O Banco Mundial solicita de novo a arbitraxe de Bello Janeiro O Banco Mundial volveu designa-lo director da Escola Galega da Administración Pública e Catedrática de Dereito Civil para integrar un novo Tribunal de Arbitraxe do seu Centro Internacional de Arranxo de Diverxencias Relativas ós Investimentos. Nesta ocasión, trátase de resolve-la reclamación da compañía estadounidense AES Corporation respecto dos investimentos en compañías arxentinas. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo Profesionais do turismo de Irlanda en Compostela Máis de setenta profesionais do sector turístico irlandés reuníronse en Compostela durante unha xornada co fin de coñece-las peculiaridades da cidade e as súas potencialidades como destino turístico. (Fonte: El Correo Gallego).
Deputados do PSdeG piden á Comisión Europea unha “actitude belixerante” coa reforma da PAC presentada por Fishler Os tres deputados do PSdeG que viaxaron a Bruxelas na delegación da Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia pedironlle ó director xeral de Agricultura da Comisión Europa que se leve a cabo unha reforma que “non prexudique os intereses galegos” polo “baixo nivel” de axudas percibidas nos últimos anos, algo que Fishcler pretende agora usar como referencia para as novas axudas ás explotacións. (Fonte: Santiago, AGN). Economía A XXVI Edición da Semana Verde de Galicia inaugurase con expositores de 31 países A Semana Verde de Galicia, que se prolongará ata o día 4 de maio, contará con 1.367 firmas expositoras de 31 países dos sectores agrícola, gandeiro, forestal, maquinaria, alimentario e hortofloral. A Feira Internacional presentase coma o maior centro de negocios do sector. (Fonte: Santiago, AGN).
As firmas pesqueiras xeran o 11% do negocio internacional de Galicia A pesca é a actividade galega máis internacional, non só polas súas capturas, senón polas súas exportacións e investimentos no estranxeiro. O aspecto máis novidoso constitúeno os cada vez máis potentes investimentos internacionais feitos co fin de protexe-las súas áreas de capturas, abrir novos mercados e ganar concorrencia na producción. As fábricas noutros países das principais multinacionais galegas dan emprego a preto de 5.000 persoas en 25 estados. (Fonte: La Voz de Galicia).
Cinco intelectuais fan o retrato do perigo da ameaza imperialista Os efectos da guerra de Iraq e a ofensiva do imperialismo norteamericano foron tratados na XX Semana Galega de Filosofía de Pontevedra por James Petras, Eduardo Galeano, Adolfo Sánchez Vázquez, Celia Amorós e Alfonso Sastre. Os cinco intelectuais coincidiron á hora de condena-la política do goberno Bush no ataque a Iraq e alertaron sobre futuras invasións do imperialismo norteamericano. (Fonte: El Correo Gallego).
Máis de cen millóns para medio centenar de proxectos galaico-lusos Manuel Fraga asegura que para garanti-lo seu futuro, as rexións deben ter en conta “non so as veciñas, senón tamén a outras máis afastadas, e cooperar no ámbito transfronteirizo, transnacional e transrexional”. Fraga fixo estas declaracións durante a reunión do Subcomité que examinou os 136 proxectos de cooperación presentados para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O Goberno autonómico propuxo 47 proxectos, o central 36 e a administración portuguesa os restantes 53. Deles, 57 foron seleccionados para seren financiados pola UE.
Piden a Fraga que explique as axudas europeas para a recuperación de Galicia A oposición no Parlamento galego pedirá no vindeiro pleno ó presidente da Xunta que explique a súa postura e a do seu goberno ante a guerra en Iraq, que solicite unha investigación sobre o cámara de Tele 5 Xosé Couso, e informe das axudas previstas pola UE para a recuperación de Galicia tralo naufraxio do “Prestige”. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Inventario dos fondos artísticos dos centros da diáspora en Sudamérica O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta, asinaron un convenio para a realización dun inventario dos fondos artísticos e monumentais que atesoiran os centros da emigración en Arxentina, Cuba e Uruguai. Para levar a cabo esta iniciativa, o Consello da Cultura Galega disporá dun centro de referencia no estudio e tratamento do fenómeno migratorio: o Arquivo da Emigración Galega. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca Galicia cultiva preto de dous tercios do mercado mundial do rodaballo O liderado galego na acuicultura xa non se sustenta so nos moluscos e crustáceos. O cultivo de rodaballo tense convertido nunha das actividades de maior recoñecemento internacional cun volume que supón preto do 59% da producción mundial. Trala comunidade galega, para atopa-lo segundo maior productor, débese suma-lo conxunto de países europeos que explotan este peixe, cun 29% do total. (Fonte: El Correo Gallego).
