O Leste cobra peso nas accións do Foexga A Xunta e as nove cámaras de comercio de Galicia asinarán proximamente o novo convenio para a posta en marcha do plan de fomento das exportacións galegas, o Foexga 2004, no que este ano cobran peso as accións dirixidas ós países do Leste de Europa. O plan inclúe a realización de 48 misións comerciais directas, das que 22 terán lugar en Europa, 12 en América e 7 en Asia. Ademais, proxecta a asistencia a 38 feiras internacionais e o envío ó exterior de 23 bolseiros. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Compostela, Dublín, Varsovia e Berlín, cidades elixidas para as retransmisións dos actos de acollida dos dez países novos membros da UE Compostela será un dos centros das retransmisións dos actos oficiais cos que se conmemora a adhesión dos dez novos estados membros da Unión Europea. O Centro Europeo de Información e Animación de Galicia, coa colaboración da representación en España da Comisión Europea, as embaixadas dos trece países –os dez adheridos e os tres candidatos-, e a Consellería de Cultura a través da sociedade anónima de xestión do Plan Xacobeo, son os encargados da organización dos actos, enmarcados na campaña de comunicación “Camiño de Santiago e Ampliación”, que resalta o papel da Rota Xacobea na formación de Europa. (Fonte: El Correo Gallego). Bruxelas insiste en que o AVE entre Vigo e Porto é prioritario A Comisión Europea insistiu en que os grandes proxectos prioritarios de transportes inclúen varias liñas de alta velocidade na Península Ibérica, entre elas, o tramo entre Vigo e Porto, que foi novamente cualificado coma “prioritario” por Gilles Gantelet, voceiro da comisaria de Transportes. (Fonte: El Correo Gallego).
A Eurocámara pídelle a Fischler que apoie os proxectos de Izar sobre acuicultura O PE pediralle ó comisario de Pesca que apoie mediante fondos comunitarios os proxectos de acuicultura oceánica que presentou a empresa ferrolá Izar-Fene perante a Comisión de Pesca desta cámara a inicitiva do eurodeputado Daniel Varela. Ó respecto, o Grupo Popular no Parlamento Europeo difundiu un comunicado no que subliña que os eurodeputados da comisión deron “unha excelente acollida” ós proxectos presentados por Izar-Fene par construír plataformas de acuicultura fixas. (Fonte: El Correo Gallego). Galeusca presentase coma vía para ir cara un Estado plurinacional Os máximos representantes de CIU, PNV e BNG subscribiron o acordo das forzas políticas nacionalistas para as próximas eleccións europeas, ás que concorren coma Galeusca-A Europa dos Pobos e co obxectivo de pular un “verdadeiro Estado plurinacional”. Anxo Quintana asegurou que esperan que os números do 13 de xuño “demostren a toda a cidadanía a realidade incuestionable dun Estado español plural, composto por varias nacións e con representación propia en cada unha delas”. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca Vigo esixe a implicación da Xunta para salva-lo sector pesqueiro O Pleno do Concello de Vigo aprobou unha moción na que insta á Xunta a pór en marcha un plan e viabilidade da flota conxeladora galega incrementando a capacidade de decisión política de Galicia no seo da Unión Europea. Segundo o texto, o plan tería que ter en conta a modificación do voto na NAFO, co fin de evita-la execución do plan de recuperación aprobado en setembro de 2003; realizar unha política propia de investigación que sustente á flota; pular campañas experimentais orientadas á diversificación das actividades, e incluír a negociación e firma de acordos pesqueiros que manteñan o pavillón azul. (Fonte: La Voz de Galicia). Economía En setenta anos, a Galicia converxeu máis de 32 puntos con Europa O último estudio da Fundación BBVA “Avaliación das rexións e provincias españolas no século XX”, sinala que, en 1930, seis autonomías (Galicia, Andalucía, as dúas Castillas, Extremadura e Murcia) aínda non atinxían no índice de converxencia coa UE o 50%. No caso galego, chegábase ó 39,11%. En 2000, tódalas comunidades superaban o índice do 60%, situándose Galicia nun 71,3%, polo que a evolución da converxencia superou os 32 puntos. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Convenio para prestarlle mellor atención ós composteláns en Sudamérica Os representantes dos sete concellos que integran a Mancomunidade de Santiago realizarán unha viaxe á Arxentina para entrevistarse cos oriúndos da comarca que residen nestes dous países, e asinar un acordo coa Casa de Vedra para prestarlles asistencia e axiliza-los trámites legais. (Fonte: El Correo Gallego). Acción Exterior A Xunta apoiará a negociación con Venezuela para homologar títulos O conselleiro de emigración, comprometeuse a apoia-las negiociacións que os gobernos de Venezuela e España manteñen para axiliza-la homologación de títulos educativos entre ambos países. Miras Portugal trasladoulle ese compromiso ó ministro de Educación do país sudamericano, Aristóbulo Istúriz, con quen se entrevistou en Caracas no marco do Foro Bilateral Galicia-Venezuela. Miras sinalou que o Foro permite “visualiza-la situación dos empresarios galegos en Venezuela para actuar dun xeito conxunto e integral”. (Fonte: El Correo Gallego).
Encontro empresarial en Caracas Representantes do mundo empresarial e político de Venezuela e de Galicia intercambiarán experiencias e abrirán novos ámbitos de negocio nun foro bilateral que se celebra dende o 26 ó 28 deste mes en Caracas, Venezuela. A delegación galega está encabezada polo conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla. O foro está organizado polo departamento autonómico de Emigración e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Igadi. (Fonte: El Correo Gallego).
Asuntos Sociais envía unha delegación á Feira do Traballo en Bruxelas Unha representación da Consellería de Asuntos Sociais asistirá en Bruxelas á Employment Week 2004, un foro no que se expoñen os retos máis destacados do actual mercado de traballo e dos recursos humanos da Unión Europea. Á cita asistirán xestores das políticas de emprego de toda Europa, entre eles ministros, ademais de representantes de grandes compañías. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Pesca Daniel Varela cre que amplia-la UE non afectará ós intereses pesqueiros galegos O eurodeputado galego do PP afirmou que a ampliación da Unión non afectará ós intereses pesqueiros de Galicia xa que, pola contra, se abrirán “novas oportunidades e posibilidades de venda”. En relación á pesca, destacou que este é “o único sector en que España e Galicia son número un en Europa”. Varela precisou que entre os dez países que se integrarán na UE “non hai ningunha potencia pesqueira” e que os que contan con esta actividade, como Polonia, teñen “unha flota pequena” e con barcos antigos, polo que, con esta ampliación, “se abren para Galicia novas posibilidade de venda”. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Air Europa ofertará un voo diario a Caracas A compañía Air Europa ultima a programación dun voo directo semanal entre Caracas e Santiago de Compostela a partir de mediados de xuño. Esta oferta manterase durante todo o verán, segundo confirmou José Quintero, vicepresidente da Hermandad Gallega de Venezuela. Quintero lembrou que este voo era unha das demandas do colectivo de emigrantes galegos en Venezuela. (Fonte: El Correo Gallego).
Durante o pasado exercizo, Galicia e Navarra foron as únicas comunidades que aumentaron as súas exportacións de mobles As exportacións galegas de mobles incrementáronse en preto dun 60% entre 1999 e 2003, ó pasaren de 44 millóns de euros a algo máis de 70. De feito, en 1999 Galicia era a duodécima comunidade na listaxe de exportacións, e hoxe ocupa o noveno posto. Pese a que Galicia aínda ocupa un posto discreto na táboa de comunidades exportadoras, segundo admite a Xunta, o sector galego “involúcrase a grandes pasos no proceso de internacionalización”. Portugal é o principal cliente do moble gallego, seguido de Francia, Países Baixos e Italia. Fóra de Europa destacan as exportacións a México, Estados Unidos, Canadá, Brasil e Singapur. (Fonte: El Correo Gallego).
