Diario Exterior / febreiro de 2003

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, políticos, etc.
   
28/02/2003
Sociedade
O Foro Iberoamericano analiza en Baiona a crise de Venezuela
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) celebra en Baiona a cuarta edición do Foro Iberoamericano, adicado nesta ocasión na crise de Venezuela. O acto contará coa participación de Xosé Ferreiro, corresponsal da TVG en Caracas; Roberto Mansilla, xornalista venezuelano; Laudelino Pellitero, analista especializado en temas americanos, e Xulio Ríos, director do Igadi.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Unión Europea-Política
A Xunta negocia un préstamo co Banco Europeo de Investimentos para palia-la traxedia do “Prestige”
Segundo o director xeral de Planeamento Económico, Manuel Castro Cotón, trátase de completa-la cifra dos cinco millóns de euros concedida ó Estado con cargo ó Fondo de Solidariedade da UE. O director xeral sostén que o recurso ó BEI farase efectivo a finais de ano.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
As firmas galegas xa son as cuartas de España en xeración de divisas
Segundo datos oficiais do Instituto de Comercio Exterior (Icex) Galicia acadou, entre xaneiro e novembro de 2002, un superávit co estranxeiro de 500 millóns de euros. Trátase dun dos mellores datos económicos do ano para Galicia, xa que só 8 das 18 autonomías españolas teñen superávit na balanza comercial. Os expertos atribúen o resultado ó intenso labor de internacionalización e á incorporación ó comercio exterior de novos sectores, como o da informática, prendas deportivas e viño.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
27/02/2003
Política
“Se queres a paz, prepara a guerra”, afirma o Presidente
Fraga asegurou que aínda que ninguén quere a paz máis ca el, “si vis pacem, para bellum”. Así o dixo en resposta a Touriño e Suárez Canal, que se interesaban pola posición da Xunta perante un posible conflicto con Iraq. Fraga dixo que se non se acadou un acordo entre os grupos do Parlamento galego para aprobar unha resolución sobre o conflicto, foi porque nela se demandaban asuntos que “nada teñen que ver” coas súas competencias. “A política exterior é competencia exclusiva do Estado”, dixo.
(Fonte: Altlántico Diario).

Unión Europea-Política
A Xunta ten xa os expedientes oficiais para solicitar en Madrid e Bruxelas a sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima
O director xeral de mercados e estructuras da Pesca, Andrés Hermida, confirmou que o Parlamento Galego lle remitiu en decembro, de xeito “oficioso”, a candidatura ás comisarias europeas de Transporte e Medio Ambiente. Hermida asegurou, nembargantes, que “ata que non teñamos garantías” do apoio do Goberno central á proposta, a Xunta non remitirá os expedientes a Bruxelas xa que sería “pouco efectivo” presentar directamente a candidatura sen o respaldo do Goberno central.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea-Pesca
Bruxelas habilita os incentivos para destruí-la flota galega do Gran Sol
A Comisión Europea comezou a pór en práctica a reforma da PCP cunha modificación que consiste en sacar diñeiro doutras partidas do fondo IFOP –como serían o fomento da acuicultura ou a renovación da flota- para aumenta-la nómina de desmantelamentos e paralizacións definivas. Un dos obxectivos que se persegue é reducir á metade os buques que se adican a pescar pescada nas augas do Gran Sol e Golfo de Biscaia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Sociedade
Reunión da Anue co Igadi
Ángels Mataró, directora da Asociación de Nacións Unidas en España (Anue), reuniuse con Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Analise e Documentación Internacional (Igadi), para coñecer de preto as actividades que este centro realiza para defende-la paz e os dereitos humanos. Durante o encontro, avanzouse na plasmación dun convenio que permitirá unha maior difusión do ideario da ONU en Galicia e unha mellor presencia da Comunidade nesta organización, actuando o Igadi como principal instancia de referencia na área galega.
(Fonte: Atlántico Diario).

Economía
A crise de Arxentina sacode a Adolfo Domínguez e Inditex
Inditex e Adolfo Domínguez recurtaron a cantidade de locais que posuían na Arxentina, como consecuencia do repregamento nas súas vendas polo efecto da desvalorización no país. Por outra banda, Inditex anunciou a inauguración da primeira tenda de Zara en Rusia, ubicada no maior centro comercial do país.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Continental Fims lanzase ó mercado internacional
A productora de cinema e publicidade ten previsto obter fóra de España o 50% da súa facturación no 2005, para o que, principalmente, buscarán asociarse con compañías líderes en Latinoamérica e EEUU. O productor da compañía, Pancho Casal, explicou que se asociarán a “un grupo de productoras para poder estar presentes en tódolos mercados a un máximo nivel, cos mellores vendedores e cunha presencia forte”.
(Fonte: Atlántico Diario).

O Igape apoia a saída ó exterior de empresas
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) convocou trinta bolsas para enviar titulados a senllas cidades do estranxeiro e promove-la expansión exterior das empresas galegas. O obxectivo é formar profesionais no ámbito internacional e promover estudios encamiñados á empresa, á cooperación e á detección de investimentos potenciais.
(Fonte: Atlántico Diario).

