Vintesete barcos solicitaron faenar nos caladoiros marroquinos O ministro de Pesca reuniuse na Coruña cos membros da confrarías de pescadores e armadores galegos afectados pola catástrofe do “Prestige”. O encontro centrouse nos detalles da oferta lanzada por Marrocos, que permitirá a un total de 64 barcos acceder ós seus caladoiros por un período inicial de tres meses. Segundo o ministro Cañete, polo momento amosaron o seu interese na oferta un total de 27 embarcacións, procedentes de Ribeira, A Coruña, Burela e Laxe. A actividade dará comezo o 15 de xaneiro e o prazo de inscripción permanecerá aberto ata o día 3 do mesmo mes. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade-Emigración Máis de cinco mil estranxeiros viven na área coruñesa A comarca coruñesa e, en especial, a capital da área metropolitana, son o principal lugar de residencia dos 10.360 estranxeiros censados na provincia. Na comarca viven 5.307 persoas de nacionalidade estranxeira, o 51,2% de tódolos que residen na provincia, e o 30% deles ten o seu domicilio na cidade da Coruña. De tódolos estranxeiros, a gran maioría -56,7%- son naturais de países americanos e, deles, destacan en número os emigrantes de orixe colombiana, arxentina, venezolana e cubana. (Fonte: El Correo Gallego). Economía A economía galega medrou o dobre que a europea no terceiro trimestre O Producto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 1,8% no terceiro trimestre do ano, segundo datos aportados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este crecemento iguala o incremento acadado pola economía española no mesmo período e duplica o rexistrado nos países da zona euro. O IGE sinala ademais que o impacto da marea negra do “Prestige” pode diluí-los efectos da recuperación económica nacional e internacional, subliñando o efecto negativo sobre o turismo. Como dato positivo, apuntase a unha posible mellora nas exportacións. (Fonte: El Correo Gallego).
Jean-Michel Cousteau gravará un documental sobre o “Prestige” Jean-Michel Cousteau, fillo do lendario oceanógrafo Jacques Cousteau e presidente da Sociedade para o Futuro do Océano, comparou o desastre provocado polo “Prestige” co do “Exxon Valdez” e augurou consecuencias “gravísimas” para Galicia. Cousteau traballa, en colaboración con técnicos da Casa de los Peces da Coruña, na rodaxe dun documental sobre o dano ecolóxico nas costas coruñesas provocado polo verquido. (Fonte: El Correo Gallego). Na Universidade de Vigo hai matriculados este curso estudiantes de 35 nacionalidades Os alumnos estranxeiros son este curso 333, un cento menos que o anterior, segundo datos estatísticos elaborados pola propia Universidade. A influencia dos países que foron receptores da emigración galega deixase sentir, e así a maioría proceden de Alemaña (68), Francia (42), Venezuela (23), Suíza (11), Arxentina (10), México (8), ou Brasil (4). Tamén é importante a presencia de alumnos de Portugal (30), Italia (28), e Estados Unidos (20). (Fonte: Atlántico Diario). Economía A provincia de Pontevedra exerce de motor da exportación galega ó concentrar o 70% da mesma Entre xaneiro e setembro deste ano as empresas galegas exportaron por importe de 7.212 millóns de euros, un 5,13% máis respecto ó mesmo período do pasado ano. Nos últimos meses, as exportacións galegas están reflectindo incrementos superiores á media nacional, o que repercute directamente no peso galego no conxunto das ventas internacionais españolas. Na actualidade, de cada 100 euros exportados por España 7,53 corresponden a empresas galegas (en 1998 eran o 5,35%). Destaca a capacidade exportadora da provincia de Pontevedra, que concentra o 70% do total galego de exportacións, ocupando o cuarto lugar na lista española de exportadoras. (Fonte: Atlántico Diario).
Seis de cada dez galegos carecen de traballo constante na Arxentina Seis de cada dez galegos residentes na Arxentina non traballan de xeito permanente, e o 32,6% dos desempregados o son de longa duración. Estes datos recóllense no primeiro estudio sobre as condicións socioeconómicas dos galegos e os seus descendentes na Arxentina, pulada pola Consellería de Emigración en colaboración coa Universidad Nacional de Lomas de Zamora, en Bos Aires. O estudio destaca que a porcentaxe de galegos residentes que poderían voltar a Galicia non se situa por riba dos tres por cento. (Fonte: El Correo Gallego).
O Sector pesqueiro critica que non se recoñeza a dependencia de Galicia da pesca Segundo os armadores vigueses “é unha inxustiza que non se trate á comunidade galega igual que a outras rexións recoñecidas como altamente vencelladas á actividade pesqueira”. Galicia “merece estar ó carón” de Irlanda, da costa oeste de Gran Bretaña, e de Groenlandia, no catálogo de rexións dependentes da pesca. Esta cuestión, nembargantes, non formou parte do debate que preparaba o compromiso dos Quince sobre a reforma da Política Común Pesquira. Para os armadores, este compromiso constitúe unha oportunidade perdida para situar Galicia no lugar que lle corresponde. (Fonte: La Voz de Galicia). Economía Jealsa-Rianxeira investirá seis dos 14,6 millóns previstos para 2003 en reconstruí-las súas instalacións en Guatemala O grupo Jealsa-Rianxeira investirá durante o vindeiro exercicio 14,6 millóns de euros, correspondendo o principal investimento á reconstrucción da fábrica incendiada en Guatemala. Jealsa-Rianxeira está presente en España e Guatemala e, a través das súas filiais, en Portugal, Francia e Italia. (Fonte: Santiago, AGN).
