O Comité Xeral Europeo de Cooperación Agraria reúnese hoxe en Santiago A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) organiza este ano o Comité Xeral Europeo de Cooperación Agraria (Cogega) na cidade de Santiago. A revisión intermedia da PAC da Axenda 2000 será o principal tema de encontro, segundo informou a asociación galega. O Cogega abordará ademais a participación das organizacións agrarias dos países candidatos a entrar na UE. (Fonte: Santiago, AGN). Fraga afirma que será a xustiza europea a que decida o futuro do transporte de ría en Vigo O presidente da Xunta, Manuel Fraga, revelou onte que coñeceu pola vicepresidenta da Comisión Europea e Comisaria de Transportes, Loyola de Palacio, a decisión do organismo comunitario de denuncia-lo monopolio no servicio marítimo na ría de Vigo, e expresou a súa opinión sobre o futuro da concesión, que deixou en mans do Tribunal de Luxemburgo. O alcalde Vigo, Lois Pérez Castrillo opina que en Europa “non hai unha visión do que significa aquí este servicio” e que “a liberalización iría en detrimento dos usuarios”. (Fonte: Faro de Vigo). Cooperación Exterior Foro dos Fondos de Cooperación de España O concelleiro Santiago Domínguez asegurou onte que Vigo é a cidade galega que realiza unha maior achega á Confederación de Fondos de Cooperación de España. Os integrantes desta plataforma, que agrupa tódolos fondos municipais de cooperación españois, reuníronse no Consello vigués nunha xornada presidida polo máximo responsable do Fondo Catalán, Joan Aguado. (Fonte: Faro de Vigo). Economía Eduardo Baamonde, director xeral da CCAE: “O fenómeno de Coren é, tecnolóxica e comercialmente, o máis punteiro de Europa” A reunión do presidium do Comité Xeral Europeo de Cooperativas Agrarias celebrouse esta semana en Santiago coa asistencia dos principais representantes destas agrupacións, entre eles, o vilalbés Eduardo Baamonde, da Confederación de Cooperativas Agrarias de España, que a súa vez integra á Asociación Galega de cooperativas Agrarias (Agaca). En entrevista coa AGN, Baamonde subliñou o feito de que as cooperativas europeas coñecesen, nesta reunión en Santiago, o modelo galego de cooperativismo de tipo atlántico, e destacou a contribución galega en canto á comercialización de viños ou o éxito de Coren.
Fraga di que a representación das rexións na UE “seguirá adiante” e avoga por comezar afortalando o Comité das Rexións O presidente da Xunta asegurou hoxe que co fin da Presidencia Europea Española non ten que retoma-la súa reivindicación de representación das rexións ante a UE, porque é un “tema permanente” que, na súa opinión, debería comezar co afortalamento do Comité das Rexións, aumentando a presencia das rexións a través del, e dándolle novas facultades. As restantes reivindicacións “seguirán o seu curso”, sempre e cando non haxa “desviacións” dixo, en alusión ós vascos. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Tres vigueses miden no Atlántico Norte a capacidade destas augas para mitiga-la polución Tres científicos vigueses do Grupo de Oceanoloxía do Instituto de Investigacións Mariñas participan nunha expedición na rexión subpolar do Atlántico Norte xunto con membros do Instituto Francés para a Exploración do Mar de Brest, co que xa colabora dende hai máis de dez anos. Para a súa misión a bordo do buque Thalassa, os científicos utilizan o “Gaspar”, un novidoso medidor de CO2 inventado polo Instituto de Investigacións Mariñas e a Escola de Peritos de Vigo. O financiamento da expedición procede dun contrato de investigación co Ifremer, unha acción especial do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, e o proxecto de investigación da UE denominado Cavasso. (Fonte: Faro de Vigo). Emigración A Xunta destinará máis de 370.000 euros a proxectos de asistencia a colectivos necesitados de Arxentina A Xunta, a través da Consellería de emigración, destinará un total de 372.338 euros para desenvolver diversos proxectos de asistencia sanitaria e alimentaria destinados ós colectivos máis necesitados da Capital Federal e da provincia de Bos Aires, en Arxentina. Esta axuda farase efectiva a través da colaboración da Administración autonómica e tres ONG´s, logo de que o Goberno galego autorizara esta mañá a sinatura dos respectivos convenios. (Fonte: Santiago, AGN). Morre Xosé Andrade, director técnico da Xunta en Bos Aires Xosé Ramón Andrade, director técnico da Oficina Delegada da Xunta no Centro Galego de Bos Aires, faleceu a pasada madrugada na capital arxentina despois dunha longa enfermidade. Andrade supervisou durante anos os programas para emigrantes da Administración galega. (Fonte: Faro de Vigo). Sociedade Nacións Unidas premia o plan de protección e rehabilitación do casco histórico de Santiago O plan de protección e rehabilitación da zona histórica de Santiago vén de ser premiado, xunto a outros nove proxectos, no IV Concurso Internacional de Boas Prácticas de Nacións Unidas. Santiago obtén o premio na área de “Desenvolvemento Territorial e Urbano Sustentable”, xa que o xurado considerou que os diferentes programas de rehabilitación da cidade vella preservaron a súa historia e cultura combinando a formación e a creación, e facilitaron o acceso a vivendas confortables nas que se empregaron materiais nobres e cun baixo custo ambiental, como a pedra e a madeira. (Fonte: Faro de Vigo). Portugal Manuel Fraga será condecorado en Portugal coa “Medalha de Ouro” da Cámara Municipal de Vila Nova de Gaia O presidente da Xunta será condecorado este sábado coa “Medalha de Ouro de Cidadao Honorario” de Vila Nova de Gaia, que concede a Cámara Municipal desta cidade do Norte de Portugal nun acto que contará coa asistencia do ministro luso de Cultura, Pedro Roseta. Luís Filipe Menezes, dirixente da Cámara, opina que este acto “ten un significado moi especial, xa que simboliza un novo ciclo de amizade e cooperación entre Portugal e España”. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Compañías de danza de Xapón, Países Baixos e Francia, entre as que animarán “En pé de pedra” en Compostela Son 7 as compañías que mesturarán danza e teatro polas rúas e prazas de Compostela durante os días 28, 29 e 30 de xuño. Mais a estas alturas, a directora de Matarile Teatro, e principal organizadora de “En pé de pedra”, Ana Vallés, alude ós “insuficientes apoios económicos” que condicionan a continuidade do festival polo que Compostela entra na rede de “Cidades que Danzan”, xunto a Barcelona, Londres ou La Habana. Vallés espera que o éxito de público desta edición incida na celebración de moitos veráns máis de danza en Compostela. (Fonte: Santiago, AGN).
