Diario Exterior / marzo de 2004

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
31/03/2004
Cultura
A USC, escenario duns encontros sobre Timor
As xornadas “Presencias da Lusofonía. Timor entre Nós” celébranse na Universidade de Santiago co obxectivo de propiciar unha aproximación á realidade cultural de Timor. Esta iniciativa está organizada pola cátedra Unesco de Cultura Luso-Brasileira, que coordina o profesor José Luís Rodríguez. Durante as xornadas, pronunciaranse as conferencias “Literatura e cultura de Timor”, “A última morte do coronel Santiago” e “A lingua portuguesa en Timor”. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade
Xornada de Cooperación en Pontevedra
O director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Xulio Ríos, presentou a xornada de cooperación que se desenvolverá o día 1º de abril na Deputación de Pontevedra co obxectivo de informar ós responsables políticos das posibilidades de establecer liñas de cooperación e solidariedade dende os concellos. A provincia de Pontevedra –cunha vintena municipios adheridos (o 66% da poboación da provincia)- lidera a participación no Fondo de Cooperación e Solidariedade, unha entidade que ten un orzamento de 500.000 euros e que desenvolve accións de solidariedade de carácter municipalista en Centroamérica e a África lusófona. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo
Galicia presenta con éxito en Londres a súa oferta náutica
Máis de 150 convidados relacionados co mundo da náutica, entre operadores turísticos británicos, representantes de clubes náuticos, xornalistas especializados e outras persoas da vida social londiniense, déronse cita na presentación de Galicia como destino turístico dentro da Volvo Ocean Race 2005-2006, organizada pola Consellería de Cultura a través de Turgalicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Estados Unidos busca negocio en Galicia
O embaixador dos Estados Unidos en España, George L. Argyros, estudia “diversas cuestións económicas e industriais” relacionadas con Galicia, segundo asegurou tras entrevistarse co presidente da Xunta, Manuel Fraga. Galicia exportou productos ós EEUU durante o ano pasado por valor de 153,7 millóns de euros, o que a sitúa como a oitava comunidade por valor das exportacións. Por outra banda, Manuel Fraga presidiu o acto de doazón do busto do prócer chileno Bernardo O´Higgins á Biblioteca América da Universidade de Santiago, nun acto no que tamén participaron o embaixador de Chile en España, Enrique Krauss Rusque, e o rector da USC, Senén Barro. (Fonte: El Correo Gallego).

O 70% das algas importadas poderían seren recollidas en Galicia
Galicia podería ser a primeira potencia mundial no mercado das algas, tan de moda no mundo para usos alimentarios e de saúde. Non embargante, pese á riqueza do Atlántico e do Cantábrico en flora mariña, a realidade amosa un sector moi pouco desenvolvido. As seis empresas transformadoras que recollen sargazo na comunidade (Algamar, Lou, Algas de Galicia, Ceamsa, Porto Muiño e Empresa Central Galaica) vense obrigadas a importa-la materia prima de países como Chile, Marrocos, Canadá ou Indonesia. Segundo cifras das empresas, o 70% das algas que se transforman en Galicia e que Galicia importa do exterior poderían recollerse aquí, pero hai un problema: a escasa rendibilidade da actividade. (Fonte: La Voz de Galicia).

Emigración
Dezanove emigrantes retornados montarán novas empresas na área metropolitana viguesa
Os dezanove emigrantes recibiron os títulos que acreditan que finalizaron o curso 2004 de creación e consolidación de empresas, desenvolvido durante os dous últimos meses na Cámara de Comercio de Vigo, co apoio da Fundación Galicia Emigración. En Galicia foron máis de 70 as empresas constituídas por emigrantes retornados, segundo declarou o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, durante o acto de entrega dos diplomas. Estes títulos tamén lles foron entregados a 18 emigrantes retornados residentes na área metropolitana de A Coruña. (Fonte: La Voz de Galicia).
30/03/2004
Portugal
Galicia e Portugal duplican a súa capacidade de interconexión eléctrica cunha nova liña
Rede Eléctrica Nacional (REN) de Portugal abriu o interruptor da nova conexión eléctrica entre Galicia e Portugal. Trátase dunha liña de alta tensión, e tódolos seus circuítos duplican a actual interconexión entre os dous países. A interconexión é utilizada case na súa totalidade polas compañías eléctricas españolas para exportar electricidade, xeralmente en Galicia, até as industrias e cidades do Norte de Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea
A Xunta asegura que fará “todo o que sexa necesario” para que Galicia decida na UE
O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea, Jesús Gamallo, asegurou que a Xunta fará “todo o que sexa necesario” para que Galicia e o resto de comunidades autónomas poidan participar no Consello de Ministros da UE cando se traten “aqueles temas que máis afectan ás súas competencias e intereses”. O Goberno galego pretende, neste sentido, retoma-las propostas de Manuel Fraga, que freou o Executivo de Aznar. O responsable da política exterior da Xunta ratificou que “está previsto” que a chegada do PSOE á Moncloa permita reabri-lo debate na lexislatura entrante. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia acapara preto do 40% dos últimos fondos adicados á renovación da flota
Galicia recibirá 8,5 dos 23 millóns de euros para o desenvolvemento da industria pesqueira, plans acuícolas, apoio ó segmento costeiro artesanal, despezamento de buques e modernización e renovación de embarcacións. Este último capítulo non volverá aparecer en posteriores repartos, dado que este ano é o último en que se poderá financia-la construcción de buques con axudas públicas. Galicia é a comunidade máis beneficiada en volume de fondos concedidos para a renovación, pero recibe menos que Catalunya e Valencia para desenvolvemento do tecido productivo e tamén está por detrás de Andalucía no reparto de fondos para financia-los plans de cultivos mariños. (Fonte: La Voz de Galicia).

Galicia recibe 28,6 millóns para programas agrarios
Galicia recibirá o 13% (28,6 millóns de euros) dos fondos procedentes da UE e do Ministerio de Agricultura. Así, disporá de 17,4 millóns para desenvolvemento rural; 3,4 para agricultura; 3,5 para gandería, e 4,1 para alimentación. (Fonte: La Voz de Galicia).

A Xunta ofrece un apoio activo ós proxectos acollidos ó Equal
A Consellería de Economía asegura que a Xunta xogará un papel activo no apoio ós proxectos galegos que xurdan dende o tecido asociativo e institucional da comunidade para optar á segunda convocatoria do programa comunitario Equal, que conta con orzamento de 515,4 millóns de euros para toda España para o período 2000-2006. A Consellería subliña que a Administración “cooperará” coa finalidade de que se respecte “a complementariedade” destas axudas con outras da UE co obxectivo de obter na práctica as “mellores vantaxes” para Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Inditex abre a súa primeira tenda en Casablanca
Inditex abriu a súa primeira tenda na cidade marroquina de Casablanca en colaboración coa compañía Azzurro, do grupo Aksal. A nova tenta ocupa máis de 2.500 metros cadrados dunha nova construcción no Boulevard Al Massira. (Fonte: Faro de Vigo).

Científicos de Europa, Xapón e os EEUU sorprendidos pola milagre do mexillón galego
O Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, organismo dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas, recibe con frecuencia visitas de científicos e industriais procedentes de toda Europa, Xapón e os Estados Unidos interesados polo éxito do mexillón galego.Segundo Antonio Figueras, director do Instituto, Galicia produce o 21% do mexillón producido no mundo e o 37% do europeo, ademais de ser tamén líder en canto ó número de centros e persoas adicadas á investigación científica neste campo. (Fonte: Faro de Vigo).