Portugal recoñece a validez dos “contrastes de garantía” do Laboratorio de Metais Preciosos de Galicia Os ourives galegos poden acredita-la calidade das súas pezas no mercado portugués co certificado concedido polo Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos, despois de que Portugal recoñecese a validez das probas de contraste de garantía do devandito centro, dependente da Consellería de Industria e Comercio. O Laboratorio galego forma parte do “Labtest system”, unha organización de intercambio de mostras entre distintos laboratorios europeos, coordenados dende un Laboratorio de Contraste de Praga. (Fonte: Santiago, AGN). O Boletín Oficial da Oficina Española de Turismo de Miami escolle como protagonista a Santiago de Compostela O Boletín de Información Actualidad Turística de España, que edita a Oficina Española de Turismo de Miami, escolleu no seu último número o Camiño de Santiago e Compostela como atractivos turísticos para o viaxeiro. Esta publicación, que depende de Turespaña, distribúese en Estados Unidos, Puerto Rico, República Dominicana, Venezuela e Colombia. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade Galicia é a terceira comunidade española que conta cunha menor porcentaxe de poboación estranxeira Segundo os datos do INE, tan só un 1,3% do total da poboación de Galicia procede do estranxeiro, se ben é certo que supoñen case o dobre que hai unha década. En canto ó número total, Galicia sitúase en oitavo lugar; na comunidade había en 2001 un total de 35.152 residentes estranxeiros, sobre unha poboación de case 2,7 millóns de persoas. Máis do 51% dos emigrantes que residen en Galicia proceden de América Latina -sobre todo de Colombia, Arxentina, Venezuela, Brasil e Cuba-, aínda que segue a ser Portugal o Estado que máis nacionais aporta. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Case un cento de ONG participan este ano na Convocatoria de Cooperación ó Desenvolvemento de Caixa Galicia A Obra Social de Caixa Galicia recibiu, dentro da súa IV Convocatoria de Cooperación para o Desenvolvemento, un total de 91 proxectos de organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento. Nesta convocatoria, as ONGs galegas ou con delegación na comunidade presentaron 33 proxectos, o que representa unha cantidade superior á recibida nas tres convocatorias anteriores. O principal destino da solidariedade galega é América Latina; nesta ocasión, dos 33 proxectos, unicamente tres operan en África, e só unha en Asia. (Fonte: Santiago, AGN).
Fraga pon a “constancia e o sacrificio” dos galegos no exterior como exemplo para supera-las consecuencias do “Prestige” Na súa tradicional mensaxe de Nadal dirixida ós centros galegos repartidos polos cinco continentes, o presidente da Xunta considerou que o esforzo que está a desenvolver o pobo galego na loita contra as consecuencias do “Prestige” vencéllano “aínda máis estreitamente” cos residentes no exterior, “paradigma de constancia e sacrificio”. Fraga sinalou que Galicia “non esquece os seus fillos”, tras lembrar que o ano pasado a atención da comunidade galega estaba posta na crise arxentina. (Fonte: Santiago, AGN). Pesca O caladoiro marroquino terá dende xaneiro barcos galegos nas súas augas O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, considerou que “non se podía pedir máis” da oferta marroquina, e indicou que está aberta “a toda a flota galega” parada tralo desastre do “Prestige”. O conselleiro subliñou que “nunca se deu a situación de que un país que teña un caladoiro o poña a disposición dun acto de solidariedade”, polo que expresou a gratitude de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Ambientalistas de toda Europa asinan unha resolución de solidariedade con Galicia pola catástrofe do “Prestige” Un grupo de 300 ambientalistas de organizacións europeas asinaron unha resolución na que se apela ós países europeos a que colaboren con Galicia. Este apoio recolleuse entre os participantes na conferencia sobre a Red Natura 2000, organizada recentemente en Bruxelas polo Grupo Verdes-Alianza Libre Europea (ALE) do Parlamento Europeo. Á conferencia asistiu, xunto ó deputado do BNG Camilo Nogueira, unha delegación galega formada por organizacións como a Coordenadora para o Estudio de Mamíferos Mariños, a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade Galega de Historia Natural , ou as Plataformas para a de Defensa das Rías de Arousa e Vigo. (Fonte: Santiago, AGN). Economía O Igape difunde en Alemaña as vantaxes de investir en Galicia O Instituto de Promoción Económica (Igape) promoveu nun seminario celebrado en Düseldorf as vantaxes comparativas de Galicia para recibir investimentos procedentes de Alemaña. O congreso contou coa colaboración da Cámara de Comercio Española para Alemaña, de Caixanova, e da empresa asentada en Ourense, Möller Tech. A presentación de Galicia serviu para analizar polo miúdo as vantaxes comparativas de que dispón a comunidade autónoma en comparanza con outros territorios da Unión Europea e España para acoller investimentos. (Fonte: Atlántico Diario).