Veiga pídelle apoio ó presidente de Namibia para as empresas galegas O conselleiro de Pesca fixo esta petición durante o acto de inauguración do Inland Aquaculture Centre (IAC), un centro de acuicultura continental creado pola Xunta para contribuír á seguridade alimentaria da poboación. Segundo Veiga, os empresarios galegos están neste país “para quedarse”. (Fonte: El Correo Gallego). O conselleiro de Industria opina que só coa cooperación entre empresas téxtiles se poderá aguanta-lo “tirón chinés” Juan Rodríguez Yuste destacou, durante as xornadas téxtiles de Ordes, ó papel do plan comunitario Equal , que fomenta a cooperación entre empresas téxtiles. Segundo Yuste, é preciso “cooperar para competir, senón seremos borrados do mapa”, en referencia á actual crise que atravesa o sector debido á concorrencia de China, principalmente. Nas mesmas xornadas, o enxeñeiro Juan Pedro Martín Solís instou ás empresas a buscar alianzas con Europa do Leste para facer unha “fronte común” á concorrencia asiática. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Os países da ampliación elixen a Rota xacobea como símbolo da nova Europa Este é o carácter da declaración dos embaixadores dos países adherentes e dos países candidatos relativa ó “Camiño de Santiago, Camiño de Europa”, asinada polo presidente da Xunta, Manuel Fraga, xunto cos embaixadores dos dez países que pasarán a formar parte da UE o día 1º de maio, ademais de outros tres que entrarán nos próximos anos. A declaración forma parte da programación da Feira da Ampliación Europa, inaugurada na capital galega. (Fonte: El Correo Gallego).
Mozos de dez países europeos participan nun plan de intercambio Representantes de diferentes asociacións xuvenís de dez países europeos participan nun programa de intercambio que pretende dar a coñece-la cultura e as tradicións galegas. Incluído no Programa Xuventude da Comisión Europea, os mozos que aproveitan o intercambio proceden de Bulgaria, Francia, Grecia, Hungría, Italia, Polonia, Portugal, Romanía e Eslovaquia. (Fonte: El Correo Gallego). Santiago acollerá o IV Torneo Latinoamericano de Debate A Universidade de Santiago de Compostela acollerá do 27 de abril ó 2 de maio o IV Torneo Latinoamericano de Debate, no que participarán quince grupos de estudiantes de vinte institucións docentes. O debate, que terá o lema “Falando faise camiño... faise camiño ó falar” será dobrado á linguaxe dos signos. (Fonte: El Correo Gallego). A Marcha das Mulleres acollerá foros sobre espiritualidade, ecoloxía e Constitución Europea Os centros social e cultural de Caixanova en Vigo serán as sedes dos debates que se realizarán o vindeiro 22 de maio, coincidindo coa primeira xornada da mobilización europea da Marcha das Mulleres. “Os foros xorden da necesidade de reflexionar sobre temas tan importantes como a sustentabilidade ecolóxica, a espiritualidade ou nova Constitución Europea, ademais de enriquece-lo borrador da Carta Mundial das Mulleres, que lle dá continuidade a outros textos históricos feministas. (Fonte: Faro de Vigo). Economía Caixanova inviste na primeira sociedade lusa de capital risco Un investimento de quince millóns de euros converte a Caixanova na principal accionista do fondo de capital risco portugués Explorer Investiments, ó subscribir o 20% do total, que ó remate do ano ascenderá a 75 millóns. As cifras foron aportadas pola director xeral da entidade galega, Julio Fernández Gayoso, e polo integrante da sociedade xestora do fondo, Francisco Guimaraes, que insistiron no espírito de proxección ibérica da nova asociación, con sede operativa en Lisboa. (Fonte: El Correo Gallego). A propietaria da galega Leite Celta estudia a compra de Lauki A compañía estadounidense Dean Foods, propietaria da galega Leite Celta, está na meta de converterse nun líder do sector lácteo na Península Ibérica. A compañía negocia a compra das actividades en España da cooperativa francesa 3A. Se a operación chega a concretarse, Leite Celta lideraría a segunda empresas láctea de España, só por detrás de Central Lechera Asturiana. Dean Foods entrou no mercado español hai catro anos coa compra de Leite Celta. (Fonte: Faro de Vigo). Portugal Diz Guedes presidiu os actos do Día de Galicia na Feira de Braga O conselleiro de Política Agroalimentaria participou nos actos do Día de Galicia na Agro-Feira Internacional de Braga (Portugal), un dos maiores escaparates ibéricos do sector agroalimentario. Diz Guedes iniciou a súa visita cun encontro con diferentes representantes da dirección rexional do Ministerio de Agricultura portugués, e de asociacións empresariais cos que abordou diferentes aspectos das relacións e a cooperación agrícola, gandeira e agroalimentaria, entre Galicia e Portugal. (Fonte: El Correo Gallego). Conferencia baixo o lema Relacións Galicia-Portugal en Baiona A Biblioteca Pública Municipal de Baiona acolleu a conferencia “Relacións Galicia-Portugal, de onte a hoxe” a cargo dos relatores Fernando Pérez Barreiro-Nolla e Xulio Ríos Paredes. O acto, organizado polo Concello de Baiona, enmárcase dentro do convenio de colaboración subscrito co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Igadi, unha iniciativa que ten coma un dos seus obxectivos acrecenta-las relacións co país veciño, afondando nos elementos de identidade comúns entre Galicia e Portugal. (Fonte: Faro de Vigo). Enfermeiros portugueses optan por realiza-las súas prácticas Os alumnos do Instituto Superior de Saúde do Alto Alve, escola privada de ensino superior emprazada na localidade portuguesa de Póvoa de Lanhoso, van realiza-las súas prácticas curriculares en hospitais galegos para librar ó centro educativo da taxa que os centros sanitarios lusos cobrarán proximamente por cada alumno en prácticas. A experiencia piloto comezará no hospital pontevedrés Miguel Domínguez gracias a un protocolo de colaboración asinado entre ambas institucións. (Fonte: Faro de Vigo). Unión Europea A Xunta esíxelle a Madrid que desoia á UE e siga afastando ós petroleiros A Xunta emprazou ó Goberno central a desoí-las recomendacións do Parlamento Europeo e mante-la obrigade que os petroleiros naveguen a máis de duascentas millas da costa. A Eurocámara cuestiona a legalidade da medida aplicada por Francia, España e Portugal ó afasta-lo buque, e advirte que, lonxe de reforza-la seguridade no mar, engade riscos xa que, caso de producirse un accidente, a operación de salvamento levaría máis tempo e resultaría máis difícil garanti-lo auxilio dos tripulantes. (Fonte: Faro de Vigo).