Cooperación Científica
Brasil e Galicia colaboran nun proxecto xenético bovino
A Universidade Federal de Lavras (Brasil) e a Facultade de Veterinaria de Lugo asinaron un convenio para o intercambio de persoal científico-técnico dos seus departamentos de producción agraria e animal, para iniciar unha investigación sobre o cruzamento da raza rubia galega con razas brasileiras como a gyrholanda e a nelore.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Unha mostra recolle as tendencias arquitectónicas de Holanda apara aplicalas a Galicia
“A mellor arquitectura do s.XX estaría prohibida en Galicia”. Pedro de Llano define así o anquilosamento e rixidez que fixa a recente Lei do Solo, tanto nos materiais que permite, como nos espacios que establece para as edificacións galegas. “En Holanda toda a arquitectura que se patrocina por unha institución é sempre de calidade, e sempre se permite investigar ós seus autores”, destaca De Llano.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Lugo será sede do foro de linguas de Europa
O Campus de Lugo será a sede do XXI Congreso Internacional da Asociación Española de Lingüística aplicada, que se celebrará entre o 10 e o 12 de marzo co título “O ensino de linguas nunha Europa multicultural”. O congreso centrarase na interrelación entre a lingua e a cultura, e na relación entre o ensino das linguas e a influencia cultural dunha Europa plurilingüe e multicultural.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Turismo
Turespaña apraza a promoción de Galicia no estranxeiro pola crise do “Prestige”
O Instituto de Turismo en España (Turespaña) decidiu adia-la promoción internacional de Galicia a raíz da crise do “Prestige”. “Coa catastrófe do Prestige non se podía facer unha campaña segundo as previsións iniciais e aprazouse para poder axeitala”, informaron fontes de Turespaña.
(Fonte:
Faro de Vigo).
26/02/2003
Unión Europea-Pesca
O paro da flota do Gran Sol está pendente de que Bruxelas autorice os fondos comunitarios
A Xunta de Galicia presentou un proxecto en Bruxelas sobre a parada biolóxica dos barcos do Gran Sol, pedindo que autorice os fondos do Ifop (Instrumento de Orientación da Pesca) para custea-lo paro. Os armadores galegos dirixironse á Comisión Europea para amosa-lo seu desagrado porque países como Francia, Irlanda e Reino Unido, que pescan a mesma especie, non seguen o exemplo de España.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Política
As principais petroleiras mundiais avaliarán a viabilidade de extrae-lo fuel do “Prestige”
Segundo o comisionado do Goberno para o “Prestige”, Repsol unirase a un consorcio das empresas petroleiras Total Fina Elf (Francia), British Petroleum (Gran Bretaña), Shell (EEUU), e Petrobras (Brasil) para realiza-lo estudio de viabilidade acerca de cómo extrae-lo fuel do buque afundido fronte a costa galega.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Economía
A consignataria Vasco Gallega abre unha liña regular con Mauritania
A compañía viguesa comezará a operar cunha nova liña marítima entre os portos de Vigo e Noadibouh, en Mauritania. A nova conexión africana inaugurase coa chegada dun buque graniteiro.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Portugal
Príncipe alerta no Senado do posible peche do Instituto Camoes en Vigo
O senador Carlos Príncipe presentou na Cámara Alta tres iniciativas nas que pon en alerta ó Goberno central do posible peche do Instituto Camôes en Vigo, o único en España. O senador vigués manterá un encontro co deputado portugués Fernando Gomes, ex alcalde de Porto, que xa presentou iniciativas parlamentarias no seu país no mismo sentido.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Solidariedade
Amarante prepara brigadistas para acudir a Brasil e Nicaragua
A ONG galega Amarante aborda unha nova edición do proxecto solidario “Xanela aberta ó Sur”. Ó igual que o pasado ano, o proxecto desenvolverase en Brasil, dentro das actividades que realiza o Movemento dos Sem Terra, e tamén en Nicaragua, en colaboración coa Fundación del Río de San Juan (Fundar).
(Fonte:
Faro de Vigo).

Cooperación Científica
O Instituto Alemán investigará en maio o santuario romano do Facho
Thomas G. Schatter, director do Deutschen Archäologischen Institut de Madrid, e José Suárez Otero, arqueólogo do Museo da Catedral de Santiago, presentaron ó alcalde Cangas a súa proposta de intervención arqueolóxica no “santuario galaico-romano de Berobreo no Monte do Facho”. Os dous profesores sosteñen que Borobreo “é un nombre indíxena que non coñece paralelos”, e que a cerámica atopada permite supor unha pervivencia do poboamento no SIDC”.
(Fonte: Atlántico Diario).

Portugal
Portugal planea reduci-la súa presencia institucional en Vigo pola crise económica
Tralo peche do Instituto de Comercio e Turismo, a ameaza centrase no Instituto Camôes e mailo Consulado. As restriccións non podían chegar nun momento máis inoportuno. A importancia empresarial da eurorrexión e as conexións comercias de Vigo con Porto e Lisboa atópanse nun gran momento gracias á mellora das infraestructuras e a ruptura das fronteiras. A partir de agora, as relacións comercias e turísticas, trala orde de peche do ICEP vigués, se tramitarán dende Madrid.
(Fonte:
Faro de Vigo).
25/02/2003
Economía
Xornalistas mexicanos analizan o téxtil de Galicia
Organizada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a misión está integrada por traballadores dos xornais El Universal e Excelsior, as revistas Veintitantos, Cotidiana y H, e mailo Fashion Group. México é o cuarto cliente internacional do téxtil galego, unha industria que concentra o 53% das exportacións españolas do sector a este país.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
Comeza o “Forumemprego” de Galicia e Portugal
“O mercado laboral dos universitarios de Galicia e o Norte de Portugal: novos xacementos”, é o título da conferencia de apertura do Forumemprego da Universidade de Vigo.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
A Xunta promove a expansión do sector pesqueiro galego a través de feiras en Italia e Bilbao
O sector pesqueiro galego estará presente na Mediterranea Seafood, que ten lugar en Rímini (Italia), e nas feiras Euroalimentación e Eurohostelería, emprazadas no recinto feiral internacional de Bilbao, a través dos pavillóns organizados pola Consellería de Pesca para apoiar as empresas do sector na procura de novos mercados e clientes.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
Diz Guedes reúnese cunha delegación brasileira para acordar proxectos de cooperación agro-gandeira entre Galicia e Brasil
O conselleiro de Política Agroalimentaria mantivo un encontro de traballo cunha delegación brasileira da cidade de Lavras, Minas Gerais, encabezada polo seu alcalde, Carlos Alberto Pereira. Tendo en conta a experiencia positiva de cooperación entre Galicia e Brasil no sector agro-gandeiro, a reunión sentou as bases para novos proxectos de colaboración neste estado de Minas Gerais.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Solidariedade
O Seminario Galego de Educación para a Paz organiza o envío dunha Brigada da Paz Galega a Bagdad
Esta iniciativa encádrase no marco da campaña a nivel estatal polo erguemento das sancións a Iraq. O Seminario insiste en que a Brigada é unha “iniciativa de solidariedade e compromiso co pobo iraquí” e que os voluntarios “non son escudos humanos”; “os brigadistas non van a defender Saddam, senón contra dunha invasión que semella estar xa decidida”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Turismo
Santiago patrocina a súa oferta para congresos nunha feira de Londres
A Compostela Convention Bureau estará presente no stand de Galicia, na Feira Internacional Confex (Londres), que constitúe o maior encontro de organizadores profesionais de conferencias, mostras, reunións corporativas e empresariais, e viaxes de incentivos.
