Diario Exterior / agosto de 2002

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, politicos, etc.
   
31/08/2002
Economía
A World Fishing inicia en Islandia a súa presentación internacional
Unha delegación do Comité Executivo da World Fishing Exhibition, encabezada polo alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, desprazarase a Islandia para presenta-la mostra na Icelandic Fisheries Exhibition, que se celebrará na cidade islandesa de Kopavogur dende o 4 ó 7 do vindeiro mes de setembro. Os integrantes da delegación entrevistaranse coas autoridades e representantes da industria pesqueira islandesa, estando prevista ademais unha visita do presidente islandés, Olafur Grimsson, ó pavillón da WFE.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

O BNG cre que o acordo de pesca acadado en Johannesburgo beneficiará á flota de Galicia
O BNG apoia o proxecto de recuperación de caladoiros de pesca tratado esta semana no Cumio da Terra de Johannesburgo. Camilo Nogueira, que vén de regresar da cidade sudafricana, afirmou que a medida non vai prexudicar a Galicia, posto que vai dirixida contra a flota depredadora e os buques de bandeira de conveniencia, “que en principio non son da UE, e moito menos os galegos”. Tanto Nogueira como Beiras cren imprescindible o acordo para asegura-lo futuro do sector pesqueiro galego que se vería “moi beneficiado”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
29/08/2002
Emigración
Novas autoridades no centro de Bos Aires
En Asemblea Ordinaria de Socios, que se celebrará mañá, será proclamada a lista única presentada para dirixi-lo Centro Galego de Bos Aires. Nesta lista presentada polas organizacións estatutariamente recoñecidas: A Terra, Breogán, Celta, Galicia, e Unión Galega, para o anovamento parcial da Xunta Directiva e outros órganos estatutarios, ocupa o cargo de presidente Rogelio Ucha Alonso.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Acción Exterior
Beiras participa nas actividades paralelas ó Cumio de Johannesburgo falando da xestión municipal
Os representantes do Bloque, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, participan hoxe nas sesións sobre gobernabilidade local organizadas polo Consello Internacional sobre Medioambiente Local (ICLE). Ámbolos dous basearon as súas intervencións na súa experiencia na xestión de concellos en Galicia e reclamaron a importancia da representatividade municipal neste tipo de cumios, xa que estas autoridades son as que coñecen máis de preto os problemas das comunidades.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Terras Gauda recibe unha medalla de ouro na XI edición de Vinoforum que se celebrou en Eslovaquia
O albariño “Abadía de San Campio” das bodegas Terras Gauda recibiu a medalla de ouro na categoría de viños brancos de variedades non aromáticas na XI edición de Vinoforum e a III edición de Vinofest celebrado en Bratislava, Eslovaquia, do 19 ó 23 de maio. Terras Gauda conta cun importante volume de vendas en EEUU, Alemaña e Suíza.
(Fonte: Santiago,
AGN).
27/08/2002
Cooperación Exterior
A Consellería de Emigración destinará máis de 60.000 euros para o desenvolvemento de comunas deprimidas de Chile
Emigración vén de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Eduardo Frei para a realización de proxectos de desenvolvemento comunal en vinte colectividades deprimidas de Chile. Estes proxectos xéranse dende as mesmas comunidades beneficiarias e son sufragados mediante un sistema que garante a cofinanciación e corresponsabilidade na xestión, gracias ó sistema de Fondos de Desenvolvemento Veciñal (Fondeve).
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Galicia é a sexta comunidade española que máis exportou durante os cinco primeiros meses do ano
Segundo datos aportados polas cámaras de comercio, as vendas galegas ó exterior tiveron un valor de 4.033 millóns de euros, sendo Francia o principal destinatario. Con estas cifras semella que as exportacións galegas superarán ás do ano pasado, xa que en todo 2001 Galicia exportou por valor de 9,2 millóns de euros. Galicia exporta, sobre todo, vehículos, peixe e crustáceos, ademais de prendas e complementos de vestir.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A Semana Internacional da Moda contará coa presencia de 33 empresas galegas
A Semana Internacional da Moda (Madrid, 30 agosto-2 setembro) contará coa presencia de 33 empresas do téxtil galego, segundo confirmou hoxe a Consellería de Industria. A Dirección Xeral de Comercio traballa actualmente na organización dunha mostra, denominada ExpoModa de Galicia, para a promoción do sector; a primeira edición do certame terá lugar en México do 8 ó 10 de outubro e conta xa coa participación confirmada dunha vintena de empresas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
O Camiño como Patrimonio da Humanidade cumprirá en 2003 o seu décimo aniversario cun incomparable éxito de peregrinos
A Consellería de Cultura espera acada-los 6 millóns de turistas para o Xacobeo 2004 e así supera-los 4,3 millóns do pasado ano. Turiespaña e as comunidades autónomas por onde discorre a rota aportarán 900.000 euros para promociona-lo Camiño e o Xacobeo 2004. En canto ó número de visitantes estranxeiros, os peregrinos franceses son os máis asiduos, seguidos por alemáns e italianos. Hai unha década a cifra roldaba os 3.000; o ano pasado 22.000 peregrinos pasaron por Santiago.
(Fonte: Santiago,
AGN).
26/08/2002
Acción Exterior
“O BNG representa a Galicia como nación sen Estado no Cumio de Johannesburgo”, afirma Xosé Manuel Beiras
O voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego afirmou hoxe en Johannesburgo que o BNG representa a Galicia como nación sen Estado no Cumio de Nacións Unidas sobre o Desenvolvemento Sustentable. Beiras asistiu como convidado, xunto co eurodeputado Camilo Nogueira, á inauguración deste evento, e reiterou que era “lamentable” que Galicia non estivese representada pola Xunta, ó contrario do que acontece con outras “nacións sen Estado”. Beiras sinalou que “será o BNG quen se encargue de representar ó noso país nun foro internacional”.
(Fonte: Santiago,
AGN).
