O eurodeputado Daniel Varela reclámalle explicacións a Fischler O voceiro do PP Europeo na comisión de Pesca da Eurocámara pediulle a Fischler, comisario de Pesca, que xustifique por que propuxo modifica-la política comunitaria de acordos internacionais pesqueiros. Fischler pretende converte-los convenios en “acordos de cooperación pesqueiros” para que a contrapartida financeira da UE se destine esencialmente á cooperación ó desenvolvemento, en troques de ós dereitos de pesca, aumentando a porcentaxe que deben aportar os armadores neste último concepto. Para Varela, isto cambia o principio orixinal dos acordos, que tiñan un carácter eminentemente comercial. (Fonte: Santiago, AGN). Pesca Malvinas recurta licencias de pesca de lura á flota galega O terceiro caladoiro máis importante do mundo para as empresas pesqueiras galegas que traballan baixo a fórmula das sociedades mixtas, tras Arxentina e Namibia, presenta para 2003 unha das cifras de reservas de cefalópodos máis baixas da súa historia. As autoridades do arquipélago notificaron a firmas como Armadores Pereira ou Pescapuerta, con sede en Vigo, que a campaña deste ano será de 45 días, en troques dos 120 habituais, e que dará comezo o 15 de marzo, cando debería arrincar o 8 de febreiro. (Fonte: La Voz de Galicia). Unión Europea O nivel de crecemento de Galicia é o máis lento de tódalas Comunidades españolas consideradas Obxectivo 1 Esta circunstancia aparece no documento comunitario que servirá de base para distribuí-los fondos estructurais entre as rexións menos favorecidas. Bruxelas constata que a renda media do galego (expresada en capacidade de compra) medrou un punto e medio respecto á media comunitaria durante o quinquenio que vai dende o ano 1995 (63,2%) ó 2000 (64,7%). Estes datos confirman que se ben o crecemento da comunidade galega non se ten freado en seco, si é certo que converxe coa UE de xeito máis lento que o conxunto de España, que no mesmo período incrementou a súa renda por habitante en catro puntos. (Fonte: La Voz de Galicia). Emigración Os galegos copan as solicitudes de nacionalidade española en Venezuela A Nova Lei de Nacionalidade española fixo que se disparasen as solicitudes para conseguir pasaporte en Venezuela. Dende xaneiro, máis de 11.000 persoas acudiron ó Consulado de España por este motivo, estimándose que preto de 4.000 peticións corresponden a emigrantes ou descendentes de galegos.Galicia é, trala canaria, a segunda comunidade española máis numerosa en Venezuela. (Fonte: La Voz de Galicia). Sociedade O 85% dos alumnos inmigrantes estudian en centros públicos O Consello Escolar de Galicia organizou unha xornada sobre a situación dos alumnos inmigrantes en Galicia. Durante a mesma, lembrou que hai unha dispersión destes estudiantes, que nalgún centro poden supor ata o 10 ou o 15% do total. Polo de agora, os alumnos doutros países en Galicia constitúen o 1% do total, pero o crecemento é espectacular. (Fonte: La Voz de Galicia).
O Eixo Atlántico apostará pola promoción dun sistema aeroportuario na Eurorrexión O Eixo Atlántico aposta pola creación dun sistema aeroportuario que contemple a creación de enlaces entre os catro aeroportos da zona, segundo a nova estratexia en materia de infraestructuras aprobada pola Asemblea. (Fonte: Vigo, AGN). Solidariedade Camilo Nogueira a Bagdad para tratar de evita-la guerra O eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira, forma parte dunha delegación do Parlamento Europeo que se desprazará a Iraq para presionar á opinión pública con fin de evita-la guerra contra Iraq. A expedición conta con 33 eurodeputados de 11 países. Nogueira será o único galego da comitiva, que partirá de Madrid o 2 de febreiro. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Galicia é a quinta comunidade española que máis exportacións realiza a Marrocos As exportacións españolas a Marrocos durante os primeiros nove meses do pasado 2002 ascenderon a 1.386,7 millóns de euros.Deles, 95,1 millóns corresponderon as vendas realizadas dende Galicia, que éa quinta comunidade española en volume de exportacións a este país. As relacións de Galicia con Marrocos non se basean só no sector pesqueiro, exportamos prendas e complementos de vestir e vehículos e os seus accesorios. Con respecto ó mesmo período de 2001, o valor das exportacións galegas incrementouse nun 15,74%,cun 41,96% máis de operacións. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade Dous fotógrafos da Axencia Galega de Noticias expoñen os seus traballos sobre o “Prestige” no Cumio Mundial do Deseño de Prensa As fotografías realizadas sobre a marea negra forman parte das 51 instantáneas da exposición “Marea Negra”, unha das actividades do Cumio Mundial do Deseño de Prensa. Esta mostra itinerante percorrerá Galicia, as principais cidades españolas e portuguesas e outras zonas de Europa. (Fonte: Santiago, AGN). Política Os socialistas galegos reclaman un pronunciamento do Parlamento de Galicia contrario a un conflicto armado en Iraq O grupo parlamentario dos socialistas de Galicia presentaron unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia pola que reclaman un pronunciamento deste órgano en prol da paz e contrario a un conflicto armado en Iraq. Ademais, esíxenlle ó Goberno español que realice un pronunciamento en prol da paz no Consello de Seguridade das Nacións Unidas, promovendo as condicións necesarias de apoio ás asociacións que dende hai anos “loitan en Iraq pola democracia e os Dereitos Humanos”. (Fonte: Santiago, AGN).
