Diario Exterior / novembro de 2002

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, politicos, etc.
   
30/11/2002
Política-Unión Europea
O Congreso rexeita declarar Galicia como rexión dependente da pesca
O grupo popular no Congreso rexeitou unha iniciativa parlamentaria coa que o BNG pretendía instar ó Goberno a asumir, como unha das propostas prioritarias para a reforma da Política Común Pesqueira, a revisión do mapa europeo de rexións da pesca para incluír no mesmo a Galicia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Bruxelas non liberará fondos adicionais para palia-los danos do “Prestige”
Aínda que o comisario de Pesca, Franz Fischler, comprometeuse en facer “todo o que estea nas nosas mans” para acudir en axuda dos afectados, deixou claro que a única solución pasa por reprograma-las axudas que España xa ten asignadas a través do IFOP, o que pecharía a porta á concesión de fondos adicionais, tal e como demandaba o ministro español de Agricultura, Miguel Arias Cañete.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Emigración
Espacio galego de comunicación sen fronteiras
Centros galegos de Estados Unidos, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Europa estarán conectados por videoconferencia durante toda a fin de semana, traballando e intercambiando experiencias na rede, gracias á posta en marcha do Programa @lianza. Trátase de crear un espacio galego de comunicación sen fronteiras. Miras Portugal presentou o proxecto ós galegos do exterior para darlles a coñecer as posibilidades que o uso das novas tecnoloxías pode ter para o contacto coa Xunta e demais institucións que desenvolven accións dirixidas a diáspora.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
As empresas galegas lanzan a súa expansión en Portugal dende Valenca
A ubicación central na eurorrexion Galicia-Norte de Portugal, a implantación do euro e o desenvolvemento da rede de autoestradas están a converte-las localidades fronteirizas en polos de crecemento económico. Rodman, Frigoríficos Berbes, Vasco-Gallega e Lyrsa son as primeiras empresas que xa confirmaron a apertura de instalacións no novo parque empresarial de Valenca, emprazado a menos de 45 minutos de viaxe de Vigo e Porto. A aposta portuguesa non remata nos centros xa coñecidos de Valenca, Maia e Braga. Pronto se creará unha nova zona empresarial en Chaves, preto da fronteira con Ourense.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Cultura
Expertos en didáctica literaria de Canadá, Cuba, Estados Unidos e Suíza reúnense en Compostela
Bilingüismo e didáctica das linguas en contacto é unha das dez áreas temáticas que debaten en Compostela os membros da Sociedade Española de Didáctica da Lingua e a Literatura, ao que asisten expertos de diversos países como Canadá, Cuba, Suíza e Estados Unidos. Ademais, esta edición reunirá un total de 115 comunicantes procedentes de Portugal, Brasil, México, Arxentina e Italia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Proliferación de grupos de folk galego na Arxentina
Mozos arxentinos, netos e fillos de emigrantes están reinventando as tradicionais melodías de Galicia como parte do bo momento que vive a música celta no país latinoamericano. Grupos como Sete Netos e Xeito Novo combinan a esencia da música galega cun estilo propio, producto de dúas culturas. Xeito Novo creou ademais unha fundación para que os descendentes de galegos atopen un lugar onde expresarse culturalmente.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

A concellala de cultura londiniense inaugura unha rúa en Vigo
A cidade de Londres conta cunha rúa propia en Vigo, nunha das vías laterais de acceso o Museo de Arte Contemporánea. No acto de inauguración da rúa interviron a concellala de cultura da capital británica, Jenette Arnold, e o de Vigo, Carlos Príncipe.
(Fonte:
El Correo Gallego).
29/11/2002
Emigración
Emigración presenta un mapa de centros e entidades galegas no exterior
A Consellería de Emigración presentará un mapa de comunidades galegas no exterior, un documento que recolle os distintos centros e asociacións galegas no mundo. A tirada inicial será de mil exemplares, que se repartirán entre organismos e institucións galegas.
(Fonte: Santiago,
AGN).
28/11/2002
Unión Europea
Delegacións políticas europeas visitan a zona afectada polo Prestige por separado
Dúas delegacións do Partido Popular Europeo, PPE, e do Partido Socialista Europeo, PSE, visitarán as zonas afectadas en Galicia pola marea negra. Durante a súa visita a delegación popular manterá unha entrevista co presidente da Xunta, cos conselleiros de Medio Ambiente e de Pesca e co delegado do Goberno en Galicia, namentres os deputados socialistas participarán en diversos encontros con representantes dos sectores pesqueiro e turístico, con alcaldes e membros de organizacións cidadás e ecoloxistas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O Pireo compite con Galicia para acolle-la sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima
A zona grega do Pireo, Lisboa, Nantes, Southampton e Galicia son candidatas a acolle-la sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima. Aínda que a Unión Europea non tomou unha decisión sobre o emprazamento definitiva desta axencia, o Parlamento galego decidiu unanimemente pedir ó Goberno central e á UE que valoren “prioritariamente” a candidatura galega. De feito, calquera das opcións semella contar con máis posibilidades que a do Pireo, onde desenvolve a súa actividade marítima a familia propietaria do “Prestige” e o “Mar Egeo”, entre outros buques sinistrados.
(Fonte: Santiago,
AGN).

