Empresarios mexicanos e galegos reúnense nun Foro Bilateral para estudiar negocios conxuntos A Consellería de Emigración celebra entre os días 29-31 de outubro, un Foro Bilateral no que empresarios de México e Galicia tratan de abrir novos ámbitos de negocio no que ambos países poidan colaborar de xeito común e entrar en mercados que reclaman accións conxuntas, como é o caso do estadounidense ou do canadense. Para a realización desta xuntanza, a Consellería conta coa colaboración do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). (Fonte: Santiago, AGN). Portugal Fraga traspasa a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal a Arlindo Cunha Na sesión plenaria, o coordenador xeral da Comunidade de Traballo, Jesús Gamallo, presenta a Memoria das Actividades da Presidencia 2002-2003. Unha vez expostas as conclusións do VI plenario por parte da coordenadora técnica, Margarida Couto, o titular da Xunta procederá ó traspaso da presidencia ó portugués Arlindo Cunha. (Fonte: Santiago, AGN). O Goberno portugués ratifica que o remate da liña de alta velocidade Porto-Vigo está previsto para 2008 O ministro portugués de Cidades, Ordenamento do Territorio e Ambiente, Amílcar Theias, confirmou que o seu goberno pretende que o trazado até a fronteira estea rematado en 2007, polo que, en 2008, o TAV estaría xa en Vigo. O presidente da Xunta agradeceu a prioridade que o Goberno portugués outorga á conexión de alta velocidade con Galicia e asegurou que esta decisión é “unha das prioridades para que o mercado único funcione” na Eurorrexión. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade Fraga agradécelles ós cónsules a solidariedade amosada despois do sinistro do “Prestige” O presidente da Xunta, Manuel Fraga, destacou a función dos consulados como “puntal xurídico do tráfico transnacional”, nunha recepción ofrecida polo corpo consular. Fraga agradeceu as mostras de solidariedade recibidas en Galicia despois do accidente do petroleiro “Prestige”, xa que moitos ofreceron a súa “máis decidida disposición a axudarnos”. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca Os mexilloeiros estudian as posibilidades de obter concesións de cultivo na Décima Rexión chilena A delegación do sector pesqueiro galego, de visita oficial en Chile, reuniuse con acuicultores e autoridades de Puerto Montt e Cabulco, localidades da Décima Rexión chilena, onde os mexilloeiros galegos iniciaron contactos para buscar concesións de cultivo. Ademais, este grupo de empresarios, encabezados polo conselleiro de Pesca, informaron ós seus colegas andinos sobre as formas de asociacionismo e comercialización aplicadas con éxito no crecemento da industria mexilloeira en Galicia. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Sete países expoñen en Termatalia a súa experiencia dentro do sector termal Expourense abre as súas portas á cuarta edición da Feira do Turismo Termal, único salón destas características que se celebra na península. A Feira contará coa presencia de representantes de Portugal, Italia, Bélxica (Proxecto Aqualis), Reino Unido (Bath), Hungría (balnearios de Budapest), Arxentina (Termas de Río Hondo) e España. (Fonte: El Correo Gallego).
O Marco de Vigo inaugura unha exposición colectiva de artistas xoves portugueses O Museo de Arte Conteporánea de Vigo (Marco) inaugurará en novembro unha exposición na que perticipan unha vintena de artistas portugueses de recoñecido prestixio no panorama internacional. Xunta á mostra, “Outras alternativas: novas experiencias isuais en Portugal”, o Marco tamén programará unha conferencia, “Portugal e os seu contexto: ¿periferia artística?”, o vindeiro día 5 de decembro, a cargo do comisario da exposición, David Barro. (Fonte: Vigo, AGN).
