Diario Exterior / decembro de 2003

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
31/12/2003
Política-Emigración
O PSdeG reclama medidas para que se garanta a cobertura sanitaria dos emigrantes
A voceira de Emigración do PSdeG, Marisol Soneira, reclamoulle á Xunta e ó Goberno central que habiliten “medidas urxentes” para garanti-la cobertura sanitaria a tódolos emigrantes galegos e pediu a comparecencia urxente do Goberno para dar conta da situación do Centro Galego de Bos Aires. Soneira propuxo a extensión da cobertura sanitaria ós emigrantes galegos a través de convenios con entidades públicas ou privadas dos países de residencia.
(Fonte: El Correo Gallego).

Economía
O novo xestor da Parmalat traslada unha mensaxe de tranquilidade a Clesa
Enrico Bondi trasladoulle unha mensaxe de tranquilidade á dirección da láctea galega Clesa na que subliña a independencia financeira e de xestión da filial ante a crise que atravesa a compañía italiana. O responsable de organización de Unións Agrarias (UUAA), Pablo García, considera que, pese a que as novas sobre a situación da fábrica de Clesa en Caldas son “tranquilizadoras”, no caso de que varíe a situación no futuro, se estaría perante “outra oportunidade máis para retoma-lo tema do grupo lácteo galego”, tal coma ocorreu co caso da fábrica de Leyma en Arteixo. (Fonte: El Correo Gallego).
30/12/2003
Unión Europea-Pesca
Galicia planea recupera-la pescada en dez anos
A Consellería de Pesca e o sector galego do arrastre e das artes fixas e menores do caladoiro español mantiveron unha reunión de traballo co obxecto de elaborar e consensuar un plan galego de recuperación da pescada para presentalo á UE. López Veiga explicou que o plan constituirá a aportación da comunidade galega no artellamento do futuro da pescada española e da xestión dos seus caladoiros en augas comunitarias, e defendeu a “conveniencia” de que o plan se adapte ás liñas do Comité Científico, Técnico e Económico para a Pesca da Unión Europea. (Fonte: Faro de Vigo).
29/12/2003
Cultura
Visita da embaixadora polaca para pór a punto “Galitzia en Galicia”
A embaixadora de Polonia en España, Grazyna Bernatowicz, visitará Galicia para entrevistarse con membros do departamento de exposicións do Xacobeo 2004. O obxectivo da visita é ultima-los detalles da mostra “Galitzia en Galicia”, que se abrirá en Santiago o vindeiro mes de abril. A cultura e os símbolos que relacionan á rexión polaca con Galicia son os dous temas principais da mostra. (Fonte: El Correo Gallego).

Política
O PSdeG pide bolsas de formación no estranxeiro para os artistas galegos
O Grupo Parlamentario Socialista presentou unha proposición non de lei para que a Xunta poña en marcha un programa de bolsas de formación no estranxeiro dirixido ós artistas galegos menores de 35 anos, ó tempo que lle solicitou ó Goberno que financie o programa cunha estancia mínima de seis meses en centros estranxeiros especializados. Os socialistas esixiron que o programa inclúa, “cando menos”, as seguintes especialidades: artes plásticas, cómic e ilustración, cinematografía, deseño e fotografía. (Fonte: El Correo Gallego).

