Diario Exterior / xuño de 2003

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
30/06/2003
Primeiro paso para constituí-la Asociación de Holandeses en Galicia
A comunidade holandesa en Galicia constituirá unha asociación de confraternidade para defende-los intereses do colectivo en Galicia. O presidente da asociación, Dick Welling, explicou que a entidade, con sede en Ourense, funcionará como un centro de orientación e información para os holandeses que nun futuro establezan a súa residencia en Galicia. Actualmente, residen na comunidade galega 311 neerlandeses.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Graciela Portugal Hernández, no Foro Galicia-Venezuela
Graciela Portugal Hernández, executiva de Nestle Purina Petcare para Latinoamérica e Venezuela pensa que, partindo de que en Venezuela hai moitos emigrantes galegos, non se deben perde-los vencellos, e pese á crise venezolana “debemos potencia-las relacións mutuas”. Portugal valora moi positivamente o Foro Galicia-Venezuela e afirma que, tralo encontro e cos obxectivos xa marcados, “os participantes os trasladarán a máis xente nos seus respectivos países para ampliar vencellos”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Solidariedade
Esíxenlle ó Concello de Fisterra as axudas da Arxentina
A comisión directiva da Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva Fisterra en América de Avellaneda (Arxentina) remitiulle un escrito ó rexedor fisterrán, José Manuel Traba, esixíndolle o pagamento de 7212 euros en concepto das axudas correspondentes ós anos 2000, 2001, 2002 e 2003. O rexedor recoñece que as axudas do convenio están pendentes, e que as ten previsto aboar “cando exista dispoñibilidade orzamentaria”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
O sector lácteo galego recibirá máis de cincocentos millóns en axudas directas
Este é o aspecto destacado polo conselleiro de Política Agroalimentaria, Juan Miguel Diz Guedes, sobre o acordo acadado polo Consello de Ministros de Agricultura da UE en canto á reforma da PAC. Outra variable valorada polo conselleiro, foi que o acordo final non contempla o desacoplamento total das axudas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
As exportacións galegas ós futuros socios da UE case duplican ás importacións
Durante o primeiro trimestre de 2003, Galicia exportou case o dobre do que importou dos países do Leste de Europa, aínda que estas exportacións concentráronse case exclusivamente na provincia de Pontevedra e no sector do automóbil (73% das exportacións), namentres nas outras provincias o intercambio resultou negativo. Polonia, que absorbe case a metade das exportacións, Hungría e Croacia son os países ós que se destinan a maior parte das exportacións galegas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unha misión da Cámara de Comercio da Coruña pecha varios negocios en Senegal
A cidade de Dakar recibiu a visita de cinco empresas galegas que participaron na misión da Cámara herculina na misión comercial organizada dentro do plan Foexga. As cinco firmas galegas obtiveron pedidos e afortalaron o seu vencello co Estado africano, nunha primeira misión que segue ás organizadas en Marrocos, Tunicia, Angola e Líbano.
(Fonte:
El Correo Gallego).
26/06/2003
Política
Fraga afirma que España está “pola paz verdadeira” enviando á Brilat a Iraq
O presidente da Xunta defendeu o envío de 400 soldados da Brilat a Iraq en setembro a realizar misións humanitarias, moitas das cales “só se poden facer coa forza suficiente detrás”. Fraga preguntouse “para que construímos barcos para a Mariña” se despois “opoñémonos a que se usen”, en referencia ás críticas á participación de España neste tipo de misións.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea
BNG, PSdG e SLG valoran negativamente a reforma da PAC aprobada en Bruxelas
O BNG rexeita a reforma aprobada, pois contribuirá á “desertización e despoboamento” do rural galego, xa que as axudas diminúen e ademais non vencellan a actividade e a producción da actividade agropecuaria. Para os socialistas a reforma confirma a “nula capacidade de influencia” das autoridades españolas. O SLG lembra que os sectores afectados, sobre todo vacún e lácteo, xa traballan “ó límite da súa rendabilidade”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unha firma presenta as primeiras reclamacións de Galicia contra o Fondo
Corporate Claims International, líder en Europa especializado en pagamentos de compensación por contaminación, presentou as primeiras reclamacións pola compensación económica para membros da industria pesqueira de Galicia afectados polo verquido do “Prestige”. Trátase das primeiras reclamacións contra o fondo de 180 millóns de euros ofrecido polo Fidac.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Cultura pide unha reunión en Galicia durante o Xacobeo da Conferencia de Autoridades Cinematográficas de Iberoamérica
A Consellería de Cultura, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, solicitou na XII reunión ordinaria da Conferencia de Autoridades Cinematográficas de Iberoamérica (Caci) a celebración un encontro desta entidade internacional na comunidade galega durante o vindeiro Xacobeo 2004. Así mesmo, o xerente do consorcio mantivo un encontro co presidente do Instituto de Cinema, Audiovisual e Multimedia de Portugal co fin de organizar unha xuntanza de productores galegos e portugueses de animación.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
José Luís Fernández, no espacio televisivo “A entrevista”
O programa da TVG “A entrevista” conta coa presencia do empresario José Luís Fernández, que durante esta semana participa no Foro Bilateral Galicia-Venezuela organizado pola Consellería de Emigración e mailo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Fernández é natural de Monforte e actualmente preside tres editoriais, dirixe a Cámara de Comercio venezolano-española e é director suplente do Banco de Galicia en Venezuela.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A República Checa busca novos investidores galegos
A República Checa desprazou a Galicia a Petra Kursová, directora de proxectos da axencia CzechInvest. CzechInvest é, segundo Kursová, “a man dereita do Ministerio de Economía checo” no nivel dos investimentos. Kursová reunirase con asociacións de empresarios e representantes de compañías galegas para “mellora-lo clima empresarial” entre os dous países.
(Fonte:
El Correo Gallego).