(Fonte:
El Correo Gallego).
24/02/2003
Unión Europea
Eneko Landaburu: “Galicia modernizouse gracias ó apoio europeo”
En opinión do director xeral para a Ampliación da Comisión Europea, a Ampliación no quere dicir que “teñamos que abandoar de súpeto a transferencia de fondos cara Santiago”. Terá que haber unha transición, “con menos diñeiro, e máis enfocado todo cara ós elementos que supoñen a verdadeira creación de riqueza, como pode ser a formación, a tecnoloxía e a innovación”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Pesca
Irlanda multa un barco galego por un erro no diario de pesca
Un armador galego vén der probar o exceso de celo que a caída das restriccións á flota galega no Gran Sol esperta entre os irlandeses. Os armadores galegos volveron facer un chamamento á prudencia dos pescadores, dado que “Irlanda está en pé de guerra”. Matizan, nembargantes, que esta situación no se repite en tódolos portos irlandeses, pero que hai localidades especialmente sensibles como a de Casteltown.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
23/02/2003
Emigración
O voto emigrante supera o 20% nun de cada catro municipios
Nas eleccións municipais de 1999, en 50 dos 315 concellos galegos, os emigrantes eran un de cada cinco potenciais votantes. Nos comicios do vindeiro maio, a cifra de municipios medra ata 79; neles, o 20% dos cidadáns con dereito a voto pertence á diáspora. O incremento é importante, xa que dende xuño de 1999 ata decembro de 2002, inscribíronse 800 emigrantes cada mes no censo electoral, o que supón un incremento de 35.715 persoas. Os ausentes con dereito a voto son xa 279.902.
(Fonte:
El Correo Gallego).
22/02/2003
Economía
A agroindustria galega busca mercados europeos
A feira líder para os productos biolóxicos, BioFach 2003, que tivo lugar en Nuremberg (Alemaña) a comezos deste mes, contou cunha representación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Caega, que acudiu con productos dunha vintena de empresas galegas. A agricultura ecolóxica galega, cun nivel productivo moi alonxado de comunidades como Andalucía, Extremadura ou Catalunya, estableceu contactos en Alemaña cos diferentes sectores europeos implicados.
(Fonte:
El Correo Gallego).
21/02/2003
Economía
Barro destaca a consolidación internacional do foro tecnolóxico e-Gallaecia
As empresas Microsoft, Caixa Galicia, Fundación R, Coreiman e a portuguesa ACE Holding son as últimas en adherírense ó foro e-Gallaecia, creado en 2001 por inicitaiva da Universidade de Santiago de Compostela e Profesional Training. As compañías confían en que a súa incorporación contruibúa a potencia-la colaboración entre Galicia e Portugal nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, e anime a estreitar máis os vencellos con máis empresas e universidades lusas.
(Fonte:
El Correo Gallego).
20/02/2003
Política
Aznar deulle un “baño” á oposición no debate sobre Iraq, segundo Fraga
O titular da Xunta defendeu o “dominio da política exterior” que ten o presidente do goberno José Mª Aznar, poñendo como proba diso o “baño” que, na súa opinión, lle deu á oposición no debate sobre Iraq. Fraga dixo que Aznar non precisa ningún consello cara á reunión que vai manter co presidente dos Estados Unidos, George Bush, porque “amosou un dominio da política exterior en moi pouco tempo que outros envexan”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Máis de 400.000 galegos manifestáronse o 15 de febreiro contra a guerra, segundo os convocantes
Máis de 400.000 galegos manifestáronse nas sete cidades máis importantes de Galicia convocados pola Coordenadora Galega pola Paz. A concentración máis multitudinaria tivo lugar en Vigo, onde participaron 200.000 persoas segundo os organizadores, e 100.000 segundo a policía. Baixo o lema “Pola paz mundial, non á guerra contra o pobo iraquí”, as concentracións, das máis numerosas que se lembran en Galicia, se caracterizaron pola actitude cívica e pacifista dos manifestantes.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O Congreso insta ó Goberno a demandar da UE a volta de Izar-Fene á construcción convencional
A Comisión de Ciencia e Tecnoloxía aprobou unha proposición non de lei do BNG na que se insta ó Goberno para que Izar-Fene poda volver a construír buques e recupere a súa condición de estaleiro. O deputado Francisco Rodríguez afirmou que con esta iniciativa pretendese que o Plan Galicia non sexa unha mera declaración de intencións.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
Camilo Nogueira amosa o seu desacordo co tratamento que a Comisión Europea lle está a dar ó desastre do “Prestige”
Para o representante do BNG no Parlamento Europeo, as respostas ofrecidas pola Comisión indican que “non se están tomando decisións respecto ó tráfico marítimo en xeral e ó Prestige en particular”. A Nogueira lle preocupa que a visita a Galicia en marzo da Comisión de Transportes da Eurocámara non contemple audicións oficiais con representantes políticos, alcaldes, confrarías, asociacións cidadás, e institutos de investigación científica, polo que propón á Comisión que teñan lugar para que a visita sexa froitífera para Galicia.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea-Pesca