As iniciativas Leader Plus, Proder II e Agader financiarán en Galicia 37 programas de desenvolvemento rural
Segundo datos da Consellería de Política Agralimentaria serán 16 os programas auspiciados no Leader Plus, por valor de 136 millóns de euros, 11 no programa Proder II, cun investimento de 99 millóns de euros, e 10 polo Agader, cun investimento de 82 millóns de euros. No caso de Galicia, o MAPA informou á UE de que en “tódolos casos” o proceso selectivo tivo lugar de xeito “correcto e sen incidencias”. Con este informe, Desenvolvemento Rural respostaba a unha pregunta do BNG por supostos fraudes rexistrados pola UE na xestión dos fondos de algún dos programas aprobados ó abeiro destas iniciativas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Neira optará o programa Interreg
A Asociación Neira optará conxuntamente coa Comunidade de Confolontance (Francia) e a Asociación de Municipios Vale do Ave (Portugal) a desenvolver un proxecto para crear unha rede informática de servicios ó abeiro do programa comunitario Interreg. A iniciativa será liderada polo socio portugués, que o vindeiro ano desenvolverá un plan que, utilizando Internet como base, abarcará nove areas de acción.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Politíca
García Leira solicita a opinión de PPdeG, BNG e PSdeG para que o Parlamento galego estea representado no Parlamento Europeo
O presidente do Parlamento de Galicia, X.Mª García Leira, demandoulles ós grupos parlamentarios da Cámara galega a súa opinión sobre o memorando do Parlamento de Catalunya para solicita-la representación dos parlamentos rexionais comunitarios no Parlamento Europeo. Aínda que ese documento foi aprobado na última reunión da CALRE, García Leira abstívose na súa sinatura ata non demanda-lo posicionamento de PPdeG, BNG e PSdeG.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O Congreso rexeita elaborar un informe das linguas minoritarias
O PP rexeitou unha iniciativa do BNG na que lle pedía ó Goberno central que elaborase un informe sobre o estado das linguas cooficiais, en cumprimento coa Carta Europea sobre esta materia. Tódolos grupos presentes na comisión de Asuntos Exteriores, agás o PP, apoiaron a iniciativa da Bloque ó considerar que se trata dunha obriga contraída na Carta das Linguas Minoritarias do Consello de Europa.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
Seminario de Cooperación entre Brasil e Galicia
Coa asistencia do rector da Universidade herculina, José Luís Meilán, comezou o seminario de cooperación entre Brasil e Galicia, da Fundación da Universidade da Coruña.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Empresas de España e Holanda estudian en Ourense cooperar en biotecnoloxía
Serán un total de 27 firmas, xunto a centros tecnolóxicos e universidades de ambos países, que se reunirán no Parque Tecnolóxico de Galicia para coñecer e analizar proxectos de cooperación e novas oportunidades de negocio nos sectores da biotecnoloxía, agroindustria e xenética. Entre as empresas galegas presentes, maioría na xuntanza, están Coren, Feiraco, Celtinova, Innova, Auria e Bionova.
(Fonte:
El Correo Gallego).
27/11/2002
Cultura
Unha revista norteamericana de arquitectura inclúe unha reportaxe sobre o cemiterio de Fisterra
A revista norteamericana Architectural Recordn adica no seu último número unha ampla reportaxe sobre o novo cemiterio de Fisterra, obra do arquitecto galego César Portela. A publicación, que ten unha tirada mensual superior ós 95.000 exemplares, resalta o simbolismo do asentamento do cemiterio, na “fin do mundo”, que desbota a concepción deste tipo de espacios, tradicionalmente pechados e acotados.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Portugal
A quinta ponte sobre o río Miño estará construída a finais de 2003
A quinta ponte entre Galicia e Portugal, entre Vilanova de Cerveira e Goián, conta cun investimento a partes iguais dos gobernos galego e luso de máis de 5,5 millóns de euros, estando previsto que entre en servicio a finais de 2003. A ponte é, segundo Manuel Fraga, un exemplo da cooperación entre Galicia e Portugal, que funcionan como unha eurorrexión na que “somos complementarios, non somos competidores en nada” e na que temos “intereses comúns”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
Fraga participará en Alemaña na conmemoración do décimo aniversario da Academia de Dereito Europeo
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, participará en Trier (Alemaña) no simposio que conmemora o décimo aniversario da Academia de Dereito Europeo, nun acto no que tamén tomarán parte Ana Palacio, Jacques Santer e Giuliano Amato. Ó longo da xornada, Fraga manterá unha entrevista co alcalde de Trier, Helmut Schroer, e visitará o Centro de Documentación de Galicia Galizien-Zentrum, que funciona na Universidade de Trier.
(Fonte: Santiago,
AGN).
26/11/2002
Cooperación Exterior
A ministra francesa de Ecoloxía ofrece o apoio e experiencia do seu país para combate-la marea negra
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, e a ministra de Ecoloxía de Francia, Roselyne Bachelot-Narquin, abordaron as distintas formulas de colaboración que poden establecerse entre Francia e España para palia-las consecuencias do naufraxio do “Prestige”. A ministra asegurou que a colaboración existente xa dende o inicio da catástrofe foi “importante”, xa que as autoridades galas puxeron a disposición dos gobernos galego e español tanto medios mariños como aéreos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Nueva Zelanda ofrece a Galicia un dispersante biolóxico para loitar contra os verquidos do Prestige
Nueva Zelanda posúe un producto biolóxico que actúa como dispersante a que podería servir na loita contra a contaminación causada polo “Prestige”. Christine Bogle, embaixadora neocelandesa en España, ofreceulle ó presidente da Xunta a posibilidade de que se empregue no litoral galego. Bogle transmitiulle a Fraga a solidariedade do Goberno e de todo o pobo neocelandés con Galicia perante a catástrofe ecolóxica.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Acción Exterior
Fariña viaxará á cidade austral de Ushuaia
O conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Luciano Fariña, participará a finais deste mes na cidade arxentina de Ushuaia na cuarta reunión anual do Secretariado Permanente de Tribunais de Contas da República Arxentina. Fariña axudará a coñece-lo estado do control do sector público latinoamericano e buscará estreitar relacións entre ambas beiras do Atlántico.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Piden ós empresarios axudas para Arxentina
O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha moción na que se insta á Xunta a que requira a colaboración económica das empresas españolas implantadas na Arxentina para consolida-las accións de axuda ós emigrantes e establecer novas medidas de asistencia. O acordo foi adoptado a costa de que o BNG retirase a súa moción, na que reclamaba que se garantise a asistencia sanitaria no Centro Galego de Bos Aires ós emigrantes xubilados que tiveron que deixar de aboa-las súas cotas por problemas económicos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
A Xunta e Calvo apoian a cincocentas familias dunha rexión salvadoreña
A Xunta e a conserveira Calvo asinarán un convenio para mellora-las condicións de vida de 500 familias da rexión salvadoreña de La Unión. En concreto, polo acordo darase cobertura sanitaria e alimentaria ás 500 mulleres que traballarán nas novas fábricas de Calvo na zona, implantación que permitirá elaborar 300 toneladas diarias de atún. O grupo Calvo manifesta que seguirá abrindo instalacións en América se lle facilitan licencias de pesca, e que os lugares máis propicios á expansión serían Centroamérica e Tailandia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
Galicia negará axudas a quen posúa barcos baixo bandeira de conveniencia
Galicia negará axudas económicas ós armadores que posúan barcos que faenen baixo bandeira de conveniencia, segundo o presidente da Xunta, aínda que, polo momento, estase á espera da definición legal dos pavillóns de conveniencia a efectos pesqueiros. Fraga fixo estas declaracións durante a inauguración en Santiago da “Conferencia Internacional sobre Pesca Ilegal, Non Declarada e Non Regulamentada”, reunión a que asisten 250 persoas de todo o mundo, 33 delegacións da UE entre elas.
