A Xunta e cooperantes portugueses pulan unha rede de voluntariado cunha dotación inicial de tres millóns de euros A conselleira de Asuntos Sociais, Corina Porro, asinou hoxe un acordo de cooperación con diversas institucións galegas e portuguesas. O acordo, enmarcado na iniciativa comunitaria Interreg III, creará unha rede de voluntariado entre Galicia e o Norte de Portugal co obxectivo de dispor de grupos asistenciais en materias de educación, cultura, medioambiente e servicios sociais. (Fonte: Santiago, AGN). Política-Unión Europea O BNG reclama para Galicia a sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima O grupo Parlamentario do BNG ven de presentar unha proposición non de lei no Parlamento galego, que recupera unha da pasada lexislatura, para que a Xunta reclame do Goberno central a instalación en Galicia da sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima. Esta Axencia creouse oficialmente en agosto, pero segundo os nacionalistas “aínda existe unha posibilidade” para que Galicia acolla a súa sede, xa que é unha decisión que “non está tomada”. (Fonte: Santiago, AGN). Fraga avoga polo consenso nas diferentes autonomías para transmitir “unha postura firme, decidida e coherente” na Unión Europea O presidente da Xunta avogou para logra-lo consenso entre as diferentes comunidades autónomas á hora de presentar demandas ante a Unión Europea. Fraga amosouse confiado de que a Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, que se está a celebrar en Galicia, sirva para presentar ante tódolos responsables de cada área as peculiaridades de cada comunidade autónoma e achegar posturas. (Fonte: Santiago, AGN).
Visitas internacionais a Conxemar Dúas delegacións oficiais, procedentes de México e Brasil, participarán na feira internacional que se inaugura o vindeiro martes en Cotogrande e que contará coa participación de 25 países. O alto nivel de internacionalización da feira Conxemar se ten convertido nun referente para o establecemento de contactos e o desenvolvemento de futuras relacións comerciais entre transformadores, importadores e exportadores de productos da pesca e a acuicultura. (Fonte: Atlántico Diario). Italia é un dos principais receptores das exportacións galegas con máis de 700 millóns de euros en 2001 Segundo datos do Instituto Español de Comercio Exterior, Italia é un dos principais receptores das exportacións galegas, con máis de 700 millóns de euros durante o pasado ano. Na actualidade este país mantén unha cada vez máis grande vinculación comercial con Galicia, netamente favorable para a comunidade, xa que o importe das exportacións supera en máis do dobre ó das importacións. En canto ás relación comerciais entre España e Italia non son, segundo a CEP, tan positivas como as galegas. (Fonte: Vigo, AGN). Vinte firmas téxtiles galegas participarán en outubro na Expomoda de Galicia en México Un total de 19 firmas téxtiles galegas participarán os días 8 e 10 de outubro na primeira edición de Expomoda de Galicia en México. O evento, organizado pola Consellería de Industria, pretende ser unha canle para abrir oportunidades de negocio a novas empresas do sector téxtil e consolida-la xa importante presencia das firmas galegas que operan no mercado mexicano, terceiro cliente da moda galega no plano internacional. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura A Consellería de Cultura dona 2000 libros galegos á Biblioteca Tondela de Portugal A Consellería de Cultura ven de doar un lote de 2000 libros á Biblioteca Municipal de Tondela, en Portugal. Este organismo abrirá unha sección adicada ó libro galego, que se nutrirá de novas publicacións que de xeito periódico lle proporcionará a Xunta de Galicia. Os libros serán expostos na biblioteca durante a vindeira semana, nunha mostra que se engade a outros semellantes que se realizaron en Guimaraes, Braga, Maia e Terceira. (Fonte: Santiago, AGN).
O Goberno asinará un tratado de cooperación transfronteiriza con Portugal O Consello de Ministros autorizou a sinatura do tratado entre o Reino de España e a República portuguesa sobre cooperación transfronteiriza entre entidades e instancias territoriais, con sinatura prevista o día 3 de outubro, durante o Cumio Hispano-Portugués de Valencia. Esta norma internacional dota a Galicia, Castilla-León, Extremadura e Andalucía de novos instrumentos xurídicos nas relacións co país luso. Emigración A Xunta encarga un estudio para controla-lo retorno de emigrantes A Xunta prepara un estudio para prever de onde chegarán os emigrantes retornados a curto e medio prazo. Con este obxectivo elaborará un censo onde se detalle o perfil dos emigrantes que se verían obrigados a regresar no caso de que o país onde se instalaron padeza unha grave crise. O conselleiro de Emigración anunciou que un grupo de expertos da Universidade de Lomas de Zamora, na Arxentina, xa comezou a avalia-la situación da comunidades galega neste país. (Fonte: El Correo Gallego). A maioría dos chineses que viven en Galicia escollen a comunidade pola súa semellanza coa rexión chinesa de Qintiang Moitos campesiños e canteiros de Qintiang emigran dende hai máis de cen anos a España. Agora moitos destes emigrantes asentáronse en Galicia, un país que, segundo eles, lles lembra á súa patria. En Galicia a implantación dos emigrantes chineses é moi recente. No ano 2000 estaban censados 452, e actualmente serán uns 600 os que residen na comunidade. Por provincias, 179 viven na Coruña, 160 en Pontevedra, 64 en Lugo e 49 en Ourense. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Medran as exportacións das empresas da provincia de Lugo As empresas lucenses foron as que rexistraron unha maior suba anual do valor das súas exportacións no ano 2001, cunha taxa de crecemento do 19,59% con respecto ó 2000, segundo indica a última memoria do Plano de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga). Este dato positivo en relación á media galega non evita que o sector empresarial en Lugo siga en valores absolutos á cola de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Expertos europeos en museoloxía debaten en Santiago sobre os museos e construcción da comunidade Cento vinte persoas de diferentes nacionalidades asisten ás sesións do VII Coloquio de Museos Galegos que se celebra estes días en Compostela. O relatorio Marco do Consello de Museos Galegos lembra a necesidade de conxuga-los esforzos de expertos e autoridades que teñen autoridade sobre o patrimonio. (Fonte: El Correo Gallego).