Galicia pídelle á UE que considere a acuicultura como sector prioritario de desenvolvemento socioeconómico e “non como alternativa á pesca”
O documento, presentado polo secretario de Relacións coa UE na Comisión de Desenvolvemento Sustentable do Comité das Rexións, define a acuicultura coma un sector estratéxico para o desenvolvemento de zonas desfavorecidas, que debe desvencellarse como solución “de certos efectos negativos da crise do sector pesqueiro”. O documento da Xunta demanda máis fondos IFOP, o vencellamento da acuicultura cos programas de financiamento do FEOGA, e axudas para a formación e a investigación.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
Xornadas pedagóxicas de francés adicadas á rexión do Loira
As Xornadas Pedagóxicas, que cada ano organiza a Asociación de Profesores de Francés de Galicia, inauguraron a súa XVII edición na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. A celebración dunha mesa redonda en torno a unha rexión francesa (neste caso a do Loira, coa que mantén relacións institucionais a Consellería de Educación) pretende ser unha iniciativa que se repita no futuro.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Acción Exterior
O Banco Iberoamericano de Desarrollo interesase pola innovación galega
O director da Escola Galega de Administración Pública, Domingo Bello Janeiro, xestionou con responsables do Banco Iberoamericano de Desarrollo(BID) a posibilidade de realizar, nun futuro próximo, un seminario destinado a presenta-las experiencias de innovación de Galicia que poidan ser útiles no deseño de programas do BID en América Latina e o Caribe.
(Fonte:
El Correo Gallego).
19/02/2003
Política
Orza opina que a guerra con Iraq non xoga en prol da economía galega
O “Prestige” “non é un episodio positivo, no é un elemento que xogue en prol” da economía galega “e a guerra con Iraq tampouco”, segundo afirma o conselleiro de Economía, José Antonio Orza. O dirixente popular amosou o seu pesimismo ante a posibilidade dun conflicto armado contra o rexime de Saddam Hussein. Por outra banda, os populares negáronse a que Fraga compareza no pleno para formula-la súa posición perante este conflicto internacional.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
Sete novos voluntarios europeos intégranse nos talleres sociais de Deloa
A Fundación Padeia Galiza, dentro do seu departamento de proxectos da Agrupación Deloa, recibiu ós seis mozos europeos que se integrarán nos distintos programas sociais promovidos polas redes de voluntarios dos municipios de Padrón, Rois, Dodro, Brión e Boqueixón. Neste proxecto participan, ademais da fundación e varios concellos, a deputación provincial da Coruña e a Xunta de Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).
18/02/2003
Economía
Copo asociase con Flex e se converte no maior fabricante de colchóns
O grupo vigués Copo converterase este ano no maior fabricante español de espumas para colchóns e no líder en producción de asentos para automóbiles. Copo está a lanzar unha expansión que contempla a apertura dunha nova planta en Detroit (EEUU) e outras duas en Eslovaquia e China.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
17/02/2003
Unión Europea
Gamallo presentará en Bruxelas o plan estratéxico para desenvolvemento da acuicultura europea
O secretario xeral de Relacións coa UE presentará en Bruxelas perante o Comité das Rexións, o proxecto de dictame sobre a acuicultura. Galicia foi designada por este organismo para a elaboración dun plan estratéxico de desenvolvemento do sector dada a importancia da acuicultura na economía rexional. O informe realizado entre a Secretaría Xeral de Relacións coa UE e a Consellería de Pesca servirá como complemento á reforma da Política Común Pesqueira.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
A entrada de inmigrantes regulares medra en Galicia fronte á caída xeralizada en España no último semestre de 2002
No último semestre de 2002 caeu por vez primeira en dez anos o número de inmigrantes “legais” que fixaron a súa residencia en España. En Galicia a tendencia segue a se-la do crecemento xa que, de xuño a decembro do pasado ano, fixaron a súa residencia na comunidade preto de 300 inmigrantes máis. Galicia segue a ser unha das comunidades con menor número de inmigrantes “legais”, concretamente 10.494, o que representa tan so o 1,26% do total que hai en España.
(Fonte: Santiago,
AGN).

CCOO estudia a situación dos inmigrantes en Vigo
Vigo conta con algo máis da cuarta parte da poboación inmigrante chegada a Galicia. Máis de sete mil estranxeiros constan no padrón municipal, pero son moitos máis os que residen en situación xurídica ilegal. O Centro de Información para Traballadores estranxeiros de CCOO constata a inexistencia de colisións entre os inmigrantes e os vigueses. Segundo os datos do centro, os vigueses amosan certo rexeitamento cara romaneses, marroquinos ou colombianos, namentres establecen unha relación máis fluída con senegaleses, cubanos, chilenos, venezolanos e arxentinos.
(Fonte:
Faro de Vigo).