Unión Europea
A Fundación Galicia Europa centra a súa atención na política pesqueira
A Fundación Galicia Europa prevé para este ano unha intensificación do seu labor de xestion e canalización dos intereses galegos na Unión Europea. As políticas pesqueira, de cohesión económica e social, serán prioritarias, así como o incremento da presenza da comunidade autónoma na UE. Na reunión do padroado do organismo acordouse o orzamento para 2004, que ascende a 1,26 millóns de euros, ó que supón un incremento do 6% respecto ó do ano pasado. Por outra banda, e en relación coa Constitución Europea, Jesús Gamallo presentoulles a Manuel Fraga e os demais membros do padroado documento “O proceso de elaboración da Constitución Europea. Contribución ó debate das universidades galegas”, texto que recolle os resultados dunha consulta realizada a distintos académicos das tres universidades galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
28/03/2004
Turismo
Os pratos típicos galegos, en Londres
O lacón con grelos, a empanada ou os pementos de Padrón ocupan un lugar de honra no restaurante Meliá White House de Londres, que organizou unhas exitosas xornadas da gastronomía galega nas que, até o día 3 de abril, participan máis de medio milleiro de persoas. Turgalicia ocúpase de que os comensais que así o desexen reciban información turística sobre a comunidade. (Fonte: El Correo Gallego).
27/03/2004
Economía
O sector conserveiro galego facturou 715 millóns de euros en 2003
O sector transformador de peixes e marisco rexistrou o ano pasado un incremento do 5% no volume de producción respecto a 2002 e un aumento do 3% do seu valor. As exportacións, pola contra, sufriron un impacto negativo do 1% debido o cambio entre o euro e o dólar. En calquera caso, os datos confirman a Galicia como o primeiro productor de Europa e o terceiro do mundo despois de Tailandia e os Estados Unidos, e como a segunda industria exportadora de atún a nivel mundial. (Fonte: El Correo Gallego).

V Feira Profesional do Moble de Galicia
Unha das chaves para avanzar no sector e optar ás axudas basease na cooperación entre as pequenas empresas. Nas xornadas celebradas no marco da V Feira do Moble presentáronse exemplos, como a iniciativa comunitaria Interreg, na que participan moblistas de Portugal e a rexión francesa de Aquitania. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade
Caixa Galicia selecciona dez proxectos de desenvolvemento
Oitenta ONGs presentáronse á convocatoria de Cooperación para o Desenvolvemento de Caixa Galicia. A entidade seleccionou finalmente dez dos proxectos presentados -para seren desenvolvidos en Iberoamérica, Etiopía e Mozambique- que serán financiados cun monto de 265.500 euros. Das ONG seleccionadas, tres son galegas e cinco son delegacións en Galicia de entidades do ámbito estatal. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea
Advirten que Galicia perderá peso nos fondos de cohesión a partir de 2007
“Unha cousa é que sexa elixible como rexión á que cómpre seguir favorecendo dende o punto de visita da cohesión, e outra que vaia recibi-lo mesmo diñeiro”. Con estas palabras debuxou o xefe de Unidade da Dirección Xeral de Ampliación da CE, Jaime García Lombardero, o escenario ó que se enfrontará Galacia dentro das orientacións financeiras 2007-2013. Segundo o experto, Galicia se verá afectada como candidata a recibir fondos pola entrada de países máis pobres, pero tamén porque “o reparto depende de parámetros que ten moito máis desenvolvidos que hai 7 anos”. (Fonte: El Correo Gallego).

Os estudiantes serán os primeiros en te-lo “carné de idiomas” da UE
Galicia é, xunto con Madrid, Catalunya e Castilla-León, unha das comunidades pioneiras en pór en marcha o portafolio, un documento con validez en toda a Unión Europea co que os cidadáns poderán certifica-las súas competencias lingüísticas en idiomas estranxeiros. O documento, semellante a unha tarxeta sanitaria, incluirá unha táboa que describa as competencias lingüísticas por destrezas (fala, lectura, escritura e comprensión), os títulos académicos e cursos, así coma aqueles contactos, vivencias e traballos que poidan estar relacionados con outras linguas e culturas. Para poder solicitar o Portafolio das Linguas para adultos haberá que agardar un pouco, xa que aínda está pendente da súa validación por parte do Consello de Europa. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade
Galicia é a quinta comunidade con menor aumento de emisións de gases de efecto invernadoiro
O secretario de Medio Ambiente de Comisións Obreiras, Joaquín Nieto, acompañado polo editor de España da revista World Watch, José Santamarta, deu a coñece-los resultados do informe elaborado polo sindicato sobre emisións de efecto invernadoiro por comunidades entre 1990 e 2002. Galicia, cun aumento do 28,95%, colócase como a quinta comunidade cun maior incremento de emisións. Segundo o director de MeteoGalicia, Vicente Pérez, non se pode dicir “con certeza” que o cambiamento climático estea afectando xa a Galicia; pese ó aumento global de temperaturas, e ás subas do nivel do mar, as costas galegas, en principio, non sufrirían tanto estes problemas como o resto de Europa. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
Educadores pola Paz analizan as repercusións do mundo globalizado
A localidade pontevedresa da Guarda acollerá, do 23 ó 25 de abril, a XVII edición do encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz, organizado polo colectivo Educadores pola Paz, Nova Escola Galega, o Departamento de Pedagoxía Didáctica da Universidade da Coruña e o Movemento dos Educadores para a Paz de Portugal. Esta nova edición dos encontros servirá para crear unha asociación galaico-portuguesa de educadores, coa que os organizadores pretenden institucionaliza-los contactos que veñen desenvolvemento a través destes encontros dende hai anos. (Fonte: El Correo Gallego).
26/03/2004
Unión Europea-Política
O Bloque busca para a UE una gran pacto nacionalista
O BNG traballará para conformar unha coalición de tódalas forzas nacionalistas das tres comunidades históricas para as eleccións europeas do 13 de xuño. Anxo Quintana, voceiro nacional do BNG, remarcou que a súa formación quere “afortalar” o Galeuzca, pero agregou que esta alianza nunca se planeou con carácter excluínte, polo que sería bo para Europa un entendemento entre PNV, CIU, BNG, EA, ERC, PSM e Bloque Nacionalista Valenciano. Así ALE (da que forman parte ERC, EA e BNG, máis PNV, CHA e PSM como observadores) comeza a tomar parte como partido. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
O BNG presenta un plan para a flota da NAFO
O deputado do BNG e voceiro de Pesca, Bieito Lobeira, presentou o Plan de Viabilidade da Flota Conxeladora Galega elaborado por esta formación co obxecto de protexela do acordo asinado no cumio da NAFO, que establece un recurtamento do 65% dos TAC de fletán negro. A iniciativa nacionalista propón unha maior presenza de Galicia nos órganos de decisión, a realización dunha política propia de investigación científica na zona de regulamento da NAFO, campañas experimentais orientadas á diversificación da actividade e a aprobación de programas socioeconómicos ou asistencias que melloren a calidade de vida e o traballo dos mariñeiros embarcados. (Fonte: El Correo Gallego).
25/03/2004
Emigración
Encontro sobre a Emigración e o Exilio Galego en Francia, en París
Devolverlles a dignidade ós emigrados e exiliados galegos en Francia é o obxectivo do último encontro que, até o día 27 deste mes, ten lugar en París por iniciativa do Centre d´Etudes Galiciennes, en colaboración co Instituto Cervantes e o Colexio de España. Expertos chegados de Galicia, como o profesor Núñez Seixas ou Pilar Cagiao, ou establecidos no país veciño, como Ignacio Ramonet ou Enrique Líster, participarán nunhas xornadas nas que se proxectará, ademais, o documental “Santa Liberdade”, dirixido por Margarita Ledo. (Fonte: El Correo Gallego).

