Diario Exterior / setembro de 2003

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
29/09/2003
Unión Europea
Representantes galegos visitan a Bretaña francesa para aprender da súa experiencia en catástrofes marítimas
A delegación da Costa da Morte, da que forman parte representantes municipais e do sector pesqueiro, visita Bretaña co ánimo de coñecer as experiencias do Erika e aproveitalas para supera-la catástrofe do “Prestige”. A delegación foi recibida por Le Pensec, vicepresidente do Consello de Finisterre e varios alcaldes e responsables da zona que están a traballar conxuntamente con Irlanda e Inglaterra nun proxecto do programa Interreg destinado a levar a cabo actuacións preventivas en materia de contaminación.
(Fonte:
El Correo Gallego).
28/09/2003
Pesca
Pescadores lusos se opoñen a que Galicia instale bateas nas súas augas
Os mariñeiros do distrito de Viana do Castelo, fronteirizo coa provincia de Pontevedra, rexeitan a instalación de bateas de empresas españolas para a cría de mexillón en augas da costa portuguesa. A Capitanía do Porto de Viana certificou que as plataformas contan cos permisos preceptivos, pero os mariñeiros argumentan que este tipo de instalacións prexudicarán o ecosistema mariño da zona, polo que e manterán reunións cos deputados da Asemblea da República para explica-lo problema.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Doazón de productos sanitarios ó Centro Galego de Bos Aires
O conselleiro de Sanidade, Xosé Mª Hernández Cochón, acompañado polo director xerente do Foro Galego Iberoamericano da Saúde, Javier Hernández Pasín, entregoulle ó Centro de Boas Aires máis de 390 Kg. de productos sanitarios, froito dun investimento de preto de 9000 euros. Este acto pon remate á viaxe de cinco días que o conselleiro fixo a Arxentina e Uruguai co obxectivo de senta-las bases para a colaboración entre Galicia e América Latina a través da Fundación Galicia Saúde.
(Fonte:
El Correo Gallego).
27/09/2003
Unión Europea
Miguélez esixe unha investigación profunda do caso “Prestige”
A eurodeputada do Psoe anunciou que o seu partido esixirá responsabilidades do Goberno español “ó máis alto nivel” na comisión temporal que o Parlamento Europeo pretende pór en marcha en outubro para analiza-las causas e as consecuencias da catástrofe do “Prestige”. Pola súa banda, o eurodeputado popular Daniel Varela, afirmou que tanto BNG como Psoe “se están poñendo da banda dos avogados das aseguradoras e das mafias rusas” por solicitar unha comisión de investigación no PE, actitude que cualifica de “irresponsable”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Galicia equilibra por vez primeira a súa balanza comercial
O comercio exterior galego pechou en 2002 un dos mellores períodos da súa historia ó lograr que a balanza comercial se situase por vez primeira por riba do equilibrio. A taxa de cobertura –diferencia entre as exportacións e as importacións- oscilou entre o 112,3% e o 94,5%, ó remate do ano. Segundo as conclusións do Informe sobre a Situación Sociolaboral en Galicia 2001, Galicia continuou a medrar en 2002, aínda quen menor medida que no período anterior, tendencia que se repetiu en todo o Continente.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Cochón estudia co ministro de Saúde do Uruguai a situación da emigración
O conselleiro de Sanidade cualificou de “esperanzadora” a reunión mantida co ministro de Saúde Pública uruguaio, Gonzalo Bonilla, na medida en que o responsable deste Goberno é coñecedor da situación sanitaria e das dificultades que atravesan os centros dos galegos neste país. Sanidade perfilou cos membros de Emerxencias Médicas de Montevideo (Suat) a futura colaboración entre este departamento e Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
Expertos portugueses colaboran coa Xunta na protección dos menores
A directora xeral de Familia, Teresa Rey, participou nos actos de conmemoración da Confederación Nacional de Asociacións da Familia (CNAF), entidade coa que a Consellería asinou un convenio para mellora-la situación das familias, tanto en Galicia coma no Norte de Portugal. O goberno luso tense interesado en repetidas ocasións por coñecer tódolos programas que desenvolve Familia neste tema, pedindo mesmo reunións sectoriais cada quince días, algo “materialmente imposible”, recoñece Rey.