(Fonte:
El Correo Gallego).
25/11/2002
Unión Europea
Os alcaldes piden á UE que arbitre medidas perante o naufraxio do Prestige
Os alcaldes de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e outros seis municipios das Rías Baixas esixiron “tódolos medios dispoñibles da UE” para limpa-las zonas afectadas polo verquido do Prestige e evitar que novas manchas cheguen ó sur da costa galega provocando unha nova desastre ecolóxica. Nunha declaración institucional denunciaron tamén a falla de xestión, expresando a “frustración e rabia” dos cidadáns da zona.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Os países europeos únense a Galicia para elimina-la marea negra
Ós buques holandés e francés que se atopan na zona afectada polo fuel do Prestige uniranse outros cinco barcos procedentes de Alemaña, Bélxica, Holanda, Francia e Inglaterra. Traballan tamén nas costas galegas un avión francés e outro portugués e un pequeno submarino francés, ademais de bombeiros e expertos na loita contra os danos medioambientais producidos polo petróleo procedentes de Alemaña.
(Fonte:
El Correo Gallego).
24/11/2002
Emigración
Emigración financiará comedores para dez mil escolares en Uruguai
A Consellería de Emigración e a alcaldía de Montevideo asinarán un convenio de colaboración para a posta en marcha dun programa alimentario para comedores escolares, que asistirá a uns dez mil nenos menores de cinco anos pertencentes a familias en situación de pobreza.O convenio será asinado durante unha visita a Uruguai do titular de Emigración, Aurelio Miras, prevista para os primeiros días de decembro.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
Cooperación co Norte de Portugal
A Asociación de Empresarios de Vila Real acolleu recentemente a presentación do proxecto de cooperación transfronteiriza Portugal-España, dentro do programa Interreg III. O principal obxectivo do proxecto será potencia-la actividade empresarial no Alto Támega e a provincia de Ourense.
(Fonte:
El Correo Gallego).
23/11/2002
Unión Europea
Expertos da UE viaxarán a Galicia para medi-lo alcance da mancha deixada polo Prestige
Vinte expertos da Unión Europea, concretamente da dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión, desembarcarán en Galicia e investigarán o alcance da mancha negra provocada polo petroleiro Prestige, segundo adiantou a comisaria de Transportes, Loyola de Palacio, que viaxou a Galicia acompañada do seu gabinete para comprobar o alcance do suceso. De Palacio reuniuse durante a visita co conselleiro de Pesca e con representantes do sector marisqueiro e pesqueiro.
(Fonte:
El Correo Gallego).
22/11/2002
Economía-Portugal
Pasaxeiros galegos aforran case a metade do billete se parten de Porto
Segundo a Asociación de Liñas Aéreas é máis caro operar dende unha terminal española que dende calquera das portuguesas. No caso de Galicia, as taxas que cobra Aena impiden competir cos aeródromos portugueses e a mesma Iberia vende os billetes máis baratos en Portugal que nos aeroportos galegos.As vantaxes do aeroporto Sá Carneiro quedan reflectidas nun exemplo: Air France ven de lanzar unha campaña de captación de clientes galegos para voos a Paris a través da terminal de Porto.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
A Cámara analiza as pensións dos emigrantes para pedir subas
A Comisión de Política Social do Parlamento de Galicia aprobou encomendar un informe sobre a situación dos emigrantes galegos a unha comisión especial non permanente que terá que finaliza-lo traballo no primeiro trimestre de 2003.A decisión ven motivada porque os grupos parlamentarios opinan que é necesaria unha revisión das prestacións pola crise nalgúns países.
(Fonte:
El Correo Gallego).
21/11/2002
Política-Unión Europea
Anxo Quintana pide no Senado que a Xunta administre integramente as axudas comunitarias
O senador do BNG Anxo Quintana presentou no Senado unha interpelación na que se pide a xestión íntegra por parte das autonomías dos fondos europeos no seu ámbito territorial. O ministro de Facenda, Carlos Montoro, contestou á interpelación dicindo que, no caso de Galicia, a participación do Executivo autonómico é xa do 45,76%, “a maior das Rexións Obxectivo 1” e que as comunidades xa xestionan os fondos europeos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
Mostra en Ourense a prol do desenvolvemento en Perú
A Fundación Cume inaugurou no Centro Cultural da Deputación de Ourense unha selección de obras de artistas galegos para contribuír á promoción e desenvolvemento de diversos proxectos en Perú.
(Fonte:
El Correo Gallego).
