Diario Exterior / xullo de 2003

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
31/07/2003
Cultura
Máis de cen alumnos asistiron ós cursos de galego para estranxeiros
O Paraninfo da Universidade de Compostela foi escenario do acto de clausura dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros, organizados pola USC, a Real Academia Galega e a Consellería de Educación. Nesta ocasión, ós cursos asistiron preto de 120 asistentes procedentes de Alemaña, Alxeria, Arxentina, Brasil, Cuba, Eslovenia, Italia e Rusia, entre outros países.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
Emigrantes en Holanda se solidarizan co voluntario Biskantas
As mostras de solidariedade co lituano Antanas Biskantas, que loita contra un cancro en Muxía despois de traballar como voluntario durante seis meses recollendo chapapote, non se fixeron esperar. Dous emigrantes muxiáns entregáronlle un cheque por valor de 3447 euros, recadados nunha festa organizada polo Comité de Galegos do Norte de Holanda en Amsterdam.
(Fonte:
El Correo Gallego).
30/07/2003
Pesca
O director de Pesca da UE reúnese co sector galego
O director xeral de Pesca da UE, Jorgen Holmquist, iniciou unha visita a Galicia para coñece-las infraestructuras de producción e a dimensión do sector pesqueiro galego. Ademais de visita-los centros punteiros e reunirse con representantes de tódolos subsectores en Santiago, Holmquist visitará ós portos de Muxía e Fisterra, dous dos máis afectados pola catástrofe do Prestige, para coñecer de preto a súa situación.
(Fonte:
El Correo Gallego).
29/07/2003
Unión Europea
Retirada “por sentido común” a bandeira azul da praia das Catedrais
O alcalde de Ribadeo (Lugo), o socialista Balbino Pérez Vacas, xustificou a decisión adoptada polo municipio de retira-la bandeira azul comunitaria das Catedrais ó considerar que foi unha decisión na que “unicamente se aplicou o sentido común coa entrada de cantidades preocupantes de chapapote e, xa que logo, o mal estado que presentaba este areal”. Esta distinción da UE tamén se lle concedeu á praia ribadense dos Castros, na que aínda non se retirou por non manifestarse a presencia de fuel.
(Fonte:
Galicia Hoxe).

Pesca
Fraga destaca as vantaxes de Galicia en cooperación pesqueira
O presidente da Xunta afirma que Galicia ostenta unha “vantaxe comparativa para implicarse na cooperación pesqueira internacional, sobre todo con países de América Latina e de África”, gracias á súa industria, ós seus centros de formación e investigación, á súa base sociopolítica e ó seu idioma. Fraga fixo estas declaracións con motivo da sinatura dun convenio entre a Xunta e Asociación Mundial da Pesca para a organización dunha Conferencia de Ministros en Vigo que servirá de conexión entre os diversos países e que terá lugar o vindeiro mes de setembro.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Turismo
Iberia vai promove-lo Xacobeo
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, asinou un acordo co presidente de Iberia, Fernando Conte García, polo que a compañía aérea destinará un total de 601.102 euros en actuacións encamiñadas á difusión do Ano Xubilar e outros 180.304 a sufraga-los billetes de viaxeiros e custos de transporte de mercadorías. As aeronaves da compañía lucirán o logotipo do Xacobeo 2004.
(Fonte:
Galicia Hoxe).

Economía
Filipinas merca barcos galegos
O estaleiro galego Rodman Polyships embarcou no Egelantiersgracht cinco patrulleiras encargadas polo Goberno filipino. Esta é a primeira entrega dun contrato de 36 millóns de dólares realizado pola Administración filipina polo que Rodman construirá un total de 24 patrulleiras destinadas á protección dos recursos mariños.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Lugo segue a mercar moito máis do que vende
Á vista dos resultados, os programas para potencia-lo comercio exterior, como o Plan de Iniciación á Promoción Exterior ou o Plan de Fomento das Exportacións Galegas non deron os resultados que cumpriría esperar. A balanza comercial lucense segue sendo negativa e cada vez máis descompensada. A reducción das transaccións comercias afectaron o pasado ano tanto ás exportacións (preto dun 40%) como ás importacións (27%), resultando nunha diminución nas vendas que, aínda que xeralizada en Galicia, resultou drástica en Lugo.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
Novo programa intercultural entre Galicia e Latinoamérica
A Consellería de Emigración e a USC asinaron un convenio polo que cooperarán para desenvolver actividades formativas que promovan o coñecemento cultural entre Galicia e Latinoamérica. O convenio contempla a realización de conferencias, mesas redondas, e talleres con temáticas como o cinema e a inmigración, a música popular e a conformación de identidades, a literatura como imaxinario cultural e a memoria de Galicia na Emigración.