25/06/2003
Unión Europea
O PSdG bota por terra un consenso anunciado da Cámara galega contra a reforma da PAC porque “é demasiado tarde”
O Pleno do Parlamento unicamente tiña que ratificar oficialmente o acordo común acadado polos tres grupos políticos pero na súa intervención, o socialista Francisco Sineiro argumentou que “era demasiado tarde”, xa que o Consello de Ministros de Agricultura da UE aprobará a reforma “hoxe ou mañá”. A negativa do PSdeG provocou que os populares galegos negaran tamén un posible consenso co Bloque e cada un dos grupos decidiu entón apoiar unicamente o seu propio documento e non o consensuado. A maioría do PPdG permitiu que o único documento aprobado fose o seu.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A renda per cápita de Galicia chegará ó 71% da media comunitaria trala ampliación
Segundo un estudio editado pola Comisión Europea, a renda per cápita en Galicia pasará do 64,3% actual da media comunitaria ó 71% da UE ampliada. En función das estatísticas realizadas nunha Europa a 24, en 2006 só Andalucía e Estremadura seguirían sendo rexións Obxectivo 1, e probablemente Galicia sempre que se manteña o mesmo criterio para ser perceptores destas axudas unha vez ampliada a UE.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Científica
Distinguen cun premio europeo a tese dunha profesora da Politécnica de Lugo
A profesora Pilar Salgado recibiu o premio europeo á mellor tese doutoral do ano 2002 en Métodos Computacionais en Ciencias Aplicadas e Enxeñería, un galardón ideado por Eccomas, organización integrada por diferentes asociacións europeas orientadas ó desenvolvemento de aplicacións e métodos computacionais na ciencia e a tecnoloxía. O traballo doutoral foi dirixido polos profesores Alfredo Bermúdez da USC e Rodolfo Rodríguez da Universidade de Concepción (Chile).
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Os Foros bilaterais Galicia-Venezuela debateron os puntos de conexión entre a realidade empresarial dunha e outra beira do Atlántico
Na segunda xornada dos Foros, debateuse a situación estratéxica de Galicia no marco económico europeo coma ponte para os galegos de Latinoamérica –e en concreto Venezuela- interesados en facer investimentos ou intercambios comercias e doutra índole profesional coa Unión Europea. O Conselleiro de Emigración asegurou que a presencia de importantes directivos de orixe galega en empresas fortemente posicionadas no mercado venezolano e “a combinación de ambos factores, elemento humano e innovación tecnolóxica, facilítanos a infraestructura idónea para alentar un salto no xeito de aborda-lo papel da diáspora galega no posicionamento internacional de Galicia”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Acción Exterior
A Xunta acorda coa provincia arxentina de Jujuy intensifica-las relacións bilaterais en materia comercial, de turismo e cultura
Galicia e Jujuy porán en marcha accións para mellora-las relacións económicas bilaterais, especialmente en materia de investimentos exteriores, aumento de fluxos comercias e fomento do turismo. Manuel Fraga xustificou o convenio asinado con Jujuy na estratexia de facer de Galicia un socio privilexiado e preferente de Latinoamérica “singularmente daqueles que apostan de xeito decidido por levar a bo fin un proceso de integración rexional”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Empresarios pontevedreses do granito e da madeira pedirán participar na reconstrucción de Iraq
Un total de 70 industrias agrupadas na Asociación Provincial de Rematantes e Aserradores decidiron presenta-la súa solicitude ás empresas estadounidenses encargadas da adxudicación de contratos. A decisión de acudir como sector é o xeito de ter máis peso na petición, segundo explica o xerente da agrupación. Os empresarios pontevedreses contan co asesoramento da Cámara de Comercio e a CEP, e poden informarse a través da web aberta polo Comisionado do Goberno para a Participación de España na Reconstrucción de Iraq, que pode atoparse na dirección do Ministerio de Defensa.
(Fonte: Santiago,
AGN).
24/06/2003
Portugal
O AVE Vigo-Porto, a debate nos parlamentos de España e Portugal
O ex alcalde Porto, o deputado Fernando Gomes, e o ex alcalde Vigo, agora senador, Carlos Príncipe interesáronse na Asemblea portuguesa e no Senado sobre os plans de ambos gobernos para a posta en marcha do tren de alta velocidade entre ambas cidades, cuestión que non experimentou avances significativos nos últimos anos. As últimas cuestións parlamentarias trazadas de xeito coordenado por ambos políticos fixeron tamén referencia ó futuro do instituto Camoes.
(Fonte:
Faro de Vigo).

O cooperativismo no Eixo Atlántico, a debate no seo de Sinerxia
A federación galega Sinerxia analizará o cooperativismo a ambas beiras do Miño co obxectivo de desenvolver unha estratexia común que permita modernizar e adapta-las actuais condicións dun mercado moderno de acordo cos proxectos europeos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
O Foro Bilateral Galicia-Venezuela buscará relacións comercias entre ambos países
O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, inaugurou o Foro, un encontro no que representantes do mundo económico, empresarial, cultural e xornalístico de Venezuela e Galicia intercambiarán impresións e estudiarán as posibilidades de negocios conxuntos. A área de Emigración da Xunta ten previsto pula-la creación e consolidación de foros bilaterais entre Galicia e países que tradicionalmente acolleron ós emigrantes galegos como un xeito de rendabiliza-lo enorme capital humano, intelectual e socioeconómico que supoñen os milleiros de galegos emigrados, consolidando estratexias e oportunidade que xeren maior riqueza para Galicia.
(Fonte: Santiago,
AGN).
23/06/2003
Emigración
“Reencontros” trae a Galicia a preto de douscentos emigrantes
Un total de 177 emigrantes participan na sexta edición do programa “Reencontros” que organiza a Consellería de Emigración. Nesta ocasión os participantes son galegos residentes na Arxentina (111), Brasil (6), Cuba (13),Chile (1), Uruguai (37) e Venezuela (9). Tódolos beneficiarios do programa, orixinarios de 78 concellos galegos, cumpriron os 60 anos, aínda que a idade media pódese establecer nos 69 anos. No que toca ó tempo de ausencia da terra, a media e de preto de 22 sen volver.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
A industria atuneira pídelle á UE un plan de apoio para o sector
Representantes da flota extractiva e do ramo da transformación compareceron perante a Eurocámara a instancias do eurodeputado galego Daniel Varela, que avogou por elaborar un plan para defende-los intereses deste sector en tódolos ámbitos. Varela encargarase de elaborar un informe na comisión parlamentaria de Pesca para canalizar politicamente as preocupacións dos atuneiros.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
22/06/2003
Economía
O alcalde ferrolán recibe a membros da mariña norueguesa
O rexedor ferrolán recibiu á delegación permanente da mariña norueguesa en Bazán, desprazada co gallo da construcción en Izar das fragatas para este país. Na entrevista estiveron presentes os mandos saínte e entrante da delegación, que este mes consumarán o relevo.
(Fonte:
El Correo Gallego).