O Eixo Atlántico estudia a posibilidade de crear unha empresa mixta de turismo entre Galicia e Portugal O Eixo Atlántico estudiará durante a súa Asemblea a implantación da Axenda 21 nos 19 concellos galegos e portugueses que integran este organismo, así como a creación dunha empresa mixta de turismo. Ademais, nun acto no que estarán presentes o presidente da Xunta e o ministro de Cultura de Portugal, o Eixo entregará a súa medalla ás cinco cidades membro cualificadas como Patrimonio da Humanidade. (Fonte: Santiago, AGN). Solidariedade Un grupo de 39 estudiantes de Eslovenia traballa na recollida do fuel Os estudiantes eslovenos, procedentes das facultades de Ciencias Marítimas e da de Comunicación Social de Ljubijana, traballan dende hai case un mes como voluntarios na praia de Xuño, en Porto do Son. Un equipo da Televisión Eslovena desprazouse tamén a Galicia para deixar constancia da solidariedade destes estudiantes e dar a coñecer a catástrofe que provocou en Galicia a marea negra do “Prestige”. (Fonte: Santiago, AGN).
O Sindicato Labrego responsabiliza á Política Agraria Común da aparición de antibióticos nos alimentos O Sindicato Labrego Galego lembra que Loyola de Palacio, cando era ministra de Agricultura, abstívose na votación do Consello de Ministros de Agricultura da UE sobre a prohibición de antibióticos nos piensos, que finalmente será efectiva en 2006. O SLG solicita unha PAC alternativa que inclúa a prohibición de calquera producto que poida deixar residuos perigosos para as persoas nos alimentos, como a manipulación xenética, antibióticos, hormonas, pesticidas, herbicidas e semellantes. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior O BNG pide no Foro Social de Porto Alegre o “protocolo de Galicia” sobre o tráfico marítimo internacional Xosé Manuel Beiras explicou as achegas do BNG ó Foro Social Mundial, onde propuxo a realización dun “protocolo de Galicia” sobre o tráfico marítimo internacional. O eurodeputado Camilo Nogueira expuso a problemática do “Prestige”, e propuso a realización dun protocolo en Galicia pola especial incidencia do tráfico marítimo na nosa comunidade. O BNG asistiu a este foro por ser un dos núcleos fundadores do Foro Parlamentario Mundial, que se celebra simultaneamente ó Social. (Fonte: Santiago, AGN).
A OMT anuncia que o Xacobeo pode axudar a recuperar o turismo O secretario xeral da Organización Mundial de Turismo, Francesco Frangialli, considera que a vindeira celebración do Ano Xacobeo 2004 pode ser “óptima” para a recuperación do turismo en Galicia e ofreceu “todo o apoio” da organización para evitar que o fluxo turístico saia prexudicado por efecto do “Prestige”. Frangialli fixo estas declaracións durante a celebración da II Conferencia Turística Internacional de Madrid, na que Galicia é a única comunidade autónoma presente. Galicia será obxecto dunha xornada especial na Feira o vindeiro día 30. (Fonte: El Correo Gallego). Solidariedade Máis de 4.000 escolares de Ourense coñecerán a realidade dos refuxiados e as inxustizas do comercio internacional Un total de 4.200 escolares da capital ourensá participarán en dúas actividades solidarias organizadas polo Concello. Na primeira, o sociólogo Diork Glas, da Universidade de Wageningen, será o encargado de achega-la realidade dos refuxiados ós nenos a través de charlas que terán lugar durante toda a semana. Por outra banda, o Concello enviará a 25 centros escolares un monográfico elaborado por Intermón para que os nenos traballen sobre o tema das inxustizas do comercio internacional actual. (Fonte: Ourense, AGN).
O PSdeG-PSOE pide a creación dun programa de bolsas para os mozos que queiran traballar para ONGs en países en vías de desenvolvemento Como complemento a esta iniciativa, a proposición socialista avoga por que a Xunta estableza as bases do programa incluíndo as ONGs que participan, as prioridades xeográficas de actuación, a asignación económica e o seguimento e avaliación dos cooperantes. As deputadas socialistas cren que Galicia debe “contribuír, con accións específicas de cooperación, ó desenvolvemento da humanidade”, dando así cumprimento ós cumios de Copenhague, Portoalegre e Johannesburgo. (Fonte: Santiago, AGN). Economía A firma norteamericana FastShip presentou en Santiago un proxecto de transporte marítimo no que Galicia pode xogar un papel chave Á falla do si oficial da Xunta, todo fai pensar que a factoría de Izar en Ferrol será a encargada de fabrica-los revolucionarios buques proxectados por FastShips, Inc., unha empresa norteamericana que deseñou unha rede de transporte marítimo ultrarrápido capaz de concorrer cos avións. A idea da compañía é que algún dos portos galegos, posiblemente A Coruña, se converta nun nó loxístico para redistribuír por Europa e o Mediterráneo o tráfico procedente de América. (Fonte: La Voz de Galicia). Política EU oponse á guerra contra Iraq A agrupación viguesa de Esquerda Unida organizou na tarde de onte unha concentración na rúa do Príncipe para protestar contra a invasión de Iraq que preparan os Estados Unidos de América. (Fonte: La Voz de Galicia).
