Diario Exterior / maio de 2003

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
29/05/2003
Unión Europea
O boletín Galicia-Europa analiza no seu último número a nova política de veciñanza da UE
A nova política de veciñanza consistiría, segundo indica a publicación, no traballo cos socios para reduci-la pobreza e crear unha zona de prosperidade e valores compartidos baseada nunha maior integración económica, nunhas relacións políticas e culturais máis intensas, nunha maior cooperación transfronteiriza e nunha responsabilidade compartida de respecto á prevención de conflictos entre a Unión Europea e os países veciños. O boletín recolle tamén outros asuntos da actividade comunitaria presentados por áreas temáticas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Portugal
A UE financia con 980.000 euros o programa “Cultura sen Fronteiras” entre Galicia e Portugal
A iniciativa posta en marcha entre Galicia a Rexión Norte de Portugal consiste na realización dun amplo programa de cooperación e intercambio cultural durante o presente ano e 2004. “Cultura sen fronteiras” incluirá a organización de actividades, encontros e citas culturais en torno á música, a danza, o teatro e a literatura. O custo total do programa ascende a 1,3 millóns de euros, dos que 982.482 serán aportados pola UE, a través do programa Interreg III, 233.333 pola Consellería de Cultura e 94.161 pola Rexión Norte.
(Fonte: Santiago,
AGN).
28/05/2003
Política
O ex representante da OLP en Galicia amosase “moi escéptico” ante a Folla de Rota
Coincidiron en Santiago de Compostela dous altos representantes do pobo palestino e do pobo xudeu; ambos deron senllas conferencias sobre a resolución do conflicto en dous actos diferentes. Mohamed Safa, representante da OLP en Galicia entre 1985-1991 amosouse moi escéptico respecto á vontade israelita nos procesos de paz. O escritor israelita Gustavo Perednik, que baseou a súa intervención na seguridade de Israel, amosouse, pola contra, optimista respecto á resolución do conflicto.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
López Veiga cualifica de “paternalista” e “neocolonialista” a actitude da Comisión de Pesca cos países en desenvolvemento
Galicia desenvolverá no futuro os seus programas de internacionalización da pesca “soa ou acompañada” pola Unión Europea. Esta afirmación do conselleiro de Pesca deixa sentada tanto a crítica á Comisión como o rexeitamento do sector galego ó “plantexamento neocolonialista” das autoridades comunitarias con terceiros países. López Veiga augura o fracaso da proposta comunitaria por querer dirixi-la explotación de recursos alleos, e pretender que a pesca se manteña como sector único para potencia-lo crecemento económico nos países menos desenvolvidos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Un congreso internacional reúne en Barcelona a 200 estudiantes de galego de todo o mundo
O VII Congreso Internacional de Estudios Galegos está organizado pola Asociación Internacional de Estudios Galegos (AIEG) en colaboración coa Universidade de Barcelona e conta co patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística. Este congreso reúne a preto de 200 interesados nos estudios galegos de todo o mundo, con especial incidencia daquelas universidades onde existen Centros de estudios Galegos. Na actualidade, a implantación de estudios galegos existe en 42 universidades de 17 países.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
O conselleiro de Emigración viaxa a Venezuela para visitar á colonia galega
Aurelio Miras saíra cara Venezuela nunha viaxe na que ten previsto visita-la colonia galega e participar no acto de toma de posesión da nova directiva de Irmandade Galega en Caracas, que presidirá Felisindo López. Nos últimos tempos a entidade “converteuse nunha cabeza de ponte imprescindible para as actuacións galegas a prol da nosa comunidade residente na República Bolivariana, e tamén para as accións solidarias do pobo galego co venezolano de calquera orixe”, descantou o conselleiro.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Unha vintena de empresas galegas visita a maior feira europea da pedra
As Cámaras de Comercio de Tui e Vigo organizan conxuntamente, dentro do Plan de Fomento das Exportación Galegas, unha vista de profesionais á Feira Stone+Tec de Nürenberg, na que participarán un total de 17 empresas galegas. Stone+Tec, Feira Internacional da Pedra Natural e Tecnoloxía para o Procesado de Pedra, é a de maior importancia de Europa dentro do sector e este ano celebra a súa décimoterceira edición de carácter bianual.