16/02/2003
Acción exterior
Un periódico ruso considera a Manuel Fraga “unha lenda política en Europa”
O xornal ruso “Noticias Municipais”, editado na cidade de Krasnoyarks, cualifica o presidente da Xunta deste xeito nunha entrevista na que se repasa a traxectoria política e persoal de Fraga. Fraga anima dende a entrevista á clase política rusa a traballar “dende o espírito do servicio a este gran país” xa que Rusia “terá sempre unha enorme importancia para os destinos de todo o mundo”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
O PSdeG pídelle á Xunta que incremente o orzamento en Educación para rebaixa-lo fracaso escolar ata os mínimos da UE
O grupo parlamentario do PSdeG presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego para instar á Xunta a que incremento o gasto en Educación nun “0,1% anual do PIB galego”, e presente en tres meses un plan de actuación nesta materia para “reduci-lo fracaso escolar ós niveis propostos pola UE”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A oficina do FIDAC só recibiu 13 reclamacións
Dous meses despois da posta en marcha do local do Fondo Internacional de Compensación de Danos por Hidrocarburos (FIDAC) na Coruña, só 13 demandas están xa en proceso de tramitación. A oficina permanecerá aberta tres anos, que será o prazo para presenta-las reclamacións pola contaminación do “Prestige”.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Solidariedade
A ONG Entrepobos prepara un conto sobre os nenos de Esmeraldas para difundilo en colexios e universidades
Entrepobos traballa na preparación dunha historia didáctica sobre as vivencias dos nenos da provincia ecuatoriana de Esmeraldas para traslada-la ós centros educativos da zona de Redondela este ano. A iniciativa, que se estenderá a colexios e universidades de toda Galicia, nunha recente viaxe solidaria de membros da ONG a Ecuador.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Cooperación Científica
“O SIS converterase en referente sanitario a nivel internacional”
O Salón Internacional da Saúde celebrará a súa primeira edición entre os días 26 e 29 de marzo. Segundo Javier Hernández Pasín, director do SIS, este simposio permitirá facer de Galicia “un referente no mundo médico-sanitario a nivel español e europeo”. Pasín é director xerente do Foro Galego Iberoamericano da Saúde, unha fundación dependente da Consellería de Sanidade adicada á cooperación sanitaria entre Galicia e América Latina.
(Fonte:
El Correo Gallego).
15/02/2003
Unión Europea
“O elemento rexional na Constitución europea debería saír fortalecido”
En opinión de Jesús Gamallo, a secretaría que dirixe, Relacións coa UE e Acción Exterior, sae reforzada na súa actuación trala última remodelación do goberno. Gamallo espera que “a cooperación ó desenvolvemento poda ser considerada como unha política substantiva dentro da Xunta, que coadxuve ó que é nun senso amplo toda a acción exterior do Goberno galego”. Sen adiantar acontecementos, Gamallo afirma que o Comité das Rexións “é optimista” respecto a que “o fenómeno rexional apareza recollido dalgún xeito no preámbulo da futura Constitución europea”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O Goberno central pedirá un creto extraordinario da UE para custea-la extracción do fuel do buque afundido
O custo da extracción do fuel do “Prestige” será asumido pola Administración central, aínda que esta pedirá financiamento á UE a través da concesión dun creto extraordinario que terá que estudiar a Comisión Europea. Por outra banda, o “Nautile” e a súa dotación partiron para Francia, pero “volverá con certa periodicidade”, segundo o vicepresidente primeiro do goberno, Mariano Rajoy, para comprobar nos vindeiros meses como sigue a situación no lugar do afundimento.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A Xunta favorece os intercambios de mozos galegos con Alemaña
Esta iniciativa está organizada pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, en colaboración coa Embaixada de Alemaña en España e o Goethe Institut Inter-Nationes, segundo informou a conselleira na inauguración en Santiago das xornadas “Dende Europa”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Turismo
O turismo galego, presente nas Feiras de Milán e Munich
A Consellería de Cultura, a través de Turgalicia, promoverá a oferta turística de Galicia para o ano 2003 nos mercados italiano e alemán, “dous dos clientes estranxeiros máis importantes, tralos portugueses e franceses”, segundo destacou o propio departamento autonómico.
(Fonte:
El Correo Gallego).
13/02/2003
Política
Os estudiantes galegos maniféstanse en Santiago para dicir “non á guerra contra Iraq”
A manifestación, convocada polo Sindicato Galego de Estudiantes, foi apoiada por por diferentes asociacións sindicais estudiantís e polas Xuventudes Socialistas de Compostela. Os sindicatos comunicaron que acudirán a Madrid o día 23 de febreiro co dobre motivo de manifestarse contra a xestión do goberno no desastre do “Prestige” e contra postura do goberno central na guerra contra Iraq.
(Fonte: Santiago,
AGN).

PSdeG e Bloque apoian a convocatoria da Coordenadora Galega pola Paz contra o ataque a Iraq
A Coordenadora Galega pola Paz, formada por numerosas organizacións da sociedade civil, presentou en rolda de prensa un manifesto en contra do ataque militar a Iraq que se viu referendado co apoio do PSdeG, Bloque e mailos sindicatos CIG, CC.OO e UGT. O voceiro da Coordenadora, Manuel Dios, acompañado polos representantes políticos e sindicais, fixo un chamamento para que “toda a xente de paz se poña en pe de paz”.
(Fonte: Santiago,
AGN).
12/02/2003
Emigración
Educación convoca cursos de galego para adultos, profesores e residentes no exterior
Galegos adultos, residentes no exterior e profesores poderán participar ó longo do presente ano nos cursos convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Tamén poderán beneficiarse tódolos colectivos ou persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia, e mailo persoal das Administracións Públicas galegas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Un seminario ensina ós bodegueiros das denominacións de orixe galegas estratexias comerciais para entrar en EEUU
A Cámara de Comercio de Ourense celebrou un seminario acerca das estratexias de marketing do sector do viño en Estados Unidos. Con este seminario pretendese dar continuidade ás accións promocionais desenvolvidas polas bodegas galegas para estimular un dos sectores económicos máis importantes da comunidade. Ás conferencias asistiron representantes de bodegas pertencentes ás cinco denominacións de orixe galegas interesados en penetrar no mercado norteamericano.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea-Pesca
O Comité das Rexións reclama que a flota pesqueira galega teña acceso ás augas comunitarias
O Comité das Rexións apoiou a posición de Galicia con respecto á reforma da Política Común Pesqueira nun dictame que reclama á Comisión Europea o acceso da flota pesqueira galega ás augas comunitarias. Outra medida aprobada a instancias da delegación galega encabezada por Jesús Gamallo, refírese á necesidade de que o sector pesqueiro participe dun xeito activo na toma de decisións.
