Diario Exterior / novembro de 2003

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
30/11/2003
Pesca
Mariscadoras galegas viaxan ás sedes europeas e á rexión francesa de Brest
Un colectivo de mariscadoras de Galicia, acompañadas por membros da Consellería de Pesca, viaxarán a Bruxelas para manter diversas reunións con representantes da Comisión e o Parlamento Europeo, co obxectivo de informarse acerca das axudas ás que teñen acceso e do apoio estructural da UE ó sector. Un segundo grupo de mariscadoras, procedentes de Lira, O Pindo e Muros, viaxará á rexión francesa de Brest para coñece-las técnicas de cultivo, recolección e procesamento de algas en Francia, actividade que estudian iniciar en Galicia. (Fonte: Santiago, AGN).

Sociedade
O ex presidente arxentino Raúl Alfonsín visita Galicia
O ex presidente arxentino Alfonsín atópase en Galicia en visita privada para visita-la casa dos seus ascendentes en Casaldarnós, Ribadumia. Alfonsín asistiu á inauguración dunha rúa en Ribadumia co seu nome, e viaxou a Lalín, onde mantivo un encontro con representantes da Corporación e coa Asociación de Arxentinos do Deza. (Fonte: El Correo Gallego).
29/11/2003
Turismo
Un touroperador especializado no turismo relixioso oferta o Camiño en Alemaña
A directora xeral de Turismo, María Antón, presentoulles ós medios os catálogos do turoperador alemán Bayerisches Pilgerbüro, entidade que desprazou preto de cinco mil viaxeiros pola Rota Xacobea nos últimos tres anos. Antón destacou a importancia do turismo relixioso para Galicia nun acto no que estivo acompañada polo arcebispo de Santiago, varias autoridades eclesiásticas alemanas e representantes da Oficina Española de Turismo en Munich. (Fonte: El Correo Gallego).

Unha gran mostra promove o Ano Santo por toda Europa
A Consellería de Cultura, en colaboración cas comunidades autónomas de Asturias, Castilla e León e La Rioja, comezou a promoción do Ano Santo 3004 cunha nova exposición itinerante que percorrerá varias cidades e Europa. A mostra comezará en Roma, para trasladarse logo a París, Milán, Utrech, Hannover, Varsovia, Cracovia e Bruxelas. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
A directora de Política Pesqueira da UE destaca a importancia de Jealsa
O grupo conserveiro galego Jealsa Rianxeira recibiu a visita da directora xeral de Política Estructural pesqueira da UE, Lea Verstraete, que concluíu na factoría boirense a súa estadía en Galicia. Verstraete, acompañada por varias autoridades pesqueiras da Xunta de Galicia, destacou a influencia de Jealsa no “desenvolvemento da rexión”. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Inditex leva a súa cadea Zara Home a Londres
Coa inauguración da nova tenda, Zara atinxe xa a cifra de 25 tendas en Londres, e coa apertura, en datas próximas, dunha nova tenda de Massimo Dutti, a multinacional galega estará presente no mercado británico con 35 tendas. A nova cadea de roupa do fogar (Zara Home) planea abrir agora una tenda en Atenas dentro do inicio do seu plan de expansión internacional. (Fonte: El Correo Gallego).
28/11/2003
Portugal
Congreso Galicia-Norte de Portugal
A Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela acolle o V Congreso Internacional Galicia-Norte de Portugal de formación para o traballo, que nesta ocasión centra o debate nas necesidades dun deseño curricular por competencias. O encontro enmárcase no escenario de fondo da homologación dos títulos no espacio europeo para o ano 2010. (Fonte: El Correo Gallego).

Novo centro de cooperación empresarial transfronteirizo
A Consellería de Innovación e a Confederación de Empresarios de Pontevedra subscribirán un convenio para crear un Centro de Cooperación Empresarial Transfronteiriza (Cecotran) que se encargará da dinamización comercial entre as dúas zonas. O Cecotran proporcionará información e asesoramento comercial, participará en feiras e promoverá a arbitraxe de consumo. Innovación aportará 36.000 euros para financiar este proxecto. (Fonte: El Correo Gallego).

Caminha acolle unha conferencia e unha mostra sobre os efectos do verquido do “Prestige”
A Cámara Municipal de Caminha deu o seu apoio á realización da conferencia “Prestige, un ano despois”, na que participa como relator Xosé Veiras García, secretario da Asociación para a Defensa da Ecoloxía de Galicia (Adega). Ademais, inaugurarase unha mostra de fotografías de Paulo Freitas, “Prestige, Nunca Máis”. Ambas actividades están organizadas por entidades luso-galaicas como o Fórum de Amizade Galicia/Portugal e a plataforma “Nunca Máis”. (Fonte: Faro de Vigo).

Emigración
A diáspora quere escano no Parlamento galego
A emigración quere estar representada no Parlamento galego ou nas Cortes estatais. Esta é unha vella demanda da diáspora que foi trasladada de novo ó presidente da Xunta a través do presidente do Partido Popular en Brasil, Julio Román. Román fai fincapé no feito de que en América viven catrocentos mil galegos. (Fonte: El Correo Gallego).

Os profesores recibirán formación para atender ós nenos emigrantes
Máis de 5.000 rapaces de países tan diferentes como Arxentina, Marrocos, Rusia ou China estudian nas aulas do ensino Infantil, Primario e Secundario dos centros galegos. As consellerías de Emigración e Educación traballan nun regulamento de orientación escolar e na análise das necesidades de formación do profesorado para garanti-la plena atención á diversidade e, ó mesmo tempo, á integración dos rapaces. Estas son as premisas da futura orde, que probablemente entre en vigor o vindeiro curso, nas que a Xunta especificará as medidas. (Fonte: El Correo Gallego).

