|
 |
| 31/05/2005 |
 |
Acción Exterior
Touriño e Tabaré desexan
máis cooperación conxunta
No marco da visita do candidato socialista
Emilio Pérez Touriño a Uruguai, trala entrevista co presidente Tabaré Vázquez, ambos
líderes políticos acordaron a creación dun foro de cooperación empresarial, económico
e social entre Galicia, España e Uruguai, como parte dunha estratexia para potenciar a rede galega de cooperación
exterior. Esta rede se complementaría cun intercambio universitario e a achega dun sistema de bolsas. O
candidato socialista tamén estivo en Bos Aires, onde se entrevistou co presidente Néstor Kirchner. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
En xuño saberase o futuro da liña
Porto-Vigo
Segundo explicou en Santiago o presidente
do Eixo Atlántico e alcalde de Porto, Rui Rio, a empresa ferroviaria lusa Comboios de Portugal aprazou ata
xuño a decisión sobre o futuro da Porto-Vigo, especialmente no seu tramo por Valença do Minho,
aínda que asegurou non estar prevista a súa supresión ao curto prazo. Na xuntanza executiva
do Eixo Atlántico, Rio tamén informou sobre as discusión sobre a operatividade dos aeroportos
de Galicia e o Norte de Portugal. (Fonte:
El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
Sáhara
Nenos saharauís chegarán
a Galicia
A partir de finais de xuño, uns
67 nenos do campamento saharauí de Tinduf, Arxelia, chegarán a Ferrol como parte do programa “Vacacións
en Paz” promovido cada verán pola ONG Solidariedade Galega. En Lugo tamén abriron o prazo de acollida
que, no 2004, involucrou a 26 concellos e 52 nenos saharauís.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Galeguidade
Cancelan proxecto da cultura galega en
EEUU
Un proxecto iniciado polo poeta e artista
galego residenciado en Nova York, Francisco Álvarez “Koki”, concibido como o máis importante para
a promoción da cultura galega nese país a través do Instituto Cervantes, foi finalmente cancelado
por falta de apoio da Xunta. Este proxecto incluía unha exposición fotográfica de Ruth M.
Anderson, unhas xornadas de literatura, un ciclo de cinema e as actuacións dos músicos Octavio Vázquez
e Cristina Pato. (Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 30/05/2005 |
 |
Sociedade
Rigoberta Menchu agradece a cooperación
galega
A Premio Nobel da Paz e Premio Príncipe
de Asturias, a guatemalteca Rigoberta Menchú, visitou ao presidente Manuel Fraga e amosou o seu agradecemento
ao pobo galego pola colaboración coa sociedade indíxena do país centroamericano, salientando
as compatibilidades entre ambos. (Fonte:
La Voz de Galicia).
Economía
Granito e téxtil galego acusan
desafío chinés
Os sectores do granito e do téxtil,
piares da economía galega, acusan o maior impacto do crecemento da economía chinesa, debido aos baixos
custes de produción no país asiático, que son ata un 40 máis baixos que en Galicia,
o cal fai medrar a competitividade das exportacións chinesas.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Fadesa presenta oferta en Marrocos
A inmobiliaria coruñesa presentou
unha oferta para desenvolver un complexo turístico, incluído un centro comercial e de negocios, na
localidade de Tánger, cun investimento de 63 millóns de euros, nunha superficie de 3,4 hectáreas
e 180.000 metros cadrados. (Fonte: Faro
de Vigo).
Unión Europea-Ambiente
Bruxelas avala as praias das Rías
Baixas
Un informe da Comisión Europea
certificou o óptimo estado das praias das Rías Baixas, que deberán agora pasar un control
de calidade por parte da Consellería de Sanidade.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 29/05/2005 |
 |
Diáspora
O BNG demanda garantías para o
voto emigrante
A formación nacionalista presentou
un escrito ante a Xunta Electoral de Galicia para que se extremen as garantías do “carácter libre,
secreto e directo” na emisión do voto entre os emigrantes, un 13% do padrón electoral, para evitar
a súa manipulación. Pola súa banda, o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal,
asegurou que o voto emigrante non será necesariamente decisivo o próximo 19-X. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
A Xunta oponse á eliminación
da liña Vigo-Porto
O vicepresidente da Xunta e conselleiro
de Política Territorial, Alberto Núñez Feijoo, e a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, alertaron
ao ministerio de Fomento sobre a información publicada polo diario luso “Público” de que o goberno
portugués estuda eliminar a liña ferroviaria Vigo-Porto, en principio prevista para o 26 de xuño.
Deste xeito, o Núñez Feijoo reiterou o rexeitamento da Xunta á eliminación desa conexión
entre as dúas principais cidades do Eixo Atlántico.
(Fonte: El Correo Gallego).
Grupo compostelán adquire hospitais
portugueses
O grupo La Rosaleda adquiriu a participación
do 45% de dous hospitais en Paredes e Famalicao, ao norte de Portugal, cuns investimentos que superan o millón
douscentos mil euros, nun área de influenza de 150.000 habitantes. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 28/05/2005 |
 |
Diáspora-Eleccións
O BNG e PSOE fan campaña no Cono
Sur
Os candidatos Anxo Quintana e Emilio Pérez
Touriño, iniciaron unha xira por Arxentina e Uruguai coa finalidade de dar a coñecer os seus respectivos
programas electorais cara ás eleccións autonómicas do 19 de xuño. Tanto Quintana como
Touriño foron recibidos polo presidente uruguaio Tabaré Vázquez. Do mesmo xeito, o deputado
nacionalista Francisco Rodríguez visitou Caracas.
(Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Galicia supera a media europea
Cun crecemento do 3,2% rexistrado en 2004,
o comportamento do consumo privado, o aumento dos investimentos no sector da construcción, o forte pulo
do turismo e a recuperación das exportacións, contribuíron a que a Comunidade crecera un 1,2%
por riba das economías da Unión Europea e tres décimas por riba da economía española. (Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Melgaço, capital do patrimonio
galaico-portugués
A vila lusa acollerá en xuño
un encontro popular denominado “Galicia e o norte de Portugal: un patrimonio para o futuro”, organizado polos promotores
da candidatura conxunta para patrimonio inmaterial da Humanidade ante a Unesco. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 27/05/2005 |
 |
Sociedade
Cumio de relixións en Santiago
Representantes das cinco principais relixións
do mundo (cristianismo, islamismo, hinduísmo, xudaísmo e budismo) celebraron unha liturxia conxunta
na praza da Quintana, coa finalidade de pedir pola paz mundial, nun acto vencellado ao congreso sobre “Relixión,
Diálogo e Paz” desenvolvido na capital galega.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 26/05/2005 |
 |
Diáspora
Touriño visita o Cono Sur
Como parte da campaña para as eleccións
autonómicas, o candidato socialista Emilio Pérez Touriño iniciou unha xira por Arxentina e
Uruguai, onde mantivo contactos co colectivo emigrante e entrevistas co mandatario uruguaio Tabaré Vázquez
e o ministro de Interior arxentino, Aníbal Fernández.