(Fonte:
El Correo Gallego).
26/09/2003
Unión Europea
Fraga advirte que a UE “non pode” crear unha comisión de investigación
O presidente da Xunta considera que “non cabe” a creación no Parlamento Europeo dunha comisión de investigación “no senso estricto” sobre o “Prestige” porque este tipo de órgano está “expresamente prohibido polos estatutos” da Eurocámara. Pola súa banda, o eurodeputado do BNG Camilo Nogueira deixou claro que procurará formar parte da comisión que se constitúa en torno a este caso.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Ryanair estudia o seu desembarco en Lavacolla
Lavacolla podería contar con novas conexións directas con varias cidades de Europa se chegan a bo termo as conversacións que o Concello mantén con varias compañías, entre elas Ryanair, unha aerolinea especializada nos voos de baixo custo. O desembarco da compañía irlandesa en Lavacolla suporía un forte pulo ó aeroporto compostelán, que pechará 2003 con bo balance de viaxeiros se mantén o seu ritmo de crecemento.
(Fonte:
El Correo Gallego).
25/09/2003
Economía
Portoalegre busca en Sogama unha solución ó tratamento de refugallos
O gobernador de Río Grande do Sul (Brasil), Germano Rigotto, visitou a instalación de RSU-Sogama, que desenvolve un tratamento de refugallos que podería ser implementado tamén neste estado brasileiro, célebre por ter sido a sede do Foro Social Mundial. “Temos que falar e buscar financiamento para iso porque o custo é elevado”, asegurou Rigotto, quen cree non obstante que o investimento será menor no caso de Portoalegre, porque os refugallos non terían que trasladarse a tanta distancia como se fai en Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

As empresas galegas deben atopar socios nos países adherentes á UE para medrar
Este é unha das conclusións extraídas das xornada “O reto da ampliación europea para a empresa galega”, celebrada en Santiago. A directora rexional de Comercio e delegada do Icex en Galicia, Mª Dolores Loureda, destacou que as exportacións galegas ós novos países da UE (Polonia, República Checa e Hungría, sobre todo) “se cuadruplicaron” no período 2000-2002, aínda que considera que non é de abondo. Por iso, animou ós empresarios galegos a ir a estes países “moi pronto se non queren perder posicións”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
24/09/2003
Cultura
A Universidade de A Coruña pon en marcha o Instituto Amergin de Estudios Irlandeses
O Instituto pretende realizar, dende un punto de vista multidisciplinar, investigacións en ámbitos nos que existe un nexo común entre Irlanda e Galicia. As investigacións centraranse en cusetións como a humanística, a lingüística, as novas tecnoloxías, a xestión portuaria, os recursos turísticos e o dereito. Para Antonio Raúl de Toro, director da institución, a posta en marcha do Instituto débese, en grande medida, á gran receptividade amosada polas autoridades académicas, en especial o Rectorado da Universidade de A Coruña.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Emigración pon en marcha cinco novos cursos dirixidos á inmigración
As consellerías de Asuntos Sociais e Emigración e máis a Fundación Galicia Emigración organizarán en outubro cinco cursos dirixidos a traballadores sociais co obxectivo de mellora-la atención que ofrecen ós inmigrantes e retornados. Durante o acto de presentación, o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, puxo Vigo como exemplo do novo fenómeno poboacional.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
O Parlamento Europeo autoriza a creación dunha comisión de investigación “temporal” sobre o “Prestige”
A autorización aprobouse na sesión plenaria do Parlamento Europeo a pesar do voto en contra dos eurodeputados españois do PP. O texto aprobado pídelle á Conferencia de Presidentes da Eurocámara que ordene a creación dunha “comisión temporal” que afonde nas causas e consecuencias da catástrofe. A votación concluíu con 315 votos a favor, 183 en contra e 6 abstencións. É agora a Conferencia de Presidentes, integrada polos xefes do grupos políticos europeos, a que decidirá a súa posta en marcha.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
23/09/2003
Turismo
O Xacobeo 2004 preséntase cunha nova vocación europeísta
Segundo o conselleiro de Cultura, X. Pérez Varela, a “vocación europeísta” será a principal novidade do programa previsto para o vindeiro ano santo. Para iso, se fará unha maior promoción do Camiño en tódolos países europeos que teñen tradición xacobea e, así mesmo, están previstas unhas cincuenta mostras no ámbito internacional. Turgalicia levará a cabo tamén preto de 200 actos de promoción do Xacobeo no estranxeiro.
