Diario Exterior / xuño de 2005

Igadi na Rede 

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   

30/06/2005
Ambiente


Allariz na rede da Unesco
A reserva de biósfera da área de Allariz, foi incluida na rede mundial da Unesco, “polos seus valores culturais e a utilización sostible das terras para a conservación da flora e a fauna”. (Fonte: El Correo Gallego).

Comunicación


Periodista palestiniana en Santiago
Dima Khatib, periodista palestiniana cun alto cargo na cadea televisiva qatarí Al Jazeera, visitou a capital galega invitada pola Fundación Araguaney, para explicar a función dos comunicadores nesta cadea e a súa experiencia en Iraq, Palestina e o mundo árabe. (Fonte: El Correo Gallego).
29/06/2005
Diáspora
Alarma por secuestro de empresario galego en México
A pesar de que a familia de Avelino Manuel Vázquez, ourensán de O Carballiño que fora secuestrado hai dous meses na capital mexicana, xa pagara o rescate, o empresario aínda non fora liberado, polo que o seu caso aumenta a 11 os secuestros de empresarios galegos desde 1998 no país azteca. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo


Baixa o gasto turístico en Galicia
Os visitantes estranxeiros deixaron 272 millóns de euros entre xaneiro e maio de 2005, un 13% menos co respecto ao ano anterior, cunha media de gasto de 1.162 euros, segundo cifras da Enquisa do Gasto Turístico do Ministerio de Industria. (Fonte: El Correo Gallego).
28/06/2005
Diáspora
Touriño presidente confirmado polo voto emigrante
Tras 17 horas de tensión, o decisivo voto emigrante na provincia de Pontevedra terminou confirmando ao candidato socialista Emilio Pérez Touriño o disputado escano 38 que lle daría a maioría parlamentaria e abriría as portas da presidencia da Xunta. O PSdG xa anunciara o comezo de negociacións para gobernar en coalición co BNG. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Cuba presente en Compostela
O mes de xullo terá unha apretada axenda de exposicións, documentais, música, concertos, teatro, gastronomía, conferencias e películas relativas á illa caribeña, como parte dunha iniciativa do Concello para dar a coñecer a cultura cubana. Neste sentido, artistas cubanos e galegos traballarán na creación dun mural en San Lázaro. (Fonte: El Correo Gallego).
26/06/2005
Diáspora
A xuntanza dos Galegos no Mundo
A Gran Xuntanza dos Galegos que se levou a cabo en Barcelona, contou coa presenza de 150.000 visitantes no recinto do Forum e permitiu a concreción dunha iniciativa para crear un lobby empresarial galego, que contou con pleno apoio da Xunta de Galicia e as representacións empresariais de galegos da diáspora. (Fonte: El Correo Gallego).

Inmigración


Colombianos piden axuda pola nena asasinada
Un colectivo de inmigrantes colombianos de Ferrol pediu á comunidade ferrolá un maior apoio financeiro para a familia da nena colombiana Natalia, presuntamente violada e asasinada pola súa nai e a súa parella. (Fonte: El Correo Gallego).

Baixa o peso laboral inmigrante
Segundo a Federación Nacional de Traballadores Autónomos, Galicia ocupa o oitavo posto en canto ao número dos novos autónomos inmigrantes. (Fonte: El Correo Gallego).
25/06/2005
Diáspora-Eleccións


Fraga pide mediación de Fidel Castro
Ante a polémica polo retraso dos votos emigrantes desde Venezuela, o presidente da Xunta pediu ao mandatario cubano a súa intercesión ante o presidente venezuelano Hugo Chávez, para axilizar o envío dos votos emitidos polos emigrantes galegos no país suramericano. Pola súa banda, a vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega, cualificou de “inaceptables e inxustificadas” as insinuacións polo retraso das sacas desde Caracas. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Cultura


Cumio do Premio Europa
Santiago recibiu a 175 altos representantes da UE, ademais do secretario xeral do Consello de Europa, para a celebración do 50º aniversario do Premio Europa. (Fonte: El Correo Gallego).
24/06/2005
Diáspora-Eleccións
Venezuela envía o 33% das papeletas
Para rematar coa preocupación no PP e no BNG sobre a situación dos votos emigrantes de Venezuela, fontes da empresa estatal de correos Ipostel aseguraron o envío a Galicia de 12.000 papeletas. O PSdG afirmou que dende o país suramericano xa se recibiron o 33,8% do censo electoral dese país. (Fonte: La Voz de Galicia e www.xornal.com).