A UE garante fondos estructurais para Galicia ata 2013 A entrada na Unión Europea de dez novos países en 2004 provocará que só catro comunidades españolas (Galicia, Castilla-La Mancha, Extremadura e Andalucía) sigan cumprindo os criterios do Obxectivo 1, a categoría que recibe máis axudas europeas. Aínda que Galicia e Castilla-La Mancha superarán o 75% do PIB medio da Unión de 27 países, manteranse baixo o Obxectivo 1 ata 2013, ano no que deberá establecerse unha nova axenda orzamentaria. (Fonte: La Voz de Galicia). Máis de 200 mozos de toda Europa participarán en Santiago no certame “Urbis” Máis de 200 mozos, de distintos países europeos e americanos, participan esta semana no certame “Urbis. Aventura Urbana”, organizado polas consellerías de Familia e Cultura. Trátase dunha iniciativa lúdica e cultural que pretende achegar ós mozos a historia medieval de Santiago. O certame xa se celebrou con importante éxito na cidade de Lugo baixo o nome “Urbis Lucus Augusti”. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Eurolatón continúa o seu ascenso no mercado oriental A firma de ferraxes de Caldas de Reis, primeira empresa do sector que chegou con capital estranxeiro a China, vén de amplia-la súa fábrica neste país con 25.000 metros cadrados máis. Namentres na matriz de Caldas traballan 42 empregados, a planta de China dálles emprego a máis de 480 persoas. Eurolatón está presente en 27 países de Europa, Asia e América. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo Asuntos Exteriores promoverá o próximo Xacobeo en Asia O Ministerio de Asuntos Exteriores colaborará na promoción da Rota Xacobea en Europa, Estados Unidos e Xapón, país onde a tradición xacobea comeza a ser coñecida dentro dos paquetes de turismo cultural. Para 2004, boa parte dos proxectos centraranse na intensificación da promoción internacional da Rota. A proposta de Exteriores é participar na organización dun programa de exposicións sobre o Camiño nas distintas oficinas e embaixadas abertas nos tres continentes. (Fonte: El Correo Gallego).
Beiras asegura en Portoalegre que a política ultraliberal defendida en Davos “conduce fatalmente ó belicismo” As pretensións belicistas do presidente Bush convertéronse no principal tema de debate do Foro Social Mundial. Entre as actividades realizadas polo BNG en Portoalegre destaca a reunión celebrada entre unha delegación do grupo parlamentario europeo Verdes-ALE e o ministro de agricultura brasileiro, Miguel Rosseto, que amosou especial interese polo sistema familiar imperante en Galicia durante décadas. O BNG acadou que a Resolución final do Foro incluíse unha mención específica sobre a necesidade de instar ós gobernos a reforza-la seguridade marítima. (Fonte: Santiago, AGN). Economía A Semana Verde de Galicia acollerá en 2004 a Asemblea Xeral das Feiras Agrícolas de Europa A Feira Internacional Semana Verde acollerá en 2004 a Asemblea Xeral da Eurasco, unha asociación que engloba as principais feiras agrícolas de Europa. Para o presidente da Fundación Semana Verde, José Maril, a feira está xa consolidada entre as tres grandes citas feirais do sector agropecuario a nivel mundial. Maril destacou a proxección de Galicia nesta feira, que tenta difundi-la calidade dos productos galegos no exterior para facilita-lo seu acceso ós mercados internacionais. (Fonte: Santiago, AGN). Inditex entra no negocio do fogar con quince novas tendas en España e Portugal O grupo téxtil Inditex abrirá unha nova cadea de tendas que se engadirá ás sete xa consolidadas no mercado internacional. 2003 será a quenda da roupa do fogar. No mercado internacional, Estados Unidos será destinatario de dúas tendas de Zara, a marca con maior proxección exterior. A prioridade para a compañía é, nembargantes, a expansión do negocio en Europa, sen esquece-lo mercado latinoamericano, especialmente México, onde prevé un crecemento do 20% en beneficios e facturación. (Fonte: Santiago, AGN). Política Cambios na Consellería de Emigración A remodelación política do goberno feita polo presidente da Xunta afecta tamén á configuración da Consellería de Emigración, que cede Cooperación Exterior á Secretaría de relacións coa Unión Europea e Acción Exterior. (Fonte: Santiago, AGN).