(Fonte: El Correo Gallego).
Colaboración para evitar fraude electoral
A Xunta premeu ante o goberno español,
a través do embaixador da emigración Miguel Cortizo, para pedir ao goberno de Uruguai unha maior
cooperación que permita evitar posibles fraudes no proceso de emisión de votos por correo por parte
dos residentes na emigración. (Fonte:
El Correo Gallego).
Turismo
Francia domina o turismo galego
Segundo a memoria de Turgalicia 2004,
presentada polo conselleiro Pérez Varela ao presidente Fraga, uns 6.500.000 estranxeiros visitaron a nosa
Comunidade o ano pasado, sendo Francia o país con maior número de turistas, seguido de Portugal e,
a nivel estatal, polos madrileños.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Ciencia
Galegos dominan nanotecnoloxía
en Europa
Os investigadores da USC, José
Rivas e María José Alonso, foron resaltados no informe da European Science Foundation polo seu labor
no campo da nanotecnoloxía e as súas aplicacións na medicina, especialmente na terapia contra
o cancro. A Comisión Europea catalogou a nanotecnoloxía como área prioritaria. (Fonte: La Voz de Galicia).
Solidariedade
AI de Lugo apoia a un preso político
guineano
A sucursal de Amnistía Internacional
en Lugo desenvolveu unha campaña de recollida de sinaturas en apoio dun preso político da oposición
en Guinea Ecuatorial, solicitando a súa liberación trala detención sen cargos. O Colexio de
Economistas de Lugo tamén se sumou á campaña, debido á condición de economista
do represaliado. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 25/05/2005 |
 |
Eixo Atlántico
Información urbanística
por Internet
As cidades galegas e portuguesas pertencentes
ao Eixo Atlántico traballan no desenvolvemento do SIG, siglas en castelán do Sistema de Información
Xeográfica, que esperan rematar nun período de dous anos. O sistema contará cunha páxina
web para publicar datos catastrais e urbanísticos.
(Fonte: El Correo Gallego).
Portugal
Piden cumprir os prazos do AVE Vigo-Porto
O Congreso dos Deputados acordou prestar
o seu apoio ao AVE Vigo-Porto para que o eixe ferroviario entre Ferrol e a cidade portuguesa estea en servizo no
2009, tal e como acordaran Madrid e Lisboa.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Infraestruturas
Delegación da UE analiza o porto
exterior coruñés
O conselleiro de Política Territorial,
Alberto Núñez Feijoo, recibiu a técnicos da Comisión Europea e o Banco Europeo de Investimentos,
coa finalidade de acadar información sobre os aspectos técnicos, ambientais e económicos do
porto exterior de A Coruña, que sigue pendente de confirmar o seu financiamento. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Rexións
Galicia a piques de obter outra sede
europea
A sede de un dos sete consellos consultivos
rexionais para xestionar a política pesqueira podería trasladarse a Galicia, tralo respaldo outorgado
por case a totalidade do sector pesqueiro europeo. Tan só Francia intentou modificar o acordo, xa que as
súas rexións de Aquitania, Poitou-Charentes, Loira e Bretaña tamén puxan pola sede. (Fonte: La Voz de Galicia).
Economía
Comerciantes galegos temen invasión
asiática
Con motivo da xuntanza do comité
executivo da Federación Galega de Comerciantes, reclamouse un reaxuste legal para inspeccionar os produtos
e establecementos de orixe asiática, a fin de evitar a competencia desleal. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 24/05/2005 |
 |
Pesca
Dificultades para a flota galega en Marrocos
Segundo o conselleiro de Pesca, Enrique
López Veiga, as conversas que manteñen a UE e Marrocos para o novo acordo pesqueiro poderían
deixar fora de xogo á flota galega, para favorecer así a Andalucía. López Veiga reuniuse
co eurocomisario Joe Börg e o director xeral europeo de Política da Conservación, o británico
Johan Farnell. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galeguidade
As Letras Galegas presentes en Cuba
Con motivo da celebración das Xornadas
do Día das Letras Galegas, o Centro Galego e a Cátedra de Cultura Galega da Universidade de La Habana
organizaron unha serie de actuacións de grupos folclóricos galegos, con exposicións do Camiño
de Santiago e unha conferencia titulada “De Rosalía de Castro a Lorenzo Varela”, impartida polo investigador
galego, Luis Alonso Girgado. (Fonte: La
Voz de Galicia).
Solidariedade
Ourense e a “Pobreza Cero”
En xuño, Ourense unirase á
maioría das capitais europeas na campaña “Pobreza Cero” para reclamar máis axuda oficial ao
desenvolvemento dos países pobres e cumprir cos obxectivos do Milenio. Colaboran nesta campaña Unicef,
Mans Unidas, Asociación Isis, Solidariedade Internacional, Amigos da Terra, Axuda en Acción, o Comité
AntiSida e Adega. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Cluster automotor luso-galaico
Representantes da industria automotriz
de Galicia e Portugal reunironse na localidade lusa de Maia para analizar o futuro do sector na Eurorrexión,
enfatizando a necesidade de reforzar o modelo do cluster transfronteirizo. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Fondos Estructurais
Pesimismo galego nos fondos europeos
A ameaza de veto de Reino Unido, Holanda
e Italia e o anticipo electoral en Alemaña complican as expectativas de Galicia de manterse no ámbito
das rexións do Obxectivo 1 alén do 2007, a pesar do optimismo reflectido pola proposta luxemburguesa
favorable ás pretensións galegas. As autoridades galegas esperan alcanzar un acordo antes de rematar
xuño, cando a presidencia da UE pase a mans británicas.
(Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 23/05/2005 |
 |
Cultura
Santiago capital mundial da paz
A capital galega celebrará a finais
de maio o Congreso Mundial da Educación e Cultura da Paz, que contará coa presenza do neto de Mahatma
Gandhi, Danielle Mitterrand, viúva do ex presidente francés, e o premio Nobel Adolfo Pérez
Esquivel, entre outras figuras relevantes.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Marítima
Novas infraestruturas para Vigo
A partir do 2007, a Unión Europea
financiará novas infraestruturas e accesos portuarios naquelas cidades que dispoñan de terminais
de mercancías e plans de desenvolvemento para autopistas marítimas, como é o caso de Vigo.