20/11/2002
Economía
Guinea abre o seu caladoiro a cambio de investimentos, tecnoloxía e formación
O ministro de Pesca da República de Guinea Conakry, Mansa Moussa Sidibe, convidou ós empresarios galegos do sector pesqueiro a investir no porto de Kamsar, onde está a crear un polo de desenvolvemento que se adicará á importación e fabricación de productos do mar. Durante a súa comparecencia no Club Financeiro de Vigo, o ministro explicou que a zona de Kamsar ten previsto espacio para acolle-los investimentos estranxeiros co obxectivo de converterse no primeiro porto pesqueiro de Guinea.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Organizadores de congresos de Alemaña e Italia asisten ó Convention Bureau
Profesionais seleccionados polas oficinas de turismo de Roma, Milán, Frankfurt e Berlín visitaron Santiago para asistir á presentación da Convention Bureau de Compostela. O acto ten como obxectivo dar a coñecer ós organizadores de congresos estranxeiros os recursos e posibilidades da capital galega.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
Actualizan o mapa de usos e ocupación do solo cun proxecto da UE
O conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, e o conselleiro delegado da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, Andrés Precedo, asinaron un convenio de cooperación que ten por obxectivo a realización dos traballos relacionados coa actualización do mapa de usos e ocupación do solo en Galicia, dentro do proxecto Corine Land Cover da Unión.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
O CDG inicia unha xira de actuacións en Galicia e Portugal
O Colaborador, o último espectáculo do Centro Dramático Galego, CDG, iniciará unha xira de actuacións que inclúen un total de 12 escenarios en diferentes localidades de Galicia e Portugal. A montaxe visitará Carballo, Viveiro, Vigo, Noia, Braga, Évora e Coimbra.
(Fonte:
El Correo Gallego).
19/11/2002
Cooperación Exterior
O conselleiro de Emigración reúnese cos cónsules de Arxentina, Portugal e Cuba
Aurelio Miras reunirase no Carballiño cos cónsules xerais de Arxentina, Portugal e Cuba nun xantar de traballo que contará tamén coa asistencia de 36 das 39 representacións consulares presentes en Galicia. O encontro pretende realizar un proxecto de cooperación internacional que tome a comunidade galega como base e no que participen os países doadores e receptores da axuda ó desenvolvemento con representación na comunidade galega.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea
De Palacio confirma que os afectados polo verquido do “Prestige” poderán recibir compensacións do fondo europeo Fipol
A comisaria europea de Transportes e Enerxía, Loyola de Placio, confirmou que os mariñeiros e mariscadores afectados polo verquido do “Prestige” poderán recibir compensacións do fondo Fipol, que actúa en casos de catástrofes naturais para completa-las achegas das aseguradoras. A comisaria lamentou que aínda non entrase en vigor a normativa europea sobre seguridade marítima que, ó seu xuízo, suporá a prohibición de que barcos como o “Prestige” naveguen por augas europeas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
O Couto Mixto será o epicentro dunha homenaxe ó galego
Unha lingua milenaria espallada por toda Galicia, que nos permite estendernos máis aló das fronteiras galegas, un identificador social máis asentado cás nosas institucións... destes e outros temas trata o manifesto “Falamos unha lingua milenaria”, asinado por unha morea de representantes da sociedade galega, e que a asociación Amigos do Couto Mixto presentará nun acto o vindeiro día 30. O Couto Mixto é símbolo da defensa do galego na Raia. “Queremos entendernos en galego cos portugueses e viceversa”, dixo Xosé Benito Reza, pertencente á devandita asociación.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
18/11/2002
Economía
Pescanova estreita as súas relacións co Goberno de Namibia
O director de Pescanova para o sur de África, Ángel Tordesillas, recibiu ó primeiro ministro de Namibia, Theo Ben Gurirab, e a varios dos seus ministros en Luederitz, centro de operacións da multinacional galega no país africano.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
O Salón de ministros do Consello de Europa acolle a mostra “Ultreia”, centrada no Camiño de Santiago
O Salón de Ministros do Consello de Europa en Estrasburgo acolle a exposición “Ultreia. O Camiño de Santiago”. Esta mostra, que organiza a Consellería de Cultura, é un dos referentes escollidos pola Embaixada de España perante o Consello de Europa para a celebración do 25 aniversario da entrada de España neste organismo. Entre os actos que organiza a Embaixada tamén se inclúe outra exposición fotográfica sobre lugares estratéxicos da xeografía galega, como a Catedral de Santiago, o cruceiro de Hio, a illa de San Simón ou a Muralla de Lugo.
(Fonte: Santiago,
AGN).
17/11/2002
Unión Europea
O Consello de Ministros da UE tratará o luns 29 de novembro os danos e responsabilidades polo sinistro do “Prestige”
O Consello de Ministros da Unión Europea tratará na súa vindeira reunión, que se celebrará o 29 de novembro, os danos ocasionados na costa galega polo petroleiro “Prestige”, e estudiará as responsabilidades no sinistro. Segundo o ministro de Pesca, Arias Cañete, nesta reunión terán cabida temas como a posible axuda de Bruxelas ós mariñeiros afectados.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Santiago acollerá este mes unha conferencia internacional sobre pesca ilegal
A pesca ilegal será o tema dunhas xornadas internacionais que se desenvolverán en Santiago os vindeiros días 25 e 26 de novembro. Prestixiosos especialistas, representantes de gobernos, e membros de institucións de diversos países e ONGs daranse cita para buscar solucións a este problema. O encontro está organizado polo Ministerio de Agricultura e maila Unión Europea, que escolleron Galicia polo seu gran vencello coa pesca e as súas accións encamiñadas a combater este tipo de conductas ilegais.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unha delegación de Medio Ambiente participará en Valencia na VII conferencia Internacional Ramsar
O conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, encabezará a delegación galega que tomará parte na VII Conferencia Internacional Ramsar, que reúne os países asinantes do Convenio Ramsar (Convención Relativa ós Humedais de Importancia Internacional).Durante a conferencia, a Consellería, ademais de participar nas sesións plenarias, instalará un pavillón no que se exporá un diaporama dos humedais galegos, que fará especial fincapé nos cinco ecosistemas destas características catalogados como Ramsar.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
A Rede de Cidades de Cinema foi presentada onte en Santiago
O alcalde de Santiago destacou a capacidade da Rede Cidades de Cinema para “vender” a capital de Galicia a calquera equipo cinematográfico para que desenvolvan os seus proxectos nela. Sánchez Bugallo fixo estas declaracións na presentación da rede, que vencella cinco cidades -Biarritz, Porto, Salamanca,Donostia e Santiago- que destacan polo seu importante valor turístico e polo valor das súas zonas históricas. A corporación sérvese das distintas Film Commisions creadas en cada unha delas; así, a Compostela Film Commision asesora e informa para acada-lo correcto desenvolvemento das produccións cinematográficas que decidan rodar en Santiago ou a súa comarca.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Galicia seduce ós neoiorquinos polos seus atractivos turísticos
Os neoiorquinos puideron ver e coñecer un pouco máis sobre Galicia durante a presentación da oferta turística da comunidade que tivo lugar o pasado mes de outubro en Nova York. Así o recollen as revistas especializadas en información turística, que se fan eco da boa acollida do evento entre os máis de 300 asistentes ó acto, entre os que se atopaban destacados persoeiros da sociedade norteamericana e numerosos turoperadores da Grande Mazá. A prensa especializada destacou, xunto á cultura, o patrimonio e a gastronomía, tamén o turismo de saúde como outros dos atractivos de Galicia.