A Xunta incrementa o orzamento en cooperación exterior nun 8% Jesús Gamallo explicou no Parlamento que o orzamento para 2004 é de 5.460.588 euros, un incremento superior ó 8% respecto ó do ano pasado. O secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior definiu como obxectivo prioritario o desenvolvemento regulamentario da Lei de Cooperación aprobada este ano no Parlamento de Galicia. Neste senso, anunciou que remitirá proximamente á Cámara galega o primeiro Plano Cuadrienal de cooperación ó desenvolvemento. (Fonte: Santiago, AGN). A oposición discute o orzamento da Secretaría de Relacións coa UE e Acción Exterior Os grupos da oposición criticaron o “escaso orzamento” da Secretaría de Relación coa UE e Acción Exterior en relación coas súas competencias. Os socialistas galegos fixeron especial énfase en recrimina-las “diferencias de intereses galegos no exterior” e a “falla de información” respecto ós temas de interese para Galicia. Pola súa banda, o voceiro nacionalista Alfredo Suárez Canal criticou que na memoria orzamentaria da Secretaría “non hai unha soa liña para a Convención e a futura ampliación da UE”, ademais de referirse á “discrecionalidade” nos orzamentos deste departamento. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración A Xunta creará o seu propio centro para analiza-los fluxos migratorios A Fundación Galicia-Emigración ven de modifica-los seus estatutos coa fin de optimiza-lo traballo ante “o potencial incremento das necesidades do colectivo de galegos no exterior”, segundo indica o seu presidente, Aurelio Miras. Para iso, entre outras novidades, contempla a creación dun Instituto de Orientación e Análises das Migracións. A Fundación detaca a necesidade de pór en marcha proxectos que “faciliten o retorno voluntario dos emigrantes”, pero tamén “dos inmigrantes”. (Fonte: El Correo Gallego). Economía O porto do Berbés atrae a Corea O porto vigués do Berbés recibiu a visita dunha delegación de trinta e sete empresarios coreanos coa finalidade de coñece-las posibilidades de instalar empresas como vía de entrada ós principais mercados do peixe en Europa. Durante o último ano as cifras do tráfico portuario entre Vigo e Corea ascenderon a 62.848 toneladas, das que 42.108 son exportacións. Agora preténdese potenciar ó máximo un negocio e unha relación comercial que pode reportar grandes beneficios á industria pesqueira viguesa por establecer vencellos cun dos países de maior consumo de peixe. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia exporta a experiencia adquirida co voluntariado tralo sinistro do “Prestige” O Goberno de Brasil, unha Universidade alemana e un concello da Bretaña francesa solicitaron a presencia da Xunta de Galicia en distintos foros para explica-la experiencia galega do voluntariado no caso do “Prestige”. No caso de Brasil, a Xunta está convidada ó II Congreso Brasileiro do Voluntariado e ó Seminario de Xestión Ambiental e Negociación de Conflictos, ambos a celebrar en novembro. (Fonte: El Correo Gallego). Política O 29% dos militares españois desprazados a Iraq son galegos O sarxento galego Luís Puga Gandar morreu o domingo 26 na localidade iraquí de Diwaniyah a causa das feridas provocadas polo disparo accidental da arma dun compañeiro. Do total de efectivos da Brigada Plus Ultra, o 29% son galegos, o 4% asturianos e o 7% castellonenses. Sen embargo, a orixe do 33% do continxente español procede do cuartel pontevedrés de Figueirido. (Fonte: El Correo Gallego).
O conselleiro de Pesca e empresarios do sector exploran en Chile novas oportunidades de investimentos López Veiga encabeza a delegación que visitará Chile para abrir novas vías de negocio e cooperación en materia pesqueira. A delegación permanecerá no país andino ata o vindeiro 3 de novembro, nunha visita que inclúe contactos coas autoridades locais para avalia-las posibilidades de aumenta-los investimentos galegos nos sectores da pesca e a acuicultura. A viaxe forma parte da estratexia de cooperación internacional lanzada polo conselleiro de Pesca para mellora-la imaxe da pesca galega e fomenta-los investimentos. (Fonte: Santiago, AGN). Turismo A Asociación de Operadores Turísticos do Reino Unido interésase pola oferta turística galega A Asociación de Operadores Turísticos Independentes do Reino Unido (AITO) interesouse pola oferta turística de Galicia trala súa prestación en Londres o pasado 16 de setembro. Este organismo está composto por 160 membros que anualmente publican preto de 300 folletos con productos turísticos e moven máis de 2 millóns de pasaxeiros a múltiples destinos. AITO fará unha viaxe a Galicia para comproba-la dotación de infraestructuras congresuais para poder organizar un futuro encontro dos seus asociados en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Estudiantes de Galicia poderán completa-la súa formación en Florencia Os estudiantes universitarios galegos poderán beneficiarse de bolsas para amplia-la súa formación no Instituto Universitario de Florencia, de acordo co convenio asinado pola Fuundación Galicia Europa e a institución docente italiana. O obxectivo desta iniciaiva é fomenta-lo estudio das materias relacionadas coa UE. A Fundación Galicia Europa convértese en pioneira entre os distintos colectivos relacionados coa educación en España en ofrecer esta opción. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Catro mil emigrantes sen recursos recibiron unha axuda de 310 euros Un total de 4.449 emigrantes beneficiáronse este ano das axudas de carácter extraordinario e non periódico que conde a Xunta a aqueles galegos residentes no estranxeiro que se atopan en estado de necesidade, de avanzada idade e con poucos recursos económicos. As axudas, que ascenderon a 310 euros, diríxense especialmente ós emigrantes que residen en América Latina. As axudas asistencias concedidas teñen como destino Arxentina (2.780 beneficiarios), Cuba, Brasil, Chile, México, Uruguai, Venezuela e Namibia (1 beneficiario). (Fonte: El Correo Gallego).