25/08/2002
Acción Exterior
Beiras lamenta o cativo interese polo Cumio da Terra de Johannesburgo
O voceiro nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, lamentou onte o que considerou falla de interese dos gobernos galego e central, así como a “nula” participación do PSOE no Cumio da Terra. A delegación do BNG, formada por Beiras e Nogueira, continua en Johannesburgo participando nas conferencias paralelas ó cumio, organizadas polo grupo Verdes-Ale (Alianza Libre Europea). A axenda en Johannesburgo inclúe hoxe unha conferencia sobre Cooperación Descentralizada na que estarán representadas Galicia, Catalunya, Euzkadi, Andalucía, Flandes, Quebec e Gales.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Emigración destaca a resposta galega ante a crise arxentina
A Consellería de Emigración destacou onte a “resposta masiva” da sociedade galega (diversas ONGs, universidades, empresas, colexios, e outras institucións) ante a grave situación económica que atravesa Arxentina. Emigración lembra que ten en marcha un conxunto de accións que tratan de atallar, na medida do posible, algúns dos problemas que afectan non só á colectividade galega na Arxentina, senón ó conxunto da poboación. O Departamento de Emigración subliñou tamén a posta en marcha das fundacións Galicia Emigración e Galicia Saúde.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A Fundación Barrié iniciará un estudio para evita-la fuga da industria auxiliar ó estranxeiro
O Banco Pastor, a través do seu principal accionista, a Fundación Barrié de la Maza, vén de da-lo primeiro paso para promove-la creación dun Clúster do Téxtil en Galicia. O profesor Jorge González Gurriarán será o encargado de organizar un seminario para afondar nas posibilidades económicas e industrias do sector. O proxecto conta de antemán co apoio dos sindicatos CIG, CC.OO e UXT, que consideran crucial a elaboración dun plano que evite a fuga da industria téxtil cara os países do Terceiro Mundo con man de obra máis barata.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Cooperación Exterior
O xefe de Ensinanzas Marítimo Pesqueiras da Xunta asiste en Namibia á inauguración das novas instalacións de Pesca
O Xefe da Sección de Ensinanzas Marítimo Pesqueiras da Xunta, Daniel López, desprazouse a Namibia, para coordena-lo proxecto do novo Instituto Naútico-Pesqueiro de Walvis Way, e asistir á inauguración das instalacións dunha organización pesqueira artesanal que conta co asesoramento previo da Xunta. No decurso da visita o representante da Xunta aproveitará tamén para manter contactos co ministro de Pesca e outros técnicos e autoridades namibias.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
Unha revista publicada en Singapur inclúe unha reportaxe sobre o Camiño de Santiago
A revista “Prestige”, de Singapur, publica no seu último número unha ampla reportaxe de seis páxinas sobre a Rota Xacobea e a cidade de Santiago, na que enxalza os valores artísticos, históricos, culturais e sociais do fenómeno das peregrinacións a Compostela. Este traballo contou co apoio da Consellería de Cultura, a través de Turgalicia, e da Oficina de Turismo de España en Singapur. Segundo a Consellería a publicación vai dirixida a un público viaxeiro de alto nivel adquisitivo.
(Fonte:
El Correo Gallego).
24/08/2002
Acción Exterior
O BNG presentará no Cumio de Johannesburgo a súa postura sobre a política pesqueira da Unión Europea
O Cumio Mundial de Desenvolvemento Sustentable de Sudáfrica botou a andar con presencia galega. Unha delegación do Bloque, composta polo seu voceiro nacional, Xosé Manuel Beiras, e o eurodeputado Camilo Nogueira, participará nos debates do encontro. Entre outros temas, exporán as súas discrepancias coa reforma da PCP, que tamén afecta ós países africanos, o acceso ós recursos enerxéticos, a contribución da UE ó desenvolvemento sustentable ou o acceso gratuíto á sanidade pública.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
O conselleiro de Emigración e coordenador nacional do Departamento de Emigración da CIG abordan os problemas da comunidade galega no exterior
En declaracións a El Correo Gallego, Pérez Leira, coordenador de Migración da CIG, manifestou ter mantido co conselleiro un diálogo “constructivo” no que ambas partes se amosaron interesadas en afronta-la análise sobre a situación da emigración galega no exterior, así como ó que atinxe á realidade dos retornados e dos seus descendentes. Leira opina que é necesaria unha “coordenación moito máis plena entre as diferentes administracións e os sindicatos” porque as familias que retornan atopan ó chegar “moi pouca información, falla de asesoramento e dificultades de inserimento no mercado laboral”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
A expectativa de negocio en Galicia está entre as dez mellores de Europa
Galicia sitúase sexta na xerarquía rexional comunitaria de confianza empresarial, segundo un estudio realizado polas Cámaras de Comercio de toda a UE. Nel sinálase como as perspectivas son máis favorables nas empresas de maior tamaño e nas que realizan actividades de servicios, e destácase o dinamismo exportador do sector industrial. Outro dos datos recollidos é que o PIB galego (+2,8%) terá este ano un crecemento superior ó de España (2%) e a UE (1,6%), feito que potenciará o proceso de converxencia real da economía galega coa española e europea.
(Fonte:
El Correo Gallego).

A moda paga soldos ata 25 veces máis baratos se cose fóra de Galicia
As grandes industrias galegas da moda pagan salarios ata 25 veces máis baratos se confeccionan en Asia, Norte de África e América Latina. Indonesia, China e Paquistán, os países con maior explotación laboral e man de obra máis barata, están a recibir unha choiva de encargos, tanto dos grupos galegos coma do resto de Europa. Para rachar co proceso de deslocalización téxtil (menos do 40% da roupa vendida o pasado ano polas firmas galegas estaba feita en Galicia), os sindicatos proporán á Consellería de Industria que promova a creación do Clúster do Téxtil de Galicia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
23/08/2002
Emigración
Compostela engorda o seu censo con cen emigrantes “legais” retornados
En 2000 as altas de inmigrantes contabilizadas no padrón de Santiago acadaron a cifra de 2.317 persoas, un cento máis có ano anterior. A gran demanda de asesoramento que está a atende-lo Departamento de Emigración da CIG en Santiago -que pide á Administración un plano rector do retorno- non é unha excepción, pois se augura que este ano se triplique o retorno do 2001, cifrado en Galicia en 8.716 persoas. Santiago é, detrás de Vigo, o segundo destino elixido polos que voltan á terra coa que teñen algún vencello familiar.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
O téxtil “tentará” deixar en Galicia a producción de maior calidade
No 2001, as importacións do sector téxtil galego superaron ás exportacións por un importe de 129,16 millóns de euros. As quince maiores industrias da moda de Galicia veñen de comprometerse a tentar manter na comunidade o 50% da súa producción de prendas téxtiles. J.A Bahamonde, Director da Asociación de Pemes Galegas do Téxtil, opina que os talleres só terán unha oportunidade de sobrevivir á globalización da producción ao especializarse en tiradas máis curtas, ou ben deseñan as súas propias coleccións.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
22/08/2002
Emigración
Máis de 1.300 emigrantes retornados a Galicia recibiron o subsidio por desemprego durante o primeiro trimestre do ano
Un total de 1.368 emigrantes galegos retornados recibiron o subsidio por desemprego durante o primeiro trimestre do ano, segundo datos do Ministerio de Traballo. Galicia foi a primeira comunidade que rexistrou un maior número de emigrantes retornados que cobraron esta prestación. A cifra de emigrantes retornados a Galicia durante 2001 foi de 8.500 persoas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Caixanova reuniu nos encontros de emigrantes máis de 7.000 asistentes