Presentado en Sudamérica o “Salón Internacional da Saúde” O director do primeiro Salón Internacional da Saúde, e tamén director de Programas da Fundación Foro Permanente Galego-Americano da Saúde, o doutor Javier Hernández Pasín, presentou o pasado mércores en Montevideo este encontro que terá lugar en Santiago de Compostela en marzo de 2003. Hernández Pasín definiu o Salón como “o punto de encontro de todo o sector sanitario nacional e internacional”. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Un incendio afectou á instalación que Jealsa inauguraba hoxe en Guatemala A planta que a conserveira galega Jealsa tiña pensado inaugurar hoxe en Guatemala foi gravemente afectada por un incendio. Isto supón un freo no proxecto de expansión de Jealsa, que comezaba en Guatemala -onde se situaba coma quinta empresa española- e continuaba en México e Estados Unidos. (Fonte: El Correo Gallego).
Reforma da PAC: Galicia perdería 700.000 euros anuais en axudas O conselleiro de Política Agroalimentaria, J.M Diz Guedes, defendeu onte que Galicia negocie “en sintonía co Estado” os puntos da reforma da Política Agraria Comunitaria (PAC), xa que advertiu que a comunidade “non ten autonomía nin competencias exclusivas” para presentar directamente as súas demandas ós órganos de decisión da UE. Diz Guedes asegurou que de saír adiante a modulación obrigatoria das axudas que pretende Bruxelas, Galicia deixaría de percibir dende 2004 preto de 700.000 euros anuais, o 1,2% das axudas. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal O Goberno portugués confirma o Ave que unirá Porto e Vigo O Executivo luso aceptou que un ferrocarril de alta velocidade conecte as cidades de Porto e Vigo, aínda que a prioridade segue a se-la conexión con Madrid. O ministro portugués da Presidencia, Nuno Sarmento, declarou que o enlace entre Portugal e Galicia obtivo un consenso favorable, pero aínda quedan por concretar algúns detalles. Entre elas, o que atinxe o transporte de mercadorías, que varios diplomáticos descartan polo seu alto custo. (Fonte: El Correo Gallego). Denuncian a discriminación de médicos galegos en Portugal O eurodeputado do PP e ex alcalde Vigo Manuel Pérez conxecturou onte ante a Comisión Europeas unha posible “violación” do dereito comunitario en Portugal, ó impedir ós médicos españois, na súa maioría galegos, o acceso a postos de “autoridade de saudade”, -unha figura semellante á do xefe de sanidade dunha administración local-, a pesar de que este colectivo realizou a formación específica de tres anos esixida en Portugal para exercer esa función. Pérez ven de presentar unha interpelación parlamentaria á Comisión Europea para que investigue a situación.
O PP apraza a negociación sobre a UE ó Debate da Autonomía Os populares votaron onte contra a demanda nacionalista de dar unha maior participación a Galicia na UE, pero deixaron aberta a posibilidade dun futuro acordo ó respecto, no vindeiro Debate sobre o Estado da Autonomía, previsto para os días 8 e 9 de outubro. (Fonte: El Correo Gallego).
O plano da acuicultura volve enfrontar a Galicia e a UE “En Galicia xa estamos desenvolvendo a acuicultura. Non van vir a ensinarnos ren”. Así de rotundo amosouse hoxe o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, á hora de valoriza-lo plano de promoción da acuicultura que, segundo o seo promotor, o comisario Fischler, permitirá a creación de entre 8.000 e 10.000 postos de traballo en toda Europa. O plano cita nun exemplo a Galicia, á que se refire como “o principal centro europeo de crría de mexillóns e rodaballos”, actividade que xera “13.000 postos de traballo directos”. Pero isto non é óbice, segundo o conselleiro, para xustifica-la destrucción de empregos nun sector clave -a pesca- para Galicia. (Fonte: La Voz de Galicia). Unión Europea O BNG de Lousame denuncia ante a UE os custos da Mancomunidade O BNG de Lousame trasladará á Unión Europea e á Xunta unha serie de informes relacionados coa xestión do plano de refugallos sólidos da Mancomunidade de Concellos Serra de Barbanza. Os edís fan fincapé no desfase económico da planta de Servia, que tiña un custo de 3,7 millóns de euros, o que, segundo manifestan, era altamente vantaxoso para a entidade supramunicipal dado que as subvencións recibidas de Europa ascendían a 3,8 millóns de euros. (Fonte: La Voz de Galicia). O goberno local de Ribeira deberá remitir á UE todo o expediente sobre Fribal Os representantes en España da UE reclamaron hai uns días ó goberno local de Ribeira todo o expediente relacionado coa problemática que rodea á conserveira Fribal, emprazada en Corrubedo, e que lles será remitido dentro duns días. Cómpre lembrar que a Plataforma Veciñal en Defensa de Corrubedo presentou dúas denuncias no xulgado de Ribeira, tres perante a UE, e 300 na delegación de Tráfico, que se engaden ás protestas remitidas á Xunta, ó Defensor del Pueblo, ó Seprona, e ó Valedor do Pobo. (Fonte: El Correo Gallego).