A Fundación Real Banda de Nova York doará 6.000 dólares para palia-los efectos da contaminación do “Prestige” A Fundación Real Banda de Nova York, composta por emigrantes galegos residentes na “Gran Mazá”, doará 6.000 dólares de solidariedade cos afectados pola marea negra do “Prestige”. A Xunta Directiva desta fundación, que preside o galego Tony Sánchez, decidiu que cada un dos 12 membros aportasen 500 dólares para axudar a palia-los efectos do fuel no litoral galego. Trátase da primeira doazón e xesto de solidariedade que chega a Galicia procedente dos galegos da emigración tralo desastre do “Prestige”. (Fonte: Santiago, AGN).
O Parlamento Europeo aproba o traspaso a Galicia de 30 millóns de euros non utilizados pola falla de acordo con Marrocos O Parlamento Europeo aprobou o traspaso dunha partida de 30 millóns de euros para os afectados polo sinistro do “Prestige”.Trátase unha partida consignada en 2002 para os afectados pola falla de acordo pesqueiro con Marrocos que non foi utilizada e que ía caducar o 31 de decembro. Estes 30 millóns engadiranse ós 80 aprobados, parte do IFOP, pola Comisión para que España os reprograme para axudar ós afectados polo “Prestige”. O Parlamento Europeo insta ás autoridades comunitarias a “revisa-lo rexime de responsabilidades de tódolos implicados” no sinistro para que Galicia acade unha “indemnización total” pola catástrofe. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior O BNG buscará o apoio coas zonas afectadas polo Erika e o Exxon Valdez para “facer unha fronte común” perante a UE O BNG buscará o apoio coas zonas afectadas polo Erika e o Exxon Valdez para “facer fronte común” perante a UE, segundo explicou o coordenador da executiva nacionalista, Anxo Quintana. A formación reclama a dotación do Fondo COPE con 1.000 millóns de euros previstos no paquete Erika II. Os alcaldes do BNG entraron en contacto xa coas federacións constituídas en Bretaña e Alaska tralos accidentes para contar co seu asesoramento na avaliación das diferentes alternativas e comprometer a súa axuda loxística. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade Greenpeace asegura que os ecosistemas galegos danados nunca se recuperarán na súa totalidade Esta é a tese mantida pola ONG Greenpeace no seu informe “Prestige: Crónica dunha marea negra”, no que se apunta que “aínda cando o litoral se recupere aparentemente, nunca será o mesmo, xa que aparecerán especies diferentes das orixinais como consecuencia do efecto nocivo do fuel”. O estudio destaca que o impacto “deixarase sentir durante décadas” e que o verquido afectou á práctica totalidade dos caladoiros galegos, ó igual que a toda a cadea trófica mariña. (Fonte: La Voz de Galicia). Máis de 2.300 participantes de 62 centros no “XI Concurso galego e portugués de panxoliñas” Este certame, celebrado por primeira vez en 1992, ten como principais obxectivos o fomento do uso da lingua galega nas aulas e a colaboración no proceso de recuperación do folclore autóctono de Nadal, ademais de promove-la creación de novas composicións musicais e establecer vencellos culturais entre Galicia e Portugal. As bases do certame establecen a posibilidade de participar en dúas categorías, infantil e primaria, e secundaria. (Fonte: Santiago, AGN). Economía As multinacionais galegas multiplican por 12 os seus investimentos no estranxeiro As multinacionais galegas incrementaron nun 1.251% os seus investimentos no estranxeiro entre 1993-2001. Neste mesmo período aumentou un 264% as súas exportacións. Quere isto dicir que nos últimos dez anos Galicia multiplicou por 12 a súa internacionalización de capital e case triplicou as súas vendas nos mercados estranxeiros. A maioría do investimento diríxese a Europa e Latinoamérica e, segundo o ICEX, existen 60 compañías galegas que invisten con certa frecuencia no estranxeiro (Fonte: La Voz de Galicia).
O Senado rexeita que Galicia xestione os fondos da UE O Pleno do Senado rexeitou, co voto contrario do PP, unha moción consecuencia da interpelación do BNG, que instaba ó Goberno a negociar e pór en práctica un convenio coa Xunta para permitir a Galicia xestionar tódolos fondos procedentes da Unión Europea.O voceiro do PP, Diego Castell, xustificou a negativa do seu grupo por entender que a iniciativa do Bloque é “inviable xuridicamente segundo a Constitución”. O senador do BNG Anxo Quintana referiuse ós “acordos unánimes acadados no Parlamento galego” referente á xestión dos fondos europeos por parte das autonomías. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea-Pesca A flota galega terá libre acceso a tódolos caladoiros da UE en xaneiro O ministro español de Pesca, M. Arias Cañete, afirmou que a Comisión Europea aceptou pórlle fin “á discriminación española en augas comunitarias”, aínda que ve necesario modifica-los criterios de reparto de cotas de captura. Isto supón que os buques galegos poderán, como parte da flota europea, acceder a caladoiros antes vetados. Será a principios de xaneiro, aínda que a norma podería adiarse ata xuño de 2003. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración A Xunta asina un acordo coa Sociedade de Recreo para pór en marcha un programa de asistencia a anciáns en Brasil O conselleiro de Emigración pechará un convenio coa Sociedade de Recreo dos Anciáns de Río de Janeiro para pór en marcha un programa de asistencia ós anciáns galegos que foron acollidos neste centro. O acordo contará coa sinatura do presidente da Sociedade de Recreo, Manuel Taboada, e o propio Miras en calidade de presidente da Fundación Galicia Emigración. (Fonte: Santiago, AGN).