O AVE a Porto será a primeira conexión portuguesa en servizo O primeiro ministro portugués, José Manuel Durao Barroso, confirmou que o enlace con Vigo “estará listo antes que calquera outro tramo do TAV entre Portugal e España”. Non obstante, negouse a dar unha data para a inauguración do tren de alta velocidade entre Galicia e o Norte de Portugal. O alcalde de Porto, Rui Rio, xa fixo declaracións durante este mes premendo para pula-la construcción do TAV a Vigo, despois de entrevistarse en Bruxelas co presidente da Xunta, e aborda-la prioridade deste proxecto. (Fonte: El Correo Gallego). O programa “Cultura sen fronteiras” une en Vila Real a autores lusos e galegos A delegación rexional de cultura do Norte de Portugal presentou en Vila Real o proxecto “Cultura sen fronteiras”, que pretende divulga-la obra literaria e musical de autores relacionados con Galicia e o Norte luso. Este proxecto transfronteirizo desenvólvese en colaboración coa Xunta de Galicia, co financiamento de 1,2 millóns de euros do programa Interreg III. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Economía Bruxelas aposta polo Yondelis en terapias xinecolóxicas A designación do Yondelis para tratamentos contra tumores de ovarios produciuse despois de que a Axencia Europea de Avaliación de Medicamentos (Emea) emitise a súa opinión favorable. Esta designación ofrece á biotecnolóxica galega Zeltia a posibilidade de acceder a unha revisión centralizada dunha eventual solicitude de autorización para comercialización e, caso de obterse, outorgaría 10 anos de exclusividade de mercado en toda a UE para a indicación terapéutica outorgada. (Fonte: El Correo Gallego).
A Comisión temporal sobre o “Prestige” non analizará as causas do sinistro Non será unha comisión de investigación. Finalmente, as negociacións entre os grupo Popular, Socialista e Liberal en Europa rematou cun acordo unánime da Conferencia de Presidentes do Parlamento Europeo para crear unha “comisión temporal” que examine “ó detalle” accidentes marítimos como o do Prestige e o do Erika para analiza-las normas de seguridade marítima e a súa aplicación e sobre se é necesario propor iniciativas novas. O acordo propiciou que o mandato non conteña a análise das causas do sinistro, senón que se limitará a “afortala-la seguridade marítima e a evitar novos desastres marítimos”. (Fonte: Santiago, AGN). A Comisión Europea visita Os Ancares para interesarse polo proxecto Life Membros da CE visitarán Os Ancares para coñece-lo desenvolvemento do proxecto Life na zona, recoñecida como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). O proxecto ten como obxectivo a conservación e a xestión das zonas de alto valor ecolóxico LIC, centrándose especialmente na coordenación e a xestión cando se trata de espacios que dependen de dúas Administración diferentes, como é o caso. (Fonte: Santiago, AGN).
Cincocentas persoas asisten en París ó espectáculo “Découvrez la Galice” Máis de cincocentas persoas, entre operadores turísticos e personalidades da vida social francesa, asistiron ó espectáculo organizado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a través de Turgalicia. Coa presentación da oferta turística en París, Galicia pecha una primeiro ciclo de actividades de promoción nos mercados estranxeiros, comezadas hai un ano coa presentación da oferta turística en Nova York. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Importadores téxtiles escandinavos interésanse pola moda galega Importadores, distribuidores e axentes comerciais do sector téxtil escandinavo iniciaron unha rolda de visitas a varias empresas galegas de confección e xéneros de punto coa intención de chagar a futuros acordos co sector téxtil galego. A misión comercial, organizada pola Consellería de Innovación en colaboración co sector téxtil, integra firmas de Dinamarca, Noruega, Suecia e Finlandia. (Fonte: Santiago, AGN).
Promoción turística de Compostela en París e Brasil Representantes de Incolsa xunto co concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, intervirán na presentación do Ano Santo 2004 en París nun acto que tentará afortala-los contactos establecidos cos principais emisores de turismo relixioso e cultural a Compostela. Incolsa tamén participará na Feira de Turismo do Brasil, que terá lugar entre o 22 e o 26 de outubro, e onde se encargará de dar a coñecer Santiago como centro da aprendizaxe de idiomas e de celebración de congresos. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Apertura das Xornadas de Inmigración e Retorno As Xornadas de Inmigración e Retorno para a formación dos asistentes sociais galegos en Santiago teñen como obxectivo formar ós traballadores sociais de Galicia para que podan resolver problemas como a obtención do permiso de traballo, o acceso á nacionalidade, a educación dos fillos ou as axudas ó autoemprego. As Xornadas foron inauguradas pola conselleira de Asuntos Sociais,María José Cimadevila, e o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras. (Fonte: El Correo Gallego).