(Fonte:
El Correo Gallego).
22/09/2003
Economía
A Feira Mundial da Pesca xerou negocios por valor de preto de 400 millóns de euros
A Feira Mundial da Pesca (WFE 2003) xerou un volume de negocio directo de 384 millóns de euros, ademais de outros 97 millóns para as pequenas economías de escala na cidade organizadora, Vigo. Foron 26 os responsables de Pesca presentes na Feira, a maioría pertencentes a países en vías de desenvolvemento, dun total de 65 países participantes. A organización demanda que para a vindeira edición, que podería ter lugar en 2009, a industria galega participe en tódolos foros de decisión.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Pesca
Os expertos reunidos no seminario internacional sobre seguridade na actividade pesqueira demandan a harmonización na Unión Europea
O seminario, que tivo lugar en Vigo dentro das actividades da WFE 2003, certificou que a pesca é o oficio máis perigoso en Europa e fixo un chamamento ós países da Unión para que harmonicen este campo e eleven ó máximo o grao de compromiso político e económico.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Unión Europea
A Unión Europea destina 8,6 millóns de euros a España pola catástrofe do “Prestige”
O Consello da Unión Europea e o Parlamento Europeo acordaron destinar 8,6 millóns de euros para as zonas de España que sufriron que sufriron danos polo naufraxio do petroleiro “Prestige”: Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.
O Parlamento Europeo propuxo a creación dunha comisión temporal que analice o caso, unha medida que ata o de agora foi rexeitada en seis ocasións.
(Fonte:
El Correo Gallego).
20/09/2003
Unión Europea-Pesca
Touriño: “Galicia deberá loitar por lidera-la política pesqueira comunitaria”
O secretario xeral dos socialistas galegos avoga pola necesidade de que a comunidade galega teña un papel importante nas decisións que sobre pesca tome a Unión Europea, que “non pode volverlle as costas á pesca”. Touriño aposta por potencia-la “Galicia emprendedora nun momento no que as axudas da Unión Europea chegan ó seu remate”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación científica
Galicia axuda a Perú a fabrica-las conservas de anchovetas
Galicia será a principal aliada de Perú á hora de desenvolve-las conservas de anchoveta, especie mariña importantísima para este país –semellante á anchoa-, e á que agora se pretende revalorizar gracias ó proceso de transformación industrial pesqueira. Para logralo, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe e Mariscos (Anfaco) e o Centro Tecnolóxico de Perú asinaron un convenio que permitirá, en primeiro lugar, a apertura dunha factoría experimental en Perú o vindeiro mes de outubro.
(Fonte:
El Correo Gallego).
19/09/2003
Cultura
Vigo celebrou o 70 aniversario do recoñecemento internacional de Galicia como Nación
O Centro Social de Caixanova en Vigo acolleu o acto conmemorativo, organizado polo Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) coa colaboración coa Concellaría de Cultura e varias fundacións culturais do ámbito galego. Varios centos de persoas escoitaron as intervencións de Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Ramón Lugrís, Xulio Ríos, Ramón Villares, Xosé Luís Rodríguez Pardo e outros, logo de que o primeiro descubrise unha placa na rúa Reconquista en lembranza de Plácido Castro.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Unión Europea-Pesca
A Fundación Caixa Galicia presentou a análise “A pesca galega no escenario internacional”
Unha das conclusión da investigación é que Galicia debe seguir buscando políticas que flexibilicen a actividade empresarial pesqueira na Unión Europea para poder avanzar. Manuel Lafuente Varela, coordinador do equipo, denunciou o dobre raseiro que utiliza a Unión Europea coa pesca respecto a outras actividades empresariais, ademais de destaca-la necesidade de que Galicia teña unha representación directa en órganos internacionais, xa que as posturas da Unión Europea chocan a miúdo cos intereses galegos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Os concellos costeiros únense para obter fondos da UE
Un total de 23 concellos galegos e do norte de Portugal decidiron sumarse a unha proposta da Deputación a través da que se persegue a consecución de fondos da UE para desenvolver proxectos medioambientais. No estudio, encargado pola Deputación e que será remitido a Bruxelas, indicase que os concellos deben tirar proveito da experiencia do “Prestige” para rendabilizar mellor os recursos costeiros.