Empresas da “raia” preparan investimentos para promoverse en Galicia O presidente da Unión Empresarial do Val do Minho anuncia “fortes investimentos a partir de setembro para promove-la zona en Galicia e no Norte de Portugal”. Esta campaña, que se prolongará durante un ano e medio, inclúe concertos e festas para atraer a galegos e portugueses. En Monçao e Melgaço, o presidente da Asociación Comercial e Industrial comenta un proxecto similar” “Estámonos preparando para acadar fondos Interreg cunha iniciativa conxunta con Salvaterra e As Neves”. (Fonte: La Voz de Galicia). O comercio do norte luso teme perder clientes galegos trala subida do IVE Os empresarios de Valença e do val do Minho aseguran que, de momento, o novo IVE -3 puntos porcentuais máis elevado que en España-, non ten repercutido nos prezos, pero que estas subas chegarán ó cliente. “Cando isto ocorra, para os galegos deixará de ser rendible vir aquí a mercar”, advirte un comerciante da fortaleza de Valença”. O certo é que os cambios no IVE xa están a modifica-lo comportamento dos veciños de ámbalas dúas beiras do Miño. (Fonte: La Voz de Galicia). Economía Productores galegos aséntanse en Arxentina e Chile para cultivar mexillón A Opmega, a principal organización de bateeiros de Galicia, non lle pasou desapercibido o acordo de librecomercio asinado entre a UE e Chile. Dado o potencial que os países do Cono Sur teñen na producción do cultivo do mexillón, o sector galego prepárase para cultiva-lo nestas latitudes, co obxectivo de “controlar eses mercados para evitar que se dane este”. Se polo de agora, podemos dicir que o salto a Arxentina e Chile é un obxectivo a longo prazo, a entrada nos mercados europeos (está presente en Bélxica e espera estalo pronto en Francia) é xa unha realidade. (Fonte: La Voz de Galicia). Galicia liderou as exportacións de madeira con 177,2 millóns de euros durante o pasado ano O sector madeireiro galego liderou as exportacións de España con 177,2 millóns de euros durante 2001, segundo datos de Confemadera recollidos por “El Correo Gallego”. Galicia rexistrou un descenso nas exportacións do 16,5% durante o pasado exercicio. Os principais destinos das vendas de madeira galega foron Portugal con 76,3 millóns de euros, Reino Unido con 19,1, e Francia con 15,2 millóns de euros. As exportacións a Estados Unidos medraron durante 2001, e acadaron o cuarto lugar con 7,8 millóns de euros. (Fonte: Santiago, AGN). A Feira Internacional Floriade 2002 acolle seis denominacións de orixe galegas O pavillón de España na Feira Floriade 2002 acolle unha representación de seis productos galegos con denominación de orixe. Viños de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, ademais da espiritosa Augardente, estarán presentes na maior exposición de hortofruticultura do mundo, que se celebra en Holanda. Dende Galicia desprazouse unha delegación encabezada polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta, J.M Diz Guedes. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea - Pesca Unha vintena de barcos galegos beneficiaranse do acordo pesqueiro da UE con Senegal asinado onte en Dákar Unha vintena de barcos galegos poderá beneficiarse da renovación do acordo pesqueiro da UE con Senegal, que foi asinado onte. Cúmprense así as expectativas dos Gobernos galego e español, que poderán mandar ó caladoiro un total de 95 buques. O novo acordo, de catro anos de vixencia, consolida as posibilidades existentes no período anterior e ademais permite a reubicación de buques marisqueiros e cañeros amarrados dende a ruptura do Acordo son Marrocos. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior - Pesca López Veiga recibe a unha delegación chilena para estudiar proxectos de colaboración en materia de acuicultura O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, e o deputado da República de Chile, Gabriel Asensio, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo en Santiago para estudia-los proxectos sobre acuicultura e xestión de recursos que desenvolverán conxuntamente ambos países. A delegación chilena visita estes días Galicia co propósito de manter contactos empresariais e coñece-los centros de investigación e formación. López Veiga anunciou que unha delegación galega viaxará a Chile o vindeiro mes de setembro co obxectivo de manter novos contactos coas autoridades do país. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior - Emigración A deputada socialista Marisol Soneira visitará Uruguai e Arxentina para recolle-las demandas dos colectivos galegos A representante de emigración do PSdeG, Marisol Soneira, iniciará o vindeiro venres unha viaxe por Uruguai e Arxentina co obxectivo de recolle-las demandas dos colectivos de emigrantes galegos afectados pola crise que actualmente atravesa Latinoamérica. As propostas recollidas serán presentadas no Parlamento galego e no Congreso. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Unión Europea O PSdeG ameaza con retirarse do grupo de traballo do Parlamento galego que prepara-la reforma da PCP A deputada socialista Carmen Gallego asegurou hoxe que o PSdeG “vai meditar rápido e a fondo” a súa presencia neste foro conxunto. Os socialistas galegos argumentaron a súa postura demandando “colaboración con lealdade recíproca”, que consideran que o PPdG e a Xunta non están cumprindo.Segundo a deputada “o sector quere que o Parlamento e o Goberno galego nos manifestemos a favor da retirada da PCP”. Para o BNG o peso político da loita contra a reforma da PCP “débeo ter o Parlamento galego e non a Xunta”. Os nacionalistas reiteraron o seu pedimento dun pleno extraordinario do Parlamento durante o mes de xullo para coñece-lo labor do grupo de traballo conxunto que foi, finalmente, rexeitado. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura A capital de Filipinas acolle o primeiro “Cruceiro” galego instalado no continente asiático Galicia deixouse sentir este pasado domingo na capital de Filipinas, Manila, xa que é a primeira vez que un “Cruceiro”, elaborado por artesáns galegos, se instala nun país asiático. A Cruz de Pedra, doada pola Xunta de Galicia, foi instalada nunha praza, que pronto será rebautizada coma“Praza de Galicia”, no corazón histórico da cidade. A iniciativa naceu no Centro Galego de Filipinas, que recibiu unha carta do presidente da Xunta na que expresaba o seu desexo de que “cando nun futuro, uns e outros pasen preto deste cruceiro, evocarán este momento e ese significado dunha fraternidade nova entre Galicia e Manila”. (Fonte: Santiago, AGN).
O BNG anuncia mobilizacións pola PCP O deputado socialista Bieito Lobeira presentou onte a campaña “A pesca é vital para Galicia”, coa que se pretende sensibiliza-la poboación contra a “lesiva” reforma da Política Común de Pesca. Lobeira anunciou tamén que, despois do verán, o BNG convocará mobilizacións para defende-la capacidade productiva do sector pesqueiro galego. (Fonte: Atlántico Diario). Portugal Baiona clausura a II Semana de Intercambios con Portugal Fontenla Romil, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), afirmou, durante a súa conferencia en Baiona, que un espacio xeográfico xa constituído coma é a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cunha dilatada traxectoria histórica e vencellos reais no eido do comercio, mantén grandes espectativas para obter melloras sociais e económicas. Tódolos conferenciantes que participaron na Semana consideran que este foro, con empresarios de ambos países, conduce a repensa-lo futuro e abrir novos horizontes de cooperación entre as localidades próximas, comprendidas entre Porto e Baiona. (Fonte: Faro de Vigo). Acción Exterior O coruñés David Bielsa reuniuse con Arafat en Ramala para trata-las principais saídas ó conflicto palestiniano-israelí O presidente do Consello Europeo de Acción Humanitaria e Cooperación (Ceahc), David Bielsa, entrevistouse o pasado día 22 con Yasir Arafat como parte das accións que a comisión de investigación, presidida polo propio Bielsa, está a desenvolver en Israel e os territorios ocupados, cara a elaboración dun informe sobre os crimes cometidos no campo de refuxiados de Jenín. Bielsa xa lle presentou o informe ó presidente de Dereitos Humanos do Consello de Europa, Álvaro Gil Robles, e ós principais grupos do Parlamento Europeo. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Galicia creará o primeiro “cluster” do audiovisual en Europa Galicia contará co primeiro “cluster” do sector audiovisual galego, que será tamén o primeiro de España e de Europa, segundo informaron onte os promotores deste órgano. Como paso previo á súa creación, constituiuse o Comité Asesor do Cluster do Audiovisual de Galicia, que preside Fontenla, titular da Confederación de Empresarios de Galicia (Ceg). Este Comité Asesor, integrado polas asociacións de productores, as televisións, as entidades financeiras, e a Xunta de Galicia, será o órgano encargado de propiciar que no primeiro trimestre do próximo ano se poida constituír o “Cluster do Audiovisual de Galicia”. (Fonte: Atlántico Diario). Sociedade A democracia como solución ós problemas dos países subdesenvolvidos, a debate na Coruña Esta é a idea que hoxe se debaterá en “Galicia solidaria”, un foro de discusión organizado pola Fundación Humanismo e Democracia e polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, contando coa colaboración da Deputación da Coruña. O Salón Calvo Sotelo da cidade acolle hoxe as conferencias do presidente da Comisión do Congreso de Cooperación Internacional, Jesús López-Medel, e da subdirectora xeral de Cooperación Goberno de Galicia, María Dolores Añón. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura A proxección da obra de Cela en América centrará os cursos de verán da Fundación Camilo José Cela Olivia Rodríguez, secretaria da Fundación, informou que esta edición dos cursos centrarase na proxección da obra de Cela en América, polo que asistirán profesores de distintas universidades americanas. Rodríguez salientou que nestas universidades existen grupos de traballo que investigan a obra de Cela e que elaboran teses sobre ela, polo que parte dos seus autores tamén participarán nestes cursos. (Fonte: Santiago, AGN).