A UE aproba o informe que critica ó Goberno por afasta-lo “Prestige” O Parlamento Europeo deu o visto bo ó informe que censura a orde do Goberno de España de afasta-lo buque da costa, en lugar de conducilo a un porto seguro. O documento final aprobouse cunha maioría esmagadora (396 votos a favor, 24 en contra e 13 abstencións). Os deputados non esquecen que existen 14.000 toneladas de fuel nos tanques do buque, afundidos a 3.800 metros de profundidade, e lle reclaman ó Goberno de España que presente un calendario detallado no que se fixen os prazos para a extracción das toneladas de cru. (Fonte: Faro de Vigo). Sánchez Presedo, candidato galego do PSOE para os comicios europeos O ex conselleiro de Ordenación Territorial e ex secretario xeral do PsdeG, Antolín Sánchez Presedo, que ten garantido o escano ó estar pechada a súa inclusión nun posto de saída segura, substituirá como representante galego á tamén coruñesa Rosa Miguélez, que ocupa un escano en Estrasburgo na lexislatura que agora remata. (Fonte: El Correo Gallego). Institucións europeas e Xunta conmemoran en Compostela a ampliación da UE A Comisión Europea en España, o Centro Europeo de Información e Animación Rural de Galicia, a Xunta de Galicia, e a Oficina do Parlamento Europeo en España conmemorarán a ampliación da UE a 25 países cunha serie de eventos en Santiago. Os actos comezarán o día 23 coa sinatura dunha declaración sobre o Camiño de Santiago na que participará Manuel Fraga. (Fonte: El Correo Gallego). Aposta pola vida e a familia no marco da Unión Europea “Dicir Europa quere dicir apertura”. Baixo esta premisa, recollida na “Ecclesia en Europa” e o epígrafe de “Unión Europa: Esperanza e responsabilidade” iniciouse en Santiago o Congreso Europeo da Comece (Comisión dos Episcopados da Comunidade Europea, no que se debaten diversas lecturas cristiás para a construcción da UE ampliada. (Fonte: El Correo Gallego). O Parlamento Europeo deixa fóra das súas prioridades o AVE entre Vigo e Porto O PE aprobou as novas orientacións para as redes transeuropeas de transporte, que inclúen unha lista de 30 proxectos prioritarios declarados de interese europeo. Entre os proxectos se atopa a conexión ferroviaria e viaria entre A Coruña e Lisboa, pero non o AVE entre Portugal e Vigo. Na relación, que corresponde á aprobada polo Consello de Ministros, se inclúen, dentro do Eixo Portugal-España, as liñas de ferrocarril convencional A Coruña-Lisboa-Sines e Lisboa-Valladolid, así como as autoestradas Lisboa-Valladolid, A Coruña-Lisboa e Sevilla-Lisboa, con horizonte de execución en 2010. (Fonte: Atlántico Diario). Economía A Semana Verde favorecerá os investimentos e a transferencia de tecnoloxía a Latinoamérica Máis dun cento de empresas participarán durante a Semana Verde de Galicia, do 12 ó 16 de maio, nun encontro sectorial sobre a transferencia de tecnoloxía, a seguridade e a calidade alimentaria no procesado dos canais de vacún, co obxectivo de incrementa-los investimentos europeos en Latinoamérica nesta materia. Ó foro, que forma parte do programa comunitario Al-Invest, asistirán compañías de España, Francia, Alemaña, Irlanda, Reino Unido e Holanda, por parte da Unión Europea; e de Nicaragua, Brasil, Chile, Honduras, Arxentina e México, no caso de América Latina. (Fonte: El Correo Gallego). Ignacio García: “A ampliación é unha oportunidade única para que Galicia faga negocios e se desenvolva” Ignacio García realizou durante o último ano un proxecto de colaboración entre Galicia e Polonia para axudar á zona a prepararse para captar e xestionar os fondos comunitarios. Hoxe, é un experto nos mercados do Leste e considera a ampliación da UE unha “oportunidade única para Galicia”. Na súa opinión Galicia ten que crear redes de comercio para lanza-los seus productos, “posicionándose nos mercados correspondentes, facéndose coñecer con calidade e prezos axustados”. Noutra orde de cousas, García sinala o “plus de simpatía” que pode ter Galicia no Leste ante a concorrencia de outros países cos que existiron roces históricos. (Fonte: Atlántico Diario). Un gobernador arxentino estudia demandar á fábrica de Ence en Uruguai O gobernador da provincia arxentina de Entre Ríos, Jorge Busti, estudia a posibilidade de interpoñer unha demanda internacional para impedi-la instalación dunha fábrica de celulosa de capital español (Ence) en Uruguai polo impacto medioambiental que pode ter na rexión. Os argumentos da demanda, “en caso de que sexa necesario iniciala, serán definidos e acordados con organismos nacionais e internacionais”, sinalou Busti en declaracións ós medio. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Mesa redonda en Ames sobre a inmigración en Galicia O Concello de Ames a través da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, organiza unha mesa redonda sobre a integración dos inmigrantes na comunidade. Ames (A Coruña), é un concello altamente receptor de persoas chegadas dende outros países, sendo, segundo o padrón municipal, o número total de estranxeiros 368 ó que, se lles sumamos as persoas que contan con nacionalidade española por seren emigrantes retornados ou familiares destes, acada 693 persoas, o 3,2% da poboación total de Ames. (Fonte: El Correo Gallego). Acción Exterior-Pesca A Xunta asesora a Namibia na creación dun sistema para avaliar proxectos pesqueiros A delegación que encabeza o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, mantivo un encontro co ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Abraham Iyambo, no que a Xunta comprometeu a súa cooperación e asesoramento na posta en marcha dun sistema que garanta a salubridade dos productos. O director do Centro de Control do Medio Mariño, Juan Maneiro, e a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Rosa Quintana, explicáronlle o sistema de control de toxinas desenvolvido pola Xunta ó director de Acuicultura, Elckerhard Klingerhuerfer. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade reúnese en Baiona O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebra a súa ponencia técnica, que analiza os proxectos presentados á convocatoria de subvencións de 2004, na sede do Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), en Baiona, Pontevedra. Na comisión participan representantes da Deputación de Pontevedra, dos concellos de Arteixo, Baiona, Vigo e Lugo, así coma o persoal especializado da Secretaría do Fondo Galego, que exerce o Igadi. (Fonte: Atlántico Diario).
Soluziona reformula a súa actual presenza en Iraq A filial de Unión Fenosa, que reconstrúe unha central hidroeléctrica naquel país, analizará a evolución da seguridade trala retirada das tropas españolas cara unha posible alteración da so seu traballo en Iraq. (Fonte: El Correo Gallego).
Inditex ampliará a súa rede de tendas nos mercados italiano e xaponés Italia e Xapón vanse converter nos vindeiros anos nos países chave na expansión internacional de Inditex. A compañía téxtil recolle nos seus plans de futuro a apertura de entre 120 e 130 tendas das distintas cadeas do grupo no mercado italiano até 2008. Na súa aposta asiática, a filial nipona do grupo fará un planeamento máis modesto, que comprende a inauguración de 25 establecementos no próximo quinquenio. Estes plans responden ó feito de que tanto a rendibilidade en Italia como en Xapón sitúaos como dous dos mercados con maiores expectativas de futuro para Inditex. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea O BNG loitará en Estrasburgo para asegura-lo financiamento comunitario do Plan Galicia O BNG defenderá no Parlamento Europeo o Plan Galicia, dependente dos Fondos da UE para o seu cumprimento. Camilo Nogueira, candidato da formación, lembra que o Plan de investimentos aprobado para palia-la catástrofe do “Prestige” non ten garantido o financiamento por parte das institucións comunitarias. Respecto á lista común do Galeusca, Nogueira afirma que a defensa dos intereses de Galicia será realizada dende unha “óptica de esquerdas e un nacionalismo sen fronteiras”. (Fonte: Galicia Hoxe). Sociedade Esculca abre o I Encontro en Defensa das Liberdades A organización Esculca celebra en Vigo, do 20 ó 22 deste mes, o I Encontro co fin de “crear un espazo de debate e cambio de experiencias entre a asociación e outros do ámbito galego con organizacións semellantes que operan noutros países ou estenden a súa acción ó ámbito internacional”. As xornadas contarán coa presenza do escritor e xornalista Antonio Álvarez Solís, o xornalista Michel Collon, e o escritor e Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel. (Fonte: Galicia Hoxe). Comeza en Santiago o III Curso Universitario sobre Información e Relacións Internacionais O curso, organizado pola Facultade de Ciencias da Información da USC e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) centra a súa III edición no tema “Guerra e Información”. O curso abrirase coa conferencia “Comunicación, gobernos e opinión pública en tempos de guerra”, impartida por Michel Collon, ás que seguirán “Conflictos armados e violencia estructural na sociedade da globalización (Caterina García Segura); “Reflexións críticas sobre a globalización e as guerras” (X. F Pérez Oya), “Guerra de información, información en guerra” (Víctor Pozas) e “Das imaxes da guerra á guerra das imaxes” (X. Luís Suárez Canal”, ademais de contar coa celebración de dúas mesas redondas. (Fonte: Santiago, AGN). Reunión da Rede de Cidades de Cine en Compostela O comité de dirección deste programa comunitario reúnese na capital galega para programa-lo proxecto de traballo dos vindeiros seis meses. O pasado ano, a Comisión Europea resolveu favorablemente a aprobación do programa dentro do Interreg III C. Sur, co obxectivo principal da constitución e posta en marcha dunha omisión para unha rede de seis cidades de catro países que integran Salamanca, Santiago, Donosti, Venecia, Porto e Tesalónica. Na reunión estudarase a creación dunha guía da producción de audiovisuais, a creación dunha web na rede e dun estudo comparativo das ordenanzas municipais das cidades participantes. (Fonte: Galicia Hoxe). Cooperación Exterior A Xunta edita o “Cartafol da Solidariedade” para informar sobre proxectos de cooperación A Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e a Coordenadora Galega de ONG para o Desenvolvemento veñen de edita-lo “Cartafol da Solidariedade”, que recolle información sobre doce proxectos de cooperación para o desenvolvemento postos en marcha en países de América Latina, África e Asia con financiamento galego. O material editado forma parte das actividades de sensibilización da coordenadora e está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en coñece-lo destino concreto do financiamento que se adica á cooperación para o desenvolvemento. (Fonte: El Correo Gallego).