Miras asinará un convenio co Fogar Español de Montevideo para levar material xeriátrico ós maiores galegos de Uruguai O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, viaxou a Montevideo para asinar unha serie de convenios de colaboración para lle dar apoio á emigración galega. Un, co Fogar Español de Montevideo, para dar asistencia sanitaria ós anciáns galegos en Uruguai; o outro, con Mariano Arana, alcalde de Montevideo, para sacar adiante unha rede de comedores escolares para 100.000 nenos necesitados. Miras asinará aínda un terceiro convenio, coa Unión de Sociedades Galegas, que terá ós nenos como principais beneficiarios. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior A Xunta constrúe un centro de capacitación para o desenvolvemento sustentable de 35 comunidades rurais de Costa Rica O secretario xeral de I+D da Xunta de Galicia, Miguel Ángel Ríos, inaugurou un Centro de Capacitación en Desenvolvemento Sustentable e Laboratorio de Flora na cunca do río Savegre en Costa Rica. Gracias a este centro, co que tamén colabora o Instituto Galego de Cooperación Iberoamericana -IGACI-, 35 comunidades rurais beneficiaranse dos seus servicios. Tralo acto, Ríos viaxou a El Salvador para reunirse coa Oficina Técnica de Cooperación da AECI, e estudia-lo desenvolvemento de accións de apoio no país, especialmente en materia pesqueira. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior-Unión Europea Os armadores galegos e europeos esixen “indemnizacións e medios” a Fischler Os armadores galegos e europeos representados na Asociación Europea de Organizacións de Productores -AEOP-, manifestaron nunha carta ó comisario Fischler que o accidente do “Prestige” é un “verdadeiro atentado” contra o seu medio de vida e, por iso, esixen ás institucións comunitarias “as indemnizacións necesarias e os medios precisos” para paliar esta catástrofe. Nesta asociación, que constitúe un lobby no nivel europeo, están integradas só tres organizacións españolas, das que dúas son galegas. (Fonte: Santiago, AGN). Touriño anuncia o compromiso do comisario de Investigación da UE para financiar un proxecto de avaliación de danos O secretario Xeral do PSdeG acadou en Estrasburgo o compromiso do comisario de investigación da UE, Philippe Busquin, para financiar un proxecto de investigación integrado que avalíe os danos ocasionados polo verquido do “Prestige”. O proxecto estaría financiado con fondos europeos e concretaríase a través dunha rede de centros e investigadores. (Fonte: Santiago, AGN). Gerardo Galeote considera inadecuada a solicitude dunha comisión europea de investigación para o accidente do “Prestige” Gerardo Galeote, voceiro do PP no Parlamento Europeo, amosou a súa total oposición á iniciativa dos socialistas españois de crear no seo da Eurocámara unha comisión de investigación por presunta “infracción da normativa europea e internacional” no accidente do petroleiro “Prestige”. Galeote asegura que a solicitude “prexudicará os intereses de Galicia e demais rexións afectadas”. (Fonte: Santaigo, AGN). Política-Unión Europea Madrid impide á Xunta acudir de oínte ó Consello de Pesca da UE O Goberno español vén de frear de golpe unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en Europa, apoiada tamén por Andalucía e Euskadi, para “seguir de preto” os debates e deliberacións do Consello de Ministros, reunido en Bruxelas para aproba-las cotas pesqueiras do vindeiro ano. Fontes da representación permanente española aludiron a que “non existen precedentes neste tipo de solicitudes”. “Non pedimos unha participación directa na reunión (...), nin sequera como observadores, senón simplemente un pase para segui-las discusións dende a zona de prensa”, explicou unha representante da Fundación Galicia-Europa. (Fonte: La Voz de Galicia).
O comisario comunitario de Política Rexional amosouse “receptivo” ás peticións da delegación galega en Estrasburgo O comisario comunitario de Política Rexional, Michel Barnier, reuniuse en Estrasburgo cunha delegación galega, formada polo secretario xeral do PPdeG, Jesús Palmou, acompañado do secretario xeral de Relacións coa UE, Jesús Gamallo, o alcalde Muxía, Alberto Blanco, e o voceiro do PP europeo, Gerardo Galeote. Palmou confirmou que a reprogramación de fondos da UE asignados a Galicia para palia-los efectos da catástrofe do “Prestige” “non afecta” ós fondos que Galicia tiña xa comprometidos. (Fonte: Estrasburgo, AGN). Touriño viaxará a Estrasburgo para pedirlles ás autoridades comunitarias que se “impliquen de xeito solidario” con Galicia O secretario xeral do PSdeG visitará Estrasburgo para reunirse con catro eurocomisarios, ós que pedirá que a UE asuma que o accidente do “Prestige” é un tema europeo. Touriño entrevistarase cos comisarios de Política Rexional, Michel Barnier; Asuntos Económicos, Pedro Solbes; Investigación, Philippe Busquin, e Medio Ambiente, Margot Wallström, e participará nas sesións plenarias do Consello e a Comisión, nas que se tratará o asunto do “Prestige”. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura O xornal norteamericano “Patriot Ledger” publicou unha reportaxe sobre o Camiño de Santiago O xornal norteamericano “Patriot Ledger” publicou recentemente unha reportaxe sobre o Camiño de Santiago, segundo vén de informar a Consellería de Cultura. O artigo foi realizado en colaboración coa Oficina Española de Turismo de Nova York e a Administración galega. (Fonte: Santiago, AGN).
