Diario Exterior / marzo de 2003

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
31/03/2003
Unión Europea
O programa Interreg III B da UE podería financiar actuacións derivadas do “Prestige”
O comité de seguimento do programa estudia financiar actuacións derivadas da catástrofe do “Prestige”, tal como confirmou o director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, Manuel Castro, que amosou a satisfacción da Xunta por esta nova. Galicia participa en 10 proxectos pertencentes ó Interreg III B do total de 27 proxectos presentados.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
Unha delegación do sector pesqueiro peruano visita Galicia
Unha delegación formada por catorce representantes da administración e o sector pesqueiro peruano visita Galicia nunha visita organizada pola Consellería de Pesca a petición dos responsables do proxecto Padespa (Proxecto de Apoio para o Desenvolvemento do Sector Pesqueiro Artesanal e Acuícola). A delegación percorrerá varias comarcas do litoral galego para coñece-las infraestructuras e a organización da pesca galega.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Científica
A Universidade de Santiago oferta quince bolsas de intercambio para estudiar en Estados Unidos e Xapón
As bolsas están dirixidas a estudiantes da USC para o vindeiro curso 2003-2004, sendo as universidades receptoras Miami, Nuevo México, Main, Virginia, Missouri-San Luís, Auburn e Richmond en Estados Unidos, e Waseda en Xapón.
(Fonte: Santiago,
AGN).
30/03/2003
Política
O PSdeG acusa ó PP da negativa da UE a conceder a España medios do Fondo de Solidariedade pola catástrofe do “Prestige”
A responsable de Pesca do PSdeG, Carmen Gallego, acusou ó PP e ó Goberno central da negativa da UE a conceder a España axudas deste fondo para emerxencias. Segundo os socialistas galegos, a “incapacidade” para reclama-los provocou a negativa. Gallego lembrou que aínda “non hai decidida unha solución técnica nin un prazo” para soluciona-lo problema do buque afundido.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea-Pesca
Galicia só accede ó 2% do peixe que se captura en augas comunitarias
Unha análise detallada dos TAC (Total Admisible de Capturas), revela que Galicia só pesca en Europa a cuarta parte do peixe que transforman e comercializan as súas empresas. Este ano, á flota galega lle corresponde o 2% da pesca total na UE, ademais de ter vetada a captura de máis da terceira parte das especies comunitarias. Dinamarca, Reino Unido e Alemaña copan o 27% dos TAC 2003.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Sociedade
A poboación estranxeira censada en Vigo multiplicouse por 13 en cinco anos
Se en 1999 o padrón de inmigrantes estaba integrado por só 650 persoas, na actualidade suman 8.669. Neste último ano, a poboación procedente da Arxentina tense duplicado debido á difícil situación económica que atravesa o país. Seguen a Arxentina, pola cantidade de residentes en Vigo, Colombia, Uruguai, Venezuela, Brasil e Cuba.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Turismo
Galicia solicita á UE axuda para crear unha rede estable de turismo náutico no Atlántico
A Consellería de Turismo e a Mancomunidade do Salnés presentaron ó programa Interreg III da UE o proxecto “Rede Europea Atlántica de Turismo Náutico”, que pretende a creación dun complexo estable desta modalidade turística para a xestión, promoción e comercialización dunha oferta conxunta de actividades de turismo náutico no corredor atlántico. O proxecto conta coa participación de asociacións da Bretaña e a Fisterra francesas, así como da portuguesa Intercéltica-Associaçao.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Galicia venderá no Pérsico 700.000 litros de auga envasada
Fontecelta vén de asinar un acordo que marcará un fito na historia do comercio galego. O primeiro puntal é económico, pois o envío de máis de 700.000 litros de diarios durante seis meses suporá o máis importante acordo comercial asinado por empresas galegas no Golfo. Por outra banda, cómpre subliñar que tres empresas que compiten entre si no ámbito galego e español (Fontecelta, Sousa e Mondariz) foron quen de facer unha oferta conxunta ó importador. Mondariz ten tamén ofertas de Kuwait e Arabia Saudita para abastecer á poboación iraquí e ás tropas aliadas.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
29/03/2003
Sociedade
O Cemma galego amosa o seu rexeitamento ó uso de golfiños “con fins bélicos” para a detección de espacios mariños minados
A Coordenadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños expresou o seu “rexeitamento” ó uso destes animais con “fins bélicos” polos exércitos británico e norteamericano, asi como a súa oposición á guerra contra Iraq. O Cemma asegura que EEUU denunciou a anulación de programas militares nos que se usaban cetáceos”, pero a pasada semana os golfiños do exército americano participaron na limpeza dunha zona supostamente minada polos iraquís.