(Fonte: Santiago,
AGN).
16/11/2002
Economía
As Pemes galegas reciben máis fondos da UE para gañar concorrencia
Os titulares de pequenas e medianas empresas de Galicia disporán dun total de 118.862 euros adicionais ó Fondo do Plan de Consolidación e Concorrencia da Pema do Ministerio de Economía. Deste xeito, Galicia recibe o 6,59% do total de fondos adicionais previstos para as rexións Obxectivo 1 da UE. En total, este plan conta dende onte con 1,8 millóns máis.
(Fonte:
El Correo Gallego).
15/11/2002
Unión Europea
O eurodeputado Daniel Varela pedirá que Galicia sexa “zona sensible” e que se afaste o corredor de barcos da costa
O eurodeputado galego Daniel Varela anunciou que pedirá ó Parlamento Europeo a creación de “zonas-marítimo pesqueiras sensibles”, protexidas da navegación de buques con mercadorías perigosas nas súas inmediacións. A declaración de zona sensible, que Varela pide para Galicia,sería determinada pola especial protección do ecosistema mariño, a riqueza pesqueira e marisqueira e a alta dependencia da pesca. Varela argumentou que a situación do Prestige é un asunto de competencia europea que “non pode ser resolto exclusivamente pola Xunta ou por España”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Camilo Nogueira reclámalle medidas á Comisión Europea ante o desastre do “Prestige”
Camilo Nogueira, deputado europeo do BNG, solicitou á Comisión Europea medidas para resolve-la situación provocada polo afundimento do “Prestige”. Na súa interpelación, Nogueira destacou que Galicia xa ten sufrido accidentes deste tipo, e reclamou “medidas inmediatas e a longo prazo ante o desastre ecolóxico” causado polo petroleiro.
(Fonte: Santiago,
AGN).
14/11/2002
Acción Exterior
Fraga reuniuse a pasada noite co ex presidente de Guatemala Alvaro Arzú
O titular da Xunta, Manuel Fraga, mantivo esta noite unha xuntanza de traballo co ex presidente de Guatemala, Alvaro Arzú, que se atopa de visita privada en Santiago. Fraga visitou Guatemala en 1999 acompañado dunha delegación de empresarios, ocasión na que foi condecorado polo entón presidente de Guatemala coa Orde do Quetzal.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea-Pesca
Galicia buscará agora que Bruxelas recoñeza a súa alta dependencia da pesca
O seguinte paso para o sector pesqueiro galego, unha vez que a Eurocámara votase esta semana a favor de manter as axudas á flota, será acadar o recoñecemento como rexión altamente dependente da pesca e a liberdade de acceso a tódolos caladoiros da Unión. O deputado do BNG Guillerme Vázquez presentou onte unha proposición non de lei para que o Goberno central defenda como prioritario no proceso de reforma da PCP a inclusión de Galicia como rexión altamente dependente da pesca.
(Fonte:
El Correo Gallego).

López Veiga di que a Comisión Europea terá que repensar a moratoria do 2015 sobre seguridade no mar
O conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura sinalou que a Comisión Europea terá que repensar a moratoria fixada ata o 2015 en materia de seguridade no mar para evitar situacións como a do petroleiro “Prestige”, encallado nas costas galegas. O líder do BNG, Xosé Manuel Beiras, arremeteu, nese senso, contra as bandeiras de conveniencia, que “impiden as inspeccións” e permiten o paso de buques en pésimas condicións, polo que reclamou que o paso polo corredor atlántico sexa máis restrictivo.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
A Xunta concederá os avais para garantir o 80% dos préstamos para mellorar o hospital do Centro Galego de Bos Aires
O Consello da Xunta acordou autorizar ó Igape a concesión de avais destinados a garantir o 80% dos préstamos concedidos por Caixa Galicia para financiar os plans estratéxicos e obras de mellora na área hospitalaria do Centro Galego de Bos Aires. Previamente ó acordo do Consello, a Comisión Delegada para Asuntos Económicos acordou declarar de especial interese socioeconómico para Galicia as operacións solicitadas pola Fundación Galicia Saúde.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
As exportacións medran en Galicia no primeiro semestre do 2002, namentres descenden as importacións
O primeiro semestre de 2002 amosa un aumento do nivel das exportacións, parello ó descenso nas importacións, polo que a balanza comercial en Galicia é positiva en 2002, situando a taxa de cobertura en torno ó 110%. O 55% da favorable evolución das exportacións constitúeo o sector da automoción. Esta é a porcentaxe máis elevada dos últimos anos, nun contexto internacional de caída de vendas nesa actividade. Outros sectores que experimentan un bo momento son os da madeira, industria manufactureira e confección téxtil.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
Santiago promove en Praga o turismo idiomático
Unha delegación do Concello e da Universidade de Santiago participa dende hoxe na Feira Expolingua de Praga, onde se facilitará información sobre os recursos culturais e turísticos de Compostela. A presencia na Expolingua de Praga, que reúne a tódolos axentes implicados no mundo do ensino e aprendizaxe das linguas, resposta á “necesidade de promover formas desestacionalizadoras do turismo”, segundo o Concello.
(Fonte:
El Correo Gallego).