Estudiosos de dezaoito países analizan o estado da lingua Representantes de 42 Centros de Estudios Galegos das universidades de fóra de Galicia reuniranse en Santiago de Compostela nun encontro organizado pola Consellería de Educación. O foro ten o obxectivo de actualizar, mellorar e coordena-la orientación dos Centros cara ó que se pode facer para consolida-la presencia do idioma e da cultura galegas nestas entidades, que funcionan como embaixadoras de Galicia no exterior. (Fonte: El Correo Gallego). A Cátedra Bolívar abre o curso académico A Cátedra Bolívar inaugurará o curso 2002-2003 coa conferencia “Os desafíos do turismo sustentable. A experiencia brasileira”. A disertación correrá a cargo do profesor Francisco Serralvo da Pontificia Universidad Católica de Sao Paulo. (Fonte: El Correo Gallego).
Os pesqueiros galegos poderán volver a faenar en Marrocos O rei Mohamed VI de Marrocos decidiu autorizar, a título excepcional, os accesos ás augas da zona exclusiva marroquina ós pesqueiros galegos afectados pola marea negra. A duración do permiso para que os pesqueiros faenen en Marrocos será de tres meses “renovables en función da evolución da situación sobre o terreo”, segundo o comunicado do Gabinete Real. (Fonte: El Correo Gallego). Acción Exterior-Unión Europea O Comité das Rexións avala a reforma pesqueira que anhela Galicia O Comité das Rexións da UE incluíu na súa última reunión as propostas sobre a reforma da Política Común Pesqueira defendidas pola comunidade galega. En representación de Galicia participou na reunión o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, Jesús Gamallo, que lembrou a “enorme importancia” do sector pesqueiro galego no conxunto da Unión Europea, e a “dependencia” de Galicia da pesca. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia critica que o recorte para a pescada supere a proposta científica O sector pesqueiro galego reprocha ó comisario de Pesca que se atreva a propór un recorte do 35% para a pescada nas augas do Gran Sol -onde opera a maioría da flota galega-, cando a suxerencia dos científicos era a de rebaixa-lo TAC nun 20%, dado que o stock alí non estaba nunha situación tan crítica como noutras áreas pesqueiras comunitarias. Respecto ó desastre provocado polo “Prestige”, a UE recoñece que non existen caladoiros alternativos para garanti-lo abastecemento. (Fonte: La Voz de Galicia). A UE volverá negar a Galicia a axencia marítima O caso do “Prestige” será un dos asuntos que tratará o Consello Europeo de Copenhague. O afortalamento das medidas de seguridade marítima e a concesión de axudas ós afectados están previstos na axenda da delegación española que, non obstante, evitará postular Galicia como sede da Axencia de Seguridade Marítima Europea. Por outra banda, Alberto de Coo, representará á Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa en Bruxelas nunha manifestación organizada en protesta pola marea negra. (Fonte: La Voz de Galicia). O presidente da Mancomunidade do Salnés teme que Escocia ou Irlanda se apoderen do mercado arousán O presidente da Mancomunidade do Salnés e alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, teme que a paralización do sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Arousa pola marea negra sexa aproveitado por outros países para apoderarse do mercado arousán e introduci-los seus productos. Cores xestiona perante a Unión Europea a consecución dunha serie de subvencións para palia-los efectos do “Prestige” no turismo, un dos sectores que tamén se está vendo afectado, e pedirá a realización dun estudio comunitario do impacto socioeconómico do desastre na comarca. (Fonte: Diario de Arousa). Sociedade Un grupo de inmigrantes africanos chega a Pontevedra para colaborar co voluntariado na limpeza da marea negra Un grupo de catro persoas pertencentes á asociación de Promoción e Axuda Fulbe -que aglutina membros desta etnia de varios países africanos-, chegou a Pontevedra para colaborar nas tarefas de limpeza da marea negra. Os inmigrantes, que chegaron sen ter concertado o aloxamento e a zona de limpeza, foron aloxados polo Concello, que ós remitiu a un grupo de traballo da Illa de Ons. Os catro voluntarios manifestaron que hai outros membros da asociación dispostos a vir a Galicia para colaborar. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Varios universitarios saharauís formaranse na Universidade de Vigo A Universidade de Vigo e o Ministerio de Educación Saharauí asinaron un convenio de colaboración para contribuír á formación universitaria do pobo saharauí. A Universidade comprometese a apoiar e facilita-la formación, investigación e asesoramento dirixidos a mellora-la cualificación dos profesionais saharauís, así como a proporcionar axudas materiais ó pobo saharauí. Segundo a delegada saharauí para Galicia, Fatma Mohamed Salem, o convenio servirá de modelo á hora de establecer lazos de cooperación con outras universidades. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Os investimentos estranxeiros en Galicia ascenden no primeiro semestre un 236% con respecto ó pasado ano Contrastando cunha caída xeralizada do investimento estranxeiro en España, Galicia acadou un crecemento do 236% nesta categoría no primeiro semestre de 2002, acompañando ás estatísticas positivas doutras comunidades como Navarra (247%) ou Canarias (161n92%). Entre comunidades receptoras de investimentos. Catalunya, cun 332%, ocupa o primeiro posto ó concentra-lo 59% do investimento total en España. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura “Galicia, un pais de Europa”, tema da conferencia anual Plácido Castro A Fundación Plácido Castro presentou o contido da IV Conferencia Anual, que se celebrara o 24 de xaneiro en Cambados, e na que tomaran parte tres eurodeputados, representantes de Partido Popular, Bloque e PSOE, para falar sobre “Galicia, un pais en Europa”. O tema foi elixido pola coincidencia co setenta aniversario da proclamación de Galicia como nación europea. (Fonte: La Voz de Galicia).