(Fonte: Santiago,
AGN).
28/03/2003
Unión Europea
O galego David Balsa visitará o Kurdistán iraquí
David Balsa, presidente do Consello Europeo de Acción Humanitaria e Cooperación visitará o Kurdistán iraquí e Turquía para elaborar un informe sobre a situación dos refuxiados iraquís que será presentado o 10 de abril ó Consello de Europa e ó vicepresidente do Parlamento Europeo.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
Un masivo seguimento da folga
As centrais sindicais maioritarias en Galicia, UGT, CCOO e CIG, cualificaron de masivo o paro rexistrado contra a guerra onte. A maior incidencia da folga rexistrouse entre o persoal laboral e funcionario das administracións, central, autonómica, provincial e local, así como nas empresas máis importantes. A folga tivo unha incidencia moi importante en empresas como Santa Bárbara, Izar Fene, Alcampo, Sargadelos, Televés, Parque Tecnolóxico de Galicia, Tafisa, Celulosas ou Citroën, e en todo o sector naval de Vigo.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Máis de 2,6 millóns de galegos e 281.000 residentes no estranxeiro están chamados ás urnas o vindeiro 25 de maio
Segundo os datos do Censo Electoral o número de galegos residentes no estranxeiro ascende a 281.019 persoas, unha cifra que incrementa en 2.715 persoas os datos do pasado ano. Os inscritos no CERA exercerán o seu dereito ó voto fundamentalmente dende Arxentina, Venezuela, Francia, Suíza e Alemaña. En toda España serán pouco máis dun millón os residentes no estranxeiro con dereito ó voto.
(Fonte: Santiago,
AGN).
27/03/2003
Economía
Fraga recomenda ás empresas chilenas utilizar Galicia “como plataforma comercial” con España e Europa
O presidente da Xunta ofreceu Galicia como o lugar “idóneo” para que as empresas chilenas “canalicen as súas relacións comerciais” con España e Europa. Durante a celebración das xornadas Galicia-Chile, Fraga achacou a boa situación na que se atopa o país andino ó “rigor” co que as autoridades do país enfocaron a súa política económica, e o “esforzo do pobo chileno” e a “seriedade” dos seus empresarios.
(Fonte: Santiago,
AGN).

As conserveiras galegas crean empresas mixtas con socios polacos
A elevada cualificación de man de obra a baixo prezo e a eliminación dos aranceis coa futura entrada de Polonia na UE, son os principias motivos que levan ás empresas conserveiras galegas a comprometerse con socios polacos. O obxectivo é acceder a importantes nichos de mercado existentes en Europa do Leste. A creación de empresas mixtas permitirá instalarse en Polonia ás empresas do sector da conserva e o conxelado pertencentes a Anfaco-Cecopesca.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea
A Comisión Europea admite a trámite unha queixa de Greenpeace pola decisión de alonxar o “Prestige” da costa
Segundo alega Greenpeace, de acordo coa normativa comunitaria o fuel que transportaba o Prestige “debería ter sido considerado residuo” dende o momento en que comezou a verquer ó mar, e polo tanto o Estado membro responsable, España, “debería ter asegurado que ese fuel se xestionaba sen por en risco a saúde humana e sen prexudica-lo medio ambiente”. O escrito da Comisión Europea admitindo a trámite a demanda desminte informacións que aseguraban que a denuncia fora arquivada.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Acción Exterior
A oficina da Xunta en Florianópolis coloca Galicia como “interlocutor de primeira liña” entre Brasil e Europa
A oficina que a Xunta ten instalada en Florianópolis (Brasil) sitúa Galicia como “nexo” con Europa dos estados brasileiros do Codesul, as rexións que forman o enramado comercial e agrícola máis próspero de Brasil. Segundo a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, a oficina atópase agora nunha “posición de privilexio” perante o novo Goberno da República, xa que “varios dos nosos interlocutores” ocupan posicións de primeira liña no Goberno de Lula da Silva.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Solidariedade
Solidariedade Internacional inicia a súa nova campaña
A ONG Solidariedade Internacional comeza en Compostela a campaña “Mundo, NON É masculino singular”, que pretende difundir unha imaxe positiva das mulleres dos países do Terceiro Mundo e o papel relevante que xogan nos proxectos de cooperación que se levan a cabo nos seus países.
(Fonte:
El Correo Gallego).
26/03/2003
Economía
Galicia e Chile estreitan relacións nun encontro
Empresarios galegos e chilenos reúnense en Santiago nun encontro informativo que pretende detectar novas oportunidades de negocio entre ambas zonas. O acto está organizado polo Igape e a CEG dentro do marco do Acordo de Asociación Económica Chile-Unión Europea.
(Fonte:
El Correo Gallego).