Fadesa presenta a súa oferta nos Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido e Francia Os directivos e principais accionistas de Fadesa presentarán durante esta quincena nos EEUU, Alemaña, Reino Unido e Francia, a Oferta Pública de Venda (OPV) de accións da compañía, pola que sacará a Bolsa un 36% do seu capital, a través dunha xira que xa visitou Madrid, Barcelona e Holanda. As próximas sesións terán lugar en Londres, Edimburgo, Frankfurt e Bruxelas, antes de dirixírense ós Estados Unidos. (Fonte: El Correo Gallego). Política Fraga entrevístase con Aloys Peterle O presidente da Xunta, Manuel Fraga, manterá un encontro co ex primeiro ministro de Eslovenia, membro da Convención Europea e observador no Parlamento Europeo, Aloys Peterle. (Fonte: El Correo Gallego).
Os bispos defenden as “raíces cristiás” de Europa Máis dunha trintena de bispos europeos iniciaron en Santo Domingo de Silos un percorrido polo Camiño de Santiago para defende-las “raíces cristiás” de Europa. Baixo o lema “Por unha Europa plural e secularizada”, os bispos fixeron tamén referencia ós atentados que se están a sufrir nos últimos meses e á ampliación ós novos países membros da UE. Xa en San Francisco, presenciaron os discursos de Iñigo Méndez Vigo, membro do Presídium da Comisión Europea, e ó de Romano Prodi (en videoconferencia), presidente da Comisión Europea. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Quen son agora os galegos que viven en terras de Brasil? A partir de mediados do século XIX, milleiros de galegos intensificaron a emigración ó Brasil, constituíndo actualmente un importante brazo de Galicia en América. Os emigrantes concéntranse en grandes cidades como Río de Janeiro, Sau Paulo e Salvador, nas diferentes ramas do sector comercial. De acordo cunha enquisa elaborada pola Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas no Exterior, o número de galegos residentes no Brasil é de preto de 100.000, coa maior parte da poboación rexistrada na capital baiana. Este número representa aproximadamente o 90% da emigración española no país sudamericano. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia creceu a un ritmo seis veces maior que a eurozona en 2003 A economía galega creceu un 2,4% o pasado ano, evolución cinco décimas maior que a do exercizo anterior. Esta marca supón iguala-lo incremento do PIB en España e superar en dous puntos o dato contabilizado polo conxunto da zona euro, do 0,4%, o que implica que Galicia avanzou seis veces máis rápido. Polo que respecto ó presente ano, o IGE cualifica de “preocupante” o descenso do índice de producción industrial, que caeu 3,7 puntos nos dous primeiros meses. (Fonte: El Correo Gallego). Ence xestiona más de 155.000 hectáreas de bosque entre as de España e as de Uruguai Os resultados netos do grupo Ence superaron os 41 millóns de euros ó longo de 2003. O ano foi especialmente positivo gracias á consolidación de Ence en Uruguai: a autorización medioambiental para crear unha nova fábrica de celulosa concedida polo Goberno de Jorge Battle e a apertura das factorías de Peñarol (Montevideo) e a Terminal Loxística M´Bopicuá, filial americana de Eufores. Ence, polo tanto, pasa a xestionar 155.000 hectáreas de bosque entre España e Uruguai, unha reserva estratéxica quen de alimenta-la producción anual das fábricas de Pontevedra, Huelva, Navia e das novas da outra beira do Atlántico. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura A TVG estrea “Terras do Leste”, serie sobre os novos países da UE A partir do vindeiro 1º de maio de 2004, a Unión Europea medrará, pasando dos 15 socios actuais a 25. Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Chequia, Eslovaquia, Hungría, Eslovenia, Malta e Chipre incorporaranse á disciplina comunitaria coma membros de pleno dereito. Coa intención de afondar no coñecemento destes países, Televisión de Galicia estrea “Terras do Leste, serie documental de 13 capítulos, de 26 minutos cada un, dirixida e presentada por Luís Menéndez. Cada un dos capítulos estará adicado a un país, agás Polonia que, debido á súa dimensión, terá dous. (Fonte: El Correo Gallego).
Voos dende Santiago a preto de cen destinos en América con tarifas especiais Lavacolla operou durante o ano 2003 un total de 1.673 voos; deles, 329 foron internacionais, rexistrándose un incremento neste sector de máis di 22%. Estas cifras poderían verse amplamente sobordadas estea no, xa que, por exemplo, a compañía Continental Airlines ofertará prezos especiais en Businessfirst para voar dende Santiago a 83 destinos nos Estados Unidos, México e o Caribe, entre outros. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea A Xunta autorizou o convenio para colaborar no Culinary Heritage Europe, da iniciativa Interreg II O Consello da Xunta autorizou un convenio polo que a Consellería de Política Agroalimentaria colaborará co Instituto de Desenvolvemento Comunitario Galicia-IDC para implantar na comunidade o proxecto comunitario Culinary Heritage Europe, que pretende mellora-la concorrencia dos productos alimentarios. A iniciativa pretende desenvolve-lo medio rural a través da cooperación transnacional e o intercambio de experiencias entre diferentes rexións europeas para que estes coñecementos redunden nos respectivos sectores alimentarios, turísticos e empresariais. (Fonte: El Correo Gallego).