TVG estrea a serie documental “Europeos: destinos cruzados” A serie está producida pola canle autonómica e a Comisión Europea e seguirá en cada capítulo a un personaxe galego en Europa e a un europeo en Galicia nos seus ámbitos sociais, laborais e privados para, deste xeito, ofrecer unha perspectiva moi real da súa adaptación ó lugar de destino. “Europeos: destinos cruzados” percorrerá quince países da UE e diferentes lugares de Galicia, ofrecendo en ambos casos unha mostra aleatoria moi variada da sociedade europea actual. (Fonte: El Correo Gallego). Un convenio entre a Xunta e a TVG permitirá ós emigrantes de Europa e América escoitar música galega O compromiso recolle que a Radio Galega enviará a través de Internet arquivos mp3 ás emisoras de radio que escoitan de xeito cotián os galegos no exterior e que teñen programas específicos para os emigrantes. Un dos obxectivos do convenio, que ten un orzamento de 12.528 euros, é o de acada-la renovación e modernización dos materiais sonoros usados polas radios máis escoitadas da diáspora. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Un 20% dos galegos atópase repartido polo mundo Aínda que a poboación galega con residencia na comunidade ascende actualmente a 2,7 millóns de persoas, a soma de tódolos galegos que residen fóra e dentro de Galicia acada os 4,1 millóns. Deles, un de cada cinco reside fóra de España; en total 843.800 galegos residen en países estranxeiros. O maior continxente de galegos aséntase na Arxentina (330.000 galegos), seguida de Venezuela (100.000), Brasil (95.000) e Alemaña (90.000). (Fonte: Santiago, AGN).
O téxtil galego gaña peso mundial As vendas galegas do capítulo de prendas e complementos de vestir, que superaron no primeiro semestre do ano os 456 millóns de euros, rexistraron o maior crecemento, colocando Galicia na segunda posición no sector por detrás de Catalunya. Do total das exportacións téxtiles galegas, o 90,8% corresponde a prendas de vestir. O téxtil galego ten o seu mellor mercado exterior en Portugal, destino ó que se están unir México (o 59% das vendas españolas son galegas), Kuwait (o 61%), Israel (77%) e Canadá (80%). (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade O catedrático pontevedrés Avelino Samartín será homenaxeado en Suecia O catedrático Avelino F. Samartín Quiroga será acreditado o vindeiro día 24 como membro estranxeiro da Real Academia de Ciencias da Enxeñería de Suecia. Samartín colaborou durante os últimos 30 anos con diversas institución suecas, en particular, co Royal Technical Institute de Estocolmo. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior Galicia investe máis en proxectos de cooperación A Secretaría de Relacións coa UE destinará un total de 5,7 millóns de euros a proxectos de cooperación ó desenvolvemento, que irán prioritariamente a Sudamérica e Centroamérica. En total, este orzamento financiará 78 proxectos no exterior e 30 dentro de Galicia, destinados a sensibilizar á sociedade sobre as necesidades doutros países. O proxectos afectarían este ano a 25 países, entre os que se atopan Arxentina, Bolivia, El Salvador, Mauritania, Namibia e Senegal. (Fonte: El Correo Gallego).
A Xunta e o Norte luso colaborarán en materia de incendios e accidentes marítimos O secretario xeral de Relacións coa UE, Jesús Gamallo, e o presidente da rexión Norte de Portugal, Arlindo Cunha, coincidiron en demanda-lo recoñecemento da cooperación transfronteiriza na futura Constitución Europea. Gamallo e Cunha destacaron a necesidade de intensifica-la colaboración na loita contra os incendios forestais e incrementa-la cooperación na prevención e axuda nos accidentes marítimos, temas que se tratarán no pleno da Comunidade de Traballo o vindeiro día 30. (Fonte: El Correo Gallego).
Un cento de maiores galegos viaxa a Bos Aires e Montevideo Un grupo de 120 maiores participan na iniciativa “Galegos no Mundo”, unha das modalidades do programa de turismo social desenvolvido polo departamento de Asuntos Sociais. O programa permitirá ós beneficiarios, maiores de 65 anos ou pensionistas que exceden os 60, reencontrarse coas súas familias na emigración ou volver a un país no que residiron durante anos. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Iberdrola e Soluziona desmontarán unha central nuclear en Eslovaquia Iberdrola Enxeñería e Consultaría (Iberinco) e Soluziona Enxeñería, filial de servizos profesionais de Unión Fenosa, formarán parte do consorcio que levará adiante o proxecto de desmantelamento da central nuclear de Bohunice (Eslovaquia), cun orzamento que superará os 11 millóns de euros. O proxecto será financiado polo Banco Europeo para a Reconstrucción e o Desenvolvemento (BERD) a través do Fondo Internacional para o Apoio ó Desmantelamento de Bohunice. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia aporta a América Latina a súa experiencia contra a dependencia das drogas O conselleiro de Sanidade, X.Mª Hernández Cochón, entrevistouse con expertos en drogodependencias de países de América Latina para intercambiar impresións sobre o I Simposio Iberoamericano de Trastornos Aditivos e afondar no coñecemento do Plan de Galicia sobre Drogas. As entrevistas serviron para senta-las bases para a celebración, en 2004, dun Congreso Iberoamericano sobre Trastornos Aditivos en Santiago de Compostela. (Fonte: El Correo Gallego).