Preocupación polos galegos que viven en Venezuela
O conselleiro de Emigración alertou ó Goberno español do progresivo “deterioro” da situación política e económica que se vive en Venezuela, que repercute na calidade de vida dos preto de 40.000 emigrantes galegos radicados nese país. Miras dixo que o Goberno terá que “implicarse máis”, e sinalou que o Executivo galego conta con “máis resortes” para palpa-la verdadeira situación da diáspora. (Fonte: El Correo Gallego).

Política
Xuristas expertos en Dereito Ambiental ven carencias da Lexislación Internacional no caso “Prestige”
Xuristas expertos en Dereito Ambiental coincidiron, na apertura do V Congreso Nacional sobre esta materia, que se celebra en Pamplona, en que o Dereito Internacional non aclara a atribución de responsabilidades penais e civís en catástrofes ambientais coma a do “Prestige”, entre outras carencias. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea
A Xunta di que os fondos europeos só se asignan a proxectos definitivos
A Consellería de Política Territorial afirma que, segundo a normativa regulamentada, os fondos europeos só poden asignarse unha vez realizados os proxectos constructivos, así coma que o tren de alta velocidade entre Lubián e Ourense está na actualidade en estudio de alegacións tras finaliza-lo proceso de información pública para particulares e administracións. O departamento sae así ó paso da denuncia formulada polo Grupo Parlamentario Socialista, para quen as declaracións da comisaria de Transportes da UE, Loyola de Palacio, “amosan que a maioría dos investimentos previstos no Plan Galicia non teñen financiamento, están pendentes de orzamentar e priorizar en Madrid e Bruxelas”. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Fraga, co rexedor de Figueira da Foz
O titular do Goberno galego manterá un encontro co presidente da Cámara Municipal de Figueira da Foz (Portugal), Antonio Duarte Silva.
24/03/2004
Política
A Asociación Galaico-Árabe pídelle á UE implicación na loita contra a masacre
O presidente da Asociación Galaico-Árabe e da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, considera preciso un maior achegamento de España e Europa co Mediterráneo e o mundo árabe, e que a UE se afaste ou rexeite a “política asasina que promoven George Bush e Ariel Sharon”. Jaber Ibrahim, que convocou ós medios galegos para expresa-la postura deste colectivo fronte ó asasinato de xeque Yasín, pensa que Europa é “tamén culpable” da actual situación por “non ter obrigado a Israel a asumi-la legalidade internacional” e reclamou “castigos” para este país, “aínda que nun principio sexan só comerciais”. (Fonte: El Correo Gallego).

O Porriño súmase a un proxecto internacional para reduci-la contaminación
O goberno do Porriño anunciou que quere implanta-la Axenda Local 21, un programa que xa funciona en municipios de todo o mundo e que trata de garanti-la compatibilidade do desenvolvemento social e económico con respecto ó medio ambiente. A adhesión á Carta de Aalborg (1994), que se tratará no próximo pleno, é requisito básico para a implantación da Axenda 21. (Fonte: La Voz de Galicia).

Emigración
Miras Portugal expresará en Caracas o apoio da Administración e o pobo galegos
O conselleiro de Emigración viaxa a Caracas, onde se entrevistará coa nai e viúva de Xosé Manuel Vilas, o galego asasinado o pasado 1º de marzo na capital venezolana. Miras, que tamén se entrevistará co embaixador de España en Venezuela –o galego Manuel Viturro-, reiterará o seu ofrecemento de asistencia ós galegos que o precisen. (Fonte: El Correo Gallego).
22/03/2004
Cultura
O Consorcio Audiovisual Galego, na Coordenadora Europea
O Consorcio Audiovisual de Galicia anunciou a súa incorporación á Coordenadora Europea de Iniciativas Rexionais para o Apoio á Industria Audiovisual (Cine-Regio), un foro no que tamén participan Alemaña, Italia, Bélxica, Holanda e Austria. O acordo de asociación xurdiu despois da participación do Consorcio Galego nunha conferencia celebrada na localidade belga de Mons, á que asistiron representantes do sector audiovisual de 13 países comunitarios e 9 membros de institucións da UE. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
A inmigración aporta o 4% da natalidade
O catro por cento dos nenos que naceron en 2002 en Galicia tiña unha nai inmigrante, mentres que en toda España esta media se situou no 10%. A Consellería de Familia sinala que, entre 1998 e 2002, Galicia foi a primeira comunidade por número de emigrantes retornados e só a décima en recepción de inmigrantes estranxeiros. Así, a autonomía representa o 21% da inmigración de retorno en España nese período, e só o 2% da de estranxeiros, de xeito que retornaron 30.647 persoas e 26.837 chegaron por primeira vez. (Fonte: El Correo Gallego).
20/03/2004
Unión Europea-Pesca
Varela quere que Fischler axilice os trámites da Axencia de pesca
Daniel Varela, eurodeputado e voceiro de Pesca do grupo PPE no Parlamento Europeo, reclamou a comparecencia perante a comisión de Pesca do comisario europeo Franz Fischler o vindeiro 27 de abril, co obxectivo de adianta-lo procedemento de establecemento da Axencia Europea de Pesca en Vigo. Varela subliñou que o PE, a través da súa comisión de Pesca, terá un papel importante na atribución de competencias á Axencia, xa que o “preceptivo dictame poderá mellora-la proposta da Comisión e dotar á Axencia de tódalas competencias necesarias para que se converta nun gran órgano de xestión e de conservación dos recursos pesqueiros que todos queremos”. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea
Galicia rexeita unha Constitución que prime ós grandes da UE
O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea, Jesús Gamallo, manifestou estar convencido de que un sistema de Constitución Europea que “prime en exceso ós grandes países da UE da ampliación non será eficaz e estará condeado ó fracaso”. Gamallo, na reunión semestral da mesa do Comité das Rexións celebrada en Dublín, reclamou que, en caso de que se produza un novo bloqueo na negociación intergobernamental, o CdeR emprenda algunha iniciativa para volver a pór en marcha o proceso constitucional. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Galicia pon en perigo o liderado catalán na exportación téxtil
As exportacións galegas de prendas e complementos de vestir atinxiron en 2003 os 1.086 millóns de euros, consolidando a súa segunda posición na táboa clasificatoria de comunidades autónomas exportadoras destes productos e achegándose ás vendas exteriores catalanas, que se atopan xa só 27 millóns por riba, segundo informou a Consellería de Innovación. En tan só tres anos, segundo a mesma fonte, Galicia incrementou en case dez puntos a súa participación nas exportacións españolas. Unha das chaves está en que as exportacións téxtiles creceron na autonomía un 19% fronte ó 4,4% de media nacional. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo
Cultura levará o seu propio pavillón ó Salón des Vacances
A oferta turística de Galicia está presente na feira Salón des Vacances de Bruxelas, na que se promove o Xacobeo 2004 e as diferentes ofertas relacionadas co turismo cultural de natureza, náutico e termal. Segundo un comunicado da Consellería de Cultura, o turismo galego acudirá xunto con outras comunidades do norte peninsular, e baixo a marca España Verde, ás cidades italianas de Milán e Roma e á Feira Internacional de turismo de Goteborg (Suecia). (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
O Museo do Pobo da Estrada adicará parte do seu arquivo histórico á emigración
O Museo do pobo estradense “Manuel Reimóndez Portela” creará un novo arquivo no que terá un peso específico a emigración. O museo xa estableceu contactos co departamento de Historia de América da Universidade de Santiago para establecer unha liña de colaboración. Dende Bos Aires, Río de Janeiro e outros destinos da diáspora van chegando fotografías cun gran valor documental. Do mesmo xeito, nas parroquias, vanse recollendo imaxes ás que se engade un pequeno pe de foto para a súa documentación. (Fonte: El Correo Gallego).