25/03/2003
Portugal-Economía
Galicia e Norte de Portugal serán un referente de converxencia laboral
A unificación das condicións laborais entre Galicia e o Norte de Portugal avanza de forma lenta, xa que están suxeitas ós mesmos movementos e as mesmas estratexias de emprego que establece a UE. Para o responsable do instituto luso de formación, organismo dependente do Ministerio de Traballo, a mobilidade xeográfica equilibrará os custos máis baixos que xeran certa “competencia desleal” entre as empresas portuguesas e galegas.
(Fonte:
El Correo Gallego).
24/03/2003
Economía
Unha empresa galega ten paralizadas operacións en Iraq por valor de 2 millóns de euros
A empresa galega Espina Obras Hidráulicas ten as súas operacións con Iraq paralizadas, trala retirada dos inspectores de Nacións Unidas. En total, representan pedidos por un valor de 2 millóns de euros, acordados dentro do programa de intercambio Petróleo por Alimentos.Tanto a empresa galega coma outras que teñen contratos pendentes con Iraq, pedíronlle explicacións ó Ministerio de Asuntos Exteriores, este alega que se trata dun programa da ONU cunhas condicións específicas que agora non se poden cumprir.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Galicia rexistra a maior taxa de inmigración ocupada na industria
Segundo o informe de Manpower, trinta de cada cen traballadores estranxeiros en Galicia, optan polo sector secundario, a maior cifra de toda España, onde a media sitúase no 14%. O 42,5% dos inmigrantes ocupados en Galicia son latinoamericanos, o 40,8% procede da UE, o 14,8% doutros países, e o 2% de África. Resulta relevante que a proporción media de mulleres ocupadas no colectivo (43,8%) sexa maior que a proporción de galegas ocupadas (39,6%).
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
Unha delegación comunitaria visita Galicia para coñece-las consecuencias do naufraxio do “Prestige”
Unha delegación de 15 membros da comisión de Política Rexional, Transportes e Turismo está en Galicia para coñecer de preto as consecuencias da catástrofe. Ó longo da visita entrevistaranse con membros da Xunta, do Parlamento galego, e representantes de diversas organizacións ecoloxistas, alcaldes e membros da plataforma “Nunca Máis”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
Galicia asesora a Namibia para instalar unha granxa acuícola
Tres técnicos da Consellería de Pesca están en Namibia para ultima-los detalles da posta en marcha dun centro de acuicultura continental na vila de Mahenene. Este proxecto, cofinanciado pola Xunta e a Axencia Española de Cooperación Internacional con máis de 865.000 euros, ten coma finalidade mellora-la alimentación da poboación local mediante o cultivo de peixe gato e tilapia.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
A diáspora ten preto de 300 centros de encontro
O boletín “Galicia Emigración”, publicación especial na que se da conta da realidade dos galegos na diáspora, sinala que o número de centros e entidades galegas no exterior ascende a 277. O continente que acolle un maior número de centros é América, cun total de 148 (65 na Arxentina). En Europa hai 49 centros galegos, entre os que destacan os 19 de Suíza.
(Fonte:
El Correo Gallego).
23/03/2003
Política
O PSdeG interesase polas consecuencias da guerra sobre a economía galega
O PSdeG presentou unha pregunta no Parlamento de Galicia para interesarse polos efectos a guerra contra Iraq sobre certos sectores económicos. Os socialistas preguntan ó Goberno galego pola comunicación que mantén co Executivo central, e sobre as medidas de seguridade a aplicar a Galicia o sobre medidas previstas para palia-los efectos de intervención.
(Fonte: Santiago,
AGN).
22/03/2003
Pesca
A Xunta non descarta retoma-las negociacións con Marrocos
O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos asegurou que “este é o mellor momento” para retoma-las negociacións con Marrocos para acadar un novo acordo pesqueiro.López Veiga amosou a súa disposición, “se ten a oportunidade”, a emprender accións, aínda que “non garante” os resultados. O conselleiro informou que o 64% das embarcacións que faenaban en Marrocos segue operativo, namentres 16 foron despezados e 4 se atopan nesa fase.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
21/03/2003
Sociedade
O Foro da Inmigración fai un chamamento contra “o preocupante crecemento das actitudes racistas e xenófobas tamén no noso entorno máis próximo”
A denuncia efectuase co gallo da celebración do Día Internacional contra a Discriminación Racial. O Foro critica a posición adoptada polo Goberno ó sacar adiante unha Lei de Estranxeiría “que parte dunha concepción reaccionaria e irreal da realidade da inmigración e a concibe como un problema de orde pública e non como un fenómeno social”. O Foro tamén denuncia ós medios de comunicación por bombardea-la opinión pública “con ideas falsas e invasións ou avalanchas que non existen, ou coa asimilación simplista da inmigración coa inseguridade e delincuencia).