(Fonte: Vigo,
AGN).

Máis de setenta expositores de España e Portugal acoden á terceira edición de Vigonatura
A Feira de Ecoloxía e Calidade de Vida Vigonatura abre as súas portas no recinto vigués de Cotogrande con máis de setenta expositores procedentes de toda España e Portugal. O director de Vigonatura, Chema Pascual, explicou que se agarda a visita de preto de 15.000 persoas, que poderán coñecer diversas áreas como a bioconstrucción, as enerxías renovables, a agricultura ecolóxica ou a alimentación natural.
(Fonte: Vigo,
AGN).
27/05/2003
Unión Europea
Galicia pide que as axudas europeas vaian máis alá do vindeiro trienio
O conselleiro de Economía, Xosé Antonio Orza, destacou que a política de Cohesión da UE fixo que Galicia acadase niveis de converxencia coa Unión “importantes” ó pasar o PIB per cápita galego do 57% ó 64,7% da media comunitaria. Orza insistiu en que os fondos comunitarios teñen que seguir contribuíndo á converxencia de Galicia con Europa “porque podería producirse un impacto negativo se se produce, que non se vai producir, unha retirada brusca”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
O Parlamento aproba por unanimidade a nova normativa galega en materia de cooperación ó desenvolvemento
A Lei de Cooperación para o Desenvolvemento é a primeira normativa que regulamenta en Galicia as accións de solidariedade da comunidade cos países máis necesitados, polo que establece toda unha serie de órganos competentes para a acción solidaria. O texto contempla creación da Comisión Interterritorial e a Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento para coordena-las actuacións da Xunta, os concellos, e os distintos departamentos do Goberno. Áreas preferentes para este tipo de acción serán os países latinoamericanos e de tradición ibérica, ademais da África austral e atlántica.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
Empresas transformadoras acudirán á feira de Polfish en Polonia
Un total de 18 firmas integradas na Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (Anfaco) acudirán, do 27 ó 29 de maio, á feira Polfish que se celebra en Gdansk, Polonia. As empresas afondarán os contactos xa establecidos coas compañías do sector de trasporte polaco en canto á venda de tecnoloxía e o posible establecemento de empresas mixtas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Turismo
Cincuenta turoperadores ofrecen Santiago como destino ideal
Segundo un estudio da Oficina Española de Turismo en París, vintenove turoperadores galos ofertan actualmente paquetes turísticos con destino en Galicia; catro deles propoñen ós seus clientes rotas polo Camiño de Santiago e trece o ofertan para viaxes de estudios. Por outra banda, e durante a pasada semana, vinte empresas turísticas europeas e americanas participaron en Santiago nun encontro sobre turismo rural.
(Fonte:
El Correo Gallego).
25/05/2003
Portugal-Economía
Galicia e Portugal buscan atrae-lo capital estranxeiro
O subcomité de Xestión Rexional Galicia-Norte de Portugal aprobou 57 proxectos de cooperación que permitirán a creación de clusters empresariais transfronteirizos, a constitución dun fondo de capital risco e a realización de misións comerciais conxuntas entre os dous países. Está prevista tamén á recepción das delegacións empresarias estranxeiras de forma unificada, cara á atracción do investimento exterior.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Solidariedade
Mans Unidas financia un proxecto de promoción da muller en Perú
A delegación de Mans Unidas na diocese Mondoñedo-Ferrol asumiu o compromiso de financiar un proxecto de promoción da muller en Perú cun custo de 76.867 euros. As beneficiarias do proxecto son mulleres de idades comprendidas entre os 16 e os 45 anos.
(Fonte:
El Correo Gallego).
24/05/2003
Economía
Expedición comercial galega a Noruega
Unha delegación composta por 17 empresas galegas visitará coa Cámara de Comercio de Ferrol a feira Nor-Shipping, que reunirá a principios de xuño, ós productores máis destacados da industria naval de todo o mundo na localidade norueguesa de Lilestrom. A acción, incluída no plan de fomento das exportacións Galegas, está cofinanciada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Duascentas Pemes galegas beneficiaranse do Foexga
O conselleiro Juan Rodríguez Yuste subscribiu o acordo do Plan de Fomento das Exportacións de Galicia (Foexga) correspondente a 2003 cos presidentes das nove cámaras galegas. Polo novo plan, máis de cen empresas galegas aprenderán a exportar e outras 92 consolidarán a súa internacionalización durante o presente exercicio, beneficiándose das axudas establecidas pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio, o Instituto de Comercio Exterior e as Cámaras de Comercio.