Solidariedade
Voluntarios promoven que se doe sangue na República Dominicana
Un total de oito voluntarios galegos viaxarán á República Dominicana co obxectivo de promove-la doazón de sangue altruísta entre os habitantes deste país, onde habitualmente esta práctica se realiza previo pagamento. Esta viaxe enmarcase nun proxecto da Xunta baixo o lema “O teu sangue non ten prezo, dóao”, en colaboración coa Irmandade de Doadores da Coruña, a Federación Española de Doadores, o Centro de Transfusión de Galicia e a Fundación Cristo de los Milagros daquel país. (Fonte: El Correo Gallego).
19/03/2004
Unión Europea-Pesca
Mariscadores a pé reclaman a Bruxelas que subvencione a semente
A xerente da Asociación de Profesionais do Marisqueo de Galicia (Areal), Rita González, reuniuse coa directora xeral de Pesca da Comisión Europea, Lea Vertraete, para trasladarlle as peticións do sector e entregarlle un informe sobre o estado dos recursos nalgunhas das agrupacións pertencentes a esta asociación. Entre outras reclamacións, Areal solicitou que as sementes sexan subvencionadas a través dos fondos IFOP. Por outra banda, o deputado autonómico do BNG e voceiro da comisión de Pesca, Bieito Lobeira, cualificou de “discriminatorio” para Galicia o acordo pesqueiro entre a UE e Grenlandia que prohibe expresamente” que a flota galega poida faenar nese caladoiro. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Novos foros bilaterais entre Galicia e Iberoamérica
O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, presentoulle ó Consello da Xunta o proxecto para levar a cabo os foros bilaterais que organiza este departamento en colaboración co Igadi. Así, en 2004, Venezuela, México e Brasil acollerán estes foros, que prevén ademais unha campaña divulgativa entre as sociedades civís galega e a da diáspora, así coma conferencias e misións comerciais e outras iniciativas económico-empresariais. Os foros presentaranse nos distintos clubes financeiros de Galicia e poderá consultarse información sobre eles na páxina web www.galiciarelevante.com. (Fonte: El Correo Gallego).

Apoio ós inmigrantes que formen empresas
A Xunta e a Fundación Galicia Emigración colaborarán a través dun programa piloto para fomenta-lo espírito emprendedor e o aforro productivo dos traballadores estranxeiros que residen en España en virtude dun acordo autorizado polo Consello da Xunta. Esta experiencia non só se desenvolverá en Galicia, xa que o Ministerio de Traballo, a través do Inserso, deixará en mans dos responsables da fundación a organización e xestión do programa en Madrid, Valencia, Murcia e Andalucía. Nun principio, a actuación centrarase nas persoas nadas en Arxentina, Colombia, Perú e Ecuador que residan nestas comunidades autónomas. (Fonte: El Correo Gallego).

A emigración atenúa a caída do PP
Segundo os datos facilitados polo Partido Popular, o partido no poder autonómico acadou, nas eleccións do pasado 14-M, un total de 52.888 votos procedentes da emigración, o que supón un 57,91% das 91.317 papeletas válidas emitidas polos galegos residentes no exterior. A cifra, explicou o PP, supón un incremento de 15.890 votos respecto ós acadados nas anteriores eleccións xerais. Isto supón un avance do 9,09 por cento entre o electorado da emigración. (Fonte: El Correo Gallego).
18/03/2004
Cooperación Exterior
Campaña de difusión da cooperación ó desenvolvemento
O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou unha campaña de difusión da cooperación galega ó desenvolvemento, así como a Memoria de Cooperación de 2003 e os obxectivos e previsións da Xunta para o ano 2004. As dotacións da Xunta permitiron a posta en marcha de 113 proxectos de 27 países; deles, doce se levaron a cabo no marco do Plan Operativo 2003 en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI). Gamallo explicou que tamén se aprobaron 30 proxectos de sensibilización con asociacións de cooperación cun investimento de 6,446 euros, e varios convenios co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e coa Coordenadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
As xuntas electorais reciben 106.000 papeletas de inmigrantes
As xuntas electorais provinciais de Galicia recibiron un total de 106.353 votos por correo do colectivo emigrante inscrito no CERA. Tiñan dereito ó voto un total de 295.304 persoas. Os países que agrupan un maior número de galegos entre os seus habitantes son Arxentina (93.079 censados), Venezuela (29.260), Uruguai (25.485) e Brasil (23.730). A maior parte dos sufraxios emitidos por este colectivo nos comicios xerais do 14-M proceden de Arxentina, Suíza, Venezuela e Uruguai. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
Compañías de cinco países toman parte no festival de teatro universitario de Santiago
Seis compañías teatrais universitarias de Brasil, Francia, Alemaña, Puerto Rico e España participarán no X Festival Internacional de Teatro Universitario, que se celebrará en Santiago de Compostela. Nesta edición participan as compañías das universidades de Rennes (Francia), Sao Paulo (Brasil), Técnica de Konstanz (Alemaña) e San Juan (Puerto Rico), ademais das compañías universitarias de Jaén e Alacant. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
A Eurocámara aproba subvencións para a flota
A comisión de Pesca do PE aprobou facilitar axudas socioeconómicas ás flotas afectadas polos plans de recuperación de recursos. Os parlamentarios apoiaron un informe que inclúe varias emendas para modifica-los fondos estructurais de maneira que sexa posible dar apoio económico ós barcos afectados polos plans de recuperación. Unha das emendas, redactada polo voceiro de Pesca do PPE, Daniel Varela, prevé elimina-las disposicións que esixen que se desenvolvan as axudas previamente percibidas en caso da paralización definitiva da actividade pesqueira. (Fonte: El Correo Gallego).
17/03/2004
Cooperación Exterior
Convocatoria de axudas á cooperación exterior
O Diario Oficial de Galicia publicou as bases polas que se convocan as axudas extraordinarias de cooperación exterior por razóns de interese social ou humanitario, que terán unha dotación máxima de 180.000 euros. O texto sinala que a actividade humanitaria precisa dunha “resposta urxente ou case sumaria” para “evitar que dereitos ou bens de primeiro nivel, xuridicamente protexidos polo ordenamento internacional, non se vexan abocados a unha situación irremediable”. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea
Carballo adhírese á Carta das Cidades Europeas
O Concello de Carballo, A Coruña, acordou adherirse á Carta das Cidades Europeas, coñecida como carta de Aalborg, que promove o estudio dos cambios de vida, producción, consumo ou pautas a seguir na distribución do espazo. Avoga tamén por acadar un nivel de vida sustentable coa xustiza social, un medio ambiente duradeiro e analiza-los problemas arquitectónicos, sociais, económicos e políticos. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
A cabeceira do grupo luso Cimpor en España, con sede en Vigo, eleva o seus beneficios ós 29,3 millóns
Corporación Noroeste logrou bater en 2003 tódolos seus records. As contas consolidadas desta cementeira, cabeceira dos negocios en España da multinacional portuguesa Cimpor, con sede en Vigo, apuntan que o volume de negocio do ano pasado atinxiu os 300 millóns de euros. Esta cifra é un 76% maior ca rexistrada en 2002. En Galicia, Corporación Noroeste está fortemente implantada a través das fábricas de Cementos Cosmos en Oural (Lugo) e Toral de los Bados (El Bierzo). (Fonte: El Correo Gallego).
16/03/2004
Economía
Manuel Hita: “a participación de Galicia no proxecto Airbus aumentará”
O novo A-380, tamén chamado “Superjumbo”, fixo xurdir en Galicia un sector que despegará da man de EADS, na división militar, co A-400M; e da man de Airbus España e do seu director xeral, Manuel Hita, na división comercial. Segundo Hita, Airbus xa contactou coa Xunta e “haberá máis firmas galegas no proxecto”. De momento, só a compañía Delta Vigo participa no proxecto. As comunidades nas que ten máis posibilidades de asentarse o sector aeronáutico son, na opinión de Hita, Andalucía, Euskadi, Castilla-La Mancha, La Rioja e a propia Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea
O Bloque reclama na UE unha política que xunte investimentos en coñecemento e tecido productivo
O eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira, reclamoulle ó comisario de Política Rexional, Michel Barnier, a necesidade de potenciar unha relación entre “a economía do coñecemento, a dos investimentos en universidades e formación e mailo tecido productivo”. Nogueira considera que, deste xeito, podería evitarse a emigración dos cadros técnicos e universitarios galegos. Nogueira aproveitou a súa intervención para pedir unha posición “aberta” para aumenta-lo orzamento destinado á cohesión de modo que non baixe do 0,46% do PIB comunitario”. (Fonte: Santiago, AGN).