(Fonte:
El Correo Gallego).
28/07/2003
Emigración
Inxección de medio millón de euros para a saúde dos emigrantes
A Consellería de Emigración ofrecerá unha partida total de 541 mil euros para as entidades que realicen proxectos cos que pretendan prestar servicios sociosanitarios e de protección da infancia para emigrantes galegos e os seus descendentes. A metade desta partida será aportada pola Deputación da Coruña e, segundo a orde publicada no DOG o pasado 21 de xullo, poderán beneficiarse dela os centros galegos no exterior ou outras institucións que presten os mesmos servicios.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Tempo Exterior” analiza os cambios políticos e sociais que rexistra América Latina
A revista de análise e estudios internacionais que edita o Igadi dedica o seu último número a afondar no cambio político, económico e social que se está a producir en varios países de América latina. Brasil, Venezuela, Ecuador, e Arxentina son obxecto de estudios pormenorizados por parte de especialistas autóctonos, casos particulares que veñen acompañados doutras perspectivas que completan a sección. Os temas de actualidade céntranse na guerra contra Iraq e na entrada de Polonia na UE. O número inclúe unha declaración oficial do Igadi a propósito do falecemento de Lois Tobío, quen fora membro do seu Consello Asesor.
(Fonte:
Galicia Hoxe).
26/07/2003
Unión Europea-Política
O Goberno central rexeita incluí-las linguas cooficiais no pasaporte porque o español é a única lingua de España na UE
O Goberno central rexeitou a reivindicación dos partidos nacionalistas para que o galego, o euskera e o catalán se incorporen ó pasaporte español aproveitando a modificación co obxectivo de substituí-lo termo Comunidade Europea polo de Unión Europea. Os nacionalistas afirmaban que Bélxica aproveitou o cambio para introduci-la “totalidade das linguas” que se falan neste país: holandés, francés e alemán, pero o Ministerio de Interior advirte que esta demanda “iría en contra das resolucións europeas dictadas para regulamentar este documento”.
(Fonte:
Galicia Hoxe).

Turismo
A Feira Internacional de Galicia céntrase no turismo
As propostas máis destacadas para o segundo semestre do ano no recinto FIG (Feira Internacional de Galicia) céntranse no sector turístico, a decoración, o interiorismo e a edificación, con dous pavillóns nos que participan profesionais de España e Portugal. A FIG está ó servicio do tecido productivo galego e constitúe un instrumento clave para o crecemento da comunidade xa que se trata do centro de negocios máis importantes da Eurorrexión.
25/07/2003
Economía
Duro golpe para Zeltia co veto á venda de Yondelis
A Axencia Europea do Medicamento denegou a comercialización do Yondelis, o producto estrela da empresa galega Pharmamar, filial de Zeltia, para combate-los sarcomas cancerosos. A pesar deste rexeitamento, o Yondelis conta co apoio da Organización Europea para a Investigación e o Tratamento do Cancro e do grupo Sarcomas, organización que agrupa ós maiores expertos europeos nesta materia. A empresa xa anunciou que recorrería a decisión caso de ser negativa.
(Fonte:
Galicia Hoxe).

Emigración
Aprobación de convenio de axuda ós inmigrantes
Os inmigrantes, tanto estranxeiros como nacionais, e emigrantes retornados recen chegados a Galicia e non teñan recursos poderán beneficiarse dun programa conxunto que desenvolverán a Consellería de Emigración e a Fundación Cume para facilita-la súa integración. Así mesmo, Emigración apoiará o programa Equal que desenvolve a asociación Coruña Solidaria.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Quince mil galegos empresarios, fóra da súa terra
O presidente da Federación Galega de Empresarios no Exterior (Fegaex), Enrique Santín, estima nuns 15 mil os empresarios galegos que traballan no exterior (estranxeiro e resto de España). Santín explica que a maior parte dos galegos no exterior dedicanse á hostalería “porque a nosa emigración non era cualificada, o que nos obrigou a ascender no status dos países de destino co esforzo, sacrificio, orde e honestidade”. Santín asinou un convenio de colaboración cos Confederación de Empresarios de Galicia, en virtude da cal presidirá a comisión de Relacións Internacionais da patronal.