Pesca
Unha delegación chilena visita Porto do Son, Portonovo, Vigo e Baiona
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, recibiu a unha delegación de pescadores artesanais, empresas pesqueiras e da Administración da X Rexión de Chile, que ten por obxectivo coñece-la situación do sector pesqueiro en Galicia. A delegación visitará as lonxas de Portonovo, Porto Son e Baiona, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, o Instituto Politécnico Mariño e o porto de Vigo, ademais de manter encontros con empresarios do sector. (Fonte: El Correo Gallego).
27/11/2003
Economía
A industria do automóbil investirá 300 millóns de euros en Galicia durante 2004
A previsión de gasto máis elevada (preto de 150 millóns de euros) é a de PSA Peugeot Citroën, que destinará boa parte desa cantidade á innovación tecnolóxica. A aposta pola innovación materializarase tamén na industria de compoñentes cun investimento de 63 millóns en I+D. As multinacionais Benteler e Dendo, con 50 e 30 millóns orzamentados, respectivamente, xunto co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), redondean a maior cifra investidora no sector dos últimos anos. (Fonte: La Voz de Galicia).

Turismo
Raxoi estudiará a instalación nos accesos composteláns de carteis en diferentes linguas
O Concello de Compostela estudia a posibilidade de instalar paneis nos accesos á cidade encabezados por frases de benvida en varios idiomas ante a afluencia de turistas que se prevé reciba durante a celebración do Xacobeo 2004. Un panel completo podería contar con dez idiomas: os tres das comunidades históricas (catalán, éuscara e galego), castelán, portugués, francés, italiano, alemán, inglés e xaponés. (Fonte: El Correo Gallego).

Empresas viguesas contactan con operadores turísticos escandinavos
Un grupo de empresas viaxou recentemente a Dinamarca e Suecia coa Cámara de Comercio de Vigo para establecer contactos comerciais coas empresas nórdicas para por á súa disposición a oferta de lecer das Rías Baixas. A acción, que forma parte do plan Foexga, incluíu reunións con operadores turísticos, prensa especializada e empresas adicadas á programación de viaxes para persoas maiores. (Fonte: El Correo Gallego).
26/11/2003
Sociedade
Celebración nas mesquitas galegas do remate do Ramadán
A comunidade musulmana reuniuse nas sete mesquitas galegas para concluír cun banquete o mes de xaxún físico e espiritual do Ramadán. A comunidade musulmana en Galicia, de máis de tres mil persoas, conta con tres grandes asociacións, a Asociación Magrebí El Wafa en Ourense, a Asociación Marroquí de Pontevedra e a Comunidade Mesquita Aboubaker de Arteixo. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
A USC achégase á riqueza da inmigración a través das artes
A Universidade de Santiago de Compostela abrirá o vindeiro 15 de decembro o programa “A Inmigración e a Representación da Diversidade Cultural dende Galicia”, que levará ós campus de Compostela e Lugo un conxunto de manifestacións artísticas e culturais coa fin de pula-la integración e o coñecemento mutuo entre os colectivos de inmigrantes e a sociedade galega. O rector da USC e o conselleiro de Emigración presentaron o curso, que se desenvolverá en varias etapas nas que incidirá especialmente na relación con América Latina. (Fonte: El Correo Gallego).

O último número da revista Grial afonda na Europa das Universidades
O Aulario da Universidade de Vigo acolleu a presentación do número 159 da revista Grial, da editorial Galaxia, adicado nesta ocasión á Europa das Universidades e ó proceso de harmonización universitaria iniciado en Bolonia. A revista Grial, a máis antiga de Galicia, márcase como obxectivos a construcción dunha identidade galega dentro da sociedade do coñecemento e a creación dun espacio para a reflexión, o encontro e o intercambio. (Fonte: El Correo Gallego).
25/11/2003
Emigración
O Foro Galicia-Brasil impulsará as relacións bilaterais
Durante tres días reuniranse en Santiago emigrantes relevantes da diáspora brasileira cos seus partenaires de Galicia para analizar o estado actual das relacións bilaterais e impulsar medidas para fortalecer o intercambio a todos os niveis. Os mundos da cultura, da política, da economía, da análise social encontraranse para definir a cadanseu nivel mecanismos reciprocos de interese e manter encontros con diferentes instancias representativas do país. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea
Gamallo defende unha UE con dimensión rexional
O secretario xeral de Relacións coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, presidiu en Bruxelas unha mesa de debate con altos representantes comunitarios sobre a Constitución Europea. Os participantes neste encontro ratificaron a petición de incluír no documento final unha base legal para o desenvolvemento da cooperación transfronteiriza e mellora-la posición institucional do Comité das Rexións. Gamallo fará entrega das conclusións das rexións ó ministro de Asuntos Exteriores italiano, Enrico La Loggia. (Fonte: El Correo Gallego).

Izar e o grupo galo DCN sentan as bases do consorcio naval da UE
O grupo Izar e a División de Construcción Naval DNC francesa acordaron intensifica-la súa relación como un “paso significativo” para a creación do Futuro Consorcio Naval Europeo. Segundo se recolle nunha resposta do Goberno a unha pregunta do deputado do BNG, Francisco Rodríguez, sobre as conversas mantidas entre as dúas compañías, as dúas delegacións acordaron pula-la cooperación en programas de submarinos e explota-las posibilidades noutros productos. Para iso, acordouse a creación dun comité estratéxico responsable de desenvolve-las propostas. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
O presidente da República portuguesa reúnese con expertos e empresarios para estudia-la fórmula galega dos clústeres
O presidente Sampaio reuniuse en Lisboa con técnicos e empresarios para buscar solucións ó “cerco español” que absorbe os investimentos das multinacionais. Trala reunión, o voceiro do xefe do Estado anunciou un plan para volver atraer a Portugal investimentos que agora se dirixen a outras partes da Península Ibérica. O estudio realizado polo Ministerio de Finanzas cita, concretamente, a competencia das “rexións que son grandes polos de investimento estranxeiro da industria do automóbil: Valencia, Aragón e Galicia” e expresa a necesidade de imita-lo modelo de clústeres, que lle permitiu a Galicia atraer investimentos da industria aeronáutica. (Fonte: La Voz de Galicia).