13/11/2002
Sociedade
A cidadanía de Ourense, convocada mañá a unha concentración pola paz mundial
A Coordenadora Galega pola Paz, que integran numerosas asociacións e colectivos, ademais de partidos políticos e sindicatos de toda Galicia, fixo onte extensiva á capital ourensá a convocatoria dunha concentración “en prol da paz e contra o intervencionismo bélico dos Estados Unidos”, que se presaxia inminente en Iraq. A mobilización foi convocada para mañá, ás oito do serán, fronte á Subdelegación do Goberno.
(Fonte: Ourense,
AGN).
12/11/2002
Acción Exterior
O Sindicato Labrego Galego apoia tres campañas europeas destinadas a reivindicar cambios na actual política agraria
O Sindicato Labrego Galego, SLG, amosará o seu apoio ás mobilizacións que numerosas organizacións agrarias de todo o continente levarán a cabo para demandar un cambio de rumbo na agricultura. Esta decisión foi tomada trala recente celebración do Foro Social Europeo en Florencia, ó que asistiu a secretaria xeral do SLG, Lidia Senra. As reivindicacións céntranse en tres aspectos: a reforma da Pac; a introducción de organismos xeneticamente modificados na agricultura, e a protesta contra a represión que reciben algunhas organizacións agrarias.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Fraga recibirá o venres ó ministro de Asuntos Intergobernamentais do Canadá
O presidente da Xunta reunirase este venres co ministro de Asuntos Intergobernamentais de Canadá, Stéphan Dion, para abordar aspectos como o sector pesqueiro ou o reforzo de competencias rexionais. Dion visitará a comunidade galega co obxectivo de incrementar as relacións e estreitar a colaboración entre os dous territorios. O ministro canadense tamén se entrevistará co rector da USC e impartirá unha conferencia coloquio con diferentes personalidades galegas no Centro de Estudios Avanzados.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea-Pesca
O Parlamento Europeo rexeita a supresión de axudas á flota e o uso de fondos para o despece de barcos
A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo deu hoxe un non rotundo ós fundamentos políticos e orzamentarios da reforma da Política Común de Pesca proposta polo comisario Fischler, ó aprobar dous informes do eurodeputado galego Daniel Varela que rexeitan a supresión de axudas á flota e a utilización destes fondos en primas para desmantelar barcos. Varela salientou que, á espera da confirmación do Pleno, a Eurocámara negoulle á Comisión tanto a base orzamentaria como a política para levar adiante a proposta de reforma de Fischler.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Cercanía e oportunidade de negocio atraen os investimentos en Portugal
O asesor do presidente da Bolsa de Portugal, Paul Pina Pires, explicou onte en Santiago que a “proximidade xeográfica e os aspectos loxísticos” fan que o interese de España por realizar investimentos en Portugal sexa maior có doutros países europeos. Pina Pires pronunciou onte unha conferencia encadrada na cátedra Figueirido de estudios hispano-portugueses, que contará ó longo do ano con outros relatores, como o secretario de Estado Juan Chozas, e Xosé Manuel Beiras, catedrático de Estructura Económica.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O turismo galego presentarase pasado mañá na feira World Travel Market de Londres
A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través de Turgalicia, presentará a oferta turística galega na feira internacional de turismo World Travel Market -WTM-, que se celebrará en Londres dende mañá ata o vindeiro 14 de novembro. Os responsables do turismo galego teñen previsto manter entrevistas con directivos das empresas Tui e Neckerman, da Alemaña; World Wide Expedition, do Canadá; Comcomptoir des Voyages, de Francia; Irish Cyclind, de Irlanda, e Acqua Profit, de Hungría.
(Fonte: Santiago,
AGN).
11/11/2002
Acción Exterior
O Bloque lamenta a indiferencia ante o Cumio de Florencia
O BNG lamentou onte a “indiferencia” dos gobernos galego e central ante cumios sociais como o de Florencia, ó que asistiron o líder desta formación, Xosé Manuel Beiras, e Camilo Nogueira. Segundo o Bloque, ambos dirixentes advertiron de que o éxito “cada vez maior” destes eventos vai obrigar aos políticos a “ter máis en conta as reivindicacións destes colectivos”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

López Veiga visitará Terranova cos empresarios
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, visitará a finais deste mes Terranova, (Canadá), cunha delegación de empresarios galegos do sector, interesados en explorar novas posibilidades de negocio, viaxe que resposta á invitación feita polo ministro de Pesca de Terranova, Gerald D. Reid, que recentemente estivo en Galicia co gallo do Cumio da Nafo.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
A película de coproducción galega “Os luns ó sol” será a candidata española ó Óscar
A película “Os luns ó sol”, dirixida por Fernando León, representará a España na vindeira edición dos Óscar, que se celebrará en marzo de 2003. O vencellamento da película coa nosa comunidade parte da producción da Televisión de Galicia e a productora galega Continental, ademais de contar con numerosos actores galegos e localizar a súa rodaxe en Vigo.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
Policías salvadoreños pasarán un mes na Coruña dentro do programa da UE: Consolidación de Institucións de El Salvador
Un subcomisionado, un subinspector e dous axentes da Policía Nacional Civil -PNC- da República de El Salvador permanecerán un mes na Coruña, integrándose na Xefatura Superior de Policía de Galicia, como última parte dos recursos desenvolvidos dentro do Programa de Consolidación das Institucións Policiais do país americano. O programa da UE centra a súa actividade na colaboración coa creación, despregamento e desenvolvemento da Policía Nacional Civil de El Salvador.
(Fonte: Santiago,
AGN).
09/11/2002
Cooperación Exterior
A cátedra Bolívar leva Galicia a América
A Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Cultura da Xunta asinaron onte un convenio co obxecto de levar a cabo actividades de interese no eido das relacións culturais entre Galicia e América Latina. Do desenvolvemento das actividades encargarase a cátedra Bolívar, que elaborará un programa para a promoción da cultura, do patrimonio e do turismo de Galicia en América.
(Fonte:
El Correo Gallego).