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
O 35% dos galegos na Arxentina ten intención de regresar a Galicia
A Consellería de Emigración presentou un estudio realizado pola Universidade Nacional de Lomas De Zamora, Arxentina, sobre o colectivo galego neste país. Unha das conclusións que destaca o decano, Néstor Pan, é que as condicións económicas dos galegos son moi superiores á media nacional arxentina. O 64% pertence ó nivel socioeconómico medio, namentres só o 36% dos arxentinos o atinxe. Practicamente un tercio dos emigrantes, o 35%, amosa altas probabilidades de volver a España.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Unión Europea
A Eurocámara constata que afasta-lo “Prestige” agravou a contaminación
A audiencia creada no Parlamento Europeo en torno á catástrofe do “Prestige” pechou a súa primeira fase de traballos sen esclarecer “con exactitude” o ocorrido en España. Non obstante, en Bruxelas semellou quedar ben fundado que a decisión de afasta-lo petroleiro agravou o dano medioambiental, económico e social causado. Queda unha cuestión sobre a mesa, “quen tomou a decisión de afasta-lo buque e con que motivo”, segundo o relator do informe final, o belga Dirk Sterckx.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Política
Galicia volveu berrar “Non á Guerra”
A comunidade internacional está farta de guerras. Galicia tamén. O 80% dos alumnos de ensino medio e superior secundaron a folga convocada pola Plataforma Galega pola Paz. Un 26,4%, segundo a Consellería.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Fraga espera que a guerra sexa curta e serva para ordenar Oriente Medio
O titular do Executivo galego confía en que a guerra sirva “para por nunha situación axeitada a orde internacional e especialmente nesta rexión”. Fraga defendeu de novo o ataque a Iraq, xa que considera que a guerra é legal e que, por iso, España non deberá render contas perante o Tribunal Penal Internacional.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O BNG anuncia que reformulará a súa campaña electoral para estar “preto da cidadanía” nas mobilizacións contra a guerra
A executiva do BNG decidiu, en reunión extraordinaria polo comezo da guerra en Iraq, que o BNG “reformulará a súa campaña” cara ás eleccións municipais “para estar preto da cidadanía” en tódalas mobilizacións que se convoquen contra a guerra. Os nacionalistas galegos apostaron tamén polo seu traballo no seo da UE “para garanti-la súa unidade”. Xosé Manuel Beiras transmitiu a “repulsa” da súa formación perante o ataque de EE.UU a Iraq por ser un “acto belicista disfrazado de campaña en prol da liberación” do pobo iraquí.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Os alcaldes, contra a guerra
Os rexedores das grandes cidades galegas amosan a súa preocupación pola fenda aberta na Unión Europea e, para todos, a masacre do pobo iraquí é inxustificable e motivará graves e imprecisables consecuencias. En resposta a unha enquisa de El Correo Gallego, os alcaldes de Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo amosaban o seu convencemento de que a guerra contra Iraq é ilegal, e que está ó marxe das institucións e do dereito internacional.
(Fonte:
El Correo Gallego).

As centrais sindicais chaman a tódolos traballadores galegos a mobilizarse contra a guerra
UGT, CCOO e CIG fixeron un novo chamamento a tódolos traballadores galegos a participar nas mobilizacións convocadas nos Concellos ó mediodía e ás oito da tarde contra a guerra en Iraq. Perante o inicio da conflicto armado a pasada madrugada, as centrais sindicais piden a “paralización da guerra e a restauración da legalidade internacional”. Ademais, UGT e CCOO expresaron o seu rexeitamento á participación de forzas españolas non conflicto “cunha pretendida axuda humanitaria”, porque consideran que “forman parte do segundo escalo do exército invasor”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
A Xunta crea unha unidade de apoio ós chegados dende a diáspora
O Goberno galego contará cunha Dirección Xeral de Apoio á Inmigración para respostar ó “notable incremento” dos movementos inmigratorios que se rexistran en Galicia. Segundo a Xunta, máis de 82.000 inmigrantes chegaron a Galicia nos últimos 5 anos. O novo órgano encargarase de planificar e executa-los programas de atención ós emigrantes, de xestiona-las axudas a este colectivo e emprender accións de sensibilización social sobre a convivencia multicultural.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Vigo vende latas de conserva, granito e peixe conxelado na área do conflicto
Unha trintena de empresas da área Metropolitana de Vigo que manteñen relacións comerciais con Oriente Medio seguen atentas a evolución do conflicto e o posible impacto económico da guerra sobre os países da zona. O Grupo PSA-Peugeot Citroën embarca regularmente dende Vigo dous envíos ó mes a Turquía e Israel. Varias empresas de Vigo manteñen ademais relacións comerciais con Arabia Saudita.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
20/03/2003
Unión Europea
O director da EGAP colabora na preparación dun proxecto formativo común para o continente europeo
O director da Escola Galega de Administración Pública, Domingo Bello Janeiro, participa en Roma no Congreso Internacional de Directores de Escolas e Centros Formativos de Funcionarios de Europa. A principal iniciativa a desenvolver neste encontro pretende planificar un proxecto de formación común para todo o continente europeo. Durante a súa estancia na capital italiana o director da EGAP amosará ós seus homólogos de Austria, Francia, Italia, Portugal e Chequia as novidades formativas desenvolvidas en Galicia.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Representantes da Fisterra francesa visitan a Costa da Morte
A vicepresidenta do Consello Xeral da Fisterra gala, Yvette Duval, visitará o concello de Camariñas, onde se reunirá con alcaldes da Costa da Morte. A delegación bretona estará composta por representantes de Vigipol, unha agrupación de 92 concellos, constituída despois da marea negra do Amoco Cádiz, que tivo un papel fundamental tralo desastre do Erika.