Turismo
Compostela únese a Lugo, Açores e Porto para promove-lo seu patrimonio
A capital de Galicia e a das Açores estarán máis preto o vindeiro ano gracias a Atlante, un proxecto financiado pola Unión Europea no que participarán as cidades do Eixo Atlántico declaradas Patrimonio da Humanidade. A iniciativa tense reformulado para darlle dimensión turística e así, cidades como Agra do Heroísmo, Évora, Porto, Guimarâes, Lugo e Compostela porán en común iniciativas para dar a coñece-los seus atractivos ós visitantes. O proxecto ten unha duración de dous anos. (Fonte: El Correo Gallego).
28/12/2003
Política
Adopción de nenos filipinos
Os galegos interesados na adopción internacional terán en Filipinas unha opción máis, previsiblemente a partir das primeiras semanas de xaneiro, segundo informou a Consellería de Familia. A titular deste departamento destacou que este país se sumará ós 19 cos que a Administración galega ten experiencia ata o momento neste ámbito, ben por vía ministerial ou a través das ECAI (Entidades Colaboradoras de Adopción Internacional). Nesta ocasión os trámites serán levados a cabo a través da la ACI (ECAI habilitada), que xa opera no estado asiático con outras comunidades. (Fonte: El Correo Gallego).
27/12/2003
Sociedade
O II Salón Internacional da Saúde reunirá en 2005 a especialistas de todo o mundo
A cidade de Santiago acollerá en 2005 o II Salón Internacional da Saúde, que terá lugar entre os días 13 e 15 de abril, e no que se presentarán os últimos avances na sanidade. Así se recolle nun acordo que será asinado polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) e a Fundación Pública Foro Permanente Galego-Iberoamericano da Saúde. O salón está dirixido especialmente ós profesionais do mundo sanitario dos países da Unión Europea, sen descartar aqueles países que conforman a zona de influencia secundaria, como Estados Unidos, Canadá, Xapón, Arxentina, Uruguai, Brasil e México. (Fonte: El Correo Gallego).
24/12/2003
Política
O BNG pide embaixadores galegos nos países onde faena a flota
O voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, formulou a necesidade de que Galicia conte con “embaixadores da nosa pesca” alí onde exista un barco galego faenando en augas alleas e que dispoña ademais de representación directa nas institucións europeas para defende-los intereses da comunidade autónoma. Quintana destacou que máis da metade da flota pesqueira do Estado pertence a Galicia, e animou ó resto dos partidos a trata-lo asunto, xa que mentres para Galicia a pesca é un sector “estratéxico”, para o Estado é “residual” e dende a óptica deste último parámetro pode estar actuando a Administración central na Unión Europea. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
A Casa de Galicia en Montevideo sae da crise cun plan de reflotamento
A mutua sanitaria da Casa de Galicia en Montevideo, que conta con 75.000 socios, aprobou un plan de reflotamento e chegou a un acordo co persoal e acredores para saír da crise na que estaba sumida dende xullo de 2002. Fontes do departamento de Emigración sinalaron que o Ministerio de Saúde Pública do Uruguai e un equipo de xestores enviados pola Xunta elaboraron un informe de actuacións que foi aprobado nunha reunión na que tamén participaron os provedores, os acredores e o persoal da Casa de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
23/12/2003
Unión Europea
A Fundación Galicia Europa celebra o seu XV aniversario creando un foro para pula-la integración da comunidade na UE
Manuel Fraga, que presidiu os actos, avogou pola presencia de Galicia na UE como garante da “preservación da súa singularidade” no entorno globalizado, e manifestou que seguirá “traballando” para que Galicia teña un “maior crecemento do seu status” no “xogo institucional, nos procesos normativos e na toma de decisións” da UE. Jesús Gamallo, director da Fundación, salientou a importancia da creación do foro da Fundación Galicia Europa, que terá unha base de datos cos que se pretende facilita-lo retorno de persoas con experiencia laboral noutros países para que a sociedade galega poida “obte-los maiores réditos da formación destes mozos”. (Fonte: Santiago, AGN).

Cultura
O CGAC foi incluído na exposición “Museums for a New Millennium” de Miami
Unha maqueta do Centro Galego de Arte Contemporánea é unha das 25 seleccionadas para formar parte da exposición “Museums for a New Millenium”, no Miami Art Museum de Florida (EEUU). A mostra, que permanecerá aberta ata o 28 de xaneiro, documenta o xurdimento e desenvolvemento da tipoloxía arquitectónica de museos no cambio de milenio, elixindo 25 de entre os máis importantes proxectos realizados no mundo a pasada década. (Fonte: Santiago, AGN).
20/12/2003
Portugal
Os socialistas galegos e os do Norte de Portugal propoñen crear un estatuto que lle dea sentido á eurorrexión do noroeste peninsular
Tal como se recolleu nas conclusións do encontro, os socialistas galegos e portugueses apostan por unha estratexia común para crear unha eurorrexión do noroeste peninsular. Ambas partes comprometéronse a pular o Tratado de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal que permita potencia-la Comunidade de Traballo xa existente, así como recoñece-los órganos desta Comunidade no merco do Dereito Público, poñendo fin á concepción do organismo como “unha mera asociación sen fin lucrativo”. (Fonte: Santiago, AGN).

Política
O rexeitamento á Lei de Estranxeiría manifestouse nas rúas galegas
Diferentes colectivos de inmigrantes concentráronse nas grandes cidades galegas para manifesta-lo seu rexeitamento á entrada en vigor, o día 21 deste mes, da última reforma da Lei de Estranxeiría. Entre os grupos convocantes estaba a Federación de Asociacións de Inmigrantes de Galicia, que promove unha campaña de sensibilización sobre a situación na que viven os inmigrantes. Os colectivos que rexeitan a reforma fan fincapé no carácter policial da nova lei. (Fonte: El Correo Gallego).
19/12/2003
Unión Europea
Nogueira di que o “maniqueísmo” de Aznar impide o debate de asuntos da Constitución Europea que son fundamentais para Galicia
O eurodeputado do BNG acusou ó presidente do goberno español de oculta-lo debate da Constitución, tanto nos seus aspectos positivos (a capacidade lexislativa do Parlamento, os dereitos dos cidadáns), como nos negativos (a consagración do modelo neoliberal, o vencellamento á Otan ou que non se recoñezan as nacións sen Estado), todos “asuntos fundamentais para o Estado e para Galicia”. Entre as cuestións importantes para Galicia que “non se debaten debido á actitude de Aznar”, cita Nogueira os recurtamentos nos fondos comunitarios. (Fonte: Santiago, AGN).