Caixanova celebrou onte na Rúa, Ourense, o último dos seus tradicionais encontros deste ano adicados ós emigrantes galegos coa asistencia de máis de 1.300 galegos residentes no exterior oriúndos da zona, procedentes maioritariamente de Francia. En total foron máis de 7.000 os emigrantes galegos clientes da caixa de aforros que se reuniron nestes “Encontros cos Galegos do Exterior”, xornadas festivas organizadas por Caixanova que reúnen emigrantes galegos que visitan Galicia no verán.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

As inundacións en Centroeuropa non causan danos á colonia galega
As inundacións que afectaron estes días a países de Centroeuropa non provocaron danos na poboación emigrante galega residente na zona, segundo confirmou onte o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal. Nunha entrevista para a TVG, o conselleiro referiuse tamén á situación dos galegos en Latinoamérica. En canto a Uruguai, afirmou que a situación é diferente á árxentina, e destacou que o sector empresarial galego “vaise defendendo”. Augurou, pola contra, malos tempos para os pequenos comerciantes, polo que anunciou que o Goberno central, a pedimento da Xunta, enviará axudas que se engadirán ás do Executivo autonómico.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Pesca
O Oceanográfico regresa ó Gran Sol para avalia-los recursos
O Instituto Español de Oceanografía (IEO) iniciará mañá unha campaña en augas do Gran Sol, ó oeste de Irlanda, para determina-los stocks de especies coma a pescada, o gallo, rape ou lagostino, de gran interese para a flota galega que faenaba nestas augas, xa que supoñen o principal sustento dun sector ameazado polos recurtes de cotas propostos pola CE. Esta misión, que partirá de Vigo, será determinante para que a Comisión de Pesca da Unión Europea fixe as cotas destas especies e servirán de referencia para defender unha ou outra postura ante a Unión Europea.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
A moda galega dobra a súa producción no estranxeiro para abaratar custos
A moda galega xa emprega máis traballadores fóra que dentro de Galicia e produce máis da metade da súa roupa no estranxeiro. Mentres ducias de industrias auxiliares téxtiles de Galicia anuncian peches e despedimentos por falla de traballo, entre 1999 e 2001 as marcas galegas duplicaron o número de prendas que encargan para confeccionar en países con man de obra barata (Marrocos, Romanía, Perú, Paquistán, India, Malaisia). Os empresarios sinalan que a deslocalización prexudica ós máis de 400 talleres de confección instalados en Galicia, e sinalan como única solución que o Goberno central ou a UE establezan aranceis para a importación de roupa confeccionada noutros países.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía-Portugal
Os comerciantes guardeses urxen a creación dunha ponte internacional
O feito de que o transbordador entre A Guarda e Caminha leve unha semana parado por avaría motivou que a presidenta da asociación de empresarios e comerciantes da Guarda reclamase hoxe a creación da ponte internacional para manter unidas estas dúas localidades históricas polas súas relacións sociais e económicas. Cómpre lembrar que o último pleno guardés tomou o acordo de instar ás administración competentes a que se iniciasen os trámites para construír a ponte internacional entre A Guarda e Caminha, infraestructura que permitiría desconxestiona-lo servicio do transbordador.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Cultura
Mayor Zaragoza participará en Pontevedra no seminario “Un mundo novo” do 24 ó 27 de setembro
O presidente da Fundación Cultura da Paz e ex-director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, inaugurará o 24 de setembro en Pontevedra o seminario “Un mundo novo” organizado pola UIMP, nunha xornada que contará tamén coa participación do ex-presidente portugués Mario Soares, o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel, e o director da UIMP, Ramón Villares. O curso pretende fomenta-la educación e a investigación para a paz, así coma repensa-las bases da convivencia pacífica e democrática entre so seres humanos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cinco compañías galegas participan nun festival teatral en Mozambique
Cinco compañías de teatro galegas participarán no Festival Internacional D´agosto 2002 que se está a celebrar en Maputo (Mozambique) dende onte e ata o 31 de agosto. Aproximadamente un cento de artistas de toda Europa participarán neste acontecemento sen precedentes na historia mozambicana, xa que é a primeira vez que este certame anual invita a creadores de Europa e doutras partes do mundo a participar na súa cultura. A edición deste ano conta cun fin humanitario, a axuda na loita contra a Sida neste país.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
21/08/2002
Emigración
Miras Portugal asegura que non tódolos galegos emigrados obteñen o pasaporte español coa intención inmediata de retornar
Non tódolos emigrantes galegos, e os seus descendentes, que desexan obte-lo pasaporte español o solicitan coa intención de retornar. Ter un pasaporte da Unión Europea é un “pequeno seguro” para os galegos da diáspora xa que, entre outras cousas, lles permite entrar nos Estados Unidos sen necesidade de visado, explicou Miras Portugal. O conselleiro destacou a importancia da información recompilada na “Guía para emigrantes retornados” realizada pola Xunta, xa que ”a xente emigrada vén moi desinformada”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A Xunta nega que desaparecese o envío de axuda humanitaria a Arxentina
“Mala fe”. Así define a Xunta de Galicia as críticas verquidas pola socialista Marisol Soneira respecto ó posible extravío dunha axuda humanitaria de conservas destinada a Arxentina. Segundo un comunicado de prensa da Consellería de Emigración, non houbo ningunha desaparición, e só unha pequena porcentaxe de latas non se entregaron a causa do seu mal estado. En canto ó volume da axuda, os encargados da Xunta explicaron a Soneira que este non estaba dirixido só á comunidade de galegos na república austral, senón que tamén tiña coma obxectivo ó pobo arxentino en xeral, e ós nenos da zona do Gran Bos Aires, en particular.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Unión Fenosa negocia a venda da metade da súa división gasista a algún dos grandes grupos europeos
A compañía galega Unión Fenosa está negociando a venda da metade da súa división de gas a algún dos grandes grupos europeos do sector. Ó parecer as negociacións se están levando a cabo con empresas tan importantes coma BP, British Gas, Shell, TotalFina, Elf, ou Gaz de France. Calquera delas podería axudar a Unión Fenosa a facer fronte ós 3.392 millóns de euros que ten previsto investir no sector gasista ata 2004. As previsións apuntan a que Fenosa poderá facerse co 20% do negocio do gas natural en Galicia gracias ós seus contratos con Exipto e Omán.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
Un barco galego explora novos caladoiros en Costa d'Ivoire
Un vello cefalopodeiro con base en Marín partiu recentemente para explora-la viabilidade comercial do marisco no caladoiro de Costa d'Ivoirel, un país novo para a flota galega. Armadores galegos tamén recolocaron outro cefalopodeiro en Mozambique, e dous pesqueiros máis atópanse faenando en Sudáfrica baixo a fórmula de empresas mixtas. Esta última é unha alternativa pouco desexada polos armadores porque supón desprenderse dos dereitos absolutos sobre os seus buques. Tralas experiencias decepcionantes no Magreb e Brasil, os armadores da vella flota cefalopodeira buscan agora novos caladoiros en África.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
20/08/2002
Sociedade
A Universidade de Santiago será sede da Asemblea Xeral da Unión Matemática Internacional en 2006
A Universidade de Santiago será a sede da Asemblea da UMI no 2006, mentres que Madrid acollerá ademais a Conferencia Internacional de Matemáticas tralo acordo acadado con Shanghai a pasada semana. A Asemblea Xeral da UMI reunirá a 250 delegados e matemáticos de diferentes países nun encontro que servirá para decidi-la concesión das Medallas Fields, equivalente dos Premios Nobel no eido matemático.
(Fonte: Santiago,
AGN).