Terranova e Galicia formarán un grupo de traballo conxunto Os responsables en materia de pesca da provincia canadense de Terranova e a Consellería de Pesca da Xunta crearán un grupo de traballo para tratar de “solucionar xuntos e con diálogo” o conflicto do fletán entre España e Canadá. Así o asegurou o ministro de Medio Ambiente de Terranova, Kevin Ayward, que se atopa de visita en Galicia para coñece-la loita contra o fuel do “Prestige” e “tratar de aprender e compartir experiencias” sobre contaminación. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea O Sindicato Labrego Galego amosa o seu descontento perante a reforma da Política Agrícola Común que propón Fischler O documento, xa aprobado pola Comisión Europea, xira en torno a eixos como a reducción de pagamentos directos ou o establecemento dunha prima fixa por exportación cualificada en base a dereitos históricos. Para o Sindicato Labrego este tipo de axudas por dereitos históricos “é un dos maiores agravios que se lle poden facer ó agro galego”, e lembra tamén a “nefasta” decisión de “privatiza-la xestión das axudas e poñelas en mans de entidades bancarias”. (Fonte: Santiago, AGN). A EGAP inaugura o curso 2003, que incluirá unhas xornadas sobre “Axudas comunitarias para catástrofes” Para o presente curso académico, a Escola Galega da Administración Pública celebrará unhas xornadas sobre as axudas comunitarias para catástrofes, con especial atención á provocada na costa galega polo “Prestige”. Tamén se realizará un Seminario Luso-Galego sobre Calidade na Administración no marco da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Os emigrantes retornados aprenden empresariais A Cámara de Comercio de Santiago, a través do seu Departamento de Orientación Laboral, vén de pór en marcha un curso de apoio ós emigrantes retornados sobre creación e consolidación de empresas. O curso terá unha duración de tres meses,e será necesario presentar un proxecto empresarial para acada-la acreditación. (Fonte: El Correo Gallego). Un grupo de 30 mozos descendentes de galegos inicia un percorrido por diferentes Camiños de Santiago Esta pelegrinaxe, organizada pola Federación de Sociedades Españolas na Arxentina, ten coma fin que os participantes coñezan a terra dos seus antergos. Para a organización e desenvolvemento desta experiencia, a Federación contou coa colaboración das diferentes comunidades autónomas implicadas. No caso de Galicia, a Consellería de Cultura preparou un programa especial de actividades para os mozos. (Fonte: Santiago, AGN).
Os membros de Attac-Galicia agardan que o III Foro Mundial de Portoalegre sirva para loitar por un mundo mellor Como mostra da solidariedade ante o desastre do ”Prestige”, Attac -España presentou en Santiago a declaración da organización perante o II Foro Social Mundial. “A posible guerra contra Iraq, a clandestinidade nos tratados vitais fronte á publicidade dos cumios propagandísticos, e mailo desastre do Prestige” son, para Jesús Heredero, coordenador de Attac-Galicia, mostras da necesidade da mobilización cidadá promovida por Attac. (Fonte: Santiago, AGN). Portugal-Turismo A oferta turística de Galicia está presente na Bolsa de Turismo de Lisboa A Consellería de Cultura, a través de Turgalicia, presentará na Bolsa de Turismo de Lisboa a oferta turística galega. A Bolsa de Lisboa é a máis importante do sector en Portugal e agárdase que este ano conte coa participación de 40.000 persoas de 74 países. (Fonte: Santiago, AGN).
As rexións do Arco Atlántico demandaranlle á Unión Europea un maior apoio económico a Galicia As rexións da Unión Europea agrupadas no Arco Atlántico ofrecéronlle a Galicia a súa solidariedade durante a súa última reunión en Bruxelas, onde pediron que a Unión Europea adique partidas orzamentarias adicionais para Galicia para afronta-la marea negra do “Prestige”. Á reunión asistiu o Secretario Xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior, Jesús Gamallo, que informou dos danos causados en Galicia polo petroleiro. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Letonia pon en marcha no seu territorio o Plan de Galicia sobre Drogas Unha delegación de expertos en drogodependencias de Letonia visita Galicia para comproba-la aplicación práctica do Plan autonómico sobre Drogas, que as autoridades sanitarias do país báltico decidiron adoptar. A visita enmárcase nun convenio de colaboración asinado hai escasos meses polo presidente da Xunta para permitir que Letonia se adapte ás recomendacións da UE en materia de consumo e tráfico de drogas. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo A Xunta ultima as campañas de promoción turística de Galicia Para evitar que o sector turístico se vexa afectado no verán pola crise do “Prestige”, a Xunta ultima a realización dunha campaña de promoción da comunidade en España e o estranxeiro. En total, desembolsaranse 16 millóns de euros, dos que catro destinaranse a dar a coñecer fóra de España que a “calidade das augas e a limpeza do medio ambiente estará garantida”. A campaña estará especialmente dirixida a Portugal e Francia, países que máis turistas aportan a Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
As cámaras sitúan Galicia como a sexta autonomía máis exportadora Entre os meses de xaneiro e outubro de 2002 Galicia vendeu productos ó exterior por valor de 8.071,015 millóns de euros, situándose en sexto lugar entre as comunidades autónomas polo nivel de exportacións. O informe das cámaras de comercio sitúa Galicia en segundo lugar, tras Catalunya, polo valor exportado no sector da automoción, 4.088 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego).