(Fonte:
Galicia Hoxe).
24/07/2003
Política
Un tercio dos soldados que viaxarán a Iraq son galegos
A Brigada Plus Ultra conta cun total de 1.262 efectivos que se desprazarán a Iraq. O 29% dos seus integrantes son galegos, o 4% asturianos, o 7% casteloleonenses e o resto distribúese entre as restantes comunidades autónomas. Os expertos militares que interveñen nos cursos de verán da Fundación Alfredo Brañas amosaron a súa preocupación pola misión encomendada en Iraq ó Exército español.
(Fonte:
El Correo Gallego).
23/07/2003
Unión Europea
Encontro de Manuel Fraga e Willem de Ruiter, director da Axencia Europea de Seguridade Marítima
O presidente da Xunta pensa que o asentamento da Axencia en Vigo “é un asunto moi complexo” xa que España conta xa con dúas axencias europeas e “hai unha gran demanda de todas elas” noutros países e en España. Respecto á conversa que tiña pensado manter co responsable da Axencia, Fraga dixo que “o señor Ruiter vainos escoitar sobre este tema e sobre outros moi importantes”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Emigración asina catro convenios
O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, asinou en Ourense catro convenios; dous con Cáritas Diocesana, un co Concello e outro coa Deputación, para a asistencia a colectivos de emigrantes, refuxiados, solicitantes de asilo e desprazados. Así mesmo, asinou un convenio para a creación dun proxecto de desenvolvemento rural comunitario para pór a disposición destas persoas un predio cultivable como medio de vida.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal-Economía
“En Lisboa están emprazadas máis de mil empresas galegas”, afirma o presidente da Aegap
José Aser Castillo é o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Portugal (Aegap), que aglutina a máis de 150 empresarios galegos residentes na capital portuguesa. En declaracións a El Correo Gallego, Castillo, afirma que a crise tamén afecta ós empresarios galegos, pero “a diferencia das empresas portuguesas, as nosas son productivas, estamos asociados e adaptados ós tempos”. Con respecto á Aegap, Castillo afirma que o que lle falla é “máis cooperación entre os propios empresarios galegos”, ós que considera “demasiado individualistas”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
22/07/2003
Pesca
Veiga agarda que se resolva o acceso ós caladoiros
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, confía en que a Presidencia de quenda da UE resolva o acceso da flota española ás augas occidentais comunitarias. Veiga augurou que, si pese ó arbitrio italiano, os Quince deciden mante-las restriccións en setembro “iremos ó Tribunal de Luxemburgo”. Con respecto ás relacións con Portugal, en canto á plena integración na PCP mediante a cal os barcos españois poden faenar entre as 12 e 2000 millas comunitarias, reiterou que a “flota galega non quere invadi-las augas portuguesas, polo que non han ter ningún medo”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
19/07/2003
Unión Europea
A converxencia coa UE podería tardar quince ou vinte anos
O director do equipo que realizou o informe “A economía galega. Informe 2002”, Alberto Meixide, conclúe que “é razoable pensar que para acada-lo termo medio da UE falemos de quince ou vinte anos”, e que a ampliación da UE abre un período de novas incertezas para Galicia xa que “o marco vai cambiar”. Meixide sinala que “non hai indicios claros” de que a agardada recuperación vaia iniciarse, xa que continuamos inmersos nun contexto de incerteza xeopolítica”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
18/07/2003
Acción Exterior
Kubat reúnese con Fraga
O presidente da rexión polaca de Opole, Grzegorz Kubat, mantivo un encontro co presidente da Xunta no que se acordou a sinatura dun protocolo de colaboración que substituirá ó subscrito en 1999 entre ambas administracións. A relación con Opole incrementarase no futuro, anunciou Fraga, aproveitando a entrada de Polonia no conxunto da Unión Europea. Na reunión, valorouse tamén a posibilidade de compartir unha sede que o goberno de Kubat abrirá en Varsovia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
Novo estudio sobre a Ampliación da Fundación Galicia-Europa
O estudio, coordenado polo economista da Universidade da Coruña Andrés Faíña, aborda os efectos da ampliación comunitaria na comunidade galega. O secretario xeral de Relacións coa UE, Jesús Gamallo, recoñece que a nova situación “pode plantexar dificultades” no obxectivo da cohesión económica e social, pero tamén abre “un novo mercado e a posibilidade de posicionamento das empresas galegas”. Gamallo asegurou que, como reflicte o estudio, os fondos de cohesión non están en perigo para Galicia, como tampouco a consideración de Rexión Obxectivo 1.