21/06/2003
Unión Europea
A Xunta propón fixar coa taxa de paro as rexións Obxectivo 1 da UE
A Xunta busca a continuidade de Galicia despois de 2006 como rexión Obxectivo 1 e para iso defende que se teña en conta a inclusión de variables como a taxa de desemprego. Castro Cotón, director xeral de Planificación Económica de Fondos Comunitarios, asegurou que a Xunta é “optimista” e agarda que a política rexional europea despois do 2006 “será aínda máis xusta e eficaz do que será ata entón”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Apoio para descendentes de pontevedreses residentes na Arxentina
A Deputación de Pontevedra colabora coa Fundación Galicia-América, presidido polo titular da Consellería de Cultura, Jesús Pérez Varela, nun convenio que permitirá que os fillos e netos dos pontevedreses residentes na Arxentina poidan acceder a becas de estudios. A achega que fará a institución provincial é de 60 mil euros.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Unha profesora coreana traduce ó francés a obra de Xosé Neira Vilas
Corinne Sonn, profesora de Francés no Instituto da Picota, en Mazaricos, ven de inicia-la traducción a este idioma de “Memorias dun neno labrego”, de Neira Vilas. Sonn elaborou hai catro anos unha tese sobre Neira Vilas que, a instancias do propio autor, foi editada pouco despois. Agora, a traductora e o escritor son optimistas a partes iguais xa que as editoriais francesas amosan unha gran receptividade á iniciativa.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A balanza comercial presenta superávit
As exportacións das empresas galegas ascenderon a 2.348 millóns de euros durante o primeiro trimestre do ano, período no que se importou por valor de 2.346 millóns, rexistrando a balanza comercial un superávit de dous millóns de euros. As provincias de Ourense e Lugo son as que presentan unha mellor taxa de cobertura, amosando a da Coruña o condicionamento das importacións de combustibles minerais para a refinería. Segundo a Consellería de Innovación, a fortaleza do euro animou ás empresas galegas a incrementa-las súas vendas nos mercados internacionais.
(Fonte:
El Correo Gallego).
19/06/2003
Unión Europea
A Xunta recoñece as “dificultades xurídicas” para que Galicia poda ter voz e voto na UE
Para que Galicia poida participar nos Consellos de Ministros da UE nos que se tratan temas de interese para a comunidade, deberanse “decidir moitas cuestións previas” no ordenamento constitucional español. Manuel Blanco, subdirector xeral de Análise e Programación da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, subliñou que “ningún símil doutro Estado sérvenos de referencia”, en alusión á presencia de rexións do Reino Unido, Bélxica ou Alemaña nos Consellos de Ministros, xa que neses países “faise unha clara distinción entre competencias e intereses”, algo que non ocorre en España.

Fraga achaca a petición dunha investigación polo “Prestige” á existencia de sectores “semellantes ós que promoveron Nunca Máis”
O presidente da Xunta explicou que a Comisión de Medio Ambiente do PE pedise unha Comisión de Investigación do accidente do “Prestige” produciuse a raíz dunha votación na que”teñen predominio certos sectores semellantes ós que aquí moveron Nunca Máis e seguen tentando movelo”. Fraga asegurou que “non tememos ningunha Comisión de Investigación nin a nada por ese asunto”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
Pesca asegura que o acordo de Arcachon entre España e Francia “eliminou a conflictividade” entre as dúas flotas
O director xeral de Estructuras Pesqueiras, Andrés Hermida, cualificou como “moi bo” o acordo entre os gobernos español e francés que regulamenta a pesca no Cantábrico e o Golfo de Biscaia. O representante da Consellería de Pesca asegurou que a Xunta defendeu como prioridade “a eliminación da conflictividade nesa zona”, e que agora “a flota galega pode duplica-la súa cota de pescada no Gran Sol” e aumentala noutras especies como o bacallao ou o fletán.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
Galicia reduciu, dende 1996, un 7% anual a súa taxa de tuberculose, polo que foi felicitada pola OMS
Galicia puxo en marcha en 1995 o seu Programa de Prevención e Control da Tuberculose, que dende entón permitiu diminuír nun 7% anual a taxa de incidencia desa enfermidade. Estes resultados permitiron a felicitación pola “excelencia” do devandito programa por parte da Organización Mundial da Saúde.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
Miras Portugal prefire unha “inmigración” de galegos retornados
En entrevista coa TVG, o conselleiro de Emigración considerou “necesaria” a inmigración, e apuntou, non obstante, “unha inmigración que tal vez os galegos podemos te-lo privilexio de escoller, de pretender que veñan os inmigrantes que nós desexamos; ¿quen son?, os galegos retornados?”. Miras precisou que estes “non serían inmigrantes, serían retornados; pero si os netos dos galegos que non sexan españois”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Os emigrantes galegos contarán cun programa de axudas asistenciais
Os emigrantes galegos que están atravesando momentos difíciles poderán beneficiarse dun programa polo que poderán aproveitar axudas para cubri-las súas necesidades básicas de subsistencia. Este programa está dotado con 1,8 millóns de euros.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Portugal
O pasado ano emigraron a Galicia máis de 2000 cidadáns portugueses
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística luso, en 2002 a emigración afectou a preto de 27 mil portugueses, dos que algo máis do 10% estableceron en España a súa nova residencia; deles, unhas 200 persoas en Galicia. Son, nembargantes, Suíza e Francia os países que acolleron un maior número de inmigrantes portugueses, atopándose en descenso destinos tradicionais como Brasil.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Científica
A USC e o Grupo Clarke colaboran nun curso especializado de patentes
A Universidade de Compostela e o Grupo Clarke, Modet & Co. Colaborarán na organización dun curso especializado en patentes, marcas, dereitos de autor e competencia. A USC dirixirá e acollerá o curso, e a compañía acollerá un bolseiro por cada unha das súas oficinas. O Grupo Clarke conta con oficinas en Santiago de Compostela, Bos Aires, Bogotá, México, Río de Janeiro, Chile, Caracas e Lisboa.
(Fonte:
El Correo Gallego).
18/06/2003
Unión Europea
Galicia pide ó Goberno central que manteña as súas propostas sobre o protagonismo das rexións na futura Constitución Europea
O secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior instou ó Goberno central a que non rebaixe as súas propostas sobre o protagonismo das rexións no proxecto da Constitución Europea. Gamallo avogou por incluí-la cooperación interrexional e transfronteiriza no Tratado para mellorar, no caso de Galicia, o marco das relacións con Portugal e trasladou o apoio de Galicia a “calquera movemento” que realice o Goberno central co obxectivo de mante-lo peso de España respecto á ponderación de voto no Consello.
