As cámaras agrarias explícanlle a Fraga a súa preocupación pola PAC O xefe do Executivo galego reuniuse cos presidentes das catro cámaras agrarias para analiza-la próxima aplicación da Política Agraria Común e as preocupacións existentes no sector en torno á desaparición de explotacións agrarias en Galicia. Durante a reunión, as cámaras anunciaron a elaboración dun estudio pola Universidade de Santiago no que se analizan as posibilidades alternativas á PAC. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo O termalismo mundial interesase polo desenvolvemento do sector en Galicia Douscentos expertos en termalismo e gastronomía de 12 países participan no Foro Internacional de Turismo de Saúde, Culto á Auga e Paladar. Neste encontro, organizado pola Consellería de Cultura, participan expertos de Austria, Italia, Alemaña, Suíza, Noruega, Suecia, Reino Unido, Francia, Portugal, Bélxica, Siria e Xapón. Entre os expertos figura o secretario xeral da Asociación Europea de Balnearios, Joachim Lieber. (Fonte: El Correo Gallego).
As aulas galegas acollen este curso 1.200 novos alumnos de orixe estranxeira A educación obrigatoria sumou dende setembro do ano pasado 1.200 novos alumnos de orixe estranxeira. Deste modo, segundo datos da Consellería de Educación, o número de nenos e adolescentes inmigrantes nas aulas galegas supera os 6.720. A maioría destes estudiantes concéntrase na provincias de Pontevedra e A Coruña, en torno ás áreas de maior desenvolvemento económico. Por lugares de orixe, o 56% procede de países de América do Sur; o 18% de Europa occidental, e un 4% de estados de Europa do leste. Colombia e Arxentina son os países que máis alumnos aportan. (Fonte: El Correo Gallego).
A campaña “Outra mirada de Cuba 2003” conclúe coa felicitación do consulado cubano en Galicia A campaña solidaria, que se vén realizando en Galicia dende 1995, concluíu coa recollida de 5.000 gafas que se entregarán nun centro hospitalario da illa caribeña. A iniciativa está organizada polo Grupo óptico Novalux. A cónsul xeral de Cuba en Galicia, María Sánchez, amosou o seu agradecemento ós artífices desta iniciativa e ós que colaboraron con eles, xa que "actitudes como esta contribúen ó desenvolvemento e ó afondamento dos lazos de amizade entre os pobos de Cuba e Galicia". (Fonte: Santiago, AGN). Política PP e oposición enléanse no Parlamento galego nunha discusión sobre a existencia ou non das armas químicas en Iraqe as supostas mentiras dos gobernos estadounidense e español A proposición, na que se pedía un papel central da ONU na reconstrucción de Iraq non saíu adiante. No transcurso do seu debate, os ánimos comezaron a exaltarse cando o deputado do PPdeG, Maximino Rodríguez, asegurou que "non houbo mentira algunha por parte do Goberno español", e que o Executivo só actuou en cumprimento das resolucións da ONU. O deputado popular tamén fixo balance da axuda facilitada pola Xunta de Galicia, que colaborou con 750.000 euros para un programa de desenvolvemento rural na zona onde se atopa a base España do exército español. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea-Pesca Fraga afirma que o problema de Izar é a competencia desleal e insta á UE a tomar medidas compensatorias O presidente da Xunta considerou que é “normal” que os traballadores de Izar estean preocupados pola situación pola que están pasando os estaleiros, pero advertiu que non son xustificables os termos nos que tratan de resolve-los seus problemas, porque o problema do sector naval "non nace nin en Galicia, nin en España, senón en Corea do Sur, nos países nos que se está facendo competencia desleal, respecto á que a UE non tomou aínda, e debía tomar, medidas compensatorias". (Fonte: Santiago, AGN). Economía Máis de cen firmas planifican a súa saída ó exterior Un total de 112 empresas galegas desenvolverán este ano outros tantos plans de iniciación á promoción exterior, segundo o acordo que asinarán a Consellería de Innovación, o Instituto de Comercio Exterior, as nove Cámaras de comercio galegas e as empresas beneficiarias. O acordo, xa aprobado pola Xunta, conta con 1,54 millóns de euros de orzamento. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade Xornalistas de América Latina reafirman o auxe do turismo de raíces A Catedral de Santiago foi o punto de encontro de corenta xornalistas latinoamericanos. O grupo, capitaneado polo director de comunicación internacional da BBVA, foi recibido polo presidente da Xunta en San Caetano. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia presentará na NAFO o seu propio informe sobre o estado do fletán España presentará o vindeiro mes de xuño na reunión científica da NAFO un informe propio sobre a situación dos stocks de fletán negro. Este é o acordo entre o titular de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, e os integrantes das asociacións Anamer e Anamar, que avalaron a proposta do conselleiro de encargar e participar na realización dun estudio científico sobre a situación real dos recursos do caladoiro, que á súa vez contará co aval do Ministerio de Pesca para ser presentado nos foros de decisión da NAFO. Os armadores galegos contarán co asesoramento do biólogo canadense Jean Jacques Maguire. (Fonte: El Correo Gallego).
O Congreso Internacional sobre Trastornos Adictivos contará coa presencia de 14 países O Foro Internacional sobre Trastornos Adictivos ten lugar en Santiago como antesala do Congreso Internacional, no que participarán expertos de Arxentina, Brasil, Chile, Estados Unidos, Uruguai, México, Perú, Portugal, Puerto Rico, Venezuela e Bolivia, así como de Canadá y de Francia. Neste Congreso Iberoamericano, que organizan conxuntamente la Xunta, a Sociedade Española de Toxicoloxía e a Generalitat de Valencia, participarán 90 relatores, superando o número de inscritos o medio millar. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Campaña de sensibilización O Centro Comercial Área Central de Santiago acolle unha mostra fotográfica enmarcada nunha campaña de sensibilización que, baixo o lema “Indíxenas con voz”, conta coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. A mostra recolle imaxes dos indíxenas de Bolivia e Guatemala e explica a través de paneis de texto a situación de discriminación na que viven milleiros de indíxenas en América Latina. Así mesmo, Solidariedade Internacional de Galicia da a coñece-los proxectos que conxuntamente con organizacións de indíxenas realiza en América Latina. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración A Banca xestiona en Galicia tres mil millóns dos emigrantes en Suíza Os bancos e caixas de aforros que operan en Galicia, especialmente Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor, Popular e Banesto, xestionan preto de tres mil millóns de euros procedentes da emigración en Suíza, segundo os datos do Observatorio Económico e Social dos Españois Retornados e Residentes no país helvético. Esta entidade afirma que cada mes chega á autonomía un fluxo de máis de dez millóns de euros para o pagamento de pensións de xubilación ou invalidez dende este estado centroeuropeo, pero a actual relación de cambio entre os francos suízos e o euro “está modificando sensiblemente a opción de España en prol dunha xestión suíza entre os residentes e retornados espacios de Suíza”. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura O Igadi organiza unha conferencia sobre cambios en América Latina O Igadi organiza, na Biblioteca Pública Municipal de Baiona, unha conferencia cargo de Rubén Lois, decano da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago, na que ase afondará sobre nos grandes movementos estratéxicos que atravesan o continente americano, citando os esforzos dos EEUU, dende o norte, e as opcións deseñadas polo sur en países como Brasil ou Arxentina. O día 27, Laudelino Pellitero, analista do Igadi, disertará sobre “As novas vías en América Latina” no IES 1º de Marzo. (Fonte: Faro de Vigo).