19/08/2002
Unión Europea
Galicia será a encargada de intensifica-la cooperación entre as 16 oficinas rexionais españolas en Bruxelas
Galicia será a encargada, a partir de setembro, de pór en marcha un novo modelo de cooperación entre as 16 oficinas rexionais españolas en Bruxelas. As oficinas rexionais asinantes márcanse coma obxectivo intensifica-las relacións e mellorar sistemas de información, ademais de potencia-los recursos humanos. A oficina de coordenación, neste caso a Fundación Galicia-Europa, terá que elabora-lo programa de traballo así coma un balance dos resultados.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
A Xunta publica a “Guía para emigrantes retornados”
A Xunta quere que o retorno a Galicia dos emigrantes sexa froito da reflexión e non da desesperación que está ultimamente a provoca-la situación de crise que se vive en varios países. Por iso, a Consellería de Emigración e Cooperación Exterior presenta o libro “Guía para emigrantes retornados”, que pretende ofrecer, a todo o que queira voltar a Galicia, unha información axeitada e real da situación da comunidade. Emigración encargarase de distribuír este volume ó resto das consellerías, ós concellos e ós centros galegos e consulados dos países cunha maior presencia de galegos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Incolsa e a USC viaxan a Brasil para promover formas de desestaciona-lo turismo
Incolsa e a Universidade de Santiago de Compostela participan esta semana na Feira Profesional de Turismo do Brasil, que se celebra en Recife, para promover formas desestacionalizadoras da oferta turística, como o turismo cultural, relixioso, idiomático e de congresos. O evento supón unha oportunidade para dar a coñece-la oferta de Compostela ó mercado sudamericano, explica Incolsa.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Deseñan o primeiro método para aprender galego dende o inglés
O mugardés Gabriel Rei-Doval, que traballa dende 2000 coma profesor en Birminghan, elaborará, en colaboración con outros profesores da súa universidade e da de Oxford, o primeiro método de aprendizaxe do galego dende o inglés. Segundo asegura “isto non só permite abrirlle as portas ó galego ó falante inglés, senón a xente doutras moitas linguas”, xa que o inglés funciona a miúdo como idioma ponte para acceder un terceiro. Birminghan e Oxford foron, a principios dos 90, das primeiras universidades estranxeiras en incluí-lo galego nos seus programas de estudios; na actualidade son máis de medio cento as que o ofrecen na súa oferta.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O festival de cinema español de Toulousse adica un día a Galicia
Cinespaña, o festival de cinema español de Toulousse (Francia), adicará este ano unha xornada á producción audiovisual galega, día no que tamén se promoverán a cultura, o turismo e a gastronomía de Galicia. Segundo informou o Círculo Cultural de Galicia, colectivo con sede na cidade francesa que ten como obxectivo a promoción da cultura galega en Francia e nos demais países de Europa, Cinespaña acollerá o día 16 de outubro a proxección de cinco curtametraxes e tres longametraxes galegas. Ademais o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) contará cun pavillón no festival.
(Fonte:
El Correo Gallego).
18/08/2002
Política-Emigración
O PSdeG advirte das dificultades dos emigrantes que non contan con centros galegos de asistencia sanitaria
O PSdeG interesouse hoxe, por medio dunha interpelación parlamentaria, pola situación dos emigrantes galegos que viven en zonas de países latinoamericanos en crise e que non contan con centros galegos de asistencia sanitaria. Os socialistas destacan as axudas da Administración galega cara centros coma o de Bos Aires ou o de Montevideo, pero lembran que “hai moitos centros asistencias” usufructuados por galegos que non contan co apoio de ningunha administración. Por iso, pregúntanlle ó conselleiro de Sanidade polos obxectivos da Xunta en materia sanitaria para os emigrantes galegos, e se está previsto estende-las axudas ó conxunto dos centros asistencias das entidades galegas no exterior.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía-Portugal
Galicia realiza 35.478 exportacións a Portugal
Portugal convértese nun dos destinos preferidos polos galegos como destino dos seus productos, tal como consta na base de datos de comercio exterior das cámaras. Este ano realizáronse 35.478 operacións a Portugal, por un valor total de 655 millóns de euros. Esta cifra supón o 33,10% das exportacións realizadas polas empresas galegas. Tamén nas importacións que realiza Galicia o maior número de operacións é con Portugal, con 11.246 vendas por 392 millóns.
(Fonte:
El Correo Gallego).
16/08/2002
Emigración
Case 1.400.000 galegos fan patria fóra das fronteiras de Galicia
Segundo datos ofrecidos pola Xunta, a maioría dos emigrantes galegos residen nalgún país latinoamericano, onde a cantidade rolda as 600.000 persoas, mentres que en Europa o número de emigrantes galegos é de 248.000, ós que cumpriría engadir os preto de 525.000 galegos que residen noutras comunidades autónomas. Dentro de Europa o destino maioritario da emigración galega segue a ser Alemaña, onde residen máis de 90.000 galegos. En América, as comunidades galegas en América son especialmente numerosas na Arxentina (330.000), Venezuela (100.000), Brasil (95.000) e Uruguai (36.000) pero tamén México, Panamá, Cuba, Chile e Puerto Rico albergan comunidades representativas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política-Unión Europea
Fraga defende no seu libro “Impulso Autonómico” a participación das comunidades nos órganos da UE
O titular da Xunta considera que a realidade plural que constitúe Europa maniféstase pola presencia no seu interior de estados, rexións e nacionalidades diversas que gozan dun recoñecemento xurídico e político. Por iso argumenta que uniformizar esta realidade sería emprender “unha construcción europea artificial”. En “Impulso Autonómico” Fraga destaca ademais a importancia de artellar a participación das comunidades autónomas na Unión Europea. Defende, nese senso, a participación dos representantes das comunidades nos órganos da Unión, e a representación ou presencia das autonomías na actuación de España en Bruxelas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Galicia lidera a exportación en téxtil, agroalimentación e pesca
Galicia é a primeira comunidade exportadora de peixe -44% do total español-, e tamén en conservas, xa que a venda ó exterior representa o 52,8%. Segundo cifras aportadas pola Consellería de Industria, a internacionalización na que está mergullada a industria galega está tendo unha especial repercusión nalgún dos sectores máis tradicionais, como é a industria alimentaria. Á marxe do agroalimentario, o téxtil galego experimentou un maior crecemento en facturación e vendas ó exterior. A balanza comercial galega experimentou no primeiro trimestre do ano un superávit de 262 millóns de euros, que se acadou ó exportar por valor de 2.411 millóns e importar só por 2.149.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pescanova recorrerá a suba das licencias pesqueiras en Chubut, Arxentina
O xerente de Argenova, filial de Pescanova na Arxentina, asegurou onte que recorrerá a lei das autoridades da provincia arxentina de Chubut que establece un incremento do custo dos permisos de pesca que aboan as firmas que operan na zona. Pola súa banda, o Conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, advertiu onte que a medida tomada polas autoridades arxentinas “encarece as exportacións e dana o producto”, e que esta política “acaba freando o investimento”, en especial de firmas galegas que estudiaban a zona para establecerse nela.
(Fonte:
El Correo Gallego).