Economía
Vigo capta investimentos que non buscaban man de obra barata
O cinturón industrial de Vigo atraeu, nos últimos tres anos, 253 millóns de euros a través das multinacionais farmacéuticas, aeronáuticas, automobilísticas e téxtiles, especialmente. Este dato contrasta co sucedido na década anterior, na que as compañías investidoras preferiron instalarse na zona comprendida entre Porto e Valença do Minho, atraídas polos baixos custos laborais e a necesidade de solo barato. O director xeral de Benteler, Francisco Anguera, explica que a súa empresa elixiu Galicia “porque xa ten o persoal cualificado, un clúster ben organizado e un centro de investigación: entendemos que obteremos aquí maior beneficio no medio prazo”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sogama estudia o mercado dos países do Leste de Europa
Os países da Europa Central e Oriental (Peco) coñecen o plan Sogama de tratamento de refugallos sólidos urbanos e ven nel unha boa fórmula para pór en marcha unha política de xestión medioambiental, ata o de agora inexistente, cando entren a formar parte da UE en maio de 2004. Segundo Andrés Faíña, catedrático de Economía Industrial Europea da Universidade da Coruña, “países como Rumania xa abriron negociacións para implantar este sistema”. Faíña destaca tamén o incremento das exportacións ós Peco, que ”superan xa ós dos grandes países latinoamericanos como México, Brasil e Chile”. (Fonte: La Voz de Galicia).

Barnier volve garanti-las axudas europeas para Galicia
O comisario de Política Rexional da UE aproveitou unha comparecencia perante a Eurocámara para asegurar que Galicia manterá-lo status de rexión Obxectivo 1 na Europa dos Vinte e Cinco, o que lle permitirá seguir percibindo fondos estructurais ata o ano 2013. Para Barnier isto implica tamén unha lectura negativa, xa que “Galicia non rematou aínda o seu proceso de converxencia”. (Fonte: La Voz de Galicia).

As empresas poderán pedir estudios internacionais de mercado ó Igape
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) vén de pór en marcha unha serie de servizos para capta investimento estranxeiro e favorece-la expansión exterior e as exportacións da empresa galega. Para iso, o organismo dispón dunha ampla base de datos con máis de 200 estudios de mercado xenéricos e específicos. Xapón, China e Suecia son os mercados máis estudiados. Os empresarios galegos poden solicitar sen custo algún estudios de mercado sobre sectores económicos ou países concretos. (Fonte: La Voz de Galicia).

A CEP afondará nos vencellos que teñen as pequenas e medianas empresas galegas e as do Norte de Portugal
A Confederación de Empresarios de Pontevedra celebrará no primeiro trimestre do próximo ano o primeiro foro da Peme de Portugal ante a innovación tecnolóxica, enmarcado dentro do proxecto Cecotran da iniciativa Interreg III. No foro estudiaranse as principais vantaxes e inconvintes das empresas ante a ampliación da UE e da globalización, e as posibilidades de fomento da internacionalización e a cooperación transfronteiriza das Pemes, entre outros temas. (Fonte: La Voz de Galicia).
24/11/2003
Sociedade
A Coruña será sede da Copa do Mundo de Marcha de 2006
O Consello da Federación Internacional de Atletismo (IAAF) elixiu A Coruña como sede da Copa do Mundo de Marcha, que foi unha das cartas da cidade para optar á Copa do Mundo. Ó remate, Moscova, que competía coa Coruña pola Copa de Marcha, será a organizadora dos Campionatos do Mundo de Atletismo. (Fonte: El Correo Gallego).
21/11/2003
Unión Europea
Bruxelas rexeita por segunda vez o Yondelis
A Axencia Europea para a Avaliación dos Medicamentos (Emea) volveu rexeita-la comercialización dos antitumorais de PharMar, filial do grupo galego Zeltia. A compañía emitiu un comunicado no que apunta que segue confiando na eficacia do Yondelis, que conta co apoio dos maiores expertos europeos en sarcomas, e que seguirán facendo os esforzos necesarios para que o medicamento poda ser comercializado o antes posible. Ademais, Zeltia pensa aproveita-la saída ó mercado dos seus antitumorais para converte-la rede comercial propia que posúe en tódolos países da Unión Europea en filiais que representen á compañía. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
Claudio Magris abrirá o ciclo de pensadores europeos da USC
A Universidade de Santiago de Compostela abrirá o día 24 unhas xornadas adicadas por completo á vida e á obra do xermanista Claudio Magris no marco do programa titulado “Construíndo Europa: pensadores do século XXI”. A obra de Magris enmárcase na chamada literatura sen fronteiras que parte do seu propio nacemento na cidade de Trieste, disputada durante anos por Italia e Iugoslavia. (Fonte: El Correo Gallego).
20/11/2003
Emigración
O colectivo latinoamericano terá un centro de apoio en Ordes
Rosa Ríos, presidenta da asociación de inmigrantes Puertas Abiertas, ten previsto inaugurar en decembro unha sede no entorno do Campo da Feira de Ordes, que atenderá as demandas do colectivo latinoamericano en Galicia. Na actualidade, o número de inmigrantes neste concello é de 600. Puertas Abiertas, que tentará promover cursos de galego para os inmigrantes, conta con sesenta socios de países como Uruguai, Arxentina, Venezuela, Perú, Bolivia e Colombia. (Fonte: El Correo Gallego).

