A Xunta subliña a legalidade da eurorrexión Galicia-Norte portugués A Xunta cosidera que a proposta do lider do PSC, Pascual Maragall, de crear unha eurorrexión coas comunidades do antigo reino de Aragón (Catalunya, Aragón e Baleares) e as francesas de Languedoc-Rosellón e Midi-Pirinées é “inconstitucional” e nada ten que ver coa posta en marcha por Galicia e o Norte portugués. O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, sostén, pola contra, que as teses de Maragall son as mesmas que defendeu Fraga e que o levaron a crear unha eurorrexión con Portugal. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo O número de visitantes estranxeiros descende en Galicia un dez por cento Galicia sufriu unha diminución de visitantes estranxeiros durante os sete primeiros meses do ano dun 10,2%, segundo confirmou o secretario de Estado de Comercio e Turismo, Juan Costa. O descenso produciuse en todas as comunidades da cornisa cantábrica, excepto en Euskadi. No resto de comunidades, rexistrouse un aumento medio do 2,4% de visitantes estranxeiros. Costa non quixo comenta-lo posible vencellamento entre a catástrofe do “Prestige” e a caída na afluencia turística rexistrada nas comunidades afectadas polo naufraxio. (Fonte: El Correo Gallego).
Fadesa construirá un complexo turístico en Marrocos O grupo inmobiliario Fadesa é o adxudicatario do concurso público convocado polo Goberno de Marrocos para a construcción dun gran complexo turístico na costa mediterránea do país, cun orzamento de 1500 millóns de euros. Fadesa actuará como promotora do complexo, tendo como obxectivo principal converter Saïdia en referencia para o turismo internacional no Mediterráneo. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca O Viarsa e toda a súa tripulación serán conducidos ata Australia O pesqueiro, apresado polo buque sudafricano “John Ross”, será conducido perante as autoridades australianas xunto a súa tripulación, composta na súa maioría de ribeirenses, chilenos e uruguaios. Este asunto foi analizado en Vigo polo director de Recursos Externos e Mercados Pesqueiros da UE, que afirmou que o apresamento do Viarsa II non lle preocupa debido a que barco é uruguaio e non español, aínda que a súa tripulación si o sexa. (Fonte: El Correo Gallego).
O director de Relacións Externas e Mercados da UE reúnese en Vigo cos armadores galegos César Debén reunirase primeiro cos representantes das asociacións de palangre, Anapan e Arpoan, e posteriormente coas de arrastre conxeladoras, como Anavar e Anamer. Os armadores pretenden que a xuntanza con Debén sirva para analiza-las problemáticas do mercado e das distintas pesquerías que actualmente afectan á flota palangreira de altura nos caladoiros internacionais, e á arrastreira conxeladora na área da Nafo, no Atlántico Sudoccidental e nalgunhas zonas do Atlántico Norte. (Fonte: Vigo, AGN). A Xunta inviste máis de 72 mil euros para a construcción dun centro de día na poboación arxentina de Mar de Plata A Xunta afrontará a construcción dun centro de día en Mar de Plata para lle dar cobertura social e sanitaria ás persoas maiores desa poboación arxentina, tanto á colectividade galega como á do país austral. A iniciativa, que conta cun orzamento de 72536 euros, xurde como consecuencia dunha colaboración entre a Fundación Galicia Emigración, a Fundación Galicia Saúde e a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Inditex rexeita ter introducido prendas de contrabando en México O grupo téxtil negou ter incorrido en prácticas ilegais á hora de introduci-las prendas que comercializa en México, terceiro país en importancia en número de establecementos da firma. Inditex constatou, porén, que o Goberno mexicano iniciou unha investigación sobre o suposto falseamento do lugar de procedencia das prendas dirixidas ás cadeas Zara e Bershka neste país. Segundo a acusación, Inditex introduciría como prendas fabricadas en España, país que goza de beneficios arancelarios gracias ó Tratado de Libre Comercio asinado entre México e a UE, artigos provenientes de Asia, rexión que paga aranceis moito máis altos. (Fonte: El Correo Gallego).
O PP demanda a Europa que continúe custeando plan antiincendios O eurodeputado galego do PP Daniel Varela solicitou nunha interpelación parlamentaria á Comisión Europea e ó Consello de Ministros que se reforce a posibilidade de financiar plans de prevención de incendios no novo regulamento de protección dos bosques europeos que se está a tramitar. Varela presentou senllas preguntas parlamentarias para denuncia-lo rexeitamento de ambas institucións á que o financiamento destes plans, tal como pediu o Parlamento Europeo, se inclúa no novo regulamento. (Fonte: El Correo Gallego). Política O PPdeG defende que o Goberno informe a Francia sobre o “Prestige” O Parlamento galego, como institución, non cuestionará a decisión do Goberno central. O voceiro popular, Jaime Pita, quixo deixar claro que non houbo comparecencia perante o Parlamento galo e destacou que, en tal caso, as explicacións dadas se enmarcan nas “relacións internacionais” que corresponden ó Goberno central e que o PP galego defende. (Fonte: El Correo Gallego).