Candidatura nacionalista ó Parlamento Europeo PNV, CIU e BNG reúnense en Barcelona para ultima-la súa candidatura europea conxunta, despois de que as executivas destes partidos aprobasen o documento base que elaboraron para formaliza-la coalición. As listas estarán encabezadas polo catalán Ignasi Guardans i Cambó; en segunda posición irá o representante do PNV e en terceira o do BNG que, segundo Europa Press, podería ser Xosé Manuel Beiras se-lo seu candidato. A secretaria de EBB do PNV, Josune Ariztondo, afirmou que agardar acadar un total de catro eurodeputados (dous de CIU, un do seu partido e outro do BNG). (Fonte: Faro de Vigo). O BNG pídelle ó novo Goberno que revise os últimos acordos da Nafo A deputada do BNG por Pontevedra, Olaia Fernández, presentou catro preguntas e unha proposición de lei do Grupo Parlamentario Mixto no Congreso en relación ós acordos adoptados pola Nafo que prevén un recurtamento do 65% da flota que faena nestas augas. Olaia Fernández subliñou que a pesar de que o 90% da flota que faena nese caladoiro é galega, esta comunidade “non ten ningún tipo de representación nese foro”, o que supón unha situación de inferioridade respecto a outros países e estados que si contan con representatividade suficiente para defende-los seus intereses pesqueiros. (Fonte: El Correo Gallego). López Veiga concibe apresar a tódolos buques que crucen a liña das 200 millas O conselleiro de Pesca amósase partidario de “apresar” a tódolos petroleiros que crucen a liña das duascentas millas, a franxa de seguridade establecida para este tipo de barcos que transportan mercadorías contaminantes. A petición de López Veiga chega despois de que a comisión de investigación do “Prestige” do Parlamento Europeo asegurase nas súas conclusións que a decisión adoptada por Portugal, España e Francia de excluír ós petroleiros máis alá das duascentas millas da costa “roza a ilegalidade”. As advertencias de Bruxelas indignaron ó conselleiro, que pon en tela de xuízo a preparación de algúns dos europarlamentarios que sentan na comisión, ós que reta: “que debemos facer? Cómpre achegalos?”. (Fonte: Faro de Vigo). Economía Coren pon a venda os seus negocios cárnicos en Romanía O grupo agroalimentario ourensán Coren, con negocios por valor de 750 millóns de euros en Europa, decidiu vender dúas sociedades implantadas en Romanía, segundo informa o xornal romano Ziarul Financiar. Segundo a fonte, trátase dunha compañía de importación e distribución de embutidos e unha fábrica para procesar carne, ambas situadas no departamento de Giurgiu (sur de Romanía). Coren entrou en 1998 no mercado romanés. (Fonte: Atlántico Diario). Fadesa proponse duplica-la súa cota de mercado en España e crecer no estranxeiro Parte do crecemento de negocio chegará do ámbito internacional, posto que, en verbas do seu presidente, a partir da saída a Bolsa, Fadesa “pasará de pensar en 40 millóns de clientes –os cidadáns españois- a pensar en case 400 millóns”. A compañía planea a entrada nos países do leste e a apertura doutra oficina en Alemaña para captar compradores de segundas residencias. (Fonte: El Correo Gallego).
Quintana entrevístase con Evo Morales O líder do Movemento ó Socialismo boliviano (MAS), Evo Morales, pediu, na Semana de Filosofía de Pontevedra, o apoio e a solidariedade de Europa para acabar coas constantes ameazas que o pobo campesiño indíxena recibe cada día dos EEUU co único obxectivo de acabar coa democracia neste país. Antes da súa intervención, Morales entrevistouse co voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego, Anxo Quintana, quen se comprometeu a solicitarlle ó Goberno español apoio ó Goberno boliviano. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Caixanova apoiará a expansión das compañías lusas en España Un grupo de investidores, entre os que figura a financeira galega Caixanova, reuniu 50 millóns de euros nun fondo de investimento privado para acompaña-las operacións de expansión de empresas portuguesas en España. Caixanova posúe o 20% do capital de Explorer Investiments, sociedade xestora do fondo, e está acompañada por outras seis caixas de aforro españolas, así como pola Axencia Portuguesa de Investimento (API) e outras empresas lusas. (Fonte: El Correo Gallego). Empresarios galegos e portugueses analizarán os retos das Pemes Medio millar de empresarios de Galicia e do Norte de Portugal participarán os días 3 e 4 de xuño en Vigo no Congreso de Pemes ante a Innovación, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra. Durante o encontro, avaliaranse os efectos sobre as Pemes da eurorrexión do proceso de cambio introducido polas novas estratexias de calidade, tecnoloxía, formación e xestión do coñecemento como factores esenciais da concorrencia e chaves do crecemento. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Identidade rexional e construcción europea O eurodeputado do PP Manuel Pérez defendeu en Porto que a existencia de rexións con acusada identidade “non vai en contra do estado nin do proceso de construcción europea”. Pérez participou na conferencia internacional “Policentrismo europeo e política de transportes” nunha intervención na que defendeu que a construcción de Europa debe ter en conta ambos factores para un modelo de desenvolvemento equilibrado que debe ser máis policéntrico. (Fonte: El Correo Gallego). A barreira idiomática deixa vacantes case catro de cada dez Erasmus O baixo coñecemento das linguas estranxeiras semella se-la principal razón que explica que preto de catro de cada dez prazas de intercambio Sócrates-Erasmus que se ofertan na Universidade de Santiago queden vacantes. No presente curso non se cubriron 642 das 1.160 prazas ofertadas, e para o próximo quedaron desertas 390 das máis de mil que se convocaron. Ó factor idiomático cómpre engadirlle “un pequeno medo a saír fóra”, segundo o xefe da Oficina de Relacións Internacionais da USC, Enrique López Veloso, que tampouco esquece sinala-la dificultade económica, que coloca nun segundo lugar. (Fonte: El Correo Gallego).
O PSOE, disposto a apoiar que o galego sexa lingua oficial na UE O PSOE está disposto a atende-las reclamacións do BNG, ERC e PNV para que o galego, o catalán, e o éuscaro sexan recoñecidos como linguas oficiais na Unión Europea. O secretario de organización do PSOE, José Blanco, afirmou que estas tres linguas forman parte do “patrimonio común”, polo que dende o partido se traballará para que teñan “unha proxección e unha extensión como parte que son do noso patrimonio”. “A través dos mecanismos que se poidan habilitar –dixo-, poderiamos á súa vez complementa-la divulgación destas linguas noutros ámbitos, e isto sería enriquecedor para o noso país”. (Fonte: La Voz de Galicia). Cultura Unha declaración contra a guerra abre o foro de pensamento de Pontevedra A XXI Semana Galega de Filosofía iniciouse en Pontevedra cunha declaración, aprobada por aclamación, contra a guerra. Os preto de mil asistentes demandaron da Administración a retirada das tropas de ocupación de Iraq e Palestina por entender que “ningún Estado debe inmiscuirse pola forza na constitución e no goberno doutro”. Correspondeulle ó filósofo Georges Labica iniciar este evento que cada ano organiza a Aula Castelao de Filosofía, adicado, nesta ocasión, á relación do feito filosófico coa cidadanía. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Galicia envía vinte e seis mil quilos de material sanitario a centros de Cuba O Goberno de Cuba será o encargado de distribuír entre os centros hospitalarios do país os 26.000 quilos de material sanitario do antigo Hospital Xeral de Santiago que foron embarcados no buque “Polar Costa Rica” até o porto de La Habana. O material incluído no envío atopábase almacenado no antigo hospital como consecuencia do traslado do centro sanitario e da substitución dos equipos por nova tecnoloxía. (Fonte: El Correo Gallego). Solidariedade transatlántica Son milleiros os galegos residentes no exterior que pasan serios apuros económicos. É este o caso dos anciáns sen recursos (máis de 200) que viven no Hogar Español de Montevideo. A Fundación Amigos de Galicia organizou un envío de material diverso. A entidade leva máis de dez anos colaborando con centros de maiores en Uruguai, Cuba, Venezuela e Arxentina. A única condición que poñen é que debe ser un dos seus membros quen realice persoalmente a entrega en destino. (Fonte: La Voz de Galicia). Curso de alfabetización para inmigrantes O curso de alfabetización organizado pola concellaría de Saúde Pública e Igualdade de Lalín contará coa asistencia de cincuenta alumnos. A gran maioría deles, o 64%, son inmigrantes varóns procedentes de Alxeria. O resto da clase corresponde a mulleres do municipio. A poboación inmigrante do Deza é unha das grandes beneficiarias desta iniciativa, ó contar coa posibilidade