(Fonte: Atlántico Diario).

Pesca
Galicia debe cooperar con EEUU e Xapón
A busca de acordos de cooperación con potencias pesqueiras como Estados Unidos e Xapón e de políticas que flexibilicen a actividade empresarial da pesca galega, son dúas das recomendacións do estudio “A pesca galega no escenario internacional”, editado polo Centro de Investigación Económica e Financeira da Fundación Caixa Galicia (Cief), que se presentou en Cotogrande, no marco da Feira Mundial da Pesca
(Fonte: Atlántico Diario).

Turismo
Wright: “Hai un bo futuro para o tursmo británico en Galicia”
O embaixador do Reino Unido en España Sthepen Wright, visitou Vigo dentro dos actos da Feira Mundial da Pesca (World Fishing Exhibition), interesado en contactar con políticos locais e nunha “misión de aprendizaxe” da realidade galega. Wrigth pensa que os líderes galegos “son conscientes de que os vencellos coa Gran Bretaña, coma nós o somos dos lazos con Galicia en comercio, pesca, industria ou turismo”. Na súa opinión, existe un bo futuro para o turismo británico en Galicia.
(Fonte:
Faro de Vigo).
17/09/2003
Emigración
Trinta e sete mil galegos do exterior beneficiaranse de axudas sanitarias
Un total de 37.383 emigrantes galegos que residen en países sudamericanos beneficiaranse da convocatoria de axudas da Fundación Galicia Emigración para os centros da diáspora que desenvolvan actividades sociosanitarias. Brasil encabeza a listaxe das peticións de axuda cun total de oito centros, seguido de Venezuela, cinco, e Uruguai, con tres solicitudes.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Turismo
A Xunta presenta en Londres a súa oferta turística
Turgalicia presentará a oferta da comunidade en Londres co espectáculo “Discover Galicia”, nun acto que reunirá a máis de 300 persoas, entre operadores turísticos e personalidades da sociedade británica. Con este evento turístico-social, que se celebrará en Billingsgate, un histórico local da cidade, o turismo galego se achega por vez primeira en solitario a Gran Bretaña cunha promoción deste tipo.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
Plan para “recuperar” investigadores galegos
A Consellería de Innovación ultima a selección da primeira promoción do Programa Isidro Parga Pondal, que pretende recuperar a 150 científicos galegos no exterior, a razón de 50 contratos por ano, para levar a cabo proxectos de investigación en Galicia. Trátase da primeira iniciativa deste tipo levada a cabo pola Xunta.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Galicia logra que 23 potencias apoien as súas demandas pesqueiras contra a UE
Galicia atopou bos aliados nos países extracomunitarios para facer fronte ó empeño da UE por corta-lo fluxo das axudas públicas ás sociedades mixtas de pesca e á exportación de buques. Os ministros participantes na conferencia internacional de Oia apoiaron a tese galega, que aposta polas empresas conxuntas como ferramenta para a cooperación ó desenvolvemento dos Estados propietarios dos recursos.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Escasa presencia da UE na Feira Mundial da Pesca
Unha das cousas que máis chama a atención é a discreta caseta que colocou a UE, a diferencia dos xenerosos espacios que ocupan outras institucións gobernamentais. A débil presencia europea prodúcese nun momento no que arrecian as críticas contra a Comisión por parte do conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga. Segundo a revista Fishing News International, López Veiga proclamou o seu rexeitamento á Comisión por aleccionar a terceiros países sobre como deben levar os seus asuntos pesqueiros cando nas propias augas europeas hai problemas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
Fraga defende perante os ministros de Pesca a “cooperación internacional”
O presidente da Xunta afirmou que a IV Conferencia Mundial de ministros de Pesca, que se celebra en Santa María de Oia, é unha “magnífica ocasión para afondar na cooperación pesqueira internacional”. Fraga lembroulles ós ministros de Pesca que Galicia “cre firmemente “ na pesca como instrumento de cooperación e desenvolvemento”. Dixo tamén que a colaboración entre nacións xera “interesantes froitos, tanto para o país que coopera e inviste no exterior, como para o que acolle e recibe eses investimentos”.