O xerente de Cerro Free Port pula en Vigo o tráfico de mercadorías cara Uruguai Luís Seoane visitou esta semana as instalacións do porto de Vigo co fin de pula-lo tráfico de diversas mercadorías entre Galicia e o porto uruguaio de Cerro Free Port. Seoane expuxo as vantaxes que implica para Galicia o establecemento dunha relación comercial con este porto, que conta coas conexións estradais e ferroviarias cara ós principais bloques económicos da rexión e co resto do continente americano. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea A Asociación para o Desenvolvemento Rural do Condado e Paradanta (Adriconpa) estará no II Encontro de Aldeas en Portugal Adriconpa participará en Guimaraes no II Encontro de Aldeas dentro da iniciativa comunitaria Leader Plus. O encontro busca a creación dunha Rede de Aldeas con Tradición en Europa a través da promoción do aloxamento existente e a potenciación dos diferentes recursos. No transcurso da xornada se presentará o proxecto de colaboración transnacional das comarcas do Condado e Paradanta na Rede de Aldeas con Tradición. (Fonte: Santiago, AGN).
Apoios á proxección do cinema galego no exterior O Consorcio Audiovisual de Galicia destinará cento vinte mil euros á apoia-la estrea de produccións e coproducción galegas en salas comerciais fóra da comunidade coa fin de consolida-la presencia nacional e internacional dos productos audiovisuais galegos, facilitando a súa distribución e promoción no exterior. O consorcio considera “imprescindible” dotar ás productoras galegas dun instrumento que lles permita incentivar ós productores estranxeiros para estrea-las películas galegas. (Fonte: El Correo Gallego).
Touriño esíxelle á Xunta revisa-lo emprego dos fondos comunitarios O secretario do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, avoga por revisa-los criterios de aplicación dos fondos de cohesión en Galicia e centra-lo esforzo económico nos temas relativos ó desenvolvemento humano e tecnolóxico, para non manter Galicia como un área que dependa permanentemente do subsidio comunitario. Touriño conminou ós responsables da Xunta a “revisa-la estratexia dos fondos ata 2006”, por considerar que o seu uso non serve para mellora-las condicións de converxencia co resto de Europa. Solidariedade Arteixo, Nigrán e Lugo, na nova dirección do Fondo de Cooperación Representantes dos Concellos de Arteixo, Nigrán e Lugo incorporáronse á directiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nunha asemblea celebrada na sede da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias). O Fondo Galego agrupa máis de 60 entidades que “apostan pola homoxeneización das políticas municipais de cooperación e solidariedade”e a nova executiva afronta o mandato, ata dentro de catro anos, coa obxectivos de “consolida-lo Fondo e incrementa-la súa capacidade financeira e asociativa”. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Cen mozos galegos residentes en Bos Aires estudian protocolo Preto de 100 mozos galegos residentes en Bos Aires (Arxentina) matricularonse no curso de Relacións Públicas, Ceremonial e Protocolo que comezou o pasado 6 de outubro. O curso está dirixido ós directivos dos centros galegos e, en xeral, a fillos de galegos menores de 35 anos. O curso está organizado pola Oficina Delegada da Consellería de Emigración. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia reestructura a súa débeda gracias a un vantaxoso convenio co BEI O conselleiro de Economía e Facenda, José Antonio Orza, asinou coa vicepresidenta do Banco Europeo de Investimentos, Isabel Martín, unha operación de reestructuración da débeda pública por valor de 60 millóns de euros. Segundo a Xunta, a operación encádrase no programa de endebedamento autorizado polo Parlamento galego na lei de Orzamento para 2003 e o seu principal obxectivo é adapta-la estructura da débeda ás características que amosan os mercados financeiros na actualidade. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Fraga presenta o seu libro “A emigración: unha ollada dende Galicia” A obra, editada pola Consellería de Emigración, é un repaso histórico pola diáspora. O libro escrito por Manuel Fraga fai un repaso histórico pola diáspora e o fenómeno migratorio, centrándose especialmente nos casos español e galego. Fraga lembra como entre 1911 e 1970 preto dun tercio das saídas cara América producíronse dende Galicia, cando a súa poboación non chegaba ó 8% da poboación total española. (Fonte: El Correo Gallego). Dez mil emigrantes regresan a Galicia no espacio dun ano Durante o ano 2002, regresaron 10.050 emigrantes, feito que sitúa a Galicia no maior número de retornados ó total do estado español no que vai de ano, segundo o informe sobre o tecido asociativo da inmigración da Consellería de Emigración. O ano pasado, cando menos 30 asociacións legalmente inscritas no rexistro da Consellería de Xustiza realizaron actividades relacionadas coa diáspora e a integración dos estranxeiros. Un total de 20 pediron subvención económica ó Executivo galego e outras 11 reclamaron colaboración ou información. (Fonte: El Correo Gallego). Economía As graniteiras galegas advirten sobre os perigos do mercado chinés As empresas do granito galegas decidiron uni-las súas forzas para adaptar medidas que contribúan a concienciar á sociedade do perigo que lles supón a entrada no mercado dos productos fabricados por China que, cun prezo 50% inferior, expulsan do mercado á producción europea. O presidente da Asociación Galega de Graniteiros, Gumersindo Alonso, fixo un chamamento a Bruxelas para que tome cartas no asunto. As empresas galegas aportan o 60% da producción graniteira española que, á súa vez, é a quinta do mundo no sector da pedra natural. (Fonte: El Correo Gallego).