Téxtil


Inditex prepara a súa expansión asiática
O grupo téxtil galego comezará o próximo ano un programa de apertura de tendas en Asia para achegarse aos 109 establecementos no 2009. Na actualidade conta con 16 tendas e espera incrementar a presenza en Thailandia, Xapón, Hong Kong, Corea do Sur, Taiwán, e Indonesia, ademais de abrir nas principais cidades chinesas: Shanghai e Beijing. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade


A Coruña, capital da cartografía
O Palacio de Congresos coruñés Palexco organizará en xullo un cumio internacional de cartografía, no que participará o astronauta español Pedro Duque como representante da Axencia Europea do Espacio. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Ambiente


Proxecto europeo para Galicia
O proxecto medioambiental Interreg III Atlantic Area, tamén coñecido como Eurocips e destinado a reducir o impacto dos accidentes marítimos, poderá aplicarse en Galicia coa participación da Consellería de Emigración, o equipo de Meteogalicia e a USC. (Fonte: El Correo Gallego).
23/06/2005
Diáspora-Eleccións
A polémica polo voto emigrante
Ante os recentes cuestionamentos sobre o voto exterior, o cónsul venezuelano en Vigo, Víctor Croquet, explicou que non recibiu ningunha queixa por parte dos partidos galegos sobre a colectividade en Venezuela. Pola súa banda, o BNG solicitou por escrito á Xunta Electoral Central que tódolos sobres con sufraxio da diáspora se reconten por separado. A Galicia chegaron 122.000 votos do exterior, principalmente de Suíza, EEUU, Francia e Alemaña. (Fonte: La Voz de Galicia e www.xornal.com).

Diáspora


Reencontros con América Latina
No marco do programa “Reencontros en Familia” promovido pola Consellería de Emigración, un grupo de cincoenta emigrantes galegos chegaron a Santiago provenientes de Brasil e Cuba. Anteriormente se recibiran a 18 venezuelanos, e outros uruguaios e arxentinos. En total, este ano, o programa recibirá a 250 galegos emigrantes de América Latina. Segundo datos do ministerio de Traballo, Galicia é, despois de Madrid ,a comunidade que recibe mais retornados, en total 6.922 no 2004. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Temor aos bazares chineses
Segundo o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seija López, a proliferación de bazares chineses en Galicia “forma parte dunha grande organización” que conta coa plataforma necesaria para desembarcar os seus productos de baixo custe. As pemes galegas acusan de competencia desleal aos case mil bazares chineses que existen na Comunidade. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estructurais


Galicia mellora execución dos Feder
Segundo o conselleiro en funcións de Economía e Facenda, Xosé Antonio Orza, a execución financeira dos Feder ou fondos europeos na nosa Comunidade no 2004 superou o 100% das previsións de gasto, cun crecemento do PIB tres décimas superior ao resto da península e 1,2 puntos das economías da eurozona. Sen embargo, Orza afirmou que o PIB galego se emprazou no 74,7% da media comunitaria, polo tanto por debaixo do necesario para continuar recibindo os fondos estruturais. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Ambiente


O Congreso aproba iniciativa pola Rede Natura 2000
A petición da deputada polo PP ourensán, Ana Belén Vázquez, o Congreso dos Deputados aprobou unha reclamación ante Bruxelas para o financiamento e conservación dos espacios naturais incluídos na Rede Natura 2000, nos que se benefician as localidades ourensás do Xurés, Invernadoiro, Serra da Lastra e Peña Trevinca, entre outros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura


Bugallo presenta programa do Premio Europa
O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, presentou ante o Parlamento europeo en Estrasburgo, e por invitación do presidente da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, René van der Linden, o programa de actos da asemblea do grupo de cidades Premio Europa, que celebrará o seu cincuentenario en xullo en Santiago. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Suxiren crear en Braga un porto privado
Empresarios de Vigo e o norte de Portugal avanzan nunha proposta para axilizar o intercambio de productos entre os peiraos de Guixar e Leixoes, centrada na posibilidade de desenvolver un porto seco privado no entorno de Braga e o tecido industrial de Ponte de Lima e Viana do Castelo, para a redistribución posterior das mercancías. (Fonte: La Voz de Galicia).
22/06/2005
Diáspora-Eleccións
A trascendencia do voto exterior
Diversos representantes dos partidos galegos alertaron sobre as posibles consecuencias do decisivo voto exterior nas eleccións galegas. A responsable de Emigración do BNG, Ana Miranda, alertou de posibles “actitudes xenófobas” dende o PP no caso de que o voto emigrante non lle sexa favorable. Dirixentes de outros partidos critican a posibilidade de que o futuro de Galicia o decida a emigración. (Fonte: El Correo Gallego).

Eixo Atlántico


A promoción das Vías Atlánticas
O proxecto Vías Atlánticas, financiado polo programa europeo Interreg III, será discutido polos representantes das cidades españolas e portuguesas que participan no proxecto. Este inclúe a revalorización das calzadas romanas XIX e XX do itinerario de Antonino entre Braga, Astorga e Lugo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Pesca


Flota galega envellece sen axudas europeas
Os armadores galegos advirten que a flota pesqueira está envellecendo pola falta de axudas dende Bruxelas, xa que esta só contempla a artesanal. A alerta provén das posicións diverxentes dos ministros de Pesca da UE sobre a construción de novas unidades para o período 2007-2013, e ante a imposibilidade de alcanzar un acordo sobre o Fondo Europeo da Pesca. Os armadores vigueses informaron da necesidade de renovación dun 25% da flota. (Fonte: Faro de Vigo).

Sociedade


Investigación galega publicada en EEUU
Unha investigación desenvolvida por un equipo multidisciplinar de reumatólogos, médicos de familia e epidemiólogos do hospital vigués de Meixoeiro, será publicada pola revista médica norteamericana “Arthritis an Rheumatism. Arthritis Care and Research”. (Fonte: El Correo Gallego).