(Fonte:
Faro de Vigo).
16/09/2003
Acción Exterior
Renovación do convenio con Santa Catarina
Galicia exporta Rubia Galega a Santa Catarina, un dos estados brasileiros con maiores índices económicos e maior desenvolvemento empresarial e social. O seu gobernador, Luiz Henrique da Silveira asinou coa Xunta unha ampliación do convenio de cooperación de 1998. A través desta adenda, a Xunta axudará ó seu homólogo brasileiro a “promove-la organización dunha cadea productiva de calidade en Santa Catarina, a partir da introducción de material xenético da raza Rubia Galega”. Trala sinatura do acordo, Silveira loubou o “labor revolucionario” de Fraga en Galicia e o convidou a unha nova visita á súa terra.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
Máis de 600 expositores de 120 países están presentes na Feira Mundial da Pesca
A cidade de Vigo convértese este mes en centro de negocios da industria pesqueira internacional. A organización da World Fisshing Exhibition, Vigo 2003, tratou que nesta quinta edición estean presentes empresas e visitantes do leste de Europa, sureste asiático, Pacífico Oriental e, en xeral, dos países emerxentes na producción de mercados da pesca. Dende a súa primeira edición, en 1973, a Feira multiplicou por cinco o número de visitantes.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Galicia estreita vencellos cos seus mellores socios da pesca
Os vintecatro ministros de Pesca dos principais socios de Galicia no ámbito do investimento pesqueiro e a acuicultura reúnense en Oia (Pontevedra) con representantes das administracións galega e española. O obxectivo é a creación e desenvolvemento de sociedades mixtas que permitan ás empresas galegas obter novas oportunidades de negocio. Durante a celebración da Feira Mundial, Galicia ten unha oportunidade “única”, destacou López Veiga, para buscar vías de colaboración con Namibia, Chile, Angola, Mozambique, Mauritania, El Salvador ou Nicaragua.
(Fonte:
El Correo Gallego).
15/09/2003
Turismo
Santa Catarina, novo destino turístico en Brasil
O gobernador do estado brasileiro de Santa Catarina, Luiz Henrique da Silveira, encabeza unha delegación do seu Goberno que está de visita en Galicia, onde promociona a súa terra como destino turístico. Da Silveira entrevistarase con operadores de viaxe para convencelos das vantaxes de Santa Catarina como rota a incluír nas súas ofertas. A delegación tamén visitará a Feira Mundial da Pesca, xa que empresarios do seu estado están interesados na tecnoloxía pesqueira alega.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigracion
A Xunta busca fillos de emigrantes para abrir mercados no exterior
A Xunta pretende que os fillos dos emigrantes galegos axuden ás empresas da comunidade autónoma a implantarse no estranxeiro. Aproveitando que coñecen a realidade do país no que viven, a Xunta está disposta a ofrecerlle á descendencia da diáspora, que debería ter un perfil determinado (por exemplo unha licenciatura en empresariais) a posibilidade de cursar estudios en Galicia para especializarse en comercio exterior e estudia-la actualidade empresarial galega. Despois podería regresar e servir ós empresarios galegos de “referente” nos países nos que queiran implantarse.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
14/09/2003
Sociedade
Mil persoas protestan en Compostela contra a OMC
Preto dun millar de persoas, segundo os organizadores, manifestáronse en Santiago contra Organización Mundial do Comercio, organismo reunido en Cancún (México). A manifestación foi convocada pola Confederación Intersindical Labrega (CIG) e o Sindicato Labrego Galego (SLG). O Bloque expresou o seu temor ante a posibilidade de que os acordos do cumio da OMC afecten negativamente á agricultura galega e supoñan un recorte nas axudas que percibe este sector.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación científica
Achádego de gran interese na USC
A Sociedade Americana de Química incluíu unha investigación realizada por un equipo desta especialidade na Universidade de Santiago (USC) entre os achádegos de maior interese recollidos na súa revista oficial Chemical&Engeneering News. O traballo consiste na creación dun novo método que permite reducir a cinco minutos o tempo investido en moitos traballos de laboratorio que antes duraban ata dous días, cambio que axilizaría moitas das prácticas habituais no campo da industria química e farmacéutica.