(Fonte: Madrid,
AGN).
17/06/2003
Portugal
Cabezas deixa a presidencia do Eixo Atlántico
O alcalde de Ourense, Manuel Cabezas amósase satisfeito da xestión realizada durante o seu mandato que agora pasará ó alcalde de Porto, Rui Pío. Cabezas explicou que “aínda que o Eixo Atlántico non ten recursos destinados a infraestructuras, o traballo anterior é posible porque o Eixo forma parte da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal”, e que, nun futuro inmediato, o Eixo contará cun grupo de traballo propio.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Profesores de Galicia e Portugal reuniranse no I Encontro de Educación Matemática para trata-los aspectos didácticos desta materia
Os días 20 e 21 de xuño a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática, Agapema, organiza na Facultade de Matemáticas de Santiago este encontro, no que participará profesorado de tódolos niveis educativos. O congreso destaca pola variedade temática que nel se aborda e polo alto grao de participación dos docentes galegos que ven nesta actividade un foro propicio para o intercambio de experiencias profesionais cos seus colegas portugueses.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea
A Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo pide que se abra unha comisión de investigación sobre o “Prestige”
A Comisión de Medio Ambiente aprobou un informe de opinión no que demanda novamente que se abra unha Comisión de Investigación para esclarece-las causas do accidente. O informe critica a decisión de remolca-lo “Prestige” mar dentro e sinala que se tería “limitado” a catástrofe se tivese levado a un porto, sinalando que, agora, a extracción do fuel é prioritaria. Dende Galicia as opinións non foron unánimes pois namentres nacionalistas, socialistas e diversas organizacións amosaron a súa satisfacción coa aprobación do informe, os populares rexeitan a creación da comisión.
(Fonte: Bruxelas,
AGN).

Aberto o pazo de matrícula do curso da USC sobre os efectos xurídicos da ampliación da Unión Europea
O curso sobre Dereito Privado e Ampliación da Comunidade Europea, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co seu Centro de Documentación Europea, contará coa participación de expertos de recoñecido prestixio das universidades de Oxford, La Sorbonne, Santiago e outras institucións académicas, así como representantes de algunhas multinacionais españolas. A Comisión Europea estará presente a través dos distintos módulos do programa Jean Monnet.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A proposta galega de Lugares de Importancia Comunitaria inclúe 57 espacios repartidos nunha extensión de 560 mil hectáreas
A adaptación e revisión da proposta galega implica a declaración provisional como espacios naturais en réxime de protección xeral das zonas propostas para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000. As novas propostas supoñen un total de 880 novas hectáreas, froito de amplia-los límites dos espacios naturais, en concreto o formado polo sistema fluvial Ulla-Deza e o da Serra do Xistral.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
A flota galega que faenaba en Marrocos pídelle á UE acceso ós caladoiros de Grenlandia
Desta maneira, lograríase tirar proveito do acordo que a UE asinou con este país, xa que na actualidade os Estados membros que teñen cotas para pescar en augas grenlandesas non explotan os recursos comerciais que existen nelas. O galego José Ramón Fontán, director xeral da Asociación Nacional de Armadores de Buques Cefalopodeiros (Anacef) manifestou que as tentativas en Mauritania e Senegal “foron un fracaso” e que agora se pretende estudia-la gran abundancia de cefalópodos que rexistra a zona grenlandesa.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Economía
As empresas galegas buscan en Bulgaria opcións de negocio co apoio da cámara de comercio de Lugo
A Cámara de Comercio de Lugo organiza unha misión comercial a Bulgaria na que participarán oito empresas galegas correspondentes ós sectores do peixe conxelado, conservas de peixe, granito, maquinaria téxtil e chemineas. Por outra banda, as cámaras veñen de crear en Bulgaria e Romanía dous novos Comités de Cooperación Empresarial. A adhesión á UE no ano 2007 acelerou a decisión das cámaras de pecha-lo acordo para inicia-las actividades nestes países.
(Fonte Santiago,
AGN).
16/06/2003
Cooperación Exterior
A Xunta colabora con Chile contra as drogas
A Xunta e o Consello Nacional para o Control de Estupefacientes de Chile colaborarán para aplicar neste país o modelo galego de prevención de drogodependencias e os sistemas de avaliación desenvolvidos en Galicia acerca das adiccións. Esta colaboración iniciouse a partir do III Seminario Internacional Eradiccións 2003 que tivo lugar en Santiago de Chile.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Oito de cada dez aperturas de Zara realizaranse no estranxeiro
O 80% das vindeiras aperturas de Zara, cadea de roupa pertencente a Inditex, terá lugar no estranxeiro, seguindo a estratexia global do grupo, segundo a cal a súa facturación en España verase reducida en torno a un ou dous puntos porcentuais ó ano sobre o total en prol do seu volume de negocio no estranxeiro. Esta tendencia xa se manifestou o ano pasado, cando o 66% das vendas de Inditex proviñeron do estranxeiro.
(Fonte:
El Correo Gallego).
15/06/2003
Sociedade
Manu Chao encabeza a manifestación de Nunca Máis en Bruxelas
Preto de 3000 persoas segundo os organizadores, e 500 de acordo coas fontes policiais, responderon á convocatoria da plataforma cidadá Nunca Máis para protestar contra catástrofes como a do “Prestige” e esixir que non volvan producirse. O escritor e voceiro da plataforma Manuel Rivas lembrou que “estamos aquí como conciencia crítica, para lembrar que Galicia deberá ser, xunto coa Bretaña e outras partes de Europa, un área declarada de espacial sensibilidade”. Á manifestación acudiron, pola parte política, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira.
(Fonte:
El Correo Gallego).
14/06/2003
Unión Europea
O eurodeputado Daniel Varela considera que non existe ningún posicionamento do Parlamento Europeo sobre o “Prestige”
O eurodeputado popular rexeitou as informacións de que a Eurocámara teña demandado extraer “de inmediato” o fuel, xa que o informe de Dick Sterckx, aínda que logrou un recoñecemento unánime, non está votado. Ademais, dixo, o informe non ten carácter político, polo que non será vinculante. Ó respecto da creación dunha Comisión de Investigación, Varela advertiu que faría “un mal servicio” a Galicia e España, que podería ter “que pagar dúas veces polo accidente”, unha polo desastre en si e outra pola factura que habería que pagar se os avogados acadan o seu obxectivo de “culpabilizar” á Administración española.