“A dependencia enerxética galega do exterior chega ó 80%”
Juan Caamaño, director do Instituto Enerxético de Galicia, afirma que aínda falándose moito de que Galicia exporta moito, “cómpre ter en conta que en realidade se traen productos do exterior que logo se transforman para seren exportados, “polo tanto non somos excedentarios de enerxía eléctrica”. Caamaño pensa por iso que é necesario facer un consumo responsable, á vez que subliña que “utilizamos productos maioritariamente non renovables que non poderán aproveitar as xeracións futuras”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
15/08/2002
Política-Emigración
A Deputación Permanente rexeita celebrar un pleno extraordinario para debater sobre a diáspora en Uruguai e a Lei de Calidade
A Deputación Permanente do Parlamento galego rexeitou onte, cos votos do PP, a celebración en agosto dun pleno extraordinario para abordar con urxencia a situación da emigración galega en Uruguai, a falla de prazas nos ciclos formativos de FP e a Lei de Calidade do Ensino. Xaime Pita, voceiro do PP anunciou que o vindeiro mes o conselleiro de Emigración explicará -“e a pedimento propio”- a situación da emigración en Uruguai. Pita respostáballe así á deputada nacionalista Tereixa Novo que considera necesario que Emigración emprenda unha “verdadeira acción de goberno” para palia-la “grave situación” dos galegos de Uruguai.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
A petroleira Shell recomendalles ós seus clientes que visiten A Coruña
Por medio da súa páxina web a multinacional Shell anima ós seus clientes a que realicen unha xira polos espacios naturais da provincia da Coruña. Dentro dunha sección chamada “Verano Azul”, a petroleira sobrancea as vistas do Parque Natural de Corrubedo ou as localidades de Muros, Noia, Carnota e Ribeira.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unha prestixiosa revista de cruceiros realizará unha reportaxe sobre a cidade de Vigo
Un xornalista de Porthole, a revista de cruceiros máis importante do mundo, visitará Vigo co obxectivo de realizar unha reportaxe sobre a identidade celta de Galicia e coñece-las tradicións e historia da cidade, ademais dos proxectos a curto prazo que se relacionen coa industria turística en xeral. Esta visita é resultado da promoción levada a cabo na feira Seatrade de Miami, lugar ó que a Cámara de Comercio acudiu este ano cun pavillón no que se promocionaba Vigo como cidade de cruceiros.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Bolsas de prácticas en empresas europeas para os titulados da USC
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a posta en marcha do programa Europracticum -Leonardo da Vinci- de bolsas para titulados da USC para a realización de prácticas profesionais durante seis meses en empresas do ámbito europeo.
(Fonte:
El Correo Gallego).
13/08/2002
Unión Europea
Unións Agrarias e o SLG piden que se concreten as axudas da UE ós gandeiros do Macizo Central Ourensán
Os responsables das Unións Agrarias e do Sindicato Labrego Galego en Ourense cualificaron de “positivas en principio” as axudas que vén de anuncia-la Consellería de Política Agroalimentaria e que concederá a UE ós gandeiros do Macizo Central Ourensán con cabanas afectadas pola brucelose. UUAA e o SLG consideran que “é necesaria unha reunión en Santiago” coa Consellería, na que terían que estar representados os gandeiros.
(Fonte: Santiago,
AGN).
12/08/2002
Unión Europea
A Unión Europea concede axudas complementarias para explotacións do macizo montañoso ourensán afectado pola brucelose
A Consellería de Política Agroalimentaria conseguiu que a UE aprobase dúas liñas de axudas complementarias para os propietarios de explotacións do macizo montañoso ourensán afectadas por casos de brucelose. A mediación da Consellería para acadar estas axudas débese ó seguimento das directrices que establece a Política Agrícola Común.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
A Xunta codirixirá o Instituto Naútico-Pesqueiro de Walvis Bay, en Namibia, a partir de setembro
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, anunciou hoxe que os trámites para que a Xunta codirixa o Instituto Naútico-Pesqueiro de Walvis Bay, Namibia, están “indo moi ben”. O conselleiro destacou que a cooperación internacional “é un dos puntos importantes no prestixio internacional de Galicia” e que a perspectiva é ir aumentando este tipo de relación entre a nosa comunidade e Namibia. López Veiga considera que a Galicia “non nos teñen que ensinar ren” en materia de axuda ó desenvolvemento dende a UE “senón que teñen que aprender eles” do exemplo galego.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
A Xunta pon en marcha cursos de manualidades con fins terapéuticos para maiores galegos residentes no exterior
A Consellería de Emigración vén de poñer en marcha unha nova medida en prol do colectivo galego no exterior. Trátase dun programa de cursos de manualidades con fins terapéuticos dirixidos a emigrantes galegos da terceira idade residentes en Cuba e Arxentina. Os cursos serán impartidos no Centro Galego da Habana e no Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Falece en Ourense o emigrante galego ferido en Caracas nos disturbios antichavistas de abril
José Antonio Gamallo Queibén, de 46 anos, faleceu a primeira hora desta tarde no Complexo Hospitalario de Ourense. Esta tarde, o Goberno galego fixo público o seu “pesar” polo falecemento de Gamallo. O titular de Emigración dixo que “nestes difíciles momentos”, o Executivo “segue mantendo o seu apoio á familia”. Esta fin de semana, a familia de Gamallo anunciou a súa intención de demanda-lo Goberno venezolano por unha presunta violación dos Dereitos Humanos, xa que tódolos indicios apuntan a que o disparo saiu dunha arma dun membro da Guardia Nacional de Venezuela.
(Fonte: Santiago,
AGN).
11/08/2002
Cooperación Exterior
Unha delegación namibia visita Galicia para aprender da experiencia en formación naútico-pesqueira
O responsable da Autoridade Namibia de Cualificacións do Ensino do Ministerio de Educación namibio, Franz Gertze, e mailo director do Instituto Naútico-pesqueiro , Nicolaas Link, inician hoxe unha visita a Galicia convidados polo conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, para coñece-las principais infraestructuras de pesca, investigación e educación realizadas en Galicia e aprender do modelo galego. A delegación prestará especial atención ós centros de investigación naútico-pesqueira, coma a Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ferrol, ou o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
A familia do galego ferido nos disturbios de abril en Venezuela denunciará ó Goberno de Chávez ante a Audiencia Nacional
Segundo informou hoxe a Radio Galega, a familia de J. A Gamallo presentará unha acusación penal por violación dos Dereitos Humanos ó recibir un disparo dunha arma dun garda nacional. Os avogados da familia cren que hai unha “posibilidade lóxica” de presentar esta denuncia contra o Goberno de Chávez perante a Audiencia Nacional española.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
A Xunta ten en marcha tres comisións propostas por Economía para acelera-la converxencia económica de Galicia con España e a UE
A Xunta ten en marcha na actualidade tres comisións, creadas a proposta da Consellería de Economía, para estudiar aspectos clave na política económica planificada pola Xunta e plasmada nos Orzamentos do ano 2002. O obxectivo principal é a converxencia con España e coa UE, que pasa por tres medidas básicas:
aumenta-lo investimento e fornece-lo stock de capital; reducción da achega negativa ó PIB do sector exterior; reducción da contribución negativa do sector primario. Unha das medidas a tomar será a constitución dunha unidade para a Promoción Exterior da empresa galega.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
Un tercio das persoas que acode ós puntos de información turística en Santiago son estranxeiros
A maioría dos case 11.500 estranxeiros que se achegaron ás oficinas de turismo de Santiago foron franceses (case 2.000), seguidos moi de preto por portugueses, alemáns, italianos e estadounidenses, con máis de 1.000 cada grupo. A empresa municipal de turismo considera “particularmente importante” o crecemento do número de visitantes -un 7% máis respecto ó ano pasado- que se achegaron ata as súas oficinas. A terceira parte foron estranxeiros e o resto procedentes de tódalas comunidades españolas.
(Fonte:
El Correo Gallego).