Cambio na presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal Manuel Fraga entrevistouse, no marco do Comité das Rexións, co presidente da rexión autónoma portuguesa de Madeira, Joao Jardim, e co alcalde de Porto, Rui Rio. Ó remate da mesma, o presidente da Xunta avanzou detalles da reunión do plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, prevista para o 30 de outubro en Santiago. Nela, Fraga traspasará os poderes a Arlindo Cunha, presidente da Comunidade de Coordenación do Norte luso. (Fonte: El Correo Gallego).
Gamallo, un dos seis membros da mesa de seguimento da Constitución Europea O secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior, Jesús Gamallo, foi elixido membro da mesa de seguimento dos traballos de redacción da Constitución Europea no Comité das Rexións. Gamallo actuará como observador do texto do Tratado e trasladará ó goberno español as peticións das rexións e dos municipios europeos ante o documento que se agarda asinar en decembro deste mesmo ano. (Fonte: El Correo Gallego). Fraga está case seguro de que a UE non recurtará as axudas Na opinión do presidente da Xunta, Galicia “non corre o perigo” de sufrir un posible recurtamento das axudas rexionais que, entre 2000 e 2006, supoñen 5.400 millóns de euros. Fraga entregoulles abondosa documentación a Romano Prodi, Loyola de Palacio, Michael Barnier e Pat Cox, e ós catro lles pediu que Galicia siga contando, a partir de 2006, cun volume de fondos “semellante” ó actual. O tutular da Xunta “non é pesimista” porque o comisrio de Política Rexional, Michael Barnier, “ten a seguridade e garantía de que Galicia seguirá sendo rexión obxectivo 1”. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Pesca Aquareg pulará a acuicultura galega A Consellería de Pesca aproveitará o programa comunitario Aquareg de cooperación acuícola con Noruega e Irlanda para incrementa-la producción de rodaballo das 6 mil toneladas actuais ata as 10 mil. A Xunta pretende, dentro desta iniciativa comunitaria, a optimización do novo Centro de Repoboación de Especies Mariñas, que se instalará na Costa da Morte. (Fonte: El Correo Gallego). Axudas europeas para a flota do fletán Fraga demandou en Bruxelas “medidas excepcionais” para a flota galega que faena en augas do Atlántico Norte, afectada a partir de 2004 polo severo recurtamento das capturas establecido ata 2007. O Goberno autonómico suxeriu diversas alternativas, arrincando das autoridades comunitarias o compromiso de que “se estudiarán as fórmulas” propostas por Galicia. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Adolfo Domínguez inaugura unha tenda en Beijing A compañía que dirixe o deseñador Adolfo Domínguez (ADZ) aterrará en China coa inauguración da súa primeira tenda na capital deste país.Trátase dun establecemento da liña U, que a téxtil galega abrirá en colaboración coa empresa chinesa Hua Yi Chang, compañía que ten a masterfranquicia, contrato exclusivo para desenvolve-la franquicia no mercado chinés. ADZ agarda contar con cinco puntos de venda en China a finais de 2004. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Galicia promoverá ós seus escritores na Feira do Libro de Frankfurt O sector editorial galega quere aproveitar este ano a súa presencia en Frankfurt para tentar introducir no mercado internacional parte dos escritores que aínda non acadaron un coñecemento xeralizado fóra de Galicia. Actualmente hai 26 editoriais afiliadas á Asociación Galega, das que 17 estarán presentes na Feira. Dúas delas, Kalandraka e Galicia Edicións, teñen boas probabilidades de tirar proveito da súa participación debido ós contactos internacionais dos que xa dispoñen, Portugal no primeiro caso; Reino Unido, EEUU e Corea no segundo. (Fonte: El Correo Gallego).