(Fonte:
El Correo Gallego).
12/06/2003
Unión Europea
Gamallo considera que a Convención recolle demandas prioritarias de Galicia
O secretario de Relacións coa UE e Cooperación Exterior participou en Sevilla no seminario “A Convención sobre o futuro de Europa”, no que afirmou que as conclusións do grupo de expertos recollen demandas prioritarias realizadas dende Galicia que supoñen un “paso adiante” para a participación activa das rexións na UE. Gamallo fixo un chamamento á Conferencia Intergobernamental para que “reteña os importantes avances no recoñecemento da dimensión local e rexional na escena comunitaria”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Reclaman a sede da Axencia de Seguridade Marítima
A Cámara de Comercio da Coruña reclamou o emprazamento na cidade da Axencia Europea de Seguridade Marítima, tendo en conta a alta sinistralidade do litoral coruñés, o intenso tráfico que navega a diario por este corredor marítimo portando máis dun millón de toneladas de cru, así como a súa privilexiada situación xeoestratéxica.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Un convenio permitirá pula-lo desenvolvemento de empresas en Galicia por parte de emigrantes retornados
O convenio entre a Consellería de Emigración, Caixa Galicia e a Fundación Incyde pon esta iniciativa en marcha perante o progresivo incremento da chegada de inmigrantes de nacionalidade española e as súas dificultades para integrárense no mundo laboral. Tanto Emigración como Caixa Galicia aportarán ó proxecto 54 mil euros, encargándose Incyde de aporta-los medios humanos e materiais que se precisen para realiza-la titoría dos proxectos e o seguimento das empresas que se creen.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Editan un estudio sobre as galegas emigradas a Cuba
O doutor en Ciencias Históricas da Universidade de La Habana, Julio César González Pagés, recolle no seu libro “Emigración de mujeres gallegas a Cuba: las hijas de Galicia” unha investigación sobre a asociación de emigradas galegas Hijas de Galicia, posiblemente a maior do mundo, cunha cifra que supera as 58 mil mulleres en 1960. A asociación, que xurdiu para protexe-las galegas, xestouse en 1914 dentro doutra xa existente, Solidaridad Pontevedresa.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A pneumonía asiática reduce un 10% as expectativas de vendas a China dun fabricante galego de gres
A epidemia de pneumonía en China provocou xa efectos económicos nos intereses das empresas galegas. Cedonosa, fabricante de gres da localidade pontevedresa de Catoira, leva dous meses sen poder exporta-los seus productos a China. Malia o revés no mercado chinés, Cedonosa mantén as súas exportacións a Xapón, Portugal e Europa setentrional, principalmente.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
A Universidade de Santiago nomeará doutor honoris causa ó presidente de Brasil
Luís Inácio “Lula” da Silva será investido doutor honoris causa pola Universidade de Santiago logo de que o Consello de Goberno aprobase a proposta do Departamento de Ciencia Política e da Administración. Este departamento destacou o relevante papel desempeñado polo presidente brasileiro “na consolidación e o progreso da democracia brasileira” e o seu “firme compromiso coa moralización política e a consecución dun mundo máis xusto e solidario”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O festival de Cinema de Nápoles dedica unha retrospectiva ó cineasta Juan Pinzás
O Festival de Cinema de Nápoles, que se celebrará entre o 15 e o 22 deste mes, dedica este ano unha retrospectiva á obra do cineasta galego Juan Pinzás, do que se proxectarán as películas “Dogma”, “Érase outra vez” e “Días de voda”. Entre as demais actividades do Festival sobresaen os encontros entre destacados cineastas europeos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Portugal-Cultura
Fraga anuncia que a Biblioteca de Galicia recollerá nun lugar destacado a cultura portuguesa
A Futura Biblioteca de Galicia, proxecto contido na Cidade da Cultura, dedicará un “lugar especial e específico” á cultura portuguesa, cun núcleo constituído por unha colección de 600 volumes doados polo profesor portugués Paulo Sá Machado. O presidente da Xunta destacou a significación da doazón dende o “irmán Portugal”, que leva consigo “a testemuña dunha cultura importante para nós e á que tanto desexamos achegarnos”. Pola súa banda, Sá Machado aludiu á rexión formada por Galicia e o Norte de Portugal como espacio cunhas características específicas moi propias que deban ser preservadas.
(Fonte: Santiago,
AGN).
11/06/2003
Cooperación Científica
A USC promove as exportacións galegas do sector acuícola
O Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago ten acadado convenios de ampliación de exportacións con Bélxica e arestora traballa cos mercados islandés e norteamericano para introduci-los productos galegos. No ámbito docente, o doutorado en Bioloxía Mariña e Acuicultura promoveuse en Latinoamérica dende os primeiros momentos, polo que a Universidade mantén o contacto con 22 doutores latinoamericanos formados en Santiago cos que se pretende pula-lo sector acuícola nos seus países. Nestes momentos, estúdianse proxectos en Honduras, Cuba e Brasil.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
Medio Ambiente confirma que Sogarisa recibe residuos tóxicos e perigosos procedentes doutras comunidades e do Norte de Portugal
O Centro de Tratamento de Residuos industriais de Galicia, emprazado no concello coruñés de As Somozas, xestiona residuos tóxicos e perigosos procedentes de Asturias, Euskadi, Madrid, Cantabria, Castela e León e o Norte de Portugal. Así o confirmou no Parlamento de Galicia o subdirector xeral de Avaliación Medioambiental da Consellería de Medio Ambiente, Ángel García Arias, en resposta a unha pregunta do deputado socialista Miguel Cortizo. Cortizo denunciou que se están importando residuos perigosos “cando esta instalación foi deseñada exclusivamente para trata-los residuos de Galicia”.
(Fonte: Santiago,
AGN).