(Fonte: Santiago,
AGN).
19/03/2003
Unión Europea-Política
A Consellería de Agricultura oporase á reforma da Política Agraria Común que prepara a Fishler
Tanto BNG, PSdeG-PSOE como o PP amosaron na Comisión de Agricultura do Parlamento a súa oposición a esta medida. Para o deputado socialista Francisco Sineiro, de aprobarse esta reforma “o 35% das vacas de carne, a metade dos becerros macho e a metade dos xatos sacrificados en Galicia quedarían fóra do cálculo para recibir axudas”. O director de Industrias e Promoción Alimentaria, Secundino Grovas, coincidiu coa oposición nesta apreciación.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A oposición reclama un informe do impacto da PAC en Galicia
Os voceiros de Agricultura do BNG e do PsdeG-PSOE no Parlamento de Galicia criticaron a política levada a cabo pola Xunta e a falla de elaboración dun informe que reflicta o impacto que a reforma da Política Agraria Común vai ter no campo galego. O conselleiro de Política Territorial reuniuse cos representantes dos grupos da Cámara para ofrecerlles consensuar un texto común, que os grupos da oposición pretenden que se debata no Parlamento.
(Fonte:
El Correo Gallego).
16/03/2003
Política
Milleiros de galegos protestan contra a guerra nas rúas e piden paz
A manifestación máis numerosa foi a de Vigo, onde se concentraron máis de 100.000 persoas. A consigna más coreada nesta xornada convocada pola Coordenadora Galega pola Paz, foi o Non á Guerra, e as críticas dirixíronse contra Aznar a a xestión do goberno norteamericano.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Galicia obtivo superávit na súa balanza comercial
A balanza comercial galega pechou o exercicio de 2002 cunha taxa de cobertura do 104,29% e un superávit de 390 millóns de euros, segundo a Consellería de Innovación, Industria e Comercio. Trátase da primeira vez dende o ano 1980 en que as exportacións galegas superan ás importacións.
(Fonte:
El Correo Gallego).
15/03/2003
Unión Europea
Galicia defenderá perante a UE a súa posición para ter porto refuxio
O conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijoo afirma que Galicia “ten que ter unha previsión de porto refuxio, a pesar de que iso sexa unha competencia do Estado e sexan necesarias unhas directrices europeas”. Feijoo aclaraba así as verbas de Manuel Fraga, tras unha semana na que pasou de asegurar que a comunidade disporá dun, a matizar que “estará onde teña que estar de acordo coa política europea”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
14/03/2003
O colectivo xudeu en Galicia defende a intervención en Iraq porque se trata dun “problema de terrorismo internacional”
Integrantes da colectividade xudía residente en Galicia consideran unha das vías, “a elixida por Aznar, Blair e Bush”, para rematar co problema do “terrorismo internacional” vencellado á expansión do islamismo máis radical. Membros do colectivo aseguran que está demostrado que Sadam Hussein “ten acordos con al-Qaeda e Ben Laden”, que “pretenden impor a súa hexemonía por todo o mundo e iniciar un proceso de expansión do islamismo”. “O problema é que ninguén o explica correctamente”, din.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Turismo
Os británicos disuaden ós seus iates de atracar en portos galegos
A Royal Cruising Group, unha das principias organizacións náutico deportivas británicas, fixo público un informe no que desaconsella ós iates atracar en portos de Galicia debido á contaminación polos verquidos do “Prestige”. Fontes da Consellería de Cultura, Comunicación e Turismo constataron que a información británica está feita “de oídas, coma recoñece o propio autor” “de tódolos xeitos, e imposible que a Xunta controle todo o que se escribe sobre Galicia nestes países”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Unión Europea
Touriño insta a Fraga a pedir na UE a Axencia de Seguridade Marítima para Vigo
O secretario xeral do PSdeG asegurou que nin a Xunta nin o Goberno presentaron en Bruxelas ningunha solicitude formal para que a Axencia de Seguridade Marítima se sitúe en Vigo, polo que emprazou a Fraga a viaxar ata Bruxelas e facelo.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Portugal-Economía