de se achegar á lingua e a cultura galegas. As mulleres que non tiveron acceso ó ensino tamén forman parte deste proxecto. (Fonte: El Correo Gallego). Economía A USC reúne expertos nas tecnoloxías da información de prestixio mundial A IV Semana Internacional das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, enmarcada nas actividades do Foro e-Gallaecia, reunirá na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela expertos de renome internacional no sector. Na cita, organizada polas tres universidades galegas e a Xunta, entre outras entidades, participarán Bill Gates, Soumitra Dutta, Ton Roosendaal, Philip Zimmermann e Amparo Moraleda. (Fonte: La Voz de Galicia). Cen expertos analizarán en Vigo a calidade dos productos da pesca A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe e Mariscos (Anfaco) celebrará en Vigo os días 19 e 20 de abril o Primeiro Congreso Internacional sobre Calidade e Seguridade dos Productos da Pesca e a Acuicultura, ó que está previsto que asistan preto dun cento de expertos da UE. Entre os contidos que se abordarán no congreso –que será a antesala do Congreso Mundial de Peixes e Mariscos- figuran o libro branco sobre seguridade alimentaria, o estado de melloras técnicas e os avances científicos. (Fonte: La Voz de Galicia). Portugal A rexión atlántica e cantábrica, un proxecto de futuro A Universidade de Vigo e Caixanova asinaron un convenio de colaboración para realizar un traballo de investigación, dirixido polo profesor Abel Caballero, baixo o título “Rexión Atlántico-Cantábrica: Centro de Gravidade e Dinámica Económica”. Con este proxecto trátase de estuda-la situación actual da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e sobre todo a súa dinámica de crecemento, que a levará a amplia-los seus límites. Segundo Caballero “o obxectivo é delimitar como, en que tempos e con que condicionantes se vai conformar esta gran rexión transfronteiriza con forma de E”. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia e Norte de Portugal colaboran na formación de desempregados A Consellería de Asuntos Sociais da Xunta e o Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal veñen de pór en marcha un proxecto de formación profesional para desempregados de ámbalas dúas beiras da fronteira. O proxecto, financiado parcialmente pola iniciativa Interreg III, ten un importe total de 1.333.443 euros para este ano. Ó longo deste exercizo impartiranse catorce cursos –nove en Galicia- de formación profesional ocupacional. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Unha mostra multicultural abre o diálogo entre Polonia e Galicia Compostela acolle unha das mostras máis importantes organizadas co gallo do Xacobeo 2004: “Galitzia en Galicia”. A través dela, o visitante poderá establecer vencellos de confraternidade entre a arte polaca e a galega, expresións que definen a historia de cada país. A mostra, que permanecerá aberta no Pazo de Fonseca até o mes de xullo, conta coa colaboración dos museos nacionais de Cracovia e Varsovia, o Mosteiro dos Capuchinos e a igrexa de Santa Bárbara de Cracovia. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración A crise económica golpea ós galegos de Venezuela A situación económica dos dous últimos anos –a economía decreceu a un 10% anual- desfixo a economía de moitas familias galegas. Por outra banda, a crispación política existente completa un panorama difícil para os anos vindeiros, a pesar de que poden ter lugar cambios no poder político. Inseguridade e economía son as causas principais que pularían o retorno, segundo os residentes galegos. Moitos descendentes de galegos que tiveron a oportunidade de estudiar no estranxeiro buscan agora saídas fóra de Venezuela, e é común entre os que quedan o interese polas axudas de tipo “asistencial e médico” para emigrantes. (Fonte: El Correo Gallego). Economía A Mostra do Encaixe de Camariñas afianza a súa proxección internacional Catorce anos despois de que fora creada, a Mostra do Encaixe pechou unha nova edición á que acudiron nove delegacións estranxeiras. O director da organización, Antonio Alonso, confía en que en próximas citas, a de Camariñas sexa a gran referencia europea do encaixe, aínda que existe unha importante concorrencia en Italia, Francia, Bélxica, Portugal ou a República Checa, entre outros. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca O peche anticipado da campaña deixará a Galicia sen lura arxentina O Goberno arxentino acordou ordea-lo regreso a porto de toda a flota que captura lura debido a que a temporada foi un fracaso e o recurso corre serio perigo de extinción. Galicia é unha das principais comunidades importadoras do producto, e fontes do sector aseguran que o peche anticipado da pesqueiría provocará un importante desabastecemento da industria galega. Por outra banda, as empresas de capital galego radicadas na Arxentina non quedan á marxe das protestas sindicais que dende hai tempo afectan ás firmas pesqueiras da provincia de Chubut. Pescapuerta Arxentina, filial da viguesa Pescapuerta, e Arbumasa, fixeron fronte nas últimas semanas ás reivindicacións laborais dos seus traballadores. (Fonte: La Voz de Galicia). Cooperación Exterior A Coordenadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento aposta por un perfil de axuda diferenciado Vinte e sete países foron beneficiados coa axuda exterior da Xunta en 2003. Aínda que os países latinoamericano seguen a ser prioritarios, a axuda exterior estendeuse a África (Alxeria, Guinea Ecuatorial, Marrocos, Mauritania, Mozambique, Namibia, Senegal, Serra Leona) e Asia (India, Iraq, Palestina). Este ano, unha ONG galega intervirá en Etiopía en colaboración coa Fundación Caixa Galicia. Para Emilio Martínez, presidente da Coordenadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, é máis complicado traballar en África que en América, “onde hai organizacións moi consolidadas”, a pesar da violencia que se vive en Colombia ou en Brasil. “En África tes que convivir cunha pobreza máis extrema, unha total falla de infraestructuras e organizacións máis febles”. (Fonte: El Correo Gallego).
Irmanamento relixioso entre Santiagos A Xunta de Confrarías de Santiago asinou o seu primeiro documento de irmanamento coa súa homóloga de Popayán, en Colombia. Na localidade colombiana existe unha dilatada tradición relixiosa que vive o seu máximo esplendor durante a Semana Santa. Por iso, dadas as semellanzas coa celebración compostelá e aproveitando a celebración do primeiro Ano Santo do terceiro milenio, as autoridades eclesiásticas de Popayán solicitaron este irmanamento. (Fonte: El Correo Gallego). Docentes de Artes amplían a súa formación en Irlanda A Consellería de Educación convoca un ano máis axudas para que os docentes de inglés e francés no ensino non universitario realicen actividades de intercambio con Gran Bretaña, Francia e Irlanda. A novidade deste curso vai máis alá das linguas, brindandolles ós profesores de Artes Plásticas a oportunidade de realizaren un curso de práctica creativa na prestixiosa escola de arte e deseño de Limerick, Irlanda. Os profesores que participen neste curso traballarán en diversos campos artísticos e culturais –dende a escultura ó arte dixital- e tamén seguirán un completo curso de inglés. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración O padrón de inmigrantes medra un 26% en tan só un ano A poboación inmigrante censada no padrón municipal medrou en Galicia un 26,5% situándose a cifra absoluta de estranxeiros inscritos nos 53.808. As últimas cifras do Instituto Nacional de Estatística amosan que o crecemento da poboación inmigrante atenúa a caída do censo en Galicia. En xeral o padrón municipal creceu, entre xaneiro de 2002 e o mesmo mes de 2003, un 0,50, o que se traduce en 13.714 inscritos máis. No mesmo período, o padrón de estranxeiros aumentou en 11.346 rexistros, até situarse a poboación inmigrante nos 53.808 cidadáns. Representan en total o 1,96% do padrón municipal galego (1,55 en 2002). (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Política O BNG urxe á Comisión Europea un plan urxente contra a violencia doméstica O eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira, solicitoulle á CE que presente “con carácter urxente” propostas a nivel europeo ante a situación de incremento da violencia de xénero que se rexistra nalgúns estados membros. No caso de España, Nogueira lembrou que no período comprendido entre 1999 e 2003 se produciron 315 falecementos provocados polos malos tratos. Ademais existen datos que revelan que o 98% das víctimas da violencia son mulleres e que unha de cada 5 foi obxecto dalgunha violencia física infrinxida no ámbito familiar. Nogueira censurou a “pasividade” de certos estados “como o español” ante un problema tan grave. (Fonte: El Correo Gallego).