Fraga, con Coca-Cola O titular do Executivo galego, Manuel Fraga, mantivo un encontro co presidente de Coca-Cola para Europa-Eurasia e Oriente Medio, Sandy Allan. A multinacional asinou un convenio de colaboración coa Xunta pola que aportará novecentos mil euros ó programa do Xacobeo. (Fonte: El Correo Gallego). Destacan o papel da gastronomía na promoción exterior de Galicia O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, destacou a importancia da gastronomía, así como a da variedade pesqueira e marisqueira, na promoción exterior de Galicia. Pérez Varela inaugurou o Encontro Internacional sobre Pesca e Gastronomía e as Olimpiadas do Marisco, que teñen lugar no Centro Superior de Hostalería de Santiago. (Fonte: El Correo Gallego). Galicia lidera a clasificación europea en número de transplantes de pulmón Segundo Blanca Miranda, coordenadora nacional de transplantes, “esta é a comunidade onde máis operacións deste tipo se realizan non só en España, senón en toda Europa”. O liderado significa que “un paciente galego espera moito menos que calquera do resto de España e da UE a que apareza un órgano para seguir vivindo”. Os datos o confirman: a media de espera no Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo da Coruña -o único que practica estas intervencións na comunidade autónoma- é de 62 días, mentres que a nivel estatal a ratio sitúase en 134. (Fonte: La Voz de Galicia).
A Unión Europea recupera plantas autóctonas na cunca alta do Miño Eliminar especies alóxenas e, a cambio, plantar especies autóctonas, é unha das misións que un grupo de investigadores da Universidade de Santiago leva a cabo nas terras do Miño lucense. O proxecto púxose en marcha tras recibi-lo visto bo da UE, que decidiu subvenciona-la iniciativa no marco do programa Life Nature. Está cofinanciado pola Xunta e pola Deputación de Lugo, a través do organismo autónomo Inludes. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca Expertos internacionais debaterán sobre pesca e acuicultura en Santiago Unha vintena de expertos participan no Encontro Internacional sobre Pesca e Gastronomía, que ten lugar en Santiago, no marco do Xacobeo 2004. O foro está organizado pola Xunta, o FROM, o Ministerio de Agricultura , Pesca e Alimentación; a Academia de Gastronomía e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (Anfaco). Colaboran as academias galega e internacional de gastronomía e a Fundación Española de Nutrición. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración A Consellería de Emigración aumentará o número de axudas para emigrantes retornados Emigración prepara unha orde de axudas extraordinarias dirixidas ós emigrantes retornados e está previsto que a contía aumente con respecto ó ano anterior. En concreto, aumentaranse as axudas destinadas ós galegos retornados con máis de 65 anos. En 2003 o número de solicitudes incrementouse nun 31% e a cifra de solicitudes favorables aumentou nun 20%. Para 2004 se espera superar estas cifras, xa que Galicia é a primeira comunidade en canto o número de emigrantes retornados. (Fonte: El Correo Gallego).
O movemento reintegracionista celebra o I Foro da Lingua, no que pedirá a oficialidade do galego-portugués O movemento reintegracionista discutirá as novas estratexias de acción no “I Foro da Lingua”, que se celebrará o 28 de febreiro en Santiago, e estará organizado polo Movemento de Defesa da Língua (MDL) Ademais do MDL, o encontro contará coa participación de movementos como a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a Associaçom da Amizade Galiza-Portugal e organizacións comarcais. Os grupos consideran que as características do galego non están contempladas na normativa vixente dende 1982 e tampouco na última reforma realizada en xullo de 2003, considerada a norma da concordia por atender a reivindicacións das diversas correntes. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Castrosúa exporta tecnoloxía para equipar autobuses urbanos de China Os autobuses urbanos que se comercializarán na República China terán tecnoloxía compostelá. Esta é a previsión que se extrae do acordo asinado entre Castrosúa –líder do sector de transporte público urbano- e a firma Irizar. O convenio contempla a transferencia de tecnoloxía por parte de Castrosúa para o carrozado de autobuses urbanos do modelo C.S 40 City, que se distribuirán na República Popular China, un mercado que supera as dez mil unidades ó ano, e que nos últimos anos demanda tecnoloxías avanzadas europeas. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior Axudas para fomenta-la cooperación ó desenvolvemento As axudas da Xunta para a cooperación ó desenvolvemento sumarán este ano algo máis de 2,2 millóns de euros. A contía repartirase entre diferentes programas para formación de expertos no terreo e o fortalecemento das organizacións non gobernamentais. Á hora de valora-las subvencións, a Xunta terá en conta a área xeográfica na que se desenvolvan, dando especial prioridade a El Salvador, Honduras, Nicaragua, República Dominicana,Cuba, Bolivia, Ecuador, Perú, Mozambique, Mauritania, Namibia, Cabo Verde, Angola e Guinea Ecuatorial. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Científica A USC alíase con tres países para exporta-las súas empresas innovadoras O plan de creación de empresas da Universidade de Santiago aproveitou a Conferencia Iberoamericana de Rectores para romper fronteiras. Os promotores de Uniemprende estableceron contactos cos campus de Chile, México e Brasil para colaborar na creación de empresas baseadas en proxectos científico-tecnolóxicos ideados por membros da comunidade universitaria, abrindo así novos mercados ás compañías nadas no seo da USC. Desta colaboración nace Uniemprende Internacional que incidirá en ofrecer unha formación específica ó respecto, aínda que a súa primeira vocación é lanza-las empresas vencelladas á Universidade a América. (Fonte: El Correo Gallego). Os rectores prometen pula-la validación de títulos con América A Conferencia Iberoamericana de Rectores pechouse coa Declaración de Compostela, documento no que os representantes de 165 universidades se comprometeron a pula-lo desenvolvemento do espacio común de educación superior da Unión Europea, América Latina e Caribe (UEALC). Durante os tres días que durou a Conferencia, rectores de diferentes universidades formalizaron preto de trinta convenios para intensificar cooperación a miúdo xa establecidas (un deles, o celebrado entre a USC e a Universidade de Río Grande do Sul, Brasil). Os responsables dos campus de 17 países destacan o compromiso de pór en marcha un modelo común de cretos académicos. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal O Centro Galego de Lisboa pulará a difusión do Xacobeo O Centro Galego de Lisboa inicia una programa de actividades relacionadas coa promoción e difusión da cultura e do Xacobeo organizado en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A acción enmárcase no programa “Actuacións no Exterior”, desenvolvido pola Dirección Xeral de Promoción Cultural para difundi-la cultura galega. (Fonte: El Correo Gallego).