Unión Europea
Nogueira, Miguélez e Varela, membros da comisión do “Prestige”
A comisión temporal sobre seguridade marítima do Parlamento Europeo, que analizará os accidentes dos petroleiros “Prestige” e “Erika”, contará cos eurodeputados Camilo Nogueira, Rosa Miguélez e Daniel Varela entre os seus membros. O pleno da Eurocámara aprobou a listaxe que reparte os asentos que forman a comisión da seguinte forma: 17, do grupo maioritario Partido Popular Europeo; 13, do Partido Socialista Europeo; 4, do Grupo Liberal; 3 do Grupo Verdes/Alianza Libre Europea; 3 de Esquerda Unida Europea; 1 da Unión pola Europa das Nacións; 1 por Europa das Democracias e as Diferencias, e 2 membros polos Non Inscritos. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Benteler producirá en Galicia pezas para Citroën, Ford, Volkswagen e Opel
A compañía presentou o proxecto da súa nova instalación industrial en Galicia: o vindeiro ano comezará a construcción de dúas fábricas en Vigo, cun investimento de 50 millóns de euros e a contratación de 280 traballadores. O plan de viabilidade das fábricas prevé un volume de negocio mínimo de 60 millóns de euros ó ano e un volume de compras de compoñentes de 100 millóns de euros. Benteler expresou un gran interese en que se creen novas industriais en Galicia para prover á súa instalación de compoñentes, o que introduciría unha nova industria do aceiro no Clúster do Automóbil de Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia).
16/11/2003
Cultura
Unha delegación de Suecia visitará os parques da Rede Arqueolóxica Galega
A delegación pretende coñece-la xestión do patrimonio cultural en Galicia e, máis en concreto, o programa de parques arqueolóxicos que puxo en marcha a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A representación sueca, que visitará os parques de Campo Lameiro e San Cibrán de Sas, está encabezada pola directora xeral do Consello do Patrimonio Nacional, Inger Liliequist. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade
A AGAI considera que China ofrece as mellores condicións para as adopcións
Na opinión de María José Cunqueiro, presidenta da Asociación Galega de Adopcións Internacionais (AGAI), China é o lugar de orixe máis demandado polos galegos que desexan adoptar no estranxeiro, seguida de Etiopía e Colombia. O pasado ano, 400 familias iniciaron os trámites de adopción, 184 noutros países e o resto en España. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
Galegos e portugueses acordan darlle prioridade á alta velocidade
O Partido Popular de Galicia (PPdeG) e o Partido Socialdemócrata de Portugal (PSDP), que sustentan os respectivos gobernos, asinaron unha declaración conxunta na que se comprometen a concluír para o ano 2009 a unión por alta velocidade do tramo A Coruña-Vigo-Porto-Lisboa, así como a crear unha comisión de asuntos enerxéticos no seo da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. (Fonte: El Correo Gallego).
15/11/2003
Cooperación Científica
Doce países analizan materias de Dereito, Políticas e Economía
O grupo de Estudios Europeos do Grupo Compostela reuniu a especialistas de universidades do Reino Unido, Suecia, Holanda, Portugal, Polonia, Italia, Alemaña, Dinamarca, República Checa e China nun encontro no que se estudiou a posibilidade da constitución de redes de excelencia e a creación de equipos de investigación que traten proxectos específicos dentro das titulacións de Ciencias Políticas, Economía e Dereito. A sección de estudios europeos do Grupo Compostela está considerada como un dos grupos punteiros en converxencia educativa. (Fonte: El Correo Gallego).
14/11/2003
Economía
Galicia exporta mercadorías a China por valor de 37 millóns
A Confederación de Empresarios de Pontevedra celebrou unha xornada informativa sobre as relacións comerciais que ofrece o mercado chino ás empresas galegas.Galicia mantén unhas relacións comercias moi reducidas con China, como o amosa o feito de que só exportou productos por valor de 37 millóns de euros e importou por 171 millóns o ano pasado. A pesar diso, a taxa de cobertura é mellor que a existente a nivel do estado español. O 65% das exportacións galegas concéntrase en dúas partidas, vehículos con capacidade para máis de 10 persoas e peixe conxelado. (Fonte: Faro de Vigo).
13/11/2003
Cooperación Exterior
A Xunta financiará con preto de 140.000 euros tres proxectos de desenvolvemento ambiental en El Salvador
A Xunta de Galicia financiará a execución de tres programas de desenvolvemento ambiental nos departamentos salvadoreños de San Miguel e La Unión. Pola sinatura deste convenio entre a Secretaria Xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior e o Ministerio de Medio Ambiente de El Salvador, a Xunta contribuirá con 138.529 euros para axudar á súa execución, encargándose a parte salvadoreña dos custos da asistencia e supervisión técnica, así coma do suporte técnico e administrativo. (Fonte: Santiago, AGN).

Portugal
Cimadevila aposta por reforza-la servicio Eures para “dinamiza-la mobilidade laboral” entre Galicia e o Norte de Portugal
A conselleira de Asuntos Sociais, María José Cimadevila, asinou co Instituto de Emprego de Portugal e representantes doutros 14 organismos galegos e lusos o convenio marco polo que se rexerán o servicio Eures e as súas estructuras transfronteirizas. Cimadevila sinalou que é necesario “integrar plenamente” a rede Eures nas actividades dos Servicios Públicos de Emprego e os demais axentes económicos e sociais que forman parte desta estructura transfronteiriza, que será xestionada pola Xunta no período 2004-2006. (Fonte: Santiago, AGN).
12/11/2003
Portugal
O PP de Galicia e o Partido Social Demócrata de Portugal celebran o segundo cumio sobre a Eurorrexión
No cumio levaranse a debate tres relatorios a partir dos que se pretende elaborar un documento conxunto que guíe a actuación de ambos partidos no que se refire á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Nesta ocasión, Compostela será a sede dun acto que inaugurará o secretario xeral do PPdeG, Xesús Palmou, e o secretario xeral do PSD, Adriano Rafael. O PPdeG e o PSD teñen a intención de crear unha axencia de turismo da Eurorrexión para difundir tanto o Xacobeo como a Eurocopa 2004, que se celebrará en Portugal. (Fonte: Santiago, AGN).

Empresas do téxtil de Galicia e Portugal estudian fortalecerse dentro da UE
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) celebra unha xuntanza empresarial do sector téxtil na Eurorrexión coa finalidade de analiza-la situación en que se este se atopa actualmente e detecta-las vías de cooperación existentes entre as empresas galegas e as portuguesas. Na sesión enmarcada no proxecto Cecotran, participarán un total de 15 empresarios de ambos países. (Fonte: La Voz de Galicia).