A canle autonómica estrea a serie “Europa Nosa-Europa Nostra” Televisión de Galicia estreou un microespacio informativo sobre a Unión Europea, que centra a súa atención nos grandes temas sociopolíticos da UE que teñen repercusión en Galicia, e máis nos proxectos europeos destinados á Comunidade galega. Os corenta programas Europa Nosa-Europa Nostra emítense en dous formatos de dez e tres minutos, respectivamente. (Fonte: El Correo Gallego). Galicia está a décimas de deixar de ser rexión europea obxectivo número 1 A economía galega logrou converxer o ano pasado 1,34 puntos coa UE, o que elevou o PIB per cápita con relación á media comunitaria do 73,34% ó 74,68%. Esta cifra deixa a Galicia pouco máis de 3 décimas de traspasa-lo umbral que a converte en Obxectivo nº1 na Unión. A este maior dinamismo engádeselle agora a sinatura do tratado de adhesión de dez novos Estados membros da UE, que farán que a media europea a nivel do PIB baixe, e polo tanto a galego suba. (Fonte: El Correo Gallego). A Coruña adhírese a Cidades do Arco Atlántico O Concello da Coruña aprobou a súa adhesión á Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, unha rede urbana destinada a desenvolve-la cooperación entre os seus membros e a pula-los intercambios entre as cidades do litoral atlántico, promovendo a súa condición marítima, o seu modelo urbano, a ordenación equilibrada do espacio comunitario e a cooperación entre cidades arco atlántico africano, de América e da cunca mediterránea. Forman parte da rede cidades españolas, irlandesas, inglesas, francesas e lusas; en Galicia, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. (Fonte: El Correo Gallego). Economía A Unión Europea a 25 países desvaloriza Galicia Salvo Chipre, Malta e Eslovenia, as economías dos outros sete novos socios son de inferior poderío ca galega. En Bruxelas ninguén dubida que a maioría dos territorios que actualmente se benefician da Política de Cohesión, máxime as rexións Obxectivo 1, verán minguadas as axudas. Segundo os analistas comunitarios roupa, e quizais granito e lousa, son os únicos productos galegos que poden gañar clientes nos países da Ampliación. Outra cousa son os investimentos, nos que Galicia se atopará con competidores avantaxados: en Polonia o custo da man de obra equivale ó 23% do que custa en Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia). Cultura O grupo Os Enxebres viaxará a Lorient A formación folclórica Os Enxebres de Cacheiras foi convidada a participar no festival de Lorient, en Francia, unha das celebracións máis coñecidas do mundo sobre a música vencellada á cultura celta. A formación naceu a finais de 1939 da man de Manuel Landeira, avó dun dos actuais gaiteiros do grupo. (Fonte: El Correo Gallego). Solidariedade Galicia destina fondos para dotar a Iraq de bens de primeira necesidade Galicia destinará unha cantidade inicial de 750.000 euros en concepto de axuda humanitaria a Iraq para adquisición de bens de primeira necesidade, segundo se recolle nun convenio de colaboración que será asinado entre o Executivo autonómico e a Axencia Española de Cooperación Internacional. A Secretaría Xeral para as Relacións coa Unión Europa e Cooperación Exterior é o departamento encargado do deseño e seguimento desta iniciativa. (Fonte: El Correo Gallego).
Automoción e peixe dan a Vigo o liderado exportador a países do leste As vendas de coches, peixe conxelado e granito sitúan Vigo entre as primeiras cidades de España que máis exportan ós países do centro e leste de Europa. Dende o porto de Vigo móvense un total de 55.000 toneladas anuais de mercadorías con este grupo de estados. Polonia, Hungría e República Checa concentran o 74% das compras, pero PSA vende tamén vehículos a Eslovenia, Eslovaquia, Croacia e Turquía. Fóra da UE, o porto de Vigo move mercadorías con Iemen, EEUU, Singapur, China, Nova Celandia, Sudáfrica, Surinam, Vietnam e Taiwán. (Fonte: La Voz de Galicia). Política A Xunta afirma que Fraga traballa pola democratización en Cuba A Xunta asegura, en nota de prensa, que Fraga sempre traballou pola democratización de Cuba, en resposta a unhas declaracións nas que se afirmaba que o maior defensor de Fidel Castro en España foi Fraga. A Xunta destaca que os piares das relacións institucionais entre Galicia e Cuba son traballar en prol da apertura democrática da illa e tentar mellora-las condicións de vida da colonia galega, lembrando así mesmo que as xestións de Fraga permitiron a liberación de 139 presos políticos. (Fonte: La Voz de Galicia).