Yuste asegura que a situación de Izar Fene é conxuntural e agarda que a UE levante o veto
O conselleiro de Innovación, Juan Rodríguez Yuste, compareceu no Parlamento a instancias dos socialistas galegos, para trata-lo tema da crise dos estaleiros IzarFene. Yuste explicou que a situación responde a unha situación internacional complexa, e recoñeceu a gravidade da crise do estaleiro galego, lembrando tamén que existe unha aproximación da empresa TotalFina Elf para a construcción dunha plataforma, unha “oferta importante” que axudaría a crise do estaleiro pola falla de contratos. (Fonte: Santiago, AGN).

Unión Europea-Pesca
Miguélez di que os resultados do Consello de Ministros de Pesca son un “aprazamento” ata o 31 de marzo
A voceira socialista da comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Rosa Miguélez, entende que a UE lle deu un prazo de tres meses ó ministro de Pesca español para que presente un plan para redimensiona-la flota española, polo que, “co seu triunfalismo, o goberno agochase tras unha cortina de fume vendendo unha imaxe que non se corresponde coa realidade”. Segundo a eurodeputada, o goberno debe asumi-las consecuencias socioeconómicas dos sacrificios do sector e facilitar un camiño para que “este proceso transcorra da mellor maneira e non dane gravemente a rexións, como Galicia, dependentes da pesca”. (Fonte: Santiago, AGN).

López Veiga amosase “plenamente satisfeito” co acordo acadado no Consello de Ministros de Pesca
Tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Pesca manifestaron que o goberno galego está “plenamente satisfeito” co acordo logrado no Consello de Ministros de Pesca da UE. López Veiga destacou que o acordo é especialmente “positivo” para Galicia porque se acadou elimina-la reducción do esforzo pesqueiro que figuraba na proposta inicial da Comisión, así coma as áreas de veda para outras especies coma o lagostino. A cambio, a delegación española comprometeuse a establecer un plan de recuperación para outras especies, como a pescada do sur. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
A CIG denuncia que a nova Lei de Estranxeiría vai dificulta-lo proceso para la regularización dos inmigrantes
Preto de 10.000 persoas viven actualmente en Galicia sen ter “papeis”. A CIG denunciou no Día do Migrante que a nova Lei de Estranxeiría vai dificulta-la regularización ós “ilegais” que residen na comunidade. Dende o Goberno autonómico, o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, augura que o texto lexislativo será modificado. Miras Portugal presentou xunto ó conselleiro de Educación as iniciativas que ambos departamentos están a desenvolver para atende-las necesidades dos fillos dos inmigrantes. (Fonte: El Correo Gallego).

Os fillos dos inmigrantes intégranse rapidamente no sistema escolar galego
Actualmente, máis de 5.000 nenos doutros países estudian en Galicia. Segundo Lois Pérez Leira, responsable de Emigración da CIG, nas escolas primarias os rapaces inmigrantes intégranse “facilmente”; no ensino superior “practicamente non existen”. Arxentina, Colombia e Uruguai son os países que teñen agora mesmo máis estudiantes na comunidade galega, sendo a maioría dos primeiros descendentes de emigrantes galegos. (Fonte: El Correo Gallego).
18/12/2003
Portugal
Xuntanza dos socialistas galegos e do Norte de Portugal
Unha delegación dos socialistas galegos manterá varias reunións con representantes socialistas do Norte de Portugal nas xornadas de debate “Noroeste Peninsular-Novas Estratexias”, que se celebran en Porto. O encontro analizará a situación de ambos territorios, co fin de incrementa-las relacións e colaboracións en tódolos sectores estratéxicos. A delegación galega está encabezada polo seu secretario xeral, Emilio Pérez Touriño, e a portuguesa contará coa presencia do presidente da Delegación Socialista no Parlamento Europeo, Carlos Lage, e o presidente da Federación do PS-Porto, Francisco Assís, ademais de varios rexedores e concellais do norte do país. (Fonte: Santiago, AGN).

A Cámara de Comercio de Ourense presenta o Proxecto IBER-PME de Cooperación co Norte de Portugal
A Cámara de Comercio de Ourense e a Asociación Empresarial do Alto Támega presentaron o Proxecto IBER-PME de Cooperación entre empresas e empresarios ourensáns e do Norte de Portugal, un programa que conta cun orzamento de 934.034 euros. O IBER-PME habilita os instrumentos para que a Cámara ourensá poida apoiar ás empresas da provincia na busca de negocios no veciño Portugal. (Fonte: Ourense, AGN).

Unión Europea
Fraga admite que Galicia se vería prexudicada se os países ricos recurtan os fondos
Fraga atribuíu a actitude dos estados máis ricos no recente cumio da UE en Bruxelas a “algúns malos humores e prepotencias” a causa da imposibilidade de anula-los acordos do cumio de Niza. O presidente da Xunta anunciou que España e Galicia “loitaremos con tódolos nosos medios” para evitar que se chegue a eses recurtamento dos fondos, e confiou en acada-los suficientes apoios para mante-lo actual sistema. (Fonte: Santiago, AGN).