Bruxelas está en disposición de aportar o 20% das obras do novo porto e os seus accesos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Pesca
Irlanda copia o modelo galego
O xerente do Centro de Investigacións
Mariñas e de Acuicultura da Universidade de Queen´s, Belfast, Niall McDonough, explicou na universidade
de A Coruña que o sector de producción marisqueira de Irlanda do Norte ten como modelo a Galicia,
polo que investigadores galegos colaboran nun proxecto para desenvolver técnicas de cultivo no Ulster. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galeguidade
Pérez Barreiro recibe o Pedrón
de Honra
Fernando Pérez-Barreiro, membro
do consello asesor do Igadi e un dos principais tradutores á lingua galega de Ionesco, Shakespeare, Lewis
Carroll e da narrativa chinesa contemporánea, foi galardonado co Pedrón de Honra. Pérez-Barreiro
fundou en Londres o Grupo de Traballo Galego e tivo palabras de recoñecemento á labor da diáspora
galega. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 22/05/2005 |
 |
Marítima
Vigo será referencia europea en
biotoxinas mariñas
Un laboratorio de análise de toxinas
único en Europa funcionará no laboratorio de biotoxinas mariñas de Vigo, integrado na Axencia
Española de Seguridade Alimentaria. A ministra de Sanidade e Consumo, Elena Salgado, anunciou o investimento
de 940.000 euros aportados tanto polo ministerio como pola UE.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 21/05/2005 |
 |
Inmigración
Fondos de integración para estranxeiros
Segundo o último Consello de Ministros
en Madrid, Galicia recibirá 1,8 millóns de euros para levar a cabo proxectos de integración
social dos inmigrantes e reforzo educativo. Do mesmo xeito, o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal,
recibiu ao voceiro do goberno e ministro de Comunicación de Marrocos, Nabil Benabdallah, xunto a un colectivo
de inmigrantes do país norteafricano.
(Fonte: El Correo Gallego).
Téxtil
China e a crise das pemes galegas
Segundo fontes sindicais de CCOO e UGT,
as 1.800 pemes galegas do sector textil atravesan un período de crise motivada pola competencia do textil
chinés e a desviación das grandes marcas cara países con man de obra máis barata. O
recente anuncio de China de subir o 400% das tarifas de exportación textís para frear as vendas a
EEUU e a UE, non mellora a situación das pemes galegas.
(Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Fadesa expándese nos mercados
polaco e francés
O grupo imobiliario coruñés
construirá 1.900 vivendas no exclusivo distrito de Wilanow, ao sur de Varsovia, ao mesmo tempo que anunciou
a posibilidade de investir 30 millóns de euros nunha empresa do sector en Francia. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 20/05/2005 |
 |
Diáspora
I Foro Bilateral Galicia-Uruguai
A Consellería de Emigración
e o Igadi celebraron en Montevideo, entre o 16 e 19 de maio, o I Foro Bilateral Galicia-Uruguai, cunha nutrida
representación empresarial, cultural e política, no marco do proxecto de identificación da
diáspora galega relevante. O acto contou coa presenza do presidente Manuel Fraga e a viceministra de Relacións
Exteriores de Uruguai, Dª Belela Herrera.
Unión Europea-Fondos Estructurais
Luxemburgo mantén o Obxectivo
1 para Galicia
A presidencia luxemburguesa en Bruxelas
propuso que o Obxectivo de Converxencia, antigo Obxectivo 1 dos Fondos de Cohesión, absorba o 81% do total
dedicado á política rexional para o período 2007-2013. Neste sentido, mencionou a Galicia,
Castilla-La Mancha e Andalucía como rexións que seguirán conservando o seu status, tomando
en conta cálculos do período 2000-2002.
(Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Novos mercados para as pemes galegas
Segundo datos da memoria do Plan de Fomento
das Exportacións Galegas, Foexga, Galicia foi a sexta comunidade estatal en exportacións no 2004,
con 10.460 millóns de euros, cara mercados como Guinea-Bissau, Letonia, Bolivia, Paraguai, Islandia e Cabo
Verde. Europa segue a ser o principal destino, seguido de América do Norte e Central, América do
Sur, África, Asia e o Pacífico.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 19/05/2005 |
 |
Téxtil
Unión ante a competencia chinesa
Os sindicatos galegos recomendaron ás
pemes do sector a creación dunha asociación para poder confeccionar prendas de calidade e así
frear o avance da competencia chinesa, cada vez máis presente no mercado europeo. Os sindicatos estiman
que, dende o 2001, o sector téxtil e da confección ven perdendo entre 5.000 e 8.000 empregos anuais. (Fonte: El Correo Gallego).
Política
Fraga se entrevista con Tabaré
No remate da súa xira polo Cono
Sur, o presidente Manuel Fraga reuniuse co mandatario de Uruguai, Tabaré Vázquez, a quen impuso a
Medalla de Ouro de Galicia. Fraga negou o carácter electoralista da xira, respondendo ás críticas
dos candidatos do PSdG e o BNG, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
PsdeG pide vixilancia do voto emigrante
A deputada socialista Marisol Soneira
informou que o seu partido realizará un “seguimento escrupuloso” do proceso electoral dos emigrantes en
Uruguai, debido a que o actual sistema de voto a distancia “permite que existan prácticas perversas, contrarias
á Lei e ás intencións dos electores”.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Fondos Estructurais
Bruxelas esixe maior productividade e
emprego
A Comisión Europea, a través
do Informe sobre o Estado das Rexións, concluiu que Galicia deberá concentrar en mellora da produtividade
e creación do emprego a maior parte das axudas europeas que recibe –máis de 5.000 millóns
de euros entre o 2000 e 2006- para así saír do grupo das 64 rexións máis desfavorecidas
da UE. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Rexións
García Leira busca a cohesión
rexional
O presidente do Parlamento galego, José
María García Leira, viaxou a Wroclaw, Polonia, para participar no II Cumio Europeo de Rexións
e Cidades coa finalidade de discutir o papel crucial das rexións e as cidades na cohesión territorial
e creación do emprego. (Fonte: El
Correo Gallego).
Portugal
“Meniños cantores” de Portugal
e Galicia
Cincocentos nenos de 15 escolas galegas
e do norte de Portugal desenvolven o proxecto musical “Meniños cantores”, promovido pola organización
“Ponte nas Ondas”, enmarcada na candidatura da declaración do patrimonio oral e inmaterial galego-portugués
ante a Unesco. (Fonte: www.vieiros.com).