Unha delegación do Consello de Europa visita Galicia para coñece-lo impacto do verquido Unha delegación da comisión de Medio Ambiente, Agricultura e Asuntos Territoriais da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa chegou a Galicia para coñece-la situación tralo sinistro do “Prestige” co fin de elaborar un informe que será presentado este mesmo mes na Asemblea Parlamentaria. (Fonte: Santiago, AGN). Portugal-Economía O CTAG colaborará con Portugal na construcción dun coche de cidade O Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia (CTAG) participará no deseño dun mini vehículo de cidade que se levará a cabo no novo Centro de Enxeñería e Desenvolvemento de Producto (CEDP), recentemente inaugurado na cidade portuguesa de Maia. Ambos centros teñen como obxectivo converte-lo Norte de Portugal e Galicia nun polo de atracción de investimento estranxeiro no sector automotriz. (Fonte: Faro de Vigo). Sociedade O sindicalista arxentino Jorge Rigane explica a situación política do seu país O dirixente da Central de Traballadores Arxentinos e secretario xeral da Federación da Enerxía da República Arxentina, Jorge Rigane, pronunciará unha conferencia o vindeiro día 20 sobre a situación do seu país na nova conxuntura latinoamericana. O acto está convocado pola CIG e terá lugar no salón de actos do sindicato en Vigo. (Fonte: Faro de Vigo).
Bruxelas non abrirá unha investigación sobre o accidente do “Prestige” Finalmente, o Parlamento Europeo non creará a comisión de investigación sobre as causas da catástrofe do “Prestige” fronte ás costas galegas. A Conferencia de Presidentes desestimou a convocatoria da comisión, solicitada polos grupos Socialista, Verdes e Esquerda Unitaria, amparándose nun informe non vinculante dos servicios xurídicos do Parlamento. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Zara sortea a crise de consumo en Alemaña e mellora as súas vendas A marca de moda Zara, do grupo galego Inditex, acadou sorprendentes cifras de vendas en Alemaña, pese a crise económica e a reducción do consumo neste país. Tras unha rápida expansión, Zara ten máis de vinte filiais en Alemaña e abriu a primeira tenda neste país en Colonia, en 1999. (Fonte: La Voz de Galicia).
O Parlamento Europeo rexeita por terceira vez a creación dunha comisión de investigación sobre o “Prestige” A Conferencia de Presidentes do Parlamento Europeo rexeitou por vez terceira a petición do PSOE de crear unha comisión de investigación sobre o sinistro do “Prestige”. O rexeitamento sustentase nun informe interno dos servicios xurídicos da Cámara que asegura non ter apreciado “ningún tipo de infracción do dereito comunitario nin responsabilidade” por parte das autoridades españolas no caso do “Prestige”. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior A Xunta negocia co Fidac e cos donos dos petroleiros o destino dos refugallos A Consellería de Medio Ambiente ten autonomía para decidi-lo sistema de eliminación dos refugallos causados polo “Prestige”, pero fontes deste departamento explican que o método a seguir e o seu custo serán considerados cos responsables do Fondo Internacional de Compensación de Danos por Hidrocarburos (Fidac) e polo International Tanker Owners Polution Federation Limited (Itopf). A razón, explican estas fontes, é conseguir que ambos organismos emitan un informe positivo sobre como xestiona os verquidos a Xunta para que parte dos seus fondos sufraguen o tratamento dos refugallos. (Fonte: La Voz de Galicia). Cooperación Exterior Máis recursos para cooperación ó desenvolvemento O Consello da Xunta aprobou autoriza-la publicación da orde que regulamenta as subvencións que se lle outorgarán a diferentes ONGs para a execución dos proxectos de cooperación ó desenvolvemento no exterior, proxectos de formación e sensibilización social sobre a situación dos países máis desfavorecidos, e a posta en marcha de accións encamiñadas á mellora da súa calidade de vida. Emigración destinará este ano 2,26 millóns a estes cometidos. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Galicia representa o 6,7% do continxente de traballadores estranxeiros estables en España para o 2003 Segundo datos do BOE, sobre o continxente de traballadores estranxeiros estables en España para o ano 2003, serán un total de 713 os que traballen en Galicia. Entre os sectores económicos que dan traballo ós inmigrantes regularizados en Galicia, destacan o de servicios, hostalería e construcción. A procedencia dos inmigrantes mudou en referencia a movementos anteriores, xa que un 80% provén de América Latina, un 18% de África e un 2% de Europa do Leste. As crises económicas e sociais na Arxentina, Uruguai e Colombia influiron neste cambio. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade Os cidadáns noruegueses residentes en Galicia poderán votar nas eleccións municipais Os cidadáns noruegueses que residen en Galicia poderán votar nas eleccións municipais de maio, se solicitan a súa inscrición no censo electoral. En Galicia residen un total de 38 cidadáns noruegueses na provincia da Coruña, 9 en Pontevedra, un en Lugo e outro en Ourense, segundo os datos do INE. Un acordo entre os gobernos español e noruegués de 1990 permítelles ós cidadáns de ambos países residentes no outro, exercer este dereito. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura O Centro Cultural Caixanova de Vigo acollerá a primeira mostra retrospectiva de Guimaraês feita en España A sala de mostras do Centro Cultural Caixanova acolle, ata o 2 de marzo, a exposición retrospectiva de José de Guimaraês, a primeira que se realiza en España deste artista portugués. A mostra reúne 54 obras, entre esculturas, pinturas, collages e debuxos realizadas polo autor entre a década dos 70 e 2001. (Fonte: Vigo, AGN).