(Fonte:
El Correo Gallego).

A economía galega medra máis que a da zona euro
Segundo os datos do anuario “A economía galega. Informe 2002”, a taxa de crecemento galega, 1,9%, retrocede con respecto á do 2001 (2,7%). A pesar diso o crecemento é superior ó da UE (1%) e ó da zona euro (0,9%). O menor crecemento económico ven acompañado ademais dun aumento da taxa de desemprego, e o debilitamento da actividade económica non trouxo consigo unha ralentización do crecemento dos prezos. En opinión de Alberto Meixide, director do Centro de Investigación Económica e Financeira encargado da realización do informe “levamos mais dun ano atrasando a recuperación”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
17/07/2003
Emigración
A emigración en Galicia é unha das máis baixas de todo o Estado
O estudio “Índice laboral Manpower: mobilidade xeográfica” sinala que na comunidade galega, as emigracións ou saídas descenderon un 86% durante os últimos 14 anos, pasando das 4.569 persoas que marcharon en 1987 ás 636 que o fixeron en 2001, namentres as migracións dos españois no seu conxunto descenderon un 43% no mesmo período. Un dos apartados do informe centrase na situación laboral dos emigrantes galegos sinalando que o 29% estaban ocupados cando se trasladaron e o 20% se atopaba no paro, unha das cifras de desemprego entre emigrantes máis altas de España.
(Fonte:
El Correo Gallego).
16/07/2003
Emigración
Emigrantes retornados, a solución á crise demográfica galega
A profesora de Historia Económica da USC María José Rodríguez Galdo, explicou no Parlamento galego que Galicia presenta “un problema realmente urxente e grave en canto á dotación de capital humano”. Por iso, avogou polo retorno dos emigrantes como fórmula para satisface-las necesidades de man de obra na comunidade tendo en conta que se trata de persoas que dispoñen dun “nivel de instrucción normalmente máis alto” que os galegos residentes aquí. A profesora expuxo os datos da UE nos que se sinala a media comunitaria de persoas con baixa instrucción: UE (34%), España (57, 6%) e Galicia (63,4%).
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
O PSdeG láiase dos escasos recursos concedidos pola UE
O presidente do grupo parlamentario dos socialistas, Ismael Rego, dixo que os escasos recursos concedidos pola UE para supera-la catástrofe do “Prestige” son “consecuencia directa da incapacidade e falla de vontade política dos gobernos central e galego”. Para os socialistas, a “estratexia do Executivo de negar e minimiza-la catástrofe” explica a falla da implicación europea.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
Irmamamento cos galos de Landeda
O Concello de Carnota iniciou os trámites para irmanarse coa localidade de Landeda, pertencente á Bretaña francesa, segundo confirmou o seu rexedor, Xosé Manuel García, tras recibi-la visita dunha comitiva dos municipios das Pontes e Lannesvend (Francia), irmandados dende 1991. García amosouse partidario de seguir este exemplo, dado que “somos dúas zonas atlánticas con raíces comúns e que, por desgracia, tamén vivimos mareas negras, eles a do Erika e nós a do Prestige”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
15/07/2003
Economía
Bello Janeiro destaca a importancia de Galicia como investidora na Arxentina
O director da EGAP destacou a importancia do mecanismo de arbitraxe que desenvolve no Ciadi (Centro de Diferencias Relativas ós Investimentos) entre as empresas estranxeiras e os Estados receptores de investimentos e o papel que ostenta Arxentina para Galicia “como unha aposta chave das nosas empresas” e para os investimentos tanto galegos como españois. Actualmente Arxentina é o país que máis investimento galego recibe, o 31% do total do financiamento que sae de Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).