As empresas do audiovisual galego venden ó exterior unha media do 25% dos seus productos Segundo un informe elaborado polo Consello Económico e Social de Galicia, as productoras galegas exportan unha media do 25% dos seus productos, e seis productoras superan a porcentaxe do 50% no volume de productos exportados (Bren Enterteiment, Continental, Estudio 99, Estudio Uno de Dobraxe, Sun Lua, e Video Zetra Servicios Audiovisuais). O informe do Ces conclúe na necesidade de que dentro deste sector se constitúa un “clúster” que propicie un mellor escenario para o desenvolvemento deste novo potencial da economía galega, así coma a necesidade de que o audiovisual galego “estableza unhas relacións laborais de calidade”. (Fonte: Santiago, AGN). Galp afortalará a súa presencia en Galicia coa apertura de máis gasolineiras O presidente do grupo petroleiro portugués Galp, Antonio Mexía, presentará este mércores en Madrid o plan de expansión que a compañía desenvolve en España co propósito de converterse nun dos tres principais consorcios enerxéticos da Península. Galp quere abrir 500 novas gasolineiras en Galicia, Barcelona, Madrid e Andalucía. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade Centos de composteláns manifestaron onte a súa solidariedade con Palestina Onte celebrouse o Día da Solidariedade con Palestina cunha serie de actividades, organizadas pola Coordenadora Galega pola Paz en colaboración co Concello de Santiago, que arrincaron á primeira hora da mañá na praza do Toural cos discursos inaugurais do presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, e o alcalde compostelán, Sánchez Bugallo. O acto, que contou co apoio de centos de composteláns, continuou coa lectura de textos e poemas de escritores galegos de recoñecido prestixio. (Fonte: El Correo Gallego).
O PsdeG pidelle á Xunta que “vehiculice” a presencia de Galicia nos foros de decisión da UE “por delegación estatal” A deputada do PSdeG Carmen Gallego vén de presentar na Cámara autonómica unha moción na que lle pide á Xunta que “vehiculice”, adoptando as medidas necesarias, a presencia de Galicia nos foros de decisión da UE “por delegación estatal”. O PsdeG reclama que unha representación galega poida formar parte da delegación española nos consellos de ministros de Pesca da UE. Carmen Gallego solicita ademais un encontro entre os responsables de Pesca da Xunta e o Goberno central xunto con delegacións parlamentarias do Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galicia cos europarlamentarios de tódolos países da UE cara tomar posicións perante a reforma da PCP. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea Documento médico para debate na UE Trinta e un profesionais subscribiron o “Documento Galicia sobre problemas clínicos relacionados cos Trastornos Aditivos”, elaborado esta semana en Santiago, e que durante os vindeiros meses vai ser discutido nos países da UE. O documento é froito do I Simposio Europeo sobre estes problemas, desenvolvido en Santiago durante toda a semana, e pretende consensuar accións para tratar ós drogodependentes coma enfermos na rede sanitaria. (Fonte: La Voz de Galicia). Xuíces para a Democracia critica en Vigo a euroorde A asociación Xuíces para a Democracia está a debater en Vigo a creación do espacio xudicial comunitario. A euroorde, procedemento polo que un Estado membro da UE entregará a un presunto delincuente reclamado por outro país da UE nun prazo de 90 días, foi criticada onte duramente polo maxistrado Juan José López Ortega. Para López Ortega, a lista de 30 delictos acordada polos ministros de Interior da UE o pasado mes de febreiro en Santiago, contén moitas ambigüidades, e non se protexen debidamente os dereitos fundamentais dos cidadáns de cada país. (Fonte: La Voz de Galicia). Galicia deberá regulamenta-la mobilidade de terras para obter axudas comunitarias A nova PAC incidirá no desenvolvemento rural sostido, que fixe poboación no medio rural e que viva con rendas dignas e respecte o medio ambiente. Galicia é un marco apropiado, pero as axudas requirirán axustes. Entre elas, segundo José Manuel Silva, presidente da Dirección Xeral VI da UE, precisa unha lei para favorece-la mobilidade (arrendamentos, intercambios...) de terras agrícolas. Sen esta perderanse axudas da nova Política Agrícola Común, que primará o desenvolvemento sostible do agro. Silva alertou sobre este asunto durante a celebración da Semana Verde. (Fonte: La Voz de Galicia). Acción Exterior Consulado arxentino en Vigo: punto de tramitación comercial entre Arxentina e Galicia O Consulado, que finalmente permanecerá en Vigo, centra unha grande parte dos seus esforzos en regula-la entrada en España de galegos retornados e arxentinos, pero tamén xoga un papel fundamental nas relacións comerciais entre ambos países, segundo comenta para La Voz de Galicia o cónsul Rubén Buira. Hai unha actividade conexa coa promoción do comercio exterior e actúa en temas vencellados cos investimentos das empresas mixtas que invisten na pesca e que faenan en augas arxentinas, así coma para as empresas téxtiles ou as conserveiras, que deben supera-los trámites sanitarios antes das exportacións. (Fonte: La Voz de Galicia). Portugal Valente de Oliveira: “Galicia pode te-la seguridade de que a unión por AVE é prioritaria para Portugal” Esta semana, tras unha reunión cos dirixentes do Eixo Atlántico, o ministro luso de Obras Públicas, Luís Valente Oliveira, insinuaba que a conexión por AVE con Galicia sería unha realidade no 2007. Estes prazos estarán claros en setembro, cando Oliveira presente a súa estratexia no Parlamento portugués; ata entón Galicia terá que conformarse co compromiso verbal do ministro, que reitera que “Galicia pode estar segura de que a unión por tren de alta velocidade é prioritaria para Portugal”. Ademais do tren, “son claves as estradas e o artellamento dos portos”,declara Oliveira, xa que estas infraestructuras “son o contexto para que a economía, a xente e as empresas sexan quen de competir con máis forza”. (Fonte: La Voz de Galicia). Os portugueses son os turistas máis fieis da comarca do Val Miñor Os turistas portugueses son os visitantes máis fieis que teñen Nigrán e Baiona. Así o puso de manifesto o profesor Xosé Luís Outes Ruso, nunha conferencia organizada polo Foro Baiona. Outes desvelou que o 88% dos portugueses que chegan de vacacións sempre volven. (Fonte: La Voz de Galicia). Economía A Feira Internacional Semana Verde de Galicia pecha as súas “vodas de prata” cun récord de máis de 125.000 visitantes A Semana Verde pechou esta tarde a súa XXV edición batendo récords de asistencia de visitantes e transaccións económicas realizadas nas súas instalacións. Tras cinco días aberta ó público, a feira recibiu a visita de máis de 125.000 persoas e xerou un volume de negocio de máis de 102 millóns de euros, sen precedentes en edicións anteriores. A Feira Internacional do sector agrogandeiro, forestal e alimentario, clausurouse coa presencia do director xeral da Dirección Xeral IV da UE, e do secretario xeral do Ministerio de Agricultura de Portugal. (Fonte: Santiago, AGN).
Beiras anuncia que os tres grupos parlamentarios se reunirán para tratar sobre “como ten que estar Galicia presente na UE” O voceiro do BNG, Xosé Manuel Beiras, e o coordenador da Executiva, Anxo Quintana, anunciaron hoxe que o PP e o PsdeG se amosaron dispostos a “debater” sobre “como ten que estar Galicia presente na UE”. A data para esta reunión “aínda non está fixada”, dixo Beiras, pero nela trátanse as oito medidas propostas polo BNG nese senso. Tanto Quintana coma Beiras aseguraron que a razón de que o BNG non aprobase a proposición non de lei do PsdeG para a presencia de Galicia na UE foi porque “era meramente declarativa” e “unha evidencia na que todos estamos de acordo”; a cuestión “é de que maneira artellar esa participación, non se se quere estar”, aclarou Beiras. (Fonte: Santiago, AGN). Bruxelas escoitou onte ós representantes do sector pesqueiro galego A comparecencia dos representantes do sector pesqueiro galego perante a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo supuxo a constatación de que reclaman unha reforma da PCP equilibrada, segundo asegurou onte a deputada socialista Carmen Gallego. Nesta comparecencia participaron en calidade de expertos os representantes de numerosos organismos internacionais, coma Fao, Itf ou Iucn, e acudiron en representación do sector pesqueiro galego Juán Martín, por Onape, e José Ramón Fuertes, por Feope, así coma un representante de Opagac. (Fonte: Atlántico Diario). Fraga critica á Comisión Europea e avoga por unha reforma “paso a paso” O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, criticou onte a reforma da PCP, e avogou porque as iniciativas que se leven a cabo se fagan en “pequenos pasos” e evitando medidas drásticas. Fraga amosou a súa desconformidade coa iniciativa do Executivo comunitario porque, ó seu xuízo, non ten en conta a realidade sobre o terreo e establece unha reforma brusca, ó implicar unha forte reducción do número de barcos e pescadores. (Fonte: Atlántico Diario). Acción Exterior Fraga deixa a presidencia do Arco Atlántico fixando en Latinoamérica o campo ideal de investimentos e negocios Fraga pasou o relevo á fronte da Comisión Arco Atlántico, ó presidente de Aquitania, Alain Rosset, tras telo exercido durante os últimos catro anos. Fraga foi nomeado membro de honra do equipo directivo da Comisión. Na reunión, o presidente da Xunta avogou por proxecta-lo espírito europeo ós eidos xeográficos que herdaron a cultura do vello continente e, máis concretamente, a Latinoamérica. “As oportunidades de negocio e investimento que atesoura son fundamentais para que as nosas redes de Pemes poidan medrar”, dixo. (Fonte: Atlántico Diario). Cooperación Exterior A Consellería de Pesca financiará un plan de acción de acuicultura en augas namibias A consellería de Pesca financiará un proxecto de acuicultura en Namibia, dentro do Convenio de Cooperación da Aeci (Axencia Española de Cooperación Internacional) con este país. A ministra namibia de planificación, Saara Kuugongelwa, afirma que Galicia é un dos socios máis importantes gracias á cooperación pesqueira.Deste xeito, Galicia terá un papel principal dentro da cooperación ó desenvolvemento hispano-namibia para o trienio 2003-2005, como recoñeceu o director xeral de Cooperación con África, Asia e Europa Oriental da Aeci, Antonio Pérez. (Fonte: Atlántico Diario).