Unha empresa italiana extraerá o fuel do “Prestige” A compañía italiana Saipem, pertencente ó grupo da petroleira ENI, participará coma subcontratista na extracción do fuel do petroleiro “Prestige”, que permanece afundido nas costas galegas a unha profundidade de 3.800 metros. A subcontrata acada un valor de preto de 60 millóns de euros e foi adxudicada pola compañía española Repsol YPF, encargada polo Goberno de neutraliza-lo dano do verquido do pecio do buque sinistrado. (Fonte: El Correo Gallego). Verino quere desfilar en Nova York para conquista-lo mercado mundial Roberto Verino quere medrar a nivel mundial e para iso comezou un proceso de internacionalización para desembarcar nos mercados europeos e nos EEUU. Segundo o diario económico Cinco Días, o primeiro paso é abandoa-las pasarelas españolas: non máis Cibeles nin Gaudí. Agora Verino buscará unha maior transcendencia internacional creando coleccións para lucilas entre os grandes creadores que viaxan a Nova York. Para iso, a compañía readapta a súa estructura interna, mirando cara ó exterior. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea O Fondo Social Europeo aproba o programa Equal Mevel de Ulla-Limia O FSE financiará na súa totalidade o proxecto Profesionais para a Igualdade de Oportunidades, promovido pola ADR Ulla-Limia, cun orzamento de 125.658 euros. A Asociación Profesional de Igualdade de Oportunidades Galega (Apaioga) será a entidade que realice o estudio e que poña en marcha un foro interactivo sobre a problemática da profesión. (Fonte: El Correo Gallego).
O mercado nacional absorbe todo o aluminio que se produce en Galicia A fortaleza do mercado do aluminio levou a que a multinacional estadounidense Alcoa, que posúe tres fábricas na comunidade galega, conseguise aumenta-los seus beneficios un 135% durante o primeiro trimestre do ano. Por países, China converteuse nun gran comprador deste metal, acaparando boa parte das existencias, o que pula á alza o seu prezo. Fontes da compañía alegan, non obstante, que a práctica totalidade da producción galega non traspasa as fronteiras españolas debido á forte revalorización do euro fronte ó dólar. Galicia, coas súas 300.000 toneladas, é unha potencia europea na elaboración, co 7,5% do total do aluminio. (Fonte: El Correo Gallego). As centrais de Meirama e Sabón entran no rexistro medioambiental de Europa Unión Fenosa conseguiu incluí-las súas centrais leonesas de Anllares e La Robla e as coruñesas de Sabón e Meirama no rexistro europeo de xestión e auditoría medioambiental EMAS, co que se converte na primeira eléctrica española en número de centros verificados conforme a esta norma de calidade. O EMAS é un mecanismo voluntario para o sector privado que permite avaliar, xestionar e mellora-lo seu comportamento medioambiental. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Científica Noventa e tres docentes participaron no programa de intercambio con Cuba Fomentar e mellora-la calidade académica mediante a formación de científicos, docentes e técnicos, é o obxectivo do programa de intercambio entre Galicia e Cuba, que xa permitiu o intercambio de 93 profesores universitarios, 78 galegos e 15 cubanos. O convenio asinado en 1998 entre a Consellería de Educación e o Ministerio de Educación Superior de Cuba, ten como meta supli-las necesidades de desenvolvemento de cada unha das partes implicadas. (Fonte: El Correo Gallego). Política Solicitan esforzo para a liberación dos prisioneiros políticos saharauís Os tres grupos parlamentarios galegos aprobaron unha proposición non de lei, presentada polo PsdeG, na que se demanda ó Goberno central que “redobre” os seus esforzos para a liberación dos prisioneiros políticos saharauís encarcerados en Marrocos. Así mesmo, a proposición pídelle ó Goberno que pida a Marrocos e á Fronte Polisario que sigan cooperando cos organismos internacionais e ONGs para “esclarecer” o destino das persoas desaparecidas. (Fonte: El Correo Gallego).
As singularidades e coincidencias entre Galicia e Irlanda, a debate O Departamento de Historia Contemporánea da USC e o Consello da Cultura Galega organizarán dende o 21 ó 24 de abril en Santiago o Congreso “Galicia-Irlanda: dúas Fisterras Europeas”. Na organización deste encontro internacional colaboran ademais a Universidade de Cork e o Departamento de Relacións Culturais do Ministerio de Cultura de Irlanda. Á inauguración asistirá o embaixador de Irlanda en España, e entre os relatores figuran William Nolam, Alan Titley, Beiras, Barreiro Rivas, Carmona Badía e L.M. Cullen. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Productores de mobles galegos viaxan a Milán para buscar aliados Unha decena de empresas pertencentes ó clúster da Madeira de Galicia e relacionadas coa producción de mobles viaxará a Milán co obxectivo de desenvolver contactos comerciais e analizar posibles acordos de colaboración aviados a futuros proxectos. Están previstas senllas entrevistas cos responsables de Federlegno-Assoarredo, con Assoluce e co Cosmit, responsable da Fiera di Milano. (Fonte: El Correo Gallego). Os EEUU volven se-lo gran destino exterior dos viños das Rías Baixas As exportacións de viños coa denominación de orixe Rías Baixas creceron un 13,3% durante o ano pasado, até acada-los 937.166 litros. Ademais o seu valor aumentou un 8% fronte á tendencia estable doutras rexións vitivinícolas. Os Estados Unidos continúan a encabeza-la lista de países importadores de Rías Baixas, seguidos do Reino Unido e Alemaña. Por detrás, Puerto Rico, Suiza e México. Por outra banda, China é un mercado atractivo neste momento, aínda que Xapón copa arestora a práctica totalidade das importacións de viños de calidade. (Fonte: El Correo Gallego).
O granito galego fará fronte a China con novos mercados e aplicacións O granito é un sector altamente internacionalizado; en Galicia, que representa o 60% das exportacións españolas de granito, ocupa o cuarto posto entre as exportacións. A aparición de China como principal país productor e elaborador de granito que ofrece os seus productos a prezos difíciles de igualar, preocupa ó sector. Para frea-la ameaza asiática os graniteiros teñen unha estratexia baseada en tres puntos: crear valor ós seus productos; a apertura de novos mercados dentro do propio continente europeo (sobre todo cara ó leste), Sudamérica, países árabes, EEUU e Xapón; e a busca de novas aplicacións da pedra. Agora ben, a estructura sectorial baseada en Pemes é considerada un inconveniente á hora de levar este plan á práctica. (Fonte: La Voz de Galicia). Política Vázquez pide reforma-las leis de inmigración para expulsar a ex combatentes de Afganistán O rexedor da Coruña e presidente da Femp, Francisco Vázquez, tralos últimos atentados terroristas, pediu unha reforma das leis de inmigración que permita ó Estado expulsar ós combatentes con “biografías acreditadas” das guerras de Afganistán, Chechenia e Bosnia. Vázquez advertiu de que “en manos de cualquier demagogo”, esta situación pode derivar nun aumento da xenofobia e a intolerancia relixiosa. (Fonte: La Voz de Galicia).