Sociedade
Unha ollada ao PT e o Brasil de Lula
Hamilton Pereira, presidente da Fundaçao
Perseu Abramo, vencellada ao Partido dos Trabalhadores de Brasil, realizou unha conferencia-coloquio en Santiago,
convidado pola Fundación Galiza Sempre, para dar a coñecer a realidade do goberno de Lula e os cambios
no Brasil. Na conferencia contou coa participación de Xosé Manuel Beiras e o director xerente da
FGS, Xabier Macías. (Fonte: www.vieiros.com).
 |
| 18/05/2005 |
 |
Diáspora
Fraga inaugura portal de Internet da
emigración
O presidente Manuel Fraga presentou no
Centro Galego de Montevideo o portal de Internet para a diáspora galega, www.galiciaaberta.com. No país suramericano, Fraga entrevistouse co actual presidente
Tabaré Vázquez e outros membros do gabinete, así como cos ex presidentes Luis Alberto Lacalle,
Jorge Battle e Julio María Sanguinetti.
(Fonte: El Correo Gallego).
PSOE e PP critícanse por promesas
á diáspora
Ricardo Varela, secretario de Organización
do PSdG, acusou ao presidente Fraga de trasladar á emigración “a política de engano masivo
que practica en Galicia” con promesas electorais cando oculta a emigración de 15.000 mozos de Galicia. O
seu homólogo do PP, Alejandro Gómez, respondeu lamentando que os socialistas “teñan que acudir
continuamente á política da mentira e do medo”.
(Fonte: El Correo Gallego).
Emigración
Convalidan carnet de conducir con Venezuela
O senador socialista por Ourense Cándido
Rodríguez, acompañou este fin de semana ao ministro do Traballo, Jesús Caldera, no asinamento
dun acordo entre os gobernos de España e Venezuela para a convalidación dos permisos de conducir. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
A calma lusa ante o AVE Porto-Vigo
Non será ata finais de 2006 cando
o goberno portugués teña acabados os proxectos de execución e o informe do impacto ambiental
sobre o tren de alta velocidade Porto-Vigo. Hai un mes, os gobernos de Lisboa e Madrid acordaran poñer en
marcha o proxecto no 2009. (Fonte: La Voz
de Galicia).
 |
| 17/05/2005 |
 |
Diáspora
Censo electoral achégase a 300.000
persoas
Segundo datos do Instituto Nacional de
Estatística, uns 300.000 galegos residentes no exterior terán dereito a voto nas eleccións
autonómicas do 19 de xuño. Un terzo deste censo habita na Arxentina (100.862), seguido de Suíza
(32.971), Venezuela (30.342) e Uruguai (25.566).
(Fonte: El Correo Gallego).
Educación
Bolsas para centros de estudos galegos
no exterior
A consellería de Educación
convocou a un concurso para seleccionar seis bolseiros que se formarán nos centros de estudos galegos en
Birmingham, Cork, Lisboa, Padua, Trier e Tubinga. O importe das bolsas supera os tres mil euros cada unha e cubren
o curso académico 2005/06 con posibilidade de renovación.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 16/05/2005 |
 |
Política
Dous galegos disidentes presos en Cuba
Un fillo e un neto de emigrantes galegos
na illa caribeña, que forman parte do coñecido Grupo dos 75 pertencente ao disidente Raúl
Rivero, aínda se atopan presos nun cárcere cubano. Ante esta situación, o presidente Manuel
Fraga aproveitou a visita a Galicia do irmán de Fidel Castro para interesarse pola súa situación.
Do mesmo xeito, puidose coñecer da existencia de catro galegos presos na cárcere peruano de El Callao. (Fonte: El Correo Gallego).
Emigración
Vacacións para Lembrar
Uns 150 galegos emigrantes de Alemaña,
Holanda, Francia e 13 comunidades españolas, visitaron Galicia como parte do programa que desenvolven as
consellerías de Emigración e Familia.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 15/05/2005 |
 |
Irmanamento
Concello de Ames e Guatemala
O concello galego asinou un convenio de
irmanamento co guatemalteco de San Carlos Alzárate, pertencente ao departamento de Jalapa, trala xuntanza
entre os alcaldes Carlos Fernández e Ronaldo Jiménez Martínez. O concello do país centroamericano
conta con 15.000 habitantes e basea a súa economía no café. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 14/05/2005 |
 |
Diáspora
Fraga renova compromiso coa emigración
No marco da súa novena visita á
Arxentina, o presidente da Xunta anunciou un programa de novas axudas, especialmente dirixidos aos fillos e netos
de emigrantes, por valor de 9 millóns de euros. Neste sentido, Fraga prometeu a implementación dun
plan sanitario, valorado en 1,8 millóns de euros, que tamén terá cobertura en Brasil, Uruguai
e Venezuela. (Fonte: El Correo Gallego).
Palmou e Rojo critican en Caracas a política
do PSOE
O secretario xeral do PPdG, Jesús
Palmou, e a candidata por Pontevedra, Pilar Rojo, advertiron nunha xuntanza na sede da Irmandade Galega na capital
venezuelana dos “riscos e desigualdades da política de pactos” do goberno socialista en distintas comunidades
españolas, e que “arriscan o futuro da Seguridade Social”. Nesta visita, Palmou e o presidente da Irmandade,
Felisindo López, asinaron un documento de colaboración para a atención humanitaria e de emerxencias. (Fonte: El Correo Gallego).
O BNG iniciará xira exterior
A finais de maio, o colectivo emigrante
galego en Venezuela, Uruguai, Arxentina, Suíza e Andorra recibirá aos representantes do nacionalismo
galego, especialmente o candidato Anxo Quintana e os deputados Carlos Aymerich, Francisco Rodríguez e Olaia
Fernández Dávila, para manter xuntanzas cos representantes dos centros e comunidades galegas no exterior,
personalidades políticas e do mundo universitario.
(Fonte: El Correo Gallego).
Lugo promociónase en Arxentina e Brasil
O alcalde de Lugo, o socialista Xosé
Clemente López Orozco, presentou en Bos Aires os plans e proxectos económicos do seu concello, coa
finalidade de manter contactos co mundo empresarial, mediático e a emigración galega. A súa
visita extenderase a Brasil. (Fonte: El
Correo Gallego).