(Fonte:
El Correo Gallego).
22/05/2003
Emigración
A Deputación de Ourense abrirá unha oficina para que os emigrantes retornados tramiten a súa documentación en 15 días
A Deputación Provincial de Ourense abrirá unha oficina para emigrantes retornados, que lles brindará asesoramento xurídico e laboral. O anuncio da apertura da oficina realizouse durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación e a Dirección Xeral de Ordenación das Migracións.
(Fonte: Ourense,
AGN).

Pesca
A Xustiza arxentina revoca os amparos que permitían a barcos galegos faenar no seu caladoiro
Unha decisión da Xustiza arxentina vén de provoca-la expulsión de nove buques, dos que sete teñen capital galego, que faenaban ó norte do paralelo 48. Esta decisión basease na revogación dos 24 amparos que permitían a empresas mixtas traballar nese caladoiro, un dos máis ricos en pescada da plataforma do país. O presidente do grupo Pescapuerta minimizou a importancia do fallo, nunha visión que contrasta coa doutras compañías como Iberconsa-Arxentina.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Portugal
Comparan nun encontro a arquitectura galega coa de Portugal
O Consello da Cultura Galega acollerá as xornadas “A arquitectura dende Lisboa”, coas que pretende tender “novas pontes de comunicación” con Portugal, ó tempo que sirva para contrasta-la arquitectura galega coa lusa “e recoller melloras nas metodoloxías e proxectos”. Os coordenadores dos encontros serán Iago Seara (CCG) e Jorge Cruz Pinto, mestre da Escola de Arquitectura de Lisboa.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Coproducción da Aula de Teatro da USC coa homónima de Konstanz
A Aula de Teatro da Universidade de Santiago prepara unha coproducción coa compañía teatral da Universidade de Konstanz (Alemaña), que será estreada na cidade alemana a finais deste mes. O proxecto naceu no encontro de ámbalas dúas compañías no Festival de Teatro Europeo de Rouen o ano pasado. As linguas utilizadas na representación serán o galego, o alemán e mailo inglés.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
O transporte dos productos galegos cara Europa encarecerase nun 20% se Francia cobra a taxa por usa-las súas estradas
Ese aumento nos custos tería que ser trasladado tamén ós clientes á hora de adquiri-lo producto, algo que “tería consigo problemas na estructura do mercado”, afirma o secretario xeral da Federación Galega de Transportes de Mercadorías (Fegatran). Ademais, segundo o representante dos transportistas, as empresas terminarían por ver que producir en Galicia para logo traslada-las mercadorías a outros países da UE non sería rendible.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Microsoft trata de seducir ás Pemes galegas
A multinacional informática Microsoft pretende desenvolver en Galicia un plan que pule a concorrencia das máis de 165.700 pequenas e medianas empresas a través da introducción e afortalamento das novas tecnoloxías nestes negocios. O responsable de Márketing de Microsoft afirma que Galicia constitúe un mercado “moi interesante”, cun gran potencial de expansión, dado que soamente o 80% das Pemes contan con ordenadores persoais.
(Fonte:
El Correo Gallego).