As autoridades audiovisuais de Iberoamérica reúnense en Santiago Santiago de Compostela será a sede o vindeiro mes de maio da reunión ordinaria da Conferencia de Autoridades Cinematográficas de Iberoamérica (CACI) e a extraordinaria do Fondo Iberoamericano de Axuda Ibermedia. Ibermedia naceu en 1997 para estimula-la coproducción de películas, a elaboración de proxectos, a distribución e a promoción de productos e a formación de recursos humanos no campo audiovisual iberoamericano. Compoñen o organismo trece países. O CACI é un organismo multilateral ó que pertencen, ademais dos membros de Ibermedia, Canadá e Costa Rica, que actúan como observadores. A conferencia de Santiago acadou xa a sinatura dun acordo de coproducción e outro do mercado común do cinema, polo que calquera película dun país membro é considerada producción nacional polos demais. (Fonte: El Correo Gallego).
Calvo consolidase como o primeiro grupo conserveiro a escala nacional A compañía galega Calvo foi a primeira que, en 1952, rompeu o illamento internacional de España exportando mil caixas de latas ós Estados Unidos. Hoxe, o grupo lidera o sector conserveiro do sur de Europa: 17% de cota de mercado en España, 14% en Italia coa marca Nostromo, e o 10% en Portugal. Dispón dunha flota propia (once buques e un total de capturas de 52.456 toneladas), mantén a pleno rendemento as fábricas de Carballo, Esteiro e Venezuela, e vende 400 millóns de latas a corenta países. Calvo é optimista respecto ás perspectivas de 2004, ano no que agardan entrar en novos mercados cun “gran potencial de crecemento”. (Fonte: El Correo Gallego). Venezuela pecha Zara durante 72 horas As autoridades venezolanas clausuraron durante 72 horas as oito tendas de Zara e outras tantas da cadea Bershka que Inditex posúe neste país. Segundo se recolle nunha nota emitida polo Servizo Nacional Integrado de Administración Aduaneira e Tributaria (Seniat) a medida foi adoptada “ó detectarse a carencia de soportes e libros de compra e venda de mercadorías, ademais de inconsistencias nos procedementos de declaración de pagamento da taxa ó valor engadido (IVE)” Segundo se recolle no diario venezolano El Carabobeño esta acción da Administración Tributaria do país “está enmarcada no Plan Evasión Cero que se executa na actualidade en todo o territorio nacional”. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade Patti Smith, Iggy Pop e The Cure, no Xacobeo Blondie, Iggy Pop, The Cure, Patty Smith, The Corrs, Peter Gabriel, The Cure e Rubén Blades. Estas son as novidades musicais do Xacobeo 2004. Al lista de grupos e cantantes que viaxarán a Compostela ou a outras cidades galegas complétase con outros nomes xa adiantados, como David Bowie, Lenny Kravitz, Chemical Brothers ou Bryan Adams. O obxectivo é, segundo a Consellería de Cultura, converte-lo Xacobeo 2004 nunha “eclosión cultural” que consolide Galicia como destino turístico. Con esta pretensión, a Xunta realizou campañas de promoción en Europa, América, Asia e Oceanía. (Fonte: El Correo Gallego).
Vía libre para aplica-la Zona Mariña Especialmente Sensible A Organización Marítima Internacional (OMI) deixou vía libre á aplicación efectiva da Zona Mariña Especialmente Sensible (ZMES) do Atlántico Occidental, na que se inclúen as costas de Galicia. A ZMES consiste nunha proposta, presentada pola OMI e formulada por España, conxuntamente con Francia, Portugal, Reino Unido, Irlanda e Bélxica e co apoio da UE, para que as augas do Océano Atlántico adxacentes ás costas dos países propoñentes, dende Bélxica até Portugal, gocen dunha especial protección mediante o establecemento de medidas restrictivas ó tránsito de buques que transporte petroleiros apresados. O obxectivo final é evitar catástrofes como a do “Prestige”. (Fonte: El Correo Gallego).
Caramelo incrementa a súa facturación no exterior O grupo Caramelo pechou o exercizo pasado cunhas vendas consolidadas de 80,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 3,5% respecto ó ano 2002. O 18,7% corresponde á súa expansión internacional, que aumentou o ano pasado un 15,2% a súa facturación no exterior, sobre todo en Europa. A firma téxtil inaugurou o pasado exercizo oficinas comerciais no Reino Unido, Francia, Suíza e Austria e abriu unha tenda en Amberes (Bélxica). A compañía comercializa os seus productos en 27 países. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Gamallo destaca o papel dos entes locais na cooperación O secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior destacou o “importante” papel das deputacións e os concellos no desenvolvemento e consolidación da cooperación galega. Gamallo participou nas Xornadas Provincias de Cooperación, que reuniron en Pontevedra a un nutrido grupo de rexedores, edís e técnicos en benestar social. Gamallo destacou a vocación de “sensibilización social” dos entes locais, e o seu traballo no campo das localidades onde operan como “fundamental” á hora de garanti-la eficacia da axuda solidaria galega nas zonas desfavorecidas. O encontro foi organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Portugalicia quere competir cos grandes grupos no Eixo Atlántico A empresa Portugalicia quere unir a tódalas empresas turísticas de Galicia e o Norte de Portugal para que poidan concorrer cos grandes grupos no mercado do Eixo Atlántico, segundo explicou o seu presidente, José Manuel Barbosa. Esta sociedade anónima, recen constituída en Portugal e que en España está rexistrada dende 2003, pretende desenvolver de xeito colectivo as actividades das súas empresas ao igual que se tratase dunha “cadea hoteleira” e xerar “economías de escala que as empresas asociadas aproveiten en beneficio propio”. A sede de Portugalicia está localizada na vila portuguesa de Maia. (Fonte: El Correo Gallego). O PSdeG e os socialistas lusos queren potencia-la Eurorrexión O secretario xeral dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, e o presidente da Federación Socialista de Portugal, Francisco Assís, acordaron a creación dun grupo estable de traballo que desenvolva unha estratexia conxunta para a creación dunha rexión europea do noroeste peninsular. O grupo de traballo do que formarán parte dirixentes dos socialistas de ambas rexións reunirase con periodicidade e de xeito estable para intensifica-las relacións culturais, económicas, sociais e institucionais. (Fonte: El Correo Gallego).
A utilización da rede pulará o comercio entre Galicia e os EEUU O embaixador dos EEUU en España, George Argyros, asegurou en Santiago que o uso do comercio electrónico é un “instrumento chave” para incrementa-lo negocio entre Norteamérica e as Pemes galegas, un aspecto no que coincidiron o conselleiro de Economía, José Antonio Orza, e o presidente dos empresarios galegos, Antonio Fontenla. Argyros participou na inauguración da xornada “Comercio electrónico e Pemes: como facer negocios cos Estados Unidos”. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura A exposición de Rivera acerca a mexicanos e galegos O secretario de Estado de Veracruz (México), Flamino Ríos Alvarado, estivo en Pontevedra para visita-la obra do pintor Diego Rivera, que se atopa exposta no museo provincial e que pertencen ó Estado que representa. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Política A Declaración de Barcelona aposta por unha coalición para as europeas O BNG anunciou que o PNV e CIU, asinantes da Declaración de Barcelona, manifestaron “receptividade” á súa proposta de constituiren unha “gran coalición” de forzas nacionalistas para as vindeiras eleccións europeas do 12 de xuño. O Bloque Nacionalista Valenciá tamén se sumou a esta iniciativa. O Bloque destaca que a coalición nacionalista relictirá o carácter plurinacional do Estado na confección da Constitución da Unión Europea. |