Preto de cincocentas mulleres inmigrantes formaranse en políticas de igualdade Segundo o convenio asinado pola Xunta e a ONG Ecos do Sur, as accións formativas enmarcaranse no programa de formación para a integración das mulleres inmigrantes e se desenvolverán en quince localidades galegas. A Administración tamén financiará un programa de acollida destinado ós inmigrantes no concello de Vigo, nun programa conxunto entre a Consellería de Emigración e a Fundación Cume para o desenvolvemento de culturas e pobos. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea Bello Janeiro defende o paso dos funcionarios por institucións europeas O director da Egap participará en setembro nun encontro en Lisboa organizado polo Grupo Europeo da Administración Pública en colaboración do Instituto Nacional da Administración portugués. Bello Janeiro intervirá cunha ponencia na que defenderá a realización dun plan de formación orientado á Función Pública Europea como propicia-lo acceso dos funcionarios galegos ás institucións comunitarias. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade A TVG ten desprazados en Venezuela e Iraq senllos equipos especiais A Televisión de Galicia está a levar unha ampla cobertura informativa de proximidade en dous dos puntos de maior conflicto da actualidade, Iraq e Venezuela, onde mantén desprazados senllos equipos dos seus Servicios Informativos. Por outra parte, un terceiro equipo desprazouse este mes a Nicaragua, onde está a leva-lo seguimento informativo dos programas de axuda que Galicia e as diferentes ONGs desenvolven no país. (Fonte: El Correo Gallego). Economía UUAA teme que a venda de Puleva “enterre” proxectos lácteos galegos Unións Agrarias advertiu de que de producirse a venda da fábrica de Puleva en Arteixo (A Coruña) “enterrarase” calquera proxecto empresarial de capital galego no sector. De confirmarse este suposto, afirma o sindicato, “imposibilitaríase no curto e medio prazo” a recuperación do tecido empresarial polo sector lácteo de Galicia. Neste momento, preto do 80% da producción leiteira galega está en mans de compañías non galegas Neste momento, preto do 80% da producción leiteira galega está en mans de compañías non galegas. (Fonte: El Correo Gallego). Política O BNG pedirá a Fraga que defenda o Parlamento galego A Deputación Permanente do Parlamento galego debaterá a petición urxente do BNG para que compareza o presidente da Xunta e defenda ás institucións galegas ante o comportamento de “desprezo e deslealdade” do Goberno central. A iniciativa do BNG foi presentada polo trámite de urxencia tras coñecer que altos cargos da Administración central, que se negaron a comparecer na Cámara galega, se entrevistaron cunha delegación da comisión da Asemblea francesa que investiga as causas e efectos da catástrofe do “Prestige”. (Fonte: El Correo Gallego).
A saída de Statoil deixa sen traballo a Fene Izar-Fene investiu nove meses na construcción da Statoil norueguesa, e agora, tralo remate do encargo, queda sen carga de traballo. Porén, e segundo indica o comité de empresa “a plantilla de 100 traballadores non irá ó paro xa que hai traballos de mantemento e cursos de formación pendentes”. A parte sindical, pola súa banda, urxe a volta á construcción naval, e acusa á UE de soporta-la “competencia desleal de Corea, que contrata o 60% da construcción naval mundial”. (Fonte: El Correo Gallego). Galicia avanza cara ó liderado na exportación de productos madeireiros O sector madeireiro galego vendeu o pasado ano por valor de 211,3 millóns de euros. Esta cifra supón que Galicia representa unha cuarta parte das transaccións internacionais do sector transformador desta materia prima en España. O sector está considerado como estratéxico para a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, que tenta explotar todo o seu potencial tanto no madeireiro propiamente dito como nos subsectores auxiliares. (Fonte: El Correo Gallego). Política Denegan o asilo ós dous polisóns chegados no “Elisabeth Bolten” A Oficina de Asilo ó Refuxiado comunicou á denegación do asilo ós dous polisóns que chegaron ó porto de Vilagarcía a bordo do madeireiro liberiano. Os polisóns pediran o asilo por motivos políticos, en concreto, porque eran perseguidos nos seus respectivos países, Liberia e a República do Congo. Con esta solicitude, xa son doce os polisóns chegados a Vilagarcía estea ano, sen que a ningún lle fora concedido o status de refuxiado ou asilado político. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca Sudáfrica envía un rompexeos armado para intercepta-lo Viarsa I O Goberno australiano solicitou a axuda de Inglaterra e Sudáfrica, dous dos estados asinantes do tratado de creación da Comisión para a Conservación de Recursos Mariños Acuáticos, para captura-lo Viarsa I na súa fuxida cara Uruguai. A pesca da pescada negra, á que supostamente se dedica o barco de bandeira uruguaia e armador e tripulación galegos, ten unha gran difusión no mercado negro, e das seis mil toneladas anuais capturadas, tres mil o son de xeito ilegal. (Fonte: El Correo Gallego).