Unión Europea-Pesca
López Veiga asegura que confía en acadar máis “avances substanciais” na negociación dos recurtamentos de pesca
O conselleiro de Pesca valorou de xeito optimista as negociacións que se están a levar a cabo no Consello de Ministros de Pesca da UE para establece-los Totais Admisibles de Capturas (TAC) e as cotas pesqueiras para 2004. López Veiga asegurou que ten “abondosas e fundadas razóns” para confirmar esta melloría, xa que polo momento a proposta de consenso realizada pola Comisión mellora a primeira. Para o conselleiro, a reducción do esforzo pesqueiro ten que fixarse, como máximo, nun 10% anual. (Fonte: Santiago, AGN).
16/12/2003
Portugal
Uniemprende organiza un encontro de empresas galegas e portuguesas
O programa Uniemprende, da Univeridade de Santiago, BIC Galicia e Bic Minho celebraron na capital galega un encontro bilateral entre vinte empresas de Galicia e o Norte de Portugal que desenvolverán a súa actividade productiva nos sectores das tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) e a biotecnoloxía. Este encontro foi deseñado como unha tentativa de dinamiza-las relacións económicas e comerciais, que se poden ver concretadas en acordos de cooperación tecnolóxica, contactos para operacións ou acordos de perfil máis forte, como asociacións, relacións clientes-provedores ou contratos de distribución. (Fonte: El Correo Gallego).

Sabor portugués no Concerto de Nadal da Universidade de Vigo
“De lés a lés”, o Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, quere racha-las fronteiras da lusofonía no mundo e reunir na sala de concertos do Centro Cultural Caixanova un elenco de artistas galegos e dos países lusófonos liderados por Uxía e Joâo Afonso. O concerto pretende explorar de xeito exclusivo e excepcional os outros lados –lés- das culturas integradas ou representadas no canto global da lusofonía. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Palmou asegura que o PP mellorará o resultado no electorado emigrante
“Aumentará a participación electoral da emigración e o PP mellorará o seu resultado”, vaticinou o secretario xeral do PPdeG, Jesús Palmou, tras ve-lo recibimento que lle fixeron os emigrantes en Bos Aires a Mariano Rajoy. De “auténtico fervor”, cualificou Aurelio Miras Portugal, titular de Emigración, o ambiente que se viviu no primeiro encontro de Rajoy coa diáspora de Bos Aires. Preto de 200 mil emigrantes españois viven na Arxentina; deles, aproximadamente un 45% é de orixe galega. (Fonte: El Correo Gallego).
15/12/2003
Unión Europea-Pesca
Vigo converterase no cerebro da inspección pesqueira de toda a UE
A Axencia Europea de Control Pesqueiro será o organismo comunitario encargado de coordenar unha competencia que lles corresponde ós estados membros, aínda que a súa verdadeira importancia consiste en que, no longo prazo, deberá asumir máis proteccionismo e te-lo seu propio corpo de inspectores. A de Vigo non será unha das grandes axencias europeas, xa que se prevé que conte con preto de 50 empregados (fronte ós 400 da Axencia Alimentaria), dos que a metade serán eurofuncionarios de alto rango que xa traballan en Bruxelas. A parte restante serían traballadores administrativos e auxiliares que se contratarán localmente. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sociedade
Iniciativas para racionaliza-lo uso do auga
O coordenador do Programa Mundial de Avaliación dos Recursos Hídricos da Unesco, Carlos Fernández-Jáuregui, participará en diversos actos organizados en Galicia con motivo da celebración do Ano Internacional do Auga Doce. Con esta visita, organizada pola Consellería de Medio Ambiente e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), preténdese sensibilizar á poboación da importancia do uso racional dos recursos hídricos. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Touriño propón en Caracas un Estatuto de Dereitos da Emigración
O secretario xeral dos socialistas galegos comprometeuse en Caracas a impulsa-la creación dun Estatuto dos Dereitos da Emigración que recoñeza e regulamente as prestacións que debe garanti-lo Estado a toda a diáspora. A proposta inclúe tamén a reforma da lexislación sobre a nacionalidade. Para Touriño, o obxectivo é “acada-la plena equiparación dos dereitos entre tódolos galegos, os que viven en Galicia e os que viven no exterior”. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Lavacolla estrea o seu primeiro voo directo semanal a Bos Aires
Aerolineas Argentinas vén de abri-lo seu enlace coa capital galega, un servizo que, con periodicidade semanal, permitirá viaxar sen escalas dende Bos Aires e realiza-lo voo de regreso a través de Madrid-Barajas. Con este novo servizo, o de Londres, e o inaugurado este ano con París, Santiago incrementa os seus enlaces internacionais, obxectivo que se contempla no Plan Estratéxico de Santiago para poder competir en igualdade de condicións co aeroporto Sá Carneiro de Porto. (Fonte: El Correo Gallego).