21/05/2003
Pesca
A Eurocámara avala o acceso dos barcos galegos ó mar irlandés
A comisión de Pesca do Parlamento Europeo votou unha iniciativa na que se avala que a flota galega poida faenar sen discriminación ningunha nas augas do chamado box irlandés. O galego Daniel Varela (PP) opina que “é unha victoria galega en toda regra”, antes de sinalar que a iniciativa aínda debe someterse a pleno.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Sociedade
O empresario Ghaleb Jaber pide ás administracións españolas que Santiago acolla a próxima conferencia de paz árabe-israelita
O empresario compostelán de orixe palestina Ghaleb Jaber solicitoulle ó Goberno galego e ó Executivo central que “de celebrarse unha conferencia de paz árabe-israelita, esta se celebre en Santiago”. Jaber puxo á capital de Galicia como “exemplo de convivencia de culturas e lugar de paz” durante a presentación da conferencia de Miguel Ángel Basternier “A Folla de Rota cara ningunha parte”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Un cento de empresas galegas poderán aforrar 150 millóns de euros este ano se o dólar continua na súa cotización actual
Máis dun cento de empresas galegas beneficiaríanse da forte caída da cotización do dólar con respecto á moeda europea, ata o extremo de aforrar 250 millóns de euros de manterse esta cotización. O ano pasado un total de 109 empresas galegas importaron productos dos países do ámbito do dólar por valor de 1.474 millóns de euros, cando o intercambio entre esta moeda e a norteamericana era aínda negativo para a divisa europea.
(Fonte: Santiago,
AGN).
20/05/2003
Unión Europea
Galicia reclama que Arias Cañete esixa maior cota láctea en Bruxelas
O titular galego de Agricultura, J.M Diz Guedes, asegurou que a Galicia “lle preocupa a reforma da PAC tal como se está a concibir no seu conxunto”, e resaltou a confianza “unánime” no talento negociador do ministro Arias Cañete. Con respecto ó sector lácteo, Diz Guedes considerou que, pese a que “nos parece positivo o mantemento do actual réxime de cotas ata 2015”, a España “lle fai falla unha ampliación dos seus límites productivos”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
19/05/2003
Unión Europea
A Coruña acolle unha reunión de Eurojust sobre coordenación xudicial de casos de polución marítima
O obxectivo da reunión é, segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, definir unha metodoloxía de traballo a raíz da experiencia de casos xa tratados por xuíces e fiscais españois como o Erika, o Mar Egeo ou o Casón, así como as iniciativas da Rede de Fiscais dos países do Mar do Norte. Na reunión participarán maxistrados de Eurojust por España, Francia e Portugal; xuíces e fiscais de España e Francia, e fiscais de países do Mar do Norte.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
A capital galega, destino da inmigración
Compostela é a cidade galega que recibe maior número de inmigrantes, despois de Vigo e A Coruña. Un dos motivos que sitúa Compostela como cidade receptora de primeira orde é que se sitúa como segundo destino elixido polos descendentes da diáspora. Con máis dificultades atópanse os inmigrantes sen ningún vencello familiar, a maior parte dos casos de procedencia latinoamericana. Para atender estas necesidades e para garanti-la defensa dos dereitos civís, políticos, e sociais dos inmigrantes, a candidatura de Esquerda Unida propón a creación dun Consello Local de Inmigración
(Fonte:
El Correo Gallego).
18/05/2003
Acción Exterior
A Revista de Dereito da Universidade Católica da Santísima Concepción de Chile recolle no seu último número unha conferencia do presidente da Xunta
Manuel Fraga destaca o traballo realizado por instaura-la democracia, algo que “comecei de inmediato a pór en práctica” no Ministerio de Información e Turismo e que lle custou a súa saída do goberno por tentar acabar co partido único. A publicación chilena recolle unha conferencia pronunciada por Fraga na última viaxe oficial que realizou a Chile en 2000, na que sinalaba que a transición española “cumpriu cos seus fins esenciais de evitar un choque violento entre os españois” e “asenta-la democracia e a monarquía parlamentaria como forma de Estado”.
(Fonte:Santiago,
AGN).
17/05/2003
Acción Exterior
A dona do presidente de Guatemala pide a Gamallo que a Xunta continúe a “froitífera” cooperación co seu país
Evelyn Morataya reuniuse co secretario xeral de Relacións coa Unión Europea para solicita-la continuidade dos programas de cooperación que está a desenvolve-la Xunta en Guatemala. Jesús Gamallo tamén mantivo reunións co ministro de Agricultura e con altos cargos do sector primario guatemalteco. Durante a pasada semana, Gamallo visitou El Salvador e Honduras para inspecciona-los programas de cooperación nos que a Xunta está involucrada.
(Fonte: Santiago,
AGN).