Sociedade
Cen familias galegas quedan sen nenos
etíopes
A decisión das autoridades etíopes
de paralizar os procesos de adopción por presuntos comportamentos pouco éticos, deixa paralizadas
as xestións de cen familias galegas, a pesar de que a Xunta avalara tódalas peticións. A directora
xeral de Familia, Teresa Rey, enviou unha carta ao ministerio de Asuntos Sociais do país africano na que
se garante o proceso de adopcións realizado pola Xunta.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 13/05/2005 |
 |
Unión Europea-Fondos Estruturais
Galicia podería perder os fondos
europeos
No caso de que Bruxelas decida eliminar
o criterio de despoboación, a nosa Comunidade corre o risco de perder as subvencións agrarias europeas
a favor de localidades como Fuengirola e Marbella.
(Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora-Eleccións
Fraga reúnese co vicepresidente
arxentino
Á súa chegada a Bos Aires,
o presidente Manuel Fraga se reuniu co vicepresidente arxentino de orixe galega, Daniel Scioli, o gobernador da
provincia de Bos Aires, Felipe Solá, e outras autoridades locais. Na visita ao Parlamento se aprobou o nomeamento
do 25 de xullo como “Día da Galeguidade”.
(Fonte: El Correo Gallego).
Emigración
Reforzan a Oficina de Emigración
A Consellería de Emigración
e o Arcebispado de Santiago colaborarán no mantemento da Oficina da Emigración, trala renovación
do convenio de apoio ao Arquivo Histórico Diocesano, onde funciona a oficina desde o 2002. Deste xeito se
procura que moitos descendentes de galegos poidan demostrar a súa ascendencia e acceder aos programas de
axuda. (Fonte: El Correo Gallego).
Marítima
Noruega amosa apoio a Navantia
A pesar da traxedia dos catro traballadores
mortos por asfixia no estaleiro de Navantia en Ferrol, o embaixador noruegués Kjell-Martin Frederiksen,
presente no velatorio das víctimas, afirmou que as empresas do seu país seguirán apoiando
os proxectos encargados nos estaleiros ferroláns.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
O valor do Camiño portugués
O I Encontro Transnacional do Camiño
Portugués, inaugurado pola Consellería de Cultura, coa presencia do Duque de Bragança e herdeiro
do reino de Portugal, Dom Duarte, permitiu potenciar o significado e valor cultural desta ruta xacobea que foi
utilizada por 67.000 peregrinos no Ano Santo 2004 e que forma parte do proxecto europeo Translatio. Está
prevista a publicación dunha guía deste camiño e un seminario xacobeo en Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).
Solidariedade
Fútbol-sala para misión
en Ecuador
O concello ourensán organizou unha
xornada de fútbol-sala coa denominación “Un partido: a ilusión dunha escola” para financiar
actividades escolares na misión diocesana da localidade ecuatoriana de Jipijapa. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 12/05/2005 |
 |
Unión Europea-Pesca
Incerteza galega ante posible acordo
UE-Marrocos
Ante o reinicio de negociacións
entre Bruxelas e Rabat para un novo acordo pesqueiro, as autoridades comunitarias informaron sobre as dificultades
na flota artesanal, o que deixa poucas esperanzas de retorno para os palangreiros e cefalopodeiros galegos que
abandonaron os caladoiros marroquís en 1999, trala ruptura do acordo. (Fonte: La Voz de Galicia).
Unión Europea-Medio Ambiente
Galicia recibirá fondos polas
xeadas e sequías
A nosa Comunidade se beneficiará
dunha petición do Parlamento europeo á Comisión Europea, para que libere Fondos de Solidariedade
para paliar as perdas na capacidade productiva, ocasionadas polas xeadas e sequías rexistradas no período
outono-inverno en España. As perdas estatais se elevaron aos 2.000 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
Pesca
Calvo abastecerá a Latinoamérica
O directo xeral do grupo conserveiro galego,
Ramón Calvo, anunciou que a empresa pretende investir 22 millóns de dólares en Gomes da Costa,
a maior empresa conserveira brasileira adquirida o ano pasado, para facer deste país a base das súas
exportacións en América Latina.
(Fonte: El Correo Gallego).
Galeguidade
Castelao e o Uruguai
Segundo o profesor Carlos Zubillaga, no
seu libro “Castelao y Uruguay. Etapas de una relación entrañable”, presentado no Consello da Cultura
Galega, o escritor galego puido participar na creación da fundación do Consello de Galiza en Montevideo
en novembro de 1944, debido ás múltiples amizades que mantivo co colectivo emigrante nese país
suramericano. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 11/05/2005 |
 |
Diáspora-Eleccións
Palmou e Rojo viaxan a Venezuela
Coincidindo coa xira de Fraga ao Cono
Sur, o secretario xeral do PP, Xesús Palmou, e a conselleira de Familia, Pilar Rojo, visitaron o país
suramericano como parte da campaña pre-electoral para as eleccións autonómicas dos “populares”
galegos nese país. Palmou visitou as instalacións da Irmandade Galega de Caracas e Maracai, mentres
Rojo inaugurou o III Encontro Nacional de Comunidades Galegas de Venezuela e visitou a Intendencia de Maracaibo.
Uns 30.400 emigrantes galegos venezuelanos teñen dereito ao voto.
(Fonte: El Correo Gallego).
Unión Europea-Ambiente
Galicia, pioneira en entregar informe
sobre política forestal
O informe de Monte Industria e Fearmaga
foi presentado en Bruxelas como plan de traballo en política forestal para incentivar a producción,
potenciar a silvicultura, fomentar a xestión pública e crear unha mesa sectorial. Deste xeito, Galicia
se converte na primeira rexión europea en presentar un informe desta natureza ante as autoridades comunitarias. (Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Poucos estranxeiros autónomos
Segundo un estudo estatístico,
só un 1,68 dos inmigrantes en Galicia, concretamente 3.037 dos 180.247 traballadores estranxeiros, laboran
como autónomos no mercado laboral.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 10/05/2005 |
 |
Inmigración
Sen regularizar tres de cada catro estranxeiros
Dentro do proceso de regularización,
as oficinas galegas da seguridade social admitiron unhas 5.105 solicitudes das máis de seis mil recibidas,
a penas un 25% dos estranxeiros en situación irregular na nosa Comunidade. O colectivo de inmigrantes pediu
unha ampliación no prazo de regularización. Colombia, Rumania e Ecuador foron as nacionalidades con
maior número de solicitudes. (Fonte:
El Correo Gallego e www.vieiros.com).
Enerxía
Galicia é a sexta potencia eólica
mundial
O informe da Asociación Eólica
de Galicia estima que 450 millóns de euros anuais produce a nosa Comunidade en enerxía eólica,
o que a converte na sexta potencia mundial. Sen embargo, Galicia podería perder esta condición privilexiada
no 2010, se a Xunta non instala plantas con capacidade para 6.500 megavatios. (Fonte: La Voz de Galicia).