A firma viguesa Vicalsa negocia con Airbus a súa participación no avión militar
A empresa viguesa de Caldeirería, Vicalsa, mantén negociacións coa dirección de EADS en España para participar na na producción de algún lote correspondente ó proxecto de avión de transporte militar de Airbus. De producirse o contrato, sería a primeira vez que a empresa, especializada en caldeirería, diversificara a súa actividade cara ó sector aeroespacial, entrando a formar parte do grupo liderado por Coalsa, Delta Vigo e Laddes Work, pioneiras galegas nun sector que conta cun gran despegue en Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sociedade
Científicos Galegos desenvolverán unha investigación pioneira na Antártida
Tres científicos galegos están a piques de comezar unha investigación pioneira na súa especie para determinar que tipo de organismos animais habitan nas praias das dúas illas con bases españolas, a Livingstone e a Decepción. A presencia galega na Antártida foi unha constante nos últimos anos, sobre todo gracias ó buque Hespérides no que se desprazan numerosos científicos galegos, en especial da estación da Graña ou do Instituto de Investigacións Mariñas. (Fonte: La Voz de Galicia).
14/12/2003
Emigración
Touriño propón involucrar ós empresarios da diáspora en proxectos de futuro para Galicia
O secretario xeral do PSdeG anunciou en Caracas que pulará o plan estratéxico no próximo pleno do Parlamento para promove-la participación dos empresarios da diáspora en proxectos económicos en Galicia. Touriño explicou, nunha visita á Sociedade de Beneficencia de Caracas, que esa iniciativa permitirá integra-lo potencial humano, empresarial e intelectual dos galegos residentes no exterior “nun proxecto vencellado á Galicia do futuro”. (Fonte: La Voz de Galicia).

A emigración galega con dereito a voto supera ó electorado en Ourense
Un total de 288.152 emigrantes galegos teñen dereito a voto. A colonia da diáspora medra, e xa hai máis electores no estranxeiro que votantes na provincia de Ourense (287.781 residentes). Isto explica que os políticos fagan campaña no exterior. Dende as últimas eleccións xerais, o censo dos ausentes en Galicia medrou un 13% e representa o 11% dos electores galegos. Este crecemento non se debe a que Galicia sega sendo un viveiro importante de traballadores no exterior. A explicación é que os partidos políticos animan e facilitan a inscrición da emigración necesaria para exercer logo o dereito a voto. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
A UE elixe Vigo como centro de control da Pesca
Os Quince aprobaron de xeito extraordinario o chamado “paquete das sedes” , unha proposta que levaba dous anos aparcada polas pugnas que mantiñan os Estados membros para alberga-los organismos comunitarios” Galicia, que aspiraba a alberga-la Axencia Europea de Seguridade Marítima que lle foi concedida a lisboa, conseguiu finalmente a de Control Pesqueiro, que, segundo fontes comunitarias, terá un tamaño semellante á anterior. Agárdase que a Axencia comece a funcionar en Vigo no primeiro trimestre de 2004. (Fonte: La Voz de Galicia).

Xunta e armadores felicítanse polo recoñecemento ó pulo do sector pesqueiro
A consecución da Axencia Europea de Xestión de Recursos Pesqueiros para Vigo colleu por sorpresa ó sector e ó mesmo Goberno galego, que daba practicamente por perdida a batalla de asentar en Galicia algún dos disputados organismos europeos. Políticos e profesionais coinciden en que a elección non é casual e que supón a consagración de Vigo como capital da pesca galega e o recoñecemento á puxanza que o sector ten na comunidade. En xeral, os armadores, empresarios e sindicatos do sector consideran que a localización da Axencia en Vigo é unha oportunidade para achega-la realidade pesqueira galega ás decisións comunitarias. (Fonte: La Voz de Galicia).
13/12/2003
Unión Europea-Pesca
Fischler comprométese con López Veiga a renegocia-lo recurtamento de cotas
O comisario de Pesca da Unión Europea, Franz Fischler, comprometeuse a “negociar” a proposta de reducción do esforzo pesqueiro, se hai unha resposta positiva dos estados membros sobre o compromiso de adoptar no futuro políticas de conservación dos recursos pesqueiros. Esta disposición da Comisión foille comunicada en Bruxelas ó conselleiro de Pesca, no transcursos duna entrevista con Fishler. López Veiga entregoulle ó comisario unha misiva do presidente da Xunta onde se apunta a que Galicia non pode aplica-las medidas que propugna a Comisión. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
As exportacións galegas ó resto do mundo medraron un 4,2% no segundo trimestre do ano
As exportacións galegas, medidas en euros correntes, rexistraron un crecemento do 4,2% no segundo trimestre. Pola súa oparte, o crecemento das importacións elevouse do 9,3 ó 15,1%, quedando situada a taxa de cobertura das exportacións sobre as importacións no 98,9% Os resultados da evolución do sector exterior en euros constantes van na mesma dirección, pero os ritmos de crecemento acadan unha intensidade superior como consecuencia das reduccións que rexistraron os prezos respectivos de exportación e importación durante o período considerado, algo que, xunto ó maior incremento relativo das importacións con respecto as exportacións, constitúe un aspecto moi significativo do comportamento do comercio exterior de Galicia. (Fonte: Faro de Vigo).
12/12/2003
Unión Europea
Traspaso de fondos da UE para financia-la actividade de Sogama
A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) recibirá da Xunta 14,2 millóns de euros dos fondos de cohesión da Unión Europea para o financiamento do Plan de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Galicia, segundo un convenio autorizado polo Consello do Executivo Autonómico. Esta partida, explicou a Xunta nun comunicado, forma parte dos 72 millóns de euros que a Comisión Europea acordou conceder para contribuía á posta en marcha do plan. (Fonte: El Correo Gallego).