Galicia, no mercado mundial do silicio Galicia concorre actualmente no mercado mundial do silicio, no que as principais empresas están concentradas en Noruega, Estados Unidos, Brasil, Francia e China. Un factor determinante desta posición vantaxosa é que Galicia conta con abondantes minas de cuarzo de calidade, de onde se extrae o silicio, materia prima de productos como a silicona, o vidro, o aceiro, o ferro, as células solares ou os microchips. Segundo datos da Secretaría Xeral de I+D, o 25% deste mineral obtense dun electrodo elaborado polo grupo galego Ferroatlántica. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración En Galicia a poboación de inmigrantes non chega ó 1%, do que o 60% son comunitarios Amnistía Internacional, Asociación de Inmigrantes “Gondwana”, Centro de Traballo de Cultura-Cáritas, e a Asociación “Plataforma polo emprego”, son parte das asociacións agrupadas no “Foro da Inmigración” que foi presentado en Compostela. Esta iniciativa nace coa intención de propor un cambio social, cultural e lexislativo sobre os dereitos e liberdades dos estranxeiros en España, que non chegan ó 1% no caso de Galicia. (Fonte: Santiago, AGN). Pesca Os 24 barcos galegos autorizados para faenar en Marrocos atópanse preparados para saír, á espera da licencia A oferta de Marrocos foi feita para un total de 64 barcos, pero segundo o Ministerio de Agricultura e Pesca serán 24 os barcos galegos, ademais doutros dous de Cantabria, os barcos que partirán para Marrocos. A Embaixada de Marrocos asegura que o número de licencias concedidas ascende, polo momento, a 22, das que 19 corresponderían a palangreneiros e 3 a arrastreiros, aínda que a oferta inicial incluía tamén cerquiros e barcos artesanais. Para estes dous últimos tipos de barcos non resulta moi rendible desprazarse ata os caladoiros marroquinos, polo que non se utilizarán tódalas licencias ofertadas. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura A Universidade Fernando Pessoa e o Igadi asinan un convenio de colaboración A Universidade Fernando Pessoa e o Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) asinarán un protocolo de colaboración científica entre ambas entidades canalizada, no caso portugués, a través do Centro de Estudio das Minorías (Cenmin). Os investigadores do Cenmin e os estudiantes do curso de Mestrado en Relacións Internacionais da Universidade poderán acceder ó centro de documentación do Igadi e colaborar nas súas actividades de investigación. (Fonte: Faro de Vigo).
Un vídeo feito en California logra recrea-la Catedral de Santiago A creación de imaxes virtuais permite, gracias ó traballo coordenado pola Universidade de California coa colaboración do Museo da Catedral compostelán, a reconstrucción do aspecto da basílica na Idade Media. A creación virtual está destinada ós estudiantes de literatura hispánica e ós investigadores. Un dos seus principais promotores é o xefe do Departamento de Español e Portugués da Universidade de California. (Fonte: El Correo Gallego).
A Universidade de Vigo reunirá a expertos nacionais e internacionais para avalia-los danos e compensacións polos verquidos do “Prestige” O Research Group in Economic Analysis (RGEA) da Universidade de Vigo realizará os días 16 e 17 unha conferencia-seminario co obxectivo de crear un marco de referencia baseado en criterios académicos sobre aspectos necesarios para avaliar economicamente os danos causados polo “Prestige”. Michael Haneman, profesor da Universidade de Berkeley e primeira referencia mundial no que se refire á avaliación e compensación de danos ambientais, será un dos expertos convidados ó foro. (Fonte: Vigo, AGN). Pesca Anfaco e Feicopesca opoñense á reducción de aranceis para as conservas de atún procedentes de Filipinas e Tailandia A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (Anfaco) e Feicopesca amosaron a súa “total oposición” á proposta de que a Unión Europea reduza ata nun 12% os aranceis ás conservas de atún procedentes de Filipinas e Tailandia., que partiu do mediador da Organización Mundial do Comercio (OMC). Anfaco e Feicopesca consideran que se a UE acepta a proposta “causaría un grave prexuizo” á industria comunitaria da conserva e a Galicia en particular, primeira productora europea de conservas de atún. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración A CIG abre unha oficina de apoio á inmigración Tanto os inmigrantes como os descendentes de galegos que volten a Galicia dispoñen dunha nova oficina especializada en temas de emigración na Coruña. O proxecto conta con “algúns compromisos de entidades e institucións como a Deputación ou o Concello da Coruña para achegar axudas e subvencións”, segundo Lois Pérez Leira, coordenador de Inmigración do sindicato. O obxectivo da CIG é o asesoramento dos inmigrantes que cheguen á Coruña en aspectos relacionados coa integración laboral e social e mesmo psicolóxica. (Fonte: El Correo Gallego).