O selo de Fraga
O servizo postal de Uruguai emitiu unha serie de selos coa foto do presidente Manuel Fraga, como “Homenaxe do pobo uruguaio á traxectoria pública do excelentísimo señor don Manuel Fraga Iribarne”. O presidente da Sociedade Filatélica de Santiago, José Guitián Seijo, posúe unha destas emisións. (Fonte: El Correo Gallego).

Fraude financeiro afecta a Galicia
Un roubo masivo de datos de 40 millóns de tarxetas de crédito Visa e Mastercard en EEUU afectou a Galicia, polo que algúns bancos e caixas de aforros advertiron aos seus clientes sobre o bloqueo desas tarxetas para emitir outras novas. (Fonte: La Voz de Galicia).
21/06/2005
Galicia-Eleccións


Unha ollada dende o exterior
O proceso electoral galego tivo repercusión nos medios internacionais. O decisivo voto emigrante foi recalcado en dous diarios arxentinos, “El Clarín”, “La Nación” e “Página 12”, país onde reside un tercio do voto emigrante. Xornais de Venezuela, México, Uruguai, Chile, Reino Unido, Francia, Australia e Tailandia tamén reflectiron as eleccións galegas. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).

Diáspora-Eleccións


O PP arxentino non asegura a victoria
Avelino García Melle, representante do PP e a Xunta na Arxentina, declarou que “a situación é difícil” para obter o escano 38, pero intentou non demostrar ser demasiado pesimista. “Todo dependerá de cómo voten os emigrantes de Pontevedra”, boa parte deles residentes no país suramericano. Melle asegurou que en América Latina “hai unha maioría fraguista” pero recoñeceu que “o PSOE fixo unha campaña moi forte e terá un repunte”. (Fonte: www.xornal.com).

Unión Europea-Pesca


En perigo os subsidios europeos
O fracaso do cumio do Consello Europeo en Bruxelas para alcanzar un acordo sobre o gasto comunitario no período 2007-2013 deixa a Galicia nunha complicada situación e coa posibilidade de perder os fondos europeos para a pesca. Tampouco se coñece cánto orzamento reservará Bruxelas para a pesca e qué tipo de eixes básicos decidirá. (Fonte: La Voz de Galicia).
20/06/2005
Diáspora-Eleccións
O voto exterior decide a presidencia galega
Por primeira vez e tralos resultados electorais do 19-X, os mais de 305.000 galegos residentes no exterior terán a facultade de decidir quén será o próximo presidente da Xunta. O PP de Manuel Fraga obtivo 37 escanos parlamentarios, rozando a maioría absoluta. A coalición PSOE-BNG sumou 25 e 13 escanos respectivamente. O decisivo escano nº 38 discutese na provincia de Pontevedra. (Fonte: El Correo Gallego).
19/06/2005
Unión Europea-Fondos Estruturais
Periga o Obxectivo 1 para o 2006
O aprazamento do debate orzamental 2007-2013 no Consello Europeo de Luxemburgo podería traer como consecuencia para Galicia a perda da súa condición de receptora dos fondos de cohesión en xaneiro de 2006, xa que se tomarán en conta os datos estatísticos do ano 2003, segundo os que a nosa Comunidade supera o 75% da media de renda comunitaria. Neste sentido, o monto total da perda financeira se achega aos 2.000 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Innovación


Avance galego en I+D
Segundo datos da oficina estatística europea Eurostat, Galicia ocupa o lugar nº 13 entre 213 rexións europeas en programas de innovación e desenvolvemento, cun investimento do 1,26% do PIB. Do mesmo xeito, a Xunta informa que a nosa Comunidade atopase no cuarto lugar en administracións públicas e na novena posición en sector empresarial. (Fonte: El Correo Gallego).
18/06/2005
Unión Europea-Sociedade
Premio Europa en Santiago
A capital galega acollerá en xullo o quincuaxésimo aniversario do Premio Europa, concibido para a consolidación do espírito común europeo. Nesta edición intervirán a alcaldesa da cidade alemá de Tübinguen, Briguitte Russ-Scherer, e da cidade rusa de Kaliningrado, Yuri Savenko. O alcalde santiagués Xosé S. Bugallo presentou o programa ante o Parlamento europeo en Estrasburgo. Santiago é a única cidade española que obtivo este premio. (Fonte: El Correo Gallego).

Bruxelas condecora a A Pobra
A Unión Europea recoñeceu ao porto de A Pobra co Proxecto Life referente á compatibilidade nos usos náutico, pesqueiro e turístico desta localidade como receptor importante de investimentos en materia medioambiental. A Pobra foi seleccionada entre 15 proxectos presentados. (Fonte: El Correo Gallego).
17/06/2005
Diáspora-Eleccións


Cortizo non ve mudanzas no voto emigrante
Miguel Cortizo, embaixador especial para as relacións coa emigración española en Iberoamérica, declarou a súa percepción de que o voto emigrante reflectirá unha igualdade política o 19-X, expresando a súa dúbida de que sexa decisivo nun cambio político en Galicia. Cortizo informou da súa petición ao servizo de intelixencia arxentino para que vixíe as oficinas de correos a fin de evitar un posible fraude electoral. (Fonte: El Correo Gallego).