Fischler recoñece que Galicia “vive momentos difíciles” pero anuncia que seguirá adiante coa súa tentativa de reforma da PCP O comisario de Pesca da UE, Franz Fischler, vén de dirixir unha carta aberta ós mariñeiros para lembrarlles que só cunha reforma a fondo da Política Común de Pesca “será posible asegura-los postos de traballo no longo prazo”. O texto iniciase recoñecendo que se están a vivir momentos difíciles ós que “se vén engadi-la marea negra de Galicia”. Fischler advirte que “se o Consello non chega a unha decisión sobre a reforma, a partir de xaneiro non poderei adicar máis cretos á política de flotas”. (Fonte: Santiago, AGN).
A Plataforma pola reforma da A-52 exporá esta semana as súas demandas no Parlamento Europeo A Plataforma pola reforma do trazado da autoestrada A-52 levará as súas demandas ata o Parlamento Europeo, ó que se desprazarán membros deste colectivo para lembra-la necesidade de tomar medidas nesta vía, que rexistra un dos maiores índices de siniestralidade de Europa. Emilio Alonso, voceiro da Plataforma, cualificou a actitude dos gobernantes respecto ó desastre que se vive en Galicia de “delincuencia política” e fixo un chamamento á colaboración de toda a poboación. (Fonte: Vigo, AGN). Portugal Tres mil traballadores atravesan diaria ou semanalmente a fronteira entre Galicia e Portugal, segundo os datos de Eures O director de Formación, Jaime López, presentou en Valença o balance de xestión da Xunta do Servicio Eures transfronteirizo no período 2000-2002. Tres mil traballadores atravesan diaria ou semanalmente a fronteira entre Galicia e Portugal. Eures atendeu dous mil usuarios anuais e xestionou máis de seiscentas ofertas de emprego nos últimos dous anos. O Instituto de Emprego e Formaçao Professional de Portugal asumirá a partir de agora a xestión do servicio co obxectivo de mellora-la integración política e operativa durante os vindeiros dous anos. (Fonte: Santiago, AGN).
España e a UE cofinancian con 600.000 euros un estudio sobre as consecuencias ambientais producidas polo “Prestige” A comisaria de Medio Ambiente, Margot Wallström, e o ministro de Medio Ambiente, Jaume Matas, realizaron unha declaración conxunta pola que confirman o acordo para a elaboración dun estudio sobre as consecuencias ambientais do verquido do “Prestige”. O estudio, que se levará a cabo con outros Estados membros afectados estará cofinanciado por España e a UE con 600.000 euros. A declaración sinala que a investigación é esencial pola dependencia económica e social dos recursos mariños que ten Galicia. (Fonte: Santiago, AGN).
O BNG aproveitará o I Encontro Institucional cos grupos da Assembleia da República de Portugal para falar do “Prestige” A delegación do BNG estará formada polo eurodeputado Camilo Nogueira, as deputadas autonómicas Salomé Álvarez e Pilar García Negro, e o deputado do Congreso Carlos Aymerich. Entre os actos programados destaca unha entrevista con Mario Soares e o actual presidente da República, Mota Amaral, que se completarán con outras reunións de traballo cos grupos parlamentarios do Partido Comunista de Portugal, o Bloco de Esquerda, os Verdes, o Partido Popular, o Partido Socialista e o Partido Socialdemócrata. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Creación do Centro de Estudios Eurorrexionais O presidente da Xunta asinará o protocolo de creación do Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal xunto a representantes do Eixo Atlántico e as Universidades de Santiago, A Coruña, Vigo, Porto, Minho, Tras-Os-Montes e Alto Douro. Este centro suporá a colaboración entre tódalas universidades no estudio, análise e desenvolvemento do cadro eurorrexional. Tratase de mellora-los mecanismos de educación, estudio e investigación na eurorrexión, e especialmente a súa aplicación ós campos de interese e proxección eurorrexional. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade Amnistía Internacional celebra en Santiago actos polo aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos Expertos e profesores da USC participarán na Semana da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, organizada polo grupo E-70 de Amnistía Internacional de Santiago polo 54 aniversario da declaración. O primeiro día se celebrara unha mesa redonda titulada “Dereitos Humanos, Dereitos das Mulleres”, e o segundo día, o 10, terá lugar a lectura publica da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. (Fonte: El Correo Gallego).