López Veiga asegura que Galicia realiza “un envite forte” á UE pedindo que “o que nós xa cumprimos” se cumpra a nivel comunitario
O conselleiro de Pesca asegura que Galicia realizou “un envite forte” á UE establecendo como prioridade no plan de recuperación da pescada e o lagostino no Mar Cantábrico e ó oeste da Península o principio de corresponsabilidade, que implica que “o que nos xa cumprimos aquí se sexa levado ó nivel comunitario”. Desta maneira, o país que cumpra verase beneficiado sobre o que non cumpre, algo que no seo da UE non se aplicou anteriormente en materia pesqueira. López Veiga rexeitou as críticas do PsdeG no sentido de que este plan “chega tarde”. (Fonte: Santiago, AGN).
15/03/2004
Unión Europea
O Parlamento Europeo debaterá o xoves as 54 emendas presentadas polo BNG ó borrador do informe Sterckx
Os nacionalistas galegos defenderán un total de 54 emendas a este relatorio, incluída a demanda de accións “inmediatas”. O eurodeputado do BNG Camilo Nogueira elaborou estas emendas para criticar aspectos do informe, como o feito de que no mesmo “non aparece unha constatación enérxica de que a decisión do afastamento do navío foi tomada sen unha análise racional e obxectiva”. Segundo o BNG, no ámbito do futuro dos afectados pola catástrofe, o informe “non insiste axeitadamente sobre os efectos negativos a longo prazo”. (Fonte: Santiago, AGN).

Economía
Os valores galegos desplómanse xunto co resto da bolsa a causa do terrorismo islámico e os resultados electorais
Dentro do mercado bolsista, os valores galegos non saen mellor parados co resto. Os descensos van dende o 1,28 do Banco Pastor ó 5,20 de Unión Fenosa. As empresas enerxéticas e de telecomunicacións, os sectores regulamentados polo Goberno, son os que máis sufriron na xornada. Destacan tamén as perdas rexistradas pola multinacional Pescanova, cunha caída do 4,28%. (Fonte: Santiago, AGN).
14/03/2004
Economía
A balanza comercial volve ós números vermellos trala caída da automoción
A provincia de Pontevedra foi a única na que caeron as exportacións durante o ano pasado, o que supuxo que a balanza comercial galega volvese ós números vermellos tras ter acadado o seu primeiro saldo positivo en 2002. Esta situación prodúcese porque Pontevedra representa o 66% das vendas galegas ó exterior. As causas que explican a caída hai que buscalas nas cifras do sector da automoción, que representa o 70% de tódalas vendas. Así, as exportacións de automóbiles en 2003 baixaron un 4,2% nesta provincia, o que supuxo un retroceso autonómico do 3,8% no sector. (Fonte: Atlántico Diario).

O valor das exportacións estivo preto dos dez millóns o ano pasado pero non supera o das importacións
As vendas das empresas galegas ó exterior atinxiron os 9.915 millóns de euros en 2003, case un 2% máis que en 2002, segundo os datos da Consellería de Innovación e Industria. As importacións totais do ano pasado rexistraron un crecemento do 11%, situación relacionada en parte pola fortaleza da moeda europea. Parte dos maiores incrementos porcentuais producíronse nas compras a América do Norte, a península arábiga e Asia Central. En cambio as vendas galegas a América e Asia experimentaron un claro descenso. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade
Estudiantes franceses percorren a comunidade galega para editar un vídeo sobre o “Prestige”
Un total de 43 alumnos, de 14 e 15 anos, procedentes do centro escolar Collége Savary de Saint Mathie de Treviers está a percorrer Galicia para elaborar un vídeo sobre o “Prestige”. Durante o seu periplo, os estudiantes están a visita-las redaccións de varios medios escritos da comunidade. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
A presencia estranxeira nos colexios vigueses é catro veces maior que hai un lustro
A presencia estranxeira nas aulas non universitarias viguesas pasou dos 250 alumnos no curso 1999-2000 a 1.055 no exercizo actual e rexistrando un incremento do 322 por cento. Aínda que este millar de alumnos procede de 60 países diferentes, o 74% é natural dalgún estado latinoamericano. O resto repártese entre países europeos (16,5%), con Portugal á cabeza; o continente africano (5,87%); o entorno asiático (3,22%), con China moi destacada sobre os demás países, e Australia, que a penas aporta un 0,37%. (Fonte: Atlántico Diario).
13/03/2004
Unión Europea
Neria estudia acometer proxectos da Unión Europea con socios noruegueses
Representantes de tres comarcas de Noruega visitaron a Costa da Morte para reunirse con directivos de Neria, co fin de estudiar a posibilidade de desenvolver proxectos europeos de xeito conxunto. Os campos de actuación xirarán en torno ós portos náuticos deportivos e ás iniciativas turísticas vencelladas ó mundo da auga, a pedra e o vento. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade
Os movementos islámicos de Galicia condean a masacre do 11-M
A masacre de Madrid foi sentenciada contundentemente por diferentes grupos de raíces islámicas asentados en Galicia, como a Asociación Galaico-Árabe. Tanto esta asociación como a Fundación Araguaney, no nome da comunidade palestina en Galicia e da Unión Xeral de Estudiantes, transmitiron a súa condea ó atentado nun comunicado. Os estudiantes marroquinos en Compostela e o colectivo magrebí de Xinzo de Limia agardan en que a posible implicación de Al Qaeda non esperte reaccións xenófobas. (Fonte: El Correo Gallego).
12/03/2004
Economía
A rexión norueguesa de BTV xestionará a presenza de empresas escandinavas na Semana Verde
Unha delegación da rexión norueguesa de BTV visitou o recinto Feira Internacional de Galicia, en Silleda, para estudiar as posibles vías de colaboración coa Fundación Semana Verde. A acción máis inmediata será xestionar a presenza de empresas nórdicas na próxima edición do certame (12 a 16 de maio). O representante noruegués adiantou que xa estableceu contactos con granxas e firmas de turismo rural do seu país. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
A Casa dos Poetas acolle unha mostra sobre a diáspora en América
A mostra, “Corenta anos de traballo por Galicia”, organizada pola Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e a Dirección Xeral de Política Lingüística, analiza o labor dos intelectuais galegos en América no período 1936-1975. Trátase dun proxecto itinerante pola xeografía galega destinado, sobre todo, á colectividade escolar de cada comarca. (Fonte: El Correo Gallego).
11/03/2004
Unión Europea
A UE arquiva a denuncia a España por afastar o buque “Prestige”
A Comisión Europea disponse a arquivar, sen abrir procedemento de infracción contra España, a denuncia que recibiu contra as autoridades españolas por ordenar o afastamento do “Prestige”. A Dirección Xeral de Medio Ambiente da CE concluíu, tras examinar a denuncia de Greenpeace, que a decisión de afastar o petroleiro accidentado non supuxo unha violación da directiva 442 de 1975 sobre residuos. Os servizos da Comisión admiten que a devandita directiva “é aplicable” ó caso do “Prestige”, pero cren que as autoridades españolas fixeron “tódolos esforzos para controlar e deter o escape de fuel”. A decisión non é definitiva e a Comisión deberá ratificala antes de finais de mes. (Fonte: Galicia Hoxe).