16/05/2003
Acción Exterior
Gamallo propón en Guatemala unha política americana de cohesión e solidariedade liderada por EEUU semellante á desenvolvida na UE
A experiencia comunitaria é trasladable a América. Esa foi a mensaxe do secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior, Jesús Gamallo, que participou en Guatemala nunhas xornadas sobre a Constitución dun Espacio latinoamericano. Gamallo puxo como exemplo a política de cohesión e solidariedade de Europa como futuro marco de desenvolvemento americano, que debería liderar Estados Unidos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
Novas axudas para asistencia alimentaria na Arxentina
O Goberno galego destinará 275.000 euros á execución dun programa de asistencia alimentaria e sociosanitaria na Arxentina, do que se beneficiarán ó redor de seiscentas familias da Intendencia de Avellaneda e do Gran Bos Aires. A Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea destinará outros setenta mil euros ó mantemento dun programa de asistencia a menores discapacitados na República de Guatemala.
(Fonte:
El Correo Gallego).
15/05/2003
Economía
Caixanova adquire o 100% do grupo Sogevinus e o 99% das bodegas Cálem
Caixanova pechou a compra da totalidade das accións do grupo portugués Sogevinus, o que converte á entidade viguesa en propietaria do 99% do accionariado de Cálem, unha das bodegas máis prestixiosas de Portugal, tamén como exportadora. Fontes da entidade crediticia sosteñen que a adquisición non implica a apertura dunha estratexia de penetración no sector vitivinícola portugués, senón que se cingue a unha “opción concreta”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Turismo
Touroperadores de todo o mundo viaxan a Vigo para coñece-las súas posibilidades turísticas
Touroperadores e axencias de viaxe de Europa e América visitan Vigo e a súa área, convidados polo departamento de promoción turística da Cámara de Comercio, co obxectivo de que coñezan e inclúan á cidade e á súa área metropolitana nas súas novas propostas de ocio. Con esta acción, a Cámara de Vigo trata de que os turistas comecen a incluí-la cidade nas súas rotas, tanto dende o punto de vista cultural como polos seus atractivos naturais.
(Fonte: Santiago,
AGN).
14/05/2003
Economía
Estaleiros galegos optan a construír media millar de buques para Angola
A delegación angolana desprazada a Galicia ten pendente unha negociación co goberno español que garanta a compra de buques, principalmente ós estaleiros galegos. O ministro de Pesca de Angola indicou, tras reunirse con armadores galegos, que o paquete financeiro do proxecto é moi grande, ó supera-los cen millóns de euros, e que están explotando tódalas posibilidades, como negociar con outras institucións. Ó respecto, Angola mantén contactos con Euskadi e Andalucía para executar este proxecto, pero os estaleiros galegos, segundo o ministro ofrecen “maior variedade” para cubri-las demandas.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Emigración
Miras Portugal reúnese co gobernador da provincia arxentina de Santa Fé
O conselleiro de Emigración manterá unha xuntanza con Carlos Reutmann, gobernador de Santa Fé para tratar a situación da numerosa colonia galega na provincia, afectada polo desbordamento do río Salado. Miras entrevistarase co Embaixador de España en Bos Aires, coas autoridades locais e con representantes da colectividade galega nas zonas máis afectadas, ademais de visita-lo Hospital de Niños, co que se agarda iniciar proxectos de colaboración.
(Fonte: Santiago,
AGN).
13/05/2003
Unión Europea
Galicia non será circunscrición electoral independente nas vindeiras eleccións europeas
España seguirá sendo circunscrición electoral única nas eleccións comunitarias, xa que os votos do PP impediron que saíse adiante no Congreso unha proposición de reforma da Lei Electoral presentada polo Bloque pola que se pedía que as tres comunidades históricas contasen coa súa propia circunscrición independente, para que puidesen escolle-los seus propios deputados. En opinión dos nacionalistas, de terse aprobado, se reforzaría o dereito dos cidadáns a elixir directamente ós seus representantes na UE.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Portugal
Novos recursos de atención ás toxicomanías en Galicia e Portugal
A UE aprobou o financiamento dos novos recursos para o tratamento de drogodependencias coa que a Consellería de Sanidade, xunto coa Dirección Rexional Norte do Servicio de Prevención e Tratamento de Toxicodependencias de Portugal, reforzarán a asistencia sociosanitaria nesta zona. Os proxectos inclúen a creación de dous centros de tratamento, en Chaves e Porriño, que ampliarían a cobertura sanitaria a varios concellos da raia e o Alto Miño.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
Galicia e Angola buscan fórmulas de cooperación en materia pesqueira
Unha delegación da República de Angola, encabezada polo seu ministro de Pesca, Salomao Luheto Xirimbimbi, atopase en Galicia para analiza-los recursos pesqueiros e estudiar distintas fórmulas de colaboración que contribúan ó desenvolvemento dos seu sector pesqueiro. O presidente da Xunta ofreceu a “colaboración técnica necesaria” de Galicia para favorece-lo crecemento do sector pesqueiro do país africano.
(Fonte:
El Correo Gallego).
12/05/2003
Unión Europea
Galicia confía na presión de Perú para relanza-la súa industria fariñeira
Os conserveiros e fabricantes de fariñas de peixe galegos confían que a presión de Chile e Perú consiga o que levan pedindo dende principios de ano: que a Unión Europea decida levanta-lo veto ó emprego destas fariñas na alimentación animal. Ademais da presión dos principais países productores de fariña de Latinoamerica, o voceiro do Partido Popular Europeo, Daniel Varela, solicitou ó Executivo comunitario a supresión da prohibición en canto se revisen tódalas medidas técnicas adoptadas para combate-la extensión do mal das vacas tolas.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
10/05/2003
Unión Europea
Adena pide á UE que adopte o sistema de rexistro, avaliación e autorización de sustancias químicas para protexe-lo medio ambiente
A asociación ecoloxista Adena reclama ó s goberno español e galego e ós europarlamentarios que “fagan todo o posible” para que a UE estableza conta antes” o sistema Reach de protección contra posibles contaminacións medioambientais por axentes químicos en Europa. Este sistema, contemplado no Libro Branco da Comisión Europea, prevé o rexistro, avaliación e autorización de substancias e preparados químicos por unha Oficina de Substancias Químicas no nivel comunitario.
(Fonte. Santiago,
AGN).
09/05/2003
Economía
Os investimentos estranxeiros en Galicia medraron o pasado ano 37 millóns de euros
Os investimentos estranxeiros en Galicia colocaron Galicia como sétima comunidade española con máis investimentos estranxeiros durante o ano 2002. Pola contra, os investimentos galegos no exterior víronse minguados en máis de 88 millóns de euros. Segundo o ICEX, os países que reciben un maior investimento galego son Arxentina (19 millóns), Alemaña (12 millóns), Italia (6,7 millóns), EE.UU (4 millóns) e Xapón (3 millóns). Chama a atención a cifra de investimentos dende Galicia en paraísos fiscais como Malvinas e Omán.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
Gardas Civís galegos adéstranse para integrarse no continxente militar que irá a Iraq
Diversos membros da Guarda Civil procedentes de Galicia atópanse en Madrid para realizar un curso de preparación para ir a Iraq dentro do continxente de 1.200 efectivos que o Ministerio de Defensa ten previsto enviar nas vindeiras semanas. O continxente da Benemérita que finalmente se desprace a este país contará cun segundo xefe de orixe galega. Segundo a Unión de Profesionais da Guarda Civil non semella adecuado que sexa Defensa quen auspicie a misión, pois “lle confire un carácter militar que non é desexable”.
(Fonte: Santiago,
AGN).
08/05/2003
Unión Europea
A Xunta di que Europa non se concibe sen solidariedade
Na declaración institucional co gallo da celebración do Día de Europa, a Xunta asegura que Galicia é “inequivocamente europea por cultura e vocación, por historia e vontade” e por iso vai loitar para que “se lle garantan as mesmas vantaxes que outros territorios”. Por iso, di, Galicia proponse lidera-lo movemento rexional europeo para garantir que non se esqueza o principio fundacional da solidariedade.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Lugo entra con Santiago no programa europeo Atlante
Os alcaldes de Lugo e Santiago, xunto ós lusos de Guimaraes, Agra do Heroísmo e Évora, máis representantes de Porto e Eixo Atlántico asinaron o convenio de participación no proxecto Atlante. A iniciativa, enmarcada no programa Feder-Interreg III baixo o título “Mellora-las cidades atlánticas Patrimonio Mundial da Unesco”, ten como obxectivo a busca de solucións comúns para potencia-las urbes destas características. Dos 28 proxectos presentados a este plan só foron seleccionados os das cinco cidades galegas e portuguesas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Galicia reclama que os emigrantes sexan habitantes de pleno dereito
O Parlamento galego reclama que o Goberno central estudie nesta lexislatura a equiparación dos emigrantes cos habitantes de dereito de Galicia. De producirse, a comunidade pasaría a ter 283.663 habitantes máis, o que representa un aumento do 10%, así coma outros dous deputados no Congreso e outro senador. Ó ter máis poboación de dereito, tamén lle corresponderían máis fondos do Estado.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Solidariedade
Galicia contará cunha Axencia Humanitaria para xestiona-las axudas a países necesitados
O conselleiro de emigración presentou a Axencia Humanitaria de Galicia, un proxecto que permitirá que a comunidade se dote dun instrumento nas súas operacións de axuda a países e zonas xeográficas necesitadas e con presencia de poboación de orixe galega. Entre os seus cometidos estará a coordenación das actuacións solidarias da sociedade civil, tanto as promovidas pola Administración como as das ONGs, empresas, entidades e asociacións do exterior, así como as comunidades do exterior.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
Xan leira presenta o seu libro “Castelao e os irmáns da liberdade” na Feira do Libro de Bos Aires
O escritor e cineasta galega Xan Leira presentou o seu último libro na XXIX Feira do Libro de Bos Aires, mostra na que Galicia contou cun importante posto presentando obras en galego. “Castelao e os irmáns da liberdade” é un proxecto multimedia que trae ó presente a memoria de Castelao e a súa loita pola causa galega e republicana. A presentación en Bos Aires cobra importancia especial por coñecerse esta capital como “a quinta provincia galega”.
(Fonte: Santiago,
AGN).
07/05/2003
Emigración
A USC e Emigración estudian a diáspora
A Consellería de Emigración e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron un convenio polo que a institución académica e o departamento da Xunta comprométense a realizar publicacións nas que se recollan investigacións e materiais sobre a realidade histórica da emigración e a súa presencia en determinados países. O convenio promoverá a edición de textos como “Galegos en México”, un proxecto de investigación que xa está en marcha e que conta con contidos gráficos que permiten un achegamento ó conxunto do estudio.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
O mexillón galego lánzase de novo ó mercado belga
Coincidindo coa celebración en Bruxelas da Seafood, a feira de productos pesqueiros máis importantes de Europa, a Organización de Productores de Mexillón de Galicia (Opmega), abriu unha campaña para introducir en Bélxica o bivalvo galego, operación iniciado hai un ano que tivo que ser interrompida polo desastre do “Prestige”. Bélxica, país non productor, detenta nembargantes o record de consumo per cápita deste molusco.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Portugal
Municipios da raia crearán a primeira mancomunidade transfronteiriza da UE
O obxectivo dos concellos do alto Minho portugués e do baixo Miño galego é constituír unha entidade xurídica que permita ás autoridades limítrofes desenvolver proxecto conxuntos como se fosen unha comunidade de municipios nacional. Segundo Rui Solheiro, presidente da Asociación de Municipios lusos do Val do Miño, a mancomunidade “aumentará a nosa capacidade reivindicativa perante as institucións, xa sexan rexionais, nacionais ou comunitarias”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Expertos internacionais establecen un plan de acuicultura extensiva para repoboa-las rías
Científicos españois, xaponeses, daneses e noruegueses, reunidos pola Consellería de Pesca no “Workshop sobre Repoboamento/Mellora de Stocks nas Rías Galegas”, valoran as posibilidades de realizaren proxectos piloto para a creación dun futuro programa de repoboamento das rías galegas. En principio, as especies susceptibles de participar no proxecto serían os peixes planos como o rodaballo e o ollomol e os crustáceos como o bogavante.
(Fonte: Santiago,
AGN).