(Fonte: Bruxelas,
AGN).

Política
O PPdeG apoia “por completo e sen fisuras” a política do goberno español en prol da guerra contra Iraq
Os populares galegos pronunciaranse no Parlamento ante un posible conflicto armado en Iraq apoiando a tese defendida polo Goberno central a este respecto. O PPdeG rexeitou no pleno do Parlamento galego unha “condena á guerra” demandada por socialistas e nacionalistas na cámara autonómica. O deputado popular Máximo Rodríguez recoñeceu a “maior popularidade” do “pacifismo a ultranza”, pero defendeu a postura española sinalando que primeiro se usou “a advertencia e a presión” perante unha situación de “paz violada” por Sadam Husein.
(Fonte: Santiago,
AGN).

As principais cidades galegas acollerán o sábado 15 manifestacións contra a guerra en Iraq
O posible ataque militar de EEUU contra Iraq mobilizará á sociedade galega o vindeiro sábado día 15 de febreiro. Manifestacións nas principais cidades reivindicarán a paz, e amosarán a súa oposición a unha guerra que, segundo a Coordenadora Galega pola Paz, unicamente levará máis morte, destrucción e sufrimento ó pobo iraquí.
(Fonte: Santiago,
AGN).
11/02/2003
Unión Europea
A Universidade de Santiago convoca 951 prazas para o vindeiro curso dentro do programa de mobilidade Sócrates-Erasmus
A USC oferta para o curso 2003-2004 un total de 951 prazas para a realización de estadías en universidades europeas dentro do programa Sócrates-Erasmus. A oferta permitiralles ós alumnos composteláns ampliar estudios en universidades de Portugal, Holanda, Italia, Alemaña, Francia, Austria, Bélxica, Dinamarca, Irlanda, Polonia, Reino Unido, Romanía, Estonia, Hungría, Noruega, República Checa, Suecia, Finlandia, Grecia e Islandia.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
UECC converte Vigo nun porto base do tráfico internacional de vehículos
A multinacional norueguesa UECC (United European Car Carriers) utilizará a plataforma loxística creada en Vigo para o transporte de coches de Citröen como porto de entrada e saída do tráfico doutras marcas de automóbiles. A importancia estratéxica do porto vigués nos plans de futuro da naval pasaría por convertelo nun piar básico da súa rede de portos europeos, que inclúe os de Italia, Grecia, Turquía, Inglaterra, Bélxica e Alemaña.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Política
PSOE e BNG en contra da guerra
O pleno do Concello da Coruña aprobou onte, cos votos a favor de PSOE e BNG, unha moción presentada polo grupo socialista na que se insta ó Goberno a respecta-la legalidade internacional e a non apoiar nin implicar a España nun ataque unilateral de Estados Unidos a Iraq.
(Fonte:
El Correo Gallego).
10/02/2003
Política
Beiras asegura que a economía galega vive actualmente un “recrudecemento da súa dependencia” cara España e a UE
Nunha conferencia celebrada co gallo do 30 aniversario da publicación do seu estudio “O atraso económico de Galicia”, o voceiro nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, afirmou que a dependencia que se establece entre Galicia e España e a UE supón que “cada vez se da máis unha disociación entre as pautas que se dan e as que serían necesarias para a dinamización”. Por iso, di, a economía galega está “lonxe de potencia-los seus propios recursos”, adoptando, pola contra, “as pautas dunha economía moderna, pero seguindo dependente”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Acción Exterior
A comisión redactora do Libro Branco de Acción Exterior reúnese en Baiona
Baiona é o lugar elixido para a reunión, o vindeiro sábado 8, da comisión, un instrumento de reflexión sobre os intereses estratéxicos da nosa comunidade que ten carácter pioneiro en España. Identificaranse as claves políticas e os instrumentos dos que Galicia se pode valer para atopar o seu lugar no complexo mundo actual, incorporando unha completa diagnose da situación presente. A comisión reúnese baixo o pulo da secretaría xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.
(Fonte: Atlántico Diario).
08/02/2003
Unión Europea
Un experto di que a metade das obras realizadas en Galicia son sufragadas pola UE
O economista do Instituto de Análise Económica do CSIC, Ángel de la Fuente, sinala que os fondos, se finalmente se manteñen ata 2013, axudarán á comunidade galega no crecemento anual da renda nun punto e en máis de catro no que toca ó emprego. En relación a como van incidir os fondos despois da catástrofe do “Prestige”, de la Fuente pensa que dende a UE “vaise tentar dirixir máis diñeiro do que estaba planificado”, e lembra que “se sobran fondos noutras rexións de España” se investirán no Plan Galicia de reactivación económica.
(Fonte:
El Correo Gallego).
07/02/2003
Emigración
Caixa Galicia axuda a rehabilita-lo Centro Galego de México
Caixa Galicia entregoulle ó Centro Galego de México unha axuda de 32.000 dólares para a realización das obras de remodelación do edificio co que esta institución conta en Colonia Roma, na capital azteca. A remodelación deste edificio é o proxecto máis importante do colectivo residente naquel país, segundo o seu presidente, Luís Piñeiro Gil.
(Fonte:
El Correo Gallego).