(Fonte:
El Correo Gallego).
13/09/2003
Cultura
Galicia celebra o día 18 o seu recoñecemento a escala europea
Un grupo de intelectuais galegos, convocados polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), encabeza as celebracións do setenta aniversario do primeiro recoñecemento da nacionalidade galega máis alá das nosas fronteiras. Cando a II República daba aínda os seus primeiros pasos, o 18 de setembro de 1933, Galicia acadaba ante 14 países no Congreso das Nacionalidades Europeas quedar “proclamada moralmente como unha nación”, nas verbas de Plácido Castro, secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista e representante do país perante o Congreso.
(Fonte:
El Correo Gallego).
11/09/2003
Pesca
A protección das denominacións de orixe e o mantemento das axudas á pesca centran os intereses de Galicia no Cumio de Cancún
A cidade mexicana de Cancún acolle unha nova reunión da Organización Mundial do Comercio (OMC). España defende neste cumio o mantemento do actual sistema de axudas agrícolas e pesqueiras e unha maior protección das denominacións de orixe, cuestións que afectan directamente a Galicia. Esta maior protección suporía, por exemplo, que o Alvariño sexa realmente orixinario das Rías Baixas galegas, e non dunha plantación de Sudáfrica ou Chile.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Acción Exterior
Manuel Fraga viaxará a Arxentina e Uruguai en novembro deste ano
Así o confirmou o propio presidente da Xunta despois da reunión mantida con varios membros do padroado da Fundación Galicia Saúde da capital arxentina. Fraga destacou a axuda que está a prestar a Fundación ó Centro Galego de Bos Aires, “unha das institucións máis prestixiosas que creou a nosa emigración no mundo”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Unión Fenosa véndelle ó Goberno da República Dominicana as dúas distribuidoras eléctricas que tiña no país
A compañía galega chegou a un acordo co Goberno dominicano para transferir á Corporación Dominicana de Empresas Mixtas Estatales (CDEEE), actual copropietaria de Edenorte e Edesur, o 50% do capital que posuía en ambas compañías. A transferencia da actividade de distribución prodúcese no contexto da crise económica, financeira e enerxética que sofre o país caribeño, que tivo unha repercusión directa na tarifa eléctrica que pagan os clientes, e acentuou as dificultades de Edenorte.
(Fonte: Santiago,
AGN).
09/09/2003
Acción Exterior
Fraga recibe a unha delegación uruguaia
O xefe do Executivo galego recibiu en San Caetano ó presidente do Partido Popular de Uruguai, Manuel Barros Rivadulla, e o deputado do Partido Colorado e presidente do Centro de Estudios e da Fundación Pacheco Areco, Daniel García Pintos. Na reunión abordouse a situación dos emigrantes galegos en Uruguai, así como a actualidade política deste país. Fraga desprazarase proximamente a Uruguai para inaugura-la sede do Partido Popular.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación científica
O Goberno galego quere cooperar na investigación cos países centroamericanos
A Secretaria Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior estudia estender a outros países centroamericanos o modelo do plan de I+D e innovación tecnolóxica implantado na República Dominicana. Este proxecto, denominado Inpoltec e desenvolvido polo Goberno galego e a Universidade da Coruña, iniciouse no ano 2001 para estructura-lo sistema de educación superior, ciencia e tecnoloxía, así como para reforza-la xestión publica deste pais caribeño.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
A Xunta aposta por consolidar Galicia como gran potencia acuícola
O presidente da Xunta adiantou que o Executivo porá en marcha nos dous próximos anos de lexislatura varios proxectos co fin de consolidar Galicia como “potencia mundial” da acuicultura. Fraga aposta por convencer á UE de que recoñeza o marisqueo a pé como unha actividade acuícola “de forma que Galicia obteña máis fondos europeos gracias ó desenvolvemento experimentado nos últimos anos neste sector”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
07/09/2003
Acción Exterior
Manuel Fraga sinala a Namibia como “prioridade na cooperación exterior”
O presidente da Xunta sinalou que o país africano acadou o status de “obxectivo prioritario” dentro do marco da acción da cooperación exterior galega. Durante a reunión mantida co presidente namibio, Sam Nujoma, fraga destacou a confluencia de intereses polas dúas partes en afonda-las relacións “en tódolos planos”, excedendo os actuais, centrados no eido pesqueiro-empresarial. Así, Fraga puxo como exemplo, a cooperación noutros sectores productivos ou o intercambio sociocultural.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Vender no exterior, gran obxectivo
A XVIII Feira do Moble de Galicia recibiu o apoio do conselleiro de Industria, Juan Rodríguez Yuste, que instou ós empresarios do gremio a unir políticas comúns de desenvolvemento e internacionalización.Yuste insistiu en que o plan sectorial estratéxico da madeira e do moble “esta feito polos propios comerciantes” animándoos a que consensúen plans conxuntos para sacar o estranxeiro os seus productos.