04/05/2003
Cooperación Exterior
Irmanamento con Italia e Bulgaria
O Concello de Boqueixón iniciou os primeiros contactos con representantes de Crescentino (Italia) e Tutrakan (Bulgaria) para levar a cabo senllos irmanamentos. Delegacións de ambas localidades permanecerán no municipio coruñés por espacio de tres días co obxectivo de establecer unha estreita colaboración entre os tres pobos e promove-las relacións interxeracionais.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A actividade téxtil galega sitúase no segundo capítulo de vendas ó estranxeiro
As vendas ó exterior de Galicia incremetáronse un 472% dende que se puxo en marcha o Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga) o ano 1992. O sector téxtil acada o 2º posto no capítulo exportador, cando en 1992 ocupaba o décimo lugar. Por outra banda, o incremento das exportacións galegas totais, posibilitou tamén unha notable mellora noutros parámetros como son o saldo comercial e a taxa de cobertura. Así a balanza comercial galega atinxiu en 2001 un superávit de 390 millóns de euros e a cobertura superou o 104%.
(Fonte:
El Correo Gallego).
03/05/2003
O PSD portugués propón que a Eurocopa do 2004 e o Xacobeo se promovan xuntos
O presidente para a rexión de Porto do Partido Social Demócrata portugués (PSD), Marco Antonio Costa, propuxo ademais a creación dunha axencia pública entre a Xunta e a Rexión Norte de Portugal. Estas propostas figurarán entre os temas da convención que celebrarán en xuño o PP de Galicia e o PSD co fin de potencia-la Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no contexto dunha Europa ampliada.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Miras Portugal viaxa a Santa Fe para entregar axuda ós afectados polas inundacións
O conselleiro de Emigración viaxará á cidade arxentina de Santa Fe, a máis populosa das vilas afectadas polo desbordamento do río Salado. Miras ten previsto entregar un lote de fármacos de primeira necesidade, e completar esta achega con outras doazóns médicas e farmacolóxicas nas que colabora a Fundación Galicia-Emigración. O Centro Galego de Santa Fe será o encargado da recepción e distribución das axudas, destinadas á colectividade galega pero tamén a tódolos santafesinos que poidan precisar delas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

A UE considera incorrecta a avaliación ambiental da fábrica de Mugardos
A Comisión Europea decidiu abrir un procedemento de infracción contra o Goberno español por considera que vulnerou directivas sobre avaliación ambiental que deberían ser tidas en conta na instalación gasificadora que se proxecta construír en Mugardos. A Dirección Xeral de Medio Ambiente tomou esta decisión tras analiza-la denuncia do Comité Cidadán de Emerxencia, contrario ó emprazamento da fábrica no interior da ría de Ferrol.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O Igadi crea o premio “Lois Tobío”
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional aprobou a creación do Premio Lois Tobío, en memoria de quen foi membro do seu Consello Asesor. Este galardón consistirá nunha bolsa de investigación destinada a estimula-los estudios internacionais e a investigación contemporánea e histórica sobre aspectos relacionados coa proxección exterior de Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Compostela e Dublín negocian abrir un voo directo que enlace ambas capitais no Xacobeo
O departamento de Turismo de Santiago, xunto con Turgalicia e os seus homólogos irlandeses xuntan esforzos para conseguir que, a partir do vindeiro 2004, un voo diario poida unir Dublín con Compostela. Pese a que apertura da nova liña aínda se atopa na primeira fase, o edil de Turismo, Francisco Candela. Confía en que estea lista no Xacobeo, aínda que sexa tan só cun chárter semanal.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Máis de 70 firmas galegas lánzanse á conquista da Europa do Leste
Durante 2002, as ventas das empresas galegas en Europa do Leste aumentaron un 775, superando os 212 millóns de euros. Segundo datos do Plan de Fomento das Exportacións, en total, hai sete empresas galegas con fábricas funcionando ou en proceso de construcción en Europa do Leste. Ata o de agora, cinco compañías de capital galego levan investidos 150 millóns de euros e dan traballo a más de 3.000 persoas en Moldavia, Rumania, República Checa, Bulgaria, Eslovaquia e Polonia. O Icex avisa nembargantes dos perigos: o de chegar tarde a investir nunha área onde xa penetraron moitos países, e o risco de perder investimentos, subvencións europeas e postos de traballo na industria manufactureira intensiva en man de obra.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
 
Ver máis Diario Exterior

2003: abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/06/2003
Fernando Pol