10/06/2003
Cooperación Científica
Intercambio de persoal investigador e docente entre Santiago e México
O rector da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Consello da Xudicatura e Escola Xudicial do Estado de México, Abel Vilacaña, asinaron un convenio co obxectivo de establece-las bases para o intercambio de persoal docente e investigador entre ambas universidades. O convenio, do que se beneficiarán tamén os estudiantes, refírese ó intercambio de persoal das áreas de Dereito Xudicial, Filosofía do Dereito e disciplinas auxiliares, pero poderá estenderse a outros ámbitos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Francisco Leiro amosa en Bulgaria as súas 30 esculturas máis características
A Galería de Arte Estranxeira de Sofía acolle unha mostra coas obras máis importantes do escultor galego Francisco Leiro. A mostra, que pertence ó programa de difusión da Arte Española no Exterior, permanecerá en Sofía ata o 20 de xullo e despois se exhibirá en Paraguai, Brasil, Chile e Arxentina.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
O Clúster do automóbil de Galicia presenta o seu modelo en Copenhague
A automoción galega foi elixida polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía para representar a España por considerala o mellor expoñente da obtención de vantaxes comparativas, productividade e creación de emprego nunha das áreas máis deprimidas da UE. O sector galego presentará en Copenhague as conclusións do seu modelo de cooperación empresarial no cumio de clústers europeos organizado pola Dirección Xeral de Empresas da Unión Europea.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Amancio Ortega e a súa ex dona son os únicos galegos na listaxe de Forbes
O primeiro español da listaxe das persoas máis ricas do mundo elaborada pola revista Forbes é o empresario galego Amancio Ortega, cunha fortuna persoal que o sitúa como a quinta persoa máis rica de Europa e o número 18 no mundo. Soamente sete españois están incluídos neste exclusivo clube mundial e, entre eles, figura outra galega, Rosalía Mera, ex dona do dono de Inditex.
(Fonte: Santiago,
AGN).
09/06/2003
Portugal
O goberno luso potenciará a Casa de Arines cun novo “Centro da Lingua Portuguesa”
Portugal potenciará a sede do Instituto Camoes en Vigo coa apertura dun novo Centro. O Executivo portugués sae así ó paso dos rumores sobre os posibles efectos da austeridade orzamentaria na sede viguesa. O Ministerio de Negocios Estrangeiros asegura que “non haberá ningunha decisión pola parte portuguesa para non seguir coa colaboración acordada. Máis ó contrario, haberá unha optimización do espacio cedido polo Concello de Vigo, estando a Xunta e as propias entidades locais progresivamente máis implicadas no proxecto”.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Sociedade
Galicia recibiu máis inmigrantes en 2001 que en toda a década dos noventa
Un total de 7.428 estranxeiros instaláronse en Galicia durante o ano 2001, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. As cifras da inmigración en Galicia son moi inferiores ás do conxunto de España, onde a taxa é de 9,6 estranxeiros por cada mil habitantes, sendo a proporción da comunidade o 2,7. Así mesmo, Galicia perdeu 4.200 galegos que tiveron que emigrar, converténdose na cuarta comunidade que máis emigrantes rexistrou.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Turismo
Promoción da capital galega en París
O Departamento de Turismo de Santiago-Incolsa e a Oficina Española de Turismo en París celebrarán o día 11 deste mes na capital gala unha xornada de promoción de Santiago de Compostela e da comunidade galega á que están convidadas 300 persoas estreitamente vencelladas ó sector turístico. O acto pretende tamén dar a coñece-la nova liña aérea Santiago-París da compañía Air Nostrum.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
Unha delegación da Consellería de Pesca viaxa a Perú para prestar apoio técnico no sector artesanal e marisqueiro
A colaboración centrarase na redacción de plans de explotación para aproveitar de xeito racional os recursos, así como na posta en práctica de proxectos de manipulación dos productos do mar. A delegación, encabezada polas responsables de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, o Servicio de Marisqueo e mailo Servicio de Relacións coas Organizacións, reunirase coas autoridades de Tacna e Moquegua.
(Fonte:
El Correo Gallego).
08/06/2003
Unión Europea
Nogueira forma parte da delegación do PE que se entrevistará co presidente de Brasil
O eurodeputado do BNG Camilo Nogueira forma parte da delegación do Parlamento Europeo que viaxa a Brasil para manter reunións oficiais co presidente da República, Luís Inácio “Lula” da Silva, e varios ministros do seu goberno. A delegación manterá un almorzo cos embaixadores da Comisión en Brasil ademais de reunirse cos membros das Cámaras de representantes.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea-Pesca
Miguélez avoga por abri-la pesca de Grenlandia ás firmas mixtas
A vicepresidenta da comisión de Pesca do Parlamento Europeo e relatora do informe sobre a revisión do protocolo pesqueiro da UE con Grenlandia, Rosa Miguélez, expúxolle ó ministro de Pesca grenlandés, Simon Olsen, a necesidade de abri-las augas da illa dependente de Dinamarca a outras flotas comunitarias. Do actual protocolo benefícianse as flotas de Dinamarca, Alemaña, Reino Unido, Irlanda e Francia, pero exclúe ás flotas galega e portuguesa.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Emigración
Galicia ofrece alimentos e atención sanitaria a 1.200 familias arxentinas
O Goberno galego axudará a máis de mil familias que viven na Arxentina en situación de extrema pobreza. A colaboración da Xunta canalizarase a través da sinatura de dous convenios coa ONG Cume para o Desenvolvemento de Culturas e Pobos. Arxentina é “unha zona prioritaria de actuación” para a Xunta, debido á situación económica que atravesa e ó histórico vencellamento con Galicia, afirma o secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior, Jesús Gamallo.
(Fonte:
El Correo Gallego).
07/06/2003
Pesca
Armadores vigueses desembarcan en África subsahariana
Diferentes empresas viguesas relacionadas coa industria do mar iniciaron pequenos investimentos nas costas de Guinea Ecuatorial, Guinea Conakry e Bissau, Senegal e Ghana, onde contactaron con socios locais para constituíren empresas conxuntas de extracción e exportación de peixe. Estas prospeccións na costa subsahariana pretenden explotar unha zona rica en especies próxima ós grandes bancos de Marrocos e Mauritania.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
06/06/2003
Unión Europea
A UE pon en Sada un “punto vermello”
A Comisión Europea publicou o seu informe anual relativo á calidade das augas da UE que, no que toca a Galicia, limítase a colocar un “punto vermello” na praia de Sada (A Coruña), o que significa que as augas deste areal ou ben non están aptas para o baño, ou ben as mostras analizadas non foron suficientes. A comisaria europea de Medio Ambiente, Margot Wallströn, insistiu en que o informe non contén os efectos do naufraxio do “Prestige” nas augas galegas, “algo que, sen dúbida, reflectirase no informe do vindeiro ano”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

O SLG ultima unha marcha de protesta contra a reforma da PAC
A comisión executiva do Sindicato Labrego Galego (SLG) ultima os preparativos dunha marcha de protesta contra a reforma da Política Agraria Común da UE. O acto terá lugar o vindeiro día 10 ante o edificio das Comunidades Europeas en Madrid, e contará coa organización da Coordenadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG).