10/08/2002
Cooperación Exterior
Galicia aposta polo caladoiro namibio ó afortala-la súa presencia naquel país
Galicia afortalará a súa presencia en Namibia co desenvolvemento de proxectos de acuicultura e a formación de cadros pesqueiros nos vindeiros tres anos. Esta colaboración “vai máis alá” da que se está a levar na Arxentina, en verbas do conselleiro de Pesca, López Veiga, o que evidencia o interese do sector galego por asentarse nun mercado que considera estratéxico. As relacións entre as autoridades galegas e as de Namibia son moi fluídas, e a través dos técnicos e empresarios galegos están contribuíndo eficazmente ó desenvolvemento dos ricos caladoiros namibios.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
09/08/2002
Emigración
Os galegos de Uruguai precisan axudas prolongadas, di Miras
“Os galegos do Uruguai van precisar axudas durante un período prolongado”, afirmou onte dende Montevideo o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, quen espera poder implica-lo Goberno central no apoio económico ós emigrantes máis necesitados. Como xa fixo en decembro na Arxentina, e en abril en Venezuela, Miras chegou o mércores a Montevideo para coñecer de primeira man a realidade da colonia galega tralo recente estoupido da crise. Miras atopouse cunha colectividade “moi pesimista sobre a situación do país a medio prazo”. Os centros galegos estiman nun 10% a cantidade de emigrantes con graves problemas económicos.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Política
Touriño propón rexuvenecer Galicia a base de traballadores estranxeiros
O líder dos socialistas galegos apela á inmigración para soluciona-lo problema demográfico, polo menos no curto prazo, tal como acontece no resto de España e na maioría de países da UE. As liñas mestras do proxecto de revitalización de Touriño baséanse nunha iniciativa do PSOE aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en maio de 2000. “Entón quedou en papel mollado”, dixo o socialista tras anima-la Xunta a fixarse no modelo do Norte de Portugal, cunha poboación que medra a un ritmo do 5% anual.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Cultura
A Fundación Araguaney convoca a Bienal Internacional de Arte 2002 cun único premio de 3.760 euros
A Fundación Araguaney vén de convocar a Bienal Internacional de Arte 2002, na que poderán participar artistas de calquera nacionalidade menores de 35 anos. Un xurado, composto por expertos en arte e membros da Fundación Araguaney, decidirá a obra ganadora cun premio único e indivisible de 3.760 euros.
(Fonte: Santiago,
AGN).
08/08/2002
Emigración
Máis de 20.000 arxentinos residentes en Galicia poderán homologalo seu permiso de conducir sen ter que examinarse
Esta medida é froito dun convenio asinado entre España e Arxentina. O Departamento de Migración da CIG e a asociación Arxentinos no Exterior aseguran que isto foi posible gracias ás súas xestións. O convenio foi aprobado o pasado 26 de xullo polo Consello de Ministros, e o Departamento de Migración da CIG vai tentar agora estende-la homologación do permiso a outros países como Venezuela ou Uruguai.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Fraga dille a Rato que sería “interesante” que as axudas aprobadas polo Goberno para Arxentina poidan estenderse a Uruguai
O presidente da Xunta remitiulle unha carta ó ministro de Economía, Rodrigo Rato, na que considera que as axudas para a recuperación de Arxentina aprobadas polo Goberno central son unha “mostra de sensibilidade e confianza neste país irmán”. Na misiva, Fraga indícalle a Rato que sería “interesante” que estas axudas puideran estenderse a Uruguai. A Xunta sinala que as accións do Executivo de Aznar coinciden coas promovidas pola Administración galega, que pula accións en prol da recuperación da crise arxentina.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A Consellería de Emigración abre o prazo de solicitude de axudas asistencias para emigrantes galegos
A Consellería de Emigración e Cooperación Exterior abrirá mañá o prazo ata o 30 de setembro para que os galegos residentes no exterior en situación de máxima necesidade soliciten axudas asistenciais extraordinarias. A convocatoria está dirixida a Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela ou Cuba, países cun importante número de galegos. A Consellería de Emigración financiará o programa de axudas extraordinarias coa colaboración das catro Deputacións. A Fundación Galicia Emigración tamén contribuirá ó pagamento das cotas asistenciais.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O BNG pide un pleno extraordinario do Parlamento galego para analiza-la situación dos galegos en Uruguai
O grupo parlamentario do BNG vén de solicitar unha reunión da Deputación Permanente do lexislativo galego para celebrar un pleno extraordinario do Parlamento de Galicia co obxecto de debater a situación da comunidade galega en Uruguai e a decisión da Xunta de reduci-las prazas ofertadas nos ciclos formativos de FP. O BNG equipara a situación que se vive en Uruguai coa recesión económica que provocou hai uns meses a crise na Arxentina, polo que pide á Xunta “medidas urxentes para palia-la situación” dos galegos residentes en Uruguai.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política-Unión Europea
López Veiga considera que se acadará “modificar substancialmente” a reforma da PCP para “chegar a un acordo aceptable para todos”
O Conselleiro de Pesca asegura que “se están a levar ben as cousas”, polo que considera que se poderá acadar un “acordo aceptable para todos”. Os pasos a dar agora pola administracións galega e española en canto á modificación da reforma céntranse basicamente “no Parlamento Europeo e no Consello”. López Veiga reiterou esta mañá as súas críticas á proposta de reforma da Comisión Europea, unha reforma que “deixa coma único elemento de regulamento o despiece”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
“En cinco anos, Galicia situarase como a comunidade española líder en exportacións téxtiles”
Esta é a opinión de Purificación Alonso, presidenta da Asociación Téxtil de Galicia, en canto ó futuro da moda galega. En entrevista para a AGN, Alonso confirma que “os nosos empresarios téxtiles están involucrados na globalización”, o que “suporá no futuro que este sector sexa un dos líderes da exportación” na nosa comunidade. Un dos trazos que define ó sector en Galicia é “a súa internacionalización”, cun gran crecemento das vendas ó exterior.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
Cambre acollerá a mostra “Galicia-América, cinco séculos de historia” elaborada polo Consello da Cultura Galega
A Mostra “Galicia-América, cinco séculos de historia” exporase na Biblioteca Municipal de Cambre durante un mes a partires de mañá, e exporá as ligazóns que uniron a Galicia e América durante cinco séculos de historia a través de asuntos coma o papel dos galegos na política, na igrexa, na producción artística ou no asociacionismo. A exposición foi elaborada en 1992 polo Consello da Cultura Galega en conmemoración do Quinto Centenario e xa ten percorrido países coma Arxentina, Brasil, Venezuela, México ou EEUU.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A bienal Sarria Contemporánea chegará o vindeiro ano a Bruxelas
As obras dos participantes en Sarria Contemporánea exporanse durante unha semana no Parlamento Europeo a finais de marzo ou comezos de abril. Esta aspiración da primeira edición da bienal é agora unha realidade gracias a mediación da europarlamentaria Rosa Miguélez.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O último número da guía francesa especializada en turismo Le Guide du Routard adica 140 páxinas a Galicia
Le Guide du Routard adica na súa última edición 140 páxinas ás distintas rotas xacobeas e os lugares máis característicos de Galicia. As páxinas da guía adican unha atención espacio a Santiago de Compostela, á que definen coma unha “cidade de reputación universal” e unha das máis atractivas de España. Os autores tamén recollen unha pequena historia de Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cooperación Exterior
Raíña Lupa, de intercambio cunha asociación de Nápoles
Un grupo de once compoñentes da Asociación Xuvenil Raíña Lupa (Boqueixón) atópanse estes días realizando un intercambio coa asociación Cseaam da Campania italiana xunto con mozos da área mediterránea da Unión Europea e dos países do leste. A educación ambiental será un dos temas a analizar durante este intercambio.
(Fonte:
El Correo Gallego).
07/08/2002
Emigración
Miras entregará axudas a 52 galegos de Uruguai
O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, entregará hoxe na cidade de Montevideo as axudas extraordinarias aprobadas a 52 emigrantes galegos que se atopan en situación de precariedade. O concelleiro comezou o luns en Brasil unha visita por diferentes países de Latinoamérica para entregar persoalmente as axudas, e tamén co obxectivo de reunirse con autoridades locais e directivos de centros galegos para tratar sobre a situación dos emigrantes galegos.
(Fonte: Atlántico Diario).

Os galegos de Uruguai loitan xuntos para cambia-la situación do país e mante-la posibilidade de quedarse “en prol de Galicia”
A grave situación económica que padece Uruguai afecta dun modo ou outro ós preto de 300.000 emigrantes galegos que residen no país. Malia iso a idea xeral é “mante-la posibilidade de que non teñamos que retornar, de poder quedarnos en prol de Galicia e loitar xuntos para reverte-la situación, segundo asegurou á AGN o presidente do Club Galego de Montevideo, Ramón Lorenzo Pita. Por outra banda, representantes das distintas institucións galegas emprazadas en Montevideo manterán unha reunión co conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, co obxectivo de notificarlle o seu desexo de unilas 12 institucións existentes nunha soa e expoñerlle as principais necesidades que ten o colectivo.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Os galegos de Montevideo colapsan o consulado español para retornar
No consulado de España en Montevideo, a crise económica está a provocar unha avalancha de inscricións; estímase que a finais de ano poderían ser 3.000 as persoas inscritas, o dobre que no 2000. A gran maioría son de orixe galega.
En torno a dous millares de uruguaios están inscritos no consulado de Uruguai en Vigo, ós que cómpre engadi-los 800 ilegais que, segundo a Cig, residen en Galicia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Entrevistas por medio de WebCam para os galegos da Arxentina
A Cámara de Comercio de Santiago, que creou coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego unha oficina de orientación laboral en Bos Aires, ven de poñer en servicio unha WebCam para que os empresarios galegos poidan entrevistar ós descendentes de emigrantes que queiran atopar un traballo en Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política-Unión Europea
O PSdeG comparte as críticas de López Veiga á reforma da PCP e solicita á Xunta que pida “a retirada da reforma”
A responsable de Pesca do Grupo Parlamentario do PSdeG, Carmen Gallego, aliñouse hoxe coa opinión de López Veiga, a quen pediu que “demande a retirada” desta proposta. Carmen Gallego considera que a Xunta debe solicitar a Bruxelas “unha nova formulación global” desta reforma “na que estean incluídos tódolos parámetros para analiza-la súa incidencia no sector pesqueiro galego”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
A revista viguesa Tempo Exterior fala do mundo tralo 11 de setembro
O novo número da revista Tempo Exterior reivindica a complexidade dun mundo que non admite dominios unilaterais. Na revista plásmase que dende o 11 de setembro a sociedade está a cabalo dunha nova volta de rosca sobre esa mutación histórica que arrinca de 1989 e que cuestiona o valor das distintas culturas. A revista tamén atende á crise arxentina, que toca moi directamente ós galegos, e ás relacións de Occidente co mundo árabe-musulmán.
(Fonte: Atlántico Diario).

O secretario xeral de Relacións cos Medios destaca o papel de John Rutheford en prol do “engrandecemento” da cultura galega
O secretario xeral de Relacións cos Medios Informativos da Xunta, Jesús Parga, participou esta tarde na inauguración das X Xornadas de Cultura Galega Mar por Medio en Ribadeo. Parga destacou a figura “sempre comprometida” do director do Centro de Estudios Galegos da Universidade de Oxford, John Rutheford, polo “espallamento e engrandecemento da cultura galega”. Rutheford, traductor ó inglés de Castelao e Ferrín, é o principal impulsor destas xornadas nas que participan importantes figuras da cultura británica e española.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
Unha emotiva despedida puxo fin á visita de 15 nenos palestinos
Os 15 nenos arxentinos procedentes do campamento de refuxiados de Al Fawar, Hebrón, “coñeceron por primeira vez a paz e a seguridade”, segundo o pequeno Fadi A.J Teedi, en diversas cidades galegas. A iniciativa foi promovida pola Fundación Araguaney e a Liga Internacional do Neno Palestino, ós que se engadiu a Universidade de Santiago.

Unha expedición galega accede á zona máis pobre de Honduras
Un grupo de oito galegos colaboradores de Solidariedade Internacional adentrouse nunha das rexións máis deprimidas de Honduras. O viaxeiros colaboran nun proxecto de desenvolvemento rural. A volta desta viaxe contaran a El Correo Gallego a morte dunha vintena de nenos por mor da fame ocorrida nunha das aldeas que visitaron.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
“É necesario cambia-la exportación de man de obra pola de tecnoloxía”
Segundo José Luís Froiz, xerente de Eyspro, trátase de inverter unha tendencia secular no noso país: “é necesario cambia-la exportación de man de obra, tradicional en Galicia, pola exportación de tecnoloxía”. O Grupo Esypro realiza traballos integrais de productividade enfocados á modernización do sistema productivo galego e adica o 7,7% do seu volume de negocio a I+D. O obxectivo é “senta-las bases que permitan xerar unha riqueza sostida no tempo”.
(Fonte:
El Correo Gallego).