(Fonte:
El Correo Gallego).
06/09/2003
Economía
Zara abre en Suecia, país de orixe da súa gran competidora
A cadea Zara do grupo Inditex iniciou o seu “desembarco” en Suecia, o pais da súa gran competidora a nivel mundial, a compañía Hennes&Mouritz (H&m). Inditex anunciou nun comunicado a apertura doutro establecemento de Zara en Ljubljana, capital de Eslovenia. A tenda de Estocolmo constitúe un paso mais na expansión ó norte, onde Zara xa contaba con tendas en Dinamarca, Finlandia e Islandia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política
Rodríguez pedirá a Trillo que explique canto tempo estarán as tropas en Iraq
O deputado do BNG Francisco Rodríguez pedirá a comparecencia do ministro de Defensa para informar sobre o tempo que van permanecer as tropas españolas en Iraq. Rodríguez demandará que Trillo explique as declaracións do xefe do Estado Maior do Exército, que aventurou que as tropas poderían permanecer dous anos.
(Fonte:
El Correo Gallego).
05/09/2003
Pesca
O presidente namibio visita Galicia para reforza-la relación pesqueira
Sam Nujoma iniciou unha visita de tres días a Galicia para pula-las relacións comerciais, sobre todo en materia de pesca, entre o pais africano e a comunidade autónoma, polo que convidou os empresarios galegos a continuar creando empresas mixtas no seu país. Nujoma, que viaxa acompañado polo seu ministro de Pesca, realizará unha visita ás instalacións de Pescanova e Freire en Vigo, empresas da maquinaria, do sector do granito e da minería.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Sociedade
A UEFA dálle ó Celta 5 días para garanti-la reforma de Balaídos ou buscará outro estadio
O Celta ten xa un ultimato dos máximos responsables do fútbol europeo para ofrecer garantías “concretas” de que realizará as reformas no estadio necesarias para xogar neste campo a Champions League. Do contrario, a organización buscara un campo alternativo.
(Fonte:
Faro de Vigo).
04/09/2003
Acción Exterior
Fraga aconsella ós países centroamericanos que sigan o modelo de Europa para crear unha Unión Centroamericana
O presidente da Xunta mantivo unha reunión co vicepresidente salvadoreño, Carlos Quintanilla, na que instou ós países centroamericanos a da-los pasos necesarios para formar unha organización supranacional seguindo o modelo da UE. Durante o acto de entrega no que recibiu as Chaves de San Salvador, Fraga disertou sobre a posibilidade de crear de foros de encontro nas cidades da rexión centroamericana para lle dar solucións a problemas comúns, a semellanza da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ou o Comité das Rexións.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
O Concello de Ames propón irmanarse co Sahara
O vindeiro pleno do Consello de Ames (A Coruña) proporá a creación dun irmanamento con Wilaya de Dajla (República Saharauí Democrática). O rexedor confirmou que a acollida de nenas desta procedencia ó longo do verán inclinou a balanza para a busca de vencellos máis estreitos con África.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Comercializadores de toda Europa acudirán á V Mostra de Productores de Plantas Ornamentais de Galicia
A Asociación de Productores de Plantas Ornamentais de Galicia (Asprogra), que celebra os vindeiros días 5,6, e 7 de setembro a V edición da súa mostra, agarda recibir nesta ocasión a máis de 500 distribuidores de España e Europa, consolidando o certame como un dos escaparates máis importantes do sector. Unha das novidades será a presentación dun programa informático, de deseño galego, para a xestión dos viveiros.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
O diario francés Le Monde destaca o notable incremento das peregrinacións a Santiago
A reportaxe do rotativo galo analiza as cifras de peregrinacións a Santiago dende Francia, e constata o auxe da “Vía Podiensis”, na que o número o número de participantes pasou de 2532 no ano 1999 a un total de 5725 en 2002 tan so entre os meses de abril e outubro, que están considerados como os de máis afluencia de visitantes. Os peregrinos máis habituais nesta Rota son alemáns, belgas e franceses, ós que se lles virían sumar agora romeiros procedentes de Australia, Canadá e EEUU.