Cooperación
Santiago apoia a causa curda
O concello santiagués decidiu brindar
unha colaboración simbólica, por medio dun intercambio cultural, coa cidade de Diyarbakir, considerada
a capital histórica do Curdistán, neste momento emprazada en Turquía. Segundo Néstor
Rego, edil de Cultura no Concello, se editarán 2.000 exemplares dun manual de texto en lingua curda que
se remitirá á Federación de Academias de Lingua Curda. Tamén está prevista a
actuación dun grupo de danza compostelán en Diyarbakir.
(Fonte: El Correo Gallego).
Téxtil
Zara abre tenda en Costa Rica
A maior cadea comercial do grupo Inditex
abrirá a súa primeira sucursal no país centroamericano, consolidando a súa posición
internacional en 57 países de Europa, América, Asia, Oriente Medio e o norte de África. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
O Congreso da Emigración Galega
O director do Arquivo da Emigración
Galega, Ramón Villares, anunciou que Santiago acollerá en xuño de 2006 un Congreso da Emigración
Galega, organizado polo Consello da Cultura Galega, para conmemorar o 50 aniversario do primeiro evento que tivo
lugar en Bos Aires. Tamén está en elaboración un diccionario da diáspora galega en
Cuba, proxecto comezado no 2004, ademais da incorporación de documentación dixitalizada ou microfilmada
de 115 entidades de emigrantes galegos en Arxentina, Cuba e Uruguai.
(Fonte: El Correo Gallego e La Voz de Galicia).
Portugal
Descontrol laboral entre galegos e lusos
Segundo Joaquim Martins, da UGT-Construcción
en Portugal e Xosé María Ferreira, do Sindicato de Construcción de Braga, a crise do sector
da construcción en Portugal permite que empresas lusas, contratas e subcontratas busquen traballo en Galicia.
Datos dos sindicatos consideran que unhas 6.000 persoas de Galicia e o norte de Portugal cruzan diariamente o posto
fronteirizo de Tui para traballar en sectores como industria, actividade sanitaria e construcción. (Fonte: La Voz de Galicia e Faro de Vigo).
 |
| 09/05/2005 |
 |
Solidariedade
A OCDE elixe a Galicia para foro da migración
Santiago acollerá en xuño
un grupo de traballo sobre migracións a proposta da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento
Económico. Diversos expertos internacionais analizarán a experiencia migratoria entre América
Latina, Galicia e España, e os fluxos migratorios entre os países suramericanos e os membros da OECD. (Fonte: La Voz de Galicia).
Pesca
Política chilena prexudica á
pesca galega
A patronal pesqueira chilena, Sonapesca,
empresarios industriais e armadores artesanais, esixiron ao seu goberno a aplicación dun decreto que intenta
controlar as capturas das embarcacións estranxeiras nas augas territoriais da milla 201. A medida vai dirixida
especialmente cara China pero tamén afecta aos pesqueiros galegos que capturan o peixe espada. Os axentes
chilenos criticaron as subvencións que reciben estes pesqueiros por parte dos gobernos galego, español
e europeo. (Fonte: La Voz de Galicia).
Portugal
Piden controlar fluxo de obreiros lusos
Un estudio de CCOO informou da presenza
duns 8.000 portugueses ilegais en España, dos cales, a gran maioría traballan no sector da construcción
en Vigo e Pontevedra. Os sindicatos vigueses xa pediron á patronal e á Administración a implantación
de controis para frear esta expansión e controlar a situación destes obreiros. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 08/05/2005 |
 |
Solidariedade
Iniciativa coruñesa para os nenos
de Senegal
Unha ONG coruñesa, Ecodesarrollo
Gaia, composta por 40 persoas, comezou hai dous anos un proxecto de alfabetización na localidade de Yoff,
dirixida aos nenos da etnia senegalesa dos Levús. Do mesmo xeito, desenvolve cooperativas coas mulleres
e os pescadores artesanais desta etnia, que faenan nas augas do océano Atlántico. O proxecto da escola
“Coruña” conta co aporte de 60.000 euros por parte dunha empresa senegalesa. (Fonte: El Correo Gallego).
Acción Exterior
O mapa da difusión mundial de
Galicia
Uns 41 Centros de Estudos Galegos, financiados
cun orzamento dun millón de euros pola Consellería de Educación ata o 2008, están presentes
en dezaoito países, con 2.400 alumnos, emprazados en Alemaña, Rusia, Polonia, Hungría, Italia,
Francia, Finlandia, Gran Bretaña, Irlanda, Portugal, Australia, Brasil, Uruguai, Arxentina, Chile, Cuba
e EEUU, ademais de España. Na Universidade Central de Barcelona se imparte a licenciatura en Filoloxía
Galega. (Fonte: El Correo Gallego).
Economía
Ourense busca negocios en Noruega
Unha vintena de empresarios ourensáns
asistiron ás xornadas de oportunidades de negocios en Noruega, organizadas polo ICEX e a Cámara de
Comercio, onde se invitou a unha delegación empresarial do país nórdico a coñecer o
potencial vitivinícola galego. (Fonte:
El Correo Gallego).
Sociedade
John Lennon presente en A Coruña
A cidade herculina inaugurou un monumento
honorífico ao cantante John Lennon, coa presenza da súa irmá, Julia Baird e do alcalde coruñés,
Francisco Vázquez. A viúva de Lennon, Yoko Ono, enviou unha mensaxe en vídeo. Despois de Liverpool
e La Habana, A Coruña é a terceira cidade no mundo cun monumento dedicado ao ex líder de The
Beatles. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 07/05/2005 |
 |
Emigración
Presentan Plan de Apoio ao Retornado
A Consellería de Emigración
presentou no Consello da Xunta este plan para garantir a cobertura das necesidades socioeconómicas e laborais
dos galegos emigrantes. Dentro dos plans propostos pola Consellería tamén se inclúe a creación
da Axencia Galega de Migracións, para xestionar os recursos destinados ó retorno dos emigrantes,
unha achega de 660.000 euros para atención sociosanitaria dos galegos na Arxentina, Uruguai, Venezuela e
Brasil, e un programa de atención elaborado con Cáritas Diocesana de Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).
Diáspora
A representación política
da emigración
No marco do Consello Asesor do Instituto
Galego de Análise e Documentación Internacional, Igadi, reunido en Baiona, se presentou unha proposta
de actuación o para implantar os mecanismos que permitan o desenvolvemento normal do sufraxio e a representación
política da diáspora galega, como un dos vértices da acción exterior de Galicia.