Unión Europea
O IDC de Galicia participa nas Xornadas Europeas de Desenvolvemento Rural
O Instituto de Desenvolvemento Comunitario de Galicia (IDC Galicia), en calidade de Centro Europeo de Información Rural, participa na II Conferencia Europea sobre Desenvolvemento Rural en Salzburgo. O IDC asiste convidado pola Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea. A conferencia emprázase nun intre crucial para a preparación das políticas comunitarias cara á ampliación, e servirá para senta-las bases da política europea de desenvolvemento rural para o período 2007-2014. (Fonte: Santiago, AGN).

A Unión Europea despexa o camiño para o AVE Vigo-Porto
O Executivo comunitario incluíu esta obra na listaxe de proxectos prioritarios que deberán pórse en marcha de inmediato –a chamada listaxe “Quick Start”-, o que permitirá axiliza-los trámites para que a nova liña entre en servicio antes de 2010.De ser válidas as actuais estimacións orzamentarias, Bruxelas aportaría preto de 400 millóns de euros para as obras transfronteirizas, cantidade que podería complementarse coas reprogramacións dos fondos estructurais de Galicia e o Norte de Portugal, así coma con cretos brandos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) e fondos privados. (Fonte: La Voz de Galicia).

Acción Exterior
Fraga propón en Uruguai reforma-la Constitución “con frecuencia”
O presidente da Xunta expuxo, nunha conferencia na Universidade Católica do Uruguai, a “urxencia” dunha reforma da Constitución, e apremou con reformala para mante-la súa adaptación a unha sociedade en constante mutación. Remarcou que as reformas deberían centrarse na conversión do Senado nunha Cámara Territorial, pero agregou que “convirían algunhas emendas más”. Fraga amosouse especialmente crítico cos deseños federalistas, que equiparou cos que teñen a autodeterminación como horizonte. (Fonte: La Voz de Galicia).

Sociedade
O filósofo francés Gilles Lipovetsky abre as xornadas “Galicia, estratexia de futuro: novos espacios na sociedade global”
As xornadas, organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG) enmárcanse nos actos conmemorativos do vinte aniversario da institución. Ademais de Lipovetsky, investigador das tendencias fundamentais da sociedade posmoderna, participarán César Portela, Jodi Borja, Nuno Portas e Juan Luís Dalda (xornada sobre o urbanismo), e Anxel Viña, Antonio Figueiredo, Xavier Rubert de Ventós e Fermín Bouza (Galicia e Norte de Portugal como espacio de sinerxías). (Fonte: Santiago, AGN).

Televisións de toda Europa regresan a Muxía
A punto de cumprise un ano da catástrofe do “Prestige”, as televisións de toda Europa volveron á praza do Coído de Muxía. O rexedor, Alberto Blanco, afirma que pola vila pasaron xa cámaras de Portugal, Francia, Alemaña, Bélxica, Holanda, así coma a BBC. O xornalista portugués Secundino Cunha, do Correio da Manha, volveu para realizar unha ampla reportaxe.

Economía
A embaixada británica busca enfermeiras en Santiago
Santiago é unha das capitais que menos expertos aportou ó programa de colaboración acordado polos gobernos español e británico para a contratación de médicos e enfermeiras españolas por parte do Servicio Nacional de Saúde inglés. Por este motivo os responsables da embaixada decidiron “redobra-los esforzos” e informar pormenorizadamente na capital galega do Programa de Contratación de Enfermeiras. (Fonte: El Correo Gallego).

Galicia é xa a quinta potencia mundial en enerxía eólica
As fontes de enerxía renovable proporcionarán nun prazo de seis anos o 89% do consumo total de electricidade en Galicia. Descartando a contribución das grandes centrais hidráulicas, esa porcentaxe será do 59%, más do triple do obxectivo fixado pola Unión Europea para España. En 2002 as enerxías renovables xa acadaron na comunidade o 47% do consumo total e o 19% se se descarta a producción dos grandes embalses. Galicia ocupa o quinto lugar do mundo, por detrás de Alemaña, EEUU, Dinamarca e a India, na producción de enerxía eólica. (Fonte: La Voz de Galicia).

Pesca
Pesca reclama medidas que eviten os desmantelamentos na flota da Nafo
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, anunciou que a Xunta reclamará á UE que poña en marcha unha serie de “medidas transitorias” para facerlle fronte á reducción da cota de capturas no caladoiro da Nafo e avitar que a flota galega que faena nestas augas recorra ó desmantele. O conselleiro reiterou que o recurtamento das capturas de fletán basease en criterios científicos, posición que non é compartida polo BNG e o PSdeG, que alertan do “duro golpe” que supón para a maior parte da flota conxeladora de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Os estaleiros galegos consideran insuficientes as primas do 6% aprobadas pola UE
A decisión da UE de autoriza-las axudas ó sector naval terá unha especial repercusión na industria naval da ría de Vigo. Non embargante, os estaleiros cren que unha contribución que, no mellor dos casos, chegará ata o 6% do custo do contrato non é de abondo para poder competir cos estaleiros coreanos. O Clúster Naval galego tenta salvar 120 empresas e 16.000 postos de traballo construíndo barcos a prezo semellantes ó que ofertan os estaleiros de Europa do Leste e do Sueste asiático. (Fonte: La Voz de Galicia).
11/11/2003
Política
Unha delegación do BNG participa no II Foro Social Europeo que se celebra en París
Unha delegación do BNG, encabezada por Xosé Manuel Beiras, participará no II Foro Social Europeo que se celebra en París, Saint-Denis, Bobigny e Ivry, desde o día 12 ó 15 de novembro. O BNG xa participou no I Foro Social Europeo celebrado en Florencia en 2002. Este Foro pretende erguerse en espacio de encontro continental de organizacións e habitantes dos países europeos, aínda que tamén asistirán organizacións doutros continentes. (Fonte: Santiago, AGN).