08/11/2002
Sociedade
A Unesco declara “Terras do Miño” Reserva da Biosfera
Terras do Miño, asociación promovida pola Deputación de Lugo que agrupa 26 municipios da franxa centro-norte da provincia, foi declarada Reserva da Biosfera pola Unesco, en acordo adoptado pola Mesa do Consello Internacional de Coordenación, máximo órgano de goberno do programa Home e Biosfera. Esta designación reportará interesantes vantaxes a Terras de Miño cara o desenvolvemento sustentable.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
A Xunta pulará un centro de atención primaria en Senegal
A Xunta e a ONG Fundeso construirán un centro de atención primaria na cidade senegalesa de Saint-Louis. A iniciativa ten por obxectivo mellorar as condicións de vida dos cidadáns dese país e axudar a paliar as graves carencias en infraestructuras sanitarias que sofren. Dentro de África, e no marco do Plan Director de Cooperación Española 2001-2004, Senegal é un dos países prioritarios.
(Fonte:
El Correo Gallego).
07/11/2002
Emigración
Emigración actuará en países en crise
A Consellería de Emigración e Cooperación Exterior que dirixe Miras Portugal, priorizará as súas actuacións de atención á diáspora nos países en situación de crise, é dicir, fundamentalmente en Latinoamérica, para o que conta cun orzamento de máis de dez millóns de euros. Emigración fíxase como meta para o vindeiro exercicio a aprobación da lei galega de cooperación ó desenvolvemento, e o deseño e elaboración dun plan estratéxico de cooperación exterior.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pesca
Galicia acada o apoio do Grupo Popular alemán para suaviza-la PCP
O conselleiro de Pesca coroou onte cun acordo básico as negociacións mantidas co Grupo Popular alemán no Parlamento Europeo para que esta delegación, a máis numerosa da Eurocámara, apoie a Galicia na reforma da Política Común de Pesca, que ten que aprobarse antes de que remate o ano. Estímase que este é un apoio clave, xa que a suma dos escanos dos seis países Amigos da Pesca -Portugal, España, Francia, Irlanda, Italia e Grecia- e dos populares alemáns representa case o 60% da Eurocámara.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
O téxtil galego aposta polos países do Leste e China para medrar en vendas
A presidenta da Asociación Téxtil de Galicia, Purificación Alonso Escurís, destacou onte que os empresarios galegos apostan por mercados estratéxicos como China, Estados Unidos e os países do Leste de Europa para incrementa-las súas exportacións. O obxectivo, dixo, é aumenta-las vendas ó exterior nun 120% en dous anos, de acordo co Plan Global da Moda 2000-2006 presentado polo Goberno central.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O “porto seco” de Monforte atraerá novas multinacionais a Galicia
Tódalas áreas económicas importantes contan cun porto seco e tódalas multinacionais piden unha plataforma loxística de mercadorías para se instalar na zona. Estas son dúas das razóns polas que a Xunta ten pulado a construcción do porto seco de Monforte, que deberá estar rematado en 2005. Segundo Manuel Fraga, que presentou onte en Madrid o proxecto, os beneficios da instalación “arrastrarán todo o tecido socioeconómico de Galicia”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unha empresa galega contrata coa ONU dez potabilizadoras para Iraq
A empresa compostelá Espina Obras Hidráulicas ven de asinar un contrato para instalar dez plantas de potabilización de auga en Iraq en plena crise diplomática. Aínda que o negocio pechouse co Goberno iraquí e varios concellos, o contrato está asinado e será pagado pola ONU, dentro do seu programa Petróleo por Alimentos. A empresa, que opera dende 1999 en Iraq, é a única galega presente na Feira Multisectorial de Bagdad, que está a desenvolverse este mes na capital iraquí.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
06/11/2002
Pesca
O Idega analiza o impacto das medidas europeas sobre a pesca
O Instituto para o Desenvolvemento de Galicia -Idega-, organiza mañá en Santiago a xornada “O sector pesqueiro galego”, na que se analizarán as posibilidades de futuro desta actividade nun mercado globalizado, así como as repercusións que terá sobre os mariñeiros da comunidade a reforma da política pesqueira comunitaria. Coordenadas polos profesores da Universidade de Vigo Santiago Lago e Ana Isabel Sinde, a xornada rematará con dúas mesas redondas cos expertos convidados.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
Un ex ministro luso defende a prioridade do Ave Porto-Vigo
O ex ministro luso de Transportes Joao Cravinho defendeu onte nas xornadas “Agora, o debate peninsular” o paso do futuro Ave Madrid-Lisboa por Cáceres por se-la “solución máis viable” para que Porto comparta con Lisboa unha liña común cara Madrid. Cravinho pulou por esta opción fronte ós especialistas ferroviarios lusos que prefiren “illar Porto” coa construcción doutra etapa a Madrid por Salamanca. “Iso non se xustifica” porque España fará unha conexión por velocidade alta dende Madrid a Vigo e Ourense, que restaría concorrencia a liña de alta velocidade entre Vigo, Porto e Salamanca.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Rehabilitan edificios en Viana do Castelo e Vigo para discapacitados
A Consellería de Asuntos Sociais ven de solicitar 1,2 millóns de euros ó programa europeo Interreg III-A para levar a cabo unha iniciativa, “Caminho do Minho”, que ten como fin rehabilitar edificios en Vigo e Viana do Castelo para persoas con calquera tipo de discapacidade ou minusvalía.
(Fonte:
El Correo Gallego).