Os indicadores socioeconómicos de Galicia e a Rexión Norte de Portugal amosan unha distinta evolución Segundo o informe do Instituto Galego de Estatística (IGE), se ben existen certos aspectos nos que ambas rexións coinciden, como na tendencia crecente do Producto Interior Bruto a prezos de mercado per cápita, na maioría deles se observan claras diferencias. O anuario 2001-2001 desvela que en sectores coma o comercio, a sanidade e as pensións, Galicia amosa unha clara vantaxe sobre o Norte de Portugal, namentres esta presenta unha mellor situación no que toca ó crecemento vexetativo da poboación (+1,9% fronte ó descenso nun 2,9% galego) e á taxa de ocupación (3,7% no Norte, 11% en Galicia). (Fonte: Santiago, AGN). Política O PSdeG de Ribeira pensa que as autoridades españolas deben implicarse no caso do Viarsa I O grupo socialista da localidade coruñesa de Ribeira mantén a súa preocupación polas repercusións que poda telo caso do Viarsa I sobre o sector pesqueiro galego, e asegura que “non se pode admitir unha política de avestruz baseándose nunha falla de relación directa cos feitos, por efectos de bandeira, cando toda a comunidade internacional semella estar asociando a Galicia co caso Viarsa I”. Por iso, o PSdeG pensa que as autoridades españolas deben “implicarse” neste caso, aínda que so “por consideración da nacionalidade de parte da tripulación”, de orixe galega. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Empresas de 30 países participarán na vindeira edición de Conxemar A vindeira edición da Feira Internacional de Conxelados Conxemar 2003 verá incrementada nun 35% a asistencia de compañías estranxeiras, xa que participarán empresas de 30 países, entre eles, Alemaña, Bélxica, Francia, Irlanda, Noruega, Arxentina e Nova Zelandia. Este incremento débese, segundo os organizadores, a Asociación Española de Maioristas, Transformadores, Importadores e Exportadores de Productos da Pesca e da Acuicultura, ó esforzo de promoción internacional. (Fonte: Faro de Vigo). A fábrica de Puleva en Arteixo podería ser vendida á estadounidense Suiza Food O Sindicato Labrego Galego (SLG) manifesta a súa preocupación pola posible venda da fábrica que o grupo lácteo Puleva ten en Arteixo (A Coruña) á multinacional estadounidense Suiza Food, que xa é propietaria de Leite Celta. O sindicato lembra que en Estados Unidos se utiliza a hormona BST, de manipulación xenética, para producir leite, e que esa hormona está prohibida en Europa. Por iso, o SLG alerta da sospeita de que se pretenda “introducir en Galicia os excedentes americanos”. (Fonte: El Correo Gallego).
O pósito do Grove reclamará directamente ó Fidac A maior parte dos membros da confraría de mariñeiros do Grove solicitarán directamente ó Fidac as indemnizacións polos danos derivados do petroleiro “Prestige” para evita-lo desconto das axudas percibidas, segundo explicou o patrón maior e vicepresidente da Federación Nacional de Confrarías, Francisco Iglesias. Segundo Iglesias, numerosas confrarías da ría de Arousa están “indignadas” pola decisión do Goberno de desconta-las axudas percibidas, o que suporía que a cada mariñeiro podería corresponderlle pouco máis de 600 euros. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo O Celta captará turismo en Europa A Deputación de Pontevedra, a Cámara de Comercio de Vigo e o Real Club Celta subscribiron un acordo para promociona-la imaxe da cidade olívica e a súa provincia naqueles lugares nos que o equipo dispute partidos de competicións europeas durante a vindeira temporada. As tres entidades coinciden en destacar que o fútbol ten unha capacidade de convocatoria mediática e social que non se pode desaproveitar. (Fonte: El Correo Gallego). Economía PharmaMar mantén a súa aposta polo Yondelis e potenciará o seu posicionamento fóra de Europa O grupo galego Zeltia mantén firmemente a súa aposta polo Yondelis, o fármaco estrela da filial PharmaMar, ante a negativa da Emea de autoriza-la súa comercialización en Europa. Zeltia explica que a estratexia de PharmaMar pasa por “optimiza-lo Plan Conxunto que mantén con Orto Biotech”, filial de Johnson&Johnson, ampliando ó número de estudios para o posicionamento do Yondelis no nivel mundial, namentres Zeltia se encargará do mercado europeo exclusivamente. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade Reclaman a creación dun centro galego de asistencia ós polisóns Ningún dos dez polisóns chegados este ano a Galicia logrou asilo, algo moi difícil de acadar xa que, entre 1997 e 2001, só obtivo o status de refuxiado unha persoa de 45 solicitantes Vilagarcía, Vigo, Marín, Ferrol e A Coruña son puntos de chagada de polisóns que arriban ás costas procedentes de Serra Leona, Congo ou Nixeria. A falla dun centro de aloxamento é unha das principais demandas da Plataforma de Atención á Polisonaxe, organismo creado o pasado ano por Servicios Sociais, Cruz Vermella, CCOO Cite e Cáritas.