Acción Exterior
Fraga pídelle á emigración o que axude a dá-la victoria a Rajoy
O presidente da Xunta asistiu en Montevideo á inauguración da nova sede do Partido Popular na capital uruguaia. Aproveitou para animar á emigración á participación masiva nas eleccións xerais de marzo, convencido de que o seu partido sae gañando canto menor sexa a abstención e a sabendas de que a diáspora é un grandeiro de votos para a súa organización. O titular da Xunta coidouse de non pedir un respaldo explícito para Rajoy, cando aínda non se abriu a campaña electoral, pero na medida en que actuaba como político e non coma responsable gobernamental, foi máis alá da mensaxe que lanzou en Bos Aires. (Fonte: El Correo Gallego).

O Goberno uruguaio creará unha Biblioteca de Libros Galegos que levará o nome de Fraga
A rúa Galicia de Montevideo acollerá en sete meses unha Biblioteca de Libros Galegos co nome de Manuel Fraga. O Goberno uruguaio, que convidou a Fraga á inauguración, homenaxeou tamén ó presidente da Xunta bautizando unha sala da Biblioteca Nacional co seu nome. Esta institución concedeulle a Fraga o Premio Sol á Persoa máis Destacada do Ano. (Fonte: Montevideo, AGN).

Cultura
Análise do valor das peregrinaxes
A Consellería de Cultura vén de publica-las traduccións ó castelán e ó galego de “O sermón Veneranda Dies del Liber Sancti Jacobi. O sentido e o valor da peregrinaxe compostelá”. Esta obra, do investigador italiano Jacoppo Caicci, nace con obxectivo de difundi-la sentido da peregrinaxe compostelá a un país tan vencellado ás peregrinaxes xacobeas como é Italia. (Fonte: El Correo Gallego).
10/11/2003
Acción Exterior
Fraga e Battle acordan “salvar” o hospital da Casa de Galicia
Manuel Fraga e o presidente da República do Uruguai, Jorge Battle, abordaron en Montevideo a difícil situación que atravesa o hospital. O presidente da Xunta declarou que o seu Executivo traballa en colaboración coas autoridades do país para reflota-lo centro. A vista péchase coa sinatura dun convenio co Centro Galego de Montevideo, o máis antigo do mundo, polo que a Fundación Galicia Emigración le concederá trinta mil euros para atender ós emigrantes en situación de apuro económico. (Fonte: El Correo Gallego).

O presidente de Uruguai asegura que nun prazo de dous ou tres anos ENCE construirá unha fábrica de celulosa neste país
A empresa papeleira ENCE construirá unha celulosa na localidade de Fray Bentos. Jorge Battle comprometeu o apoio do seu goberno a esta iniciativa pese atoparse con oposición dende a Arxentina e algúns grupos ecoloxistas. ENCE inaugurou a Terminal Loxística de M´Bopicuá, que contou cun investimento de 33 millóns de euros. A este acto acudiron o presidente da Xunta, Manuel Fraga, así como varios membros do goberno local, ex presidentes uruguaios e personalidades do ámbito da política e a economía. (Fonte: Fray Bentos, AGN).
09/11/2003
Unión Europea
Persoal da Lombardía coñecerá o dispositivo galego contra os incendios
Un total de 45 xefes de extinción de incendios forestais da rexión italiana de Lombardía participarán nun curso para coñece-las técnicas de defensa contra incendios forestais que se empregan en Galicia. A iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e a empresa Eimfor, é a primeira actividade formativa deste tipo que se organiza en España destinada a técnicos dun país pertencente á UE. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
O audiovisual galego será un dos protagonistas do Festival de Cine de España e América Latina en Bruxelas
En colaboración co Consorcio Audiovisual de Galicia, o Xacobeo 2004 e a Fundación Galicia-Europa, proxectaranse en Bruxelas cinco películas galegas, que se reforzarán coa presencia de varias empresas galegas nos foros Al-Invest e Pro-Invest da industria cinematográfica e audiovisual de Europa e América Latina, promovidos pola Unión Europea. (Fonte: Santiago, AGN).
08/11/2003
Acción Exterior
Fraga reúnese co vicepresidente arxentino
No almorzo que ofreceu o presidente da Xunta á representación da diáspora galega no mundo, que se reuniu en Bos Aires, o vicepresidente arxentino, Daniel Sioli, agradeceulle a Fraga, no nome do seu goberno, o seu “constante apoio”. A posibilidade de que non haxa encontro entre Fraga e o presidente Kirchner sorprende na colonia galega na Arxentina, pois o titular da Xunta, en tódalas súas viaxes a América Latina, reuniuse cos diferentes presidentes. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
A multinacional Zeta Gas xestiona terreos para implantarse en Galicia
O grupo multinacional mexicano Zeta Gas comezará en xaneiro de 2004 as xestións para atopar en Galicia terreos nos que abrir unha instalación de transformación e almacenamento de Gas Licuado de Petróleo (GLP). Tendo en conta as demandas da compañía, A Coruña, Oviedo e Xixón son os portos con máis posibilidades. Ademais da localización adecuada, a empresa precisa o apoio das administracións como xa oatopou no caso de Murcia do Executivo murciano. A entrada en España supón a primeira incursión do grupo mexicano no mercado europeo. (Fonte: El Correo Gallego).

Semana Verde, ponte entre Galicia e Henan
A provincia chinesa de Henan, a máis poboada do país con 92 millóns de habitantes, afortala a cooperación económica con Galicia cunha nova visita á Fundación Semana Verde, en Silleda. O gobernador de Henan, LI Chengyu, mantivo un encontro co conselleiro de Industria, no que xurdiron propostas de intercambio en sectores como a transformación da madeira,a industria agroalimentaria ou os curtidos de coiro. (Fonte: El Correo Gallego).

Cultura
Os expertos tratan o uso do portugués na creación de novos termos galegos
A segunda xornada do I Simposio Galego de Terminoloxía, que ten lugar no Consello da Cultura Galega en Santiago, centrouse na análises dos procesos empregados para a creación de novos termos galegos ou de termos especializados. A sesión “Aproveitamento do portugués na elaboración terminoloxía galega” analizou o portugués como vía de depuración de castelanismos e anglicismos ou a receptividade dos falantes cara ós neoloxismos de base portuguesa. (Fonte: El Correo Gallego).
07/11/2003
Emigración
A Administración e a Hermandad Gallega de Venezuela crean un foro permanente da cultura
A Consellería de Emigración e a Hermandad Gallega de Venezuela crearán en Caracas un foro permanente da cultura. Este acordo forma parte dun proxecto integral de formación dirixido ó conxunto das colectividades galegas asentadas no exterior e contará cun financiamento por parte da Consellería de 2 mil euros distribuídos mediante dúas anualidades. (Fonte: El Correo Gallego).