Manuel Peña Rey: “Galicia está mal, pois non converxe coa UE”
Tras case corenta anos na formación e logo de militar no Partido Comunista, o candidato de Esquerda Unida ó Congreso afirma que “Galicia está mal, pois non converxe coa Unión Europea nin con España”. Peña opina que se Galicia perde os fondos de cohesión, “perderemos a oportunidade de acadar un posto de privilexio na UE”. Respecto á diáspora galega, Peña opina que a emigración en Europa está nunha “boa situación” coas pensións e as axudas por baixas, pero en Sudamérica a situación que se vive é “moi grave”. (Fonte: Galicia Hoxe).

Vigo abrirá unha oficina pioneira para asesorar inmigrantes e retornados
A cidade de Vigo acollerá a primeira oficina de España de asesoramento para inmigrantes e emigrantes retornados.Deste modo, estes colectivos asentados na área metropolitana viguesa recibirán asesoramento xurídico e sociolaboral. A posta en marcha desta oficina enmárcase dentro dun convenio plurianual subscrito entre o Concello de Vigo e a Consellería de Emigración. Miras Portugal adiantou que se sumarán á iniciativa A Coruña e Santiago. (Fonte: Galicia Hoxe).

Emigración
Fraga pide protección para a comunidade galega de Venezuela
O presidente da Xunta mantense en contacto co embaixador de España en Venezuela, Manuel Viturro, para interesarse pola situación da colectividade galega no conflicto e solicitar “a máxima colaboración” para a súa protección. Segundo informou a Xunta, o embaixador informou a Fraga a través dunha carta de que a tensión está diminuíndo en Venezuela e que a colectividade española “non é obxectivo de ningunha das partes en conflicto”. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Os empresarios galegos, entre os máis optimistas de Europa
Segundo a Enquisa sobre Perspectivas Empresariais 2004, elaborada polas cámaras de comercio, o 57% dos empresarios galegos teñen boas perspectivas para a súa cifra de negocio, xa que as previsións en canto ó investimento apuntan ó mantemento do diferencial positivo con respecto a España e a Europa. As perspectivas dos empresarios melloran respecto a 2003 tanto no que se refire ó mercado nacional como no capítulo de exportacións e, en ambos casos, o índice de confianza supera a media europea. (Fonte: El Correo Gallego).
10/03/2004
Turismo
Reportaxe sobre a Costa da Morte en La Repubblica
Atópanse na zona da Costa da Morte dous xornalistas que traballan para o semanario “I Viaggi di Repubblica”, o de maior tirada do sector turístico en Italia, con 800.000 exemplares semanais distribuídos co xornal La Repubblica. Os xornalistas están realizando un traballo, con publicación prevista para finais deste mes, no que o protagonista será o “Fin do Mundo”: pobos mariñeiros con paisaxes tempestuosas, na costa, e monasterios, no interior. A reportaxe, que conta coa colaboración de Turgalicia, prestaralle unha especial atención ó Camiño e ó turismo rural. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade
Bispos, políticos, teólogos e fieis de toda Europa participarán en abril en Santiago nun congreso sobre o papel do Cristianismo na formación de Europa
Ás sesións, que terán como lema “Unión Europea: Esperanza e Responsabilidade. Lecturas teolóxicas da construcción da Europa unida”, xa conformaron a súa asistencia preto de 20.000 persoas. Agárdase a asistencia de, entre outros, Romano Prodi e Valery Giscard d´Estaing, presidentes da CE e da Convención Europea, respectivamente. Previamente ós relatorios, celebrarase unha peregrinaxe dende Santo Domingo de Silos, na que participarán os bispos dos países da UE e de outros europeos (Croacia, Albania), parlamentarios europeos, relixiosos e familias, cunha representación ecuménica das igrexas protestantes e a ortodoxa grega. (Fonte: El Correo Gallego).

Unha cuarta parte dos galegos cre que se poden acoller a máis inmigrantes
Más da metade dos españois, o 59,4%, considera que España “acolle máis inmigrantes dos que pode”, mentres que unha cuarta parte dos galegos opina que “aínda pode recibir un maior número deles”, segundo a enquisa anual de Gallup sobre a Percepción do Número de Inmigrantes. (Fonte: El Correo Gallego).