A gasolina barata atrae a Galicia cada día centos de conductores lusos
Ata 15 céntimos por litro de gasolina pode aforrar un conductor portugués se cruza o Miño para repostar. O desequilibrio plasmase nas gasolineiras da raia galega; algunhas obteñen os seus maiores ingresos dos portugueses. O atraso na liberalización de prezos e os fortes impostos para os hidrocarburos do goberno luso, explican esta gran diferencia entre España e Portugal.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
13/03/2003
Emigración
Fraga interesase pola colonia na diáspora
O presidente da Xunta abordou a situación da colonia galega residente na Arxentina nunha entrevista co presidente do Centro Galego de Bos Aires, Rogelio Ucha. Na reunión participaron tamén os titulares de Sanidade e Emigración.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política
A Coordenadora Galega pola Paz convoca ós cidadáns a manifestarse contra a guerra en Iraq
Transcorrido un mes das multitudinarias manifestacións do 15 de febreiro contra a guerra en Iraq, a Coordenadora convoca de novo ós galegos coa mesma finalidade.para o sábado 15, dous días antes de que se cumpra o ultimátum de Estados Unidos a Iraq. En caso de que se produza o ataque, a Coordenadora ten previsto realizar outros actos de protesta, coma o boicoteo ós productos estadounidenses ou concentracións diante dos Concellos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Calvo culmina a fábrica que lle dará acceso a EEUU
A factoría do grupo Calvo en El Salvador estará rematada en xullo deste ano e servirá especialmente como plataforma de entrada ó mercado norteamericano. A empresa galega destaca que non se poden deixar escapar factores como os baixos aranceis para exportar conservas a EEUU dende El Salvador, algo que se potenciará coa sinatura do Tratado de Libre Comercio das Américas. A iso cómpre engadi-lo baixo custo da man de obra e a dispoñibilidade de materia prima.
(Fonte:
El Correo Gallego).
12/03/2003
Unión Europea
A Xunta propón que Vigo acolla a sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima
O conselleiro de Pesca anunciou no Parlamento que a elección de Vigo para propoñela como sede da nova axencia europea, e xa se lle remitiu solicitude ó Goberno central para que a eleve á UE. López Veiga afirmou que, en principio, non se ía propor ningunha cidade concreta, pero que se fixo para que houbese unha “mínima posibilidade de éxito”, xa que considera que logra-la sede en Galicia non será doado, certamente”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
O Congreso quere que a Torre de Hércules sexa Patrimonio da Humanidade
O Congreso dos Deputados, a través da súa comisión de Educación e Cultura, aprobou unha proposición non de lei na que insta ó Goberno a que, “en colaboración coa Xunta e o Concello da Coruña”, impulse as actuacións necesarias para que a Unesco recoñeza o faro romano e o seu entorno como Patrimonio da Humanidade. O deputado do BNG Carlos Aymerich lembrou que é o primeiro paso nunha carreira longa, xa que a Unesco decretou unha moratoria de dez anos durante os que non poderá engrosa-lo listado de bens Patrimonio da Humanidade.
(Fonte:
El Correo Gallego).
11/03/2003
Unión Europea
Aumenta a influencia de Galicia na Unión Europea
Galicia coordenará cinco comités de asesoramento á Comisión Europea: comité Permante Forestal, de Estatística Agrícola, de Saúde Pública, Sócrates de Educación e Xestión de Residuos. A estes cinco se lles poderían unir noutras distribucións os que afectan a sectores sensibles como a pesca e a agricultura. Galicia é a comunidade autónoma que ten demandado a coordenación de máis comités, cun total de 20.
(Fonte:
El Correo Gallego).
10/03/2003
Unión Europea
Galicia é a sexta comunidade que máis fondos de cohesión recibiu dende 2000
Galicia foi a sexta comunidade española que, con 262 millóns de euros, recibiu máis axudas dos fondos europeos de cohesión nestes últimos tres anos. Malia iso, Galicia tamén se atopa entre as autonomías que viron máis reducidas as axudas no transcurso destes exercicios, ao pasar de 153 millóns en 2000 a 23 en 2002.