Política
Fraga acusa a Las Landas de buscar un preito doado “que non vai a ningures”
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, criticou a denuncia interposta polos departamento francés da Las Landas contra o Estado español polas consecuencias do fuel do “Prestige” nas augas galas e destacou que “buscan un preito doado que non vai a ningures”. Fraga lembrou que Las Landas é un departamento e “non unha rexión, como Aquitania, que non dixo nada”. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade
A USC atrae a máis de mil seiscentos estudiantes de países estranxeiros
Dos estranxeiros que chegaron á Universidade de Santiago de Compostela o pasado curso, máis de 600 o fixeron a través de programas comunitarios. Mentres en 1988 os alumnos que estranxeiros que acudían á USC e os propios que viaxaban con algún intercambio de estudios non chegaban ós dous centenares, o curso pasado, os campus de Lugo e Santiago recibiron máis de 1.600 estudiantes de trescentas universidades de todo o mundo. (Fonte: El Correo Gallego).
06/11/2003
Acción Exterior
Fraga reuniuse co gobernador da rexión chinesa de Henan para estudiar colaboracións entre a provincia asiática e Galicia
O presidente da Xunta recibiu en San Caetano ó gobernador da provincia chinesa de Henan, LI Chengyu, co que repasou posibles intercambios entre a rexión do país asiático e Galicia. Ó remate do encontro, Fraga sinalou ás materias relacionadas co comercio e co turismo como as más probables para establecer vías de cooperación bilateral. (Fonte: Santiago, AGN).

Portugal
Empresarios de Portugal homenaxean a Fraga por lle dar pulo ó turismo
A Asociación dos Dirixentes de Vendas e Marketing de Portugal rendeulle unha homenaxe en Lisboa a Manuel Fraga pola súa “dedicación incansable ó desenvolvemento do turismo ibérico”. O asesor do presidente da Xunta para asuntos relacionados con Portugal, José Carro Otero, agradeceu a homenaxe no nome do mandatario galego que non puido acudir ó acto por razóns de axenda. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Cofides anima ás firmas galegas a investir en mercados emerxentes
A Compañía Española de Financiación do Desarrollo (Cofides) , recomenda ós empresarios galegos que invistan en países como China ou nos dez países que se integrarán en 2004 na UE, especialmente na República Checa, Romanía e Polonia. Cofides aprobou trece proxectos de empresas galegas por un importe de 58 millóns de euros, dos que a maior parte pertencen ó sector pesqueiro en México, Ecuador, Chile e Namibia. (Fonte: El Correo Gallego).
05/11/2003
Portugal
A Federación Veciñal de Vigo pídelle ós gobernos luso e español que axilicen a Alta Velocidade entre Vigo e Porto
A Federación Veciñal de Vigo Eduardo Chao remitiulles senllas cartas ós departamentos de Fomento dos gobernos español e luso solicitando que se axilice ó máximo a construcción da liña de Alta Velocidade entre Vigo e Porto. Na misiva dirixida ó Executivo portugués expresan a súa satisfacción ante o anuncio realizado polas autoridades do país veciño sobre a intención de “priorizar” esta infraestructura. Na carta ó ministro español de Fomento, a Federación reclama un “pulo equivalente” ó anunciado polo seu homólogo portugués. (Fonte: Vigo, AGN).

Sociedade
Traballo alerta do forte aumento da explotación laboral de estranxeiros
A Inspección de Traballo dá a alerta ante o rápido incremento dos casos de explotación laboral de cidadáns estranxeiros en Galicia. Os casos denunciados durante a primeira metade deste ano (369) superan xa a tódolos expedientes abertos en 2002. Por primeira vez a comunidade vai lanzar un plan específico para combate-las bolsas de explotación laboral de estranxeiros e actuar contra ós empresarios que se aproveitan de cidadáns doutra nacionalidade para forzarlos a traballar en condicións precarias. (Fonte: El Correo Gallego).

Economía
Novo paso para introduci-lo moble no mercado mexicano
Un grupo de empresarios mexicanos visitou varias industrias do municipio da Estrada para coñecer polo miúdo o sistema de producción e senta-las bases dunha futura colaboración. A idea pasa por crear un grupo de comercialización que, con pezas fabricadas na Estrada, remate o proceso de montaxe en empresas mexicanas. (Fonte: El Correo Gallego).

A industria galega da automovión aspira a subministrar compoñentes a BMW para a construcción do novo Mini
Con este obxectivo o Clúster da Automoción de Galicia iniciou xa os contactos coa firma alemá. O director de compras en Europa do grupo BMW, Wolfgang Bogoll, sinalou a vantaxe competitiva que para a industria da automoción galega supón o porto de Vigo no que toca ó transporte das compoñentes cara á fábrica de BMW en Oxford (Gran Bretaña).
(Fonte: Vigo, AGN).

Política
Girin, impresionado pola rápida recuperación da costa galega
Michel Girin, director xeral do Centro de Documentación e Experimentación sobre Contaminación das Augas debido a accidentes (Le Cedre, Francia) visitou Santiago para pronuncia-la conferencia “Os estudios de impacto das mareas negras” na Real Academia Galega de Ciencias. Girin foi recibido en San Caetano polo presidente da Xunta, que lle agradeceu a axuda prestada pola institución que dirixe tralo sinistro do “Prestige”. Guirin destacou que o “noventa e cinco por cento”do litoral xa volveu á súa “situación inicial”, antes do afundimento do buque. (Fonte: El Correo Gallego).

Portugal
A oferta aeroportuaria de Porto capta cincuenta mil galegos anuais
Segundo os datos facilitados polo Sá Carneiro, 50.000 galegos deciden cada ano voar dende terras lusas. A principal vantaxe do aeroporto do Norte de Portugal é que ofrece numerosos voos ó estranxeiro, sen escalas e a diario. O aeroporto ten intensificado as súas campañas publicitarias en Galicia y, tanto os responsables do aeroporto e as compañías que operan nel poñen ademais toda clase de facilidades, como o servicio de taxis para clientes galegos da clase Bussiness da compañía Air France. Unha empresa galega ofrece dúas conexións diarias co Sá Carneiro dende Vigo. (Fonte: El Correo Gallego).
04/11/2003
Economía
Lockheed Martin proxectará xunto A Izar Ferrol buques ultrarrápidos
A maior compañía en tecnoloxía militar do mundo, a estadounidense Lockheed Martin, encargará os estaleiros Izar de Ferrol a construcción de buques ultrarrápidos (70 nós por hora), tal como confirmou Manuel Fraga trala reunión mantida co presidente da compañía, na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Innovación, o director do CIS Galicia, e o director do consorcio Afcon, composto polo holding estadounidense, polo grupo Izar, e polas firmas Fast Ship Inc, General Dynamics, British Petroleum e JP Morgan Chase. (Fonte: El Correo Gallego).

Cooperación Científica
A USC e unha universidade chilena poñen en marcha un curso de postgrao
Os rectores das universidades de Santiago, Senén Barro, e da chilena de Los Lagos (Chile), Raúl Aguilar, asinaron un acordo para establecer canles de colaboración nas actividades de investigación, desenvolvemento e formación de postgrao na área de Sociedade, Educación, Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Para Senén Barro, este convenio cobra especial importancia por tratarse de estreita-los vencellos de unión con América Latina. (Fonte: El Correo Gallego).
03/11/2003
Turismo
Unha revista internacional de golf adica o seu último número ós campos galegos
A revista “Golf International Approach” inclúe no seu último número unha reportaxe sobre os campos de golf galegos e asturianos. A reportaxe, titulada “Os campos do Finis Terrae”, consta de oito páxinas nas que se destacan, ademais das instalacións deste deporte, o valor das riquezas patrimoniais e históricas de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
02/11/2003
Pesca
A misión de negocios do sector pesqueiro a Chile chega á illa Navarino
O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos visitou a factoría da sociedade Concar -pertencente ó grupo galego Eduardo Vieira- na illa Navarino, a zona habitada más austral do planeta. A delegación solicitou información sobre as posibilidades de investimento e vantaxes fiscais para o cultivo de mexillón en Navarino, situada a poucos quilómetros ó norte de Cabo de Hornos. Pola súa banda, os pescadores e autoridades da illa, informáronse sobre o sistema de control das mareas vermellas desenvolvido pola Xunta. (Fonte: Santiago, AGN).

Sociedade
“The Independient” gaba o despegue económico de Galicia
Un repaso ós principais sectores productivos galegos, o seu desenvolvemento e expectativas centran a reportaxe que vén de publicar o suplemento World Report do xornal británico The Independient. Ademais de deterse nos aspectos económicos, a información tamén dá conta das políticas que está promovendo a comunidade autónoma, así como do importante pulo do turismo. A reportaxe incúe unha entrevista con Manuel Fraga. (Fonte: El Correo Gallego).
01/11/2003
Unión Europea
A Xunta, no Thesaurus Europeo da Formación
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elabora xunto cun grupo de traballo de Euskadi, Navarra, Catalunya e Illas Baleares, o Thesaurus Europeo da educación en galego, éuscara e catalán. O Thesaurus é o vocabulario destinado ós documentalistas que, de modo controlado e estructurado, amosa a equivalencia entre os termos da linguaxe educativa e os normalizados da linguaxe documental. (Fonte: El Correo Gallego).

Sociedade
Vigo, sede dunha mobilización coa Marcha Mundial das Mulleres
A Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres presentou en Compostela os obxectivos desta mobilización que convocará ás mulleres de todo o continente baixo o lema “Por unha Europa de todas: diferentes si, desiguais non”. A Coordenadora Europea da Marcha decidiu este ano celebrar en Vigo a súa próxima xuntanza como unha mostra de solidariedade coas mulleres dun pobo, o galego, que vén de sufrir o maior desastre ecolóxico de Europa. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración
Os emigrantes en México denuncian a falla de información sobre o voto
Unha delegación do colectivo de emigrantes galegos en México reuniuse co BNG e o PsdeG para traslada-las súas inquedanzas sobre as “carencias informativas” á hora de exerce-lo dereito ó voto nas diferentes citas electorais, tanto locais como autonómicas, estatais ou europeas. A delegación tamén solicitou asistencia sanitaria “automática” para os retornados e o establecemento dun mecanismo de cotización en México para poder ter asistencia sanitaria unha vez en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).

Os retornados terán apoio á formación
O Miras Portugal explicou que os novos estatutos da Fundación Galicia Emigración permitirán recibir futuras axudas da Unión Europea para a formación dos emigrantes galegos. Na última xunta do padroado da Fundación participaron por primeira vez os representantes das deputacións de Pontevedra e Ourense, Rumbao e Pórtico tralo seu recente ingreso na Fundación. (Fonte: El Correo Gallego).

Emigración reforza o apoio ós netos de galegos sen nacionalizar
O conselleiro de Emigración aludiu á solidariedade dos galegos na presentación no Parlamento dos orzamentos do seu departamento, por un total de 12.432.776 euros. Na súa intervención Miras recalcou que as partidas de Emigración multiplícanse para “velar polo benestar” da diáspora. BNG e PsdeG coincidiron en descualificar á Consellería ó “seguir funcionando coa vella filosofía dunha ONG” e en que os orzamentos, a diferencia do anunciado por Miras dun incremento do 20% con respecto ó ano pasado, perden tres millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
 

(Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia.
 
 
Ver máis Diario Exterior

2003: outubro | setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2003
Fernando Pol