Un 55,53% do voto emigrante é galego de orixe
Fontes do Instituto Nacional de Estatística informan que só 169.379 dos 305.317 galegos emigrantes con dereito a voto naceron en Galicia, o que supoña un 55,53% do corpo electoral no exterior. No apartado da participación do voto exterior, esta elevouse con respecto ás eleccións anteriores, e os primeiros votos en chegar a Galicia viñeron de Suíza, Francia e Arxentina. (Fonte: La Voz de Galicia).

Téxtil


Unión galaico-lusa para frear a competencia chinesa
Directores de empresas textís galegas e portuguesas participaron en Santiago nun seminario onde expresaron a súa intención de estreitar vencellos para favorecer a internacionalización, sen mover do propio territorio o deseño, I+D e a xestión, coa finalidade de amortecer a competencia do sector téxtil chinés e asiático. A proximidade xeográfica é un elemento importante, xa que o 83% do sector téxtil luso se atopa no norte do país, fronteirizo con Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Alemaña coñecerá o mexillón galego
A consellería de Pesca destinará 100.000 euros para a promoción do mexillón galego en Alemaña. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Xapón sorprendido polo automotriz galego
Takahiro Okazaki, director xeral de Jetro (Japan External Trade Organization), amosou ante a Confederación de Empresarios en Vigo o seu interese e a súa sorpresa pola capacidade do sector automotriz galego, especialmente no tecido industrial de provedores en torno a PSA Peugeot-Citröen e as instalacións portuarias viguesas. Segundo datos do Instituto de Comercio Exterior, Galicia mantén un saldo positivo de 12,7 millóns de euros no seu comercio con Xapón. (Fonte: La Voz de Galicia).

Irmanamento


Cuba presente en Ourense
Cun irmanamento entre Ourense e a Praza da Revolución da capital cubana, comezou a facerse tradicional a presenza de Cubanía como “caseta” de preferencia na festividade local do Corpus. A oferta cubana inclúe música, baile, gastronomía e expresións culturais. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Infraestrutura


Bruxelas pide explicacións polo Plan Xeral de Cangas
A Comisión Europea pediu ao goberno estatal que explicara os dous convenios urbanísticos de Aldán e Salgueirón, como parte do Plan Xeral de Cangas, ante a protesta dos colectivos sociais e ecolóxicos polas presuntas violacións das directivas comunitarias efectuadas por eses convenios. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/06/2005
Sociedade
David Trimble visita Galicia
O ex primeiro ministro de Irlanda do Norte e Premio Nobel da Paz 1998, David Trimble, participou en Lugo nunha conferencia sobre o terrorismo, na que definiu as claves do proceso de negociación e a súa diferencia co problema vasco, especialmente nas posicións entre o IRA e ETA. Trimble, peza clave nos acordos de paz no Ulster, se entrevistou tamén co presidente Manuel Fraga. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Enxeño galego para o Tanger City Center
O consorcio empresarial inmobiliario Fadesa-Anjoca foi seleccionado pola Société Nationale d´Aménagement de la Baie de Tánger, para a realización do proxecto Tanger City Center en Marrocos. A superficie consta de 180.000 km2, cun orzamento de 63 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pérez Esquivel alarmado pola planta de Ence
O escritor e Premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, rexeitou o eventual proxecto de Ence na localidade uruguaia de Fray Ventos, explicando que trala súa viaxe a Galicia, estivo en Marín observando a papeleira de Ence en Madrid, cualificando a situación de “verdadeiramente preocupante”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Cultura


Compostela, destino turístico europeo
A capital galega participou na asemblea xeral do grupo European Cities Tourism, unha rede profesional que desenvolve o fortalecemento do turismo urbano de 95 destinos turísticos en 30 países europeos. Santiago reúne os requisitos necesarios para ingresar neste grupo de cidades. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora-eleccións


O PSOE critica os “voos electorais” do PP
O candidato socialista por Lugo e secretario de Organización, Ricardo Varela, criticou que o PP utilizara os Boeings R-5 por parte das Aerolíneas Arxentinas, con voos directos dende Bos Aires a Santiago, para que os seus partidarios voten nas eleccións autonómicas. (Fonte: La Voz de Galicia).
15/06/2005
Eleccións
O PP critica envío de tropas a Afganistán
Manuel Fraga e Mariano Rajoy criticaron a decisión tomada polo ministro de Defensa, José Bono, de enviar en xullo o continxente da Brilat de Pontevedra ao país centroasiático, a que cualifican que foi “ocultada” pola proximidade das eleccións galegas. Fontes do ministerio de Defensa confirmaron a noticia e a comparecencia de Bono no Parlamento a finais de xuño. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca


Aceptada sede da Axencia Pesqueira de Vigo
Funcionarios da Dirección Xeral de Pesca da UE, encabezados polo italiano Giorgio Gallizoni e acompañados polo secretario xeral de Pesca Marítima Juan Carlos Martín Fragueiro, resaltaron as boas instalacións do edificio da Comandancia Mariña de Vigo, onde funcionará a Axencia Europea de Control Pesqueiro a partir do 2006, e deron o “visto e prace” para o seu desenvolvemento. (Fonte: Faro de Vigo).
14/06/2005
Defensa
Soldados galegos da OTAN a Afganistán
O ministro de Defensa, José Bono, confirmou en Pontevedra que un continxente de 500 militares da Brilat en Figueirido partirán ao país de Asia Central, como parte da misión da OTAN cara aos comicios lexislativos de setembro próximo. O continxente pertence ás Forzas de Reacción Rápida e xa tivera experiencia en Iraq, Bosnia e Cosova. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca


Bruxelas ultima a ubicación da Axencia Pesqueira
Funcionarios da Dirección Xeral de Pesca da UE visitaron Vigo para analizar a asentamento da futura Axencia Europea de Control da Pesca, que funcionará na Comandancia da Mariña, no centro da cidade e ao lado do porto. Os funcionarios estudaron a superficie, proximidade cos outros edificios administrativos e conexión co aeroporto de Peinador. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Misión comercial brasileira
Uns 27 representantes comerciais, empresarios, deputados e alcaldes do estado brasileiro de Río Grande do Sur visitaron Galicia, nunha misión organizada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, para establecer vencellos económicos. O estado meridional brasileiro ten dez millóns de habitantes cunha fortaleza do sector automotriz, o turismo e a producción agrícola. (Fonte: La Voz de Galicia).
13/06/2005
Unión Europea-Linguas
O galego non será oficial en Bruxelas
Os embaixadores dos 25 estados da UE decidiron o uso das linguas cooficiais españolas nas institucións comunitarias, máis isto non supón un recoñecemento oficial do galego, vasco e catalán como linguas oficiais da Unión Europea. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sáhara


Piden testemuña galega no Sáhara occidental
A delegada do Fronte Polisario en Galicia, Fatma Mohamed Salem, informou da organización dunha viaxe por parte de xornalistas e responsables políticos galegos á rexión de Al Aaiún, para constatar “as testemuñas nos territorios ocupados do Sáhara e o sufrimento dos seus habitantes”. Do mesmo xeito, uns 80 nenos do campamento de refuxiados de Tinduf pasarán a súas vacacións en Ferrolterra. (Fonte: www.vieiros.com e La Voz de Galicia).

Diáspora-Eleccións


Sete mil galegos votarán desde Cuba
Uns 7.000 emigrantes galegos e descendentes na illa caribeña teñen dereito a voto nas eleccións autonómicas do 19-X. (Fonte: Faro de Vigo).

Portugal


Pontevedra apunta ao mercado portugués
Segundo unha enquisa da Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP, un 55% das firmas de industrias pontevedresas venden parte da súa producción ao mercado luso, especialmente dos sectores do metal e automoción, alimentación, madeira e granito. (Fonte: La Voz de Galicia).
12/06/2005
Sociedade
Giuliani eloxia a Santiago
O ex alcalde de Nova York Rudolph Giuliani, célebre pola súa actuación tralos atentados do 11-S de 2001, mantivo un encontro co presidente Manuel Fraga e participou na V Semana de Tecnoloxía e Negocios. Giuliani destacou o carácter histórico da capital galega e exaltou tamén a personalidade e as conviccións do falecido ex presidente norteamericano Ronald Reagan. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía


Inditex reforzará o mercado asiático
O plan estratéxico deseñado pola téxtil coruñesa para os próximos cinco anos estipula a posibilidade de abrir un gran centro loxístico en Asia, probablemente en Hong Kong, onde xa existe unha tenda de Zara, confiando en abrir entre 100 e 120 locais en Asia. Do mesmo xeito, o plan preve unha potenciación de Zara como marca global e que Massimo Dutti, Pull & Bear e Bershka sexan marcas de referencia en Reino Unido, Italia, Francia, Alemaña, Portugal, Grecia e México. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sociedade


Expedición arqueolóxica galega a Siria
Un equipo dirixido por Juan Luis Montero, profesor de Historia Antiga na Facultade de Humanidades de Ferrol, partiu ao país árabe para desenvolver un proxecto no val do Éufrates, na cidade de Deir ez-Zor, a 150 km. da fronteira con Iraq. O obxectivo é a busca da cidade de Dur-Yahdum-Lim, fundada no século XIX antes de Cristo por un monarca do reino mesopotámico de Mari. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/06/2005
Ecoloxía
Semana Verde internacional
A localidade de Silleda acollerá o concurso Semana Verde de Galicia, na que se premiará a innovación tecnolóxica no campo, e que contará coa participación de técnicos de Francia, Alemaña, Dinamarca, Finlandia e Holanda, ademais doutras comunidades estatais. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura


Pontevedra na mira do arte europeo
Colette Garraud, experta francesa e autoridade mundial das artes, exaltou o parque pontevedrés da Illa das Esculturas, emprazado en A Xunqueira, ao catalogalo como “un dos máis fermosos de Europa”. Garraud está a recoller nun libro aqueles espazos europeos onde conviven creación e natureza. (Fonte: La Voz de Galicia).