(Fonte:
Faro de Vigo).

CCOO insta ó Goberno a actuar contra quen acusou de pillaxe á flota española
Comisións Mariñeiras, a sección do mar de CCOO, instou ó Goberno español e ós eurodeputados a tomar medidas e condena-la actitude dos que acusaron de pillaxe á flota española. Segundo Ramiro Otero, responsable do sindicato, o pronunciamento en contra da supresión das limitacións de acceso ó coto irlandés constitúe unha discriminación dos pescadores galegos, e responsabiliza desta decisión ó grupo Popular europeo (PPE). Como queira que o pronunciamento non é vencellante, Otero insta ó Consello de Ministros “a desoír á Eurocámara e facer cumpri-la Acta de Adhesión”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Sociedade
Un galego asume a dirección da Orde Franciscana no Mundo
O frade galego José Rodríguez Carballo foi elixido novo ministro xeral dos franciscanos polos 142 representantes desta orde reunidos en Asís (Italia), a capital xeral. Rodríguez é o segundo galego, e español, que ocupa este cargo. O primeiro foi o rianxeiro Luís Iglesias, nomeado ministro xeral en 1830.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

“Nunca Máis” quere converter Galicia no “Porto Alegre” da defensa do mar
A plataforma “Nunca Máis” convoca unha campaña de mobilizacións, que comezará o día 14 deste mes cunha manifestación en Bruxelas, para informar sobre as consecuencias do verquido do “Prestige” e converter Galicia no “Porto Alegre” da defensa do mar. En Santiago, o escritor Manuel Rivas, voceiro de “Nunca Máis”, asegurou que Galicia encabezará a protesta de Bruxelas, á que convidou a unirse a “tódolos pobos de Europa”.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Pesca
“Os expositores consideran Vigo a capital mundial da Pesca”
Tony Salter, conselleiro delegado da feira Mundial da Pesca, manifestou que o 70% das empresas dos 50 países que participarán na quinta edición da mostra xa reservaron espacio para a súa caseta porque “consideran Vigo a capital mundial da pesca debido ó elevado número de negocios que realizaron a raíz da súa participación a mostra de 1997”. Salter pensa que o sector vigués amosa un gran equilibrio entre a industria e a explotación racional dos recursos polo que dende distintas partes do mundo se sigue con interese o que fai Vigo.
(Fonte:
Faro de Vigo).
05/06/2003
Solidariedade
Intermón e a ONG Amarante publicarán un informe sobre as multinacionais españolas do téxtil
“A moda, un tecido de inxustizas” é o título do informe sobre as actividades do téxtil no Terceiro Mundo. O estudio foi realizado en vinte empresas de Tánxer (Marrocos), e, segundo Amarante, foron detectadas etiquetas das marcas Inditex, El Corte Inglés, Disney, Princesa, Mango e Visto Bueno, sendo a principal man de obra mulleres e nenos con condicións de traballo “semellantes ás detectadas no taller de Santiago onde traballaban orientais”. Amarante dirixirá unha carta ó rectorado da Universidade de Vigo para solicitar que os futuros estudios de Deseño e Moda conten coa materia de Ética Empresarial.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Portugal
Tui e Valença son as sedes do Premio Orientaventura
A directora de Xuventude presentou a segunda edición de Orientaventura, un concurso dirixido ás persoas que lles guste practicar deporte nun medio natural organizado por ese departamento e a empresa Coronel Tapioca. Orientaventura terá lugar os días 14 e 15 en Tui e Valença.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Cultura
O director do CDG estrea un espectáculo coa compañía residente de Braga
O director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, estrea no Espaço Alternativo PT de Braga “Algumas polaróides explícitas”, producida pola Compañía Teatro de Braga e interpretada por un elenco portugués. Este proxecto é o primeiro deste ano no intercambio entre a compañía residente de Braga e o CDG, que tamén coproducirán o espectáculo sobre a figura de José Afonso “Cantigas de Já”, que se estreará en decembro en Coimbra dentro da programación como capitalidade cultural europea.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
04/06/2003
Economía
O responsable económico español en Brasilia convida ás empresas galegas a investir no país
O xefe da Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Brasilia, Victor Audera, considera que as empresas galegas están nunha “posición favorable” para investir no mercado brasileiro. Para Audera, España é un “socio estratéxico” importante para Brasil, oportunidade da que poden tirar proveito as empresas galegas. Os investimentos españois en Brasil céntranse, actualmente, no sector servicios e na industria.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
Emigración convoca os Premios á Creatividade dos Galegos na Diáspora
A Consellería de Emigración convoca, como cada ano, os Concursos culturais para a Galicia exterior, un espacio de creatividade artística e cultural para os galegos emigrados e os seus descendentes que, ó tempo, constitúe unha canle axeitada para a súa participación na vida social e cultural de Galicia. Como novidade este ano, o premio Galeguidade de ensaios e traballos de investigación estará aberto a tódolos autores galegos, de dentro ou fóra de Galicia, nacidos na terra, residentes, emigrantes ou descendentes.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea-Pesca
A Eurocámara négalle a Galicia a igualdade de acceso ó coto irlandés
O Parlamento Europeo aprobou, por 334 votos a favor e 108 en contra, unha iniciativa que prorroga por dez anos a protección especial do caladoiro do banco pesqueiro situado ó oeste de Irlanda, o “box” irlandés, algo que afecta especialmente á flota galega. Nesta ocasión, tanto Rosa Miguélez, como Daniel Varela ou o mesmísimo Franz Fischler estiveron de acordo en que a decisión, que non é vinculante, vulnera o “dereito á igualdade entre Estados”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
A Feira Mundial da Pesca reunirá en Vigo a 700 empresas de 50 países
O evento representa un dos mellores escaparates da pesca dos cinco continentes. Dende o 17 ó 21 de setembro, 70000 profesionais de 115 países, segundo previsións da organización, reuniranse en Vigo para amosa-las novidades do sector pesqueiro. Un total de 13 países contarán con pavillóns; trátase de Canadá, Cuba, Dinamarca, España, Francia Holanda, Illas Feroe, Islandia, Italia, Noruega, Nova Zelandia, Reino Unido e Suecia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
03/06/2003
Economía
O investimento estranxeiro deulle as costas a Galicia en 2002 ó caer un 60%
O investimento estranxeiro en Galicia caeu no exercicio 2002 un 59,14% con respecto ó 2001. Este descenso é preto de 43 puntos superior ó do conxunto de España. Respecto ó peso de Galicia no conxunto do Estado, a comunidade acaparou soamente o 0,71% do capital provinte do estranxeiro.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Cultura
O festival de Ortigueira celebra vintecinco anos
A localidade coruñesa de Ortigueira acollerá os vindeiros 11,12 e 13 de xullo o certame internacional do Mundo Celta, que celebra este ano os seus vintecinco anos cun programa especial de marcado carácter galego. Segundo o seu director, Francisco Rivera, o festival é un “escaparate perfecto” para esta poboación galega, que pretende servir como plataforma para os novos traballos de artistas galegos ou foráneos e as novas promesas.
