións lexislativas de setembro próximo. A misión terá un custe de 26 millóns de euros.
(Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Defensa do patrimonio oral galaico-portugués
Pontevedra acolleu un encontro de escolas asociadas á UNESCO, coa participación de institucións de Portugal, Cuba e Andorra, e que serviu para a difusión da candidatura do patrimonio oral galaico-portugués como Patrimonio da Humanidade, en votación que se realizará en París na sede da UNESCO o próximo 25 de novembro.
(Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Ribeira Sacra a EEUU
O viño tinto Algueira 2003 da bodega galega, elaborado por Fernando González, foi seleccionado pola empresa estadounidense Daphne Glorian, como parte dun plan de expansión nese país.
(Fonte: El Correo Gallego).
03/07/2005
Pesca
Reducirán a frota galega da NAFO
José Ramón Fuertes, xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo, advertiu que a flota pesqueira galega terá que reducirse á metade no 2007 se antes non atopa caladoiros alternativos aos do océano Atlántico norte. Fuertes explicou que esta situación será discutida en Bruxelas.
(Fonte: El Correo Gallego).

Taiwán


Xornadas comerciais taiwanesas
A Cámara de Vigo e o Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) organizaron na cidade olívica o programa Galicia nos Mercados Exteriores, cunha especial atención ao mercado de Taiwán e o sureste asiático e as posibilidades de investimento e negocios para o empresariado galego.
(Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Aluminio galego en Inglaterra
A firma de Padrón Exlabesa controla o 5% do mercado británico de aluminio, trala súa incursión en 2001 coa compra da factoría Kaye Aluminium. No 2004, a empresa facturou 30 millóns de euros.
(Fonte: El Correo Gallego).
02/07/2005
Unión Europea-Agricultura
Contra a política agraria de Tony Blair
A organización agraria Xóvenes Agricultores (XXAA) criticou a proposta realizada polo primeiro ministro británico e presidente rotativo da UE, Tony Blair, sobre a reforma da Política Agraria Común. O secretario xeral da organización, Juan Pérez Miramontes, considerou que o sector galego veríase prexudicado si prospera a oferta británica.
(Fonte: El Correo Gallego).

Emigración


Menos retornados a Galicia
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, Galicia rexistrou un saldo migratorio negativo, onde 75.643 estranxeiros viñeron á nosa Comunidade mentres 77.520 galegos saíron a outras comunidades estatais ou ao estranxeiro. A procedencia dos retornados é de países como Arxentina, Venezuela, Suíza, Alemaña e Francia.
(Fonte: El Correo Gallego).
01/07/2005
Téxtil
Inditex compra franquicias no exterior
Xapón, México e Italia son os principais obxectivos da empresa téxtil coruñesa para a compra de franquicias nun período de cinco anos, o que podería elevar as vendas en 10.000 millóns de euros nas 4.000 tendas en 70 países. No mercado bursátil en Madrid, as accións de Inditex caeron un 1,3% unha vez se coñecera a nova.
(Fonte: El Correo Gallego).

Emigración


Fomento do emprego entre os retornados
A Consellería de Emigración recibiu a aprobación dun orzamento de 1.346.397 euros polo Fondo Social Europeo para o perfeccionamento do proxecto Equal Convive +, nas áreas de migración, autoemprego e integración social. Deste xeito, esperan incentivar unha nova oferta laboral entre o colectivo dos emigrantes retornados, os cales constitúen un 0,37% da poboación galega, e inmigrantes.
(Fonte: El Correo Gallego).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, Galicia Información, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, Xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2005: xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/10/2005
Fernando Pol


Subir