Inmigración


Caixa Galicia outorga microcréditos para emprendedores
A entidade bancaria subscribiu un convenio coa Plataforma polo Emprego de Santiago no que se concederá un crédito de 120.000 euros a un prazo de seis anos e un tipo máximo do 4%, para os inmigrantes locais que teñan en mente desenvolver proxectos de autoemprego e a creación de Pemes. (Fonte: La Voz de Galicia).
10/06/2005
Unión Europea-Marítima
Autopista marítima Vigo-Amberes
Bruxelas considera “rendible” a concreción dunha vía marítima alternativa entre Vigo e a cidade belga de Amberes, coa finalidade de desatascar as vías terrestres do arco atlántico. A nova ruta funcionaría dúas veces por semana cunha capacidade para cargar ata 200 plataformas de camión. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Proxecto Atlante no espazo luso-galaico
O concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, informou que as cidades de Santiago, Lugo, Porto, Guimaraes, Évora e Angra do Heroísmo nas Azores, formarán parte dunha rede comercial e turística dentro do proxecto europeo Atlante. Candela, que participou nun seminario en Porto, insistiu tamén na necesidade de crear un órgano de xestión específico para as cidades históricas e un estatuto fiscal. (Fonte: www.vieiros.com).

Emigración


Galicia e a política migratoria
O secretario xeral da Consellería de Emigración, Antonio Díaz, exaltou o papel de Galicia como pioneira en experiencias de migración e pediu unha maior participación da Comunidade nas políticas estatais de migración. Díaz participou na clausura do seminario América Latina e as Migracións, patrocinado pola OCDE en Santiago, e que contou coa participación do embaixador especial para a emigración, Miguel Cortizo. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade


Os vencellos entre Galicia e Irlanda
A ex presidenta irlandesa Mary Robinson foi recibida polo presidente Manuel Fraga no marco das xornadas “Galicia: Camiños da Concordia”. A Sra. Robinson destacou os “lazos históricos e actuais” entre ambos pobos e a importancia de Santiago na historia das cidades europeas. A capital galega recibirá tamén a visita de Jane Seymour, actriz e activista polos dereitos infantís, e Cherie Blair, esposa do primeiro ministro británico. (Fonte: El Correo Gallego).
09/06/2005
Emigración
Pensión completa para galegos de Suíza
O goberno español asinou un convenio con Suíza e Liechtenstein sobre o cobro das prestacións totais correspondentes ás cotizacións dos traballadores españois nese país. Neste sentido, os principais beneficiados son os emigrantes galegos, que constitúen a maioría dos 34.000 emigrantes españois radicados no país helvético. (Fonte: El Correo Gallego).

Falece o valedor dos galegos de La Habana
Eliseo Cañit, cubano de ascendencia galega, representante do centro de Cospeito en La Habana, faleceu na localidade de Cacheiras. Cañit prestou un gran apoio aos galegos residentes na illa caribeña. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca


Denuncia presións aos buques galegos na NAFO
A Asociación de Titulados Náutico Pesqueiros, Aetinape, denunciou que os mil tripulantes dos 34 buques galegos que faenan en augas da NAFO reciben un trato hostil por parte das autoridades canadenses durante as inspeccións polos recortes de cotas e o endurecemento da vixilancia. Pola súa banda, o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, pediu ao goberno estatal autorización para empregar os 7,4 millóns de euros dos fondos IFOP concedidos a Galicia, para a reestruturación da flota galega na NAFO. (Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).

Cultura


Primeiro dicionario inglés-galego
O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo preparou o primeiro dicionario inglés-galego e galego-inglés existente na rede, baixo a dirección Clig. O dicionario está na versión 1.0 e incorpora 5.324 entradas e 7.998 traducións. (Fonte: www.vieiros.com).
08/06/2005
Eixo Atlántico
Consorcio para modernizar a liña Vigo-Porto
A comisión executiva do Eixo Atlántico remitiu á ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, unha proposición para crear un consorcio transfronteirizo de Transportes coa finalidade de manter e modernizar a liña ferroviaria Vigo-Porto. Neste consorcio tamén podería participar o sector privado. (Fonte: El Correo Gallego e www.vieiros.com).

Economía


Vigo en liña co mercado chinés
Ante o auxe comercial chinés, empresas do sector marítimo galego están a aproveitar novas rutas comerciais desde Vigo, especialmente no referente ás descargas de produtos téxtiles, granito en bruto, aceiro para construcción naval e mobles. O tránsito comercial marítimo con China no 2004 elevouse ás 131.000 toneladas, con bens procedentes de Shanghai, Hong Kong e Beijing. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sáhara


Ferrol acolle a delegación saharauí
O concello ferrolán recibiu a unha delegación do goberno saharauí, encabezada polo seu ministro de Xustiza, Hammada Selma, asinando convenios de cooperación e amizade entre Ferrol e o pobo saharauí. (Fonte: La Voz de Galicia).