Asociacións de pais dunha ducia de países celebran unha asemblea en Santiago
A Unión Iberoamericana de Pais de Alumnos (Uniapa) reúne en Santiago representantes dunha ducia de países, antes de que arranque o I Salón Internacional Familia, Escola e Sociedade, no que participarán preto de 4.000 persoas de países europeos e latinoamericanos. O salón articularase en torno a seis congresos que terán coma nexo común diferentes aspectos relacionados coa familia como estructura social. (Fonte: El Correo Gallego).
09/03/2004
Economía
Soluziona logra un contrato en Barehein de cinco millóns de dólares
Soluziona, filial de servizos profesionais de Unión Fennosa, e a empresa bahrainí de tecnoloxías da información Gulf Business Macchines (GBM) obtiveron un contrato para modernizar a xestión do Ministerio de Electricidade e Auga de Bahrein por 6 millóns de dálares (4,8 millóns de euros). Do orzamento total, case 5 millóns de dólares corresponderanlle a Soluziona. Segundo Luis Ortega, responsable da empresa para o norte de África e Oriente Medio, o contrato aporta “unha importante vantaxe comparativa, xa que nos converte na primeira compañía estranxeira que realiza a implantación dos seus sistemas de xestión en lingua árabe”. (Fonte: El Correo Gallego).
07/03/2004
Economía
Galicia logra estreitar os seus vencellos comerciais con Europa do leste
Europa do leste está a configurarse coma un mercado preferente para as empresas galegas, segundo se desprende das cifras do comercio exterior. No período 1999-2002, as vendas exteriores ós países da Europa oriental cuaduplicaronse, ó pasar de 58 a 218 millóns de euros, mentres que as importacións se incrementaron nun 80% (de 179 a 303 millóns). A situación é tal que algúns países desta zona, coa que Galicia a penas mantiña relacións comerciais en 1999, figuran arestora entre os 40 principais clientes de productos galegos: son os casos de Hungría (posto 23), República Checa (28), Rusia (39) e Eslovaquia (41). Polonia colócase coma o decimoterceiro cliente de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Antonio Fontenla: “Galicia alcanzará a converxencia coa UE ó remate desta década”
Segundo Antonio Fontenla, presidente da CEG, “cando perdamos os fondos estructurais, é que teremos acadado a converxencia”, momento que data “ó remate desta década”. Para Fontenla, “o nivel de vida o temos que medir sobre a Europa dos Quince, porque a Europa dos Vinte e Cinco é artificial” porque “o que non nos poden é cambiar agora as normas porque entran outros socios”. O empresario fixo un balance, nunha entrevista con El Faro de Vigo, sobre a evolución recente da economía galega. (Fonte: Faro de Vigo).
06/03/2004
Unión Europea
Orza vencella o liderado económico da UE cos fondos de cohesión
O conselleiro de Economía amosouse partidario de non reducir os fondos de cohesión como chave para permitir mellorar o potencial económico da Unión Europea no seu conxunto e consolidala como unha das máis competitivas do mundo. En canto á posición galega no marco da ampliación e cara a conservación da condición Obxectivo 1, José Antonio Orza considerou “aventurado” realizar unha estimación dos grupos de eurorrexións en que podería quedar ou cantos fondos podería pasar a recibir. Orza participou na primeira das xornadas do Curso de Historia e Institución da Unión Europea, organizado polas facultades de Económicas, Ciencias Políticas e o Centro de Documentación Europea. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
Debate sobre a situación en Iraq e Palestina
O mundo árabe centrará o encontro anual aberto dos Comités de Solidariedade de Galiza (Cosal), que se celebra no centro sociocultural de Conxo (Santiago). A xornada inclúe dúas mesas redondas. A primeira, “Iraq: construcción dun imperio ou construcción dun estado”, estará encabezada polo director da Biblioteca do Islam Contemporáneo, de Ediciones Bellaterra, Alfonso Carlos Bolado. A segunda, “Por unha Palestina LIbre”, correrá a cargo de Mohamed Safa, que foi delegado da OLP en Galicia durante os anos 80 e é autor de varios libros sobre Palestina. (Fonte: El Correo Gallego).
05/03/2004
Economía
Grandes empresas galegas destacan a necesidade de apostar pola internacionalización
Directivos de cinco grandes empresas galegas, Inditex, Unión Fenosa, Fadesa, Caramelo e Ence, apostan pola saída ós mercados exteriores como vía para promove-lo crecemento e a concorrencia do sector privado da comunidade. Participantes nas xornadas “A internacionalización da empresa galega”, organizadas pola Cámara de Comercio da Coruña, os empresarios coincidiron na necesidade de contar cun bo plan de negocio, que analice o que van atopar nos mercados locais, para acada-los obxectivos desexados. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Un buque galego afunde en Mauritania, abordado por un mercante que se fugou
O cerqueiro “ Río Sentidiño”, de Portosín, foi embestido por un mercante en augas de Namibia, e en poucos minutos foise a pique. As autoridades mauritanas abriron unha investigación co fin de atopar a embarcación que provocou o afundimento do cerqueiro. As doce persoas que formaban parte da tripulación do “Río Sentidiño”, que leva tres anos faenando en Mauritania, atópanse en bo estado. (Fonte: La Voz de Galicia).
04/03/2004
Política
O candidato venezolano do PSOE por Ourense, acusado de estafa
Cándido Rodríguez Losada, candidato do PSOE ó Senado pola provincia de Ourense, foi acusado de cometer un delicto de estafa por valor de cinco millóns de dólares e outro de fraude á facenda pública. A fiscalía superior de Venezuela admitiu a trámite unha denuncia presentada pola empresa conserveira galega Calvo, que o responsabiliza de estar relacionado coa empresa Atumar, con sede no país sudamericano, que supostamente tería emitido facturas falsas que deron lugar a unha orde de embargamento dun barco pertencente á flota do grupo galego. O candidato afirma estar moi tranquilo e esperanzado en que os tribunais o exculpen, ó tempo que culpa ó PP de orquestrar na súa contra unha manobra política en plena campaña electoral. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Galicia triplica nos últimos nove exercizos o seu comercio internacional
Así, as exportacións creceron de 2.956 millóns de euros en 1994 a 9.422 millóns en 2002, mentres as importacións pasaron de 3.03 a 8.950 millóns nese mesmo ano. Segundo José Venegas, director xeral adxunto de Caixa Galicia, a apertura da economía galega situouse no 54% en 2002, por riba da media española. Desta forma, Galicia supera a autonomías cunha gran proxección internacional cara ó exterior, como Madrid e Valencia. En canto ós mellores destinos para establecer relacións comerciais, Venegas apuntou Asia, destacando tanto ós chamados “dragóns” do sudeste asiático como o mercado chinés. (Fonte: El Correo Gallego).

A compañía de baixo custo Ryanair contempla voar a Lavacolla en 2006
Ryanair ten previsto entrar no mercado doméstico español –con voos nacionais- a partir do ano 2006. As perspectivas de expansión do aeroporto da capital galega apuntan tanto a implantación de Ryanair como a creación de novos enlaces con América Latina. Está previsto que Lavacolla sexa o último punto de parada nos voos Madrid-Bos Aires a partir do mes de abril, se ben os traxectos de regreso irán directamente da capital arxentina a Barajas. (Fonte: El Correo Gallego).

Encontro internacional en Santiago sobre a recuperación de minería de lignito
O plan de rexeneración mineira de As Pontes fixo posible a convocatoria do encontro internacional de recuperación da minería de lignito que se celebra en Santiago. Nas sesións de traballo participarán como relatores enxeñeiros de minas de Alemaña e Gran Bretaña. (Fonte: La Voz de Galicia).

A exportación galega debe dirixirse ó leste
O peso de Galicia e España, dende o punto de vista do intercambio comercial, nos países da adhesión comunitaria na Europa Centro-Leste (PECE) rolda o 2,5%, segundo o informe recentemente publicado por Euronet. As exportacións aumentaron dende 1999 a 2003 dos 50 millóns ós 242 millóns de euros. Desa cifra, preto de 200 millóns corresponden ó sector da automoción-metalmecánico. Polonia acumula preto do 56% das exportacións do sector, que aglutina o 80% das exportacións galegas, das que case a totalidade, o 90%, coresponde á fábrica de PSA Citröen en Vigo. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo
Silleda acolle un foro de rexións para a rede do patrimonio gastronómico europeo
Silleda acolle unha reunión transnacional de socios do proxecto Interrreg IIIC para promociona-lo patrimonio gastronómico de Europa. No acto participarán sesenta visitantes, que poderán coñece-los proxectos galegos no ámbito gastronómico como ferramenta de promoción turística. (Fonte: El Correo Gallego).

“Camino Journeys” promove Santiago en Inglaterra como destino turístico
Representantes do operador turístico británico “Camino Journeys” visitaron Compostela invitados por Turgalicia e Turismo. A visita está destinada a promover Santiago como destino turístico. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea
Conferencias sobre a Unión Europea
O conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Antonio Orza, será o encargado de pronuncia-la conferencia inaugural do “Curso de Historia e institucións da Unión Europea” baixo o título “Os retos da Unión Europea perante a ampliación: unha visión dende Galicia”. Por outra banda, a facultade de Dereito organiza o II seminario especializado “O espazo de liberdade, seguridade e xustiza: as políticas de inmigración e asilo na Unión Europea”. (Fonte: El Correo Gallego).
03/03/2004
Portugal
Beiras e o alcalde de Melgaço reclaman autonomía dos concellos galegos limítrofes con Portugal para as relacións transfronteirizas
Xosé Manuel Beiras e Rui Solheiro mantiveron un encontro no que o rexedor luso demandou máis autonomía para os concellos galegos limítrofes con Portugal á hora de levar a cabo medidas de cooperación transfronteiriza. Solheiro explicoulle a Beiras que as Cámaras lusas teñen nesta materia total liberdade, pero que se ven coartadas porque no caso dos concellos galegos “as competencias son da Xunta ou da Deputación de Pontevedra”. O presidente do Consello Nacional do BNG comprometeuse co rexedor luso a continuar estes contactos entre tódalas forzas progresistas galegas e as forzas homólogas en Portugal, para tentar desbloquear esta problemática. (Fonte: Santiago, AGN).