13/07/2003
Unión Europea-Política
O PSdeG quere que Galicia teña voz propia na UE
O secretario de organización do PSdeG, Antón Louro, presentou un conxunto de iniciativas para que os intereses de Galicia estean representados nas dúas cuestións chave que centran o debate sobre o futuro da Unión: a Constitución e maila ampliación. Estas iniciativas que os socialistas presentarán nos distintos foros comunitarios (Comité das Rexións, ARE e CIG), así como nos parlamentos central e autonómicos, perseguen que Galicia teña unha “posición propia” no seo da UE e son unha “chamada de atención” a Fraga que, para Louro, “non está en activo neste debate” e mantén unha liña “seguidista”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Fraga reitera que sempre avogou por unha maior presencia das rexións en Europa
O presidente da Xunta asegurou que defende unha política rexionalista para “dende o espírito da tradición de Brañas” ir aumentando competencias. Por iso, sinalou que o Comité das Rexións “aspiraba a algo máis”, e que os esforzos para pedir máis participación “só se lograron en parte”. Fraga resalta que a UE é unha unión de Estados e que son eles os que din a última palabra”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
A rexión de Opole, en Galicia
Unha delegación da rexión polaca de Opole viaxará a Galicia coa fin de intercambiar experiencias e comproba-lo desenvolvemento das iniciativas postas en marcha pola Xunta, especialmente no que toca á Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), e a promoción turística e apoio ás empresas e iniciativas económicas a cargo do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Os gobernos de Opole e Galicia colaborarán en ámbitos como as políticas estructurais, a cooperación transfronteiriza, o proceso de autogoberno e o fomento económico.
(Fonte:
El Correo Gallego).
12/07/2003
Economía
A factoría do grupo PSA Peugeot Citroën en Vigo, a segunda con maior producción en Europa en 2002
A factoría de Vigo (496134 unidades) so foi superada pola fábrica de Volkswagen en Wolfsburg (Alemaña) , con 571034 vehículos, segundo datos da consultora World Markets Research Centre.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Portugal-Economía
Milleiros de visitantes acoden a diario a ExpoMinho
Galicia presenta en ExpoMinho, feira temática de Valença dedicada a amosa-la dinámica transfronteiriza, diversos pavillóns centrados na gastronomía, o turismo e a cultura. Dos 120 expositores presentes este ano, o 60% son portugueses e o 40% galegos. A presente edición está a superar, segundo os organizadores, as expectativas previstas, cifradas en torno ós 30 mil visitantes.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Solidariedade
Revisión médica para os nenos saharauís en Santiago
O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago realizará este verán as revisións de saúde dos nenos saharauís que estean na área de Santiago dentro do programa “Vacacións en Paz”. O conselleiro de Sanidade e a presidenta da Asociación Galega de Axuda ó Sahara asinaron un convenio para que os nenos podan dispor de cobertura sanitaria nos centros dependentes do Sergas.
(Fonte:
El Correo Gallego).
11/07/2003
Unión Europea
A Comisión Europea destaca o traballo de Deloa no programa Equal
Suzanne Seeland, experta da Comisión Europea en igualdade de oportunidades entre homes e mulleres destacou durante a súa visita á sede da Fundación Padeia en Escravitude (Padrón) o importante traballo que a Asociación Deloa está facendo no proxecto Equal. Para Seeland, o programa de Deloa servirá para establecer unhas directrices básicas para outros países europeos, como a antiga Alemaña do Leste, xa que non soamente busca a igualdade de oportunidades senón que tódalas iniciativas teñen visión de futuro, “sendo sostibles despois de que finalice a subvención europea”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A torta de Santiago chega ás tendas máis selectas de Nova York
Unha factoría galega, a firma Ingapan, ten un acordo comercial coa cadea de supermercados neoiorquina especializada en productos para gourmets, a Amish Fine Food, que recibe tortas de améndoa conxeladas e as distribúe nos seus establecementos. Con este paso, Ingapan da un novo salto no seu proceso de expansión, iniciado en oito países europeos e no continente americano, onde os seus productos poden atoparse en Venezuela, a República Dominicana, Guatemala, Cuba e Porto Rico.
(Fonte:
El Correo Gallego).