Galicia supera xa a recomendación da Unión Europea sobre enerxías renovables Galicia produce actualmente o 30% da enerxía eólica de España e supera xa as recomendacións que fai a UE no que toca ó consumo de enerxías renovables.Así o asegurou onte o director xeral de Enerxía, Ramón Ordás, que explicou que as directrices da UE marcan coma “recomendable” que no 2010 o 17,%% da enerxía producida sexa renovable. Segundo Ordás, en Galicia o 18% do consumo eléctrico procede xa das enerxías renovables. (Fonte: El Correo Gallego). Santiago acolle a Comisión Mixta Hispano-Namibia, que se celebra por primeira vez fóra de Madrid Santiago acollerá hoxe a reunión da terceira Comisión Mixta de Cooperación Hispano-Namibia. Será a primeira vez que a Axencia Española de Cooperación Internacional (Aeci), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores, celebre unha reunión deste tipo fóra de Madrid. A capital galega foi escollida pola Aeci pola espacial relación de Galicia coa pesca, un dos motores da economía namibia; de feito, a comunidade galega terá un papel principal no programa de cooperación ó desenvolvemento hispano-namibio para o vindeiro trienio 2003-2005, no que a Xunta financiará programas de formación en acuicultura. (Fonte: El Correo Gallego).
Fraga presidirá en Burdeos a Asemblea da Comisión Arco Atlántico, na que se elixirá un novo presidente O titular da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, participará o vindeiro venres nunha reunión da Asemblea Xeral da Comisión Arco Atlántico na cidade francesa de Burdeos, na que se producirá o relevo na presidencia deste organismo. Fraga, que presidiu durante os últimos catro anos esta organización de trinta rexións atlánticas de Europa, fará un balance do traballo desenvolvido durante ese período e, a última hora do xoves, manterá un encontro con membros do Consello Rexional de Aquitania, rexión que asume agora a presidencia do Arco. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade A recepción do Corpo Consular acreditado en Vigo contou cunha nutrida presencia de autoridades O acto, celebrado onte en Vigo, contou coa asistencia do presidente da Xunta e dos representantes diplomáticos de Arxentina, Alemania, Brasil, Chile, Francia, Islandia, Venezuela, Portugal, Finlandia, Uruguai, Ecuador, Reino Unido e Noruega, ademais dunha nutrida representación social. O decano do Corpo Consular en Vigo e cónsul de Arxentina, Rubén Buira, aproveitou a ocasión para amosa-lo seu agradecemento “á Xunta e ó Concello de Vigo” polos seus esforzos en prol do mantemento do Consulado na cidade, asunto que tamén foi subliñado por Manuel Fraga na súa intervención. (Fonte: Faro de Vigo). Economía - Portugal Empresarios de Galicia e Portugal debaten hoxe sobre economía en Baiona A conferencia-coloquio, que ten por lema “aposta económica e comercial”, enmárcase dentro dos actos que o Concello de Baiona e o Consulado Xeral de Portugal en Vigo organizan durante a “II Semana de Intercambios Socioeconómicos e Culturais con Portugal en Baiona”. Na mesa participarán Antonio Fontela, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, e Alberto Mesquita, vicepresidente da Asociación Empresarial de Portugal, e estará moderada por Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). (Fonte: Faro de Vigo). Política - Portugal Os socialistas demandan no Parlamento galego unha ponte entre A Guarda e Caminha O grupo socialista defenderá hoxe perante a Comisión de Infraestructuras do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que solicitan a construcción dunha ponte entre A Guarda e Caminha, “que paliaría un notable déficit de comunicación con Portugal para a comarca do Baixo Miño”, segundo sinalan. Os deputados solicitan que o Executivo autonómico se dirixa ó Goberno central para que poña en marcha o proceso de construcción desta infraestructura xunto coa Administración portuguesa. (Fonte: Faro de Vigo). O PSOE insta ó Goberno central a prolonga-lo Talgo Madrid-Vigo ata a cidade de Porto O deputado socialista no Congreso dos Deputados Guillermo Hernández Cerviño instará hoxe ó Goberno, mediante unha proposición non de lei, a que prolongue ata Porto a liña do Talgo nocturno que actualmente une Pontevedra e Vigo con Madrid. Este alargamento da liña do Tren Hotel nocturno Vigo-Madrid “pode significar”, a xuízo de Hernández, “un ensaio do Eixo Altántico ferroviario con Portugal”. (Fonte: Faro de Vigo).