Bello Janeiro exporá ante o Grupo Europeo da Administración Pública os plans de formación dos funcionarios galegos O director da Escola Galega da Administración Pública, Egap, participará o vindeiro mes de setembro en Lisboa na conferencia anual sobre Dereito Público e Modernización do Estado, que organiza o Grupo Europeo da Administración Pública en colaboración co Instituto Nacional de Administración Portugués. Bello Janeiro exporá os plans de formación dos funcionarios galegos como medio máis eficaz para actualiza-las estructuras administrativas. (Fonte: Santiago, AGN). Bruxelas confía no éxito das conservas galegas a nivel mundial O futuro do sector conserveiro galego non se verá ameazado pola reforma das políticas comerciais que estudiará en setembro a OMC, segundo a opinión do director de Política Exterior e Mercados Pesqueiros da Comisión Europea, César Debén. O responsable comunitario afirma que a actual deslocalización da actividade non prexudicará a posición de liderado de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Fraga viaxa a El Salvador para inaugurar unha factoría de Calvo O presidente da Xunta asistirá en El Salvador á inauguración da instalación atuneira que o Grupo Calvo construíu no Golfo de Fonseca, nun acto no que podería coincidir co presidente salvadoreño, Francisco Flores, ou co vicepresidente, Carlos Quintanilla. Fraga aproveitará a súa estancia no país para coñece-lo avance de varios proxectos de cooperación cofinanciados pola Xunta e a Aeci nas zonas do Golfo de Fonseca e a baía de Jiquilisco, e pechará a viaxe na Universidade de El Salvador cunha conferencia sobre a Constitución española e a Transición. (Fonte: El Correo Gallego). A Xunta deseña programas de cooperación para doce países Arxentina, Bolivia, Brasil, Costa Rica, Ecuador, El Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua, Paraguai, Perú e Mauritania son os doce países que se beneficiarán dos proxectos de cooperación que financiará a Xunta por medio do convenio asinado entre a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e a Axencia Española de Cooperación Internacional (Aeci). Os proxectos oriéntanse fundamentalmente á mellora dos sectores pesqueiro, agrario e turístico. (Fonte: Santiago, AGN). Política O BNG pídelle a Jon Juaristi que se explique no Congreso por nega-lo galego como lingua para o comercio e as relacións internacionais O voceiro do BNG, Francisco Rodríguez, pediu a comparecencia no Congreso do director do Instituto Cervantes polas súas declaracións nas que negaba a validez do galego e do eusquera como linguas para o comercio e as relacións internacionais. Para o BNG, estas declaracións teñen o agravante de realizárense dende un organismo que ten a teórica función de potenciar tódalas linguas recoñecidas dentro do Estado español. O BNG pídelle a Juaristi que explique o sentido do termo “validez” ó referirse a unha lingua, e relaciona a actual situación de desamparo do galego fronte ó catalán ou o castelán polo escaso esforzo de promoción dende os executivos estatal e autonómico. (Fonte: Santiago, AGN).
Chile e México, as prioridades da acción exterior da Xunta Tal como consta no plan 2003-2006 deseñado pola Secretaria Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, o Goberno galego proponse asinar convenios de colaboración con México para “posicionar axeitadamente Galicia para 2007”, para o que conta xa cunha listaxe dos estados mexicanos cos que sería bo incrementar “relacións a nivel institucional e económico”. Chile é a outra prioridade da Xunta por considerala “plataforma de negocio cara o emerxente mercado asiático” Non obstante, o plan non descoida outros obxectivos, como Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela, Perú e Cuba. (Fonte: El Correo Gallego). O Goberno abrirá unha oficina en Miami buscando oportunidades de negocio A Xunta abrirá en Miami a súa terceira oficina de representación no exterior, despois da que xa existen en Arxentina e Brasil. Deste xeito, Galicia convértese na oitava comunidade autónoma con delegación na capital de Florida. Por outra banda, o Goberno estudia a celebración en Galicia dun encontro de entes subestatais, cara “promove-la creación dunha rede de rexións euro-latinoamericanas”. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca A industria conserveira galega esíxelle á UE a realización previa de estudios de impacto Os representantes da industria transformadora de productos do mar integrados en Anfaco, reuniranse en Vigo co director de Política Exterior e Mercados Pesqueiros da Unión Europea, César Debén, para analiza-la situación actual e perspectivas futuras do sector. Anfaco pedirá que Bruxelas realice, previamente á toma de decisións, estudios do impacto que as medidas propostas poden causar no sector, de xeito que a análise sexa determinante para adoptar un tipo de política comunitaria ou outro. (Fonte: Santiago, AGN). O armador do pesqueiro galego que faenaba ilegalmente en augas de xurisdicción australiana xa tiña antecedentes O pesqueiro galego de bandeira uruguaia Viarsa I, que está sendo perseguido dende hai máis de dez días en augas do Océano Antártico por unha patrulleira australiana, é propiedade do armador ribeirense Antonio Vidal Suárez, propietario do grupo Vidal Armadores. Vidal era tamén o armador do buque Camouco, que tras ser detido en varias ocasións por pesca ilegal, foi afundido o pasado ano por orde da xustiza francesa. No pesqueiro viaxan varios mariñeiros barbanzáns, todos conscientes da ilegalidade da situación, non en van os seus salarios son moi superiores ós dos mariñeiros doutras latitudes. (Fonte: Santiago, AGN). Política O BNG considera “deslealdade” con Galicia a reunión de altos cargos do Estado cunha delegación francesa que investiga o “Prestige” O BNG solicita unha reunión urxente da Deputación Permanente do Parlamento co obxectivo de convocar un pleno no que compareza Manuel Fraga para defende-las institucións galegas ante o que cualifican de "deslealdade e desprezo" do Goberno central para con Galicia, ó reunirse coa asemblea gala cando o propio Executivo negouse a face-lo mesmo coas comisións análogas abertas nos Parlamentos galego e español. O BNG considera que se trata dunha actitude de "desprezo cara os cidadáns que o elixiron" así como "cara o propio poder político galego". (Fonte: Santiago, AGN). Juaristi ve pouco futuro como linguas de vencellamento ó galego e ó eusquera O director do Instituto Cervantes, Jon Juaristi, considera que o ensino do eusquera o catalán e o galego nas distintas sedes do Instituto está en función da demanda existente, e asegurou que o catalán ten moitas máis posibilidades como lingua de vencellamento e como lingua comercias; “non é o caso do eusquera nin do galego”, puntualizou. Segundo Juaristi, “o Instituto non ten ese mandato do ensino do catalán ou do eusquera, pero si a do español como lingua común de relación internacional”. (Fonte: El Correo Gallego).