Un de cada tres emigrantes atopou emprego ó retornar Case un de cada tres emigrantes retornados a Galicia, o 32,4%, atopou emprego ó retornar. Así se desprende do informe presentado polo conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, ó Consello da Xunta. Segundo o estudio, feito en colaboración coa Universidade de Vigo, o 17% dos galegos do exterior tivo dificultades de “readaptación” ó voltar a Galicia, e só unha porcentaxe moi minoriataria recibe prestacións por estaren no desemprego. O traballo servirá como referencia para a elaboración do futuro Plan Integral do Emigrante Retornado da Xunta. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Unha guía visual reunirá as once cidades Patrimonio da Humanidade As oficinas da empresa municipal de Turismo de Santiago, Incolsa, acolleron unha reunión de técnicos das once cidades españolas declaradas Patrimonio da Humanidade, na que se acordou a edición dunha guía visual que as reúna a todas para efectuar unha promoción turística conxunta. Os técnicos traballaron no Plan de Marketing e na campaña de publicidade internacional do grupo en colaboración con Turespaña, e acordaron a participación conxunta das cidades en tódalas feiras internacionais de turismo de 2003. (Fonte: El Correo Gallego).
Os Verdes-ALE propoñen medidas para unha maior coordenación nas costas europeas perante catástrofes como a do “Prestige” O grupo parlamentario europeo Verdes-ALE propuxo en Santiago diversas medidas encamiñadas a acadar unha maior coordenación nas costas de Europa perante catástrofes semellantes á do “Prestige”. O grupo de europarlamentarios está integrado polo seu voceiro, J. Mª Mendiluce; Jan Dhaene; Carlos Bautista, e Inger Schörling. A delegación mantivo un encontro cos membros da plataforma Nunca Máis, asociacións ecoloxistas, e representantes do BNG e o PSdeG para coñece-las reivindicacións e efectos derivados da crise do “Prestige”. (Fonte: Santiago, AGN). Galeote advirte dos riscos dunha investigación en Bruxelas O voceiro do PP no Parlamento Europeo, Gerardo Galeote, envioulle unha carta ó presidente do grupo Socialista Europeo nesta institución, Enrique Barón, na que lle pide que abandoe a súa iniciativa de crear unha comisión de investigación sobre o accidente do “Prestige” porque, ó seu xuízo, podería prexudica-la concesión de axudas europeas para os afectados. O PP considera ademais que non existen os requisitos xurídicos para a súa creación. (Fonte: El Correo Gallego). A Asociación Raiceros presenta os resultados dun proxecto europeo centrado na recuperación da requinta da Ulla A Asociación Xuvenil de San Miguel de Sarandón (Vedra, A Coruña) deu a coñece-los resultados do seu proxecto de recuperación da requinta, unha frauta traveseira que chegou á zona da Ulla, probablemente, a inicios do século XIX dende o centro de Europa. O proxecto de recuperación é unha iniciativa subvencionada polo Programa de Acción Comunitaria Xuventude da Unión Europea. (Fonte: Santiago, AGN). A Mancomunidade de Ferrol recibe apoios da UE para mellora-lo transporte público O proxecto liderado pola Mancomunidade de Ferrol foi o único sobre transporte público aprobado polo programa comunitario Interreg III. A comarca, xunto a Porto, Toulousse, Cartagena e Madrid, disporá de 1,6 millóns de euros para pór en marcha distintos proxectos relacionados cunha maior funcionalidade do transporte público. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca Sorteo entre os cento vinteseis barcos que solicitaron faenar en Marrocos O Ministro de Pesca informou que a demanda para faenar en Marrocos ascende a 113 barcos galegos e 13 doutros portos, fronte á oferta do reino alahuí, que afecta a 64 barcos, polo que o Goberno sorteará o acceso. Cañete considerou que “probablemente, o sistema máis xusto sexa facer un sorteo en igualdade de condicións entre as partes”. Emigración Os emigrantes en precario beneficiáronse de cinco mil prestacións asistenciais A Consellería de Emigración e Cooperación Exterior,durante o seu primeiro ano de existencia, prestou axuda económica a 5.254 galegos residentes no estranxeiro que se atopaban en situación de necesidade e desamparo. As axudas foron habilitadas en dúas convocatorias cun investimento de 1.576.200 euros. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Fraga espera que a próxima ponte sobre o río Miño una A Guarda coa localidade lusa de Caminha O presidente da Xunta mantivo un encontro coa presidenta da Cámara Municipal de Caminha (Portugal), Julia Costa, na que tratou distintas cuestións relativas ás vías de comunicación entre Galicia e Portugal. Fraga destacou que está moi avanzada a construcción da cuarta ponte internacional sobre o río Miño, entre Vilanova de Cerveira e Goián, e amosou o desexo de que a quinta sexa a que una Caminha con A Guarda, algo no que coincidiu coa presidenta da vila lusa. (Fonte: Santiago, AGN). Economía A empresa galega Eurolaton instalarase en México e apoiará a súa presencia en Asia con unha delegación comercial en Shanghai A empresa galega Eurolaton, grupo participado maioritariamente por Tivo Metal SA, inaugurou novas instalacións en Caldas de Reis (Pontevedra). O pasado ano, Eurolaton converteuse na primeira empresa galega cunha instalación productiva en China. Durante 2003, a empresa espera que esta presencia sexa complementada cunha delegación comercial en Shanghai, e máis unha nova instalación en México como parte da expansión ó mercado latinoamericano. O 65% da producción de Eurolaton destínase ó mercado exterior. (Fonte: Santiago, AGN).