Pídenlles ós inspectores europeos que precisen os defectos do “Sevastopolya”
O eurodeputado do PP Daniel Varela presentou unha iniciativa na que pregunta á Comisión europea sobre as condicións de navegabilidade do petroleiro ruso “Geroi Sevastopolya”, de características semellantes ás do “Prestige”, que zarpou de Letonia cunha carga de fuel e pasará fronte ás costas galegas. Varela pretende coñece-las condicións de navegabilidade do petroleiro monocasco e, en concreto, sobre as inspeccións acometidas a petición da propia UE a través da Axencia Europea de Seguridade Marítima”. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Galicia terá un observatorio de apoio á poboación inmigrante
A Xunta anunciou a constitución duna comisión interdepartamental de Apoio á Inmigración, como paso previo á creación do Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia. A fin principal deste organismo será ofrecer respostas unitarias e de consenso por parte dos diferentes departamentos da Xunta con competencias directa ou indirectamente relacionadas coa inmigración, tratando, ó tempo, de atopar unha acción integral coa participación de outros axentes e suxeitos alleos á Xunta. (Fonte: El Correo Gallego).

Os retornados crearon máis de medio cento de novas empresas
As cámaras de comercio galegas, en colaboración coa Consellería de Emigración, a Fundación Incide e Caixa Galicia, dispoñen dun programa de apoio ós galegos da diáspora para a creación de iniciativas empresariais na súa terra natal que lles permitan regresar. O programa permitiu ata o de agora a posta en marcha de 56 novos negocios e a creación de máis de 80 postos de traballo. As liñas de apoio, que xa funcionan en Arxentina e van ser abertas en Uruguai, terán en México e Venezuela os seus obxectivos máis inmediatos. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
Expertos ensinan a vende-lo cinema galego no mundo
A Fundación Araguaney, en colaboración coa Consellería de Cultura, organizou para o día 16 deste mes unha xornada sobre a “Distribución e Comercialización do Cinema”, coordenada por Fernando Labrada, e dirixida a tódolos profesionais do sector cinematográfico. O obxectivo é identifica-las barreiras para comercializa-los productos audiovisuais. Labrada é optimista respecto ás posibilidades do cinema galego, con cotas de mercado cada vez máis altas, o que significa que “haberá un asentamento”. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Carrefour leva o mexillón galego a Francia, Bélxica e Suíza
Os hipermercados Carrefour subscribiron un acordo con seis empresas galegas para comercializar 1.760 toneladas de productos do mar galegos baixo a súa marca “Calidade Tradición Carrefour”. En total, as compras do grupo ascenderán ós 4,2 millóns de euros. Carrefour asinou o acordo coas empresas Ameixa de Carril, Pescafresca, Puerto de Celeiro e Pescadona, ademais de renovar o mantido con Mares de Galicia e Moluscos Rías Baixas. Estas dúas últimas, máis Pescadona, formalizarán un novo convenio que permitirá exportar 600 toneladas de mexillón a Francia, Bélxica e Suíza. (Fonte: El Correo Gallego).

Alibélico expande o seu negocio en Italia
O grupo Alibélico, propiedade de compostelán Clemente González e un dos maiores fabricantes de productos de aluminio en España, chegou a un acordo coa multinacional canadense Aalcan para adquiri-lo seu negocio de extrusión en Italia por 10 millóns de euros. A operación inclúe a compra da fábrica de Milán e os centros de distribución de Milán, Roma e Bari. (Fonte: El Correo Gallego).

Unha multinacional xaponesa instálase no parque tecnolóxico de Vigo
Un investimento de 30 millóns de euros e douscentos postos de traballo concretan a aposta do grupo da multinacional xaponesa Denso Corporation a través da súa filial italiana, Denso Thermal Systems SpA, en Vigo. A multinacional contou coa asesoría da empresa pública do grupo SEPI, Sepides, así como coa da Xunta a través da Consellería de Economía e Facenda e do Igape. A fábrica de Denso en Vigo producirá cada ano un total de 900.000 equipos de climatización. (Fonte: El Correo Gallego).

Montevideo e Agadir resolven as súas carencias gracias á enxeñería civil galega
Agadir, cidade destruída por un terremoto en 1960, emerxe como destino turístico trala conclusión do saneamento acometida por Espina Obras Hidráulicas. A obra, executada por enxeñeiros galegos e con tecnoloxía galega é tanto máis importante, cando no Magreb, Libia, Siria, Exipto, Líbano, Israel e os estados do Golfo persiste o asunto do auga como un “casus belli”. Por outra banda, o éxito acadado pola actuación de Espina en relación coa liña de bombeo do Sistema Montevideo mereceu os maiores eloxios de tódalas instancias de Uruguai, país onde Espina posúe unha sucursal fortemente asentada. (Fonte: El Correo Gallego).
11/12/2003
Unión Europea-Pesca
López Veiga entrégalle á UE un contrainforme que propón unha reducción graduada dos días de pesca
O conselleiro de Pesca entregoulle a Jorgen Holmquist, director xeral de Pesca da UE, un contrainforme da Xunta no que se admitiría unha reducción de días hábiles de pesca, pero tan só a razón do 10% anual. A baza dos galegos é a presentación dun informe que, compartindo “o fondo e a filosofía” da proposta de reducción da Comisión Europea, non está de acordo na alarma xerada. López Veiga pediulle á Comisión que teña en conta o criterio do Consello Galego de Pesca, como órgano consultivo que “representa a todo o sector galego”. (Fonte: Bruxelas, AGN).