05/11/2002
Cultura
Richard Attenborough narrará unha producción de Antón Reixa
Antón Reixa será o productor executivo dunha película sobre o Camiño de Santiago, co británico Richard Attenborough como narrador, no que participarán productoras galegas e internacionais. A poetisa xaponesa Madoka Mayuzumi, que será a actriz principal da película, xa estivo recentemente en Santiago, onde entregou unha carta persoal do gobernador da provincia xaponesa de Wakatama dirixida ó presidente Fraga con motivo do irmanamento entre o camiño compostelán e o xaponés de Kumano.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración-Cooperación Exterior
Emigración e Médicos sen Fronteiras doan medicamentos a Arxentina
A consellería de Emigración e a ONG Médicos sen Fronteiras asinarán hoxe un convenio de colaboración para desenvolver actividades de emerxencia en prol de varios centros hospitalarios de catro provincias norteñas da Arxentina. As dúas partes comprometeronse a doar medicamentos e bens de producción hospitalaria para varios hospitais desta zona, na que o 70% dos habitantes vive en situación de pobreza.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Lidia Senra e José Bové participaron nun debate sobre agricultura europea en Palermo
A secretaria do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, participouen Palermo nun debate, pertencente á programación do Foro Social Europeo, sobre a agricultura europea, no que tamén tomou parte José Bové, da Confederation Paysanne. Senra participou tamén nunha conferencia colectiva sobre Europa e a soberanía alimentaria xunto con representantes de movementos agraristas marroquinos e do foro campesiño italiano.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
Os buques que faenen ilegalmente non poderán descargar en portos da Unión Europea, como pedía Galicia
O Icaat ,-Comisión Internacional para a Conservación do Atún no Atlántico-, instaurou un rexistro de embarcacións que faenan ilegalmente, de tal forma que os pesqueiros incluídos na lista non poderán descargar nos portos da UE. Esta era unha das pretensións da Consellería de Pesca, que hoxe amosou a súa satisfacción por este acordo. A Xunta estivo representada no cumio do Icaat polo delegado da Consellería de Pesca en Lugo, unha provincia que aporta unha parte da flota galega que captura especies sometidas ao control deste organismo.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O Bloque non cre que o dereito marítimo ampare o afundimento de buques
O deputado do BNG Guillerme Vázquez ven de presentar unha pregunta ó Goberno sobre o anuncio de Australia de afundir dous pesqueiros galegos acusados de pesca ilegal.Vázquez agrega que estas declaracións “tal e como foron recollidas pola prensa, non parecen atopar fácil acomodo no dereito marítimo internacional” e destaca que “non se coñece” que o Goberno español se teña interesado directamente polo asunto, establecendo contacto coas autoridades australianas.
(Fonte:
El Correo Gallego).
04/11/2002
Economía
Fraga anima ó empresariado galego a continuar apostando pola eurorrexión
O titular do goberno galego anima ós empresarios galegos en Portugal a seguir traballando en prol do achegamento entre Galicia e o país veciño, nunha mensaxe publicada en Aegap, o Boletín da Asociación de Empresarios Galegos en Portugal. Nela, Fraga fai especial fincapé no pulo dado nos últimos anos á integración económica e social do Norte de Portugal e Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Novas liñas de colaboración coa República Checa
Varios técnicos do Cis Galicia -Centro de Innovación e Servicios- desprazáronse o pasado mes de outubro á cidade de Praga co obxectivo de establecer novas relacións e afianza-las xa existentes con distintas empresas, departamentos da Universidade e Centros Tecnolóxicos checos. O obxectivo é tentar lograr proxectos europeos conxuntos entre institucións de Galicia e a República Checa.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Compostela recolleu en Dubai o premio mundial de boas practicas na conservación do patrimonio
Dubai, en Emiratos Árabes, foi onte escenario da entrega do premio de Boas Prácticas na Rehabilitación á cidade de Santiago de Compostela. O galardón supón un recoñecemento polos traballos de rehabilitación de Santiago a nivel internacional, xa que o programa Hábitat da ONU galardoa ás dez mellores a nivel mundial. Noutra categoría, foi tamén galardoado o programa de erradicación da infravivenda de Walvis Bay, en Namibia, no que colaborou a empresa galega Pescanova.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
A taxa de desemprego xuvenil en Galicia dobra a media da Unión Europea
Segundo os últimos datos de Eurostat detallados por rexións, Galicia conta cunha taxa de desemprego xuvenil superior á media da UE, cun 30,3%, o que a converte, dentro de España, na cuarta autonomía con máis paro neste sector da poboación. España é o terceiro país da Unión con máis paro xuvenil cun 24,9%.
(Fonte:
El Correo Gallego).
03/11/2002
Pesca
Armadores galegos apoian a loita de Australia contra a pesca ilegal
Armadores galegos que faenan baixo pavillón español coincidiron onte ó afirmar que, aínda que as medidas que pretende adoptar Australia contra a pesca ilegal sexan drásticas (pretende afundir tódolos buques que pescan furtivamente nas súas augas), o fin que perseguen, que é protexe-los recursos mariños, si resulta loable. O capitán ribeirense José Manuel Argibay sostén que, debido á reducción da flota en España nos últimos tempos, e a que podería vir, os traballadores vense obrigados a pescar en caladoiros internacionais baixo bandeira de conveniencia.
(Fonte:
El Correo Gallego).
02/11/2002
Cooperación Exterior
Galicia axuda a construír hospitais e estradas no Terceiro Mundo
A solidariedade da Xunta de Galicia cos desfavorecidos máis alá das fronteiras galegas cifrase nos 4,48 millóns de euros, o orzamento 2002 da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Este ano, coa creación da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, as axudas os países non desenvolvidos medraron un 80%, segundo subliña o conselleiro de Emigración. A Xunta subvenciona este ano 2002 con máis de 2,2 millóns de euros trinta e nova proxectos das ONGs.
(Fonte:
El Correo Gallego).
01/11/2002
Unión Europea
A Xunta sostén que as axudas directas da UE ó campo se manterán ata 2013
A Xunta informou onte que as axudas directas á agricultura procedentes de Bruxelas se manterán ata o ano 2013, a pesar de que dende 2004, de xeito progresivo, comezarán a beneficiarse dez países máis pola ampliación.Fraga explicou que descoñece aínda se as cantidades que recibirá o campo galego baixarán, pero que, de momento, semella que as consecuencias dunha Europa con máis membros non son tan malas para os actuais titulares das axudas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A naval Tapias inicia o transporte de gas co maior metaneiro do mundo
A naval galega Fernández Tapias materializou onte a súa primeira operación gasística en España ó levar a Huelva o metaneiro máis grande do mundo. O novo buque operará habitualmente entre Trinidad e Tobago, Exipto e as instalacións de Cartaxena e Huelva, as únicas preparadas polo momento para acolle-las grandes dimensións do buque.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
 
Ver máis Diario Exterior

2002: outubro | setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2002