A Bretaña francesa albergará un gran centro de investigación sobre Galicia Na Universidade de Rennes, a capital de Bretaña, máis de dúas ducias de estudiantes franceses afánanse por aprende-lo galego gracias ó traballo do Centro de Estudios Galegos. Dentro de moi pouco tempo compartirán espacio no que pretende se-lo maior centro de documentación e investigación de Galicia. De momento a Fundación Barrié de la Maza ven de facer entrega a esta entidade de todo o seu fondo editorial consistente en 293 volumes escritos en Galego. Pero non todo son libros; dende o centro de Estudios Galegos promóvense encontros entre especialistas de diversos campos de Bretaña e Galicia, así como exposicións, conferencias, seminarios. (Fonte: La Voz de Galicia).
Jealsa da o salto a América coa apertura dunha planta en Guatemala A conserveira Jealsa-Rianxeira dará o vindeiro venres un paso máis na súa aproximación ó mercado americano. Eses día inaugurará a planta construída en Guatemala, consistente nun frigorífico, unha conserveira e unha fábrica de fariñas de peixe. O presidente da compañía xa anunciou a súa intención de irromper en EE.UU co mesmo tipo de atún que comercializa en Europa. (Fonte: La Voz de Galicia). A moda galega exporta menos do que gasta en importacións de roupa A moda galega non xera divisas para a economía galega. As gasta. No ano 2001, a balanza comercial do sector téxtil foi deficitaria en 3 millóns de euros, investidos polas empresas galegas en mercar no estranxeiro maquinaria de confección. Este ano, que xa acumula un incremento das importacións do 14%, o déficit comercial do téxtil situarase entre os 10 e os 20 millóns de euros. A explicación pode estar, segundo os expertos, en que en Galicia non existe unha industria base que traballe para os deseñadores. (Fonte: La Voz de Galicia). A balanza comercial de Galicia rexistra un superávit de 428 millóns Galicia continua a incrementa-lo seu peso porcentual no comercio exterior español, pois mantén ritmos de crecemento superiores á media nacional, segundo informou onte a Consellería de Industria. As exportacións galegas nos seis primeiros meses do ano ascenderon a 4.823 millóns de euros, co que representan o 7,39% do volume total do Estado. Como consecuencia das cifras acadadas ata o mes de xuño, a balanza comercial galega rexistra un superávit de 428 millóns de euros, fronte ó déficit de 7 millóns contabilizado no primeiro semestre. (Fonte: El Correo Gallego). A Semana Industrial acollerá encontros empresariais entre compañías do sector metalúrxico de Galicia e Portugal A Semana Industrial que terá lugar entre o 3 e o 6 de outubro en Silleda, incluirá encontros entre empresas galegas e portuguesas do sector metalúrxico co obxectivo de incentiva-lo negocio entre a industria de ambos países. Estes encontros contan coa colaboración dos principais colectivos do sector, a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) e a Associacao dos Industriais Metalurgicos Metalomecanicos e Afíns de Portugal (Aimmp). (Fonte: Santiago, AGN). Política-Unión Europea O BNG cre que é o momento oportuno para a representación na UE e confía que o Parlamento o reclame a vindeira semana O Bloque levará ó Pleno do Parlamento o debate sobre a representación de Galicia perante a UE porque considera que é o momento oportuno e confía en chegar a puntos de acordo coas restantes forzas políticas para que o hemiciclo reclame a presencia galega en órganos comunitarios.O BNG aprobará mañá na reunión do Consello Nacional o seu documento sobre autogoberno, que reclama a participación de Galicia nos órganos comunitarios coa delegación española. (Fonte: Santiago, AGN).
Os fondos da UE permitiron manter 17.000 empregos por ano As incidencias dos fondos estructurais que recibiu Galicia entre 1994 e 1999 permitiu manter ou crear máis de 17.000 ocupados por ano, e o peso do efecto medio anual sobre o Valor Engadido Bruto foi dun 1,7%. Así o asegurou onte o conselleiro de Economía, José Antonio Orza, quen destacou que o crecemento nominal da economía galega, 22,3%, se tería reducido en cinco puntos de non ser pola incidencia dos fondos da UE. (Fonte: El Correo Gallego).
Fraga advirte de que “non é o momento” para que o Parlamento galego debata a presencia de Galicia na UE e chegue a un acordo As concepcións de “extrema gravidade” que segundo Manuel Fraga está poñendo sobre a mesa o PNV fan que “quizais non sexa o momento máis razoable” para que o Parlamento de Galicia debata e acorde unha postura común dos tres partidos respecto á presencia de Galicia na UE. (Fonte: Santiago, AGN). Medio Ambiente crea o Centro de Desenvolvemento Sustentable como resultado do Cumio de Johanesburgo A Consellería de Medio Ambiente vén de por en marcha o Centro de Desenvolvemento Sustentable e a Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable como primeira medida tralo Cumio de Johanesburgo para acada-los compromisos adquiridos na materia no seo de Nacións Unidas e a Unión Europea. (Fonte: Santiago, AGN). Economía O grupo empresarial Calvo iniciará no Salvador un proxecto de desenvolvemento para os seus traballadores O grupo empresarial Calvo e a Consellería de Emigración participarán nun proxecto para mellora-las condicións sociais dos traballadores da empresa no Salvador. Esta actuación conta cun orzamento de 322.396 euros. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura O Goberno estudiará a inclusión do arsenal e os castelos da ría de Ferrol entre os candidatos a ser Patrimonio da Humanidade O Congreso dos Deputados emprazará ó Goberno, a instancias do BNG, para que estudie a candidatura do arsenal e dos castelos da ría de Ferrol para que poidan ser declarados Patrimonio da Humanidade. O acordo foi tomado por unanimidade pola Comisión de Educación e Cultura. (Fonte: Santiago, AGN). Ó redor de 300 mozos galegos e portugueses daranse cita en Goián na XIV Acampada da Mocidade organizada por Galiza Nova Con esta iniciativa, Galiza Nova busca un ano máis “combinar actividades de formación con actividades máis lúdicas”. Entre as actividades que conforman o programa, atópase a celebración da charla-coloquio: “As relacións socioculturais entre Galicia e Portugal”. Así mesmo, contémplase a celebración do II Festival da Amizade Galiza-Portugal. (Fonte: Santiago, AGN). Kalandraka presenta “Books for dreaming”, unha colección de álbumes galegos para os máis pequenos traducidos ó inglés A editorial pontevedresa Kalandraka vén de pór no mercado “Books for dreaming”, (Libros para Soñar), unha nova colección para a lectura en inglés nos primeiros estadios de idade que se distribuirá en todo o Estado español. As obras desta colección están presentes xa no mercado inglés e norteamericano. (Fonte: Santiago, AGN).
López Veiga remítelles ós europarlamentarios españois a postura galega sobre a PCP que reclama “máis Europa para a pesca” O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, remitiulles hoxe unha carta a tódolos europarlamentarios españois coa proposición non de lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado 10 de setembro. O documento será ademais traducido a varios idiomas e remitido en breve pola Consellería de Pesca ó resto dos deputados do Parlamento Europeo. A Consellería enmarca esta comunicación na necesidade de trasladar á Eurocámara “a sensibilidade de Galicia” en prol dunha PCP “equilibrada e igualitaria”. (Fonte: Santiago, AGN). O Parlamento de Galicia esixe firmeza na prohibición das volantas O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade instar á Xunta para seguir mantendo unha posición firme e activa en defensa do acordo de prohibición das redes de enmalle á deriva e que se denuncie perante o Goberno central e a Comisión Europea calquera incumprimento que se puidese detectar. (Fonte: El Correo Gallego). O embaixador canadiano destaca Galicia na prespectiva da relación Canadá-España Por outra banda, o embaixador de Canadá en España, Alain Dudoit, destacou onte, tras se entrevistar co presidente da Xunta, a relevancia das relacións entre Galicia e o seu país, e cualificou de “moi importante” o lugar que ocupa a comunidade galega “na perspectiva dunha relación bilateral entre Canadá e España”. Fraga avanzou que prepara co embaixador canadense a celebración dun congreso sobre a especial relación dos pescadores galegos con Terranova. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Vigo gaña tráfico xeral a Portugal A atraente política de prezos portuarios e os planos no eido da loxística intermodal veñen de convence-la firma Oocl (Orient Overseas Container Line) para ubicar en Vigo unha das súas escalas de transporte de mercadorías por mar cara portos coma Rotterdam (Hol.) ou Goteburgo (Su.), en detrimento da terminal de Leixoes (Porto). Oocl cobre a fronte atlántica dende Lisboa e Vigo e enlaza dende Holanda con países do norte de Europa e varias repúblicas ex-soviéticas. O porto de Vigo mantén conexións por vía marítima con máis de 120 países dos cinco continentes. Nese senso maiormente Europa, non só a UE, e Latinoamérica, poden considerarse conectadas por auténticas pontes marítimas trazadas dende Vigo. (Fonte: La Voz de Galicia). Fadesa investirá seis millóns de euros na construcción do seu primeiro hotel fóra de España na localidade marroquina de Casablanca A compañía inmobiliaria galega Fadesa investirá seis millóns de euros na construcción do que será o seu primeiro hotel fóra de España, e que se situará na localidade marroquina de Casablanca. O novo establecemento será construído pola sociedade mixta Activ Hotel, da que Fadesa posúe o 75% e o 25% restante pertence á empresa marroquina Omici, un dos principais grupos empresariais especializado no sector da enerxía e a industria. Fadesa consolidase así como a quinta inmobiliaria en importancia de España. (Fonte: Santiago, AGN).
A Cámara de Comercio da Coruña agradeceulle á embaixada española en Tokío o seu labor en prol da exportación a Xapón O vicepresidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Fontenla e o secretario xeral da institución, Gonzalo Ortiz, reuníronse hoxe co embaixador de España en Tokío, Juan Leña Casas. A Cámara, organizadora da Exposición da Alimentación agradeceulle ó embaixador o pulo dado a esta acción promocional. A Exposición xa produciu gran expectación en Xapón, un mercado altamente rendible no curto prazo e moi interesado nos productos alimenticios españois. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea O pleno do Parlamento Galego debaterá a vindeira semana sobre a presencia de Galicia na UE O Pleno do Parlamento acollerá a vindeira semana un debate sobre a presencia de Galicia nos órganos de decisión da UE, sustentado en torno á proposición non de lei do BNG. O PSdeG, pola súa banda, introduciu outra proposición na que demandan a constitución dunha comisión non permanente de Asuntos Europeos e un “relatorio conxunto” para a participación e seguimento dos debates da Convención sobre o Futuro de Europa. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Anxo Quintana defenderá no Senado que os netos de emigrantes galegos obteñan directamente a nacionalidade dos seus avós A proposición da Lei de Nacionalidade inicia mañá o seu proceso de tramitación na Cámara Alta co debate das emendas. O senador do BNG Anxo Quintana defenderá mañá na Comisión de Xustiza do Senado que se posibilite ós netos dos emigrantes españois a posibilidade de obter de xeito directo a nacionalidade dos seus avós, sen ter que someterse previamente á Lei de Estranxeiría. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura O Congreso Hispano-Luso de Literatura Infantil e Xuvenil analizará en Santiago a incorporación das novas tecnoloxías A análise da narrativa actual e a promoción da lectura a través das novas tecnoloxías serán os temas centrais do Congreso, que se celebrará dende hoxe ata o vindeiro venres en Santiago de Compostela. (Fonte: Santiago, AGN).
O PSdeG denuncia “un 57% dos censados irregulares da diáspora” O senador socialista Luís Ángel Lago Lage denunciou onte que, segundo as últimas revisións do Censo de Residentes Ausentes, téñense detectado irregularidades nun 57% dos galegos inscritos, fronte a un 45% no conxunto de España. Os socialistas critican a “grande lentitude” e a “despreocupación do Goberno español” por garantir que o censo de emigrantes “sexa verídico e cumpra cos requisitos de garantía do dereito ó voto persoal, libre e secreto”. Lago sostén que hai “abondosas” duplicidades e que seguen figurando na listaxe persoas falecidas. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca A II Conferencia Mundial da Sardiña reclama a fin do despezamento da flota e o mantemento da especie pilchardus Representantes de tódolos países implicados na extracción e conserva da sardiña reúnense dende hoxe en Vigo para celebra-la II Conferencia Mundial desta especie coa intención de preservar esta industria estratéxica. A Conferencia prolongarase por espacio de tres días e nela, ademais de exposicións e actos paralelos, celebrarase unha reunión do Comité Internacional da sardiña pilchardus, así coma un encontro entre empresarios de España e Marrocos sobre mariscos e peixe. (Fonte: Vigo, AGN).
Galicia formará parte do festival francés de cinema español “Cinespaña” para promove-lo audiovisual da comunidade O vindeiro 12 de outubro o audiovisual e a cultura galega participarán na celebración da VII edición de Cinespaña, o Festival de Cinema Español en Toulouse. O Círculo Cultural de Galicia en Toulouse quere dar a este certame a máxima difusión posible, e espera que a presencia galega sirva coma “trampolín” para iniciar e prolonga-los esforzos de promoción e fomentar novos convenios audiovisuais entre Galicia e Francia. O Círculo Cultural de Galicia aproveitará o evento para inaugurar un novo centro cultural, O Instituto Castelao. A Xunta de Galicia é membro de dereito desta asociación, que aglutina ademais Casas de Galicia en Toulouse, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Castelao, entre outros. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade O milleiro de arxentinos en Vigo dispón dun novo club social Vigo é a cidade referente para os arxentinos que residen en Galicia. Xa o era ó contar coa maior colonia e o consulado xeral, pero agora o é aínda máis tras inaugurarse a nova sede do Centro Arxentino de Galicia. A colonia arxentina en Vigo está formada por preto dun millar de membros, ós que cumpriría engadi-los retornados e os nacionalizados. Segundo cálculos do consulado arxentino e do Ministerio de Exteriores, entre Galicia, Asturias e León hai unhas 50.000 persoas con relación directa co país austral. (Fonte: Atlántico Diario).
Fraga di que mantén e “manterá” a súa proposta de representación de Galicia perante os órganos da UE O presidente da Xunta manifestou hoxe que mantén e “manterá” a súa proposta de representación “selectiva” dende a súa posición “rexionalista non nacionalista” de Galicia perante os órganos da UE. Fraga negou que isto implique reformula-lo acordo parlamentario existente, senón que debe ser “interpretado correctamente”. Segundo Fraga, existe un acordo básico co PP e o Goberno en canto á representación de Galicia na UE, excepto no que atinxe a formar parte da delegación española. Durante esta semana o ministro de Administracións Públicas, Javier Arenas, reiterou que as autonomías non participarán nos consellos da UE e que o Estado debe se-lo interlocutor único na Unión. (Fonte: Santiago, AGN). Pesca Pesca atrasa a parada da flota de arrastre á espera da validación da UE e estudia pedir unha ampliación ata 2005 A Consellería de Pesca vai atrasa-lo período de aplicación da parada biolóxica da flota de arrastre do litoral ata que chegue a validación comunitaria da Orde que a regulamenta. A Consellería remitiu xa á Comisión Europea as informacións complementarias sobre os beneficios desta parada para a recuperación da pescada e está a espera de recibi-la confirmación neste mesmo ano. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Os analistas da Société Générale inclúen a compañía galega Inditex na súa lista de 15 valores preferentes das bolsas europeas Os analistas da firma Société Générale veñen de coloca-la compañía Inditex na lista dos 15 valores “preferentes” de tódalas bolsas europeas. A firma concede a cada acción da compañía galega un valor de 25,5 euros, outorgándolle un potencial de crecemento do 30%. Xunto a Inditex, aparecen prestixiosos valores do mercado bolsista coma Totalfina Elf, British Petroleum, Vodafone, ou Telecom Italia. (Fonte: Santiago, AGN). A petroleira italiana Eni expresa publicamente o seu interese por asociarse con Fenosa no negocio do gas natural A petroleira italiana Eni fixo público o seu interese pola compra de accións de Unión Fenosa para asociarse coa compañía enerxética galego-madrileña no negocio do gas natural. A parte de Eni, Totalfina Elf, BP, BG, Gaz de France e Shell tamén poderían competir por esta asociación. O novo socio deberá acometer xunto a Fenosa importantes proxectos entre España e Exipto, ademais da participación na construcción dun tren de licuefacción en Omán. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura A Cidade da Cultura obtén o mellor premio inmobiliario de Europa ademais de estar presente na Bienal de Venecia A Cidade da Cultura de Santiago vén de obte-lo Premio Barcelona Meeting Point 2002, que distingue o mellor proxecto inmobiliario nacional. Ademais, a Cidade da Cultura é xa un dos principais atractivos da Bienal de Arquitectura de Venecia, que está a celebrarse na cidade italiana dende o pasado día 8, e onde arquitectos de todo o mundo “amosaron a súa intención de visita-las obras”, segundo fontes da Consellería. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade O representante de Acnur apela en Galicia ó diálogo para evitar unha nova guerra contra Iraq O novo representante en España do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), Carlos Boggio, foi recibido esta mañá en Santiago polo presidente do Parlamento de Galicia, Manuel García Leira. Ángel Sucasas, representante de Acnur-Galicia acompaña a Boggio na súa xira polas institucións galegas “para conseguir apoios á causa dos refuxiados”. Durante o encontro tratáronse diversos proxectos de cooperación, así como a difusión de material informativo e a presencia de exposicións itinerantes. Respecto á situación internacional, Bobbio confía “no diálogo tanto na Asemblea Xeral coma no Consello de Seguridade da ONU” eviten a guerra. (Fonte: Santiago, AGN).
Un ano despois do 11-S: ¿Cómo afectaron os atentados á economía galega? A onda expansiva do 11-S vén afectando, pouco a pouco, á economía galega. Galicia ten hoxe 42.500 persoas máis sen emprego das que había en setembro de 2001. Este ano abríronse en Galicia 291 establecementos menos por mes có ano pasado. As dez compañías de capital galego que cotizan na Bolsa de Madrid valían onte 2.027,79 millóns de euros menos có 11-S do 2OO1. O Índice de Prezos ó Consumo disparouse ó 3,6% en Galicia, e véndense 30 coches menos por día, ademais de decrece-lo número de turistas e aterrar menos avións có ano pasado. (Fonte: La Voz de Galicia). Galicia convertese na primeira comunidade española en celebrar un cumio internacional homologado de ecoturismo en espacios de auga Galicia acollerá o vindeiro mes de outubro a Conferencia Internacional de Ecoturismo en Espacio de Auga -Ecoaqua-, polo que será a primeira comunidade en celebrar en España un cumio internacional homologado en materia de turismo ecolóxico. A iniciativa, desenvolvida pola Consellería de Medioambiente, servirá de marco a presentación internacional do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. (Fonte: Santiago, AGN). Pesca Varela e Miguélez representan ó Parlamento Europeo na reunión da Nafo en Santiago Os eurodeputados Daniel Varela, Rosa Miguélez e Struan Stevenson representarán o Parlamento Europeo na vixésima cuarta reunión anual da Nafo (Organización de Pesqueirías do Atlántico Norte), que se celebrará en Santiago de Compostela do 16 ó 20 de setembro. As reunións anuais da Nafo están destinadas principalmente á fixación das cotas de pesca da zona. (Fonte: El Correo Gallego). O acordo de pesca con Mozambique permitirá faenar en augas africanas a 18 atuneiros A Unión Europea asinará con Mozambique un acordo de pesca que permitirá a 18 atuneiros españois e 20 franceses faenar en augas africanas durante tres anos. Esta é unha información dada polo Goberno, respostando así a unha pregunta parlamentaria formulada polo deputado do Bloque Nacionalista Galego, Guillerme Vázquez. (Fonte: Santiago, AGN). Galicia denuncia que Canadá evita capturar fletán para recorta-la cota Coa moratoria do bacallao, o fletán negro é a principal prioridade para a flota conxeladora galega que faenaba en augas da Nafo. E os armadores non están dispostos a perder toneladas do seu total admisible de capturas (Tac): os profesionais galegos acusan a Canadá de non esgota-la súa cota de fletán negro “porque non lles interesa e, de paso, porque amola á flota e galega e portuguesa”. Que este ano as negociacións da Nafo se desenvolvan en Santiago de Compostela non constitúe unha vantaxe engadida, segundo os armadores. (Fonte: La Voz de Galicia). Portugal Portugal bloquea tódolos proxectos do AVE menos os do eixo Lisboa-Vigo O AVE ata Vigo é un dos poucos proxectos seguros que ten Portugal. O ministro de Obras Públicas luso, Valente de Oliveira, desvelou durante un congreso en Coimbra que o seu departamento bloqueou os estudios de tódalas liñas de alta velocidade, menos os correspondentes ós tramos que unen Lisboa, Porto e Vigo. Valente de Oliveira reunirase co seu homólogo español durante o cumio hispanoluso do vindeiro mes. (Fonte: La Voz de Galicia). A Cámara galega expresa o seu rexeitamento unánime á reforma Os tres grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, PPdeG, BNG e PSdeG, apoiaron onte unanimemente unha proposición non de lei que expresa a oposición da Cámara á reforma da PCP e demanda a declaración da comunidade como zona altamente dependente da pesca. (Fonte: Santiago, AGN).
Miras reclama a “unidade” do PPdeG, PSdeG e BNG porque “os emigrantes galegos necesitan vernos unidos” O conselleiro de Emigración reclamou hoxe perante o pleno do Parlamento galego a unidade dos tres partidos políticos do arco parlamentario autonómico perante os problemas da comunidade galega na emigración. Miras Portugal recibiu no debate o respaldo de socialistas e nacionalistas para a “acción exterior” de Galicia, aínda que a oposición reclamou unha maior implicación do Goberno central e da UE con este colectivo. (Fonte: Santiago, AGN). O coordenador da Xunta na Arxentina anuncia un comité de axuda para os galegos que non teñen contacto coa colectividade A Xunta impulsará un comité de apoio para que os galegos residentes na Arxentina que non teñan contacto coa colectividade galega e as súas institucións poidan gozar das axudas habilitadas polo Goberno galego, segundo anunciou hoxe o coordenador da Xunta no país austral, Avelino García Maelle, tras reunirse co titular do Executivo galego, Manuel Fraga. Os representantes de varias asociacións galegas na Arxentina visitaron esta mañá ó presidente da Xunta para exporlle a situación da colectividade galega. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración e a Asociación de Consumidores Galegos editarán unha guía de consumo dirixida a emigrantes retornados O conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior, Aurelio Miras, e o presidente da Asociación de Consumidores Galegos, Juan Carlos Ulla, asinarán mañá un convenio de colaboración para a elaboración e edición dunha guía para emigrantes retornados. A asociación comprométese a través deste convenio a informar semestralmente á Consellería durante os vindeiros catro anos das incidencias que se puidesen rexistrar respecto dos fenómenos de retorno e consumo, así como a realizar delas estudios e avaliacións que ben poderían dar lugar a novas actuacións conxuntas. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Fraga e a embaixadora bosnia buscan vías para mellora-las relacións comerciais entre Galicia e Bosnia-Herzegovina O presidente da Xunta, Manuel Fraga, e a embaixadora de Bosnia-Herzegovina en España, Daria Krsticevic, mantiveron unha reunión no Parlamento na que buscaron vías para posibilita-lo estreitamento dos lazos comercias entre ambos países. Fraga e Krsticevic aseguraron que é posible colaborar en diversas materias, en especial a raíz das negociacións que o país balcánico está mantendo coa UE para asociarse co mercado europeo. (Fonte: Santiago, AGN).
A flota de baixura di que Fischler establece igual recorte que a Xunta A flota de baixura galega asiste cunha mestura de abraio e indignación ó debate sobre a proposta de reforma da PCP. Mesmo prazo, idéntica porcentaxe... os pescadores pregúntanse que diferencia hai entre a reducción do 40% para a flota de baixura que propuxo o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, e a que a finais de abril suxeriu o comisario europeo para os buques que faenan en augas comunitarias. (Fonte: La Voz de Galicia). Emigración Os emigrantes recibirán formación para desenvolver fórmulas de autoemprego Os emigrantes que retornen a Galicia e desexen crear os seus propios postos de traballo mediante fórmulas de autoemprego recibirán formación a través dun programa de asesoramento de xestión empresarial que pon en marcha as consellerías de Familia e Emigración, a Fundación Incyde para a Creación e Desenvolvemento de Empresas, e a Cámara de Comercio de Santiago. Un equipo de consultores encargarase de forma-los futuros emprendedores no país no que os emigrantes galegos ou os seus descendentes estean residindo. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Encarna Otero encabeza a delegación que exporá en Roma experiencias de rehabilitación da zona histórica compostelá A primeira tenente de alcalde e conselleira de rehabilitación da zona histórica, Encarna Otero, participa en Roma nas xornadas “Economía Innovadora e Desenvolvemento Local”, enmarcadas no programa comunitario “Finestra”. Otero encabeza a delegación compostelá que exporá as experiencias de rehabilitación da zona vella de Santiago. (Fonte: Santiago, AGN). A UIMP enmarca o inicio da súa programación en Pontevedra con un curso sobre o mundo musulmán tralo 11 de Setembro A Universidade Internacional Menéndez Pelayo abriu esta mañá a súa programación estival na cidade de Pontevedra co curso “O mundo musulmán tralo 11 de Setembro”. Ó redor de 400 alumnos e 100 profesores participarán no encontro, que abrangue un total de 11 cursos. (Fonte: Santiago, AGN). Máis de 350 expertos mundiais participan en Santiago nun congreso sobre nanopartículas O congreso Internacional “Tendencias na Nanotecnoloxía 2002” celébrase entre hoxe e o vindeiro venres na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, un dos patrocinadores ademais da Xunta e a Nasa. A nanotecnoloxía, ciencia para a creación de dispositivos de millonésimas de milímetro, é un campo onde os países máis desenvolvidos están investindo grandes cantidades económicas polas súas múltiples aplicacións en informática, microelectrónica, loxística militar ou medicina. (Fonte: El Correo Gallego).
O BNG leva á Cámara a súa proposta para regulamenta-la presencia de Galicia na UE A Executiva do BNG aprobou onte a presentación no Parlamento dunha proposición non de lei para regulamenta-la presencia da Comunidade na UE. A iniciativa inclúe a conformación de Galicia coma circunscrición eleitoral nos comicios europeos, e máis que Galicia estea presente na delegación estatal nos Consellos de Ministros da UE a través dunha representación paritaria entre o Estado e as Comunidades. Beiras sinalou a necesidade de establecer sistemas de representación das comunidades en función das materias, de xeito que Galicia ostentase a representación en pesca, sector lácteo e gandeiro de carne, en política forestal e téxtil. (Fonte: El Correo Gallego). O PSdeG promove a creación dun relatorio para a participación de Galicia na “Convención sobre o futuro da UE” Os socialistas galegos veñen de presentar no Parlamento unha proposición non de lei para a creación en Galicia dun relatorio conxunto para a participación e o seguimento dos debates da “Convención sobre o futuro da Unión Europea”. O obxectivo desta proposta é que Galicia “sexa representada na UE”, segundo manifestou Touriño, quen sinalou tamén que se trata “dun relatorio estable que recupere a iniciativa e mobilice a sociedade galega” xa que é importante “a presencia activa de Galicia en Europa”. (Fonte: Santiago, AGN). Dous inspectores da UE visitarán a conserveira Fribal en Corrubedo A Plataforma para a Defensa Medioambiental de Corrubedo anunciou onte que no transcurso deste mes dous inspectores da Unión Europea visitarán Corrubedo para analiza-las queixas veciñais contra a empresa Fribal S.L. A Plataforma anunciou que volverán informar da situación ó Valedor do Pobo, ó Defensor del Pueblo e á mesma UE, onde tanto eles como o PSOE e o BNG presentaron denuncias sobre a actividade de Fribal. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior O Foro Iberoamericano da Saúde colabora en investigación O Consello da Xunta acordou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Foro Permanente Galego Iberoamericano da Saúde, que pretende establecer un marco de colaboración que se desenvolva no marco xeográfico de actuación da entidade, que abrangue Portugal, Latinoamérica, os países de Europa do Leste e África. (Fonte: El Correo Gallego).
Lugo aumentou nun 30% a súa relación comercial con Portugal As relacións comerciais entre Lugo e Portugal tiveron no primeiro semestre deste ano un saldo comercial positivo para a provincia de 6,4 millóns de euros. Neste período incrementáronse as relacións comerciais co país luso en case un 30% respecto o ano pasado, segundo informou a Cámara de Comercio Lucense. O sector pesqueiro é o que figura á cabeza en transaccións comerciais. (Fonte: El Correo Gallego). Política O Bloque, contra un eventual ataque contra Iraq O deputado do BNG Guillerme Vázquez presentou unha proposición non de lei no Congreso para que España se posicione contra un hipotético ataque militar de USA contra Iraq. (Fonte: El Correo Gallego). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 2002: agosto | xullo | 15-30xuño | 01-14xuño | maio | abril | marzo | febreiro | xaneiro | |
| 2001: 4ºtrimestre | 3ºtrimestre | |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/10/2002
|