Diáspora-Eleccións


Arxentina vive a campaña electoral galega
As rúas de Bos Aires comezaron a presentar os carteis de propaganda electoral dos principais partidos políticos galegos. O PP faino coa figura do presidente Manuel Fraga e unha mensaxe destinada a potenciar a súa relación coa emigración. Pola súa banda, o PSdG destinou 12.000 axentes electorais e 97.000 carteis coa figura do candidato Emilio Pérez Touriño acompañado do presidente Zapatero. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Fondos Estructurais


Orza cre que Galicia terá fondos ata o 2009
O conselleiro de Economía, José Antonio Orza, informou en Vigo nunha xuntanza da Confederación de Empresarios de Pontevedra que con independencia das negociacións estatais con Bruxelas, existen proxectos de infraestrutura en Galicia que poderían prorrogar os fondos europeos ata o 2009. Orza tamén cre que no próximo cumio europeo de xuño non se adoptará un acordo sobre a axenda financeira europea para o período 2007-2013. (Fonte: El Correo Gallego).
07/06/2005
Portugal
Temor pola supresión da liña Vigo-Porto
Nunha entrevista ao diario portugués “Jornal de Noticias”, o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijoo, explicou que a economía de Galicia e o norte de Portugal sufriría graves consecuencias ante a decisión tomada pola empresa lusa Comboios de Portugal de suprimir a vía férrea entre Vigo e Porto na súa oferta de verán, a partir do 26 de xuño. O argumento é a perda de pasaxeiros entre o 2001 e 2004. (Fonte: El Correo Gallego e Faro de Vigo).

O BNG pide apoio para tradición oral galaico-lusa
O deputado nacionalista Francisco Rodríguez pediu á Xunta unha acción coordinada e conxunta co goberno portugués para a defensa da candidatura oral galaico-portuguesa ante a Unesco, como patrimonio inmaterial da humanidade, por considerar que está “en perigo de extinción”. (Fonte: El Correo Gallego).

Eixo Atlántico


Caixanova colaborará cos plans sociais
A Escola de Negocios e a de Administración Pública de Caixanova ofrecerá recursos financeiros e asesoramento por valor de 27.000 euros para a aplicación dun programa de desenvolvemento social na eurorrexión Galicia-norte de Portugal, especialmente nas áreas de cultura, deporte, xuventude e a divulgación de informes socioeconómicos. (Fonte: El Correo Gallego).

O programa Atlante e o Eixo Atlántico
O alcalde de Porto, Rui Rio, inaugurou un seminario con representantes das 18 cidades galegas e portuguesas que forman parte do Patrimonio Mundial do programa europeo Atlante e do Eixo Atlántico, onde se analizaron os proxectos piloto de xestión urbana e turismo. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Compañía viguesa construirá no Xapón
A mobiliaria urbana e de publicidade exterior JCDecaux conseguiu o seu segundo contrato no país asiático, para a instalación de marquesiñas publicitarias na cidade de Nagoya, para os próximos 20 anos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sociedade


China lidera as demandas de adopcións
Segundo a directora xeral de Familia, Teresa Rey, as adopcións internacionais crecen dun xeito espectacular en Galicia, xa que só no primeiro trimestre de 2005 a Xunta recibiu 258 peticións de adopcións, por 367 durante todo o ano 2004, decidindo a creación dunha xerencia específica para axilizar os trámites. China concentra a maior cantidade de demandas, 167, seguida de Etiopía, Rusia, Colombia e Bulgaria. (Fonte: El Correo Gallego).
06/06/2005
Economía
Fadesa adquire firma francesa
O grupo inmobiliario coruñés adquiriu o 70% das accións de Financière Rive Gauche, cun valor de desembolso calculado en 200 millóns de euros para os próximos tres anos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea-Pesca


Axencia viguesa deseñará plan contra infracións
A futura Axencia de Control de Pesca da UE terá a responsabilidade de deseñar un plan comunitario para reducir os rexistros de infracións da flota pesqueira, composta por 89.000 buques e uns 500.000 pescadores. Durante o 2003, as violacións das leis aumentaron case un 40%. (Fonte: La Voz de Galicia).

Tecnoloxía


Santiago organizará a TechBusiness Week
A capital galega organizará un cumio internacional de tecnoloxía, baixo o nome de TechBusiness Week, coa participación do ex alcalde de Nova York, Rudolph Giuliani. O evento terá como obxectivo a exposición da lexislación informática e o software libre. (Fonte: www.vieiros.com).
05/06/2005
Diáspora-Elecións
O PP e a rede de comunidades no exterior
Ana Pastor, secretaria executiva de Política Social e Benestar do PP, explicou á comunidade galega en Xenebra o programa político do partido para as próximas elecións autonómicas. Neste sentido, Pastor informou que o programa inclúe a creación dunha rede de axencias de cooperación no exterior, para apoiar os servizos socio-asistenciais e culturais e a preservación da lingua e a historia. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Educación


Potenciando o espazo europeo de educación superior
A Cátedra Bolívar da USC e a Organización de Economistas da Educación organizaron en Santiago un seminario con representantes da educación superior de Francia, Portugal, Arxentina, Brasil e Chile, para a potenciación do espazo europeo de educación superior e a apertura doutro similar para Iberoamérica. (Fonte: El Correo Gallego).
04/06/2005
Unión Europea-Agricultura
Beneficios europeos para Galicia
Segundo o director xeral de Agricultura da UE, José Manuel Silva, Galicia se beneficiará das medidas de desenvolvemento rural que adoptará Bruxelas no marco da Política Agraria Común. Neste sentido, Silva destacou o dinamismo do sector agroalimentario galego. (Fonte: El Correo Gallego).
03/06/2005
Diáspora-Elecións
Correos enviará relación diaria do voto emigrante
Tomando en conta o pedido do PP, a Xunta Electoral Central solicitou á Oficina de Correos unha relación diaria dos envíos recibidos de votos electorais inscritos no Centro de Electores Residentes Ausentes, CERA, para as eleccións autonómicas do 19-X. Estas relacións estarán a disposición dos partidos políticos. (Fonte: El Correo Gallego).