Política
Polémica pola visita de Raúl
Castro
A Plataforma Cuba Democracia Ya, encabezada
polo disidente Rigoberto Carzeller, realizou unha protesta con motivo da visita do irmán de Fidel Castro
ao presidente Manuel Fraga. Carzeller, liberado hai doce anos coa mediación de Fraga, responsabilizou a
Castro de “12.000 fusilamentos” e de que o réxime cubano manteña “320 presos políticos, recoñecidos
por Amnistía Internacional”. O PP criticou a xuntanza entre Fraga e Castro mentres o PSOE a catalogou como
“o tipo de relación que debe manter o PP con Cuba”.
(Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
Desarticulada rede de inmigración
ilegal
Unha organización internacional
liderada por sudamericanos foi desarticulada pola Unidade contra Redes de Inmigración e Falsedades Documentais,
cando intentaba introducir polo aeroporto de Lavacolla, a cidadáns colombianos con pasaportes e documentos
de identidade falsos. (Fonte: El Correo
Gallego).
Cultura
Cofradía de Lira interesa no Xapón
Un proxecto da Cofradía de Lira
foi materia de interese para a cadea de televisión nipona NHK, polo que en xuño próximo unha
produtora inglesa gravará un documental para ser emitido o mes seguinte na canle nipona. (Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 06/05/2005 |
 |
Inmigración
Estranxeiros alivian déficit de
persoal na pesca
Segundo o Instituto Social da Mariña,
en febreiro de 2005, un total de 1.087 inmigrantes traballaban no sector pesqueiro galego, o triple comparado cos
índices de 1999, ante a ausencia de mozos galegos neste sector. Cabo Verde, Angola, Perú e agora
Indonesia son os principais países de orixe deste inmigrantes. Sen embargo, fontes de Aetinape consideran
que o número de estranxeiros é aínda moito maior.
(Fonte: El Correo Gallego).
Política
Fraga se entrevista co irmán de
Fidel Castro
O presidente da Xunta ofrece unha audiencia
en Santiago ao ministro de Relacións Exteriores cubano, Felipe Pérez Roque, e ao vicepresidente Raúl
Castro, coa finalidade de discutir proxectos de cooperación, a liberación dos disidentes e a situación
dos máis de sete mil emigrantes galegos na illa. Ao acto asistiron o embaixador en España, Alberto
Velezco, e a Cónsul en Galicia, María Sánchez. Anteriormente, Raúl Castro visitou a
aldea de Láncara, Lugo, onde naceu o seu pai.
(Fonte: El Correo Gallego).
Educación
Bolsas de estudo para EEUU
O Concello de A Coruña completou
a selección da nova convocatoria de bolsas para cursar o 1º curso de bacharelato en EEUU. (Fonte: El Correo Gallego).
Emigración
Plan para integrar os emigrantes retornados
A Consellería de Emigración
impulsará un Plan Galego de Apoio ao Retornado, orientado á integración dos emigrantes retornados,
que contemplará a cobertura das necesidades en educación, vivenda, sanidade, servizos sociais e accións
formativas e de inserción laboral.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Pesca
Galicia perderá parte da flota
na NAFO
Galicia perderá daquí ao
2007 un cuarto da flota que actualmente ven operando nas augas da NAFO, segundo o plan de recuperación do
fletan aprobado no 2003 e que afectará principalmente a arrastreiros conxeladores con base en Vigo. Os armadores
galegos expuseron esta inquietude ante as administracións española e comunitaria. (Fonte: La Voz de Galicia).
Economía
Vigo-Porto como o Silicon Valley galego
O experto economista xaponés, Kenichi
Ohmae, expuso a súa visión estratéxica para facer do eixo Vigo-Porto un piar do desenvolvemento
en automoción, alimentación e tecnoloxía. Ohmae pediu á administración galega
un plan de promoción de investimentos para empresarios xaponeses e estadounidenses. (Fonte: La Voz de Galicia).
 |
| 05/05/2005 |
 |
Portugal
Ratifican AVE Vigo-Porto para o 2010
A ministra de Fomento, Magdalena Álvarez,
e o seu colega luso, Mario Lino, ratificaron en Madrid o compromiso gobernamental para acelerar a conexión
ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto para o 2010, polo seu carácter estructurador do Eixo Atlántico. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia reconstruída en Viana do Bolo
Nunha iniciativa similar xa adoptada en
Portugal e Cataluña, a Asociación de Comerciantes e Industriais desta localidade lusa proxecta a
reproducción a escala de Galicia, nun espazo de 50.000 m2 onde se representará a xeografía
da nosa Comunidade e os seus edificios máis representativos.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Economía
Fraga eloxia o modelo irlandés
O presidente da Xunta recibiu ao embaixador
irlandés Patrick O´Donovan, a quen informou que Galicia está a estudar o modelo de desenvolvemento
económico de Irlanda, especialmente na industria e as novas tecnoloxías, e exaltou o seu despegue
dende a súa entrada na UE. (Fonte:
El Correo Gallego).
Educación
A USC entre as mellores universidades
Segundo o ranking da Shanghai Tiao Jong
University de China, entre as dúas mil principais institucións universitarias do mundo, a universidade
santiaguesa se atopa no posto 489, colocando a España no posto 21 desta lista, gracias á achega doutras
oito universidades españolas. Os primeiros postos son para as norteamericanas Harvard e Standford, ademais
de Berkeley, Massachussetts e as inglesas Cambridge e Oxford.
(Fonte: El Correo Gallego).
Sociedade
Mozos europeos para rexuvenecer Galicia
Segundo o experto xaponés, Kenichi
Ohmae, o descenso dos índices de natalidade na nosa Comunidade só se solucionará cunha apertura
do mercado laboral galego aos mozos doutros países europeos e incluso de EEUU, mediante incentivos, seguindo
deste xeito o exemplo irlandés. Ohmae realizou esta reflexión no marco da xornada de Estratexias
para a Competitividade Rexional no Mercado Global.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 04/05/2005 |
 |
Sáhara
Destacan axuda galega para o pobo saharauí
Mohamedu Haiba Emhumed, subdelegado do
Sáhara en Galicia, destacou os programas de vacacións de verán para os nenos saharauís
implantados na nosa Comunidade desde 1989, e que se achegaron a 550 rapaces. Haiba Emhumed realizou en Ferrol unha
conferencia sobre a problemática dos 300.000 saharauís.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Emigración
Homenaxe dos galegos a Panamá
A partir do 21 de maio, e por iniciativa
do alcalde Pachi Vázquez, os emigrantes da comarca do Carballiño que teñan algunha vinculación
con Panamá, recibirán unha homenaxe, extensiva tamén ao país, polo recibimento dado
por esta nación centroamericana onde aínda residen moitos ourensáns. (Fonte: La Voz de Galicia).