09/07/2003
Unión Europea-Política
A Eurocámara rexeita outra vez a comisión de investigación do “Prestige”
A conclusión número catro da Comisión de Medio Ambiente, que en principio podería ter sido incluída no informe sobre as medidas para mellora-la seguridade marítima tralo afundimento do “Prestige”, foi rexeitada polos votos dos populares e liberais. A decisión final corresponde, porén, ó Pleno do Parlamento europeo do 23 de setembro, posto que o Grupo do Partido Socialista Europeo (PSE) anunciou que presentará unha nova emenda.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal-Unión Europea
Bruxelas incrementa as axudas á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
O comisario europeo de Política Rexional, Michel Barnier, destacou a importancia da cooperación transfronteiriza para mellora-los índices de cohesión e adiantou que eurorrexións como Galicia-Norte de Portugal disporán de máis fondos. O conselleiro de Economía, Antonio Orza, avanzou que a eurorrexión está a programa-lo Interreg III e colaborando para identifica-los proxectos que se financiarán.
(Fonte:
El Correo Gallego).
08/07/2003
Unión Europea
López Veiga pídelle á UE que adopte a lexislación estadounidense
O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos instou á Comisión europea a segui-los pasos da lexislación estadounidense no obxectivo de chegar á responsabilidade ilimitada para os que provoquen danos por verquidos de hidrocarburos. López Veiga exhortou á UE a desentraña-la rede de intereses do negocio do transporte de petróleo que impide evoluciona-la lexislación.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política
O BNG pídelle á Xunta unha estratexia para a Nafo
No vindeiro cumio da Nafo fixarase o tope de capturas e a distribución de cotas entre os Estados membros en 2004, polo que o BNG demanda unha maior atención ó sector galego.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
A Xunta patrocina actividades dos arxentinos residentes en Galicia
A Dirección xeral de Apoio á Inmigración da Consellería de Emigración financiará parte das actividades da Asociación de Arxentinos no Exterior, integrada por inmigrantes desa nacionalidade asentados en Galicia. Con esta achega económica a asociación realizará, entre outras actividades, a Semana Arxentina da Cultura e a Solidariedade que terá lugar en Vigo co obxectivo de fomenta-la integración do colectivo.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Mozos emigrantes en mala situación económica virán estudiar a Galicia
A Consellería de Emigración destinará algo máis de 180 mil euros para axudar a emigrantes galegos e os seus descendentes a que realicen estudios nalgunha das facultades do Sistema Universitario de Galicia. Emigración iniciou a convocatoria de bolsas de estudios para os galegos e descendentes de galegos con residencia no estranxeiro con insuficiencia de medios económicos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Intercambio musical entre Compostela e Brasil
Un grupo de músicos de carácter internacional está a promover un espectáculo sen precedentes na historia galaico-brasileira. A iniciativa conta xa co beneplácito do goberno de Lula, pois o seu ministro de Cultura, Gilberto Gil, é un dos promotores da idea. Para pór en marcha o espectáculo resta o apoio tanto institucional como privado dalgunha entidade europea.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O Festival de Cinema de Ourense chega ós Estados Unidos gracias á súa páxina web
A páxina web do Festival de Ourense (www.ourencine.com) está adquirindo popularidade nas academias de cinema norteamericanas e é moi ben recibida dentro do ámbito da prensa especializada e dos novos creadores que amosan o seu interese pedindo información do Festival a través da web. A concellaría de Cultura de Ourense afirma que o obxectivo é converte-lo Festival nun referente con repercusión internacional.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Turismo
Dous camións con tecnoloxía punta “venderán” o Xacobeo en Europa
O Xacobeo 2004 utilizará dous camións promocionais do turismo galego que percorrerán trinta cidades de España, Francia e Portugal nos vindeiros meses. O obxectivo da iniciativa é dar a coñece-la riqueza de Galicia mediante a realidade virtual.
(Fonte:
El Correo Gallego).