O BNG cuestiona á Xunta polas “súas contradiccións” á hora de incluí-lo Encoro de Cecebre e as Fragas do Eume na Rede Europea Natura 2000 Os deputados do grupo parlamentar do Bloque demándanlle ó Partido Popular unha explicación pola súa actitude “dubitativa e contradictoria” á hora de incluír estes espacios naturais na Rede Natura. A Xunta sostivo en 2002 que non era necesario incluír estes espacios na proposta pois tiñan xa un grao de protección abondo importante, para máis tarde cambiar de idea e incluílos. Os deputados nacionalistas cuestionan o Executivo sobre os medios e obxectivos deste último posicionamento. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración A presencia de estranxeiros estabiliza o padrón municipal compostelán A chegada de emigrantes á capital galega palía o forte descenso da natalidade, converténdose na única variable que mantén máis ou menos estable o saldo vexetativo. Nun período de dous anos, cuadriplicouse o rexistro de cidadáns estranxeiros no padrón, na maioría descendentes da diáspora chegados dende América Latina. Malia iso, a parte do departamento de Migración da CIG en Compostela, a penas existen organismos para orientar e asesorar a un colectivo que está a adquirir máis peso na cidade. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Galicia acapara as exportacións de peixe e moluscos en 2002 Galicia concentrou o 46,44% das exportacións españolas de peixe, crustáceos e moluscos de 2002. Segundo datos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, as vendas galegas neste sector ascenderon a total de 752 millóns de euros, o que supón un incremento de 4,69% con respecto a 2001. A comunidade galega ingresa 752 millóns por exportacións, 1235 millóns por importacións e presenta un déficit no saldo comercial de 483 millóns. Innovación sinala que é a deslocalización das empresas galegas o que explica o déficit da balanza comercial sectorial. (Fonte: El Correo Gallego). As conserveiras investiron un total de 200 millóns en América Latina Esta tendencia vai continuar debido ás esixencias da competencia internacional, que obriga a buscar materias primas de calidade e producir a un custo máis baixo, segundo explicou o secretario de Anfaco, Juan Manuel Vieites, que fixo de anfitrión de César Debén. O representante da Comisión Europea amosouse optimista acerca do futuro do sector conserveiro no mercado internacional, coa reforma das políticas comerciais que estudiará en setembro a Organización Mundial do Comercio. (Fonte: La Voz de Galicia).
Doce universitarios do estranxeiro afondan na literatura galega Unha ducia de estudiantes universitarios procedentes de fóra de Galicia participan en proxectos de investigación sobre o galego no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades gracias ás bolsas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Con esta iniciativa preténdese manter nas principais universidades do mundo a presencia da lingua, a literatura e a cultura galegas como materias de ensino e investigación. Os estudiantes deste ano foron tres alumnos latinoamericanos, tres italianos, dous franceses, un inglés, un norteamericano e dous de centros universitarias españois. Pesca Muxía acollerá o centro de repoboamento mariño do Aquareg A construcción do novo centro de repoboamento foi un dos temas abordados polo conselleiro de Pesca no recente encontro que mantivo en Noruega con destacadas autoridades internacionais en materia de pesca. O obxectivo principal do programa Aquareg é o establecemento de estratexias e o favorecemento do desenvolvemento sustentable das comunidades costeiras de Galicia, Trondelag (Noruega) e BMW (Irlanda). (Fonte: El Correo Gallego).
Fenosa demanda melloras na rede eléctrica da República Dominicana A entrada de Fenosa no mercado dominicano fíxose asumindo unha serie de requisitos que están resultando imposibles de cumprir debido ás graves carencias do sistema de transporte eléctrico no país. Por esta razón, Fenosa demándalle á República Dominicana que realice as obras precisas na súa rede de distribución e co obxectivo de poder leva-la súa producción a tódolos seus clientes. A eléctrica recoñece que está recibindo grandes presións e mesmo ameazas por parte do Executivo deste país, no que a compañía conta con dúas filiais, Edenorte e Edesur. A última medida dos responsables públicos do sector foi denunciar perante o Banco Interamericano de Desarrollo (BID) a situación de quebra das dúas empresas subsidiarias do grupo galego. (Fonte: El Correo Gallego). Política As mocidades do PP europeo organizarán en Santiago un encontro sobre seguridade marítima internacional O vicepresidente da European Democrat Students (EDS), Pedro Mouriño, anunciou a celebración dun congreso en Santiago sobre seguridade marítima que terá lugar o vindeiro ano, e no que participarán líderes de centrodereita da UE e expertos na materia. A EDS, agrupación universitaria do PPE, foi creada hai 40 anos e integra formacións políticas de mozos de centrodereita de 40 países. (Fonte: El Correo Gallego).