As campañas turísticas no Brasil comezan a dar froitos A afluencia de turistas en Santiago durante as dúas semanas das festas do nadal amosou como a campaña realizada polos responsables composteláns de turismo no Brasil, país onde participaron durante o ano pasado no Congreso de Axencias de Viaxes, comeza a da-los seus froitos. Ademais da importante afluencia de visitantes brasileiros, cómpre subliña-la presencia de visitantes cos que Galicia mantén un vencellamento directo, a través dos numerosos descendentes de galegos procedentes de Arxentina, Venezuela e Estados Unidos. (Fonte: El Correo Gallego).
Mendiluce confía en que se cree unha comisión de investigación sobre o “Prestige” no Parlamento Europeo O voceiro do grupo Verdes-ALE, José Mª Mendiluce, amosou en Santiago o seu convencemento de que “vai saír adiante” a creación dunha comisión de investigación sobre o “Prestige” no Parlamento Europeo. Con esta finalidade, a súa formación está a recoller sinaturas entre os eurodeputados para acadar apoios ata ter o número preciso de votos. (Fonte: Santiago, AGN). Economía A cementeira portuguesa Cimpor traspasa a Vigo o control das empresas do grupo en terceiros países A empresa Cimentos de Portugal (Cimpor) traspasou o control maioritario das sociedades en terceiros países á firma galega Cimpor Inversiones, propietaria, á súa vez, de Corporación Noroeste dende 1992. Este novo paso supón a creación dunha gran multinacional do cemento que xestionará tódalas participacións industriais en Marrocos, Túnez, Exipto, Brasil e Sudáfrica, ademais das españolas, dende a nova sede de Vigo. (Fonte: Santiago, AGN).
Os productores galegos gañan un 2% de cota no mercado internacional Un de cada 13 productos españois que se venden en todo o mundo é galego. O 7,35% das exportacións españolas é a maior cota de mercado internacional acadada nunca por Galicia. En catro anos, os productos galegos gañáronlles un 2,12 de cota de mercado ós seus competidores do resto de España. Os datos do Instituto de Comercio Exterior de Galicia (Icex) sitúan a Galicia, por vez primeira, con superávit na súa balanza comercial. Tres industrias, PSA Citroën, Inditex e Pescanova, por esa orde, concentran o 60% das vendas galegas no estranxeiro durante 2002. (Fonte: La Voz de Galicia). Un plan para engadir 2.000 Pemes ó mundo da exportación Das máis de 30.000 sociedades rexistradas en Galicia, só 371 venden os seus productos ou servicios ó estranxeiro. Segundo o estudio “As empresas exportadoras de Galicia” menos do 10% destas compañías son pequenas e medianas empresas. Para tentar internacionaliza-las Pemes galegas, a Zona Franca de Vigo comezou a desenvolve-lo programa comunitario Gaelic, capitaneado pola Secretaría de I+D da Xunta de Galicia e subvencionado con catro millóns de euros pola UE. (Fonte: La Voz de Galicia).
O Centro Galego de Bos Aires recibe unha nova partida de medicamentos O Centro Galego de Bos Aires recibiu unha partida de balde de medicamentos doada por importantes laboratorios españois a través da Fundación Fundamed e canalizada polo Ministerio de Sanidade e maila Xunta de Galicia. A axuda será distribuída pola Fundación Galicia Saúde. (Fonte: El Correo Gallego).
O Psoe avoga por celebrar un congreso internacional O Psoe presentou unha proposición non de lei no Congreso que insta ó Goberno a pula-la colaboración entre as universidades públicas españolas para convocar, no primeiro semestre de 2003, un congreso internacional en Galicia sobre a rexeneración e recuperación ambiental, económica e social das zonas afectadas polo verquido do “Prestige”. A iniciativa estaría coordenada e dirixida polas tres universidades galegas e debería ser convocada a iniciativa dos ministerios de Educación, e Ciencia e Tecnoloxía. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Transferidos 140 millóns de fondos da UE para palia-los danos causados polo “Prestige” A Conferencia Sectorial da Pesca decidiu transferir 140 millóns de euros para palia-los danos causados polo “Prestige”. Desta cantidade, 110 millóns proceden dos fondos IFOP e 30 da Acción Específica de Marrocos, partidas ambas xa asignadas por Bruxelas con anterioridade á catástrofe do petroleiro. Tanto BNG como Psoe consideraron “humillante e ridícula” a partida de cinco millóns de euros aprobada no Consello Europeo de Copenhague do 14 de decembro do fondo de catástrofes naturais. A eurodeputada Rosa Miguélez subliñou que organizacións ecoloxistas estimaron en preto de 20.000 millóns de euros o custo da catástrofe. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura O Centro Dramático Galego leva a Portugal a montaxe “O colaborador” O Espaço Alternativo PT de Braga será o escenario das dúas vindeiras funcións que o Centro Dramático Galego (CDG) ofrecerá dentro da xira que está a realizar coa súa última producción, “o colaborador”, que será tamén escenificada en Évora e Coimbra. (Fonte: El Correo Gallego). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 2002: decembro | novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre | |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2003
|