06/08/2002
Unión Europea
O prezo da auga duplicarase para seguir recibindo axudas da UE
Os concellos e a Xunta teñen un prazo de oito anos para aumenta-las tarifas que cobran pola auga potable a vivendas e empresas. Fontes de Augas de Galicia estiman que as tarifas duplicarán o seu prezo. Cómpre busca-la razón nunha nova directiva comunitaria que xa se está estructurando en forma de lei no Ministerio de Medio Ambiente. “Se non aceptamos as tarifas da auga non recibiremos máis subvencións para obras de abastecemento e saneamento”, explica un directivo de Augas de Galicia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Galicia atópase dentro do grupo de rexións da UE con taxas medias de desemprego, segundo un estudio de Eurostat
Galicia atópase dentro do grupo de rexións europeas que se manteñen fóra das extremas de maiores e menores taxas de desemprego de toda a Unión. O estudio de Eurostat amosa que a heteroxeneidade é a nota predominante na análise da situación laboral nas rexións europeas. Galicia atópase no grupo intermedio, con taxas de paro en torno ó 10%, fronte ó 22-24% da Campania ou Andalucía e o 3,8% da media rexional británica.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política-Unión Europea
López Veiga asegura que é unha “postura razoable” dende Galicia axudar a combate-la proposta de reforma da PCP
López Veiga lembra que a nosa comunidade “é a que ten máis peso na pesca” dentro do conxunto de España, e considera fundamental que non haxa fisuras co Goberno central nin co resto de autonomías pesqueiras no pulso mantido coa Comisión Europea. En entrevista para “Pesca Internacional”, insiste no “cambio radical” que supón a reforma proposta en canto á política estructural, que pon Galicia e España perante unha situación “imposible” ó non poder contar cuns fondos que se prevían ata 2006 e non dar un “prazo razoable” para adaptarse a ese cambio.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
O conselleiro de emigración entregará mañá en Uruguai axudas económicas extraordinarias a 52 emigrantes galegos
Un total de 52 emigrantes galegos, con residencia en Uruguai, recibirán mañá da man do conselleiro de emigración, Miras Portugal, axudas económicas extraordinarias. O acto terá lugar nos locais da Casa de Galicia de Montevideo e o conselleiro aproveitará a súa visita para informar sobre un novo programa de axudas extraordinarias. Ademais, Miras manterá unha reunión cos directivos dos distintos Centros Galegos do país.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
A revista Tempo Exterior analiza no seu último número a acción exterior de Galicia en Latinoamérica
A revista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Tempo Exterior, fai unha aproximación no seu último número á acción exterior da comunidade galega en Latinoamérica, ó tempo que reivindica a complexidade do novo marco mundial, que “non admite dominios unilaterais”. A revista analiza a crise de Arxentina e Venezuela dende o punto de vista da acción exterior galega, así coma o conxunto do continente sudamericano, e afirma que Galicia “non pode desentenderse da evolución internacional”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O filme de coproducción galega “Os luns ó sol” competirá na Sección Oficial do Festival de San Sebastián
A longametraxe “Os luns ó sol”, rodada en Vigo e producida por Elías Querejeta e a TVG en asociación con Continental Producciones, vén de ser seleccionada para competir na Sección Oficial do Festival Internacional de Cinema de San Sebastián. “Os luns ó sol”, dirixida por Fernando León de Aranoa, supón un paso moi importante na política de coproduccións que leva desenvolvido Continental nos últimos anos, fundamental para a proxección internacional do cinema galego.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Pescanova lidera o mercado europeo dos lagostinos tras merca-la súa maior competidora
A empresa Pescanova continúa ampliando a súa capacidade de negocio a través da adquisición das empresas do sector, nesta ocasión da súa maior competidora na comercialización do lagostino no nivel europeo, “Ultracongelados Antártida”. Antártida convértese así nunha parte estratéxica de Pescanova, fundamental para comercializa-lo lagostino cubano acadado gracias ó acordo de exclusividade asinado por Pescanova coa illa caribeña. Pescanova ocupa o segundo posto na xerarquía europea das empresas do sector pesqueiro, e figura tamén coma segunda en rendibilidade no nivel mundial.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
Un pallaso galego loita en Palestina pola risa dos nenos
Iván Prado é un lucense, pallaso de profesión, que aceptou o reto de viaxar a Palestina e proba-lo “máis difícil aínda”: facer rir ós nenos mentres caen as bombas. As súas actuacións desenvólvense nun campamento de refuxiados xunto a outros dous compañeiros de “Pallasos sen Fronteiras”, dentro dunha xira que xa os levou por Gaza, Ramala, Hebrón e Belén. Media Lúa Vermella asesóralles en Palestina, e foi nas dependencias dun dos seus hospitais, onde Iván e os seus compañeiros mantiveron unha conversa con Fateth Arafat, irmán do líder da resistencia palestina.
(Fonte: Santiago,
AGN).
05/08/2002
Política-Unión Europea
Reclaman datos das peticións atendidas durante a presidencia española da UE
Os socialistas galegos veñen de presentar unha interpelación ó Goberno autonómico na que solicitan información sobre as propostas relativas ó desenvolvemento de Galicia que a Xunta formulou ó Executivo central durante o período da Presidencia española da UE. O PSdeG criticou que o Executivo autonómico non informase sobre os asuntos suxeridos ó Goberno central durante ese período e pediu que se especifiquen as propostas que foron atendidas así como tamén unha valoración do Executivo sobre os resultados obtidos por Galicia nos seis meses de Presidencia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Cultura
A universidade australiana de La Trobe nomea doutor honoris causa ó escritor galego Alfredo Conde
O escritor Alfredo Conde ven de ser investido coma doutor honoris causa pola Universidade de La Trobe. Conde mencionou no seu discurso a Frai Rosendo Salvado, Paio Gómez Chaiño e Xan de Novoa coma exemplos da relación entre a cultura australiana e a galega.
(Fonte: Santiago,
AGN).
04/08/2002
Política-Unión Europea
O PSdeG pide no Parlamento un debate sobre as prioridades políticas marcadas polo Goberno durante a Presidencia da UE
Os socialistas galegos consideran necesario que se celebre “un debate parlamentario para fixa-la posición do Goberno galego sobre os grandes temas de interese para Galicia”, a debate na UE. Os novos retos ós que se enfronta a UE, derivados do alargamento ó Leste, son, para os socialistas galegos, “unha oportunidade para o pulo de políticas de cohesión social e territorial” que, segundo o PSdeG, “suporían un avance na converxencia das rexións menos desenvolvidas co resto de Europa”.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unión Europea
Galicia obtivo do Feder 2.200 millóns
Galicia recibiu un total de 2.200 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) entre 1994 e 1999, segundo se indica nunha resposta escrita do Goberno central ó BNG. A contestación subliña que entre tódalas intervencións cofinanciadas polo Feder na CCAA destaca o Programa Operativo de Galicia 1994-99, que manexou unha axuda do Fondo de 1.653 millóns de euros para financiar proxectos cun custo de 2.554 millóns. Ademais Galicia participou noutros proxectos de carácter sectorial, polos que recibiu do Feder 259 millóns de euros para cofinanciar un custo total de 381 millóns.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
A Consellería de Cultura inclúe en libros de texto de español para franceses a oferta turística galega
O turismo galego está presente, coma soporte didáctico, en varios libros de texto de español para franceses. Esta iniciativa da Consellería de Cultura, a través de Turgalicia, pretende a promoción da oferta turística galega, xa que nas páxinas destes libros se inclúe información sobre a páxina web do turismo galego, as semanas de promoción turística e unha campaña de publicidade. As dúas editoriais, Didier e Hatier, contan cun gran prestixio en Francia no eido da elaboración de libros de texto en español.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
Brigadistas de Amarante visitan Brasil e Nicaragua
O proxecto “Xanela Aberta ó Sur”, co que a ONG galega Amarante pretende achegala realidade do Sur a Galicia chega á súa última fase, e tras un período formativo dous grupos de brigadistas viaxan este mes a Brasil e Nicaragua. Os cooperantes explicarán a situación das zonas visitadas para por en marcha diversas campañas de apoio a campamentos de traballadores, en Brasil, e un proxecto de ecoturismo, en Nicaragua.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Irmanamento entre veciños galegos e lusos
Sobre este novo Irmanamento, asinado onte pola Asociación de Veciños de Barrocás en Ourense e maila Freguesía de Barroças (Portugal), pronunciouse o pasado xoves o alcalde de Ourense e presidente do Eixo Atlántico, Manuel Cabezas, dicindo que é “unha mostra da vitalidade das relacións con zonas de Portugal”, e engadía que estas actuacións “se veñen alentando dende o Eixo”.
(Fonte:
El Correo Gallego).