(Fonte: Santiago,
AGN).
03/09/2003
Acción Exterior
Fraga ofrece cooperación a El Salvador a cambio de caladoiros
O presidente da Xunta afirma que o “punto principal” da viaxe é a “busca de novas zonas pesqueiras”, e que a Xunta está disposta a subscribir “convenios con intereses para ambos países”. Boa parte dos actuais proxectos de cooperación financiados polo Goberno galego en El Salvador constitúen un investimento no sector pesqueiro local que busca, ó tempo, a entrada de Galicia neste eido. Este mes de setembro, en virtude do convenio de cooperación bilateral asinado en 2001, poranse en marcha tres proxectos máis, para os que o Goberno autonómico desembolsará un total de 150 mil euros.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
O sector pesqueiro esixe un pacto con Rabat trala mala campaña en Mauritania
Medio cento de buques galegos emprenderon o regreso ós portos para cumpri-lo paro biolóxico imposto polo Goberno de Nouakchott ós buques comunitarios. Os malos resultados da campaña fan que o sector demande ás institucións que tenten de novo selar unha alianza pesqueira con Rabat. Os armadores cren que a única alternativa á saturación do caladoiro africano é a exportación do barco e o cambio de bandeira “xa sexa a Marrocos, Sudáfrica ou Arxentina”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Unión Europea
Bruxelas avala a posición de Galicia sobre o reparto dos fondos da UE
O Pleno do Parlamento Europeo aprobou un informe que avoga por concentra-los fondos europeos nas rexións que máis o necesitan, as consideradas Obxectivo 1. O comisario de Política Rexional da UE avogou tamén no Pleno por crear un “Obxectivo 1 bis” para lle dar resposta ás “situacións específicas destas rexións”. A política de concentración das axudas e o rexeitamento a “calquera renacionalización” das mesmas, foron dous dos puntos defendidos polo conselleiro de Economía da Xunta no Comité das Rexións, que considera “esperanzadora” a decisión do PE, xa que podería permitir a Galicia seguir percibindo axudas.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
02/09/2003
Sociedade
O Daily Mail destaca a rápida recuperación do litoral galego
Segundo informou o Executivo nunha nota, o Daily Mail vén de dedicar unha reportaxe á costa galega tralo vertido do “Prestige”. O autor da reportaxe publicada polo diario británico cualifica o estado dos areais de “milagre ecolóxica” que amosa “o infatigable traballo da Armada española e os voluntarios que xunto ós efectivos contratados pola Xunta interviñeron na recollida de fuel”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
01/09/2003
Portugal
Comeza a vixésimo sétima edición das Xornadas de Ensino de Galiza e Portugal
A VII edición das Xornadas de Ensino, que se celebran en Ourense, tratará sobre interculturalidade, ecoloxismo, lingua e tradicións. O programa das xornadas está dividido en dúas partes: a primeira dedicada a debates e coloquios pedagóxicos, e unha segunda, complementaria, na que se proxectarán películas educativas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Acción Exterior
Fraga visita por primeira vez El Salvador
O presidente da Xunta entrevistarase con Francisco Guillermo Flores Pérez, presidente de El Salvador, e co vicepresidente Carlos Quintanilla Schmidt, durante a súa estancia de cinco días no país centroamericano. Aínda que o motivo principal da viaxe será asistir á inauguración da nova factoría da conserveira galega Calvo, o obxectivo é, para a Xunta, axudar a estreita-los lazos e reforzar iniciativas de accións comúns no eido pesqueiro e empresarial.
(Fonte:
El Correo Gallego).
 
Ver máis Diario Exterior

2003: agosto | xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/10/2003
Fernando Pol