06/02/2003
Unión Europea-Pesca
A Xunta e o Goberno central recorrerán “todo o recorrible” da reforma da PCP perante o Tribunal de Luxemburgo
En principio, este recurso centrarase no principio de estabilidade relativa, que establece o sistema de reparto territorial de TACs e cotas, así coma na declaración de Galicia como “zona altamente dependente da pesca” dentro da UE. En opinión do conselleiro de Pesca, “sabemos que temos moitas probabilidades de gañar” esta batalla legal, e a súa interposición “non supón un fracaso” nas negociacións previas á aprobación da reforma vindo a amosar que “se está traballando en serio para recupera-los dereitos que Galicia e España teñen recoñecidos na UE”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
O 80% dos estranxeiros con permiso de traballo en Galicia están ocupados no sector servicios
En Galicia residen un total de 2.544 estranxeiros con permiso de traballo en vigor, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística. Deles, a maioría residen nas provincias de Pontevedra (997) e de Coruña (881).Do total de estranxeiros que traballan con permiso en vigor, preto do 36% está establecido por conta propia no marcado laboral. En canto ós sectores de actividade, o sector servicios ocupa ó 80%, preto do 8% traballa en actividades agrícolas, un 6% na industria, e un 4,13% na construcción.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
Beiras anuncia que o BNG se sumará ás mobilizacións contra a guerra e promoverá este posicionamento nos concellos galegos
O BNG se sumará ás accións previstas pola Coordenadora Galega pola Paz, con manifestacións nas principais cidades e municipios galegos en prol da paz e en contra da guerra en Iraq. Fronte á actitude do Goberno español ante este conflicto, Beiras destacou o “maior grao de lucidez” amosado pola cidadanía, e atribuíu este momento ó realizado pola sociedade galega de xeito “pioneiro” trala catástrofe do “Prestige”. O voceiro nacionalista lembrou que o seu partido mantén dende o seu nacemento “posicionamentos pacifistas e antibelicistas, e destacou a súa participación na creación do chamado Foro Social Mundial.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
Expertos europeos en I+D, cos armadores
A Cooperativa de Armadores de Vigo será o escenario da primeira reunión do “Proxecto de Investigación Cooperativa” sobre as pesqueirías das Malvinas e o Atlántico Sudoeste.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O Fidac non decidirá ata maio as indemnizacións polo “Prestige”
O Fondo Internacional de Indemnización de danos debidos á contaminación polos hidrocarburos, Fidac, non decidirá ata maio as indemnizacións polo “Prestige” e, en todo caso, os pagamentos serán “provisionais” e “dentro dun certo límite” destinados ás persoas que se teñan atopado “con dificultades financeiras serias”. O Fidac creou na Coruña unha Oficina de Tramitación de solicitudes para as indemnizacións derivadas do sinistro do “Prestige”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
Máis de 5.200 galegos na diáspora beneficiáronse dos 1,5 millóns de euros en axudas xestionadas por Emigración
Durante 2002, un total de 5.254 galegos no exterior foron receptores dos 1.576.200 euros enviados a Latinoamérica pola Consellería de Emigración e as Deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense. O importe das axudas incrementouse nun 11% ata chegar ós 300 euros. Miras Portugal sinalou que, ademais das necesidades máis elementais, “a nosa xente está sufrindo unha presión de tipo psicolóxico cada vez máis grande” debido á inseguridade e inestabilidade existente.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Solidariedade
Manos Unidas promove unha xornada de xaxún
A organización Manos Unidas en Santiago inicio o lanzamento da campaña 44, que se desenvolverá durante o mes de febreiro con distintas actividades, que inclúen unha mesa redonda en torno ó tema “Desenvolvemento, vieiro para a paz”; a celebración do día do xaxún voluntario, en solidariedade cos necesitados; ou a lectura do manifesto “Un mundo sustentable, un mundo de paz”. No marco da campaña terá lugar unha colecta destinada ao financiamento de diversos proxectos de desenvolvemento da organización.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A inestabilidade bolsista reduciu case á metade os beneficios de Caixanova
O director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, fai especial fincapé en dous aspectos alleos que influíron e van continuar sacudindo o mundo das finanzas: o “Prestige” e a crise da guerra en Iraq. Sobre esta última, sinalou que está a xerar un negativo factor de incerteza. En canto ó “Prestige”, Gayoso recoñeceu que ten influído na entidade, habida conta que Caixanova ten unha gran relación cos sectores afectados xa que financia gran parte da flota galega.
(Fonte:
El Correo Gallego).
05/02/2003
Unión Europea-Política
Beiras advirte que a reforma da PAC “liquida” ós sectores máis productivos do agro galego
O voceiro nacional do BNG referiuse á reforma da PAC na súa visita á comarca lucense de Sarria, que conta cun importante peso agrario. Para Beiras esta reforma, tal como está trazada, suporá “ a total liquidación dos sectores máis productivos do agro galego”, ademais de “consolida-lo descenso dos prezos dos productos agrarios.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Científica
Galicia participa con institucións doutros 11 países no proxecto “CroosGrid”
A vindeira semana terá lugar en Santiago o primeiro congreso continental sobre o Grid. Esta tecnoloxía é unha infraestructura de Hadware e Software que permitirá a empresas, institucións e laboratorios que están desenvolvendo proxectos científicos complexos comparti-lo material con outra rede de ordenadores conectados, contando cunha maior garantía de seguridade. Galicia participa nun dos principais proxectos da tecnoloxía Grid, o CroosGrid, no que o Cesga e as Universidades de Santiago e A Coruña están colaborando con outras vinte institucións de 11 países europeos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Solidariedade
Un grupo de 11 estudiantes internacionais do Colexio do Mundo Unido do Atlántico limpará chapapote en Galicia
Un grupo de 11 estudiantes, de varios países de África e Europa, achegaranse ó litoral galego entre os días 28 de febreiro e 8 de marzo para axudar nas tarefas de limpeza da marea negra. Os estudiantes pertencen ó Colexio Mundo Unido (CMU), que forma parte dunha rede de 10 colexios repartidos por todo o mundo. Este proxecto pretende promove-lo entendemento internacional a través da convivencia intercultural integrando a formación académica cun amplo programa social.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
O quinto número da revista “Tempo Exterior” sae á rúa como un modo de pensar “o mundo dende Galicia”
O quinto número da revista foi presentado en Santiago polo conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Xulio Ríos, e o rector da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, Ramón Villares. Segundo Ríos, os obxectivos de “Tempo Exterior” son levar a cabo un seguimento da actualidade internacional, e “relaciona-lo coa vida cotiá” para “crear un pensamento exterior propio de Galicia”.