Galegos en Suíza reclaman maior participación electoral
A comunidade galega no país helvético, onde segundo o CERA unhas 33.000 persoas están facultadas para votar nas próximas elecións autonómicas, piden a presenza dos seus representantes no Parlamento galego e a creación dun banco dos emigrantes. (Fonte: Faro de Vigo).

Diáspora


Galicia nos medios latinoamericanos
A Facultade de Ciencias da Información da USC e a Xunta asinaron un convenio dotado de 35.000 euros, para a realización dun estudo sobre a imaxe de Galicia nos medios de comunicación en países con presenza da emigración galega, como Arxentina, Uruguai, México e Venezuela. O proxecto leva por título “A imaxe de Galicia a través da prensa en América 2005-2006”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía


Empresa ourensá parte para China e Xapón
Connova, empresa no campo da enerxía solar, busca nestes países asiáticos solucións aos problemas de abastecemento das placas solares, que lles están imposibilitando crecer na medida das súas posibilidades. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal


Veciños esixen continuidade da liña Vigo-Porto
A Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao esixiu a non supresión da liña férrea entre Vigo e Porto, tal e como planeaban as autoridades lusas. A presión social impediu a súa aplicación, anunciada pola empresa Comboios de Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sociedade


“Hai que botalos” se internacionaliza
O documental “Hai que botalos”, crítico coa xestión gobernamental da Xunta, poderá verse en Bos Aires, Mato Grosso (Brasil), Berlín, Valleing e Tréveris (Alemaña), Ledeberrg-Gent (Bélxica), Monthey (Suíza) e Londres, como parte da súa campaña de cara ás elecións autonómicas galegas. (Fonte: www.vieiros.com).
02/06/2005
Diáspora
Quintana reclama dereitos para a emigración
De visita en Uruguai, o candidato do BNG, Anxo Quintana, reclamou que Galicia debe posuír relacións diplomáticas propias con aqueles países con forte presenza de emigración galega e que os netos de emigrantes poidan acceder directamente á nacionalidade española. Quintana se reuniu co presidente Tabaré Vázquez para logo asistir a un mitin xunto ao senador e líder histórico dos “tupamaros”, Eleuterio Fernández Huidobro. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo


Alemáns interesados na oferta santiaguesa
Representantes de 22 axencias alemás especializadas en turismo cultural e relixioso visitaron Santiago invitados por TurGalicia, debido ao interese en potenciar conexións entre a capital galega e cidades alemás. Segundo un estudo do Observatorio Turístico, o perfil medio do turista que vista Compostela é de poder adquisitivo medio ou medio-alto, menor de 45 anos, con bacharelato ou estudos superiores. (Fonte: El Correo Gallego).
01/06/2005
Diáspora-Eleccións
A puxa polo voto emigrante
Segundo a enquisa do CIS, o PP estaría a dous escanos parlamentarios de renovar a maioría absoluta, sen contar aínda cos votos da emigración, que semellan decisivos nas elecións autonómicas do 19 de xuño. Ante o pedido do PP de colocar interventores en Correos para “evitar manipulacións” no voto exterior, o PSdG amosou a súa perplexidade e acusouno de “saber cómo manipular o voto emigrante”. (Fonte: El Correo Gallego).

Diáspora


Touriño e Kirchner acordan rede para as pemes
Como parte da súa xira por Uruguai e Arxentina, o candidato socialista Emilio Pérez Touriño se reuniu en Bos Aires co presidente Néstor Kirchner, para adiantar os plans de creación dunha rede de cooperación para as pemes galegas e arxentinas. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal


Analizan problemática dos traballadores transfronteirizos
O director xeral de Relacións Laborais, Antonio de La Hera, mantivo en Vigo unha xuntanza co inspector xeral de Traballo de Portugal, Paulo Morgado de Carvalho, para analizar os problemas que afectan aos traballadores transfronteirizos do sector da construción civil e doutras áreas así como abordar aspectos relativos á seguridade no traballo, convenios colectivos e salarios. (Fonte: www.xornal.com).

Cultura


Santiago promóvese en feira de cinema inglés
A Santiago de Compostela Film Commission promoverá á capital galega en rodaxe de filmes e produtos audiovisuais na feira da Broadcast Production Show en Londres. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca


Canadá busca petróleo no caladoiro da NAFO
Segundo os capitáns galegos que faenan nas augas da NAFO, os canadenses premen nos pesqueiros estranxeiros que alí faenan, ao consideraren que incomodan os seus labores de prospeción na busca de petróleo. Neste sentido, Canadá xa tivo incidentes cun pesqueiro ruso e outro portugués. (Fonte: Faro de Vigo).

 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Europa Press, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, Galicia Información, La Región, La Voz de Galicia, Vieiros, Xornal.com.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2005: maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2004: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/09/2005
Fernando Pol


Subir