Adega denunciará en Europa a nova piscifactoría de Pescanova A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) presentou perante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos unha serie de alegacións ó proxecto de instalación dunha macropiscifactoría en Cabo Touriñán, zona proposta pola Xunta para formar parte da Rede Natura 2000, xa que se trata dun lugar de importancia comunitaria, figura de máxima protección pola lexislación europea. Adega advertiu que se a obra segue adiante presentará unha denuncia na Comisión Europea. (Fonte: El Correo Gallego). Asociacións de mozos de Galicia e Bulgaria inician en Compostela un programa de intercambios O programa de intercambios “A visión europea dende a óptica xuvenil” iniciou en Compostela as xornadas de convivencia que porán en contacto mozos de Bulgaria e Galicia. As asociacións “Muxema” de Vedra e a búlgara “Euridica” son as coordenadoras das xornadas de intercambio, que terán a súa continuidade en Bulgaria. (Fonte: Santiago, AGN). PharmaMar apela a decisión da Axencia Europea do Medicamento A compañía galega presentou unha apelación perante o Comité de Especialidades Farmacéuticas da Axencia Europea do Medicamento (Emea) contra a opinión negativa emitida o pasado 24 de xullo de denega-la autorización para comercializa-lo anticanceríxeno Yondelis. No caso de que a Emea repita en decembro a súa negativa, a única posibilidade para a compañía sería presentar un recurso ó Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas. (Fonte: Santiago, AGN). Portugal Veterinarios galegos e portugueses disertan sobre a carne de vacún Os vindeiros días 25 e 26 de outubro o Recinto da Feira Internacional de Silleda acollerá a VIII Edición dos Encontros de Veterinarios de Galicia e Portugal 2003, que este ano centra a súa atención por vez primeira na carne de vacún.Na organización participa a Identificación Xeográfica Protexida Tenreira Galega. (Fonte: El Correo Gallego).
Unha delegación da mocidade húngara visita Ourense para coñecer iniciativas medioambientais Un grupo de 15 mozos húngaros da organización ecolóxica GAU Green Club visitará o Centro Iris de Medio Ambiente para coñece-las actividades do colectivo “Amigos da Terra” no marco das iniciativas ambientais do programa “A xuventude con Europa” da UE. Trátase dun intercambio de experiencias e metodoloxías de traballo nas áreas fundamentais de interese para ambos grupos: a Educación Ambiental e a Protección do Ambiente. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración A Consellería de Emigración adicará 66 mil euros nun convenio para a mellora da integración dos inmigrantes A Consellería de Emigración, a Asociación Voluntarias da Caridade-San Vicente Paúl, Cáritas Diocesana de Lugo e Vigo Tui, asinaron un convenio para tratar de garanti-la non discriminación dos inmigrantes no acceso ó mercado laboral, informar e orientar ós inmigrantes sobre os seus dereitos e deberes e sobre os servicios sociais e recursos ós que teñen acceso. O investimento da Consellería neste programa é de 66050 euros. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Zeltia decidirá en breve si apela á Axencia Europea do Medicamento polo caso Yondelis PharmaMar, a filial galega de Zeltia, ten un prazo de 15 días para apea-lo veredicto negativo da Emea sobre a comercialización do anticanceríxeno Yondelis. O rexeitamento de Yondelis supuxo un revés para os proxectos de investigación tecnolóxica da compañía, que veu derrubarse a súa cotización en bolsa ata tal punto que se pensa que Zeltia podería quedar sen tesourería en 2004 se non busca novas fontes de financiamento. Unha delas podería se-la alianza co xigante farmacéutico norteamericano Johnson&Johnson. O rexeitamento por parte da Emea do Yondelis podería atrasa-la súa venta en EEUU, un mercado onde Zeltia esperaba obte-lo 70% das vendas mundiais do anticanceríxeno. (Fonte: Santiago, AGN).
Os socialistas pídenlle á Xunta que informe e asesore ós inmigrantes A voceira de Emigración do PSdeG no Parlamento, Marisol Soneira, vén de presentar unha proposición non de lei na que demanda á Xunta que “informe e asesore ós inmigrantes da situación real do país” en materias como o emprego ou a lexislación vixente sobre a nacionalidade. Soneira estima que o 80% dos inmigrantes en situación irregular en Galicia “son descendentes de galegos que se atopan nunha difícil situación de ilegalidade por problemas burocráticos”. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior-Pesca López Veiga viaxa a Noruega para ultima-lo programa Aquareg de repoboación de especies pesqueiras O programa desta visita, que se estenderá ata o 14 de agosto, inclúe a asistencia do conselleiro de Pesca á feira máis importante do mundo en materia de acuicultura, Aquareg, que permitirá a cooperación entre Galicia e outras dúas rexións de Noruega e Irlanda. Veiga, o ministro de Pesca irlandés e os presidentes das rexións norueguesas asinarán un protocolo de cooperación para pór en marcha este proxecto comunitario. Veiga ten previsto reunirse tamén co ministro de Pesca de Noruega e o subsecretario de Pesca de Chile. (Fonte: Santiago, AGN).
O BNG pide a comparecencia de Jesús Gamallo no Parlamento para coñece-las consecuencias en Galicia da Constitución da UE O BNG pediu a comparecencia do secretario xeral para as Relacións coa UE e Cooperación Exterior para que explique as consecuencias “nas relacións entre Galicia e a UE” que terá o proxecto do tratado constitucional para a Unión Europea. Os nacionalistas galegos aproveitarán a presencia de Gamallo na Comisión non Permanente de Asuntos Europeos para coñece-la valoración da Xunta sobre o informe Sapir, que propón “revoluciona-lo orzamento comunitario” e fai propostas para cambiar “radicalmente” os recursos asignados á agricultura, que pasarían do 40% do orzamento actual a un 5%. (Fonte: Santiago, AGN).