A Xunta propón á UE organizar un operativo de seguemento dos danos ambientais provocados polo “Prestige” A Xunta de Galicia vén de propor a UE un operativo de vixiaancia e seguemento da recuperación do medio ambiente afectado polo verquido do “Prestige”. A proposta do goberno galego incluiría tamén a creación en Galicia dun centro de referencia que sirva como indicador da saúde ambiental, e forma parte dun paquete de iniciativas que o presidente da Xunta expuso á comisaria europea de Medio Ambiente Margot Wällstrom, que visita estes días Galicia co fin de coñece-los danos causados polo naufraxio. (Fonte: Santiago, AGN).
Prodi asegura que a CE “tómase en serio” a catástrofe en Galicia O presidente da Comisión Europea (CE), Romano Prodi, asegurou que esta institución “analiza con empeño a catástrofe en Galicia” causada polo petroleiro “Prestige”, e enfatizou que “se toma en serio o problema”. Deste xeito respostou a unha chamada do presidente do Grupo dos Socialistas Europeos, Enrique Barón, que amosou preocupación, nun debate parlamentario na Eurocámara, porque, ó seu xuízo, “tratase diferente a Galicia que os países de Centroeuropa que padeceron inundacións o pasado verán”. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior Intercambio de docentes entre a USC e Arxentina O rector da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o rector da Universidad Nacional San Martín (Arxentina), Daniel Malcolm, asinaron un convenio marco para a colaboración entre ambas institucións en materias de investigación e ensino en Ciencias Políticas e Administración. Este acordo implica que a USC e a universidade arxentina desenvolverán programas de intercambio de persoal docente e investigador. (Fonte: El Correo Gallego).
Cinco novas empresas únense a Fundación Galicia Emigración Zeltia, Distribuciones Froiz, Puentes y Calzadas, La Región Internacional y Editorial Compostela son as cinco empresas que, tras facer unha aportacion mínima de 30.000 euros, veñen de integrarse na Fundación Galicia Emigración. O seu Padroado pasa a estar integrado por 33 membros. A Fundación é unha iniciativa pioneira en España creada para axudar a palia-los problemas da colectividade galega emigrante. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior Exportación a Honduras da xestión empresarial O Conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior e o director xeral de Caixanova presentaron un programa de colaboración conxunta desenvolvido no marco da formación empresarial en Honduras. Honduras aparece como país de actuación preferente ó permitir afortala-las relacións galego-latinoamericanas a través da transferencia de tecnoloxía e coñecementos técnicos da comunidade galegas ás empresas da zona, así como consolidar unha cooperación sustentable cun país que, como Galicia, ten na explotación mariña e acuícola un dos seus motores. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Cinco canles latinoamericanas interesadas na serie “Rías Baixas” A forte aposta da Televisión de Galicia (TVG) polas series producidas en Galicia e por profesionais galegos está tendo a súa recompensa e recoñecemento por parte do público e outros mercados televisivos. Este é o caso da serie “Rías Baixas”, que está a espertar grande interese no mercado latinoamericano. Catro canles das televisións de Chile, Arxentina, México, e maila canle do grupo Cosmopolitan amosaron o seu interese por esta serie durante a celebración do encontro Spain TV Expo en Miami. (Fonte: El Correo Gallego). A mostra sobre Galicia América do Consello da Cultura chega a Betanzos A exposición “Galicia América. Cinco séculos de Historia”, organizada polo Consello da Cultura Galega en 1992, segue a súa andaina, esta vez en Betanzos. Madrid, Sevilla, Bos Aires, Montevideo, así como as principais cidades e vilas galegas xa acolleron esta exposición elaborada con motivo da conmemoración do Quinto Centenario. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia, Andalucía e Canarias modernizarán o sector pesqueiro africano O conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior asinou un convenio de cooperación cos gobernos autonómicos de Andalucía e Canarias, no que tamén toman parte varios ministerios, polo que se porá en marcha un programa que pretende xerar un impacto real sobre o desenvolvemento humano dos países de África por medio da modernización do sector pesqueiro. (Fonte: El Correo Gallego). Mil estranxeiros estudiaron o pasado curso na Universidade de Santiago Mil estudiantes estranxeiros recibiron clases de lingua e cultura española na Universidade de Santiago de Compostela durante o pasado curso. A USC mantén acordos con outras universidades, principalmente de Gran Bretaña e Estados Unidos, convenios coas embaixadas de España en Lisboa, Irlanda e Washington, así como con axencias internacionais de viaxes educativas e o Instituto Cervantes. (Fonte: El Correo Gallego). I+D estudia unha nova liña de cooperación internacional con El Salvador en actividades pesqueiras O secretario xeral de I+D, Miguel Angel Ríos, finalizou a súa viaxe por Centroamérica reuníndose con representantes do Ministerio de Asuntos Exteriores de El Salvador. Segundo a Xunta, ambos gobernos expresaron a súa vontade de colaborar no desenvolvemento da pesca no pais americano. O Goberno galego podería aportar un equipo de investigadores a El Salvador para avalia-los seus recursos e realizar unha planificación da actividade. (Fonte: Santiago, AGN). Unha representante do Partido dos Traballhadores do Brasil expón en Santiago o funcionamento do orzamento participativo Durante a súa visita, organizada polo BNG, Helena Bonuma, representante do goberno municipal de Porto Alegre, intercambiou ideas e experiencias políticas con representantes dos partidos galegos e expuso, na xuntanza co grupo municipal compostelán do BNG, as bases do modelo de xestión publica implantado na súa cidade, baseado no orzamento participativo. (Fonte: Santiago, AGN).