Solidariedade
Unha ollada ao MST brasileiro
A ONG pontevedresa Amarante, no marco
do programa da quinta Semana Galega de Comercio Xusto, organizará unhas xornadas en Pontevedra, Santiago
e Vigo, para dar a coñecer a realidade da loita do Movemento dos Sem Terra brasileiro, coincidindo coa mobilización
de mais de 10.000 campesiños a Brasilia, para presionar ao goberno de Lula da Silva polo asentamento de
medio millón de familias. Estas actividades se complementarán cun foro de debate sobre consumo responsábel
e comercio alternativo, con invitados de Brasil, Bolivia e Togo.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Vacacións solidarias en Iberoamérica
A ONG Solidariedade Internacional en Galicia
abriu o programa de Vacacións Solidarias para que os voluntarios participen en proxectos de desenvolvemento
en Cuba, Perú, Guatemala, Nicaragua e Honduras, entre xullo e setembro deste ano. En Galicia xa anunciaron
a súa participación unhas 75 persoas.
(Fonte: El Correo Gallego).
Inmigración
A presenza lusa en Pontevedra
De Portugal é onde mais inmigrantes
ten acollido esta provincia, un total de 4.381 cidadáns. Arxentina, Colombia, Rumania e Marrocos seguen
na listaxe. A maioría son ilegais e traballan na hostalería, o fogar ou o mar. (Fonte: La Voz de Galicia).
Marítima
Paralizadas sociedades mixtas viguesas
na Arxentina
Debido a unha folga xeral na localidade
arxentina de Madryn, na Patagonia, un total de cinco sociedades mixtas de Vigo, nas que participan Pescanova, Pereira,
Vieira, Iberconsa e Pescapuerta, con plantas transformadoras de peixe, se atopan paralizadas, o que obrigará
a unha viaxe da ministra de Pesca, Elena Espinosa, para garantir a estabilidade xurídica necesaria. (Fonte: Faro de Vigo).
Pesca
Superando a crise con Canadá
Ante a crise suscitada con Canadá
pola pesca nas augas da NAFO, o secretario xeral de Pesca Marítima do ministerio de Agricultura e Pesca,
Juan Carlos Martín Fragueiro, destacou en Vigo a posibilidade dun acordo a través da Unión
Europea, para garantir a presenza da pesca española e galega nesas augas. Tamén informou do reforzamento
das relacións con Namibia, Marrocos e Arxentina.
(Fonte: El Correo Gallego).
Téxtil
Resistencia ante a competencia asiática
Segundo o xaponés Kenichi Ohmae,
un dos mais importantes expertos económicos mundiais, a industria téxtil galega ten a suficiente
capacidade endóxena para resistir o avance da competencia asiática, especialmente china. Ohmae realizou
esta declaración en Santiago no marco da xornada “Estratexias para a Competitividade Rexional no mercado
Global”, organizado pola Consellería de Economía.
(Fonte: El Correo Gallego).
 |
| 03/05/2005 |
 |
Diáspora
A Galicia Exterior no Foro
O Gran Encontro dos Galegos do Mundo,
organizado por asociacións empresariais e culturais de Cataluña e Madrid, se levará a cabo
a finais de xuño nas instalacións do Foro das Culturas de Barcelona, como unha iniciativa orientada
aos sectores empresarial e cultural, para compartir e difundir a realidade galega actual. (Fonte: El Correo Gallego).
Pesca
Cooperación con Illas Mauricio
Unha delegación oficial de Illas
Mauricio, encabezada polo secretario do Ministerio de Pesca, Premhans Jhugroo, visitou ao conselleiro Enrique López
Veiga, para establecer fórmulas de cooperación pesqueira no Océano Índico, e coñecer
a experiencia galega en pesca artesanal.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Terranova endurece actividade dos barcos
galegos
A decisión do goberno deste territorio
canadense revelou a intención, contra a opinión da Unión Europea e o goberno central dese
país, de controlar a actividade dos barcos que operan no seu caladoiro, alén das 200 millas, fora
das augas xurisdiccionais, o que afecta a unha trintena de barcos galegos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Inmigración
Pontevedra é a provincia que conta
con máis inmigrantes
Segundo o Instituto Nacional de Estatística,
a provincia galega rexistrou un 20% de aumento con respecto ao 2004, nas altas de inmigrantes. Os 27.160 estranxeiros
aquí residentes representan un 40% dos que residen en Galicia. Sen embargo, non ten gran impacto poboacional,
ao constituír un 2,5% da poboación total.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Economía
O impacto en Galicia do “Made in China”
Camisas, blusas e camisetas femininas
son os principais artigos de importación en Galicia da industria téxtil china, reforzada pola liberalización
do mercado mundial desde xaneiro pasado. Un total de 30 toneladas destes artigos entraron en Galicia, un 233% mais
que no ano pasado. (Fonte: Faro de Vigo).
 |
| 02/05/2005 |
 |
Marítima
Conflito en Mauritania afecta flota galega
Un paro nas operacións da flota
comunitaria nos caladoiros mauritanos foi imposto unilateralmente polo goberno dese país, afectando aos
50 buques españois que laboran neses caladoiros, dos que 43 cefalopodeiros están vencellados a capital
ou tripulación galega. (Fonte: La
Voz de Galicia).
 |
| 01/05/2005 |
 |
Agricultura
Ecoloxía galega aos mercados de
EEUU e Xapón
Varias empresas co selo “Agricultura Ecolóxica
de Galicia” proxectan dar o salto aos mercados estadounidense e xaponés, unha vez o consello regulador da
UE poida certificar os productos biolóxicos fora de Europa.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Economía
Un galego, mediador do Banco Mundial
A organización financeira elixiu
a Bello Janeiro, catedrático de Dereito Civil da Universidade de A Coruña e director da Escola Galega
de Administración Pública, como membro do tribunal de arbitraxe no conflito entre o grupo automovilístico
Mercedes-Benz Daimler Chrysler Services AG e Arxentina.
(Fonte: La Voz de Galicia).
Solidariedade
Rápido aumento das adopcións
Segundo datos facilitados nas xornadas
de adopción internacional celebradas en A Coruña, no que vai de ano, foron presentados en Galicia
un total de 259 expedientes de adopcións, mentres no 2004 sumaron un total de 375 expedientes. China, Etiopía
e Rusia suman o 75% das demandas de adopcións.
(Fonte: La Voz de Galicia).
|