A industria auxiliar do automóbil galega escala postos en Europa gracias ás investigacións en I+D A industria auxiliar do automóbil ten en Galicia, sobre todo na comarca de Vigo, un referente moi importante. A empresa viguesa Dalphitanel ten o seu centro de investigación e desenvolvemento máis importante no mesmo Vigo, pero ademais deste hai outros en Valladolid, Madrid, Portugal, Francia e Inglaterra. Dalphitanel é proveedora de Audi, Seat, Renault, Nissan, Skoda, Peugeot-Citroën, Ford, Volvo e Fiat, e é a primeira fabricante de volantes do mundo. (Fonte: Faro de Vigo). Cultura - Portugal Un libro sobre o Camiño Portugués da costa sobrancea a súa histórica contribución no estreitamento de vencellos entre galegos e lusos Hoxe foi presentado en Vigo o libro “O Camiño Portugués da Costa”, publicación escrita en castelán e portugués como un exemplo máis da fraternidade que favoreceron os Camiños Portugueses, estreitando vencellos entre os pobos galego e luso. A obra, que patrocinou Caixanova, é froito do labor levado a cabo dende a Asociación de Amigos dos Pazos, co obxectivo de defender e pula-los distintos Camiños de Santiago. (Fonte: Vigo, AGN). Sociedade O Comité Galego Pro-Nobel para Baltasar Garzón “preme o acelerador” para reunir novas adhesións antes do 15 de xullo As cinco asociacións que constitúen o Comité Galego Pro-Nobel para Garzón fan fincapé na loita contra as redes internacionais de narcotráfico, especialmente nas que teñen ramificacións en Galicia. O 15 de xullo terá lugar en Oslo unha nova selección de candidatos, polo que o Comité volve solicita-lo apoio da cidadanía galega á candidatura. Fundación Premios da Crítica Galega, Concello de Vigo, Confederación de Empresarios de Pontevedra -entre as institucións-, e Bieito Ledo, Víctor Freixanes ou Carlos Núñez -entre os particulares-, deron xa o seu respaldo á proposta do Comité. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea Expertos de quince países da UE piden en Santiago unha loita global contra a piratería Expertos dos 15 países da UE, directivos, e profesionais do sector audiovisual, analizan en Santiago o futuro da propiedade intelectual ante os novos medios da era dixital. A conferencia internacional está organizada pola Dirección Xeral do Mercado Interior da UE, co fin de aborda-las normas internacionais, europeas e nacionais, e a súa adaptación ós dereitos de autor. Os creadores esixen que os respectivos gobernos comunitarios combatan o fenómeno da piratería “con carácter global e prioritario. (Fonte: La Voz de Galicia). Galicia acolle esta semana o I Simposio Europeo sobre Problemas Clínicos Relacionados con Trastornos Adictivos Santiago de Compostela acolle esta fin de semana a primeira edición deste simposio médico, organizado pola Sociedade Española de Toxicomanías (Set), e enmarcado dentro dos actos da presidencia española da Unión Europea. Á fin do encontro elaborarase un documento coas conclusións, o Manifesto Galicia, que circulará polos diversos países europeos para a súa reflexión e puntualización, ademais de trazarse a necesidade dun Colexio europeo sobre os problemas relacionados cos Transtornos Adictivos. (Fonte: Santiago, AGN).
O sector pesqueiro galego vólcase contra Fischler no chat organizado pola Comisión Europea O chat que o comisario de Pesca, Franz Fischler, organizou hoxe para falar cos internautas, converteuse nun foro protagonizado polos galegos, cando menos na canle española. Fischler volveu insistir en que as medidas propostas para a nova PCP foran consensuadas co sector, e asegurou que Galicia seguirá recibindo fondos do Ifop, do Feder e do Fse coma rexión Obxectivo 1. (Fonte. Santiago, AGN). Unión Europea O presidente da Xunta inaugurou este mediodía o Seminario sobre Harmonización Europea do dereito do Dano Fraga sinalou esta mañá a relevancia que ten acadar uns “principios comúns” que indiquen o camiño cara un “Dereito de Danos de cuño europeo”. O presidente da Xunta fixo estas declaracións durante a inauguración do Seminario sobre Harmonización Europea do Dereito de Danos, que tivo lugar este mediodía no Centro de Estudios Avanzados da USC. (Fonte. Santiago, AGN). Emigración Case 150 galegos residentes en Cuba serán beneficiarios de axudas asistenciais individuais A Consellería de emigración entregará a 141 galegos residentes en Cuba as axudas para casos de asistencia individual previstas para 2002. A administración galega espera contribuír a palia-las situacións de penuria económica, invalidez ou sucesos graves na comunidade galega no exterior. Os países obxecto do programa son Arxentina, Cuba, Brasil, Uruguai e Venezuela. (Fonte. Santiago, AGN). Acción Exterior Manuel Fraga felicita a Jacques Chirac e ó seu primeiro ministro polo triunfo nas eleccións lexislativas O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, felicitou ó presidente da República francesa, Jacques Chirac, e ó seu primeiro ministro, J.P Raffarin a través dun telegrama onde se congratula polo éxito da Unión pola Maioría Presidencial (UMP) nas eleccións lexislativas celebradas onte. (Fonte. Santiago, AGN).
O presidente dominicano pecha mañá a súa xira por Europa entrevistándose con Fraga O presidente da República Dominicana, Hipólito Mejía, pecha o luns unha xira por Europa cunha entrevista de traballo co presidente da Xunta, Manuel Fraga. A reunión terá lugar en Santiago, onde Mejía tamén se reunirá con representantes do grupo naval Izar. (Fonte: El Correo Gallego). O galego David Balsa entrará en Jenín para recoller datos testemuñais despois de reunirse con Yasir Arafat A delegación da ONG española Consejo Europeo de Acción Humanitaria e Cooperación (Ceahc), reuniuse onte en Jericó co negociador palestino Saeb Erakat. A visita ó campamento de refuxiados de Jenín e mailo encontro con Arafat non puideron ter lugar onte debido á nova intervención militar israelí. Segundo Balsa, a delegación formulará varias preguntas a Arafat para tentar dilucidar os balances contradictorios de palestinos e israelís en torno á matanza de Jenín. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Jesús Gamallo reitera o apoio da comunidade galega ó alargamento da UE e á integración de Polonia O secretario xeral de relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, Jesús Gamallo, destacou hoxe a relación existente entre Galicia e Polonia, materializada en convenios de colaboración coma o existente coa rexión de Opole-Silesia. Gamallo clausurou onte o congreso “España e Polonia ante a Ampliación da UE”, desenvolvido en Santiago. Gamallo lembrou que Galicia é unha das comunidades autónomas máis activas nas cuestións internacionais e, fundamentalmente, europeas, e destacou a presencia galega nos diversos organismos interrexionais. (Fonte: El Correo Gallego). Política - Unión Europea O Bloque ve positivo o consenso político na súa demanda de maior presencia en Europa A Comisión Executiva do BNG, nunha reunión celebrada onte, fixo unha análise positiva da “primeira disposición ó diálogo”, manifestada polos grupos políticos do Parlamento a requirimento do Bloque. O coordenador da Executiva, Anxo Quintana, lembrou que o BNG propón oito medidas para acada-la presencia directa de Galicia nos órganos da UE que, dixo, “pódense aplicar hoxe mesmo, sen necesidade de varia-la Constitución, o Estatuto de Autonomía nin reforma-lo Senado”. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Un total de 1.431 expositores de 31 países participarán na Feira Internacional Semana Verde de Galicia que comeza esta semana A Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que comezará este mércores en Silleda e se prolongará ata o domingo, contará nesta edición con 1.413 firmas expositoras procedentes de 31 países. Á nova edición acoden un 4% máis de expositores que o ano pasado, e terá unha área de exposición de 38.900 metros cadrados. (Fonte: Santiago, AGN).
A taxa de natalidade do Norte de Portugal “salva” a caída poboacional na Eurrexión A crecente integración económica de Galicia e a Rexión Norte de Portugal coma Eurorrexión contrasta coas diverxencias que ambos territorios manteñen respecto á súa evolución demográfica. Así se desprende do estudio presentado polo profesor da Universidade de León José Antonio Aldrey no VIII Congreso da Poboación Española, organizado en Santiago polo departamento de Xeografía da USC. Segundo o informe a taxa de natalidade da Rexión Norte dobra á galega e sitúase entre as máis altas de Europa, sendo a galega unha das máis baixas. A emigración e os cambios sociais explican a diverxencia demográfica. (Fonte: El Correo Gallego). Política - Unión Europea O Concello de Vigo rexeita por unanimidade a reforma da Política Común de Pesca O pleno do Concello de Vigo aprobou onte o pronunciamento do Consello Económico e Social en contra da reforma da Política Común de Pesca proposta pola Comisión Europea. Os corporativos vigueses reclamaron a realización de novos informes científicos e pedironlles ós cidadáns que resposten de xeito activo. (Fonte: El Correo Gallego). Galicia presentará un informe unánime contra a reforma pesqueira en setembro O Grupo de Traballo do Parlamento galego encargado de fixar unha posición unánime de Galicia en relación á proposta de reforma da PCP, ten previsto presenta-lo seu informe en setembro, polo que terá que estar operativo entre os meses de xullo e agosto. O presidente da Xunta asegurou onte que “Galicia loitará ata o final” en defensa da pesca. O grupo de Traballo está formado polos voceiros de Pesca dos Grupos Popular, Sergio López; do BNG, Bieito Lobeira; e dos Socialistas, Carmen Gallego. (Fonte: El Correo Gallego). Acción Exterior Fraga presidirá en Burdeos a Asemblea Xeral da Comisión Arco Atlántico O titular da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, participará o vindeiro venres 21 nunha reunión da Asemblea Xeral da Comisión Arco Atlántico na cidade francesa de Burdeos. Nesta reunión Fraga fará balance do traballo desenvolvido por Galicia no período dos catro últimos anos, durante os que presidiu esta organización. A última hora do xoves o presidente da Xunta manterá un encontro con membros do Consello Rexional de Aquitania. (Fonte: Santiago, AGN). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| 01-14xuño/2002 | maio/2002 | abril/2002 | marzo/2002 | febreiro/2002 | xaneiro/2002 | 4ºtrimestre/2001 | 3ºtrimestre/2001 |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/07/2002
|