Barreras construirá dous transbordadores para Francia O departamento francés de Seine-Maritime anunciou a compra ós estaleiros Hijos de J. Barreras de dous barcos destinados ó transporte de pasaxeiros e mercadorías pola Canle da Mancha, por un monto total de 83,2 millóns de euros. Os dous barcos cubrirán a liña entre a localidade francesa de Dieppe e a británica de Newhaven. (Fonte: La Voz de Galicia). A caída do dólar comeza a facer estragos nas empresas galegas Dende xaneiro de 2002 a xaneiro deste ano o euro encareceuse un 42% respecto ó dólar. As consecuencias comezan a ser preocupantes para moitas empresas galegas que venden os seus productos fóra de Europa ou que compiten aquí con mercadorías fabricadas fóra da zona euro. É o caso da multinacional GKN Driveline (antes Indugasa), ou Zelnova. Segundo a última enquisa do ICEX, o 79% das empresas exportadoras galegas afirman que o seu negocio internacional se está a deteriorar; deles, un 44% culpan ó euro. (Fonte: La Voz de Galicia). Galicia volve ó déficit, con 274 millóns en números vermellos En 2002, as empresas galegas lograron, por vez primeira na súa historia, acadar un superávit comercial. En 2003, Galicia volve ó números vermellos na súa balanza comercial; entre xaneiro e novembro o déficit comercial galego atinxiu os 274 millóns de euros. Só en novembro, o saldo negativo da balanza comercial galega foi de 72 millóns de euros, a cuarta parte de todo o ano. O efecto do encarecemento do euro foi case automático: as importacións (+13,4%) crecen o dobre que as exportacións (+3,9%); sen embargo, o feito de que a maior parte das empresas galegas (79%) estea en Europa, está a suaviza-la crise. (Fonte: La Voz de Galicia). Cultura Ramonet e Chao presentan en Galicia a edición española de “Abecedario” As preguntas sobre a globalización, os seus fundamentos e o que representa teñen resposta nun libro “Abecedario (subxectivo) da globalización”, escrito polos xornalistas Ignacio Ramonet e Ramón Chao, galegos afincados profesionalmente en París. O libro, editado en España por Seix Barral, foi presentado polos seus autores nun acto en Santiago. (Fonte: La Voz de Galicia). Unión Europea Miguélez afirma que os datos da Comisión amosan que “Galicia cada vez queda máis atrasada” Á vista dos últimos indicadores rexionais publicados pola CE, a eurodeputada socialista Rosa Miguélez alerta do risco de que, se se mantén a tendencia apuntada, Galicia perda o ten do desenvolvemento europeo trala ampliación. Miguélez sinala que os países candidatos crecen por riba de Galicia, pese a non recibir aínda fondos estructurais europeos. Galicia atópase no 66,3% da media comunitaria actual, moito máis cerca do 50,6% de Epiro (Grecia), a rexión máis pobre da Unión, que da máis rica, Londres, que ten o 263%. Segundo a eurodeputada, que critica a “utilización clientelar” dos fondos por parte da Xunta, o conxunto de España creceu un 3,7% no período 1995-2001, mentres que Galicia o fixo nun 2,8%. (Fonte: Santiago, AGN).
Mozos galegos comezan as xornadas de traballo do programa europeo “Participa” Por medio deste programa, 75 mozos galegos investigarán as actuais políticas de xuventude para aportar suxestións e propostas ó Parlamento de Galicia. O obxectivo é lograr unha participación activa da mocidade á hora de defini-las actuacións políticas, que terán relevancia directa na súa vida cotiá. A Consellería de Familia comprométese a ter en conta as contribucións de “Participa” no establecemento das metas para os próximos anos. (Fonte: Santiago, AGN). Portugal Técnicos lusos buscan consello en Pontevedra Unha delegación lusa, presidida polo director xeral de Montes, Antón Sousa, visitou o Servizo Provincial de Incendios de Pontevedra, tras manter un encontro co presidente da Xunta. A delegación, nunha visita enmarcada na colaboración que mantén Galicia con Portugal, pretende coñece-lo modelo de defensa contra os incendios forestais. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade Jesús Villamor, membro do Xacobeo nos EEUU A organización Xacobeo USA, con sede en New Jersey, nomeou a Jesús Villamor, rexedor de Padrón, membro de honra do seu comité executivo. Xacobeo USA –unha coalición de sociedades españolas que preside o galego Anselmo Millán- organizará este ano unha serie de actividades que terán como eixo as distintas vías de peregrinaxe por terra e mar. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia e Portugal ofrecerán cursos conxuntos de formación ocupacional As administracións galega e portuguesa porán en marcha en marzo unha iniciativa pioneira na UE que permitirá a desempregados de ambos países realizar cursos de formación profesional ocupacional a ambas beiras da fronteira. As competencias adquiridas, relacionadas cos sectores con máis demanda na zona fronteiriza, serán recoñecidas cunha acreditación con validez en ambos países. O proxecto común “Formación Profesional Transfronteiriza” está apoiado polo programa comunitario Interreg III. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Científica A USC tende pontes entre Europa e América no cumio dos rectores As conferencias reunirán até o día 21 a representantes de 165 universidades de 17 países. Brasil e México serán os países con maior presencia, ambos con 28 universidades. A reunión concluirá coa Declaración de Compostela, documento de propostas sobre o ensino superior que lles será remitido ós ministros de Educación, dentro do Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea A Comisión Europea presenta a proposta de orzamento para a política de cohesión rexional A proposta establece mante-lo groso dos fondos para as rexións máis pobres, é dicir, que serán rexións Obxectivo 1 as que teñan un PIB menor que o 75% do PIB medio da UE. Segundo os últimos datos publicados por Eurostat en base as cifras 1999-2001, poderían permanecer baixo o límite Galicia (72,8%), Castilla-La Mancha (74,2%), Extremadura (59,1%) e Andalucía (68,7%). Segundo a vicepresidente da CE, Loyola de Palacio, se establecerán mecanismos para que as rexións que sofren o denominado “efecto estatístico” da ampliación sigan recibindo fondos. Neste caso están rexións como Murcia ou Asturias. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade A Xunta entrégalle un cruceiro a unha confraría brasileira A Confraría do Apóstolo Santiago é a máis antiga das confrarías xacobeas, pero non está en Galicia, senón en Fortaleza, Brasil. O vindeiro 25 de xullo cumprirá 400 anos e para conmemora-lo aniversario a Xunta lle fixo entrega dun cruceiro construído en pedra por mestres da Cantería de O Porriño. (Fonte: El Correo Gallego).
Dalphimetal constrúe a súa cuarta fábrica no norte de Portugal O fabricante vigués de volantes Dalphimetal asinou a compra dunha vella factoría de calzados en Ponte de Lima, localidade portuguesa situada a 80 Km. de Vigo. O investimento da multinacional española rolda os 12 millóns de euros. Dalphimetal abriu, nos últimos cinco anos, outros tres grandes centros de producción en Portugal. (Fonte: La Voz de Galicia). Unión Europea-Pesca Galicia fracasa na súa tentativa de faenar en augas de Grenlandia A pesca en augas de Grenlandia, actividade pola que a UE paga un elevado canon, seguirá sendo un coto privado de danesas,alemáns, británicos e irlandeses. Esta foi a postura mantida pola Eurocámara, que se pronunciou, por dez votos fronte a sete, en contra de ceder a flotas como a galega as capturas que non se chegan a extraer nos caladoiros grenlandeses. A comisión de Pesca votou unha iniciativa da eurodeputada Rosa Miguélez sobre a revisión do pacto pesqueiro con Grenlandia na que se recoñecía o “deber” da Comisión de asigna-las cotas que quedasen sen explotar a flotas que estivesen interesadas, como a galega e a portuguesa. (Fonte: La Voz de Galicia). Unión Europea Bruxelas cre que Galicia está “ás portas” de perde-los fondos da UE A renda de Galicia equivalía no ano 2001 ó 73% da media da Europa dos 25, un dato que sitúa á comunidade galega a tan só dous puntos de perde-la condición de rexión Obxectivo 1, e, en consecuencia, o groso dos fondos rexionais que obtén directamente. Fontes comunitarias confirmaron que Galicia está a piques de saírse de Obxectivo 1, pero “aínda haberá que agardar dous anos para ver que ocorre coas rexións españolas”. Por outra banda, a Eurocámara volveu negarse a incluí-la execución do trazado do AVE Galicia-Madrid e Galicia-Bilbao na categoría de execución acelerada ou prioritaria. (Fonte: La Voz de Galicia). Portugal Currás aposta por traballar con Portugal para a converxencia europea O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria participou na localidade portuguesa de Braga nos actos de conmemoración do 30 aniversario da Universidade do Minho, institución que conta, dende hai oito anos, cun Centro de Estudios Galegos. Currás destacou a necesidade de aproveita-la situación xeográfica de punto estratéxico no eixo Atlántico “para busca-la mellor preparación dos licenciados, fomentando o intercambio e a mobilidade de estudiantes”. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade Cochón destaca o recoñecemento internacional do programa Epidat O conselleiro de Sanidade destacou o recoñecemento internacional acadado polo programa informático Epidat, desenvolvido polo seu departamento e que se emprega dende 1994 para a análise e a investigación no campo da saúde pública e a epidemiolóxica. Cochón presentou a nova versión desta ferramenta, que conta con gran aceptación dende a súa presentación oficiosa na Congreso da Sociedade Latinoamericana de Epidemioloxía de 1995 en Brasil. (Fonte: El Correo Gallego).
Unha serie europea para televisión divulgará a investigación da USC A investigación da Universidade de Santiago de Compostela será unha das protagonistas da serie televisiva “Europa investiga”. A serie, dentro do programa Compostela Media, do Grupo Compostela de Universidades, será producida por Larry Leene, autor de documentais galardoados como “Exilio”. A iniciativa atópase nunha fase avanzada, na que a USC e as universidades de Westminster (Reino Unido), Lodz (Polonia), Masaryk (República Checa) e Jaume I forman o grupo de vangarda da serie. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Máis de quince mil mozos participan en Euroescola Máis de 15.000 mozos europeos entre 13 e 18 anos participarán na XI edición do concurso Euroescola, que ten o obxectivo de pór a proba os coñecementos dos mozos europeos sobre o Proxecto de Constitución Europea e as vindeiras eleccións ó Parlamento Europeo. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior Villa Galicia acolle en Uruguai a 25 familias sen recursos Vintecinco familias procedentes de asentamentos marxinais da área metropolitana de Asunción (Paraguai) dispoñen a partir deste mes de vivendas sociais financiadas polos fondos de cooperación de Galicia. Unha delegación da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior trasladouse á capital uruguaia para proceder á entrega das vivendas, agrupadas nunha comunidade chamada Villa Galicia na localidade de Limpio, a 25 Km. de Asunción. (Fonte: La Voz de Galicia). Economía Izar negocia con Australia e Israel a construcción de buques baseados nas fragatas F-100 O grupo Izar negocia coas Armadas de Israel –a través do consorcio Afcon, do que forma parte xunto a dúas compañías norteamericanas- e Australia a venda de buques baseados nas fragatas F-100, un modelo que constrúe actualmente o estaleiro ferrolán para a Mariña española. Izar, Lockeed Martin e Bath Iron Works –estaleiro de General Dynamics- asinaron a principios de 1999 un acordo para comercializar nos mercados internacionais tódalas posibles variantes das F-1200. (Fonte: La Voz de Galicia). Cultura O Igadi fai de Baiona un punto de encontro para os estudios sobre América Latina A colaboración para incrementa-los contidos do portal electrónico gloobal.net e a definición de políticas de formación e integración de inmigrantes que proceden de América Latina son os primeiros acordos e conclusións do encontro mantido en Baiona entre os representantes do Instituto de Estudios para América Latina, con sede en Madrid, e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional. Ambas entidades acordaron referenciar en Baiona e no marco do Foro Iberoamericano tódalas actividades que poidan desenvolver nese ámbito. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia, Extremadura e Andalucía manterán a prioridade no reparto das axudas comunitarias a España Coa inminente ampliación da UE a 27 países, o Estado español perderá case o 40% dos fondos que recibe hoxe, se ben conservará un cheque de 34.400 millóns que se destinaría, sobre todo, a financia-lo desenvolvemento de tres comunidades: Extremadura, Andalucía e Galicia. Aplicando a proposta financeira de Barnier, a reserva equivaldría a preto de 260.000 millóns de euros para todo o septenio, a repartir entre as zonas Obxectivo 1, como Galicia e as rexións Obxectivo 1 bis, nas que se inclúen Asturias e as rexións que segurían no grupo galego se non houbese ampliación. (Fonte: La Voz de Galicia). A UE inclúe Vigo entre os oito mellores programas de inserimento laboral O proxecto Compás de integración laboral, desenvolvido pola Mancomunidade de Vigo, foi seleccionado entre os oito mellores de España pola unidade administrativa do Fondo Social Europeo.Trátase do único programa galego enmarcado na iniciativa Equal que, xunto ós sete restantes, desenvolverá unha guía sobre a aplicación transversal da igualdade de oportunidades ós proxectos de emprego e formación laboral. (Fonte: La Voz de Galicia). Pesca A flota galega faena tranquila nas Açores pese ó malestar luso Despois dunha semana traballando baixo a presión das ameazas, a flota galega opera con tranquilidade nas augas adxacentes ás Açores ó saberse apoiada pola Comisión Europea. Segundo os servizos xurídicos da Comisión Europea,despois do pasado 1º de xaneiro España pode faenar entre as 100 e as 200 millas das Açores, algo que parte dos implicados do país veciño interpretaban ocorrería en agosto deste ano. (Fonte: La Voz de Galicia).
Axuda galega directa ó sur A sexta asemblea de Amarante, celebrada en Santiago, aprobou a irrupción desta ONG galega no modelo de cooperación directa cos países do sur. O director da organización, Xoán Hermida, destacou que o campo da cooperación está copado en Galicia polas grandes ONGs estatais, e as galegas se adican só á sensibilización porque “é máis fácil e require menos recursos e máis madurez”. Até o de agora, só Meniños desenvolvía un labor semellante no campo da cooperación en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal O proxecto Infaluga potenciará o sector forestal galego e luso A Fundación Semana Verde e a asociación portuguesa Forestis promoven un proxecto, o Infaluga, para potencia-lo sector forestal, floral e tamén agropecuario a través da introducción de novas tecnoloxías. As dúas entidades asinaron o convenio de colaboración transfronteiriza, que se presentará ó plan Interreg III. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Un documento a nivel europeo acreditará o grao de coñecemento de idiomas A Consellería de Educación organizou unhas xornadas de traballo de profesores para intercambiar experiencias e difundi-lo Portafolio, un documento promovido polo Consello de Europa que indica o nivel de coñecemento que posúe unha persoa en linguas estranxeiras. A iniciativa foi posta en marcha a nivel experimental en Galicia, Catalunya, Madrid e Castilla-León. (Fonte: El Correo Gallego).
O Bloque pide o regreso inmediato das tropas de Iraq BNG, Izquierda Unida e PNV aseguran que o candidato do PSOE, J.L Rodríguez Zapatero, se queda curto ó anuncia-la volta das tropas españolas para xullo se para entón a ONU non toma as rendas do país. A xuízo destas formacións, debería producirse o regreso “inmediato” dos soldados destacados en Diwaniya. O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, cualificou de “positivo pero limitado” o anuncio do PSOE. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade O arcebispo Xulián Barrio presenta en Roma a Peregrinaxe dos Mozos O arcebispo de Compostela viaxou a Roma, onde, na sede do Pontificio Consello de Laicos, presentará a Peregrinaxe Europea dos Mozos (PEJ’ 2004), que se celebrará o próximo agosto en Santiago. Barrio exporá esta xornada da mocidade perante unha trintena de representantes dos movementos laicos da Igrexa e de responsables eclesiásticos do Vaticano. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Afigal asesorará ós emprendedores galegos que invistan en Portugal Os emprendedores da comunidade galega contarán co apoio e os avais da sociedade de garantía recíproca Afianzamentos de Galicia (Afigal) á hora de desenvolver proxectos empresariais en Portugal. Afigal poderá garanti-los investimentos de empresas mixtas, con capital galego e portugués, e coavaliar operacións con sociedades de garantía lusas mediante un protocolo asinado con Norgarante, Lisgarante e Garval, as súas homólogas no país veciño. (Fonte: El Correo Gallego).
Piden que a Axencia da Pesca xestione as augas comunitarias Os armadores de Vigo consideran que a futura Axencia Europea para a Xestión dos Recursos Pesqueiros (AEGRP) debería incluír algo máis que os labores policiais de control da pesca nas augas comunitarias. En opinión dos empresarios, a oficina debe asumi-la xestión das augas soberanas da UE, con competencia sobre os buques, o Total Admisible de Capturas e as cotas. Trataríase de responsabilizarse do posto de mando do sector que agora desempeña Bruxelas. (Fonte: La Voz de Galicia). Economía Vigo Automoción comeza a producción na nova fábrica aberta en Chequia O fabricante galego de estructuras para asentos Viza iniciou o seu plan de internacionalización coa posta en marcha da instalación de Chequia (na localidade de Pilsen), unha instalación que xa comezou a producir a finais do pasado ano. Viza factura da orde de 90 millóns de euros e en 2004, primeiro ano completo de producción en Chequia, acadará os 112 millóns. (Fonte: La Voz de Galicia). O porto de Vigo monopolizará a descarga de aceiro para a instalación de Benteler O porto de Vigo xogou un papel determinante para a instalación da multinacional da automoción Benteler no parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares. Segundo os directivos de Benteler, a construcción das dúas fábricas (Valadares e Balaídos) comezará este mesmo ano, cun investimento de 52 millóns e unha contratación inicial de 300 traballadores. O emprazamento é considerado “estratéxico” porque a fachada atlántica (Galicia e Portugal) produce 700.000 coches ó ano, “os mesmos que fabrica Brasil”. (Fonte: La Voz de Galicia). Cultura Dezaoito mostras relanzan o Camiño por toda Europa e España Catro cidades europeas –Toulouse, Hannover, Bergen e París- e outras tantas españolas acollen mostras enmarcadas no proxecto cultural e de lecer elaborada pola Xunta de Galicia para atrae-la atención nacional e internacional sobre o Camiño de Santiago. A itinerante “Camiño de Santiago, Luz e Vida”, que se exhibe en Toulouse, Hannover e Bergen; e “Sentimentos do Camiño”, que se pode visitar actualmente en París, únense ás mostras que se está a realizar en Logroño, Badajoz, Madrid e Zaragoza. (Fonte: El Correo Gallego). Política Touriño avoga pola elaboración dun plan estratéxico de cooperación con Iberoamérica Esta é a terceira proposta política do secretario xeral do PsdeG nos seus catro días de periplo preelectoral en Arxentina e Uruguai. Pérez Touriño comprometeu en Montevideo esta iniciativa, que servirá para fortalece-las relacións entre a UE, chamada a xogar un papel “equlibrador”, e Mercosur (Arxentina, Uruguai e Brasil). Os obxectivos do plan son, segundo fontes socialistas, o potenciamento das pequenas e medianas empresas e da economía social. (Fonte: La Voz de Galicia).
Galicia case duplica a emisión de gases permitidos por Kioto A comunidade galega afástase dos obxectivos fixados polo Protocolo de Kioto, que tenta frea-lo efecto invernadoiro responsable do cambio climático. En 1997, España adquiriu o compromiso de fixa-lo tope de incremento de emisión de gases á atmosfera nun 15% entre 1990 e 2012. Até o ano 2001, ó último do que se dispoñen datos, as emanacións contaminantes en Galicia incrementaronse nun 27% (sendo a media española dun 32%). Perante esta realidade, a Consellería de Medio Ambiente comezou a preparar unha estratexia para facerlle fronte ó cambio climático. (Fonte: El Correo Gallego). Economía A primeira obra de Fenosa en Iraq será reconstruír unha central hidroeléctrica Fenosa, a través da súa filial Soluziona, vén de asina-la seu primeiro contrato co exército dos EEUU para realizar unha obra en Iraq. Trátase da reconstrucción dunha central hidroeléctrica situada en Haditha, ó noroeste do país. O contrato, asinado o pasado día 6 en Washington, ten un importe de 10 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia). Política-Unión Europea O Bloque demandará que Galicia lidere a política pesqueira común Anxo Quintana defende que Galicia “na súa condición de maior potencia pesqueira” da UE, debe protagoniza-la política común de pesca e ter “presencia directa” nos organismos internacionais, ademais de crear unha”rede de embaixadores” sectoriais galegos en terceiros países. Quintana explica que “Galicia esixe ter voz propia e voto propio” e o terá nas institucións comunitarias “se o BNG, a partir de marzo, é decisivo en Madrid”. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Galicia explica en Lisboa o seu modelo contra os incendios O director xeral de Montes, Tomás Fernández, participará nunha reunión internacional en Lisboa na que exporá o modelo galego de loita contra os incendios forestais. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea A ampliación comunitaria non suporá que Galicia perda os fondos comunitarios Galicia non perderá a axuda dos fondos europeos nin no caso de que, como consecuencia da ampliación dos estados membros, deixe de formar parte das rexións Obxectivo 1. Este anuncio foi feito polo conselleiro de Economía, José Antonio Orza, xa que Galicia “manterá parte das subvencións”. Orza indicou que,de calquera xeito, entre as previsións da Administración figura manterse coma área Obxectivo 1. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura A revista do Igadi analiza a política exterior dos EEUU O último número de “Tempo Exterior” somete a exame o momento actual da sociedade e a política estadounidense.Tom Barry, Saúl Landau, José María Tortosa e Carmen Pereira-Muro pormenorizan sobre a visión política do goberno de George W. Bush. O conxunto complétase cos vencellamentos da política estadounidense e os intereses enerxéticos en todo o mundo, e o desinterese por cooperar con mecanismos legais que exclúan ou temperen o uso da violencia. (Fonte: Faro de Vigo). Economía A Zona Franca de Vigo construirá unha planta de frío en China para empresas galegas O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, Pablo Egerique, anunciou a construcción na provincia chinesa de Shandong dunha planta frigorífica que estará ó servizo dos empresarios que queiran dar a coñece-los seus productos no mercado asiático e coñece-la súa acollida sen necesidade de investir nunha instalación propia. Segundo Egerique, Shandong é unha zona que posúe un enorme potencial para a empresa galega en diferentes sectores, como as industrias da transfirmación, a automoción e o turismo. (Fonte: La Voz de Galicia). Unión Europea-Pesca A Eurocámara rexeita o plan para recurta-la pesca da pescada O voceiro de Pesca do Grupo Popular, Daniel Varela, destacou a importancia das emendas aprobadas pola Eurocámara para modifica-la proposta da Comisión, pois permitirá “a supresión dos requisitos de recurtamentos do esforzo que pretendía”. O eurodeputado vigués Manuel Pérez destacou que agora terá lugar un “plan de xestión que non só é compatible cos problemas biolóxicos ou medioambientais da especie, senón tamén co impacto socioeconómico”, xa que se evitará unha dura reducción do esforzo pesqueiro. (Fonte: La Voz de Galicia). A costa viguesa, líder mundial da pesca, pretende se-la cabeceira da autopista marítima atlántica Vigo xa presentou a súa candidatura formal en Bruxelas para converterse nunha das portas do Atlántico para o tráfico de mercadorías entre América, Europa e África. Os novos peiraos de Bouzas, que permitirán a entrada dos maiores buques transoceánicos do mundo, abrirán enlaces directos de coches ou manufacturas diversas entre Galicia e Norteamérica, Mercosur ou Sudáfrica. O emprazamento en Vigo da Axencia Europa da Pesca activará tamén a especialización portuaria e porá en marcha novas liñas de investigación e desenvolvemento. (Fonte: La Voz de Galicia).
Microsoft anuncia unha versión en galego de Office e de Windows XP para este verán A filial española de Microsoft anunciou a distribución dunha versión en galego destes dous sistemas operativos. O anuncio prodúcese un día despois de que a Mesa pola Normalización Lingüística ameazara á firma estadounidense con boicotea-los seus productos nos centros públicos e de ensino se non se traducía o software ó galego. Tanto Microsoft Ibérica como a Consellería de Educación sinalan que a decisión é froito dun convenio asinado en xullo do ano pasado entre as dúas institucións. (Fonte: La Voz de Galicia). Política Touriño propón crear unha rede galega de cooperación exterior O obxectivo da rede, proposta polo secretario xeral do PsdeG durante unha conferencia en Bos Aires, é promove-la colaboración entre os empresarios galegos da comunidade e os emigrantes na Arxentina. Touriño ofreceu mitins tamén en Wilde e Avellaneda, onde prometeu un Estatuto dos Dereitos da Emigración, no que se recollería a reforma da nacionalidade, se José Luís Rodríguez Zapatero chega á Moncloa. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Científica A USC, referente europeo para as universidades americanas Rectores de universidades iberoamericanas reuniranse do 19 ó 21 deste mes de febreiro nos campus de Santiago e Lugo para reflexionar sobre o futuro do ensino superior. Trátase dunha conferencia internacional organizada pola Universidade de Santiago de Compostela, que pretende “afianzarse como referente europeo para as universidades do mundo americano”. Polo tanto, a finalidade última do evento é “reforzar e atopar novos nexos de restitución cos campus que foron xurdindo no Novo Mundo”, segundo sinala a organización. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Alertan do impacto laboral polo traslado de conserveiras a América O sindicato Comisións Obreiras presentou en Ribeira un estudio sobre o proceso de deslocalización na industria conserveira e o impacto que terá no emprego galego os proxectos internacionais das empresas do sector. “O proceso de deslocalización implicará que as fábricas galegas manterán como única actividade industrial o enlatado. A segunda ameaza é que importen o producto xa terminado, polo que se converterían en sociedades comercias sen base industrial en Galicia. Se trasladasen tamén o proceso de enlatado se perdería outro 30% do emprego”, expuxo Francisco Vilar, secretario xeral da Federación Agroalimentaria de CCOO. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Galicia, oportunidade lusa A busca dunha nova visión estratéxica e un novo modelo económico e de desenvolvemento reuniu en Lisboa a 300 empresarios da elite empresarial lusa, nunha iniciativa inédita chamada Compromiso Portugal. Durante este encontro, responsables de multinacionais españolas afincadas neste país recomendaron á patronal portuguesa apostar polos mercados galego e andaluz, con maiores perspectivas de crecemento. “Galicia ten unha vantaxe competitiva sobre o norte de Portugal”, afirma Antonio Viana-Baptista, presidente executivo de Telefónica Móviles, que resaltou que Galicia ten “dúas das dez primeiras empresas pesqueiras do mundo”. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea A Xunta investiu en infraestructuras universitarias o triple que a media europea A Consellería de Educación reiterou o seu rexeitamento ó informe do Consello Económico e Social (CES) sobre financiamento universitario, aportando datos totalmente diferentes. A Consellería lembrou que a Xunta aporta un 30% do financiamento universitario en investimentos, o triple que a media europea, e que non parece reflectida na subvención incondicionada ás universidades. (Fonte: La Voz de Galicia).
Entrega dun novo barco a Namibia Manuel Fraga participará na cerimonia de entrega e abandeiramenteo do buquede vixilancia e apoio P-499 “Anna Kakurukaze Mungunda”, á que tamén asistirá a secretaria de Estado do Ministerio de Pesca e Recursos Mariños da República de Namibia, Nangula Mbaki. O acto terá lugar nos estaleiros e varadoiros San Gregorio. (Fonte: El Correo Gallego). Inditex e Adolfo Domínguez, en China A multinacional galega Inditex abrirá este ano a súa primeira tenda en China, concretamente na cidade de Hong Kong. En canto ó continente asiático, ademais da primeira tenda en China, Inditex abrirá tamén este ano a súa terceira tenda en Singapur, unha décima en Xapón e unha terceira en Malaisia. Por outra parte, a compañía que dirixe o deseñador galego Adolfo Domínguez aterrou en 2003 en China, trala apertura da súa primeira tenda na capital. Domínguez espera contar con cinco puntos de venda neste país a finais de 2004. (Fonte: El Correo Gallego).
A mariña solicitará nove bandeiras azuis máis á UE para as súas praias A marca Bandeira Azul ten cada día máis repercusión. Proba diso é o importante esforzo realizado polos concellos mariñáns para obter este galardón, que outorga anualmente a fundación ADEAC ás praias que se distinguen pola calidade das súas augas e os seus servizos. Se o ano pasado foron quince os areais lucenses que obtiveron este galardón, avalado pola Unión Europea, nesta ocasión a cifra ascende a 24. O concello de Foz aspira a obtelo para oito dos seus areais, mentres que Viveiro quere recuperalo para Covas e Sacido; Burela, para O Portelo, e O Vicedo, para Xilloi. (Fonte: El Progreso).
Bello Janeiro apunta que a exportación a Arxentina volve á ser positiva As exportacións españolas a Arxentina creceron en 2003 tras dous anos en descenso pola crise no país latinoamericano. De acordo con Bello Janeiro, que viaxou a Washington par mediar na sede do Banco Mundial no litixio que enfronta a Siemens e Arxentina, o incremento tería estado en torno ó 20% con respecto ás cifras de 2002. Galicia ocupa un lugar destacado neste capítulo, con 25 millóns de euros en exportación, situandose en niveis semellantes ós de outras comunidades como Madrid ou Valencia. (Fonte: El Correo Gallego). Canteiría de Soutelo de Montes para restaura-la Casa Branca Unha empresa fundada por un emigrante galego –Lorton Contracting- lidera o sector da canteiría nos EEUU e, dende 1978, é a encargada de executa-las reformas da residencia presidencial, a Casa Branca. Aínda que hai uns anos practicamente tódolos seus canteiros eran galegos, actualmente o grupo se reduce a unhas 30 ou 40 persoas, procedendo o resto de países centroamérica os e sudamericanos. Lorton Contractings abastécese de granito en Galicia e Italia, namentres o mármore prefire adquirilo en Alacante. (Fonte: El Correo Gallego).
As galegas abandeiran a loita na UE por gañar protagonismo na pesca O recoñecemento social acadado polas mulleres galegas que se adican á actividade pesqueira é un referente e modelo a seguir por parte das súas homólogas en sectores como Francia, Portugal, Reino Unido, Holanda, Irlanda ou Finlandia, segundo puxo de manifesto no simposio “A muller na pesca, na acuicultura e no marisqueo no contexto comunitario”, celebrado en Santiago. Tras dous días de intercambio de experiencias, as traballadoras do sector coincidiron en denuncia-la “invisibilidade” da que son obxecto, posto que o seu labor no sector pesqueiro non conta co xusto recoñecemento que lles correspondía, algo que está comezando a cambiar. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea España e Portugal asinan en Vigo o acordo que iguala a súa prestación sanitaria Os ministros de Sanidade de España e Portugal asinaron en Vigo un convenio que permitirá ofrecerlles ós cidadáns de ambos países unha atención sanitaria semellante con independencia da beira da fronteira en que se atopen. O paso dado por ambos países será xeralizado nos próximos anos pola entrada en vigor dunha tarxeta sanitaria que garante os mesmos servizos a tódolos cidadáns da Unión Europea. O comité de seguimento do convenio terá tamén a súa sede en Vigo. Das 5.000 persoas que viaxan a diario entre Galicia e Portugal para traballar, 3.000 son galegas e, delas, a maioría pertence á rama sanitaria, sobre todo médicos e enfermeiros. (Fonte: Atlántico Diario). Emigración Emigración aporta axudas para moderniza-los centros galegos que están no exterior A Consellería de Emigración convocará este ano axudas por valor de 1,7 millóns de euros para os centros galegos que teñan que acometer obras de mellora ou acondicionamento das súas instalacións, segundo se estipula nunha orde que será publicada no DOG. Estas subvencións pretenden que os centros galegos no exterior se convertan en entidades de carácter asistencial, creando ou mellorando as instalacións hospitalarias xa existentes, así como os centros de día ou consultorios. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración presenta o máster “Emigración e Retorno” Os conselleiros María José Cimadevila e Aurelio Miras Portugal e o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, presentaron o máster “Emigración e Retorno: Integración Sociolaboral”. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Educación crea dúas bolsas para impartir Lingua e Literatura galegas en universidades brasileiras A Consellería de Educación convocou para o curso 2003-2004 diferentes axudas para a formación dos estudiantes universitarios, que irán distribuídas en catro liñas principais: financiamento de viaxes culturais; estadía nalgún estado membro da UE para aprende-lo seu idioma; axudas complementarias para os que cursen o programa Sócrates, ou estudios en universidades públicas fóra da comunidade galega. Educación convocou tamén un concurso público de méritos para selección de profesorado bolseiro de Lingua, Literatura e Cultura Galegas para as universidades de Río de Janeiro e Ceará, ambas de Brasil. (Fonte: El Correo Gallego).
Gamallo visita Colombia para comproba-la execución dos proxectos de desenvolvemento subvencionados pola Xunta O secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior, Jesús Gamallo, atópase en Bolivia para comproba-la execución dos proxectos subvencionados pola Xunta nas municipalidades de Chulumani e Irupana, vencellados a proxectos educativos, sanitario, turísticos e de desenvolvemento productivo, para os que destinou 1,5 millóns en tres anos. O Goberno autonómico quere potencia-lo turismo e o cultivo de novos productos agrícolas que substitúan ós de coca. O programa de Desenvolvemento Integral en Sud-Yungas é a continuación dos programas puntuais realizados pola Xunta nesta zona dende 1999. (Fonte: El Correo Gallego). Solidariedade As ONGs ven decisiva a presión sobre os organismos mundiais O presidente da coordenadora galega de ONGs, Emilio Martínez considera que para estes colectivos é preciso “ir a un cambio das estructuras” , algo que, como se está a amosar coa “presión cidadá”, está logrando “influír” sobre organización internacionais como o Banco Mundial ou a OIT. A coordenadora organizou unha mesa redonda en Santiago que contou coa presencia de representantes de Amarante, Intermón, Intered Galicia que coincidiron na necesidade de implicar á cidadanía nos cambios precisos. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Rodman faille entrega de dúas patrulleiras a Filipinas O presidente do grupo Rodman, Manuel Rodríguez, entregoulle á Administración filipina dúas embarcacións de vixilancia e protección dos recursos pesqueiros. Segundo informou o estaleiro, este ano está prevista a entrega de cinco unidades máis, enmarcada nun contrato por importe de case 40 millóns de euros asinado polo Goberno filipino e Rodman a finais de 2000 para a construcción de 14 embarcacións. (Fonte: La Voz de Galicia). O presidente do Uruguai aposta por reforza-lo investimento galego no seu país Jorge Batlle formulou unha aposta inequívoca por favorece-lo asentamento de empresas galegas en Uruguai. O mandatario uruguaio defendeu que Galicia pode corresponder así á atención que no seu día a República lle prestou á diáspora que investiu naquel país, moi próspero daquela e que agora trata de recuperarse da crise que afectou ó Río da Prata. Batlle mencionou a Ence como “buque insignia” do actual desembarco galego no Uruguai e lle adicou palabras de afecto á colectividade galega que reside no seu país, integrada por 36.000 persoas. Batlle parte agora cara Catalunya onde se reunirá con Maragall e Joan Clos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Seis de cada dez nenos inmigrantes necesitan algún reforzo educativo Os problemas lingüísticos, ata o punto de necesitar unha “inmersión lingüística”, limítanse a unha terceira parte destes alumnos, segundo o subdirector xeral de Ordenación Educativa, José Graña. Boa parte dos 5.500 escolares inmigrantes que había en Galicia o pasado curso son de orixe hispana. A intención da Consellería de Educación é establecer este curso medidas de atención para estes alumnos con “necesidades de compensación educativa”. Por outra banda, os concelleiros de Educación, Ordenación Universitaria e Emigración, Celso Currás e Aurelio Miras, fixéronlles entrega das acreditación das bolsas de estudios a 32 mozos descendentes de emigrantes galegos. (Fonte: El Correo Gallego). Política Palmou, no congreso que celebra o PPE en Bruxelas O secretario xeral do PpdeG, Jesús Palmou, formará parte da delegación que participará no XVI Congreso do Partido Popular Europeo que se celebra en Bruxelas. Nesta reunión, aprobarase o programa electoral e o manifesto con que se presentarán ás vindeiras eleccións europeas tódolos partidos afiliados ó PPE. (Fonte: El Correo Gallego).
Batlle chega a Galicia na busca de investimentos para Uruguai Tralo seu paso por Madrid e antes de aterrar en Catalunya, o presidente da República Oriental do Uruguai, Jorge Batlle, visita Galicia co fin de reforza-la cooperación empresarial e acadar investimentos para o seu país. Batlle reunirase co presidente da Xunta e manterá un encontro cunha representacións dos empresarios galegos elixidos en función dos intereses manifestados dende a Embaixada do Uruguai e dos propios que existen en Galicia respecto á República. Entre outros, estarán representados os sectores agroalimentario, pesqueiro, madeireiro, lousa, téxtil, transporte, bancario e enerxético. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Científica Reflexión sobre as universidades iberoamericanas A Universidade de Santiago de Compostela acollerá este mes a Conferencia Iberoamericana de Reitores e Responsables de Relacións Internacionais, na que se tentará contribuír a unha reflexión conxunta en torno ós desafíos do ensino superior no século XXI, baixo o lema “Universidade de hoxe e de mañá”. A organización deste encontro internacional preséntase como o reto da USC por afianzarse como referente europeo para as universidades do mundo americano, tratando de atopar novos nexos de relación entre a universidade e o espacio iberoamericano. (Fonte: El Correo Gallego).
O galego proxéctase en París con sesenta linguas minorizadas de todo o mundo A XXII edición de Expolangues (Expolingua 2004) comezou en París cun grande éxito de participación . Calcúlase que unhas 20.000 persoas, procedentes de trece países diferentes, se achegaron a París nestes días para interesarse pola evolución constante dos métodos para o ensino, aprendizaxe ou traducción das linguas que formaban parte da mostra. Expolingua é unha mostra con sede itinerante, e se agarda que a próxima edición teña lugar en Madrid. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Portugal prepara ós seus axentes de Tui para pecha-la fronteira na Eurocopa O Goberno portugués está decidido a restablece-los controis nos postos fronteirizos durante o próximo mes de xuño. Con esta medida Portugal trata de impedi-la entrada no país ós afeccionados radicais das 16 seleccións de fútbol europeas que se darán cita para disputa-la Eurocopa. Segundo explica o director adxunto do Servizo de Estranxeiros e Fronteiras (SF) na comisaría internacional de Tui, a dotación oficial na zona verase sensiblemente refortada. Por outra banda, sen embargo, a intensa actividade turística podería ter unha repercusión moi boa para Galicia e, de feito, os hostaleiros vigueses confirman que existe xa unha importante bolsa de reservas para esas datas xa que seleccións como España, Italia, Inglaterra e Alemaña xogarán, nos catro estadios do Norte, a unha hora de Vigo. (Fonte: La Voz de Galicia). Emigración O censo de emigrantes disparouse dende as municipais con 10.559 altas O censo de emigrantes galegos volveuse a disparar despois das eleccións municipais tras varios anos de aumentos moderados e inferiores á media española. Dende finais de marzo de 2003 rexistrouse un incremento de 10.559 persoas residentes no estranxeiro con dereito ó voto en Galicia, unhas cifras que representan que o sufraxio exterior pesa en Galicia catro veces máis que en España. A subida, segundo a Oficina do Censo Electoral, rexistrouse fundamentalmente en Arxentina e Brasil, residindo no primeiro país 31 de cada 100 galegos con dereito ó voto. Hai catro anos, os populares recibiron 59 de cada 100 papeletas válidas emitidas polos emigrantes galegos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Lugo: a axenda 21 só está en marcha en cinco concellos A implantación da Axenda 21 do desenvolvemento local está en marcha en tan só cinco concellos. A capital, xunto a Burela, Monforte, Ribadeo e Viveiro, son os únicos municipios que encargaron, de momento a elaboración de diagnoses e a redacción de plans de acción, os dous pasos necesarios para incorpora á xestión municipal as recomendacións de desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Lavacolla desobedece á UE ó non escanea-la mercadoría dos avións A carga que viaxa nas bodegas dos voos comercias que parten do aeroporto de Lavacolla (Santiago) sen pasar antes por ningún dos sistemas de detección de explosivos viola as esixencias do regulamento do Parlamento Europeo sobre normas comúns para a seguridade da aviación civil. De feito, a terminal de Lavacolla non ten escáner, nin un sistema de vixilancia na terminal de carga. O equipo de inspección, que levaba máis dun ano sen utilizarse, está actualmente na zona de uso de pasaxeiros. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Reforzan as actividades culturais dirixidas ós galegos no exterior A Consellería de Emigración destinará este ano unha partida de case un millón e medio de euros para financiar programas formativos e culturais dirixidos á poboación de orixe galega residente no Estranxeiro. Por outra parte, Educación destina 175.500 euros para financiar cursos de galego para os residentes no exterior. (Fonte: El Correo Gallego). Solidariedade Centos de viaxeiros galegos levaron axuda humanitaria a Cuba O titular do Executivo galego, Manuel Fraga, recibiu ó presidente da ONG “Puente Familiar con Cuba”, Rigoberto Canceller, que lle comunicou que a súa organización propiciou que trinta mil turistas españois, entre eles centos de galegos, levaran axuda humanitaria a familias tamén galegas, españolas e cubanas que residen na illa caribeña. Trala entrevista, Canceller indicou que aproveitou o encontro para demandar que a Xunta de Galicia “non falle á súa solidariedade co pobo de Cuba”. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Galicia concentra a metade da exportación de peixe e conservas Galicia é a primeira exportadora de peixes e conservas de España, co 49,6% do total de vendas ó exterior. Nos dez primeiros meses de 2003, a comunidade galega acumulou un crecemento do 4% e Pontevedra se situou como a provincia española cun maior volume de exportacións. Na listaxe por provincias, Pontevedra ocupa o primeiro posto cun volume de vendas no exterior de 555 millóns de euros, mentres que A Coruña, con algo máis de 20 millóns, é a terceira, tras Barcelona (124 millóns). (Fonte: El Correo Gallego). |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, El Progreso, Faro de Vigo, La Región, La Voz de Galicia. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 2004: xaneiro | |
| 2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro |