Diario Exterior / outubro de 2002

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, politicos, etc.
   
31/10/2002
Pesca
O BNG teme que se lle negue a España o acceso ós caladoiros comunitarios
O eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira, amosou onte o seu temor de que os países do norte impoñan as súas teses na Reforma da Política Común Pesqueira -PCP- e España siga discriminada no seu acceso ás augas comunitarias. Nogueira reclamou a actuación decidida de Aznar e Fraga, pois a posición galega nos mares comunitarios “está claramente en perigo”, e criticou que non se queira recoñecer Galicia como rexión altamente dependente da pesca.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política-Unión Europea
O Plan de I+D busca capta-lo dobre de fondos nacionais e europeos
A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ten entre os seus obxectivos para o vindeiro exercicio duplica-la captación de fondos procedentes de convocatorias nacionais e europeas de axuda ó I+D. Así mesmo, tratará de favorecer a presencia de Galicia nos espacios supranacionais de xeito que se favoreza a cooperación en materia de ciencia e tecnoloxía a través de proxectos conxuntos. Nese senso, a Secretaría fixo alusión concreta á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, á organización Arco Atlántico e máis Latinoamérica.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
Os rectores apostan por pula-la mobilidade universitaria na UE
O conselleiro de Ordenación Universitaria e os tres rectores galegos subscribiron onte unha serie de convenios de colaboración para a realización de estudios co obxectivo de fomenta-la mobilidade dos estudiantes, tanto dos non galegos cara a Galicia, como de galegos cara outras autonomías e países. O estudio incluirá non só a análise dos países europeos, senón tamén de América Latina.
(Fonte:
El Correo Gallego).
30/10/2002
Política-Unión Europea
Aproban a relación directa entre os parlamentos rexionais e a Eurocámara
Os presidentes dos parlamentos rexionais europeos aprobaron onte unha proposta catalana de relación directa destas cámaras co Parlamento Europeo. A proposta foi aprobada por un total de trinta votos a favor e tres en contra (Madrid, La Rioja e Canarias), e tres abstencións (Galicia, Valencia, e Castilla-León). O memorando pide ó parlamento Europeo a constitución dunha subcomisión de relacións cos parlamentos rexionais no seo da Comisión de Asuntos Constitucionais.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
Galicia exporta a Centroamérica o seu modelo de desenvolvemento rural
Funcionarios e diplomáticos de Costa Rica, El Salvador, Honduras, Nicaragua e Guatemala, participan estes días na Coruña nun curso no que se analizan as políticas de desenvolvemento rural e emprego no marco da cooperación. Os diplomáticos reuníronse con membros das cámaras de comercio e participaron nunha mesa de traballo co conselleiro de Emigración e o secretario xeral da AECI (Axencia Española de Cooperación Internacional).
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Fraga recibe a más dun cento de residentes en Latinoamérica
O presidente da Xunta mantivo onte un encontro cos beneficiarios do programa Reencontros, polo que 141 emigrantes galegos en Latinoamérica visitan estes días Galicia. Nesta edición participan 74 persoas procedentes da Arxentina, 30 de Uruguai, 10 de Brasil, 16 de Cuba e 11 de Venezuela. Fraga reiterou que a Xunta traballa nunha liña que “non se esgota na acción do Goberno”, senón que busca “estimula-la sensibilidade social e a solidariedade”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
29/10/2002
Política-Acción Exterior
A Xunta abrirá en 2003 unha oficina do Mercosur na Arxentina e elaborará un programa cuatrienal de acción exterior
O secretario xeral para as relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, Jesús Gamallo, asegurou hoxe no Parlamento que o seu departamento conta para o vindeiro exercicio cunha partida orzamentaria de 100.000 euros para a apertura dun escritorio-oficina do Mercosur na Arxentina. Gamallo falou tamén da redacción dun segundo Programa Cuatrienal de Acción Exterior que, a longo prazo, desembocará na elaboración dun Libro Branco de Acción Exterior no que se recollerán as aportacións de universidades, firmas exportadoras, armadores, cámaras de comercio ou asociacións culturais galegas.
(Fonte: Santiago,
AGN).
28/10/2002
Cooperación Exterior
O ministro canadense de Asuntos Intergobernamentais visitará Galicia en novembro para incrementa-las relacións pesqueiras
O ministro canadense de Asuntos Intergobernamentais, Stéphane Dion, visitará a mediados de novembro España, nunha viaxe que incluirá Santiago de Compostela, segundo anunciou hoxe o presidente da Xunta tras entrevistarse co embaixador canadense en España. Segundo Fraga, o encontro terá “a maior importancia para integrar criterios e aumenta-la cooperación”, sobre todo en materia de pesca, así como debater sobre “o reforzamento das competencias rexionais, provinciais e locais”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía-Portugal
Os centros de automoción de Galicia e Portugal crean unha plataforma de desenvolvemento tecnolóxico
O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (Ctag) e o Centro para a Excelencia e a Inovaçao na Indústria Automóbel de Portugal (Ceiia) crearon hoxe unha plataforma para o desenvolvemento tecnolóxico a través do convenio marco subscrito esta tarde.O convenio, que permitirá accións conxuntas en materia de I+D, terá unha vixencia de dous anos e un orzamento de máis de 20 millóns de euros dos fondos Interreg III.
(Fonte: Vigo,
AGN).

Porto tentará duplica-los pasaxeiros a costa dos tres aeroportos galegos
O secretario de estado de Infraestructuras portugués, José Luis Campos Vieira, anunciou esta fin de semana o comezo das obras de ampliación do aeroporto Sá Carneiro de Porto, para pasar, a finais de 2004, a seis millóns de pasaxeiros ó ano. Nestes momentos, o Sá Carneiro conta con tres millóns de pasaxeiros por ano, máis usuarios que os tres aeroportos galegos xuntos. A competencia medra, polo que, dende Santiago, pedíronse maiores investimentos para Lavacolla.
(Fonte:
El Correo Gallego).
26/10/2002
Acción Exterior-Unión Europea
O presidente do Parlamento defenderá a participación dos parlamentos rexionais na UE na Calre
O presidente do Parlamento de Galicia, García Leira, defenderá a necesidade de que as cámaras rexionais participen na toma de decisións e no proceso de integración da UE no transcurso da IV Conferencia de Asembleas Lexislativas das Rexións de Europa - Calre-, que se celebrará mañá en Bruxelas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Palmou pide o pulo da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para evita-lo centralismo entre Alemaña e Francia na UE
O secretario xeral do PPdeG, Xesús Palmou, defendeu hoxe en Gondomar, Portugal, a necesidade de redobla-los esforzos na construcción da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal perante o alargamento da UE para que o futuro non gravite en torno a Alemaña e Francia e inclúa unha visión máis policéntrica con maior peso das rexións periféricas. Palmou inaugurou as xornadas sobre infraestructuras do Partido Social Demócrata.
(Fonte: Gondomar,
AGN).

Cultura
A Consellería de Educación divulgou o galego na XIII edición da Expolingua en Lisboa
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estivo presente, a través da súa Dirección Xeral de Política Lingüística, na XII edición de Expolingua, que se celebrou os días 14,15 e 16 no Forum Telecom de Lisboa. A presencia da Consellería nesta mostra tivo como principal obxectivo a divulgación da lingua galega máis alá das fronteiras de Galicia.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A película “O bosque animado” podería optar ós Oscar na categoría de Animación
A película “O bosque animado” está a ser avaliada polos académicos norteamericanos para a súa posible inclusión nos Oscar na categoría de Animación. Tanto filme de animación en 3D “O bosque animado”, como a película “Os luns ó sol”, premiada no Festival de Donostia e tamén posible candidata ós Oscar, foron coproducidas pola TVG.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
O Clúster Forestal de Galicia abre vías de colaboración con asociacións afíns en Italia, Finlandia, Portugal e Andalucía
O sector da madeira aspira a se-lo gran piar productivo do campo na comunidade, tal e como quedou de manifesto onte na Xornada-Seminario sobre Estratexias de Cooperación, organizadas polo Clúster da Madeira, na que participaron un cento de empresarios do sector e representantes de asociacións de productores de Finlandia, Italia, Portugal e Andalucía.
(Fonte:
El Correo Gallego).
24/10/2002
Cooperación Exterior
Terranova pretende mellora-las súas relacións cos galegos
Expertos canadenses e galegos daranse cita nas “II Xornadas Galicia-Terranova: estudio comparativo das dinámicas económicas, políticas e socioculturais”, que se desenvolverán en Santiago entre o 28 e o 30 deste mes. Os coordenadores das xornadas indicaron que o debate incidirá sobre “intereses comúns en sectores estratéxicos como poden ser o da madeira, o enerxético ou o turismo, ou a participación da muller nestas dúas sociedades”, “dous territorios periféricos con particularidades e aspectos en común”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política-Emigración
Total acordo en crear un observatorio para “frea-lo racismo e a xenofobia”
Onte acordouse no Parlamente, a proposta dos socialistas, que a Cámara inste á Xunta para a creación dun Observatorio Galego do Racismo e a Xenofobia. Para destaca-la importancia que os movementos migratorios están adquirindo, os socialistas lembraron que, só en 2000, case 6000 inmigrantes chegaron a Galicia dende países da UE, África e América. Así mesmo, advertiron da existencia de grupos neonazis na comunidade.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
A Mesa activará os nexos culturais e sociais galegos con Brasil e Portugal
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou onte a Fundación Vía Galego, unha entidade con actuacións de carácter autónomo que nace coa finalidade de activa-las relacións culturais e sociais de Galicia con Brasil e Portugal. O responsable da Fundación, Xosé Manuel Sarille, considerou esta activación de relacións, convenios e actividades con Brasil e Portugal de “senso común” e destacou o feito de que as relacións económicas entre Galicia e Portugal aumentaron dun xeito importante nos últimos anos, “mentres todo contacto en materia cultural ou lingüística está paralizado”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Máis Galicia en Radio Exterior
José Antonio Sentís, director de Radio Nacional de España, foi recibido polo presidente da Xunta, Manuel Fraga, e trala entrevista anunciou que Radio Exterior de España potenciará todo o que ten que ver con Galicia nos países nos que emite, especialmente nos iberoamericanos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Trescentos cincuenta especialistas de 36 países debaten sobre bilingüismo en Vigo
O II Simposio Internacional sobre Bilingüismo celébrase estes días en Vigo co obxectivo de servir de punto de encontro a investigadores do bilingüismo e a sociolingüística de trinta e seis países. No congreso hai catro idiomas oficiais: galego, castelán, inglés e francés. En opinión de Anxo Lorenzo, o nivel de protección do galego, catalán e euskera é “alto” comparado co que se presta ás linguas minorizadas noutros países, pero isto non quere dicir que sexa “óptimo”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Cumio Mundial en Santiago con especialistas en rehabilitación
O Museo do Pobo Galego de Compostela acollerá, dende hoxe e ata o sábado, o congreso internacional “Antigos Espacios para novos tempos”, no que se analizará a reforma de núcleos históricos como ferramenta de deseño urbano. Entre os organizadores do Congreso figura o Icomos, o organismo dependente da Unesco para a conservación do patrimonio monumental e paisaxístico.
(Fonte:
El Correo Gallego).
23/10/2002
Unión Europea-Pesca
Holmquist comprobará “in situ” se Galicia é moi dependente da pesca
A expedición galega obtivo en Bruxelas o compromiso do director xeral de Pesca da UE, Jurgen Holmquist, dunha vindeira visita a Galicia para coñecer a realidade do sector pesqueiro. López Veiga sinalou que Holmquist amosou o seu interese sobre a reivindicación de Galicia para ser considerada zona dependente da pesca.
(Fonte:
El Correo Gallego).
22/10/2002
Unión Europea-Pesca
Galicia demanda apoios en Bruxelas para logra-lo status de rexión altamente dependente da pesca
Unha delegación do Parlamento galego, integrada por representantes dos tres grupos políticos e o conselleiro de Pesca, reuniu onte en Bruxelas unha vintena de representantes dos Estados membros co fin de explicarlles o peso específico que ten a pesca na comunidade, e tratar de gañar adeptos á posición galega ante a reforma da PAC. Alemaña, Reino Unido e Holanda non acudiron a cita, pero a postura galega atopou apoio nos grupo de países Amigos da Pesca.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
Inditex e mailo seu socio finés abrirán tendas Zara en Rusia
Inditex ven de asinar un convenio de colaboración co grupo finés de distribución Stockman para abrir tendas Zara en Rusia. Segundo informou onte Inditex, que ten previsto tamén a apertura novos establecementos en Finlandia, StocKman foi o primeiro grupo occidental de distribución que logrou introducirse no mercado ruso.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

A naval UECC desembarca en Vigo contratando decenas de empregados
A multinacional sueco-nipona de transporte marítimo de vehículos UECC anunciou de xeito oficial o seu desembarco no porto de Vigo, para o que decidiu contratar un amplo equipo de profesionais. UECC está considerada como unha das compañías máis grandes do mundo neste sector.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Representantes do sector turístico de Galicia, Asturias e Portugal daranse cita en Expogalaecia 2002
Máis de 80 representantes do sector turístico de Galicia, Asturias e Portugal asistirán, do 31 de outubro ó 3 de novembro, ó salón especializado Expogalaecia 2002. Expogalaecia dará comezo coas xornadas de turismo “A cultura como recurso turístico”, e adicará unha das súas xornadas ás Mancomunidades do Val do Miño e o Val do Limia, pechándose coa II Xornada de Turismo Astur-Galaico-Portugés.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
Emigración e ONGs para o desenvolvemento presentan unha guía de organizacións non gobernamentais
A Consellería de Emigración e a Coordenadora Galega de ONGs presentan unha guía coa que se pretende achegar ós cidadáns as prioridades xeográficas e as formas de traballo de máis de cincuenta organizacións solidarias galegas. A guía ofrece direccións, teléfonos, correos electrónicos e páxinas web das ONGs recollidas para facilita-lo contacto.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Acción Exterior-Emigración
Miras Portugal chega hoxe a Cuba para intensifica-las relacións coas comunidades galegas na illa
O conselleiro de Emigración inicia hoxe unha visita a Cuba para manter contactos cos principais centros galegos da illa, ademais de entrevistarse coas autoridades do Goberno. O obxectivo destes contactos é afortala-los lazos de colaboración xa existentes entre ambos gobernos, facilitando desta maneira que os residentes galegos na illa poidan ter un acceso fluído ós programas de asistencia e información que a Xunta desenvolve en apoio ós emigrantes.
(Fonte: Santiago,
AGN).
21/10/2002
Cultura-Portugal
Apertura da Cátedra Albertino de Figueirido de estudios hispano-portugueses
O titular do Goberno galego, Manuel Fraga, participou esta tarde na lección inaugural do curso académico 2002-2003 da Cátedra Albertino de Figueiredo de Pensamento Económico e Social, impartida polo profesor Adriano Moreira. Moreira salientou a contribución de Fraga ás relacións entre Galicia e Portugal. A Cátedra Albeiro de Figueiredo naceu no 2001 co obxectivo de promove-la análise, a reflexión e o diálogo sobre os aspectos económicos, comerciais e culturais do mundo hispano-portugués.
(Fonte: Santiago,
AGN).
20/10/2002
Cultura-Portugal
Rui Miguel Oliveira gana o premio Eixo Atlántico de narrativa
O primeiro premio da quinta edición do certame de narrativa galaico-portuguesa Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público recaeu na novela “Voar como os pássaros, chorar como as nuvens (um filme portugués)”, primeira obra de Rui Miguel Oliveira, que verá publicada a súa obra en galego e en portugués.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Pesca
As propostas dos armadores vigueses serán debatidas nun cumio mundial sobre pesca ilegal
Os armadores vigueses do sector palangreiro queren un plan para tratar de erradicar, ou cando menos acurralar, os buques que realicen capturas non regulamentadas nin declaradas. Os armadores, que xa acadaron introducir de maneira expresa estes conceptos entre altas instancias pesqueiras da UE, defenderán esta posición na conferencia internacional sobre pesca ilegal que se desenvolverá dentro dun mes en Santiago de Compostela.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
O ministro de Industria, Comercio e Artesanado de Guinea- Bissau di que as augas guineanas “poderían dar cabida a cen barcos galegos”
A empresa coruñesa Frigoríficos DDTconvidou durante esta semana a unha delegación de Guinea- Bissau, país que podería se-la alternativa para a flota expulsada de Marrocos. Segundo Francisco Correia, Ministro de Industria, Comercio e Artesanado daquel país, o conselleiro de Industria galego “comprometeuse a trasladar ó responsable de Pesca a nosa oferta de caladoiros para os seus barcos”. Correia convidou tamén ó presidente da Xunta a visita-lo seu país para consolidar estas relacións bilaterais.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Galicia é a primeira comunidade en exportación de troitas a países da UE
Na actualidade, Galicia é a comunidade autónoma máis importante no que respecta á producción de troitas e tamén en canto á súa exportación á Unión Europea. As piscifactorías galegas e españolas representan unha das unidades de producción máis eficientes de Europa.
(Fonte:
Faro de Vigo).

O intercambio turístico borra a fronteira entre Galicia e Portugal
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, cada ano pernoctan no Norte de Portugal 144.000 españois, dos que a gran maioría son galegos. Na Axencia de Investimentos, Comercio e Turismo de Portugal -Icep- estiman que o 20% dos cinco millóns de visitantes de España son galegos. O Miño está a se estreitar, tanto pola mellora das estradas -a autopista Porto-Tui-, como polas cinco pontes construídas na última década.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Sociedade
Galicia rexeita enerxicamente un ataque de Estados Unidos a Iraq
Segundo a enquisa de Sondaxe, o 54,4% da poboación galega está totalmente en contra dun ataque estadounidense contra Iraq, e un 15% di estar en “bastante desacordo”. Por partidos, tres de cada catro votantes do BNG están totalmente en contra dun ataque, entre os votantes do PP predominan os que están en total desacordo (un 38,8%). O aval de Nacións Unidas é, para os galegos, un requisito imprescindible para que Estados Unidos ataque Iraq.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
19/10/2002
Portugal
As cidades galegas de Lugo, Ourense e Pontevedra e as portuguesas Viana do Castelo, Chaves, Braga e Guimaraes presentarán un proxecto conxunto á UE
As tres cidades galegas e as catro lusas pretenden obter da UE preto de cinco millóns de euros para por en marcha programas de desenvolvemento turístico, cultural e comercial nas súas respectivas zonas históricas, todas elas en situación do crise polo estado de deterioro no que se atopan. As sete cidades optan por unha partida conxunta de 4.715.000 euros no marco do Interreg III.
(Fonte: Atlántico Diario).

Emigración
Máis recursos nos orzamentos do 2003 para Emigración
Os orzamentos de Galicia 2003 traen máis recursos para Emigración, que segue sendo a Consellería máis pobre, con pouco máis de 15.000 euros, pero o seu responsable, Aurelio Miras, logra que sexa a que máis medre, un 12,8%. Segundo Orza, Galicia aspira a medrar o vindeiro ano novamente por riba da media europea, aínda que non fixo prognósticos sobre a posibilidade de recortar tamén as distancias co resto de España.
(Fonte: Atlántico Diario).

Cultura
Galicia no exterior
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, recibiu onte os recén elixidos membros da Academia Galega. Durante o encontro, Fernando Pérez-Barreiro, María Teresa Barro, Ramón Lugrís e Xulio Ríos explicaron ó rexedor vigués a súa intención de elaborar unha análise internacional acerca da existencia dun pensamento propio de Galicia no exterior. A Real Academia Galega poderá solicita-la súa colaboración para o asesoramento sobre as materias de carácter internacional relacionadas co país.
(Fonte: Atlántico Diario).

Economía
O Club Financeiro analiza as oportunidades de negocio das empresas galegas no estranxeiro
O Club Financeiro de Vigo e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia organizan un encontro empresarial para informar ós responsables de departamentos de mercados externos sobre as oportunidades de negocio existentes no merco da cooperación internacional. Fontes do Club Financeiro destacaron a baixa adxudicación a compañías españolas de licitacións en obras e servicios por organismos internacionais a causa do reducido número de propostas presentadas.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Consignatarios portugueses e galegos analizan a liberalización dos portos
Asociacións consignatarias e de estibadores galegas e portuguesas reuníronse en Vigo para aborda-la liberalización dos servicios portuarios que regulamenta unha directiva da UE e a forma en que vai afectar ás compañías do sector. Entre outras, estiveron presentes, a Asociación Nacional de Estibadores, Asociación das Empresas de Estiba de Aveiro, Asociación dos Axentes de Navegación de Portugal.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
18/10/2002
Economía
Conservas Burela presentará os seus productos no Salón Internacional de París
Conservas Burela participará este ano no Salón Internacional da Alimentación de París -Sial- que se celebrará entre os días 20 e 24 de outubro. A feira parisina é unha das máis importantes do sector alimentario no nivel mundial, so precedida pola de Anuga, en Colonia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
Beneficiadas 198 familias en Sarria do reparto de alimentos da CE
Voluntarios da Cruz Vermella levaron a cabo nos últimos días o reparto de 9.789 Kg. de alimentos básicos, procedentes dos excedentes da CE, entre 198 familias necesitadas do municipio de Sarria. Con este reparto conclúe a campaña do presente ano.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Soneira pide ó goberno máis apoio á emigración
A deputada socialista Marisol Soneira presentou unha interpelación no Parlamento na que acusa á Consellería de Emigración de presentar “un gran frenesí de iniciativas que están tapando o problema real de moitos centos de milleiros de galegos emigrantes”. Soneira considera que a Xunta, sen iniciativas, “frustra” as esperanzas deste colectivo.
(Fonte:
El Correo Gallego).
17/10/2002
Economía-Portugal
Galicia, primeira importadora de maquinaria lusa para traballa-la madeira
Segundo os datos de Exponor, a Feira Internacional do Porto, no primeiro semestre de 2002 Galicia foi a primeira comunidade española en importación de maquinaria para traballa-la madeira de orixe portuguesa. Neste mesmo período, Galicia ocupa o segundo lugar da lista en exportación deste tipo de maquinaria ó veciño luso.
(Fonte:
El Correo Gallego).
16/10/2002
Política-Unión Europea
Catalunya, Galicia e Euzkadi defenden a participación das rexións na Unión Europea, aínda que con notables matices
A participación das rexións na UE reuniu esta mañá en Compostela ás comunidades autónomas que lideran esta demanda en España: Catalunya, Galicia e Euzkadi. As xornadas sobre “O futuro da Unión Europea”, organizadas pola Egap, puxeron de manifesto que aínda coincidindo nas concepcións, as posturas van dende a posta en dúbida do marco estatal que defende o goberno vasco, ata o respecto ó marco constitucional dos representantes galegos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía-Turismo
España Verde presenta en Vigo a súa oferta turística ó mercado italiano
Dezasete representantes dos principais operadores turísticos italianos participarán dende mañá en Vigo nas “xornadas inversas” de comercialización turística, organizadas pola marca turística España Verde, da que forman parte Galicia, Asturias, Cantabria e Euzkadi.
(Fonte: Vigo,
AGN).

Cooperación Exterior
Ministros latinoamericanos amosan o seu interese polo modelo de desenvolvemento rural galego
Altos cargos dos ministerios de Agricultura de nove países latinoamericanos que participan nun programa da FAO, amosaron hoxe en Santiago o seu interese polo programa galego de desenvolvemento rural, por sela única rexión que desenvolveu un programa de desenvolvemento propio complementario ós programas comunitarios. O presidente da Xunta recibiu hoxe, xunto ó conselleiro de Agricultura, ós cargos americanos, acompañados de representantes da FAO e o Banco Mundial.
(Fonte: Santiago,
AGN).
15/10/2002
Unión Europea
Os programas de desenvolvemento rural Leader Plus, Prodrer e Agader aportarán 317 millóns de euros para Galicia
O ministro de Agricultura e Pesca e o conselleiro de Política Agroalimentaria asinarán mañá os convenios para a posta en marcha este ano da iniciativa comunitaria Leader Plus e os programas Proder II e Agader -Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-, que sumarán entre os tres un investimento superior ós 317 millóns de euros.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O Consello de Contas aproba as contas xerais da Xunta de 1999 e recomenda “un maior control” dos fondos da UE
O informe do Consello de Contas subliña que é necesario que a Administración autonómica “centralice nunha unidade administrativa a información da execución dos proxectos ou accións financiadas” para acadar unha “maior coordenación informativa” cos órganos de xestión, administración e control destes fondos tanto en Galicia coma no Estado ou a mesma UE. O resultado da execución dos fondos comunitarios en Galicia en 1999 foi do 73%, e as axudas efectivamente pagadas situáronse no 79% das totais. Os pagamentos realizados neste campo superaron en 1999 os 65.000 millóns de pesetas, dos que Galicia tiña pendentes de pagamento neste ano preto de 17.000 millóns.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
Expertos denuncian en Santiago a falla de apoio e recoñecemento dos Estados e da UE ás linguas minoritarias
Moitas linguas minoritarias están sendo ignoradas e non contan con ningún tipo de recoñecemento, afirmou hoxe en Santiago o profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas, nos VI Encontros de Normalización Lingüística. Outro dos participantes no encontro, o presidente da Oficina de Europa para as Linguas Minorizadas, Bojan Brezigar, amosouse pesimista respecto do papel que a UE pode chegar a desenvolver na protección e promoción das linguas minoritarias; na súa opinión, pasará moito tempo antes de que se poida falar de políticas comúns da UE respecto a elas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O audiovisual galego protagoniza a xornada de hoxe no Festival Cinespaña de Toulouse
O audiovisual galego será hoxe o protagonista da xornada no Festival Cinespaña, que se está a celebrar na localidade de Toulouse. A presencia galega no festival estivo coordenada pola Consellería de Cultura a través do Centro de Artes da Imaxe, e contou coa colaboración das productoras galegas Continantal, Vici, Lúa Films, Pórtico, Portozás, Ciudadano Frame e Fenda Films.
(Fonte: Santiago,
AGN).
14/10/2002
Economía-Portugal
As cidades lusas pugnan por abrir máis casinos para atrae-los galegos
Namentres Cirsa insiste para que a Xunta lle permita trasladar o casino da Toxa a Vigo, as empresas de xogo de Portugal ultiman a súa estratexia para acceder ó mercado galego. Ós alcaldes do Norte de Portugal pulan por entrar no negocio dos casinos, no que o punto de mira municipal está na clientela galega. Viana do Castelo, Chaves e a área metropolitana do Porto disputan por unha licencia, e a zona fronteiriza é o obxectivo dos grupos Solverde e Estoril-Sol.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Política-Unión Europea
Jesús Gamallo destaca as contribucións galegas á construcción de Europa e reclama máis presencia das rexións na UE
O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea, Jesús Gamallo, destacou hoxe as achegas que Galicia realiza ó proceso de construcción da UE, tales coma o fomento da cooperación transfronteiriza, a protección das linguas minoritarias e a aplicación “máis práctica” do principio de subsidiariedade. Gamallo salientou as propostas galegas para incrementa-la presencia das rexións no seo da UE, como a conversión do actual Comité das Rexións nunha institución comunitaria e a asunción por parte das rexións con competencias lexislativas “dun papel máis activo no Tribunal de Luxemburgo”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
A Xunta e a Universidade de Vigo elaboran un estudio para coñece-la situación real dos emigrantes retornados a Galicia
Coñece-lo perfil dos emigrantes retornados a Galicia, a súa situación, as condicións de retorno e a súa incidencia económica e social na comunidade galega é o obxectivo do convenio de colaboración subscrito esta mañá entre o rector desta institución e o conselleiro de Emigración.
(Fonte: Vigo,
AGN).

Galicia recibiu en 2002 preto de 26.000 emigrantes
Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, durante o ano 2000 chegaron a Galicia máis de 25.600 estranxeiros para quedar a vivir na comunidade. Os inmigrantes proceden fundamentalmente doutros países da Europa Comunitaria, máis de 12.200 do total, maioritariamente de Portugal (9.000), Francia e Italia. Fóra da UE, máis de 6.600 persoas chegaron a Galicia procedentes de América do Sur, fundamentalmente de Venezuela, Arxentina, Colombia e Brasil. Son tamén significativas as cifras de inmigrantes de América Central, así coma a inmigración marroquina.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
A Xunta levará á República do Salvador a súa experiencia en xestión de refugallos sólidos urbanos
Os conselleiros de Medio Ambiente e de Emigración asinaron hoxe un convenio de colaboración para elaborar un proxecto de recollida e xestión de refugallos sólidos urbanos destinado a once concellos do Golfo de Fonseca, na República do Salvador. Con este acordo, a Xunta contribúe ós programas medioambientais que se están levando a cabo no marco da Estratexia Española de Cooperación en Medio Ambiente, aprobada pola Axencia de Cooperación Internacional este ano.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
A Consellería de Pesca asinou onte un convenio coa USC para estudia-las consecuencias da PCP para Galicia
O conselleiro de Pesca, E. Lopez Veiga, asinou hoxe un acordo coa Universidade de Santiago, polo que se lle encarga unha análise sobre o impacto da reforma da Política Común Pesqueira ó Equipo de Economía Aplicada da Facultade de Económicas. Mª Carme García Negro, coordenadora do equipo, sinalou que “se transmite a sensación de que o sector pesqueiro está en crise” pero que se trata dunha “crise de crecemento”, xa que o sector pesqueiro galego “medrou dende que entrou na UE a pesar dos atrancos”.
(Fonte: Santiago,
AGN).
13/10/2002
Unión Europea
A Egap analiza a vindeira semana o papel que as administracións rexionais e locais deben ter na UE
A Escola Galega de Administración Pública (Egap) adicará, a partir do vindeiro mércores, unhas xornadas á análise sobre o papel que lles corresponde ás administracións rexionais e locais no seo da Unión Europea. O encontro afondará nas liñas de debate para a vindeira conferencia intergobernamental: a división de competencias, o papel dos parlamentos nacionais e rexionais no proceso de construcción europea, a natureza da Carta de Dereitos Fundamentais e maila simplificación dos tratados.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Raxoi pedirá fondos europeos para abrir “Berzaventura” nas Hortas
O concello de Compostela vén de recuperar un vello proxecto de hortas escolares para incorporalo ó programa “Life” da Unión Europea, que ten coma obxectivo a recuperación de espacios rurais e de interese ecolóxico. O alcance do programa para as Hortas estende os seus beneficios non so ós escolares senón tamén á cidadanía en xeral ó recuperar unha área agraria da cidade que está na zona histórica.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía-Turismo
Galicia será escenario da única conferencia de Ecoagua en Europa
Máis de vinte países teñen confirmada a súa asistencia á Conferencia Internacional de Ecoturismo en Espacios de Auga -Ecoagua-. Con esta iniciativa, que terá lugar en Mondariz Balneario entre o 16 e o 19 deste mes, Galicia participa nas actuacións programadas pola Organización das Nacións Unidas e a Organización Mundial do Turismo e, máis concretamente, na única que se organiza en Europa neste ano que andamos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade-Emigración
O macromaratón organizado pola Crtvg en solidariedade coa emigración recibe o agradecemento dos galegos do exterior
Televisión de Galicia tomoulle ó relevo á Radio Galega no maratón “Luar da solidariedade coa emigración”, que os medios públicos desenvolveron en apoio á campaña iniciada hai uns meses pola Fundación Galicia Emigración en prol dos galegos do exterior. Varias entidades bancarias, integrantes da Fundación, colaboran na iniciativa, que pretende facilitarlles axuda económica ós emigrantes galegos en dificultades xuntando a tódolos sectores da sociedade galega.
(Fonte:
El Correo Gallego).
12/10/2002
Sociedade
Galicia honra en Nova York ás víctimas do 11-S cun desfile da Real Banda de Gaitas de Ourense
Un ano despois do atentado terrorista unha representación institucional de Galicia, encabezada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, rendeulles homenaxe ás víctimas nun acto en Nova York no que tamén participou a Real Banda de Gaitas de Ourense, que participará mañá como convidada especial no desfile da Hispanidade.
(Fonte: Nova York,
AGN).
11/10/2002
Pesca
López Veiga resalta que o Parlamento Autonómico foi o único que reaccionou perante a proposta radical de Fischler
López Veiga congratulouse de que a postura defendida polo Ministerio de Pesca perante a Unión Europea conteña tódalas propostas aprobadas polo Parlamento galego. “O Parlamento de Galicia foi o único en reaccionar a tempo ante a reforma da política pesqueira e iso terá importantes repercusións”. O conselleiro fixo estas declaracións durante a celebración dunha xornada organizada por CC.OO que contou coa presencia de representantes de tódolos sectores relacionados coa pesca en Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
O presidente da Xunta visitará a localidade lusa de Figueira da Foz
Manuel Fraga aceptou onte o convite do presidente da Cámara Municipal da Figueira de Foz, Antonio Duarte Silva, para visitar esta localidade portuguesa en datas vindeiras. Fraga salientou que “especiais relacións” entre a comunidade galega e o Norte de Portugal se verán afortaladas proximamente coa conexión por Alta Velocidade. O presidente da Xunta ten pensado combinar a visita a Figueira con outra que realizará en breve ó país veciño para coñece-los puntos claves dos camiños portugueses a Santiago.
(Fonte:
El Correo Gallego).
10/10/2002
Economía
O IGE agarda que o sector exterior pule a economía galega este ano
O sector exterior galego pode converterse en motor da recuperación económica que se espera para o último trimestre do ano. Así o afirmou onte o director do Instituto Nacional de Estatística durante a presentación do informe de contabilidade trimestral de Galicia, no que se reflicte a desaceleración da actividade nun entorno de crise xeral. Para a recuperación, débese confirmar a alza que están experimentan as exportacións galegas, que rexistran un incremento fronte á caída nas importacións.
(Fonte:
El Correo Gallego).
09/10/2002
Política-Unión Europea
Fraga detalla a súa demanda para lle dar máis peso a Galicia na UE
Durante a súa intervención no Debate sobre o estado da Autonomía, o presidente da Xunta afirmou que “a delegación española debe estar composta por un representante do Estado e por outro de cada CCAA competente”, aspecto que considera unha “crucial demanda” de Galicia. Fraga referiuse ademais ás relacións con Portugal, e en concreto coa Rexión Norte “ o noso primeiro aliado estratéxico”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
A Coruña organizará en 2005 a gala final do certame Nations in Bloom
A fase final do Nations in Bloom de 2005 terá lugar na cidade da Coruña, que recolleu este premio medioambiental internacional o pasado ano. Ademais, en xullo de 2005 a cidade acollerá tamén a XXII Conferencia Cartográfica Internacional, que con máis de 3.000 participantes baterá o récord histórico de asistencia a este tipo de acontecementos na cidade.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A CEP reúne hoxe a xerentes galegos e portugueses
A sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra é hoxe escenario do “I Foro empresarial de emprego na zona transfronteiriza”, dirixido a directores, traballadores e xerentes de ámbalas dúas beiras da fronteira. Trátase de analiza-las potencialidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no relativo ó desenvolvemento empresarial e o emprego.
(Fonte:
El Correo Gallego).

A moda galega abre portas no seu terceiro mercado internacional
Dezasete deseñadores galegos participan dende onte na Expo Galicia 2002 México co obxectivo de afianza-la presencia da industria téxtil galega neste mercado, o terceiro despois de Portugal e Francia. Para os organizadores, México é un dos mercados máis interesantes para Galicia por se-la porta de entrada ó mercado estadounidense. Segundo datos da Xunta, existen un total de quince firmas galegas establecidas en México que comercializan o 63% das exportacións españolas a este país.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Vintesete editoras galegas na Feira de Frankfurt
A Asociación Galega de Editores e a Xunta inaugurarán hoxe o seu expositor na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, na que darán a coñece-la oferta das 27 editoriais galegas que conforman esta entidade.
(Fonte:
El Correo Gallego).
08/10/2002
Política
O BNG pregunta no Congreso polo AVE Vigo-Porto
O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitarlle ó Goberno central que explique o motivo polo que non se acadou un acordo co Executivo luso para construír unha liña de Alta Velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto, o que ó seu xuízo, “desbarata as últimas afirmacións realizadas polo Executivo español ó respecto”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O Bloque, satisfeito cos resultados de Lula en Brasil
A Comisión Executiva do BNG destacou onte a súa satisfacción perante os resultados provisionais das eleccións ó Goberno de Brasil e amosouse convencida de que o candidato do Partido dos Traballadores, Lula da Silva obterá unha “victoria esmagadora” na segunda volta dos comicios.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
Cabezas presenta en Bruxelas os proxectos do Eixo Atlántico
O presidente da Asociación do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e alcalde de Ourense, Manuel Cabezas, reuniuse onte co comisario europeo de Política Rexional, Michel Barnier, para presentarlle diversos proxectos levados a cabo por este grupo. Na reunión, Cabezas e o vicepresidente do Eixo, o alcalde de Porto, Rui Río, trasladáronlle a Barnier a “vontade unánime” das 18 cidades galegas e portuguesas que participan no proxecto de continuar formando un territorio con proxectos comúns.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política-Unión Europea
Unións Agrarias esixe consensuar unha postura galega contra a PAC
O secretario xeral de Unións Agrarias, UUAA, Roberto García, criticou onte a falla de diálogo para consensuar unha postura común perante a inminente reforma da Política Agraria europea. Na defensa dunha postura conxunta de Galicia afirmou que “o noso inimigo non vai se-lo conselleiro de Agricultura”, senón outros países coma Austria, e avogou porque a reforma da PAC se leve a cabo “agora” e non no ano 2004, no que haberá menos orzamento e máis países para repartir.
(Fonte:
El Correo Gallego).
07/10/2002
Política-Unión Europea
A Cámara pide a xestión íntegra dos fondos europeos
O Parlamento galego solicitoulle onte á Xunta que “en seis meses negocie co Executivo central” un convenio para que o Executivo galego “xestione completamente a totalidade dos fondos procedentes da UE”. Esta era unha das propostas máis importantes presentadas polo BNG e aprobadas por unanimidade, previo pacto coa forza maioritaria do PPdeG. O PPdeG presentou, entre as súas iniciativas, a demanda da recuperación do patrimonio histórico e documental da diáspora, e o fomento dunha maior interrelación cultural con Portugal.
(Fonte:
El Correo Gallego).
06/10/2002
Economía
As enerxías renovables tenden unha ponte con empresarios noruegueses
A compañía norueguesa Statkraft Groner estableceu, no marco da Semana Industrial de Silleda, contactos con empresas galegas no sector das enerxías renovables. A firma, que conta con proxectos en Asia e Latinoamérica, é unha das máis importantes do país nórdico, un dos países da UE que máis aposta por este tipo de enerxías, nas que Galicia ocupa o liderado en España.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O Igape amosa ás Pemes as súas posibilidades de salta-lo exterior
O encontro “Ferramenta de diagnose para a internacionalización da Peme”, organizado polo Instituto Galego de Promoción Economómica (Igape )en colaboración co Ministerio de Economía, pretende dotar ás pequenas e medianas empresas da comunidade autónoma das ferramentas precisas para realizar unha autodiagnose e inicia-la súa expansión noutros mercados.
(Fonte:
El Correo Gallego).
05/10/2002
Política-Unión Europea
Galicia oponse a que se perpetúe o reparto inxusto das axudas agrarias
O conselleiro de Agricultura, J.M Diz Guedes, prometeu onte que defenderá unha reforma da política agraria común que non prime os dereitos históricos no reparto das axudas, xa que prexudicarían a Galicia e perpetuarían un sistema inxusto. Diz reuniuse onte en Madrid co comisario europeo do sector, Franz Fischler, que reiterou a súa proposta de reforma. España recibiu o ano pasado 5.355,3 millóns de euros, dos que soamente o 2% correspondeu ás explotacións galegas.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Fraga defende a entrada de Lituania na UE por ser un dos candidatos máis cualificados
O presidente da Xunta defendeu onte as opcións de Lituania para acceder á UE en declaracións feitas despois de manter un encontro co embaixador lituano en España, Vytautas Antanas Dambrava, que cualificou a Manuel Fraga como “gran home de Europa e amigo de Lituania”. O diplomático convidou ó presidente da Xunta a visita-la república báltica.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Unións Agrarias critica a “desastrosa xestión” dos fondos europeos
O sindicato Unións Agrarias (UU.AA) aseguro onte que os gandeiros galegos serán os únicos de toda a Unión Europea que non poderán acollerse este ano ás axudas por cesamento anticipado da actividade agraria a causa da”desastrosa xestión” do orzamento do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agraria (Feoga).
(Fonte:
La Voz de Galicia).
04/10/2002
Portugal
Xornada adicada a Viana do Castelo en Baiona
O Concello de Baiona continúa a estreitar vencellos coas poboacións do veciño Portugal e mañá adicará toda a xornada á cidade de Viana do Castelo. O rexedor baionés afirmou onte que esta iniciativa ten o obxectivo de dar a coñece-los costumes e tradicións típicos de Viana “estreitando e afortalando as relacións co país veciño”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Portugal non construirá o AVE a Galicia ata que remate o tramo Porto-Lisboa
O cumio que ata onte reuniu en Valencia ós gobernos de España e Portugal deixou poucos resultados en Galicia. Segundo fontes oficiais portuguesas, haberá AVE, pero Portugal non sabe cando (nin sequera hai data para a liña prioritaria, Porto-Lisboa), e semella claro que a conexión a Vigo será a derradeira fase do proxecto do eixo atlántico. En termos semellantes expresouse o presidente do goberno español, J.M Aznar. O cumio deixa a Portugal sen calendario para o AVE que o unirá ó resto da UE, e a Galicia sen data para chegar cun tren rápido a Porto e Lisboa.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
03/10/2002
Portugal
Galicia e o Norte luso buscarán máis concorrencia para as súas Pemes a través do proxecto Cecotran
Entidades de Galicia e do Norte de Portugal investirán case tres millóns de euros na posta en marcha de Cecotran, un centro de prestación de servicios comúns para as Pemes da Eurorrexión promovido pola Confederación de Empresarios de Pontevedra e a Associaçâo Industrial do Minho. A sede da CEP acolleu onte a presentación e sinatura deste proxecto de Cooperación Transfronteiriza que ten, entre os seus obxectivos, a internacionalización das pequenas e medianas empresas de ambas beiras do Miño mediante o uso das novas tecnoloxías.
(Fonte: Vigo,
AGN).

Portugal e España confirman a conexión de Alta Velocidade entre Lisboa e Vigo pero non chegan a un acordo respecto á unión con Madrid
Os presidentes dos gobernos español e portugués ratificaron hoxe no cumio bilateral de Valencia que o proxecto de conexión mediante Alta Velocidade Ferroviaria entre Lisboa-Porto-Vigo “vai adiante”. A liña Lisboa-Porto que conectará con Vigo semella ser, de momento, a única que será levada a cabo. A construcción do tren de Alta Velocidade de Portugal conta cuns prazos bastante máis amplos que o de Galicia e a súa conclusión está prevista para 2023.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O presidente da Xunta rexeita que exista falla de acordo co Goberno luso no enlace do AVE galego co portugués
O presidente da Xunta rexeitou que exista falla de acordo co Goberno luso no que toca ó enlace do AVE galego co portugués na fronteira, e dixo que a falla de acordo está “máis ben no Lisboa-Madrid”. Fraga explicou que Galicia mantén o seu trazado e que o enlace “non pode ser máis que por un lugar determinado”, aínda que se existise algunha variación “se podería atender perfectamente”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía-Turismo
Turismo promove o termalismo galego entre os operadores turísticos escandinavos
Operadores turísticos de Noruega, Suecia e Dinamarca, poderán coñece-la oferta de turismo termal en Galicia dende hoxe ata o vindeiro domingo, nunha viaxe de prospección organizada pola consellería de Turismo co obxecto de que poidan acceder ós distintos recursos e servicios termais que os viaxeiros poden atopar na comunidade galega.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
Galicia centrará as celebracións hispanas en Nova York durante a semana que ven
As rúas de Nova York tinxiranse dunha cor marcadamente galega durante a semana que ven. As celebracións da Festa da Hispanidade contarán coa presentación da oferta de Turgalicia, ademais dunha homenaxe ás víctimas do 11 de setembro a cargo da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que tamén tomará parte no multitudinario Desfile da Hispanidade.
(Fonte: Santiago,
AGN).
02/10/2002
Cultura
A Fundación Grinzane presenta a Fraga un proxecto para pula-la literatura galega en Italia e Francia
O catedrático da Universidade de Roma e membro da Fundación Grinzane, Cavour Giuliano Soria presentoulle esta mañá ó presidente da Xunta e ó conselleiro de Cultura un proxecto para pula-la literatura e cultura galegas en Italia e Francia. A iniciativa foi acollida con interese por Fraga e Pérez Varela. Soria anunciou que lle presentara a Fraga “un proxecto de relación entre Italia e Galicia” que se plasmaría coa creación de premios literarios e unha serie de coloquios de autores galegos en Italia.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea
Galicia cre que Bruxelas “necesita mellorar” a súa proposta en acuicultura
O proxectado programa comunitario pretende crear entre 2003 e 2008 case 10.000 postos de traballo, aínda que sen aumenta-las axudas comunitarias. PP, PSOE e Bloque coincidiron onte na Eurocámara considerando que a proposta “necesita mellorar” . Entre as intervencións de onte no Parlamento Europeo, destacou a de José Figueira Galbán, presidente do Consello Regulamentador do Mexillón de Galicia, quen sorprendeu ós europarlamentarios coas magnitude das cifras desta actividade en Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O BNG pide a apertura do diálogo entre tódalas forzas para defender unha postura común de Galicia fronte a PAC
O grupo parlamentario do BNG expresou hoxe a súa disposición a recibir “propostas” de socialistas e populares que se engadan ó que consideran unha defensa “mínima” das necesidades de Galicia perante a reforma da Política Agraria Común. O deputado nacionalista Emilio López presentou hoxe no Parlamento unha moción na que o Bloque pide que a Xunta “esixa a presencia dos representantes das institucións galegas nos foros da UE” nos que se debatan aspectos básicos para o futuro do campo galego.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A UE censura a xestión do vertedoiro de Corcubión
A Comisión Europea publicou onte a súa listaxe de expedientes abertos ós Quince por explotar vertedoiros ilegais ou mal xestionados, encabezada por España e Grecia. Segundo un comunicado do Executivo comunitario, no caso de España hai sete casos perante o Tribunal de Xustiza da UE e outros tres no primeiro paso do procedemento. Entre estes últimos figura o caso do vertedoiro de Corcubión (A Coruña).
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
A emigración na Arxentina beneficiarase dun novo sistema de asistencia
A Xunta, a través da consellería de Emigración e Cooperación Exterior e a Fundación Galicia Saúde, porá en marcha un sistema de asistencia social na Arxentina para atender á colectividade galega neste país. Segundo se recolle no convenio asinado hoxe, o obxectivo prioritario das accións serán os emigrantes maiores de 65 anos que teñan unha precaria asistencia sanitaria.
(Fonte:
El Correo Gallego).
01/10/2002
Cooperación Exterior-Portugal
Galicia e Portugal colaborarán na promoción do voluntariado
A Consellería de Asuntos Sociais, en colaboración con organizacións e institucións de Galicia e o Norte de Portugal, desenvolverá ata o ano 2006 un proxecto de promoción do voluntariado nos territorios fronteirizos no que se investirán máis de 2.700.000 euros. Este proxecto enmarcase na iniciativa comunitaria Interreg III de Cooperación Transfronteiriza.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura-Emigración
Emigración e o Consello da Cultura abordarán en outubro o fenómeno da diáspora cun ciclo de cinema e mesas redondas para o debate
O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CGG), Alfonso Zulueta, asinaron hoxe un convenio polo que se porá en marcha un Cinefórum-Ciclo “Cinema e Emigración Galega”. O obxectivo é dar a coñece-lo fenómeno da diáspora a través de películas e documentais e abrir logo o debate en diversas mesas redondas.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
Ver máis Diario Exterior

2002: setembro | agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro |
2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre |
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/11/2002