Os quince apoian que o tren de alta velocidade vertebre Galicia Os ministros de Economía e Finanzas da UE apoian o lanzamento inmediato dun plan de crecemento na innovación e as infraestructuras co obxectivo de lle dar pulo á agonizante economía da Unión. Entre os proxectos máis urxentes, o plan da Comisión Europea considera a interoperabilidade do ferrocarril de alta velocidade ibérica, con énfase especial no desenvolvemento deste deste medio en Galicia, ademais de apostar pola conexión ferroviaria entre España e Francia. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Os colexios reciben este curso cinco mil fillos de inmigrantes máis O curso escolar comeza este ano con 5.507 alumnos máis fillos de inmigrantes nas aulas do ensino público non universitario en Galicia, o que supón un incremento do 51,1%, se ben a comunidade se mantén cunha pequena presencia de poboación inmigrante, un 1,4% do total. (Fonte: El Correo Gallego).
Fraga apoia a inviolabilidade das fronteiras interiores da UE Eurodeputados do Grupo Popular Europeo e membros do PP español no Comité das Rexións aprobarán en Bruxelas unha declaración co título “O modelo autonómico no marco da Constitución española e o proxecto de Constitución da Unión Europea”, que será asinada por Manuel Fraga e outros presidentes autonómicos. A declaración rexeitará que os Parlamentos rexionais poidan acudir directamente ó Tribunal de Xustiza da UE si, durante o proceso de elaboración dunha normativa comunitaria, consideran que son violadas as súas competencias, como estipula o proxecto de Constitución europea elaborado pola Convención. (Fonte: El Correo Gallego).
Fenosa abre a súa terceira central en México A central de Neco-Nogales, no estado de Sonora e terceiro ciclo combinado de Unión Fenosa en México, entrou en funcionamento. Esta central, ó igual que as outras dúas, conta cun contrato de venda de enerxía coa Comisión Federal de la Electricidad cunha duración inicial de 25 anos, e os tres ciclos forman parte do programa enerxético do Goberno de México para facer fronte ó crecemento sostido da demanda eléctrica, estimado no 7% anual. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo Cinco países asiáticos interésanse polo desenvolvemento turístico na Coruña Convidados pola Axencia Española de Cooperación Nacional, 25 directivos de institucións nacionais de turismo de Malaisia, Indonesia, Vietnam, Filipinas e Tailandia acudiron á cidade da Coruña para coñece-lo seu modelo de desenvolvemento turístico. Estes profesionais realizan un seminario co patrocinio do Ministerio de Asuntos Exteriores sobre o cambio nas estratexias de desenvolvemento nos destinos turísticos. (Fonte: El Correo Gallego).
Fraga lanzará unha ofensiva en prol das axudas rexionais O presidente da Xunta demandará ó presidente da Comisión Europea a permanencia da política de cohesión e das súas subvencións na viaxe do vindeiro día 8 á capital comunitaria. Fraga oponse á renacionalización da política de cohesión, e defende que o orzamento debe supor o 0,45% do PIB comunitario, é dicir, non mingua-lo esforzo feito dende 1992. Tamén é partidario da concentración do esforzo orzamentario, pero non da creación de novos fondos –como o de crecemento- que é a proposta do presidente da Comisión Europea, Romano Prodi. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Galicia consolídase como sexta comunidade en vendas ó exterior As exportacións galegas no primeiro semestre deste ano ascenderon a 5.090 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,53% con respecto ó mesmo período de 2002, e unha cifra que consolida a Galicia como a sexta comunidade autónoma por volume de vendas ó exterior. Naval, químico inorgánico, téxtil e pedras ornamentais son os sectores máis demandados, namentres o sector da automoción viu reducidos os seus ingresos con respecto a 2002. (Fonte: El Correo Gallego). Un encontro internacional analizará o desenvolvemento das novas tecnoloxías A Primeira Conferencia Internacional Galicia TIC pretende pula-la innovación nas pequenas e medianas empresas como base para o desenvolvemento competitivo da comunidade. O encontro, que se celebrará no Palacio de Congresos de Santiago, está organizado pola Fundación Empresas Universidade de Galicia (Feuga) e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Fundación Caixa Galicia. (Fonte: El Correo Gallego). A Volta ó Mundo de Vela podería traer unha gran repercusión internacional a Galicia A candidatura de Baiona, Vigo, A Coruña e Sanxenxo para alberga-la Volta ó Mundo de Vela (Volvo Ocean Race) está á cabeza do grupo das cidades que compiten por acoller un dos dez maiores eventos deportivos internacionais. Os organizadores estiman que visitarían a comunidade preto dun millón de persoas, que chegarían a gastar máis de cen millóns de euros. A repercusión mediática internacional da regata (840 millóns de telespectadores seguiron a última edición) convértese nunha oportunidade única para a promoción exterior de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Unha mostra sobre a Rota Xacobea percorrerá Europa O Camiño de Santiago é protagonista dunha exposición que será inaugurada polo presidente da Xunta en Bruxelas antes de facer escala en Viena, Bergen, Nápoles, Toulouse e Cracovia. A mostra artéllase en catro partes ilustradas a través da mirada dos fotógrafos Tono Arias, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Tino Martínez e Juan Rodríguez. (Fonte: El Correo Gallego).