Os sons de Galicia e Portugal, en Coimbra A música tradicional galega ocupará un lugar destacado este mes no Primeiro Festival de Guitarra de Coimbra, a través da actuación de Artur Caldeira, trío sensible ós sons do Norte que ten colaborado coa artista galaico-portuguesa María do Ceo, a quen fai arranxos nos seus discos e concertos. (Fonte: El Correo Gallego).
O alcalde de Valença do Minho ratifica a súa oposición á fábrica de disolventes de Tui José Luís Sierra amosouse moi preocupado pola instalación da fábrica de disolventes, reafirmando a súa oposición á mesma “por pór en perigo a saúde e a seguridade dos veciños”. Na súa opinión, “instalacións coma esta non favorecen a imaxe de dous pobos irmáns e entorpecen chegar a converterse en Patrimonio da Humanidade”. Sierra remitiulle un expediente a Medio Ambiente que aclara que a instalación está catalogada como de máxima perigosidade na escala de industrias nocivas e perigosas da normativa lusa. (Fonte: La Voz de Galicia). Economía Empresas galegas investirán no cultivo de mexilón en Honduras Empresarios galegos do sector mexiloneiro amosaron o seu interese por implantarse en Honduras despois de que investigadores do instituto de acuicultura da Universidade de Santiago descubrisen que o Golfo de Fonseca é un auténtico filón para o cultivo de mexilóns. Ademais dos excelentes resultados da investigación, inflúe no interese dos empresarios galegos os baixos custos da explotación, e as vantaxes ilimitadas que ó establecemento de compañías estranxeiras ofrece Honduras. (Fonte: La Voz de Galicia). Sociedade O 23% dos inmigrantes estranxeiros asentados en Galicia son irregulares En Galicia hai 8.540 inmigrantes en situación irregular, o que supón un 23% do total da poboación estranxeira, segundo o director xeral de Apoio á Inmigración, Javier Álvarez Barbeito. O estudio da Xunta, que forma parte do Plan de Apoio á Inmigración, amosa como e que un 56% dos inmigrantes tiveron que cambiar de categoría profesional ó chegar á Comunidade, transformación que para o 89% supuxo un descendo profesional. A maioría cobra entre 433 e 601 euros. (Fonte: La Voz de Galicia).
Fraga aposta pola conservación da galeguidade na diáspora O presidente da Xunta asegurou que o Goberno galego aposta polos grupos artísticos e deportivos dos centros e casas de Galicia na diáspora, xa que supoñen unha ferramenta na “conservación da galeguidade” e das costumes e tradicións de Galicia. Durante un acto de benvida a 140 mozos que residen no exterior, Fraga fixo un chamamento a que sigan “fieis na esa conducta de servicio” que os trouxo á súa terra de orixe. (Fonte: El Correo Gallego). Política O PSdeG esixe máis medios para a integración escolar de inmigrantes O grupo parlamentario dos socialistas galegos esíxelle á Xunta mediante unha proposición non de lei a “adopción de medios profesionais, técnicos e infraestructuras” para que os centros educativos públicos e concertados de Galicia “fagan posible a integración” dos alumnos inmigrantes”. A xuízo do PSdeG, existen na comunidade moitos centros de educación que non contan con planes específicos de apoio a este colectivo. (Fonte: El Correo Gallego). Economía As cámaras de comercio da UE nomean vicepresidente ó coruñés José Quiroga José Antonio Quiroga foi nomeado vicepresidente de Eurocámaras, asociación que representa os intereses de máis de catorce millóns de empresas da UE. Quiroga accede a este cargo nun momento de gran transcendencia, dado que estas institucións traballan na Ampliación da Unión a través, por exemplo, do programa Cape III, que ofrece asesoramento a empresas e cámaras de comercio dos países candidatos de Europa do Leste. (Fonte: El Correo Gallego).
Elixen á USC para formar parte dun estudio da Unión Europea A Universidade de Santiago é a única de toda España que foi elixida polo proxecto Magalláns para formar parte dun estudio sobre o sistema Erasmus na unión europea, concibido pola universidade italiana de Calabria e o parlamento europeo. As universidades participantes e a de Calabria asinarán un convenio multilateral para potencia-lo intercambio de estudiantes e aumenta-la colaboración coa organización conxunta de masters e cursos de doutorado. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Dúas empresas norueguesas queren crear granxas de acuicultura en Carnota O director da firma norueguesa Akvaplant-Niva reuniuse co alcalde de Carnota para estudia.la posibilidade de construír no litoral carnotán unha granxa de acuicultura para a cría de espacies como o rodaballo, ollomol, salmonete e linguado. A iniciativa súmase a outra petición da tamén norueguesa Stolt Sea Farm para crear unha nova instalación neste municipio. (Fonte: El Correo Gallego).