Política
Democracia Nacional reitera o seu apoio ós emigrantes galegos
Democracia Nacional insiste no seu apoio ós emigrantes galegos que tiveron que volver a Galicia presentando como candidato ó Senado pola provincia da Coruña Juan Ageitos, un empresario galego residente en Nova Jersey (EEUU), ó que cualifican como “retornado”. Juan Ageitos pretende se-la voz da “Galicia exterior” no Senado, segundo manifesta DN nunha nota de prensa. Ademais aseguran que este candidato será a chave da distinción dos “nosos retornados” fronte á “inmigración masiva e ilegal que padecemos”. (Fonte: Santiago, AGN).

Economía
A automoción e o naval deben apostar pola innovación para concorrer coa Europa do leste
Así se desprende do estudio “Impacto da ampliación da UE ós países do centro e o leste de Europa no sector da automoción, metalmecánica e naval de Galicia”, elaborado pola firma Euronet European Promotors. Para evita-lo perigo do traslado a estes países das empresas dos devanditos sectores, o estudio recomenda unha aposta decidida das empresas galegas por unha maior colaboración entre as firmas para presentar ofertas conxuntas, sobre todo no naval. Por outra banda, o embaixador de Eslovenia, Tomas Lovrencic, pediulle ó sector financeiro galego que se implante nestes países para poder pula-las relacións comerciais entre Galicia e a Europa do leste”. (Fonte: Santiago, AGN).

Cultura
Entrega do Premio de Literatura Europa a Ian McEwan
O día 5 de marzo o escritor Ian McEwan recollerá, na sede do Casino de Santiago, o seu Premio de Novela Europea das mans do presidente da entidade, Ramón Castromil. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade
Máis de cen familias galegas adoptaron en 2003 nenos de países estranxeiros, 17 deles procedentes de China
O pasado ano realizaronse en Galicia 109 adopcións de nenos de países estranxeiros e un total de 252 familias presentaron a súa solicitude na Dirección Xeral de Familia. Dazasete dos pequenos adoptados en 2003 proceden de China, un dos países máis demandados. A presidenta da Asociación Galega de Adopción Internacional (AGAI), María José Cunqueiro, explica que os retrasos veñen sendo "habituais" nos últimos anos e que a carencia de medios debe solucionarse a maior brevedade posible, xa que así se facilitarán as viaxes das familias adoptivas e se reducirá o seu tempo de estancia en China permitindo que volvan xa coa inscripción no Libro de Familia. (Fonte: Santiago, AGN).
02/03/2004
Unión Europea
Jesús Gamallo avoga por crear un Estatuto Europeo das Eurorrexións para avanzar en materia de cooperación interrexional
Nunha entrevista que publica no seu último número o Boletín da Fundación Galicia-Europa, Gamallo amosa o seu interese porque a Constitución Europea faga mención á cooperación interrexional e ó aspecto transfronteirizo en particular, o que podería significar "un punto de partida para avanzar no deseño dun estatuto xurídico para as eurorrexións". Segundo o secretario xeral de Relacións coa UE, o comisario de Política Rexional, Michel Barnier, está de acordo con esta proposta. Destaca ademais a importancia da asunción do principio de subsidiariedade como unha "chave" no só para as relacións entre o Estado e a UE senón para as relacións entre as rexións, estados e a UE. (Fonte: Santiago, AGN).

A UE lamenta que aínda segan abertas as investigacións sobre o “Prestige”
O informe da comisión temporal do PE creada a raíz do accidente do “Prestige” constata “con preocupación” que case a un ano de medio do sinistro “non se teñan aínda concluído ou publicado tódalas investigacións acerca das causas” e tamén expresa a súa posición crítica porque en caso de repetirse unha situación semellante, o Goberno español volvería ordear ó petroleiro o afastamento da costa, a decisión política máis controvertida de todas as que rodearon o sinistro. Este informe é de momento un proxecto de nove páxinas, posto que será presentado oficialmente en Estrasburgo no Parlamento antes de ser votado en abril polos integrantes da comisión temporal. (Fonte: Faro de Vigo).

Touriño: “Galicia participará nos consellos de ministros da UE”
O secretario xeral dos socialistas galegos apuntou durante un acto da campaña electoral que os galegos “pagamos moi caro a política de confrontación do PP con Europa”, e que esta postura “conduciunos á expulsión da nosa flota dos caladoiros e a se-lo paíse da UE que perdeu máis barcos” Pérez Touriño tamén afirmou que, de gañar o PSOE as eleccións, “Galicia participará directamente nos consellos de ministros da UE”. (Fonte: El Correo Gallego).

Un total de 1.082 bolsas Erasmus para o curso que vén
O Vicerrectorado de Relacións Exteriores e Proxección Universitaria da USC convoca 1.082 bolsas do programa Sócrates/Erasmus para estadías en facultades e universidades de vinte países europeos para o vindeiro cursos académico 2004-2005. A convocatoria diríxese a estudiantes da USC matriculados en primeiro, segundo, terceiro ciclo, teses ou proxectos coa finalidade de que realicen en universidades europeas estudios conducentes á obtención dun título oficial, que será recoñecido pola USC. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
Seminario Internacional na USC
O rector da USC, Senén Barro; a vicerrectora de Extensión Cultural, Mar Lorenzo; a embaixadora de Cuba en España, Isabel Allende; a consulesa xeral de Cuba en Galicia, María Sánchez, e os profesores Yolanda Novo e José Antonio Baujín inaugurarán o seminario internacional “Alejo Carpentier e España”. (Fonte: El Correo Gallego).

O Instituto Cervantes de Milán acolle a mostra promocional do Xacobeo “Sentimentos de Camiño”
A mostra, que permanecerá aberta na cidade italiana até o 29 de marzo, ten carácter promocional e pretende consolida-lo Camiño como unha oferta turística de alcance europeo tanto este ano como los próximos. Trátase dunha mostra itinerante que dende o pasado mes de novembro recorre varias cidades europeas; tras Milán, “Sentimentos de Camiño” visitará Gottingen, Hannover, Bremen, Varsovia, Cracovia e Bruxelas. (Fonte: Santiago, AGN).

Pesca
Os armadores galegos xa contan con dous informes contrarios ás teses da NAFO
Os armadores de Vigo contan xa con dous informes que contradín o da NAFO, que serviu para recurtar en 2004 nun 56% as capturas de fletán negro, xa que o científico sudafricano Doug Butterworth elaborou un documento que avala as tese do científico Jean Jacques Macguire que cuestionan as técnicas utilizadas polo organismo internacional para avalia-los recursos do fletán. Con base a este informe, os responsables da Cooperativa de Armadores de Vigo trasladoulles ó ministro de Agricultura e Pesca e ó comisario de Pesca a necesidade “urxente” de revisar “en profundidade o informe do organismo internacional, así coma de redactar un novo documento científico”. (Fonte: El Correo Gallego).
01/03/2004
Solidariedade
Os cooperantes explican nas aulas os seus proxectos en Nicaragua
“Unha luz para Nicaragua” é o título da campaña de sensibilización que a Xunta e a Coordenadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento están levando a cabo para dar a coñecer en 110 centros de ensino a realidade daquel país e as contribucións que fan varias organizacións galegas. Con motivo da campaña editaronse mil copias en vídeo de dúas reportaxes realizadas pola Televisión de Galicia nos que se mostran os proxectos apoiados financeiramente pola Secretaría Xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior que teñen en marcha as organizacións FarmaMundi, Asociación Solidaria Salvador Allende, Axunica e Cosal. (Fonte: El Correo Gallego).
 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, La Región, La Voz de Galicia.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2004: febreiro | xaneiro |
2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño |