O mundo hoxe A CIG-Ensino e a Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG) organizan o ciclo “O mundo hoxe”, unha serie de oito conferencias, impartidas por outros tantos expertos, que tratarán de explicar distintos aspectos da actual situación mundial, dende a globalización ás ordes alternativas. As sesións terán lugar entre o 29 de xaneiro e o 26 de febreiro na galería Sargadelos de Santiago de Compostela. (Fonte: El Correo Gallego). Economía O Salón Internacional da Saúde presenta a súa segunda edición O hotel Araguaney de Santiago acollerá a presentación do II Salón Internacional da Saúde (SIS), a prestixiosa cita dos últimos avances no mundo da medicina, que volverá converter Santiago na capital desta disciplina en abril de 2005, nunha reunión que agarda reunir a máis de catro mil especialistas. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo Turgalicia asumirá as funcións de información turística a nivel nacional e internacional Turgalicia incluirá entre as súas funcións a de prestar información turística a nivel nacional e internacional, que ata o momento dependían da Consellería de Cultura. Así queda recollido nun decreto aprobado polo Consello da Xunta que modifica os estatutos desta sociedade pública. Na actualidade, a información turística ten un papel clave na promoción turística, polo que se considerou necesario que Turgalicia, como sociedade creada para a promoción, fomento e impulso do sector en Galicia, asumise esas funcións. (Fonte: Santiago, AGN). Galicia asina varios convenios para promociona-lo Camiño e a Semana Verde nos estranxeiro O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, asinou en Madrid tres protocolos que darán un importante pulo á promoción turística de Galicia, en especial do Xacobeo 2004, nos medios de comunicación europeos e nos dos EEUU. Entres as actividades que se realizarán para promove-la “España Verde” destaca a participación en 19 feiras internacionais e 9 presentacións de oferta turística conxunta (Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi), en especial, nos Estados Unidos. Tamén foi aprobado un Plan Anual de Actuación para a promoción do Camiño de Santiago, pola que os responsables turísticos de Galicia, Aragón, Navarra, La Rioja, Castilla e León, Asturias, Cantabria e Euskadi, realizarán varias viaxes conxuntas a distintos mercados europeos, incluíndo a participación en 12 feiras turísticas. (Fonte: Santiago, AGN). Galicia e Valencia promoverán de xeito conxunto a Volvo Ocean Race e a Copa América O presidente da Xunta, Manuel Fraga, e o seu homólogo da Generalitat Valenciana, Francisco Camps, asinaron un protocolo de colaboración entre ambas comunidades para a promoción conxunta da Volta ó Mundo de Vela, que se celebrará en Galicia en 2005, e a Copa América, que acollerá a comunidade valenciana en 2007. Os dous gobernos colaborarán en tódalas iniciativas promocionais relacionadas cos dous eventos náuticos. (Fonte: Santiago, AGN).
Docampo da luz verde a tres convenios con senllas universidades americanas O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou a sinatura de tres convenios de colaboración coa Universidade Católica do Norte e a Universidade de los Andes (Chile), e a Universidade de Fortaleza (Brasil). As catro universidades colaborarán no seu desenvolvemento científico e tecnolóxico a través duns acordos que contemplan o intercambio de publicacións e a realización de prácticas para estudiantes, entre outras accións. (Fonte: Atlántico Diario). Unión Europea España pediralle a Bruxelas a aprobación da Axencia Europea pola vía de urxencia España ten pouco tempo para conseguir que a Axencia Europa de Pesca de Vigo sexa aprobada antes de que se disolva o Parlamento comunitario para a convocatoria das eleccións. A secretaria xeral de Pesca Marítima, Carmen Fraga, asegura que o obxectivo é acurta-los prazos administrativos ó máximo.Explica que España está tratando de ver coa Presidencia e coa Comisión a posibilidade de axiliza-la tramitación; ó tratarse dunha axencia de nova creación, a Comisión Europea encargou un informe exterior e independente para defini-los contidos da nova oficina comunitaria. (Fonte: La Voz de Galicia). Economía A atracción dun maior investimento estranxeiro, nos obxectivos do Plan Galicia Durante o ano 2003, o investimento estranxeiro en Galicia caeu un 76%, o peor ano dende 1992. Mentres a patronal asegura que isto se debe ó déficit de solo empresarial, dende a Administración galega se argumenta que Galicia sempre atraeu pouco capital estranxeiro pola súa condición periférica. Política Territorial prevé que coa mellora das infraestructuras prevista no Plan Galicia e o incremento da oferta de solo, a comunidade galega asista nos próximos anos a un despegue sen precedentes na captación de investimentos foráneos. De aí que, no plan sectorial dos polígonos industriais, teñan tamén especial importancia as provincias do interior de Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia). Emigración Novo centro para axudar ós emigrantes A Cidade Infantil Príncipe Felipe acollerá o proxecto Cidade+ co obxectivo de crear un centro integral de atención de emigrantes retornados de Galicia e Portugal. A proposta será trasladada á Unión Europea a través do subprograma Interreg III-A - comunidade galega e o Norte de Portugal-. Para a posta en marcha do proxecto solicitaranse 4,3 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
A lingua galega estará na mostra Expolangues que terá lugar en París A galega será unha das sesenta linguas minorizadas con presencia na nova edición de Expolangues, certame que se celebra en París dende hai 290 anos para informar sobre a variedade de idiomas e sobre a evolución das técnicas de ensino ou traducción. Agárdase que a mostra, aberta ata finais de xaneiro, sexa visitada por máis de 20.000 persoas e conte coa presencia de 10.000 profesionais procedentes de 13 país. O galego estará presente a través dun pavillón patrocinado pola Dirección Xeral de Política Lingüística. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración O setenta por cento dos retornados vive en Vigo Galicia é a rexión española que concentra un maior número de emigrantes retornados, situándose Vigo e a súa área de influencia á cabeza, xa que acolle algo máis do 70% deste colectivo en Galicia. Así o explicou o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, tras asinar un convenio coa Cámara de Comercio viguesa para a realización de cursos de formación deseñados para que os emigrantes retornados creen e consoliden empresas. Segundo o conselleiro, en 2002 chegaron a Galicia 10.050 emigrantes retornados, mentres que as estimacións de 2003 sitúan entre os 12.000 e os 13.000 o número de galegos retornados. (Fonte: El Correo Gallego).
Fischler anuncia que a Axencia de Pesca da UE funcionará en 2006 e non descarta que teña competencias en investigación O vindeiro mes de marzo a Comisión Europea presentará unha proposta para a creación da Axencia Europea de Control da Pesca, que será debatida no Consello e no Parlamento a finais de ano. A nova axencia terá entre as súas funcións a inspección e vixilancia dos permisos e das características dos buques e a pesca. Ó respecto, o comisario Fischler, de visita en Vigo, afirmou que “estou de acordo en que non só sexa de control, pero é o que máis necesitamos agora”. Respecto ó fondo IFOP dixo avogar “claramente” en prol da distinción entre rexións obxectivo 1 e as que non o son, o que supón vantaxes para Galicia, que se atopa distinguida nesta categoría. (Fonte: Vigo, AGN). Unión Europea Pilar Rojo pídelle financiamento a Bruxelas para un proxecto dirixido a erradica-la violencia no deporte A conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, Pilar Rojo, solicitou en Bruxelas financiamento comunitario para apoiar un proxecto dirixido a aplicar “medidas en relación coa violencia no deporte”, así coma un “código de conducta deportiva”, en fase de elaboración coa colaboración do Consello Superior do Deporte. Rojo abordou, durante un encontro coa comisaria europea de Educación e Cultura, Viviane Reading, este e outros proxectos, como a reforma da lei do voluntariado e o regulamento relativo ó voluntariado nas “situacións de emerxencia”, nos que a comisaria se mostrou moi interesada. (Fonte: Bruxelas, AGN). Turismo O xornal “Il Corriere della Sera” adicalle un suplemento especial ó Xacobeo 2004 O Camiño de Santiago e o Xacobeo 2004 protagonizaron un suplemento especial de oito páxinas do xornal italiano, nunha reportaxe realizada co apoio e a coordenación da Oficina Española de Turismo de Milán e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. “Il Corriere della Sera” puxo a disposición da Oficina Española de Turismo en Milán un total de 2.500 exemplares deste especial, que serán distribuídos no pavillón de España na feira turística IBT, que se celebrará na capital lombarda entre o 14 e o 17 de febreiro. (Fonte: Santiago, AGN).
As exportacións galegas de madeira diminuíron un 9% durante 2003 Entre xaneiro e setembro de 2003 o valor das exportacións de madeira en Galicia dimuniron proporcionalmente respecto ó ano anterior, mentres que as importacións aumentaron lixeiramente, segundo os datos dp ICEX en Galicia e da Consellería de Industria. O que non variou foi o destino da madeira. Portugal segue a se-lo noso principal socio ó adquirir o 36% do valor da madeira galega. Por detrás sitúanse o Reino Unido, cun 10%, e Francia, cun 8%. Diversifica-los mercados exteriores é un dos obxectivos da patronal española da madeira, que contempla realizar misións directas a Polonia, Lituania, Rusia e Ucraína; os EEUU, Canadá e México, e Tunicia e Arxelia. As relacións entre Galicia e os EEUU son tamén promovidas polo Plan de Fomento das Exportacións Galegas da Xunta. Turismo Os estadounidenses, interesados polo Xacobeo As celebracións do Ano Santo compostelán, o Forum das Culturas de Barcelona e o Ano Dalí, resultan os principais atractivos para o turista estadounidense, segundo publicou a Oficina de Turismo de España en Nova York, que fai tamén referencia á recuperación do turismo norteamericano trala crise posterior ó 11 de setembro de 2001. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea A USAG critica a baixa cobertura do fondo Feoga A Unión Sindical Agraria de Galicia (USAG) criticou a baixa cobertura das axudas para o sector gandeiro incluídas no Fondo Europeo de Ordenamento e Garantía Agrícola (Feoga), dado que as compensacións só cobren, como máximo, 25 vacas por explotación, independentemente das que existan, limitándose a 15 euros por animal. Segundo o presidente da USAG, Leandro Quintas, a axuda chega a só 180.000 das 900.000 vacas que posúe Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Os armadores queren que a Axencia de Pesca amplíe as súas competencias á investigación As funcións e actividades da Axencia Europea para Xestión de Recursos Pesqueiros non debía centrarse exclusivamente na coordenación do control pesqueiro, segundo os armadores de Vigo. Dende a Cooperativa de Armadores de Vigo proponse que a actividade da Axencia se amplie á investigación científica, porque, ó seu xuízo, este apartado “constitúe o outro piar básico para unha boa xestión pesqueira”. O comisario de Pesca da UE, Franz Fischler, visitará Vigo o vindeiro día 26 para ve-las emprazamentos que o Porto, o Consello e a Zona Franca consideran máis axeitadas para a Axencia, nunha visita que incluirá unha reunión co Consello Galego da Pesca. (Fonte: Atlántico Diario). Os barcos con mercadorías perigosas deberán avisar 24 horas antes do seu paso A UE e a Organización Marítima Internacional (OMI) pretenden que os barcos con mercadorías perigosas teñan a obriga de avisar 24 horas antes do seu paso fronte as Zonas Marítimas de Especial Sensibilidade, categoría na que está incluída Galicia. O voceiro de Pesca do PPE, o eurodeputado galego Daniel Varela, asegurou que o secretario da OMI defendeu esta medida no transcurso da segunda reunión da comisión parlamentaria temporal do “Prestige”. A plataforma “Nunca Máis” defendeu perante o Parlamento Europeo a necesidade de que a lexislación contra verquidos contaminantes da Unión Europea sexa máis dura, a semellanza do que fixo EEUU ó aprobar en 1990 a lei coñecida como Acta de Polución por Petróleo, que obriga ós responsables dos petroleiros a depositar unha fianza previa ó paso dos buques. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Charlas de Listopad e Roberto Salgueiro O I Foro Internacional do Teatro Universitario, que se pechará o vindeiro día 27, contará coas intervencións de Roberto Salgueiro e Jorge Listopad, que falarán no Paraninfo da Universidade de Vigo. O primeiro é director de escena e da Aula de Teatro da Universidade de Vigo dende 1990. Listopad, natural de Praga, é de sobra coñecido no eido do teatro, polo seu labor como escritor, poeta e realizador de televisión, ademais de ser director de teatro da Universidade Técnica de Lisboa dende hai máis de 20 anos e nomeado Home do Ano 2004 polo International Biographical Centre. (Fonte: Atlántico Diario). Turismo O Morrazo aposta polo mercado portugués para promove-lo turismo A comarca participa na Feira de Turismo de Lisboa (BTL) a través dun pavillón promovido pola Fundación Comarcal do Morrazo, no que se amosan as potencialidades e os atractivos turísticos desta península. A presencia en Lisboa forma parte dun conxunto de iniciativas de promoción turística aprobadas na reunión do padroado comarcal celebrado en Marín en xullo de 2003 e elaboradas coa colaboración dos edís de Turismo de Moaña, Cangas, Bueu e Marín. (Fonte: Atlántico Diario). Emigración Miras Portugal viaxa a Cuba para facerlles entrega de 400 gafas a galegos O conselleiro de Emigración viaxou a Cuba para entregarlles lentes graduadas a preto de 440 galegos no marco do que este organismo denomina “operación vista”. A Fundación Galicia Emigración, responsable desta viaxe, destaca que os emigrantes receptores das gafas “non terían forma de acceder a elas debido á escaseza de medios”. Dentro deste operativo, os centros galegos da illa remitíronlle á Xunta 217 receitas oftalmolóxicas que a Fundación mandou ás ópticas galegas para a fabricación das gafas. Emigración adquiriu tamén 220 gafas de sol para outros emigrantes de idade avanzada e afectados na vista polo sol cubano. (Fonte: El Correo Gallego).
Baiona acolle a primeira reunión da Rede Municipalista Solidaria da área metropolitana de Vigo A Rede, integrada por unha ducia de concellos e asociada ó Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, desenvolverá políticas de cooperación nos países do Sur. Dinamizada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), a plataforma pretende servir de mecanismo de programación de actividades sensibilizadoras en diferentes municipios, co obxectivo de que a cidadanía tome conciencia e coñecemento do que se está facendo ó respecto. O programa conta co apoio da Xunta de Galicia. (Fonte: Faro de Vigo). Economía Inditex avalía posibles investimentos en Colombia Inditex está explorando a posibilidade de investir en Colombia e iniciar contactos comerciais co seu sector téxtil. Con ese fin, o grupo galego enviou ó país ó seu vicepresidente e conselleiro delegado, José María Castellanos, que se reuniu co presidente colombiano, Álvaro Uribe; a embaixadora colombiana en Madrid, Nohemí Sanín, e o ministro de Comercio, Industria e Turismo, Jorge Humberto Botero. Castellano destacou os “evidentes cambios positivos” en materia económica, social e de seguridade que atravesa o país. (Fonte: El Correo Gallego). Luís Barreras, nomeado director xeral de Pescapuerta en África O grupo empresarial Pescapuerta vén de incorporar en calidade de director xeral para África ó vigués Luís Barreras, que representará os intereses da empresa en áfrica do Sur e asumirá a misión de facer realidade os obxectivos de consolidar e amplia-lo complexo industrial Tunacor en Walvis Bay. Barreras, que se trasladará en breve a Namibia, onde terá a súa sede operativa, foi anteriormente director do estaleiro Freire e director xeral adxunto da Asociación de Estaleiros Galegos (Asega). (Fonte: Faro de Vigo).
Caixanova inaugurará este ano oficinas en Brasil, Chile e Arxentina O director rexional de América de Caixanova, Juan Carlos Fontán, anunciou que o proxecto de internacionalización da entidade inclúe a apertura en 2004 de novas oficinas de representación en Brasil, Chile e Arxentina. Fontán estivo presente na inauguración da nova sede de Caixanova na capital mexicana, nun acto ó que asistiron a embaixadora española en México, Cristina Barrios, así como varios empresarios galegos afincados no país e numerosos directivos da entidade. (Fonte: Faro de Vigo). Inditex abrirá unha terceira tenda en Singapur Zara, cadea do grupo Inditex, chegou a finais de 2002 a Singapur, segundo país asiático, tras Xapón, con máis tendas da cadea. A clasificación que anualmente elaboran a consultora PriceWaherhouseCoopers (PwC) e o diario financeiro Finantial Times destacan, no seu apartado de vendas das empresas minoristas, que Inditex está máis representada que o grupo de luxo Gucci e que a súa rival máis directa, a sueca Hennes and Mauritz (H&M). O grupo Inditex é a única empresa española de clasificación global, na que ocupa o lugar 68. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade A asociación galego-brasileira propón un “Día da criança” A Asociación de Integración Galego-Brasileira propúxolle ó concelleiro de Benestar Social da cidade de Vigo, Ignacio López-Chaves, a celebración o día 12 de outubro do “Día da criança”, unha festividade con gran arraigo en Brasil. O edil expúxolle ó colectivo a coincidencia de datas co Día do Pilar, polo que agora se estudia relacionar a celebración brasileira cos actos de Vigolandia. (Fonte: Faro de Vigo). Amplían a Casa de Exercicios de Santiago para aloxar a cincuenta bispos europeos A Comisión de Episcopados da Comunidade Europea (Comece) aceptou a invitación de monseñor Julián Barrio, arcebispo de Santiago, para celebrar este ano a súa sesión plenaria en Compostela. Este acontecemento reunirá, a finais de abril, a cincuenta bispos de países europeos e a preto de oitocentos membros da comunidade católica. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Fraga e a consulesa xeral de Portugal en Vigo analizan o futuro da eurorrexión O presidente da Xunta reuniuse coa consulesa xeral de Portugal en Vigo, María Regina de Mongiardim, para repasa-los proxectos da Comunidade de Traballo entre Galicia e o Norte do país luso. Fraga explicoulles ós medios de comunicación as “últimas posibilidades” que se abren para os traballos da eurorrexión. A este respecto, destacou que a consulesa “coñece moi ben” o funcionamento da Comunidade de Traballo, xa que estivo na Embaixada lusa en Madrid e no Ministerio de Negocios Estrangeiros. (Fonte: Faro de Vigo). Alvariño di que non hai invasión empresarial española en Portugal O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, acudiu ó cumio empresarial hispano-luso que tivo lugar en Lisboa con motivo da sinatura do Mibel (Mercado Ibérico da Electricidade), convenio hispano-luso para o establecemento dun mercado eléctrico único. Na súa intervención Alvariño lembrou “as magníficas relacións entre os empresarios do sur de Galicia e do norte de Portugal” e restoulle importancia ás voces que dende o centro de Portugal alertan dunha posible invasión empresarial española. (Fonte: Faro de Vigo). Emigración Un de cada catro emigrantes con dereito ó voto é de orixe galega Galicia é, con gran diferencia, a comunidade con máis cidadáns con dereito a voto residindo no estranxeiro. De feito, o 26,94% dos electores que viven no exterior é galego, tal coma se desprende do último censo electoral feito público polo Instituto Nacional de Estatística. Galicia cinta con 294.220 electores no exterior, cantidade que dobra o número de votantes que ten no estranxeiro Andalucía (133.932), a segunda comunidade con máis emigrantes. (Fonte: El Correo Gallego). Máis de 4.000 inmigrantes residen en Vigo “sen papeis” Máis dun 30% dos inmigrantes “sen papeis” que residen actualmente en Galicia instaláronse en Vigo. Por iso, entre outras razóns, a Confederación Intersindical Galega (CIG) desenvolve a creación en Vigo dun foro da inmigración “que integre institucións da cidade e colectivos de estranxeiros”, segundo indicou Lois Pérez Leira, responsable de inmigración do sindicato. (Fonte: Faro de Vigo). Unión Europea Gamallo pide o reforzo do Comité das Rexións O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea, Jesús Gamallo, pediu, como membro do Grupo de Traballo e Seguimento da Conferencia Intergobernamental, que a futura Constitución Europea inclúa a extensión do principio de subsidiaridade ás autoridades locais e rexionais, segundo informou a Xunta nun comunicado. Nunha reunión co grupo de traballo, Gamallo reclamou que as asembleas lexislativas rexionais poidan participar no control da aplicación do principio de subsidiaridade, así como a inclusión da cohesión territorial entre os obxectivos fundamentais da Unión Europea. (Fonte: El Correo Gallego).
Nunca Máis, comparecente na Comisión do Parlamento Europeo sobre Seguridade Marítima Xabier Vence, economista da USC, foi a persoa designada por “Nunca Máis” para comparecer perante esta comisión. Unha delegación de 30 membros de “Nunca Máis” acompañará a Bruxelas a Vence, un firme partidario de que se constitúa outra comisión que depure responsabilidades no acontecido no caso “Prestige”. A plataforma confía, non obstante, en que a comisión existente sirva para dar un paso cualitativo no tema da seguridade no transporte na mar. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Rodman construirá un estaleiro en Portugal que reforce a súa producción O grupo vigués Rodman, a través da súa filial Lusitana Construçao e Reparaçao Naval SA, vai investir 10,5 millóns de euros na construcción dun novo estaleiro en Portugal. Rodman Lusitania, que se constituíu en setembro de 2001, estará emprazada no Parque Empresarial de Valença do Minho. (Fonte: Faro de Vigo). Mostra de encaixe con pasarela internacional A XIV Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará do 7 ó 11 de abril, creará este ano unha pasarela internacional na que se exhibirán coleccións de moda que incorporarán encaixe de bolillos de diversos países. O concelleiro delegado para a mostra sinalou que xa emprendeu conversas coas distintas delegacións europeas que veñen participando como expositores cada ano na feira e que, de momento, xa confirmaron a súa participación nos desfiles Portugal, Francia e Bélxica. (Fonte: El Correo Gallego).
Os rectores iberoamericanos elixen Santiago para analiza-la súa estratexia Santiago de Compostela será sede, do 19 ó 21 de febreiro, da Conferencia Iberoamericana de Rectores, na que os representantes das universidades desta rexión reflexionarán conxuntamente sobre aspectos estratéxicos para o futuro destas institucións. (Fonte: El Correo Gallego). A USC desenvolve unha investigación pioneira na Antártida A maioría dos científicos que traballaron na Antártida pertencen ó Instituto de Investigacións Mariñas e á Universidade de Vigo. Dende novembro de 2003, tres investigadores da USC están levando a cabo un estudio de bioloxía mariña, considerado pioneiro no seu ámbito. A investigación ten por obxecto coñece-la biodiversidade nos substratos intermareais antárticos. (Fonte: El Correo Gallego).
Miras destaca o seguimento das axudas á emigración O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, asegurou que a Xunta mantén un “contacto directo” coa realidade dos emigrantes galegos na diáspora e que realiza un “seguimento permanente” das accións que se desenvolven no seu favor co obxecto de garantir que “chegan ós que máis precisan”. Miras respostaba así a unhas declaracións realizadas polo candidato socialista ó Senado pola provincia de Ourense, Cándido Rodríguez. (Fonte: El Correo Gallego). Economía A Semana Verde quere reforza-la súa vocación internacional coa presencia dos estados latinoamericanos A Semana Verde celebrará a súa 27 edición do 12 ó 16 de maio. O seu papel como marco feiral de referencia internacional é incuestionable, como o amosa o feito de que a elixiran para celebra-la vindeira asemblea xeral da Eurasco, órgano que as aglutina. Nesta edición, a acción promocional céntrase especialmente nos países de América Latina; así, o presidente da Fundación, mantivo encontros con embaixadores, diplomáticos e responsables de negocios de dez países co obxectivo de garanti-la súa presencia na feira. (Fonte: La Voz de Galicia). Vigo acollerá un cumio europeo de expertos na industria acuícola O Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo será a sede dun cumio europeo de científicos mariños expertos en acuicultura, maricultura, oceanografía e pesca, ó que asistirán preto de 500 investigadores de diferentes países da UE. A reunión celebrarase, en principio, entre setembro e outubro. (Fonte: La Voz de Galicia). Cooperación científica A Universidade de Vigo traballa con Sudamérica no desenvolvemento dun campus virtual Pula-la modernización tecnolóxica desenvolvida pola Universidade de Vigo a través de promove-lo proxecto de crear un campus sen fíos e abordar programas de posgrao a través de Internet para universitarios de América do Sur, son os eixos do convenio de colaboración que asinarán o rector vigués, Domingo Docampo, e o presidente do consello de administración do grupo financeiro Santander Central Hispano, Emilio Botín. (Fonte: El Correo Gallego).
O concello de Baiona e o Igadi organizan o Foro Iberoamericano antes da Arribada Carlos de la Peña, rexedor do concello baionés, visitou o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Igadi, para abrir unha vía de colaboración que se verá plasmada a curto prazo en dúas accións. Primeiro, a posta en funcionamento do Foro Iberoamericano, que estará recollido nunha partida específica nos orzamentos municipais. A segunda medida está aviada a afondar no achegamento de Portugal a Baiona e viceversa; concretamente, o consello e o Igadi inician os preparativos para a celebración na primavera da III Semana de Portugal en Baiona. (Fonte: Atlántico Diario). Economía A CEP participa en Lisboa nun foro empresarial no que estarán Aznar e Durao Un grupo de empresarios da Confederación de Empresarios de Pontevedra, encabezado polo seu presidente, José Manuel Fernández Alvariño, viaxará a Lisboa para participar no encontro empresarial “Oportunidades para as empresas portuguesas e españolas nun mundo globalizado”, organizado pola CEOE e pola Asociación Industrial Portuguesa (AIP) coa colaboración do ICEX. As sesións contarán coas intervencións dos presidentes dos gobernos de ambos países e dos respectivos ministros de Economía. (Fonte: Atlántico Diario). O Igape explica no New York Times que os galegos dominan o portugués A través dun suplemento especial que o xornal estadounidense adica ó estado español na súa páxina web (www.nytimes.com/global/spain) accédese a un enlace do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que anima ós empresarios dos EEUU a desenvolve-las súas actividades en Galicia subliñando, entre outros aspectos, a “facilidade para atopar persoal bilingüe español-portugués, o que permite atender dende Galicia a clientes nos dous idiomas”. Baixo o lema “Galicia agora. A mellor elección para os empresarios”, a web do Igape detalla as características do país, nun esquema no que son varias as referencias a situación sociolingüística do país coma vantaxe empresarial. (Fonte: El Correo Gallego). Soluziona adxudícase o primeiro contrato europeo en Oriente Medio O contrato de Soluziona e a estadounidense CH2Mihill co Corpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos por un importe de ata 1.179 millóns de euros permitirá levar a cabo proxectos de deseño, construcción, reconstrucción, operación e mantemento en Oriente Medio, África e Asia. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Preto de 2.000 arxentinos están inscritos na súa nova asociación Medio cento de persoas asistiron á inauguración en Vigo da nova sede da agrupación Arxentinos en Galicia”, unha asociación que ten xa 2.000 afiliados. Na inauguración, o cónsul de Arxentina, Rubén Buira, lembrou que “dende 1999 prodúcese un fluxo permanente de arxentinos a Galicia”, polo que “a creación da agrupación representa un fito moi importante para fomenta-lo asociacionismo dos inmigrantes en Vigo”. (Fonte: Atlántico Diario). Pérez Touriño propón crear un estatuto para defende-los dereitos dos emigrantes O secretario xeral do PsdeG propuxo a creación dun “Estatuto dos Dereitos da Emigración” para que a Administración “faga efectivas” as reivindicacións dos españois na diáspora, boa parte deles emigrantes galegos. Durante a súa intervención na clausura dunhas xornadas organizadas polo PSOE en Madrid adicadas ós dereitos da emigración, Touriño sinalou que o desenvolvemento deste estatuto permitirá levar cabo unha reforma da nacionalidade e da participación e representación dos emigrantes nos órganos da Administración española. (Fonte: Faro de Vigo). Rodríguez Losada di que será un senador “integral” da emigración e de Ourense O candidato do PsdeG ó Senado pola provincia de Ourense, Cándido Rodríguez, comprometeuse a ser un “senador integral” se resulta elixido nas eleccións do 14 de marzo. Indirectamente, Cándido Rodríguez daba así tamén resposta á inquietude xerada entre os socialistas ourensáns, que acolleron con certo recelo que un residente en Venezuela fose o seu candidato ó Senado. Rodríguez afirmou o seu desexo de promover un estatuto da emigración e as relacións comerciais entre ambas beiras do Atlántico, e considerou, por outra banda, que é necesario que se canalicen mellor os recursos que as administracións públicas –tanto o Goberno central como a Xunta- envían para axudar á emigración. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea A Fundación de Exposicións da Estrada sitúase á fronte do proxecto Interreg Tras dous meses de traballo, o Concello da Estrada está a piques de pecha-la súa proposta para optar ó plan europeo transfronteirizo Interreg III, no que participa con Lugo e as rexións portuguesas do Val de Sousa e Tras-Os-Montes. Baixo o nome de “Nexo”, os socios deberán presenta-lo seu proxecto antes do día 31 deste mes. Ademais da creación dun centro de desarrollo tecnolóxico ó servizo do sector do moble, o municipio da Estrada presenta unha iniciativa para o acceso a Internet a través da televisión avida ó acceso á comunicación das zonas rurais. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Pesca Pesca di que o plan de Fichler para o lagostino e a pescada creou unha “alarma innecesaria” O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos considera que a proposta da Comisión Europea dun recurtamento progresivo das capturas de pescada do sur, lagostino e linguado, para reducir á metade o actual nivel de capturas xerou unha “alarma innecesaria”, e advirte que estas medidas non son definitivas. En todo caso, afirma, “está aberto á negociación”, e Galicia “está apurando os seus traballos” neste sentido. (Fonte: Atlántico Diario). Turismo A Concellaría de Turismo presentará en Lisboa a nova oferta para promover Vigo A Concellaría de Turismo de Vigo, que dirixe Lucía Molares, presentará a partir do día 21 a nova oferta da cidade na Bolsa de Turismo de Lisboa, considerada a feira máis importante do sector que se celebra en Portugal. A feira terá lugar no Parque das Nacións e contará coa presencia de máis de 30.000 profesionais, 700 expositores portugueses e 3.000 de diversos países. Vigo acudirá baixo o pavillón de Turgalicia. (Fonte: Faro de Vigo). Portugal Porto supera ós tres aeroportos galegos pese ó repunte de pasaxeiros Pese ó repunte no volume de usuarios ó longo do pasado ano experimentado en Lavacolla e, en menor medida, no resto de aeroportos galegos, entre os tres non atinxen os niveis actuais de actividade da terminal Sá Carneiro de Porto, que se acerca ós tres millóns de pasaxeiros anuais. En canto ó tráfico de mercadorías Lavacolla experimenta unha tendencia á alza, mentres Porto advirte un descenso de mercado, pasando das 40.700 toneladas no ano 2000 e menos de 30.000 en 2003. Segundo as previsións que manexa AENA, Lavacolla non acadará ata o ano 1015 cifras semellantes ás que hoxe move a terminal de Porto. Nesa data agardase que Lavacolla teña 33.600 voos anuais e un volume de mercadorías transportadas en aeronaves de máis de 1.400 toneladas. (Fonte: El Correo Gallego).
Touriño propón que a defensa dos intereses da emigración no Senado “vaia máis alá dos vencellamentos de partido” O secretario xeral do PSdeG presentou a súa proposta para as eleccións xerais de marzo. Trátase do emigrante designado como cabeza de lista ó Senado para defender na Cámara lexislativa os intereses e dereitos dos españois na diáspora. O líder socialista reuniuse co candidato, o galego residente en Venezuela Cándido Rodríguez, para valora-las posibilidades dese nomeamento. Touriño considera que a figura dun defensor da diáspora representa un ben común, xa que a tarefa do número un por Ourense é “garanti-lo cumprimento dos dereitos dos españois no exterior”. (Fonte: Santiago, AGN). Solidariedade Galicia enviará 150 voluntarios á República Dominicana para promove-la doazón de sangue A conselleira de Familia, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, presentou na Casa de Galicia en Madrid un programa pioneiro de cooperación coa República Dominicana para promove-la doazón de sangue a través do envío de 150 técnicos voluntarios ó longo de 2004. Na iniciativa participan a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Voluntariado, a Federación Española de Donantes e o Centro de Transfusión de Galicia, en colaboración coa fundación dominicana Cristo de los Milagros. A iniciativa pretende promove-la doazón de balde de sangue nun país onde a doazón pagada non está controlada e o sangue se merca a bancos privados sen garantías sanitarias. (Fonte: Santiago, AGN). Economía José Maril entrevístase en Madrid con 10 embaixadores para aumenta-la participación internacional na Semana Verde O presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, José Maril, reuniuse en Madrid con representantes de 10 embaixadas. Especialmente receptiva mostrouse a embaixadora de Costa Rica, Elena Pozuelo, quen indicou que ten como unha das súas prioridades para este ano incrementa-las relacións comerciais con Galicia. Tamén amosaron interese en participar e organizar unha misión con empresarios dos seus países o embaixador de Nicaragua, Jorge Salaberri e o de Italia, Amedeo de Franchis. (Fonte: Santiago, AGN). Actemsa reforza a súa estratexia de mercado na UE, Asia e América A liña de negocio de Actemsa (Actividades Empresariais SA) é a distribución de materia prima do mar á industria conserveira. Actemsa móvese en distintos mercados ó longo do mundo, dos que o caladoiro de Senegal é o máis fértil e o máis próximo a Galicia, o que abarata os custos respecto a outros caladoiros. A flota da UE, ou con bandeira doutros países, faena nas costas de Dakar ou Abiyán, onde Actemsa merca, para exportar logo os productos a Portugal, Francia, Italia, Tunicia, Arxentina, Libia, Panamá e Ecuador. (Fonte: El Correo Gallego). Solidariedade O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abre a súa convocatoria de axudas ás ONGs O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que agrupa máis de setenta concellos e deputacións de Galicia interesadas en promover e homologa-las súas políticas de cooperación internacional, aprobou a súa convocatoria anual de axudas a proxectos presentados por organizacións non gobernamentais. Este é o sétimo ano que o Fondo Galego realiza esta convocatoria, coa que se pretende expresar un apoio directo a aquelas ONGs que contan cunha presencia real en Galicia. Ata o de agora, o Fondo, financiou medio cento de proxectos por un valor total de máis dun millón de euros. (Fonte: Santiago, AGN).
Beiras e Nogueira representarán ó BNG no Foro Social Mundial que se celebra en Bombay do 16 ó 21 de xaneiro O IV Foro Social Mundial, que se celebra na cidade india de Bombay, contará coa presencia de Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, convidados oficialmente pola Rede Parlamentaria Mundial. A maiores, os dous representantes nacionalistas participarán no IV Foro parlamentario Mundial, que é o foro dos lexisladores que se celebra paralelamente ás reunións do FSM os días 18 e 19 de xaneiro. Durante a celebración de ambos eventos, Beiras e Nogueira teñen a intención de manter reunións de traballo con representantes do Partido dos Traballadores, partidos hindúes e membros do Foro de Sao Paulo. (Fonte: Santiago, AGN). Economía A empresa galega Soluziona asina un contrato de 1.500 millóns de dólares co Exército dos EEUU O consorcio formado pola empresa norteamericana CH2Mhill e a filial de Fenosa, Soluziona, é o adxudicatario dun contrato marco do US Army Coorps of Engineers de 1.500 millóns de euros para levar a cabo proxectos de deseño, construcción, reconstrucción, operación e mantemento de infraestructuras de instalacións en Oriente Medio, África e Asia. O US Army Coorps of Engineers é unha entidade pública que desenvolve proxectos de enxeñería e medio ambiente a petición das Forzas Armadas estadounidenses e dos seus aliados, tanto nos EEUU como noutras zonas do mundo onde este país ten intereses. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea Galicia converxe co resto da UE a más velocidade da agardada O grao de converxencia de Galicia co resto das rexións da UE disparouse nos últimos 8 anos e en 2002 atinxiu o 79%. Así se desprende das estimacións incluídas no Balance Económico Rexional 1995-2002 que vén de edita-la Fundación de Caixas de Aforro (Funcas). Segundo estas estimacións, Galicia tería superado o nivel esixido pola UE para ser recoñecida como rexión Obxectivo 1, na que o tope está no 75%. Por outra banda, o PSdeG opinou, respecto ó informe de Funcas, que os datos corroboran o “estado de dependencia e menor crecemento de Galicia” con respecto ó resto do Estado, xa que “mentres a media estatal está a dez puntos da renda europea, a dos galegos atópase en 21 puntos”. (Fonte: El Correo Gallego). Solidariedade Deloa recibe o apoio de cinco voluntarios europeos A asociación Deloa, integrada polos concellos do Sar, Barbanza e Brión, englobada na Fundación Padeia, recibiu en Padrón a cinco novos voluntarios europeos que, durante seis meses, participarán nos programas sociais postos en marcha pola entidade, nos que levarán a cabo actividades de dinamización sociocultural, apoio á promoción do turismo e apoio á infancia e á muller. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Asistencia para os galegos na Arxentina O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, chegou a Arxentina, onde fará entrega de 170.00 euros de axuda a emigrantes galegos sen recursos. Este capital procede do programa de amparo ós emigrantes e se destinará a sufraga-los custos de compra de material e asistencia sociosanitaria ás persoas en peor situación económica que son atendidas nos centros de día ou nas instalacións das casas galegas do país. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Unha mostra exporá as principais transicións democráticas en Europa O Colexio de Fonseca alberga a mostra fotográfica “A memoria do xeo”, que presenta preto de 80 imaxes sobre as catro transicións políticas e económicas que se produciron en Europa e Marrocos no último cuarto do século XX. As fotos ordénanse en cinco bloques: A Rusia conxelada no soviet; O muro xeado da Alemaña dividida; O frío inverno da morte de Franco, e O silencio á morte de Hassan II. (Fonte: El Correo Gallego).
O 10% das empresas acollidas ó plan de exportacións son galegas Galicia, cun total de 296 entidades, representa o 10%das empresas españolas que participan no Programa de Promoción das Exportacións PIPE 2000, posto en marcha no ano 1997. Das firmas galegas incluídas, 124 pertencen á provincia da Coruña, 112 a Pontevedra, 34 a Ourense e 26 a Lugo. Un 41% das firmas galegas participantes son industriais; un 30% de bens de consumo; un 22% de productos agroalimentarios, e un 7% de servicios. Por sectores, confección téxtil é o máis importante (44 empresas), seguido de pedras naturais e outros materias de confección (32), peixe fresco, conxelado e en conserva (31). (Fonte: El Correo Gallego). Política Fidel Castro estudiará unha posible visita a Santiago no Ano Xacobeo A cónsul cubana en Santiago, María Sánchez, confirmou que Fidel “estudiará con moito gusto a posibilidade de visitar Compostela se o convidan durante este Ano Santo”. Ademais, aproveitou a ocasión para invitar ó rexedor compostelán a que visite Cuba, onde, dixo, “Bugallo é unha persoa moi querida”. A cónsul realizou estas declaración durante o encontro que mantivo, xunto ó seu homólogo de Filipinas, con Xosé Sánchez Bugallo, co obxectivo de abordar cuestións internacionais relacionadas co Xacobeo 2004. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo Galicia promove o sector turístico nunha feira internacional que se celebra en Holanda A Xunta, a través da Consellería de Cultura, participa na feira do turismo Vakantiebeurs, en Utrecht, Holanda. Aínda que se trata dunha feira de turismo de carácter xeral, a demanda de público céntrase no turismo de natureza e cámping, dous sectores onde Galicia ten unha boa valoración, sobre todo no relacionado co Camiño de Santiago. (Fonte: El Correo Gallego).
Sánchez Bugallo recibe ós cónsules de Cuba, Francia e Filipinas O rexedor de Santiago de Compostela mantivo unha reunión cos cónsules de Cuba, Francia e Filipinas, María Sánchez, Rosario Porto e Elías Lamelas, respectivamente, para abordar aspectos relacionados co Ano Xacobeo 2004. Por outra banda, a concellala coruñesa de Medio Ambiente, Mar Barcón, recibiu a unha delegación da localidade chinesa de Yingkou. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Manolo Bello: “Os galegos non nos consideramos estranxeiros en Portugal” Manolo Bello, responsable da empresa Comunicasom, é o vicepresidente do Centro Galego en Lisboa, afirmou, en entrevista con El Correo Gallego, que, só en Lisboa, viven actualmente preto de 600.000 galegos, entre os que abondan os profesionais liberais. Bello pensa que, cada vez máis, Galicia e o Norte de Portugal están máis próximos, achegamento que atribúe ó labor do presidente da Xunta “fomentando múltiples acordos entre os dous países”, sen desdeña-lo seguimento portugués da televisión galega. (Fonte: El Correo Gallego).
Curso de Cooperación Internacional no centro de formación da Cruz Vermella O Centro de Formación da Cruz Vermella en Santiago prepara un curso de Cooperación Internacional de corenta horas, no que se impartirán coñecementos básicos en temas de relacións internacionais, axuda humanitaria e dereito internacional humanitario. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo Lugo terá a rota fluvial máis longa de Europa Gracias ó proxecto Terras do Miño, que xestiona o Instituto Lucense de Desarrollo Económico e Social (Inludes) da Deputación de Lugo, beneficiado por un programa Leader Plus, a provincia terá a rota fluvial de turismo máis longa de Europa, con preto de 195 quilómetros de lonxitude. Unión Europea Educación financia estancias no estranxeiro para estudiar idiomas A Consellería de Educación iniciou no curso 1999-2000 un plan de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos colexios de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, que financia estancias no estranxeiro para o alumnado e o profesorado para a mellora da aprendizaxe das linguas estranxeiras. En 2004, o programa contará cun financiamento total de 380.528 euros, que en parte se debe ás achegas do Fondo Social Europeo. Os países europeos son o destino principal do programa, aínda que tamén están incluídos outros países, como os EEUU e Canadá. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Pescanova dispón de vintecinco centros de cultivo nas augas chilenas O grupo galego dispón actualmente dunha filial en Chile que colabora cunha flota de catorce embarcacións pesqueiras, catro plantas procesadoras, e máis de vintecinco centros de cultivo para o salmón, sendo ademais, -destaca a páxina web da empresa-, “unha das fontes laborais máis significativas da zona austral de Chile”. No sector pesqueiro e da acuicultura de Chile teñen presencia outras empresas de orixe galega como Mascato, Leiro, Paquito ou Vieirasa, pero, de momento, Pescanova é a única que apostou polo salmón, do que Chile é o segundo productor mundial. (Fonte: El Correo Gallego).
As obras de Quessada exhibiranse en Bruxelas O pintor ourensán Xaime Quessada presentou a súa vindeira mostra de pintura, “Arte Galego en Europa”, que permanecerá na sede do Parlamento Europeo ata o día 23 de xaneiro. Na presentación, o pintor avogou porque os gobernos dispoñan de conselleiros culturais para recupera-la memoria histórica, ó tempo que adiantou algunhas das características da mostra que está ultimando. (Fonte: El Correo Gallego). Economía O Reino Unido é o segundo mercado exterior para Rodman Polyships O Reino Unido sitúase como o segundo mercado exterior do estaleiro vigués, despois de Francia. Rodman Polyships participa, ata o 18 de xaneiro, no Salón Náutico Internacional de Londres, tralos “prolíficos resultados” de edicións precedentes, froito da dedicación do estaleiro ó mercado anglosaxón, segundo expoñen fontes do grupo. Rodman expón no pavillón pertencente a SeaSporMarine, firma importadora e representante de Rodman no Reino Unido. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Raxoi calcula en preto de cinco mil os inmigrantes na cidade As concellalas de Educación e Inmigración de Santiago, e varios representantes do Foro da Inmigración presentaron a campaña “Mira cos mesmos ollos”, destinada a sensibilizar ós escolares sobre a necesidade de enfoca-la inmigración “como un fenómeno enriquecedor”. Estímase que residen en Compostela preto de 5.000 persoas de procedencia estranxeira, moitos deles emigrantes galegos retornados ou descendentes deles, polo que Teresa Regúlez, concellala de Inmigración, considera que o termo máis apropiado sería o de “migracións”. (Fonte: El Correo Gallego).
O Igape estudia abrir unha oficina de negocios en Polonia O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) estudia abrir unha oficina en Polonia, segundo transcendeu trala entrevista mantida entre o presidente da Xunta e a embaixadora polaca en España. O Igape conta xa con oficinas en Alemaña, Xapón e Estados Unidos. A embaixadora, Grazyna Bernatowicz, tamén mantivo encontros cos empresarios santiagueses e vigueses, en senllas reunións ás que acudiron o conselleiro comercial da Embaixada e a agregada cultural. (Fonte: El Correo Gallego).
Sinatura do protocolo de colaboración entre os empresarios galegos e os portugueses Manuel Fraga asistiu á sinatura do protocolo de colaboración entre a Asociación Empresarial de Portugal e a Confederación de Empresarios de Galicia, que inclúe varios acordos específicos de información mutua, a realización de análises prospectivas da eurorrexión e a promoción conxunta de xornadas empresariais entre Galicia e o Norte de Portugal. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Economía Galicia participa no plan europeo do téxtil Béjar (Salamanca), Talavera de la Reina (Toledo) e Santiago de Compostela (A Coruña) participarán no Plan Estratéxico do Sector Téxtil que vén pulando dende Catalunya a Asociación de Colectividades Téxtiles Europeas (ACTE) para lle facer fronte ó incremento da competencia no sector que provocará a apertura da UE ós países do Leste. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Un emigrante encabezará a lista ó Senado do PsdeG por Ourense O presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Venezuela, Cándido López Losada, é o elixido para encabeza-la lista socialista pola provincia de Ourense. O secretario xeral dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, asegurou que a posibilidade de incorporar un representante da diáspora na Cámara Alta, que defenda con “máis ímpeto” e coñecemento de causa os problemas da emigración, é un dos seus máximos desexos cara ás eleccións. (Fonte: El Correo Gallego).
Cárteles colombianos aséntanse en Galicia e desprazan ós autóctonos A Fundación Galega contra o Narcotráfico cre que os cárteles colombianos están ben asentados en Galicia e terían desprazado ós grupos galegos, convertidos en “simples transportistas” dos estupefacientes que se venden en España. Felipe Suárez, voceiro da Fundación, advertiu que os grandes golpes dados ó narcotráfico ó longo do ano 2003 non impediron que o mercado galego estea “totalmente abastecido” de sustancias ilícitas. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Profesores e estudiantes completarán a súa formación en empresas estranxeiras A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará preto de 260.000 euros para axudar a alumnos e profesores de Formación Profesional dos centros galegos que participen en estancias formativas en empresas de outros países durante 2004. Segundo informa o departamento, este ano convocaranse bolsas para a realización de estadías formativas co obxectivo de posibilita-la “mellora da súa competencia profesional, para a que se conta co financiamento do Fondo Social Europeo”. (Fonte: El Correo Gallego).
Os empresarios reforzarán novas vías de cooperación con Venezuela Os empresarios galegos e venezolanos colaborarán na divulgación e promoción das súas respectivas iniciativas en España e no país latinoamericano en virtude dun acordo asinado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Asociación de Empresarios Galegos de Venezuela (AGV). O presidente da Xunta, Manuel Fraga, considera este acordo o “froito dunha feliz iniciativa”, en referencia ós foros bilateriais promovidos pola Consellería de Emigración e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) para o intercambio de ideas coas comunidades galegas no exterior. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Pesca O director de Pesca da UE poderá elixir en Vigo a sede da Axencia A Xunta de Galicia cursará unha invitación ó director xeral de Pesca da UE, Jorgem Holmquist, para que visite Vigo co obxectivo de busca-la ubicación máis idónea para a Axencia Europea da Pesca, que se instalará nesta cidade. Segundo o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, en última instancia, a ubicación fda Axencia dependerá de Bruxelas. (Fonte: El Correo Gallego).
As novas vías de comunicación con Portugal beneficiarán a preto de 70.000 empresas Seis millóns de habitantes e 70.000 empresas galegas beneficiaranse dos preto de 2.500 millóns de euros que se investirán nas comunicacións viarias e férreas entre Galicia e Portugal. Galicia mellorará as comunicacións co país veciño cun AVE, unha autopista entre as localidades de Ferrol e o Algarve, dúas autovías, dúas vías de alta capacidade e dúas pontes máis, segundo informou a Consellería de Política Territorial. A Xunta participa arestora en cinco proxectos incluídos no programa comunitario Interreg III para a mellora das comunicacións transfronteirizas. (Fonte: El Correo Gallego). |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Región, La Voz de Galicia. | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 2003: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre | |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2004 |