(Fonte:
El Correo Gallego).
09/03/2003
Sociedade
O alumnado inmigrante aumentou nun 90% en tres anos
No curso pasado 2001/02 estiveron escolarizados no sistema educativo non universitario galego 3.229 alumnos estranxeiros, o 0,84% do alumnado total. Esta cifra non ten un peso importante, pero si o ten o incremento producido nos últimos anos, no que o número de estudiantes estranxeiros aumentou nun 88,8%. A maior parte deste alumnado procede de Latinoamérica (57,80%, sobre todo Colombia, Arxentina e Venezuela), Europa (24,18%, sobre todo Portugal), e África do Norte (10%, especialmente Marrocos)
(Fonte:
El Correo Gallego).
07/03/2003
Emigración
As deputacións duplicarán a axuda económica ós emigrantes
As catro deputacións galegas duplicarán este ano a axuda económica ós emigrantes galegos na Arxentina afectados pola crave crise económica desatada o pasado ano. O presidente da Deputación da Coruña, Torres Colomer, e o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras entrevistanse co embaixador de España na Arxentina, Manuel Alabart.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Máis de trece mil consultas na Oficina de Orientación Laboral de Bos Aires
A Oficina de Orientación e Asesoramento Empresarial para emigrantes retornados creada pola Xunta de Galicia e a Cámara de Comercio de Santiago en Bos Aires recibiu un total de 13.700 consultas dende a súa posta en funcionamento, en 2001. Os usuarios que retornaron a Galicia con contrato laboral se achega ós 205.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política
O Bloque pide un plan aéreo contra os efectos da guerra
O Bloque quere saber como influirá a guerra contra Iraq no tráfico aéreo civil. O deputado Francisco Rodríguez pide ó goberno que, tal e como lle demanda o sector, elabore un plan de continxencia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O PSdeG puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas contra a guerra
O secretario de Organización, Antón Louro, avoga por unha resposta clara da cidadanía en contra do ataque a Iraq.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Turismo
Galicia estará presente na Feira ITB de Turismo de Berlín
A comunidade galega participará na feira ITB de Berlín, o certame de turismo máis prestixioso do mundo. Ademais, a Consellería de Cultura participará na reunión do Comité de Recuperación do Turismo organizada na feira pola Organización Mundial do Turismo. Este mes de marzo, Galicia acudirá tamén ós certames de Bélxica e Suíza.
(Fonte: Santiago,
AGN).
06/03/2003
Portugal-Economía
Preto de 3.500 traballadores atravesan tódolos días ou unha vez á semana a fronteira Galicia-Portugal
O perfil do traballador galego que se despraza a Portugal é o dunha persoa de ata 30 anos, e cualificación media ou superior, namentres o modelo do traballador portugués en Galicia corresponde co dunha persoa moza pero con baixa cualificación profesional. Na media de 3.500 traballadores transfronteirizos que manexa o Eures, o 57% son residentes en Galicia e o 43% en Portugal.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
O PSdeG chama á cidadanía galega a pronunciarse contra a guerra de Iraq
O secretario xeral de organización do PSdeG-PSOE, Antón Louro, realizou un chamamento á poboación galega para que amose a súa oposición á guerra contra Iraq. Para canalizar esta postura os socialistas anunciaron o inicio dunha “campaña masiva de recollida de sinaturas” en prol da paz, que irá acompañada de actos de concienciación.
(Fonte: Santiago,
AGN).
05/03/2003
Emigración
Colomer viaxa a Bos Aires e se reúne coa diáspora da Coruña
O presidente da Deputación da Coruña iniciou unha viaxe a Bos Aires co obxectivo de visitar á case totalidade dos colectivos da diáspora coruñesa. Por exemplo, acudirá á sede da Asociación ASBC de Corcubión, o Centro Galicia e a Asociación Centro Betanzos. A viaxe será aproveitada polo conselleiro de Emigración e os presidentes provinciais para acudir á inauguración na capital arxentina de dous centros de atención a xubilados galegos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea-Sociedade
A pensión media en Galicia está entre as máis baixas de Europa
En comunidades como Galicia, Estremadura e Murcia, a pensión media mensual rolda os 400 euros, entre as máis baixas da Unión Europea. Asi se recolle no “Informe 2002, as persoas maiores en España”, realizado pola revista Jubileo, que lembra que o esforzo en protección social ós maiores en España segue sendo insuficiente.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Gamesa e as xaponesas Marubeni e J-Power colaboran en enerxía eólica
A galega Gamesa e as dúas compañías niponas subscribiron un acordo de colaboración estratéxica no eido da enerxía eólica, que contempla a instalación por parte de Gamesa Eólica de 257 megawatios en parques promovidos en diversos países por estas empresas. Con este acordo, Gamesa sigue avanzando na súa expansión internacional, contemplada no plan estratéxico da compañía.