(Fonte:
El Correo Gallego).
02/06/2003
Unión Europea-Pesca
O armadores esíxenlle a Bruxelas que protexa as sociedades mixtas
Os armadores que participaron no debate sobre o futuro dos acordos internacionais de pesca coinciden co director xeral de Política Exterior da UE, César Debén, en que se pode facer cooperación ó desenvolvemento sen deixar á marxe o carácter comercial dos pactos de pesca e a defensa da flota comunitaria. Pensan que a UE nunca recoñeceu “o esforzo investidor de Galicia” nos terceiros países, e agardan comprobar se a visión de Debén coincide coa do Dirección Xeral de Pesca.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
En 2002 aumentaron as exportacións en prendas de vestir
As vendas de prendas e complementos de vestir de xénero e punto realizadas en 2002 supuxeron preto de 8% das exportacións galegas, ó que sitúa este capítulo do arancel no terceiro lugar da táboa de exportación. Resultou clave neste resultado a actividade do grupo Inditex, segundo os datos do Informe de Conxuntura Económica de Galicia que publica a Fundación Caixa Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Estrea dos vos a París e Valencia dende Santiago
A compañía Iberia, a través da súa filial rexional Air Nostrum, estreou dos vos directos que enlazan o aeroporto de Labacolla cos de París (Orly) e Valencia cunha frecuencia practicamente diaria. A necesidade de conexións directas con destinos internacionais está na base da creación de rotas sen escala; por iso o Concello compostelán aspira agora á creación dun voo con Alemaña e outro con Milán (Italia).

Cultura
Corenta universidades achegan a cultura galega ós cinco continentes
O labor de difusión da cultura de Galicia lévase a cabo a través de diversas liñas de actuación, que pasan pola creación de Centros de Estudios Galegos en colaboración con universidades de todo o mundo. Na actualidade, existen un total de 42 centros deste tipo. Ó 11 Centros existentes en España, engádenselle os 20 no resto de Europa, os 10 de América, e o de Melbourne, en Australia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
“O AVE galego terá parada no aeroporto Sá Carneiro”
Segundo Marco Antonio Costa, deputado do PSD, “para o goberno luso é moi importante a conexión en alta velocidade de Porto e A Coruña”. Costa considera importante que Galicia e a Rexión Norte de Portugal “consigan establecer un plan estratéxico conxunto” non só para o transporte aéreo, senón tamén para o ferroviario e portuario. O deputado fala, en entrevista con El Correo Gallego, do achegamento entre o PPdeG e o seu partido, debido especialmente ás “organizacións xuvenís de ambos partidos”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
01/06/2003
Unión Europea
Un informe da Eurocámara culpa ó Goberno español do desastre do “Prestige”
A catástrofe era “altamente previsible” e os medios dispostos por España para evitala foron “claramente insuficientes”. A Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo plasma quince conclusións neste sentido nun proxecto de opinión sobre o naufraxio do buque nas costas galegas. O documento invoca a creación dunha comisión de investigación para que “se esclareza completamente” o asunto.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

O BNG reclama para Vigo a sede da Axencia de Seguridade Marítima
O nacionalista Guillerme Vázquez denunciou a falla de información sobre a futura sede da Axencia de Seguridade Marítima. Segundo o deputado, tras recibi-la resposta á interpelación presentada polo BNG “o Goberno evita respostar se vai defende-la proposta de Vigo como sede da Axencia”.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Europa elixe a Terra Chá como modelo de xestión do Leader
O Grupo de Acción Local da Terra Chá de Lugo, formado pola Fundación Comarcal, foi dun dos catro elixidos polo equipo de avaliación do programa comunitario Leader II en España como exemplo modelo de xestión. O Leader II xerou na Terra Chá investimentos por valor de 2435 millóns de pesetas en 91 proxectos de desenvolvemento.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
O Banco Espírito Santo dedicará as súas oficinas galegas á banca persoal
O grupo portugués, a primeira entidade de carácter privado do país, está presente en país como Francia, Brasil, Estados Unidos, Marrocos, Macau e Angola.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Metalships entrega o maior buque de apoio a plataformas petroleiras
O estaleiro vigués Metalships&Docks entregoulle á armadora norueguesa North Sea Commander Shipping, o maior buque de apoio a plataformas mariñas construído en España, que terá o seu destino no Golfo de México. O estaleiro, do grupo Rodman, recolle cada ano entre 50 e 60 encargos, a maior parte de buques mercantes, e en menor porcentaxe, atuneiros e grandes conxeladores.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Portugal
Portugueses e galegos debaten en Valença do Minho sobre a sociedade da información
A Escola Superior de Ciencias Empresarias da vila fronteiriza desenvolve as II Conferencias de Valença, nas que participa un amplo abano de relatores portugueses e galegos. Nesta ocasión, as xornadas teñen coma eixo central de análises a sociedade da información.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Solidariedade
Ribeira acolle un cumio de trinta e sete ONGs para o Desenvolvemento
A vila de Ribeira acolle a asemblea anual da Coordenadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, que integra 37 agrupacións da nosa comunidade. Neste cumio do voluntariado pasarase revista ás campañas levadas a cabo no último ano e as “perspectivas de influencia dos resultados electorais na cooperación descentralizada local”
(Fonte:
El Correo Gallego).
 
Ver máis Diario Exterior

2003: maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/08/2003
Fernando Pol