A Rexión Norte de Portugal pídelle ó seu Goberno que acepte a axuda galega En canto á posibilidade de que medios anti-incendios da Xunta participen en tarefas de extinción no norte de Portugal, a presidenta da Rexión Norte xa elevou o ofrecemento ó Ministerio de Cidades, Ordenación do Territorio e Ambiente, a fin de que este organismo dirima A necesidade de incorpora-la cooperación galega ó seu dispositivo de loita contra o lume. Azevedo agradeceulle por carta ó conselleiro de Medio Ambiente a “solidariedade institucional” amosada co ofrecemento de axuda. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Técnicos da UE visitan Lugo para comproba-la marcha do proxecto de mellora dun bosque e un lago en Parga O grupo, pertencente ó Equipo Técnico da Comisión Europea en España, comprobará a marcha dos traballos de mellora dun bosque inundable e un lago distrófrico nas localidades de Parga, Ladra e Támega. Trátase dun proxecto incluído no Programa Life-Natureza 2000 que está levando a cabo Inludes nesta zona. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración A Consellería de Emigración investirá máis de 92 mil euros en convenios con asociacións de axuda ós inmigrantes na Coruña Emigración colaborará con diversas entidades de axuda ós inmigrantes da Coruña cara logra-la súa integración sociolaboral, para o que ven de asinar varios convenios de colaboración coa Asociación Coruña Solidaria e as entidades Antonio Noch, Renacer e Ecos do Sur. Os novos convenios teñen por finalidade desenvolve-lo Programa de Atención a Inmigrantes e o Programa Europeo Equal. (Fonte: Santiago, AGN). Economía O comisionado do Goberno para Iraq asegura que os empresarios galegos poderán traballar a medio prazo neste país Fernando Díez Moreno pensa que os empresarios galegos poderán “traballar a medio prazo en Iraq”, para o que recomenda fórmulas de asociación coas empresas iraquís. En declaracións á Radio Galega, Díez indicou que a creación dun fondo para a reconstrucción de Iraq permitirá que sexan as propias autoridades iraquís as que financien os contratos de reconstrucción a medio e longo prazo. (Fonte: Santiago, AGN). Solidariedade O arcebispo de Basora visita Galicia O arcebispo Caldeo de Basora, Gabriel Kassab, visita Galicia no transcurso dunha viaxe por toda Europa para informar e concienciar sobre a “difícil situación” que vive o pobo iraquí. O arcebispo pretende recabar en España axuda humanitaria para a reconstrucción e o mantemento das obras sociais na súa diócese. Monseñor Kassab chega a Santiago convidado por Mensajeros de la Paz, ONG que está traballando no país, e manterá senllos encontros co arcepispo de Santiago e a ministra de Sanidade. (Fonte: Santiago, AGN).
Interese de Galicia por axudar a Portugal O conselleiro de Medio Ambiente, José Manuel Barreiro, púxose en contacto coa presidenta da Rexión Norte de Portugal, Cristina Azevedo, para ofrecerlle a colaboración que precise en materia de extinción de incendios forestais. En Portugal, o Goberno declarou o “estado de desastre” polo número e dimensións dos incendios que devastan dende hai unha semana grandes áreas do centro e o norte do país. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Galicia, “unha das comunidades máis carismáticas dentro da España actual”, segundo a Revista Hispanoamericana A historia, a paisaxe, a arte e a gastronomía galega centran un dos últimos números da publicación colombiana Revista Hispanoamericana, que edita mensualmente a Fundación Hispanoamericana de Cali. A revista, que define Galicia como “carismática”, ábrese cun saúdo especial do presidente da Xunta, Manuel Fraga, que expresa o seu desexo de que este número sirva para que os habitantes de Cali e a nación colombiana en xeral coñezan un pouco máis polo miúdo as terras galegas á vez que destaca o “especial cariño” co que os colombianos recibiron sempre ós galegos. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración O padrón medra gracias á chegada de nove mil inmigrantes O padrón, a 1º de xaneiro de 2002, medra en algo máis de 4000 entradas, cando realmente a Galicia chegaron o pasado ano 9404 estranxeiros. Isto significa que falecen máis cidadáns que inmigrantes chegan a Galicia. Aínda así, na comparación co padrón 2001, son os estranxeiros os que permiten un saldo positivo e non negativo. Noutra orde de cousas, CCOO presentoulles ó PPdeG, BNG e PSdeG unha proposta de moción municipal para que os concellos non faciliten datos dos inmigrantes empadroados á Policía por tratarse dunha medida “anticonstitucional”. (Fonte: El Correo Gallego). Chegan a Vilagarcía seis polisóns africanos Un total de seis polisóns procedentes do Congo e Sierra Leona chegaron ó porto de Cambo a bordo do madeireiro “Evangelos”, buque panameño que ten previsto descargar 2000 toneladas de madeira en Vilagarcía. A Cruz Vermella encárgase de facerlles un recoñecemento médico ós polisóns, que aínda non fixeron pública a súa intención de solicitar asilo político en España. (Fonte: Santiago, AGN).