Economía
A depreciación do dólar supuxo un recurtamento nas vendas de ata o 25% para algunhas empresas galegas
A continua depreciación da moeda estadounidense fronte á europea tivo xa o seu efecto nas vendas das empresas galegas ó exterior. As reduccións nas exportacións ós países de influencia do dólar varían entre o 25 e o 3%, véndose máis afectadas aquelas empresas relacionas cos bens de consumo, como o viño ou o téxtil, así coma a madeira. En todo caso, o Consello Superior das Cámaras de Comercio asegura que o impacto global da depreciación do dólar na economía galega será mínimo. (Fonte: Santiago, AGN).
09/12/2003
Emigración
Touriño estreitará lazos coa colectividade galega en Venezuela
O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, iniciará o vindeiro día 11 unha visita de catro días a Venezuela acompañado pola responsable de Emigración da súa formación no Parlamento de Galicia, Marisol Soneira. O responsable dos socialistas galegos ofrecerá unha conferencia na Comisión de Política Interior da Asemblea Nacional sobre o “Estado das autonomías e o modelo de descentralización español”, nunha vista que contempla tamén a celebración de varios encontros coa colectividade galega.
06/12/2003
Economía
A Xunta pide un creto de 56 millóns ó Banco de Desarrollo
A Xunta asinará co Banco de Desarrollo do Consello de Europa (CEB) un préstamo por valor de 56 millóns de euros coa fin de financiar parte do Plan de Dinamización Económica aprobado trala catástrofe do “Prestige”. Este programa de investimentos ten un orzamento de preto de 1.800 millóns de euros. A formalización desta operación xa estaba prevista no programa de endebedamento dos orzamentos galegos do ano 2003. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Dúas novas aulas de Galicia en América
México e Arxentina contarán con dúas novas aulas permanentes de formación e cultura de Galicia, que se engaden á, ata o de agora, única existente, na Irmandade de Caracas, en Venezuela. As aulas emprazaranse nos centros galegos de México e Bos Aires. Estas aulas, apoiadas pola Consellería de Emigración, ofrecerán programas formativos e culturais tanto ós socios dos centros que as acollen como a calquera persoa que queira afondar no coñecemento de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Galicia presionará en Bruxelas para limita-los recurtes na pesca
O presidente da Xunta anunciou que Enrique López Veiga, conselleiro de Pesca, se trasladará a Bruxelas “coa ambición especial” de defende-los intereses do sector pesqueiro galego ante a proposta da Comisión Europea de recurtar drasticamente as cotas para especies como a pescada, o rape e a lagostino. Manuel Fraga afirma que “semella” que, no que respecta á plataforma continental galega, “infelizmente pequena” e sobre a que se realiza un gram esforzo pesqueiro, “pode que haberá algunha reforma que aceptar”, pero non así en tódalas indicacións. (Fonte: El Correo Gallego).
05/12/2003
Economía
Coren venderá á Cruz Vermella 17.000 toneladas de carne para enviar a Iraq o vindeiro ano
O xerente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, anunciou que a empresa participará durante 2004 nun programa de axuda alimentaria a Iraq, a través da cal enviará a este país 17.000 toneladas de carne de vacún que será distribuída entre o pobo iraquí. Coren participará na reconstrucción de Iraq tras gaña-lo concurso público do Goberno coordenado pola Cruz Vermella Internacional. (Fonte: La Región).

Unión Europea-Pesca
O plan de Bruxelas condena ó amarre a 300 barcos galegos
Para especies como o lagostino e o rape, Bruxelas pide recurtes nas capturas que superan o 70%, á vez que consuma a esixencia de que a flota da pescada paralice a súa actividade durante 17 días ó mes, medida que ameaza directamente o futuro de preto de 300 barcos e 3.500 mariñeiros galegos, segundo estimacións da Consellería de Pesca. Esta proposta, en caso de non ser modificada, tería para Galicia uns efectos tan desastrosos como a ruptura de tres acordos de pesca semellantes ó de Marrocos, país no que faenaban un cento de buques galegos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Outros mil mariñeiros poden beneficiarse do plan de axudas á flota de Marrocos
O Parlamento Europeo aprobou a reforma do regulamento para a diversificación socioeconómica das zonas afectadas pola ruptura do acordo de pesca entre a UE e Marrocos en novembro de 1999. A principal novidade desta modificación é a posibilidade que ofrece a mil mariñeiros galegos e andaluces e acollerse ás axudas recollidas no plan de reconversións. (Fonte: La Voz de Galicia).