07/07/2003
Economía
A balanza o comercio exterior galego roldou o equilibrio en 2001
A taxa de cobertura do comercio exterior galego atinxiu un 98,5% o que supón un 4,9% máis que a taxa acadada durante o exercicio anterior, segundo o último informe do Instituto Galego de Estatística (IGE). Deste xeito, as exportacións supuxeron un volume de negocio de 9,2 millóns de euros, un 11% máis que en 2000, namentres as importacións acadaron un valor de 9,4 millóns, un 5% máis có ano anterior. Os productos relacionados cos vehículos supoñen o 50% das vendas ó exterior e o 32% das importacións.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Setenta anos de nacionalidade galega
O 18 de setembro de 1933, recen estreada a Segunda República, Galicia acadaba por vez primeira o status de nacionalidade perante un organismo internacional. Agora, con motivo do 70 aniversario daquel recoñecemento no Congreso de Minorías Nacionais Europeas, un grupo de intelectuais vén de asinar un manifesto que lembra a importancia do fito ó tempo que reivindica a necesidade de defender unha galeguidade universalista. O manifesto, que ten nos seus primeiros asinantes a Fernández del Riego, Díaz Pardo, Xulio Ríos ou Ramón Villares, está a disposición dos internautas na web do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (www.igadi.org), promotor da iniciativa.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea-Política
O secretario de Xóvenes Agricultores considera chave a negociación dos fondos de desenvolvemento rural
Segundo Pérez Miramontes, Galicia podería saír moi incentivada na reforma da PAC de interpretarse “en termos de cohesión territorial”. Pola contra, se co desenvolvemento rural trátase de corrixir internamente os desequilibrios que xere a eliminación de axudas directas “non gañaremos nada”. Por iso, afirma Miramontes, o fundamental é “como se planee o transvase de fondos do primeiro ó segundo piar da PAC e, sobre todo, que criterios ou políticas se van a establecer en España con respecto ó desenvolvemento rural futuro”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
05/07/2003
Unión Europea
Europa olla cara ó modelo galego de xestión do patrimonio arqueolóxico
A Comisión Executiva do Europeae Archaeologicae Consilium (EAC), organización que reúne ás administracións e servicios gobernamentais de arqueoloxía e xestión do patrimonio arqueolóxico de Europa, está a celebra-la súa reunión semestral en Compostela para coñece-la organización da xestión do Patrimonio Arqueolóxico de Galicia. A Executiva do EAE reúnese en Compostela baixo o auspicio do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Galicia explicará en Bruxelas como fomenta-lo comercio electrónico
O Centro de Supercomputacións de Galicia (Cesga) e a empresa de servicios tecnolóxicos SchlumbergerSema España participarán o 17 de xullo nunha conferencia que presentará os logros do proxecto europeo e-Minder financiado polo V Programa Marco de investigación da Comisión Europea. O programa creou tres centros europeos de competencia de comercio electrónico nas rexións de Galicia (localizado en Santiago), Pomerania (Polonia) e Chipre.
(Fonte:
El Correo Gallego).
04/07/2003
Unión Europea
Orza reclama a continuidade das axudas trala ampliación da UE
O conselleiro de Economía da Xunta, José Antonio Orza, presentou as axudas como un gasto estratéxico nun foro organizado polo CdeR, xa que “cada euro de axuda comunitaria en Galicia produciu 1,27 euros en termos de demanda” e contribuíu a “manter máis de 220 mil empregos”. Por iso, o conselleiro reclamou unha reforma dos mecanismos de asignación que permita que as actuais rexións Obxectivo 1 sigan beneficiándose das axudas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Expertos internacionais avogan en Vigo pola tecnoloxía espacial na seguridade marítima
A asociación internacional de axencias espaciais (Eurisy) proporá á Unión Europea e ás Nacións Unidas diversas medidas que permitan potencia-los usos da tecnoloxía aeroespacial en materia de seguridade marítima, tal como foi aprobado durante a Conferencia Internacional sobre Tecnoloxía Espacial que se celebrou en Vigo. Alider Cragnolini, do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, manifestou que a elección de Vigo para levar a cabo este encontro profesional tivo moito que ver coa sensibilidade espertada tralo naufraxio do “Prestige”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Segundo Hevia doou ó Parlamento Europeo un cadro da Porta Santa
O pintor compostelán foi recibido polo presidente do Parlamento Europeo, Pat Cox,a quen fixo entrega dun cadro da Porta Santa da Catedral de Santiago, símbolo da pelegrinaxe xacobea. A obra permaneceu exposta na sede do PE durante o pasado mes de marzo, nunha mostra patrocinada polo eurodeputado Daniel Varela, quen resalta o simbolismo histórico do Camiño na construcción europea.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
As empresas de emigrantes retornados crearán oitenta postos de traballo
Preto dun 30% dos emigrantes retornados que participaron nos cursos de Incyde poderán pór en marcha os seus propios proxectos empresarias antes de que finalice o mes de setembro. A maior parte dos proxectos céntranse no sector servicios, o pequeno comercio e o turismo, e poderán supor a creación de preto de 80 postos de traballo.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Condena por contaxio contra o Centro Galego de Bos Aires
O Centro Galego de Bos Aires esgotará tódalas instancias xudiciais contra unha sentencia que lle obrigou a pagar tres millóns de pesos (1,07 millóns de dólares) á familia dunha nena que se contaxiou de sida no seu hospital. Antonio Burgueño, director do Centro, afirma que a indemnización é unha “verdadeira barbaridade”. A xuíza encargada do caso considerou con axuda de especialistas que se contaba con métodos menos arriscados e aconsellables que a transfusión para trata-la anemia da nena e que os encargados do laboratorio e o banco de sangue do Centro non tomaron as mediadas necesarias, algo co que discrepa Burgueño.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
Plan de innovación na República Dominicana
O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio de colaboración para levar a cabo un plan de investigación, desenvolvemento e innovación na República Dominicana.