(Fonte: Santiago,
AGN).
03/02/2003
Unión Europea
Unha delegación da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo visita Galicia
A delegación, composta por 13 deputados de tódolos partidos políticos e seis nacionalidades (belga, británica, alemana, francesa, austríaca e española), desprazarase a Galicia para coñecer “in situ” as consecuencias da marea negra do “Prestige”. Esta visita responde ás xestións realizadas pola Plataforma “Nunca Máis” para que se cree unha comisión temporal sobre o “Prestige” no Parlamento Europeo.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
O proxecto da Cidade da Cultura, premiado co P/A Awards
A revista norteamericana Arquitecture entregoulle o seu premio P/A Awards ó proxecto da Cidade da Cultura de Galicia. Este galardón, que outorga unha das publicacións máis prestixiosas neste eido especializado, premiou a obra de Peter Eisseman, na que se destaca a superposición de tres estratos de información para mestura-la historia e o futuro da cidade medieval de Compostela.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
02/02/2003
Turismo
As Oficinas de Turismo no exterior promoverán Galicia
As Oficinas de Turismo españolas no estranxeiro volcaranse este ano na promoción de Galicia, destacando a relevancia da súa oferta turística co fin de contrarresta-lo dano na imaxe causado pola catástrofe do “Prestige”. Esta estratexia inclúe un dispositivo especial de relacións cos medios de comunicación estranxeiros, a través do que se tentará aproveita-la notoriedade internacional acadada pola catástrofe, para promover Galicia como destino turístico
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal teme que a hostalería de Vigo se leve turistas da Eurocopa
Os organizadores da Eurocopa de Fútbol Portugal 2004 reclamaron a atención do goberno de Lisboa para que evite “a forte concorrencia” das zonas fronteirizas (Galicia e Andalucía, especialmente) que poden levarse os beneficios turísticos do evento deportivo. Os prezos da hostalería veñen limitando nos últimos anos o crecemento turístico portugués, lastrado por unhas tarifas que son ata un 50% máis caras que as de Vigo. Para alivia-los temores de cidades como Guimaraes, Braga ou Porto, o goberno asinou un protocolo de promoción turística co ICEP (Instituto de Comercio Exterior de Portugal) e cos organizadores da competición.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Sociedade
Mayor Zaragoza participa no ciclo “Cultura da Paz” cunha conferencia
Federico Mayor Zaragoza será o vindeiro conferenciante convidado polo Seminario Galego de Educación para a Paz e Caixa Galicia no marco do ciclo “Cultura da paz para un novo milenio”. O ciclo continuará coa intervención da xornalista Carmen Sarmiento.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Trescentos “sen papeis” viven en Santiago sen poder regulamentarse
Preto de 300 inmigrantes non regulamentados viven en Compostela tratando de regulamenta-la súa situación, segundo datos do recen constituído Foro da Inmigración da capital galega. En Galicia hai pouco máis de 26.000 estranxeiros, un 1% da poboación. Son tan poucos que integralos é “posible e doado”, explica o Foro.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
O porto vigués e os aeroportos lusos son as infraestructuras máis valoradas polos industriais vigueses
Así o revela a análise do sistema empresarial da comarca viguesa, recollido no Plan Estratéxico e baseado en enquisas realizadas a empresas representativas de tódolos sectores. O ferrocarril, as estradas de comunicación co resto de Galicia (tramos de circunvalación de zonas do interior) e as de acceso á fronteira de Portugal teñen unha valoración negativa debido a que “limitan a xestión loxística”, segundo os enquisados.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
01/02/2003
Emigración
Dobran os fondos para a asistencia e Brasil ós emigrantes
A Fundación Galicia Emigración destinará 36.000 euros para a asistencia médica gratuita ós emigrantes radicados en Brasil. Esta nova contía dobra a asignada anteriormente de 16.000 euros, e dela poderán beneficiarse 800 emigrantes necesitados que a solicitaron naquel país. O conselleiro de Emigración viaxará a Brasil para asina-lo acordo coa Sociedade Española de Beneficencia de Río.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A “Cidade Dixital” chegará ata os centros da emigración en abril
A Cidade Dixital de Galicia vai sentando as bases co fin de converterse nun referente no uso da novas tecnoloxías ó servicio do cidadán. Da man de Indra, un dos grandes do sector, se porá en marcha en Bos Aires a experiencia piloto para dotar de novas tecnoloxías ós centros estradenses do exterior. O Concello da Estrada canaliza, a través dos departamentos de Cultura e Facenda, as liñas de actuación do Ministerio e da Consellería de Cultura.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sensibilizarse co emigrantes retornado
A asociación Ager presentou unha campaña de sensibilización co retornado, “Dúas veces emigrante”, que está dirixida ós alumnos de Ensino Secundario de Pontevedra.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
Bello Janeiro será árbitro internacional do Banco Mundial no conflicto que enfronta a Arxentina e Siemens
O director da Escola Galega da Administración Pública, Domingo Bello Janeiro, formará parte do Tribunal Internacional de Arbitraxe que constituíu en Washington o Banco Mundial para resolve-lo caso que enfronta á República Arxentina coa empresa alemana Siemens. Janeiro acude en calidade de catedrático da Universidade de Santiago.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
Ver máis Diario Exterior

2003: xaneiro |
2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2003