(Fonte:
El Correo Gallego).
04/03/2003
Unión Europea
Nogueira comeza as reunións con embaixadores europeos para atopar unha solución pacífica ó conflicto de Iraq
Nas reunións destacan as mantidas cos embaixadores de Alemaña, Gran Bretaña e Francia, así como as conversas coa comisaria de Dereitos Humanos e a xefa do Comité Permanente de Relacións con Iraq. Nogueira cualificou as reunións cos embaixadores francés e alemán de “extraordinaria, cun debate amplo e interesante”; ambos amosaron o seu convencemento de que se pode frear a Saddam Hussein “con presión política e non militar”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Preto de 40 equipos galegos participarán no concurso “Euroescola 2003” organizado polo Parlamento Europeo
O xogo, que comeza o 10 de abril, dura catro semanas, divididas en dúas etapas, e os participantes deberán superar probas colectivas e individuais, relacionadas coa ampliación da UE e completar dúas enquisas sobre o futuro de Europa.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Solidariedade
A Secretaría Xeral de Relacións coa UE financiará proxectos de solidariedade internacional emprendidos dende Galicia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica unha orde da Secretaría Xeral de Relacións coa UE que pon a disposición de particulares, asociacións, empresas e ONGs, máis de 2,2 millóns de euros para o financiamento de proxectos de cooperación exterior. O deseño conxunto entre a Xunta e as distintas asociacións e ONGs que traballan neste eido conta coa novidosa participación da Secretaría, que asume por vez primeira estas competencias que antes exercía a Consellería de emigración.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A arte de Marrocos, solidaria con Galicia
A directora xeral de promoción Cultural, Mª Carmen García Campelo, participou en Tetúan (Marrocos) na inauguración dunha mostra que, baixo o título “Marrocos en solidariedade con Galicia”, reúne vintecatro obras doutros tantos autores. O proxecto desta mostra solidaria naceu con anterioridade á normalización diplomática entre España e Marrocos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Segundo Hevia descobre a beleza da Rota Xacobea no Parlamento Europeo
O pintor compostelán Segundo Hevia inaugurou na sede do Parlamento Europeo unha selección da súa mostra “Os Camiños de Santiago”, unha colección de acuarelas sobre a Rota Xacobea realizada polo artista hai máis de vinte anos. Tralo seu paso por Bruxelas, a colección (xa exhibida en Braga, Luxemburgo, Hamburgo e Osaka) viaxará a Lisboa.
(Fonte:
El Correo Gallego).
03/03/2003
Portugal-Economía
A forte crise da economía lusa frea o desenvolvemento da Eurorrexión
Portugal vive o peor momento económico da última década: inflación, caída do consumo, quebra das finanzas públicas, aumento desbocado do desemprego. É o caso da zona norte, onde o motor industrial de Porto se atasca, lastrando o desenvolvemento da Eurorrexión. Ademais, a futura entrada de novos países na UE ten desencadeado xa un peche de fábricas que afecta a sectores como o téxtil e o calzado, estreitamente vencellados ó mercado galego. A maior parte das importacións de Galicia dende Portugal son productos téxtiles, destinados a Inditex ou Adolfo Domínguez.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

As firmas de Galicia véndenlle ás portuguesas o dobre do que lles mercan
A balanza comercial está claramente desequilibrada en prol de Galicia. En 2001 as exportacións a Portugal foron de 1.677 millóns de euros, fronte ós 920 importados de alí. En 2002, ata novembro, Galicia exportou 1.507 millóns de euros e importou 894, segundo datos do ICEX. Galicia exporta a Portugal o 30% dos intercambios españois con este país. Segundo Bruxelas, Galicia ten un PIB por habitante que equivale ó 65% da media comunitaria, namentres a Rexión Norte de Portugal quédase nun 56%.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
02/03/2003
Unión Europea
Nogueira oporase en Nova York á guerra contra Iraq
O eurodeputado do Bloque Nacionalista Galego viaxará con outros 20 membros do Parlamento Europeo a Nova York e Washington co obxectivo de manter reunións políticas e encontros con representantes de Nacións Unidas, diplomáticos, organizacións pacifistas e congresistas e senadores, ós que amosarán o seu rexeitamento frontal a un ataque contra Iraq. Entre as reunións previstas destacan as que manterán co secretario xeral da ONU, Kofi Annan, e co presidente da Unmivic, Hans Blix.
(Fonte:
El Correo Gallego).
 
Ver máis Diario Exterior

2003: febreiro | xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/04/2003
Fernando Pol