(Fonte:
El Correo Gallego).
03/07/2003
Turismo
Disney Channel cubrirá a Rapa xunto a xornais ingleses e alemáns
O sistema de acreditación da festa da Rapa de Sabucedo ten xa rexistrados a media ducia de medios alemáns, entre eles o Berliner Zeitung, que concertou a súa visita a través da Oficina Española de Turismo en Berlín, e outros prestixiosos rotativos como o británico The Independent. Disney Channel desprazará un equipo de sete persoas para realizar unha reportaxe sobre a tradicional festa. Esta repercusión entre os medios fai pensar ós organizadores en que a declaración como Festa de Interese Turístico Internacional pode estar preto.
(Fonte:
El Correo Gallego).
02/07/2003
Economía
A Semana Verde promóvese na Royal Show inglesa
O certame da Semana Verde de Galicia promóvese este mes na Royal Show de Coventry, Inglaterra, unha das feiras agrícolas e gandeiras con máis sona a nivel mundial. A axencia da fundación de Silleda comezou xa as entrevistas con máis dunha vintena de delegacións comercias de outros tantos países para trata-la súa participación na vindeira edición, do 12 ó 16 de maio de 2004, que será paralela á asemblea da Eurasco (Agrupación de Feiras Agrícolas Europeas).
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emalcsa expón en Viena a súa xestión
O director xerente da Empresa Municipal Augas da Coruña (Emalcsa) expón en Viena a xestión da compañía no foro sobre participación do sector privado no subministro de auga en Europa do Leste e Asia Central, organizado polo Banco Mundial, ó que acoden as principais empresas mundiais do sector. Recentemente, tamén por encargo do BM, o representante de Emalcsa viaxou a Croacia para avalia-la situación financeira, técnica e administrativa da subministradora local de auga, coa fin de preparar un informe para mellora-la súa xestión.
(Fonte:
El Correo Gallego).
01/07/2003
Portugal-Economía
Casinos: Vigo, un obxectivo para facer fronte á competencia portuguesa
A apertura dun novo casino en Vigo podería ser unha fórmula para contrarresta-la frecuente apertura de casinos na rexión Norte portuguesa e concorrer nunha maior igualdade de condicións para poder así atraer clientes lusos. Vigo é hoxe a única cidade galega na que se podería abrir un novo casino dado a esixencia de poboación que recolle a lei galega que, segundo algúns xuristas, permitiría convocar un concurso público con esta finalidade.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Universitarios de Vigo axudan a vender en Europa o té arxentino
Profesores de Económicas da Universidade de Vigo deseñan un proxecto para desenvolve-la industria do té na provincia arxentina de Misiones. En colaboración con académicos do país austral, traballan nun plan para producir nesta planta a gran escala e logo exportala a Europa. A Facultade de Económicas tamén planea cooperar con Misiones noutros dous proxectos: un para pula-la apicultura e outro para abrir unha liña de microcréditos nesta provincia arxentina.
(Fonte:
El Correo Gallego).
 
Ver máis Diario Exterior

2003: xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2003
Fernando Pol