Alonso Montero retoma a denuncia dos exiliados galegos perante a Unesco En “A batalla de Montevideo”, editado por Xerais, Montero glosa o documento que no ano 1954 proxectou internacionalmente a reprensión que sufría a lingua galega no franquismo. Durante a VIII Conferencia xeral da Unesco na capital uruguaia, os grupos galeguistas do exilio conseguiron facer chegar oficiosamente ás delegacións de case cen países a Denuncia sobre a represión do galego como lingua funcional culta. A maioría dos delegados eran conscientes que non se trataba dunha lingua cooficial, pero descoñecían que era mesmo perseguida. (Fonte: El Correo Gallego). Economía As accións de Zeltia revalorízanse trala súa apelación á Axencia Europea As accións de Zeltia volveron subir despois de que a biotecnolóxica presentara perante a Axencia Europea para a Avaliación de Medicamentos (Emea) a apelación na que pide a aprobación para comercializa-lo seu fármaco Yondelis. Algunhas fontes de Zeltia estiman, poren, que as posibilidades da súa aprobacións son “moi reducidas”. (Fonte: El Correo Gallego). Ence ultima a apertura dunha fábrica de celulosa en Uruguai Ence podería recibir en breve a autorización do Goberno uruguaio para a apertura dunha celulosa próxima á localidade de Fray Bentos. A construcción da fábrica espertou a polémica na zona e na marxe esquerda do río Uruguai, compartido con Arxentina. Fronte a Fray Bentos, sitúase a cidade arxentina de Gualeguaychú, que se vería afectada en caso de contaminación. As organizacións ecoloxistas de ambos países néganse rotundamente á construcción da celulosa. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal O Grove sela o irmanamento coa cidade portuguesa de Valadares A Festa do Marisco do Grove iniciou a súa 40 edición cun acto cultural, no día adicado especialmente a Portugal, no que se celebrou o irmanamento con Valadares. (Fonte: El Correo Gallego).
A Xunta recibe dez alumnos alemáns que fixeron lectorados de lingua galega O director xeral de Política Lingüística, X.P González Moreiras, recibiu ós lectorados alemáns que fixeron traballos de investigación sobre toponimia, literatura oral, paisaxe, gastronomía, historia e outros aspectos de Galicia. A viaxe dos alumnos, procedentes das universidades de Trier, Heidelberg e Berlín, foi preparada por tres lectores de galego destas universidades coa axuda do profesor Dieter Kremer, da Universidade de Trier. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Lavacolla estrea enlace con Sevilla e negocia os de Frankfurt e Milán Os edil de Turismo, Francisco Candela, informou de que o Concello de Santiago mantén contactos para conseguir máis voos internacionais, concretamente coas cidades de Frankfurt, Bruxelas e Milán. Candela razoou, no caso de Milán, que “Italia acollerá un turismo relixioso e cultural moi semellante ó de Santiago”; Frankfurt, “porque o mercado alemán é o primeiro emisor europeo de visitantes”, e Bruxelas “porque é a capital da Unión Europea”. (Fonte: El Correo Gallego).
Fraga recibiu á Asociación de Casa Históricas de Italia O presidente da Xunta destacou que as rotas de peregrinaxe á capital italiana e a Compostela son chaves da identidade europea, durante o encontro mantido con membros da Asociación de Casas Históricas de Italia. Fraga animou á asociación a que aproveite a vista a Galicia para recuperar parte da “nosa historia compartida” e a convidou a que regrese o vindeiro ano para o Xacobeo. (Fonte: El Correo Gallego).
Productores de sete países buscarán proxectos no festival de cine de Ourense Empresas productoras de sete países europeos e americanos acudirán ó Festival de Cine Independente de Ourense para buscar proxectos audiovisuais nunha nova sección do certame que ten como obxectivo facilita-lo encontro entre productores e creadores en busca de financiamento. As productoras estranxeiras que xa confirmaron a súa asistencia proceden de Portugal, Rusia,Gran Bretaña, Irlanda, Francia e Cuba. (Fonte: El Correo Gallego). Política Visto bo parlamentario a unha iniciativa para previ-la mutilación xenital entre as inmigrantes O Parlamento galego aprobou unanimemente unha condena “tallante” da ablación e outras formas de mutilación feminina, e demandou medidas de información e prevención dirixidas ás familias inmigrantes en Galicia. A proposta da socialista Laura Seara foi aprobada tras unha emenda dos populares, que exclúe a demanda de protección para estas mulleres contida no primeiro texto. (Fonte: El Correo Gallego). |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| (Fontes: AGN, Atlántico Diario, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 2003: setembro | agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre | |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2003 |