As catro vías de separación de tráfico marítimo de Fisterra son as máis afastadas da costa de todo o mundo A aprobación en xullo do proxecto do novo control de tráfico de Fisterra por parte da Organización Marítima Internacional (OMI), que permitirá incrementa-la seguridade da navegación no noroeste peninsular, supón o dispositivo máis afastado da costa dos existentes no mundo. O novo dispositivo de Fisterra configurase en catro vías de circulación separadas por zonas de 4 millas de anchura. (Fonte: Santiago, AGN). Príncipe pide explicacións sobre a pesca en Portugal O senador do PSOE Carlos Príncipe ven de solicita-la comparecencia do ministro de Agricultura e Pesca no Senado para que explique as xestións do Goberno perante a inmediata apertura das augas portuguesas ás flotas comunitarias, entre elas a española, que afecta moi directamente á flota de baixura da provincia de Pontevedra. O senador teme que se tomen medidas contra a flota pontevedresa e a de Huelva que faenan nestas augas. (Fonte: Faro de Vigo). A revista económica “Capital” sitúa Galicia como líder na producción mundial de mexillón e rodaballo Unha reportaxe publicada este mes por Capital sobre os records económicos de España sitúa Galicia no posto nº1 como productor de mexillóns e rodaballo.A producción de mexillón supón o 95% da que se produce en España, namentres que a producida no resto de Europa nun ano é so a metade da obtida en Galicia. Este record permite a Galicia ingresar 108 millóns de euros ó ano. A empresa galega Pescanova rexistra o record de ser a maior propietaria dunha flota pesqueira privada, ademais de se-la segunda productora mundial de rodaballo. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Sanidade intensifica as súas relacións con Arxentina O interventor do Instituto Nacional de Servicios Sociais para Xubilados e Pensionados da República Arxentina, Juan Horacio González Gaviola, e o conselleiro de Sanidade e presidente da Fundación Galicia-Saúde, José María Hernández Cochón, asinaron un convenio de colaboración sobre cooperación e atención social e sanitaria de xubilados e pensionistas na Arxentina. (Fonte: El Correo Gallego).
Retiran a bandeira azul das praias de Riazor e Orzán por continuar chegando chapapote Os responsables da bandeira azul comunicaron ó Concello da Coruña a decisión de retirar este distintivo perante a continua chegada de chapapote a estes areais. Segundo a AEAC (Asociación Española de Agricultura de Conservación), encargada pola UE do reparto da bandeira, varios inspectores realizaron diversas probas nestas praias e existen “fotografías que recollen a entrada de fuel na cidade, bolas, galletas e, por último, milleiros de bañistas manchados cada día”, polo que a decisión está “máis que xustificada”. (Fonte: A Coruña, AGN). Cooperación Exterior A Secretaría Xeral para as Relacións coa UE e Cooperación Exterior dedicará 180 mil euros a axuda humanitaria urxente para catástrofes O Diario Oficial de Galicia publica unha orde de axudas auspiciadas pola Secretaría destinadas a palia-las consecuencias humanitarias de situacións excepcionais en países cun baixo nival de desenvolvemento. O importe total das axudas será de 180 euros, previstos para casos como crises sanitarias, grandes fames, fenómenos naturais, conflagracións bélicas, inestabilidades políticas graves ou calquera outra circunstancia análoga. (Fonte: Santiago, AGN).
Iniciativa do PSdeG para a cooperación exterior O grupo parlamentario do PSdeG presentou unha iniciativa na Cámara autonómica que reclama a creación dunha rede galega de cooperación exterior. Os socialistas propoñen que esta rede ofreza asesoramento xurídico e económico ós empresarios galegos na diáspora. A iniciativa ten coma fin fomenta-la conexión entre os empresarios galegos da emigración. (Fonte: El Correo Gallego). Noventa mozos da emigración descobren en Galicia as súas orixes Os mozos, residentes no exterior, chegaron a Santiago para participar no terceiro quenda dos campamentos de verán que, como todos anos, organiza a Xunta a través da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Nesta quenda participan mozos procedentes de Arxentina, Uruguai, Venezuela, Estados Unidos e dalgunhas comunidades autónomas españolas. (Fonte: El Correo Gallego).
Holmquist, sorprendido pola limpeza das costas galegas O director de Pesca da UE concluíu a súa visita a Galicia cunha rolda de prensa na que destacou “a eficiencia e celeridade” dos traballos efectuados para retira-lo fuel da costa. Holmquist lembrou que “quedan fondos estructurais españois que se poden utilizar para paliar calquera efecto derivado da marea negra producida folo afundimento do petroleiro” e subliñou que “nunca a UE actuou tan rápido, só 24 horas, con dilixencia excepcional” na concesión das axudas. Holmquist recoñece que a pesca “é moi importante en Galicia”, pero matiza que “non teño moi claro que vantaxes pode ter para Galicia a declaración de rexión altamente dependente da pesca”. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia, unha das áreas punteiras do mundo en enerxía eólica instalada O sector das enerxías renovables constitúe xa o 8% do PIB galego, e marcase como obxectivo para 2010, constituí-lo 80% do consumo eléctrico da comunidade. Destaca nesta política enerxética o enorme pulo tomado polo sector eólico, que coloca a Galicia como a primeira rexión española e unha das punteiras do mundo en potencia proporcional instalada, só superada por países como Alemaña, EEUU, Dinamarca e a India, e que se pretende que chegue ós 4000 megavatios en 2010. Ademais, as empresas galegas exportan tecnoloxía relacionada a Xapón e Dinamarca. (Fonte: El Correo Gallego). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 2003: xullo | xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre | |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/09/2003 |