Portugal
Os enfermos vasculares de Viana trataranse en Vigo
Os enfermos vasculares e de calquera outro tipo de patoloxía arterial procedentes do distrito portugués de Viana do Castela serán tratados e operados en Vigo debido á incapacidade do hospital de Sâo Joâo, en Porto, para atender estes casos que, ata o de agora, lle eran destinados. A medida quedou rubricada trala sinatura dun protocolo de colaboración entre o Centro Hospitalario do Alto Minho e o centro vigués Povisa. (Fonte: Faro de Vigo).

Emigración
Unha emigrantes tramita a primeira firma electrónica
A Xunta é a primeira administración pública española en tramita-la sinatura electrónica dun residente no estranxeiro. A través da Consellería de Emigración, en colaboración coa Consellería de Presidencia, permite ós residentes no exterior a tramitación dos seus expedientes a través da rede, utilizando a sinatura dixital. Deste xeito, os milleiros de galegos que viven fóra poderán dirixirse á Administración de xeito directo para sumarse ós programas da Xunta dende calquera ordenador conectado á rede. (Fonte: El Correo Gallego).
03/12/2003
Unión Europea-Pesca
A Consellería de Pesca cualifica de “socialmente inaceptables” as duras restriccións para a flota propostas pola Comisión
A través dun comunicado o departamento que dirixe López Veiga manifesta o seu desgusto polas “duras medidas restrictivas” que vén de propor a Comisión para limita-la actividade da flota pesqueira, reducindo até nun 50% as xornadas de faena no mar. Pesca considera estas medidas “socialmente inaceptables” polo impacto que causarán no sector e no tecido productivo do mesmo. Por iso, solicita ó Executivo comunitario que escoite e teña en conta o criterio das Administracións autonómicas e central neste sentido. (Fonte: Santiago, AGN).

Sociedade
Certame de boas prácticas da ONU
A Casa de Europa acolle en Santiago unha reunión do Comité de Dirección do programa Mellores Prácticas, desenvolvido pola Axencia Habitat, dependente da ONU. Esta entidade, en colaboración coa cidade de Dubai, encargase de seleccionar en todo o mundo as mellores iniciativas de xestión municipal e desenvolvemento sustentable. (Fonte: El Correo Gallego).
02/12/2003
Turismo
A Xunta negocia coas compañías Easyjet e Ryanair para que operen en Galicia a partir de 2004
As compañías aéreas de baixo custo poderán operar na nosa comunidade se prosperan os contactos establecidos pola Xunta a través de Turgalicia. O obxectivo é que estes voos de conexión con Europa sirvan para incrementa-la chegada de turistas a Galicia, ó ofrecerlles conexións máis rápidas e máis baratas. En total, 14 destas compañías aéreas operan en España, pero ningunha delas contemplou até o de agora a posibilidade de instalarense en Galicia. (Fonte: Santiago, AGN).

Política
O cónsul francés da costa cantábrica destaca que o Ano Santo suporá unha masiva afluencia de turistas galos a Galicia
O cónsul xeral de Francia na costa cantábrica, Thierry Fraysse, considera a celebración do Ano Santo como unha gran oportunidade para o intercambio cultural en Galicia. O cónsul francés fixo estas declaracións durante a súa primeira visita oficial, na que tivo a oportunidade de reunirse con responsables da Xunta, do concello compostelán e dos diferentes partidos da comunidade. Así, Fraysse reuniuse con Xosé Manuel Beiras, presidente do Consello nacional do BNG, quen lembrou a “relación estable” que xa existía entre o Bloque o e seu predecesor no Consulado. (Fonte: Santiago, AGN).

Economía
A empresa Egatel exporta tecnoloxía a México
Egatel, filial da área de telecomunicacións de Soluziona, subministrará á televisión do estado mexicano de Veracruz equipamento de transmisión analóxico para amplia-la cobertura da cadea en todo o territorio. Este é o segundo contrato e o máis importante da compañía en México. México é, xunto a Brasil, Venezuela e varios países centroamericanos, un dos país chave na expansión que Egatel está realizando; noutro ámbito xeográfico, a empresa estudia a súa penetración en Tunicia. (Fonte: Santiago, AGN).

Johonson&Johonson ensaia o Yondelis de Zeltia en oito estados e dez centros norteamericanos
Johonson&Johonson, o socio estadounidense da biotecnolóxica galega Zeltia, comezou a primeira fase dos ensaios do medicamento Yondelis nos EEUU. Zeltia quedouse coa exclusiva da comercialización do Yondelis en Europa, e cedeulle a exclusiva nos EEUU, Xapón e o resto do mundo a Johonson&Johonson. As probas da multinacional estadounidense poderán ser utilizadas por Zeltia para tentar unha segunda oportunidade en Europa, aínda que antes terá que agarda-lo veredicto da Food and Drug Administration (FAD) nos EEUU. (Fonte: Santiago, AGN).
 

Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Región, La Voz de Galicia.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2003: novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2004
Fernando Pol