Os noruegueses, interesados polo Servicio de Saúde Galego Unha delegación composta por catorce responsables sanitarios noruegueses está a visitar Galicia co fin de coñece-la estructura e funcionamento do sistema galego de saúde. A delegación, da rexión de More Romsdal, entrevistouse co secretario xeral da Consellería de Sanidade e outros responsables do Sergas, amosandose moi interesada polo Plan Galego sobre Drogas. (Fonte: El Correo Gallego). Politíca-Unión Europea Fraga apoia a proposta de Ibarra de defender os edís de Euskadi no Comité das Rexións O presidente da Xunta remitiulle unha carta ó presidente estremeño, J.C Rodríguez Ibarra, na que lle expresa o seu apoio a proposta para que o Comité das Rexións trate a situación dos edís vascos. Segundo a nota do Goberno estremeño, Fraga apoia que a situación dos edís vascos ameazados por ETA sexa tratada mediante a presencia dalgún deles en sesións do devandito organismo europeo, así como a redacción dunha resolución de solidariedade. (Fonte: El Correo Gallego). O presidente da Xunta considera que a nova Constitución europea debe “supera-lo eurocentrismo” Segundo Fraga, a Constitución comunitaria debera conter “unha referencia clara, explícita e tallante” á diversidade cultural e social das rexións e nacións que integran a Unión Europea. Este “rexionalismo cohesivo” fará que a Unión teña maior credibilidade como unidade política cara o exterior. Fraga defendeu tamén o papel da Comisión Europea, pero rexeitou unha función política para este organismo. “Mentres os instrumentos de implementación de certas políticas continúen senso estatais -dixo- non quedará outro remedio que asumi-la realidade do protagonismo estatal”. (Fonte: Santiago, AGN). Economía A exportación galega medrou de xeito constante durante a ultima década As exportacións galegas experimentaron un crecemento constante dende 1991, o que ten levado a balanza comercial a acadar practicamente o equilibrio entre as vendas ó exterior e as exportacións durante o ano pasado. Namentres a comezo da década dos 90 as exportacións representaban so o 65% das importacións, en 2001 a taxa de cobertura ascendeu ó 99%, rozando un equilibrio que, durante o presente exercicio, converteuse en superávit comercial (con mais do 110%). (Fonte: El Correo Gallego). Cultura “Musica sen fronteiras” amosa en Santiago as raíces musicais de Galicia e Portugal A Consellería de Cultura de Galicia e a Delegación Rexional de Cultura do Norte de Portugal veñen de pór en marcha o terceiro congreso “Musica sen fronteiras”. O certame contribuirá, segundo os organizadores, a divulga-los grupos e manifestacións culturais de ambos países favorecendo unha aproximación e unha relación cada vez mais profunda entrámbalas dúas beiras do Miño. (Fonte: Santiago, AGN). Os galegos do século XIX representaron o 97% dos emigrantes españois a Portugal “Mobilidade emigracións internas en Europa Latina” e “Mobilidade interna e migracións intraeuropea na Península Ibérica”, son dous libros presentados na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. No segundo, o profesor da Universidade de Porto Jorge Fernades Alves elabora o estudio da emigración dos galegos no Norte de Portugal, destacando o dato de que en 1873 o 97% dos emigrantes españois en Portugal eran galegos que representaron o principal sustento de man de obra que precisaba o pais veciño. (Fonte: Santiago, AGN).
A Xunta demanda que a UE axude a Galicia co fondo para catástrofes O Consello da Xunta acordou en reunión extraordinaria solicitar ó Goberno central que esixa a Comisión Europea que axude economicamente a palia-las consecuencias da marea negra en Galicia por medio do fondo de solidariedade para catástrofes naturais. A Xunta demanda ademais que Bruxelas poña fin ó período transitorio polo que permite navegar por augas europeas a buques de casco sinxelo que non estean en condicións aceptables. (Fonte: La Voz de Galicia). Cooperación Exterior Galicia axuda a Costa Rica O secretario xeral de I+D, Miguel Angel Ríos, presidiu a apertura do laboratorio da flora e a fauna da area de Savegre (Costa Rica), construído gracias a unha axuda de 120.000 euros da Xunta a través do programa de cooperación Galicia-Iberoamerica do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. Miguel Angel Ríos asinara tamén convenios co Ministerio de Medio Ambiente e Enerxía de Costa Rica para favorece-lo desprazamento dos investigadores galegos ó país centroamericano. (Fonte: El Correo Gallego). Economía O turismo estranxeiro racha a caída por primeira vez dende o 11-S O turismo estranxeiro que chegou esta ano a Galicia aumentou un 4,4% respecto ó pasado exercicio, situando este fragmento de visitantes no 14,9% do turismo da comunidade. Segundo os datos da Xunta, Galicia recuperou os tradicionais mercados de Portugal, Francia, Alemaña, Reino Unido e Italia, superando os rexistros do ano 2000. (Fonte: El Correo Gallego). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 2002: novembro | outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre | |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2003
|