A Coordenadora Galega pola Paz continúa coa recollida de sinaturas contra a guerra A Coordenadora seguirá recollendo sinaturas contra a guerra ata o día 25 de abril coa intención de tramitalas a través do Parlamento galego para seren remitidas ó presidente do Goberno español. Integran a Coodenadora máis de 30 organizacións da sociedade civil galega entre partidos políticos, sindicatos, organizacións pacifistas, ecoloxistas e humanitarias. (Fonte: Santiago, AGN). A Xunta estudia aportar fondos propios para axuda humanitaria na zona de Iraq Manuel Fraga anunciou que a Xunta estudia a posibilidade de que Galicia participe con fondos propios na axuda humanitaria. O presidente do executivo restoulle importancia ós pronunciamentos en varios concellos do PP contra a posición de España na guerra contra Iraq, xa que confía que “non sexan moi numerosos” porque “a guerra está a piques de rematar” e o seu resultado “deixará bastante mellor para Iraq”. Fraga dixo comprender que haxa “crise de conciencia”, en especial polas imaxes de víctimas civís, e argumentou que aínda que “eu teño a conciencia moi sensible”, a intervención era necesaria para acabar co conflicto nesa da zona e que “paguen os verdadeiros culpables”. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Expertos españois e de diferentes cidades europeas participan no I Congreso Internacional de Musicoloxía O acto, presentado polo concelleiro de Cultura de Vigo, Carlos Príncipe, está organizado polo Instituto de Estudios Vigueses e forma parte do proxecto comunitario “European Musical Heritage and Migration”, que desenvolve o Instituto Músico de Latinoamérica. (Fonte: Vigo, AGN). Patxi Aldecoa asegura que a guerra en Iraq non afectou a unha Europa que “está máis viva ca nunca” Aldecoa centrou a súa intervención nas xornadas sobre o futuro de Europa que organizan a USC e o IGADI, na Convención que redacta a futura Constitución Europea, proceso que consolida “a sociedade do benestar e a presencia de Europa con voz propia no mundo”. Na súa opinión, a crise de Iraq non frea o traballo para que Europa sexa “líder da nova orde planetaria”. O profesor Argimiro Rojo, pola súa banda, centrou a súa conferencia no papel das rexións en Europa. (Fonte: Santiago, AGN). Mesa redonda sobre a guerra e o Dereito en Santiago A Facultade de Dereito da USC acolleu unha mesa redonda, “Guerra en Iraq e orde internacional”, coa participación dos catedráticos de Dereito Internacional Público Manuel Pérez González, Cesáreo Gutiérrez Espada e Romualdo Bermejo García, que analizaron a doutrina do ataque preventivo, o marco lexislativo da Carta da ONU e o futuro de Oriente Medio, respectivamente. (Fonte: Santiago, AGN). O catedrático de Dereito Carlos Ruíz Miguel asegura que a guerra sacou á luz unha UE onde Francia pretende ter “unha especie de dereito de veto” O catedrático de Dereito da USC opina que o país galo aspira a facer da UE “algo semellante ó Consello de Seguridade, no que ten veto”. O estudioso considera que en Europa tense consolidado un núcleo de poder franco-alemán que debuxa un enorme desequilibrio no mapa da UE. Para Ruíz Miguel, o conflicto bélico ten posto tamén de manifesto a hostilidade do mundo árabo-musulmán cara Estados Unidos. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Os emigrantes residentes en Venezuela contarán cunha Oficina de Atención Socio-Sanitaria Os preto de 100.000 galegos residentes en Venezuela contarán cunha Oficina Socio-Sanitaria coordenada pola Xunta e a Irmandade Galega de Venezuela en Caracas. Coa creación desta Oficina, a Xunta disporá de información puntual sobre a situación na que se atopa o colectivo galego en Venezuela, unha vez posta en marcha, a Oficina será a encargada de proporcionar medicamentos ós emigrantes galegos sen recursos e a aqueles con enfermidades que requiran medicamentos específicos. (Fonte: Santiago, AGN).
Novas protestas contra a guerra no Parlamento O deputado do BNG Francisco Ferreiro Abelleira expresou a súa denuncia contra o “atentado criminal en Iraq”, conflicto liderado por “unha coalición terrorista entre Bush, Aznar e Blair”, amosando o seu desexo de que estes líderes “sexan xulgados por isto”. O deputado popular Miguel Ángel Santalices, presidente da Comisión, pediulle a Ferreiras que “se cinguise ó tema”, ocasión que foi aproveitada polo deputado do Bloque para denunciar que, segundo datos da Cruz Roja, “os aliados están usando armas de destrucción masiva”. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Miras Portugal entrega en Venezuela medicamentos O conselleiro de Emigración entregou en Caracas o lote de material médico e sanitario adquirido pola Xunta para asegura-las necesidades dos galegos emigrados se se dera o caso de emerxencia no país. Miras Portugal completou a súa axenda en Caracas coa reunión co embaixador de España en Venezuela para ultima-las seguintes fases do plan para os emigrantes. (Fonte: Santiago, AGN). A comunidade galega en Estados Unidos ve con inquedanza o prolongamento da guerra en Iraq Os estadounidenses en xeral, e os galegos en particular, viven con inquedanza a guerra de Iraq. José Isidro Tajes, un informático de Muros que leva 20 anos nos EE.UU, recoñece que “as manifestacións son cada vez máis numerosas en EE.UU a medida que se ve que os planos iniciais dunha guerra rápida fallaron”. Tajes confesa que “a censura dos medios americanos é moi forte”, e que as imaxes dos mortos só as pode ver a través do Canal Internacional de Televisión Española. (Fonte: Santiago, AGN). Turismo Galicia preséntase como destino turístico á asociación de operadores do Reino Unido Turgalicia presentará a oferta turística galega para 2003 no mercado británico dentro da feira Spanish Tourism Exchange for Professionals. A presencia galega contempla a presentación da comunidade como destino turístico á Asociación de Operadores Turísticos do Reino Unido, un dos grupos empresariais más influentes do mercado anglosaxón. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Vidal Beneyto abre o II Curso de Información e Relacións Internacionais asegurando que a UE debe “volver a partir de cero” O secretario xeral da Axencia Europea para a Cultura explicou que as unións monetarias non duran máis de 50 anos, e asegurou que “se nos vindeiros dous ou tres anos non logramos consolidar unha estructura política europea, a Unión Europea que coñecemos hoxe desaparecerá”. Vidal opina que Europa atravesa un momento crucial, porque “Estados Unidos nunca quixo que politicamente Europa existira”. (Fonte: Santiago, AGN). Economía O Salón Internacional da Saúde deixou un volume de negocio superior ó 3,7 millóns de euros O conselleiro de Sanidade, Hernández Cochón, anunciou oficialmente a celebración, en 2005, da segunda edición do Salón Internacional da Saúde. O conselleiro cifrou en 3,7 millóns de euros o volume de negocio serrado polos 3.200 asistentes ás 237 conferencias. Ademais, 900 internautas seguiron as sesións científicas a través de Internet; deles, o 65% das consultas pertenceu a norteamericanos. (Fonte: Santiago, AGN). Galicia exportou o ano pasado o equivalente á cuarta parte do seu PIB O valor das exportacións realizadas en Galicia en 2002 equivale a máis da cuarta parte do seu PIB, que segundo as cifras previstas, se situaría en 35.000 millóns de euros. O valor das exportacións ascende a 9.496 millóns de euros. Segundo os datos da Secretaría Xeral de Comercio Exterior do Ministerio de Economía, as exportacións galegas durante o primeiro mes deste ano acadaron un valor de 752 millóns, un 0,81% superiores ás de xaneiro de 2001; as importacións, pola súa banda, incrementáronse nun 2,32%, ata os 775 millóns. (Fonte: Santiago, AGN).
Expertos en Relacións Internacionais debaterán en Santiago sobre o futuro de Europa e as consecuencias da guerra en Iraq O futuro de Europa e as repercusións da crise de Iraq serán debatidas en Santiago ata o vindeiro día 10 no II Curso Universitario de Información e Relacións Internacionais, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Ademais destes temas, tamén se analizará a situación de Galicia no contexto europeo. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea O BNG non ve fondos da UE para o pecio O deputado do BNG Carlos Aymerich asegurou que non hai posibilidade de que a UE conceda cartos para dar unha solución definitiva ó pecio do “Prestige”. Aymerich lembrou que Bruxelas xa advertiu que os fondos Feder non poden reasignarse a esta fin, e que o Fondo de Solidariedade está destinado a catástrofes naturais exclusivamente. Ademais, comentou que a posibilidade de acadar financiamento do programa Interreg III tampouco é real porque está destinado a proxectos entre países fronteirizos e “nin Francia nin Portugal van axudar nestes momentos”. (Fonte: El Correo Gallego). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 2003: marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre | |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/05/2003 |